Amosando publicacións coa etiqueta Eleccións Locais 2015. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eleccións Locais 2015. Amosar todas as publicacións

mércores, marzo 18, 2015

Debate en TV Ferrolterra, do pasado 12 de marzo, sobre a situación económica do Concello de Ferrol, con Alejandro Langtry (PP), Juan Fernández García (IF) e Iván Rivas Rico (BNG)


Moi bon papel o desenvolto por Ivan Rivas no debate sobre a situación económica do Concello de Ferrol na TV local

Dous vídeos de moito interese, que reproducen a emisión do programa 'Debate', presentado por Fernando Rodríguez, na Televisión Ferrol, onde o concelleiro do Partido Popular, no goberno municipal, Alejandro Langtry, responsábel da Área de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos, debate co concelleiro do BNG, Iván Rivas Rico e o concelleiro de IF Juan Fernández García, socio do Partido Popular no Concello de Ferrol.


https://youtu.be/oUKP4W1oJg0


https://youtu.be/MYidU8qxNJE

Fonte: Canle de Televisión Ferrol.
______________________

luns, marzo 16, 2015

Mareas Cidadás e Iniciativas Municipalistas reuníronse en Pontevedra para acadar formulas de colaboración - A Marea Ártabra participou no Encontro - A declaración de Pontevedra: A Cooperación dos Espazos de Unidade


Marea Pontevedra foi a anfitrioa este domingo dunha xuntanza de Mareas Cidadás e Iniciativas Municipalistas de distintas cidades e vilas de Galicia. | A Marea Ártabra participou no Encontro. | A declaración de Pontevedra: A Cooperación dos Espazos de Unidade.


Tal como sinalou o candidato da Marea Pontevedra, Luís Rei, “desde Pontevedra, queriamos poñer os consensos da Marea Pontevedra ao servizo do resto das Mareas e facilitar espazos de cooperación efectivos
Para Marea Pontevedra tratase “de candidaturas municipalistas, de unidade cidadá, e soberanas nas nosas decisións; pero non candidaturas localistas senón que temos visión nacional.

De candidaturas de cambio local, pero entendemos tamén que existe un cambio global que non debemos perder de vista.

De candidaturas democráticas e contrarias a manter estruturas como as deputacións, pero somos conscientes da importancia que estas teñen na vida diario dos nosos concellos
”.

Nesa dirección o encontro serviu para aprobar unha declaración que co titulo “a cooperación dos espazos de unidade” vai ser enviada ás case cuarenta iniciativas cidadás para a súa adhesión.

Entre as mesmas estará Marea Atlántica e as outras Mareas das sete cidades galegas (Compostela Aberta, Lugo Novo, Marea de Vigo, Marea Ártabra, Ourense en Común, e a propia Marea Pontevedra), ademais de outras de vilas como Ames Novo, Ribadeo en Común, Boiro Novo, Ribeiro en Común, Betanzos Novo, Marea Marín, entre outras.

A DECLARACIÓN DE PONTEVEDRA
A COOPERACIÓN DOS ESPAZOS DE UNIDADE


Reunidas en Pontevedra Mareas Cidadás e Iniciativas Democráticas que concorreremos ás próximas eleccións municipais DECLARAMOS:
As eleccións europeas de 2014 deixaron aberta no sistema político bipartidista unha fenda que reforza o discurso social de que o cambio é posible e, asemade, estimula a acumulación de forzas nun ambicioso e esperanzador proceso de unidade popular.

Nesta conxuntura, as vindeiras eleccións municipais constitúen unha oportunidade única para avanzar cara á creba democrática, na estela do ciclo aberto polo movemento democratizador do 15M hai catro anos. Este avance reclama proxectos de auto-organización popular e unidade de acción coma os que están artellando mancomunadamente as forzas políticas e sociais incardinadas nun espazo de ruptura co réxime.

Promovidos por distintos axentes sociais e políticos activos, constituídos en cidadanía auto-organizada, os procesos de conformación de candidaturas populares están xa espallados por un gran número de concellos de todo o país, conformando un abano amplo e diverso.

Somos candidaturas municipalistas, de unidade cidadá, e soberanas nas nosas decisións; pero non somos candidaturas localistas senón que temos visión nacional.

Somos candidaturas de cambio local, pero entendemos tamén que existe un cambio global que non debemos perder de vista.

Somos candidaturas democráticas e contrarias a manter estruturas como as deputacións, pero somos conscientes da importancia que estas teñen na vida diario dos nosos concellos.

A confluencia desde a base, xerada para dar respostas ás dinámicas propias de cada localidade, pídenos agora un segundo paso cara á conformación dunha rede que outorgue a máxima visibilidade á aposta por ese proceso de ruptura no conxunto do país, para posteriormente cooperar desde as institucións e nos gobernos municipais para mudar a realidade.
Facemos un CHAMAMENTO a todas as candidaturas municipais do espazo de ruptura a sumarse a esta declaración como actores principais e decisivos e buscar formulas de colaboración cara as leccións municipais de maio.

Pontevedra, a 15 de Marzo, de 2015

A Declaración en formato pdf | Acceder/Baixar.

Fonte web da Marea de Pontevedra.

A noticia en diferentes medios:

Galicia Confidencial | 15.03.2015 | As "Mareas Cidadás" inician o proceso de unión para as municipais. | As distintas candidaturas de unidade popular non desartan alianzas para trasladar o cambio ás deputacións. Destacan que son as continuadoras das protestas do 15M e apuntan que "o cambio é posible". | Ir á Web.

Praza Pública | 15.03.2015 | Mareas municipais apostan por formaren unha "rede" con "visión nacional". | Ir á Web.

Europa Press | 15.03.2015 |     
Mareas cidadás reivindican a "soberanía" das súas decisións. | Marea Pontevedra insta a todas as candidaturas municipais do "espazo de ruptura" a sumarse á declaración aprobada este domingo. | Ir á Web.
_____________

xoves, marzo 12, 2015

É o crecemento a única saída? Políticas municipais decrecentistas, ... Por Luís González Reyes

Polo seu interese, desde Ártabra 21 recomendamos a lectura e estudo, deste moi interesante artigo do activista ecoloxista, Luís González Reyes que nos recomendan desde o Portal do Decrecemento e que foi publicado no xornal de economía "O salmón Contracorrente" (El Salmón Contracorriente). Bon proveito, saúde e liberdade.

Por Luís González Reyes [*]
12.03.2015


É o crecemento a única saída? | Políticas municipais decrecentistas.

O decrecemento poderíase resumir como o movemento tendente a axustar a actividade das sociedades aos recursos dispoñíbeis nun determinado territorio de maneira que as necesidades humanas estean cubertas de forma universal e sostíbel no tempo.

No contexto de aquí e hoxe, o decrecemento significa, polo menos, dúas cousas: redución do consumo de materia e enerxía, e redistribución da riqueza. O primeiro dos factores xa está ocorrendo parcialmente (é especialmente patente o descenso do consumo de petróleo). E o consumo reducirase aínda máis como consecuencia do colapso do capitalismo global que está sucedendo e que será especialmente duro no noso contexto [1]. Con todo, esta redución non pode cualificarse de decrecemento xusto. Por unha banda non se está realizando cunha reordenación do modelo de produción e consumo. Menos aínda se está cambiando o sistema económico, polo que a degradación ambiental está aumentando en lugar de diminuír. Actúase coma se estivésemos aínda nun "mundo baleiro", cando a nosa contorna está "saturada". Este descenso do consumo dista moito de ir por bo camiño por un segundo factor: en lugar de avanzar cara a sociedades máis igualitarias, está agravando as brechas de desigualdade.

Axustar o metabolismo humano aos condicionantes biofísicos da contorna pasa por reducir o consumo de materia e enerxía, o que require medidas que, ademais de diminuír a extracción de recursos bióticos e abióticos, maximice a reutilización e o reciclaxe, centre a economía no local, e obteña a enerxía de fontes solares. Tamén implica ensanchar o espazo de fontes dispoñíbeis a longo prazo mediante unha economía baseada en biocompostos, máis que na minería. Ademais, require superar o "mundo saturado", recuperando unha biosfera que volva permitir ter marxe de erro ás sociedades deixando territorios non humanizados, que desfaga o camiño andado no Antropoceno cara a unha era na que o conxunto do planeta non estea fortemente condicionado polo ser humano.

Os cambios de gran calado que van ser necesarios para avanzar cara a un decrecemento xusto só poderán ser impulsados pola autoorganización social. Con todo, iso non quere dicir que as institucións actuais non poidan axudar a catalizar eses cambios. Moitas das competencias políticas para favorecer este decrecemento xusto residen en ámbitos supraestatais (UE, OMC, TLC); outras, en niveis estatais; pero desde as comunidades autónomas e desde os municipios pódense facer tamén moitas cousas. Sen ánimo de esgotalas todas, nin de anular outras, presentamos algunhas propostas.

Desde o ámbito local pódese favorecer a pechadura de ciclos
1. Políticas de redución dos residuos. Entre outras estarían as de diminución do envasado mediante medidas de apoio da venda a granel ou sistemas de devolución e retorno de envases.

2. Impulsar formas de compartir recursos en lugar de usalos de forma privada. Isto é aplicable ao transporte, as lavadoras, e moitos outros obxectos, non só aos libros dunha biblioteca.

3. Introdución da recolleita selectiva de materia orgánica mediante medidas como o porta a porta ou o quinto contedor, que están tendo resultados moi bos en pequenos municipios (por exemplo do País Vasco) e grandes (como é o caso de Milán). Notas de Ártabra 21.- Na Comarca do Alto Eume, temos o caso do Concello de San Sadurniño gobernado polo BNG, con Secundino Garcia Casal de Alcalde e a colaboración de ADEGA [Ferrol 360 | Web Concello ]. Donosti (Guipuzkoa) proba o quinto contedor. A recolleita e tratamento do lixo e residuos pode ser unha oportunidade para a creación de emprego.
A contorna próxima é o lugar idóneo para promover un modelo alimentario sostíbel
4. Impulsar dietas pouco carnívoras, e baseadas en alimentos de tempada, de proximidade e de cultivo agroecolóxico. Os municipios, ademais de mediante ordenanzas e a política fiscal, poden impulsar isto nos espazos de restauración colectiva que controlan (escolas infantís, centros de persoas maiores, hospitais). Tamén favorecendo a creación de grupos de consumo mediante a cesión de espazos e recursos persoais e materiais para iso.
O municipio e a comunidade autónoma pode procurar unha ordenación do territorio con perspectiva ecosistémica
5. Planificación e execución dun urbanismo de proximidade, é dicir, achegar os servizos que as persoas necesitan para lograr que a maioría dos desprazamentos se poidan facer andando. Experiencias deste tipo xa existen, por exemplo en Friburgo.

6. Rehabilitación do parque residencial co fin de conseguir unha drástica redución do consumo enerxético.

7. Fomento do aluguer fronte á construción de nova vivenda, incluíndo o impulso a cooperativas de dereito de uso. Isto supón cambiar a lóxica de propiedade privada, inherente ao capitalismo.

8. Diminución de espazo nas cidades para os coches en beneficio do transporte público, a bicicleta e o peón. Especialmente urxente é a moratoria na construción de máis infraestruturas de transporte (autovías, superportos, aeroportos, alta velocidade) nas que hai competencias a nivel autonómico.

9. Posta en marcha de políticas de reconexión entre os mundos rural e urbano encamiñadas a unha "rerruralización" social. Un bo compendio desas políticas é a elaborada no recente Congreso Internacional de Economía Solidaria. Entre moitas outras, desempeña un papel determinante a recalificación de terreos urbanos en rústicos.

10. Leis de protección do territorio encamiñadas a frear o extractivismo e a degradación ambiental, así como a liberación de transxénicos e compostos tóxicos. Neste ámbito ser podería seguir o ronsel das zonas libres de transxénicos ou de fracking.
Na contorna próxima e de pequena escala é posible potenciar as industrias verdes
11. Fomento do desenvolvemento de polos industriais baseados na enxeñería e química verde. Este modelo produce bens biodegradábeis cun baixo consumo enerxético, sen usar compostos tóxicos no proceso e nos que os residuos duns procesos convértense en materias primas doutros.

12. Medidas de aumento da eficiencia en todos os campos, tendo en conta que son necesarias, pero non suficientes. Isto implicará o investimento público para este fin.

13. Priorizar nos concursos e compras públicas as empresas respectuosas co medio ambiente e a xustiza social.
O municipio é un lugar privilexiado para fomentar o uso da enerxía xusta, de orixe solar e xestionada democraticamente
14. As administracións poden sumarse ás iniciativas que desenvolven as enerxías renovables a pequena escala e de forma cooperativa.

15. Impulsar e sufragar estudos de adecuación enerxética.

16. Profundización das ordenanzas municipais de impulso da instalación de enerxías renovábeis en vivendas e espazos públicos.

17. Propiciar a bioconstrución, no caso de que se requirise construír novos edificios.

18. Poñer en marcha unha Lei de Cambio Climático encamiñada á estabilización da concentración de CO2 a nivel planetario en 350 ppm mediante medidas de redución drástica das emisións de gases de efecto invernadoiro.
Os circuítos curtos, propios do municipio e a comunidade autónoma, son favorábeis á economía local, ecolóxica e solidaria
19. Impulso á creación de moedas locais que centren a economía no territorio próximo. Estas moedas xa existen en moitas cidades e, ademais, hai experiencias de impulsos municipais, como é o caso do SOL Violette, lanzado en Toulouse pola cidadanía coa axuda do concello.

20. Incentivar a economía solidaria e ecolóxica reorientando profundamente as políticas de fomento do "emprendimento".

21. Reforma tributaria de maneira que se pague en función da renda, e do consumo de materia e enerxía.

22. Políticas de prezos (da auga por exemplo) que non só penalicen o malgasto, senón que incorporen criterios de xustiza, á vez que garanten o acceso básico ao recurso.

23. Realizar auditorías cidadás á débeda pública, e abolir as ilexítimas e odiosas, xa que a débeda é un dos principais motores do crecemento.

24. Diminuír incentivos ao consumo. Un exemplo sería a limitación e o control da publicidade. Como pouco, as administracións municipais e autonómicas poderían reducir o espazo público dedicado a ela.

25. Incentivar o consumo de produtos de proximidade mediante medidas como os selos propios.

26. Loitar contra a firma de calquera novo tratado de libre comercio.

27. Fomento da agricultura ecolóxica, o transporte público, as enerxías renovábeis, etc., como sectores que crean máis emprego que os seus actuais contrapartes sucias.

28. Medidas encamiñadas ao reparto do traballo produtivo (como incentivos fiscais ás empresas que poñan en marcha unha xornada laboral de 35 horas) e reprodutivo (por exemplo, mediante campañas de posta en valor das tarefas de coidados).
No ámbito autonómico residen moitas das competencias en materia de educación para a sustentabilidade, pois son elas as que concretan o currículo marcado polo Ministerio
29. Inclusión nos currículos oficiais de contidos críticos, que atendan ao medio ambiente, a igualdade de xénero, a interculturalidade e a democracia desde a base. Todo iso debe facerse de forma transversal e explícita no traballo de aula.

30. Subvención de iniciativas de creación de materiais curriculares (libros de texto, unidades didácticas, material complementario) elaborados desde unha perspectiva decrecentista.

31. Impulsar e destinar recursos económicos, lexislativos e persoais a apoiar metodoloxías de ensino-aprendizaxe inclusivo e democrático, como, por exemplo, as comunidades de aprendizaxe.
Moitas destas políticas é probábel que teñan o visto bo do groso da cidadanía, sobre todo si se explican ben e se sitúan no contexto de crise sistémica do que xorden. Con todo, outras contarán cun importante rexeitamento de parte da poboación. Para superar ese rexeitamento farán falta dúas cousas. A primeira serán movementos sociais fortes que as empuxen mediante a súa mobilización e a creación de estruturas sociais que permitan unha vida digna ás persoas en sintonía coas necesidades decrecentistas. A segunda é avanzar cara á democratización social, entendendo que o xeito máis eficiente de levar a cabo cambios profundos a nivel social é que as persoas sexan protagonistas destes cambios, non articulacións verticais.

[1] Esta afirmación sustentámola extensamente Fernández Durán, Ramón e González Reyes, Luís: "Na espiral da enerxía" (En la espiral de la energía). Libros en Acción e Virus, 2014 [+Info] - No buscador libre DuckDuckGo. Fonte: Portal do Decrecemento. |  O xornal de economía "O salmón contracorrente" (El Salmón Contracorriente).

[*] Luís González Reyes -Madrid, 1974, é profesor e membro de Ecoloxistas en Acción, onde participa na súa Secretaría Confederal desde a fundación (e foi durante nove anos cocoordinador da organización). Actualmente é parte de Garúa S. Coop. Mad., onde se dedica á formación e a investigación en temas relacionados co ecoloxismo e a pedagoxía. Tamén traballa en FUHEM, onde é o responsable do desenvolvemento transversal dos contidos ecosociais nos seus tres centros escolares. É autor ou coautor dunha decena de libros con contidos que abarcan distintas facetas do ecoloxismo social. Ademais é doutor en químicas. Ecoloxismo, pedagoxía, investigación e moita enerxía. O seu Twitter.
__________________________

mércores, marzo 11, 2015

Asemblea Cidadá de inscritos ao Círculo de Podemos Ferrol, hoxe mércores 11 de marzo, ás 7 da tarde no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño


A falta de Secretar@ Xeral e Consello Cidadá, un grupo de inscritos no Círculo Podemos Ferrol promove para hoxe mércores 11 de Marzo, unha Asemblea Cidadá en Ferrol, que está previsto que se celebre, no Centro Cultural Carvalho Calero ás 7 da tarde. O obxectivo é promover unha candidatura de unidade popular que concorra ás eleccións municipais previstas para Maio deste ano.

Asemblea Cidadá de inscritos ao Círculo de Podemos Ferrol

Día: Mércores 11 de Marzo de 2015.
Hora: 19:00hs.
Lugar: Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño.

Esta nova convocatoria, realizada o pasado venres en rolda de prensa, terá que afrontar o anuncio feito onte, polo Consello Cidadán de Podemos Galicia, a través dun comunicado que chegou a Ártabra 21 que manifesta que "tras as continuas solicitudes por parte de persoas inscritas en Podemos Ferrol, e dada a falta de órganos constituídos e polo tanto lexitimados para avanzar no proceso de implantación de Podemos na cidade, analizou na xuntanza do propio consello do martes 10 de marzo de 2015 en Vigo, a formación dun Equipo Técnico Municipal Transitorio ata a convocatoria do novo proceso de elección municipal que tal e como estableceu a Comisión de Garantías Estatal non será antes de xuño deste ano 2015". Tamén manifestan que en poucos días darán a coñecer mediante rolda de prensa ás persoas que conformaran ese equipo técnico que se fará cargo do circulo de Podemos en Ferrol.

De todos os xeitos as persoas integrantes de Podemos Ferrol que promoven a Asemblea Cidadá, formularán aos seus inscritos a proposta de traballar para conseguir convencer ao resto de forzas políticas, a confluencia nun programa transformador, para poder concorrer ás municipais nunha candidatura de unidade popular.

Segundo medios presentes na rolda de prensa, Carlos del Río, un dos catro candidatos que se presentaron a Secretario Xeral do partido no concello, fixo un chamamento a outras forzas que "actualmente están tamén barallando presentarse, a unirse a este proxecto, para que sexa unha candidatura única, forte, potente e ilusionante para o pobo de Ferrol".

Foto de Praza Pública, Asemblea de Podemos Ferrol en Xuño de 2014.
________________

sábado, marzo 07, 2015

A necesaria unidade popular: Ferrol entre o ideal e o necesario, ... Por Alexandre Carrodeguas

Por Alexandre Carrodeguas [*]
07.03.2015


As próximas eleccións municipais, como di Xosé Manuel Beiras, van a ser unhas eleccións decisivas, onde nos xogamos a descomposición recomposición do actual réxime político.

Por iso temos que facer en Ferrol todos os esforzos que estean na nosa man para acadar unha única lista de unidade que represente a ese pobo que xa non atura mais e tanto leva sufrido.

Seguro que esa candidatura non será unha candidatura ideal, seguro que estará lonxe do que moitos e moitas ansiamos. Seguro que moitos queremos que remate a corrupción, que en Ferrol se volvan a facer barcos de inmediato, que recuperemos a poboación perdida dunha vez, que a sanidade e o ensino de calidade sexan unha realidade e que vai sendo hora tamén que dunha ría limpa e saneada poidan vivir miles de mariscadores e mariscadoras. Estas serían metas en que os mais nos sentiríamos recoñecidos, ideais de moitos e moitas que seguro que ninguén negara neste tempo histórico que nos tocou padecer.

Pero entre o ideal e o posible ten que existir a imprescindible confluencia. Por iso aquí e agora non estamos en condicións de sabotar ou renunciar a unha única candidatura de unidade popular para Ferrol.

Seguro que todos e todas teremos que renunciar a algo para acadar o cambio que Ferrol tanto precisa. Pero para acadar eses mínimos non debemos poñer por diante nin patriotismos partidarios nin prexuízos ideolóxicos. Neste tempo do labirinto histórico que non acaba de morrer e tantas incertezas nos presenta cara o futuro próximo, ten que ser posible acadar a converxencia que nos una para poder construír entre todos a obra da que falaba Castelao.

Se en Pontevedra e noutras cidades teñen confluído e apoiado unha única candidatura popular, actores tan diversos como plataformas en defensa da ría, plataformas de afectados pola hipoteca, porqué en Ferrol non pode ser posible; sobre todo tendo en conta escenas coma as que se reflexan neste pasaxe de Patricia Hermida; "Na cidade coa taxa máis alta de paro, a fame tórnase visible como aqueles campanarios dos pobos mergullados por pantanos: sete homes piden esmola entre a praza de España e a praza de Armas, familias preparan os cartóns para durmir nos soportais do teatro Jofre, as colas medran ante a Cociña Económica como naquelas fotografías dos EUA na Gran Depresión".

Vimos dun proceso de confluencia que non ten acabado de callar. Pero agora temos que dar por amortizado o pasado e estar a altura das circunstancias e ser capaces entre todos de defender e esta nosa xente das que nos fala Patricia, e afrontar xa as urxencias que Ferrol tanto necesita.

Estes días andamos a recorrer os barrios de Ferrol explicando os veciños e veciñas a estafa que supón o cobro da nova taxa do saneamento. Contábame unha veciña que cobra unha pensión non contributiva, que ten que pagar pola nova taxa mais de cuarenta euros, e que non pode poñer a calefacción por non poder afrontar o pago do recibo da luz. Pensemos nela.

O que se sente é que a veciñanza xa non atura mais falsidades, mais corruptelas, mais precariedade, mais gobernos municipais que gobernan de costas a esa mesma veciñanza e que o único que quere é simplemente poder vivir decentemente. Ten que ser posible a necesaria unidade popular. Fagámola posible. Ferrol meréceo.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol. E un dos promotores da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com
5 de março de 2015 23:28
______________

venres, marzo 06, 2015

Interesante Asemblea Aberta en Cangas do Morrazo


Hoxe a última hora da tarde estaba convocada unha interesante Asemblea Aberta en Cangas do Morrazo. Media centena de persoas mozas de Cangas convocaron-na nun lugar tan emblemático como é a fábrica de Massó co motivo de achegar a todo o pobo cangués a nova de que se ía realizar unha asemblea aberta e de participación individual.

A Asemblea estivo a tope, os resultados positivos e máis cedo que tarde veremos os resultados da convocatoria unitaria, para a constitución dunha candidatura de unidade popular, co ánimo de continuidade como movemento político de unidade popular.


Na convocatoria manifestaban que eran "de esquerda e camiñamos cara a unidade. Temos como obxectivos claros o derrocamento do PP, provocar un cambio real nas políticas municipais e, por suposto, promover un funcionamento asembleario e participativo onde toda a veciñanza sen exclusións teña un acceso permanente na toma de decisións que lle afectan no seu día a día".

Continúan dicindo que "por este motivo convocamos a toda a veciñanza de tódalas parroquias a participar na Asemblea pola Unidade". A cita era este venres 6 de marzo de 2015, na Casa da Cultura de Cangas.

Propuñan unha orde do día aberta á modificación:
  1. Presentación das bases e motivos desta convocatoria.
  2. Posibilidade de concorrer nas elección municipais.
  3. Presentación das distintas opcións xurídicas para concorrer ós comicios municipais. Punto informativo que non se resolverá de forma definitiva ata a seguinte asemblea.
  4. Abordar un código ético de cumprimento obrigatorio e ineludible para os membros da Asemblea pola Unidade e das posibles persoas que a representen.
Máis Información:

Sitio web:
https://asembleapolaunidade.wordpress.com/

Conta nofacebook:
https://gl-es.facebook.com/people/Asemblea-Pola-Unidade/100009078927705

Conta no twitter:
https://twitter.com/Asemblea2015

#asembleapolaunidade

Evento:
https://www.facebook.com/events/1567192990216852
_____________

xoves, marzo 05, 2015

Podemos Narón prepara as Eleccións Municipais de Maio de 2015, cunha posíbel Candidatura Cidadá de Unidade Popular - Asemblea do Círculo o 7 de marzo na Solaina


Comunicado de prensa: Eleccións Municipais


Con motivo das eleccións municipais de maio, Podemos Narón convoca á Asemblea do Círculo para o día 7 de marzo de 2015, no local Social da Solaina, Sta. Icía, ás 17:00 h en primeira convocatoria e ás 17:15 h en segunda convocatoria.

Polo menos dúas candidaturas presentaranse este sábado á Asemblea e alí responderán ás dúbidas e preguntas que se lles susciten. Ademais, e a iniciativa do Consello Cidadán estase levando a cabo unha campaña de difusión e información polas parroquias para activar unha posible Candidatura Cidadá de Unidade Popular, para que ninguén quede á marxe, porque o 2015 é o ano do Cambio!

Para concorrer ás eleccións, calquera pode formar parte dunha agrupación de electores, unha candidatura cidadá, ou calquera outra fórmula, pero só unha estará avalada por Podemos. E esa será decisión da cidadanía. Esa candidatura levará impreso o ADN do partido baixo o seu código ético.

Será un acto aberto a toda a cidadanía, onde as naronesas e os naroneses decidirán si Podemos apoia a algunha candidatura cidadá para concorrer ás eleccións locais. Entre todas e todos debateremos sobre as propostas que se presenten e que poidan dar un xiro á vella política.

podemosnaron@gmail.com

http://www.facebook.com/podemosnaron

http://www.facebook.com/groups/podemos.naron/

https://twitter.com/PodemosNaron


Whatsapp e Telegram 687 464 463

Enviado por:
Podemos Narón
podemos.naron@gmail.com
5 de março de 2015 19:29

Ola!, de novo por aquí, achego unha nota de prensa para informar da Asemblea que se celebrará este sábado con motivo das eleccións municipais. Moitas grazas. Un saúdo, Isabel Allegue.Responsable Áreas Executivas de Prensa e Redes. (Whatsapp e Telegram 687464463).

____________________