Amosando publicacións coa etiqueta Esquerda Unida. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Esquerda Unida. Amosar todas as publicacións

xoves, xullo 24, 2014

O grupo municipal de Esquerda Unida considera totalmente improcedente a actitude do goberno do PP en todas as materia relacionadas coa área de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos e Seguridade

Esquerda Unida acusa ao goberno de Rey Varela de submisión completa aos intereses partidistas e de dar de lado aos problemas fundamentais de Ferrol | Esquerda Unida solicitou no transcurso da Comisión informativa de hoxe unha reunión urxente e extraordinaria da xunta de voceiros | Para o grupo municipal é preocupante o nivel do combinado que se amosa: desleixo, prepotencia, desinformación e incapacidade.

O grupo municipal de Esquerda Unida considera totalmente improcedente a actitude do goberno do PP en todas as materia relacionadas coa área de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos e Seguridade.

Hoxe día 23 de xullo celebrouse unha Comisión Informativa na que só figuraba como iniciativa do goberno municipal a dación de contas sobre outorgamento de licenzas. Seis puntos na orde do día e todos de trámite administrativo. Nada sobre os temas importantes que afectan á área, que están dunha forma ou outra na boca da cidadanía e no papel da prensa, pero que non lle importa o máis mínimo ao goberno da cidade. Enumeramos:

Primeiro: Nada sobre as supostas negociacións do concelleiro Pablo Cal coa Xunta a propósito dos recortes en materia de transporte público. Seica non pode salvar o transporte público en Ferrol Vello nin as conexións aos centros hospitalarios. Pero da igual: declara un despropósito e segue no cargo. Nada dos regalos á empresa concesionaria que vai sacar da “reestruturación negociada” novas liñas con beneficio económico pero que non van compensar as mal chamadas deficitarias. Nada, pois, de información dun asunto de especial importancia para o público. Nada da defensa dos intereses de Ferrol e do interese xeral.

Como a cousa vai en serio a pesar de que eles seica o toman en broma e o día catro de agosto conclúe o prazo de alegacións, sen que se dignaran a entregar a máis mínima información de nada nin a cargos institucionais e grupos nin a veciñanza e órganos de participación, o grupo de Esquerda Unida por boca do seu voceiro solicitou unha reunión urxente e extraordinaria da xunta de voceiros.

Segundo. Nada da orde da Consellería de Economía e Industria sobre ampliación orzamentaria da subvención convocada en marzo do 2014 sobre subvencións a concellos en materia de mellora de mercados municipais. Nada porque se nada ocorreu na primavera menos en período estival. Mentres, os mercados municipais están como están, ás espera que os salve o Valedor do Pobo.

Terceiro. Nada relativo ao seguimento do período expositivo do Plan Especial de Ferrol Vello que, se ben non entrou aínda en fase de alegacións, si está notificada a aprobación inicial a través do BOP con relación publicada de propietarios e particulares afectados. Os interesados están a acudir as dependencias de Urbanismo e estanse a producir atoamentos na atención aos interesados. Non tantos como nas listas de espera do SERGAS pero si suficientes como para que non se poda valorar positivamente desde o punto de vista da necesaria organización que se require por parte da administración para facilitar a participación veciñal. Nada, por suposto, da información por parte da empresa redactora, in situ é dicir, no barrio ,que foi prometida pero non cumprida. Agardemos.

E concluímos, porque por algún lado hai que concluír: Javier Galán, voceiro de Esquerda Unida, ten vinte e dúas preguntas acumuladas en Comisión Informativa que se transcriben acta a acta na medida en que se reitera nas cuestións formuladas en sesións anteriores porque aínda non foron respondidas. Hai de todo: remate do asfaltados de rúas e obras, estado da “cidade Xardín”, informe sobre reparación de vivendas en Recimil, informes e peticións de diversas asociacións de veciños, reparacións de beirarrúas, obras en colexios públicos.

Hai unha que ten especial interese, a pesar de tratarse dun asunto particular, polo escandaloso que é sempre unha vivenda sen saneamento. Desta última polo empeño teimudo na interpelación si houbo contestación: é unha petición comprensible “pero non temos cartos”. E os señores Carro, Cal e Reyes (o señor Evia non estaba presente) seguen nos seus cargos.

O dito: nada de nada. A todos eles pegóuselles a enfermidade política que xa é clamorosa no alcalde: submisión aos intereses do partido. Para cando un alcalde ou alcaldesa insubmisa?

Ferrol 23 de xullo de 2014

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html


Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
23 de julho de 2014 13:34
Bo día. Remitimos nota do grupo municipal pola que se denuncia a actitude de desleixo do alcalde e do  seu goberno, nomeadamente, en materias referidas a área de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos e Seguridade. Non é que as demais sexan mellores pero a prepotencia e incompetencia dos concelleiros delegados desta está a chegar a límites descoñecidos. Boa tarde de verán e un saúdo, Jorge Suárez Secretario de Comunicación.
__________________

luns, xuño 30, 2014

O Grupo Municipal de Esquerda Unida contra unha revisión do modelo especulativo no PXOM

Esquerda Unida fai un chamamento ao movemento asociativo, veciñal e á cidadanía activa en xeral para esixir que o PP poña as cartas enriba da mesa na revisión do PXOM |Todos os problemas e conflitos derivados dun modelo de crecemento urbanístico obsoleto teñen que ser debatidos pola veciñanza” afirma Javier Galán |Hai que desterrar a vella política do urbanismo, da xestión do público, dos servizos, non serven os modelos de construción especulativa do pasado”conclúe o portavoz do grupo ao mesmo tempo que anuncia xa alegacións ao plan especial de Ferrol Vello.

Ferrol, 30 de xuño de 2014. O grupo municipal de Esquerda Unida manifesta, novamente, a súa preocupación pola, máis que probable, dinámica de feitos consumados a propósito das decisión que se están a tomar con respecto da revisión do plan de urbanismo e que van conformar unha dinámica de feitos consumados de difícil. No fondo estamos perante un capítulo máis do mesmo: de costas ás posibilidades que outorga o regulamento de participación cidadá o PP está a propoñer unha revisión do plan de urbanismo agochando baixo fórmulas vacuas (es una oportunidad”, “hay que adaptar el planeamiento a la realidad”...) o que xa se ve que vai ser unha nova volta de torca  do   modelo que nos levou á actual situación de ruína (e ruínas), de reurbanización descontrolada do medio, de aposta pola cidade dispersa , en crecemento continuo, e o seu corolario inevitable: o despoboamento e declive comercial da cidade e barrios tradicionais; da falta de servizos  e solo dotacional nos novos asentamentos e nos barrios exteriores, da falta de trenzado e trama urbana entre barrios etc. Todo isto ten que ser debatido xa, na opinión de Javier Galán. Desde o primeiro momento no que o goberno municipal adoptou a decisión de iniciar o proceso que levará á revisión do plan deberían estar convocados os órganos de participación cidadá.

Hai debates que teñen que darse agora, non no momento das alegacións cando todo estea cociñado.  As vellas políticas e as vellas manobras deben ser desterradas para sempre da xestión e do planeamento urbanístico” conclúe o voceiro do grupo.

Por último o voceiro do grupo anuncia a presentación no momento da  súa publicación inicial de alegacións ao Plan Especial de Ferrol Vello: “Por suposto  a comezar por unha primeira  que tamén repetiremos para a taxa de saneamento: non houbo nin información suficiente nin se garantiu un proceso participado; non vai con nós ese procedemento”. A maiores o grupo anuncia determinadas alegacións que afectan aos valores relativos ao modelo BIC, normas de uso que permiten unha excesiva proliferación de usos terciarios, e que indican por onde van ir os tiros para a revisión do plan en canto aos barrios tradicionais etc, ordenación do espazo público e mobilidade, a viabilidade económica do plan ou a (im)política de vivenda.

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html


Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
30 de junho de 2014 14:11

Achegamos nota de prensa do grupo municipal de EU sobre a necesidade de que o goberno municipal implique a cidadanía na redacción do PXOM. Un saúdo. Secretaría do Grupo Municipal

__________

venres, abril 11, 2014

Esquerda Unida contra a intención da empresa Correos de retalladas e despedimentos na comarca

O grupo municipal de Esquerda Unida apoia as reivindicacións da Plataforma contra a destrución do Emprego en Correos | Esquerda Unida asumirá as demandas e a moción que a plataforma ten previsto rexistrar mañá no Concello.

O grupo municipal de Esquerda Unida apoia as reivindicacións da plataforma constituída recentemente e que agrupa ao 90% de traballadores e traballadoras de Correos na cidade. A plataforma entende que a dirección de Correos pretende un plan de “reestruturación”, o típico eufemismo que o PP emprega cando quere falar de retalladas , despedimentos e privatizacións.

Esquerda Unida considera un proceso totalmente rexeitable na medida na que non só non soluciona a precarización de plantilla que está a sufrir o servizo público Correos senón que abre as portas de par en par á privatización. A dirección da empresa  ten que asumir que Correos é unha empresa pública e que presta un servizo público e que hai aspectos absolutamente irrenunciables en canto ao seu carácter: notificacións de organismo oficiais, por exemplo. Poñemos o exemplo para ilustrar mesmo aquelo que afecta aos dereitos constitucionais e que mesmo aparece cuestionado noutros procesos de reforma legal como o proceso de privatización dos actos de comunicación da man da lei de Axuizamento Civil, aínda que para EU todo o servizo que se presta é igualmente defendible como público e exercido por empregados públicos con dereitos e con traballos dignos.

O grupo municipal de Esquerda Unida denuncia a actitude da empresa na comarca que , para xustificar o inxustificable, opta por reducir o nivel de contratación anual amparándose en supostos cambios demográficos; así, de 235 contratos de Correos correspondentes á bolsa de emprego que cobre baixas e substitucións pásase a 79 no ano 2013.Todo correspondente ao servizo de reparto e atención ao cliente.

O grupo municipal de Esquerda unida estará presente mañá ás 12:00 horas cando os representantes da plataforma presenten a moción no rexistro do Concello e se defenda no Concello-pleno as correspondentes reivindicacións.

Ferrol 10 de abril de 2014

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
10 de abril de 2014 13:57

Boas. Enviámosvos nota do grupo municipal pola que nos posicionamos contra a intención da empresa Correos de retalladas e despedimentos na comarca así como  damos o apoio e acompañamento á Plataforma contra a destrución de emprego en Correos en Ferrolterra e á presentación dunha moción que mañá ás 12:00 horas farán no rexistro municipal os seus representantes. Grazas e un saúdo. Secretaría de Comunicación. CPL-Ferrol.

_________________

martes, abril 08, 2014

Esquerda Unida rexeita de plano o anteproxecto de lei que deixará a Ferrol sen partido xudicial e polo tanto sen órganos xudiciais

O Consello Político Local apoiará todas as medidas de presión e forza que convoquen os traballadores e fai un chamamento á cidadanía a defender a xustiza de proximidade e os intereses da cidade e da comarca. | Esquerda Unida de Ferrol impulsará e apoiará no Concello , no Parlamento e no Congreso todas as iniciativas tendentes a reverter os contidos do anteproxecto de lei lesivos para os intereses da cidade e da cidadanía da comarca.

O Consello Político Local de Esquerda unida quere manifestar o seu apoio ás concentracións convocadas hoxe en protesta polo anteproxecto da Lei Orgánica do Poder Xudicial que desde hai meses vén pergueñando o goberno do PP para darlle a puntilla á xustiza como servizo público. Desde hai meses os traballadores do sector de  xustiza veñen alertando sobre as consecuencias da reforma de Gallardón e que se sumarían ao xa existentes recortes de dereitos, de acceso á xustiza gratuíta e de defensa  do servizo público ante a posible privatización do Rexistro Civil, en concreto, a actual reforma é o golpe máis grande á xustiza de proximidade desde a chegada da democracia e que significa: para Ferrol a eliminación dos órganos xudiciais adscritos ao partido xudicial, e para a comarca, a eliminación dos xulgados de paz.

Coa creación dos tribunais provinciais de instancia desaparece o partido xudicial de Ferrol e reasígnase os efectivos xudiciais dentro dun único órgano provincial aínda que poidan permanecer en Ferrol unidades administrativas.É dicir alónxase da comarca os órganos naturais de xustiza,os xulgados, e concéntranse na Coruña dándolle o golpe definitivo á xustiza de proximidade ,á calidade do servizo público e ás garantías do emprego dos traballadores do sector consolidando a mobilidade funcional e xeográfica dos traballadores.

A partir da entrada en vigor da lei a Xunta disporá dun ano para facerlle unha proposta ao Consello Xeral do Poder Xudicial en materia de demarcación territorial pero mantendo  a estrutura provincial en todo caso, polo que a sorte do partido xudicial de Ferrol está botada na medida en que a Xunta do PP é ,a todas luces, colaboradora necesaria do anteproxecto de lei.

Ferrol 8 de abril de 2014

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
8 de abril de 2014 14:24

Boas. Enviamos nota en apoio á concentración hoxe nos xulgados  contra o anteproxecto de lei orgánica do poder xudicial presentada polo goberno o pasado venres. Grazas e un saúdo. Secretaría de Comunicación. CPL-Ferrol

________

martes, marzo 25, 2014

Esquerda Unida convida a acudir ao acto en homenaxe a don Ricardo Carvalho Calero, este Martes 25 de Marzo diante da súa casa natal en ferrol Vello


Compañeiros e compañeiras, amigos e amigas: en representación do grupo municipal de Consello Político Local de Esquerda Unida-Ferrol convidámosvos a acudir ao acto en homenaxe a don Ricardo Carvalho Calero e que mañá martes 25 de marzo no cabodano do seu pasamento se celebrará diante da súa casa natal na rúa de San Francisco. Esquerda Unida ben a través do seu grupo municipal como do seu Consello Político Local xa manifestou en numerosas ocasións o seu apoio á demanda de que se lle adique un día das Letras. Este ano a Comisión cidadá que organiza o acto colleu o testemuño e o compromiso de canalizar a demanda perante a Real Academia Galega.

Tal actitude merece todo o noso apoio e así como llelo demos nas institucións municipais animámosvos a todos e todas a acompañarnos a partir das 20:00 de mañá na rua San Francisco onde aínda se recoñece o que,algún día, foi a súa casa natal e que, teimudamente, conseguiremos entre toda a cidadanía consciente que das ruínas se erga un espazo público.

"Para que poetas en tempos de penuria?" pregunta Hölderlin na elexía Pan e Viño e que Luís Cernuda para inspirarse levou consigo áo Guadarrama servindo nos batallóns de montaña que se preparaban para a defensa de Madrid no inicio do outono do 36. Con Cernuda respostamos e ao pé das ruínas de San Francisco poderemos todos rememorar para qué un intelecutal e un poeta en tempo de penurias: para aprendermos con el a recorrer o camiño de todos e todas.

Adiante pois, en marcha con Ricardo Carvalho Calero.

Un saúdo.

Ferrol 24 de marzo de 2014

Suso Basterrechea.
Javier Galán.



Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
24 de março de 2014 17:27
Boas. Enviamos o comunicado conxunto do grupo municipal e do Consello Político Local a propósito do acto convocado para mañá na casa natal de Carvalho Calero.
Secretaría de Comunicación. CPL- Ferrol
______________

mércores, marzo 05, 2014

Esquerda Unida e os problemas de organización do tráfico dos transportes públicos - iniciativa parlamentar a propósito da situación casa natal de Carvalho Calero en particular e Ferrol Vello en xeral


Javier Galán demanda a convocatoria da comisión de Urbanismo, Seguridade e Tráfico “que está para algo máis que para aprobar licenzas “
| Esquerda Unida levará as reivindicacións das asociacións de veciños á comisión de urbanismo e tráfico cando sexa convocada. | O grupo municipal de Esquerda Unida critica o desleixo do goberno do PP ante a grave situación de Ferrol Vello.

Ao igual que a semana pasada, na correspondente comisión de urbanismo, o grupo municipal de Esquerda Unida pediu explicacións pola improvisada ordenanza reguladora de tráfico na próxima, que non será esta semana, comezaremos tanto a levar as reivindicacións das entidades e veciñanza que se ven prexudicadas polas decisións do PP como a continuar co xa exposto no pleno a propósito dos seus contidos aprobados só inicialmente.

O grupo municipal de Esquerda Unida fai súas as demandas das asociación de veciños  e comerciantes de Esteiro e Ultramar e volverá de novo, en preguntas e suxestións porque noutro punto non hai posibilidade, a levar a problemática do tráfico á comisión de urbanismo e seguridade cando o Partido Popular teña a ben convocala. Neste sentido criticamos como grupo a falta de iniciativa do goberno municipal para levar con tempo suficiente para o debate e toma en consideración as propostas que presenta. Como mostra a última sesión: na orde do día só figuraba licenzas e a aprobación inicial da ordenanza de terrazas para ser inmediatamente levada ao pleno ao día seguinte. En “rogos e preguntas” a oposición no seu conxunto plantea dezaoito preguntas (á parte de sete que EU vén incluíndo dende o 30 de maio de 2012 reiteradamente e que algunhas tocan ao seu fin: asfaltado da rúa Herbosa) das que  sete son Esquerda Unida:tráfico paradas de autobuses a centros sanitarios e marquesiñas, problemas de saneamento no medio rural, talas de árbores e mantemento etc.

 Esta é a tónica común: saturación de demandas veciñais como suxestións da oposición ante a imposibilidade de que o asociacionismo canalice as súas demandas polas institucións participadas. Por iso aínda non sabemos nada do prometido novo plan especial para Ferrol Vello por iso non son quen de convocar asembleas de barrios para que os veciños poidan libremente expresar as súas demandas e opinións sobre a zonal azul ou a ordenación tráfico, por iso non son quen de convocar ao consello da veciñanza e, dotándoo dun regulamento interno, facelo partícipe da toma de decisións sobre tráfico, transporte público ou investimento en rexeneración urbana para lograr a recuperación económica e comercial de determinados  barrios sumidos no máis absoluto e interesado abandono como estamos a padecer.

Ferrol 4 de marzo de 2014



Á MESA DO PARLAMENTO GALEGO

Yolanda Díaz Pérez, Xabier Ron Fernández e Ramón Vázquez Díaz, integrantes do Grupo Parlamentar da Alternativa Galega da Esquerda, ao abeiro do recollido no artigo 156 do Regulamento da Cámara, presentan a seguinte Pregunta para a súa resposta oral no Pleno, relativa a situación de ruína da casa de Carvalho Calero en Ferrol.

Co derrube dunha  parede medianeira da casa de Carvalho Calero  confirmamos o mal que corroe o barrio de Ferrol Vello, o espazo primixenio da cidade, que sofre unha progresiva degradación que semella imparable, diante da práctica parálise coa que se conducen as administración públicas competentes todas nas poutas do PP.
É unha confesión do desinterese do PP a realidade do retraso que acumula o goberno municipal para aprobar o plan especial de protección e rehabilitación de Ferrol Vello, que agora se nos anuncia para fins de mes, logo de contemplar a paisaxe de Sarajevo que presenta o barrio, dende a praza de Ferrol Vello en ruínas ate a rúa Curuxeiras pechada hai un ano, unha sucesión de desaloxos  e que agora presenta este derrubo nun inmoble cuxa rehabilitación se vén adiando sen motivo, ou con el: a pura falla de interese.

A Xunta de Galicia declarou o barrio de Ferrol Vello como ben de interese cultural ( decreto 33/2011, do 10 de febreiro) atendendo a importancia do conxunto histórico como elemento nuclear e orixinario da cidade de Ferrol. Esa figura garante unha protección integral que vencella a todas as administración públicas. Logo de 3 anos nada se  fixo e o barrio segue a virse abaixo. Que fai a Xunta de Galicia para facer efectivo o previsto no artigo 25.2 da lei do patrimonio cultural de Galicia?
Ferrol Vello precisa unha actuación rehabilitadora decidida e nese ámbito a casa de Carvalho Calero pode xogar un punto de inflexión desa derrota de ruína que os gobernos local e da Xunta practican con el. Regresión demográfica e falla de servizos e equipamentos son os complementos desa derrota de ruína. A pouco que se desenvolvan unha serie de actuacións definidas no corazón do barrio este daría un volco completo, pero a Xunta amosa unha nula vontade de actuación.

En atención ao sinalado, o Grupo Parlamentar da Alternativa Galega da Esquerda achega a seguinte pregunta para a súa resposta oral na comisión:
  • Que actuacións desenvolveu e cales vai desenvolver en adiante o goberno galego para garantir a protección integral que reporta a declaración de BIC do barrio de Ferrol Vello?
  • Que actuacións de urxencia vai desenvolver o goberno galego para coadxuvar a evitar a degradación e ruína de Ferrol Vello e en particular para recuperar e rehabilitar a casa de Carvalho Calero?
  • Que financiamento vai habilitar a Xunta de Galicia para a rehabilitación de Ferrol Vello?
Compostela, 4 de marzo do 2014.

Asdo. Yolanda Díaz Pérez
Asdo. Xabier Ron Fernández
Asdo. Ramón Vázquez Díaz

---

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
4 de março de 2014 12:57

Boas. Enviámosvos nota do grupo municipal pola que nos posicionamos diante dos problemas de organización do tráfico transportes públicos e urbanismo que padece a nosa cidade. Adxuntamos a proposición parlamentar que a iniciativa de  esquerda Unida presenta hoxe o grupo parlamentar de AGE no Parlamento a propósito da situación casa natal  de Carvalho Calero en particular e Ferrol Vello en xeral. Grazas e un saúdo, Secretaría de Comunicación. Consello Político Local.

_____________

Foto: Ferrol Vello, de Urban Idade.
__________________________

domingo, marzo 02, 2014

Esquerda Unida considera que prosegue a burla política co inicio da chamada” terceira fase do plan de barrios”


Esquerda Unida considera que prosegue a burla política co inicio da chamada” terceira fase do plan de barrios”.


Para o grupo municipal de Esquerda Unida todo segue igual: o señor Rey Varela co seu plan de barrios particular agora entrando nunha chamada terceira fase que é nin máis nin menos que o anuncio dunha longuísima campaña electoral financiada coa operación de enxeñería financieira consistente en deseñar un supostamente necesario plan de axuste para así xenerar superávit e ,agora, distribuílo por obras. Electoralismo e amiguismo.

Xa en setembro de 2013 e ao inicio dunha moi parcial actuación a propósito de terrazas “a dedo” o grupo municipal de Esquerda Unida denunciou que ao mesmo tempo que non se quería convocar as asembleas de barrio e o consello da veciñanza o concellerio Langtry declaraba nos corredores da casa do concello que el estaba en campaña electoral. Chusco, moi chusco, pero un verdadeiro adiantado. Agora o asunto xa toma visos de altura política e o señor Alcalde anuncia a terceira fase do plan de barrios. Certamente a produtividade do Alcalde da para moito e o que é mantemento ordinario vaise transformar, por terceira vez, en actuacións singulares, o que son obras a cargo do Urban, ou plan de obras da deputación, en audacia do goberno municipal e o que é desenvolvemento do plan de mobilidade en propostas innovadoras do concelleiro de turno.

Esta semana en Canido aconteceu o que xa se atisba vai ser moeda común: os representantes eleitos solicitan unha asemblea de barrio e o Alcalde, raudo, organiza unha “paralela” pero só para palmeros e como non sae ben , inmediatamente, unha reunión co asociacionismo porque, é evidente,  hai reivindicacións e problemas que atender. A pregunta é: sabe facer algo o señor Rey fóra de foco? Pode organizar unha reunión de traballo sen presencia mediática?

O grupo municipal de Esquerda Unida aínda agarda ,con esperanza, como agardan os veciños e representantes nas institucións participadas que o Alcalde teña , aínda que sexa por inspiración divina, un soplo de altura política e inclúa no “plan-fase tres” información completa , detallada e unificada do conxunto de problemáticas que afectan ao conxunto da cidadanía: unha ordenanza de tráfico para toda a cidade, un plan integral de transportes públicos para toda a cidade, un plan de mantemento ordinario participado, un plan de mantemento de viais transparante e público etc.

Ferrol 1 de marzo de 2014
--
Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
15403 - Ferrol

Telf: 981944035
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
1 de março de 2014 11:07

Bo día. Enviámosvos nota do grupo municipal de Esquerda Unida ante o anuncio do Alcalde e do PP do inicio da terceira fase do plan de barrios.Preparados. Grazas e un saúdo, Secretaría de Comunicación Consello Político Local

__________________

Foto: Daniel Alexandre no 'Diario de Ferrol' - O "paripé" por Caranza.
__________________________