Amosando publicacións coa etiqueta Ferrol. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ferrol. Amosar todas as publicacións

mércores, decembro 09, 2015

Manifestación Comarcal en defensa do Naval - Ferrolterra Esixe Solucións - Domingo 13 de Decembro, ás 12 do mediodía desde o Inferniño


Manifestación Comarcal en defensa do Naval

Os comités de empresa de Navantia-Fene e Navania-Ferrol, así como os delegad@s de persoal e membros de comités das compañias auxiliares, convocaron para este domingo 13 de decembro, unha grande Manifestación Comarcal en Defensa do Naval. Que saírá sobre ás 12 do mediodía desde o Inferniño de Ferrol.

A industria do naval, supón a principal riqueza industrial das nosas comarcas, xunto aos varios miles de metros de peirao na contorna da nosa Ría. Parte-se coa vantaxe da titularidade pública da industria naval principal e das súas infraestruturas. En Ferrol pode-se construír de todo, mais principalmente buques de todo tipo, artefactos offshore e artefactos para o desenvolvemento e xeración das enerxías renovábeis. Igual que se podería reformar, reutilizar e reciclar os mesmos buques e artefactos.

Poderíamos ter estaleiros e industria punteira en funcionamento que producira a riqueza que necesitamos, se os gobernos quixeran.

Por iso este Domingo 13D, todas e todos á rúa, "Ferroltrerra Esixe Solucións".
__________

mércores, febreiro 25, 2015

Segundo datos oficiais do IGE e o INE, Ferrol xa baixa da cifra psicolóxica dos 70.000 habitantes, en concreto dá unha cifra de 69.259 correspondentes ao 1 de xaneiro de 2014.


Cifras poboacionais de referencia. | Ano 2014.

Segundo datos oficiais do IGE e o INE, Ferrol xa baixa da cifra psicolóxica dos 70.000 habitantes, en concreto dá unha cifra de 69.259 correspondentes ao 1 de xaneiro de 2014.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe (24-02-2015) na súa web as Cifras poboacionais de referencia, correspondentes ao 1 de xaneiro de 2014.

As Cifras de poboación, estatística realizada polo Instituto Nacional de Estadística (INE), proporciona unha estimación da poboación residente no polo de agora Reino de España, en cada comunidade autónoma, provincia e illa (nas provincias insulares), desagregada segundo características demográficas básicas, coma o sexo e a idade. Estes datos son empregados como cifras poboacionais de referencia en todas as operacións estatísticas do INE (enquisas, Contabilidade Nacional, indicadores, etc.) e son transmitidas a nivel internacional como datos oficiais de poboación de España a todos os efectos.

A partir da información proporcionada polas Cifras de población, o IGE elabora a desagregación territorial das mesmas, até o nivel municipal, para o ámbito galego. Preséntan-se neste momento os resultados obtidos con data de referencia o 1 de xaneiro de 2014, por sexo e grupos quinquenais de idade, en todos os concellos, e por sexo e idades simples para os sete grandes concellos de Galicia.

Máis información e as táboas na web do IGE.

Acceso ao resumo de resultados da operación: Cifras e Poboación.

Cifras poboacionais de referencia de Ferrol.

O ano en que Ferrol chegou a ter máis habitantes foi en 1981 que dan unha cifra de 87.691 habitantes.

Algúns do datos que se poden atopar nas táboas citadas.

      Ano   Total     Homes   Mulleres

      2005  75.560  35.120  40.440
      2006  74.863  34.777  40.086
      2007  74.020  34.409  39.612
      2008  73.540  34.278  39.262
      2009  73.119  34.181  38.938
      2010  72.634  33.975  38.658
      2011  71.965  33.714  38.251
      2012  71.249  33.447  37.802
      2013  70.130  32.890  37.240
      2014  69.259  32.466  36.793

IGE. Cifras poboacionais de referencia.
Estas cifras están baseadas nas Estimacións intercensais de poboación do INE, até o ano 2012, e nas cifras de poboación do INE a partir de 2013
(24-02-2015)

Foto da Manifestación en Ferrol 24 de febreiro de 2013, de Fermín Goiriz Díaz. | Publicada (24.02.2013) en Álbum de fotos da manifestación polo futuro do sector naval en Ferrol.

Servizo de Difusión e Información Estatística
Complexo Administrativo San Lázaro s/n
Instituto Galego de Estatística
15703 Santiago de Compostela
Telf: 981 541589 de 9 a 14 horas, Fax: 981 541323
contacto: http://www.ige.eu/catalogo/peticioninfo.jsp
web: http://www.ige.eu

Información baseada na enviada por:
ige.novidades@ige.eu
-ige.novidades@ige.eu-
24 de fevereiro de 2015 10:00

_______________

venres, setembro 27, 2013

Fin de ciclo: Ferrol na illa de Robinson Crusoe, ... Por Alexandre Carrodeguas


Por Alexandre Carrodeguas [*]
27.09.2013


Estamos na metáfora de Robinson Crusoe. Robinson naufraga, chega a praia e cos restos do naufraxio constrúese un cabano, para sobrevivir tirar e ir vivindo, triste sino tamén ferrolano, e sobrevive. Na bisbarra Ferrolá atopámonos o borde do naufraxio, se non temos naufragado xa, despois de mais de 30 anos  da mal chamada "reconversión", parece que estamos chegando o borde do precipicio. Estamos xa no tempo de facer crise, como nas enfermidades; ou nos decantamos pola  sanación ou polo naufraxio total.

Tense demostrado xa despois de todos estes anos, que as institucións desta democracia formal, autonómicas, centrais ou municipais ou se activan pola presión do movemento veciñal real, como elementos transformadores ou non serven  para nada. Son mortos viventes. Zombis.

Levamos moitos anos de "sobrevivencia" de zonas ZID,  ZUR e tutti quanti  temos na nosa memoria colectiva. Namentres a nosa cidade segue a deriva, agardando "acontecementos" emanados das autoridades disque competentes. Non temos xa horizonte, e seguimos como no 84 cando o xeógrafo Enrique Clemente Cuvillas escribía aquel seminal "Desarrollo Urbano y crisis social en Ferrol". Crise social, desvertebración urbana, declive demográfico etc. E seguimos e seguimos a escoitar as mesmas "arengas" por parte dos poderes públicos, mais que competentes xa definitivamente "incompetentes".

Os Feijoos de quenda; onte con fábricas italianas do vidro SIV, hoxe con Pemex e os seus floteis pantasmas; fume, fume, mentiras e cintas de vídeo, como na película... E a nosa xente máis vella,  máis escéptica e máis cansada. Agardando o non se sabe xa ben o que.  Con  20.OOO parados na comarca e co 30 por cento dos comercios pechados dende 2007, perdendo mil habitantes ao ano, e cun 52 por cento de taxa de actividade, a que  agardamos conveciños e conveciñas?. Abonda xa non?

Unha cidadanía cansada de escoitar ese rum-rum eterno de falsidades, de ver como os seus fillos e fillas seguen a emigrar aos Vigos, Londres ou París, buscando unha vida de seu, que esta nosa súa cidade non é capaz de darlles. Vendo como todo se nos cae a cachos; "se vende, se alquila, se traspasa ...". Adeus Ferrol Vello, adeus o barrio da Magdalena, adeus Canido... os predios cáense, os negocios péchanse e como diría a nosa Rosalía; Este vaise aquel vaise e tí Ferrol só quedas sen xente que te poida traballar. En fin para que seguir; a atmosfera de pesimismo e "mal fario"  todo o invade.

Estamos  como na metáfora da rá, que se esta cocendo e é incapaz de saltar para salvarse.

Ante este panorama desolador debería xa de chegar o momento de abandonar o metafórico refuxio de Crusoe. De deixar de agardar que o clima mellore e berrar todos xuntos polo futuro da nosa cidade. De iniciar a nova travesía. E xa que estamos nesta situación excepcional de catástrofe social, sería o tempo de marcarnos como horizonte un proceso que conduza a un novo escenario de creba democrática. A dimisión da actual corporación municipal. Vivimos tempos de "excepción" e non podemos continuar mais nesta situación de miseria total. Temos unhas institucións autistas que pensan mais en como perpetuarse que en resolver os problemas dos cidadáns. Temos un alcalde que non se plantexa a alternativa real de manterse partidariamente disciplinado ao partido de Barcenas ou defender a esta sufrida cidade. E parece decantarse definitivamente polo primeiro.

E temos precedentes, como ten documentado o historiador Bernardo Maiz, quen ten escrito como en 1932 ante o intento de reducir e desmantelar a construción naval militar e o despido de traballadores tomouse unha drástica decisión. O día 18 de maio do 32 as corporacións municipais de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Mugardos, Serantes, .... presentaron unanimemente a súa dimisión "a causa do conflito obreiro provocado polos despidos nos estaleiros de Ferrol [...] sendo estes uns dos Concellos afectados polos paros e en solidaridade".

Debería de chegar pois o inicio deste novo "proceso constituínte", de construción dun novo Ferrol. Despois da folga comarcal do pasado día 12 de xuño; De catro plenos de "excepción" onde se escoitaron os ecos desta cidade "agonizante", non queda outra que marcarnos como horizonte a dimisión da actual corporación municipal. Deberíamos participar todos e todas. Sabemos que non podemos seguir así,  sin rumbo, sen unha luz que nos dé esperanza. Non podemos seguir desgastándonos nunha especie de "rito procesional", sen ningún tipo de efectividade, tipo Hámster, sen poder saír nunca da roda eterna. Esta "esterilidade" está a matarnos pouco a pouco. Temos que iniciar xa a travesía, outro camiño ten que ser  posible: 'Corporación municipal dimisión xa!'   Este sería a nosa divisa. O lema que marcaría a alborada.

O futuro será noso se o queremos. Fin de ciclo. Rompamos a dependencia da senda e iniciemos un novo camiño.

Podemos perecer na travesía, pero como nos diría tamén o grande Gramsci; Mais vale morrer no camiño que pararse e morrer. Botémonos xa ao mar,  veciños e veciñas. Ferrol merece seguir vivindo.

O futuro está agardando por nos!

Nota.- A imaxe é de Edu Pereira sobre a apocalipse que suporía un Ferrol sen o naval.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
27 de setembro de 2013 02:56

____________________________

venres, agosto 10, 2012

A sub-subcontrata da subcontrata , da contrata, do Goberno Municipal


O goberno municipal do dereitista e antidemocrático Partido Popular, contratou a unha empresa o amaño de furados na cidade, que presenta un estado moi crítico. A maioría das persoas que transitamos pola cidade, sexa en vehiculo ou a pé, sabemos que Ferrol está cheo de fochas e nalgún caso moi perigosas polo seu tamaño e profundidade. Despois de moitas denuncias e sobre todo da DENUNCIA sobre o Malgasto na Praza de España e do perigoso da situación do túnel,  o malgoberno municipal, do dereitista e antidemocrático Partido Popular, elaborou un "Plan expres" dotado con 300.000 euros, para paliar este problema que dura máis dun ano. Mais ollo! quen é a contrata, ou a subcontrata da contrata que comezou a traballar polas rúas de Ferrol a finais do més pasado? Onte mesmo na rotonda do Diapasón, na zona das Telleiras, o perigo rondaba a obra, un grande tractor con inmenso remolque ocupaba o paseo e carril-bici, un tractor cunha soa placa de matricula especial na parte traseira da cabina. O remolque non tiña nengún tipo de identificación. Unha pequena furgoneta sen identificar tamén, na parte central da rotonda sen luces de señalización de obra, tres operarios sen medidas de proteción. Unha pequena apisonadora manual, martelo neumático traballando sen proteción, a señalización só consistía en tres conos, ... O accidente laboral de onte en Canido, onde morreu un obreiro é un aviso. Os accidentes ocurren e a responsabilidade na prevención tamén é do MalGoberno Municipal de José Manuel Rey Varela. Os sindicatos deberan controlar este asunto.

Enviado:
Centro Media Independente e Comunitario de Ferrol Terra
cmic@deferrolterra.org
9 de agosto de 2012 23:03
_____________________

Mais umha vez, umhas Festas de Verao alheias à cultura galega e à participaçom popular


Analisada a programaçom das Festas de Verao que acabam de começar em Ferrol, NÓS-Unidade Popular chega à conclusom de que dificilmente se poderiam gastar de pior maneira os 200 mil euros malbaratados polo governo local.

A assistência passiva a eventos protagonizados por estrelas de segunda fila do panorama espanhol, junto à marginalizaçom dos conteúdos galegos protagonizados polo próprio tecido social ferrolano nos mais diversos ámbitos culturais, voltam a caraterizar as Festas de Verao organizadas polo governo local do Partido Popular.

Dificilmente poderiam gastar-se de maneira mais injustificada os 200 mil euros que, segundo a edil Susana Martínez, custam ao governo do PP e, portanto, a todos os ferrolanos e ferrolanas, estas festas. Como noutras ocasions, a falta de imaginaçom e de compromisso com a nossa cultura manifesta-se numha programaçom musical protagonizada por figuras televisivas, nalguns casos de terceira categoria, que venhem usurpar o protagonismo que deveria corresponder às formaçons musicais do nosso país e do próprio Ferrol, de maior qualidade e inseridas na nossa realidade social.

Os governantes do PP continuam a pensar que fazer umhas boas festas consiste em pagar contratos caros para passear polos nossos cenários um Loquillo, umha Ana Torroja ou uns Duncan Dhu, figuras do panorama musical televisivo espanhol 25 anos atrás, ou um Bustamante como estrela mais recente e igualmente adscrita à cultura paifoca que nos vendem na televisom. Entre outras consideraçons, os milhares de euros que esses grupos e cantores vam cobrar irám longe de Ferrol e da Galiza, conseqüência da falta de compromisso do PP com o investimento público no próprio tecido social e cultural ferrolano e galego, em tempos de grave crise como os que vivemos.

Já em termos artísticos, nom temos nada contra nengum tipo ou estilo musical, mas chama a atençom a insistência com que nos bombardeiam cada ano com zarzuelas e outras músicas espanholas, como se nom existissem estilos musicais fora das fronteiras mentais espanholas, ou como se na Galiza nom se produzisse boa música e boa cultura nas mais diversas manifestaçons.

Os conteúdos galegos e locais brilham pola sua ausência, em lugares secundários da programaçom e sem ter em conta o critério lingüístico na hora de tentar dar protagonismo e prestigiar o nosso idioma na elaboraçom da programaçom. Nos poucos casos em que aparecem nomes galegos, o critério parece ter sido o grau de identificaçom do artista em questom com o próprio Partido Popular, daí que Manuel Manquinha volte a visitar-nos.

A todo o anterior, haveria que acrescentar, também um ano mais, a total falta de abertura à participaçom do tecido associativo e vicinal ferrolano na hora de elaborar a programaçom destas Festas.

A iniciativa do PP situa-se, portanto, nas antípodas do que deveriam ser umhas Festas de Verao ferrolanas, galegas e participativas.

Merecem, por isso, o rejeitamento de NÓS-Unidade Popular e de qualquer entidade ou pessoa comprometida com os valores da participaçom social e a valorizaçom da nossa língua, música e cultura nacionais.

Assembleia Comarcal de NÓS-Unidade Popular em Trasancos

Ferrol, 7 de agosto de 2012

Enviado por:
Bruno Lopes Teixeiro
-brunotrasancos@gmail.com-
7 de agosto de 2012 00:48

__________________

mércores, xuño 13, 2012

Chamamento a todo o tecido asociativo de Ferrol para participar nunha xuntanza aberta, hoxe Mércores 13 de Xuño en Esteiro - Xuntanza por un Ferrol saudábel, por un investimento xusto e racional: Non á dilapidación de centos de miles de euros máis na Praza de España -Porta Nova


Praza de España-Porta Nova-Mércores-13 xuño


Estades CONVOCAD@S para unha xuntanza este vindeiro Mércores-13 ás 20 h no local da A. Veciñal de Esteiro, co obxecto de informar da reunión mantida co alcalde este pasado venres sobre as obras de superficie da Praza de España, que teñen un custo inicial de 700.000 euros, máis os 56.000 que xa custou a elaboración do novo proxecto.
                           
Ante a decisión do goberno local de iniciar unhas obras innecesarias na praza, comentaremos que medidas imos tomar para tratar de evitar esta nova acción que como sabedes rexeita a cidadanía e queremos convocar a todo o tecido asociativo de Ferrol a que asista a esa xuntanza ou que nos faga chegar o seu apoio e incorporación a esta Plataforma Asociativa que demanda que se remate a Praza de España xa e que eses cartos se destinen a outras demandas que necesita a cidade de Ferrol e a súa cidadanía.

Nesta xuntanza queremos tamén acordar que accións e mobilizacións levamos a cabo para evitar que se sigan a enterrar cartos de maneira innecesaria na Praza de España, ocasionando un novo prexuizo para, ademais da cidadanía en xeral, os comerciantes e hostaleiro dese entorno que xa levan tendo que sofrir 10 anos de obras e, cando xa estaban case rematadas, o Concelleiro de Urbanismo e Obras, Guillermo Evia e o Partido Popular, quere levantar toda a Praza de novo.
                           
Convocan esta xuntanza:
                           
A. Veciñal de Esteiro; A.Veciñal San Xurxo; A.Veciñal San Pablo de Catabois; A.Veciñal Santa Mariña; A. Veciñal Prioriño; A. Veciñal San Román de Doniños; A. Veciñal O Rosario-Inferniño; A.Veciñal Ultramar; A. Veciñal San Xoán- Bertón; A. S.C. López Bouza; A. S.C. Fuco Buxán; Colectivo Ártabra21.

Enviado por:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
11 de junho de 2012 10:49

________________

mércores, marzo 03, 2010

Abren un Blogue para sensibilizar e debater sobre a necesidade de abrir Ferrol ao mar, derrubando o muro do arsenal militar




A derruba da muralla do arsenal é un vello soño do pobo de Ferrol que quere ver o mar, a perspectiva da súa ría e contemplar a infraestrutura arquitectónica do arsenal: unha valiosa obra de enxeñería que consta de numerosos edificios de importante categoría artística.
  • Queremos ver integrados na nosa estrutura urbanística, polo menos, os lugares que están militarmente desafectados.
  • Queremos contribuír á transformación de Ferrol para convertela nunha cidade máis habitable, humana e atractiva: substituír o actual muro (que contra toda lóxica e estética aínda permanece en pé) contribuiría a acadar este obxectivo.
  • Queremos trasladar, á opinión dos ferroláns e ferrolás, un tema que sempre lles preocupou e que desde o goberno local nunca se abordou coa suficiente seriedade e determinación.
  • Queremos que a cidadanía participe activamente nas decisións que afectan ao deseño da nosa cidade.http://milrazonscm.blogspot.com/

Por estas razóns solicitamos que se abra Ferrol ao mar.

Blogue: http://milrazonscm.blogspot.com/

Información baseada na enviada por:
Xosé Manuel Pazo Blanco
-manolopazo@gmail.com-
3 de março de 2010 11:18