Amosando publicacións coa etiqueta Lidia Senra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lidia Senra. Amosar todas as publicacións

martes, xaneiro 16, 2018

A produción de enerxía a costa da deforestación ou o acaparamento de terras non pode ser considerada “limpa” - O Palamento Europeo está a debater hoxe en sesión plenaria informes relativos a proposta conxunta da Comisión Europea en materia enerxética


A produción de enerxía a costa da deforestación ou o acaparamento de terras non pode ser considerada “limpa”. | O PE está a debater hoxe en sesión plenaria informes relativos a proposta conxunta da Comisión Europea en materia enerxética. | Senra reivindica o respecto á biodiversidade, á produción de alimentos e á sostenibilidade como eixos principais na produción de enerxía na UE.


En novembro do ano 2016 a Comisión Europea (CE) adoptou un paquete lexislativo centrado no que deu en denominar “enerxía limpa”. O Parlamento Europeo (PE) vén de dar comezo á súa sesión plenaria hoxe ás 17.00hrs. en Estrasburgo a través precisamente dun debate conxunto sobre algunhas destas propostas lexislativas, nomeadamente aquelas referidas á Promoción da utilización de enerxía renovábel, eficiencia enerxética e gobernanza da coñecida como “Unión da Enerxía”. A votación destes informes está prevista para este mércores, e o resultado será tomado en conta para dar inicio ás negociacións tripartitas CE-PE-Consello.

Lídia Senra, responsábel na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural para o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) incidiu hoxe na importancia de “garantir que a aposta polas enerxías renovábeis na UE pase ineludibelmente pola eliminación total dos agrocarburantes; as terras agrícolas unicamente deben ser empregadas para a produción de alimentos, primando sempre os modelos de produción agroecolóxicos”.

Senra reiterou que “non só o obxectivo final de obter enerxías máis limpas é o importante, a UE ten a responsabilidade de establecer tamén xeitos de chegar a elas que sexan coherentes co respecto á biodiversidade, á sostenibilidade e que axuden a avanzar nun cambio de modelo que faga fronte ao quecemento global”. Neste senso, a crecente demanda de biomasa forestal debe ser reconducida, alertou, “evitando sempre la forestación de tierras agrícolas, os monocultivos forestais e as especies foráneas e invasoras”.

Aliás, unha cuestión central a nivel comunitario debería ser precisamente “o deseño de ferramentas que axuden á redución do consumo enerxético da UE nun 20% daquí ao ano 2030”. Asemade, a nivel dos Estados membro, “urxe asumir a responsabilidade de garantir a propia soberanía enerxética en base ás enerxías renovábeis, pechando xa as centrais nucleares, e pondo fin á gravísima situación de pobreza enerxética á que se está a enfrontar unha significativa parte da poboación”.

A eurodeputada galega, que plantexou xa enmendas neste sentido para seren incorporadas aos informes relativos a enerxías renovábeis e de gobernanza enerxética, lembrou tamén hoxe que a Unión Europea debe en todo caso “decidir se realmente aposta por este tipo de enerxía de xeito colectivo, ou se cada Estado membro vai lexislar en función da forza que en cada territorio fai o lobby das empresas eléctricas”, un dos máis potentes do mundo e tamén un dos sectores que máis habitualmente incorpora ás súas filas a persoas que antes ocuparon cargos políticos que lle permitiron lexislar precisamente sobre ese sector.

Deste xeito Senra aludiu ás trabas ao autoconsumo e aos pequenos/as produtoras cas que teñen reaccionado Estados como o español, actitude fronte a cal Senra aposta polo “establecemento dun sistema de apoios públicos para proxectos de pequena dimensión, tales como comunidades de propietarias/os, particulares, colectivos veciñais, aldeas, pequenas ou medianas explotación agrogandeiras e empresas, administracións públicas ou organismos e organizacións sociais”.

Estrasburgo, 15 de Xaneiro de 2018.

Máis información:

Lídia Senra Rodríguez. | Eurodeputada galega. | Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861 | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | @LidiaSenra

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
15 de janeiro de 2018 19:27

___________________

mércores, xaneiro 10, 2018

Xornada contra a mina de Touro-O Pino, este sábado 13 de xaneiro, un evento organizado pola eurodeputada galega Lídia Senra e a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, será no Hotel Bello do Pino - Participarán tamén persoas da loita contra as minas de Corcoesto, Lousame, A Terra Cha, As Encrobas e Xanceda, así como de Roitinto


Xornada contra a mina de Touro-O Pino, este sábado, para debater sobre un problema que é de todos/as. | O evento, organizado pola eurodeputada Lídia Senra e a plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non, será no Hotel Bello do Pino todo o día. | Participarán tamén persoas da loita contra as minas de Corcoesto, Lousame, A Terra Cha, As Encrobas e Xanceda, así como de Roitinto

Persoas implicadas de forma moi activa na loita contra a minaría en diferentes lugares de Galiza daranse cita este sábado, 13 de xaneiro, no Pino, para intercambiar experiencias, poñer en común puntos de vista e debater sobre os efectos deste tipo de explotacións. O evento, organizado pola eurodeputada Lídia Senra, está concibido ademais para arroupar á plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non, que leva meses pelexando contra o proxecto de nova mina de extracción de cobre que pretende abrir na cotorna Cobre San Rafael S.L, -empresa participada por Atalaya Mining, a mesma dona das minas de Riotinto en Huelva-, e que ocuparía unha área de 689 hectáreas, das que se extraerían 267 millóns de toneladas durante 16 anos e medio.

A xornada desenvolverase durante todo o sábado no Hotel Bello, situado no concello do Pino, con carácter aberto. Neste sentido, a europarlamentaria Lídia Senra anima a todas as persoas a achegarse. “Estamos ante un problema que, de ir adiante, nos vai afectar a todas e a todos, non só á xente que vive á beira dos terreos mineiros no Pino e Touro”, defendeu, e chamou a tomar conciencia e á mobilización en toda Galiza para frear “esta aberración que poñería en perigo a saúde das persoas, do medio ambiente, do río Ulla e afluentes, o marisqueo da ría de Arousa, as explotacións gandeiras que hai na zona, os establecementos turísticos que viven do Camiño de Santiago,…, é moito o que está en xogo”. Senra lembra ademais que xa puxo sobre aviso á Comisión Europea e ao Parlamento Europeo sobre este proxecto, a través dunha pregunta parlamentaria feita por escrito o ano pasado, e a través dunha intervención no pleno europeo en Estrasburgo e dunha carta que lle remitiu ao comisario europeo de Medio Ambiente Karmenu Vella. “E non cesaremos en seguir denunciando por todos os medios posibles este proxecto mineiro ante a UE”, asegurou. “Entre todas e todos temos que paralo. Só coa presión e a mobilización social se logrará”, dixo.

A xornada comezará pola mañá a partir das 10:30 cun coloquio sobre o proxecto mineiro Touro-O Pino e as consecuencias que traerá, no que intervirán como ponentes membros da plataforma, a propia Lídia Senra e Aurora Puentes, Doutora en Bioloxía e membro da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Ás 12:30 horas, Miguel Ángel Collado Aguilar, doutorando en Historia da Universidade de Huelva e veciño de Nerva realizará unha ponencia con debate posterior sobre a experiencia vivida en Riotinto, que é o principal activo da mineira Atalaya Mining.

Pola tarde, a partir das 16:30 horas, terá lugar o coloquio “Galiza non é unha mina, pero hai quen pretende que o sexa”, no que se realizará un repaso ás últimas loitas galegas contra minaría e no que intervirán Braulio Amaro, voceiro da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños; Joam Evans, membro da Sociedade Coluna Sanfins de Lousame e ContraMINAcción; Marga Prieto Ledo, coordinadora la loita contra a minaría salvaxe do Sindicato Lagrego Galego (SLG) e representante da Comisión das minas da Terra Cha; e Mero Iglesias Dobarro, membro da Coordinadora Antiminas de Xanceda, en Mesía.

Xa ás 19:00 horas, e para rematar, terá lugar a proxección do documental “As Encrobas, a ceo aberto” e posterior coloquio do director do filme, Xosé Antón Bocixa Rei.

Santiago, 9 de xaneiro de 2018.

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
9 de janeiro de 2018 14:04
______________________

mércores, decembro 20, 2017

A eurodeputada galega, Lídia Senra, participa en Haití na 34ª Sesión da Asemblea Parlamentaria Paritaria África-Caribe-Pacífico-UE - Participou nun debate sobre como mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático e as catástrofes naturais nos países de ACP - Reclama que as institucións recoñezan e actúen en consecuencia coas e cos refuxiados climáticos e que se traballe máis na prevención e nas raíces do cambio climático


Lídia Senra participa en Haití na 34ª Sesión da Asemblea Parlamentaria Paritaria África-Caribe-Pacífico-UE. | A eurodeputada participou nun debate sobre como mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático e as catástrofes naturais nos países de ACP. | Reclama que as institucións recoñezan e actúen en consecuencia coas e cos refuxiados climáticos e que se traballe máis na prevención e nas raíces do cambio climático.


A eurodeputada Lídia Senra está a participar en Haití na 34ª Sesión da Asemblea Parlamentaria Paritaria África-Caribe-Pacífico (ACP) - Unión Europea (UE), como membro da Delegación do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). A europarlamentaria galega desprazouse o pasado venres a Porto Príncipe xunto con outros eurodeputados e eurodeputadas, onde permanecerán até este xoves.

Despois do traballo previo das Comisións durante o sábado e o domingo, o luns tivo lugar a apertura da 34ª Sesión da Asemblea Parlamentaria Paritaria ACP-UE. Un dos temas de debate nesta primeira sesión foi un informe sobre a necesidade de "Mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático e as catástrofes naturais nos países da zona ACP". “Este é un tema que nos afecta a todos e a todas, e que reviste unha grande importancia nos países do Caribe fortemente afectados por fenómenos metereolóxicos e catástrofes climáticas extremas. Haití, antes de que puidera recuperarse da catástrofe provocada polo terremoto do 2010, viu empeorar aínda máis a situación co furacán Mattew”, explica a eurodeputada. Segundo o informe 2016 sobre riscos mundiais abordado na xuntanza, outros sete países do grupo ACP están expostos a un elevado risco de fenómenos naturais extremos (Vanuatu, Tongo, Illas Salmon, Papúa-Nova Guinea, Timor Leste, Mauricio e Guinea-Bissau).

Neste contexto, Senra lembra que “sabemos que o cambio climático aumenta a frecuencia, a intensidade, a extensión xeográfica e a duración dos fenómenos meteorolóxicos e das catástrofes climáticas extremas”. Tamén a escaseza de augas superficiais, os asolagamentos, os periodos de choivas ou secas prolongadas ou o aumento do nivel dos océanos son consecuencias do cambio climático que afectan en todos os países do mundo (tamén na Galiza). “Provocan perdas importantes na agricultura e polo tanto o aumento da fame, xeran un aumento da pobreza e das desigualdades, dos problemas de saúde, e tamén o desprazamento das poboaciones nas zonas máis afectadas. As e os refuxiados climáticos son unha realidade que temos a obriga de recoñecer  e actuar en consecuencia”, defende.

Así, Lídia Senra defendeu que “para mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático e as catástrofes climáticas é necesario atacar as raíces; as decisións políticas que provocan o cambio climático, e tamén actuar en materia de prevención para reducir ao máximo os impactos dos fenómenos meteorolóxicos e das catástrofes climáticas extremas”. En canto ás raíces do cambio climático, citou a importancia de abordar o sistema agroalimentario, baseado nos modos de produción agraria industrializada e os mercados globalizados de alimentos. “Podemos consideralos responsables de ao redor dun 50% das emisións de gases de efecto invernadoiro”, dixo. Fronte a iso, chamou a promover a agricultura labrega de base agroecolóxica e os circuitos curtos de comercialización como elementos valiosos para contribuír a arrefriar o planeta.

Promover a resiliencia fronte ao cambio climático a longo prazo significa que a Unión Europea debe adoptar unhas políticas coherentes de redución do consumo de enerxía, poñer fin ao acaparamento de terras e ao deterioro dos ecosistemas e a biodiversidade”, engadiu.

En canto á prevención para reducir o impacto das catástrofes, Lídia Senra considera necesario “aprender das boas prácticas” e puxo como “exemplo de éxito” a Cuba, para considerala positiva á hora de poñer en marcha medidas para reducir o impacto en caso de riscos metereolóxicos como as tempestades tropicais.

No marco do lugar no que se están a desenvolver estes encontros, Senra destacou a cooperación rexional que se dá no Caribe. “Parécennos moi positivas as iniciativas de xestión de riscos no Caribe e os acordos acadados no 6º Cumio CARICOM-CUBA para traballar en conxunto nunha Axenda Estratéxica Rexional para abordar a xestión de risco de desastres, a asistencia humanitaria e a reconstrución; así como o Memorando de Entendemento sobre a Redución do Risco de Desastres da Axencia de Manexo de Emerxencias e Desastres no Caribe de CARICOM e o Estado Maior da Defensa Civil de Cuba”, dixo.

Santiago, 19 de decembro de 2017.

Reportaxen fotográfica da participación nas actividades en Haití.







---

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

lidia.senra@europarl.europa.eu  

http://ageuropa.gal/

http://www.acp.int/

http://www.europarl.europa.eu/intcoop/acp/10_01/default_en.htm

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
19 de dezembro de 2017 19:52
_________

mércores, decembro 13, 2017

A eurodeputada galega Lídia Senra, lamenta o novo golpe que a UE asesta á pesca artesanal e de baixura no reparto dos TACs e acusa á UE de executar unha distribución que afonda na penuria dun sector que representa o 80% dos barcos galegos'


Senra lamenta o novo golpe que a UE asesta á pesca artesanal e de baixura no reparto dos TACs. | Os recortes para 2018 para a pescada ibérica ou xurelo son “un novo capítulo no desleixo da UE cara a frota de pequena escala” | A eurodeputada acusa á UE de executar unha distribución “que afonda na penuria dun sector que representa o 80% dos barcos galegos”.


A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ve no reparto dos Totais Admisibles de Capturas (TACs) para 2018 das especies pesqueiras do Atlántico e do Mar do Norte, acordado esta mañá en Bruxelas, unha mostra máis “do desleixo da UE cara a súa frota artesanal, de baixura e de pequena escala, que cada ano ten máis comprometido o seu futuro debido precisamente a topes de capturas cada vez máis exiguos malia que é este segmento da frota o que xera máis emprego nas vilas costeiras”.

O consello de ministros da Pesca da UE acordou recortar para 2018 TACs tan vitais para a frota como a pescada de augas ibéricas (-12%) ou o xurelo (-24%) e a anchoa (-20%)  da zona IXa, ao sur de Fisterra. “Son en boa parte especies que sufriron recortes nos últimos anos, como é o caso da pescada, ou das que dependen gran cantidade de barcos, caso do xurelo capturado polos cerqueiros, que ademais teñen enriba a ameaza do peche da pesca de sardiña ibérica -que tamén afectaría moi gravemente ao sector artesanal do xeito- e unha rebaixa do 20% nas capturas da xarda”, lembrou Senra, membro da comisión de Pesca do Parlamento Europeo.

Ano tras ano, o Consello fixa unhas toneladas de captura que afondan na penuria do sector artesanal e a pequena escala, que representa o 80% dos barcos galegos. Cada ano, polo tanto, os ministros de Pesca da UE deciden a asfixia da gran parte da frota do noso país facendo a vista gorda sobre o artigo 14 do regulamento da Política Pesqueira Común, que establece que os criterios socioeconómicos deben pesar no reparto de TACs. Non parece que esta UE pense niso ao fixar unhas posibilidades de pesca nas que sempre acaba gañando a gran pesca industrial en detrimento dos postos de traballo das nosas vilas pesqueiras”, lamenta a eurodeputada.

Ademais, Senra urxe a revisar o chamado “principio de estabilidade relativa”, un criterio “moi pouco transparente que consolida a inxustiza no reparto de TACs conforme a capturas históricas e que aboca a todo un sector á ruína”. A mensaxe que a UE envía ano tras anos aos nosos mariñeiros e mariñeiras é a do abandono e non o podemos permitir. Senra sinala que “malia que a frota artesanal e de baixura é a máis selectiva e medioambientalmente sostible, cada decembro recibe a mala noticia dun novo recorte ou, no mellor dos casos, un pequeno alivio porque o recorte non foi tan drástico como propoñía a Comisión”.

Á situación da pesca artesanal e de pequena escala polos recortes acordados a escala comunitaria, Senra engade outros factores que “complican o día a día dos traballadoras e traballadoras do sector, como  a obriga de desembarque, que non debería converterse nun custo adicional para os mariñeiros e mariñeiras”.

A eurodeputada chamou ao goberno do Estado, encargado de distribuír as cotas entre os segmentos de frota, a que as artes menores sexan prioritarias en dito reparto. “As baixadas que impoñen os gobernos da UE non poden pagalas as mariñeiras e mariñeiros da frota artesanal e de pequena escala cos seus postos de traballo”, recalcou.

Bruxelas, 13 de otubro, de 2017

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/

https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
13 de dezembro de 2017 19:05

________________

martes, decembro 12, 2017

Declaracións da eurodeputada galega Lídia Senra: Pregunta dirixida á Comisión Europea en relación ao control público das vacinas


Declaracións da eurodeputada Lídia Senra: Pregunta dirixida á Comisión Europea en relación ao control público das vacinas.  | Declaracións da eurodeputada galega Lídia Senra. |Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).


A pregunta dirixida á Comisión Europea o pasado mes de agosto, non vai de vacinas si/ vacinas non”. Vai de que se garanta a transparencia, a información, de que os poderes públicos garantan a seguridade fronte ao poder dos laboratorios, e da non obrigatoriedade no contexto europeo (cousa que non é diferente ao que xa existe no Estado Español).

[Texto íntegro]

Respeto moito as diversas opinións e críticas que xurdiron con motivo desta pregunta, e ao mesmo tempo quero aproveitar para agradecer profundamente as mostras de solidariedade”.

Ámbalas dúas cousas (as críticas e a mostras de solidariedade) son un valioso estímulo para seguir preguntando á Comisión Europea; cousa que seguirei facendo. Penso que non se pode ter medo a facer preguntas”.

Eu seguirei preguntando e seguirei traballando para que as decisións políticas que afectan á saúde e á seguridade de todos os medicamentos non estean condicionadas polos intereses das farmacéuticas. Seguirei traballando para demandar investigación pública, e que as Administracións públicas sexan o garante de que o único que vai primar á hora de tomar decisións sexa a saúde”.

Isto é algo que levo facendo neste Parlamento desde o primeiro momento, cando en outubro do 2014 no marco da posta en marcha da actual Comisión Europea me dirixín ao Presidente Juncker para que a Axencia Europea do Medicamento permanecera na Dirección Xeral de Saúde e Consumo e non na Dirección Xeral de Industria,  como pretendían”.

[Texto íntegro]

Dende a miña responsabilidade como deputada no Parlamento Europeo, seguirei traballando na defensa da sanidade pública fronte as política neoliberais que está poñendo en marcha o Partido Popular para privatizalas. Cando o PP lanzou fai uns días este ataque contra min, repito, por unha pregunta rexistrada no mes de agosto, seguramente pensou que lle podería servir para tapar o debate, o malestar social  sobre o deterioro da sanidade e a falta de medios, e  as mobilizacións que está habendo na Galiza na defensa da Sanidade Pública”.

Queremos investigación pública e control público na Sanidade. Nas vacinas, nos medicamentos, nos tratamentos, na investigación...  A saúde é un dereito polo que temos que loitar con todas as nosas forzas. Estas foron as miñas razóns para preguntarlle á Comisión Europea pola información e o control público sobre as vacinas”.

Estrasburgo, 12 de Decembro de 2017
---
Lídia Senra Rodríguez. | Eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

lidia.senra@europarl.europa.eu     

Máis información:
http://ageuropa.gal/

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
12 de dezembro de 2017 19:37

________________

luns, novembro 27, 2017

34 persoas de 18 colectivos diferentes de defensa do monte viaxarán ao Parlamento Europeo o 6 e 7 de decembro a proposta da eurodeputada galega Lídia Senra, onde denunciarán o desleixo da Xunta, que en conivencia cos intereses da industria celulosa, non está a protexer os xacementos arqueolóxicos Iniciativa para sensibilizar á UE da destrución de patrimonio galego que está provocando o eucalipto


Iniciativa para sensibilizar á UE da destrución de patrimonio galego que está provocando o eucalipto. | 34 persoas de 18 colectivos diferentes de defensa do monte viaxarán ao Parlamento Europeo o 6 e 7 de decembro a proposta de Lídia Senra. | Denunciarán o desleixo da Xunta, que en conivencia cos intereses da industria celulosa, non está a protexer os xacementos arqueolóxicos.

A eurodeputada galega Lídia Senra promoverá unha serie de actividades encamiñadas a internacionalizar no Parlamento Europeo a problemática de eucaliptización que sofre o patrimonio galego. Así o anunciou este venres pola mañá, durante unha rolda de prensa que deu en Santiago, acompañada polo presidente da Asociación Mariña Patrimonio, Manuel Miranda Ruíz. Senra explicou que un total de 34 persoas pertencentes a 18 colectivos diferentes de defensa do patrimonio cultural, arqueolóxico e natural, ecoloxistas, arte rupestre e montes viaxarán até Bruxelas os días 6 e 7 de decembro para denunciar no ente comunitario a situación de ameaza que está a provocar o monocultivo de eucalipto na nosa terra.

A europarlamentaria explicou que a visita foi pensada tendo en conta que o próximo ano, 2018, será declarado pola UE como o Ano Europeo do Patrimonio Cultural e, neste contexto, é un bo punto de partida que se poña en valor o patrimonio cultural que albergan os nosos montes e que “está ser destruído a consecuencia da falta de interese por parte de quen debería conservalo, que son as Administracións públicas”. “Esta visita é oportuna para contribuír a visibilizar na UE o que pasa na Galiza”, dixo. Así, Senra reclamou que o eucalipto sexa declarado como especie exótica invasora e criticou a resistencia que está poñendo o Estado español no marco do Convenio de Berna do Consello de Europa, en conivencia coa industria forestal, para que isto sexa posible.

Manuel Miranda acusou á industria celulosa do eucalipto de estar provocando unha destrución masiva do patrimonio arqueolóxico, “como demostran os centos de denuncias presentadas nos últimos anos” e tendo en conta que “só se denuncia unha pequena parte do total de agresións”. Neste contexto, Miranda explicou que “queremos informar á UE e denunciar alí o que non está facendo a Xunta aquí para protexer o patrimonio”. “A xunta está mirando para outro lado e está incumprindo o seu deber, tamén moral, de protexer o patrimonio, atendendo aos intereses dunha industria celulosa totalmente insensible e irresponsable”, afirmou. “Os xacementos arqueolóxicos están protexidos pola lei e non se poden danar para plantar eucaliptos nin outras árbores. Polo tanto, a Xunta debe actuar e facer cumprir a lei, algo que non fai”, denunciou.

Para o representante de Mariña Patrimonio, a relación entre a Xunta e a industria celulosa é “como mínimo de corrupción, desleixo e complicidade”. “A sociedade ten claro que a Xunta non actúa na defensa do patrimonio porque hai intereses comúns coa industria celulosa. Din que hai que plantar eucaliptos porque esa industria é moi rendible. Se é así, deberían empregar parte desa rendibilidade en protexer os xacementos arqueolóxicos e non en destruílos”, argumentou. Ante esta situación, defendeu que “non queda outro remedio que que a sociedade civil, as asociacións, actuemos”. “Estamos seguros de que podemos atallar esta desfeita. Hai que esixirlle á Xunta e á industria que cumpran as leis autonómicas, estatais e europeas. Tócanos denunciar publicamente a industria do eucaliptos e explicarlles aos consumidores europeos que estamos ante unha industria que destrúe boa parte do patrimonio europeo”, insistiu.

No grupo de persoas que se desprazarán a Bruxelas para participar desta iniciativa, haberá membros do Sindicato Labrego Galego, do SOS Arte Rupestre Galega, da Sociedade Antropolóxica Galega, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, do Colado do Vento, de Cousa de Raíces, da Asociación para o Fomento do Deseño Sostible Kunterbunt, de Adega, da Asociación Nordés, da Asociación Amig@s de historiadegalicia.gal, do colectivo A Rula, da Asociación Mariña Patrimonio, da Asociación Cultural Irmandade de Santo Estevo, de Amigos do Patrimonio de Castroverde, de Anova Terra, Umia Vivo, Irmandade Illa de Tambo e do Colectivo da Defensa do Patrimonio A Forneiriña.

Durante a visita ao Parlamento Europeo, a delegación galega reunirase con representantes da Comisión Europea competentes na materia para explicarlles a situación que se está a vivir na Galiza, e tamén con eurodeputados doutros países, especialmente alemáns, xa que a maior parte da produción de Ence é exportada. Concretamente, un 23% vai para Alemaña, un 16% vai para Italia, e só o 5% queda no Estado español. O obxectivo é sensibilizar á poboación internacional do problema que arrastra a política da pasteira e a eucaliptización na nosa terra e esixirlle á comunidade internacional que fagan cumprir os mínimos de respecto á natureza, patrimonio e desenvolvemento sostible do monte. “O 95% da celulosa que produce Ence vai para o mercado europeo e desgraciadamente o mercado europeo non sabe o custe que ten esa celulosa para o patrimonio galego e polo tanto europeo. Queremos que o consumidor europeo saiba que eses folios que usa están provocando unha destrución masiva do noso patrimonio”, explicou Miranda.

Tamén se levarán a cabo unha serie de coloquios centrados en “A destrución do patrimonio galego por parte do sector industrial madeireiro”, “O desleixo da Xunta de Galiza co patrimonio cultural galego e a problemática dos incendios” e “Artellando solucións para protexer o patrimonio fronte á eucaliptización”.

Senra defendeu na rolda de prensa que unha sociedade “non se pode rexer pola rendibilidade económica que poida ter para uns poucos a plantación dunha especie en concreto, porque o monte ten un valor máis alá da rendibilidade económica dun monocultivo. Aporta biodiversidade e moitísimas cousas que necesitamos como o dereito a ter auga libre de contaminación”. “Cando un monocultivo se implanta a biodiversidade pérdese. Estamos falando de que está en perigo o futuro de toda a sociedade, non só de catro empresas multinacionais que se lucran de poñer o país a monocultivo de eucalipto”, dixo. Así, defendeu que o monte “é a despensa das granxas e das casas labregas e esa ten que seguir sendo unha das súas funcións. Hai que facer unha política agraria que contemple o monte como un complemento da agricultura”. Tamén chamou a reflexionar sobre as miles de perdas que xera o lume neste país. “A sociedade está contribuíndo economicamente a apagar eses lumes para o rendemento desa industria”, dixo. “A extinción máis eficaz é a prevención e a prevención pasa por non perder persoas que traballen as terras agrarias ou por acabar co monocultivo de eucalipto e por unha política agraria que volva a agroecoloxía”, concluíu.

Santiago, 24 de novembro de 2017. 

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/
Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
24 de novembro de 2017 13:38
___________________

luns, novembro 06, 2017

A presidenta e o vicepresidente da Comisión FEMM do Parlamento Europeo reciben o martes á delegación galega de En Negro Contra as Violencias Machistas - A eurodeputada Lídia Senra acompañará á delegación de case medio cento de representantes de entidades locais e provinciais galegas integradas na campaña que chegan xa hoxe pola tarde a Bruxelas - A concelleira de Igualdade de Santiago, Marta Lois, presentará na reunión o pacto social municipal contras as violencias machistas e tamén está prevista unha acción de visibilización na rúa - Previsión: Martes 7 de Novembro 2017 en Bruxelas da Presentación internacional da campaña galega

A campaña galega En negro contra as violencias machistas chegou xa á sede do Parlamento
Europeo en Bruxelas. Benvidas!!  Tarde do luns 6 de novembro de 2017

A presidenta e o vicepresidente da Comisión FEMM do Parlamento Europeo reciben o martes á delegación galega de En Negro Contra as Violencias Machistas. | A eurodeputada Lídia Senra acompañará á delegación de case medio cento de representantes de entidades locais e provinciais galegas integradas na campaña que chegan xa hoxe pola tarde a Bruxelas. | A concelleira de Igualdade de Santiago, Marta Lois, presentará na reunión o pacto social municipal contras as violencias machistas e tamén está prevista unha acción de visibilización na rúa.


A presidenta e o vicepresidente da Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero (FEMM) do Parlamento Europeo, a lituana socialista Vilija Blinkeviciute e o portugués membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) Joao Pimenta Lopes, respectivamente, así como outros eurodeputados e eurodeputadas de FEMM de diferentes países recibirán este martes no edificio da Eurocámara en Bruxelas á delegación de case medio cento de representantes municipais e provinciais galegas que chegan este luns pola tarde á capital belga para presentar a campaña En Negro contra as violencias machistas. O grupo galego, encabezado pola concelleira de Igualdade de Santiago de Compostela, Marta Lois, estará acompañado en todo momento e será presentado aos representantes internacionais pola eurodeputada galega tamén membro do GUE/NGL Lídia Senra.

A reunión terá lugar ás 10:00 horas da mañá do martes, na sala E1E do Parlamento Europeo, e nela Marta Lois, arroupada polo resto de integrantes da delegación, presentaralle aos representantes da Comisión FEMM o Pacto social municipal galego contras as violencias machistas. Posteriormente, ás 11:30 horas, terá lugar unha acción de visibilización da campaña galega na explanada de diante do Parlamento Europeo. O obxectivo: Que Galiza simbolice na institución comunitaria a repulsa e a loita colectiva contras as violencias machistas, na antesala do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A campaña En Negro contra as Violencias Machistas, posta en marcha hai tres anos polo Concello de Santiago por primeira vez, conta neste 2017 con 72 concellos de toda Galiza adheridos a ela e case 3.000 establecementos de todo tipo.

A eurodeputada Lídia Senra amosa o seu apoio a esta iniciativa, no marco da reivindicación que realiza constantemente para que a loita contra a violencia machista e pola igualdade de xénero sexa unha prioridade nas políticas do Parlamento Europeo. “Non é suficiente con amosar de palabra que se está en contra do machismo, hai que demostralo con feitos, poñer en marcha iniciativas que promovan a igualdade real e a fin da violencia. O Parlamento Europeo debería ser máis firme nestas cuestións. En varias ocasións temos asistido no pleno a comentarios machistas por parte de membros do Parlamento Europeo, un Parlamento que, por certo, non é paritario nin de lonxe (só o 37% dos escanos están ocupados por mulleres)”, defende Senra. “É necesario impulsar medidas que acaben co nesgo machista na aplicación das leis, e que blinden a tolerancia cero coa violencia machista, os cargos públicos que exerzan violencia machista deben ser cesados fulminantemente. Os casos de acoso que están saíndo á luz, tanto no Parlamento Europeo como noutras institucións son intolerables. Precísanse actuacións contundentes para acabar con estas situacións de violencia machista para sempre. Se non somos contundentes nas institucións, que leccións estamos dando á sociedade?”, declara a europarlamentaria.

A delegación de medio cento de persoas galegas que viaxa a Bruxelas esta semana está integrada por deputadas provinciais da Deputación de Lugo e de Pontevedra, concelleiras e concelleiros, responsables municipais de Centros de Información ás Mulleres e técnicas locais de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Muros, Salceda de Caselas, Rianxo, Ribadeo, Fisterra, Val do Dubra, Lugo, Ames, Cerdido, Ortigueira, As Pontes, Cambre e Becerreá.

Segundo os datos da última Macroenquista de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, un 13% das mulleres residentes no Estado español de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella; un 26% violencia psicolóxica de control como celos, control de horarios e actividades; e un 20% violencia psicolóxica emocional como insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc. Desde 2003 até maio do 2017, a Delegación do Goberno rexistrou 53 asasinatos machista na Galiza e 780 no Estado español.

En Negro contra as Violencias Machistas naceu no 2015 da man do Concello de Santiago, que puxo en marcha a campaña Compostela, en Negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementoscomerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres. A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista. Partindo desta práctica inicial, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social da campaña, no 2016, xa 16 concellos máis uníronse para desenvolveren conxuntamente a campaña En negro, contra as violencias. Neste 2017, xa son máis de 70 os concellos adheridos que intentan así situar na axenda política esta loita e como gran novidade está tamén o salto que darán esta semana ao Parlamento Europeo.

A iniciativa enmárcase dentro das actividades que terán lugar ao longo de novembro para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, 25 de novembro, así instaurado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999 convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

Bruxelas, 6 de novembro de 2017.
---

Previsión: Martes 7 de Novembro 2017 en Bruxelas, no Parlamento Europeo: Presentación internacional da campaña galega "En Negro contra as Violencias Machistas".

Unha delegación integrada por case medio cento de representantes municipais e provinciais galegos, encabezada pola concelleira de Igualdade de Santiago de Compostela Marta Lois e acompañada pola eurodeputada galega Lídia Senra, presentarán este martes no Parlamento Europeo a campaña En Negro contra as Violencias Machistas, na que participan 72 concellos de toda Galiza e case 3.000 establecementos de todo tipo. | Acceder/Baixar Programa.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). Facebook e Twitter.

lidia.senra@europarl.europa.eu      
http://ageuropa.gal/

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
6 de novembro de 2017 11:59
6 de novembro de 2017 17:34

_________________