Amosando publicacións coa etiqueta Movimento Obreiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Movimento Obreiro. Amosar todas as publicacións

xoves, febreiro 03, 2022

Reforma laboral; derrogación ou claudicación?, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández [*]
03.02.2022


Esta reforma laboral é unha claudicación ante os poderosos, é unha concesión a patronal, é a menos boa que se podía facer, que non a mellor, é insuficiente e sobre todo non é o que prometeron.

Acordo, consenso, dialogo social, palabras valeiras que serven para esconderse e non admitir a claudicación ante a patronal e a ala dereita do goberno.

As liñas vermellas ao final estaban pintadas con xiz e non con principios. Prefiren agacharse ante a patronal que enfrontarse a ela para defender os intereses da clase traballadora, clase traballadora a quen din representar e a quen piden o voto nas eleccións.

Cando goberna a dereita impón a reforma laboral ao ditado da patronal, cando goberna a suposta esquerda apela ao diálogo social e ao pacto coa patronal, ao final perdimos 10 e recuperamos 3, a cousa queda en -7.

A reforma laboral é un acordo de trileiros para facernos crer que temos gañado, cando seguimos perdendo.

CCOO e UGT fai tempo que teñen deixado de representar a clase traballadora, cando falan do acordo dos axentes sociais están falando do Goberno, Patronal e CCOO/UGT.  Un acordo de mínimos que non cumpre co mínimo esixible.

A ansia dos medios de comunicación en mans do capital por convencernos de que a Reforma Laboral é boa xa debería de poñernos sobre aviso, porque os medios teñen amos e defenden os seus intereses, non os nosos.

A esquerda pedía unha verdadeira derrogación pero non se fixo.

Os 7 puntos que BNG, BILDU, ERC e CUP poñían sobre a mesa para apoiar a reforma laboral non foron aceptados

1. Se recuperará e establecerá a prevalencia e prioridade aplicativa dos acordos e convenios colectivos provinciais e autonómicos, así como a blindaxe xurídico dos Acordos Interprofesionais autonómicos onde efectivamente estes existan. Se recoñecerán e blindarán así os marcos laborais propios dos diferentes territorios e os acordos e convenios colectivos neles acadados.

2. Se recuperará a necesaria autorización administrativa da autoridade laboral no control dos despedimentos colectivos a través dos Expedientes de Regulación de Emprego, recuperando para elo as causas obxectivas previas a Reforma Laboral do 2012.

3. Se especificarán medidas para atallar a precariedade e as posibilidades de descolgue salarial, centrada nunha revisión e modificación das causas e procedementos do despedimento, así como dos procesos de modificación substancial das condicións de traballo baixo as causas de “perdas” previstas actualmente. Así mesmo, o descolgue das condicións laborais e salariais baseado en causas xustificadas deberá quedar condicionada ao acordo coa representación sindical.

4. Se recuperará a indemnización por despedimento improcedente, incrementando a súa contía aos 45 días por ano traballado ata un máximo de 42 mensualidades para os despedimentos declarados improcedentes. Así mesmo se recuperarán os salarios de tramitación.

5. Se recuperará a prioridade aplicativa dos convenios sectoriais sobre os de empresa. Aos convenios de empresa lles corresponderá a función de adecuación e mellora das condicións fixadas nos convenios colectivos sectoriais, que constituirán o chan mínimo das condicións  en todas as  empresas do sector.

6. Se restaurarán as limitacións das empresas para a mobilidade  xeográfica colectiva e se recuperará a necesidade  de acordo  para a regulación da xornada.

7. Se incluirán propostas  orientadas a reordenación do tempo de traballo e a redución da xornada laboral, para facilitar a conciliación da vida laboral e persoal así como o reparto o emprego e o traballo, dende a perspectiva da transformación cara un novo modelo de relacións laborais en consonancia coa transición enerxética, dixital e demográfica.

Persoalmente e como traballador subscribo os 7 puntos ao 100%. Uns puntos que como sindicalista parece-me irrenunciables para que a clase traballadora recupere realmente os dereitos que nos roubaron coa anterior reforma laboral feita ao ditado da patronal.

A palabra ou se respecta ou non se ten.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
3 de fevereiro de 2022 09:45

_______

Hoxe en Ferrol na Praza de Armas ás 12 do mediodía - A CIG convoca concentracións este xoves 3 de febreiro para esixir a derrogación das reformas laborais - Demanda das forzas nacionalistas e de esquerda que non avalen co seu voto unha lexislación que consolida a precariedade


Con motivo do debate e votación no pleno do Congreso dos/as Deputados/as do RD/lei 32/2021, a CIG ten convocadas mobilizacións de delegadas e delegados o próximo xoves, 3 de febreiro, para amosar o seu total rexeitamento á nova reforma laboral. A central insta as forzas nacionalistas e de esquerda a non validar unha normativa que consolida a precariedade e reclama unha nova lexislación que permita recuperar os dereitos roubados e mellorar as condicións de traballo para termos emprego e salarios dignos.

HORAS E LUGARES DAS CONCENTRACIÓNS

A Coruña, ás 12h, na Delegación do Goberno (Praza de Ourense).
Vigo, ás 11, diante da Dirección Provincial do SEPE.
Pontevedra, ás 12h, na Subdelegación do Goberno
Ferrol, ás 12h, na Praza de Armas
Compostela, ás 11h, na Praza de Galiza.
Lugo, ás 12h, na Subdelegación do Goberno
Ourense, ás 11h, na Subdelegación do Goberno

Con estas concentracións a CIG dá continuidade ás mobilizacións realizadas o pasado domingo 30 de xaneiro contra este novo pacto social “que vén enterrar máis dereitos laborais e que significa consolidar as reformas de 2010 e 2012”, ao seguir dándolle a patronal todo o poder para que poida despedir fácil e barato, aplicar ERE, ERTE e modificacións substancias das condicións de traballo, baixar salarios e estender a precariedade e a pobreza laboral.

Esta reforma, pactada no diálogo social e que se quere impoñer no Congreso, é un novo instrumento que vai favorecer as nefastas políticas do PP e de Feijóo en Galiza e constitúe a peor solución para afrontar de maneira xusta a crise social e industrial que padece o noso país, a actual carestía da vida e os cambios que se están a dar no mundo do traballo resultado dos procesos da descarbonización e dixitalización.

Por iso, a CIG seguirá esixindo a derrogación inmediata das reformas laborais de 2010 e 2012 e reivindicando o dereito a negociar os convenios colectivos no noso país, de xeito que as persoas traballadoras poidamos decidir sobre as nosas condicións de traballo e que non sexan as cúpulas sindicais as que o fagan por nós dende Madrid.

Fonte: Avantar | 01.02.2022

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
02 de fevereiro de 2022 8:00

_______

martes, febreiro 01, 2022

Carta de Rafael Pillado anunciado que padece cancro producido polo amianto


Este domingo 30 de xaneiro de 2022, Rafael Pillado facía público que padece cancro producido polo amianto. Na súa mensaxe manifesta que non quere que a súa enfermidade quede oculta e denuncia aos responsábeis dos miles de asasinatos silenciosos que causa o amianto. Desde o Colectivo Ártabra 21, pensamos que podemos falar por todos os seus membros, sentimos con dor a noticia. Para nós Rafael sempre é unha referencia, pola súa forza, ánimo e compromiso con todas as causas xustas, non só pola súa pegada na Historia deste pobo, en particular no mundo obreiro, senón pola súa actitude de dignidade, loita e solidariedade. Aínda que non compartamos todas as súas posicións políticas, si admiramos e respectamos a Rafael, porque del emanan valores para facer o ben e evitar o mal. É unha persoa que practica a ética na acción e non nos deixa indiferentes. Construtor de pontes, creador de iniciativas, sempre no camiño de facer o ben común e compartir a felicidade coas persoas. Ánimo Rafael, admiramos a túa actitude e desexamos de corazón que venzas a enfermidade.
 
Carta de Rafael

Estimadas amigas e amigos: estes días recibín a mala noticia de que padezo cancro. Cancro producido polo amianto. Un mesotelioma que limita o meu tempo de vida.

No transcurso de ese tempo, quero pedirvos que informedes a todo o mundo. Non quero que a miña enfermidades e a de tantos afectados, sexa clandestina. Pretendo ademais que a miña reclamación sexa ocasión para denunciar aos responsables dos nosos asasinatos silenciosos. Unha ditadura fascista que tras ser financiada pola Banca March, recibiu do ditador autorización en exclusiva para importar sen límites, o amianto, e que a través de Uralita contaminou a auga, as terras, os tellados i edificacións, e mata e sigue matando a miles de persoas.

Pretendo tamén contribuír, mentres dure, a celebración do 50 Aniversario do 10 de marzo de 1972.

Aperta forte, sempre.

Ferrol, 30 de xaneiro de 2022

Rafael Pillado


[*] Rafael Pillado Lista, San Cibrao (Cervo) o 12 de xuño de 1942, xubilado de BAZAN, é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Foi un activista sindical e político nos anos da ditadura franquista, sen deixar nunca a súa actividade social e política. Foi condenado polo TOP (Tribunal de Orden Público da Ditadura Franquista), no chamado proceso dos 23 de Ferrol, polos sucesos de Marzo do 72, polo que foi encarcerado en Carabanchel e con anterioridade na prisión da Coruña. Foi Secretario Xeral do PCG e foi concelleiro en Ferrol co PSOE no que estivo afiliado até finais 2011. Participou no Encontro Social e na Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra e nas Marchas da Dignidade de Ferrolterra. Agora está ligado a Podemos. Escribe artigos sobre a actualidade nos medios locais. Ten escrito un importante e moi interesante libro sobre unha parte da nosa historia recente "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)". E xa en decembro de 2019, publicou o segundo volume das súas memorias: "A dura luz da memoria | PALABRAS AFIADAS | Memorias colectivas de Rafael Pillado - II".

Foto: Rafael Pillado, histórico sindicalista ferrolán | Rafa Vázquez
_______

xoves, xaneiro 27, 2022

Representantes da comisión 'Dez De Marzo Cincuenta Aniversario' entrevistaron-se esta semana co Alcalde de Monfero e con menbros do Comité de Empresa de Navantia Ferrol


A comisión 'Dez De Marzo Cincuenta Aniversario', integrada por membros das asociacións Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, continúan coa lobor de contactar co tecido institucional e social das comarcas, na busca de apoios para a celebración dos actos con motivo do 50 aniversario de Marzo do 72 (Día da Clase Obreira Galega) que se celebrarán no transcurso deste ano 2022. Esta semana entrevistaron-se con Andrés Feal Varela (Alcalde de Monfero) e mantiveron unha xuntanza con membros do Comité Empresa de Navantia Ferrol.

Entrevista co Comité Empresa Navantia Ferrol


O mércores 26 de xaneiro, continuando o percorrido por Alcaldías, Institucións, Entidades, Empresas … estivemos, con moita satisfacción no cerne e raíz dos acontecementos do Dez de Marzo do 72, na antiga BAZÁN.

O que fora histórico dirixente do PCG e sindicalista de CCOO Rafael Pillado, un dos que sufriron en maior grao a represión da ditadura, acompañado de Manuel Fernández Pita e Fernando Ocampo, representando as Asociacións Culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, se entrevistaron co COMITÉ DE EMPRESA DE NAVANTIA FERROL para facerlles partícipes do seu interese en conmemorar con toda solemnidade o 50º Aniversario daquel Dez de Marzo – Día da Clase Obreira Galega – e de reivindicar aquela data e aqueles feitos como patrimonio  da Clase Traballadora, non so como legado histórico de organización sindical e solidaria, do seu protagonismo na loita polas liberdades, contra o réxime franquista  e pola democracia, senón tamén como ferramenta insubstituíble no momento actual e lección para o futuro.

Presentámoslle o noso Manifesto, a nosa intención de resituar e colocar no lugar dos feitos e poñer en valor o Monumento ao 10 de Marzo, obra de Xoán Braxe, e contáronlles os seus proxectos de actividades ao longo de todo o 2022, nos eidos culturais, artísticos, sindicais, do feminismo, da política, da convivencia social convidándolles a participar deles e a divulgalos. Ambas Asociacións agradecemos enormemente a súa acollida, a atención e o interese prestados e agardamos –logo do seu debate interno– a súa moi valiosa colaboración como Comité, como Organizacións Sindicais e persoalmente como traballadores comprometidos.

Visita ao Alcalde de Monfero

O martes 25 de xaneiro, Beatriz Rascado e Fernando Ocampo representando as Asociacións Culturais Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán, visitaron a Andrés Feal Varela, Alcalde de Monfero, para comentarlle os proxectos de ambas asociacións respecto do 50 Aniversario do Dez de Marzo de 1972, Día da Clase Obreira Galega, que ao longo deste ano imos conmemorar. Actos que se irán sucedendo por todas as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal dun xeito transversal en torno á Cultura, á Política, o Feminismo o Sindicalismo, o Ensino… implicando a todos os sectores da sociedade. Quedamos moi agradecidos da boa acollida que o Alcalde nos dispensou e sentamos bases e disposición de colaborar nos próximos meses.

10 de Marzo de 1972
50 Aniversario
Memoria e Dignidade


Achegamos: Manifesto. Relación de Adhesións. Logotipo.

Contacto:
10m72.50aniversario@gmail.com

Facebook:
Dez de Marzo Cincuenta Aniversario.

Documentos:

✔ Selo Logotipo 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

✔ Manifesto do 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

✔ Apoios ao Manifesto do 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

Enviado por:
10M72 50Aniversario
-10m72.50aniversario@gmail.com-
25 de janeiro de 2022 22:16
26 de janeiro de 2022 20:38

_______

sábado, xaneiro 22, 2022

Non á fraude da nova reforma laboral - A CIG convoca 11 mobilizacións o domingo 30 de xaneiro para esixir a derrogación real das reformas laborais - En Ferrol ás 12 do mediodía en Esteiro

A CIG, como xa anunciara a pasada semana, convoca unha xornada de mobilizacións nas sete cidades e en Vilagarcía, Viveiro, Ribeira e Cee para o domingo 30 de xaneiro, en rexeitamento á fraude que supón a nova reforma laboral e para esixir a derrogación das reformas impostas dende o ano 2010. Ademais, o día que se celebre o Pleno do Congreso no que se convalide o RD/lei 32/2021, que previsibelmente será o 3 de febreiro, a CIG tamén se concentrará diante Delegación do Goberno na Coruña e nas Subdelegacións de Pontevedra, Ourense e Lugo.

Ademais, esta xornada de mobilizacións do domingo 30 vaise desenvolver de xeito conxunto en Galiza, Euskal Herria e Catalunya en resposta ao novo ataque á clase traballadora que supón esta reforma laboral que significa maior precariedade e o aumento da centralización da negociación colectiva.

Non á fraude da nova reforma laboral

Coa aprobación do RD/Lei 32/2021, o Goberno de PSOE e Unidas Podemos incumpriu a promesa que tantas veces anunciara, posto que non se derroga a reforma laboral de 2012 imposta polo PP.

No acordo do “diálogo social” do que emana esta nova normativa, tanto o Goberno como UGT e CCOO pregáronse aos intereses da patronal. O pacto social evidénciase unha vez máis como o enterrador dos dereitos dos traballadores e das traballadoras. O texto desta nova reforma, ademais de manter as medidas máis lesivas da do PP, incorpora outras novas que favorecen o empresariado á conta, outra vez, da clase obreira:

✔ O despedimento segue a ser igual de fácil e barato e mantense a barra libre das empresas para os despedimentos colectivos.

✔ Non se recuperan os salarios de tramitación nos despedimentos improcedentes.

✔ Non se recupera a nulidade dos despedimentos en fraude de lei.
   
✔ Segue en vigor o 10% da desregulación da xornada laboral.
   
✔ Incorpóranse novos contratos de formación e temporais, e modalidades de ERTE, que afondarán na precariedade. Ademais, créase unha nova modalidade de traballador/a precario/a baixo o novo contrato fixo-descontinuo.

✔ A nova modalidade de ERTE facilita o traspaso de cartos públicos a través das bonificacións nas cotas a Seguridade Social, mentres argumentan que a caixa das pensións está quebrada.

✔ Mantense a prevalencia do convenio estatal fronte aos convenios galegos e provinciais, e tamén que os convenios de empresa poidan empeorar os convenios sectoriais, agás nos salarios

Nin pacto social, nin reforma laboral!

Domingo 30 de xaneiro, mobilízate coa CIG!

Horas e lugares das mobilizacións:

    ✔ A Coruña: ás 12h, na Praza de Vigo.
    ✔ Ferrol: ás 12h, no local sindical CIG na Avda. do Esteiro.
    ✔ Lugo: ás 12h, no Edificio Sindical (Ronda da Muralla).
    ✔ Ourense: ás 11.30h, no Edificio Sindical (Parque de San Lázaro).
    ✔ Pontevedra: ás 12h, na Praza da Ferrería.
    ✔ Santiago de Compostela: ás 11.30h, na Praza Roxa.
    ✔ Vigo: ás 12h, desde a Dobrada.
    ✔ Vilagarcía: ás 12h, na Casa do Mar.
    ✔ Viveiro: ás 12h, na Praza do Concello.
    ✔ Ribeira: ás 12h, na Praza do Concello.
    ✔ Cee: ás 12h, diante do Concello

Fonte: Avantar - 17.01.2022

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
22 de janeiro de 2022 8:46

_______

xoves, xaneiro 20, 2022

Artigos de André Abeledo - Verdades incómodas sobre o conflito entre Rusia e Ucrania - Pacto social sen xustiza social


Verdades incómodas sobre o conflito entre Rusia e Ucrania

O 2 de maio de 2014, decenas de opoñentes do Goberno NAZI-FASCISTA de Kiev morreron nesta cidade ucraniana de Odessa, abrasados por un incendio provocado na Casa dos Sindicatos, trás protagonizar violentos enfrontamentos con extremistas do grupo radical Pravy Sektor e os seus simpatizantes.

Os NAZI-FASCISTAS queimaron o edificio sindical con máis dun centenar de persoas dentro, a maioría morreron queimados, entre eles un neno de corta idade, os que se tiraban polas fiestras para fuxir das chamas eran rematados a paus polos NAZIS que apoian ao goberno Ucraniano.

Os EEUU, a OTAN e a Unión Europea apoiaron a aquel goberno NAZI-FASCISTA Ucraniano no seu enfrontamento coas provincias rebeldes, provincias cunha maioría de poboación rusa, e  no enfrontamento coa mesma Rusia.

Alimentar ao monstro e fortalecelo como bo burgués asustado leva a que agora o FASCISMO e o racismo tamén sexan goberno, ou poidan selo, en outros países de Europa.

Aqueles crimes e outros moitos teñen quedado impunes en Ucraína.

A oligarquía nacionalfascista, incluíndo aos seus mamporreros políticos e periodistas, defenderon ao asasino Sternenko.

Aqueles crimes que Occidente non quixo ver, aquel fascismo que Occidente apoiou, aquel conflito onde a OTAN tomou partido por un goberno NAZI e golpista que había tomado o poder en Kiev, é o mesmo que agora ameaza ao mundo como pandemia ideolóxica tan perigosa como calquera coronavirus para toda a humanidade.

O actual conflito na fronteira entre Ucraína e Rusia ten unha historia, un contexto, e uns motivos, que Occidente esconde a súa opinión pública.

Existe unha campaña antirrusa que se guía por "a máxima de Goebbels de que unha mentira repetida mil veces convértese nunha verdade", onde o obxectivo do mantra de que 'Moscú é culpable de todo' –dende a crise enerxética en Europa, ata todo tipo de ataques informáticos, pasando pola súa 'man' detrás do independentismo catalán–, e facer crer a cidadanía occidental de que Rusia é un inimigo a bater.

Unha campaña que non se limita a desinformación, senón que acompaña feitos ben concretos, como o golpe de Estado en Ucrania e a imposición dun Goberno de ideoloxía nazi, ao tempo que a OTAN non deixa de acumular tropas nas proximidades do territorio ruso.

Que faría EEUU si nas súas fronteiras potencias estranxeiras acumulasen tropas e armamento como medida de presión e ameaza?.

Porque iso está facenda a OTAN, ameazar as fronteiras rusas e tentar de desestabilizar a súa economía e tamén aos  seus aliados, como no caso de Bielorrusia, ou Kazajistán.

Podemos escoitar a opinadores falando da liberdade de Ucraína e da OTAN para aliarse, poñer mísiles na fronteira con Rusia, ou para armar ao exército Ucraniano.

Pero que pasaría si Rusia e Cuba decidisen poñer mísiles na illa?, supoño que outra crise dos mísiles e unha nova ameaza de terceira guerra mundial. Ese é o dobre raseiro dos medios Occidentais a hora de informar.

Como sempre a verdade é la primeira vítima da guerra, neste caso da nova guerra fría.

Como sempre dicir a verdade segue a ser un acto revolucionario.

---

Pacto social sen xustiza social

Pobres máis pobres e ricos máis ricos, traballadores máis pobres e multimillonarios noxentamente ricos.

Aumentan as desigualdades coa crise do COVID-19, os 23 mil millonarios que hai no Estado español son agora un 30% máis ricos, namentres aumenta a miseria, a pobreza e a desigualdade a pasos axigantados. Libre mercado o chaman, capitalismo en estado puro. E ante isto os gobernos dedícanse á caridade e esquecesen da xustiza social.

Os 10 homes máis ricos do mundo teñen duplicado as súas sus fortunas, namentres o 99% da poboación ve como a pobreza a distintos niveis arruína as súas sus vidas.

No Estado español os que ían a asaltar os ceos agora nos din que temos que ter os pés na terra, os que falaban de utopía agora nos falan de pragmatismo.

Fai xa moito tempo que os chamados axentes socias ao servizo do poder non defenden os nosos intereses de clase.

Non me sinto representado polos chamados "axentes sociais", nin pola patronal, nin por CCOO e UXT, como traballador non me representan.

Creo na necesidade dos sindicatos, de que as traballadoras e os traballadores deben estar organizados.

Pero CCOO e UXT UGT fai tempo que teñen deixado de defender os intereses da clase traballadora, fai tempo que teñen deixado de representar a maioría das traballadoras e dos traballadores.

Aqueles que temos coñecido o seu funcionamento interno, que temos visto como son os seus tratos e os seus sus acordos coa patronal en primeira fila, sabemos ben ata onde chega a traizón a clase traballadora de estes supostos representantes.

Sabemos que eses aparatos sindicais dos supostos "axentes sociais" están podrecidos ata a medula e que os mortos non son recuperables, CCOO e UXT son agora parte do problema e polo tanto non poden ser parte da solución.

Tamén sei que nas súas sus bases e entre os seus sus afiliados queda xente honesta, que como eu o fixen un día, estanse a equivocar ao pensar que se pode resucitar a un morto, ou que se pode cambiar o rumbo dun barco en mans de piratas, de mercenarios ao servizo do poder, desgraciadamente non se pode, pero supoño que cada un debe darse conta por si mesmo da triste realidade.

Foto: Masacre en Odesa, na Casa dos Sindicatos - Maio de 20214

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
20 de janeiro de 2022 13:57
17 de janeiro de 2022 16:08

_______

luns, xaneiro 10, 2022

A CIG e o BNG coinciden na necesidade de que o trámite parlamentario sirva para derrogar a reforma laboral - Delegacións das dúas organizacións, cos seus máximos responsábeis á cabeza, mantiveron unha reunión para abordar a nova normativa - Vídeo


O que se aprobou non é unha reforma laboral, senón un cambio lexislativo co que se pretende consolidar a peor versión da reforma do PP

Carril denuncia que estes cambios laborais foron pactados de xeito antidemocrático e excluínte


A CIG e o BNG coincidiron hoxe na necesidade de que o trámite no Congreso dos Deputados/as sirva para lograr unha verdadeira derrogación das anteriores reformas laborais ao RD/Lei aprobado no Consello de Ministras/os o pasado 28 de decembro. Delegacións das dúas organizacións, encabezadas polos seus máximos responsábeis, Paulo Carril e Ana Pontón, mantiveron unha xuntanza para poñer en común os cambios introducidos na lexislación laboral polo Goberno español de PSOE e Unidas Podemos.

Ao remate do encontro -no que tamén participaron a secretaria de Organización e o secretario de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Susana Méndez e Paco Sío, así como o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego- tivo lugar unha comparecencia diante dos medios de comunicación na que o secretario xeral da CIG explicou que o reunión serviu para constatar que “estamos ante unha non derrogación da brutal reforma laboral” aprobada polo PP en 2012 e que xa fora iniciada en 2010 polo PSOE. Dúas reformas laborais que levaron mesmo convocar unha folga xeral polo que significaba de “golpe de estado” aos dereitos da clase traballadora.

Carril denunciou que pese a “todo o envoltorio e a propaganda” coa que a presentan non é non reforma laboral, senón unha modificación lexislativa “coa que se pretende consolidar a peor versión posíbel da reforma laboral de 2012”, tendo en conta que pivota sobre dous aspectos que a central considera moi negativos.

O primeiro, a pretensión de configurar un mercado laboral no que o despido camiña cara a ser case libre pola facilidade que o empresariado ten para levalo adiante e porque resulta absolutamente barato, “cuestión que esta non reforma non toca”. E en segundo lugar, o feito de que se avance cara a un marco no que se pretende crear unha realidade de permanente temporalidade, eventualidade e inseguridade laboral a través de diferentes cambios introducidos na tipoloxía de contratos, “o que agora se chama flexiseguridade, pero que non deixa de ser precariedade”.

Ademais, mantense o poder absoluto da patronal á hora de tomar decisións sobre despidos individuais e colectivos, modificacións substanciais das condicións de traballo e descolgues salariais. Así como a estrutura da negociación colectiva, na que a prevalencia dos convenios estatais significa impedir os marcos propios de relacións laborais a través dos convenios autonómicos ou provinciais, “que se teñen demostrado unha ferramenta fundamental da clase traballadora para a conquista de dereitos e de mellora das condicións laborais”.

Deste xeito o protagonismo directo dos traballadores/as vese completamente anulado nunha reforma que pretende facer prevalecer “de forma moi agresiva” os marcos estatais da negociación colectiva e doutros mecanismos que contén para regular as condicións de traballo, como son os ERTE.

Ao mesmo, tempo continúan a prevalecer os convenios colectivos de empresa sobre os de sector. “Por iso a suba de salarios non é garantía de nada, xa que nos podemos atopar -como xa dicíamos cando a reforma de 2012- con dúas empresas do mesmo sector que aplican o convenio colectivo provincial pero que optan por descolgarse mediante un convenio propio, polo que pagarán o mesmo pero terán condicións laborais distintas. De xeito que nunha, por exemplo, o cadro de persoal traballará 50 horas máis que na outra”.

Por todo isto, Carril incidiu que esta reforma non se traduce en absoluto nunha restitución de dereitos nin tampouco no recoñecemento de novos dereitos ante unha situación tan grave como a que atravesa o mundo do traballo, especialmente en Galiza como consecuencia da crise industrial que padecemos polos procesos de dixitalización e robotización produtiva “ou pola mal chamada transición enerxética, que é máis un proceso de demolición”.

Fomento da precariedade

No que ten que ver cos aspectos referidos á contratación, o máximo responsábel da CIG censurou que a temporalidade “seguirá campando ás súas anchas” e fixo fincapé na fraude que significa o cambio na tipoloxía dos contratos sen pretender facer unha modificación lexislativa que permita erradicar a temporalidade e a precariedade.

Lamentou que apenas se incorpora á normativa o que xa se estaba a gañar mediante sentenzas xudiciais, así como que se pretenda tamén a universalización do fixo descontinuo e a ampliación das posibilidades das ETT, “que están no mundo do traballo dende 1994 e constitúan unha auténtico mercadeo de man de obra barata”. Neste senso, lembrou que durante a pandemia milleiros de traballadores/as de ETT foron vítimas do paro porque as medidas do “escudo social” non chegaron a eles/as.

Outra cuestión que criticou foi o fomento sa precariedade a través dos novos contratos formativos, polo que a pouca mocidade galega que non teña emigrado será “carne de canón” da explotación laboral, co complemento perfecto deste “cóctel molotov” que é a aprobación da lei orgánica de Formación Profesional. Xa que a través desa falsa formación dual para integrar a mocidade no mundo do traballo o que se busca é precarizar as condicións laborais da xente nova, que seguirá tendo baixos salarios.

Tampouco vemos que o convenio colectivo de actividade sexa un freo para a subcontratación, senón unha porta para que as empresas poidan seguir a cometer fraude e continúe a discriminación salarial e de condicións de traballo”. Porque as empresas subcontratas ou multiservizos que teñan convenio propio poderán manter esta situación discriminatoria.

En definitiva, para Carril os cambios introducidos son “insuficientes, inxustos ou inexistentes” e fan que se a anterior reforma “era mala” esta sexa “aínda peor”. Unhas modificacións feitas mediante actuacións “profundamente antidemocráticas e excluíntes”, tendo en conta que se pactaron no marco do chamado diálogo social e á marxe dos ámbitos institucionais aos que as organizacións sindicais máis representativas teñen dereito, entre elas a CIG.

Por iso cargou contra o feito de que se pretenda aprobar no Congreso dos Deputados/as sen posibilidade algunha de debate, “tendo en conta que xa naceu viciada porque se reduciu a unha negociación falta de transparencia e de participación democrática”. Por iso a semana pasada a CIG interpelou as forzas políticas soberanistas e de esquerdas a frear “este intento de golpe de estado ás relacións laborais”.

Finalmente, agradeceulle ao BNG que comparta a visión da central sindical a respecto da reforma e que apoie a reclamación de camiñar cara a unha “verdadeira e auténtica derrogación” das reformas anteriores “para recuperar os dereitos roubados e para conseguir novos dereitos”.

Fronte común no Congreso

Pola súa banda, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, apelou á necesidade de derrogar a reforma do PP para recuperar dereitos, enfrontar as graves eivas que padece o mundo do traballo e camiñar cara a unhas relacións laborais “que deixen atrás problemas estruturais como o paro, a precariedade, a falta de dereitos ou a fenda salarial” e denunciou que o RD/Lei aprobado polo Goberno non cumpre a promesa de derrogala.

Por iso cualificou de “decepcionante” este cambio lexislativo e considerou que a derrogación da reforma depende do traballo que se faga nas vindeiras semanas no Congreso dos Deputados/as durante a tramitación do RD/Lei. “É moi grave que se manteña o despido barato e outros dos aspectos máis lesivos dunha reforma que supuxo máis precariedade, perda de dereitos e menos oportunidades”, sinalou.

En consecuencia, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, apelou á necesidade de que as modificacións normativas se tramiten como proxecto de lei e non como real decreto para permitir un “cambio en positivo” que se traduza na completa derrogación da reforma, denunciou que supoñen un incumprimento tanto de promesas electorais das forzas que integran o Executivo español como de compromisos asinados por escrito e amosou a súa confianza en que a presión social obrigue o Goberno a derrogar a reforma do PP.

Finalmente, anunciou que a súa organización xa iniciou contactos con outras forzas soberanistas con representación no Congreso, como ERC ou Bildu, para facer unha fronte común contra un cambio normativo “lesivo para os intereses da maioría social”, tal e como a CIG reclamou publicamente a semana pasada.



Fontes: Avantar. - 03.01.2022 | Canle BNG. - 03.01.2022

Documentación

✔ Real Decreto-lei 32/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.  | Ir ao BOE.

Relacionado

Reforma laboral: consolida o modelo neoliberal. | Por Manuel Mera - 03 Xan 2022 | Ir á Web.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
5 de janeiro de 2022 14:53

_______