Amosando publicacións coa etiqueta Mundo Obreiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mundo Obreiro. Amosar todas as publicacións

venres, febreiro 17, 2012

O Consello Local de Esquerda Unida de Ferrol fai un chamamento a participar nas mobilizacións que o sindicalismo de clase está a convocar nestes días na defensa dos intereses das traballadoras e traballadores, da grande maioría social deste país

COMUNICADO DO CONSELLO LOCAL DE ESQUERDA UNIDA

Ferrol, xoves 16 de febreiro de 2012

O CONSELLO LOCAL DE ESQUERDA UNIDA FERROL MANIFESTA O SEU APOIO E ANIMA Á CIDADANÍA A PARTICIPAR NAS MOBILIZACIÓNS DO SINDICALISMO DE CLASE NA NOSA COMARCA PARA DERROTAR O GOLPE DE ESTADO LABORAL DO PP

“EU SE VOLCA EN DIFUNDIR A NECESIDADE DA LOITA E DA ORGANIZACIÓN DA CLASE TRABALLADORA PARA GAÑAR OS DEREITOS QUE NOS QUEREN ROUBAR O GOBERNO DOS BANQUEIROS E DA PATRONAL”, SINALA SUSO BASTERRECHEA

O Consello local de Esquerda Unida de Ferrol quere facer pública a súa participación nas mobilizacións convocadas polo sindicalismo de clase na nosa comarca nestes días para denunciar o golpe de Estado laboral que vén de ditar o Goberno do PP. En concreto se están a suceder nestes días diferentes convocatorias dos sindicatos de clase para artellar forzas contra un ataque sen igual dende a fin da ditadura franquista, e a nosa organización vai participar e apoiar as diferentes iniciativas no convencemento que suman esforzos a prol dun obxectivo común que é xusto.

Chamamos a participar ao conxunto da cidadanía, porque o ataque é contra a maioría social traballadora, cun especial acento na nosa comarca, a que se somete a dilacións e asfixias no tema de garantir nova carga de traballo e os novos investimentos produtivos (caso do dique flotante) para os estaleiros públicos de Ferrolterra.

Esquerda Unida vai repartir este venres de madrugada material informativo chamando a mobilizármonos contra o golpe de Estado no mundo do traballo nos estaleiros públicos de Bazán e Astano, para alimentar unha dinámica que coidamos indispensable fornecer: a da loita e organización das traballadoras e traballadores na defensa dos nosos dereitos. Dinámica que ten que desembocar nunha xeira de mobilizacións xerais e sostidas ate derrotar este órdago do capital e os seus capataces. A Fola Xeral constitúe unha das ferramentas que nesta loita temos que empregar as clases traballadoras.

Esquerda Unida participará nas mobilizacións do día 19 cunha faixa propia e repartirá material informativo coas nosas reivindicacións para achegar á sociedade as razóns e xustiza das mobilizacións que se convocan contra a política do Goberno do PP, Goberno de palla de banqueiros e patronal.

A nosa organización chama a desenvolver as loitas co máximo grao de unidade para achar deste xeito as forzas suficientes que permitan derrotar este Golpe de Estado contra as clases traballadoras. Nese alento de traballo e acción unitarias, Esquerda Unida compromete o seu traballo e influencia social.

PROLETARIOS DO MUNDO UNÍDEVOS

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
17 de fevereiro de 2012 13:49

_______________

mércores, febreiro 15, 2012

Máis mentiras ... é a guerra (laboral) , ... Por Xavier Vence Deza

Por Xavier Vence Deza [*]
15.02.2012

Ou como xustificar un golpe de man no réxime laboral

Nesta crise, coma nas guerras, a primeira que perde é a verdade. Levamos escoitado moitas nos últimos anos e calquera pode percatarse que o uso e abuso da mentira reiterada é un dos elementos clave da estratexia intoxicadora e dominadora da dereita neoliberal e conservadora, que redescubriu as técnicas máis agresivas do adoutrinamento de masas. Goebels e Orwell en estado puro. Pero as que se están a suceder para dar cobertura á radical reforma laboral impulsada polo PP son de antoloxía. Basten como botón de mostra estas da Ministra de Traballo cando o 13 de febreiro afirma que “teniamos una regulación laboral que produjo 2,7 millones de parados y había que hacer algo”. Outros igual de ousadas e abusando da ignorancia propia e allea afirman que a reforma laboral vai crear emprego e, desde logo, frear o aumento do paro. O presidente Feijóo, tan audaz como temerario no uso –e abuso- das palabras, atreveuse a dicir que era a reforma feita e pensada para favorecer aos parados, aínda que puidera requirir algún sacrificio dos que tiñan o privilexio de ter emprego (porque nesas estamos, chegamos a un portentoso modelo socioeconómico neoliberal no que ter un emprego, mesmo precario, é un privilexio case abusivo!).

A golpe de horas e horas de pauliñas radiofónicas e televisivas imos ter que acabar crendo que a causo do escandaloso aumento do paro en Galiza ou no Estado Español non deriva da burbulla inmobiliaria e a crise da construción ou da crise financeira senón que deriva da férrea e inflexible lexislación laboral existente. Tamén imos ter que acabar pensando que nestes últimos anos todos os traballadores desfrutaban de suculentos contratos indefinidos, altos salarios e obscenas indemnizacións de despedimento. Nada de recordar que no Estado Español se veñen celebraban todos os anos máis de 16 millóns de contratos (en Galiza 680 mil), é dicir contratos temporais de meses e mesmo de días; iso non é flexibilidade suficiente e, ademais, unha indemnización de 6 días por ano traballado é excesiva. Nada de recordar que un terzo das mulleres asalariadas teñen empregos a tempo parcial (metade ou terzo de xornada); iso non é suficiente. Nada de recordar que o 45% dos traballadores cobran menos do duplo do salario mínimo, é dicir, por debaixo dos mil euros; iso non é suficientemente baixo.

Para que seguir ... despois de catro anos de crise, recesión, estancamento, paro galopante e políticas equivocadas (ou deliberadamente pensadas para satisfacer á banca e só a ela), despois de anos en que non lles quedaba outra que admitir que o problema estivera na especulación financeira e inmobiliaria e un modelo produtivo centrado no ladrillo e nas actividades de baixo valor engadido, van ter agora o valor para darlle a volta aos argumentos e aos feitos para acabar afirmando con total descaro que o problema está no modelo laboral, na rixidez laboral, nos dereitos laborais, nos salarios excesivos e nas indemnizacións por despedimento.
Realmente, pola desmesura e o burdas que resultan os argumentos da propaganda gobernamental e da banca/patronal que acompañan esta reforma laboral, merecen figurar como exemplo nos manuais da manipulación das conciencias e do adoutrinamento de masas. Pero así é e deben facelo bastante ben porque, de momento, parece que surte efecto.

Vendo a capacidade de atordamento da poboación, un estaría tentado a pensar que se a presión mediática aterradora e culpabilizadora continua coa intensidade destes meses non tardaremos en ver a traballadores con contrato indefinido e salarios medios acudir aos xulgados a autoinculparse por privilexio e inmoralidade.

O certo é que o paquete completo da reforma laboral integral aprobada polo Goberno como Decreto-Lei e que se tramitará de inmediato no Congreso, supón un cambio total de base do modelo de relacións laborais no estado español. Compre dicir con total claridade que non se trata dunha simple reforma laboral, pola contra é unha inversión total do modelo. É unha ruptura das bases do modelo instaurado despois da transición democrática e asentado na constitución, que á súa vez se situaba na lóxica dos modelos de relacións laborais da Europa da posguerra. E iso é así porque non se trata só de reducir as indemnización por despedimento ou a flexibilización interna dos cadros de persoal etc, senón que se fai unha voadura do sistema da negociación colectiva como elemento central das relacións laborais. Permite a fixación unilateral de salarios e instaura o despedimento libre e sen indemnización para a maior parte do tecido empresarial. Facilita o despedimento individual e colectivo por causas económicas en todos os casos, cuns requisitos para acreditar esas causas económicas (tres meses de perdas ou seis meses de caídas de facturación) que son facilmente “pintábeis” co sistema contábel a mercede dos intereses da dirección da empresa. Rompe a unidade da negociación colectiva supraempresarial (sectorial, provincial, autonómica ou estatal). Pon aos sindicatos fóra de xogo á hora de negociar condicións xerais para os diferentes colectivos de traballo. Os ámbitos de negociación e consenso con acordos de obrigado cumprimento parta as empresas redúcense á mínima expresión.

En definitiva, é a voadura dun modelo laboral que, mal que ben e cunha prolongada perda de poder da parte sindical/traballadora, estaba asentado na idea dun certo equilibrio entre o poder discrecional da empresa e os dereitos individuais e colectivos do traballador. Desmonta ese modelo no que os sindicatos e a negociación colectiva eran a peza base das relacións laborais. A idea da negociación e o acordo entre partes cun poder e capacidade negociadora recoñecida, aínda que desigual, abre paso a un mundo no que as empresas teñen marxes de discrecionalidade case absoluta en materia de horarios, asignación de postos, mobilidade entre centros de traballo, fixación de salarios, decisión de despedimento, etc.

É dicir, radicalizando a tendencia dos últimos tempos, consagra un poder absoluto nas mans do empresario e desprové aos traballadores de case todos os seus dereitos colectivos (e, en consecuencia, desarbora tamén os seus dereitos individuais ao facelos inefectivos na práctica).

A cuestión é: e todo iso para que?, cal é o obxecto?

O discurso orquestrado é que se trata dunha reforma necesaria para crear emprego e reducir o paro. Non é preciso, recordar aquí o que desde Keynes todos os economistas saben: que o nivel de emprego ven determinado, non polo mercado laboral, senón pola demanda efectiva e polas oportunidades de investimento, produción e vendas que esta xera. Polo tanto, non é pola reforma laboral que se vai crear emprego. De feito, cando no estado español se crearon varios millóns de postos de traballo foi con ese lexislación e réxime laboral –abondo precario- que agora se quere desmantelar –para precarizalo até o extremo-. Do mesmo xeito que o País Vasco ten unha taxa de paro que é un terzo da media española a pesares de ter un mesmo marco laboral e os salarios máis altos do estado español. A verdadeira diferenza é que o País Vasco tiña e foi consolidando a cada paso un modelo produtivo diferente, con industria, tecnoloxía e coñecemento.

Argúese tamén por parte dos defensores desta reforma que é o que as empresas demandan para saír da crise. O certo é que cando un fala cos directivos das empresas sempre din que ese non é o seu problema neste momento, nin é iso o que lles vai resolver os verdadeiros problemas de viabilidade. Máis aínda, como evidencian os resultados da enquisa de Eurostat en vinte países da UE, as empresas produtivas españolas non ven os salarios e a lexislación laboral como unha limitación para crecer no período 2011-2013. O 87% consideran os seus problemas para crecer derivan da marcha xeral da economía e o 70% consideran que é especificamente a falta de demanda interna e externa a principal limitación.

Non é difícil concluír que, dado que o mercado para o 98% das empresas é o mercado interno, a evolución da súa demanda e as vendas van depender en boa medida da capacidade de compra dos consumidores do país. E a inmensa maioría dos compradores finais son as familias (e o sector público), de xeito que a demanda depende do nivel de ingreso desas familias, é dicir, depende dos salarios, pensións e outros subsidios. Polo tanto, os empresarios da economía produtiva saben –que estúpidos non son- que o seu mercado e o seu futuro depende do nivel de ingresos dos traballadores. Por iso saben que unha estratexia de depresión salarial, como a posta en marcha pola UE e o estado español, conduce á ruína e peche a miles e miles de empresas. Non por culpa de salarios demasiado altos senón por culpa de salarios insuficientes.

Pero e entón, insistimos, cal é o motivo desta reforma precarizadora e depresiva?. Pois o verdadeiro motivo é satisfacer as necesidades da banca. Si, de novo, a banca. E ademais reclama a reforma con urxencia porque quere acelerar o proceso de concentración e reestruturación bancaria. Calcúlase que ao final dese proceso de concentración bancaria van sobrar entre 20-30.000 empregados no sector financeiro. Dado que a vía das xubilacións e pre-xubilacións como mecanismo de axuste xa está practicamente esgotado, a partir de agora “non quedará máis remedio” que recorrer aos despedimentos. Para iso compre que isto sexa máis fácil e máis barato. Os cálculos que se fan no sector é que coa nova norma o sector financeiro reduce os custes, como mínimo, nun 50% con respecto á vía das prexubilacións ou os despedimentos coa lexislación actual. No canto de uns 6.000 millóns para o conxunto do sector financeiro o custe pode quedar nos 3.000 millóns de euros. Ademais, os bancos poderán reorganizar funcional e territorialmente os seus cadros de persoal con total liberdade e, sobre todo, aplicar unha drástica redución salarial para reducir os custes.

Ese é o motivo de curto prazo para a banca. De aí, ademais, a urxencia. Pero a banca busca a deflación salarial a longo prazo no conxunto da economía por outras razóns adicionais. Por un lado, a redución de custes salariais é unha vía de que eles e as demais empresas –sobre todo as cotizadas- poidan repartir dividendos máis substanciosos no futuro, que irán aos bancos e fondos inversionistas; tamén interesa que sexan quen de soportar custes financeiros –xuros- máis elevados. Por outro lado, tamén interesa esa deflación salarial para reducir os custes do sector público e liberar a presión sobre o orzamento a fin de que os gobernos poidan facer fronte con maior soltura e solvencia aos pagos da débeda pública.

Dado que a banca non queda atada á marcha do mercado interior habida conta da súa fluidez e mobilidade a través dos mercados financeiros globais, non se senten especialmente comprometidos coa marcha da economía produtiva do país. Si for ben perfecto pero si non vai a banca pode orientar o seu negocio cara os mercados globais máis rendíbeis en cada momento.

Con estas claves posibelmente podemos entender mellor todo o paquete de reformas que o PP ten en marcha neste momento: a “reforma” financeira, os recortes do gastos público, a “reforma” fiscal e a propia “reforma”/golpe laboral. Todas elas confirman os paquetes centrais da radicalización neoliberal que campa polos seus repetos por toda a Unión Europea desde que se asinou o Pacto polo Euro en 2010 e que o Estado Español aplica como alumno avantaxado ou, mellor dito, castigado. É o gran proxecto da radicalización neoliberal que tenta dar a “puntilla” definitiva ao chamado modelo social europeo, unha guerra social de alcance cuxa primeira batalla empezara coa aprobación do Tratado de Maastricht e o Pacto de Estabilidade e que agora aproveita a crise para dar un paso non definitivo pero si de envergadura.

A grande incógnita –ben incómoda, por certo- é onde están os sindicatos europeos, onde está metida a esquerda europea. É unha auténtica guerra social pero parece non haber ninguén enfronte. Obviamente, a mesma incógnita compre poñela no estado español ou noso país. Afortunadamente, a CIG ten a audacia de lanzar a convocatoria dunha folga xeral en Galiza cara fins de marzo. É unha decisión que demostra clareza de visión da fondura do desafío que están a plantexar as forzas conservadores aquí e no continente. Pero tamén é certo que a envergadura do embate obriga a pensar na necesidade doutra escala á hora de encarar ese batalla. Pero, ao igual que os gregos e portugueses non puideron agardar por ninguén tampouco nós deberiamos facelo.

Nota.-
Artigo publicado o 15 de Febreiro de 2012 no blogue persoal do autor ao que recomendamos acceder e difundir:
http://xaviervence.blogspot.com/

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ...
____________________

domingo, xaneiro 15, 2012

En Ferrol como no resto das cidades da Galiza, a CIG mobilizou-se para rexeitar as medidas económicas do Goberno Español: “Coas políticas do PP: os pobres máis pobres e os ricos máis ricos” - Vídeo

Centos e centos de delegados e delegadas da Confederación Intersindical Galega saíron, o Xoves 12 de Xaneiro de 2012, á rúa en todo o país para amosar o seu rexeitamento ás medidas adoptadas polo Partido Popular nada máis acceder ao Goberno español porque volven cargar o peso da crise sobre a clase traballadora. O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, fixo en Vigo un chamamento á mobilización para conquistar un modelo económico e social máis xusto e solidario e adiantou a posibilidade de convocar unha nova folga xeral antes do 10 de marzo, data na que se celebra o Día da Clase Obreira Galega.


A CIG celebrou hoxe unha nova xornada de análise e mobilización nas principais localidades do país. A primeira hora da mañá daban comezo as asembleas de delegados/as en Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Vilagarcía nas que se abordaron as medidas económicas adoptadas polo Goberno español tras a chegada do PP e o efecto que terán sobre a clase traballadora. A mobilización máis numerosa foi a de Vigo, con preto de 500 persoas que marcharon dende Coia até a rúa Lalín e manifestación, entre as que se atopaba un grupo de traballadores/as do naval, que leron un manifesto ao remate da concentración fronte á delegación de Facenda reclamando apoio ás súas reivindicacións. En Santiago a xornada reivindicativa rematou coa ocupación simbólica da sede de Banesto.

En todas as localidades se repartiron billetes de 500 euros coa cara do presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, nos que se podía ler “Coas políticas do PP: os pobres máis pobres e os ricos máis ricos” e "Contra a ditadura dos mercados, soberanía nacional”. O primeiro dos lemas figuraba tamén nas faixas.

O secretario xeral da central nacionalista indicou en Vigo que o cambio no Goberno do Estado español non supuxo unha mudanza nas políticas nin na grave situación que padecen os traballadores e traballadoras. Suso Seixo alertou que o recente anuncio da redución do déficit público en 40.000 millóns de euros anticipa “que aínda quedan por diante recortes moito máis duros”. Diante disto, quixo deixar moi claro que a única saída que lle queda á clase traballadora, á maioría social, é a mobilización. “As oligarquías económicas entenden a crise como un momento de debilidade dos traballadores/as e van intentar precarizar aínda máis as nosas condicións laborais”, advertiu.

En canto ás medidas adoptadas polo PP, o secretario xeral da CIG criticou que a primeira decisión fose a de reducir o gasto público. “Volverán subir o IRPF e tamén o IVE, o que vai afectar maioritariamente á clase traballadora, pero as grandes fortunas e os bancos non os van tocar”, censurou. Tamén cargou contra as últimas propostas da patronal, como a conxelación salarial, que suporá unha perda de poder adquisitivo se temos en conta o incremento dos prezos. “O seu obxectivo último é flexibilizar o mercado laboral e darlle prioridade aos convenios de empresa”. Seixo non se esqueceu tampouco do papel que están a xogar os sindicatos españois CCOO e UGT. “Con todo o que está a caer resulta difícil de entender a súa actitude, xa que non só non se mobilizan senón que están a dicir que hai posibilidade de acordo coa patronal”.

Máis recesión

No que respecta ás medidas que están a adoptar e propoñer os Gobernos, asegurou que non só non van favorecer a saída da crise senón que provocarán máis recesión. “O único que fan e darlles cartos e máis cartos públicos aos bancos, 500.000 millóns de euros non último meses, cando todos sabemos que nunca chegarán ás empresas nin ás familias”. Neste senso, lembrou que hai incluso premios Nobel en economía que sosteñen que a maior austeridade no gasto público maior recesión e que o que hai que facer é subirlles os impostos aos máis ricos e aumentar os salarios para fomentar o consumo, non baixalos como se pretende.

O máximo responsábel da CIG sostivo tamén que existen alternativas a todas estas políticas, “pero non dentro deste modelo económico capitalista neoliberal que só está ao servizo dunha minoría”. Entre elas, citou o fomento do investimento público, a subida de salarios para reactivar o consumo ou a creación dunha banca pública para achegar recursos a familias e empresas. “Faise imprescindíbel un reparto máis igualitario da riqueza e maior soberanía para que as nacións que formamos parte de Europa poidamos decidir as nosas políticas económicas e sobre os nosos sectores produtivos”.

Finalmente, lembrou que as mobilizacións de hoxe forman parte dunha campaña que a central desenvolverá nos vindeiros meses de cara a acumular forzas ante a celebración o vindeiro 10 de marzo do Día da Clase Obreira Galega. “Sen descartar a posibilidade de convocar unha folga xeral antes desa data porque os graves recortes que estamos a padecer vanse intensificar”.

Detalle da concentración de Ferrol no recinto da axencia tributaria.




http://youtu.be/67ZgIY7Oi9o


Enlace:
Galería de imaxes das mobilizacións na Galiza.

Fonte:  http://www.galizacig.com/
____________________

domingo, novembro 06, 2011

Miles de persoas manifestaron-se en Ferrol polo Emprego, pola Ría, polo Sector Naval, pola Sanidade Pública, polo Ensino Público ... convocadas poa maioría sindical


Pasadas as 12 do mediodía miles de persoas saían do Inferniño á altura da confluencia entre a estrada de Castela e a Avenida das Pías. Unha faixa asinada polas centrais sindicais convocantes abría a manifestación  "Polo emprego e o futuro das comarcas - O naval é fundamental - Carga de traballo xa!" e outra polos comités das compañias auxiliares e os de Navantia "Carga de traballo xa, 17.000 postos de traballo en xogo". Seguía a faixa da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, contra a privatización e os recortes "En defensa da Sanidade Pública - Contra os recortes sanitarios". Continuaba a marcha, a faixa en defensa do ensino público, portada polos sindicatos de sector e as ANPAS de Ferrol Terra "En defensa da calidade do ensino público - Non aos recortes nos centros de Ferrolterra", e a continuación, a faixa da xente do mar, manifestándo-se polo saneamento da Ría : "Non aos verquidos na Ría, depuración Xa!", "Plan de Rexeneración da Ría de Ferrol xa !". Detrás, multitude de bandeiras e cartaces na súa maioría, das centrais sindicais convocantes [CIG, CCOO, UGT e USTG]. Tampouco faltaron as partidarias do BNG e EU-Os Verdes. Houbo repartos de folletos co programa electoral dos partidos que non entran no asfixiante bipartidismo [PCPE], con presencia de concelleir@s de distintos concellos da Comarca. Tampouco faltaron activistas da Forxa e da CNT, e de GalizaNova, Briga e Nós-UP, e a denuncia de Fuco Buxán AC  demandando o rescate d@s traballadorxs, non a dos bancos, e os berros contra os  abusos bancarios, a corrupción, ... e esixindo postos de traballo na Terra, e outras faixas sen siglas que aludían a romper o acomodamento das direccións sindicais que estas recuperen a confianza na Clase Obreira, no seu poder transformador que se dean conta que se conciencien de que si que podemos que podemos gañar, que podemos transformar. Faixas de reivindicacións de traballadorxes de empresas concretas como Poligal e Privilege. Faixas da mocidade "por un futuro digno na nosa Terra" ou reclamando "Nin un paso atrás na defensa dos servizos públicos". Unha escenificación cun cadaleito, denunciando que o veto á construción naval civil e a ASTANO, é a morte do sector naval na Comarca. A Asemblea Local do Movimento 15M - #AcampadaFerrol, tamén apoiaba esta mobilización: "berrraremos por un cambio, por un futuro para a nosa comarca, para que os gobernos PP e PSOE se enteren que NON estamos de acordo co seu sistema, que NON estamos de acordo coas súas propostas, que NON estamos de acordo con eles, que NOM nos representan, que NON ... , que NON ... , que NON van ter os nosos votos, e que SI nos van ter na rúa loitando polo que e noso".

Manifesto: "Carga de traballo xa, 17.000 postos de traballo en xogo"

No longo manifesto lido ao final da manifestación, e que foi moi escoitado pola xente que abarrotaba a Praza do Concello, non faltou a mención á rexeneración e saneamento da Ría. A carga de traballo para o sector naval e a construción dun grande dique flotante para Navantia, ocuparon un lugar importante no discurso, mais tamén a defensa da sanidade, o ensino e os servizos sociais públicos e de calidade. Tampouco foron esquecidas as esixencias de cumprimento de compromisos pendentes. Compromisos non cumpridos coa Comarca tanto por parte do Goberno Central como por parte da Xunta de Galicia. Compromisos en infraestruturas como o enlace ferroviario ao porto exterior ou a vía de alta capacidade entre San Cibrao e Ferrol. Non faltou a reivindicación do "tren de cercanías" para pasaxeir@s e mercadorías, moderno e eficaz como medio de transporte [Electrificado e de dupla vía].

O 20N:"Eleccións Xerais"

As eleccións xerais do 20N tiveron a súa referencia. As referencias veladas a romper co bipartidismo abafante, a romper coa alternancia dos que unha vez que están no goberno, fan políticas que lles ditan "os mercados", e que gobernan para os intereses destes, non para os das persoas. As centrais sindicais convocantes, pediron o voto para os partidos comprometidos coa Clase Traballadora; cos seus dereitos laborais, sociais, políticos e económicos; e a defensa da Sanidade, o ensino e os servizos sociais públicos.

Sinalaron no comunicado unitario, a cobiza dos chamados "mercados financeiros", como responsábel da situación de crise. Lembrando que a nosa Comarca é unha comarca en declive, con importantes perdas de poboación como consecuencia das crises económicas e os miles de empregos que desapareceron. Os ataques ao sector público e o desmantelamento da industria naval son responsabilidade dos gobernos de Madrid e o da Xunta de Galicia, aos que cualificaron de irresponsábeis. As políticas neoliberais e os reiterados incumprimentos dos dous gobernos coa Comarca, están levando a esta a unha "situación límite". A destrución da Ría, a perda de miles de postos de traballo, o desmantelamento do sector naval, a falta de investimento, ... fan de Ferrol Terra unha comarca deprimida.

Oportunistas na Manifestación

Representantes da Xunta, da Deputación e do Concello de Ferrol [José Manuel Rey Varela, Diego Calvo, ...], así como deputados e representantes de partidos -PP e PSOE-  corresponsábeis desta situación, estiveron presentes na marcha pedindo un imposíbel "frente común" para esconder as súas responsabilidades, pois eles, e os seus partidos, son os irresponsábeis que aplican as políticas económicas neoliberais, dos recortes, das privatizacións, das contrarreformas laborais contrarias aos intereses da Clase Traballadora.

Esperanza e Pedagoxía

Mais a de hoxe foi unha mobilización de esperanza e pedagoxía. De esperanza porque as rúas de Ferrol Terra viron-se enchidas por miles de persoas dispostas a manifestar o seu descontento e defender os dereitos laborais e sociais da comarca na que viven. Pedagóxica porque foi a resposta cidadá á unidade sindical. As direccións dos sindicatos deben tomar nota desta mensaxe: "Queremos-vos unidos, e unidos en loita polos nosos dereitos". Agora queda a concienciación, a mobilización e a transformación, unha outra comarca e posíbel e necesaria, como diciamos no Foro Social de Ferrol Terra: "Outra Comarca, outra Democracia, outra Vida".

A Galería Fotográfica é de Susete'70 e Albuns de Suso

Chegou-nos outra interesante Galería Fotográfica desta vez da A.C. Fuco Buxán:
Ver álbum fotográfico

Nota do Álbum:
   Convocados polos Sindicatos, milleiros de cidadás e cidadáns de Ferrolterra encheron hoxe a Praza de Armas, rexeitando as políticas neoliberais, demandando postos de traballo e denunciando os recortes nos Servizos Público emprendidos pola Xunta de Galicia.
   A nosa Asociación tamén participou, co lema: "RESCATAR AOS (BANCOS) TRABALLADORES. Salvar os Servizos Públicos"
.

Enviaron-nos outro interesante Álbun fotográfico desta vez da CIG.
__________________

sábado, novembro 05, 2011

Polo Emprego, pola Ría, polo Naval, polo Ensino e Sanidade públic@s, ... Manifestación Comarcal este Domingo 6 de Novembro en Ferrol


MANIFESTACIÓN COMARCAL
DOMINGO 6 DE NOVEMBRO
ÁS 12 DO MEDIODÍA DESDE O INFERNIÑO
POLA CREACIÓN DE EMPREGO
POLO SANEAMENTO DA RÍA
POR CARGA DE TRABALLO PARA O SECTOR NAVAL
EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA
EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO
POLO CUMPRIMENTO DA DÉBEDA EN INFRAESTRUTURAS
PARTICIPA !!

Este Domingo 6 de Novembro de2011, a cidadanía de Ferro Terra está chamada a participar nunha Manifestación Comarcal convocada pola maioría sindical por un futuro para a Comarca, cunha Ría saneada e limpa, con emprego, con ensino e sanidade pública e de calidade, ... A marcha partirá ás 12 do mediodía dende o Inferniño até a Praza do Concello de Ferrol.
_____________

xoves, setembro 29, 2011

Precariedade sen límite, ... Por Suso Díaz

Por Suso Díaz [*]
29.09.2011

O pasado xoves o Parlamento cometeu unha nova tropelía contra as e os traballadores: co voto en contra da esquerda aprobou dúas reformas que permiten, durante dous anos, a precariedade sen límites. A primeira, estende os contratos de formación ata os 30 anos!; a segunda, permite o encadeamento ilimitado dos contratos temporais. As dúas medidas avanzan na precariedade, abaratan os custes laborais e aumentan o poder dos empresarios nas empresas: o que antes era ilegal, agora non, premiando con elo aos infractores. A patronal atópase cun regalo inesperado: todos os contratos poden ser temporais.

Coa existencia dunha patronal que na súa maioría non ten sentido empresarial o resultado será un desastre para o sistema produtivo, a innovación tecnolóxica e a formación da man de obra; o imprescindible cambio de modelo produtivo, hai tantos anos demandado polos sindicatos, para competir nos mercados globalizados pasará a mellor vida. Con estas nefastas medidas o goberno favorece a eses non-empresarios que todo o fían aos baixos salarios e a superexplotación dos traballadores para obter beneficios, que non para competir.

Tampouco é verdade a xustificación de que é mellor que as e os mozos traballen con contratos temporais a que estean no paro; é un argumento falaz. O emprego depende das necesidades das empresas: o empresario contratará traballadores si os necesita para atender os pedidos e non porque haxa unha lexislación que permite a contratación temporal. O único efecto que vai ter é a substitución de traballadores fixos por temporais.

Temos a experiencia dos gobernos de Felipe Gonzaléz; os que xa peitamos canas lembramos a González na TVE interrogando á opinión pública: “¿Qué es mejor que un joven trabaje con un contrato temporal o que esté en el paro?” Resultado da pregunta: España triplica dende aquela a taxa de precariedade da UE-15 e se converteu no pais con máis taxa de paro total e xuvenil. Incluso, cando crecía máis que os demais países e algúns presumían de ser os alumnos avantaxados da UE, o paro en España aproximábase aos dous millóns de persoas.

Cales van ser os resultados destas medidas? Os mesmos que tivo González e a reforma laboral do ano pasado; non haberá máis emprego porque este depende do crecemento da economía e da actividade das empresas e coa aplicación das mal chamadas políticas de austeridade camiñamos cara ao estancamento ou a recesión. O único seguro é que aumentarán os contratos temporais.

Para que enganármonos: o goberno adopta estas medidas pola asunción dos principios neoliberais e a submisión ás imposicións de Merkel-Sarkozy e os organismos internacionais. Con elo pensa que vai evitar os ataques á débeda pública por parte do sistema financeiro especulativo. Craso erro: aos especuladores pouco lles importan as reformas laborais e moito os beneficios obscenos e rápidos. Por iso sube a prima de risco española malia os recortes laborais e sociais contra a maioría da poboación.

Por último, quero expresar a miña oposición ao despido dos traballadores de Xornal.com e rexeitar a actitude da empresa de pechar un xornal dixital que é referencia en Galicia. Nesta situación non me atopo en situación de seguir colaborando con este medio. Síntoo moito pero máis sinto que 38 persoas se queden sen emprego.

Último artigo publicado no Xornal de Galicia 24.09.2011

[*] Suso Díaz, foi Secretario Xeral do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia
[+ Info]

martes, agosto 30, 2011

Acusan a Zara Brasil de empregar a traballadores en condicións de escravitude - A Asemblea Lexislativa do estado de Sao Paulo citou hoxe á empresa téxtil Zara para que explique as denuncias que pesan sobre unha provedora da multinacional española que emprega a traballadores en "condicións de escravitude"

Os representantes da empresa española foron invitados a declarar ante a Comisión de Defensa dos Dereitos das Persoas despois que o Ministerio de Traballo de Brasil emitise 52 actas de infracción das normas laborais.

SAO PAULO-29.08.2011.- A Asemblea Lexislativa do estado de Sao Paulo citou hoxe á empresa téxtil Zara para que explique as denuncias que pesan sobre unha provedora da multinacional española que emprega a traballadores en "condicións de escravitude".

O representante de Zara Brasil, Enrique Huerta González, foi invitado a declarar o vindeiro mércores ante a Comisión de Defensa dos Dereitos das Persoas despois que o Ministerio de Traballo de Brasil emitise 52 actas de infracción das normas laborais contra unha provedora da compañía española.

Ademais de Huerta González, tamén foron chamados os socios e administradores da empresa AHA, provedora de Zara, Seong Hee Le e Cyro Leal Mendes, sinalou a Asemblea Lexislativa de Sao Paulo nun comunicado.

Unha inspección laboral detectou o pasado mes de xullo que dous talleres de Sao Paulo que fabricaban roupa para AHA, que fornece o 90 por cento da súa produción a Zara, empregaban man de obra sometida a vixilancia intensiva e con xornadas laborais de máis de doce horas.

A Superintendencia Rexional de Traballo informou entón de que neses dous centros atopábanse 13 homes bolivianos, unha muller peruana e un adolescente de 14 anos, o que podía constituír un delito de traballo infantil.

Os talleres, que se empregaban igualmente como residencia dos traballadores, presentaban condicións de precariedade sen respectar as normas de saúde e seguridade laboral.

A citación aos representantes de Zara e da empresa provedora de roupas da multinacional española foi pedida hoxe polo deputado Carlos Bezerra, do Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB) e foi aprobado pola Comisión de Defensa dos Dereitos das Persoas.

Bezerra tamén solicitou a apertura dunha investigación parlamentaria que indague posibles delitos de man de obra escrava no estado de Sao Paulo.

Ao día seguinte de transcender as presuntas irregularidades cometidas polo provedor de Zara, as autoridades brasileiras dixeron que investigan a polo menos seis grupos téxtiles por comprar supostamente pezas de firmas que empregan man de obra en réxime de escravitude en Sao Paulo.

Ao coñecer as denuncias contra AHA, o grupo Inditex, propietario de Zara, sinalou que reforzará en colaboración co Ministerio de Traballo de Brasil a revisión do sistema de produción dos seus provedores para garantir que os seus empregados non son explotados.

Fonte: emol.Economía
______________________