Amosando publicacións coa etiqueta Narón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Narón. Amosar todas as publicacións

sábado, novembro 17, 2018

O domingo día 18 de novembro, están convocadas todas as persoas socias da asociación veciñal d'O Val (Narón), para elixir a nova directiva - Dende a candidatura 'Traballando polo Val' presentan programa e candidatura


A candidatura “Traballando polo Val” á directiva da A.VV.


Este domingo día 18 de novembro de 2018, están convocados os socios e socias da A.VV do Val para, entre outros asuntos escoller a nova directiva. Este ano xurdiu unha candidatura alternativa que trata de recuperar o dereito da veciñanza a tomar as súas decisións, á vista de que a actual directiva non contaba con eles e incluso dáballe as costas á veciñanza fronte a problemas como: a parcelaria, o carril-bici, rede de sumidoiros, pago das acometidas, contribución (IBI), patacas, xabarís, etc. Unha directiva condicionada porque varios dos seus membros son con militantes activos de TEGA e parecían defender ao Goberno de Narón no lugar de cos seus veciños.

Chegamos a tal situación que se está excluíndo de participar e opinar a aqueles que lles resultan incómodos, entre eles aos que deixaron parte da súa vida loitando polo Val.

A lei de asociacións recolle como criterios fundamentais a estrutura democrática das asociacións e a súa ausencia de fins lucrativos, así como garantir a participación das persoas nestas, e a participación mesma das asociacións na vida social e política.

A lei tamén esixe o rexistro da asociación e datos sobre a mesma como, por exemplo, os seus cargos. Sen embargo, o pasado mes de outubro solicitouse ao Rexistro de asociacións da Xunta de Galicia información sobre a composición da xunta directiva e respondeu que:

Dende o ano 2013 non tramitaron ante o rexistro a inscrición da modificación da xunta directiva, e tendo en conta que segundo os estatutos a duración dos cargos é de 1 ano, xa non están en vigor os que constan no arquivo.

A realidade da A.VV. do Val dista moito da democracia, os seus estatutos non recollen as regras e procedementos necesarias para a elección es substitución dos seus membros e contando incluso son artigos contraditorios e non democráticos como o que esixe una antigüidade para poder optar a un cago na directiva.

Así encontrámonos na práctica con que o actual proceso de elección que incumpre aspectos básicos como:

  • Impoñer una elección por candidaturas, algo que non figura nos estatutos nin na lei.
  • Fixar un número de compoñentes e cargos para a candidatura, cando os estatutos só recollen un número mínimo pero non máximo de compoñentes.
  • Non informar nin facilitar a lista e composición das candidaturas, co cal os socios descoñecen a que van a votar ata a asemblea.
  • Non publicar o censo electoral, o que non permite a libre comprobación da inscrición de socios.
  • Non acordar as regras da votación (membros da mesa, interventores, prazo de tempo para votar, etc.).
  • Esixir o carné de socio para a votación, cando debera ser suficiente o DNI, carné de conducir ou outro medio de identificación eficiente da identidade da persoa.

Ademais, prodúcense outras actitudes e comportamentos que están impedir ou dificultar os dereitos dos asociados e a súa convivencia libre e democrática que preferimos non relatar.

Queremos recuperar o espírito valexo, que aínda está entre nosoutros, que O Val volva a ser un pobo soberano e decida sobre o seu futuro.

Estamos convidando aos veciños do Val a que participen tanto na candidatura como compartindo os seus problemas a través de reunións o xoves día 15 de novembro as 8 da tarde ao Bar O Marinito, ou o sábado 17 as 7 da tarde no local social, e para que acudan a votar na asemblea do próximo domingo 18 as 10:30 da mañá.

Programa e Candidatura.-
Clicar na imaxe para ampliar o Programa e a Candidatura


Enviado por:
Diego Paz
-diegopazlopez1988@gmail.com-
16 de novembro de 2018 10:37

_____________

sábado, xuño 09, 2018

O Val, pobo soberano, preparase para a acción - A asociación de veciños de O Val, a petición dos afectados pola senda peonil e ciclista, convoca aos seus veciños a unha asemblea, que se celebrará o vindeiro sábado día 9 ás 7:30


O Val, pobo soberano, como xa demostrou en ocasións anteriores, preparase para a acción.

A asociación de veciños de O Val, a petición dos afectados pola senda peonil e ciclista, convoca aos seus veciños a unha asemblea, que se celebrará o vindeiro sábado día 9 ás 7:30, cun único punto da orde do día sobre a citada senda.

O pasado sábado día 2, na súa reunión semanal, os afectados pola senda acordaron os puntos básicos que esixirán á Xunta: unha reforma do proxecto para a construción da senda de forma que a senda teña dous partes diferenciadas (ciclista e peonil) en todo o trazado, que non se expropien parcelas con peches existentes, que recolla todos os accesos a vivendas e parcelas, e que instale todos os servizos e preinstalacións non existentes. Ademais piden outras medidas como que as pontes sexan de formigón armado, o cumprimento da normativa de accesibilidade, e a instalación de dous pasos de peóns un en O Cruceiro e outra fronte ao colexio.

Rexéitase un proxecto mal concibido e mal desenvolvido que non cumpría nin sequera cos requisitos básicos fixados para este tipo de actuacións, e que debese de pasar por un mínimo control de calidade, criticándose un malgaste de diñeiro público, habitual nas nosas Administracións, en chapuzas que logo hai que ir remendando e que nunca darán un bo resultado.

A reunión, que contou coa presenza do portavoz do Partido Popular no Concello e co concelleiro de Eliximos Narón, acordou un diálogo coa Xunta sobre os problemas do conxunto do proxecto antes de falar de casos individualizados como propoñía a Xunta a través da alcaldesa e do portavoz popular.

A estratexia do Partido Popular, baseada no “divide e vencerás” e en a “compra-venda de favores” para a resolución de problema individuais á marxe de solucións recollidas no proxecto, foi rexeitada por ser outra forma de corrupción (habitualmente usada polo PP e outros partidos) que deixa aos veciños sen garantías, débiles e indefensos, ante unha Administración que xoga con toda as vantaxes.

Transcorridos xa 14 días dunha suposta oferta de diálogo da Xunta aínda non hai noticias reais sobre o mesmo, motivo polo que O Val prepárase para entrar en acción.

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)

Narón, moito  por facer
...fagámolo, xuntos podemos.

facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/
Web:
http://eliximos.esy.es/http://eliximos.esy.es/

Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
6 de junho de 2018 10:07

_______________

Foto: Narón Aberto.
____________________

mércores, abril 18, 2018

O portavoz de EU Narón asina co tripartito o acordo para apoiar mañá no pleno os orzamentos municipais deste ano - A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, reuniuse a última hora desta mañá co concelleiro de Xestión Orzamentaria e portavoz municipal do BNG, Pablo Villamar, e cos portavoces de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo; PSOE, Catalina García, e EU, André Abeledo


O portavoz de EU Narón asina co tripartito o acordo para apoiar mañá no pleno os orzamentos municipais deste ano  


A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, reuniuse a última hora desta mañá co concelleiro de Xestión Orzamentaria e portavoz municipal do BNG, Pablo Villamar, e cos portavoces de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo; PSOE, Catalina García, e EU, André Abeledo, para asinar o documento no que se contempla o respaldo do portavoz de EU aos orzamentos que se someterán mañá a aprobación no pleno que dará comezo ás 12:00 horas. André Abeledo explicou que “entendemos que unha parte das nosas propostas están recollidas neste orzamento e EU é un partido que está aquí para construír dende a oposición, non para andar a pedradas”.

O tripartito naronés e o representante de EU adoitaron coa sinatura do documento “o compromiso de seguir traballando conxuntamente dende o diálogo e a vontade de chegar a acordos polo ben da veciñanza e o avance da nosa cidade en tódolos eidos”. Abeledo recoñeceu e valorou o “esforzo do equipo de goberno por manter un diálogo constante en todos aqueles temas importantes para o noso concello”, e puxo como exemplo o respaldo do tripartito a moitas das mocións presentadas no pleno por EU.

Pola súa banda, o equipo de goberno naronés destacou “a oposición constructiva e o traballo serio que máis alá das diferencias ideolóxicas tenta sempre colaborar e participar na mellora de Narón”. O tripartito naronés e EU coincidiron en desenvolver o vindeiro ano propostas como avanzar na mellora de accesibilidade, incrementar o número de parques biosaudables, instalar novos puntos de luz na zona rural, realizar un estudo de necesidade de vivenda na cidade e continuar fomentando o cooperativismo, entre outras propostas abordadas na xuntanza mantida esta mañá.

Trala sinatura do acordo, os representantes do goberno local e o portavoz de EU coincidiron tamén no feito de que “estes orzamentos priorizan a atención ás necesidades da veciñanza de Narón, ofrecéndolle servizos de calidade e incrementándoos na medida do posible”. Así mesmo, desde o tripartito naronés valoraron o respaldo que ofreceu Abeledo ao documento contable, que se aprobará mañá nun pleno extraordinario.

O orzamento do Concello de Narón ascende este ano a 31, 8 millóns de euros, o que supón un incremento do 6,4% con respecto ao ano anterior. Así mesmo, no apartado de investimentos destaca unha partida de 2,8 millóns de euros, da que 2,1 se reservan para servizos públicos básicos. A contención do gasto, a minuciosa xestión realizada, a redución da débeda e a priorización de políticas culturais, deportivas, educativas, sociais e de emprego centrarán as liñas de traballo a seguir durante o presente exercicio, tal e como recalcou a alcaldesa, Marián Ferreiro.

O Voceiro de EU Narón André Abeledo presentou ademais unha serie de propostas nacidas das aportacións da veciñanza e a militancia da nosa organización que o Goberno Local asume, entre outras propuxemos:

- Adquisición para a zona do rural de máis contedores de reciclaxe do lixo.

- Entre as rúas Virxe do Carme e Mariña Española a veciñanza solicita que se coloquen no parque aparatos biosaludables, unha mesa e dous bancos.

- Colocación de puntos de luz na zona da S-116 (Mondouro, Nelle, Castro).

- O estudo da posibilidade e ampliar o “Punto Limpo”.

- Continuidade do traballo e a inversión en fomento do Cooperativismo.

- Reparación de beirarrúas tomando en conta a adaptación para persoas con mobilidade reducida.

- A realización do “estudo de necesidade de vivenda en Narón” xa proposto anteriormente por EU Narón.

- O compromiso de seguir avanzando na recuperación da Memoria Histórica.

Narón, 18 de abril de 2018.

GRUPO MUNICIPAL DE EU NARÓN

Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
18 de abril de 2018 15:35

___________________

xoves, marzo 29, 2018

O Pleno de Narón aprobou por unanimidade unha Moción polo fin do Bloqueo a Cuba: En vista da nova situación entendemos que debemos reafirmar o noso apoio ao pobo cubano, e a nosa esixencia de que o ilegal bloqueo a Cuba sexa denunciado e retirado


Reafirmación do compromiso solidario có pobo cubano do Concello de Narón polo fin do bloqueo a Cuba.


A Moción presentada por EU Narón foi aprobada por unanimidade polos grupos que forman o consistorio (EU, TEGA, BNG, PSOE, ENE, PP).

Defensa da Moción de André Abeledo durante o Pleno de hoxe Mércores 28 de Marzo de 2018.

"Solicitamos a reafirmación do compromiso solidario do Concello de Narón polo fin do bloqueo a Cuba".

O compromiso da Galiza como nación irmandada a Cuba.

Quen de nós non ten na súa arbore xenealóxico algún emigrado a Cuba?. 

O compromiso de Narón como cidade irmandada a Cuba.

Manifestamos o noso rexeitamento as políticas de agresión e inxerencia da nova administración norteamericana presidida por Donald Trump.

A nova administración norteamericana de Trump esta desfacendo e desandado o camiño andado polo presidente Obama e relación a Cuba, unha política de involución, de ameaza e agresión contra o pobo cubano que debe ser denunciada e rexeitada.

Lembremos que o Pleno de Narón aprobou unha Moción polo fin do Bloqueo a Cuba que en vista da nova situación entendemos que debe ser reafirmada.

Esta é unha Moción en apoio ao pobo cubano e contra a agresión imperialista dos EEUU que unha vez máis actúa como amo e xendarme do mundo, desoíndo as resolucións internacionais contra o ilegal bloqueo, e tomando mediadas unilaterais de agresión contra Cuba a nivel económico e político que tentan desestabilizar a un país soberano e crear un clima de desabastecemento por medio de un bloqueo ilegal.

Tamén lembremos que Galicia foi a primeira comunidade que pediu formalmente o fin de bloqueo económico a Cuba.

O fixo cunha declaración institucional que foi lida polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices.

A Cámara galega entendeu que se trata dunha "expresión contundente» en favor do fin do embargo, o que a comunidade galega se quérese sumar para mostrar o seu «compromiso e proximidade polos vínculos fraternais" que nos unen a Cuba.

Desde Esquerda Unida de Narón queremos engadir que este embargo ilegal e polo tanto criminal levado acabo por EEUU durante décadas ten que rematar canto antes por varios motivos.

Porque todos os organismos internacionais así o esixen, é un embargo inxustificable.

A Resolución 69/5 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, titulada “Necesidade de poñer fin ao bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos Estados Unidos de América contra Cuba”, concluíu con 191 países a favor da Resolución e dous en contra: Estados Unidos e Israel, sen ningunha abstención.

As medidas promulgadas ata o momento pola Casa Branca deron mostras do seu limitado alcance e o moito que aínda se pode facer para modificar substancialmente a aplicación do bloqueo.

Actualmente esta inxusta política continúa afectando a  todas as áreas da vida económica, social e cultural do pobo cubano restrinxindo as posibilidades económicas de Cuba e lastrando o seu futuro.

O seu carácter extraterritorial, mostra como esta política viola con total impunidade o Dereito Internacional e en particular o principio de igualdade  soberana dos Estados consagrado na Carta das Nacións Unidas.

No seo da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, durante 23 oportunidades consecutivas, unha abrumadora maioría de Estados recoñeceu o bloqueo contra Cuba como unha política absurda, ilegal e moralmente insostíbel.

A visita do Presidente, Barak Obama a Cuba supuxo no seu momento un pulo para as relacións diplomáticas entre ambos países, co fin de levantar o embargo.

Un pulo cara adiante que agora retrocede a pasos axigantados pola visión do mundo de Donald Trump, que considera ao resto dos países como simples patios traseiros e servos de EE.UU.

Por todos estes motivos, polos lazos que unen o pobo galego co pobo cubano, por xustiza pedimos o voto favorable a esta moción que esixe o fin do bloqueo a Cuba.

Tamén denunciamos a política agresiva da nova administración norteamericana en mans de Donald Trump, un presidente que xa amosou o seu desprezo aos países sudamericanos con declaracións insultantes e inadmisibles e que practica unha política de inxerencia que pon en serio perigo a paz mundial."

ACORDOS:

1.- Demandar unha vez máis dos EE.UU. de América o levantamento do embargo a Cuba.

2.-Esixir ao novo Goberno dos EE.UU o respecto as resolucións internacionais contra o ilegal Bloqueo

3.- Que se remita este acordo ao Parlamento de Galicia e ao Consulado de Cuba en Galicia.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
28 de março de 2018 15:33

________________

mércores, novembro 22, 2017

Requirimento antes de interpoñer Recurso Contencioso-Administrativo contra o Convenio de Colaboración (Encomenda)... de Augas de Galicia ao Concello de Ferrol, interposto polo Concello de Narón, para que as administracións asinantes deixen sen efecto e sen vixencia o mencionado Convenio

Marián Ferreiro Díaz, Alcaldesa-Presidenta do Concello de Narón

Requirimento antes de interpoñer Recurso Contencioso-Administrativo contra o "Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol, para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento, conservación do sistema de saneamanto e depuración do Concello de Ferrol", interposto polo Concello de Narón,  para que as administracións asinantes deixen sen efecto e sen vixencia o mencionado Convenio. [1]

Destinatario: Augas de Galicia
Conselleria de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras

Att: D. Roberto Rodríguez Martínez

Dª. Marián Ferreiro Díaz, Alcaldesa-Presidenta do Concello de Narón, ao amparo do disposto no artigo 21.1 k) da Lei reguladora de Bases de Réxime Local[2] e sen prexuízo da ratificación plenaria que, no seu caso, se remitirá a ese organismo, formula mediante o presente escrito o requirimento previsto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, Reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa,[3] a fin de que polo órgano competente desa entidade, se adopte acordo deixando sen efecto e sen vixencia 0 “Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol, para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento, conservación do sistema de saneamanto e depuración do Concello de Ferrol”, asinado o 1 de agosto de 2017 e publicado no DOG nº192, do 9 de outubro[4] deste ano, por no resultar o texto do devandito Convenio conforme a Dereito, como paso a xustificar:

1.- A determinación e encomenda en exclusiva ao Concello de Ferrol da xestión do Emisario submarino de Cabo Prioriño, da EDAR de Cabo Prioriño, do Emisario terrestre A Malata-EDAR de Cabo Prioriño, e do Cruce e impulsión de A Malata-incluído o colector no peirao Femández-Ladreda- a través dun sistema xestor exorbitante ao facultado polo Convenio do 27 de decembro de 2013, subscrito pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e por esa entidade,[5] non se cohonesta coas únicas posibilidades previstas naquel documento convencional, que prevé exclusivamente a xestión pola propia CC.AA. ou a través da promoción dun sistema xestor de carácter supramunicipal (isto é e neste caso, polos Concellos de Ferrol e Narón conxuntamente; mais aún tras a posta en funcionamento do Interceptor Xeral o pasado tres de abril de 2017,[6] que supuxo o efectivo vertido á EDAR de Cabo Prioriño, por parte de ambos os dous Concelllos).

2.- O prazo de vixencia do Convenio recollido na súa estipulación sétima, fai depender da exclusiva vontade dos dous asinantes -excluíndo por iso a Narón nesa decisión- a duración e pervivencia dos seus efectos no tempo. E iso posto que a pesares de fixala inicialmente nun prazo dun ano, engade despois a disxuntiva de prolongalos ata a formalización do correspondente Convenio de colaboración entre Augas e os dous Concellos, ou ata que un órgano de xestión supramunicipal asuma a explotación do sistema; posibilidades ambas que na práctica facultan e fan depender de calquera dos dous asinantes (Augas de Galicia e Concello de Ferrol) a efectiva aceptación de calquera desas dúas opcións o seu veto, e poden conferir a ese documento paccionado unha duración sine die.

3.- O obxecto específico da encomenda de xestión recollida no Convenio bilateral asinado o 1 de agosto de 2017, afecta a xestión da explotación, mantemento e conservación do servizo público de saneamento e depuración de dous municipios (non só de Ferrol, única entidade local asinante), e posúe natureza inequivocamente contractual, posto que o contido de tal xestión e encomenda coincide plenamente coa definición que do contrato de xestión de servizos públicos fai o artigo 8 do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público;[7] resultando polo tanto o documento convencional, dende o punto de vista xurídico-material, un contrato administrativo sometido a normativa de contratación pública e, en primeiro termo, á libre concorrencia; sen que poida reputarse ao Concello da cidade departamental como un medio propio da entidade pública Augas de Galicia, inexistindo polo tanto os requisitos do artigo 24.6 do TRLCSP.[8]

Polo exposto,

requírese a Augas de Galicia -aos efectos previdos no artigo 44 da Lei da Xurisdición Contencioso-Administrativa[9] e dada a concorrencia das causas de nulidade de pleno dereito recollidas no artigo 47.1, letras b) e e) da Lei 29/2015, de l de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas,[10] para que, previos os trámites que resulten oportunos, deixe sen efecto e sen vixencia o “Convenio de colaboración subscrito entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do Concello de Ferrol”.

Narón, 15 de novembro, de 2017.

A Alcaldesa.-

Asdo: Marián Ferreiro Díaz

CONCELLO DE NARÓN
Praza de Galicia, s.n. - 15570 - Narón -A Coruña - CIF: P 1505500 G -Te|.: 981 337700 - Fax: 981337701 - www.naron.es
---

Notas da Plataforma.-

[1] Escrito orixinal de Requirimento do Concello de Narón a Augas de Galicia. En formato pdf. 2 páxinas. | Acceder/Baixar. Outro escrito nos mesmos termos foi dirixido ao Concello de Ferrol.

[2] Artigo 21.1 k) da Lei reguladora de Bases de Réxime Local. | Ir ao BOE. | Xurisprudencia complementaria do artigo. | Ir ao BOE.

Artigo 21
1. O Alcalde, é o Presidente da Corporación e ostenta as seguintes atribucións:

k) O exercicio das accións xudiciais e administrativas e a defensa do concello nas materias da súa competencia, ata cando as houber delegado noutro órgano, e, en caso de urxencia, en materias da competencia do Pleno, neste suposto dando conta ao mesmo na primeira sesión que celebre para a súa ratificación.

[3] e [9] Artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, Reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa. | Ir ao BOE. | Xurisprudencia complementaria (Sentenzas Supremo). | Ir ao BOE.

Artigo 44
1. Nos litixios entre Administracións públicas non caberá interpoñer recurso en vía administrativa. No entanto, cando unha Administración interpoña recurso contencioso-administrativo contra outra, poderá requirila previamente para que derrogue a disposición, anule ou revogue o acto, faga cesar ou modifique a actuación material, ou inicie a actividade a que estea obrigada.

Cando a Administración contratante, o contratista ou terceiros pretendan recorrer as decisións adoptadas polos órganos administrativos aos que corresponde resolver os recursos especiais e as reclamacións en materia de contratación a que se refire a lexislación de Contratos do Sector Público interpoñerán o recurso directamente e sen necesidade de previo requirimento ou recurso administrativo.

2. O requirimento deberá dirixirse ao órgano competente mediante escrito razoado que concretará a disposición, acto, actuación ou inactividade, e deberá producirse no prazo de dous meses contados desde a publicación da norma ou desde que a Administración requirente coñecese ou podido coñecer o acto, actuación ou inactividade.

3. O requirimento entenderase rexeitado si, dentro do mes seguinte á súa recepción, o requirido non o contestase.

4. Queda a salvo o disposto sobre esta materia na lexislación de réxime local.

[4] Resolución do 4 de setembro de 2017 pola que se dá publicidade aos convenios de colaboración subscritos por esta entidade pública no segundo cuadrimestre do ano 2017. DOG Núm. 192 Luns, 9 de outubro de 2017. | Ir á Web. | Texto de Convenio que se levou ao Pleno. | Acceder/Baixar.

Convenio
Convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do concello de Ferrol.

Obxecto
Determinar as condicións que rexerán a encomenda de xestión para a explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración das instalacións descritas no convenio.

Importe total do convenio
Sen custo económico

Data da sinatura
1.8.2017

[5] Resolución de 7 de maio de 2014, pola que se publica o Convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Augas de Galicia, para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación das obras consistentes na condución das augas, depuración e vertido de Ferrol, asinado uns meses antes, en Ferrol, o 27 de decembro de 2013 e publicada no BOE o 19 de maio de 2014. | Publicado só nove días antes de realizar-se o Pleno Municipal onde foi aprobado o "Convenio de Colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do Concello de Ferrol", o Protocolo con Emafesa e a Taxa.  | 13 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

[6] Acuaes iniciou as conexións das redes de sumidoiros de Ferrol e Narón ao novo sistema de saneamento tralo acordo alcanzado entre estes dous concellos e Augas de Galicia. | Acceder/Baixar.

[7] Artigo 8 do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público. | Ir ao BOE.

Artigo 8. Contrato de xestión de servizos públicos.

1. O contrato de xestión de servizos públicos é aquel en cuxa virtude unha Administración Pública ou unha Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social, encomenda a unha persoa, natural ou xurídica, a xestión dun servizo cuxa prestación foi asumida como propia da súa competencia pola Administración ou Mutua encomendante.

As Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais só poderán realizar este tipo de contrato respecto de a xestión da prestación de asistencia sanitaria

2. As disposicións desta Lei referidas a este contrato non serán aplicables aos supostos en que a xestión do servizo público se efectue mediante a creación de entidades de dereito público destinadas a este fin, nin a aqueles en que a mesma atribúase a unha sociedade de dereito privado cuxo capital sexa, na súa totalidade, de titularidade pública.

[8] Artigo 24.6 do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público. | Ir ao BOE.

Artigo 24. Execución de obras e fabricación de bens mobles pola Administración, e execución de servizos coa colaboración de empresarios particulares.

6. Aos efectos previstos neste artigo e no artigo 4.1.n), os entes, organismos e entidades do sector público poderán ser considerados medios propios e servizos técnicos daqueles poderes adxudicadores para os que realicen a parte esencial da súa actividade cando estes ostenten sobre os mesmos un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos. Si trátase de sociedades, ademais, a totalidade do seu capital terá que ser de titularidade pública.

[10] Artigo 47.1, letras b) e e) da Lei 29/2015, de l de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Ir ao BOE.

Artigo 47. Nulidade de pleno dereito.

1. Os actos das Administracións Públicas son nulos de pleno dereito nos casos seguintes:

b) Os ditados por órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.

e) Os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero |  Bernardo Rego | Lupe Ces  |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com | https://plataformaferrol.blogspot.com.es

________________

martes, decembro 08, 2015

Eliximos Narón entrega case 6.000 reclamacións contra a suba das taxas do 2016, para a auga, sumidoiros e IBI (contribución)


Eliximos Narón entrega case 6.000 reclamacións contra a suba das taxas do 2016, para a auga, sumidoiros e IBI (contribución).


Eliximos Narón presentou hoxe por rexistro cerca de 6.000 firmas para reclamar as taxas do IBI (2.997 firmas) e da auga e saneamento (2.817 firmas) e se intentarán completar estas cifras o próximo mércores.

O concelleiro de Eliximos, Alfonso Casal Pita, en representación de miles de veciños de Narón, fixo entrega das reclamacións, como afectados polas taxas ao amparo da Lei das Facendas Locais, fronte do expediente de modificación, imposición e ordenación das Ordenanzas Fiscais e Prezos Públicos para o ano 2016 publicado no BOP número 214 do 9 de novembro de 2015.

As reclamacións sobre da auga e sumidoiros alegan que:

  • Que as citadas taxas penalizan o consumo excesivo dos servizos sen ter en conta o número de persoas que residen na vivenda.
  • Que para volumes altos de consumo as vivendas pagan mais que a industria.
  • Que o pequeno comerciante vese penalizado como se fixese un uso industrial da auga.

Por ditos motivos reclamamos que se revisen as taxas para que:

  • As taxas ás vivendas teñan en conta o número de ocupantes da mesma, e non penalicen as familias no canto dos consumos altos.
  • Que se asimilen as tarifas de pequenos comercios e empresas ás de vivendas cando se fai un uso similar a estas e o negocio non depende directamente da auga.
  • Que se revisen as categorías das industrias tendo en conta o grado de dependencia do negocio fronte ao consumo de auga.
  • Que se fagan maior número de tramos de cota co adecuado custo para evitar inxustizas entre distintas tarifas.

As reclamacións do IBI alegan que:

  • En Narón, un piso de 100 m2 paga 70 euros mais de IBI que un no centro de A Coruña.
  • Unha parcela en zona residencial extensiva de 380 m2 a que se chega por un camiño de carro, sen ningún tipo de construción nin cerre, sen ningún tipo de servizo (nin auga, nin sumidoiros, sen telefonía, sen electricidade e sen alumeado) e a campo paga 130 € de IBI.
  • Concello pode aplicar bonificacións nas taxas segundo diversos criterios.

Por ditos motivos reclaman que se revisen as taxas para que:

  • Redución do tipo do IBI ao 0,63 para o próximo ano.
  • Aplicación de bonificacións tendo en conta os servizos que teñen e características dos inmobles.

Tamén a coalición política presentou outra reclamación en nome propio alegando que segundo a Sentenza do 26 de marzo de 2013 ditada pola Sala do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Estremadura, sobre cualificación catastral do chan urbanizable sectorizado sen instrumento urbanístico de desenvolvemento, a efectos do Imposto sobre Bens Inmobles; así como da Sentenza do Tribunal Supremo do 30 de maio de 2014 no recurso de casación en interese da lei no 2362/2013, interposto contra a Sentenza anterior fallan indicando que:

Os chans urbanizables sen un Plan Parcial aprobado que actualmente estean valorados como de natureza urbana deben valorarse novamente como rústicos.

Por dito motivo se reclama ao Goberno Municipal a revisión de ditos valores catastrais.

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán 15570 Narón (A Coruña)
Telf.: 981337700 - Ext.: 1066 - Móbil: 673141822 / E-mail: grupomixto_ene@naron.es
Grupo no facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/

Web:
http://eliximos.esy.es/


______________

Relacionados:

En maio deste ano 2015, en na páxina "Narón Aberto", publicaba-se unha moi interesante análise sobre o IBI no Concello, co título:

Analizamos o misterio do IBI en Narón. | Durante este último mandato, tanto nos plenos do Concello de Narón coma na prensa houbo bastante ruxe-ruxe respecto ó tema do IBI. | Ir á web.
____________________________

venres, outubro 30, 2015

Eliximos Narón denuncia que se está a pagar até 3 veces o custo normal por traballos técnicos, como ocorreu co recen paralizado proxecto da reitoral de Pedroso


Eliximos Narón denuncia sobre prezos nos orzamentos das obras do POS 2016


Como xa denunciamos onte no pleno o concello está a pagar sobreprezos polas obras e traballos no concello. Estase a pagar ata 3 veces o custo normal por traballos técnicos, como ocorreu co recen paralizado proxecto da reitoral de Pedroso por incumprimento da normativa e cuxa factura chegou os 72.000 euros para unha obra de 360.000, e dicir, o 20% do valor da obra.

Noutros concellos os traballos técnicos como os do POS (PLAN DE OBRAS E SERVIZOS) fannos os propios funcionarios do concello, e en Narón, aínda por riba de pagar sobre prezos, presentan bastantes deficiencias e erros, que no caso das obras do POS-2016 roldan os 8.000 euros. Ademais dos erros, aparecen unhas voces de “imprevistos”, que non figuran nos orzamentos do POS doutros concellos, e que de 300 en 300 supoñen outros 8.300 euros.

Pero a cousa non remata aí, as contas soen ir con medio metro mais de ancho que a estrada e que, multiplicado polo largo das mesmas, sonche moitos metros cadrados contabilizados de mais. Ademais, seguimos a sumar sobre prezos porque os custes unitarios de cada concepto son mais altos que noutros proxectos do contorno e que nas bases de datos da construción.

Como resultado unhas valoracións con orzamentos incrementados por riba dun 40% mais na maioría dos casos, así que poderíamos estar a falar de mais de 160.000 euros de sobre prezos.

Aínda que, á hora de licitar, os prezos tendan a baixar algo dende logo non cremos que o faga nun 40 % e, por tanto, estaremos a pagar sobre custos moi importantes. Mentres tanto, xa de comezo, estamos a contratar un 40% menos de obras en termos de custo.

Esta denuncia feita por Eliximos Narón na xunta de portavoces e no pleno de onte, e a vista da votación, non lles preocupa aos partidos do goberno.

http://eliximos.esy.es/

Eliximos Narón Electores (ENE)
Participación cidadá
Grupo Municipal Mixto de Narón
Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)
Telf.: 981337700 - Ext.: 1066 - Móbil: 673141822 /
E-mail: grupomixto_ene@naron.es

Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
30 de outubro de 2015 08:12

____________