Amosando publicacións coa etiqueta Xaquín Campo Freire. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xaquín Campo Freire. Amosar todas as publicacións

martes, xaneiro 16, 2018

Comentarios a 'Presos para toda a vida' de Pérez Lema, ... Por Xaquín Campo Freire - Este artigo de Pérez Lema pode resultar iluminador nun problema sempre actual, moi complexo e complicado


PASTORAL  PENITENCIARIA.
COMENTARIO A “PRESOS PARA TODA A VIDA”.


Este artigo de Pérez Lema pode resultar iluminador nun problema sempre actual, moi  complexo e complicado. Por iso me permito engadir unhas consideracións desde outros puntos de mira complementarios desde alguén que ve o cárcere, as persoas,  en contacto directo semanal e desde dentro. Tamén desde as familias dos reclusos nos intres de entrar ás visitas. Todo é unha gran pobreza. Todo e dor, na “fabrica del llanto y el telar de las lágrimas”, dixo Miguel Hernández. E fóra, as vítimas,  as grandes silenciadas. Por veces moi utilizadas. “Non será asi entre vós”, dixo Xesús de Nazaré.

Comentarios a 'Presos para toda a vida' de Pérez Lema.
Por Xaquín Campo Freire [1]
16.01.2018


Non. Non o direi eu mellor, nin con máis autoridade, nin con máis coñecemento de causa do que Xoán Antón Pérez Lema: "Se é permanente non é revisábel. Se revisábel non é permanente. A PPR é un xeito de branquear semanticamente o que non é senón cárcere a perpetuidade".

Os entendidos falan de porcentaxes moi altas de enfermos psíquicos, pero non só, que se lles dá como solución e oportunidade determinista o camiño do cárcere xa desde o comezo da súa existencia. E el non teremos nada que reflexionarmos a sociedade?

Abóndanos con ver quen é o que abre máis a boca coa expresión máis contundente cando xa ocorreu unha desgraza? E os medios non terán nada de que examinárense na súa función educativa do público ou no xeito de informaren?

Non. Non é por aí como vai vir a prevención e solución de tanta dor que se dá en casos tan dramáticos.

Mellorouse moito na saúde buco-dental, poño por caso. Pero que se fixo e fixemos coas enfermidades mentais, detección precoz, prevención, atención axeitada e especializada, seguimento correcto e eficaz, etc.? Que tipos de institucionalización? Estamos todos moi de acordo en que: “Manicomios, non!”.  Pero que alternativas? U-las elas?

Non chega con devolverlle ás familias os problemas. A sociedade, como tal, temos de crearmos respostas aos problemas que son de todos. Como poden seren a mesma meninxite, a diabete, o cancro, os infartos, etc. Á fin tamén todo é social.

Lembro o caso dramático, hai poucos anos, daquela veciña nosa de Narón que cansa de chamar a todas as portas a prol do seu fillo, xa maior de idade e moi violento, por estar moi enfermo, optou por procurarlle ela mesma a morte para que non puxese en perigo a vida de ninguén e logo foise mergullar ela mesma no mar da nosa costa ferrolá. Deixou unha dorida e desesperada carta, outra máis, para D. Manuel Fraga a quen nunca lle deixaran acceder en auxilio do seu desespero. Ela tamén sería unha desas que as nosas sociedades, nós, a “apodreceriamos no cárcere”. Sempre nos colocamos na parte dos “puros”, dos bos, dos xustos e, mesmo por iso, axustizamos.

Non será esa máis unha gran “asignatura pendente” que non se quere abordar en serio pola sociedade en xeral e os políticos?  E a marxinación social? Aquí, estes medios si que deben ser permanentes e revisábeis.
 
Ben seguro que non acabaría con todos os problemas. Pero tamén seguro que outros tratamentos que non só sexan as prisións permanentes, desas  que "apodrecen nos cárceres", serían ben máis eficaces, aforrarían moitas vítimas e seriamos todos menos vindicativos, (enfermos sociais), e ata teriamos algo máis de  felicidade persoal, familiar e comunitaria.

Por moito que berremos cando é tanta dor, non quer dicir que socialmente esteamos máis acertados nas diagnoses e terapias.

Outra cousa ben diferente son as familias afectadas. As vítimas. Para elas, todos os respectos e consideracións serán sempre poucas. Pero tampouco as utilicemos. Que doado é sermos demagogos.

Tamén teriamos de ver como mellor acompañar. Estámolo a facer ben? Que nos dirían os entendidos nunha verdadeira psicoloxía de auténtica calidade e actualizada? Canto camiño por andar e canto por aprender cando a vida nos golpea tan forte e absurdamente.

Mandia, 15 de xaneiro de 2018

 
Graciñas, Xoán Antón Pérez Lema. Velaquí o texto completo da súa achega valiosa e acertada, que non dubido nos permite reproducir, coñecida a súa loita por concienciármonos cara un mundo máis humanitario.


Presos para toda a vida
Xoán Antón Pérez-Lema [2]
15.01.2018

Foille abonda ao PP a súa maioría absoluta para introducir en marzo de 2015 a prisión permanente revisábel (PPR), que permite condenar ao cárcere por tempo indefinido aos que cometen delictos de asasinato no seo de organizacións criminais, asasinatos múltiples ou en serie, homicidio do Xefe do Estado, do seu sucesor ou de Xefes do Estado estranxeiros, xenocidio ou semellantes, asasinato de menores de 16 anos ou persoas especialmente vulnerábeis e indefensas e calquera asasinato precedido de agresión sexual. A permanencia no cárcere revisaríase cada dous anos logo de se cumprir 25 anos de cumprimento (cando o feito puníbel consista nunha morte) ou aos 35, cando sexan dúas ou máis.

Este último outubro o PNV propuxo e a maioría do Congreso aprobou unha proposición de lei orgánica, arestora en trámite, que derrogaría a PPR, coa oposición do PP e a abstención de C´s. Ducias de milleiros de cidadáns apoian o seu mantemento a requirimento de Rocío Viéitez, nai das nenas de Moraña asasinadas polo seu pai (primeiro condenado á PPR). A iniciativa de Rocío Viéitez é lóxica e demostra lucidez, ausencia de ánimo de vinganza e sentido cìvico.

Mais a política criminal non pode atender só ás lexítimas demandas das vítimas. Porque a indeterminación da duración da PPR atenta contra o principio de legalidade. E porque a propia pena vulnera os principios constitucionais de reinserción e resocialización, propios dos sistemas penais democráticos, ao enfrontar aos condenados, na maioría dos casos, a unha pena efectiva a perpetuidade.

O certo é que o Estado español conta cun dos sistemas penais máis ríxidos da Europa, que ten xerado altos níveis de superpoboación penitenciaria. As penas son longas (un duplo asasinato cumprirá normalmente 30 e 40 se son actos de terrorismo ou criminalidade organizada) e non admiten redención. Son excepcionais os casos de cumprimento efectivo inferior aos ¾ da pena imposta. E, malia o horror de casos como os de Moraña ou Rianxo, non somos unha sociedade onde existan altos níveis de criminalidade nin éstes empeoraron nos 23 anos de vixencia do Código Penal da democracia.

Se é permanente non é revisábel. Se revisábel non é permanente. A PPR é un xeito de branquear semánticamente o que non é senón cárcere a perpetuidade.


Notas.-

[1] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca], Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

[2] Xoán Antón Pérez-Lema, naceu na Coruña o 17 de abril de 1965, avogado, político e columnista galego. | Artigo publicado no Diario de Ferrol o 15 de xaneiro de 2018.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@mundo-r.com-
15 de janeiro de 2018 15:45

__________________

luns, novembro 06, 2017

Xosé Manuel Carballo Ferreiro, alén, s/n, ... Por Xaquín Campo Freire - Sobre todo, grazas inmensas polo enorme traballo que deixas feito en tantísimos eidos da nosa Galiza.Tanto amor, tanta fe, tanto humor

Xosé Manuel Carballo Ferreiro, nado en Goberno (Castro de Rei) en 1944
e finado o 28 de outubro de 2017

Por Xaquín Campo Freire [*]
06.11.2017


Amigo Xosé Manuel:

Sobre todo, grazas inmensas polo enorme traballo que deixas feito en tantísimos eidos da nosa Galiza.Tanto amor, tanta fe, tanto humor.

Grazas pola esperanza que fixeches nacer en nenos e grandes. Grazas pola sinceridade sempre envolta en tenrura e agarimos. Sempre sinceridade radical que colocaba a cada un ou unha fronte á súa propia verdade.

Cando fagas unha velada de humor fálalles de nós a toda a nosa boa xente desa nova maneira de serdes e estardes, nese xeito novo de vivirdes unha vida plena: o Alén.

Moito che temos oído falar del. Mesmo nolo tes metido polos ollos nos teus xogos, adiviñanzas e brincadeiras. E xa non che digo nada nos contos e artigos que deixaches. Dilles aos do Alén que a loita segue, pero que o mundo avanza.

Non habemos tardar moito en vérmonos. Porque nos veremos, non si? Déixate encontrar axiña e doadiño como fixeches sempre que precisamos de ti.

Na túa maneira de ser e de servir a todo aquel que te buscou sempre estivo o deixarte encontrar. De entrante, acollías co característico sorriso e unha chiscadela. Logo xa pasabas á parte máis persoal: - A ver, fala. Que me dis?

E vaia se che diciamos. E ti cargabas con todo. Unha das sobrecellas comezaba a movérseche nun pequeno tic incontrolado, froito da concentración coa que estabas atendendo e empatizando co interlocutor. Logo de “ver ben co corazón” a problemática vital do visitante, saías por “peteneras”: “Que che parece? En todos os traballos hai uns minutos para un café e unha fumadiña". Mentres, distendías e relaxabas a situación.

E pensabas. E no teu interior estabas a darlle a todo outra pasada pola intelixencia emocional da que fuches un experto nato.

E volta á sesión de terapia e compromiso na procura da mellor  solución na que te implicabas sempre con total entrega e gratuidade.

Con frecuencia caía polo medio un Noso Pai e unha Ave María ou outra oración axeitada. Porque, a home de fe, non che gañan moitos.

Moitos deses cigarros tíñalos de ter postos na nosa conta. E non falo dos físicos, senón dos que, para atendernos a nós, te foron envelenando a ti.

Non. Non vou percorrer toda a nosa vida e amizade común. Sería non acabar.

Quero situarme na longa conversa que tiven contigo no Tanatorio de Castro das Ribeiras do Lea. Vinte vestido de misa, con rostro apracíbel, sosegado e calmo, e estivemos moito tempo agradecendo a vida, a fala, o humor, a fe e tamén algunhas pequenas rillotadas que nunca fixeron dano a ninguén pero que nos teñen servido de complicidade para saírmos do paso e recuperar o sorriso.

Logo, na misa da noite, impresionoume a xente. Entre todos nós había, sen coñecérmonos, unha fraternidade moi fonda que foi creada por ti ao longo da vida.

Estabamos esperando unha pomba milagreira e, certamente, cando nos intercambiamos a paz descubrimos a xogada que nos tiñas gardada: Que impresionante cada aperta, cada bico. Alí, con Deus no medio, cheos de Espírito Santo, experimentamos a Cristo resucitado e ti estreando o número dos aros.

Volvín para Ferrol, moi de noite, a modiño, e confésoche que varias veces tiven de secar os ollos. E tamén o corazón.

No día seguinte, día 30, estiven entre o público na misa e enterro. Vivín con fe, amor e agradecemento a despedida final tan solemne e ben preparada.

E novamente te descubrín a ti facéndonos un número impresionante. Estabamos ao aire libre, como  libre é o Espírito de Deus e libre fuches ti e loitaches pola liberación máis esencial de cada ser humano e da humanidade enteira.

Coma no deserto, en camiñada, baixo tenda (carpa aberta), con sagrario incluído, (Arca da Alianza), moitísimos de pé, cun sol que pegaba aínda forte na caída da tardiña, cunha viruxe que viña do nordés e coa visión do amplo horizonte da Terra Chá, estiven cantando para dentro: Un largo caminar, por el desierto bajo el sol, no podemos avanzar sin la ayuda del Señor. Unidos al rezar, unidos en una canción viviremos nuestra fe con la ayuda del Señor. La Iglesia en marcha está, a un mundo nuevo vamos ya, donde reinará el amor, donde reinará la paz Juntos como hermanos, miembros de la Iglesia, vamos caminando al encuentro del Señor. Recibín paz. Moita paz. E moita esperanza: E vin o valor do pequeno e dos pequenos no Reino de Deus.

Pero se che vou ser sincero, benquerido Xosé Manuel, houbo outro xogo teu que nos brindaches nese serán e non sei se todos lle pillaron o aquel.

Polo alto, onde está o templo parroquial e a camposa que nos acollía a todos, hai unha estrada. Co ofertorio xa acabado, achégase un camión do lixo. Viña bastante silandeiro. O señor arrimoulle o contedor. Cun respecto grande e case sen bruído levou todo o refugallo.

Nese camión mandei eu todas as nosas malevolencias e ruindades. Ao comezo da misa fixeramos o acto penitencial de ritual. Que moitas veces facemos de rutina. Eu descubrín nese camión do lixo coma un sacramental do que é ir coa equipaxe limpa  para o Alén de cada día e tamén o definitivo.

Ti ensináchesme a comparación metida de cheo na solemnidade do adeus. E recei o salmo 50: Oh Deus, crea en min un corazón puro e renóvame por dentro cun espírito firme. Non me deixes lonxe do teu rostro, non me quites o teu Santo Espírito. Devólveme a (á) alegría da túa salvación. Afiánzame con Espírito xeneroso. Señor, Ti abrirasme os labios e a miña boca proclamará a túa loanza.

Misericordia, meu Deus, pola túa bondade. Pola túa inmensa compaixón borra a miña culpa.

Por iso mandaches o carro do lixo, pillabán!

Xa nesa beira da verdade esencial, permíteme, como fixo o Papa Francisco no seu primeiro inicio: "ora pro nobis, carissime amice".

Moitos cariños para a túa familia. Para os de aquí e para todos eses cos que agora estás.

Xa lles fixeches o xogo dos aros? Non che pillaron o truco, verdade?

Pois aquí, na  noite seguinte, despois do espectáculo que lles fixeches aí, non máis chegar, deixouse oír por toda a Terra Chá: Outro! Outro! Outro, ...

Ti es un crack! E os teus Baluros aplaudiron a máis non dar.

Sempre amigos, meu amigo.

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@mundo-r.com-
5 de novembro de 2017 23:47

__________

xoves, xuño 08, 2017

Homenaxe a Xaquín Campo Freire - O cura obreiro que leva Galiza no seu corazón - Este sábado 10 de xuño en Narón


Desde Ártabra 21 queremos sumar-nos á homenaxe sinxela, comunitaria e cívil que un grupo de amizades organiza, baixo o nome de "Ganduxando Vidas", a Xaquín Campo Freire. [*] "O cura obreiro que leva Galiza no seu corazón", no seu 80 aniversario. O acto vai ter lugar este sábado 10 de xuño, de 2017, en Narón, co seguinte programa:

17:00hs - Monolito Piñeiros (a carón do Asilo San José).
Comezará ás cinco da tarde, na parroquia de Piñeiro, do concello de Narón, da que foi o primeiro cura (ao ladiño do Asilo-Residencia San José), erixirase en terreos municipais, na súa memoria e para honra de toda a comunidade e de todos os amigos e amigas, un monólito con inscrición gravada incluída: “Xaquín Campo Freire. Compañeiro de camiño. Ganduxador de novos amenceres. Galiza no corazón”. Piñeiros, parroquia que el mesmo creou alá polo ano 1968, foi o escenario escollido para a localización do monolito na súa memoria que se descubrirá ao son da música da Banda de Gaitas do Padroado de Cultura de Narón.

18:00hs -  Acto central no Auditorio de Narón (Praza de Galicia).
Ás seis, no Auditorio Municipal, Praza de Galicia (ao lado do Concello de Narón, Alto do Castaño), haberá un programa moi completo de actos con participación activa e a presenza de xente vida de toda Galiza. O acto estará acompañado da música de Mini, Paulo López Campo, Manuel Doval, Xoán Rubia, Xico de Cariño e a Rondalla de Mandiá. A entrada é pública.

Para rematar coa presentación do libro "Ganduxando Vidas", no que se recollen testemuñas de amigos e mesmo unha entrevista ao homenaxeado.

O acto ten o carácter dun encontro de recoñecemento comunitario ao traballo e á persoa de Xaquín da Roca.

Neste encontro de recoñecemento colaboran: Concello de Narón, Galicia Dixital, Asociación Xermolos, Irmandade Manuel María, Irimia e Encrucillada e todos os amigos e amigas das diversas parroquias nas que traballou.

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  San Xiao de Roca, Guitiriz, 1937, é un relixioso galeguista. Formou parte dos curas obreiros de Ferrol, na loita pola democracia, contra a Ditadura franquista; e colaborou nos inicios da implantación do nacionalismo galego na Comarca, apoiando á AN-PG. Nas parroquias nas que estivo desenvolveu un importante traballo social Toda unha vida na defensa da lingua e cultura galegas. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. Desenvolveu a súa actividade profesional no Sergas. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola e Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo. Aos seus oitenta anos é un activistas no apoio á xente encarcerada, desenvolve unha actividade como voluntario en Cáritas como capelán do cárcere de Teixeiro. Ten escrito sobre a situación das prisión e as persoas que as padecen. Escritos en Ártabra 21.
______________________

xoves, agosto 11, 2016

Os nosos libros e os cárceres, ... Por Xaquín Campo Freire


Por Xaquín Campo Freire [*]
11.08.2016


OS NOSOS LIBROS E OS CÁRCERES


"Abride escolas e pecharanse cárceres". Esta frase é moito de dona Concepción Arenal. O concepto xa viña desde as culturas máis antigas.

Desde 1946, na miseria e analfabetismo da posguerra española, foi Corín Tellado a escritora que puxo máis xente a ler entre as clases máis humildes e populares incluídas as aldeas. Grazas a ela, os que pouco máis facían que poder leren unha carta, foron quen de seguiren un argumento novelado e desde aí espertar a seren xa lectores. Hoxe ninguén lle pode negar a súa categoría de escritora dentro do seu xénero literario peculiar. “Nin son romántica nin escribo novelas románticas. Son positiva e sensible, e escribo novelas de sentimentos, que non é o mesmo. As historias da vida cotiá inspíranme. Eu recompilo as vivencias da rúa e axústoas ás miñas cousas. Os meus personaxes teñen unha tremenda humanidade. Hai moitas mozas que na vida real viviron o que viven os meus personaxes”.

A partires destes dous exemplos socio-literarios citados quero falar das bibliotecas e dos libros nos cárceres e na sociedade.

Estanse a tirar aos contedores do papel, ao lixo, infinidade de libros de todas as clases cando nos nosos cárceres hai falta de libros tamén de todas as clases: Literatura, didácticos, científicos, enciclopedias dos tempos da crianza dos fillos e das de máis categoría ou especializadas, etc.

Cos ordenadores e internet moitos destes libros estorban nas casas e as xeracións novas non fan uso deles. Pero no cárcere non hai ordenadores e a internet non está autorizada. Aí é onde o libro non perdeu actualidade. Que clase de libros? Todos. Imos razoar xuntos e veremos por que.

Nos  cárceres están maioritariamente, case exclusivamente, os pobres. Por iso, mesmo eses libros de contos que xa fican arrombados na túa casa son do mesmo nivel cultural de moitos dos nosos reclusos. E só empezarán a ler de novo se retoman eses contos sinxelos de rapaciños onde ficou a súa formación de antano. E digo outro tanto dos libros de Primaria, da ESO ou de BUP. O tempo do cárcere ten de ser un tempo aproveitado, pero para iso fan falta medios e instrumentos axeitados.

Que con isto xa vai ser todo de cor de rosas? Certo que non. Pero, como di o Xénese 18, 30-32: “E se non houbese máis que cinco xustos ti xa nos destruirías a todos?”. Vale a pena o noso esforzo se un dez, quince ou vinte por cento vai adiante e muda as súas condicións de formación alí e para cando saia en liberdade?

Os educadores de cada módulo e do cárcere en xeral ben desexarían teren  máis medios. Os libros son moi importantes. Logo están aqueles internos que, con formación máis elevada, son capaces xa de avanzar en por si ou mesmo de crear un grupo de estudo en común onde algún deles poida axudar aos compañeiros que desexan progredir e avanzar se hai medios.

O problema é moito máis amplo e complexo. Xa sei que a Xunta, o Goberno, o Ministerio do Interior, etc, serían os que terían de dotar os cárceres. É verdade. Pero xa vemos como nos vai coa sanidade, a educación, os servizos sociais, etc. E por outra parte estou a falar de non desperdiciar recursos que van ir ao lixo se antes con eles non nos beneficiamos todos.

Non fagamos como fixeron D. Xesús Vázquez, conselleiro de educación e o Sr. Feixoo que para que os profesores non caeran na tentación de dar certas crases en lingua galega queimaron milleiros e milleiros de libros de texto,  noviños, sen estrear. Pero dixo Manolo Rivas: “Os libros arden mal”. A queima deles sempre se volverá contra do incendiario.

Que tampouco se volvan contra nós se os tiramos ao lixo. Claro que non debemos converter o cárcere noutro contedor cos que están xa inservíbeis.

E como podemos facer se os queremos levar alí? Falo dos cárceres pero tamén dos xeriátricos ou de institucións sociais que poidan precisar. Na Galiza hai cinco centros penitenciarios. Na internet están os telefones de cada un deles. Hai un encargado da biblioteca ou un grupo de educadores. Pedindo que nos poñan con algún deles, seguro que conseguimos boa información. Eles xa nos indican a forma, o modo e o xeito máis amañado de procedermos.

As forzas que se asocian para o ben non se suman, multiplícanse. O home que se levanta é aínda máis grande que o que non caeu”. (C. Arenal).

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola e Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@gmail.com-
11 de agosto de 2016 00:09

______________

Centros Penitenciarios e CIS na Galiza. | Ir á Web.

Centros de Antención a Maiores na Galiza. | Ir á Web.
______________________________

domingo, xullo 03, 2016

Badaladas pola prevención do suicidio: Cada día suicídadse polo menos unha persoa na Galiza, ... Por Xaquín Campo Freire


CADA DÍA SUICÍDASE POLO MENOS UNHA PERSOA NA GALIZA

Por Xaquín Campo Freire [*]
03.07.2016


O xoves pasado non me foi posíbel ir á Praza de Armas de Ferrol a unirme a esas “Badaladas pola prevención do suicidio”.

Como traballador da sanidade pública tocoume ben veces achegarme a ese triste e real escenario e ser testemuña directa deste drama persoal, familiar, social e comunitario. Logo, todo se sume no silencio e o tempo aparentemente segue coma se nada. E diso xa está prohibido falar.

Na miña condición de sacerdote e experto en relación de axuda nos grandes intres de dor tamén tiven que acompañar persoas e familias que sufriron a perda de seres moi queridos nesas circunstancias.

Que difícil sandar esas feridas fondas no máis profundo da alma e da vida! Non ter xa nunca unha resposta minimamente explicativa para esa pregunta que aló no íntimo de cadaquén estará continuamente martelando nos miolos e, ademais, non se quere ou non se pode falar: Por que? Por que? Por que? Que nunca che toque na familia!

Engádese ademais a maldita autoculpabilización da que tan difícil é liberarse: En que fallei? Que fixen de malo? E se non dixese aquela frase aquel día, ou fixese aquilo outro. Se non a deixase soa ou só.  Se eu fose menos esixente, ... , cambiaría a situación? E se, ou se, etc.? Os infinitos “e se”, que me rebentan a cabeza e non me deixan acougar na conciencia por máis que me aconsellen ou me intente auto convencer que non fun eu quen determinou esa decisión.

E non digamos se algún imprudente fala, deixa caer ou mesmo insinúa:  “Xa se vía vir”.

O problema do suicidio non se aborda en serio fóra das consabidas frases fatalistas, que repetimos como diagnósticos dogmáticos, aforrándonos así o traballo de confrontármonos con algo eminentemente doloroso e desagradábel. A verdade é que lle temos medo.

O medo. Outro sentimento ou emoción que non queremos verbalizar. Preferimos sumir todo na escura sombra junguiana onde nese subconsciente persoal ou colectivo afogamos xa para sempre ese problema. Pero por ese camiño iremos sempre a ningures.

Velaquí un chamamento a todos nós que nos interpela para apoiar unha causa e ir na procura de solucións estruturais nas que ninguén está da parte de fóra, nin persoal, nin familiar, nin socialmente. Abrangue a persoas e institucións, a grupos e colectividades.

As recomendacións da OMS afirman que o suicidio pode previrse eficazmente e, por iso, apostan polo obxectivo de reducir en cada país nun 10% para o ano 2020 o número de mortes por esta causa. Imperativamente chama aos Gobernos a liderar e a desenvolver Plans de Prevención do Suicidio

Os datos seguites está recollidos literalmente de diversos xornais destes días pasados:

"Galiza padeceu desde sempre elevadas taxas de suicidio e sitúa o noso país no marco dun "grave problema de saúde pública".

Cada día suicídase polo menos unha persoa na comunidade autónoma, rexistrándose 394 mortes deste tipo no 2014”. Unha cifra que non deixou de medrar desde 2010 pasando de 275 a 371 en apenas catro anos. A taxa de suicidios na Galiza sitúase en 11,85 por cada 100 mil habitantes.

 “Lugo está á cabeza do ránking de suicidios cunha taxa en 2015 de 17,08 por cada 100 mil habitantes, fronte aos 11,85 da media galega”.

O MGSM advirte:  as políticas desenvolvidas polo Goberno Central e a Xunta de Galiza fronte á crise desprotexeron a sectores sociais vulnerábeis incrementando o risco de suicidio na sociedade. Son especialmente importantes:
  • a carencia de políticas activas de emprego,
  • un elevadísimo paro prolongado,
  • a redución da protección social,
  • o deterioro da sanidade pública,
  • o debilitamento da Atención Primaria de Saúde en particular,
  • a tolerancia gobernamental coa banca,
  • a súa agresividade respecto ao cobro dos préstamos hipotecarios
  • a conseguinte vaga de desafiuzamentos".
  • Etc.
O Movemento Galego da Saúde Mental, (MGSM), iniciou o pasado 3 de maio a campaña Badaladas pola prevención do suicidio, coa finalidade de sensibilizar á sociedade fronte a esta cuestión, e para reclamar o cumprimento das obrigas que os gobernantes teñen coa protección da saúde e da vida da poboación”.
Badaladas pola prevención do suicidio concluíu esta quinta feira con concentracións simultáneas en Ferrol, A Coruña, Lugo, Compostela, Ribeira, Pontevedra, Cangas, Vigo e Ourense onde se escoitou unha badalada coa que lembrar as persoas mortas. Urxe un Plan de prevención.

Cáritas, Pastoral da Saúde e Pastoral Penitenciaria de forma moi documentada, seria e axeitadamente véñense achegando desde hai moitos anos a esta problemática. Pero fican certamente desbordados porque atinxe globalmente a todos os sistemas implicados.

O Papa Francisco falou varias veces deste asunto co gallo do Ano Santo da Misericordia. E mesmo actuou con moita empatía nalgún caso do persoal do mesmo Vaticano.

Se este problema é grave na sociedade, no cárcere, nos cárceres do mundo, estes berros traspasan todos os aramados e concertinas. Non os estás a escoitar? O 80 % dos reclusos, din as estatísticas, sofren trastornos psíquicos e ese non é o lugar para tratalos adecuadamente. Son enfermos e non delincuentes, por máis que cometesen actos delituosos. Disto falarei  máis especificamente noutra ocasión.

Como dixo Castelao: Ninguén sobra. Vinde todos traballar á obra. O xoves pasado non me foi posíbel ir á Praza de Armas de Ferrol a unirme a esas Badaladas pola prevención do suicidio. Esta é a miña badalada de adhesión persoal á causa que tan fortemente nos está urxindo a todos.


[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola e Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.


Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@gmail.com-
2 de julho de 2016 18:44
CADA DÍA SUICÍDASE POLO MENOS UNHA PERSOA NA GALIZA. Saúdos. Estes días saiu a noticia moito nos medios. Non é unha problemática moi de evasión e do verán. Pero está aí. Na miña calidade de traballador de enfermeiro do Sergas por moitos anos tocoume isto moi de pertiño. Tamén no verán. Algún día,  sen morbo pero con ánimo sanante e sanador, tal vez debera achegarme máis a esta realidade e ás súas repercusións nas familias, que vivin e aínda estou a vivir. Incluidos os nenos, os grandes silenciados e apartados, sen as axudas adecuadas que logo sufrirán toda a vida. Unha aperta de amigo.
________________

Enlace relacionado:
http://movementogalegosaudemental.gal/
____________________

xoves, decembro 10, 2015

Coñezamos mellor o legado humano de Xosé Chao Rego: Pepe Chao Rego foille fiel á vida, ... Por Xaquín Campo Freire


Por Xaquín Campo Freire [*]
10.12.2015


PEPE CHAO REGO FOILLE FIEL Á VIDA


Agora que finou, a moitos revólvenos por dentro a pregunta: Quen foi realmente Pepe Chao Rego? A Pepe Chao fíxoo a vida. A actitude fundamental nel foi responderlle con sinceridade, con coherencia, con honestidade radical á vida en cada intre vital da súa existencia. E ese foi un dos seus meirandes méritos. Sempre se confesou profundamente crente, pero non crédulo. Por iso nunha lectura crente da existencia, pero profundamente crítica, soubo escoller e atinar nas encrucilladas da vida que lle tocou vivir ata o seu pasamento. E agora tamén. Correndo riscos ben dolorosos revisou sempre todo o seu ser e saber, e a súa creatividade, ao contraluz da realidade e da fe que para el, sen exclusións nin exclusivismos, estivo ancorada na revelación de Deus, no acontecer cotián de El da historia. De aí saíu ese inxente estudo sobre a Biblia. E de aí tamén un achegamento sincero as fonduras das outras relixións.

Partindo da vida, onde a vida o foi colocando, non se botou para atrás. Respondeulle a vida, profundando na vida real. Por iso, coma Mafalda, apeouse dos libros, pero lendo cada vez máis libros e escribindo novos libros, para revisar todo de novo desde a vida, para aprender de novo seguindo o método de Xesús de Nazaré e así descubrir o acontecer de Deus en cada persoa, en cada situación, en cada evento, no universo mundo. “Todo esta a xemer en dores de parto”(Rom 8,22). Aquilo do Irmán Roger de Taizé: Aprender a “vivir no hoxe de Deus”. Achegouse á vida, escoitou a vida, dialogou coa vida sen medos. E a vida foi a súa grande matria: Desafios de crecemento. Crises. Sufrimentos.. Non se botou para atrás nin se arredou. Non lle torceu a cara á vida en cada persoa concreta, en cada circunstancia real e concreta.

El viña, como ten dito, de ambientes cómodos e acomodados. Pero a vida foino interpelando e el tiña unha grande inquedanza, creatividade, ilusión e ansias dun mundo mellor. Implicarase moito precisamente no “Movemento por un mundo mellor”, do P. Lombardi.

Foise deixando conducir pola vida. Soubo dicirlle sempre si á vida. Participou activamente en canto movemento de renovación ía nacendo na Igrexa. Pero tamén os foi deixando axiña, na medida que ao analizalos non daban a vara de medir da xustiza e da sagrada liberdade e do respecto á persoa.

Foille fiel a Deus e ás súas criaturas, tendo como exemplo a Paco de Asís como el gostaba de chamearlle. Moito saboreou o libriño : "Sabiduría de un pobre”.

Para baixar á vida e ás realidades da vida real, empezando polos máis pobres, viviu en auténtica pobreza material e de entrega en silencio. Só os máis achegados, por convivirmos, soubemos ata que punto de pobreza chegou, non por gusto enfermizo, senón porque os pobres cos que convivía eran máis pobres do que el. Sabía que el sempre tiña uns resortes que os pobres non tiñan, aínda pasando a mesma fame ou necesidades vitais. Aí ían incluidos o amor e a amizade, nos que el era extraordinariamente rico. Pepe Chao desbordou afectividade, cariño, tenrura, boas formas, respecto e limpeza de alma. Pero tamén foi contundente cando percibía o asoballamento dos débiles. Daquela non calaba. E así lle foi. Probou a cadea.

Deixou o seu rol de “notable” para calzar as alpargatas da xente do pobo, nas casas, cos enfermos, cos que sufrían, e apuntouse aos feitos máis axeitados para responder con intelixencia, compromiso e efectividade. A xente dicíalle que era un inxenuo, que se aproveitaban del, que lle mentían, que o enganaban. “Prefiro enganarme dando unha comida demais, que deixar morrer de necesidade a alguén que un día chega a min con fame”.

Lembro aquela casa en Casquido, s/n, hoxe pechada e pouco coidada. Na porta do primeiro andar onde el moraba de aluguer, había un letreiro. “Está aberto. Estás na túa casa. Entra sen medo. Usa o que hai. E se tes fame ou sede sérvete ti mesmo se hai algo que che valla”.

Cando non estaba na casa penduraba da porta unha nota informativa: “Agora non estou. Volvo en x tempo”. “Se chegas á hora de comer partillaremos do que haxa”. E moitas veces non había nada. Daquela ía á tenda e traía uns bocadillos. Moitas veces ao fiado. Logo falábase e había alegría, amizade e esperanza. Eu vivín con el esas utopías. Realmente era un estilo sedutor. Prendeu en min. Claro que a saúde axiña empezou a pasar factura, o mesmiño, igualiño, que nas casas de moitos parroquiáns.

A xente sabía que pasaba fame. Traíanlle cousas, comida ou mesmo algunha lambetada. Pero aprenderon a chegar mesmo cando o vían entrar e facíanlle comer na súa presenza ao par que o acompañaban. Doutro xeito esas viandas collían destino inmediato cara onde había necesidades ben coñecidas del.

É preciso explicar, para os que non coñeceron esas épocas, que estabamos en tempos de posguerra, aínda case de racionamento, de fame, de familias moi numerosas, de emigración, de nenos deixados cos avós, etc. Aquela Galiza e España non eran as de hoxe, con todos os problemas que nestes tempos temos e coñecemos.

Os ingresos del estaban limitados a unha pequena nómina que recibía do bispado. O que recibía do templo volvía aos pobres e ao templo para as obras. Eliminou o cobro por actos de culto e as “clases” dentro da igrexa. Un letreiro dicía: “Con la venia del Sr. Obispo se han eliminado toda clase de aranceles en esta parroquia. Sabemos de la generosidad de nuestros feligreses que colaborarán en la medida de sus posibilidades para el sostenimiento económico de nuestra parroquia. Gracias”. E certamente o pobo tomou conciencia.

Por mais que nada se fai sen pagar prenda. Cando morría alguén, “poñer” varios curas no enterro era signo de honra para o defunto e de significación para os familiares diante da veciñanza. Unha forma falsa de fuxir da connotación de pobre.

Cando el dixo que os enterros serían cun sacerdote só, o párroco, houbo serias discordancias, desafíos e desobediencias. “Non todos somos iguais. Se nós queremos honrar ao noso familiar con cinco, seis ou os cregos que sexan, iso é cousa nosa e vostede non ten que meterse”. “Miren, dicíalles na misa do domingo, o bautismo e o matrimonio son sacramentos moi importantes. E fanse cun só sacerdote. O enterro non ten meirande precedencia nesa categoría. Daquela, por que non se pode facer cun só cura? Eu non lles cobro. Os que veñen, si. O único que coñece á familia e ao defunto son eu, que vos acompaño na enfermidade. Non vexo onde está o problema. De todos modos se vostedes se empeñan en traer outros sacerdotes de fóra, quer dicir que eu non son preciso ou que non teño valía dabondo para facelo. Daquela que o fagan todo eles, xa que son varios. Malo sexa que entre todos non saiban”. "Non. Vostede ten obriga de estar. É o párroco. Si pero se vostedes se empeñan en traer a outros quere dicir que eu non son competente dabondo para ese mester, por tanto que cumpran o encargo que vostedes lles están a facer xa que vostedes pagan e eles veñen cobrando. Teñen un contrato.”. Iso creou problemas serios na freguesía e e tamén cos cregos durante o primeiro ano. Incluso ten habido insultos por parte do “chamador” cando viñan avisar, como de costume, para ir a outras parroquias e se lles dicía que "non había tempo para ir aos enterros de xente que non coñecía, que xa tiñan cura na súa parroquia".

O seu enfoque pastoral partiu sempre da teoloxía da misión. Nunca fun proselitista. Pero si misioneiro, como ten dito de si mesmo.

Mandiá-Ferrol, 10 de Decembro de 2015.


[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola e Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Pepe Chao (Xosé Chao Rego) - Bucador Google: Ir a Web.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
xaquinderoca@mundo-r.com-
9 de dezembro de 2015 11:36
Saudiños. Fóisenos Pepe Chao, o escritor de pro e o literato. Pero as profundidades do home Chao e o seu evoluir vital, fican máis na sombra. Cómprenos, polo menos aos de Ferrol, desvelar xa sen medos, como xurdiu de entre nós ese home. Un día liderei o recoñecemento del nese monólito: "Parque Xosé Chao Rego", en Santa Mariña. Hoxe vese ben que foi un acerto: Ese monumento está sempre cheo flores. Por algo será. Lástima dunha boa fotografía, cousa que eu non controlo. Por abril imos facer unha semana cultural arredor da súa figura. Que hai detrás? Un home e a súa obra que cómpren coñecérense mellor. Porque Galiza merece saber o máis posibel dos seus fillos. Unha aperta e bo Nadal. Xaquín Campo Freire.

_________________

mércores, decembro 02, 2015

A Pepe Chao Rego, mestre de vida e amigo, coma nunca, graciñas, ... Por Xaquín Campo Freire


Por Xaquín Campo Freire [*]

02.12.2015

A PEPE CHAO REGO, MESTRE DE VIDA E AMIGO, COMA NUNCA, GRACIÑAS

Querido Pepe Chao: Hoxe van ser moitos os que falen e  escriban de ti. Cada un farao desde o seu universo referencial emotivo. E entre todos iremos poñendo as teselas para un mosaico da túa inesgotábel personalidade e inmensa creatividade.

A miña ligazón agradecida contigo vén de moi lonxe. Setembro de 1955. Desde entón xa foi un continuum. Hoxe quero reafirmar esa fidelidade de mutua amizade “sen que a morte nos separe”.

Quero retomar algo que escribín o mércores 27 de octubre de 2010 porque, máis aló da nosa amizade persoal, isto reflicte mellor a nosa relación comunitaria vista desde Ferrol, onde traballamos xuntos tanta xente e tanto tempo. Velaquí a memoria:

PARQUE XOSÉ CHAO REGO”. Hai datas ben ledas para toda unha comunidade. O Pleno do noso Concello aprobounos hai uns días, por unanimidade, o nome deste polígrafo para o noso rueiro oficial. Santa Mariña do Vilar e todo Ferrolterra, as letras e a cultura galegas estamos hoxe de festa. Parabéns!

Nese monumento a Pepe Chao, estará, como di el, “todo un estilo de sermos comunidade, e estaremos aí todos e cada un dos que con el traballamos, loitamos, sufrimos e esperamos”. Porque houbo de todo.

Hoxe a nosa memoria é fiel e faille xustiza a un dos bos e xenerosos. A nosa boca énchese de cancións e poesía. O noso corazón reborda de agradecementos e dos nosos ollos xorden bagoas de emoción. As palabras fican pequenas para expresarmos axeitadamente o sentido profundo desta decisión. O seu eco resoa forte e fondo. Porque o pobo é quen máis ordena.

Coidaremos deste monólito como cousa e causa nosa, como significante de toda unha etapa vivida con moita esperanza, pero tamén con sangue, suor e bágoas. Non podemos permitir que se destrúa a obra deste eminente fillo adoptivo de Santa Mariña do Vilar que tanto esforzo e estudo consagrou para dotar á parroquia de nome e honra universal e de verdadeiras obras arte. Abonda con abrir Google para comprobalo. Aí están ese mosaico de González Collado do ano 1960. O Pantocrátor de Segura Torrella na ábsida do templo. A talla da Virxe, dun verdadeiro artista, que polo seu vivir un tanto bohemio perdeuse no anonimato e do que debemos recuperar o seu nome. A fachada absolutamente orixinal, á que non lle damos o seu auténtico valor.

A nosa Igrexa Vella coas arquivoltas da porta principal cheas de signos de historia antiga. E tan antiga! O documento escrito de máis antigüidade de todo Ferrol é xustamente o que fai referencia a esta capeliña. Igrexa da que fala o Padre Sarmiento nos relatos das súas viaxes pola Galiza. Igrexa que foi queimada do 1936 e que Pepe Chao restaurou, seguindo os planos do Arquitecto Rodolfo Ucha Donate, para dedicala a servizos sociais da parroquia, porque na escola nacional nacía a auga onde os nosos nenos de daquela puñan os pés todos os días. Posteriormente serviu para introducir nas letras aos nenos xitanos que acababan de asentárense para deixar a transhumancia secular.

Hoxe, devolta de novo ao culto, o seu destino orixinario, onde algúns que aínda vivides viñestes prometer nos anos vinte o voso amor. Preguntádello a Maruja Purriños.

Mas por riba das pedras e de todo está o traballo humano de D. Xosé. A súa entrega polas persoas, a súa dedicación sen límites a todos nós, o seu testemuño de fe cristiá e a loita pola xustiza que lle custou, xunto con Vicente Couce e moitos outros, persecucións varias naqueles tempos da longa noite de pedra incluída a cadea. Pepe Chao, o noso benquerido D. Xosé, ficará así sempre connosco e para a posteridade co seu nome imperecedoiro.

Teño, como promotor principal, que mostrar agradecementos a D. Amable Dopico pola súa axuda silenciosa, eminentemente eficaz. A cantos nos ofreceron as súas incondicionais sinaturas para acompañármolas ao expediente preceptivo nestes casos. Tamén á Corporación Municipal, que unanimemente aceptou esta proposta. A D. Vicente Irisarri, o noso Sr. Alcalde que con toda honra para todos nós os veciños, presidirá, sen dúbida, o acto de inauguración.

Non teño palabras suficientes para Dona Mercedes Carbajales. Acollida, desvelos, preocupación, visitas a ese lugar, consellos, facilidades, orientacións,  o corrixir erros, fallos ou defectos, o interés pola tramitación seria e rigorosa no proceder, sen pausas no tempo. Mercedes, para ti o noso inmenso recoñecemento.

A D. Javier, o Párroco actual, e a toda a parroquia de Santa Mariña, que se vos pode dicir? Tendes o corazón a flor da pel pola sorte de vivirmos este intre co noso Pepe Chao Rego e a súa dona Sari.

Queremos poder dicirlle con grito forte e sincero: GRACIÑAS, PEPE, POR TODO. AD MULTOS ANNOS VIVAS, DOMINE JOSEPH!”

Pasaron cinco anos. Hoxe, 28 de novembro de 2015, querido Pepe Chao Rego, coma nunca: GRACIÑAS, MESTRE DE VIDA E AMIGO. Encheremos a cotío de flores frescas o monumento á túa memoria, mentres che falamos desde o corazón.

Sempre teu

Mandiá-Ferrol, 28 de Novembro de 2015.


[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola e Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Pepe Chao (Xosé Chao Rego) - Bucador Google: Ir a Web.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
xaquinderoca@mundo-r.com-
28 de novembro de 2015 14:32
_________________