venres, xuño 10, 2016

Caso Reganosa: Entrevista de Marcos P. Pena a Patricia Gabeiras, avogada do Comité Cidadán de Emerxecia, en Praza Publica - "O acordo do Consello de Ministros sobre Reganosa ten indicios de prevaricación"


"O acordo do Consello de Ministros sobre Reganosa ten indicios de prevaricación"


Especulación urbanística, decisións políticas que buscan favorecer intereses privados, infraestruturas innecesarias, un sistema enerxético sostido artificialmente, elevación do prezo da electricidade, dano ao medio ambiente, manipulación informativa. O caso de Reganosa é un dos exemplos máis claros das peores prácticas políticas e económicas que sufriu España nos últimos anos e das súas consecuencias. Ao igual que sucedeu coas autoestradas radiais de Madrid, coa desalgadora de ACS en Murcia, co caso Castor ou con outras infraestruturas (como algúns proxectos hospitalarios público-privados), a planta de gas situada en Mugardos non foi outra cousa que un agasallo posto nas mans dunha empresa privada (neste caso o Grupo Tojeiro), que se enriqueceu sen tomar apenas riscos económicos e sen competencia. Un transvase de recursos públicos a mans privadas no marco da peor versión dun capitalismo engraxado con favores políticos. 

17 anos despois do inicio do proxecto de Reganosa e 9 anos despois do comezo da actividade da planta, o círculo xudicial comeza a pecharse sobre os propietarios da instalación. O Tribunal Supremo anulou a través de dúas sentenzas a autorización previa da planta (concedida en 2002) e o proxecto de construción, deixando Reganosa sen os permisos necesarios para funcionar e obrigándoa a comezar de novo todo o procedemento. Con todo, hai dez días o Consello de Ministros en funcións acordou, de forma sorprendente, eximir a planta de gas da necesaria avaliación de impacto ambiental e permitir acurtar os trámites, para evitar que a instalación funcione nunha situación de ilegalidade.

O pasado xoves o Comité Cidadán de Emerxencia celebrou en Ferrol un acto público que era, ao tempo, unha acción de denuncia e reivindicación ante a decisión do Goberno en funcións, e unha celebración das sentenzas do Tribunal Supremo, que poñen fin a anos de demandas e recursos. "O Supremo xa falou. Queiran ou non déronnos a razón", podíase ler nunha faixa. "O de hoxe é un acto importante. Non vou dicir que isto é unha refundación do Comité Cidadán, pero si que debe ser un acto de reforzamento, para dar o impulso definitivo e conseguir o peche da planta", destacou Rafael Pillado, un dos representantes da plataforma. No acto, ao que asistiron máis de 200 persoas, interviron alcaldes, colectivos sociais, veciñais, ecoloxistas e partidos políticos (dende Esquerda Unida, Anova, Podemos ou Espazo-Equo, ata PSdeG-PSOE e BNG) que de forma unánime manifestaron a súa esixencia de que a planta de gas de Reganosa cese a súa actividade e sexa desmantelada.
"A historia de Reganosa é unha sucesión de enganos e de manipulación da información publicada nos medios"
O Comité Cidadán de Emerxencia, a través da súa avogada Patricia Gabeiras, presentou xa un recurso ante o Tribunal Supremo, ao considerar que a decisión adoptada polo Consello de Ministros queda fóra das súas competencias e é ilegal, sinalando que o Goberno en funcións estaría prevaricando. De igual xeito, En Marea solicitou a convocatoria da Deputación Permanente do Congreso para tratar unha posible invasión de competencias (do poder lexislativo e xudicial) por parte do Executivo. En principio, a solicitude será denegada, aínda que a formación xa adianta que a recorrerá. Falamos coa avogada Patricia Gabeiras.
"O acordo do Consello de Ministros dános a razón: por que se ten que eximir a unha instalación deste tipo de pasar o trámite de avaliación ambiental? Porque non a poden pasar"
Cal é a importancia das sentenzas ditadas polo Supremo?

As dúas sentenzas son contundentes, declarando a nulidade das autorizacións, debido a que esas autorizacións se concederon nun procedemento absolutamente manipulado, tramposo. Reganosa creouse enganando a Autoridade Portuaria, enganando a poboación de Mugardos, enganando o Ministerio de Industria e enganando as autoridades medioambientais. A historia de Reganosa é unha sucesión de enganos e de manipulación da información publicada nos medios e agora quere seguir manipulando os medios de comunicación e enganando a cidadanía.

Non é certo que o Supremo dixese que os defectos da planta son subsanables. O Tribunal dixo que tanto a autorización previa coma a autorización de construción son ilegais e que -como engadiu nun recurso de aclaración que interpuxemos para que non houbese dúbidas- se Reganosa quere retomar a súa actividade, ten que solicitar dende un inicio a súa autorización e debe cumprir con todos os requisitos que esixe a lei. Reganosa emprega outros argumentos que tamén son mentira: din por exemplo que o Supremo non declarou nulos os procedementos e declaracións medioambientais. Pero é que non o ten que facer, simplemente anula as autorizacións e dille á empresa que se quere seguir operando ten que comezar todo o proceso de novo. Como non poden superar ese proceso, é por iso que agora recorren a novas trampas. O acordo do Consello de Ministros dános a razón: por que se ten que eximir a unha instalación deste tipo de pasar o trámite de avaliación ambiental? Porque non a poden pasar.
"Non é legal que de maneira individualizada un goberno decida a quen se lle aplica unha norma e a quen non"
Por que considerades que a decisión do Consello de Ministros é ilegal?

O acordo é ilegal porque, primeiro, foi ditado por un Consello de Ministros en funcións, que só pode levar a cabo actividade ordinaria. Son tantas as limitacións que teñen os executivos en funcións que, por exemplo, non poden designar un novo ministro de Industria, en substitución de Soria, e é por iso que Luis de Guindos segue cumprindo esas funcións. É por iso que non pode designar un director xeral de Medio Ambiente, un cargo que actualmente está vacante. Este mesmo Consello de Ministros que non pode levar a cabo estas funcións pode asinar un acto que exima a Reganosa da avaliación de impacto ambiental no novo procedemento que ten que tramitar? Pois non.

En segundo lugar, o contido do acto tamén é ilegal, porque o que está facendo o Consello de Ministros é eximir a unha persoa concreta, de maneira subxectiva, da aplicación dunha norma. As normas aplícanse de maneira obxectiva. Non é legal que de maneira individualizada un goberno decida a quen se lle aplica unha norma e a quen non. É unha fraude de lei, porque o Goberno en funcións ampárase nun artigo da Lei de Avaliación Ambiental que di que, en determinados momentos, os gobernos poderán eximir a determinadas instalacións de pasar esa avaliación ambiental. Pero este é un artigo de emerxencia, previsto para casos excepcionais, de catástrofes naturais. Non está para que un Goberno en funcións legalice instalacións declaradas ilícitas.
"Imos pedir medidas cautelares e que se lle dea traslado deste asunto á Fiscalía. O acordo do Consello de Ministros ten indicios de prevaricación, porque o que se está facendo é tentar favorecer os intereses privados dunha empresa como Reganosa"
O Goberno en funcións tamén asegura que, en substitución do trámite de avaliación ambiental, empregou un "Informe de viabilidade ambiental da planta de regasificación de Mugardos". Que validez ten?

Ningunha. Ese informe non é máis que unha documentación que presentou Reganosa o día 23 de maio, é polo tanto unha declaración de parte, e que o Consello de Ministros supostamente analizou en só tres días. A lei esixe ademais que esa avaliación pase por todos os organismos competentes. Houbo tempo neses tres días para pedir informes a todos estes organismos? Claro que non. Presentase o que presentase Reganosa o Consello tería eximido a empresa de pasar unha avaliación ambiental. Por unha razón: porque o Goberno sabe que Reganosa nunca poderá superar esa avaliación ambiental.

Presentastes un recurso ante o Tribunal Supremo contra esta decisión. Que percorrido vai ter?

Presentamos recurso ante o Tribunal Supremo, que ten a competencia de avaliar e controlar a acción do Consello de Ministros. A encargada é a Sala Terceira, a mesma que ditou as sentenzas. Estamos en terreo coñecido. Imos pedir tamén medidas cautelares e que se lle dea traslado deste asunto á Fiscalía. Dende o noso punto de vista, o acordo do Consello de Ministros ten indicios de prevaricación, porque o que se está facendo é tentar favorecer os intereses privados dunha empresa como Reganosa, propiedade maioritariamente de mans privadas. Teñen, por suposto, todo o dereito a levar a cabo a súa actividade, pero non o poden facer de forma ilegal e valéndose dunha relación estreita coas administracións.
"Se pecha Reganosa, a solución é inmediata: reabrir os tubos e estariamos igual de abastecidos"
O Goberno en funcións xustifica esta urxencia sinalando que, sen Reganosa, se poría en risco o subministro de gas en Galicia e mesmo en Portugal e que, ademais, habería unha situación de perigo nas estradas polo tránsito de camións cargados de gas dende Bilbao ou Huelva ata Galicia? Teñen fundamento estes argumentos?

Os argumentos son falsos. En primeiro lugar, en ningún caso habería desabastecemento. Hai que lembrar que en 2007, para incorporar a Reganosa á rede, Enagás tivo que modificar o sistema de distribución de gas para evitar un colapso, porque esta planta era innecesaria. O que se fixo foi pechar os gasodutos que abastecían a Galicia. Polo tanto, se pecha Reganosa, a solución é inmediata: reabrir os tubos e estariamos igual de abastecidos. Tampouco ten sentido a referencia que fan a Portugal, pois este país autoabastécese. E, finalmente, o asunto dos camións é completamente disparatado, pois en todo caso o gas chegaría a Galicia a través de gasodutos, que para algo están aí e os estamos pagando entre todos.
"Reganosa non conta neste momento con seguros de responsabilidade civil, porque estes están ligados á legalidade da actividade da planta. Nas propias pólizas especifícase que teñen que manter vixentes as actualizacións"
Neste momento Reganosa é ilegal ou ten un prazo determinado para regularizar a súa situación?

Estas dúas sentenzas son directamente executables: que Reganosa siga aberta e que siga recibindo barcos, como sucedeu hai uns días, son actos que están fóra do ordenamento xurídico. É por iso que interpuxemos unha denuncia, porque a entrada de gaseiros na ría neste momento pode ser constitutivo dun delito de desacato. Ademais, hai que ter en conta que Reganosa non conta neste momento con seguros de responsabilidade civil en vigor, porque estes están ligados á legalidade da actividade da planta, que nestes momento non se cumpre. Nas propias pólizas especifícase que teñen que manter vixentes as autorizacións.
"O sistema de retribucións do sistema gasístico é unha trampa: non se paga en función do que vendas, senón que se pega en función do que investiches. Reganosa non produce, pero si que cobra, cobra ao redor de 60 millóns de euros ao ano"
Como é o proceso que debe pasar agora Reganosa para legalizar a súa situación?

Reganosa ten que pasar outra vez, dende cero, todos os trámites que esixe a Lei de Hidrocarburos, que esixe catro cousas: primeiro, que a instalación sexa conforme ao planeamento urbanístico e que cumpra a normativa de ordenación do territorio; segundo, debe cumprir coa normativa medioambiental, algo que non pode facer e por iso o Goberno en funcións tenta que a eluda aplicando unha excepción; terceiro, Reganosa ten que cumprir coa normativa de seguridade; e cuarto, ten que acreditar a súa viabilidade económico-financeira.

En canto á viabilidade económico-financeira, levades anos denunciando que a actividade de Reganosa se sostén artificialmente...

Reganosa é deficitaria, o único que fixo Reganosa nestes anos foi empobrecer a cidadanía e enriquecer o grupo Tojeiro. Porque a planta non ten unha actividade suficiente para cubrir os seus custes, en Galicia non hai unha necesidade suficiente de gas que xustifique a súa existencia. Non produce, pero si que cobra, cobra ao redor de 60 millóns de euros ao ano. O sistema de retribucións do sistema gasístico é unha trampa: non se paga en función do que vendas, senón que se paga en función do que investiches. Aínda hoxe estamos pagando nas facturas da electricidade os sobrecustes consecuencia da creación de plantas como Reganosa ou pola creación de ciclos combinados que producen moi por debaixo da súa capacidade.
"O planeamento urbanístico de Mugardos nunca foi modificado de maneira legal, modificouse ilegalmente co obxectivo de xustificar a presenza de Reganosa"
A empresa, e tamén o Goberno en funcións, invocan a modificación do PXOM de Mugardos de 2012 para asegurar que, agora si, a planta cumpre co ordenamento urbanístico. Non é así?

O planeamento urbanístico de Mugardos nunca foi modificado de maneira legal, modificouse ilegalmente co obxectivo de xustificar a presenza de Reganosa. Reganosa non cumpre a normativa de ordenación do territorio, porque a instalación está a cen metros das casas, porque dentro do círculo de exclusión total de ten que ter Reganosa hai colexios, hai cafeterías... Este novo plan, que está recorrido ante a xustiza, non substitúe a unha avaliación de impacto ambiental. E, por moito que un plan municipal autorizase este tipo de uso nese lugar, iso non o converte en legal, estando suxeito a outras normas, coma a Lei de Hidrocarburos. A planta nunca poderá cumprir con esta normativa. Agora din que xa a cumpre, porque se fixo un novo PXOM; isto non é máis que un intento de que converter en legal unha instalación ilegal, volvendo tramitar o procedemento, pero sen revisar o fondo. Iso fixérono moitos concellos cos seus planeamentos urbanísticos ilegais e o Tribunal Supremo sinalou que esta mecánica, que busca levar estas cuestións ata o infinito a través de recursos, non é correcta.
"Legalizar o ilegal é unha práctica moi común, que deteriorou o estado de dereito neste país, e que nos últimos anos se levou a cabo sobre todo no ámbito do urbanismo"
Existe o perigo de que, mesmo con sentenzas claras e contundentes, Reganosa poida manter a planta activa a través de recursos?

Hai un problema coa falta de contundencia dos tribunais, o Supremo non debería permitir iso. É o que lle imos pedir agora con este recurso. Legalizar o ilegal é unha práctica moi común, que deteriorou o estado de dereito neste país. De maneira sistemática, cando unha obra era declarada ilegal polo Tribunal Supremo, o concello -para evitar paralizala- volvía a iniciar un procedemento de modificación dos planeamentos para dar cabida ao que se declarara ilegal. É un deterioro do artigo 24 da C.E. do dereito á tutela xudicial efectiva, porque se se lles permite ás administracións públicas entrar neste bucle e nestas trampas, ao final o que pasa é que a xustiza non é xustiza. Levamos 16 anos de pelexa e agora imos ter que pasar non se sabe canto tempo máis, esperemos que sexa pouco. Todas esas trampas que se levaron a cabo no urbanismo buscaban legalizar obras inocuas, que non eran perigosas. O caso de Reganosa é máis grave, porque estamos falando dunha instalación perigosa.
"Que o Consello de Ministros se molle deste xeito para favorecer os intereses privados dunhas empresas, algunha vinculada ao financiamento ilegal do PP, sorprende moito"
Este mecanismo pódelles ser suficiente aos propietarios da planta? É dicir, aínda que a planta acabe por pechar, válelles con mantela aberta uns anos máis, e así recuperar con creces o seu investimento?

Claro que lles vale. A eles non lles importa en absoluto o interese xeral, nin sequera se lles pode chamar empresarios. O que eles buscan é que isto siga aberto un pouco máis, manterse dentro do sistema de retribucións grazas ao que ingresan 60 millóns de euros cada ano, seguir amortizando o custe da planta. Hai que ter en conta que esta instalación lle custou cero euros ao señor Tojeiro, pois a súa parte a achegou a través dunha concesión pola que estaba pagando uns 100 mil euros anuais e que foi valorada en 20 millóns. O señor Tojeiro non correu o máis mínimo risco empresarial, só recibiu beneficios. Cando Reganosa acabe pechando, porque non hai outra saída posible, porque ter unha planta de gas en medio dun núcleo habitado en pleno século XXI é un dislate, o señor Tojeiro levará 15 anos cobrando estas retribucións. Ese é un dos grandes problemas que temos en España: a xustiza adíase tanto que se acaba perdendo a eficacia da tutela xudicial efectiva. Normalmente esas manipulacións veñen de organismos locais, pero neste caso foi o propio Consello de Ministros. Que o Consello de Ministros se molle deste xeito para favorecer os intereses privados dunhas empresas, alguna vinculada ao financiamento ilegal do PP, sorprende moito. Que un goberno en funcións se meta nisto, é inaudito.

Dáme a impresión de que en Reganosa están contidas algunhas das peores prácticas e comportamentos que este país sufriu nas últimas dúas décadas, dende a connivencia entre o poder público e os intereses privados ata o funcionamento dun sistema enerxético que acabou producindo un gasto público moi grande, o enriquecemento dunhas poucas empresas e o fenómeno da pobreza enerxética. Estás de acordo?

Si, a verdade que neste caso se reproducen situacións que observamos noutros lugares de España, e ás veces sorprende que o escándalo de Reganosa non teña máis repercusión. En canto ao que comentas do sistema enerxético, aquí vemos claramente os efectos da connivencia dos distintos axentes que están no seu interior. Enagás é quen decide no 2007 que se pechen os gasodutos que chegan a Galicia. Aquí vese que todo funciona en base a intereses cruzados, apóianse uns aos outros. A clave é que a retribución que lles paga o Estado non está ligada á produción, senón ao investimento inicial, polo tanto todas as empresas saben que se hai sete plantas de gas van cobrar a súa retribución fixa, e se hai catorce pois tamén.
"O Consello de Ministros deunos a razón, demostrando que Reganosa non se sostén. Ademais, conseguiu reforzar o movemento, convenceunos de que este é o momento de ir a por todas, de dar a batalla definitiva"
A resolución final deste conflito, polo tanto, é política e social ademais de xudicial, non si? É o momento da batalla definitiva contra a planta?

O Consello de Ministros deunos a razón, demostrando que Reganosa non se sostén. Ademais, conseguiu reforzar o movemento, convenceunos de que este é o momento de ir a por todas, de dar a batalla definitiva. Ás veces dáme a impresión de que o Comité Cidadán chegou demasiado cedo, iniciou a súa actividade a comezos da pasada década, nun momento en que este tipo de reivindicacións non estaban de moda, na que a economía crecía, a burbulla crecía e opoñerse a ela parecía unha oposición ao progreso. O que sucedeu en Ferrolterra con esta plataforma é unha milagre: un movemento social que durante 16 anos se mantivo unido e vivo a pesar das dificultades. Fomos rigorosos e serios, e grazas a iso chegamos ata aquí. Soubemos traballar en equipo, cada un no seu ámbito: Carlos Álvarez, Humberto Fidalgo, Luz Marina Torrente, Manuel Afonso Amorín, Rafael Pillado, Manuel Rodríguez Carballeira Lalán e tantos e tantas outras. Hai que poñer en valor a estas persoas comprometidas, persoas que loitan polo interese xeral, que puxeron esta loita por diante das súas filiacións políticas ou sindicais. Agora que o Supremo nos deu a razón, os ánimos, as vontades e o consenso político deben estar do noso lado. Debemos apoiarnos entre todos para conseguir paralizar a actividade de Reganosa canto antes sexa posible.

Marcos Pérez Pena | @zerovacas  | @prazapublica | 07.06.2016

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info]. | Licenza Creative Commons by-sa.

Foto do Colectivo Ártabra 21 | Manuel A. Rodríguez Carballeira e Patricia Gabeiras Vázquez.

---


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Enviado por:

Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
9 de junho de 2016 06:23
___________________

xoves, xuño 09, 2016

Este sábado 11 de Junho, Atelier infantil de manualidades criativas em Artábria


Sábado 11, decorrerá um Atelier infantil de manualidades criativas da mao de Lara Soto. O atelier está programado para as 19hs00. É preciso inscriçom prévia, a qual é gratuita e haverá um máximo de 15 vagas. Podes inscrever-te no correio-e correiodeartabria@gmail.com ou no telefone 671 200 160.
--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.

Enviado:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
9 de junho de 2016 18:26

___________

Rolda de Prensa, do movimento cidadá pola defensa e municipalización dos servizos públicos, sobre o chamado "Contrato Eléctrico", onde se presentou a Plataforma, falou-se do porque da súa constitución, dos seus obxectivos e da folla de ruta da súa vindeira actividade - Vídeos das intervencións


Na Rolda de prensa do mércores 8 de Xuño de 2016 que tivo lugar en Sargadelos, interviñeron Fernando Ramos Armesto, da Iniciativa Popular pola Remunicipalización da Xestión da Auga, Alexandre Carrodeguas, da mesma Iniciativa e da asociación ambientalista VERDEGAIA, Bernardo Rego da asociación sociocultural López Bouza e da Plataforma pola devolución do cobro indebido da taxa de saneamento e Pablo Portero da mesma Plataforma e da asociación Fuco Buxán. Que foron acompañados por numerosas persoas que participan no tecido asociativo da cidade.


Comunicado resumo de posicionamento da Plataforma.

As persoas e entidades promotoras da Plataforma na defensa dos servizos públicos, pola remunicipalización, reunidas a 7 de xuño de 2016, queren manifestar publicamente as seguintes reflexións e pronunciamentos:

1º Que o concello de Ferrol está tramitando a sinatura dun contrato de subministro e mantemento eléctrico coa UTE da empresa SEFCON e a empresa Fomento de Construcciones y Contratas FCC. O procedemento está pendente de ser aprobado en Mesa de Contratación e sesión de Pleno Municipal. A duración do contrato é de 15 anos (12,5+prorroga), e alcanza os 41 millóns de euros (mínimo). Un diñeiro que a través destas grandes empresas, vaise fóra de Ferrol, empobrecéndonos, producindo só emprego de baixa calidade e hipotecando á cidade máis aló do ano 2030.

2º Que existen varios informes técnicos, municipais e extra-municipais que informan de problemas no procedemento, dado que non se trata dun contrato de servizos, senón de dous contratos, un de SUBMINISTRO e outro de PRESTACIÓN DE SERVIZO, polo tanto, incluílos nun mesmo contrato é algo irregular, e a duración de ambos, non pode ir mais aló dos catro anos, prorrogábeis a seis, segundo a lexislación en vigor para este tipo de contratos.

3º Que existe a posibilidade de desestimar e mesmo facer renuncia deste contrato, tanto polas irregularidades que presenta no procedemento de contratación, como nas condicións nas que se prestarían estes servizos aos veciños e veciñas de Ferrol. Para comezar, tal e como nos asesoran e informan os distintos técnicos cos que está en contacto esta plataforma, todos eles especialistas neste tipo de contratos nas administracións públicas, o primeiro que habería que facer, é separar o subministro eléctrico, que se podería xestionar directamente polo concello, como así sucede noutras institucións, do contrato de mantemento das instalacións eléctricas do concello.

4º Que todas estas xestións poderían ser levadas adiante nun curto prazo de tempo, saíndo así da actual situación de irregularidade presentando facturas por estes servizos, a aprobación ao pleno, fora de contrato.

5º A alcaldía solicitou un informe xurídico ao bufete co que ten asinado un contrato de servizos xurídicos (Lama&Asociados). Ese informe é radicalmente contrario á remunicipalización e tamén ao desestimento ou renuncia. Entre os argumentos do informe, destaca o pagamento de indemnizacións millonarias a ameazas de cárcere ou perda de patrimonio ao alcalde ou concelleir@s que asinen a renuncia ou o desestimento, e non adxudiquen o contrato.

6º O administrador da empresa SEFCON é Borja Silveira Rey, que á súa vez pertence ao bufete que elaborou o informe xurídico, Lamas&Asociados. O que incumpre co principio de independencia e obxectividade do devandito informe.

7º No pasado pleno do xoves 26 de maio, na votación da moción que presentou o BNG, instando á renuncia do contrato, o Grupo Municipal Socialista (PSOE) votou a favor. Non así o seu socio de goberno, Ferrol En Común, que se abstivo xunto a Ciudadanos e o voto en contra do Partido Popular.

Por todo isto, quen asinamos, mostramos a nosa firme determinación para paralizar a adxudicación deste contrato ilegal e pernicioso para a cidadanía de Ferrol, e conseguir a municipalización destes servizos. Para o que nos conformamos en plataforma e levaremos adiante as iniciativas que consideremos ata lograr o noso obxectivo, que non é outro que a municipalización dos servizos públicos, que ademais de optimizar o servizo en función do ben común, e non do beneficio, supón un aforro que debera servir, a través da xestión municipal, para fixar capital na economía local que este non escape a través das corporacións transnacionais e creando emprego de calidade.


PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN.

Pódese, débese e precísase!

remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
http://plataformaferrol.blogspot.com.es/

Nota.- É sintomático que ao día de hoxe o dominio en internet Sefcon.es da empresa Servicios Eficientes de Control S.L. da que é Administrador o citado Borja Silveira Rey (maximo beneficiario do asunto do contrato eléctrico, segundo se desprende do que di el mesmo nunha recente entrevista), desapareceu con toda a súa información, para poñer un simple: " Creando Web...". Casualidade? Mais gárdamo-nos esta que é o suficientemente ilustrativa.


https://youtu.be/0JDTU0RWu3c



https://youtu.be/OXux6vX-eu4



https://youtu.be/aodKYqfLR1E



https://youtu.be/HeDfDt1f2F0


Enviado por:
Plataforma Remunicipalizacion
-remunicipalizacion.plataforma@gmail.com-
8 de junho de 2016 19:19
_______________

mércores, xuño 08, 2016

Mércores 8 de Xuño no Ateneo Ferrolán, Esquerda Unida organiza un acto homenaxe a Berta Cáceres: resistencia á privatización da vida - “Non podemos despegarnos da esperanza”

“Non podemos despegarnos da esperanza”
Esquerda Unida organiza un acto sobre Berta Cáceres: resistencia á privatización da vida

Acto que Esquerda Unida Ferrol vai celebrar o mércores 8 de xuño ás 19:30 no Ateneo Ferrolán.

Dende Esquerda Unida Ferrol queremos homenaxear e reinvindicar a Berta Cáceres, activista hondureña asasinada o 2 de Marzo deste ano por motivos políticos. A nosa intención con este acto é achegar a toda a cidadanía a figura e a mensaxe de Berta Cáceres, darlle a relevancia e importancia política que realmente ten pois a súa loita era global, era en defensa de toda a humanidade. Berta foi e é un exemplo de coherencia e de activismo, soubo conxugar o feminismo, o anticolonialismo, o antimilitarismo e a protección ambiental nunha loita común.

Os ponentes deste acto son persoas que coñeceron de primeira man a loita de Berta Cáceres, Mauricio Santos e Hugo Hernández son hondureños e colaboraron coa resistencia tralo golpe de Estado en Honduras contra o goberno de Manuel Zelaya e Xavi Lombardero era cooperante internacional en Honduras durante aquel momento. Pero ademais destas exposicións, imos contar coa proxección dun vídeo onde destacadas figuras hondureñas (Manuel Zelaya, Katia Lara, membros do COPINH, feministas) nos falarán de Berta, tanto dende o aspecto político como persoal.

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html


Enviado por:

Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
31 de maio de 2016 09:51
____________

martes, xuño 07, 2016

Esquerda Unida Narón defende a creación dunha Bolsa Municipal de Vivendas de Aluguer Social


EU Narón defende a creación dunha Bolsa Municipal de Vivendas de Aluguer Social.


Dende EU Narón entendemos prioritario e urxente a creación dunha Bolsa Municipal de Vivendas de Aluguer Social, tuteladas e supervisadas polo propio consistorio.

Consideramos necesario diagnosticar a situación actual coa elaboración dun Plan Municipal de Vivenda, que debería levar aparellado a creación da Oficina Municipal en Defensa da Vivenda, encargada de prestar un servizo público, integral e gratuíto a cidadanía en materia de vivenda.

Tamén resultara necesaria a financiación do Plan cunha partida específica nos presupostos municipais de 2017 para as políticas activas de vivenda.

O Concello debe contribuír o grave problema do acceso a vivenda coa súa intermediación ante as entidades financeiras. As consecuencias do modelo de crecemento que finalizou co pinchazo da burbulla inmobiliaria provocaron no noso municipio, ao igual que no resto do país, que un bo número de vivendas, ante a imposibilidade de facer fronte ao pago da hipoteca polos seus compradores, pasaran a mans de entidades financeiras.

Unhas entidades, rescatadas con inxeccións multimillonarias de diñeiro público, as que os poderes públicos deben facer partícipes na resolución deste grave problema. Así o Concello de Narón debería manter conversacións urxentes coas entidades financeiras que teñan sede no noso municipio para que poñan a disposición dos veciños e veciñas as vivendas que, sendo propiedade das entidades financeiras, están valeiras.

Así mesmo existe unha proposta de “Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra”  rexistrada no Concello de Narón o 29 de Xuño de 2015 para declarar a Narón “Municipio Libre de Desafiuzamentos” que entendemos é adecuada para o noso Concello, dende EU Narón defendemos que debe estudarse esta proposta que contempla medidas dirixidas a garantir o dereito a unha vivenda digna, e evitar a exclusión social das veciñas e veciños que están a pasar por un momento moi complicado durante esta crise económica que nos mantén en situación de emerxencia social continua.

Grupo Municipal de Esquerda Unida de Narón
Contas de Esquerda Unida Narón no facebook e no twitter.
Portavoz: André Abeledo Fernández.
Achégate xunta Nós, fagamos un novo Concello mais social, mais democrático, participativo e de Tod@s.
http://esquerdaunida.org/



Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
6 de junho de 2016 13:00

_______________

domingo, xuño 05, 2016

Así foi a 10ª Marcha a Pé Ferrol-Mugardos en protesta polo despropósito gasista da ilegal e perigosa Reganosa


Como ven sendo desde o peche, perante 111 días, da veciñanza de Meá na Casa do Concello de Mugardos, no ano 2007, celebrouse a marcha a pé. A décima edición desta camiñada, partiu desde o Parque Carmelo Teixeiro do barrio de Caranza. Na altura da Sociedade O Pote, en Maniños, realizouse un pequeno descanso, para retomar a marcha até os propios tanques de Reganosa. Nese marco escoitaron-se as varias intervencións. Manuel Rodríguez Carballeira, coordenador do Comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol, lembrou as Tres sentenzas firmes do Tribunal Supremo que confirman o que sempre mantivemos a ilegalidade da localización da planta regasificadora en punta Promontoiro, dentro da Ría de Ferrol, e a actuación, que calificaou de delito, do goberno en funcións de Mariano Rajoy, permitindo que a empresa Reganosa actue fora da lei. Luz Marina Torrente, presidenta da AAVV de Mehá deu conta da persecución que a veciñanza de Meá, opositora á planta, sufriron ao longo destes anos, e como agora o máximo tribunal ven de darlles a razón. Lupe Ces, do Comité Cidadá de Emerxencia chamou a non baixar a garda neste ultimo tramo da loita contra Reganosa, "se son capaces de por en perigo a vida de miles de persoas, que non farán para que non lles pechen este negócio millonário". Para rematar a xornada, nos locais da AAVV de Mehá compartiuse petiscos e bebida, mentres se descansaba da marcha a pé, uns 15 quilómetros que separan as dúas localidades, pola contorna da Ría, a penas 1500 metros en liña recta, entre a perigosa instalación e o porto de Ferrol.


https://youtu.be/vmGPXevuLak

Estamos diante do maior fraude cometido no noso país coa escusa de que o gas é estratéxico para Galiza... Mentres o Goberno Español e a Xunta de Galicia fan caso omiso das Sentenzas dos Tribunais. É Mais lexislan para burlar estas Sentenzas das maiores instancias xudiciais.

Tras as sentenzas do Tribunal Supremo, que declaran ilegal a Reganosa, esiximos o fin desta ameaza e deste malgasto de cartos públicos. Temos que esixir o seu peche definitivo.
  • QUE SE CUMPRAN AS SENTENZAS DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • MÓVETE CONTRA A IMPUNIDADE !!
  • PECHE XA!!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA  !!

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

_____________ ____________

Crónica resumo dunha moi interesante xornada que tivo lugar en Ferrol este 4 de Xuño, sobre a contaminación da Ría de Ferrol e do resto das rías galegas e o chamado mar territorial - Xornada que contou con dez excelentes relatorios e a presencia de xente do mar da Galiza e do resto do Estado


Sector pesqueiro e persoal técnico denuncia en Ferrol a morte das rías e as desfeitas ambientais no mar. | Lídia Senra inaugura a xornada "A problemática da contaminación no medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE". | A eurodeputada critica a "desfachatez" das Administracións á hora de incumprir normativas e leis para beneficiar ás grandes empresas.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), foi este sábado a encargada de abrir en Ferrol a xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE”, un evento organizado polo propio GUE/NGL e AGEe e que durante todo o día reúne no Centro Cultural Carvalho Calero (Ferrol) a representantes do sector da Galiza e do Estado español, así como persoas expertas na materia.

A eurodeputada aproveitou a súa intervención inicial para denunciar a “desfachatez” coa que as diferentes Administracións saltan leis e normativas en materia ambiental para beneficio das grandes empresas. Un dos últimos casos máis claro: o de Reganosa, na propia Ría de Ferrol. Senra enmarcou esta xornada no ciclo de eventos deste tipo que desde o 2014 organiza AGEe co obxectivo de ser punto de encontro e de debate nos diferentes ámbitos nos que a organización política está a traballar no Parlamento Europeo, para coñecerse, poñer en común loitas e poder defendelas na institución comunitaria.

Na inauguración da xornada tamén interveu a actual concelleira de Medio Ambiente de Ferrol, María Esther Leira, quen afirmou que foi “o desleixo das Administracións o que trouxo os problemas derivados do saneamento moi tardío da Ría de Ferrol”. Leira defendeu que só haberá unha saída razoábel para salvar a pesca e o marisqueo da zona "se se lle pon freo á locomotora de acumulación do capital". “Para iso estamos as e os responsábeis políticas/os e pedímosvos á sociedade que nos esixades que así o fagamos”, exclamou.

Na primeira mesa programada dentro da xornada, pola mañá, baixo o título “Radiografía xeral da situación medioambiental do noso mar”, tomaron a palabra Guillermo Díaz Agras, Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña; José Luis Rodríguez, Presidente da Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (Asoar-Armega); e Isabel Maroño, Patroa Maior da Confraría de Ferrol.

Díaz Agras, que fixo un repaso polo excepcional patrimonio natural que existe na Galiza e nomeadamente na comarca de Ferrolterra, puxo a énfase da súa intervención en criticar a construción do porto exterior de Ferrol, que provocou o corte de renovación da auga da ría. “As Administracións están levando a cabo actuacións sen consenso ambiental que están afogando as rías galegas”, dixo. Neste sentido, aportou o dato de que a construción do porto exterior acabou con 16 especies naturais protexidas ou en perigo de extinción, e que a de Ferrol, xunto coa Ría do Burgo, na Coruña, “bate marcas mundiais en cantidade de metais pesados”. Para facerlle fronte a esta situación, o Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña apostou por ensinarlle ás nenas e nenos a realidade desde as escolas, para que se poida tomar conciencia do problema da contaminación desde a infancia.

Na súa quenda de intervención, José Luis Rodríguez tamén atacou a “nefasta xestión política e desinterese con respecto ao litoral” que amosan a maioría das Administracións. “Sobra lexislación e sobran normativas para que se poidan aplicar medidas que protexan o medio. O problema é que son as propias Administracións quen as incumpren. Son elas, non os pescadores nin a cidadanía”, asegurou. O presidente de Asoar-Armega chamou a sancionar a quen incumpre a Lei: “Non se pode compensar a quen está contaminando impunemente e que salta a normativa como lle ven en gana”, dixo en referencia a grandes empresas. “É urxente e necesario cambiar o sistema de xestión ambiental xa”. Rodríguez lembrou o intento da Xunta de Galiza de “colar pola porta de atrás” o anteproxecto de Lei de Acuicultura intensiva, que suporía, dixo, “un auténtico destrozo ecolóxico, biolóxico, social e ambiental”.

Pola súa banda, Isabel Maroño, aportou algunhas cifras claves que demostran que a Ría de Ferrol “está morrendo a pasos”. No ano 2005 extraéronse máis de 250.000 quilos de marisco na ría de Ferrol; no ano 2015, foron 160.000 quilos. Se traducimos esta cifra en cantidade económica, a diferenza é de máis dun millón de euros menos. “A Consellería dinos, sen embargo, que este último ano foi fabuloso. Igual para eles non é nada esta diferenza, pero para a Confraría é demasiada cantidade de diñeiro”, explicou. A patroa maior pediu ás representantes políticas presentes na xornada que “non nos deixen na estacada e que leven as nosas peticións aos organismos nos que teñen presenza para que a Ría volva ser rica como era antigamente”.

A xornada continuará até as 19.30hrs. Tras a finalización da segunda mesa da mañá -A contaminación das rías galegas e as actuacións das institucións da UE, a quenda de tarde dará comezo ás 16.00hrs. afondando na temática -A economía azul no contexto da política da Unión Europea e mundial e a súa repercusión para o sector pesqueiro na Galiza. Concluiremos este encontro a través dunha mesa final de carácter esencialemente propositivo baixo o título -Facendo fronte á contaminación mariña para preservar os recursos pesqueiros. Algunhas experiencias dende o Estado español.

AGEe pon sobre a mesa o elevado custe ambiental e para a pesca artesanal que supón a Economía Azul. | Lídia Senra e Juan Manuel Fajardo advirten da batalla pola ocupación do espazo mariño na que están as multinacionais contra pescadoras/es. | Na costa galega xa se fixo unha exploración para posibles explotacións mineiras nos fondos mariños, preto de onde está o Prestige.

A Economía Azul no contexto da política da Unión Europea e mundial e a súa repercusión para o sector pesqueiro en Galiza, foi o tema que centrou a primeira mesa da tarde deste sábado na xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE” organizada en Ferrol polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe).

Na mesa, a eurodeputada de AGEe Lídia Senra alertou de que “dicir economía azul pode soar bonito, pero en realidade, non o é e leva novamente a poñer os recursos nas mans das grandes multinacionais e do capital”. Senra afondou na política de acaparamento dos océanos para proxectos de enerxía eólica, mareomotriz e undimotriz, que se está proxectando a nivel mundial e que levará a “apartar aínda máis do mar ás pescadoras e pescadores a pequena escala”.

Con relación a outro eixo da Economía Azul como son as explotacións mineiras nos fondos mariños, sinalou que, se xa coas explotacións mineiras en terra temos gravísimos impactos na saúde e no medio, “imaxinade se comeza a explotación para aproveitar a enerxía das mareas e os minerais dos fondos mariños”.

A eurodeputada lembrou que a Comisión Europea, baseándose na contestación a unha pregunta por escrito que ela mesma lle fixo, considera que na gobernanza dos océanos, “a pesca ten un papel pequeno e subordinado”, abrindo xa a porta directamente a seguir facendo políticas que baleiren a costa, saquen ás pescadoras e pescadores do mar e deixar en mans de grandes multinacionais toda a explotación dos recursos mariños.

Pola súa banda, o deputado de AGE no Parlamento Galego, Juan Manuel Fajardo, puxo o énfase na realidade de que “cada vez as persoas teñen máis dificultades para vivir do sector da pesca en Galiza e iso é porque hai alguén que non sabe o que está facendo cando dirixe a política pesqueira”. Para Fajardo, estamos diante dunha “batalla pola ocupación do espazo mariño”, xa que o pretenden as forzas neoliberais é facer no medio mariño o que xa fixeron na agricultura. “Pretenden que a xente renuncie a ocupar o mar porque non poden vivir del, e para que así sexa ocupado polas multinacionais”, asegurou. “O capitalismo non ten corazón e por iso están condenando á maioría da poboación á pobreza para o enriquecemento duns poucos. A solución non é só electoral senón de conciencia de todo o mundo e de maioría social”, zanxou.

O xeólogo Francisco Canosa Martínez, que se encargou de facer unha explicación ao respecto de como se levan a cabo as explotacións mineiras dos fondos mariños, afirmou que a economía azul terá graves consecuencias ambientais. Na costa galega, preto de onde está o Prestige, realizouse xa unha exploración a entre 700 e 1.500 metros de profundidade e atopáronse costras polimetálicas e fosforitas. “Non sei o que pasará no futuro, pero se están realizando exploracións será con algunha intención”, dixo. Ante o cal, reafirmou que “non me parece axeitado poñerse a explotar recursos mineiros no mar porque se necesitamos eses recursos témolos na terra e no mar xerarían un custe ambiental e enerxético brutal, xa que literalmente falamos de futuras minas no fondo do mar”.

Noutra orde, na última mesa da sesión da mañá da xornada, participaron Manuel Rodríguez Carballeira, Coordinador do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol; Estebo Ameneiro, Presidente da Plataforma en Defensa do Mar da Comarca Muros-Noia (Plademar); e Ángela García Torres, presidenta da agrupación da Confraría de San Telmo de Pontevedra.

Rodríguez Carballeira expuxo o que, ao seu xuízo, debería incluír un programa de mínimos para a recuperación da ría de Ferrol. “A determinación dos colectivos que viven do mar é fundamental”, afirmou. Así, defendeu que entre mariscadoras e mariscadores, Consellería e Concellos, se faga un plan de usos da ría; e se poña en marcha de forma inmediata a depuración integral da ría. “Non pode ir parar á ría un vertido máis nin que a Administración o permita tal e como está pasando”, denunciou.

O coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol afirmou que en Galiza “hai unha forza política que é perniciosa para o medio e as rías e que se chama Partido Popular” e, fronte a isto, chamou a “pelexar e modificar a situación actual”, xa que senón, preocupante situación da ría “será irreversible”. No mesmo día en que o Comité organizou unha marcha a pé a Mugardos, Rodríguez Carballeira dixo na xornada que “se o Tribunal Supremo dixo, como dixo, que a planta de gas é ilegal, o Goberno ten que paralizala e quitala de aí. Isto non é así e polo tanto estamos falando dunha forza política e dunha Administración que vai contra quen vive das rías e contra todas e todos nós”.

Pola súa banda, Estebo Ameneiro explicou que el, ao igual que toda a xente que vive do mar, "queremos poder ter unha ría ría saneada na que traballar e labrar o noso futuro. A calidade da auga vai a menos e iso repercute en todos nós”. O presidente de Plademar alertou sobre os momentos de debilidade do sector que son aproveitados polo Goberno do PP. “Se estamos débiles é dificil que loitemos, por iso a Xunta aproveitou que estamos asqueados de ir traballar ao mar para non gañar nada, afogados, e lanzou o anteproxecto de Lei de Acuicultura pensando que iamos aceptar a súa limosna”. “Temos que ser conscientes disto”, dixo. Así mesmo, asegurou que as empresas multinacionais están intentando “eliminarnos do mar”. “Somos un estorbo para elas e para algúns gobernos porque elas xeran millóns que van parar aos petos de algúns políticos”, afirmou.

Na mesma mesa, Ángel García Torres fixo un repaso polas zonas da ría de Pontevedra que a día de hoxe están pechadas ao marisqueo por estar catalogadas como Zonas C e explicou a situación de afogamento na que está o sector tamén nese litoral.

Ferrol,a 4 de xuño, de 2016.



--->>

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
4 de junho de 2016 14:26
4 de junho de 2016 19:42
__________

sábado, xuño 04, 2016

A eurodiputada galega Lídia Senra denunciou ante a Unión Europea (UE) o incumprimento do Goberno Español en funcións das tres sentenzas firmes do Tribunal Supremo sobre a ilegal e perigosa Reganosa


Solicitamos valoración da CE en relación á capacidade do Goberno en funcións para contradicir a sentenza do TS relativa a Reganosa. | Subliñamos tamén as contradicións da propia Comisión ao argumentar non ter probas de incumprimento da lexislación medio ambiental.

Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) vén de rexistrar a través da eurodeputada Lídia Senra unha pregunta parlamentaria dirixida á Comisión Europea co obxectivo de poñer en coñecemento da Unión Europea “a intolerábel desfachatez ca que o Goberno en funcións do PP está a xogar ca vida das persoas que habitan en Ferrolterra e a súa contorna”.

A planta de gas natural licuado de Reganosa (Mugardos, Ferrolterra) caracterízase por estar situada nunha localización que fai gala dunha neglixencia paradigmática: a menos de 200m do centro urbano de Mehá, a 800m dun arsenal militar, a 900m do núcleo de Mugardos e xunto ao complexo petroquímico de Forestal do Atlántico.

Actualmente Reganosa almacena preto de 300.000m³ de combustíbel e produtos químicos. Segundo datos achegados polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, se houbera algún accidente, este superaría en 85.000 veces a potencia da explosión máis forte das acontecidas en Tianjin (China) en agosto do ano pasado.

Finalmente o propio Tribunal Supreno confirmou a anulación da autorización administrativa desta planta química o pasado mes de abril, mais o Goberno en funcións decidiu fai uns días permitir a súa continuidade excluíndo a avaliación de impacto ambiental. “Que tipo de intereses pode ter o PP para non dubidar mesmo en saltarse unha sentenza xudicial con tal de manter en funcionamento esta perigosísima instalación?”, reflexiona Senra.

Para concretar ademais até que punto é posíbel que un Consello de Ministros/as en funcións tome unha decisión deste calado, preguntamos directamente á Comisión se considera que este Goberno está autorizado para tal pronunciamento, ao tempo solicitamos a súa valoración sobre o posíbel incumprimento da Directiva 2011/92/UE, relativa á avaliación dos efectos de determinados proxectos públicos e privados no medio ambiente.

Aliás, a través da pregunta rexistrada queremos tamén subliñar o propio desleixo da Comisión Europea, quen en resposta a preguntas anteriores sobre as condicións de seguranza (E-013096/2015, E-007654/2014 ou E-007886/2013), afirmaba non ter probas de que a construción e funcionamento desta planta infrinxira a lexislación ambiental da Unión Europea, como así estaba sendo denunciado reiteradamente por organizacións sociais. “Tan só uns meses máis tarde da última pregunta rexistrada por AGEe ao respecto, esta alarma diante dun potencial risco para a cidadanía foi finalmente confirmada polo Tribunal Supremo. Deberíalles caer a cara de vergoña”, criticou con dureza a eurodeputada galega.

Cómpre lembrar que esta manida estratexia da Comisión, na que pretende facer valer a ignorancia como argumento nas respostas ás preguntas parlamentarias, foi tamén criticada directamente por AGEe nunha pregunta parlamentaria específicamente centrada nesta eiva por parte das institucións europeas.

Bruxelas, a 3 de Xuño, de 2016.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   

Imaxe do cabezallo: Localización da planta de gas natural licuado Reganosa e distancias a núcleos habitados.

Preguntas de Lídia Senra ante a Comisión da Unión Europea.-


As tres sentenzas firmes do TS contra Reganosa:
  • Sentenza 889/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 25.04.2016 | Acceder/Baixar. (Recorrían as entidades ligadas ao Comité Cidadán de Emerxencia).
  • Sentenza 695/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 28.03.2016 | Acceder/Baixar. (Recorrían as entidades ligadas ao Comité Cidadán de Emerxencia)
  • Sentenza do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Quinta. 11.05.2012| Recurso de Casación Núm. 4512/2008 | Acceder/Baixar. (Recorrían Reganosa e o Concello de Mugardos).
_________

Hoxe sábado 4 de Xuño, en Ferrol, van ter lugar dous importantes eventos: a X Marcha a Pé Ferrol-Mugardos en protesta polo despropósito gasista de Reganosa e unha interesante xornada sobre contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo

xoves, xuño 02, 2016

Este xoves 2 de Xuño, vai ter lugar un Acto en Ferrol, do movimento opositor a Reganosa, despois de 17 anos de Loita contra o despropósito gasista instalado no corazón da nosa Ría - Un sen fin de mobilizacións e actos, de razóns medio ambientais e de seguridade, tres sentenzas firmes do Tribunal Supremo veu-nos dar a razón - O Goberno Español, exime a Reganosa do trámite de avaliación de impacto ambiental, antepoñendo un suposto cáracter estratéxico da regasificadora de Mugardos, á vida e seguridade das persoas que moramos na contorna da Ría de Ferrol


Este xoves 2 de Xuño, ás 7 da tarde no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño, en Ferrol, vai ter lugar un Acto en Ferrol, do movemento opositor a Reganosa, despois de 17 anos de Loita contra o despropósito gasista instalado no corazón da nosa Ría. Un sen fin de mobilizacións e actos, de multas, detencións, porradas e prisión do que fora Patrón Maior da Cofradía de Pescadores/as de Ferrol, o compañeiro Bastida; mais tamén de razóns medio ambientais e de seguridade, tres Sentenzas firmes do Tribunal Supremo veu-nos dar a razón.  O Goberno Español, exime a Reganosa do trámite de avaliación de impacto ambiental, antepoñendo un suposto carácter estratéxico da regasificadora de Mugardos, á vida e seguridade das persoas que moramos na contorna da Ría de Ferrol. Desde Ártabra 21 queremos recoñecer, como temos feito outras veces, esta loita contra a corrupción política e económica; pola dignidade, a vida, a seguridade das persoas e a defensa da Ría.

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, convida a toda a cidadanía, a o Acto que, co lema:
O SUPREMO XA FALOU.
QUEIRAN OU NON DÉRONNOS A RAZÓN
vaise celebrar o
Xoves, 2 de xuño, ás 7 da tarde
Centro Cultural Carvalho Calero
Praza do Inferniño – Ferrol

Será un acto musical e poético, con intervencións en apoio á loita contra Reganosa, ao que asistirá a avogada do Comité Cidadán Patricia Gabeiras, e  ao que están confirmando a súa participación numerosas asociacións, entidades, partidos e persoas vinculadas de sempre á defensa da legalidade, da Ría e da Vida.

Na loita desde 1999

Reganosa é unha ameaza para a vida humana e o medio ambiente e pode chegar a converterse nunha enorme traxedia, no caso dun accidente na Planta ou no gaseiro. Nesta localización, dentro da Ría, con 40.000 habitantes ao redor, non hai Plan de Emerxencia capaz de facer fronte a catástrofe que provocará, encostado como está ademais ao Complexo Petroquímico, “Forestal del Atlántico - Imegasa”.

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol dende ano 1999, en ausencia e sen amparo das Administracións, veuse na obriga de defender a Vida, a Ría e a Legalidade ameazadas pola construción da Planta de Gas de Reganosa. Foron ditadas tres sentenzas favorábeis do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que confirmaba que Reganosa está baseada nunha flagrante ilegalidade e non cumpre coa normativa esixida para a construción deste tipo de instalacións. Dúas sentenzas anulaban a falsa tramitación ambiental que fixo Reganosa. A terceira sentenza anulaba o cambio de usos dos terreos nos que se construíu a Planta. A modificación do Plan Xeral de Ordenación de Mugardos, feita polo Concello, que serviu para que se instalara a Planta, é ilegal como ven de sentenciar dito Tribunal.

Agora, despois de 10 anos das sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Tres Sentenzas firmes do Tribunal Supremo, veñen confirmar a ilegalidade de Reganosa, mais Goberno Español, exime a Reganosa do trámite de avaliación de impacto ambiental, antepoñendo un suposto carácter estratéxico da regasificadora de Mugardos, á vida e seguridade das persoas que moramos na contorna da Ría de Ferrol.

A regasificadora entrou ilegalmente en funcionamento o 4 de maio de 2007, como ilegais tamén foron as entradas na Ría dos 210 gaseiros que abasteceron, até o momento, a Planta e sobre uns 14 que viñeron a cargar.

Houbo buques como o caso do gaseiro “LNG Rivers”, que o 6 de xuño de 2008, a causa do forte vento, tivo que abortar a primeira entrada na Ría, facendo unha perigosa manobra. Ante este feito o Comité Cidadán pediulle ao Ministerio de Fomento, aclaración do acontecido. Na súa explicación o Ministerio asume o incumprimento da normativa que regula a entrada de gaseiros, antepoñendo os intereses de Reganosa as nosas vidas e seguridade. Igual que outros en diferentes momentos, este mesmo buque tivo incidentes parecidos en Decembro de 2010.

Estamos diante do maior fraude cometido no noso país coa escusa de que o gas é estratéxico para Galiza... Mentres o Goberno Español e a Xunta de Galicia fan caso omiso das Sentenzas dos Tribunais. É Mais lexislan para burlar estas Sentenzas das maiores instancias xudiciais.

Tras as sentenzas do Tribunal Supremo, que declaran ilegal a Reganosa, esiximos o fin desta ameaza e deste malgasto de cartos públicos. Temos que esixir o seu peche definitivo.
  • QUE SE CUMPRAN AS SENTENZAS DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • MÓVETE CONTRA A IMPUNIDADE !!
  • PECHE XA!!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA  !!

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

_____________

Presentou-se publicamente a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas en Ferrolterra e convocou ao pobo das comarcas do noreste a manifestar-se, como noutras cidades e vilas da Galiza, o vindeiro 19 de Xuño, contra as guerras, as fronteiras criminais e por unha pasaxe segura para refuxiad@s e inmigrantes


O pasado 31 de Maio tivo lugar na Galería Sargadelos de Ferrol o acto de presentación da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas en Ferrolterra.

A Rede foi constituída o pasado 20 de abril a nivel galego, e a ela están adheridos máis de 45 colectivos, asociacións, ONGD, sindicatos, partidos políticos e persoas individuais. O seu obxectivo é denunciar publicamente a inhumana xestión da crise das persoas refuxiadas levada a cabo polas diferentes institucións e gobernos da UE.

Nunha recente reunión que tivo lugar o pasado mércores 25 en Ferrolterra entre entidades xa adscritas a esta rede e outras novas de ámbito local, tomouse a decisión de constituír a Rede en Ferrolterra.

Neste acto de presentación contouse coa presenza de Alberto Ameneiros, veciño da comarca que retornou hai escasos días do campo de Idomeni, en Grecia. As asistentes tivemos a ocasión de escoitar de primeira man o relato da situación destas persoas nos campos. Un relato que fala de voluntariado e dunhas ONGDs desbordadas, de historias de xente que perdeu familia e amizades nos conflitos dos que escapa, e que aínda así, unha vez vista a situación nos campos chega a formularse a posibilidade de regresar ao seu fogar, aínda a costa da súa vida. De abandono por parte das autoridades europeas e gregas. De falta absoluta de control da entrada e saída de xente nos campos, foran refuxiadas, xente allea, menores... De traumas de guerra. De falta de información absoluta, tanto para as persoas voluntarias como para as refuxiadas. De desesperación de non poder atender tódalas necesidades da xente dos campos. Pero tamén da solidariedade de voluntariado, moitas xente nova, e de tódolos recunchos de Europa, con ganas de cambiar as cousas, e de persoas amables, educadas, cultas, de tódalas condicións sociais, agradecidas a pesar da súa situación desesperada, e co único desexo de poder gozar do dereito a vivir en paz e de seren tratadas como seres humanos.

Mobilizacións o 19 de Xuño en toda Galiza

A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas convoca o 19 de Xuño novas mobilizacións en distintas vilas e cidades galegas contra as guerras e as fronteiras criminais. Para iso, convocamos os próximo días reunións abertas preparatorias nas que pode participar.


Web de referencia da Rede:
http://www.rederefuxiadas.org/

@GalRefuxiadas

Manifesto subscrito polas organizacións adscritas á Rede o pasado 20 de Abril de 2016 | Acceder/Baixar.
--
Foro Galego de Inmigración - Coordinadora de Ferrolterra
ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com
https://www.facebook.com/forodeinmigracionferrolterra2015/

Foro Galego de Inmigración
Voceiro/coordenador do Foro Galego de Inmigración

Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 - Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es - 981-576 142
http://www.forogi.wordpress.com

Información baseada na enviada por:
Foro Inmigracion Ferrolterra
-ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com-
2 de junho de 2016 07:39
_________________________