mércores, marzo 08, 2017

Páramo Pictures, arrasan co novo traballo 'Acolitos' (O Despacito Galego) ), tan só en dúas semanas máis de 871.000 visualizacións na rede - Este grupo que versiona cancións famosas con temática agro-musical, ten o vídeo-clic en galego máis visionado no mundo con máis de 2.195.000 de visualizacións da 'Bertolina' (a Adrenalina galega)


A produtora independente Páramo Pictures, arrasan co novo traballo 'Acolitos' (O Despacito Galego) ), tan só en dúas semanas máis de 871.000 visualizacións na rede. Este grupo que versiona cancións famosas con temática agro-musical, ten o vídeo-clic en galego máis visionado no mundo con máis de 2.195.000 de visualizacións: 'Bertolina' (a Adrenalina galega).

Alcolitos (O Despacito Galego).

Parodia do vídeo "Despacito" de Luís Fonsi ft. Daddy Yankee. Publicado en 15 de febreiro de 2017


https://youtu.be/xyyFLbrdaDg


Bertolina (a Adrenalina galega).

Parodia galega do vídeo "Adrenalina" ft. Wisin, Ricky Martin and Jennifer Lopez. Rodado en O Páramo, Ribas de Miño, Piñeiro, Beleigán (O Páramo); Taboada dos Freires e Cerdeda (Taboada). Producida por Páramo Pictures. Publicado en 24 de abril de 2014.


https://youtu.be/iKgRi2xZT94


A Canle de Páramo Pictures, é unha canle con máis de 33.216 inscrit@s e 8.717.050 de visualizacións, que leva na rede desde o 25 de xuño de 2013.

Conta no facebook:
https://www.facebook.com/paramopictures/

Conta en +Google:
https://plus.google.com/u/0/108395117627763424052

Paramo Pictures, no buscador libre DuckDuckGo | Buscar na rede.

Interesante entrevista no xornal Sermos Galiza, de hai dous anos, marzo de 2015. | DANIEL MOREIRAS, AUTOR DA "PALE TILLA" DE "PÁRAMO PICTURES". | “A Enrique Iglesias déronlle 302.000 euros e nós gastamos 150 en facer a parodia en galego”. | Carme Vidal Seguir a @CarmeVidaLaxe | 09 Marzo 2015 15:25 h. | Son os autores do vídeo do momento, da parodia “galega” do videoclip de Enrique Iglesias que arrasa nas redes. Daniel Moreiras explícanos canto gastaron e como elaboraron a nova produción da Páramo Pictures, autores tamén do vídeo máis visto da historia da música galega. | Ir á Web.
___________

A Coordinadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres, chama a participar, neste 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, ás 7 da tarde na Praza do Inferniño: As mulleres decidimos - Paro Internacional de Mulleres en 40 países


En todo o mundo as organizacións feministas, sindicais e populares, chaman a un 8 de Marzo, reivindicativo e de loita, contra a violencia e polos dereitos fundamentas, pola igualdade e os dereitos civís e laborais. Mesmo está convocada unha Paro Internacional de Mulleres en 40 países. Este é un movemento de base formado por mulleres de diferentes partes do mundo. Foi creado nas últimas semanas de Outubro de 2016 "como resposta á actual violencia social, legal, política, moral e verbal experimentada polas mulleres actuais en diversas latitudes". Colectivos como Nin unha menos en Latinoamérica ou a Women's March estadounidense lideran unha nova era na protesta feminista. "Si as nosas vidas non valen, ¡produzan sen nós!", afirman. Neste contesto na nosa Comarca, a Coordinadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres, chama a participar, neste 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, ás 7 da tarde na Praza do Inferniño, nun acto popular baixo o lema: "As mulleres decidimos".

Neste evento internacional, a Marcha Mundial das Mulleres, publicou a seguinte declaración:

DECLARACIÓN 8 MARZO

QUERIDAS COMPAÑEIRAS, AMIGAS, ACTIVISTAS E LOITADORAS

Nós, mulleres da Marcha Mundial das Mulleres, unimos as nosas voces para render homenaxe ás loitas históricas e cheas de vigor das mulleres e dos movementos feministas de todo o mundo.

Denunciamos o contexto político mundial, marcado pola crecente toma de control de gobernos por parte de partidos de dereitas, que expresan odio, racismo, misoxinia, intolerancia e demas formas de discriminación. Tamén afrontamos a agudización e radicalización da violencia militarista que se emprega para controlar os nosos territorios: corpo, mente, terra, auga, bosques, coñecemento e mesmo o noso pasado histórico, o noso presente e futuro, para manter o patriarcado, o capitalismo neoliberal e o neocolonialismo como paradigmas prevalentes. Ao mesmo tempo, o discurso do desenvolvemento perde sentido cando as elites políticas acumulan riqueza, empañadas de corrupción e impunidade e cando as fráxiles institucións nunca renden contas aos pobos.

As inxustizas climáticas tamén aumentan en todas as rexións, destruíndo formas de subsistencia e provocando mortes sobre todo nas comunidades pobres. Os Estados-nación non logran avanzar nos seus compromisos coa xustiza climática e seguen propoñendo falsas solucións. Instamos o mundo a avergoñar ao presidente dos Estados Unidos polo retroceso que supón o seu rexeitamento do programa de acción para o clima. Igualmente, o seu discurso de “Estados Unidos primeiro” concede máis poder ás empresas estadounidenses para que sigan contaminando, desposuíndo a comunidades locais e explotando man de obra por todo o mundo, igual que se fixo hai séculos coa escravitude. Como ben sabemos, as mulleres do sur, as migrantes, as mulleres de cor, indigenas e as que representan unha minoría sexual pagan cos seus propios corpos e co seu traballo o prezo do crecemento económico, sen ningunha recompensa.

Neste contexto, as mulleres do norte e do sur afrontan hoxe en día á maior agresión contra os seus dereitos, que repercute na crecente violencia en forma de feminicidio, migración forzada (que desemboca na explotación das mulleres), traumas e morte.

Estas razóns son suficientes para solidarizarnos coas nosas compañeiras e con todas as mulleres que loitan.

- En toda África, as mulleres resisten a numerosas formas de violencia neocolonial perpetradas por compañías transnacionales do sector extractivo e da agroindustria, que invaden as comunidades e destrúen os seus medios de sustento, empobrecéndoas. Ante estas realidades, as mulleres e nenas sofren violacións, matrimonios forzados e embarazos precoces, o cal limita o seu acceso á educación e impídelles levar unha vida digna.

- No Mundo Árabe e no Oriente Medio, as mulleres resisten aos grupos fundamentalistas que sementan o terror nas comunidades e expoñen ás mulleres a numerosas formas de violencia e brutalidade, incluída a escravitude. As mulleres están respondendo con mecanismos de autodeterminación e autodefensa.

- Nas Américas, a esquerda está sendo substituída por gobernos de extrema dereita que están destruíndo importantes logros de varias décadas e volven traer axendas neoliberais que serven aos intereses capitalistas. As mulleres resisten defendendo os dereitos fundamentais e os dereitos da natureza e os bens comúns, e en consecuencia enfróntanse a que se criminalice a súa loita, mutilaciones e asasinatos.

- Asia sofre historicamente os efectos do colonialismo e do neoliberalismo. Na actualidade, mentres a pobreza aumenta a consecuencia de que as multinacionais intensificasen o control territorial, coa protección das políticas neoliberais globais, as mulleres están moito máis expostas á explotación laboral, a violencia sexual e a trata.

- En Europa, en distintas rexións, as mulleres estanse opoñendo ao retroceso no seu dereito ao aborto, imposto por forzas cada vez máis fundamentalistas, sobre todo radicais que se están facendo co control dos procesos de toma de decisións nos Estados. Se están utilizando as medidas de austeridade e a seguridade para xustificar o renacemento do neofascismo que provoca intolerancia cara ás migrantes e outras minorías.

Para celebrar o Día Internacional das Mulleres, apoiamos a proposta dun Paro Internacional de Mulleres porque cremos na necesidade de construír e reforzar o noso movemento internacional feminista como motor de solidariedade internacional de mulleres. Valoramos a autogestión de mulleres nos seus contextos de loita locais, nacionais e rexionais.

Unímonos como mulleres globais, coa mesma voz que alzamos no noso X Encontro Internacional “mulleres en resistencia, construíndo alternativas para un mundo mellor” porque, como dixemos, o noso movemento é a nosa alternativa. Cremos que ao unir esforzos con outros movementos de mulleres activos neste chamado, reforzaremos a loita ao redor de preocupacións comúns e recuperaremos as esperanzas!

Con todo, seguimos destacando as Accións Globais que planificamos durante o noso X Encontro Internacional, como:

- O 24 de abril, - Rana Praza está en todas partes!, Día Internacional no calendario da MMM, onde actuamos sobre a economía das mulleres (tendencias económicas mundiais): o mundo laboral, a autonomía económica das mulleres, etc.;

- O 3 de xuño - Acción Global: 24 horas de Acción Global sobre Paz e Migración.

Namentres, apoiamos os chamados ás accións organizadas no contexto rexional para abordar preocupacións rexionais.

SEGUIREMOS EN MARCHA ATA QUE TODAS SEXAMOS LIBRES!

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Info baseada na enviada por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
7 de março de 2017 14:49

___________

martes, marzo 07, 2017

A eurodeputada galega Lídia Senra, esixe que a loita contra a violencia machista sexa unha prioridade no Parlamento Europeo


Lídia Senra esixe que a loita contra a violencia machista sexa unha prioridade no Parlamento Europeo. | A eurodeputada toma a palabra no pleno da Eurocámara en Bruxelas para criticar a despenalización parcial da violencia machista en Rusia. | Pide que ningunha agresión quede sen castigo en ningunha parte do mundo e unha Directiva Europea que garanta os dereitos das mulleres.


Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reclamou este mércores pola noite no pleno do Parlamento Europeo, en Bruxelas, que se pase dunha vez por todas “das palabras aos feitos” e non se produza “ningunha agresión machista sen castigo”. “Pido á Comisión Europea e ao Parlamento Europeo que convertan a loita contra a violencia machista nunha prioridade e que poñan todos os medios ao seu alcance, incluída unha Directiva Europea para rematar coa violencia machista e para garantir os dereitos das mulleres”, reclamou. A eurodeputada galega tomou a palabra no punto da sesión plenaria no que se abordou a recente despenalización parcial da violencia doméstica en Rusia, a raíz da Declaración da vicepresidenta da Comisión e Alta Representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade.

Lídia Senra tachou de “moi mala nova para as mulleres rusas e para as mulleres de todo o mundo” a despenalización parcial da violencia machista na Rusia e asegurou que estamos “ante unha gran vitoria do patriarcado”. “Non se pode permitir que os Parlamentos rebaixen as leis para penalizar a violencia contra as mulleres e que abran o camiño para deixar impune a delincuencia machista, porque calquera tipo de agresión ás mulleres é un delito que atenta contra os dereitos humanos”, dixo a europarlamentaria galega. “Ademais, estas agresións no fogar, aínda que non causen feridas físicas importantes, son un delito, atentan contra a autoestima, a saúde e os dereitos das mulleres, e a súa despenalización supón reforzar o pensamento machista de que as mulleres somos posesión dos homes”, advertiu.

Isto supón seguir alentando o machismo que asasina cada día. A semana pasada no Estado Español foron asasinadas cinco mulleres”, lembrou Senra, para facer fincapé na gravidade do momento que se está a atravesar. “Non podemos consentir que ningún delito machista quede impune, non podemos permitir que se despenalice ningun tipo de agresión machista”, insistiu.

Na Galiza, neste 2017 van xa dúas asasinadas polo menos a mans de homes e son 3.019 as galegas obrigadas a vivir baixo protección policial pola ameaza das súas parellas ou ex parellas.

Bruxelas, 2 de marzo de 2017.

Pleno do Parlamento Europeo [01/03/2017]

TEMA DA INTERVENCIÓN

Despenalización parcial da violencia machista na Rusia

ENLACE Á INTERVENCIÓN DE LÍDIA SENRA

https://www.youtube.com/watch?v=yuFj5PKgIq0&feature=youtu.be

ENLACE Á INTERVENCIÓN DO DEBATE COMPLETO

http://www.europarl.europa.eu/ep-live/pt/plenary/video?debate=1488395479310

---
Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

lidia.senra@europarl.europa.eu

www.ageuropa.gal

Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
2 de março de 2017 11:13

________

Ataque en contra da sede Comarcal de Esquerda Unida sita na rúa do Sol en Ferrol - Pronunciamentos de condena e solidariedade


O pasado domingo foi atacada a sede comarcal, de Esquerda Unida, lanzando obxectos contra as cristaleiras frontais que estaban cubertas con cartaces que facían referencia á loita contra a violencia machista. Desde diferentes puntos as entidades fixeron-se pronunciamentos públicos contra o acto violento. Tamén desde Esquerda Unida de Narón que emitiu o seguinte comunicado:

Dende EU NARÓN queremos amosar a nosa contundente condena ante o ataque contra a sede Comarcal de EU na Rúa do Sol en Ferrol.

O coñecer a noticia André Abeledo indicou que "as pedras non poden romper as ideas, e que este tipo de actos de vergoñento e covarde vandalismo non poderán amedrentarnos, pois como di o himno galego "os imbéciles e escuros non nos entenden non", por este motivo usan a violencia, porque eses son os argumentos, dos que non teñen argumentos. Non poderán calarnos nin acovardarnos con as pedradas da intolerancia e a sen razón"

"Abeledo asegurou que as compañeiras e compañeiros de EU seguiremos loitando por unha sociedade máis xusta libre de fascismo, violencia, intolerancia e ignorancia".



GRUPO MUNICIPAL
ESQUERDA UNIDA DE NARÓN

Contas de Esquerda Unida Narón no facebook e no twitter. | Achegate xunta Nós, fagamos un novo Concello mais social, mais democrático, participativo e de Tod@s.



Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
6 de março de 2017 21:35
________

luns, marzo 06, 2017

Festival solidário para a semente 2017 - Quenindiole, Vero Rilo-Daboapipa e Roger de Flor - Domingo 12 de março às 17:30 horas no Auditório de Narom


Festival Solidário para a semente 2017 
Domingo 12 de março às 17:30 horas no Auditório de Narom
Já vam três anos desde o lançamento do primeiro festival da Semente Trasancos. Desde aquela muitas cousas mudárom para bem no nosso projeto:  temos espaço, as crianças desfrutam num entorno estupendo e cada dia mais pessoas se sumam à família Semente. Aliás, temos duas pessoas fixas trabalhando no nosso espaço situado em  Sam Mateu de Trasancos (Narom).

Conseguimos que as crianças podam viver em galego num entorno amável, mas para continuarmos com este sonho precisamos autofinanciar-nos e mais unha vez contamos com o apoio de grandes artistas para realizar um novo festival. Desta vez quigémos que todas as pessoas fossem da nossa comarca, mais também , que o evento servira para conmemor o centenário da fundaçom da Irmandade da Fala de Ferrol. Pois é unha boa maneira de promover a cultura da nossa contorna. Fanno Vero Rilo – Daboapipa (narradora oral)Roger de Flor (cantor de intervençom swing) e Os Quenindiole (grupo tradicional infantil) participarám de maneira altruísta e todo o arrecadado será para financiar o projeto, pagar salários, reformar parte da nossa escola de ensino galego e continuar a ter um espaço único na nossa comarca onde o valor mais apreciado que temos como povo existe e tem futuro: a língua.



Por isso esperamos ver-te domingo 12 num espetáculo para todas as idades e que contém música, monólogos e umha curta sobre a nossa escola, e onde ademais sortearemos umha pandeireta. Podes colher os teus bilhes de forma anticipada na Fundaçom Artábria ou no Muinho do Fabal, e se nom o próprio dia do concerto na bilheteira do Auditório de Narom (Praça de Galiza). 
O preço é de 8€, e as crianças menores de 8 anos entram de balde.
Ademais contamos com fila zero para quem quiger colaborar:

Em guerra... por Lupe Ces


Por Lupe Ces [*]
05.03.2017


As mans que estam a jogar no taboleiro da guerra, venhem de mover ficha na Suécia. O serviço militar obrigatório volve instaurar-se, dis que por sentir a ameaça rusa. Tramp anúncia um incremento no gasto militar e China fai o mesmo. A extrema direita avança em Europa, essa que nom lhe fai noxo a bombardear povos, levantar muros, recluir migrantes… O jogo da guerra, que percebemos periférico, aumenta a sua intensidade e cada dia cheiramos mais perto a pólvora. Mas hai outra guerra coa que convivemos e nom percebemos como tal, onde aparecem todos os elementos que a definem, armas, corpos e vidas destroçados, campos de refúgio, exílio, terror…, assim no-lo ensinou a inesquecível Begonha Caamanho num artigo aparecido no semanário A Nosa Terra na década dos 90. Esta guerra, é a reacçom violenta do Patriarcado contra as mulheres que o estam a destruir. A propaganda de guerra, passeou estes dias um autobús por Madrid para lembrar que a liberdade nom é possível; a nova arma química, a burundanga, demostrou estas semanas no campo de batalha, a sua eficácia para as violaçons, e a explosom provocada por um comando suicida unipessoal acabou coa vida de María José Mateo García em Redondela. Os partes de guerra a diário falam de vítimas mortais e lesons infringidas polo patriarcado e o seu braço armado, a violência machista. Ninguém sabe com certeza onde está o final do conflito, mas é seguro que miles de combatentes somam-se dia a dia ao exército insurgente que loita contra o Patriarcado. Por cada umha abatida no combate pola liberdade, miles se alçam empoderando-se, reivindicando os seus corpos e às suas mentes. Por cada combatente caída, miles de territórios se conquistam para a liberdade. Imos vê-lo este 8 de Março. Veredes-las polas ruas e cidades do mundo, marchando imparáveis, pelejando cada espaço, cada casa, cada cama, na conquista da liberdade.

[*] Lupe Ces Rioboo -Caranza Ferrol 1958, é mestra, activista social, integrante da Marcha Mundial das Mulleres e da Rede Social de Ferrol Terra. Forma parte do Consello Editorial de Altermundo e do Colectivo Ártabra 21. Participa nas Marchas da Dignidade. Blogue persoal: Caranza free opiniom.
_____________

domingo, marzo 05, 2017

Presentación do libro 'Actas do Congreso Centenario de Hildegart Rodríguez Carballeira (1914-1933)' - Mércores, 8 de marzo ás 19,30 no Ateneo Ferrolán


Presentación do libro "Actas do Congreso Centenario de Hildegart Rodriguez Carballeira (1914-1933)" o mércores 8 de marzo ás 19,30 h. no salón de actos do Ateneo Ferrolán
Participarán:
* Goretti Sanmartin Rei, Vicepresidenta da Deputación da Coruña
* Rosa Cal, investigadora participante no Congreso e no Libro
* Eliseo Fernández, coordinador do Congreso e o Libro




O libro, publicado grazas ao apoio da Deputación Provincial da Coruña a traves da súa imprenta, recompila as actas do congreso realizado no centenario de Hildegart que celebramos no Ateneo Ferrolán en decembro do ano 2014.
O 9 de decembro de 1914 nacía en Madrid Hildegart Rodríguez Carballeira. Filla da ferrolá Aurora Rodríguez Carballeira, Hildegart foi un importante personaxe da cultura e da política até o ano da súa morte en 1933.
Publicou unha decena de libros e foi colaboradora de publicacións periódicas como “Renovación”, “El Socialista”, “Orto” e “La Tierra”, ademáis de directiva das Juventudes Socialistas e da Liga para la Reforma Sexual. Estivo en contacto con importantes personaxes da época como Havelock Ellis, H.G. Wells ou Gregorio Marañón.
A súa vida e a súa tráxica morte a mans da súa nai, en decembro de 1933 (cando só contaba 19 anos), fixeron dela un personaxe recreado en novelas, obras de teatro e mesmo filmes, ademáis de investigacións históricas.
Cen anos despois do seu nacemento, o Ateneo Ferrolán considerou preciso convocar un Congreso arredor de Hildegart Rodríguez Carballeira, para lembrar a súa figura dende diversas facianas: ao tempo que tentar encadrar o seu pensamento no eido da liberación sexual e da crítica de esquerdas á II República, o Congreso quixo recuperar tamén a memoria das mulleres e dos colectivos femininos da súa xeración.

www.congresohildegart.ateneoferrolan.org


xoves, marzo 02, 2017

Intervencións na concentración polo Saneamento contra a Taxa - Textos e Vídeos - Por unha Emafesa 100% Pública, Depuración Xá... - O Consello de Administración de Emafesa foi adiado por falta de documentación á parte pública


A auga e esencial para a vida e debe considerarse como un ben común e un dereito humano básico, polo que esixe un modelo de xestión que non se subordine  a obtención de beneficio privado e  que garanta a calidade do servizo, a eficacia, a solidariedade, a equidade, a transparencia, e o control democrático dos operadores dos servizos de auga e a conservación dos ecosistemas acuáticos. Este modelo só pode ser garantido plenamente  a través da xestión 100% pública do ciclo integral da  auga.

Nos últimos anos os servizos da agua transformaron-se en negocios privados, ben a través da concesión do servizo a empresas privadas, a cambio de que estas paguen un canon o concello, ou ben mediante a constitución de empresas mixtas, de natureza público-privada, que comporta sempre a asunción de responsabilidade por por parte da entidade pública e dos beneficios para a empresa privada como no caso de Emafesa

En ambos casos o accionariado privado exerce a xestión do servizo, monopolizando a información e asegurándose a competencia exclusiva da xestión da sociedade e en particular das subcontratacións, contratacións e compras. Desaparecendo así os concursos públicos e  aseguran-se grandes beneficios tanto por compravenda de bens e servizos a empresas do seu propio grupo 8mediante adxudicación directa) como pola utilización dos medios públicos da concesión para traballos particulares do propio concesionario como e o caso de Ferrol coa ignorancia do propio concello.

En Ferrol despois da chamada crise dos "trihalometanos" a veciñanza non pode aceptar que quen nos estafaron e enganaron  coa depuradora e co cobro dun servizo que non se estaba prestando sexan agora os que xestionen o servizo de depuración.  Sabemos que é imprescindíbel para a nosa ría que empece canto antes o seu saneamento pero tamén sabemos que non podemos hipotecar máis o futuro con Socamex-Urbaser que foron os que nos teñen cobrado por servizos inesistentes. Por iso reclamamos que se remunicipaliza xa o servizo e se leve a cabo unha xestión pública democrática e transparente.


https://youtu.be/-7zx99X_WIY


https://youtu.be/RYIO833AYiw


https://youtu.be/z_dp3rv-gIM


https://youtu.be/XsNg6qZFDlg


https://youtu.be/wr73gXBM0pM

O goberno municipal de Ferrol quere aprobar unha nova taxa polo saneamento.

Por que estamos en contra desa taxa?


Porque se calcula en función dun informe de EMAFESA onde os caudais de augas a depurar, os custes enerxéticos (tarifa) e a enerxía que se necesita están avultados case o dobre. EMAFESA calcula a nova taxa sobre 6€ ao mes de media, 72€ ao ano. A Plataforma calcula que no caso de ter que cobrar-se unha taxa, no superaría os 36€ ano.  Queremos un proceso participativo para o cálculo desta taxa.

Estamos paralizando o saneamento da Ría se non aceptamos esta taxa?

É totalmente FALSO. Sabemos que a depuradora, podía e debería estar funcionando xá. Non é cuestión de taxa. A taxa utilizase como unha chantaxe e unha xustificación, para tapar as responsabilidades de Augas de Galicia e satisfacer os intereses privados de EMAFESA.

Quen se encarga da xestión da depuradora EDAR de Prioriño?


O anterior goberno de Rey Varela, aceptou a xestión nun convenio asinado con Augas de Galicia, que lle encargou a posta a punto á empresa que figura como pagadora nos papeis de Bárcenas, Espina&Delfín S.L. Co novo goberno municipal descubriuse que a depuradora estaba nun estado lamentable e non depuraba, ademais EMAFESA, non tiña contratados operarios para a planta, só tiña contratada a vixilancia, e nin sequera tiña contratada enerxía eléctrica e aínda así, pasouse ao cobro unha taxa por un servizo que non funcionaba.

Que pasou con ese convenio?


Non se fixeron dilixencias no xulgado denunciando todas estas irregularidades, pero o convenio con Augas de Galicia caducou en xuño de 2016. Agora en xaneiro de 2017, o alcalde de Ferrol chega a un acordo para que EMAFESA continúe coa xestión da depuradora, na vez de exixir que Augas de Galicia asuma a súa responsabilidade: que se faga cargo os dous anos  previstos  de posta en funcionamento e dos custos xerados pola mala recepción da estación depuradora e a súa reparación.

Podemos confiar en EMAFESA para facer a xestión da depuradora e calcular o custe da taxa?

A xestión de EMAFESA, por estatutos da empresa, está totalmente controlada pola parte privada SOCAMEX, aínda que o concello ten o 51%. Antes pertencía a Florentino Pérez (ACS), agora pertence ao grupo chinés Firion Investments que mercou Urbaser. EMAFESA foi a responsable da crise dos trihalometanos no verán do 2015; cobrou unha taxa de saneamento cando a depuradora non funcionaba, e mantén unha total opacidade nas súas contas. De feito está nunha situación que se pode considerar de quebra técnica, e o goberno municipal pretende rescatala con base aos orzamentos municipais. Sen cambiar os estatutos? Sen tomar o control da súa xestión? Mellor era que o concello recuperara a xestión directa da auga e o saneamento, denunciando os incumprimentos, irregularidades e ilegalidades cometidas polos xestores de EMAFESA, porque a taxa que se cobrou era ilegal. Foi unha estafa.

Que outros abusos e mentiras nos agardan ao redor do sistema de saneamento?


Pois agora tamén queren que paguemos nos orzamentos municipais o custe das obras dos interceptores e tanques de tormenta. Unhas obras que cando se planificaron contaban con fondos europeos e só un 10% sería asumido polos concellos de Ferrol e Narón (Que xa non debería ser así, dado que é unha obra de interese xeral). Ademais a Ría de Ferrol foi Declarada Zona Sensíbel. Agora, como non se remataron na data prevista, perdéronse unha parte dos fondos europeos e en convenio con AcuaES, do Ministerio de Medio Ambiente, temos que pagar un 30% do custe da obra (Sendo só responsabilidade de AcuaES). O estado non inviste en Ferrol nin 1 euro, nunhas obras que se declararon de interese xeral no 1997, e que noutras partes están subvencionadas ao 100%.

Conseguirase sanear a Ría?

O sistema de saneamento que nos impuxo AcuaES e Augas de Galicia é un sistema obsoleto que xunta augas fecais con augas pluviais; moi caro enerxeticamente pois ten que bombear ata Prioriño salvando unha altura de case 50m, porque a depuradora non se instalou no lugar mais axeitado. Ademais os tanques de tormenta, os días nos que haxa moito caudal (moita chuvia), van verter directamente á ría. Este sistema habería que transformalo para que fora eficaz, menos custoso e máis sostible. Pódese facer cunha boa planificación e vontade política. Mentres non sucede isto hai que aplicar protocolos de control que eviten os verquidos indiscriminados á ría; o exceso de consumos enerxéticos; baixar os caudais de auga que entra no sistema para ser saneada,...

SANEAMENTO E DEPURACIÓN XA!
QUE NON NOS MINTAN,
QUE NON NOS ENGANEN,
É FALSO QUE SE NON SE APROBA A SÚA TAXA,
QUE NON SE PODA DEPURAR.
SEGUIR VERTENDO Á RÍA SI QUE É ILEGAL!

EMAFESA 100% PÚBLICA !
SOCAMEX/URBASER,
A PARTE PRIVADA QUE XESTIONA A EMPRESA
FÓRA DE EMAFESA

EMAFESA MINTE E ESTAFA !
COBROU UNHA TAXA DE DEPURACIÓN,
MAIS NON PRESTABA O SERVIZO.
DEVOLUCIÓN DA TAXA,
COBRADA INDEBIDAMENTE  XA!

ESTA TAXA NON !
SE TEN QUE HABER UNHA TAXA,
QUE SEXA EXPLICADA, PARTICIPADA E XUSTIFICADA !



PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode!
Pódese, débese e precísase!
  • Alexandre Carrodeguas.
  • Fernando Ramos Armesto.
  • Pablo Portero.
  • Bernardo Rego Gárate.
  • Lupe Ces.
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
https://plataformaferrol.blogspot.com.es/

_____________________

venres, febreiro 24, 2017

Convocada Concentración en Ferrol polo Saneamento contra a Taxa, por unha Emafesa 100% Pública, Depuración Xá... o vindeiro mércores 1 de marzo, ás 12 do mediodía, na Praza da Ilustración


Despois dos Plenos Extraordinarios, do 13 e 22 de febreiro, para abordar o asunto do Saneamento e a Taxa; e das reunións co Alcalde, unha antes de cada pleno, mais sen suceso ningún, coa postura do goberno municipal tomada e sen querer escoitar, vemo-nos na obriga de comezar a expresar as nosas opinións e reivindicacións, xa non só en roldas de prensa, comunicados e intervencións nos plenos, senón coa Mobilización Social. Hai un problema de fondo que non damos superado, hai certo tapar orellas ás propostas razoadas e ben argumentadas do movemento social que representamos, ao que antes mesmo pertencía e participaba activamente, o actual alcalde Jorge Suárez. Fai-nos pensar que este Alcalde que se esquece que está na alcaldía polos votos propios, e polos dos outros dous partidos que o apoiaron na súa investidura para presidente do Concello de Ferrol, estes son imprescindíbeis. O lóxico, é que consulte a eses partidos en asuntos de tanta importancia como o é o saneamento e depuración. Tamén que consulte ou teña en conta ao movemento social, que axudamos a que o Partido Popular perdera a maioría absoluta, destapando coa loita popular a estafa da Taxa e da depuradora que non depuraba, en definitiva o engano á veciñanza, o engano ao Poder Popular. Sen entrar a un enfrontamento total, si comezamos a poñer as cousas no seu sitio, deixando espazo suficiente, para que lle dea tempo a rectificar e poñer-se do lado dos intereses do pobo, dos intereses da cidade, de quen ven defendendo un Saneamento Integral da Ría, da Xente do Mar, do medio ambiente, ... É por iso polo que convocamos unha CONCENTRACIÓN en Ferrol, o vindeiro mércores 1 de marzo, ás 12 do mediodía, na Praza da Ilustración (O Ensanche) - Diante da sede de Emafesa, onde vai ter lugar un Consello de Administración, no que o punto 6º da orde do día dí: "Solicitude, no seu caso, de concurso -preconcurso- do artigo 5 bis da Lei Concursal- voluntario de Emafesa".

SANEAMENTO E DEPURACIÓN XA!
QUE NON NOS MINTAN,
QUE NON NOS ENGANEN,
É FALSO QUE SE NON SE APROBA A SÚA TAXA,
QUE NON SE PODA DEPURAR.
SEGUIR VERTENDO Á RÍA SI QUE É ILEGAL!

EMAFESA 100% PÚBLICA !
SOCAMEX/URBASER,
A PARTE PRIVADA QUE XESTIONA A EMPRESA
FÓRA DE EMAFESA

EMAFESA MINTE E ESTAFA !
COBROU UNHA TAXA DE DEPURACIÓN,
MAIS NON PRESTABA O SERVIZO.
DEVOLUCIÓN DA TAXA,
COBRADA INDEBIDAMENTE  XA!

ESTA TAXA NON !
SE TEN QUE HABER UNHA TAXA,
QUE SEXA EXPLICADA, PARTICIPADA E XUSTIFICADA !

Evento no facebook:

https://www.facebook.com/events/1815275795356793/

Material para activar e difundir:

Folla Informativa en formato pdf dúas caras en DinA4 | Acceder/Baixar.
Cartaz en formato pdf DinA3 | Acceder/Baixar.




PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode!
Pódese, débese e precísase!
  • Alexandre Carrodeguas.
  • Fernando Ramos Armesto.
  • Pablo Portero.
  • Bernardo Rego Gárate.
  • Lupe Ces.
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
_______

luns, febreiro 20, 2017

Rolda de Prensa: Taxa e Saneamento en Ferrol - Texto e Vídeos da Exposición e Preguntas - Luns 20 de febreiro de 2017


Hoxe 20 de febreiro, tivo lugar unha Rolda de Prensa na casa do Concello de Ferrol, para para explicar a nosa posición diante dos últimos acontecementos e facer chegar a valoración da Plataforma sobre a Taxa e o Saneamento, os argumentos e as inconsistencias do Informe de Emafesa, base para o cáculo da Taxa. Despois da rolda de Prensa, o Alcalde chamou á Plataforma para manter unha xuntanza que despois dun breve contacto de minutos quedou nunha xuntanza a celebrar esta tarde na Casa do Concello, ás 19:30hs. Da cal informaremos.


COMUNICADO DE PRENSA
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS POLA REMUNICIPALIZACIÓN
A DEPURACIÓN NON É CUESTIÓN DE TAXAS

Tras a lectura do noso comunicado no pleno do pasado luns 13 de febreiro, sobre a situación actual do saneamento da marxe dereita da ría e despois de ter asistido ao debate e posterior votación, onde a nova taxa de depuración non foi aprobada, queremos informar á cidadanía de Ferrol dos contidos, reflexións e accións desta Plataforma en relación á taxa e ao saneamento:

Esta Plataforma está de xeito continuado esixindo que canto antes comence a funcionar o sistema de saneamento e depuración das aguas residuais das poboacións da marxe norte da ría de Ferrol. O sistema de saneamento debe e pode comezar a funcionar independentemente do valor da taxa. O próximo pleno anunciado para o mércores 22, pode que se reproduza a situación do pasado luns 13, cun apoio condicionado de Ciudadanos. Mais pode que o Partido Popular se absteña (un xeito de ocultar unha parte da súa grande responsabilidade na falta de depuración e o engano á veciñanza) por iso, a Plataforma queríamos ter, antes do próximo pleno, unha reunión co goberno municipal e grupos políticos que noutro momento compartillaban con nós, unha oposición a esta Taxa e á imposición deste Saneamento, para expoñer cal é a nosa valoración alternativa ao Informe presentado por Emafesa con data de novembro de 2016, sobre as inconsistencias en materia de tarifa eléctrica, consumo eléctrico, caudais... así como se nos responda ás oito preguntas realizadas ao Alcalde, o pasado venres 17 deste mes de febreiro.

Esta Plataforma ten denunciado publicamente a irregular adxudicación a Emafesa do contrato temporal para pór en marcha a depuradora EDAR de cabo Prioriño, pois entendemos que é Augas de Galicia a responsábel da posta a punto tal como manifestou o presidente da entidade D. Francisco Menéndez Iglesias, en xullo de 2011. Tampouco estamos de acordo que sexa Emafesa a encargada de solucionar os problemas deste período de probas e facer as reparacións que correspondan e menos pasar os custes relacionados con estes traballos aos Concellos e usuarios. Queremos recordar á poboación que o socio maioritario de Emafesa é o Concello de Ferrol aínda que sorprendentemente se lle teña concedido por estatutos á parte privada, SOCAMEX, autonomía total de xestión.

O 13 de xaneiro deste ano, reúnen-se en Compostela Augas de Galicia e os alcaldes de Ferrol e Narón. Mentres o alcalde de Narón asume pagar un canon á Augas de Galicia polo uso da depuradora, o alcalde de Ferrol, asume uns compromisos aínda non aclarados publicamente, que pasan porque o noso concello asuma a reparación, posta a punto e asuma o funcionamento da depuradora, sen esixir a Augas de Galicia ningunha responsabilidade, pois é esa entidade a responsábel de que o EDAR recepcionara-se nas condicións que se fixo despois de que a empresa Espina y Delfín S.L., que aparece nos papeis de Bárcenas como empresa pagadora do Partido Popular, realizase a posta a punto no ano 2014, ano no que Rey Varela en plena precampaña electoral, anunciou que a depuradora xa depuraba, para cobrar a Taxa, sen importar-lle engañar á cidadanía sen ruborizar-se. O alcalde asegura ademais, que se non se aproba a Taxa, a depuradora non pode funcionar. A chantaxe é clara. Non só non se lle esixe a Augas de Galicia que poña a funcionar a depuradora xa, xenon que se pretende culpar de que non se depure, a quen pretendemos aplicar os principios de transparencia, democracia, participación, substentabilidade e austeridade no sistema de saneamento da Ría. Se a depuradora non está depurando é só responsabilidade de Augas de Galicia e a Corporación municipal en pleno, debera esixir-llo.

Desde hai máis de dous anos esta plataforma está denunciando publicamente que o sistema de saneamento imposto para a Ría de Ferrol é obsoleto, trapalleiro, ineficiente e moi custoso para a veciñanza. Tamén temos denunciado o abuso que supuxo ter cobrado unha taxa sen que o sistema de saneamento e a súa depuradora estivesen funcionando. Aínda estamos requirindo a devolución dese pago irregular por parte da empresa mixta Emafesa, e exiximos que sexa esta empresa a que proceda a devolver un diñeiro indebidamente cobrado, e non a cargo dos orzamentos municipais .

Temos informado, no pleno do pasado día 13, ao goberno municipal e grupos políticos, a nosa desconformidade ao custe da taxa que agora se propón para o saneamento, e a que dita taxa sexa similar á anterior proposta polo goberno do PP. Unha taxa cuxo cálculo foi cuestionado polos grupos municipais da oposición de aquel momento incluído o grupo que agora está gobernando. Esta Plataforma non dubidará en tomar as accións que correspondan si o pleno de Ferrol aproba unha taxa a todas luces ficticia, exaxerada e feita por e para os intereses de Emafesa.

En consecuencia co anterior e para precisar coa maior exactitude cal é en realidade o custe deste sistema, temos requirido por escrito, o pasado venres ao Sr Alcalde, que nos informe sobre os datos utilizados no estudio dos custes como: caudais de augas residuais a tratar na EDAR, tanto para tempo seco como chuvioso, tarifas eléctricas fixas e variables utilizadas, cómputo de enerxía presuntamente necesaria para o conxunto do sistema e as razóns polas que os estudos realizados até o momento (Fundación Polígono do Pozo, Emafesa, Audigal, Cosma, etc. ) son tan diferentes e inconsistentes.

Ao noso entender tomáronse caudais irracionais (case o dobre en tempo seco e probablemente tamén en tempo chuvioso), tarifas eléctricas exaxeradas, enerxía consumida moi elevada (obviamente pola súa relación directa cos caudais), unha imputación ao Concello de Ferrol dunha porcentaxe de participación nos custes do sistema dun 70%, cando a relación de consumo de auga potábel de Ferrol e Narón é do 60%, e por último a inclusión dunha nova partida de custes para o mantemento dos interceptores cando nos anteriores estudos da taxa no existía este concepto. É de supor que as demais partidas relacionadas cos caudais, como reactivos, lamas, etc. tamén estean aumentadas consecuentemente.

Non chegamos a comprender a falta da intervención, como organismo fiscalizador e de control, nos asuntos nos que se compromete o Concello de Ferrol (Acordos, Informes, Encomendas, Convenios...) que hipotecan as arcas municipais e deixan en quebra técnica a Emafesa, empresa de xestión privada, mais onde o Concello ten o 51% do capital Social, asunto que merece unha explicación.

Por último reiteramos unha vez máis ao Alcalde a realización dunha Audiencia Pública, onde explique a situación real do que está pasando e recupere as posicións programáticas coas que accedeu ao goberno buscando o acordo coas forzas que apostan polo rescate da xestión agora privatizada, pois a auga non debe ser un negocio, é un ben escaso, esencial e común, e o abastecemento e saneamento un dereito.

Esta plataforma reitera unha vez máis que o goberno municipal dado que non ten un verdadeiro control sobre a xestión de Emafesa, responsábel de episodios indesexábeis como foi a crise dos trihalometanos; pasar ao cobro unha taxa por saneamento sen estar operativa a EDAR nin a maioría do sistema, falta de participación na elaboración da taxa que agora se nos quere impoñer e opacidade na situación contábel  dos servizos prestados por Emafesa, debe reconducir esta situación, non inxectando cartos dos orzamentos municipais para “sanear” Emafesa, tapando a xestión opaca da parte privada SOCAMEX, senón remunicipalizando o servizo de auga e saneamento: o seu Ciclo integral.

En Ferrol, a 20 de febreiro, de 2017

Exposición

https://youtu.be/cRcvyCTUhgI

Preguntas e Respostas

https://youtu.be/rSntuK4KOuI


PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN

Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode!
Pódese, débese e precísase!

Alexandre Carrodeguas. | Fernando Ramos Armesto. | Pablo Portero. | Bernardo Rego Gárate. | Lupe Ces. | remunicipalizacion.plataforma@gmail.com  |
https://plataformaferrol.blogspot.com.es/

---

Proxección do documental '23' e posterior coloquio sobre as listas negras elaboradas pola ultradereita tralo 23F e publicadas en La Voz de Galicia no ano 1991 - Xoves, 23 de febreiro de 2017, ás 19 horas no Ateneo Ferrolán




O Ateneo Ferrolán proxectará  o documental "23" 
o vindeiro xoves 23 de febreiro ás 19 h.

Este documental non chegou nunca a emitirse nin proxectarse en ningures. 

"No documental "23" queremos contar as vivencias e experiencias da tardiña do 23 de febreiro de 1981 cun grupo de vinte e tres homes e mulleres que aparecían nas listas negras elaboradas pola  ultradereita. Aquela noite os concellos das cidades galegas estiveron abertos, ocupados por concelleiros de esquerdas e do nacionalismo galego. Probablemente nunca saberemos quen elaborou as famosas listas negras, que saíron publicadas por primeira vez en febreiro de 1991 en La Voz de Galicia."

Posteriormente realizarase un coloquio sobre o temaO coloquio contará coa participación da directora do documental, Helena Villares, e con dous dos protagonistas, Rafael Pillado Lista e Bernardo Máiz Vázquez.

O documental, producido por Nemedón Producións Audiovisuais, gravouse no ano 2010. A idea orixinal e o guión correron a cargo de Pilar Faxil e Helena Villares. 


Participaron no documental Mariano Abalo Costa, Pilar Allegue Aguete, Pedro Arias,  Miguel Cancio, Francisco Carballo, Marisa Domínguez, Alfredo Fernández, Manuela Fraguela Seoane, Xosé Manuel García Crego, Pilar García Negro, Chefa Hermo Ínsua, Ramón Lorenzo, Bernardo Máiz Vázquez, Xosé Luis Méndez Ferrín, Xosé Muruzábal Arlegui, Rafael Pillado Lista, María Xosé Queizán, Manuel Rivas Barros, Xosé María Rivera Arnoso, Francisco Rodríguez Sánchez, Elvira Souto Presedo, Miguel Vázquez Calvo e Francisco Villanueva.

A proxección e posterior coloquio decorrerán o xoves 23 de febreiro de 2017 ás 19 horas no Salón de Actos do Ateneo Ferrolán.

O evento no facebook do Ateneo Ferrolán: https://www.facebook.com/events/1855663611389427/




domingo, febreiro 19, 2017

Asemblea Xeral da asociación Betula para a custodia do bosque atlántico - Domingo 19 de febreiro de 2017, ás 10:30hs, no local da Tenencia, en Redes


A asociación Betula para a custodia do bosque atlántico, dentro da estratéxica xeral da de defensa do territorio prende contribuír á mellorar o medio ambiente.
"Vemos acotío agresións medioambientais que ao alteraren os equilibrios van minguando a biodiversidade e levan, porén, a unha nova extinción planetaria ante a que non queremos nin debemos permanecer impasibles. Como colectivo organizado non podemos caer no pesimismo  e concluír que é imposible reverter a situación. Pola contra, as propostas que sexamos quen de levar adiante en conxunto son chanzos que frearán e mellorarán unha degradación que prevemos reversible. De aí que sexa imprescindible a túa participación activa na asociación, así como o activismo na difusión dos nosos obxectivos e en acadar cada día un maior número de socios e socias  comprometidos con esta tarefa".
Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, Betula, acordou convocar a Asemblea Xeral a celebrar hoxe domingo, 19 de febreiro de 2017, ás 10:30hs, no local da Tenencia, en Redes (Ares), onde se tratarán os seguintes puntos:
  1. Presentación das memorias de actividades e económica correspondentes ao exercicio 2016.
  2. Proxecto de actividades 2017.
  3. Informe sobre a xestión das contas bancarias.
  4. Actualización de socios segundo o establecido nos estatutos: altas e baixas.
  5. Funcionamento e competencias da Xunta Directiva.
  6. Novas propostas de colaboración con entidades, particulares e empresas acordes co articulado dos estatutos.
  7. Pedimentos e preguntas.
Correo-e: custodia.betula@gmail.com

Páxina no Facebook:
https://www.facebook.com/betulacustodia/

Conta Twitter:
https://twitter.com/BetulaCustodia

#Betula

Enderezo Betula:
O Campanario, 13
15627 Limodre – Fene
A Coruña
____________

venres, febreiro 17, 2017

Entrega de Escrito á atención do Alcalde e convocatoria de Rolda de Prensa para o luns 20 de febreiro, ás 12 do mediodía na Casa do Concello de Ferrol



Este venres 17 de febreiro, Fernando Ramos, no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, entregou o escrito que transcribimos, onde lle facemos oito preguntas en relación ao Informe de Emafesa de Novembro de 2016 que é a base do cálculo da Taxa que pretende aprobar por segunda vez o Goberno Municipal de Jorge Suárez, o vindeiro mércores 22 de febreiro, nun novo Pleno Extraordinario, convocado para as 9:30hs. Ademais de reiterar, no escrito, a demanda veciñal de explicación mediante Audiencia Pública; que deixe de condicionar a aprobación da taxa á depuración e saneamento, por ser falso, pode-se depurar xa e agora, unha vez poñan a funcionar os interceptores e tanques de tormenta que nunca debeu privatizar a súa xestión; e por último que a participación cidadá deixe de ser meras palabras e canto de serea, para ser unha realidade, comezando por elaborar as ordenanzas de xeito participado coa veciñanza.

Rolda de Prensa

Temos convocado para o vindeiro luns 20 de febreiro, ás 12 do mediodía, na Casa do Concello, para explicar a posición e entregar o Estudo da Plataforma sobre o cálculo da Taxa (Argumentos e incosistencias).

Escrito ao Alcalde - Oito Preguntas e varias consideracións

A ATENCIÓN DO SR. ALCALDE PRESIDENTE DO CONCELLO DE FERROL


Fernando Ramos Armesto, con DNI Nº XXXXXXXXX, no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización con enderezo a efectos de notificación, en Ferrol (15406), na Rúa Armada Española, nº32 Baixo, e teléfono 622932443, e ao amparo do disposto no Regulamento de Participación Cidadá en vigor (Artigos do 4º ao 13º), presentamos o presente escrito de INFORMACIÓN e PETICIÓN

A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, que xa nos temos dirixido a Vostede en anteriores ocasións, así como mantido dúas xuntanzas, diriximos-nos a Vostede, non sen antes lembrar-lle a nosa vontade, misión e obxecto de existencia.

Consideramos-nos representantes dun xeito de sentir dunha parte da cidadanía desta comarca, que reivindica a recuperación para a xestión pública aqueles servizos básicos, privatizados. Esa vontade ficou reflectida, nas miles de sinaturas presentadas o ano 2015 no rexistro do Concello; no apoio maioritario da cidadanía ao optar nas eleccións locais de maio do mesmo ano, polas alternativas políticas que levaban no seu programa este rescate para o público e municipalización, e mesmo na enquisa de Sondaxe, publicada en xullo, tamén do mesmo ano, onde aseguraba que o 67% da veciñanza deste concello apoiaba a remunicipalización dos servizos públicos.
 
Esta Plataforma considerase herdeira do movemento popular que encheu as rúas no ano 2015, ao sentirse indignada e estafada polo cobro por parte deste Concello dunha taxa ilegal, por unha depuración que non se realizaba, sen o preceptivo padrón municipal, dunha xestión da auga ao servizo dos intereses privados, e contra un sistema de saneamento imposto desde a irracionalidade e a  non sustentabilidade.

Exposición.-

Tal como Vostede ben sabe, levamos máis de dous anos rexeitando a taxa para o servizo de saneamento e depuración que Emafesa quere impoñer debido ao seu custo excesivo e mal fundamentado. Nestes momentos o goberno municipal pretende obter a aprobación dos grupos municipais dunha taxa nova similar á anterior, baseada nos mesmos argumentos e inconsistencias, e que rexeitamos de novo pola opacidade no proceso de aprobación, por seguir entendendo que os custos son inaprazábeis, e por non ter a oportunidade de demostrar que algunhas partidas incluídas no último estudo de Emafesa, de data novembro de 2016, son de novo abusivas, incoherentes e non razoábeis.

Desexamos que o sistema de saneamento empece a funcionar o máis axiña posíbel, é máis consideramos que xa podería estar funcionando desde o día seguinte en que remataron as obras de reparación o pasado ano 2016, pois non hai nengún fundamento xurídico que impida a posta en funcionamento da depuradora, nin é nin pode ser un condicionante a existencia dunha taxa, simultánea á depuración e saneamento das augas residuais. Vostedes e o PP, pretenden facer disto un axioma, mais ben saben que é un axioma falso e interesado. Mais tamén desexamos ter a oportunidade de que se nos aclaren os conceptos que se incluíron no Informe de Emafesa de novembro de 2016 e porque se obteñen uns valores exaxeradamente tan elevados.

Volvemos a reiterar a petición de que retire a proposta de Taxa e convoque unha Audiencia Pública, ou no seu defecto un acto como ten realizado ao respecto do Plan de Peonalización da Madalena, como así lle pediamos e pedimos insistentemente, e Vostede mesmo solicitaba ao anterior Alcalde, para que se lle explique á veciñanza con detalle, a elaboración da proposta de Taxa e da ordenanza fiscal de referencia. E que teña en conta as propostas e consideración que xurdan.

Preguntas.-

En concreto solicitamos que nos responda ás seguintes cuestións:

A) Si a auga servida a Ferrol e Narón polo sistema de abastecemento non chega aos 7.000.000 m3/ano, Por que o caudal avaliado por Emafesa no seu Informe é de 11.464.434 m3/ano?

B) Que valores de precipitacións anuais e superficie impermeábel estimaron-se para o cálculo do caudal de auga a depurar en tempo de chuvia?

C) Si a relación de auga servida a Ferrol e Narón é de 58 - 42 % Por que se asigna a Ferrol e Narón unha relación de 70 - 30 %?

D) Si o maior valor de enerxía eléctrica consumida procede dos sistemas de bombeo. Que caudais manexáronse para obter un valor da enerxía eléctrica consumida igual a 14.402.500 kW.h?

E) Está incluída na enerxía consumida da anterior pregunta a correspondente ás bombas e servizos dos Tanques de Tormentas?

F) Cal é o valor da tarifa unitaria da parte fixa (factor de potencia) do custo eléctrico en Euros/kW.ano?

G) Cal é o valor da tarifa unitaria da parte variábel do custo eléctrico en Euros/kW.h?

H) Por que se incluíu no estudo de novembro de 2.016 unha nova partida para o mantemento dos interceptores e Tanques de Tormenta?

Polo que,

Solicitamos,

Que teña a ben, recibir este escrito e responder ás preguntas formuladas, non sen antes comunicar-lle que debería cumprir o seu compromiso de facer unha política participada, onde a veciñanza e o movemento social da cidade, teñan a oportunidade de recibir a información veraz e adecuada, e de opinar e propoñer, na xestión, nas ideas, no deseño de cidade, na política e medidas administrativas que afecten ao conxunto de veciñas e veciños.

Sen outras consideración e preguntas que facer,  despedimos-nos atentamente, en Ferrol a 16 de febreiro de 2017.



PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode!
Pódese, débese e precísase!

remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
______________

luns, febreiro 13, 2017

Intervención da Plataforma no Pleno Extraordinario de 13 de Febreiro de 2017, para a aprobación provisional da imposición e ordenación dunha taxa polo servizo de depuración de augas residuais - Vídeo e Texto


Intervención da Plataforma no Pleno Extraordinario no Concello de Ferrol, sobre a Taxa de Depuración.

O lunns 13 de febreiro de 2017, tiña lugar a sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Ferrol, ás 9:30hs, para tratar o asunto da Taxa de depuración, coa derogación da antiga ordenanza fiscal e o intento de aprobación da dunha nova.

A Plataforma tiña solicitado intervir neste Pleno extraordinario para fixar a nosa posición ao respecto da Taxa e as circunstancias que a rodean. Intervención que correu a cargo do noso compañeiro Fernando Ramos.


Texto da intervención da Plataforma: Acceder/Baixar.

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode!
Pódese, débese e precísase!

remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
_____________________

Este luns 13 de febreiro, terá lugar o Pleno Extraordinario no Concello de Ferrol, para a aprobación provisional da imposición e ordenación dunha taxa polo servizo de depuración de augas residuais - A Plataforma ten solicitado intervir no Pleno a través de Fernando Ramos.

Ferrol, mobilización contra a Taxa, en febreiro de 2015

A Plataforma ten solicitado intervir neste Pleno extraordinario para fixar a nosa posición ao respecto da Taxa e as circunstancias que a rodean. está previsto que fale nonome da Plataforma o compañeiro Fernando Ramos.

Texto de intervención da plataforma | Acceder/Baixar.

Pleno Extraordinario no Concello de Ferrol.

De orde do Sr. Alcalde, achégolle a orde do día da sesión extraordinaria que elebrará o Excmo. Concello Pleno, no Pazo Municipal de Ferrol, o día 13 de febreiro de 2017, ás 9:30 horas, en primeira convocatoria, xustificándose esta na necesidade de tratar os asuntos que figuran na orde do día.

ORDE DO DÍA

1.- Proposta de aprobación provisional da derogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola depuración de augas residuais publicada no BOP o 03/09/2014.

2.- Proposta de aprobación provisional da imposición e ordenación dunha taxa polo servizo de depuración de augas residuais.

Ferrol, 8 de febreiro de

https://www.ferrol.es/arquivos/documentos/comisions/pleno_13-02-2017_od.pdf



PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode!
Pódese, débese e precísase!

remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

https://plataformaferrol.blogspot.com.es/---