luns, febreiro 26, 2018

De Ferrol a Vigo para participar na Manifestación Nacional do 4 de Marzo - Autobuses e constitución da Asemblea 8M, como necesidade de repensar o 8 de marzo en clave galega, diversa, inclusiva e horizontal e para preparar a Folga Internacional de Mulleres (Laboral, de consumo, de coidados, de estudo...)


Autobuses Manifestación 4 de Marzo en Vigo


Compañeiras:

A Marcha Mundial das Mulleres da Comarca de Ferrol, convídavos a participar na manifestación nacional de mulleres que o domingo 4 de marzo, desde ás 12:00 horas, percorrerá as rúas de Vigo, no marco das mobilizacións organizadas arredor do Día Internacional da Muller Traballadora e da folga de mulleres convocada para este 8 de Marzo.

Desde a comarca de Ferrolterra, fletaremos un bus que sairá ás 9 de Esteiro e fará paradas en Caranza, Fene e Vilar do Colo. O regreso será ás 14.30. O prezo, 5 euros.

Podédesvos anotar chamando ao teléfono do local comarcal da CIG-Ferrol  981 358 750 ou a través do enlace:
https://galegas8m.wordpress.com/transporte-a-vigo/

-

Asemblea Galegas 8M


Quen somos?

A Asemblea Galegas 8M xorde da necesidade de repensar o 8 de marzo en clave galega, diversa, inclusiva e horizontal. Con estes obxectivos, e a través de convocatorias e xuntanzas abertas nas distintas cidades e vilas de todo o país, diversos colectivos feministas e mulleres individuais de toda Galiza tecemos a rede e comezamos a traballar na organización da Manifestación nacional do Día das Mulleres deste 2018.

Galegas 8M non somos só as mulleres que nacemos nesta terra: somos todas as que estamos vinculadas a ela dun xeito ou doutro, todas as que a sentimos como propia, todas as que vivimos, traballamos e transitamos nela, e por iso todas temos o mesmo nivel de participación e decisión.

Asumimos tamén a Folga Feminista (de coidados, laboral e de consumo) do 8 de marzo como foco representativo das nosas reivindicacións. Temos especialmente en conta as dificultades para parar no ámbito dos coidados. Todo o noso apoio a tódalas mulleres que a diario realizan ese enorme traballo!

Este ano a manifestación unitaria galega trasládase a Vigo, coa intención de amosar a nosa forza e a nosa capacidade de espallar a loita feminista e de xuntar forzas para dar visibilidade á ampla rede de mulleres galegas.

Esta manifestación de loita feminista fai parte do traballo mobilizador cara a folga de coidados, laboral e de consumo, e pretende tamén darlle pulo ás convocatorias locais que terán lugar o propio día 8 nas diferentes localidades do país.

As mulleres sairemos ás rúas e faremos folga este e todos os 8 de marzo que faga falla! Porque temos a forza para conquistar ese mundo tamén noso, xusto e igualitario. Porque o noso camiño cara a eses obxectivos foi, e será sempre, continuar sendo insubmisas, rebeldes e loitadoras!

Para transformar a vida das mulleres, Folga de Coidados, Folga Laboral e Folga de Consumo.

Hoxe e sempre: abaixo o patriarcado capitalista e colonial!

Que colectivos e entidades compoñen Galegas 8M?

Todas estas asociacións, colectivos, plataformas e entidades feministas do país forman parte e colaboran nesta Asemblea nacional Galegas 8M. Tamén hai un bo número de mulleres que participan a nivel individual.

Amig@s da Terra
Asociación Nós Mesmas – Vigo
Asociación Feminista de Vilalba
Asociación Polamiúda – Chantada
Asociación Curuxa
Colectivo Feminista de Pontevedra
Cónclave de Feministas Aleatorias – Compostela
Exeria Mulleres Cristiás Galegas
Marcha Mundial de Mulleres – Galiza
O Soño de Lilith– Galiza
Observatorio da Mariña pola Igualdade
Periféricas Escuela de Feminismos Alternativos
Plataforma Feminista de Lugo
Rede Galega Pola Igualdade
Secretaría das Mulleres da CIG (Confederación Intersindical Galega)
Secretaría das Mulleres do SLG (Sindicato Labrego Galego)
Secretaría da Muller da CNT (Confederación Nacional del Trabajo)
Secretaría da Muller da CUT (Central Unitaria de Traballador@s)
Secretaría da Muller do STEG (Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza)
Tamborililás Batuke Feminista (Compostela)
Asociación Festival das Bretemas (Ponteareas)
Círculo Feminista de Ponteareas
Foro Feminista Falando Nos (Ourense)
Conas Ceives (Compostela)
As Paxaretas (Redondela)
As da Industria (Vigo)
Solidarias e violetas (Vigo)
Rede de Solidariedade Popular (Vigo).
Teenses pola igualdade (Pontevedra)
SOGASEX, Sociedade Galega de Sexualidade.

---

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Info baseada na enviada por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
23 de fevereiro de 2018 17:49

_____________

domingo, febreiro 25, 2018

Ante a anunciada entrada na Ría de Ferrol, dun novo buque gaseiro, cargado con gas natural licuado para a ilegal e perigosa Reganosa, o Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha concentración sonora, este mércores 28 de febreiro, ás 7 da tarde, na Praza Amada Garcia, diante do edifico da Xunta - Enlaces ás catro Sentenzas - Recursos e Alegacións


CONCENTRACIÓN SONORA EN FERROL,
 MÉRCORES 28 DE FEBREIRO, ÁS 7 DA TARDE
NA PRAZA AMADA GARCIA,
DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA

Para o mércores 28 de febreiro de 2018, está prevista a entrada na Ría de Ferrol, dun novo buque gaseiro, cargado con miles de toneladas de gas natural licuado, para descargar nos tanques de Reganosa.

O buque tanker de enorme porte e grande capacidade, ten que entrar pola bocana da Ría e terá que cruzar o angosto, estreito, de pouco calado e de fondo rochoso, canle de máis de 4.500 metros, até chegar ao pantalán de descarga do peirao de Punta Promontoiro, situado no termo municipal de Mugardos. Onde Reganosa coa complicidade de políticos sen escrúpulos construíu unha planta de gas que nos ameaza todo-los días, aumentando exponencialmente esta ameaza, sempre que entra na Ría un buque LNG / GNL cargado, para a perigosa e ilegal planta regasificadora de Mugardos. Este buque fai o gaseiro número 234 que descarga en Reganosa, desde que o fixera o "Galicia Spirit" en Maio de 2007.

Concentración sonora

Diante do aumento da ameaza contra a seguridade e a vida, que supón a entrada dun novo buque gaseiro, xunto á propia instalación da Planta de Gas en Mugardos, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, como ven sendo habitual sempre que entra un gaseiro cargado na Ría de Ferrol, convoca unha acción de protesta e denuncia, consistente nunha Concentración Sonora. Este mércores ás 7 da tarde, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.

Desoíndo catro sentencias do Supremo, eximindo a Reganosa da avaliación de impacto ambiental

Mais o negocio do gas de Reganosa, independente mente de estar dando saltos para diante con novos negocios e incorporacións, a terminal de Mugardos está fortemente cuestionada, por se construír apoiando-se na corrupción política e saltando-se a normativa medio ambiental e de seguridade, con catro sentenzas do máis alto tribunal (Tribunal Supremo) na contra. O que obrigou ao Goberno Español, presidido por Mariano Rajoy, o máis corrupto da historia do Reino, a tomar a decisión de eximir da avaliación de impacto ambiental á regasificadora de Mugardos, intentando chulear, deste xeito, o cumprimento das catro sentenzas mencionadas. Exención que está recorrida ante os tribunais. Que tome nota Sojitz Corporation.


Sentenzas

Perante o pasado ano 2016, ditaron-se tres sentenza e un auto do Tribunal Supremo, e xa en 2012 houbera outra sentenza da mesma instancia xudicial superior. A Terceira Sentenza firme contra Reganosa anulou a autorización para a construción da planta regasificadora en Mugardos, encostada ao complexo petroquímico do Grupo Tojeiro (Forestal del Atlántico e Imegasa). E unha cuarta sentenza a favor do movemento opositor a Reganosa, anulara o Plan de Emerxencias Exterior da planta de gas.

Recursos

Despois de declarada ilegal Reganosa, polas sentenzas firmes do tribunal supremo, polo entón goberno en funcións do estado (27.05.2016), resolveu eximir a planta de gas de someterse á avaliación ambiental e concedeu-lle a autorización de funcionamento, nun intento de burlar as sentenzas do alto tribunal, todo isto cun apoio mediático imperdoábel, da Xunta de Galicia e do Goberno Municipal de Mugardos (Hoxe cesado por unha moción de censura). O movemento opositor a Reganosa, con amplo apoio político, decidiu recorrer as resolucións gobernamentais sinaladas.

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, a través da súa Asesoría Xurídica, presentou ante o Tribunal Superior de Justicia de Madrid un recurso contencioso-administrativo contra a desestimación do recurso de alzada contra a resolución, de 7 de xullo pasado, da Dirección Xeral de Política Enerxética do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, que outorgou a REGANOSA a autorización administrativa e aprobou o proxecto de execución da Planta de Gas, e solicitando que se declare a nulidade de autorizacións e a paralización da actividade da instalación, perigosa, innecesaria, antieconómica e ilegal.

Tras as sentenzas do Tribunal Supremo, que declaran ilegal a Reganosa, esiximos o fin desta ameaza e deste malgasto de cartos públicos. Temos que esixir o seu peche definitivo.
  • QUE SE CUMPRAN AS SENTENZAS DO TRIBUNAL SUPREMO XA!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA !
  • MÓVETE CONTRA A IMPUNIDADE !
  • PECHE XA !
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Info baseada na enviada polo:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
25 de fevereiro de 2018 21:25
_______________

Nova relacionada en Ártabra 21:

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol presenta recurso ante o Tribunal Supremo contra a resolución onde se lle concede a Reganosa autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución, consecuencia directa doutra de 27 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros da mesma data, que declaran excluídos do trámite de avaliación de impacto ambiental os proxectos da planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado en Mugardos. | Ir á Web.

______________________

sábado, febreiro 24, 2018

Os Bluesomes em Ferrol, este sábado 24 de fevereiro, às 22.30hs, na Fundaçom Artábria, Travessa de Batalhons nº7, em Esteiro


Os Bluesomes na Fundaçom Artábria este sábado às 22.30hs

No próximo sábado contaremos na Fundaçom Artábria com Os Bluesomes, grupo de blues da Comarca de Trasancos. O grupo formado por Chesko, Vitor Santalha, Dubi e Suso.

O concerto começa às 22.30h e a entrada é de balde.


https://youtu.be/wL75PuHsGXE

--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!
 ....
A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.


Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
22 de fevereiro de 2018 19:44

____________________

En Ferrol, da Rede de Refuxiad@s: Xornada do sábado día 24 de Febreiro de 11:00 a 13:00 hs na Asociación Veciñal de Ferrol Vello, para esixir ás Institucións internacionais, estatais e autonómicas o cumprimento dos Regulamentos en materia de Asilo e Refuxio, reivindicar o respecto aos Dereitos Humanos nas Fronteiras e no interior do espazo SCHENGEN e recordar a todas as persoas migrantes e refuxiadas falecidas no camiño cara a Europa


Da Rede de Refuxiad@s


Cando se cumpren 2 anos do acordo asinado entre a UE-TURQUÍA e da Pechadura de Fronteiras, a Rede Galega en apoio as persoas Refuxiadas celebra as Xornadas . Refuxiad@s, respostas Solidarias.

Trátase dunha iniciativa coa que a Rede quere esixir ás Institucións internacionais, estatais e autonómicas o cumprimento dos Regulamentos en materia de Asilo e Refuxio, reivindicar o respecto aos Dereitos Humanos nas Fronteiras e no interior do espazo SCHENGEN e recordar a todas as persoas migrantes e refuxiadas falecidas no camiño cara a Europa.

Estas xornadas celébranse en catro cidades galegas, Santiago, Vigo , Coruña e Ferrol e que comezou o día 21 e prolóngase até o 25 de febreiro, día en que terá lugar unha Concentración a nivel Estatal para recordar este segundo aniversario da Pechadura de Fronteiras, ás 12 do mediodía no Toural, Santiago de Compostela.

En Ferrol- Día 24 - Contaremos coa intervención de: Alessandro Forina da "Rede Solidaria de Acollida de Madrid", Ernesto Maleno de "Camiñando Fronteiras".

Fadile Chami, siria, da "Organización Activista Sirio-Galega" e Saínza Ruíz Concelleira Delegada de Benestar Social en Ferrol.

Dita Xornada será o sábado día 24 de Febreiro de 11:00 a 13:00 hs na Asociación de Veciños Ferrol Vello (Centro Cívico Municipal - Corredoira Curro, nº1).

--
Foro Galego de Inmigración - Coordinadora de Ferrolterra
ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com
https://www.facebook.com/forodeinmigracionferrolterra2015/

Foro Galego de Inmigración
Miguel Fernández (662-307019)- Voceiro/coordenador do Foro Galego de Inmigración
FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 - Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es - 981-576 142
http://www.forogi.wordpress.com

Enviado por:
Inmigracion Ferrolterra
-ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com-
22 de fevereiro de 2018 16:54

_____________________

venres, febreiro 23, 2018

Asemblea Plenario da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de Ferrol, hoxe 23 de febreiro, ás 6 da tarde, no Inferniño


CONVOCATORIA PLENARIO.

23 de Febreiro de 2018.

CONVOCATORIA da ASEMBLEA- PLENARIO,  para o Venres, día 23 Feb. ás  18 horas da tarde no local da Asoc. Veciñal do Rosario-Inferniño.

Orde do día:

1 – Aprobación, se procede, ACTA anterior.
2 .- Estado de contas da Plataforma. Actualizar COTAS anuais.
4 .- Valoración da MANIFESTACIÓN do día 4 a Febreiro en Compostela.
5 .- Acordos SOS Galicia - Nova CONCENTRACIÓN.
6 .- Renovación Comisión Permanente da Plataforma.
7 .-  Suxestións e preguntas.

Ferrol, a 26 de Febreiro de 2018.

Comisión Permanente.
Secretaría.
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
www.plataformadspferrol.blogspot.com
plataformadspferrol@gmail.com


Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
22 de fevereiro de 2018 18:05

_____________

xoves, febreiro 22, 2018

Mobilizaron-se unhas mil persoas ao chamado do 22F, un movemento autónomo, unitario, popular e diverso de pensionistas e xubiladas que se está conformando ao longo de todos os territorios e nacións do Estado en comarcas, cidades e vilas que en Ferrolterra tivo hoxe a súa expresión na Praza do Concello de Ferrol - Convocada unha Asemblea para o 6 de marzo, ás 6 da tarde no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño - Vídeos


Unhas mil persoas acudiron ao chamado da convocatoria do 22F, un movemento autónomo, unitario, popular e diverso de pensionistas e xubiladas que se está conformando ao longo de todos os territorios e nacións do Estado, en comarcas, cidades e vilas que en Ferrolterra tivo hoxe a súa expresión na Praza do Concello de Ferrol. Diferentes intervencións (Lucia Vizoso, Rafa Aguirrebengoa, Rafael Pillado, Manel Zebral, Bego Hermida, Albero Espiñeira, Xosé María Fontao, Celso Posada e Pablo Portero) deron argumentos ás persoas concentradas dispostas a multiplicar-se e organizar-se. A vindeira cita o martes 6 de marzo, ás 6 da tarde no Centro Cultural Carvalho Calero, do Inferniño, Asemblea para a organización do Movemento.

As mulleres que interviñeron na praza, fixeron un chamamento á Folga Internacional de Mulleres convocada para o vindeiro xoves 8 de marzo, no Día Internacional da Loita Feminista, pola igualdade, contra a pobreza e a violencia.

Esta-se a constituír en todo o Estado un movemento que ten como base a loita por unhas pensións dignas, contra o saqueo do peto das pensións e o intento de privatizar o sistema público. Unha loita contra as políticas neoliberais que atacan un dos sustentos fundamentais da clase traballadora. Ataque que está poñendo en pé a veteran@s militantes antifascistas que loitaron contra a ditadura. Un movemento que si se mantén autónomo e fóra dos intereses políticos partidarios e do sindicalismo claudicante, pode conseguir que caia este goberno corrupto e frear as políticas neoliberais.

En Ferrolterra, foron seis entidades sociais, veciñais e culturais que organizaron o acto e difundiron a convocatoria, mais que consideran non aparecer nomeadas publicamente, pois só foron o soporte inicial do acto celebrado hoxe e da elaboración do plano de traballo, para organizar o movemento que consideran que ten que ser plural, amplo e aberto, co obxectivo da defensa do sistema público de pensións, o combate ao intento da privatización e saqueo, e unha pensión digna para todas.


https://youtu.be/7D70aZXuhCo


https://youtu.be/O_7geMpccuU


https://youtu.be/GAjDUP6cDsg


Buscador: 22F Pensións.

Nota.- No transcurso das próximas horas procuraremos publicar outros vídeos do acto que agardamos recibir.

Novas relacionadas en Ártabra 21:

20180220 - Concentración por unha pensión digna en defensa do sistema público de pensións, este xoves 22 de febreiro, ás 7 da tarde na Praza de Armas - O Fondo de Reserva establecido no Pacto de Toledo esta sendo saqueado e baleirado facendo perigar o futuro dos nosos maiores e das novas xeracións. | Ir á Web.

2018.02.10 - A eurodeputada galega Lídia Senra denuncia que a Comisión Europea quere favorecer o mercado das pensións privadas cun novo produto paneuropeo - Ve intolerable que a Comisión Europea estea presionando para desmantelar os sistemas públicos de pensións - E Reclama a retirada da proposta de regulamento ideada para beneficio de entidades financeiras, compañías de seguros e de xestión de activo. | Ir á Web.
_______________

mércores, febreiro 21, 2018

A Plataforma activando contra a imposición da taxa do PP por parte do alcalde Jorge Suárez e o seu goberno de Ferrol en Común: Rexistraron-se centos de recursos, puxeron-se mesas informativas e intervención no Pleno de Fernando Ramos (Vídeo) - Enlaces a novas

Entregando o Recurso no rexistro do Concello de Ferrol - 15 de febreiro de 2018

O pasado xoves 15 de febreiro, pola mañá, procedeu-se á entrega colectiva de Recursos de Reposición contra o recibo pola depuración emitido por Emafesa, no pasado mes de xaneiro. O rexistro do Concello, encheu-se de persoas que fixeron cola para presentar cadansúa o seu Recurso. Ao mesmo tempo a mesa informativa colocada nas escaleiras de entrada da Casa do Concello, atendía ducias de consultas sobre o saneamento, o recibo e a taxa. Desde a Plataforma elaboramos un modelo de Recurso para que a veciñanza poda exercer os seus dereitos. Desde o pasado 6 deste mes estamos poñendo mesas informativas, polos barrios (Inferniño, Caranza, Recimil, Canido, Centro, ...). Mesmo están programadas de novo mesas diante do Edificio da Xunta, este mércores 21 de febreiro ás 11 da mañá, así como o xoves 22, diante do Mercado de Caranza e o venres 23, diante da Casa do Concello de Ferrol.

Mesa Info en Caranza, o 14 de febreiro de 2018.

O Compañeiro Fernando Ramos tomou a palabra na continuación do Pleno que quedou pendente do último xoves de mes que se celebrou o pasado venres 16 de febreiro, ás 9 da mañá. Para explicar o porque da promoción dos recursos entre a veciñanza e reclamou unha resposta do Concello aos mesmos e aos interpostos o 15 de decembro de 2017, contra o levantamento da suspensión da Ordenanza Fiscal que regula a Taxa. Son case só 10 minutos, onde intervén o compañeiro, nunha moi interesante e clara locución.

Fernado ramos no Pleno do 15 de febreiro de 2018



https://youtu.be/4Qp9E3Ly2WY


A presentación do recurso e as últimas novas nalgúns medios:

Auga. . | 2018.02.17 - La Voz de Galicia | Os alcaldes de Ferrol e Narón urxen a resposta da Xunta ao convenio de saneamento. | Por Carmela López  17/02/2018 05:00 h. | A Alcaldía de Ferrol remitiu onte unha carta, tamén asinada pola regidora de Narón, na que se urge a Augas de Galicia que dea resposta á proposta de convenio de saneamiento que xa acordaron ambos municipios. Segundo explicou o mandatario ferrolano, Jorge Suárez, o documento xa foi remitido á Xunta en tres ocasiones e que, ao non recibir resposta, decidiron enviar un escrito solicitando unha reunión. | Ir á Web.

Auga.  | 2018.02.16 - Diario de Ferrol. | O rexistro municipal énchese de recursos contra o recibo de depuración. | En torno a un centenar de persoas déronse cita onte no rexistro municipal do Concello a media mañá para facer entrega dos recursos presentados contra o recibo de depuración que o Concello. | redacción LUGAR 16 de Febreiro de 2018 (00:20 h.) | En torno a un centenar de persoas déronse cita onte no rexistro municipal do Concello a media mañá para facer entrega dos recursos presentados contra o recibo de depuración que o Concello comezou a emitir entre xaneiro e este mes e que xa chegou á maioría dos domicilios, tras haberse aprobado unha taxa que se estima que supere os custos reais do servizo. | Ir á Web.

Auga. | 2018.02.08 - La Voz de Galicia. | Rebelión na rúa contra a taxa. | Uns 300 ferrolanos concentráronse na praza de Armas atendendo a chamada da Plataforma pola Remunicipalización para protestar polo cobro do novo tributo. | A convocatoria da Plataforma pola Remunicipalización dos servizos contra a taxa de saneamento que se acaba de poñer ao cobro reuniu onte ante o consistorio, na praza de Armas, a uns 300 ferroláns. A maioría dos participantes eran xente de idade avanzada, nun fiel reflexo do envellecemento da poboación que sofre a cidade... | Ir á Web.

Auga. | 2018.02.08 - Diario de Ferrol. | Unhas trescentas persoas protestaron polas facturas da taxa do auga. | Unhas trescentas persoas secundaron a convocatoria da Plataforma na defensa dúas servizos públicos, pola remunicipalización contra a taxa de saneamento aprobada polo goberno local co apoio do PP e cuxos recibos xa están sendo remitidos e cun importe que se supera o do custo do servizo.  | Ir á Web.

Auga. | 2018.02.07 - Galicia Ártabra Digital. | Varios centenares de cidadáns concentráronse na praza de Armas contra a taxa de saneamento. | Para as seis da tarde estaba convocada unha concentración na praza de Armas de Ferrol a cargo da "Plataforma na Defensa dúas Servizos Públicos, pola Remunicipalización" na que reclamaban que non se leve a cabo o cobro da taxa de saneamiento... | Ir á Web.

Auga. | 2018.02.07 - Ferrol 360. | O PSOE súmase á Plataforma pola Remunicipalización e insta a recorrer a taxa de saneamento. | Os socialistas ferrolanos secundaron a iniciativa da Plataforma pola Remunicipalización de Servizos Públicos instando á cidadanía a recorrer os recibos da taxa de saneamento e organizando asembleas abertas para informar sobre como se poden interpoñer os recursos. | Ir á Web.

Auga. |2018.02.06 - Diario de Ferrol. | Recorren os recibos pola taxa de saneamiento "sobredimensionada". | A polémica taxa de saneamiento aprobada polo Concello xa está sendo remitida nos seus recibos a un total de 33.438 usuarios aos que se presta servizo de depuración, o que se traduce en términos económicos en 353.435 euros.| Ir á Web.


Recurso de Reposición en formato pdf, 4 páxinas. | Acceder/Baixar.


PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero | Bernardo Rego | Lupe Ces |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
https://plataformaferrol.blogspot.com.es/

martes, febreiro 20, 2018

Concentración por unha pensión digna en defensa do sistema público de pensións, este xoves 22 de febreiro, ás 7 da tarde na Praza de Armas - O Fondo de Reserva establecido no Pacto de Toledo esta sendo saqueado e baleirado facendo perigar o futuro dos nosos maiores e das novas xeracións


CONCENTRACIÓN
XOVES 22 DE FEBREIRO
ÁS 19 H, NA PRAZA DE ARMAS
DO CONCELLO DE FERROL

O Fondo de Reserva establecido no Pacto de Toledo esta sendo saqueado e baleirado facendo perigar o futuro dos nosos maiores e das novas xeracións.

Os falsos incrementos do 0,25% anual afondan aínda máis a perda do poder adquisitivo de todo os pensionistas.

Coñecidos especialistas no tema veñen alertándonos do risco que corremos, mentres o Goberno de Rajoy e os seus ministros negaban a realidade.

¡Pero a pantomima acabouse! Agora é o propio Presidente do Goberno quen nos di que hai que aforrar para pensións e para a educación dos  nosos fillos.

Traducido ao “cristián”, ¡que se acaban as pensións públicas e debemos facer plans privados! E a forma de axudar a banca, mentres nos rouban o froito do traballo dás xeracións pasadas.

Diante destas informacións, un grupo de asociacións e colectivos cidadáns dá comarca de Ferrolterra, coincidindo con outros moitos lugares do pais, facemos un chamamento cos seguintes OBXECTIVOS:

  • Pola defensa do Sistema Público de Pensións.
  • Pola recuperación do Fondo de Pensións, establecido nos Pactos de Toledo.
  • Por uns salarios dignos que garantan as pensións dos mozos.
  • Por unhas pensións dignas, propias do século XXI ¡Xa!
  • Por un incremento dás pensións segundo o IPC real. Recuperando o  poder adquisitivo perdido.
  • Pola creación dunha Renda Básica para as persoas en risco de exclusión.

¡Todas as persoas teñen dereito a unha vida digna!

¡ ATENCIÓN O SISTEMA PÚBLICO DE PENSIÓNS, ESTÁ EN PERIGO !

Notas.-
Fonte Imaxe: detalle dun cartaz da CIG con desenño de Davila (OBichero).
Fonte Texto: Promotora Veciñal por unha Plataforma de Ferrolterra na Defensa do Sistema Público das Pensións e por unha Pensión Digna.

________________

A contaminación da Ría de Ferrol por residuos asfálticos, de novo na Comisión Europea - Logo da confirmación xudicial da existencia de delito medioambiental, dirixímonos por segunda vez á CE demandando máis e mellores controis - Denunciamos o incumprimento da sentenza que esixe a retirada dos residuos e a descontaminación desta zona do concello de Cabanas.


A contaminación da Ría de Ferrol por residuos asfálticos, de novo na Comisión Europea. | Logo da confirmación xudicial da existencia de delito medioambiental, dirixímonos por segunda vez á CE demandando máis e mellores controis. | Denunciamos o incumprimento da sentenza que esixe a retirada dos residuos e a descontaminación desta zona do concello de Cabanas.

En marzo de 2016 a Comisión Europea, en resposta a unha pregunta parlamentaria da eurodeputada galega Lídia Senra denunciando o verquido de residuos asfálticos en Ferrolterra por parte empresa Bentum Recycling Centrale, apuntou ao incumprimento da Directiva 2008/98/CE, pero afirmou non se poder pronunciar definitivamente até ter sido resolto o proceso xudicial activo nese momento na Galiza[1].

Dado que o Xulgado do Penal N2 de Ferrol xa se pronunciou a través da Sentenza 00212/2017 confirmando a existencia dun delito contra o medio ambiente por parte do importador,  e dando orde de retirar as aproximadamente 135.000Tn de residuos acumuladas nun monte do Concello de Cabanas dende ano 2009 -procedentes do porto de Rotterdam-, Senra vense de se dirixir novamente á CE.

Nesta segunda interpelación -adxunta- subliña que a investigación xudicial afirma que se importaron ao porto de Ferrol 800.000Tn de residuos asfálticos empregados en obras de administracións públicas e privadas, sen que ninguén informara sobre o cumprimento da directiva para asegurar a descontaminación das superficies contaminadas.

Ademais, contrariamente ao exposto na sentenza, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística legalizou o acúmulo urbanísticamente ao considerar estes residuos como áridos, “sen ter en conta que a Ría de Ferrol foi clasificada como sensíbel e, por se fora pouco, sen proceder á súa retirada pese á orde xudicial”, denunciou a eurodeputada do Grupo Confederal da Esquerda Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE-NGL).

Dada a gravidade desta situación e a finalización do proceso xudicial en marcha, Lídia Senra, plantexa á CE a pertinencia de que considere iniciar una investigación sobre a posíbel infracción do establecido pola normativa comunitaria relativa á xestión de residuos, así como de levar adiante investigacións que clarifiquen en que condicións reais está a ter lugar o tratamento, transporte e depósito de residuos tóxicos entre os Estados membro.

Bruxelas, 19  de Febreiro de 2018.

[1]Máis información: NdP180316 A CE apunta vulneración da Directiva 2008/98/CE na contaminación do Río Baa por residuos asfálticos.

Máis información: Lídia Senra Rodríguez, Eurodeputada galega do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | @LidiaSenra

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
19 de fevereiro de 2018 15:38

____________________

mércores, febreiro 14, 2018

Acto lúdico reivindicativo con motivo do San Valentín, convocado pola Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres- Este mércores 14 de febreiro, na Praza do Inferniño a partir das 6 da tarde. - Para desfacer o mito do amor romántico, un elemento cultural mais que posibilita a perpetuación do patriarcado


Este mércores 14 de febreiro: Acto lúdico reivindicativo con motivo do San Valentín, na Praza do Inferniño a partir das 6 da tarde.

A Marcha Mundial das Mulleres de Ferrol vai realizar un acto lúdico-reivindicativo con motivo da celebración de San Valentín. Con esta actividade preténdese explicar á sociedade que o mito do amor romántico é un elemento cultural que posibilita a perpetuación do patriarcado a través das relacións de parella e que entraña o perigo de que se entendan motivadas polo amor relacións de maltrato, de sometemento e anulación da liberdade das mulleres.

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza


Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
10 de fevereiro de 2018 20:23

____________________

martes, febreiro 13, 2018

Entrega Colectiva do Recurso contra o inxusto recibo pola Depuración, emitido por Emafesa - O acto terá lugar o vindeiro xoves 15 de febreiro, ás 11:30hs, no rexistro do Concello de Ferrol - E intervención no Pleno do venres 16 - Mesa Informativa en Caranza o mércores 14 - Acceder ou baixar o Modelo de Recurso

Entrega de Recursos contra o levantamento da suspensión da Taxa
15 de decembro de 2017 -Foto de Daniel Alexandre.
O vindeiro xoves 15 de febreiro, ás 11:30hs, como xa tiñamos anunciado, procederemos a unha Entrega Colectiva do Recurso de Reposición contra o recibo pola Depuración emitido por Emafesa, o pasado 13 de xaneiro deste ano 2018. Con toda probabilidade tomaremos a palabra na continuación do Pleno que quedou pendente do último xoves de mes que está previsto que se celebre pola mañá do venres día 16 de febreiro que vai ter lugar desde as 9 da mañá.

Entregaremos o Recurso no rexistro do Concello de Ferrol, mais tamén repartiremos fotocopia do modelo do mesmo, para quen queira presentar o Recurso ese mesmo día pola mañá, desde as 10:30 hs e mesa informativa.

Achegamos en ficheiro anexo, formato pdf, 4 páxinas. o modelo de Recurso de Reposición contra o recibo pola Depuración emitido por Emafesa, o 13 de xaneiro deste ano 2018, e que se está cobrando estes días.

Desde a Plataforma elaboramos este modelo para que a veciñanza poda exercer os seus dereitos.

Este mércores 14 de febreiro, continuaremos coas mesas informativas, desta vez diante do Mercado de Caranza, pola mañá, desde as 11:30hs, na cal temos pensado repartir copias do Modelo de Recurso.

Presentamos este Recurso porque ...

- O marco legal polo que se pasa a cobro esta factura que se recorre, é irregular...

- O prezo fixado na factura pola que se presentan estas alegacións, está avultado...

- O cálculo de consumo eléctrico que fai Emafesa está aumentado, así como os caudais a depurar...

- Hai unha diferencia de 177.474 euros entre as previsións de Emafesa do custe da xestión dos interceptores e tanques e o real polo que se licitou...

- Ten un custo superior aos custos do servizo porque inclúe o saneamento rural, até agora inexistente, e parte do custe dos interceptores e tanques, declarados obras de interese xeral...

- O 55,5% dos caudais que temos que bombear e depurar, é a auga procedente da chuvia...

- Fica claro que este acto administrativo, e a norma (ordenanza fiscal) que o sustenta, son totalmente contrarios a dereito e, polo tanto, deben declararse nulos todos os recibos confeccionados e pasados a cobro por Emafesa...

- O Concello de Ferrol emitiu o recibo e mesmo o cobrou sen ter publicado o edicto de exposición pública do preceptivo padrón...

- Falta o preceptivo informe ou memoria económico-financeira...

- Non se resolveron os case 200 recursos presentados contra o levantamento da suspensión da mencionada Ordenanza de 2014...

- Non se devolveu o importe da factura que se cobrou indebidamente en 2015...

Polo que se solicita que o Concello de Ferrol declare a nulidade da Ordenanza fiscal reguladora da taxa por depuración... A anulación do recibo emitido por Emafesa... E a suspensión cautelar do pagamento da factura emitida por Emafesa en tanto non se resolva este recurso...

Recurso de Reposición en formato pdf, 4 páxinas. | Acceder/Baixar.

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero | Bernardo Rego | Lupe Ces |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
______

domingo, febreiro 11, 2018

Lembranzas, música, e flores no acto do décimo aniversario do pasamento de Carmelo Teixeiro


Era o 5 de febreiro de 2008, estabamos concentrados, como sempre que entra un gaseiro cargado para Reganosa, desde maio de 2007, anunciando-nos o aumento exponencial do perigo que supón un buque cargado dentro da Ría, cando nos chegou a triste nova da morte de Carmelo Teixeiro. "O vento do nordés non permitiu que atracara na planta de gas... Este gaseiro monocasco (Cheikh el Mokrani), o último alento de Carmelo xuntouse ao nordés para demostrar unha vez mais a loucura e sinrazón da localización de Reganosa no medio dunha Ría onde se pon en perigo a vida de miles de persoas e a riqueza marisqueira".[*]

Dez anos despois lembramos con música, flores e palabras o aniversario do pasamento de Victoria Fernández e Carmelo Teixeiro, que estarán sempre presentes, na nosa memoria, compartindo as tarefas do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

"...persoas cunha traxectoria vital de exemplo en valores e principios, salientábeise polo seu compromiso na defensa da Ría de Ferrol e na loita por unha sociedade máis xusta, solidaria e comprometida co medio ambiente".

Tamén este é un momento para lembrar a "todos o compañeiros que nos deixaron neste camiño de loita contra o despropósito gasista, mais que están con nós e verán cos nosos ollos o peche de Reganosa, a planta de gas ilegal e perigosa que nos ameaza todos os días. Unha planta que instalaron no mesmo corazón da nosa Ría, con corrupción e con complicidade política, institucional e mediática".











[*] Daquela o Tanke monocasco LNG Cheikh El Mokrani, non puido entrar na Ría por malas condicións meteorolóxicas, con forte vento e mar de fondo que non garantía a seguridade á hora de ter que pasar o estreito, longo, de pouco calado e fondo rochoso canle da Ría.

Información baseada na enviada por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
10 de fevereiro de 2018 18:33

_______________

sábado, febreiro 10, 2018

A eurodeputada galega Lídia Senra denuncia que a Comisión Europea quere favorecer o mercado das pensións privadas cun novo produto paneuropeo - Ve intolerable que a Comisión Europea estea presionando para desmantelar os sistemas públicos de pensións - E Reclama a retirada da proposta de regulamento ideada para beneficio de entidades financeiras, compañías de seguros e de xestión de activos


Lídia Senra denuncia que a CE quere favorecer o mercado das pensións privadas cun novo produto paneuropeo. | A eurodeputada tacha de intolerable que a Comisión Europea estea presionando para desmantelar os sistemas públicos de pensións. | Reclama a retirada da proposta de regulamento ideada para beneficio de entidades financeiras, compañías de seguros e de xestión de activos.


A Comisión Europea (CE) está intentado presionar para desmantelar totalmente os sistemas públicos de pensións. Así o asegurou este venres a eurodeputada galega Lídia Senra, que ofreceu unha rolda de prensa en Pontevedra, acompañada por Victoria Portas Mariño, voceira da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións e membro do Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), e polo economista, sindicalista e docente Xabier Pérez Davila. Senra deu a coñecer que a CE presentou unha Proposta de Regulamento para ofrecer un novo produto panaeuropeo de pensións individuais que o que pretende é “alentar un mercado europeo das pensións privadas” para “favorecer” ás entidades financeiras, compañías de seguros e de xestión de activos, que serán quenes leven todos os beneficios. Así, cargou contra este novo paso de construción da UE neoliberal. “Non nos sirve, non é de recibo que a CE faga iso. A CE debería estar impulsando un regulamento para garantir que todos os Estados membro teñan sistemas fortes de pensións públicas. Fronte a isto, está indo xusto polo camiño contrario”, denunciou.

Lídia Senra avanzou que cando a proposta chegue ao pleno do Parlamento Europeo votará en contra e que traballará durante todo o proceso previo de negociación do texto para botalo abaixo. Así, fixo fincapé en que o novo regulamento propón bonificar fiscalmente a todas aquelas persoas que invistan neste produto de pensións privadas, o que se traduce en que sairán beneficiadas aquelas persoas que dispoñan de máis poder adquisitivo para comprar este produto. “As persoas con traballos precarios, as traballadoras e traballadores pobres, as persoas paradas, non van ter capacidade adquisitiva para invertir nun produto privado para no futuro complementar a súa cada vez máis pequena pensión pública. É seguir favorecendo a quen máis capacidade económica ten e a crear cada vez máis desigualdades”, afirmou. Tamén criticou que a bonificación fiscal será diñeiro que deixará de entrar nas arcas públicas e polo tanto derivará en maiores recortes de servizos públicos sanitarios, educación, etc.

Na mesma liña, Victoria Portas lembrou que fai unha semana que un grupo de 30 pensionistas galegas viaxaron ao Parlamento Europeo, convidadas pola propia Lídia Senra, para participar nunha xornada sobre o futuro das pensións públicas e que se ven é algo que xa levan vendo desde hai tempo, alí evidenciaron que a UE segue o camiño da privatización e das pensións de subsistencia. A voceira de MODEPEN arremeteu contra o feito de que a CE estea intentado colar esta novo produto paneuropeo de forma “calada” e con métodos case “ocultos”. “Non se coñece e temos que contarllo a toda a cidadanía”, dixo.

Na súa quenda, Xabier Pérez Davila defendeu que as pensións públicas son “totalmente viables” e que “os informes periódicos da CE así o demostran”. Pérez Davila fixo unha análise en cifras e explicou que desde o inicio da crise económica, os traballadores e traballadoras do Estado español perderon ao ano máis de 36.400 millons de euros de salarios. Se a estes lle aplicasemos o tipo de contencións, o sistema público de pensións do Estado español tería uns ingresos adicionais de máis de 10.000 millóns de euros ao ano que serviría para equilibrar o 60% de deficit do sistema. Ademais, apuntou á posilidade que xa se está poñendo en práctica en moitos países, onde as pensións públicas páganse con impostos. Segundo datos de Eurostat, a recadación fiscal do Estado español é inferior en 7 puntos á media da UE dos 28. “A diferencia é incluso moito maior se nos comparamos con Suecia, chegando aos 15 puntos porcentuais menos”, dixo. “Se aquí recadaramos en impostos o mesmo que a media da UE dos 28, o Estado español tería 78.000 millóns de euros máis, é dicir, 4 veces o déficit da Seguridade Social”, argumentou.

Para Pérez Davila, a resposta a por que a CE está apostando por acabar coas pensións públicas e promocionar as privadas é clara. Xa no ano 1994, o Banco Mundial publicou un infome no que propoñia reducir as pensións públicas para deixar espazo para aumentar os fondos privados de capitalización. As cotizacións sociais que fan os traballadores e traballadoras do Estado español superan os cen mil millóns de euros cada ano, cartos que van das nómimas dos traballadores e traballadoras activos aos xubilados. “Eses cartos pasan por diante dos ollos do presidente do BBVA e da presidenta do Santander, por exemplo, sen que poidan tocalos e iso resúltalles insoportable, non poden soportar non facer beneficio con todos eses cartos, e aí está o motivo verdadeiro. A CE quere que en lugar de existir solidariedade entre xeracións de traballadores e traballadoras haxa un negocio para a señora Botín e compañía e equivalentes noutros países”, denunciou.

Así, Lídia Senra, Victoria Portas e Xabier Pérez fixeron un chamamento a tomar este problema como un problema de todos e todas. “A Seguridade Social somos todos e tomas e se queremos ter prestacións públicas de calidade, asistencia sanitaria, servizos, etc, temos que saír á rúa, non só as persoas que son pensionistas ou próximas en idade a selo, senón toda a sociedade”, dixo Victoria Portas. “Non podemos prescindir do sistema público”, reclamou, para asegurar que as pensións máis baixas de todo o Estado español son as galegas. “Sen embargo, a, ministra dinos que son pensións dignas… Non o son!”, exclamou.

En efecto, aportou Xabier Pérez, 1 de cada 4 pensións no Estado español deben ser complementadas porque son mínimas a día de hoxe e na Galiza isto aínda se agudiza máis. O importe medio da pensión en Galiza é de 780 euros, fronte aos 926 euros da media estatal e os 1.090 euros da pensión media en Madrid. Mirando por xéneros, a cuestión aínda é máis grave. A pensión media feminina é moi inferior á masculina, xa que a pensión media de xubilación das mulleres non chega aos dous terzos da dos homes. A femenina é de 790 euros e a masculina de 1.240 euros a nivel estatal.

Non podemos tolerar que unha persoa ao final da súa vida laboral, cando empeza a ser pensionista, se convirta practicamente en pobre e hai moitas persoas ás que lles pasa isto. A sociedade non se pode permitir estes paos que nos están dando desde os gobernos estatais e desde a UE nesta construción neoliberal que non intenta outra cousa máis que concentrar a riqueza cada vez en menos mans e impedir que a maioría das persoas teñan unha vida digan” zanxou Lídia Senra.

Pontevedra, 09 de febreiro de 2018.

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | lidia.senra@europarl.europa.eu. | No facebook e no twitter.

https://ageuropa.gal/

Enviado por:
ensagem
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
9 de fevereiro de 2018 16:02
____

venres, febreiro 09, 2018

Acto en Lembranza de Victoria e Carmelo e de todos o compañeiros que nos deixaron neste camiño de loita contra o despropósito gasista, mais que están no noso pensamento e verán cos nosos ollos o peche de Reganosa, a planta de gas ilegal e perigosa


Acto en Lembraza de Victoria e Carmelo.Sábado 10 de febreiro de 2018, ás 12 do medidía, no Parque de Caranza  "Carmelo Teixeiro".

Un acto en Lembranza de Victoria e Carmelo e de todos o compañeiros que nos deixaron neste camiño de loita contra o despropósito gasista, mais que están con nós e verán cos nosos ollos o peche de Reganosa, a planta de gas ilegal e perigosa que nos ameaza todos os días. Unha planta que instalaron no mesmo corazón da nosa Ría, con corrupción e con complicidade política, institucional e mediática.

Este ano cúmprese o X Aniversario do falecemento de Carmelo Teixeiro Menéndez, primeiro Coordinador deste Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (Febreiro de 2008), e o V da súa compañeira Victoria Fernández Paredes (Novembro de 2013).

Con tal motivo, o CCE convoca, a toda a cidadanía, a celebrar, en lembranza deles, unha ofrenda floral e intervencións poético musicais, que terán lugar o sábado, 10 de Febreiro, ás 12 hs, no Parque Carmelo Teixeiro, de Caranza –Ferrol.

Carmelo e Victoria serán sempre, para todas e todos nos, un exemplo de solidariedade e entrega a todas as causas sociais e sobre todo a loita mantida nos últimos anos en defensa da Ría e da vida, contra a ameaza permanente da Planta de Gas de Reganosa.

Ferrol polo mar e pola vida


https://youtu.be/xFTzfTwFCr0

O documental, Ferrol, polo mar e a vida, céntrase na denuncia da planta de gas de Reganosa e foi premiado cun accesit no Certame 'Video Diversidade' de Ecoloxistas en Acción. | + Info.
--
INMEMORIAM

José Gabeiras - presidente de honra do Comité Cidadán in aeternum (Xaneiro de 2005), Xaime Quessada (Decembro de 2007), Santiago Torrente 'Tito' (Marzo de 2009), Tino Deibe (Maio de 2010), Regino Varela (Xullo de 2014), Ramón Capotillo (Febreiro de 2015), Luís Matalobos (Outubro de 2015), Julio Videira (Xuño de 2016), Joaquín Cupeiro (Decembro de 2016), Julio Pico (Xuño de 2017) e Bernardo Bastida, (Xaneiro de 2018).


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Info baseada na enviada por::
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
8 de fevereiro de 2018 09:28
_______________________

Resposta inadecuada e insuficiente do Goberno Español ao dictame das Nacións Unidas por non garantir unha vivenda alternativa a unha familia desafiuzada - Varias organizacións lamentan a resposta do Goberno Español ante a condena e as recomendacións do organismo internacional


Resposta inadecuada e insuficiente do Goberno Español ao ditame das Nacións Unidas


Varias organizacións lamentan a resposta do Goberno Español ante a condena e as recomendacións de Nacións Unidas por non garantir unha vivenda alternativa a unha familia desafiuzada


Denuncian que a resposta do Estado español ante as recomendaciones emitidas polo Comité DESC (Dereitos Económicos, Sociais e Culturais) de Nacións Unidas, que condenaba a España por vulnerar o dereito á vivenda no caso dunha familia con fillos menores de idade, de 1 e 3 anos, foi inadecuada e insuficiente.

As persoas desafiuzadas habían ter que vivir nun coche durante uns dez días por falta de recursos.


O Comité DESC (Dereitos Económicos, Sociais e Culturais) de Nacións Unidas condenou ao Reino de España en xullo de 2017 por vulnerar o dereito á vivenda ao non garantir o acceso a unha vivenda alternativa a unha familia que, con dous fillos menores de idade, fora desafiuzada; e obrigoulle a presentar unha serie de medidas para complementar as recomendacións do ditame. Con todo, a resposta dada por parte das autoridades españolas a esta condena e ás recomendacións de Nacións Unidas, entre as que se atopan a obrigación de ofrecer unha reparación efectiva ás vítimas, asegurar que a súa lexislación e a súa aplicación son conformes coas obrigacións internacionais en materia de dereito á vivenda e a obrigación de previr violacións similares no futuro, foi absolutamente insuficiente. Así o denuncian hoxe as organizacións asinantes, que insisten en que actualmente o Reino de España atópase nunha crise do dereito á vivenda que está afectando por centos de miles de persoas.

O Estado español estrea así, paradoxicamente, membresía no Consello de Dereitos Humanos para o período 2018-2020, ignorando a súa obrigación de responder de xeito adecuado ao Comité sobre como ía outorgar ás vítimas unha compensación económica polas violacións sufridas, ademais de como ía a reembolsarlles os custos legais razoabelmente incorridos na tramitación desta comunicación.

Con respecto ao caso do ditame do Comité, a única resposta que deu o Estado español foi a de informar achega de que a Axencia de Vivenda Social da Comunidade de Madrid iniciou os trámites para que os afectados poidan presentarse aos procedementos abertos para a adxudicación de vivenda pública protexida. Con todo, a familia afectada, que tralo desaloxo viuse obrigada a vivir nun coche durante uns dez días, por falta de recursos e que actualmente habita xa nunha vivenda adxudicada polo Concello de Madrid, asegura que ningunha autoridade do Estado púxose en contacto con eles, nin sequera para mostrar unha desculpa.

Para as organizacións asinantes a resposta do Estado español ao ditame de Nacións Unidas é insuficiente, como tamén é alarmante o feito de que non inclúa, no escrito enviado ao Comité, como vai establecer garantías de non repetición e como vai previr violacións deste tipo no futuro. Ademais, O Reino de España desoe completamente as recomendacións do Comité en materia de vivenda e tampouco ofrece unha soa medida concreta para cumprir o ditame, senón que simplemente remite a documentos pasados xa presentados ante o Comité e previos en calquera caso ao ditame.

As entidades, que mostran unha vez máis a súa preocupación pola falta de cumprimento do Estado español das súas obrigacións con respecto ao dereito á vivenda, esixen:

- Un incremento orzamentario orientado a aumentar o parque de vivendas sociais de alugueiro co fin de garantir o acceso e o realoxo de persoas sen recursos. Este incremento debe reverter o feito de que durante a crise económica e cando centos de miles de persoas perderon as súas vivendas, o Goberno reduciu desde 2009 o orzamento de vivenda en máis dun 70%.

- Reformas das leis procesais, incluída a Lei de Enxuiciamento Civil, para incrementar as garantías de protección do dereito á vivenda incluíndo o xuízo de proporcionalidade que obrigue aos xuíces a avaliar caso por caso a proporcionalidade e razonabilidade dos desafiuzamentos de vivendas que a xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos xa esixe.

- A adopción de protocolos que melloren a coordinación entre xulgados e servizos sociais orientados a garantir ás persoas sen recursos un aloxamento adecuado alternativo.

- A reforma da Lei de Arrendamentos Urbanos para reforzar os dereitos das persoas arrendatarias e protexer a súa seguridade á tenencia da vivenda.

8 de febreiro de 2008

Máis información

O Reino de España tiña que presentar, no prazo de seis meses desde que o Comité DESC emitiu o seu ditame en xullo de 2017, unha resposta por escrito que incluíse información sobre as medidas tomadas tralo ditame e as recomendacións do Comité.

As organizacións asinantes deste comunicado, Amnistía Internacional, Arquitectura Sen Fronteiras (ASF), Centro de Asesoría e Estudos Sociais (CAES), Federación Europea de Asociacións Nacionais que traballan con Persoas sen fogar - FEANTSA-EANTSA (representada por Cáritas Española), Federación de Asociacións Vecinñais de Barcelona (FAVB), Federación Rexional de Asociacións Veciñais de Madrid (FRAVM), Fundación do Consello Xeral da Avogacía Española, Observatori DESC, Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) e Sindicato de Inquilinos, conformaron un grupo de monitoreo da sociedade civil, orientado ao cumprimento por parte do Estado do ditame.

Enlace web oficial do CAES - Centro de Asesoría e Estudos Sociais:

http://www.caesasociacion.org/

Fonte: Enviado pola PAH.

TODOS OS MARTES (EXCEPTO FESTIVOS) VEMO-NOS EN CARANZA, POLA TARDE, ENTRE AS 17:00 E 19:00 HORAS, NO LOCAL DE FUCO BUXÁN (RÚA ARMADA ESPAÑOLA, Nº 32 BAIXO) ESTAMOS XENTE DE STOP-DESAFIUZAMENTOS DA REDE DE APOIO MUTUO DE FERROLTERRA E DA PAH DE FERROL E COMARCA. SE QUERES PARTICIPAR ACHEGA-TE.



Nin Casas sen Xente, Nin Xente sen Casas !
Contra o abuso bancario !
Polo dereito a unha vivenda digna e adecuada!
Si se Pode !! Saúde e Vivenda Digna !!

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra | Está Adherida ás PAHs (17.03.2013) e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Páxina no facebook:
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol____________

mércores, febreiro 07, 2018

A loita contra a estafa da taxa de depuración continúa - Así foi a mobilización deste mércores 7 de febreiro en Ferrol - Vídeos e recurso para baixar - Por unha taxa xusta, explicada, xustificada e participada


A Plataforma na defensa dos servizos públicos pola remunicipalización, convocou este 7 de febreiro de 2018, unha concentración diante do concello de Ferrol para denunciar o cobro da taxa inxusta, avultada, ilegal e non participada, que o goberno de Jorge Suárez recuperou, unha taxa imposta polo PP no 2014 e agora, posta outra vez en vixencia polo goberno de Ferrol en Común, que aumenta o volume de negocio de EMAFESA, beneficiando á parte privada SOCAMEX.




https://youtu.be/sUVxYtxmO3A

Intervención de Alexandre Carrodeguas.

Veciñas e veciños, hai tres anos estabamos aquí para denunciar unha taxa irregular que pretendía cobrarnos o anterior alcalde Rey Varela.

Hoxe volvemos a estar aquí porque o actual goberno municipal pretende cobrarnos esa mesma taxa, que beneficia unicamente á parte privada de Emafesa.

Unha taxa fraudulenta por estar baseada nun contrato eléctrico onde a potencia contratada é moi superior á necesaria, un contrato que avulta as estimacións de consumo eléctrico e os caudais a depurar.

Agora todos estes incumprimentos xeraron, xunto coa nefasta xestión de Socamex (Parte privada de Emafesa), unha débeda millonaria no servizo de augas e unha depuradora nunha situación irregular, que debería xestionar Augas de Galicia até ser mancomunada.

O único que pretenden é que paguemos as débedas que xeraron a súa incompetencia e nefasta xestión.

Desde o Concello seguen sen contestar a uns 200 recursos de reposición e sen devolver os 800.000 euros cobrados indebidamente.

Desde a Plataforma vimos solicitando ao goberno de Jorge Suárez que elabore unha Taxa de Saneamento e Depuración xusta, explicada, xustificada e participada. A súa resposta foi volver a impoñer a taxa do PP.

Tampouco o Alcalde abriu expediente a Emafesa, nen se informou a Fiscalía, nin se realizou auditoría, por todos os incumprimentos cometidos, tal e como anunciara en 2015, endosando-lle á veciñanza e ao pequeno comercio e hostalaría, o servizo de saneamento e depuración máis caro de todas as cidades galegas.

Ninguén, pode negar a importancia do saneamento e depuración das augas residuais para preservar o medio ambiente e recuperar a nosa Ría. O dereito ao saneamento e á auga, é un dereito humano, non un negocio, por iso reclamamos o retorno da súa xestión a mans públicas.

O Goberno Municipal esta pasando ao cobro, nestes días co recibo de Emafesa, a taxa de depuración, a sabendas de que é unha taxa inxusta e moi elevada, por riba do custe do servizo que se presta. Ferrol é a cidade mais empobrecida e avellentada de Galicia, pero vai pagar as taxas máis elevadas de sumidoiros, saneamento e depuración, das sete cidades galegas.

Desde a Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, cremos que se pode garantir o dereito humano á auga e ao saneamento, sen que se faga a costa de aumentar os negocios espurios das grandes empresas. Unhas grandes empresas que dun xeito opaco, fixan os prezos, os modelos a aplicar, as inversións, dun xeito monopolista e fraudulento.

Contamos con todas e todos vós para continuar con esta loita xusta, nunha cidade moribunda que precisa do alento e a forza de todas e todos nós.
___


https://youtu.be/aiPMdy-Z6AU

Intervención de Lucía Vizoso

Boas tardes !

Desde a Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, queremos informar que temos a disposición de quen queira, as copias dun modelo de Recurso de Reposición. Este recurso elaborado pola Plataforma, é contra o Recibo polo servizo de depuración que Emafesa está pasando ao cobro estes días.

Rematada esta concentración quedaremos membros da Plataforma aquí nos arcos da Casa do Concello, a disposición de quen queira un modelo de recurso e para clarificar calquera dubida que houbera, explicar o recibo, ou outra cousa ao respecto.

Mañá xoves e pasado, venres, estaremos aquí na Praza cunha Mesa Informativa. Integrantes da Plataforma intentaremos asesorar e clarificar calquera dubida ao respecto, tamén teremos copias do noso modelo de Recurso a disposición da veciñanza.

E por último informar que o xoves da semana que ven, 15 de febreiro, desde as 11 e media da mañá estaremos aquí, nesta Praza, para promover unha presentación colectiva do recurso, para animar ao resto da veciñanza a que o presente na defensa dos seus dereitos. Non deixemos que a Estafa continúe, demandemos unha Taxa Xusta, Explicada, Xustificada e Participada.

O 28 de xullo de 2010, a través da Resolución 64/292, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas recoñeceu explicitamente o dereito humano á auga e ao saneamento, reafirmando que unha auga limpa e potábel, e o saneamento, son esenciais para a realización de todos os dereitos humanos. A auga non é un negocio, é por iso que reclamamos a xestión pública do ciclo da auga, unha Emafesa 100% Pública.

Damos por rematada a Concentración e só reiterar que membros da Plataforma quedaremos agora aquí, nos arcos da Casa do Concello, a disposición de quen queira recoller un modelo de recurso e para clarificar calquera dubida que houbera. E o da entrega colectiva de recursos, aquí mesmo, para o xoves da semana que ven, 15 de febreiro, desde as 11 e media da mañá.


https://youtu.be/5SaIU_hRciA

Ao final, falou o compañeiro Fernado Armesto Ramos -lamentamos non dispoñer de vídeo, para poñer énfase nas propostas da Plataforma elevadas ao Alcalde no transcurso de case tres anos de loita.
---

RECURSO DE REPOSICIÓN CONTRA A FACTURA DO SERVIZO DE DEPURACIÓN. | 4 PÁXINAS EN FORMATO PDF. | ACCEDER/BAIXAR.



PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero |  Bernardo Rego | Lupe Ces  |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com | https://plataformaferrol.blogspot.com.es__________