domingo, setembro 09, 2018

A Plataforma consigue as 100 primeiras sinaturas, no comezo da campaña de información á veciñanza sobre o Recibo da Auga (taxas - depuración - emafesa - lecturas estimadas - ordenanzas - regulamento)

Mesa-Info desta mañá do venres 7 de setembro, na Praza da Ilustración, onde ten localizada a sede
a empresa mixta de augas de Ferrol (Emafesa).

Baixo o epígrafe "INFORMACIÓN RECIBO DA AUGA (taxas - depuración-saneamento - emafesa - lecturas estimadas - ordenanzas - regulamento)", a Plataforma comezou unha campaña de información á veciñanza mediante a coilocación de Mesas Informativas polos barrios de Ferrol, ademais de recoller sinaturas para presentar un escrito cunha serie de puntos reivindicativos que se lle solicitan ao Concello.

Esta mañá do venres 7 de setembro, comezou a campaña na Praza da Ilustración, onde ten localizada a sede a empresa mixta de augas de Ferrol (Emafesa). A Plataforma conseguiu hoxe as 100 primeiras sinaturas e informado a un número importante de persoas que se interesaron pola acción.

Calendario da primeira volta de Mesas-Info nos barrios de Ferrol:

✅ Venres día 7 de setembro, ás 10:30hs na Praza da Ilustración, nas inmediacións de Emafesa.

✅ Luns día 10, às 10:30hs na Praza Amada Garcia, diante do Edificio da Xunta de Galicia.

✅  Martes día 11, às 10:30hs no Mercado de Caranza.

✅  Mércores día 12, às 10:30hs en Canido, esquina rúa Alegre con rúa Doutor Sixto Seco (Praza da Antiga Fenya).

✅  Xoves día 13, às 17:30hs no Inferniño, na cabeceira da Praza, nas inmediacións da Travesía do inferniño.

✅  Venres día 14, às 11:00hs na Praza de Armas, diante da Casa do Concello.

O escrito dirixido ao Concello e que está a disposición da veciñanza para asinar é o que segue:

Á atención do Sr. Alcalde Presidente do Concello de Ferrol

Ás persoas abaixo asinantes, todas veciñas de Ferrol, ante a carta remitida pola empresa EMAFESA e as distintas irregularidades que se seguen cometendo en relación ao servizo de auga, depuración e saneamento,

SOLICITAN

1º Que abra un expediente administrativo á empresa mixta de augas pola mala práctica de emitir masivamente facturas por lecturas estimadas (non reais), polo consumo de auga, moi por riba do permitido na normativa en vigor, presuntamente para financiarse dun xeito irregular.

2º Que non aplique o cobro da taxa de depuración con efecto retroactivo, pois non é conforme ao aprobado no Pleno de 15 de novembro de 2017. E menos, unha taxa que se recoñece inxusta e avultada por todos os grupos municipais e os informes de EUDITA e OTIMA, que debe ser re-calculada dun xeito explicado, participado e transparente. Como tamén debe ser revisada e adaptada a taxa de saneamento aos custos reais, moito menos que os 1,8 millóns que pagamos.

3º Que se devolvan os 800.000 euros cobrados indebidamente en 2015, durante o goberno de J. M. Rey Varela, por un servizo de depuración que non se realizaba.

4º Que se realice dunha vez, a tantas veces anunciada auditoría integral sobre a xestión da empresa EMAFESA.

5º Que se devolvan as infraestruturas do sistema de depuración a Augas de Galicia, mentres non podan ser asumidas por un ente supramunicipal, onde entre o concello de Narón.

Agardando unha resposta positiva que ampare á cidadanía de Ferrol ante estes abusos, asinan este escrito en Ferrol, no mes de setembro de 2018.

(Seguen as Sinaturas).

Documentos anexos:

Modelo de impreso para recoller sinaturas. | Acceder/Baixar.

Modelo de cartaz para as convocatorias, | Acceder/Baixar.

Folla Informativa. | Acceder/Baixar.

Comparecencia da Plataforma na Solicitude de apertura de expediente administrativo a Emafesa por presuntas irregularidades na facturación con lecturas estimadas irregulares. | Rexistrado o 27 de xuño de 2018 | Acceder/Baixar.
--
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com |  https://plataformaferrol.blogspot.com.es/

#Emafesa
---

sábado, setembro 08, 2018

Ártabra 21 #DefendeAGalega, cos traballadores e traballadoras dos medios públicos galegos, neste #SábadoNegroCRTVG, apoiando a histórica manifestación desta mañá, sábado 8 de setembro, @poladignidade dos medios públicos


Os traballadores e traballadoras dos medios públicos galegos levan meses de loita contra a manipulación informativa, perante semanas os #venresnegros foron un mar de solidariedade e reivindicación na defensa da TVG e a Radio Galega.

Este sábado, en Compostela, no #SábadoNegroCRTVG. sairá a histórica marcha @poladignidade dos medios públicos, ás 10:30hs desde San Marcos, mais calquera punto do percorrido (#EuVouÁMani), é bo para incorporar-se. Nun momento do transcurso da loita as traballadora e traballadores da RTVE na Galiza, decidiron incorporar-se a estas mobilizacións, polo que a marcha terá dous lugares de saída inicial. Un punto de encontro será ás 11.30hs no Cruze de San Pedro, ás 12 do mediodía na Praza 8 de Marzo, rematando ás 12:00hs, na Praza de Praterías.

@DefendeAGalega 

Ártabra 21   #DefendeAGalega, cos traballadores e traballadoras dos medios públicos galegos, neste #SábadoNegroCRTVG, apoiando a histórica manifestación desta mañá, sábado 8 de setembro, @poladignidade dos medios públicos.

Hai razóns, 16 semanas de loita...

✅Para que cesen as represalias contra as traballadoras.
✅Para garantir a información de proximidade.
✅Por unha CRTVG e CRTVE da que todas e todos nos sintamos orgullosas.
✅Contra os recortes de persoal, de orzamentos e salariais.
✅Para acabar coa precarización do emprego.
✅Pola creación do Consello de Informativos e do Estatuto Profesional da CRTVG.
✅Por un traballo de calidade e sen homes ou mulleres orquestra.
✅Para erradicar a manipulación na CRTVG e CRTVE.
✅Para que os cambios cheguen a todos os centros de RTVE.
✅Para recuperar os programas de produción propia e os contidos de servizo público.

Contacto:

venresnegrocrtvg@gmail.com
________________

sábado, setembro 01, 2018

A Plataforma denuncia o financiamento irregular de Emafesa a conta da veciñanza de Ferrol - A mediados deste mes que remata, a empresa mixta de augas de Ferrrol, comezou a remitir cartas a todos os fogares anunciando o cobro dunha nova factura de depuración, dun período anterior ao levantamento da suspensión da taxa que foi en 15 de novembro do pasado ano - Ademais da aplicación abusiva e irregular, de facturas por consumo estimado moi avultado que se están facendo masivamente, contra o que dispón as ordenanzas e o propio Regulamento de Augas


A Plataforma denuncia o financiamento irregular de EMAFESA a conta da veciñanza de Ferrol

A mediados deste mes que remata, a empresa mixta de augas de Ferrrol (Emafesa), comezou a remitir cartas a todos os fogares anunciando o cobro dunha nova factura de depuración, dun período anterior ao levantamento da suspensión da taxa que foi en 15 de novembro do pasado ano. Unha media aproximada de 45 euros por fogar (máis de 1,5 millóns de euros), que se xunta á aplicación abusiva e irregular, de facturas por consumo estimado moi avultado que se están facendo masivamente, contra o que dispón as ordenanzas e o propio Regulamento de Augas. A empresa mixta de augas esta-se financiando a consta da veciñanza, tapando os furados do mal goberno e da pésima xestión privada do servizo por parte de Socamex, que só mira polos seus intereses particulares.

Unha vez máis temos que chamar a atención do abuso continuado que Emafesa practica coa anuencia e complicidade do goberno municipal actual. Lonxe de facer o prometido no seu programa electoral e de goberno, chega até permitir que a empresa mixta estea procedendo ao cobro dunha taxa avultada e devengada até cando aínda non estaba levantada a suspensión da mesma. Pois o acordado no Pleno Extraordinario do 15 de novembro foi o levantamento da suspensión con efectos só dese mesmo día e a efectos de validez e eficacia do carácter retroactivo do levantamento da suspensión virían determinados polo contido do ditame do Consello Consultivo o cal non se pronunciou, por considerar non ser da súa competencia [1]. Mais a maiores, hai xurisprudencia que anula as disposicións que pretenden o cobro retroactivo de taxas. Ademais de que o “marco legal“ (Convenio de Colaboración entre Concello e Augas de Galicia) que alega o goberno municipal para a presencia de Emafesa na depuradora, foi asinado con posterioridade, catro meses despois do inicio do período que se vai cobrar, o 1 de agosto de 2017 e publicado o seu anuncio, no BOP unha semana despois.

É incongruente e inxusto, pasar ao cobro de xeito retroactivo unha taxa de forma irregular, cando non se ten feita a mil veces anunciada devolución dos 800 mil euros cobrados indebidamente á veciñanza en xaneiro de 2015, por un servizo que non se prestaba, como así o di de forma expresa o artigo 26.3 da Lei de Facendas Locais RDL 2/2004, de 5 de marzo, no artigo 12 Devolución, da Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos e nos artigos 32 e 220 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria que din que hai que devolver a taxa devengada cando non se presta o servizo.

O goberno municipal é consciente de que a taxa actual aplicada por Emafesa está avultada e malia que anunciou a modificación da Ordenanza Municipal, fai case 10 meses, aínda non o fixo, mentres a veciñanza seguimos pagando unha taxa inxusta. Existen dous estudos de terceiras partes que así o demostra (EUDITA e OTIMA). Ademais este extremo foi confirmado polo Concello de Narón, polo que este non está procedendo ao pago do servizo.

Poderíamos seguir enumerando a cantidade de irregularidades, de compromisos incumpridos, de lexislación vulnerada, de inxustizas, de enganos e incongruencias, mais a estas alturas, está case todo dito, mais queremos facer hoxe mención a tres asuntos que nos preocupan:

- O Concello e Emafesa están procedendo a cobrar por lecturas estimadas fixas bimensuais de 20 m3, a veciñas e veciños das vivendas de Recemil e San Pablo independentemente do número de persoas que habitan nelas. Cando unha persoa soa consume menos de 9 m3. Esta situación fíxose moi gravosa para aquelas persoas que viven soas e con pensións baixas e sobre todo ao ser incrementadas pola aplicación da taxa de depuración. 

- A inacción e silencio das asociacións veciñais no asunto da taxa de saneamento e depuración, ante o aumento da carga impositiva que significa para a veciñanza e a inxustiza da situación.

- Para rematar non queremos deixar de citar a ilegalidade producida no último pleno municipal ao aprobar as contas de EMAFESA, do 2014 e 2015, coa axuda dos votos e abstención do PP, sen facer a correspondente auditoría integral que tantas veces foi anunciada por este goberno municipal.

O goberno do actual alcalde de Ferrol Jorge Suárez, continua coa fraude na súa política de saneamento e depuración, comezada polo seu predecesor, José Manuel Rey Varela, na primavera de 2014, onde se impuxo unha taxa avultada e inxusta, taxa que continua en vigor, a pesar de tantas veces anunciado o seu cambio, e agora se lle aplica tamén con efectos retroactivos a toda a veciñanza, facendo caso omiso ao acordado no Pleno Extraordinario do 15 de novembro de 2017.

Non só temos que soportar prezos abusivos e en constante crecemento das grandes corporacións do gas e a electricidade, senón que agora tamén o recibo da auga por mor do mal goberno de Ferrol en Común que estaba chamado a ser o motor do cambio e acabou convertido no valedor das políticas do Partido Popular no Concello en materia de auga, depuración e saneamento.

En Ferrol, a 31 de agosto, de 2018

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN

Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!

Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero | Bernardo Rego | Lupe Ces

remunicipalizacion.plataforma@
https://plataformaferrol.blogspot.com

Nota.-

[1] Detalle da Acta do Pleno Extraordinario celebrado o 15 de Novembro de 2017.

Tendo en conta os informes emitidos polo xefe da área, o interventor e o secretario, en virtude do sinalado propónselle a adopción dos seguintes acordos plenarios:

Primeiro.- Declarar finalizada a suspensión da aplicación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola depuración de augas residuais publicada no BOE de data 3 de setembro do ano 2014.

Segundo. - O cesamento da suspensión vén determinado polo cumprimento do feito impoñible da taxa, polo que ten efectos 3 de abril do presente exercicio, nos termos indicados na parte expositiva, reiniciando dende dita data a emision das liquidacións correspondentes, e co arquivo do expediente de derogación.”

Previa deliberación, a Corporación, en votación ordinaria e por maioría de sete votos a favor, correspondentes ós sres./as. membros do grupo Ferrol en Común e as sras. Fernández Lemos e Méndez Fonte, fronte a seis votos en contra, correspondentes ós sres./as. membros dos grupos Socialista, Bloque Nacionalista Galego e a sra. Leira Penabad e doce abstencións, correspondentes ós sres./as. membros dos grupos Popular e Ciudadanos, acordou aprobar a emenda proposta pola voceira do grupo Popular que textualmente di:

“Primeiro.- Declarar finalizada a suspensión da aplicación da Ordenanza Fiscal reguladora da taxa pola depuración de augas residuais, publicada no BOP de data 3 setembro de 2014, con efectos de data de hoxe.

Segundo.- Os efectos de validez e eficacia do carácter retroactivo do levantamento da suspensión na aplicación da Ordenanza Fiscal virán determinados polo contido do ditame do Consello Consultivo para garantir a legalidade da proposta para salvagardar as responsabilidades económicas e patrimoniais do concello e para garantir a viabilidade da empresa municipal coa súa saída da situación de potencial causa de disolución.

E, terceiro, manifestar o compromiso de proceder de xeito inminente ó inicio dos trámites necesarios para a modificación da taxa de depuración de augas residuais.

Fonte da nota: Acta do Pleno Extraordinario. | 15.11.2017
---

domingo, agosto 26, 2018

Apoiemos a 'Sermos O Diario Galego' - Sermos Galiza reforza a aposta por un diario galego para 2019 - En novembro de 2017 Sermos Galiza S.A. fixo pública a intención de lanzar un diario en papel en 2019, sustentado a súa viabilidade en lograr 3.000 subscricións. Aquela aposta permanece viva e contarmos en 2019 cun diario en papel é un obxectivo posíbel - Mais aínda o obxectivo de 3.000 subscritoras non foi acadado


En novembro de 2017 Sermos Galiza S.A. fixo pública a intención de lanzar un diario en papel en 2019, sustentado a súa viabilidade en lograr 3.000 subscricións. Aquela aposta permanece viva e contarmos en 2019 cun diario en papel é un obxectivo posíbel.


Co resultado do traballo desenvolto desde aquela e coa certeza de lograrmos o obxectivo marcado, Sermos Galiza S.A. fai un chamamento a apoiar este proxecto en base ás seguintes consideracións:

1º) Sermos Galiza S.A. presentou en xaneiro deste ano a proposta de editarmos un Diario Galego. A mesma produciuse despois dunha ampla recollida de ideas e suxestións no marco da celebración do V aniversario –en 2017– da posta en marcha do semanario “Sermos Galiza” e do dixital www.sermosgaliza.gal e contou coas inestimábeis achegas do Grupo Impulsor do Diario Galego, que ficou conformado por un amplo e representativo abano da sociedade galega con 178 persoas.

2º) A proposta atopou un xeneroso acollemento na base de subscritoras e subscritores do semanario “Sermos Galiza” así como noutros públicos aos que fomos quen de chegar por medio da organización de 50 presentacións públicas e tamén de campañas de difusión nas redes sociais. No contacto directo coas persoas que se achegaron a escoitar as liñas básicas deste proxecto que denominamos “Sermos O Diario Galego” establecemos un diálogo enriquecedor onde se agrandou e mellorou a perspectiva que un medio de comunicación alternativo e galego debe ter presente. Este laborioso traballo non tería sido posíbel sen a participación de ducias de entidades sociais e de persoas a título particular que se implicaron na promoción destes actos públicos e aos que lles expresamos a nosa gratitude e recoñecemento.

3º) As enerxías despregadas por todo o núcleo de persoas relacionadas directa ou indirectamente con Sermos Galiza S.A. (accionistas, subscritoras, lectoras, xornalistas e membros do Consello de Administración) foron moitas, mais foron insuficientes. Sabemos que hai moito público que non coñece aínda o proxectoSermos O Diario Galego” que busca a edición dun diario en papel cinco días á semana e un diario dixital de actualización permanente. Un proxecto que precisa diálogo e contraste de opinións para ter unha base sólida, sustentado nas subscritoras e nos subscritores, sen dependencia das axudas públicas –discrecionais na súa inmensa maioría– e tamén sen submisións aos grandes patrocinadores publicitarios de carácter privado que xeran fidelidades na redacción das novas moitas veces incompatíbeis coa defensa dos intereses das galegas e dos galegos.

4º) O resultado da campaña de subscricións a trinta e un de xullo e que se puxo en marcha –fundamentalmente no segundo trimestre deste ano– é de 1.515 persoas con todos os datos correctamente recollidos. A data do trinta e un de xullo foi determinada pola empresa para ponderar como ía a marcha do proxecto e sabermos se podía ser verificábel en 2019 pois o Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. sempre tivo presente que a campaña de subscricións debía comezar e rematar no mesmo ano, isto é, en 2018, para non xerar falsas expectativas que puidesen pór en risco a credibilidade do xa existente, isto é, o semanario Sermos Galiza e o diario en liña www.sermosgaliza.gal.

5º) A cifra de apoios recadados para a subscrición está –a trinta e un de xullo– no 50% do obxectivo que ciframos como necesario para garantir a viabilidade económica e a calidade xornalística do proxectoSermos O Diario Galego”. O resultado fica para aquén das posibilidades que a sociedade galega ten. Afirmámolo despois do contraste feito con todas as persoas que se achegaron aos actos ou coñeceron polas redes sociais o proxecto, e que demandaban da empresa promotora máis tempo para conectar con quen aínda non o coñecía, maiores enerxías na divulgación e socialización do mesmo e confianza en nós mesmos como pobo que é quen de pór en marcha unha voz galega independente e plural no panorama mediático.

6º) Tendo presentes todos os datos e as consideracións anteriores o Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. constatou o que xa intuía no momento da partida: que o obxectivo das 3.000 subscricións é difícil mais é posíbel acadalo en 2018. É así que acordou retomar a campaña de subscricións e desenvolvela até o 31 decembro mais facelo de xeito improrrogábel. Se non se lograr ese obxectivo continuaremos editando –iso si, con melloras substanciais– os medios que temos (semanario “Sermos Galiza” e dixital www.sermosgaliza.gal). De lograrmos esa cifra mínima de subscricións Sermos O Diario Galego sairá no segundo semestre de 2019. Lembramos que non se pasará a cobro ningún recibo até termos garantidas esas 3.000 subscricións.

7º) Sermos Galiza S.A., a través da súa actual base de accionistas, subscritoras, persoas lectoras e entidades sociais, esforzarase –dentro das súas posibilidades materiais– en mellorar a campaña de contacto e difusión do proxecto “Sermos O Diario Galego” na sociedade galega. Entre outras iniciativas publicarase un número cero de “Sermos O Diario Galego” para termos –aínda que só sexa como aproximación– unha idea estética e de contidos do proxecto. Non desaproveitaremos a posibilidade de que un medio de comunicación de calidade, crítico e en lingua galega se faga cun espazo propio no panorama mediático actual, tendo unha clara vocación galeguizadora. Agardamos contar co teu apoio facéndote asinante.

Sermos: "O Diario Galego".
https://www.odiariogalego.gal/

facebook | twitter
_____________

Participación cidadá, ... Por Amadeo Varela - No concello de Ferrol houbo hai anos un importante movemento social pola participación cidadá e que, despois de moito traballo, conseguiu artellar un regulamento...


Por Amadeo varela [*]
26 de Agosto


No concello de Ferrol houbo hai anos un importante movemento social pola participación cidadá e que, despois de moito traballo, conseguiu artellar un regulamento que foi aprobado nun pleno. A vixencia dese regulamento durou o que tardaron as eleccións en poñer no goberno outro Partido Político pouco partidario dese aspecto da Democracia. O resultado foi que, mentres uns lle deron vida á participación, os seguintes encargáronse de matala e enterrala; e os de agora, non parecen interesados en resucitala. En realidade, na nosa cidade a xente está demasiado afeita a que lle dean todo “sachado e mondado”, e por iso, son “os mesmos de sempre” os que saen en defensa das liberdades e na denuncia dos abusos e trapalladas. O malo é que, os problemas son tantos que “os mesmos” non dan feito e non se albisca por ningures a posibilidade dun relevo. Os que teñen o poder sábeno e non lles interesa apoiar a participación, nin sequera nas AA. veciñais. E así nos vai.

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
_______________

Posición da asemblea de afectadas pola senda peonil e ciclista d'O Val tras a visita de técnicos da Xunta - Nota de Eliximos Narón Electores (ENE)


Posición da asemblea de afectados pola senda peonil e ciclista de O Val tras a visita de técnicos da Xunta.

Celebrada este sábado día 25 unha asemblea, para tratar sobre a visita dos técnicos de Xunta polas casas dos afectados, chegouse as seguintes conclusións:

1. Tanto os veciños como os técnicos da Xunta foron vítimas dunha basta manipulación por parte dos concelleiros do tripartito, aos primeiros dicíndolles que ían modificar o proxecto e incluso que xa non lles ían a expropiar e tirar os peches, pedíndolles que cando pasasen os técnicos da Xunta para volver marcar, que non se preocupasen e que lles deixasen facer o seu traballo; mentres que aos segundos dixéronlles que os veciños xa estaban de acordo co proxecto. Pouco tardou en destaparse as mentiras porque os técnicos xa dixeron que o proxecto non mudara e os veciños que non estaban de acordo con el.

2. O concelleiro de obras, Pablo Mauriz, presente en boa parte da visita dos técnicos dedicouse a negar as súas anteriores palabras chegando a insinuar que os veciños mentían, e chamando á Garda Civil, sen ningún motivo, cando un grupo de veciños se acercaron a interesarse polo que estaba a acontecer. Actitudes que a asemblea rexeita como indignas dun concelleiro que tiña que estar a dialogar e a mirar polos intereses dos naroneses.

3. O diálogo co Goberno de Narón descubriuse como algo estéril e inútil.

Como consecuencia, adoptáronse algúns acordos para este próximo mes de setembro:

a) Establecer un calendario de concentracións e manifestacións (aínda por concretar) que terán lugar este mes de setembro comezando por unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta na praza de España de Ferrol.

b) Asistir aos próximos plenos para rexeitar as actuacións do Goberno neste tema e pedir as dimisións dalgúns concelleiros polas súas actuacións, ou pola falta dela noutros casos.

c) Rexeitar calquera diálogo tanto a nivel persoal como colectivo en canto non se presente un proxecto modificado da obra.

O Val, a 25 de Agosto, de 2018

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)

673141822 - eliximos@gmail.com

Narón, moito  por facer
...fagámolo, xuntos podemos.

Web:
http://eliximos.es/

twitter:
https://twitter.com/eliximosnaron


facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/


Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
26 de agosto de 2018 11:55

____________

sábado, agosto 25, 2018

Comezaron as Festas de Ferrol do 24 ao 31 de agosto cun progrma, amplo, completo, variado, pensando en todos e para todos con actividades para os mais cativos desde o Festilingua en distintos barrios da nosa cidade, deporte coa Carreira Nocturna e a Travesía Abelardo López, ademais do Trofeo Concepción Arenal entre outras, e música, moita música

Onte á tarde noite arrancaron as Festas do Verán 2018, as Festas da nosa cidade do 24 ao 31 de agosto cun progrma, amplo, completo, variado, pensando en todos e para todos con actividades para os mais cativos desde o Festilingua en distintos barrios da nosa cidade, deporte coa Carreira Nocturna e a Travesía Abelardo López, ademais do Trofeo Concepción Arenal entre outras, e música, moita música.

O punto de arranque das festas foi o concerto da cantante e compositora Rosana onte venres 24, ás 22:30 horas, na Praza de España. Media hora antes, o imprescindible pregón deste ano que foi por conta dunha entidade social do tecido da nosa comarca e que nos fai especial ilusión, porque é un recoñecemento público o traballo xordo de moitas entidades que fan da nosa cidade un lugar mellor: Teima Down.

Os concertos de balde das nosas Festas 2018 seguen no mesmo escenario da Praza de España o sábado 25 as 22:30 horas coa mítica banda de rock The Waterboys.

O domingo 26, ás 22:30 horas, trasladámonos á Praza de Amboage para desfrutar do artista galego Xoel López.

O mércores 28 neste mesmo escenario e hora, quenda para o artista Kiko Veneno, Medalla de Oro ao Mérito nas Belas Artes en 2010.

O cantante Coque Malla será o encargado de pechar os grandes concertos na Praza de Amboage en torno ás 23:45 horas, tras os fogos artificiais, o venres 31. Mentres, festival de Rondallas e Festival de Müsica Folk no parque Raíña Sofía, así como a Festa de presentación do Pantín Classic o luns 27 as 21:00 horas.

Consulta o programa para non perder detalle. Aquí van outras propostas deportivas e outras tantas para a xente miúda.

A programación da semana grande inclúe tamén a Carreira Nocturna (sábado 25, 20:00 h.); a Travesía a Nado (domingo 26, 16:00 h.); o Festival de Rondallas, coa actuación de Añoranzas, Sonidos del Alba, Club de Campo, Bohemios (luns 27, 20:30 h., Parque Raíña Sofía,); festa presentación do Pantín Classic (luns 27, 21:00, Parque Raíña Sofía); o Festival Fok, coa presenza de Os de Abaixo, Tanxugueiras e os Gaiteiros de Lisboa (martes 28, Praza de Amboage) e o Trofeo Concepción Arenal (martes día 28, horario por determinar).

O público infantil terá a súa propia programación, encadrada dentro do Festilingua 2018, durante as festas de Ferrol.

Un total de cinco actuacións de primeiro nivel situarán a nosa cidade á vangarda de Galicia en canto a calidade. Detállanse a continuación os diferentes espectáculos que terán lugar o 22 ao 30 de agosto:

· “GHOP!”, Teatro ó Cublo. Mércores 22 de agosto, 19:30 h. Praza de Rosalía de Castro.

· “Cancións para desafinar”, A Gramola Gominola. Luns 27 de agosto, 12:00 h. Praza de Amboage

· “Bon apettit”, de Ghazafellos. Martes 28 de agosto, 19:30 h. Praza de Ultramar

· “Coas miñas mans”, Pablo Díaz. Mércores 29 de agosto, 12:00 h. Praza de Amboage.

· “A fiestra dos soños”, Trotaventos. Xoves 30 de agosto, 20:00 h. Praza de Amboage.

#FestasFerrol

#Ferrol

Fonte: Web municipal.
https://www.ferrol.gal/
________________

Eliximos Narón Electores (ENE) presenta as conclusións da reunión dalgúns veciños coa Deputación e Concello polas obras da estrada de O Trece - Crítica de Eliximos ao goberno municipal: 'A tensión crece en O Val polas manipulacións do Tripartito'


Conclusións da reunión dalgúns veciños coa Deputación e Concello polas obras da estrada de O Trece.

Este xoves 23 de agosto un grupo de veciños afectados pola estrada de O Trece asistiron a unha reunión convocada dende o Concello en colaboración coa Deputación para explicar o Modificado 2º ás obras de ampliación e mellora da estrada.

Para esta reunión, que inicialmente pretendían facer contando só coa presenza da directiva da A.VV., o Concello puxo condicións como que o grupo de veciños fose reducido (sendo 11 veciños) e que se celebrase en dependencias da alcaldía, en horario de mañá dun día laborable. Evidentemente, con estas condicións, xa se entendía que non se trataba de escoitar aos veciños senón de volver dar unha imaxe pública dun suposto achegamento e participación dos veciños, á vez que vender por bo o Modificado.

Foi unha reunión selectiva por parte do Sr. Fojo, alcalde en funcións, que non dos membros da Deputación como eles manifestaron, na que non se admitiu a presenza do concelleiro de  Eliximos, que asistía en representación dalgúns veciños que así llo pediron por non ter posibilidade de asistir e por non ter representación na mesma nin ser socios da A. VV.

As explicacións chegan tarde, unha vez pasado o período de alegacións a devandito modificado, a pesar de que foi solicitada desde principios de mes pola Asociación de Veciños, ao que hai que sumar que tampouco se facilitou copia do proxecto, nin sequera no día de hoxe e a pesar de ser solicitadas por rexistro tanto pola A. VV como por Eliximos, para que os veciños puidesen ver o Modificado sen ter que desprazarse a Coruña, todo iso a pesar de que técnicos e persoal da Deputación desprázanse case a diario á obra.

A anterior reunión o asesor técnico da Deputación e concelleiro do PSOE Pablo Couto, en compañía de concelleiros do Tripartito, terminou sendo un caos. Caos consentido polos convocantes (Deputación e Concello) porque en realidade non lles interesaba escoitar aos veciños (que xa comunicaran publicamente e por rexistro á Deputación as súas demandas) senón que viñan cumprir co seu interese de dar unha imaxe pública de achegamento aos veciños e a vender promesas que acalasen as reclamacións veciñais, por exemplo, a promesa de construír algúns tramos de cuneta accesibles nas zonas de maior concentración de casas, promesa que se traduciu nunha cuneta totalmente inaccesible, aínda que menos profunda e perigosa que no resto do trazado.

Nestas datas, tras o labor informativo de  Eliximos, xa os veciños coñecían en esencia o Modificado e presentaron as súas alegacións en tempo e forma (o pasado martes, día en que expiraba o prazo de reclamacións), polo que xorde a pregunta de cal é a misión desta reunión. A conclusión que obtivemos é que viñeron a contarnos unha nova película, con promesas que se saen do guión do proxecto, pois din (de palabra) que van executar máis accesos que os recolleitos no Modificado, algo evidente ilegal, o que se suma ao resto de afirmacións ata agora incumpridas e que xa non convencen aos veciños.

Tamén se desprende da reunión que o Goberno de Narón actúa de comparsa da Deputación e que non tivo ningunha iniciativa para defender as reclamacións veciñais, que non son máis que dereitos recolleitos e recoñecidos pola lexislación autonómica e nacional, todo iso en aras dunha suposta e mal entendida lealdade institucional, aínda que en realidade non é outra cousa máis que covardía, a covardía duns políticos que foxen de batallas xustas para o seu pobo e que só lles preocupa manter o seu asento nas próximas eleccións.

A tensión crece en O Val polas manipulacións do Tripartito.


Estamos a asistir a un novo espectáculo do Tripartito que se dedicou nestas semanas pasadas a ir polas casas dalgúns dos veciños directamente afectados polo trazado da senda peonil e ciclista de O Val. Ata tres concelleiros xuntáronse algúns días para dicirlles que xa non lles ían a expropiar e tirar os peches, que ían pasar os técnicos da Xunta para volver marcar, que non se preocupasen e que lles deixasen facer o seu traballo.

O que parecía unha boa nova agora descóbrese como un novo engano pois algúns traballadores pasaron onte marcando as mesmas expropiacións que antes, mentres que os técnicos da Xunta pasaban hoxe dicíndolles que non cambiara nada e que seguía sendo o mesmo proxecto.

A tensión foi moi alta porque un dos concelleiros, que pasaran dicindo que ían librar os peches, hoxe viña cos técnicos da Xunta dicindo o contrario e negando as súas palabras, o cal indignaba aos veciños que sentían estafados e manipulados.

Posiblemente a cousa non foi a máis porque “de forma misteriosa” presentáronse no lugar dúas patrullas da Garda Civil.

Manipulacións e mentiras de covardes que se esconden detrás da Garda Civil e dos funcionarios.

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)

Narón, moito  por facer
...fagámolo, xuntos podemos.

facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/
Web:
http://eliximos.esy.es/http://eliximos.esy.es/

Foto de José Pardo. | 14 de xullo de 2018.

Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
23 de agosto de 2018 16:22

23 de agosto de 2018 18:34
__________

A eurodeputada galega Lídia Senra e a parlamentaria autonómica Paula Vázquez Verao exixen que a Xunta protexa o castro de Chavaga e impida pór eucaliptos en zonas queimadas - As deputadas presentaron hoxe en Monforte as iniciativas rexistradas no Parlamento Europeo e no Galego e as denuncias feitas ante a Xunta


Senra e Verao exixen que a Xunta protexa o castro de Chavaga e impida pór eucaliptos en zonas queimadas. | As deputadas presentaron hoxe en Monforte as iniciativas rexistradas no Parlamento Europeo e no Galego e as denuncias feitas ante a Xunta. | Aseguran que permitir plantar este tipo de especies no Distrito Forestal VIII é actuar de forma irresponsable e alimentar os lumes do futuro.


A eurodeputada galega Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), e a deputada de En Marea no Parlamento Galego, Paula Verao, exixiron este xoves que a Xunta de Galicia actúe de forma responsable e cumpra a súa propia normativa en materia de protección do patrimonio cultural e natural. “Permitir que se dane o castro de Chavaga cos traballos de retirada da madeira queimada durante os lumes do pasado outono e permitir plantar eucaliptos como se está facendo noutras zonas da parroquia que forman parte do Distrito Forestal VIII, que comprende o sur da provincia de Lugo, e sobre terreos que xa foron queimados, é alimentar os lumes do futuro”, advertiu Senra durante a rolda de prensa ofrecida con Paula Vázquez Verao esta mañá en Monforte de Lemos.

Durante a comparecencia ante a prensa, ambas as deputadas deron conta das iniciativas rexistradas tanto no Parlamento Galego, como no Parlamento Europeo, e ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Dirección Xeral de Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, referidas a estes asuntos, e resultantes dunha visita que ambas as dúas realizaron a Chavaga hai unhas semanas[1]. “Son cuestións preocupantes para o futuro do país e a nivel medioambiental e de afectación para as persoas que viven na comarca de Monforte porque deixar plantar eucaliptos pode traer máis lumes no futuro”, recalcou Senra, quen criticou duramente ao Goberno galego por “ternos acostumadas a mirar para outro lado e permitir actuacións que poden danar o patrimonio e ter consecuencias graves”.

Así, Senra lembrou como o 2018 está declarado como o Ano Europeo do Patrimonio Cultural e fixo un chamamento a poñer en valor todo este patrimonio e a divulgalo e sensibilizar á poboación sobre estes bens. “En Chavaga hai un castro e non se pode permitir calquera tipo de actuación que poida danar o xacemento arqueolóxico como está a pasar despois de ter aberto vías de acceso que poideron danar a súa contorna para retirar a madeira queimada”, dixo.

No mesmo sentido, Paula Vázquez Verao lembrou que a Xunta ten competencias en materia de conservación do patrimonio e amosou a súa preocupación ante unha problemática que “afecta a toda a provincia lucense, xa que case todos os días vemos destrución do patrimonio na provincia, sendo unha constante a situación de desprotección do patrimonio galego. A Administración debe velar porque se conserven os xacementos arqueolóxicos, non mirar para outro lado”, dixo. A deputada no Parlamento Galego tamén lembrou que a propia Xunta determinou no seu día que non se deben plantar eucaliptos no Distrito Forestal VIII. “Que vai facer para promover plantacións sostibles nesta zona e evitar os eucaliptos como ela mesma ditou e que sen embargo non se está a cumprir?”, pregunta Verao. Así mesmo, “pedimos que a Xunta, conforme á súa lei, nos diga se estaban concedidos os permisos pertinentes para actuar no castro de Chavaga e se eses traballos de retirada da madeira afectaron á zona. Entendemos que pode ser, porque hai movementos de terras. Sendo un castro dunha importancia histórica constatada, pedimos tamén que a Xunta aprobe fondos para estudar a contorna, divulgala e protexela”, engadiu.

En concreto, Lídia Senra rexistrou xa unha pregunta escrita á Comisión Europea denunciando a situación do castro de Chavaga, e tamén un remitiu un escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia sobre esta situación. Igualmente, remitiu un escrito á Dirección Xeral de Ordenación Forestal da Xunta de Galicia. E na mesma liña, Paula Vázquez Verao rexistrou unha pregunta para resposta escrita no Parlamento Galego sobre o castro de Chavaga e o grupo parlamentario galego En Marea unha Proposición Non de Lei tamén sobre o castro, e tamén outra pregunta para resposta escrita sobre o Distrito Forestal VIII e a plantación de eucaliptos.

Os últimos datos recoñecidos pola Xunta, que son do 2016, tomados pola comisión do novo Plan Forestal como referencia, indican que temos 330.000 hectáreas puras de eucalipto e outras 160.000 hectáreas de eucalipto mixturado. En total, poderiamos estar falando de 490.000 hectáreas con eucaliptos na Galiza. O dato é máis que preocupante se temos en conta que a previsión do Plan Forestal da Xunta elaborado no ano 1992 era dun máximo de 245.000 hectáreas para o ano 2032, cifra máis que superada xa na actualidade. “Nós cremos que a propia Xunta de Galicia está mirando para outro lado e permitindo que se contraveñan as súas propias normativas, en concreto os artigos 74 e 76 da Lei de Montes, que establecen que os plans de ordenación de recursos deberá coordinarse cos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais; e o Artigo 9.2 do Decreto 52/2024; e a Orde 19 de Maio de 2014, pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia”, dixo Lídia Senra. Na citada Orde de 19 de Maio de 2014, o eucalipto queda excluído do Distrito forestal VIII, Terra de Lemos. “Por outro lado, entendemos que a introducción de eucaliptos neste Distrito, contravén as letras a, b, c, d, f e k do punto 23 da Decisión Ministerial de Oslo sobre o Mandato para a Negociación dun Acordo Xuridicamente Vinculante sobre Bosques en Europa asinado polo Estado Español e pola Unión Europea”, engadiu. “Hai toda unha serie de regulamentación tanto europea como galega que se está contravindo. Debemos traballar contra o lume e traballar na liña de evitar eucaliptos no distrito VIII. É responsabilidade única e exclusivamente das autoridades”, concluiu Senra.

Monforte, 23 de agosto de 2018.


[1] Información sobre a visita realizada hai unhas semanas, en ageuropa.gal/.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu
Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
23 de agosto de 2018

_____________

I Jornada de iniciaçom ao Futebol Gaélico e Taça Trasancos no campo da Gándara - Ferrol acolherá este sábado, 25 de agosto, a I Jornada de iniciaçom ao Futebol Gaélico, organizadas pola Fundaçom Artábria - Darám começo às 19hs no Campo da Gandara


I Jornada de iniciaçom ao Futebol Gaélico e Taça Trasancos no campo da Gándara


Ferrol acolherá o próximo sábado, 25 de agosto, a I Jornada de iniciaçom ao Futebol Gaélico, organizadas pola Fundaçom Artábria. Darám começo às 19hs no Campo da Gandara, e com elas procuramos dar a conhecer este desporto, cada vez mais conhecido, de cara a criar umha equipa em tomar parte a próxima temporada na Liga Gallaecia, a liga de futebol gaélico mixto.

As jornadas som abertas a homens e mulheres, sem importar a idade, que queira aprender algo mais deste desporto.

Às 20.00hs decorrerá a I Taça Trasancos de Futebol Gaélico na que se emfrontarám o Fusquenlha FG, de Pontedeume, e um combinado de jogadores e jogadoras da Liga Gallaecia. Ao remate decorrerá um terceiro tempo de confraternizaçom no nosso Centro Social.

O futebol gaélico é o desporto rei na Irlanda, e pouco a pouco, está a colher força na Galiza, somando novas desportistas, desde quel histórico jogo 20 de julho de 2012 no Campo de Futebol com o debute da seleçom galega contra a Bretanha, num encontro organizado pola Fundaçom Artábria e Siareir@s Galeg@s.

--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.


Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
22 de agosto de 2018 22:17

________

'Tripas', o último poemario do ferrolán Alberte Momán Noval, públicado pola editorial Belagua - Facer visibles as tripas, todo o que de forma natural permanece agochado, non é fácil, nin sequera conveniente


Tripas

O último poemario de Alberte Momán Noval publicado por Belagua Edicións

Facer visibles as tripas, todo o que de forma natural permanece agochado, non é fácil, nin sequera conveniente. Transparentar os tecidos que recobren o oculto significa evitar as precaucións inherentes ao instinto de supervivencia, espirse no máis cru inverno dunha periferia universal e fragmentada. Deixar constancia da dor, da mácula coa que o sangue escurece as superficies é, en esencia, morrer para deixar paso ao mito, ao que nunca foi pero que permanece.

Así comeza

Mentres sobre a mesa se acumulan os papeis,
daqueles que pasan pousando a súa pesada carga de días,
de anos de abandono á mesma causa,
cega, submisa e anicada cos brazos en cruz,
como a xustiza,
dou en matinar
e fágoo lembrando o cheiro daquelas mazás da infancia
sobre palla, en caixas de madeira colocadas en liña
nun lateral do cuberto, onda o carro, o arado e demais apeiros.
Aló polo 1970, instaláranse naquel lugar,
ao pé dunha maciñeira de príncipe,
as súas preferidas.
Porén, as tabardillas acumularan,
co paso dos anos, máis sona.
Mais ao chegar setembro,
no que aquelas pequenas manchas verdes comezaban a arroibar,
unhas mans secas e engurradas
preparaban os leitos, sobre madeira,
no que repousarían o resto do ano.
...
Primeiras páxinas | Acceder/Baixar.


Recesións, entrevistas e artigos:

De Manrique Fernández | De Román Raña | En Lecturafilia | De Mario Regueira | De Henrique Dacosta | No Faro da Cultura | Artigo de Santiago Jaureguizar | Entrevista Lecturafilia.

Tripas
Alberte Momán Noval (Ferrol. 1976)
Edición bilingüe Galego/Español.
(A tradución ao español é de Estefanía Busto Dopazo).
Belagua Ediciones. 2017
www.belaguaediciones.com

De interese:

Crowdfunding para editar: “Barata minha barata” de Alberte Momán. | Ir á web. Segundo libro promovido por Livros de Ontem.
--
Alberte Momán Noval no facebook e no twitter.

Info baseada na enviada por:
Alberte Momán
-albertemoman@gmail.com-
22 de agosto de 2018 13:24

___________

mércores, agosto 22, 2018

A política do formigueiro: obreiras, zánganos e raiñas, ... Por Iolanda Teixeiro Rei - Mudou a xefatura e mudou o ecosistema, mais o exército das obreiras segue coa mesma procesión no século XXI, tan absurda coma rotineira


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
22.08.2018


A POLÍTICA DO FORMIGUEIRO: OBREIRAS, ZÁNGANOS E RAÍÑAS

Escrevía Toynbee que a rotina é o opio da imaxinación. E se de algo andamos faltos na política é precisamente dela, da imaxinación e sobrados da rotina. Repetir un feito arreo, non máis que remedando o que outros fixeron antes, evidencia só compulsión ou automatismo.

Escritor houvo, no século XIX, que recriava un científico do futuro que, perdida a fe na especie humana, aprendíalles ás formigas a ciencia e a tecnoloxía e xa andava a piques de lles transmitir o invento da roda.

Eu sempre matinei en que a descomunal forza das obreiras e a súa maravillosa organización non verían máis ca un atranco no uso da roda para o transporte de mercadorías, daí que os formigueiros nunca organicen congresos sobre o concepto de progreso como fan os espilidos humanos. Porque as formigas son quen de se adaptar aos tempos sen caer na rotina. Se asolaga o terreo mudan o formigueiro e se un especulador urbanístico dá en edificar o seu ouro de formigón xusto enriba de onde as formigas levan varias xeracións arraigadas, elas agatuñan polos ocos das vivendas ate afacerse co mel na formica das despensas. E só as dispersan as forzas represivas da canela que para elas ha ser o gas mostaza que adoita usar o diálogo progresista do mundo occidental co resto do planeta.

No formigueiro só vive unha raíña e pasa a vida traballando encadeada mentres os zánganos donxoáns levan unha vida disipada mais sempre dependente das abondosas obreiras.

Quen nos dera ese acedo fórmico para a actual luita obreira!. Quen, ter os zánganos tan controlados en número e en función. Quen unha raíña ao servizo da supervivencia do formigueiro aínda tendo este o corazón e a razón de facto nunha galega República!.

As procesións de obreiras na especie humana levan co mesmo formigueiro chantado no mesmo terreo desde o século XIX, cando o entomólogo Marx elaborou esa brillante e aínda vixente análise do modo de produción zanganil. Transcorreron centos de anos dende entón e naceron e morreron formigas ás moreas. Asistimos a asolagamentos, riadas, especulacións, esmagamentos e escaldamentos colectivos, desmembramentos, torturas, encadeamentos e incluso andrómenas máis lenes como a hipnose co engado do mel. Mais as obreiras seguimos, xeración tras xeración, no mesmo lugar e co mesmo método de luita. Saíndo en días sinalados a erguer monumentos ou follas do ar ás formigas mortas en combate ou facendo folga a nos manifestar cando están as despensas dos zánganos a reverquer e a nosa inactividade cáusalles un beneficio sistémico.

Mudou a xefatura e mudou o ecosistema, mais o exército das obreiras segue coa mesma procesión no século XXI, tan absurda coma rotineira.

Será porque as formigas desenvolveron grandes manxadoiras ao abeiro dun exceso de azucre en sangue de diabete sistémica ou será porque o fétido olor, o noxento gafume do ácido fórmico escomenza a gostar tanto entre os sempiternos zánganos como na avanzada das obreiras?.

Asistimos espaventadas ao meirande misterio da entomoloxía. Se, proporcionalmente, a formiga é o animal máis forte coñecido e as obreiras están tan ben organizadas e levando o peso do formigueiro, por que aínda non armamos a marabunta?

Tremendo enigma proletario para un outro Arthur Conan Doyle!.


[*] Iolanda Teixeiro Rei -Ferrol, activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que vai ter lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
21 de agosto de 2018 19:30

____________

Apresentaçom de 'Meirás: un pazo, un caudillo, un espólio' esta quinta-feira, 23 de agosto às 21:00hs na Fundaçom Artábria - Em Ferrol, Travessa de Batalhons nº7 de Esteiro


Apresentaçom de "Meirás: un pazo, un caudillo, un espólio" esta quinta-feira na Fundaçom Artábria


Nesta quinta-feira, 23 de agosto, às 21.00hs decorrerá na Fundaçom Artábria a apresentaçom do livro "Meirás: un pazo, un caudillo, un espólio" da autoria de Carlos Babío e Manuel Pérez, e editado pola Fundación Galiza Sempre. O ato que será apresentado por Xoán Tavia contará com as intervençons do co-autor Carlos Babío Urkidi e o presidente da Galiza Sempre Francisco Jorquera Caselas.

--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.

Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
22 de agosto de 2018 01:48

______________

O Ateneo Ferrolán, a Editorial Áncora de Lisboa e Aetinape convidan a coñecer a apaixonante aventura da pesca do bacallau nos mares de Terranova, este Venres 24 de agosto, ás 8 da tarde no Ateneo, con Valdemar Aveiro, un capitán portugués que se xubilou ao mando do bou “Coimbra”, o editor Antonio Baptista Lópes e o cantor ferrolán Manolo Bacallau


O Ateneo Ferrolán, a Editorial Áncora de Lisboa e Aetinape convidan a coñecer a apaixonante aventura da pesca do bacallau nos mares de Terranova

Historia da pesca do bacallau en Terranova

Venres 24 de agosto, ás 20hs. no Ateneo Ferrolán

Acto aberto a todo o público

Unha CONFERENCIA - PROXECCIÓN - COLOQUIO “Historia da pesca do bacallau en Terranova”, organizada pola Asociación Española de Titulados Náutico-Pesquera (AETINAPE) e a EDITORIAL ÁNCORA de Lisboa, ca colaboración do ATENEO FERROLÁN e o cantautor Manolo Bacalhau, que foi tripulante nos caladeiros de Terranova.

O seu autor é unha persoa entrañábel, Valdemar Aveiro, un capitán portugués que se xubilou ao mando do bou “Coimbra”, buque insignia da pesca portuguesa. Aos seus 84 anos aínda ten a ilusión de recoller a dura vida da pesca do bacallau. É un gran erudito na historia destas pesqueiras, con sete libros publicados pola editorial Áncora de Lisboa. É unha persoa culta, empática profesional, cunha gran dignidade, o que lle fixo colleitar importantes e profundas amizades con moitos profesionais galegos e vascos que tamén formaban parte desta flota.

Non esaxeramos se logo de coñecer a súa obra e manter varias conversas con el, recoñecemos que estamos probablemente ante unha das persoas con maiores coñecementos históricos da pesca do bacallau, que el manexa a través de datos históricos desde o século VIII.

Cabe recordar a gran importancia do porto de Ferrol nas épocas douradas do bacallau, xa que a PYSBE (unha das grandes empresas pesqueiras da época) tiña aquí unha das súas factorías máis importantes e parte da súa flota operaba desde Ferrol, que con A Coruña, Vigo e Pasajes, foi un dos portos e comarcas de referencia.

No evento, participará tamén o editor Antonio Baptista Lópes.

Durante este acto, proxectarase un vídeo con numerosos premios internacionais sobre a pesca do bacallau en Terranova con doris (embarcacións que se transportaban nos grandes barcos bacaladeiros e desde as que se pescaba con anzol)

CONFERENCIA - PROXECCIÓN - COLOQUIO DE VALDEMAR AVEIRO

HISTORIA DA PESCA DO BACALLAU EN TERRANOVA

VENRES, 24 DE AGOSTO, ÁS 20 HORAS

ATENEO FERROLÁN (Rúa Magdalena, 202-204 Ferrol)

Este acto estará presentado polo presidente de AETINAPE, José Manuel Muñiz Ríos.
--

Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)

Síguenos:
TWITTER: @ateneoferrolan
BLOG: http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/
FACEBOOK:
Faite soci@ on line! Colabora con nos!
http://ateneo-ferrolan.blogspot.com.es/2007/12/faite-soci.html

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-ateneoferrolan@gmail.com-
20 de agosto de 2018 12:54
_____________

Exposición de Ilustracións 'Mulleres e poesía' de Alicia Louzao - Inauguración o mércores día 22 de agosto ás 13 h. na sala exposicións do Ateneo Ferrolán

A Exposición Ilustracións "Mulleres e poesía" de Alicia Louzao, no Ateneo Ferrolán, inaugura-se este mércores 22 de agosto, ás 13hs.

Estará exposta na sala de exposicións do 22 de agosto ao 30 de setembro

"Fadas de cidade" é un proxecto da ferrolá Alicia Louzao onde reúne ilustracións realizadas a carboncillo e acuarela e que se basean en heroínas da literatura.

--
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)

Síguenos:
TWITTER: @ateneoferrolan
BLOG: http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/
FACEBOOK:
Faite soci@ on line! Colabora con nos!
http://ateneo-ferrolan.blogspot.com.es/2007/12/faite-soci.html

Enviado por
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-ateneoferrolan@gmail.com-
21 de agosto de 2018 11:05

_______________

luns, agosto 20, 2018

En Ferrol e nas Pontes como noutras cidades e vilas da Galiza, este martes 21 de agosto, ás 8 da tarde, están convocadas concentracións en repulsa polo novo asasinato machista que tivo lugar en Cabana de Bergantiños - En Ferrol diante da Casa do Concello e nas Pontes na Praza do Hospital


CONCENTRACIÓNS por asasinato machista en Galicia.

Convocatoria da Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra:

Martes, 21 de Agosto, ás 20 hs,

diante do Concello de Ferrol.


E nas Pontes, na Praza do Hospital.

Novo feminicidio na Galiza, desta volta en Cabana de Bergantiños. Unha muller de 50 anos foi asasinada polo seu home, e xa son 3 este ano en Galicia e 26 no Estado.

O feminismo galego resposta nas rúas!

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Info enviada por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
20 de agosto de 2018 13:58

___________________