martes, abril 20, 2021

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, envía o Documento Ambiental de Inicio do Plan Eólico de Brión á Asociación Comuneiros do Chá - Convocada unha xuntanza onde se convida ao movemento veciñal e asociativo de Ferrol, para este venres 23 de abril, nos locais da Xunta Veciñal de Doniños


A asociación de Comuneiros do Chá de Brión - Doniños, difunde a información que facilitou a Dirección Xeral de Enerxía e Minas sobre Plan Eólico de Brión e convoca unha xuntanza do movemento asociativo e veciñal de Ferrol, para analizar a documentación sobre o proxecto eólico na zona e continuar coa constitución dunha plataforma para a defensa dp medio ambiente e a irracional invasión eólica que proxectan facer no termino municipal. A xuntanza terá lugar o vindeiro venres 23 de abril, ás 5 da tarde no baixo do local social da Xunta Veciñal de Doniños.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, envía o Documento Ambiental de Inicio do Plan Eólico de Brión (Abril 2020)


A Asociación informa que segundo lles contestaron desde a citada Dirección Xeral:

Trátase do documento de inicio no que o promotor se fundamenta para solicitar o alcance que deberá ter o estudo de impacto ambiental. Tamén debe sinalarse que non existen expedientes abertos para as seguintes tramitacións e expedientes que menciona o interesado na súa solicitude:

Proxecto de instalación eléctrica de evacuación.
Expediente de autorización ambiental.
Expediente de autorización das instalacións ou informes sectoriais.
Expediente de declaración de utilidade pública/prevalencia.

Menciona que se fará un informe arqueolóxico aparte (que teriamos que solicitar se está feito). O propio documento actual recoñece que:

33 mámoas se verán afectadas, polos vías, gabias e aeroxeradores.

Tamén fala de que se fará outro informe de impacto e integración paisaxística.

Menciona que levará unha liña de evacuación de alta tensión de 2 Km dende a subestación do P.E (no medio da maior concentración de mámoas) ata a subestación do porto exterior. (proxecto aparte).

O informe sobre afeccións ás aves recoñecía que era medio alto.

As explanadas para a cimentación dos aeroxeradores son de máis de 2000 m2 cada unha e abranguen un total de 1,5 Ha e obviamente achaiarían os curutos.

A area total afectada por pistas, movementos de terras, acumulación de palas durante a montaxe, etc sería de máis de 14 Has.

En definitiva DESFARÍA a mellor zona do MONTE e deixaríao inutilizable para uso sociais e recreativos.

Ademais tivemos noticia da aparición na web do Rexistro eólico de OUTRA NOVA SOLICITUDE DE PARQUE EÓLICO no termo municipal de Ferrol, na zona dos montes de Mougá e Vilasánchez - A Bailadora, con 10 aeroxeradores, dúas torres meteorolóxicas e unha subestación.

Realmente enfrontamos, non tres parques eólicos senón un macroparque de máis de 50 MW fraccionado de xeito fraudulento.

Achegamos captura de pantalla da web do rexistro eólico de Galicia e localización aproximada das instalacións.

Tivemos noticia de que no pleno municipal de Ferrol do día 29 o BNG vai presentar unha moción acerca dos eólicos, tamén de que no pleno do concello de Lalín aprobouse por unanimidade unha moción de rexeitamento á avalancha de eólicos que vos enviamos adxunta. A asociación comuneiros do Chá vai solicitar estar presente nese pleno telemático.

Por todos estes motivos e tal como acordamos na reunión que tivemos antes de semana santa o tecido asociativo CONVOCAMOS:

A todas as ENTIDADES veciñais, culturais, deportivas, ecoloxistas, feministas e doutra índole que poidan sentirse afectadas por estes proxectos a REUNIRNOS para compartir información e coordinar accións.

O VENRES 23 DE ABRIL ÁS 5:00 H da tarde
Nos baixos do Local da XUNTA VECIÑAL DE DONIÑOS.


A reunión conta coa oportuna autorización e seguirá os protocolos covid.

AGARDÁMOSVOS e agradecemos a difusión desta convocatoria entre outras entidades que poidan estar interesadas en defender a nosa contorna.

Dende a asociación comuneiros do Chá recibimos da Dirección Xeral de Enerxía e Minas o documento de inicio do Proxecto Eólico, é un documento de hai un ano abril 2020. Co plano máis significativo da localización dos aeroxeradores:

Clicar na imaxe para acceder ao documento



Documento Ambiental de Inicio - Parque Eólico Brión | Promotor: LAN2030 BRIÓN, S.L. | Situación: TT.MM. FERROL (A CORUÑA). | Autor: MARÍA JESÚS IGLESIAS MOUTEIRA. | Ingeniera de Montes. Col. no 4278. Fecha: ABRIL 2020. 161 páxinas en formato pdf . 33,1 MB . | Acceder/Baixar.

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

Enviado por:
Comunidade Montes do Cha
-comunidade-montesdocha@hotmail.com-
20 de abril de 2021 19:34

_______

Unha análise crítica dalgúns puntos do Proxecto de Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e a Adolescencia fronte á Violencia, aprobado o pasado mércores 13 de abril no Congreso


Posicionamento de AGAMME sobre o Proxecto de Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e a Adolescencia fronte á Violencia

Trala lectura do Proxecto de Lei aprobado o pasado mércores 13 de abril, AGAMME, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores congratúlase dos avances logrados e das melloras na redacción do texto durante o trámite parlamentario.

Non obstante, a asociación detecta a permanencia de varios puntos sobre os que xa alertara no prego de enmendas que fixera chegar aos grupos parlamentarios en setembro do ano pasado. Varias cuestións que poderían crear contradición coa normativa europea e xerar desprotección ás vítimas.

AGAMME amósase especialmente preocupada por que no se considere maltrato a exposición de nenos, nenas e adolescentes a pornografía, sempre que a mesma teña sido solicitada ou consentida pola persoa menor de 18 anos, e sen límite de idade. Con esta redacción queda aberta a posibilidade de que servizos dixitais en liña oferten material pornográfico a menores de idade ou que persoas adultas lles amosen este tipo de contidos.

Outro dos puntos problemáticos é considerar a elección do lugar de domicilio habitual dos fillos e fillas como un dereito de ambos proxenitores. Establécese este principio independentemente de cal sexa o réxime de custodia e visitas, de que o lugar de domicilio dificulte ou non o contacto dos fillos e fillas co outro proxenitor e, incluso, de que existan contextos de violencia por parte dun dos proxenitores.

Ligado a isto, modifícase a definición do delito de sustracción de menores, de tal forma que cambiar de domicilio sen contar coa aprobación do outro proxenitor poderá ser tratado como unha acción delictiva, ignorando o risco que isto pode comportar no caso de mulleres vítimas ou nais de vítimas menores de idade.

Outras cuestións que preocupan á entidade refírese á consideración dos Servizos Sociais como Axentes da Autoridade, outorgándolles plena liberdade de acción nas situacións de urxencia. Ao mesmo tempo modifícase a definición de situación de risco (administrativamente anterior á declaración de desamparo), que inclúe a idea dos conflitos familiares e contempla como un dos indicadores que o neno ou a nena teña vivido en contextos de violencia de xénero. Desta forma ponse en interdito a capacidade das nais vítimas de violencia de xénero de atender adecuadamente as necesidades dos fillos e fillas, engadindo con iso un nivel máis de vitimización.

Prohíbese a aplicación da suposta síndrome de alienación parental, pero non se fai mención no apartado de formación específica de profesionais que non se admitirán este tipo de contidos nos programas. De feito, AGAMME considera insuficiente a medida de prohibir a utilización da suposta síndrome de alienación parental se non se describen os distintos aspectos teóricos e prácticos da mesma. Como advirte cada ano o Consello Xeral do Poder Xudicial na súa recomendación aos xuíces de que no utilicen esta pseudo teoría nas súas sentencias, unha das súas características é a facilidade coa que cambia a súa terminoloxía. O único que permanece estable son os seus principios metodolóxicos e de acción.

A Lei non garante os dereitos da vítima durante a súa declaración, ao non impedir de forma tallante a súa participación na vista oral. Ademais establece que durante a declaración do neno ou da nena vítima ou testemuña poderá estar presente a persoa acusada, debendo evitarse tan só o contacto visual. Isto é incorrecto dado que a Directiva Europea aclara que se evitará calquera contacto “directo ou indirecto”. Non se fixan prazos máximos para a realización da proba preconstituída dende a data da denuncia, nin as características dos espazos e dos medios técnicos. Por outra parte, a participación de profesionais expertos queda a decisión do tribunal. La lei non contempla diferenza ningunha entre menores de 14 e non considera que existan tramos de idade nos que a participación de persoa experta sexa imprescindible.

Para finalizar, aínda que se avanza no recoñecemento das necesidades de protección dos nenos e nenas vítimas de violencia de xénero, déixase unha marxe de acción aos tribunais quen, a instancia de parte, poden non aplicar as devanditas medidas coa fin de garantir o interese superior da persoa menor menor de idade. Desta forma regresamos a un tipo de pensamento   no cal se asenta a idea de que un proxenitor violento pode ser ao mesmo tempo un bo padre.

A asociación dirixirase nos próximos días á Ministra de Dereitos Sociais e aos grupos parlamentarios no Senado para facer chegar estas cuestións debidamente argumentadas.

Xunta Directiva de AGAMME, Ferrol, a 18 de abril de 2021






Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME): Asociación sen ánimo de lucro, fundada en 2010. Os seus obxectivos principais son a visibilización da problemática do maltrato infantil, e de forma sinalada o abuso sexual incestuoso, ofrecer apoio e información a vítimas e as súas familias ou profesionais que traballan habitualmente con nenos, nenas e adolescencia. Para rematar a participación en procesos lexislativos e a presentación de demandas á administración para o cumprimento da lexislación vixente [+Info].

Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
18 de abril de 2021 21:29

_______

domingo, abril 18, 2021

Sábado 24 de abril: Concentración en Meá (Mugardos) - Por un reparto xusto do Fondos Europeos (Next Generation) - Reganosa non é o modelo - Non máis diñeiro para quen contamina


Por un reparto xusto e unha saída sostíbel aos fondos europeos Next Generation: Reganosa non é ningún modelo de sustentabilidade

Queda moito por saber como se van repartir os fondos europeos (Next Generation), a que modelo de recuperación post-covid van dirixidos, que proxectos acabarán executándose e cales non, e sobre todo, que contrapartidas en reformas (laborais, fiscais, pensións...) está a esixir a Comisión Europea.

Mais todo apunta a un aumento do control de sectores estratéxicos como o enerxético ou o forestal, que beneficiará exclusivamente a unha elite económica, ao tempo que se debilita a economía real.

Pero, no medio da opacidade, na Galiza hai uns nomes que resoan xunto a Feijóo, liderando a recuperación post-Covid: Abanca, Sogama e Reganosa. Tres modelos que representan a peor cara da colaboración público-privada, o saqueo de patrimonio público, a perda de emprego e a destrución do medio ambiente. Hai proxectos que sen participación, sen transparencia, danse por aprobados: Reganosa e a macroplanta de hidróxeno.

Esta empresa con participación da Xunta, que ten na súa contra 5 sentenzas do Tribunal Supremo; que conseguiu dun goberno en funcións (o de Mariano Rajoy) que se lle librara de facer a Declaración de Impacto Ambiental; que na sua construción o Grupo Tojeiro beneficiouse dun pelotazo urbanístico de mais de 30 millóns de euros; que o seu sistema de regasificación a base de hipoclorito, devolve á Ría millóns de toneladas de auga totalmente esterilizada e arrefriada até 6 grados menos, sendo un dos factores da actual situación da Ría; que supón un perigo para a vida de milleiros de persoas pola súa localización dentro da Ría de Ferrol, a menos de 100m do primeiro núcleo habitado, a menos de 1000 do complexo militar e ao carón dunha planta petroquímica (Forestal do Atlántico) ; que as condicións de navegabilidade da propia ría aumentan o risco de accidente; que nestes momentos está tramitando as terceiras autorizacións administrativas previas, unha vez que as primeiras (ano 2004) e as segundas (ano 2016) foron sucesivamente anuladas por numerosas ilegalidades... esa empresa é o modelo que o goberno Feijóo ten para liderar a recuperación post-covid.

O gas, é un combustíbel fósil, non pode ser incluído na loita contra o cambio climático. Os fondos europeos non deben ir para consolidar a industria dos combustíbeis fósiles e afianzar ou mesmo ampliar a infraestrutura gasística. Iso non ten nada que ver coa transición ecolóxica que os "Next generation EU" tamén teñen que garantir. Se Feijoo precisa proxectos para investir os fondos, na Ría de Ferrol ten un: o saneamento integral. Un saneamento que devolva a riqueza marisqueira a este ecosistema e devolva o medio de vida a máis de 400 familias que antes subsistían dela e agora están reducidas a unhas poucas ducias. O negocio de gas e a ensoñación do hidróxeno son incompatíbeis cun futuro sostíbel.

Transparencia, participación e reparto xusto!

Nin Abanca, nin Sogama, nin Reganosa son modelos para a recuperación!

Coordinadora Galega por un reparto Xusto dos Fondos Europeos
--

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

_______

sábado, abril 17, 2021

Capitalismo Total en Galicia * A Sociedade á Intemperie - Intervención de David Rodriguez na XXXVII Semana Galega da Filosofía en Pontevedra este 7 de abril de 2021 - Filosofía e Civilización Dixital - Vídeo completo da intervención


Capitalismo Total en Galicia * A Sociedade á Intemperie - Intervencións de David Rodriguez [*] na XXXVII Semana Galega da Filosofía (Filosofía e Civilización Dixital), en Pontevedra, este 7 de abril de 2021.


CAPITALISMO TOTAL EN GALICIA. A SOCIEDADE Á INTEMPERIE

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi crítico coa irrupción do ethos liberal-capitalista en Galicia e con certa idea de modernización entendida coma tábula rasa. Fronte esas novidades culturais, produtivas e tecnolóxicas chegadas de fóra, os galeguistas tentaron reivindicar o substrato cultural e humano do mundo agrario e mariñeiro elaborando a súa propia crítica á idea de Progreso. Mellor dito: os galeguistas, con Castelao á cabeza, soñaron unha idea de Progreso menos lineal e destrutiva —do mesmo xeito que contemporáneos seus coma Walter Benjamin ou José Carlos Mariátegui trataban de facer o propio desde outros puntos de partida teóricos. O Pasolini que se laiaba da “desaparición dos vagalumes” da sociedade campesiña italiana a partir da industrialización dos anos 50 e 60, popularizará unha metáfora que ha iluminar toda esa tradición de progresismo non positivista.

No medio aínda da ditadura, Galicia tamén vivirá o seu propio proceso de modernización “alleo aos vagalumes”. A conseguinte rearticulación do soberanismo galego moderno a través de loitas vinculadas á defensa do territorio fronte grandes infraestruturas construídas en nome do Progreso demostraba que o vello sedimento galeguista seguía vivo malia a barbarie franquista.

Hoxe, cando a colonización de todas as facetas humanas polo ethos capitalista é abrumadora, que podemos aprender das reflexións daqueles que nos precederon á hora de pensar esta terra? Queda aínda entre nós mundo non colonizado polo utilitarismo primario? Podemos facer algo con eses restos que quedan para contribuír, desde o noso país, ao futuro dun planeta en crise, sen caer na nostalxia pola arcadia perdida e sen deixarmonos seducir polos cantos de serea do green washing?

Colaborou en numerosos medios comunicación e actualmente mantén unha columna semanal sobre política no diario Nós e a sección de crítica cultural O bortel na versión en liña da revista Luzes.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) profesional do deseño gráfico. Escritor de ensaio, teatro rádiofónico, poesía e literatura infantil. Mantén os blogues O funambulista coxo (do que ten publicado unha escolma en papel titulada "Retomando a Palabra') e Lecturas Coxas. É autor das obras de teatro 'radiofónico 'O Bambán' e 'Nunca me esquecerei de ti' (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario 'Lapidarias', 'Os versos escuros' e participou no libro colectivo 'Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural'. 'Das guerras culturais ao crac financeiro' (2012). O seu último libro que esta tendo muito suceso "O Canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo se democracia. Unha ollada galega", publicado en marzo de 2018, por Edicións Xerais. Colaborou en numerosos medios comunicación e actualmente mantén unha columna semanal sobre política en 'Nós Diario' e a sección de crítica cultural 'O bortel' na versión en liña da revista 'Luzes'.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
9 de abril de 2021 15:11

_______

XIII Semana da Poesía Salvaxe no Ateneo o xoves 22 de abril de 2021 - Francisco Cadaval * Quico Cadaval ás 12:30hs e pola tarde ás 18:00hs Carlos d'Abreu e Elisabete Marques - Programa Completo: A Palavra Encarnada o 21, 22, 23 e 24 de Abril


XIII Semana Poesía Salvaxe no Ateneo o xoves 22 de abril de 2021
Estarán no Ateneo Ferrolán coa súa palabra encarnada o xoves día 22 de abril, ás 12,30 h. -Francisco Cadaval * Quico Cadaval e ás 18 h. - Carlos d'Abreu e Elisabete Marques

Programa completo: A Palavra Encarnada o 21, 22, 23 e 24 de Abril


Conta no Facebook de Poesía Salvaxe.

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-ateneoferrolan@gmail.com
15 de abril de 2021 19:41

_______

LiGanDo denuncia fuga de augas residuais en Caranza nas proximidades dun parque infantil, na veciñal 2, na área de Fontelonga





Desde Ligando queremos denunciar un verquido de augas fecais pola veciñal 2 en Caranza, preto do parque para pequenos. Cara o parque Fontelonga.


LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Enviado por:
LiGanDo Lgd
-ligando.lgd@gmail.com-
17 de abril de 2021 16:12

_______

Concentración en Ferrolterra en defensa das pensións públicas, encadrada nas convocadas en todas as cidades da Galiza e no resto do territorio do Estado - En Ferrol, 17 de abril, de 2021 - Vídeo


Este sábado 17 de abril, pensionistas e non pensionistas estaban chamadas a defender o sistema público de pensións, polas presentes e polas futuras. En Ferrol realizou-se unha concentración ás 12 do mediodía no Cantón.

Esta mobilización estaba encadrada nas convocadas en todas as cidades da Galiza e no resto do territorio do Estado.


Unha vez máis a Plataforma Ferrolterra na Defensa das Pensións Públicas - Modepen, mobilizou-se contra o empeño do ministro do goberno español Sr. Escrivá, de aumentar o negocio privado das corporacións financeiras promovendo os plans de pensións privados de empresa, en detrimento do sistema público de pensións.

Plataforma Na Defensa Das Pensions Publicas Ferrolterra que forma parte de MODEPEN (Movemento Galego na Defensa das Pensión Públicas). | @DefensaPensionsFerrolterra.

Correo-e:
plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com

Conta no Facebook:
https://www.facebook.com/DefensaPensionsFerrolterra/

_______

Radio Cerna presenta o novo Boletín informativo ambiental semanal: O impacto dos novos proxectos eólicos na sociedade galega está a facer agromar novas plataformas que reivindican a defensa do rural e outras novas

Parque eólico en Corme (Costa da Morte)

Boletín informativo ambiental 16/04/21

O impacto dos novos proxectos eólicos na sociedade galega está a facer agromar novas plataformas que reivindican a defensa do rural. Nos últimos días nas comarcas do Deza e Bergantiños. Os sindicatos agrarios alertan das consecuencias para o agro, e, por primeira vez, alcaldes do PP din non ao actual modelo eólico. Tamén se manifestan os órganos xestores de Reservas da Biosfera (Mariñas-Terras do Mandeo), consellos regulares e selos denominación de orixe... Alén da revolución eólica, este espazo tamén se fai eco do informe de Ence sobre a contaminación por mercurio do recinto de Elnosa. [Boletín informativo ambiental 16/04/21]



Radio CERNA é o primeiro espazo radiofónico especializado na temática medioambiental e ecoloxista en Galiza. Está realizado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) para difundir a través da rede e das emisoras locais galegas toda a información relativa á situación medioambiental do país. O espazo dura uns 10 minutos e actualízase todos os días de luns a venres.

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

Enviado por:
adegatrasancos@adega.gal
-adegatrasancos@adega.gal-
16 de abril de 2021 12:05

_______

O imperio español e as súas elites extractivas, ... Por Xoán-Antón Pérez-Lema


O imperio español e as súas elites extractivas

✔ Despois de setembro polo lume e o ferro de 1714, ocupada pola rapacidade dos Borbóns, deseñouse unha España peninsular gobernada desde a mentalidade do Imperio

A teimosía do Imperio en manter a radialidade alcanza o esperpento de pretender que o seu eixo mediterráneo pase por Madrid

España non construíu ao longo da historia unha convivencia democrática de cidadáns, senón un imperio de súbditos

Por Xoán-Antón Pérez-Lema [*]
17.04.2021


España nunca foi unha nación nin unha unión estable e voluntaria de países e cidadáns.

Algunha historia

Castela xogou sempre a ser un imperio. Sábeno perfectamente os cataláns, que loitaron ata a morte en 1714, sabendo o que se lles ocorría. Tamén os fillos de Euskal Herria, defensores do equilibrio social das vellas leis, especialmente na guerra de 1833-1840. Ou os portugueses, cando recuperaron a independencia en 1640, xusto cando andaluces e cataláns tamén revolucionaban na defensa das súas liberdades. Con respecto a Galicia, pronto comprendeu que a unión persoal do Reino de Galicia coa de Castela na persoa de Fernando III (II de Galicia) en 1230 ía significar asimilación ... lembremos as revoltas galegas de 1369 e 1474, cando amplos sectores da aristocracia e da burguesía dos pobos galegos defendían a reunificación galego-portuguesa e o noso afastamento de Castela. Velaquí a revolta cívico-militar galega de 1846, que quería restaurar as liberdades galegas e a xustiza social contra a ditadura borbónica de Narváez.

A Coroa de Castela exportou ás Indias as institucións do vice-reinado concibidas para a opresión do Reino de Galicia: maiores avanzados ou gobernadores e capitanías. E, despois de setembro polo lume e o ferro en 1714, ocupada pola rapacidade dos Borbóns, deseñouse unha España peninsular gobernada desde a mentalidade do Imperio.

E, como dicía o castelán Nebrija, "sempre foi a lingua compañeira do Imperio". A imposición do castelán non foi un invento de Franco. Porque os Borbóns do século XVIII consagraron a exclusividade da lingua castelá nas escolas públicas e privadas. En 1896 a lei impuxo a prohibición do catalán, o vasco, o galego e o asturiano nas comunicacións telefónicas.

A radialidade das comunicacións peninsulares

O primeiro Borbón, Felipe V, despois de derrogar as liberdades catalá, valenciana, mallorquina e aragonesa, aplicou a tarefa de definir unha rede viaria radial peninsular, centrada na entón pequena cidade de Madrid, a pesar de constituír (entón e hoxe de día) os eixos atlánticos. (Galego-portugués), cantábrico, mediterráneo e do val do Ebro os vectores que conectaban os territorios produtivos.

O Estado liberal do século XIX trasladou esta radialidade á rede ferroviaria, ata chegar ao AVE actual, que penaliza o transporte de mercadorías sobre o de pasaxeiros e prioriza o centro de Madrid ata o esperpento. Lembremos os 6.200 millóns de euros (máis dun billón -con "b" para burro- das antigas pesetas) que os fondos europeos destinados ao reequilibrio territorial enterraron no novo aeroporto Madrid-Barajas. Ou o rescate das "súas" estradas madrileñas.

A teimosía do imperio en manter a radialidade alcanza o absurdo de pretender que o seu eixo mediterráneo pasa por Madrid ou pola recente priorización do ferrocarril de alta velocidade Lisboa-Madrid no pico luso-español o pasado mes de outubro, unha priorización decididamente rexeitada por un portugués. Goberno que sabe que a súa prioridade, xunto coas de cooperación transfronteiriza europea, é o eixo Compostela-Vigo-Porto-Lisboa.

Descentralización económica e dumping fiscal

Foi, xa que logo, un proxecto imperial e non inclusivo que empoderou a Madrid como capital política e centro do sistema de infraestruturas do Estado. Como lembrou Ferran Martínez en 'Valencia Plaza', a partir de mediados do século XX (engadiriamos que, sobre todo, desde a involución territorial de 1981-82) estas foron as pancas para converter Madrid no centro neurálxico das finanzas, sede de grandes empresas españolas (fenómeno radicalizado ad infinitumdespois da onda privatizadora das empresas públicas da SEPI nos últimos anos do goberno de Felipe González e os primeiros do Aznarato). Hoxe en día Madrid é a sede de máis da metade das principais 1.000 empresas españolas. O 60% das licitacións públicas adxudícanse a empresas con sede en Madrid. Na rexión de Madrid traballan case o 30% dos empregados públicos e o 21% dos empregados máis cualificados. A pesar de ter só o 1,6% do territorio, acumula o 19,2% do PIB estatal e absorbeu o 85,2% do investimento estranxeiro directo. A súa renda per cápita anual supera os 35.000 €, un 36% por encima do Estado e un 16% por encima do europeo. E todas estas cifras cunha participación industrial no PIB de Madrid de só o 10%.

O Estado das Autonomías tamén ofreceu a Madrid a posibilidade de converterse nunha comunidade autónoma con poderes fiscais equiparables a calquera outro territorio, cando o efecto sede da súa calidade de capital político e centro neurálxico aconsellou i) reducir o efecto sede mencionado descentralizando as institucións e servizos públicos ou favorecer a especialización doutras cidades, como ocorre nos sistemas federais alemáns, australianos ou canadenses e ii) definir Madrid como distrito federal ou como parte de Castela, evitando a posibilidade dun dumping fiscal actual .

Porque a retroalimentación inducida pola economía madrileña xerada polo efecto sede, xunto con amplos investimentos públicos dos que se beneficia e unha política económica que privatiza os servizos e afonda as desigualdades, incluído o intra-madrileño (moitos salarios nos sectores de atención e hostalería son realmente baixos) atraeu a residentes doutros territorios con grandes ingresos e riqueza a Madrid, para gozar do seu marco tributario favorable para as grandes fortunas, xa sexa no IRPF e no patrimonio, ou no imposto de sucesións.

O resultado do proceso de recentralización económica, fortalecemento da sede e efecto hub de todo tipo de infraestruturas de transporte e dumping fiscal Madrid baleirou a Meseta e está a piques de baleirar o propio Estado español, nun continuo efecto aspiracional.

Cómpre salientar que este proceso, como vimos, ten raíces na antiga Coroa de Castela, continuou cos Borbóns, afondou co Estado liberal, a Restauración e o réxime franquista e presidiu a xestión do PP e os gobernos do PSOE durante toda a transición, sen que a esquerda española fixera a máis mínima autocrítica sobre este proceso, agás críticas específicas do último goberno socialista andaluz.

É certo que nos últimos cinco anos xurdiron unha poderosa crítica da Generalitat Valenciana, gobernada polo PSPV e Compromís, enraizada nos estudos do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas. Unha crítica que, por primeira vez desde posicións socialistas, relaciona a sede ou o efecto baleiro co dumping fiscal, sen analizalo illadamente.

Cando escribo isto, recibo unha mensaxe de WhatsApp a través dunha personalidade da Federación Socialista de Madrid que denuncia que o deterioro dos servizos públicos de Madrid só é posible debido á recadación inducida polo efecto sede, pero que considera que Madrid constitúe o laboratorio da dereita española para todo o Estado deste deterioro como vía para a súa redución e privatización. Benvido á realidade.

Solucións políticas

Sen o PSOE, debido á súa posición fundamental na escena política, non será posible unha solución político-territorial a este problema. Neste sentido, esta conciencia da periferia socialista é positiva, pero non é suficiente nin serve para acadar unha solución. Non mentres a institución monárquica, a clave do sistema de caixas de Bernabéu e a descentralización real do poder político e económico, sexa tabú.

Como escribiu Iñaki Anasagasti no seu blog (aloxado polo xornal vasco Deia), Madrid é a sede das elites extractivas do Estado: a Casa Real, o corpus político, altos cargos, líderes xudiciais e militares, consellos de administración e principais asesores das maiores empresas ... Unha poboación que non produce, pero precisa moitos recursos. Algunhas elites que manteñen o poder económico e político (quen goberna na práctica goberna, ver o caso Pérez de los Cobos), que xestionan o estado profundo e que, como di Anasagasti, "... non conciben un modelo territorial que non rodea a Porta do Sol, pero tamén foron capaces de xerar un proxecto de Estado que reúna o que chaman periferia, cada vez máis alá do M-30”.

Estas elites abusan da xente e incluso traizoan a súa propia cidadanía do Estado, como escribiu recentemente Paul Preston, pero foron capaces de compartir unha visión do mundo con sectores populares condenados anteriormente contra a soberanía catalá, vasca, valenciana ou galega, os sectores do “a por eles” que son os que máis sofren o esperpento deste estado dominado por esas elites extractivas da caixa de Bernabéu. Pero este consenso entre moitos dos de abaixo cos de arriba só é posible porque España non construíu ao longo da historia unha convivencia democrática de cidadáns, senón un imperio de súbditos.

Se a esquerda española entendese que a clave do progreso económico, a liberdade e a xustiza social pasa pola reformulación dos poderes políticos e económicos do Estado en clave federal ou confederal (e sempre plurinacional), habería unha oportunidade para esa transformación. Pero, despois do camiño que tomou o PSOE despois do discurso real do 3-O, despois do seu apoio ao 155 e a súa defensa da irresponsabilidade monárquica e da corrupción, os soberanistas periféricos teñen dereito a desconfiar.

Estou con Iñaki Anasagasti cando di que España estará máis preto dunha reorganización federal e plurinacional que fará viable a súa economía e a súa débeda se Cataluña logra a súa independencia. Porque, como dixo o político do PNV, "... se desaparece o 20% do PIB estatal, España terá que cambiar o seu modelo de xestión, si ou si".

A Coruña. Mércores, 7 de abril de 2021. 05:30

[*] Xoán-Antón Pérez-Lema. Licenciado en Dereito, profesor e avogado en exercicio, escritor, articulista e analista político. | Cofundador de Acouga (Asociación Galega de Consumidores e Usuarios). | Artigos en elNacional.cat. | Facebook. |

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
16 de abril de 2021 09:50

_______