xoves, decembro 09, 2010

Manifesto Sindical Unitario en apoio das e dos traballadores do "Souto de Leixa" e contra a privatización da xestión do Centro - E peche na sede do PP en Ferrol

O pasado día 3, deste mes de Decembro, produciu-se unha boa nova, as unións comarcais de tres centrais sindicais asinaban un Manifesto Sindical Unitario en apoio das e dos traballadores do "Souto de Leixa", así como das familias de usuari@s e d@s propi@s usuari@s, e contra a privatización da xestión do Centro. A defensa dos postos de traballo dos centros "Terra de Ferrol" e "Souto de Leixa", torna-se unha reivindicación fundamental das centrais sindicais asinantes, mais a defensa de que os servizos sociais públicos, segan sendo de titularidade pública e mantendo a súa xestión en mans públicas, forma tamén parte destas reivindicacións tan importantes que o colectivo de traballadoras e traballadores levan máis de dous meses defendendo tan consecuentemente. Desde Ártabra 21 non temos máis que aledar-nos por este comezo do entendimento de que a unidade sindical e de clase, é un principio imprecindíbel para combatir as políticas do Capital e vencer ao neoliberalismo, neste caso na súa versión monicreque na Xunta de Galicia, gobernada nesta lexislatura pola dereita populista. Agardemos que non sexa tarde para paralizar o proceso de privatización, dado que xa pasaron dous meses e medio, desde que o goberno do PP na Xunta de Galicia anunciara, en rolda de prensa, a privatización da xestión do citado Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Intelectual -para maiores de 21 anos de idade.

Manifesto das centrais sindicais

Manifesto das Confederacións Sindicais Comarcais de CIG, UGT e CCOO sobre a privatización da xestión pública do Centro Souto de Leixa

Os representantes comarcais de Ferrol das Confederacións de CIG, UGT e CCOO manifestamos a nosa oposición a privatización da xestión da atención ás persoas con discapacidades psíquicas e outras asociadas que, no momento actual e desde hai moitos anos, están a seren atendidos no Centro de Educación Especial Terra de Ferrol.

Os xestores actuais da Administración galega téñense embarcado nunha carreira de renuncias á xestión directa das súas obrigas de tutela, auxilio e apoio ás persoas necesitadas dunha especial cobertura social. Para iso iniciaron unha política de apertura da xestión dos servizos sociais esencias ás empresas privadas, poñendo a satisfacción desas necesidades ao servizo do beneficio das empresas privadas.

As razóns para a nosa oposición están ben definidas:

1. Estamos diante dunha posición apriorística, fundamentalista, a prol das bondades do mercado e en contra da xestión pública dos servizos tamén públicos. Non existe ningún fundamento, nin na práctica ata agora desenvolvida, nin nos estudios académicos realizados, que xustifiquen esa defensa ultra das bondades do mercado con respecto á xestión pública. Si existen múltiples prexuízos sobre este tema, prexuízos mantidos e fomentados a pesar de que a experiencia nos indica que a xestión pública dos servizos esenciais á comunidades é unha garantía da súa calidade e, sobre todo, da súa neutralidade económica.

Non se prestan só aos mellor situados socialmente. Tampouco se establecen discriminacións en función da renda individual de cada un dos asistidos. Estes prexuízos favorecen as posicións daquelas empresas que ven que poden obter beneficios inmediatos acudindo aos concursos que as Administracións convocan. Tal e como están as cousas non podemos senón preguntarnos cal é o pago que as empresas beneficiarias realizan a cambio de poder entrar no xogo de repartirse os fondos públicos destinados a servizos sociais.

2. Doutro lado, a decisión de privatizar esta xestión implica a supresión de decenas de postos públicos existentes na nosa comarca. Postos que están a ser ocupados por persoas en precario pero que eran e son susceptibles de consolidar e estabilizar. Postos que, en última instancia estaban abrigados por un convenio e polo Estatuto básico dos empregados públicos. Elimínanse eses postos e créanse algunhas decenas menos en condicións peores que as que tiñan os suprimidos. Onde había precariedade seguirá a habela, pero ademais aparecerán as sobrexornadas, os despedimentos improcedentes, e outros males presentes en boa parte do tecido empresarial, sobre todo naquel que está moi maioritariamente feminizado.

3. O respecto pola xestión pública dos servizos sociais é un elemento clave á hora de asegurar a súa calidade. A estas alturas todos somos conscientes das disfuncións que poden causar os mercados cando actúan sen control, desreguladamente. Tamén todos somos conscientes de que non todos perdemos o mesmo nesa situación. Mesmo hai que obtén fabulosos beneficios. As Administracións públicas están obrigadas a garantir que unhas liñas de accións social que aseguren a cobertura das necesidades sociais esenciais. De ningún xeito deben poñer estas en función dos negocios privados.

4. Finalmente, estamos convencidos de que non son posíbeis uns servizos públicos de calidade sen unha forte presenza do sector público nesa área de actividade. A pretensión de que estes servizos se desenvolvan mediante empresas que atendan esencialmente ás sinais dos mercados, é dicir, beneficios inmediatos, ameazas de perdas ou realización das mesmas, é, por un lado, unha falsificación da realidade porque esas empresas se aseguran de ter a cobertura necesaria das Administracións para que o seu negocio nunca dea perdas. Pola outra parte, elimina unha referencia estritamente necesaria, a da actividade pública que non se guía polo beneficio senón pola valoración acaída de necesidade social á que obedece ese servizo.

É por todo isto que rexeitamos a privatización da xestión do servizo público no centro Souto de Leixa, expresamos a nosa solidariedade cos traballadores e traballadoras afectados, tamén cos usuarios e usuarias que van ver radicalmente modificados os principios de actuación que ata agora estaban a ser desenvolvidos para atendelos e chamamos a máis ampla mobilización en defensa duns servizos públicos de calidade.

Ferrol, 3 de decembro de 2010.


[02.12.2010 - Peche  do persoal do "Souto de Leixa" na sede do PP de Ferrol - Foto: CIG]

Persoal do Souto de Leixa péchase na sede ferrolá do PP contra a privatización do centro

Traballadores e traballadoras do centro Souto de Leixa e sindicalistas da CIG pecháronse o xoves, 2 de Decembro de 2010, pola tarde na sede do Partido Popular de Ferrol, nunha nova acción de protesta pola privatización do centro asistencial que a Xunta está a levar a cabo e que pon en perigo tanto a cualidade do servizo como a continuidade dos empregos.

O persoal, que foi atendido polo responsábel local do PP, prosegue así co calendario de mobilizacións iniciados dende que a Xunta anunciou a súa intención de privatizar o centro asistencial, pondo en perigo os postos de traballo e a cualidade dun servizo público que atende a persoas con discapacidades psíquicas.

Dende o colectivo de traballadores/as volveuse a instar Xunta para que garanta a continuidade da xestión pública do centro "Souto de Leixa" no proceso de segregación e posta en funcionamento, mantendo os postos de traballo da totalidade do cadro de persoal adscrito ao Centro de Educación Especial "Terra de Ferrol", na súa condición de empregados públicos, e garantindo a calidade asistencial aos usuarios e usuarios, do mesmo xeito que se viña facendo até o de agora.

O persoal, que foi atendido polo responsábel local do PP, prosegue así co calendario de mobilizacións iniciados dende que a Xunta anunciou a súa intención de privatizar o centro asistencial, pondo en perigo os postos de traballo e a cualidade dun servizo público que atende a persoas con discapacidades psíquicas.

Dende o colectivo de traballadores/as volveuse a instar Xunta para que garanta a continuidade da xestión pública do centro "Souto de Leixa" no proceso de segregación e posta en funcionamento, mantendo os postos de traballo da totalidade do cadro de persoal adscrito ao Centro de Educación Especial "Terra de Ferrol", na súa condición de empregados públicos, e garantindo a calidade asistencial aos usuarios e usuarias, do mesmo xeito que se viña facendo até o de agora.

Fonte: Avantar
_________________

Enlaces relacionados:

Ártabra 21: A Administración é como unha grande apisoadora que todo o esmaga - SOS "Souto de Leixa": na defensa dos postos de traballo, na defensa dos servizos sociais públicos, non permitamos a privatización da súa xestión

Ártabra 21: Reportaxe sobre a Manifestación contra a privatización do centro "Souto de Leixa", celebrada en Ferrol o pasado Sábado 20 de Novembro

Ártabra 21: Concurrida manifestación en Compostela contra a privatización do "Souto de Leixa" - Este Sábado 20 de Novembro, a manifestación será en Ferrol

Ártabra 21: Manifestación en Compostela, o 17 de Novembro, contra a privatización do "Souto de Leixa"

Ártabra 21: Privatización ao pé da casa

Ártabra 21: Solidariedade da CIG Aministración - Ferrol co persoal do "Terra de Ferrol" - "Souto de Leixa" e alerta sobre a vaga de privatizacións desenvolvidas e na axenda do Partido Popular

Ártabra 21: Non á privatización do Centro "Souto de Leixa" - Os servizos públicos non deben ser un negocio
_______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon