Amosando publicacións coa etiqueta A Xente do Mar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A Xente do Mar. Amosar todas as publicacións

sábado, febreiro 20, 2016

Este Sábado 20 de Febreiro, en Ferrol, Acto-Debate sobre a Lei de Acuicultura, coa participación da eurodiputada Líidia Senra e Juan Fajardo deputado do Parlamento Galego


Acto-Debate sobre a Lei de Acuicultura


A Asociación Cultural Fuco Buxán, en colaboración co Sector do Mar, durante as dificultades que padece a súa xente, convoca Acto-Debate sobre a Lei de Acuicultura. Convidamos a participar a todas as Confrarias da contorna de Ferrolterra e a todos os afectados, mariscadores, mariñeiros, armadores, peixeiras, etcétera. Participa: Lidia Senra, eurodiputada e Juan Fajardo, diputado. Con anterioridade hai uns días, en concreto o sábado 7 de Febreiro, estiveron nun acto en Ferrol na Galería Sargadelos, nun primeiro contacto coa xente do mar, para falar sobre a citada Lei de Acuicultura.

Este novo acto terá lugar:

Día: Sábado 20 de Febreiro.
Hora: Ás 11:30 horas.
Lugar: No Centro Cultural Carvalho Calero (O Inferniño - Ferrol)


Lídia Senra Rodríguez, Pobra do Brollón o 14 de xuño de 1958, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) |  Labrega, é unha destacada sindicalista do agro galego. Foi membro da Executiva da Coordinadora Labrega Europea (CPE). participou en diversos encontros internacionais representando a Vía Campesina, movemento labrego mundial que agrupa organizacións de América, Asia, África e Europa. Ademais, interviu activamente nos tres foros sociais europeos celebrados en Florencia, París e Londres. Tlf's: 0034 698 108 434/0032 483 604 027, |lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ e https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez. | https://twitter.com/lidiasenra.

Juan Fajardo (Juan Manuel Fajardo Recouso) Vilagarcía de Arousa  1973, deputado de Alternativa Galega de Esquerda, no Parlamento Galego. É informático. Militante de Esquerda Unida e do Partido Comunista desde 1990. Responsable comarcal do PCG en Arousa. Foi concelleiro en Vilagarcía de Arousa. Contacto: 981551584 | https://twitter.com/jmfajardoeu. |
juan.manuel.fajardo.recouso@parlamentodegalicia.gal


Enviado por:
A.C. Fuco Buxán Fuco Buxán
-fucobuxan@gmail.com-
19 de fevereiro de 2016 19:38

__________

domingo, febreiro 07, 2016

Lídia Senra e Juan Manuel Fajardo reuniron-se en Ferrol co sector marisqueiro da comarca, preocupado pola futura Lei de Acuicultura - A eurodiputada Lidia Senra manifestou que “a UE e a Xunta deseñan políticas para pór todos os recursos do pobo nas mans das multinacionais” - As demandas da xente do mar serán trasladadas a Europa


“A UE e a Xunta deseñan políticas para pór todos os recursos do pobo nas mans das multinacionais”. | Lídia Senra e Juan Manuel Fajardo reúnense en Ferrol co sector marisqueiro da comarca, preocupado pola futura Lei de Acuicultura. Os deputados de AGE en Bruxelas e no Parlamento Galego advirten de que é mentira que se parase a polémica normativa, como dixo Feijóo.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), participou este sábado pola mañá en Ferrol, xunto ao portavoz de AGE en materia pesqueira no Parlamento Galego, Juan Manuel Fajardo, nun encontro co sector marisqueiro da comarca onde advertiron de que as leis que se están a impulsar tanto desde Europa como desde os gobernos de Galiza e o Estado español son para, en palabras da eurodeputada, “colocar a riqueza en mans de cada vez menos persoas”.

Na xuntanza, celebrada nas instalacións da Galería Sargadelos de Ferrol, participaron máis de medio cento de mariscadoras e mariscadores, e entre os asistentes tamén estivo presente o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez. Durante a charla, Lídia Senra expuxo a importancia que teñen para ela este tipo de encontros, co fin de “escoitar as propostas” de cada sector para despois poder desenvolver o seu traballo no Parlamento Europeo e levar a esa institución as demandas dos distintos colectivos.

A UE está traballando única e exclusivamente para poñer todos os recursos na man das multinacionais, e dá igual que falemos do agro, do mar, da educación ou a ensinanza. Todos os regulamentos que se están modificando a nivel europeo e todas as novas leis que está impulsando o neoliberalismo van neste sentido, no de concentrar a riqueza cada vez en menos mans”, alertou. Para a eurodeputada, “estamos ante un avance moi importante da política neoliberal que quere facerse con todo o que nos queda á clase traballadora e ás clases populares e, ante iso, é fundamental que o pobo estea informado para poder frear esas medidas”.

Senra fixo un repaso polas accións levadas a cabo por AGEe no que vai de lexislatura no Parlamento Europeo en relación cos asuntos pesqueiros e  marisqueiros, incidindo en preguntas presentadas ao respecto da brutal contaminación das rías galegas, da necesidade de facer máis estudos sobre a biotoxina, a falta de axudas para a xente do mar que non pode traballar cando se realizan peches, a defensa da pesca artesanal, etc. “En Europa discútense a diario temas moi importantes que afectan de xeito directo á poboación galega”.

Neste sentido, alertou de que nestes momentos se esta discutindo sobre e a chamada Economía Azul e a gobernanza dos océanos. Un marco de traballo no que a Comisión Europea chegou a afirmar que o papel da pesca é “pequeno e subordinado ás moitas actividades que se poden realizar nos océanos, entre elas a obtencion de enerxia e a minería en alta mar”. “Están falando de que nun futuro se lle daría prioridade a proxectos de obtención de enerxía nos océanos, infraestruturas para o que levaría á instalación de máis parques eólicos mariños e outras iniciativas que afectarán e moito á nosa costa, á pesca e ó marisqueo, cun altísimo impacto ambiental negativo e un gran coste social”, dixo.

A eurodeputada de AGE relacionou tamén as decisións que se toman en Bruxelas coas que se toman tamén no Goberno da Xunta e no do Estado Español. “A Lei de Acuicultura galega vai no mesmo sentido do TTIP, posibilitar que todo recaia en mans de grandes empresas multinacionais”, exclamou. Fronte a iso, afirmou que a única solución é “a organización e mobilización do sector para frear leis como esa. Nós, as deputadas e deputados, podemos levar adiante as propostas do sector aos Parlamentos, podemos seguir dando a batalla e facendo encontros coa xente para que se saiba o que se está discutindo nas institucións, pero a solución pasa pola mobilización”, animou.

Pola súa banda, Juan Manuel Fajardo fixo un repaso polas numerosas “agresións” que ten sufrido o sector pesqueiro nos últimos anos e asegurou que isto “non é casual”, senón que é “unha  estratexia do PP para que a xente que sempre traballou do mar en Galiza abandone o espazo que a Xunta quere entregarlle ás multinacionais”.

Fajardo alertou de que non é certo que a Xunta botase para atrás a Lei de Acuicultura, como deu a entender Alberto Núñez Feijóo, senón que o que fixo foi “pausala para gañar tempo ante a grande contestación en contra que está a ter por parte do sector”. “Pretenden calmar as augas e dentro dun tempo convencer a algunha xente do sector e tirar para adiante”, dixo, tras denunciar que hai quince días o Executivo galego aprobou unha partida de 900.000 euros para publicidade en medios de comunicación defendendo este modelo de pesca. “Desde a Consellería minten e enganan”, incidiu.

O deputado de AGE explicou que a Lei de Acuicultura permitirá que as multinacionais poidan explotar o conxunto das nosas rías. “Queren mudar o modelo de explotación tradicional por outro industrial”, dixo, e cuestións como que a instalación de proxectos acuícolas nas rías terá carácter supramunicipal é un exemplo. “Estamos ante a tormenta perfecta”, afirmou. A Lei de Acuicultura tamén suporá que nas nosas rías se poidan introducir especies carnívoras foráneas, modificadas xeneticamente. “Se traen salmón transxénico e os mexilóns van filtrar esas augas, despois deses mexilóns farán fariña para darlle de comer ao salmón, será unha roda. Alguén analizou o que pode supoñer?”, preguntouse. Con esta lei, a “acuicultura industrial será prioritaria alí onde se instale, e estableceranse áreas de exclusión e nelas os mariñeiros nin poderán mariscar nin achegarse”, dixo.

No encontro foron varias as persoas que tomaron a palabra para denunciar, entre outras cuestións, que “a conselleira de Pesca está intentando dividir ás confrarías” ante a Lei de Acuicultura.

Compostela, 6 de febreiro de 2016

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | Tlf's: 0034 698 108 434/0032 483 604 027, |lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ e https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.

Enviado por:
MONTOTO VAZQUEZ Vera
-vera.montotovazquez@europarl.europa.eu-
6 de fevereiro de 2016 17:20
_________________

martes, decembro 15, 2015

Lídia Senra expón as reivindicacións do sector do cerco na sesión plenaria do Parlamento Europeo do pasado 12 de Decembro


Lídia Senra expón as reivindicacións do sector do cerco na sesión plenaria do Parlamento Europeo. | A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda subliñou a importancia de establecer a cota en base ao número de tripulantes. | Senra esixiu que a UE garantan que o Estado español realice un reparto de cotas respectando o Art.17 da Política Pesqueira Común.


A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, empregou onte pola noite a quenda de intervención libre dun minuto de duración para expor na sesión plenaria do Parlamento Europeo en Estrasburgo as reivindicacións principais do sector do cerco.

Senra subliñou que dende fai dous meses 120 barcos barcos desta arte de pesca fican amarrados nos portos galegos, e deu conta da acampada reivindicativa fronte ao Goberno galego levada adiante pola Asociación de Armadores do Cerco de Galiza (ACERGA).

Denuncian que o reparto da cota por históricos ameaza a supervivencia das 1.200 familias que dependen destes barcos, provocando ademais a destrución de milleiros de postos de traballo indirectos e poñendo en risco o futuro das comarcas costeiras galegas”, trasladou Senra, “reclaman xustiza, un reparto non discriminatorio das cotas, e que este se faga en función dos tripulantes de cada barco”.

Os homes e as mulleres do cerco -recalcou a eurodeputada galega- esixen que dende as institucións europeas se garanta que o Goberno español teña en conta criterios socioeconómicos á hora do reparto das cotas, tal e como establece o Artigo 17 da Política Pesqueira Común, cousa que non está a facer”.

A eurodeputada de AGEe Lídia Senra estivo acompañando en Bruxelas a unha delegación de ACERGA o pasado 10 de novembro na súa entrevista con Alain Cadec, presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, a quen trasladaron directamente as súas reivindicacións. AGE ten amosado o seu apoio á acampada reivindicativa que o sector mantén en Santiago de Compostela dende o pasado 22 de outubro e, mais recentemente, Senra e o deputado de AGE Juan Fajardo, trasladaron o respaldo de Alternativa Galega de Esquerda á proposta de reparto de cotas vinculado ao número de tripulantes e día [1] defendida polo sector.

Bruxelas, 15 Decembro 2015.

Sesión Plenaria do Parlamento Europeo [14.12.2014]

TEMA DA INTERVENCIÓN - ENLACE Á INTERVENCIÓN
[1] NdP de ACERGA, 2 de decembro 2016: https://docs.google.com/viewerng/viewer?url=http://www.acerga.com/images/docs/RP_NOTA_PRENSA_RP_Santiago.pdf

Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.


Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE

-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
15 de dezembro de 2015 10:32
__________

martes, xaneiro 27, 2015

Mariscadores furtivos abandonan o Concello de Ferrol tras reunirse co alcalde


O grupo de mariscadores furtivos que permanecía desde a mañá deste luns no Concello de Ferrol abandonaba pola tarde a casa consistorial tras manter un encontro co alcalde. José Manuel Rey Varela avanzou ao colectivo que a Xunta de Galicia podería publicar esta mesma semana novos listados para obter o permiso de explotación, aos que terían que sumarse para aspirar a unha licenza.

Os afectados, en todo caso, pretenden volver a próxima semana para comprobar si hai novidades en torno ao seu caso. Media ducia de mariscadores accedían ao Concello pola mañá, anunciando inicialmente que non abandonarían o lugar ata que se lles facilitasen permisos. Denuncian a presenza policial nos lugares en que faenan e a falta de resposta oficial ás súas queixas nos dous últimos meses.

FERROL360 | Luns 26 xaneiro 2015 | 19:21

Fonte: Ferrol 360.

Foto: O grupo congregouse ás portas do salón de recepcións do Concello de Ferrol (R. C.)

Licenza Creative Commons by-nc-nd
_________

mércores, novembro 26, 2014

Concentración e Asemblea Aberta d@s Mariscador@s sen Carnet diante do edificio da Xunta en Ferrol


Os/as Mariscador@s sen Carnet, concentraranse este mércores 26 de novembro, ás 11 hs, diante do Edificio da Xunta de Galicia (Praza Amada García - Ferrol)

Celebrarán unha Asemblea aberta para informar e exixir resposta á súa solicitude de entrevista conxunta coa Cofradía de Ferrol e a Consellería de Pesca da Xunta de Galicia.
___________________

domingo, novembro 23, 2014

Brutalidade e inxustiza: a noite do mariscador, ... Por Rafael Pillado


Por Rafael Pillado [*]
24.11.2014


Outubro, oito e media p.m., noite pechada; unha hora máis tarde, baixamar. Antonio e os seus compañeiros aproxímanse á ribeira, tras asegurarse de que non hai "mouros" na costa. Antonio, enfundado no seu traxe de neopreno e provisto dos instrumentos propios do mariscador "a pé", sentíase nervioso, tenso. O día anterior foran acosados e perseguidos, cunha saña que xa quixese para os grandes corruptos que arruínan o país impunemente. Cada día era unha aventura, un risco certo de acabar detidos e tratados como perigosos delincuentes. "Que pasará hoxe?", preguntábase.

Pese a todo, cos outros mariscadores sen carné -pero con familias ao seu cargo, decidiu introducirse no mar, pendente de pisar chan firme, afastado das trampas de lodo que axexaban como minas sementadas nun campo cheo. Calquera pisada en falso podería supoñer quedarse cravado nese lodo pestilente e opresivo e regresar a casa coas mans baleiras.

Observaba tamén aos seus compañeiros que como el, afanábanse no esforzo de recolección marisqueira, descoidando incluso a vixilancia preventiva. As lanternas necesarias para distinguir as ameixas, titilaban aquí e alá como vagalumes, delatando a súa presenza no deserto húmido da baixamar entre tebras.

Cando xa levaban unha hora de tarefa, de improviso, sen case decatarse, apareceu veloz unha embarcación que case llo leva por diante. Non lle pasou por encima de casualidade, co risco de morte que iso supoñía.

Apagáronse as lanternas, de súpeto. Produciuse unha marea humana en desbandada.

Antonio intentou escapar, protexendo o seu raño, capazo, flotador e ameixas arrancadas ao chan pantanoso; sen instrumentos de traballo, o gañarse o pan convértese nun "máis difícil aínda". Por desgraza, reaccionara demasiado tarde. A súa axitada respiración cortouse bruscamente. O seu pescozo estaba prisioneiro dun longo bicheiro que, tras darlle un forte golpe que case lle arrinca a cabeza de raíz, inmobilízalle e deixa sen alento.

Cinco minutos despois atópase subido á zodiac policial. Ameázanlle con golpes si pretende escapar. Logo, alí pasa o de sempre: a requisa das súas ferramentas de traballo. Pero non só iso: como se ve nas reportaxes da tele sobre os métodos empregados pola CIA nos seus cárceres secretos, será obrigado a espirse, antes de proceder aos interrogatorios, para abrandar a súa resistencia. Este método, practicóuselles indistintamente a homes e mulleres, e até, en ocasións, a uns e outras xuntos, por "mellorar" o efecto disuasorio.

Entregáronlle logo unha roupa de augas como medio para cubrir o seu corpo, cando xa lle arrebataron a dignidade, o pudor, o sentirse suxeito de dereito, amparado polas leis dunha Constitución que tanto nomean os mesmos que agora a vulneran aplicando aos detidos semellantes torturas psicolóxicas.

Ao final, deixáronlle marchar. Librouse, por unha vez, da longa porra de antidisturbios e das pelotas de goma como aquelas que en Melilla disparáronse no mar, causando mortes. Pensaba que hoxe había ter sorte e librouse das hélices da embarcación que lle abordara. Até, o traballar só unha hora (chégase a estar no mar tres e máis horas), facía que estivese de bo humor e superase o intenso frío que cada día acompáñalles. En todo caso, carcomía-lle a idea de chegar a casa sen os recursos que a súa familia necesita. E si multan-lle? Entón aínda peor ... Como reunir o diñeiro necesario sen quitarlle aos seus fillos o prato da mesa ...?

Con só o peso da súa pel de plástico, atopouse cos mariscadores dispersos trala persecución por parte da policía. Xuntos camiñaron cara a Caranza, mentres outros o facían en distintas direccións. Durante a viaxe de regreso ao fogar, tivo tempo para pensar na súa propia situación, non moi diferente da do resto dos seus compañeiros: en paro durante anos, el e toda a familia (máis do 30% de paro na comarca), coa construción naval en proceso de liquidación, sen saídas de ningunha clase, cando intentaban escapar do fame e a miseria, víanse criminalizados, presentados co nome infamante de "furtivos".

Afirmábase paso a paso na idea de ser un traballador do mar, mariscador sen carné, que esixe recoñecemento e vida digna. E xurábase entre dentes que nunca lle empuxarían a roubar; pero que non o sacarán do mar, onde atopou o que pode ser a súa última e lexítima esperanza dunha vida digna.

Mentres isto sucede e é coñecido, os titulares das institucións miran a outro lado, escapando á súa responsabilidade de solucionar problemas colectivos e individuais.

Estes mariscadores son conscientes da súa situación; non pretenden danar os non menos lexítimos dereitos dos seus compañeiros á boia, pero teñen o dereito (e o deber) de vivir e loitar nunha sociedade que os respecte e busque unha saída á súa traxedia.

Existen máis de 900.000 metros cadrados de ribeira para o marisqueo a pé, cun só carné tramitado. A Cofradía ten dificultades para subsistir economicamente; Antonio e os seus compañeiros poden contribuír a solucionar o problema, aportando o seu traballo diario. Saben, ademais, que o seu esforzo contribúe a rexenerar zonas mortas.

E evidencian que, co seu traballo legalizado, garántese plenamente un produto saneado. Rexeitan e denuncian o brutal tratamento policial, un insensato cúmulo de ilegalidades manifestas.

A sociedade ten que protexelos, coa mesma forza e convicción que ao resto de parados da nosa contorna.

Artigo Publicado no xornal comarcal 'Diario de Ferrol'.

[*] Rafael Pillado Lista, San Cibrao (Cervo) o 12 de xuño de 1942,  é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Foi un activista sindical e político nos anos da ditadura franquista, sen deixar nunca a súa actividade social e política. Participou no Encontro Social e na Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra. Agora fai-no nas Marchas da Dignidade de Ferrolterra. Escribe artigos sobre a actualidade nos medios locais. Ten escrito un importante e moi interesante libro sobre unha parte da nosa historia recente "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)".

Enviado por:
A.C. Fuco Buxán Fuco Buxán
-fucobuxan@gmail.com-
23 de novembro de 2014 10:34

http://www.fucobuxan.net

__________________

Enlace de interese:

"Furtivos" - Reunid@s en Asemblea a xente sen regularizar que vai a mariscar ás praias da Ría de Ferrol, acordaron unha serie de accións para conseguir 80 permisos para mariscar a pé - Unha moi interesante entrevista no programa Escarnio de rádio FilispiM, onde @s traballador@s irregulares da ría de Ferrol denuncian a súa criminalización.
____________________________

luns, novembro 17, 2014

'Furtivos' - Reunid@s en Asemblea a xente sen regularizar que vai a mariscar ás praias da Ría de Ferrol, acordaron unha serie de accións para conseguir 80 permisos para mariscar a pé - Unha moi interesante entrevista no programa Escarnio de rádio FilispiM, onde @s traballador@s irregulares da ría de Ferrol denuncian a súa criminalización


Desde hai días xente sen regularizar que vai a mariscar ás praias da Ría de Ferrol, "furtivos", veñen denunciando vexacións e malos tratos por parte da policía que os persegue e reprime. O cariz violento e vexatorio que tomaron as últimas redadas contra estes traballadores e traballadoras que reivindican un medio de vida, conseguiron que se organizaran e comezaran a mobilizar-se para facer visíbel a súa inxusta situación.  Familias sen recursos van á marea porque é onde poden tirar un pouco de diñeiro para poder facer fronte aos gastos máis elementais do día a día. As mariscadoras e mariscadores sen regularizar, puxeron-lle cara ao desemprego que está oculto en frías estatísticas. Pediron axuda que alguén lles botara unha man, xa non podían soportar sós por máis tempo a inxustiza que se estaba cometendo con eles e as súas familias. Chamaron á Columna Caranceira das Marchas da Dignidade, contactaron coa prensa, cos grupos municipais e partidos políticos, ... despois de mobilizar-se diante do Palacio municipal, na Praza do Concello de Ferrol, o Alcalde, José Manuel Rey Varela, prometeulles mediar e elevar a súa reivindicacións á Xunta de Galicia, pediulles a  cambio paz social, non quere ver xente na rúa pedindo Pan, Traballo e Teito. Os medios convencionais fixeron-se eco da súa situación. Comezaron a loita pola súa regularización.

Este fin de semana, o sábado 15 de novembro, centraron as súas reivindicacións, nunha Asemblea celebrada, ás 11 da mañá, no Centro Cívico de Caranza, apoiados polos nosos, moi veteranos, compañeiros Bernardo Bastida (Activista Social e ExPatrón Maior da Cofradia de Pescadores de Ferrol) e Rafael Pillado (Activista Social e histórico sindicalista e político, autor do libro de memorias "Latexo da Vida e da Conciencia").

J. Gómez do xornal comarcal 'Diario de Ferrol', dá conta hoxe, tanto na edición dixital como na impresa, de como se desenvolveu a citada Asemblea. Nova que ven recoller dalgún xeito as análise e acordos que se tomaron. Que polo seu interese, desde Ártabra 21, decidimos a transcribir a continuación. Maís antes tamén queremos dicir que facilitamos unha moi interesante entrevista que os compañeiros e compañeira do programa Escarnio da Rádio FilispiM, lle fixeron a tres representantes do colectivo da xente das praias.

---

Os mariscadores furtivos pedirán á cofradía e a Mar 80 permisos a pé
A asemblea reuniu no Centro Cívico de Caranza a preto dun centenar de persoas


Os mariscadores furtivos da zona d'O Couto acordaron onte nunha asemblea celebrada no Centro Cívico de Caranza e conducida polo expatrón maior da Cofradía de Pescadores de Ferrol, Bernardo Bastida, solicitar senllas reunións cos responsábeis do pósito local e da Consellería do Medio Rural e do Mar para esixir a creación de oitenta permisos de explotación a pé nas denominadas "zonas improductivas" da ría, é dicir, Montón-Caranza, A Cabana-A Malata e San Felipe.

Estas tres áreas, recordou Bastida, suman case 900.000 metros cadrados e, pese á súa extensión, só hai unha persoa que teña a habilitación para poder faenar nelas. "Pódese e débense dar permisos a pé", insistiu o expatrón, que, ante as preguntas dos asistentes sobre a calidade das augas, engadiu que "o que se saque das zonas C tería que completar o mesmo proceso que o que se colle nas Pías".

Bastida tamén se referiu á obrigatoriedade que fixa a lexislación autonómica de presentar uns estudos de viabilidade e substentabilidade das autorizacións nas que se quere traballar. "En primeiro lugar", apuntou, "si hai furtivismo significa que hai marisco; e, en segundo, pregúntome con que se compararían as mostras que se fagan agora si fai sete anos que non se mostrea neles? "

Non afecta ao de á boia

O expatrón insistiu en que a expedición de novos permisos de explotación a pé "non lle vai a comer o pan a ningún mariscador con permiso" porque, explicou, nesas zonas só traballa unha persoa.

Ademais, defendeu que o único xeito de mellorar a produtividade dos bancos máis afectados pola contaminación e a falta de saneamento é "traballándoos, porque só removendo o fondo se oxixena e evítase que se compacte".

Fonte: Diario de Ferrol. | Foto: Luís Polo. | 16.11.2014

Foto de Daniel Alexandre no 'Diario de Ferrol.

@s traballador@s irregulares da ría de Ferrol denuncian a súa criminalización.

"Isto vai a pior, non hai ningúen que se sente e que poña unha solución riba da mesa, cada vez hai máis xente no paro, na ría, sen recursos. Estamos abocados a isto, ao paro. Nin clases altas, nen clases medias... todo para abaixo". Con ista claridade expresábase unha pequena representación do cada vez máis numeroso grupo de traballador@s irregulares da ría de Ferrol, no descorrer da emisión do programa Escarnio da Rádio FilispiM. Entre trescentas e catrocentas persoas recorren aos froitos da ría, coma último recurso, ante a falla de perspectivas laborais ou prestacións das Admóns, co telón de fondo da realidade cotiá da cidade con maior taxa de paro do país, Ferrol.

No transcorrer da longa e intensa charla, os traballadores irregulares da ría, denunciaron trato denigrante por parte da policía, nos cada vez máis frecuentes operativos da Xunta e "forzas do orde". "Danche un chuvasqueiro do 'Capitán Pescanova' ou vas nú para casa", denuncian. Ademáis falan de atribucións de incautacións que non se corresponden coa realidade e que non se lles da recibo do incautado, entre o que se atopa útis de traballo e roupa de mar. Conclúen que as Autoridades (Xunta e policía) están interesadas en crear unha alarma social para lograr que o agora mesmo considerado coma falta administrativa pase a "resoverse" coma ser fór un delicto, pola vía penal. Ante esta situación, veñen de organizarse en Asembleas para chamar a atención sobre o que está a acontecer.


Fonte: Colectivo Opaíí ! de Rádio FilispiM, nas onda no 93.9 da FM e na rede.

Pode-se escoitar un estrato da entrevista elaborado pola  Redacción de Informativos, Rádio FilispiM,  no posto orixinal.

Recomendamos entrar no sitio-e de Rádio FilispiM, para poder observar a riqueza e creatividade que emana do Colectivo Opaíí !, cun grande número de programas propios e unha completa e atractiva grella de programación. Únete a Radio FilispiM, sintoniza o 93.9 da FM no teu dial. Escoita-a na rede en directo ou os teus programas favoritos, en diferido, a través dos Podcast que publica cada programa.
______________

venres, abril 20, 2012

Assembleia, ... Por Lupe Ces


Por Lupe Ces [*]
30.03.2012


Assembleia de mariscadoras e mariscadores da confraria de Baralhobre...a Xunta deve-lhes meses de labores de limpeza da Ria. Os planos de saneamento violados umha e outra vez. E as dívidas polas hipotecas, os empréstimos e a vida diária, aumentam.

Começa a falar-se de desafiuzamentos. Depois de duas semanas de encerramento no concelho de Fene, chamam a umha asembleia cidadá para recabar solidariedade.
Ideias, propostas, debate, críticas... mas a solidariedade começa a colher forma. Hai ausências que encher, noutras confrarias ocorre o mesmo, hai que unir-se.
Repaso às instituiçons. Por que o alcalde do PP nom apresenta a súa demissom se a Conselharia nom fai efectivo o pago das mensalidades? É mais, por que o PSOE, BNG e EU nom lhe dim ao alcalde que faga que lhes paguem, ou se unem e o sacam da alcaldia? E mesmo, por que está na alcaldia?
Na assembleia, em relaçom a umha proposta que falava de unirse a várias mobilizaçons que vam ter lugar na nossa comarca, afirmou-se que os que governam alegram-se de ver todo misturado, confundido... Eu penso que aos que governam, o que mais lhes aterra é ver que nos unimos.

[*] Por Lupe Ces Rioboo -Caranza Ferrol 1953, é mestra, activista social, integrante da Marcha Mundial das Mulleres. Forma parte do Colectivo Ártabra 21.

Blogue persoal: Caranza free opiniom
______________________

luns, febreiro 27, 2012

A xente do mar bloquea a Ría e manifesta-se no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en defensa dos seus postos de traballo e en demanda dos salarios adebedados pola Xunta desde Novembro do pasado ano 2011


A Xunta de Galicia quere botar aos mariscadores e mariscadoras da Ría de Ferrol
O Sector marisqueiro en perigo.
Máis de 500 postos de traballo, son os que se perderían.
A administración disposta a sacrificar a Ría de Ferrol.
A Xunta debe a mariscadoras e mariscadores sobre uns 600 euros.
A Xunta limitará os día de marisqueo a tres á semana, en lugar dos cinco.


A xente do mar, das Confrarías de Ferrol e Barallobre bloquean a Ría de Ferrol, entre castelos, logo de manifestar-se no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en defensa dos seus postos de traballo e en demanda dos salarios que debe a Xunta de Galicia desde Novembro do pasado. A Xunta de Galicia, debe, segundo as Confrarías, sobre uns 600 € (euros) que corresponden a case catro meses de traballos dentro do plano de dinamización da Ría que a Xunta xa anunciou unilateralmente a súa supresión a partir do vindeiro mes de Marzo.

Pasado o medio día as embarcacións cruzaban a Ría, nun ir e vir, na ponte d'As Pias colgaban-se varios mariscadores, nunha nova acción de protesta, acordando ao final bloquear a Ría até que reciban unha resposta en firme, por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar. A hora de publicar esta nova continuaba o bloqueo das lanchas.

O inicio das accións da xente do mar comezaba esta mañá cunha concentración na Praza Amada Garcia, unha representación dos varios centos de mariscadores e mariscadoras que se concentraban diante do Edificio Administrativo das Xunta, pechaba-se nas dependencias que a Consellería do Medio Rural e do Mar, ten nun dos andares do citado edificio. As persoas que participaron no peche fixeron a entrega simbólica das chaves das Confrarías, pois de aplicar-se os planos da Xunta para o sector na Ría de Ferrol, estas non terían máis remedio que "pechar".

A Xunta debe centos de miles de euros ás Confrarías

As cantidades que debe a Consellería, corresponden a unha partida polos traballos realizados nestes últimos meses, e que xa provocaran unhas accións de protesta da xente do mar, con unha prolongada acampada na Praza Amada Garcia.  Os citados traballos corresponden ás actividades incluídas no Plano de dinamización da Ría de Ferrol, datado en 2007, a raíz da falta de depuración da Ría que obrigou a catalogar a maior parte dos bancos marisqueiros como zonas C, altamente contaminados por verteduras de augas residuais urbanas e industriais que perante anos vimos vertendo na Ría. Esta é un auténtico sumidoiro, agravada a situación desde os recheos de Megasa, a construción do porto carboeiro interior, a construción do Porto Exterior co espigón de máis de 1.000 metros e a instalación da planta e gas de Reganosa.

En Marzo finalizaría o Plano Dinamizador da Ría

A supresión do Plano de Dinamización, en Marzo deste ano, vai acompañada dun plano de marisqueo que mudaría o anterior sistema de marisqueo, no que a ameixa se recollía de augas contaminadas e se depositaba en zonas limpas durante tres meses.  En pasou-se a súa substitución, colocando unha batea no exterior da Ría, en "período  de probas", para depuración intensiva. Sistema que non depuraba o suficiente, no tempo que se prevía. Posteriormente cambiaron  de lugar esta batea e probablemente poñerán outra destas infraestruturas.

Insuficientes ingresos por día, para poder manter a actividade

No mes de Xaneiro, practicamente, non houbo vendas de ameixa, a depuradora non funcionaba coas previsións feitas. En Febreiro, unha vez producidos os cambios,  os ingresos procedentes da ameixa depurada en batea, foron so uns 20 euros ao día. O Patrón Maior da Confrarías de Ferrol, Rubén Ferrer,  manifestou que a depuradora non ten suficiente capacidade para traballar os cinco días da semana, só catro quilos de ameixa por persoa e esta venden-se só a 5 € (euros) por Kg. Con pouco máis de 400 euros ao mes que significa o Plano proposto pola Consellería "non se poden pagar os seguros nin manter as embarcacións".

Só poderían mariscar tres días á semana por incapacidade de depuración das bateas.

As accións de protesta da xente do mar acordaron-se con posterioridade a coñecer-se as intencións da Consellería, comunicadas ás Confrarías que só poderían traballar na ría de luns a mércores, e que o xoves e o venres non poderían faenar, porque a batea non ten capacidade suficiente. Mariscadores como Jaime Gabarri reclamaron que se explique porqué optouse por este sistema, "a que amigos beneficia" e "canto está custando".
_____________

martes, novembro 29, 2011

Posición de ADEGA ante a instalación na bocana da Ría de Ferrol dunha "batea depuradora" - Artigos - Documentación - Audios


Entrevistas na radio a Xandro e Fins.

Audios dos programas radiofónicos con responsables de Adega sobre a instalación dunha batea na Ría de Ferrol:

Enlaces cos medios onde entrevistaron aos compañeiros Fins e a Xandro có asunto do proxecto da batea depuradora na nosa Ría, o audio na COPE ten algúns anuncios de máis, mais a entrevista é moi interesante, para non ter que escoitar toda a publicidade comezar o audio no minuto 8 e 50 segundos. O programa na RadioTVE, tamén é un programa longo, mais o asunto da Batea da Ría de Ferrol, pode-se atopar no minuto 14 e 30 segundos:





Enlaces:
Interesante artigo de ADEGA:
A Xunta manda á Rede Natura o marisco contaminado que Pescanova non quixo diante da súa piscifatoría

Información de hoxe no xornal comarcal Diario de Ferrol:
Mar instalará esta mesma semana a batea para depurar o marisco de zonas C

Documento en formato pdf:
ORDE do 23 de novembro de 2011 pola que se modifica a Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Outra información:
36 Asemblea Xeral de Adega
Sábado 17 decembro de 2011

Por acordo da Xunta Directiva, a 36ª Asemblea anual ordinaria de ADEGA celebrarase o vindeiro sábado 17 de decembro. Será en Arzúa, nos locais da Casa da Cultura (Rúa Santiago) en sesión de mañán e tarde.

Nesta xornada celebraremos tamén a tradicional cea anual de confraternización no decurso da que faremos entrega dos premios Osíxeno e Dioxina 2011.

Información baseada na enviada por:
Antonio García Jiménez
-angaji@yahoo.com-
ADEGA-TRASANCOS(FERROLIÑO)
-adegatrasancos@adega.info-
29 de novembro de 2011 17:13
_________________

sábado, novembro 05, 2011

Sindicatos e Confrarías esixen o saneamento urxente da Ría de Ferrol e o mantemento do Plan de Dinamización


Os integrantes da Mesa denuncian o abandono da Consellaría do Mar e advirten que máis de 400 empregos directos están en perigo.

Os integrantes da Mesa do Plan de Dinamización da ría de Ferrol compareceron esta mañá en rolda de prensa para esixir a recuperación e o saneamento integral da ría co obxecto de eliminar as Zonas C e permitir ao colectivo de traballadores/as do mar retornar con plena normalidade á súa actividade produtiva. Así mesmo, durante a comparecencia denunciouse a situación de abandono na que a Consellaría ten deixado aos mariscadores/as e as pretensións da administración galega de disolver o programa, a pesar de que a ría continúa sendo a máis contaminada de Galiza.

Os representantes da CIG, CCOO e UGT e as Confrarías de Ferrol, Barallobre e Mugardos na Mesa do Plan de Dinamización lembraron que a día de hoxe a Consellaría do Mar aínda non respondeu á solicitude de convocatoria urxente trasladada a pasada semana para abordar a intención de deixar sen efecto dito Plan. Neste senso, un dos voceiros da CIG de Ferrol e integrante da Mesa, Xesús A. López Pintos, criticou que a Consellaría realizase este anuncio a través dos medios de comunicación, sen consultar cos membros da mesma e sen ter en conta as necesidades dos mariscadores e mariscadoras.

Dende sindicatos e os pósitos criticouse o incumprimento por parte do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de mediar ante a conselleira do Mar para que convoque a reunión da Mesa do Plan de Dinamización así como o compromiso de abordar no Consello do Goberno o pagamento das contías adebedadas aos mariscadores/as polas tarefas de limpeza da ría, pendentes de cobrar o mes de setembro e oito días de outubro. Este compromiso fora adquirido por Núñez Feijoo o pasado sábado durante o decurso dunha protesta dos traballadores/as nun acto do Partido Popular na Coruña.

Sobre esta cuestión, o voceiro da CIG, denunciou que a Consellaría continúe desoíndo as reivindicacións dos mariscadores/as e pretenda suprimir o Plano cando aínda non se teñen completado as tarefas de saneamento da ría de Ferrol (a máis contaminada de Galiza) e polo tanto non están recuperadas as Zonas C. Cómpre subliñar que o Plan de Dinamización permite aos mariscadores e mariscadoras percibir un salario por realizar tarefas de rexeneración, limpeza da ría e recollida de ameixa das zonas contaminadas para o seu traslado a augas limpas durante os meses do ano nos que teñen prohibido faenar.

[Foto: Susete'70 - A Xente do mar en Loita Outubro 2011]

Levamos catro anos co Plano activo e agora a Consellaría quere rematalo sen que a ría estea limpa”, critica. Pintos subliñou a importancia económica da Ría de Ferrol, xa que dela dependen máis de 400 traballos directos. Neste senso, lembrou que estas augas conteñen o maior banco de produción de ameixa do País, que, non obstante, non se pode comercializar en fresco polo grao de toxicidade do marisco.

Participación na manifestación do domingo 6 de novembro

Pola súa banda, o colectivo de mariscadores e mariscadoras continuaron estes días coas mobilizacións en demanda do cobro das débedas polas tarefas de limpeza da ría e para demandar actuacións urxentes que permitan a recuperación das zonas C. Así na noite do xoves levaron as súas protestas ao inicio de campaña do PP, que finalmente acordou suspender a pegada de carteis.

Ademais, o colectivo de mariscadores e mariscadoras participarán o domingo 6 de novembro (portando unha faixa propia) na manifestación comarcal convocada por CIG, CCOO, UGT e USTG en defensa do emprego e do sector naval. A marcha, que se desenvolverá baixo o lema "Polo emprego e o futuro da comarca. O naval é fundamental. Carga de traballo xa!", sairá ás 12:00 do mediodía dende o Inferniño e rematará na Praza de Armas, onde se procederá á lectura dun manifesto.

Do mesmo xeito, as organizacións sindicais da comarca acordaron secundar e apoiar as mobilizacións que os traballadores/as do mar decidan levar adiante en defensa dos seus empregos e para esixir á recuperación integral da ría.

Fonte: Avante

A Ría de Ferrol en Fotos -Susete'70:
http://fotosdeferrol.blogspot.com/p/na-ria-podes.html
___________________

martes, outubro 11, 2011

Continua a #Acampada-Xente-do-Mar na Praza Amada Garcia, fronte ao Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol


A #Acampada-Xente-do-Mar na Praza Amada Garcia, fronte ao Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol, continua unha semana máis, se cadra con máis participación, pois a Consellería volveu incumprir a súa palabra e non fixo efectiva as cantidades endebedadas. Pois tanto a cofraría de Barallobre como a de Ferrol aínda non teñen confirmación de que se efectuaran os correspondentes ingresos, de Agosto, nen os de Setembro, pendentes da reunión do Consello da Xunta.

A #acampada vai-se manter e nos vindeiros días faranse novas accións en demanda dos pagos endebedados e para concienciar sobre o grave deterioro ambiental da Ría e do estado de emerxencia no que se atopa, necesitando urxentemente que entren en funcionamento os sistemas de depuración que levan moita demora e demandar a execución dos proxectos de rexeneración das zonas máis degradadas pola contaminación.



Fotos: Susete'70

Enlace relacionado:

#Acampada-Xente-do-Mar


Enlace de Referencia:

As confrarías de Ferrol, Barallobre e A Coruña fan a presentación dun "Manifesto pola recuperación das rías galegas": Mércores 16 de Marzo en Ferrol


Novas no Diario de Ferrol:

Os mariscadores inician outra semana de acampada sen cobrar os seus salarios
Martes, 11 de Outubro de 2011

O atraso ambiental de Galicia

Domingo, 9 de Outubro de 2011
____________

venres, outubro 07, 2011

#Acampada-Xente-do-Mar


Desde hai días a Xente do Mar, mariscadoras e mariscadores da Ría de Ferrol, manteñen unha importante loita polo seu salario, pola dignidade e pola Ría.

Despois de semanas de intensa actividade reivindicativa, concentracións, ocupacións, peches de estradas con barricadas, de lume ou de mexillón, un grupo de mariscadores e mariscadoras das confrarías de Barallobre e Ferrol acamparon fronte ao Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol, na Praza Amada Garcia.

Todas as reivindicacións están relacionadas. A falta de pagamento da Xunta polos traballos de limpeza, segundo os acordos da administración co colectivo, desencadeou a mobilización da Xente do Mar que tamén denuncian o estado de emerxencia ecolóxica no que se atopa a Ría de Ferrol.

As mariscadoras e mariscadores sinalan á Xunta de Galicia como responsábel última de que a Ría estexa na situación que está, con altos índices de contaminación. Tantos anos sen depuración das augas residuais, sen que se amañara o problema, non só pola administración autonómica, senón que tamén polos distintos gobernos municipais que tiveron a responsabilidade nos diferentes concellos da contorna da Ría. A actitude e desinterese dos responsábeis municipais e autonómicos pola nosa Ría, permitiu contaminación progresiva da mesma, pois a maior parte dos bancos marisqueiros están clasificados como Zona C, o que lles obriga a que o marisco recollido sexa depositado en augas limpas doutras zonas da Ría, para a súa depuración natural antes da venda en fresco.

A Xente do mar agarda que o vindeiro Luns 10 de Outubro, se fagan efectivos os pagamentos que endebeda a Xunta das cantidades comprometidas polos traballos que realizaron nos últimos meses. As mariscadoras e mariscadores ven un futuro incerto para o seu traballo, dado o alto grado de contaminación e os continuos aprazamentos e atrasos na realización das obras para a depuración integral da Ría.

Se á falta total de depuración das augas residuais urbanas, as dos Portos, Arsenais e as dos contaminantes das industrias localizadas na ribeira, como Navantia, Megasa, Forestal del Atlántico, e as dos polígonos industriais de Río do Pozo, Vilar do Colo, ... , soma mos-lle o problema da esterilización e arrefriamento dos centos de miles de metros cúbicos de auga que utiliza Reganosa para o proceso de vaporización do gas natural licuado -LNG/GNL, a Ría sofre unha agresión de grandes dimensións que só a mobilización e conciencia cidadán pode paralizar.
___________

Noticias relacionadas no Diario de Ferrol:

Os mariscadores manteñen a acampada ao non cobrar
Sábado, 08 de Outubro de 2011

Nós non somos responsables desta situación
Vernes, 07 de Outubro de 2011

Os mariscadores reclaman na acampada o saneamento de Ría
Xoves, 06 de Outubro de 2011

Os mariscadores buscan sensibilizar sobre a urxencia do saneamento
Mércores, 05 de Outubro de 2011

Os mariscadores deixaron de ingresar 58 millóns co esborralle do banco das
Pías Martes, 04 de Outubro de 2011

A conselleira do Mar pide "comprensión" e asegura que advertiu ao sector dos atrasos
Martes, 04 de Outubro de 2011

As Pías, un banco marisqueiro en caída libre desde finais dos anos 90
Domingo, 02 de Outubro de 2011

Os profesionais do sector revitalizaron a zona coas súas propias iniciativas
Domingo, 02 de Outubro de 2011

A Xunta pagará tras o Consello do xoves os salarios dos mariscadores
Sábado, 01 de Outubro de 2011

A Xunta pagará tras o Consello do xoves os salarios dos mariscadores
Sábado, 01 de Outubro de 2011

O alcalde condena a violencia e di que "o asunto está resolto"
Venres, 30 de Setembro de 2011

Os mariscadores arroxan lodo da ría á entrada do edificio da Xunta en Ferrol
Xoves, 29 de Setembro de 2011

A instalación de paneis solares en Barallobre iníciase a próxima semana
Xoves, 29 de Setembro de 2011

Rey Varela mediará ante a Xunta para axilizar os pagos aos mariscadores
Mércores, 28 de Setembro de 2011

Bieito Lobeira (BNG) reclama a Mar que “cumpra co seu deber”
Miércoles, 28 de Septiembre de 2011

Os mariscadores continúan coas protestas en demanda dos seus salarios
Martes, 27 de Setembro de 2011

Os mariscadores saen á rúa para denunciar que non cobraron agosto
Sábado, 24 de Setembro de 2011

Diferenzas nos prazos de cobro frustran unha nova campaña da vieira
Sábado, 24 de Setembro de 2011

Os mariscadores mobilízanse hoxe por non cobrar os traballos do mes de agosto
Venres, 23 de Setembro de 2011
_____________________