Amosando publicacións coa etiqueta David Rodríguez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta David Rodríguez. Amosar todas as publicacións

mércores, xaneiro 28, 2015

Que é Grecia?, ... Por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
28.01.2015

Que é Grecia hoxe? É o lugar da UE onde as contradicións xeradas polo enésimo intento alemán ao longo da historia de converterse no hexemón europeo son máis agudas. Que se está a evidenciar nos primeiros pasos do goberno Syriza (homenaxe a fusilados gregos polos nazis, inclusión dun partido de dereitas euroescéptico...)? Que o novo goberno grego está a concebir o campo de batalla como un proceso de liberación nacional e de recuperación de soberanía. (Así o entende tamén Jacques Sapir).

Que pode desbaratar esta estratexia? Non levar até as últimas consecuencias o proceso de emancipación política a respecto da UE se esta apenas ofrece un pequeno alivio da débeda grega en forma de adiamento de pagamentos,
"Se é que hai algún, o problema cos plans de Syriza pode ser que non son o suficientemente radicais. O alivio da débeda e unha flexibilización da austeridade poderá reducir o sufrimento económico, pero é dubidoso que sexa suficiente para producir unha forte recuperación. Por outra banda, non está claro que outra cousa podería facer calquera goberno grego a non ser que estea preparado para abandonar o euro." (Paul Krugman onte no NY Times).
un risco de desbaratamento que aniña precisamente na vaporosa ideoloxía europeísta que existe na propia Syriza.

Por que calquera comparación co proceso catalán é unha coña? Porque o proceso catalán, hexemonizado e conducido pola dereita, non só non afronta o que neste momento é o principal problema de todos os pobos sureuropeos (a súa condición de subalternos no reparto de traballo na UE) senón que -como única estratexia xeopolítica- o proceso catalán apela de facto ao amparo da propia UE como xeito de acadar a súa independencia.

Cal debería ser a tarefa de todas as esquerdas do Estado Español? Xa o dixen moi claramente noutra ocasión. Basicamente: decidir se son parte de Vichy/Saló ou dos aliados (nunca mellor traído o exemplo hoxe que se celebra o 70 aniversario da liberación de Auschwitz polo Exército Vermello).

En resumo, asumir o que o exemplo grego indica: a política concreta para a situación concreta, hoxe, ten que afrontar a cuestión da falta de democracia para os pobos dentro da UE. Unha Fronte Popular (que non populista) que recoñeza a pluralidade nacional do Estado Español, como a artellada contra a ameaza nazi-fascista durante os anos 30 do século XX (non por casualidade noutro momento de expansionismo alemán), segue a ter todo o sentido.

O Funambulista Coxo


Publicado o 27 de Xaneiro de 2015 no blogue:

ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975), deseñador gŕafico, activista social, escritor e articulista. Membro do Consello Editorial de Altermundo. Mantén o blogue Ofunambulistacoxo desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico 'O Bambán' e 'Nunca me esquecerei de ti' (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario 'Lapidarias. Os versos escuros' e participou no libro colectivo 'Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural'. E a escolma
'Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro'.O 17 de xaneiro de 2015, abre un novo blogue baixo nome de Lecturas Coxas que son traducións propias de textos interesantes ... @Ofunambulista, podese-lle contactar en ofunambulista[arroba]gmail.com.
_________________

domingo, decembro 28, 2014

Arredor de "Galiza, um povo sentimental?" (e máis), ... Por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
28.12.2014

En Galiza, um povo sentimental?, Helena Miguélez Carballeira analiza, dende unha perspectiva feminista e poscolonial, como os discursos arredor da nación galega resultaron máis ou menos mobilizadores en función de se naqueles abundaban os tropos asociados a unha certa idea tradicional do feminino (pasivo) ou do masculino (activo). Unha das teses sostidas pola autora é que a omnipresenza do discurso sentimental feminino no chamado nacionalismo cultural tivo unha funcionalidade colonial e desmobilizadora.

Esta recorrencia aos tropos femininos datará xa do primeiro rexionalismo do XIX e verase desafiada co xurdimento do nacionalismo galego, propiamente dito, cando o nacemento das Irmandades da Fala. Así, colíxese a convivencia no discurso sobre xénero e nación galega de dúas grandes pólas, unha culturalista desactivadora do político (o cal é á súa vez un xesto político), feminizante:
«Procurei identificar a filiação, raras vezes reconhecia, entre o nacionalismo cultural galego e esse peculiar regionalismo apolítico na Galiza. Esta relação torna-se evidente, se considerarmos, como fiz neste livro, o tropo do sentimentalismo galego como o seu canal condutor. »
E unha liña netamente politizadora da cuestión nacional, masculinizante:
«Os novos ideólogos do movimento começaram a perceber que, para neutralizarem esa entranhada lógica colonial, que ligava a identidade galega à feminidade, era fundamental uma estratégia discursiva que passava por recaracterizar masculinamente a identidade nacional galega e por reconstruir a capacidade do nacionalismo para a acção política, entendida esta como uma questão de virilidade. Esta transição está no cerne daquilo que se costuma descrever como a passagem do regionalismo “sentimental” para o nacionalismo “político” a partir de 1916» (p. 126)
Porén, a cousa non remata aquí. A autora mostra con gran pericia como estes dous discursos mantiveron historicamente unha relación dialéctica. Como exemplo, a reacción do rexionalismo á masculinización do novo nacionalismo post-1916 mediante un discurso de masculinidade apolínea (ideas de autocontrol e racionalidade) fronte os delírios paixonais e irracionais (novamente tropos femininos) do novo nacionalismo. Unha viraxe que terá a volta de porca case definitiva coa vitoria franquista tras a guerra civil onde a belicosidade testosterónica, desta volta do nacionalismo español, pasará directamente á acción. Por súa vez, a figura de Carvalho Calero é lida pola autora como un exemplo de hipermasculinidade en oposición ao culturalismo de Galaxia, toda vez que o primeiro quedará, entre outras cousas pola cuestión da norma lingüística, marxinado dese mundo.

A seguir, a autora mostra como a irrupción da crítica feminista (especialmente daquelas mulleres sen dependencias emotivo-intelectuais cos “grandes homes” da nación) comezará a minar a representación patriarcal da muller e da nación tanto do culturalismo coma do nacionalismo. Miguélez chega así á conclusión de que a ideoloxía da Normalización -que ela vincula ao piñeirismo aínda que sinale que os discursos cuestionadores da ideoloxía da Normalización funcionan tamén «como desafios explícitos ao discurso nacionalista galego enquanto discurso patriarcal.» (p. 210)- constituirá unha sorte de pano de fondo implícito onde calquera proposta discursiva non homologada é percibida como unha ameaza e é, por tanto, minimizada.

Miguélez contra Carballeira

O libro de Miguélez Carballeira é útil porque nos recorda algo que, aínda que evidente, ás veces esquécese. Michael Billig, no seu O nacionalismo banal, púxoo así:
«A batalla pola nacionalidade é unha batalla pola hexemonía mediante a cal unha parte reivindica falar polo conxunto da nación e representar á esencia nacional.»
A ideoloxía política que enche de significado á nación reside nos contidos das diferentes “comunidades imaxinadas” en pugna. Esta batalla pola nacionalidade dase tanto nos estados xa constituídos, como -así o demostra Miguélez Carballeira- nos movementos nacionalistas que pretenden constituírse en estados. Entre esas ideoloxías políticas, tamén se inclúe, por suposto, aquela que ve no nacionalismo “en si” a doutrina política a primar. Quen propugna o nacionalismo como ideoloxía política tende a ter unha visión da nación estática (ou cando menos pouco amiga de problematizarse “en exceso”), na que o imaxinario se enche de vacas sagradas e tropos inamobibles e na que calquera cuestionamento destes marcos é interpretada como traición (e tanto máis furibundamente se considera herexía canto máis feble socialmente sexa ese nacionalismo ideolóxico); de aí, por exemplo, que o artigo de Helena Miguélez en El País sobre Carvalho Calero fose interpretado por parte de Pilar García Negro como unha afrenta a unha desas vacas sagradas, afrenta que basicamente se despacha cun ti-non-tes-puta-idea-porque-non-coñeceches-a-Carvalho, que é outra maneira de dicir: ti non estás (e nunca estarás porque iso é bioloxicamente imposible) no grupo con acceso directo ás esencias nacionais.

Fronte esta visión, hai outras que consideran que o da identidade nacional non é O conflito senón que é Un conflito. Quen considera que o nacional é un conflito entre outros acostuman, por motivos obvios, ter problemas de intercomprensión con quen considera o nacional como O Conflito. Cada vez que os que consideran que o nacional é un conflito entre outros se empeñan en traer á luz os conflitos diferentes do nacional -e que este por si só non resolve- o discurso do nacionalismo ideolóxico séntese -loxicamente, por outra banda- ameazado, pois este tende a procurar a unidade da comunidade nacional e aborrece os conflitos dentro da mesma. Por outra banda, tamén semella razoable que quen pensa que nunha sociedade dada existen múltiples conflitos pero que se existe algo así coma O conflito este é o que se produce entre clases sociais (o cal tampouco se pode converter nun absoluto simplificador, pois se parece evidente que a cuestión económica determina o resto de conflitos estes non se poden reducir automaticamente ao mecanicismo económico) quen así o considera, digo, é normal que tenda a pensar a táctica e a estratexia política en función da cuestión de clase.

Nun artigo recente, Helena Miguélez enunciaba a súa preocupación pola emerxencia do nacionalismo banal español como consecuencia da excesiva atención á cuestión de clase a raíz da crise económica. Vinculaba aos autores do libro Entrementres. Ensaios para unha nova cultura política e a xente coma Amador Fernández-Savater ou Guillem Martínez baseándose en coincidencias na utilización dunha “gramática e vocabulario comúns”. A seguir, a autora sacaba as súas conclusións a partir de varios textos deses dous autores e máis dalgúns outros, pero non a partir de ningún texto de Entrementres (o cal resulta especialmente rechamante). Libro, por outra banda, colectivo e que, polo tanto, dificilmente podería ser reducido a unha única voz. Aquí, semellan revelarse  dúas cousas:

1. Un xeito de abordar esta cuestión, se cadra debedora do “xiro lingüístico", segundo o cal todo é texto e linguaxe e do que se trata é de interpretar como os diferentes chorros de significantes se relacionan entre si independentemente da súa relación co contexto e coas “cousas” non textuais. É por iso, digo eu, que a Helena Miguélez lle poida abondar o “aire de familia” gramatical para facer un totum revolutum e que non se pare a pormenorizar qué pode ter que ver o que se di en Entrementres con feitos concretos (ou interpretación deses feitos se se quere) acaecidos na política galega nos últimos anos.

[Exemplos: a forma de entender os partidos, a evidente desconexión do nacionalismo coa sociedade galega, a relación cos movementos sociais, as mudanzas na propia sociedade galega que desafían a narración do nacionalismo que vincula automaticamente nación e clase, as características do capitalismo globalizado existente hoxe en día e o papel das distintas institucións políticas, o papel do bipartito galego, a institucionalización e homologación do nacionalismo, etc.].

2. Cando a Helena Miguélez lle preocupa que a esquerda galega, prestando atención á cuestión de clase e ao papel de baleirado democrático que cumpren as macroinstitucións situadas por riba do estado-nación, estea propiciando o nacionalismo banal español semella estar dando como fundamental a contradición nacional. Pero, como xa se indicou máis arriba, quen sitúa o nacional coma un conflito máis e, en último caso, non coma o determinante neste momento, é probable que estea máis preocupado porque a polarización que se retroalimenta entre un, por exemplo, Francesc Homs, para quen a cuestión esquerda-dereita españoliza (sic) e un Mariano Rajoy, para quen o contubernio de bolivarianos e separatistas é unha ameaza para a estabilidade de España, poida propiciar unha -se se me permite a expresión- dereitización banal que sirva para que os que están a facer os maiores ataques aos dereitos das clases populares do E. Español en décadas surféen a crise cun sorriso na boca e que, unha parte deles -aínda por riba- conten co aplauso entusiasta do nacionalismo galego. Máis grave aínda, cando ningún deses dous personaxes, e os seus respectivos contornos, non só non problematiza cuestións como a existencia de superestruturas como a UE que están a centrifugar a vella idea de soberanía popular senón que mesmo apelan sistematicamente a elas ben sexa como cinto de seguridade de que España non rachará, ben sexa como lugar do que se agarda recoñecemento do proceso independentista. Como sempre na vida, todo é cuestión de posicionarse e tomar partido.

Helena Miguélez aplicou unha terapia de choque desnaturalizadora á cuestión de xénero e nación que se demostrou tremendamente fructífera. Mágoa que a autora non vexa a necesidade de aplicar ese mesmo método desnaturalizador aos discursos sobre o feito nacional en si. A primeira evidencia disto, presente no libro, ten que ver con que a autora se refira a Galicia como colonia sen explicar por que, ou segundo que definición de colonia o fai. Sen dúbida, se a autora se animase a facer o mesmo exercicio reflexivo que fai sobre os tropos de xénero sobre, poñamos por caso, o tropo celta non fixándose só en se o tropo pintaba aos celtas ora coma un pobo aguerrido e masculino ora sentimental e feminino (o cal está óptimo, claro) senón problematizando por que carallo falaban dos celtas todos eses señores? Que se quería dicir cando se dicía que entre esa mistificación chamada “os celtas” (aguerridos ou debiluchos) e os señores e señoras galegas contemporáneos deses discursos había algún tipo de vínculo que permitía que os primeiros servisen para simbolizar aos segundos?

[A  este respecto, e por falar en concreto do celtismo, a cousa non se pode despachar dicindo que aquilo era propio da historiografía romántica, en primeiro lugar porque o nacionalismo galego actual aínda está inzado de todo ese discurso étnico, imos chamalo...  "atlántico-céltico", aínda que hoxe se revista de curiosidade científica pola etimoloxía lingüística ou pola xenética histórica e en segundo lugar porque calquera que sexa o tropo mistificador este será usado para delimitar que é e que non é nin pode ser nunca autenticamente nacional].

Temos entón que a análise da dialéctica entre discursos demóstrase fértil para aflorar o oculto detrás de toda a retórica histórica arredor da nación a respecto da muller e que pode ser igualmente aplicado para analizar tamén a vinculación do discurso nacional co pobo de carne e óso que se pretende simbolizar con el e que non facelo aforra enfrontarse a conclusións que poderían ser esfarelantes da construción nacional, polo seu carácter mistificador, e/ou vergoñantes, polo seu carácter esencialista.

A autora finaliza o seu libro contrapoñendo o sentimentalismo dos anuncios de Gadis á, sen dúbida, realidade brutal da vida dun preso independentista. Así, tras o longo periplo a través da lectura do libro, a autora parece dicir que hoxe quen encarna o nacionalismo non sentimental sería o independentismo (sen quedar tampouco moi claro a que sector do nacionalismo galego identifica como tal, cousa non menor dado que hoxe case que todo o nacionalismo galego semella definirse como independentista). Ao meu modo de ver Miguélez fai aquí unha pequena trampa xa que se ben dá por suposto que o independentismo sería ese non-sentimentalismo superador da visión patriarcal, en ningún momento procede á análise dos discursos e prácticas dese mesmo independentismo referido nos que sería fácil atopar numerosos tropos continuadores ben do sentimentalismo, ben do patriarcalismo, ben da idea Normalizadora e “enchedora de ocos” culturais que autora denunciou nas súas páxinas.

[Por mencionar algúns que se me ocorren sen ter feito unha investigación nen moito menos: os equipos de futbol gaélico, as olimpiadas rurais, os roteiros de montaña, todos equiparables ao vencello entre deporte e a idea de nación sa propia dos movementos políticos da Europa dos anos 30 que Miguélez menciona; paganismos varios tipo Samaín, rondallas-rituais con fachos de lume, igualmente relacionados cos movementos dos anos 30; o futbol gaélico de novo, a adopción de maneiras e instrumentos “célticas” na música folk, a obsesión coa toponimia prerromana na procura de non sei que esencia todos como remanentes do tropo céltico (ou calquera outro pobo antigo, venerable e non latino-sureño); o discurso da contabilidade capitalista, pragmático-gañador e hipernormalizador da lingua (lingua útil e extensa no espazo público mundial) propio do reintegracionismo, fronte a visión da norma oficial como sucedáneo bastardo que reclúe o idioma nas magras fronteiras da autonomía; a existencia, tamén, da lóxica de “enche ocos” culturais, pero desta volta en base a modelos alleos como poida ser o vasco: deportes rurais, Apalpador, montaña…; remanentes do vello romanticismo que vinculaba nación con paisaxe: querencia polos espazos naturais tidos por sublimes, espazos, por certo, adoito adornados por algunha pintadiña de expresiva emoción patriótica do tipo “Gz Ceibe”, ou similar…; contraposición rural-cidade no que o primeiro representa a autenticidade heideggeriana (nada menos que Heidegger, o filósofo Galaxiano por antonomasia!) e a segunda o espazo impuro e cosmopolita, no que a identidade nacional se dilúe e no que o castelán xa é asumido como lingua propia; etc.]

Pero un comprende perfectamente esta última trampiña.  A propia autora comeza o libro dicindo:
«A palavra “nação” nunca esteve muito longe duma referência aos sentimentos.» (p. 13).
O cal, por finalizar, nen ten por que ser sempre malo, pois tamén de emocións vive o home (e a muller).

O Funambulista Coxo

Publicado o 29 de Outubro de 2014 no blogue:
ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.
_________________

xoves, outubro 30, 2014

Sociedade precaria, ... Por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
30.10.2014

Non diga sociedade do risco, non diga sociedade líquida, diga sociedade precaria. A precariedade é o espírito dos tempos. Do primeiro lume acendido no fondo dunha cova no afastado paleolítico aos sistemas públicos de seguridade social da Europa do século XX, a do ser humano é unha loita por se dotar de redutos nos que se sentir a salvo, mundos artificiais estables onde a imprevisibilidade da vida á intemperie poida ser domesticada. Pero xa non. Hoxe o canto á ideoloxía da intemperie escóitase a diario, coreada ao unísono por todos os altofalantes e repetidores do sentido común à la page. O canto á matogueira e ao suxeito desgaxado da sociedade que, coa soa axuda do seu machete, sabe abrir carreiro entre as silvas; o canto eufemístico á competitividade, á liberdade individual e á capacidade emprendedora é a música de fondo dos nosos días.

Da precariedade estritamente laboral, na que aspirar a un posto de traballo remunerado con certa perdurabilidade no tempo como para permitirse edificar unha vida digna semella unha esixencia demasiado rigorosa para as capacidades do mercado de traballo, á precariedade horaria e a súa incompatibilidade coas máis elementais aspiracións humanas, como poida ser parir e criar un fillo ou unha filla. Da precariedade alimentar dun sistema que xa exterminou ao campesiñado e que hoxe só ofrece alimentos industriais de baixa calidade á precariedade enerxética dos que xa non poden permitirse luz ou calefacción (de novo o lume da cova) e cuxa fenda no acceso a estes recursos non fará máis que aumentar a medida que a crise enerxética global avance.

Toda institución que, coas súas eivas, puidese actuar como abrigo -da familia ao Estado- vese galvanizada até, como dicía o clásico, esvaecer no aire, devorada polo Saturno económico que a todos nos quere expostos, vulnerables e dispoñibles.

Na teoría dos marcos ideolóxicos que desenvolve George Lakoff baseándose nos descubrimentos da neurociencia este divide aos individuos progresistas e reaccionarios en función de se neles predomina o marco mental da protección ou da disciplina. A analoxía coa escatoloxía xudeocristiá é obvia, distinguindo ao Yavhé protector que acolleu ao ser humano no paraíso do Yavhé castigador que enviaría ao ser humano ao desterro fóra do paraíso. Hoxe é o Yavhé castigador, o Yavhé que non ofrece ningún tipo de contrapartida á mera represión, o que trunfa. Así, o ser humano expulsado do paraíso, botado ao mesmo horizonte mortal que o resto das bestas, coñecerá na súa carne o sufrimento e a dor de vivir na intemperie.

É falsa a dialéctica que conduciría inexorablemente, de querer situar ao ser humano racional no centro, a Auswitz. O mundo despois de Auswitz desprazou ao ser humano a un recuncho infecto até convertelo nun animal. O ser humano do ultracapitalismo globalizado é o ser humano naturalizado. O ultracapitalismo globalizado non recoñece institucións políticas, polo que o ser humano só pode ser considerado en tanto que ser vivo, non ser político. Trátase do ser humano pre-prometeico, o ser humano que volveu renunciar ao lume que o quecía nas noites de inverno.

Paradoxalmente, este ser humano naturalizado non só é o que peor convive coa Natureza en toda a historia da especie, senón que, de feito, está a destruíla. No novo barbarismo tecnoloxizado dos mercados financeiros globais, o medio natural sacrifícase, precarízase, sen ofrecer recambio algún, en forma de segunda natureza artificial, co que substituílo. Demostrando así que racionalidade e tecnoloxía non sempre van xuntas: hai unha tecnoloxía conducente ao darwinismo social incompatible coa Natureza. Hai unha tecnoloxía ilustrada conducente á protección social, única garante da sostibilidade ambiental. Semella obvio que para o seu bo funcionamento respectivo, na Natureza e nas sociedades humanas deben rexer leis totalmente diferentes.

Ollen ao seu redor, vexan a precariedade en toda parte. Que clase de aprendices de bruxo son as elites que rexen os destinos do mundo dende o último terzo de século até os nosos días? Quen era un Reagan, un Blair, un Aznar, unha Merkel, os xefes do FMI ou do BCE, os executivos de Lehman Brothers, ou de Bankia, ou das caixas galegas, e tutti quanti, senón líderes precarios, irresponsables curto-pracistas e mediocres?

Ollen para Gaza ou para Ucraína, ollen para Iraq ou Afganistán e verán por todas partes a seres humanos reducidos a mera carne sufrinte, semellante a gando despezado no matadoiro. Ollen para a África negra que se desangra nos estreitos do sur de Europa e por epidemias incontroladas como o ébola e non verán nada máis que un grande caos, un polvorín de inestabilidade en mans de pirómanos que xa comezou a estoupar.

O Funambulista Coxo

Publicado o 29 de Outubro de 2014 no blogue:

ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.

_________________

martes, outubro 14, 2014

Tres notas sobre a II Asemblea Nacional de Anova, ... Por David Rodríguez Rodríguez


Por David Rodríguez Rodríguez [*]
14.10.2014


1. Como calquera forza de creación recente Anova viviu durante estes dous últimos anos un proceso de decantación inevitable. Calquera proxecto novo encara un primeiro tempo de aluvión, confrontación e eslarecemento ideolóxico. Quen non entendeu que isto é o que se estaba a producir durante os convulsos dous primeiros anos de Anova (e xa veremos se isto rematou ou non) ten en Podemos unha moviola na que poderá asistir á repetición da película: aluvión, confrontación e esclarecemento. Por outra banda, nada hai máis absurdo que comparar a unha forza nova con outras totalmente constituídas e asentadas. Ambas teñen problemas -pois só os mortos non teñen problemas- pero trátanse de problemas diferentes; unha adoece de hiperactividade interna e contradicións agudas; as outras, de esclerose e medo, moito medo.

2. O sector que queda cunha representación residual nos órganos de dirección estaba, de facto, fóra da organización dende hai tempo. Non se identificaba co proxecto de Anova (non en van repetían, un tras outro, todos os tics propios da “cultura BNG” da que procedían) e, cando o facía, facíao dende posturas cínicas e liquidadoras de Anova como a defendida nesta AN para que Anova renunciase a presentarse ás municipais en aras dun pretendido apoio ás candidaturas cidadás; como se en todos os pequenos concellos deste país fose haber candidaturas cidadás semellantes ás das cidades. Anova é un proxecto creado para activar e ensanchar no posible a rebelión cívica contra o réxime do 78 no Estado Español e contra a ditadura económica de estruturas supranacionais tipo UE ou FMI e non para resucitar o PSG nin estúpidas dialécticas de guerra fría que hai tempo que non rexen. Unha das conclusións que cabe tirar da II AN é que Anova non vai ser o Partido Socialista polo devecía o sector hoxe nucleado por Cerna. Tampouco, obviamente, vai ser un Partido Comunista. Se Anova quere ser fiel a si mesma debería ser unha ferramenta útil para a Unidade Popular nun tempo no que a derrota de TODA a esquerda a TODOS os niveis é absoluta, e útil, tamén, para enfrontar os novos retos que a realidade empírica e material nos impón: a crise climática e os recursos limitados que fan caducar as vellas concepcións socialdemócratas e comunistas do progreso, a organización e o desenvolvemento das sociedades. A eventual reprodución fractal das leas imbéciles entre menxeviques e bolxeviques no amplo e variado espectro que hoxe ocupa a CN de Anova significará un paso seguro cara a destrución do proxecto. E unha nova proba a favor da propensión do ser humano á estulticia.

3. Xosé Manuel Beiras tardou en percibir o que sucedía en Anova. Pero finalmente percibiu. A Beiras debémoslle o impulso inicial para crear unha ferramenta que puidese vogar nun fin de ciclo multinivel. Leu con grande lucidez e celeridade os cambios que estaban acontecendo na sociedade galega e española dende o estoupido do 15M, leu tamén o carácter sistémico e a gravidade real da crise económica que padecemos e leu o estancamento no que se atopaba o nacionalismo galego (ese que nega tal estancamento e ridiculiza os cambios ao tempo que convoca, tarde e a rebufo, “asembleas abertas” á última moda). A alguén tan dotado para a lectura non se lle pode escapar que un capítulo con entidade propia na crise da esquerda galega (e estatal) durante os últimos lustros ten que ver coa reprodución no seu seo da mecánica imperante a nivel xeral tendente a reducir á mocidade ben ao “peterpanismo” durante os tempos de vacas gordas, ben á precariedade -é dicir, á non emancipación- nos tempos de vacas fracas. Un quere pensar que o paso dado a prol da coportavocía é indicativo de que se é consciente de que compre rachar canto antes o tapón que freaba o acceso das novas xeracións aos postos de mando e non que se trata dunha manobra de dilación que, por outra banda, é bioloxicamente inviable.


O Funambulista Coxo
Publicado o 14 de Outubro de 2014 no blogue:
ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.

Enviado por:
Inácio GZ

-inaciogz@gmail.com
14 de outubro de 2014 23:20
______________

venres, xuño 20, 2014

Hipóteses dun día de xuño, ... Por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
20.06.2014

Nas décadas marabillosas da burbulla inmobiliaria nas que España aparecía coma o país-milagre capaz de afastarse do pasado grisallento de dentes podres e sopa de polo cara os grandes éxitos deportivos e os cociñeiros de deseño, a presenza de ETA e, en xeral, o conflito vasco, era o gran polarizador político que todo o condicionaba. Naquela altura, a Constitución era unha sorte de valado de contención que articulaba o confronto formulado polo stablishment político-mediático hispano mediante a oposición: demócratas vs. non-demócratas. Euskal Herria era o epicentro do confronto pero este salpicaba continuamente ás outras esquerdas periféricas non afectas ao "Patriotismo Constitucional" en que acabaran derivando os "Pactos da Moncloa". A esquerda federal, naquela altura, facía a súa peregrinaxe do vergonzante consenso da Transición á recuperación aberta do republicanismo e da tricolor. O debate económico, naquela España de novas clases medias financiarizadas encantadas de se coñeceren, non pasaba dos balances fiscais entre territorios ou de dilucidar se as baixas de impostos eran ou non de esquerdas.

A case coincidencia do anuncio de cese da actividade armada por parte de ETA e da emerxencia do 15M -coa súa demanda de democracia real e o seu cuestionamento da representación- dinamitaron, coa axuda subterránea dunha crise económica que fixo emerxer de novo á vella toupa, a antiga separación entre demócratas e non demócratas. Pero lonxe de isto significar a "normalización" do País Vasco, un ten a impresión de que o que se está a dar é a euskaldunización de España. Novamente, como antes da entrada das esquerdas non nacionalistas no redil consensual da Transición, na España que non é vasca, catalá ou galega a fenda entre demócratas e non demócratas reábrese para vertebrar un renovado antagonismo entre as elites e o pobo (ou os pobos). E a batalla por significantes como Democracia, Patriotismo ou Soberanía lembra cada vez máis á que se leva dando -coa salvedade de que en xeral o europapanatismo, verdadeiro cepo de toda soberanía popular, fixo fortuna en case que todas partes- nas "nacións periféricas" dende a morte do ditador.

Ao éxito de Podemos, co seu patriotismo nacional-popular español e á cada vez maior exhibición de tricolores opóñenselle as declaracións de Cristina Cifuentes "Podemos quere acabar coa nosa democracia" tratando de manter a chama acesa do antagonismo noventeiro entre democratas e non demócratas ou as de Esperanza Aguirre reclamando unha marea patriótica que encha as rúas de Madrid na coroación do rei, tratando de que o item "patria" non fuxa do marco conceptual acuñado polo bloque hexemónico (así como tratando de reconceptualizar o item "marea") ou o mesmo feito de que no día de hoxe en que Felipe VI foi nomeado rei a tricolor semellase, nas rúas de Madrid, unha bandeira tan perigosa como o foi, durante as últimas décadas, a ikurriña, a estelada ou a estreleira.

O mesmo que nos noventa, hoxe a Constitución volve ser un corsé infranqueable que tanto serve para selar con sangue e lume a dependencia dos pobos do Estado ao "Consenso de Berlín" mediante o artigo 135, como para coutar todo debate sobre a monarquía ou sobre o recoñecemento nacional reclamado por eses patriotas "Outros" da "periferia".

Como antes dos Pactos da Moncloa, hoxe no Estado Español albíscanse dous grandes bloques non exentos das súas propias contradicións internas. Por unha banda, o réxime, conformado pola grande empresa, os grandes medios, PP-PSOE (e satélites), o resto dos aparatos de Estado e o imperio-UE. Da outra, o groso social agredido polas políticas neoliberais e as demandas democráticas das nacións sen estado coas súas particulares decantacións políticas e sociais. No medio, como demostrou a abstención a respecto da lei de abdicación de Juan Carlos, á espera, a burguesía catalá e vasca.
Dada esta inestabilidade e imprevisibilidade é probable que o réxime decida actuar rápido. Será entón cando este volva poñer a proba a súa capacidade de cooptación mediante a oferta de novos consensos. Juan Luis Cebrián deixaba entrever hoxe mesmo que o plan do réxime para a súa relexitimación e perpetuación podería pasar por unha reforma constitucional con posterior referendum que, cabe pensar, dese encaixe principalmente a Cataluña e que introducise, agora pola porta grande, a suxección da soberanía popular do estado-nación-España á tecnocracia antidemocrática europea. Nesa hora da verdade, nesa nova "Reforma vs. Ruptura", veremos non só por quen optan as burguesías vasca e catalá senón tamén que farán as distintas esquerdas, especialmente as de ámbito estatal, que terán que optar por sumarse ao consenso ou, de non facelo, por procurar (ou non) un marco de convivencia entre o novo patriotismo español-republicano e os outros patriotismos "periféricos" que permita algún tipo de unidade de acción tamén no medio prazo.

O Funambulista Coxo
Publicado o 20 de Xuño de 2014 no blogue:
ofunambulistacoxo.blogspot.com.
[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.
_________________

xoves, xullo 25, 2013

Non deamos nada por sentado, ... Por David Rodríguez


Por David Rodríguez [*]
25.07.2013


Podería parecer razoable, desde o punto de vista de quen pasa todo o ano comprometido cos valores solidarios e denunciando os múltiples problemas que esta nosa sociedade na que os valores mercantís priman sobre calquera outro tipo de lóxica, reaccionar con indignación e mesmo con cinismo á avalancha de bos sentimentos, xestos empáticos, accións simbólicas e declaracións benintencionadas que nos inundan neste negro día nacional de Galiza no que centos de persoas feridas e máis de setenta persoas mortas volveron, coa súa descougante materialidade, situarnos no lugar que nos corresponde, e no que tantas veces esquecemos estar, a causa da segunda natureza cultural e tecnolóxica na que se desenvolve a nosa vida: o lugar dunha criatura estremadamente débil e suxeita á intemperie e aos vaivéns da fortuna. E máis razoable podería semellar, neste tempo no que asistimos a diario ao desmantelamento do marco legal que, mal que ben, contribuía a que en tantos outros casos tráxicos relacionados coa inequidade socioeconómica e coas consecuencias que esta ten en todos os ámbitos da vida, a reacción de pasividade do groso da poboación clama ao ceo. Porén, como tantas veces levo feito neste blog para outras coxunturas, penso que, desde un punto de vista político, cómpre resaltar tamén, neste caso, o significado de todo o que vén sucedendo desde que a máquina do Alvia envorcou e se estomballou contra un muro deixando en tanta xente un estado shock físico ou psicolóxico imborrable. E por político non falo de causas, neglixencias ou despropósitos que se poidan vencellar ao caso do accidente do tren, á súa utilización nos media ou ao comportamento das institucións -cuestións que, naturalmente, haberá que investigar e depurar- senón que me refiro ao caracter totalmente político, como sabemos desde que nolo ensinara Antonio Gramsci, que ten o chamado "sentido común", isto é, os valores hexemónicos nunha sociedade dada. E por máis que isto poida parecer pouca cousa, cómpre non dar nada por sentado. Neste país de moi recentes desertores do arado no que por veces semella que todo ese pouso de valores comunitarios e solidarios desaparecesen como se nunca tivesen existido é unha cuestión política de primeira orde saber que aquela mutación que tanto preocupaba a Pasolini nos valores das clases populares aínda non se levou a cabo totalmente. E aínda é máis importante se temos en conta que vimos dun ciclo histórico dominado culturalmente polo neoliberalismo e a súa aversión á idea de sociedade e o seu canto ao individualismo egoísta. Que o primeiro impulso dos veciños do lugar do sinistro fóse socorrer ás vítimas lixando as súas mans co sangue dun estraño, que tantos profisionais sanitarios se prestasen a traballar arreo para dar os primeiros auxilios, que houbese bombeiros que renunciasen a continuar cunha folga para colaborar nas tarefas de excarcelación, que houbese un completo colapso popular dos puntos de doazón de sangue e que tanta xente seguise todo a través das redes sociais cunha implicación emocional sincera podería parecer que forma parte da paisaxe normal. Que non hai nada de relevante no feito de que as persoas reaccionen así ante unha catástrofe como esta. E porén, eu creo que non debemos dar nada por sentado. Cando tratamos de pensar friamente cal é o chan (porque eu teño asumido que nesta cuestión partimos do chan) a partir do que debe volver xurdir ese suxeito político que volva pór a andar, como realidade organizada para a transformación, os vellos valores da liberdade, da igualdade e da fraternidade, esta cuestión, a cuestión de cal é o sentido común da nosa sociedade nun contexto de percepción xeralizada de emerxencia, non é algo menor, nin algo que se deba dar por descontado sen facer reflexión algunha do mesmo.

O Funambulista Coxo

Publicado o 25 de Xullo de 2013 no blogue ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.


__________________

venres, abril 12, 2013

Todos somos negros, ... Por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
12.04.2013


Hai tempo escoitelle ao cómico Javier Cansado algo así como que el non lía ningún libro ao que non lle tivesen pasado por riba algúns aniños. Un xeito de garantir que só se perderá enerxía lendo aquilo con capacidade de trascender o meigallo da novidade e de sobrevivir á conxuntura do presente. 

Como un fai algo semellante cos produtos televisivos, aínda estiven vendo estes días a primeira temporada de The Wire, a trama policial ambientada na cidade de Baltimore que, a dicir do seu director David Simon, tenta mostrar como "o capitalismo salvaxe e sen freos despreza aos seres humanos". 

Asistindo como espectador ao día a día da barriada afroamericana que só atopa no tráfico de drogas un xeito de integración e de ascensor social, veume á cabeza, aínda que pareza paradoxal, aquel artigo 14 da Constitución de Haiti de 1805 que proclamaba: "Todos os cidadáns, de aquí diante, serán coñecidos pola denominación xenérica de negros". 

A máxima haitiana recoñecía a cidadanía universal a base obviar os mil matices de pel e de identificar ao todo coa parte máis excluída. Na nosa época de contrarrevolución, imitar o xesto haitiano non redundará nun maior recoñecemento de dereitos pero polo menos axudará a tomar consciencia de cal é o lugar do que partimos. A ver se me explico.

Cando un ve The Wire, ten a impresión de que o modelo Baltimore, que o xeógrafo marxista David Harvey, concidadán tamén dese lugar, ten analizado nalgún dos seus libros, pode estar máis preto de nós do que pensamos. Baltimore, di Harvey, ten unhas "corenta mil casas baleiras" pero "as concentracións de persoas sen fogar, a existencia de desemprego e de pobres empregados é evidente en todas partes. As fileiras nas cociñas económicas fanse cada vez máis longas e os centros de beneficencia de moitas igrexas están sobresaturados.As desigualdades medran a pasos axigantados. Os masivos recursos educativos da cidade están vetados para os nenos que viven alí. Os colexios públicos están nun estado lamentable. A pobreza crónica e todo tipo de signos de dificultades sociais reinan á sombra dalgunhas das mellores institucións médicas e de saúde pública do mundo, que son inaccesibles para as poboacións locais." Acaso non comezan a ser todas estas cousas familiares nesta nosa Europa do sur que pouco a pouco se vai desenganchando da utopía de benestar e capitalismo domésticado que quería ser a Unión Europea? 

Pero, ademais destas condicións materiais, temos algo máis en común co Baltimore de David Harvey e de The Wire que tamén traballa a favor da consigna "Todos somos negros": hoxe que en Europa o movemento obreiro é unha caricatura do que foi, as maiorías sociais nosas teñen tan extirpadas como as clases populares norteamericanas a cultura de esquerda e as ferramentas ideolóxicas e organizativas propias daquela. Tamén neste aspecto estamos xa igualados co centro do imperio. 

En coherencia con isto, se cadra, non estaría mal revisitar, como recordou Rebeca Baceiredo recentemente, as maneiras dun movemento que tratou de ofrecer unha estratexia viable nese contexto: os Black Panthers. Se un procura na rede o nome de Emery Douglas, o seu Ministro de Cultura, vai atopar unha obra gráfica que o introducirá de xeito rápido e ameno nas cuestións a que dedicaban os seus esforzos os Panteiras Negras dentro das comunidades negras estadounidenses: crear programas de educación, de alimentación e de saúde accesibles ás clases populares. Isto é, programas encamiñados a articular unha sociedade completamente alienada e a dotarlle do Estado do Benestar que as institucións lle negaban. 

Esta é unha estratexia lóxica para quen queira crear conciencia política onde non a hai. É a estratexia seguida tanto polo chavismo como pola estrema dereita grega, dous movementos antagónicos mais con igual vontade de seren masivos. Se o tempo verifica que ese "capitalismo salvaxe e sen freos no que se despreza aos seres humanos", do que falaba David Simon, chegou aquí para ficar, a nosa esquerda patria mellor faría en ir considerando a posibilidade de aplicala.

O Funambulista Coxo

Publicado o 2 de Abril de 2013 no blogue ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.

Ártabra 21: David Rodríguez: Palabras para a guerra en curso - Retomando a Palabra (Libro) - Descarga:
______________

Outros interesantes artigos relacionados:

Ártabra 21: Esquerda partidaria en Galiza. Un escenario aberto , ... Por David Rodríguez
Ártabra 21: As falsas polarizacións, ... Por David Rodríguez
__________________

mércores, marzo 27, 2013

Esquerda partidaria en Galiza. Un escenario aberto , ... Por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
27.03.2013


Na camapaña das eleccións autonómicas de 2012 Xosé Manuel Beiras, o histórico dirixente do nacionalismo galego, citaba unha e outra vez ao Castelao da Fronte Popular para xustificar a coalición que Anova —organización nacionalista de esquerdas formada polos exBNG Encontro Irmandiño e outras forzas como a independentista e comunista FPG ou Movemento pola Base— viña de selar coas franquicias galegas de Izquierda Unida e Equo así como co pequeno grupo Espazo Ecosocialista. Aludía Beiras, fronte aqueles que consideraban a aposta pola transversalidade identitaria unha deriva perigosa, á situación de excepcionalidade provocada polo novo fascismo financeiro que, a diferenza do dos anos trinta, non precisa de desfiles de masas e histrións con casaco militar para manter aos pobos subxugados senón que lle basta o control da moeda e o movemento irrestricto de capitais.

200.000 votos e a posibilidade futura de desputar ao PSdG-PSOE  o posto de principal partido da oposición parecen un  bo indicativo de que a aposta, por máis arriscada que parecese nos círculos políticos nacionalistas, foi moi ben comprendida e refrendada eleitoralmente por unha cidadanía agredida que decidiu premiar a unión de forzas ante o que consideraba un inimigo común.

E porén, non está nada claro cal pode ser a continuidade desta coalición. Se o sentido común chamaría a reeditala (se é ampliada mellor que mellor) a outras escalas territoriais como poida ser a municipal, o certo é que Anova, que celebrará a súa primeira Asemblea Nacional en xuño, aínda non se posicionou claramente, alén dalgunha que outra declaración individual, sobre o futuro da mesma. Así, a día de hoxe, pode dicirse que dentro de Anova coexisten, de maneira máis ou menos explícita, dúas visións sobre este asunto. A de aqueles que apostan por seguir explorando a vía da cooperación con forzas da esquerda estatal sempre que, desde esta, se recoñeza a realidade nacional do pobo galego e o seu carácter de suxeto político (ao cal no axudaron, certamente, as recentes declaracións de Cayo Lara nas que consideraba que na cuestión do dereito a decidir catalán tamén se debía escoitar o que ten que dicir "o resto de España") e os que seguen cun ollo posto no BNG, que celebrou a súa Asamblea Nacional  este 17 de marzo cunha renovación importante da súa executiva e coa emerxencia na mesma dalgunhas caras que poden tender pontes de diálogo con Anova.

No Parlamento galego os nove deputados da Alternativa Galega de Esquerdas están a traballar coma un grupo cohesionado e a súa presenza no mesmo supuxo a entrada dunha corrente de vento fresco que forzou ao BNG a adoptar algunhas maneiras menos domesticadas das que viña utilizando  nesa institución. Pero mentres isto sucede n'O Hórreo a recomposición de todo o mapa da esquerda partidaria galega fai que o futuro das distintas organizacións e as súas estratexias estean no aire.

Polo que respecta a Anova estase vivindo no seu interior a pugna non só pola política de alianzas senón tamén a pugna polo modelo de organización que se quere para o futuro. Así, se moitos dos militantes máis activos apostan por un modelo de partido-movemento, cunha maior participación das bases, menos rixidez xerárquica, liderados compartidos, vontade de experimentación política e relevo xeracional; outra parte da organización móstrase máis cauta á hora de probar novas fórmulas organizativas e máis en liña coas vellas formas da política partidaria institucionalizada. O posicionamiento público de Xosé Manuel Beiras, por paradoxal e incluso incoherente que resulte nunha organización que fai bandeira do horizontalismo, será decisivo á hora de aclarar se Anova será ese partido da esquerda soberanista para os próximos 25 anos que o propio Beiras dixo desexar ou se esta non pasará de ser un estadio pasaxeiro para un regreso, coma fillo pródigo, á nave nodriza do BNG, xa sexa mantendo esa marca ou con outra que no futuro se poida acuñar.

Esquerda Unida, que celebrará Asamblea Nacional en abril, xa fixo pública a vontade da súa dirección de profundizar a relación con Anova arredor da coalición AGE, algo lóxico nun partido que até este momento apenas tiña presenza institucional en Galiza. Porén, entre os retos desta organización para que AGE poida ser un proxecto con futuro está conformarse como partido nacional galego, acadando unha autonomía orgánica que hoxe aínda non ten a respecto da estrutura federal de Izquierda Unida e asumindo sen medias tintas o dereito de autodeterminación dos pobos.

En canto ao BNG é obvio que a aparición de AGE está a condicionar toda a súa acción. Desde a postulación de Xavier Vencepersoa moi crítica, por exemplo, co proceso de fusión das caixas de aforros que o BNG avalou no seu momento— ao cargo de Portavoz Nacional, á reconsideración, polo menos retórica, da súa relación con movimientos sociais coma o 15M, até o de agora considerados polo Bloque pouco menos que coma metástasis españolistas e falsamente revolucionarios;  a asunción de certos prantexamentos que enarbolaba o Encontro Irmandiño cando aínda estaba integrado no BNG son indicativos de que, aínda que sexa de maneira implícita, estanse a recoñecer algúns erros. Pero ao tempo que isto sucede, a posible entrada no BNG dalgunhas forzas minoritarias independentistas coma Nós-UP  e parte do que foi Causa Galiza, ambas moi críticas con calquera tipo de colaboración con EU, parecen presaxiar o posible enroque do BNG nun soberanismo ensimismado —que xa está a provocar friccións entre aqueles que desde dentro do BNG observan esta estratexia coma o camiño máis corto á irrelevancia política—  e pouco proclive a unha política de alianzas amplas co resto da esquerda.

Tempo pois de impass o que se respira na esquerda partidaria galega nunha conxuntura política na que a excepcionalidade que Beiras describía na campaña electoral de 2012 non só segue vixente senón que probablemente se agudizará conforme o estado de putrefacción do réximen da segunda restauración borbónica siga avanzando e as exixencias da Troika continúen esganando aos pobos de Europa.

Nota.-Este artigo é a versión en galego dun artigo escrito a requerimento do xornal Diagonal e publicado na súa edición en papel da segunda quincena deste mes.

O Funambulista Coxo

Publicado o 27 de Marzo de 2013 no blogue ofunambulistacoxo.blogspot.com.

---

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.

Ártabra 21: David Rodríguez: Palabras para a guerra en curso - Retomando a Palabra (Libro) - Descarga:
______________

Outro interesante artigo relacionado:

Ártabra 21: As falsas polarizacións, ... Por David Rodríguez
__________________

martes, marzo 26, 2013

As falsas polarizacións, ... Por David Rodríguez

" ... non hai mudanza sen sociedade civil organizada e coñecedora da súa forza, é dicir, sen suxeito político consciente e articulado ... "

De entre as trifulcas máis recorrentes no seo do bizantinismo interno da esquerda política ningunha é tan aborrecida e habitual como aquela que establece a polarización ideolóxica dentro da organización entre unha pola gradualista socialdemócrata e outra vangardista revolucionaria. Estas foron, co permiso dos libertarios, as dúas grandes estratexias históricas da esquerda, polo menos en Europa, para transformar politicamente a realidade.

A estratexia vangardista revolucionaria triunfou, á hora de tomar o poder e dirixir o Estado, na revolución do 1917; pero a incapacidade de levar á práctica as promesas dun mundo mellor chegaría ao paroxismo co colapso da URSS en 1989. Por outra banda, a imposibilidade de que a revolución se propagase tamén por Europa occidental demostrou, xa naquel incipiente século XX, que a experiencia rusa sería máis unha excepción ca unha norma.

A estratexia socialdemócrata conseguiu os seus propios triunfos, sobre todo despois da segunda guerra mundial e en boa medida pola existencia como ameaza xeopolítica e polo de atracción utópico para as clases traballadoras occidentais da Unión Soviética, pero este triunfo provocou a condición de posibilidade da súa propia derrota futura: a integración material e ideolóxica das clases traballadoras no capitalismo. Derrota hoxe incuestionable cando asistimos ao espectáculo patético que ofrecen uns partidos socialdemócratas impotentes para evitar o desmantelamento do estado do benestar.

E é que como dicía o historiador Josep Fontana nunha entrevista recente:
"Rematou unha época, a da vella política máis ou menos socialdemócrata, nas que as cousas se negociaban. É difícil darse de conta de ata que punto, durante 200 anos houbo efectivamente uns medos que xustificaron que quen tiñan os recursos nas súas mans aceptasen negociar. Eran uns medos irracionais. Pero eran medos. Agora, a exixencia á xente para que baixe os seus soldos estase a converter nunha cousa sistemática. Rematou negociar. Decidiron que as cousas teñen que mudar e que imos a un proceso de crecemento da desigualdade".
Pero se esas categorías que hoxe polarizan absurdamente ás esquerdas políticas non son máis ca falsas polarizacións produto da incapacidade da propia esquerda para pensarse de xeito crítico a si mesma, cales son as categorías que deberían actuar coma verdadeiros estremos polarizantes na vida interna das organizacións? Na miña opinión a polarización real no seo da esquerda política radica nestas dúas contraposicións:

A primeira, a que se dá entre os que saben que non hai mudanza sen sociedade civil organizada e coñecedora da súa forza, é dicir, sen suxeito político consciente e articulado, e os que pensan que, sexa na modalidade reformista socialdemócrata ou sexa na modalidade vangardista revolucionaria, é posible seguir a exercer de representantes sen representados. De vangarda sen masas. De partido sen movemento.

A segunda das contraposicións é aquela que se dá entre os que apostan pola democracia radical no seo das organizacións e os que seguen a concebir estas coma coutos pechados, a modo de altos mandos militares, nos que pairan pequenos grupos dirixentes e fontaneiros de medio pelo. Nesta cuestión é especialmente absurda a contraposición entre reformistas e revolucionarios se tanto dentro dos herdeiros dunha tradición como nos da outra é posible atopar inimigos da democracia radical, dos liderados compartidos, da toma de decisións colectivas, da socialización da información e da apertura total á participación social.

O Funambulista Coxo

Publicado o 24 de Marzo de 2013 no blogue ofunambulistacoxo.blogspot.com.

Ártabra 21: David Rodríguez: Palabras para a guerra en curso - Retomando a Palabra (Libro) - Descarga: David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.
______________

martes, marzo 19, 2013

Apuntamento sobre a XIV A.N. do BNG, ... Por David Rodríguez


Onte (17.03.2013) celebrouse a XIV Asamblea Nacional do BNG na que unha palabra foi a grande protagonista do día: soberanía. E porén, se o discurso do recén electo Portavoz Nacional é indicativo do proxecto que se pretende poñer a andar un ten a impresión de que, malia ser a palabra soberanía citada unha e outra vez, o problema real da soberanía non se debateu a fondo preferíndose camiñar, en todo momento, pola afirmación independendista a respecto de Madrid (ante a cal quen isto escribe non ten o maior reparo, distinto será calibrar se iso é, como dicía Vence citando a Lenin, ir un pasiño por diante do pobo ou ir a un ano luz do mesmo) ao tempo que se era máis ambiguo a respecto do que o propio Vence chamou o eixe: Bruxelas-Frankfurt-Berlín. E é que malia recoñecerse que "en realidade España desapareceu coa peseta" e que "están agora entregando servilmente a capacidade de decisión a institucións para-democráticas da Eurozona" a única proposta estratéxica que se albisca na folla de rota do BNG é a confrontación Galiza-España (entendidas ambas realidades coma dous todos indivisos) deixando a cuestión europea, polo menos nese discurso do Portavoz Nacional, no limbo da indefinición cando non presentándoa, implicitamente, como a terra prometida á que están conseguindo acceder outros procesos independentistas coma o catalán, o vasco ou o escocés (nacións todas elas nas que, a diferenza da nosa, si hai burguesías autóctonas ás que o espírito neoliberal da eurozona lles puidese interesar moito). Vence relatou no seu discurso unha listaxe de agresións centralistas. Pero se un as analiza ben, pode ver que, salvo pequenas excepcións, só nas que teñen que ver co aparato institucional e coa esfera cultural non está detrás o diktat da Troika. Un aparato institucional e cultural, o da Transición, que preparou ao Estado para a financiarización, para o ingreso na UE e para a asunción de Maastricht e Lisboa, e que, agora que o sistema financeiro quebrou, entrou en crise tamén en España e está a servir para agredir, ademais de ás clases populares galegas, tamén ás clases populares españolas.

Xusto porque neste momento a política económica xa non depende desa España que morreu coa peseta algúns pensamos que é necesaria unha estratexia política para outros niveis que sobardan o estado- nación (e non creo que isto sexa troskismo enaxenado nin toninegrismo flower power como ironizou Vence). Poderase debatir se o que compre é formular directamente a saída da eurozona con todos os males e apocalipsis que disque provocaría ou artellar unha política de alianzas para tratar de reformala. Unha eurozona, por certo, na cal o eixo esquerda-dereita tamén está fortemente imbricado no eixo centro-periferia e na que o Estado Español no seu conxunto -coma Portugal ou Grecia- é periferia; aparecendo os seu movementos emancipadores, polo tanto, máis coma potenciais aliados nesta conxuntura que coma inimigos a batir.

O que desde logo entendo que non se pode é eludir o tema dicindo que iniciar un proceso como o que está a iniciar Escocia ou Catalunya xa chega para acadar a arelada soberanía, porque a teimuda realidade estanos a dicir que iso non é certo.

Na mesma Asamblea de onte, un dos momentos máis emotivos foi o da intervención de Joana Mortágua, delegada do Bloco de Esquerdas. Polo que puiden seguir nos medios e redes sociais -non sei se antes ou despois da convidada falar- a militancia do BNG comezou a entoar o Grândola Vila Morena. Algo que debeu resultar ben emocionante. Pero para min o verdadeiramente significativo de todo o acontecido nesta intervención da dirixente do Bloco de Esquerdas foi a súa afirmación de que "Portugal é hoje um país colonizado. Nós não temos apenas uma dívida que pagar mais temos um regente, um colonizador que nos diz quando pagar essa dívida (...) e portanto o povo portugués tambem luta hoje pela sua soberania". Isto é, veu dicir Mortágua, Portugal é hoxe unha nación que, malia contar formalmente cun aparato de Estado (o mesmo ca Chipre, Grecia, España e Italia) está a ver como as súas elites desangran o país (tal como fai, por certo, CIU en Catalunya co apoio de ERC) e a comprobar que tampouco é soberana no económico; o cal, estaremos de acordo, é a cerna de calquera caste de soberanía.

Persoalmente penso que o estado das autonomías colapsou. Comprendo logo que o soberanismo (termo que prefiro con moito a nacionalismo) sexa o camiño a seguir. Pero porque entendo que o colapso é do Estado Español en conxunto considero que hai marxe de manobra para establecer alianzas coa esquerda española tanto na procura dun proceso constituínte que inclúa o dereito a decidir das nacións sen estado e que deixe aberta a forma final que democraticamente tomará ese estado (é dicir, que recupere o que era o proxecto da ruptura democrática previo á Transición), como na procura de crear un gran polo europeo antineoliberal e soberanista que ou ben reforme a eurozona -se é que esa proeza é posible- ou ben devolva aos pobos a capacidade de decisión sobre as cuestións económicas.

O Funambulista Coxo

Publicado o 18 de Marzo de 2013 no blogue ofunambulistacoxo.blogspot.com


Ártabra 21: David Rodríguez: Palabras para a guerra en curso - Retomando a Palabra (Libro) - Descarga: David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.

_______________

martes, febreiro 19, 2013

Catro notas sobre Aurelia, ... Por David Rodríguez


Por David Rodriguez [*]
19.02.2013


Kortatu. Deste grupo vasco gústame moito unha canción titulada La línea del frente pero, sobre todo, gústanme os catro primeiros versos da letra: Siempre me ha interesado/ esa jerga que emplean los rastas/ hablan de batallas / que no puedes encontrar en los mapas. A pequena grande vitoria conseguida hoxe nunha rúa da Coruña ao deterse o desafiuzamento que se pretendía aplicar a unha muller de 85 anos, cunha pensión raquítica e que só se retrasara algún mes no pago do seu aluguer de renda baixa, é unha desas batallas que debemos situar, para recordar, no mapa particular dos de abaixo. E na súa historia. Unha historia que nada ten que ver coa dos de arriba. Nin coas batallas e os mapas que para eles son importantes. É do cúmulo destas pequenas batallas nosas que se constrúe un mundo novo.

Eichmann. Hannah Arendt, no seu Eichmann en Xerusalén. Un informe sobre a banalidade do mal, xustificou, dalgún xeito, a contribución na Solución Final do Eichmann home, por non ser este máis ca unha peza conformista do verdadeiro culpable: o nazismo en si. Nesta banalidade do mal, a banalidade da persoa concreta que encarna, nun contexto dado, unha razón de Estado superior a el é na que se escuda todo aquel que necesita sentirse inocente ao tempo que continúa colaborando, coa súa acción, a que o mecanismo burocrático que ordea algún tipo de política de dubidosa ética continúe reproducíndose imparable. Algún día teremos que recordar a todos eses policías e xuíces que non se negan a executar desafiuzamentos que non acreditamos no desdobramento entre persoa e función, nin pensamos que exista unha ética diferente para cada situación, senón que pensamos que ambas van unidas e que de ambas deben responder por igual.

Rosa Parks. Ás veces os xestos máis humildes poden provocar terremotos. A muller de Alabama que se negou a mudar de asento no autobús segregado difícilmente sabía que amplificaría a loita polos dereitos civís dos negros estadounidenses do xeito en que o fixo. Os primeiros bombeiros que acudiron á rúa Padre Feijóo e se negaron a rachar a cadea que apresaba a porta do predio no que vive Aurelia están a repetir o heroico xesto de Parks. E quen sabe se tamén se acaban convertindo nun símbolo de algo moito máis grande que o acontecido hoxe na Coruña.

Fraternidade. Os centos de persoas, os afectados pola problemática dos desafiuzamentos e, máis importante, os que non estando afectados directamente tamén se presentaron á chamada para frear esta inxustiza, entenderon ben por que fámulo, de onde provén o termo familia, significa escravo e por que, para combater esa escravitude exercida polo pater, o señor feudal, os igualmente oprimidos, os fratri, se unían e loitaban xuntos coma irmáns. A fraternidade, que é unha estratexia de guerra, acaba sendo tamén unha forma de vida e unha bola de neve que se fai máis grande canto máis se pon a rolar e que xera un ben que ningunha contabilidade consegue rexistrar: a solidariedade; que non é máis que o outro nome do Amor. Isto, hoxe, tamén  o entendeu ben Aurelia que, despois de comprobar que poderá permanecer na súa casa polo menos un día máis grazas ao apoio de tantos, afirmou: "eu pensei que tiña algo, pero tiña moito máis."

Fonte: http://ofunambulistacoxo.blogspot.com.es/2013/02/catro-notas-sobre-aurelia.html 

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.
___

xoves, xuño 07, 2012

David Rodríguez: Palabras para a guerra en curso - Retomando a Palabra (Libro) - Descarga

David Rodríguez [*]

Palabras para a guerra en curso 

Entrevista a David Rodríguez en El País:
“De todas as tarefas que impón o neoliberalismo rampante, David Rodríguez (Vigo, 1975) escolleu a das palabras. O primeiro e decisivo campo de batalla. A linguaxe política, mais non a que enmascara o secuestro da democracia, senón aquela á que se refería Jacques Rancière en O tempo da igualdade. A dos guerreiros e os artesáns que, ao se apoderaren das palabras que non estaban destinadas a eles, crean un suxeito novo, o suxeito 'pobo'. Por aí quere ir Retomando a palabra (Estaleiro, 2012), unha escolma do blog que mantén na rede dende 2005 como O Funambulista Coxo. Oitenta artigos nunha caixa de ferramentas sen tornos nas portas nin grillóns na lingua. (…)”. Publicado o 30 Marzo 2012.

Fonte: axendaaelg.blogaliza.org


RETOMANDO A PALABRA
David Rodríguez
2012 |

Este Retomando a palabra. Das guerras culturais
ao crac financeiro pretende ser un máis de tantos esforzos dedicados a unha tarefa colectiva e urxente: a de rozar a linguaxe que nos dá acceso á realidade. Unha linguaxe que está a monte desde hai décadas. Na cal o boureo dos fentos e as xestas impiden escoitar o rumor das árbores. Unha linguaxe maltratada polas silvas da manipulación, da descontextualización e da subversión; e tan abandonada que os toxos da renuncia, do oportunismo e da desmemoria case
que a engolen de vez, e a nós con ela.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.

Pode-se descargar o libro en formato pdf.

Fonte: estaleiroeditora.blogaliza.org/
_______________