Amosando publicacións coa etiqueta Fontelonga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fontelonga. Amosar todas as publicacións

sábado, febreiro 23, 2008

A A.V. Fontelonga de Esteiro, diante do conflito no servizo de limpeza e recollida de lixo da cidade

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 23 de fevereiro de 2008 10:30
Asunto: Xuntanza co Comité de Empresa de Urbaser S. A.



Xuntanza co Comité de Empresa de Urbaser S. A.

A Asociación Veciñal de Esteiro " Fontelonga", mantivemos no día de hoxe unha xuntanza con representantes do Comité de Empresa de Urbaser S.A. quen nos informaron da difícil situación da negociación colectiva, que están a manter coa citada Empresa.

Manifestannos que as posturas son moi distantes e que se verán na necesidade de , exercendo os seus dereitos, tomar medidas de presión, que poderían chegar a ter que convocar unha folga. Neste momento non existe a convocatoria de dita folga, pero non a descartan a pesar de que, segundo nos manifestan, non a desexan.

As condicións salariais dos traballadores e traballadoras de Urbaser están moi por debaixo da media das empresas que desenvolven estes servizos noutras cidades, como por exemplo Lugo que os supera nun 29% e Santiago que os supera nun 23% e mesmo están por debaixo do Concello de Narón.

Desde esta Asociación consideramos que de producirse unha folga nese sector, aínda sendo un dereito, resulta prexudicial para a cidadanía en xeral e para o sector de hostalería en particular, polo que DEMANDAMOS que se estableza un diálogo e unha verdadeira negociación colectiva entre o Comité de Empresa e a Empresa Urbaser S. A. que esgote tódalas vías e que evite unha posible folga.

A empresa Urbaser supera con moito o 8% de beneficios que ten garantidos polo Concello de Ferrol e mesmo hai sentenzas xudiciais que lle obrigan a devolver parte deses beneficios ó Concello de Ferrol , con que ten unha concesión ata o 2014

Recordamos que a responsabilidade en canto a recollida do lixo é do Concello de Ferrol, aínda que estea realizado , a través dunha concesión, por Urbaser. ESIXIMOS dos responsables municipais e do Alcalde de Ferrol como responsable máximo, que medien coa empresa e demanden que se produza unha negociación real e que se garanta unhas condicións laborais dignas para os traballadores e traballadoras que prestan un servizo fundamental para a colectividade.

Esta Xunta Directiva agradece a iniciativa tomada polo Comité de Empresa de Urbaser, de informar e facer partícipe ó movemento veciñal da situación en que se atopan e das consecuencias negativas que se poden derivar no caso de non haber un acordo.

Ferrol a 21 de febreiro de 2008.

Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Esteiro " Fontelonga".

Asdo../ Xosé Miguel López Pérez, presidente
______________

martes, febreiro 19, 2008

O Valedor amoesta aos alcaldes polas antenas de telefonía ilegais

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 19 de fevereiro de 2008 17:21
Asunto: Brona do Valedor do Pobo


PREOCUPACIÓN CIDADÁ

O Valedor amoesta aos alcaldes polas antenas de telefonía ilegais

A institución que dirixe Benigno López denuncia que os concellos confírmanlle que estas estacións non contan con licenza, pero non fan nada para que deixen de funcionar ·· Segundo o seu último informe, só en 2006 tivo constancia de nove municipios nos que se daba esta situación

NATALIA SEQUEIRO - SANTIAGO
18.02.2008


Unha reacción moi morna ou condescendiente. Así cualifica o Valedor do Pobo a resposta da maior parte de concellos galegos cando lles traslada a preocupación dos cidadáns pola instalación de antenas de telefonía móbil próximas ás súas vivendas. Na memoria anual de 2006, remitida recentemente ao Parlamento, Benigno López recórdalles aos alcaldes que todas as instalacións deben contar cunha licenza para o seu funcionamento. A pesar diso, subliña o Valedor, "é frecuente atopar concellos que confirman os motivos da queixa dos cidadáns, isto é, que a antena non conta con permiso municipal".

Desde finais dos 90, numerosos colectivos veciñais de toda Galicia dirixíronse ao Valedor do Pobo preocupados pola proximidade das antenas aos seus domicilios ou ás escolas dos seus fillos. Os cidadáns consideran molestas estas instalacións e temen que poidan causar enfermidades no barrio. "Un dos exemplos máis claros de preocupación social polas repercusións das infraestruturas na saúde e na calidade de vida atopámolo no considerable número de queixas recibidas pola proximidade de antenas de telefonía móbil a vivendas", sinala o informe.

A institución que dirixe Benigno López sinala que "os riscos asociados ao progreso social deben vir acompañados das suficientes garantías e controis que permitan minimizar o perigo". Segundo o Valedor, é necesario aplicar o principio de precaución ou prevención, no caso de que non se estea seguro de que os avances técnicos sexan inocuos.

Só en 2006 -o ano do último informe publicado pola institución encargada de supervisar a actividade das administracións públicas galegas- o Valedor tivo constancia de que en nove municipios funcionaban antenas sen licenza municipal. Estes, segundo recóllese no informe, foron Culleredo, Ferrol, Santiago, Tui, Chantada, Ares, Vigo, Porto do Son e Redondela.

O Valedor pon de manifesto que os concellos adoitan escudar a súa responsabilidade e pasarlle a pelota a outras administracións. Foi o caso de Santiago ou Chantada. Nas súas comunicacións á oficina que dirixe Benigno López, os responsables municipais xustificaron o seu permisividad alegando que nas antenas situadas en chan rústico, a competencia recae na Consellería de Política Territorial. No informe, o Valedor recórdalles aos alcaldes que segundo a Lei 9/2002 de ordenación urbanística de Galicia e segundo o Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas, (Raminp) son os concellos os que deben evitar os funcionamentos irregulares. "Pero o certo é que as antenas continúan funcionando", conclúe o Valedor.

O CASO

Culleredo

No informe, do ano 2006, o Valedor do Pobo explica o caso de Culleredo. Tras recibir unha queixa dirixíronse ao Concello para comunicarlle o funcionamento irregular de antenas. Este resolveu paralizalas, pero, con todo, non executaba a orde e seguían funcionando.
_____________

ANTENAS-PERIGO-MOVIL
RADIACIÓNS ELECTROMAGNÉTICAS FÓRA DE FERROL.
"ANTENAS DE TELEFONÍA NON"



http://www.espacioblog.com/antenas-peligro-movil/blog

_________________

Algo pasa na Quintana ..., por Antón Xil

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 19 de fevereiro de 2008 17:39
Asunto: ALGO PASA NA QUINTANA.../ POR Antón XIL



ALGO PASA NA QUINTANA.../ POR Antón XIL

A multitudinaria manifestación do domingo en Santiago deixa un pouso de consecuencias impredecibles para os vindeiros comicios xerais. Desde logo o éxito da participación debe provocar entre os máximos responsables do goberno bipartito certo exercicio de reflexión e, incluso, autocrítica posto que moitos dos que se concentraron na Praza da Quintana axudaron a que PSOE e BNG compartan hoxe tarefas de goberno.

Unha boa parte da masa social que sustenta o respaldo electoral da esquerda e dos nacionalistas decidiron darlle un toque de atención, en forma de manifestación, aos membros do goberno bipartito para esixirlles que asuman (non na teoría, senón na práctica) moitos dos postulados das plataformas cívicas que promulgaron o cambio nos despachos oficiais de San Caetano.

O corpo reivindicativo dos manifestantes xirou ao redor dos tradicionais postulados que identificaron, ata o de agora ao BNG, en maior medida, e ao PSOE. De feito, líderes históricos do nacionalismo galego, como Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira, non só se deixaron ver na mobilización senón que participaron de xeito moi activo, o cal da bo exemplo de que algo está a pasar no seo da esquerda.

Desde logo os milleiros de persoas que se deron cita na Praza da Quintana pouco tiñan que ver, nas súas querenzas ideolóxicas, con Núñez Feijóo e o Partido Popular; máis ben ao contrario, o que lle dá un valor especial a esta convocatoria que pouco, ou máis ben nada, gustou entre os estrategas electorais das dúas forzas políticas do bipartito; sobre todo polas consecuencias impredecibles que isto pode traer de cara aos comicios do 9 de marzo: Desde o abstencionismo do sector "máis concienciado" do nacionalismo ata un voto de castigo cara a opcións minoritarias e sen tradución práctica en escanos, o cal evidenciaría que as cousas en Galicia non se estarían a facer de maneira satisfactoria para os sectores sociais tradicionalmente máis combativos.

Se a esquerda real, a que se mobiliza, comeza a ter dúbidas serias sobre o grao de transformación que está a liderar o goberno bipartito, parecería ser este un motivo importante para que Quintana e Touriño se poñan as pilas se queren seguir gobernando o país...
_________________

xoves, xaneiro 10, 2008

Novo exemplo de periodismo cínico

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA -avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 10 de janeiro de 2008 19:03

Asunto: De novo o Delegado de La Voz de Reganosa en Ferrol D Miguel Angel Souto


De novo o Delegado de La Voz de Reganosa en Ferrol D Miguel Angel Souto, a quen temos que agradecer que en Ferrolterra cada vez hai máis lector@s de Diario de Ferrol, El País, La Opinión, El Correo Gallego e outros, na súa traxectoria de periodismo cínico, se supera e el mesmo co comentario de opinión que achegamos.

Para calquera que viva en Ferrolterra e coñeza a súa realidade, seguramente, lle parecería máis axeitado o seguinte titular:

Fará falla outro "Discoverer ", esta vez con centos ou miles de mort@os, para que a Planta de Gas de Reganosa sexa trasladada fóra da Ría de Ferrol?


[Clicar acima da imaxe para ampliar]

_____________________

domingo, decembro 30, 2007

Instan ao Concello para recuperar a parcela do INVIFAS para usos de carácter público: Escola Infantil, Centro Cívico, Residencia Universitaria, ...

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com

Data: 29 de dezembro de 2007 11:47

Asunto: Graves danos no castro de Vilabuide



A Asociación Veciñal de Esteiro " Fontelonga", diante da nova aparecida nos medios de que a poxa pola parcela do INVIFAS, celebrada onte 28/12/07, quedou deserta, lles enviamos un novo comunicado de prensa, dándolles anticipadamente ás grazas pola súa publicación e difusión.

Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Esteiro " Fontelonga".

Asdo../X. Miguel López Pérez, presidente



A Asociación Veciñal de Esteiro “ Fontelonga”, queremos reiterar a nosa oposición á subhasta da parcela sita entre a Avenida de Esteiro e a rúa Naturalista López Seoane, na Rotonda de González Llanos e que pertence, na actualidade, ó Ministerio de Defensa.

Temos coñecemento, a través dos medios de comunicación, que a citada poxa , celebrada o día 28 de decembro e que tiña un prezo inicial de 4.5 millóns de euros, quedou deserta ó non presentarse oferta algunha.

Volvemos a recordarlle á cidadanía que esta parcela foi cedida de modo gratuíto ó INVIFAS (Instituto de vivendas das Forzas Armadas) para a contrucción de vivendas para militares. Este instituto na actualidade está en período de disolución e na parcela citada, non se vai cumpri-lo fin para o que foi cedida.

É coñecido por todo o mundo que en Esteiro se necesita espazo para as novas esixencias da Universidade, nesa parcela, esta entidade veciñal, defendemos a idoneidade da mesma para a construción da Residencia Universitaria Pública que o Campus de Ferrol necesita e que ven demandando desde hai anos. O non ter Residencia Universitaria en Ferrol fai que o noso Campus compita en desigualdade con outras cidades de Galicia que si teñen ese servizo tan fundamental para a poboación universitaria.

En Esteiro, que se aproxima ós 13.000 habitantes, se precisa espazo para a construción dun centro cívico cultural municipal e esa parcela tamén sería axeitada para ese fin.

En Esteiro se precisa espazo para a construción dunha Escola Infantil Pública, comprometida pola Xunta de Galiza, e nesa parcela tamén sería posible a ubicación da Escola Infantil Pública.

Instamos ó Concello de Ferrol é o seu Alcalde, Sr. Irisarri para que demande e estableza as negociacións oportunas con Defensa para que se paralice unha nova poxa, e que a parcela do Invifas sexa cedida de maneira gratuíta ó Concello de Ferrol para dedicala a usos de carácter público como os que mencionamos: Residencia Universitaria Pública, Centro Cultural Municipal, Escola Infantil Pública ou calquera outro de carácter social é público.

Facemos un chamamento a tódolos grupos municipais do Concello de Ferrol a que se sumen á nosa demanda, se o estiman oportuno, de que se devolva á cidade de maneira gratuíta o que a cidade lle cedeu a Defensa tamén de maneira gratuíta.

Pensamos que aínda se está a tempo de facer as xestións oportunas e paralizar a segunda subhasta da parcela. En todo caso debe ser obxecto de negociación como o resto das propiedades de Defensa e se é preciso negociar un segundo convenio con Defensa na que se incluía dita parcela.

Non é xusto que unha parcela que a cidade de Ferrol cedeu de maneira gratuíta para un fin concreto que xa non se vai producir, sexa agora vendida, cando a cidade de Ferrol, que a cedeu de maneira gratuíta a precisa para fins sociais.

Cando vai rematar a política do Ministerio de Defensa de vender aquilo que xa non precisa e que recibiu de maneira gratuíta?.

Queremos recordarlle á cidadanía que o Concello de Ferrol posúe , no citado lugar, unha pequena parcela , pegada á que pretende subhastar Defensa, que ten unha superficie de cento e pico de metros cadrados é a que dá a Avenida de Vigo o que lle permite ó Concello de Ferrol ser chave no futuro da parcela, xa que habería que contar co Concello para calquera edificación, caso de non ser pública, que se pretendese facer.

Tamén queremos recordarlle á cidadanía que non é a primeira vez que neste país, máis ben é unha práctica habitual, a que haxa acordos previos entre posibles interesados para deixar deserta a primeira subhasta e poder obter unha redución importante no prezo nunha segunda e incluso nunha terceira subhasta , na que xa non habería prezo inicial. Instamos ós poderes públicos a que investiguen se houbo un acordo previo para deixar deserta esa primeira subhasta

Ferrol a 29 de decembro de 2007

Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Esteiro “ Fontelonga”
Asdo./ X. Miguel López , presidente
___
ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-

Web veciñal
Blog veciñal
Artigos PA21
____________________

Relacionados no Blog da PA21:

Comunicado aos medios ao respecto da subhasta da parcela do INVIFAS

__________

venres, decembro 28, 2007

Graves danos no castro de Vilabuide: A Fiscalía denuncia a un empresario por danar un castro en Ferrol

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-

Para: artabra21@gmail.com

Data: 27 de dezembro de 2007 11:28

Asunto: Graves danos no castro de Vilabuide


Graves danos no castro de Vilabuide
____


Ver mapa maior
____

A Fiscalía denuncia a un empresario por danar un castro en Ferrol

ENRIQUE DE RON - A Coruña -
El País- 27/12/07


O fiscal especialista en delitos contra o patrimonio histórico, Antonio Roma, denunciou ao propietario da empresa Febril Forestal, SL, Ricardo Febril, por danar varios muros do Castro de Vilabuide, na parroquia ferrolá de Doniños, durante unha talla de árbores no recinto. A denuncia fiscal ante o xulgado decano de Ferrol esténdese tamén ao dono da leira onde se asenta o xacemento arqueolóxico, José Rodríguez.

Na súa denuncia, o fiscal precisa que o asentamento castrexo sufriu danos na súa estrutura amurallada e nalgúns muros interiores que, nunha primeira tasación, superan os 400 euros. O xacemento, tamén coñecido como Casa dous Gafos ou dous Mouros, está situado na cima dun monte e figura no inventario de patrimonio cultural de Galicia pola súa orixe protohistórico ou galaico-romano, a súa significación bélica e o seu uso como lazareto no século XVIII. Ademais, está incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ferrol como ben catalogado con protección integral, o que esixe a supervisión dun arqueólogo ante calquera actuación sobre o recinto.

O pasado 19 de outubro, a Consellería de Cultura solicitou ao Concello de Ferrol a paralización cautelar da talla, que se ordenou o catro días despois. O grupo de arqueoloxía Terra de Trasancos denunciara xa antes ante a Policía Local, o Concello, Cultura e o Seprona que a maquinaria da empresa entrara no xacemento e danado a muralla de pedra do castro. A entidade notificou ademais en xuño a destrución dunha mámoa a 400 metros do castro.
________________

ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-

Web veciñal
Blog veciñal
Artigos PA21
____________________
Relacionado neste Blog da PA21:

As últimas denuncias veciñais e do movimento ecoloxista local son de principios de Xuño deste ano:


Denuncias veciñais e políticas pola explotación dunhas canteiras nunha zona de protección ambiental en Vilabuide, na parroquia ferrolá de Valón
_______________

Nos Arquivos Ártabros:

Enlaces para a documentación sobre o lugar de Vilabuide na parroquia de Doniños, no concello de Ferrol
__________

O pasado 22 de Outubro, o Concello de Ferrol, paralizaba os traballos de tala de árbores nas inmediacións do Castro de Vilabuide, ao recibir Urbanismo o día 19 unha solicitude da Consellería de Cultura e Deporte para a paralización cautelar dos traballos.
[Ver a noticia na web oficial do Concello de Ferrol]
___________

venres, decembro 21, 2007

A A. V. de Esteiro Fontelonga, diante do anuncio do Concelleiro de Tráfico, de habilitar unha parcela próxima a Batallóns para dedicala a aparcamento

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
avvfontelonga@mundo-r.com
Para:
artabra21@gmail.com
Data: 21 de dezembro de 2007 18:13
Asunto: A Asociación Veciñal de Esteiro “ Fontelonga”, diante do anuncio do Concelleiro de Tráfico, Sr. López Castrillón, de habilitar unha parcela próxima ó Campo de Batallóns para dedicala a aparcamento


_____
Comunicado ós medios. Desde a Asociación Veciñal de Esteiro " Fontelonga" enviámoslles un comunicado, agradecendo a súa publicación e difusión. Un saúdo. Ferrol 21 de decembro de 2007.

Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Esteiro " Fontelonga"

Asdo../X. Miguel López, presidente
___________

Comunicado ós medios.(20/12/2007)

A Asociación Veciñal de Esteiro “ Fontelonga”, diante do anuncio do Concelleiro de Tráfico, Sr. López Castrillón, de habilitar unha parcela próxima ó Campo de Batallóns para dedicala a aparcamento, queremos manifestar publicamente o seguinte:

Na xuntanza que mantivo esta Asociación co citado concelleiro o 30 de outubro, diante da proposta de converter en aparcadoiro a citada parcela de Batallóns, xa lle manifestamos a nosa oposición a tal medida. Dixémoslle que se podía aceptar pola nosa parte, de maneira puntual no Nadal, que se autorizase o aparcamento nese lugar, pero de maneira puntual. Demandámoslle que desde o Concello se fixese un proxecto urbanístico, dentro da cualificación recollida no PXOM, para ese espazo, no tempo máis curto posible .

As obras que nesta semana se están a realizar por parte da Concellería de Tráfico, indican que o que se pretende e establecer de maneira definitiva unha área de estacionamento nese Cadro Pequeno de Esteiro, medida á que a Asociación Veciñal de Esteiro nos imos opoñer porque é ilegal ó ocuparse unha zona verde para aloxa-los coches.

No barrio de Esteiro tivemos que pelexar para que parcelas cualificadas como zona verde fosen recuperadas da degradación a que estaban sometidas polos coches, temos o exemplo dos Xardíns de Taxonera, na parcela de diante da Casa do Patín. Onde o concello de Ferrol tivo que gastar moitos cartos para recuperar eses espazos. Tivemos o exemplo na propia Avenida de Esteiro o consentir que se aparcarse sobre as beirarrúas, por mor das obras da Praza de España, e unha vez rematadas estas custounos moito traballo e moitas denuncias recuperar as beirarrúas para os peóns. Temos outra parcela que tamén é zona verde na entrada da antiga Escola Obreira, onde se celebra o Fervesteiro, que tamén está ocupada e degradada polos coches, como xa temos denunciado ás concellerías de Tráfico e Medio Ambiente.

Facemos un chamamento, para evitar ter que tomar outro tipo de medidas, ó Concello de Ferrol para que non permita o aparcamento na citada parcela , unha vez pasadas a festas de Nadal e Reis e que faga un balado arredor do Cadro Pequeno de Esteiro para preservar a citada zona verde e evitar así a súa degradación. O Concello está obrigado a cumpri-la lei e desde Fontelonga así llo demandamos.
_______________
ESTEIRO
_________

mércores, decembro 19, 2007

Comunicado aos medios ao respecto da subhasta da parcela do INVIFAS

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
Para: artabra21@gmail.com
Data: 19 de dezembro de 2007 17:35
Asunto: Comunicado ós medios ó respecto da subhasta da parcela do INVIFAS



Comunicado ós medios ó respecto da subhasta da parcela do INVIFAS
[Instituto de Vivienda de las Fuerzas Armadas]


Desde a Asociación Veciñal de Esteiro " Fontelonga" achegámoslles comunicado de prensa e lles agradecemos anticipadamente a súa difusión e publicación.

Un saúdo.

Ferrol a 19 de decembro de 2007.

Asdo./X. Miguel López, presidente

[Clicar acima da imaxe para ampliar]

A Asociación Veciñal de Esteiro “ Fontelonga” queremos manifestar publicamente a nosa oposición a que a parcela sita entre a Avenida de Esteiro e a rúa Naturalista López Seoane, na Rotonda de Gonzalez Llanos e que pertence ó Ministerio de Defensa se subaste para dedicala a vivendas. Esta parcela que foi cedida de maneira gratuíta ó Instituto de Vivenda das Forzas Armadas (INVIFAS), para a construcción de vivendas para militares, e dado de que ese instituto está disolto e non se van a cumprir os obxectivos da cesión debe revertir de maneira gratuíta, tal como foi cedida, ó Concello de Ferrol.

É coñecido por todos que en Esteiro se necesita espazo para as novas esixencias da Universidade, nesa parcela, esta entidade veciñal, defendimos a idoneidade da mesma para a contrucción da Residencia Universitaria Pública que o Campus de Ferrol necesita e que ven demandando desde hai anos.

En Esteiro se precisa espazo para a construcción dun centro cívico cultural municipal e esa parcela tamén sería axeitada para ese fin.

En Esteiro se precisa espazo para a construcción dunha Escola Infantil Pública, comprometida pola Xunta de Galiza, e esa parcela tamén sería idónea para esa finalidade.

Instamos ó Concello de Ferrol é o seu Alcalde, Sr. Irisarri para que demande e estableza as negociacións oportunas con Defensa para que a parcela do Invifas sexa cedida de maneira gratuíta ó Concello de Ferrol para dedicala a usos de carácter público como os que mencionamos: Residencia Universitaria Pública, Centro Cultural Municipal, Escola Infantil Pública ou calquera outro de carácter social é público.

Pensamos que aínda se está a tempo de facer as xestións oportunas e paralizar a subhasta da parcela. En todo caso debe ser obxecto de negociación como o resto das propiedades de Defensa e se é preciso negociar un segundo convenio con Defensa na que se incluís dita parcela.

Non é xusto que unha parcela que a cidade de Ferrol cedeu de maneira gratuíta para un fin concreto que xa non se vai producir, sexa agora vendida, cando a cidade de Ferrol, que a cedeu de maneira gratuíta a precisa para fins sociais.

Cando vai rematar a política do Ministerio de Defensa de vender aquilo que xa non precisa e que recibiu de maneira gratuíta?.

Ferrol a 18 de decembro de 2007.

Asdo./ X. Miguel López , presidente
_______________
ESTEIRO
Web veciñal
Blog veciñal
Artigos PA21
_____________

Turrando polas enerxías máis perigosas: sindicatos e patronal póñense de acordo e defenden a enerxía nuclear

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 19 de dezembro de 2007 18:07
Asunto: Turrando polas enerxías máis perigosas:Sindicatos e patronal póñense de acordo e defenden a enerxía nuclear

A imaxe contra a enerxía nuclear

Turrando polas enerxías máis perigosas
Sindicatos e patronal póñense de acordo e defenden a enerxía nuclear

A CEOE e a UXT e CCOO coinciden nas súas reclamas, preocupándose, por unha banda, polo futuro enerxético, e pola outra polo futuro industrial do Estado.
Vieiros - Redacción - 10:05 16/12/2007

Esta semana os sindicatos españois UXT e CCOO puxéronse de acordo en pedir a reapertura do debate nuclear, visto por eles como a salvación da industria estatal. CCOO había xa tempo que levaba este discurso, mais a UXT avogou por primeira vez por que se reconsidere volver investir nesta fonte para "facilitar a competitividade das empresas" (conseguindo electricidade máis barata), na liña do que está a acontecer en países coma Francia.

Quen falou deste xeito foi Ignacio San Miguel, secretario federal da UXT, que participaba nunhas xornadas organizadas pola Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía, AEGE (que reúne unhas 200 compañías, entre elas Ercros, Uniland, Cemex, Ferroatlántica, ArcerlorMittal e Tubos Reunidos, para as que o gasto en electricidade moitas veces chega a supoñer o 30% do total).

A patronal cre que a enerxía nuclear é a máis ecolóxica

Outros que tamén parecen estar preocupados polo futuro enerxético do Estado son os membros da CEOE (Confederación Española de Organizacións Empresariais), que consideran que a enerxía necesaria para producir os bens segue a ser moi elevada, e as enerxías renovábeis non ofrecen "a fiabilidade suficiente" para depender delas.

A enerxía nuclear é vista, daquela, como a alternativa polos empresarios: "Aínda que está mal vista, é a máis segura en canto a subministro, a máis barata e a máis ecolóxica", dixo esta terza feira Antonio Garamendi, responsábel de enerxía da organización, na asemblea que celebrou a patronal.


Medo á suba das tarifas da luz

O sector enerxético está a vivir momentos intensos ante a próxima liberalización das tarifas (suba da luz un 3,3% en xaneiro, anunciada polo goberno español), e as centrais nucleares, aínda que requiren multimillonarios investimentos para poñelas a andar, son máis competitivas no prezo (funciona sen parar e o custo da luz chega a ser uniforme).

Noutros países de Europa están a xurdir iniciativas de desenvolvemento nuclear, nas que participan as mesmas empresas consumidoras, mais no estado español o executivo ponse do lado antinuclear e pensa seguir coa potencia instalada alén do 2030. Daquela, seguiranse producindo 7.716 megavatios a partir da enerxía nuclear, mentres outras fontes de electricidade, como as renovábeis, aumentarán o seu volume, en detrimento desta.

Contra a central que querían instalar en Xove (Lugo). En 1977 houbo unha forte mobilización na vila

Contra a central que querían instalar en Xove (Lugo). En 1977 houbo unha forte mobilización na vila


A central nuclear de Trillo, en Guadalajara / Flickr: tnarik

A central nuclear de Trillo, en Guadalajara / Flickr: tnarik


A central de Cofrentes (Valencia). Entre febreiro e marzo sufriu 9 Incidentes á Seguridade Nuclear (ISN) / Flickr: Tonyç

A central de Cofrentes (Valencia). Entre febreiro e marzo sufriu 9 Incidentes á Seguridade Nuclear (ISN) / Flickr: Tonyç

________________

venres, decembro 07, 2007

Corrupción "friki" en Mugardos

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 6 de dezembro de 2007 12:02
Asunto: Corrupción "friki" en Mugardos



Corrupción "friki" en Mugardos

laopinióncoruña.es » Opinión

AL TRASLUZ
Corrupción `friki´ en Mugardos
Fernando González Macías

Nisto do urbanismo delituoso, conveñamos en que hai corrupcións e corrupcións. Corrupcións grandes, medianas e pequenas. Corruptelas máis ou menos descaradas. Con enormes pelotazos en forma de recualificacións ou a base de comisións ilegais. Mediando ou non financiamento ilegal dos partidos. A gama é moi ampla. E logo está o de Mugardos, que é punto e aparte.

Ata un policía apellidado Torrente anda polo medio. E é que, se efectivamente chégase a confirmar como unha trama de corrupción urbanística, no caso de Mugardos non se botaría en falta case ningún dos elementos que constitúen a base dunha desas comedias frikis de tanto éxito no cine español. Xunto a unha historia un tanto disparatada, a clave adoita estar nuns cantos personaxes pintorescos en actitudes case grotescas.

Resulta que o alcalde de Mugardos non se decataba de nada. Presentouse a si mesmo, caricaturizado nunha especie de firmón, que outorgaba as licenzas urbanísticas a cegas, sen cuestionarse nunca os informes dos técnicos, nin atender ás denuncias de irregularidades que lle expuñan concelleiras cos que chegou a compartir tarefas de goberno e que, xa que logo, debían merecerlle crédito. O nacionalista Fernández Barcia debe ser dos que cren que por ser boa xente e ter as mans limpas hai que perdoarlle que faga a vista gorda e con ela un claro abandono de funcións. Poderá non ser imputado penalmente, pero a súa actitude, como mínimo neglixente, debe carrexar responsabilidades políticas.

Logo está o papel estelar da oposición mugardesa, unha parte da cal foi antes goberno. Oxalá non chegue a acreditarse que ao abandonar o poder caéuselles véndaa dos ollos e xa que logo as súas denuncias non responden a un sentimento de despeito. Como é desexable que non haxa nada de oportunismo en que sexa precisamente agora, en vésperas electorais, cando a fiscalía ou a policía xudicial póñanse a facer limpeza

E finalmente, disputando o primeiro plano ao peculiar policía polivalente e á súa esposa, unha xente guapa, arquitectos, aparelladores e empresarios ferroláns, dos que habitualmente lles mirarían por encima do ombreiro, pero que se pringan con eles no lodo talvez pola irresistible atracción dun certo cutrelux. Que cousas.

É esperpéntico, pero tamén moi triste, constatar que non se fai urbanismo limpo nin sequera en municipios moi pequenos, de apenas tres mil habitantes, de escaso interese turístico ou residencial, aínda que sexan costeiros. E que a podremia urbanística esténdese en todas as direccións do mapa e por encima da cor política de quen gobernan os concellos. É como un terrible virus mutante, que destrúe a integridade das persoas e fronte ao cal parece que non houbese vacina efectiva. Haberá que encargarlla a Patarroyo...

FERNANDOMACIAS@TERRA.ES

_______________

luns, decembro 03, 2007

Achegas da asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga"

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
avvfontelonga@mundo-r.com
Para: artabra21@gmail.com
Data:2 de dezembro de 2007 13:02
Asunto:
Artigo de Suso del Toro

Artigo de Suso del Toro, "Seguimos a ello", publicado polo xornal "El País", na súa edición para Galiza, do 2 de dezembro de 2007: Acceder
__________________

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
avvfontelonga@mundo-r.com
Para: artabra21@gmail.com
Data:2 de dezembro de 2007 12:32
Asunto:
Documentos

----- Original Message -----
From: Fini Manso
To: AVVCANIDO ; roixordo@roixordo.org ; ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA ; AVV FERROL VELLO Nª Señora Del Socorro
Sent: Saturday, December 01, 2007 8:19 PM
Subject: Documentos

Cruceiro.pdf 1192K
__________________

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
avvfontelonga@mundo-r.com
Para: artabra21@gmail.com
Data: 2 de dezembro de 2007 12:31
Asunto: Proxecto de Escola de avoas e avós



Proxecto de Escola de Avoas e Avós.


A Asociación veciñal de Esteiro " Fontelonga", en colaboración coa Cruz Vermella Española e coa Fundación Inocente, Inocente, abrimos a inscrición para o Proxecto de Escola de Avoas e Avós Educadores.

Obxectivos:

Apoio a avós e avoas na súa función coidadora e educativa dos seus netos e as súas netas, coa impartición dunha formación , de xeito gratuíto, de 11 sesións formativas a cargo de persoal especializado , que terían unha duración de hora e media, en horarios establecidos de mutuo acordo entre tódolos/as asistentes.

Comezaría no mes de xaneiro e precisaríase dun grupo mínimo de 15 persoas. Poderíase establecer un servizo de gardería durante a celebración das 11 sesións formativas para que os avós e as avoas poidan asistir ás mesmas.

Trátase dun proxecto de soporte psicosocial dirixido a persoas maiores que exercen labores parentais de coidado a menores de idade e que favorezan a cohesión e integración familiar neste tipo de unidades familiares.

Prazo de inscrición: Estará aberto ata o 20 de decembro a través do teléfono de Fontelonga: 981933223, do seu correo electrónico: avvfontelonga@mundo-r.com ou directamente no local social da rúa Fernando VI, Bloque I baixo en horario de 17 horas a 20 horas.

Ferrol a 2 de decembro de 2007.

Asdo./X. Miguel López, presidente
______________

mércores, novembro 28, 2007

Venres, 30 de novembro, conferencia nos locais da A.V. de Esteiro Fontelonga:"Falando do lixo, como funciona o punto limpo"

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
avvfontelonga@mundo-r.com
Para: artabra21@gmail.com

Data: 28 de novembro de 2007 17:51
Asunto: Conferencia en Esteiro

Falando do lixo, como funciona o punto limpo

A Asociación Veciñal de Esteiro " Fontelonga" en colaboración co Concello de Ferrol, a través da Concellería de Medio Ambiente, e da Xunta de Galicia da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, celebrará o venres día 30 de novembro ás 19:30 no noso local social de Fernando VI, Bloque I, unha conferencia:

"Falando do lixo, como funciona o punto limpo"

A concelleira de Medio Ambiente do Concello de Ferrol, Dona María López, acompañada por técnicos do seu departamento, falará da recollida de lixo en xeral e particularmente do punto limpo:

* Que é o punto limpo?

* Que residuos se poden levar?

* Que cantidades de residuos?

* Como se utiliza o punto limpo?

* Que horario ten?

* Que se fai cos residuos que recolle o punto limpo?

* É gratuíto ou non?


INFORMACIÓN

Tamén queremos informar que por parte da Concellería de Obras do Concello de Ferrol comezaron as obras de recuperación dun espazo degradado polos coches fronte á Praza do Patín co que se vai humanizar unha zona que era inutilizable para disfrute dos peóns. A obra foi adxudicada á empresa Alea S.A. e estará rematada no prazo aproximado dun mes.


DOSSIER DE DEFICENCIAS DO BARRIO

No mesmo senso desde esta Asociación Veciñal de Esteiro foille entregado ó Concelleiro de Obras, Sr. Reimúndez, un dosier de 30 páxinas con fotografías no que se relaciona tódalas deficiencias do barrio en materia de beirarrúas, rúas, bancos de madeira, bolardos e sumidoiros , de cara o Plano de reparacións que dita concellería vai poñer en marcha de xeito inmediato.



Ferrol a 28 de novembro de 2007.

Asdo./X. Miguel López Pérez, presidente
_____________________

xoves, novembro 15, 2007

111 días de peche

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 15 de novembro de 2007 18:22
Asunto: 111 días de peche

111 días de peche

Texto lido por Xosé Miguel López Pérez, presidente da Asociación Veciñal de Esteiro “ Fontelonga” no Concello de Mugardos, con motivo do remate do peche de 111 días realizada polas mulleres e os homes de Meá ( Mugardos) contra a instalación dunha planta de gas dentro da Ría de Ferrol.

Mugardos 10 de novembro de 2007.

No nome da Asociación Veciñal de Esteiro “ Fontelonga”:

¡Moitas grazas a todas e a todos!

Nunha sociedade cada vez máis individualista e insolidaria, fostes e ides seguir sendo, un exemplo de dignidade e compromiso na defensa da vida e dos intereses colectivos.

É moi difícil de facer o que fixestes e é máis difícil conseguir a solidariedade que vós recibistes de toda Galicia ¡ Desde O Courel á Corrubedo !.

Hoxe no é o final de nada, seguramente os falabarato, os bandullos agradecidos de Reganosa e La Coz de Galicia, presentarán o remate do peche, despois de 111 días, como a aceptación dunha derrota. ¡Están trabucados e llo imos demostrar!.

Se nun momento foron os/as mariscadores/as os/as protagonistas, noutro momento as veciñas e veciños de Meá, agora o Comité Cidadán de Emerxencia, que é quen dirixe a loita contra “ a maior fraude política e económica da democracia, Reganosa”, programará outras formas de loita, pero que a ninguén lle caiba dúbida ningunha de que a loita continúa, de que témo-la razón e de que a batalla pola vida e contra Reganosa ¡ ímola gañar!.

Nesa loita estamos seguros que ides seguir, como ata agora, participando e sendo protagonistas.

¡Sodes un exemplo a seguir!

A vida, como o cariño verdadeiro, nin se compra nin se vende. Estamos orgullosos de vós e desde Fontelonga queremos darvos unha forte aperta e sobre todo as grazas.

¡Moitas grazas!
_____________

venres, novembro 02, 2007

Mercando Vontades: Sanidade e Industria deron a dedo máis de dous millóns en axudas aos medios

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 2 de novembro de 2007 12:01
Asunto:Mercando vontades

Galicia Confidencial

Sanidade e Industria deron a dedo máis de dous millóns en axudas aos medios

A Consellería de Sanidade repartiu 1,2 millóns de euros entre os empresarios da comunicación mediante subvencións directas, á marxe do DOG. Pola súa banda, a Consellería de Industria entregou 800.000 euros polo mesmo procedemento, a concesión a dedo de subvencións a través de convenios. Estas son as principais cifras da terceira entrega que publica Galiciaconfidencial sobre os convenios da Xunta cos medios, despois de adiantar o cómputo total e explicar as subvencións concedidas polos departamentos de Touriño e Quintana.

O actual equipo directivo da Consellería de Sanidade repartiu máis de 1,2 millóns de euros entre os medios mediante subvencións directas. Fíxoo a través de 23 convenios, case todos eles asinados en dúas quendas. En termos xerais, na primeira quenda, en outubro de 2006, Sanidade repartiu o dobre de cartos que na segunda, en marzo deste ano.

Cartos a cambio de “accións comunicacionais”
A través destes protocolos, o departamento que dirixe a socialista María José Rubio financia que os medios informen das súas actuacións. O obxectivo dos acordos é, na maioría dos casos, “a difusión das actividades das iniciativas sobre saúde pública e educación sanitaria que desenvolva a Consellería” ou “o desenvolvemento das accións comunicacionais da Consellería de Sanidade a través dos medios de comunicación”.

Todos os principais grupos de comunicación do país lograron un anaco do pastel, aínda que esta Consellería entregou as cantidades máis grandes aos tres principais xornais en papel: La Voz, El Correo e Faro.

Convenios Sanidade

En conxunto, o Grupo Prensa Ibérica é o máis beneficiado. Faro de Vigo (150.000 e 75.000 €) e La Opinión (50.000 e 27.500 €) asinaron dous convenios cada un, por un total de 302.500 €.

En segunda posición está o Grupo Voz cun total de 255.000 euros. La Voz de Galicia apañou un convenio en cada unha das quendas (150.000 e 75.000 €), ao igual que RadioVoz (20.000 e 10.000 €). O Grupo Editorial Compostela logrou unha cantidade similar (220.000 €) en dúas axudas para El Correo Gallego (150.000 e 70.000 €).

Un chanzo por debaixo queda o Grupo Progreso. E é que El Progreso de Lugo conseguiu só a metade de subvencións cos xornais referidos antes (65.000 e 32.500 €), pero hai que sumarlle os dous acordos co Diario de Pontevedra (55.000 e 27.500 €). O Grupo La Región tamén apaña unha cantidade importante, a través de tres cabeceiras –Atlántico Diario (40.000 e 20.000 €), La Región Internacional (12.000 €) e La Región de Ourense (80.000 €).

AGN, con 60.000 € a través de dous protocolos (30.000 e 30.000 €); Editorial La Capital (55.000 €); a Cadea COPE (45.000 €) e Cadena Noroeste (10.000 €) son os outros receptores das axudas directas da Consellería de Sanidade.

Industria quintuplica á Vicepresidencia
Entre os departamentos nas mans do BNG, a Consellería de Innovación e Industria é un dos que máis cartos repartiu en axudas directas, máis de 800.000 €. Isto supón cinco veces máis cartos que os entregados pola Vicepresidencia de Quintana.

A gran maioría destes acordos busca que os xornais destaquen as actuacións da Xunta no eido da Innovación e Desenvolvemento, unha das areas de actuación que controla Industria.

O departamento de Fernando Blanco favoreceu especialmente ao Grupo El Progreso, que levou case a metade do total de convenios. Tres convenios –dous con El Progreso de Lugo (1 e 2) - e outro con Diario de Pontevedra suman 365.000 €.

Convenios Industria

La Voz de Galicia apañou dous protocolos, un de tipo xeral por 150.000 € e outro para para a “edición, publicación e posterior distsribución dunha revista impresa en papel e en formato electrónico dedicada á Moda Galega” por 111.360 €. En total o Grupo Voz suma 261.360 €.

Con cantidades moi inferiores están La Región de Ourense (65.000 €), Editorial La Capital (60.000 €), ABC (30.000 €) e Editoral Compostela (27.500 €).

Curiosamente, este último grupo –a matriz de El Correo Gallego e Galicia Hoxe- firmou o convenio moi singular, pois é o único no que un medio de comunicación aporta máis cartos (44.500 €) que a administración (42.000 €). No resto de protocolos os medios non aportan un peso, só reciben cartos a cambio de informar positivamente sobre as consellerías.

Os convenios non son todo
En todo caso, estes acordos das consellerías de Sanidade e de Industria son unha pequena parte dos cartos públicos repartidos ao empresarios da información mediante convenios. O total de axudas a dedo é de máis de 6 millóns de euros.

Para aproximarse a todos os cartos que dá a Xunta aos medios, aos convenios habería que sumarlles, polo menos, as axudas polo galego, a publicidade institucional e os importantes contratos por “xestionar” delegacións que en realidade son da TVG.

Para non afogar aos lectores cunha montaña de datos, detallamos nesta terceira entrega as axudas de dous departamentos que reparten máis cartos, un nacionalista e outro socialista. Galiciaconfidencial quere mostrar así que os dous socios do bipartito, PSdG e BNG, subvencionan xenerosamente aos empresarios da información á marxe no DOG.

Para poder interpretar o alcance das subvencións directas, Galiciaconfidencial recomenda ler a primeira información sobre os convenios.

___________________
ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-

Web veciñal
Blog veciñal

________

Enlace co artigo orixinal no Blog Galicia Confidencial, recomedamos entrar, pois poden-se facer comentarios e o Blog en si, é de moito interese

_________________

sábado, setembro 29, 2007

O Xeneral

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA -avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 29 de setembro de 2007 17:38
Asunto: Artigo de Manolo Rivas en El País




MANUEL RIVAS
O xeneral

MANUEL RIVAS El País 29/09/2007

A última batalla do tenente xeral Gabeiras foi ecolóxica. Moi novo, loitou como artilleiro no bando franquista e logo combateu en Rusia na División Azul. A vida dá moitas voltas: a primeira escritura galaica, en granito e con punzón de sílex, é o labirinto. José Gabeiras era xefe de Estado Maior o 23-F e foi a intelixencia executora que desmontou o golpe. O novo artilleiro vencedor na guerra, desarmou de verdade ao franquismo catro décadas despois. Foi el, en persoa, quen detivo aos xefes golpistas. Primeiro, a Armada. Logo, a Milans. Pero o último posto do tenente xeral Gabeiras foi o de presidente de honra do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. A esa misión entregouse en corpo e alma. E ese era o seu brasón, presidir un comité ecolóxico, cando faleceu en xaneiro de 2005. Amaba a ría de Ferrol e opúxose á instalación no interior da bahía, no enclave natural de Meá, dunha xigantesca regasificadora. Repugnáballe a localización no corazón da ría desa planta potencialmente perigosa, mentres se estaba construíndo un custoso porto exterior, que sería o emprazamento adecuado. Agora, os grandes barcos gaseros han de entrar pola angosta embocadura e en horas de pleamar. Pero tamén lle repugnaba o método. Todo fíxose co máximo sixilo, cunha rede de poderosas complicidades e con represalias aos técnicos ou funcionarios discrepantes. O comité que presidiu Gabeiras publicou agora un libro revelador que pon os pelos de punta: Os muros do silencio. Como os pon a visión dun documental sobre este asunto, O salario do silencio, obra de Enrique Banet e Mabel Rivera. Cando se uniu aos veciños opostos ao proxecto, Gabeiras recibiu a chamada telefónica dun preboste conservador. Tras unha introdución zalamera, o dirixente político espetoulle: "Sabe vostede, xeral, con que compañías anda?". Hai xente que non se corta un pelo. Cando o negocio está en marcha, son moi igualitarios: o mesmo dálles amedrentar a unha mariscadora que a un ex xefe do Estado Maior. Aos 88 anos, Gabeiras cumpriu con honra e valor a súa última misión patriótica: denunciar a inxustiza.

Enlace co artigo orixinal no xornal "El País"

________________
ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-

Web veciñal
Blog veciñal

________

mércores, xullo 18, 2007

Caixa Galicia aporta 40 millóns á Xunta para conservar a natureza

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA -avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 15 de Julho de 2007 10:06
Asunto: Caixa Galicia aporta 40 millóns á Xunta para conservar a natureza


Os que promoven Reganosa, as louseiras do Courel e teñen destruído a Ría de Pontevedra co complexo Ence-Elnosa, van conservar a natureza

Consulta esta noticia en: [Enlace coa noticia]

martes, xullo 03, 2007

Segundo unha sentenza do Tribunal Supremo terán que pechar, ou ser trasladados, os depósitos de hidrocarburos instalados en Ferrazo, na Ría de Arousa

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA -avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 2 de Julho de 2007 17:39

Asunto: Segundo unha sentenza do Tribunal Supremo terán que pechar, ou ser trasladados, os depósitos de hidrocarburos instalados en Ferrazo, na Ría de Arousa.


O Tribunal Supremo vén de reafirmar a sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que ordenaba o peche e traslado dos depósitos de hidrocarburos instalados en Ferrazo, no porto de Vilagarcia, na Ría de Arousa.

Clicar acima da imaxe para ampliar

Outro tanto vaille ocorrer a Reganosa

O enlace coa nova en: xeracion.com
________________________

Web da Asociación Veciñal "Fontelonga" de Esteiro - Ferrol:
http://fontelonga.org/

Blog da asociación:
http://www.blogoteca.com/blogfontelonga/index.php

Correo-e:
avvfontelonga@mundo-r.com

________________

mércores, xuño 27, 2007

A Asociación Veciñal "Fontelonga" de Esteiro, para socializar máis a súa actividade e ..., achégase máis ás novas tecnoloxías, e abre unha morada web

A Asociación Veciñal "Fontelonga" de Esteiro, con apenas 6 anos de existencia, é unha das asociacións veciñais máis dinámicas de Ferrol, tivo que formular un proxecto veciñal para o barrio de Esteiro, porque a asociación que monopolizaba a representatividade veciñal, non era democrática nen defendía os intereses colectivos do barrio. Agora pensamos que a veciñanza de Esteiro pode contar cunha entidade representativa, democrática e reivindicativa, que promociona o asociacionismo e a participación, que dinamiza culturalmente, que ten capacidade de xestión diante das administracións, que pretende recuperar as tradicións festivas e culturais e cooparticipar con outras entidades do barrio e da cidade nas reivindicacións sociais e veciñais, na defensa dos intereses da cidadanía.

Nun paso máis para socializar a súa actividade e achegar máis á veciñanza a asociación, achégase máis ás novas tecnoloxías, e abre unha morada web na rede, acompanhada dun Blog, para promover a participación, con opinión, propostas, comentarios, ...

web da asociación:
http://fontelonga.org/

Blog da asociación:
http://www.blogoteca.com/blogfontelonga/index.php

Segundo as súas propias palabras que podes atopar na súa web, así é como se definen:

"Unha asociación do barrio e para o barrio", ese é o lema da Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga". No mes de xuño do ano 2000 nace unha xestora composta por 16 persoas do barrio preocupadas pola situación do Barrio e dada a ausencia dun movemento veciñal reivindicativo e democrático. Meses despois, no ano 2001, se legaliza a nova entidade veciñal que toma o nome de Fontelonga o igual que o Conxunto Monumental existente no Cuartel de Dolores e que e a única porta do mar que existe na antiga muralla defensiva da Cidade de Ferrol. A Asociación Veciñal de Esteiro “ Fontelonga” cumprimos xa os seis anos de existencia e consideramos que somos a entidade de referencia para tódolos/as os/as veciños/as do Barrio de Esteiro.


Asociación Veciñal Fontelonga de Esteiro
Rúa Fernando VI, Bloque I, S/N - Ferrol -

Telefono/Fax: 981-933223

web da asociación:
http://fontelonga.org/

Blog da asociación:
http://www.blogoteca.com/blogfontelonga/index.php

correo-e: avvfontelonga@mundo-r.com
________________________________________