Amosando publicacións coa etiqueta Mobilidade Urbana. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mobilidade Urbana. Amosar todas as publicacións

mércores, xaneiro 19, 2011

Debate sobre a "mobilidade no casco histórico de Ferrol", este Xoves 20 de Xaneiro

A Delegación de Ferrol do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza organiza un debate coa participación de entidades sociais e veciñais que baixo o título "mobilidade no casco histórico" organiza o vindeiro xoves  20 de Xaneiro, ás 7 da tarde, na súa actual sede na Rúa Real 14-16 baixo.

A Delegación Ferrolán do citado Colexio, organizador do acto, prega a difusión da convocatoria, por entender de interese para a veciñanza e traballadoras e traballadores desta cidade.

No debate intervirán como poñentes:
  • Angel Mato Escalona, Concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda do Concello de Ferrol
  • Xosé Allegue Fernández da Oficina do Consorcio da Cidade de Santiago
  • Alexandre Carrodeguas da asociación ecoloxista Verdegaia

Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Delegación de Ferrol

Información baseada na enviada por:
Miguel Reimúndez González
-miguelrey@coag.es-
18 de janeiro de 2011 17:30
________________________________

Enlace relacionado de interese:

http://mobilidade-urbana.blogspot.com/
___________________________________

luns, setembro 21, 2009

A Mobilidade Urbana Sustentábel: transporte público e dos desprazamentos non motorizados, isto é, andar ou pedalear


A organización estatal Ecoloxistas en Acción, envía-nos, a través do seu boletín semanal, dous artigos moi interesantes sobre a mobilidade urbana sustentábel. Nestes momentos na nosa cidade estamos metidos de cheo neste debate e reflexión, non só pola recente presentación do Plano Municipal de Mobilidade, senón pola política municipal respeito dos estacionamentos soterrados, movendo-se nunha constante contradición irreconciliábel: promover políticas que animan á utilización do transporte motorizado-particular-privado e por outra banda promover políticas que animen a utilización do transporte público e outros medios saudabeis como a bici ou desprazar-se a pé.


Mobilidade sostible contra o cambio climático


A contribución do transporte urbano ao cambio climático é enorme. A metade das emisións de gases de efecto invernadoiro debidas ao transporte prodúcense nas cidades. Por este motivo, Ecoloxistas en Acción sinala que as actuacións dirixidas a mellorar a sustentabilidade do transporte metropolitano son de vital importancia para loitar contra o cambio climático.

Este ano a convocatoria da Semana Europea da Mobilidade reviste unha particular importancia, xa que o o seu eixo é o cambio climático ("Mellora o clima da túa cidade"). Efectivamente, hai un amplo consenso en que o cambio climático é o problema ambiental e social máis importante ao que se enfronta a humanidade. Ademais, España é un dos países europeos nos que se prevé que as consecuencias do cambio climático serán máis dramáticas.

As emisións de CO2 no transporte por estrada son as que máis aumentaron desde 1990, tanto no Estado español "practicamente o dobre ata 2007 (un 97%)", como en Europa "onde o aumento foi do 32%". Trátase do sector máis desbocado nas súas emisións de gases invernadoiro e, xa que logo, o que máis fai perigar os compromisos de Kioto para 2012. De feito, o transporte é xa en España o sector que máis gases de efecto invernadoiro emite, por encima do 25% do total.

Pois ben, os estudos demostran que a metade destas emisións prodúcense nos desprazamentos urbanos. Tamén é claro que o principal emisor é o coche, polo que é urxente adoptar medidas para reducir o uso do automóbil nas cidades e transvasar viaxeiros a outros modos de transporte menos problemáticos e contaminantes, como é o caso do transporte público e dos desprazamentos non motorizados, isto é, andar ou pedalear.

Queimar 1 litro de combustible supón emitir 2,3 kg de CO2. Así, cada persoa que utiliza o coche para os seus desprazamentos ao traballo (cun percorrido medio aproximado de 15 km) emite unhas 2 toneladas de CO2 ao ano só por esta razón. Se comparamos estas cifras cos "consumos" dunha bicicleta (1 kWh permíteche percorrer 31,5 km en bicicleta, fronte a apenas 1,1 km se vas en coche) e recordamos que case a metade dos percorridos urbanos son de menos de 3 km, distancia perfectamente abordable en bicicleta, darémonos conta das grandes posibilidades de cambio só apoiando o uso da bici, como xa ocorre en miles de cidades dos países máis desenvolvidos.

Mellorar a eficiencia dos novos automóbiles, o seu menor consumo e as súas menores emisións tanto de CO2 como doutros gases prexudiciais para a saúde, é unha medida positiva para reducir as emisións de CO2 totais e, de paso, tamén a contaminación das cidades. Pero Ecoloxistas en Acción quere recordar que a desexable redución nas emisións por vehículo é unha medida necesaria pero non suficiente, e debe ser acompañada doutras actuacións que reduzan o uso do automóbil.

É por isto que, para Ecoloxistas en Acción, as políticas de mobilidade máis urxentes deben ser simultaneamente de disuasión e estímulo. Disuasión do uso do automóbil mediante os múltiples mecanismos posibles (parquímetros, restricións de acceso, peaxes, non ampliación de estradas, "pacificación" do tráfico). Estímulo dos medios máis favorables (melloras no transporte público, con carriis exclusivos, itinerarios peonís e ciclistas seguros, ampliación de beirarrúas). Todo iso, no marco de Plans de Mobilidade Sostible, que son unha das grandes carencias das nosas cidades.

O Estado español atópase nos últimos postos na utilización da bicicleta nos desprazamentos urbanos. E iso a pesar das súas mellores condicións meteorolóxicas fronte a outros países europeos da nosa contorna. Por iso, Ecoloxistas en Acción esixe aos Concellos medidas para permitir e favorecer o uso a bicicleta na cidade como un modo de transporte cotián, alternativo ao coche. Esta é unha das mellores políticas para reducir as emisións urbanas de CO2, obxectivo da Semana Europea da Mobilidade de 2009, así como para mellorar a habitabilidade das nosas cidades.

Ecoloxistas en Acción - 17 de setembro 2009


Na cola no uso da bicicleta nos desprazamentos urbanos

Ecoloxistas en Acción considera que a utilización da bicicleta como medio de transporte urbano é un dereito que numerosos cidadáns e cidadás non poden exercer porque os Concellos non pon os medios necesarios para que se poida circular en bicicleta polas cidades en condicións mínimas de seguridade e eficacia. De feito, a maioría dos Concellos teñen "políticas de tráfico" ancoradas no pasado, que non consideran que a bicicleta sexa un medio de transporte máis. Por iso, a bicicleta, salvo honrosas excepcións, nunca é tida en conta no deseño das rúas, a organización da circulación, os cruces semafóricos ou a provisión de aparcadoiros para as mesmas, así como na súa combinación co transporte público.

Neste sentido, as cidades españolas están á cola das urbes europeas, en moitas das cales as bicicletas volveron a reconquistar o espazo urbano grazas ás súas innumerables vantaxes. Tamén hai exemplos no Estado español (San Sebastián, Barcelona, Córdoba, Sevilla, ...) pero en ningún caso avanzouse tanto como sería desexable e posible.

Segundo a Unión Europea, case a metade das viaxes que se realizan en coche nas nosas cidades son percorridos de menos de 3 km, algo que custaría percorrer en bicicleta só uns poucos minutos. Ademais, a velocidade media de circulación non supera en moitas cidades os 15 km/h, velocidade facilmente alcanzable pedaleando. De feito, en moitas probas comparativas de medios de transporte, obtense o mesmo resultado unha e outra vez: que a bicicleta é máis rápida, máis eficaz no consumo enerxético e menos cara que calquera outro medio de transporte urbano para distancias por baixo dos 6-8 km (a maior parte dos desprazamentos urbanos). Só fai falta que se permita ás bicicletas circular en condicións de confort e seguridade.

Este ano, en que a Semana da Mobilidade realízase baixo o lema "mellora o clima da túa cidade", convén insistir en que canto máis traxectos en coche substitúanse por percorridos en bicicleta, menos emisións de gases invernadoiro produciranse, aparte de que o aire será máis san e reducirase o ruído. En definitiva, que como se comproba unha e outra vez en numerosas cidades europeas, a contorna urbana é máis habitable e grato con máis bicis e menos coches.

Por estes motivos, Ecoloxistas en Acción esixe aos Concellos as seguintes medidas a favor da bicicleta:
  • A construción dunha rede de carriis-bici nas principais vías urbanas, sobre a calzada e con separador onde sexa necesario, que permita circular en bicicleta con seguridade interconectando todos os barrios da cidade e estes con o centro.

  • A pacificación do tráfico no interior dos barrios, con "zonas 30" (onde non se permite pasar os 30 km/h) que permitan sen perigo a coexistencia dos distintos usuarios das rúas, con prioridade a peóns e ciclistas.

  • Aparcadoiros seguros para bicicletas nos puntos neurálxicos da cidade: desde estacións e intercambiadores de transporte, pasando por centros de ensino, centros públicos, polideportivos, zonas de lecer, etc.

  • Medidas que permitan a combinación da bici co transporte público, que van desde a posibilidade de transportala á mellora da accesibilidade das estacións.
Chegou a hora de democratizar a rúa, dándolle prioridade aos seus principais usuarios, os peóns, e reducindo o abusivo espazo ocupado polo automóbil, para permitir a expansión doutros modos de transporte menos contaminantes, máis racionais, eficaces, seguros e sostibles: non só o transporte público, senón tamén a bicicleta.

Ecoloxistas en Acción - 18 de setembro 2009

Fonte: Área de Transporte de Ecoloxistas en Acción


Enviado por:

Ecologistas en Accion
-comunicacion@ecologistasenaccion.org-
20 de setembro de 2009 20:30
__________________________

 Enlace de interese:

Mobilidade Urbana Sustentábel
Boletín de Traballo do Colectivo Ártabra 21 sobre a Mobilidade Urbana Sustentábel - Documentos, Enlaces, Noticiario - Estacionamentos Soterrados - O caso da Praza de Armas de Ferrol - Praza do Concello - Casco Histórico

__________________________________

martes, setembro 15, 2009

Hoxe, 15 de Setembro, o Concello de Ferrol presenta publicamente o "Plano de Mobilidade e Espazo Público Sustentábel" da cidade


O Concello presenta hoxe á cidadanía o Plan de Mobilidade que fará de Ferrol unha urbe do peón
Martes, 15 de setembro de 2009

O acto marcará o inicio da oferta de actividades deseñada polo goberno local para celebrar a Semana da Mobilidade. A edil María López anuncia a posta en marcha dunha web para fomentar o uso do coche compartido entre a cidadanía. O edil Gerardo López avanza a peatonalización simbólica da rúa Magdalena para amosar un anticipo do proceso

O Concello de Ferrol deseñou un completo programa de actividades para celebrar a Semana da Mobilidade que, baixo o lema “Mellora o clima da túa cidade”, comezará na cidade naval o 15 de setembro. Segundo explicaron os concelleiros de Tráfico, Gerardo López Castrillón, e Medio Ambiente, María López, o acto central e un dos máis trascendentais da axenda terá lugar coa presentación do Plan de Mobilidade e Espazo Público Sostible de Ferrol (Plan MOB). Unha ferramenta pensada para transformar nas vindeiras décadas a configuración da cidade e construíla á medida do peón, eliminando a primacía actual do vehículo. Outras propostas para lograr a implicación da cidadanía nesta semana serán a posta en marcha dunha web para fomentar o uso do coche compartido, o sorteo de 1.000 viaxes gratuítas en autocar, campañas de información sobre horarios, frecuencias e ventaxas do transporte público, camiñatas colectivas pola cidade ou a peatonalización simbólica dunha rúa do centro para exemplificar o camiño a seguir nun futuro moi próximo. Ao detalle, estas son as actividades cada día.

Martes 15 de setembro. Presentación do Plan de Mobilidade e Espazo Público Sostible de Ferrol. Elaborado pola Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona a instancias do Concello, permitirá establecer unha nova xerarquía no uso da cidade, na que o peón sexa o protagonista, seguido dos medios de transporte non motorizados e o transporte público e, en último termo, o vehículo privado. Tamén, asegurar a convivencia entre as diversas formas de moverse na cidade, apostar por unha cidade segura e accesible, menos contaminante e ruidosa, buscar solucións á mobilidade que non consuman chan, integrando a mobilidade dentro das políticas urbanísticas, e procurar un espazo público que acolla a vida social e económica e integre comercios e locais de ocio e servizos, e que albergue frecuentes actividades colectivas para grupos pequenos. Para materializar estes obxetivos se propoñen medidas concretas que nacen dun análise concienzudo da realidade de Ferrol. Así, algunhas delas serán a creación de novas cédulas urbanas, denominadas supermazás, que se configuran como un espazo multifuncional onde se limita o tráfico de paseo e se manteñen o resto de funcións urbanas, ou se propón incrementar do 32 ao 63% o espazo público viario destinado ao peón, creando unha rede de sendas peonís que interconectarían os distintos barrios. A presentación do Plan terá lugar ás 19 horas na Fundación Caixa Galicia.

Mércores 16 de setembro. Da man da Fundación RACC, o Concello de Ferrol quere lograr que os cidadáns pasen da conducción á ecoconducción. Para iso, se iniciará nesta xornada unha campaña de difusión de consellos prácticos para lograr unha mobilidade máis respetuosa co medio. Ferrol se adhire a este movemento tras Madrid e Barcelona e, ao longo da semana, se irán unindo outras cidades como Granada, Murcia, A Coruña ou Xerez. En todo caso, Concello e Fundación darán os detalles da mesma o mércores.

Xoves 17 de setembro. Arranque da campaña de fomento do transporte público “Atoparás sitio á primeira”. Fundamentalmente, o goberno local quere promover o uso do autocar e tamén da bicicleta entre os cidadáns de Ferrol. ¿Como? Facilitándolles toda a información sobre horarios, frecuencias e rutas. Gerardo López explicaba esta mañá que a campaña se centrará no complexo hospitalario Arquitecto Marcide e na zona portuaria, xa que son núcleos de especial afuenza de xente. E, aínda que recoñeceu que resta moito por facer para lograr un transporte público de calidade, tamén xustificou en gran medida a falta de uso á desinformación. No caso concreto das liñas de Tranvías e Monbús ao hospital, indicou que cada 5/7 minutos hai un autocar, co que non se entende a falta de usuarios se non é polo descoñecemento das rutas ou horarios.

Venres 18 de setembro. O Concello reedita, xunto ao Club de Montaña, a súa aposta polas camiñatas colectivas. Este ano, cun valor engadido: unha visita ás instalacións de MeteoGalicia no CIS, onde aqueles cidadáns que se sumen á iniciativas recibirán cumprida información sobre a estación, o seu funcionamento ou a calidade do aire.

Luns 21 de setembro. Coa colaboración de Monbús e Tranvías, as empresas de transporte de Ferrol, o Concello sorteará 1.000 viaxes gratuítas de autocar entre os usuarios das liñas de autocar de Ferrol que utilicen o servizo durante a semana anterior.

Martes 22 de setembro. Ferrol celebra o Día Sen Coche cunha iniciativa simbólica: a peatonalización completa da rúa Magdalena. Será un anticipo do futuro, xa que o proceso de peatonalización é un obxetivo irrenunciable para o Concello de Ferrol.

A maiores das medidas descritas, ao longo destes días, María López anunciou outras dúas accións importantes:

A posta en marcha dunha web para fomentar o uso compartido do coche. A concelleira explicou que dende o portal municipal (www.ferrol.es) se habilitará un enlace a unha web onde as persoas interesadas poderán inscribirse e entablar contacto para compartir os seus vehículos en traxectos habituais. Deste xeito, López asegurou que o obxetivo é evitar a práctica de “un turismo, un conductor”, de tal maneira que se reduza o impacto medioambiental do uso abusivo do vehículo a motor e tamén se alivie a falla de aparcamento. ¿Posibles destinatarios? A edil puxo algúns exemplos, como estudantes universitarios que se despracen a diario a A Coruña ou traballadores do Polígono de Río do Pozo.

A Concellería de Medio Ambiente tamén editará unha publicación dirixida aos máis pequenos da casa en torno ao uso do transporte colectivo, as súas vantaxes e a necesidade de recurrir a el como práctica habitual. Neste senso, María López avanzou a intención do seu departamento de fomentar lecturas colectivas na Aula de Ecoloxía Urbana no Parque Municipal Raíña Sofía.

Por último, os representantes do goberno municipal lembraron que a Semana da Mobilidade se celebra en toda Europa dende o ano 2000 co obxeto de favorecer a concienciación sobre a necesidade de preservar o medio e cambiar patróns de conducta que afectan moi perniciosamente á natureza. En Ferrol este será o terceiro ano que se celebre e, ao igual que nas edicións anteriores, o goberno municipal busca, sobre todo, a implicación activa da cidadanía.

Fonte: web do concello de Ferrol

_________________

Enlace de interese:

Mobilidade Urbana Sustentábel

Boletín de Traballo do Colectivo Ártabra 21 sobre a Mobilidade Urbana Sustentábel - Documentos, Enlaces, Noticiario - Estacionamentos Soterrados - O caso da Praza de Armas de Ferrol - Praza do Concello - Casco Histórico

____________________

mércores, agosto 26, 2009

O Colectivo Ártabra 21 reitera a súa oposición á construción dun novo estacionamento soterrado na Praza do Concello [Praza de Armas]



Estes días asistimos a un debate social nos medios de comunicación locais, a raíz da aprobación por parte do Pleno do Concello de Ferrol [06.07.2009] do "Estudo de Viabilidade do Párking da Praza de Armas", co voto a favor do PSOE e BNG, e a abstención do resto -PP, EU e IF-, estudo de viabilidade elaborado pola firma IDOM, e que proxecta un estacionamento soterrado de 8.200 m2, tres plantas e un mínimo de 320 prazas [publicado o anuncio de exposición pública no BOP o 14.07.2009].

Unha vez aberto un período de alegacións dun mes a partir da citada data de publicación, presentaron-se máis dun cento de alegacións, a maioría de particulares, unha do PP e outras de diferentes entidades [segundo varios medios de comunicación local], na súa maioría só cuestionan asuntos referentes a cantidades: que "o estacionamento non oferta suficientes prazas" [oferta 320, frente ás 116 actuais]; que o prazo de execución das obras ten que ser menor, alguén demanda que sexa entre 6 e 8 meses [no Estudo figuran 24]; preocupados tamén polo "canon" [400.000 € por unha adxudicación de 40 anos] e outros asuntos de interese para comerciantes e residentes. Algunha entidade como a asociación Ferrol se mueve, achega unhas 2.000 sinaturas de apoio ás súas demandas; o Centro Comercial Aberto da Magdalena - ACOF e a asociación veciñal Pedro Padrón van na mesma dirección [máis esta última, segundo o Diario de Ferrol, eleva a 480 a capacidade de prazas do estacionamento].

A asociación ecoloxista VERDEGAIA é a única entidade que presentou alegacións cuestionando-se a idoneidade e necesidade do propio estacionamento. Actuación loábel que ten o noso recoñecimento e apoio. Precedido este posicionamento, de Verdegaia, por un artigo titulado "Peotanización e pacificación do tráfico na Magdalena", publicado o 2 de Agosto de 2009 no semanario Nordesía, separata dominical do xornal comarcal Diario de Ferrol, asinado pola arquitecta ferrolá Olga Fra Gálvez [que formou parte da equipa de redacción, dirección e coordinación do PERI - Plan especial de protección e rehabilitación do barrio da Magdalena - aprobado o 27.09.2007] e o activista social Alexandre Carrodeguas.

Por outra banda o colectivo Masa Crítica de Ferrol, manifestou publicamente o seu desacordo coa construción do estacionamento, apostando por uns barrios libres de coches e a potenciación doutro tipo de mobilidade urbana, máis saudábel e sustentábel, baseada en ir a pé aos sitios, ou utilizar a bicicleta e tranporte público. Esquerda Unida, até hai pouco tempo formaba parte do goberno municipal, non presentou alegacións, mais anunciou a súa oposición ao estudo de viabilidade e que pedirá a súa retirada no pleno no que se traten as alegacións, aínda que, como xa dixemos con antelación, á hora da presentación á aprobación do estudo de viabilidade no pleno do 6 de Xullo, esta organización política optou pola abstención. Pois realmente esta organización só demanda un novo estudo de viabilidade, sen cuestionar-se a necesidade da construción dun novo estacionamento, precisamente este foi un dos asuntos que lles criou un conflito interno á par doutro co PSOE o seu antigo socio no goberno local. A organización política Nós-UP, tamén manifestou a súa posición contraria á construción dun novo estacionamento.

Parece-nos importante resaltar que o propio Concello, cos votos a favor de todos os grupos, é dicer por unanimidade, no Plan Urban de Ferrol, aprovou unha cousa moi diferente ao que se pretende facer na Praza do Concello [Praza de Armas], pois na páxina 25 do citado plano di textualmente:

"A iniciativa URBAN insérese nun conxunto de accións dirixidas ao obxectivo común da recuperación urbana. Planificación urbanística para a protección e a rehabilitación; Programas de Rehabilitación de edificios e vivendas; Centro Comercial Aberto; Novos equipamentos culturais da cidade; Programa de reurbanización parcial da Magdalena, construción de estacionamentos periféricos disuasorios; Programa de reurbanización xeral de Ferrol Vello; Proxecto de peonalización, reordenación de tráfico e potenciación do transporte público na Magdalena; Servizo público de bicicletas; son outras tantas accións que conflúen co Proxecto URBAN nunha estratexia integral de recuperación urbana".

Este plano esta cheo de propostas sustentábeis a todos os niveis, mais no referente á mobilidade urbana, as súa propostas son moi razonabeis, polo que recomendamos a súa leitura e detido análise. O paradóxico é que foi presentado  publicamente o 29 de Xuño, só uns días antes de aprobar-se o "Estudo de Viabilidade do Párking da Praza de Armas" [06.07.2009]. O que non se pode entender, entre moitas outras cousas, é que si se está elaborando un "Plano de Mobilidade Urbana para Ferrol" [páxina 32 do Plan Urban] como é que se pretende facer un estacionamento soterrado no medio do casco histórico, animando deste xeito aos vehículos particulares motorizados a entrar no mesmo?, como se pode facer este "equipamento" que ten que ser periférico, no mesmo corazón do centro? e o que é pior como se pode facer o equipamento antes que a planificación estexa rematada?.

O Colectivo Ártabra 21 reitera a súa oposición á construción dun novo estacionamento soterrado na Praza do Concello [Praza de Armas], tal e como acordamos na reunión aberta con diferentes persoas e colectivos, celebrada o pasado 15 de Xullo. Nesa mesma reunión acordouse promover no mes de Setembro o debate, a unión e a acción dos colectivos e diferentes organizacións co obxectivo de artellar un movimento opositor ao proxecto e que conciencie á cidadanía na necesidade de "reducir a mobilidade forzada e deixar de fomentar o uso innecesario dos vehículos motorizados". Un movimento opositor que teña entre as súas demandas e propostas políticas de mobilidade urbana, o dar "prioridade aos medios de transporte respectuosos co medio ambiente, -en particular, os desprazamentos a pé, en bicicleta ou mediante o transporte público- ...".

O Colectivo Ártabra 21, abriu un blogue público:  http://mobilidade-urbana.blogspot.com/,  para armar-nos de argumentos e facilitar o debate e a toma de decisións, en todo o referente á "Mobilidade Urbana" .

Posición Pública do Colectivo Ártabra 21

SOBRE O ESTUDO DE VIABILIDADE DO APARCAMENTO

O colectivo Ártabra21 lembra que neste pasado mes de Febreiro nos opuxemos e rexeitamos o proxecto do actual goberno municipal en construír un aparcadoiro na Praza de Armas - Praza do Concello.

Contestamos de igual modo ao estudo de viabilidade para a construción do aparcamento a que entendemos que vulnera as conclusións da AXENDA21 LOCAL celebrado en Ferrol no ano 2003-2004, e as recomendacións da UNESCO na súa comisión Vial para os Cascos Históricos.

Saúdo!

Colectivo Ártabra21.

Anexos:

ANEXO -I-

PRAZA DE ARMAS – PRAZA DO CONCELLO

O Colectivo Ártabra21 quere lembrar que no mes de Febreiro deste ano emitimos un comunicado, rexeitando os planos do goberno local en rescatar a concesión da Praza de Armas – Praza do Concello para a construción dun aparcamento.

Pensamos que este proxecto de construír un aparcamento atenta e vulnera o pacto e acordos contemplados na propia Axenda21 Local, ademais de non respectar os acordos alcanzados nas conclusións dos debates desta Axenda 21 realizados nesta cidade de Ferrol durante os anos 2003 e 2004.

Na última década, entidades e forzas conservadoras, realizaron varios intentos para PRIVATIZAR varios ESPAZOS E PRAZAS PÚBLICAS da nosa cidade a cal tivo unha decidida resposta cidadá co fin de PRESERVAR E DEFENDER ESTAS PRAZAS da constante ameazada da ESPECULACIÓN.

Debemos entender que este barrio da Magdalena, a diferenza doutros, está situado dentro dun CASCO HISTÓRICO onde teñen que se definir unhas políticas específicas e protectoras, impulsando ZONAS PEONÍS como prioridade principal das persoas fronte aos coches.

Recollemos algún exemplo como a UNESCO que recomenda e advirte á cidade de Córdoba para ser Capitalidade Cultural do ano 2016....

"Quen dixo que ser Capital Cultural de Europa sería fácil? Como comezo, un bon asento histórico e cultural es imprescindíbel, mais no sólo de historia vive o home, tamén de presente. E no presente, o urbanismo sostíbel e a mobilidade ocupan gran parte do interese das institucións. De aí a recomendación ou, mais ben, a advertencia da Cátedra de Seguridade Vial da Unesco: si Córdoba é preseleccionada en 2010 para optar a Capitalidade en 2016, deberá someter-se a importantes restricións no fluxo de vehículos no interior do seu casco histórico".

Institucións como a UNESCO e a propia AXENDA 21 LOCAL advirten e recomendan a construción de APARCAMENTOS DE BORDE ou ARREDOR DOS BARRIOS HISTÓRICOS como ALTERNATIVA ao tráfico rodado.

Este é o caso do Aparcadoiro da PRAZA  DE ESPAÑA – PRAZA DE PORTA NOVA, onde no ano 1999, o Pleno do Concello Ferrol aprobou por unanimidade iniciar as políticas de REHABILITACIÓN DO CASCO HISTÓRICO E ZONA PEONIL NO BARRIO DA MAGDALENA.

Entendemos que se debe impulsar un transporte público de calidade como alternativa ao uso do transporte privado así como viais de servizo público, ademais da implantación de CARRÍS–BICI.

O COLECTIVO ÁRTABRA 21, DEFENDE E SALIENTA ESTE SINGULAR E REPETÍBEL CASCO HISTÓRICO DO BARRIO DA MAGDALENA POLO QUE INSTAMOS AO GOBERNO MUNICIPAL QUE RETIRE ESTE PLANO DE VIABILIDADE.

INSTAMOS AO GOBERNO A QUE RECTIFIQUE E IMPULSE ESTE CASCO HISTÓRICO COMO ZONA PEONIL CO FIN DE PRESERVAR E SALVAGARDAR ESTE IMPORTANTE PATRIMONIO ARQUITECTÓNICO PARA USO E GOZO DA CIDADANÍA.

Ferrol a 24 de Agosto de 2009.

Colectivo Ártabra21

ANEXO -II-


Enviado por:
Colectivo Ártabra 21
artabra21@gmail.com
25 de agosto de 2009 01:15

--

Colectivo Ártabra 21
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara ao futuro da humanidade, respeituosa e defensora do medio natural
Ferrol, Terra de Trasancos e Bezoucos
Blog do Colectivo Ártabra 21
http://artabra21.blogspot.com/

____________________

Enlaces relacionados:
Outros enlaces de interese:
__________________

mércores, agosto 19, 2009

A Masa Crítica de Ferrol pide que non se constrúa estacionamento da Praza do Concello

Comunicado Masa Crítica de Ferrol

O Goberno municipal de Ferrol ten presentado un estudo de viabilidade para a construcción dun novo aparcadoiro subterraneo na praza do Concello. Este aparcadoiro tería mais de 400 prazas e catro accesos.

Desde a Masa crítica de Ferrol pensamos que este proxecto atenta gravemente contra o casco historico da nosa cidade. Esta iniciativa de favorecer a entrada ve vehículos no barrio historico da Magdalena choca frontalmente coa peatonalización que se vai levar a cabo.

Pensamos desde a Masa crítica que os barrios, e mais o barrio da Magdalena teñen que convertirse en zonas libres de coches. Onde só circulen os trasportes públicos e as bicicletas. Así xeraríamos un tecido social entre a veziñanza, comerciantes e paseantes que redundaría na mellora dos barrios. Este tecido debilitase en canto fomentamos en exclusiva o transporte privado.

Sé pretendemos ter una cidade viva temos que priorizar a xente sobre os coches, temos que ter una vida cotía ó alcante do pé ou do pedal. Non podemos seguir construindo barrios dormitorio, carentes de de vida cidadá, onde as xentes se teñen que desplazar para as mínimas necesidades nas suas vidas. Non podemos seguír a fomentar os macro-centros comercias que matan o pequeno comercio das nosas cidades e afogan o texido social.

Todas sabemos que a civilización do automobil estanos levando a catastrofe ecolóxica, pois os automóbiles son os responsables do 30% das emisións de gases de efecto invernadoiro.Se queremos evitar a catastrofe non podemos seguir a incentivar o uso do vehículo privado con mais aparcadoiros, esta xa demostrado que cantas máis autoestradas e máis aparcadoiros, mais conxestión viaria.

Parecenos tamen paradoxico que mentras o señor Irisarri fala de facer de Ferrol unha cidade ecolóxicamente sostible, con máis carrís bici, amparandose na axenda 21 local, por outra banda este promovendo as expectativas de uso do vehiculo privado. Estes discursos de "clorofila verde" amosan a vontade real dos gobernantes da cidade en canto as políticas verdadeiramente sustentables.

A nosa tarefa e a dosgobernantes ten que ser a de contribuir a un novo estilo de vida e non a de estar o sevizo da gran industria do motor.

Temos que quitar xa os coche os ruidos e os fumes da Magdalena e isto só se fai suprimindo o aparcadoiro da Praza do Concello. Non rescatando a concesión especulativamente para beneficiar a unha minoria. E chamativo tamen cando na Praza de España existe un aparcadoiro infrautilizado, cun nivel de uso que non chega o 20 º/ e situado a beira do casco historico, se queira volver as politicas "desarrollistas" dos anos 60.

POR TODO ELO A MASA CRíTICA DE FERROL PIDE A PARALIZACIÓN DUN NOVO APARCAMENTO NA PRAZA DO CONCELLO E INSTAMOS AO GOBERNO E CORPORACIÓN MUNICIPAL QUE ABANDONE ESTES PLANTEXAMENTOS SUICIDAS PARA CONSTRIR UNHA PRAZA PÚBLICA PARA GOZO E DESFRUTE do POBO FERROLÁN.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
19 de agosto de 2009 00:50

___________________


Animádevos a participar na Masa Crítica de Ferrol

PEDALÉA TODOLOS DÍAS, CELÉBRAO UNHA VEZ AO MES

Masa Critica Ferrol
-masacriticaferrol@gmail.com-

Mais info en: www.bicis.info
____________________

luns, agosto 17, 2009

O pleno aproba o rescate da concesión do párking do mercado por incumprir o contrato

O concelleiro Ramón Veloso destaca a unión política en torno á medida, que non recibiu ningún voto contrario

O pleno de Ferrol aprobou o pasado venres 7 de agosto o rescate da concesión do párking emprazado no mercado da Magdalena. Unha votación sen ningún voto negativo. Na práctica, segundo explicaba o concelleiro de Facenda e portavoz do goberno municipal, Ramón Veloso, a decisión adoptada en sesión plenaria permitirá poñer fin aos reiterados incumplimentos por parte da concesionaria. De feito, o actual goberno local iniciaba hai un ano o expediente para o rescate da concesión tras constatar a grave situación que atravesaba o servizo e a merma que estaba a supor para os placeiros do mercado municipal.

Máis polo miúdo, Ramón Veloso lembraba que o 15 de maio de 2008 se iniciaba o procedemento administrativo para recuperar a xestión das instalacións logo de constatar por un lado a cesión encuberta do contrato á empresa Esppor Ogic S.L. sen autorización do Concello de Ferrol, e pola outra, os incumprimentos respeto dunha serie de melloras recollidas no contrato de concesión. A Administración local solicitaba entón un informe ao Consello Consultivo de Galicia, un documento en todo caso preceptivo e non vinculante, cuxa resolución, emitida o pasado 3 de xullo, determinaba por unanimidade que procedía a resolución. Neste tempo, o Concello tamén encargaba unha auditoria á que a empresa concesionaria, a firma Sofranda, se negaba. Deste xeito e á vista dos informes favorables tanto do secretario como do interventor municipais e finalmente do Consello Consultivo, se aprobaba por unanimidade o rescate da concesión. Primeiro no transcurso dunha Comisión Extraordinaria e Urxente de Facenda e posteriormente na sesión plenaria extraordinaria, ambas celebradas o pasado día 7 pola mañá.

Agora, segundo explicaba Ramón Veloso e logo de notificarlle a decisión á firma, a Administración local ten previsto executar a garantía definitiva depositada pola entidade por importe de 10.000 euros ao tempo que iniciará o proceso de liquidación do contrato resolto. E, ao fío, Ramón Veloso confirmou que o aparcadoiro do mercado da Magdalena continuará aberto mediante a xestión do propio Concello de maneira que praceiros e cidadáns poidan disfrutar deste servizo fundamental para a dinamización destas instalacións municipais.

Fonte: Concello de Ferrol
_____________