Amosando publicacións coa etiqueta Movimento Obreiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Movimento Obreiro. Amosar todas as publicacións

xoves, xaneiro 27, 2022

Representantes da comisión 'Dez De Marzo Cincuenta Aniversario' entrevistaron-se esta semana co Alcalde de Monfero e con menbros do Comité de Empresa de Navantia Ferrol


A comisión 'Dez De Marzo Cincuenta Aniversario', integrada por membros das asociacións Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, continúan coa lobor de contactar co tecido institucional e social das comarcas, na busca de apoios para a celebración dos actos con motivo do 50 aniversario de Marzo do 72 (Día da Clase Obreira Galega) que se celebrarán no transcurso deste ano 2022. Esta semana entrevistaron-se con Andrés Feal Varela (Alcalde de Monfero) e mantiveron unha xuntanza con membros do Comité Empresa de Navantia Ferrol.

Entrevista co Comité Empresa Navantia Ferrol


O mércores 26 de xaneiro, continuando o percorrido por Alcaldías, Institucións, Entidades, Empresas … estivemos, con moita satisfacción no cerne e raíz dos acontecementos do Dez de Marzo do 72, na antiga BAZÁN.

O que fora histórico dirixente do PCG e sindicalista de CCOO Rafael Pillado, un dos que sufriron en maior grao a represión da ditadura, acompañado de Manuel Fernández Pita e Fernando Ocampo, representando as Asociacións Culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, se entrevistaron co COMITÉ DE EMPRESA DE NAVANTIA FERROL para facerlles partícipes do seu interese en conmemorar con toda solemnidade o 50º Aniversario daquel Dez de Marzo – Día da Clase Obreira Galega – e de reivindicar aquela data e aqueles feitos como patrimonio  da Clase Traballadora, non so como legado histórico de organización sindical e solidaria, do seu protagonismo na loita polas liberdades, contra o réxime franquista  e pola democracia, senón tamén como ferramenta insubstituíble no momento actual e lección para o futuro.

Presentámoslle o noso Manifesto, a nosa intención de resituar e colocar no lugar dos feitos e poñer en valor o Monumento ao 10 de Marzo, obra de Xoán Braxe, e contáronlles os seus proxectos de actividades ao longo de todo o 2022, nos eidos culturais, artísticos, sindicais, do feminismo, da política, da convivencia social convidándolles a participar deles e a divulgalos. Ambas Asociacións agradecemos enormemente a súa acollida, a atención e o interese prestados e agardamos –logo do seu debate interno– a súa moi valiosa colaboración como Comité, como Organizacións Sindicais e persoalmente como traballadores comprometidos.

Visita ao Alcalde de Monfero

O martes 25 de xaneiro, Beatriz Rascado e Fernando Ocampo representando as Asociacións Culturais Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán, visitaron a Andrés Feal Varela, Alcalde de Monfero, para comentarlle os proxectos de ambas asociacións respecto do 50 Aniversario do Dez de Marzo de 1972, Día da Clase Obreira Galega, que ao longo deste ano imos conmemorar. Actos que se irán sucedendo por todas as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal dun xeito transversal en torno á Cultura, á Política, o Feminismo o Sindicalismo, o Ensino… implicando a todos os sectores da sociedade. Quedamos moi agradecidos da boa acollida que o Alcalde nos dispensou e sentamos bases e disposición de colaborar nos próximos meses.

10 de Marzo de 1972
50 Aniversario
Memoria e Dignidade


Achegamos: Manifesto. Relación de Adhesións. Logotipo.

Contacto:
10m72.50aniversario@gmail.com

Facebook:
Dez de Marzo Cincuenta Aniversario.

Documentos:

✔ Selo Logotipo 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

✔ Manifesto do 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

✔ Apoios ao Manifesto do 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

Enviado por:
10M72 50Aniversario
-10m72.50aniversario@gmail.com-
25 de janeiro de 2022 22:16
26 de janeiro de 2022 20:38

_______

sábado, xaneiro 22, 2022

Non á fraude da nova reforma laboral - A CIG convoca 11 mobilizacións o domingo 30 de xaneiro para esixir a derrogación real das reformas laborais - En Ferrol ás 12 do mediodía en Esteiro

A CIG, como xa anunciara a pasada semana, convoca unha xornada de mobilizacións nas sete cidades e en Vilagarcía, Viveiro, Ribeira e Cee para o domingo 30 de xaneiro, en rexeitamento á fraude que supón a nova reforma laboral e para esixir a derrogación das reformas impostas dende o ano 2010. Ademais, o día que se celebre o Pleno do Congreso no que se convalide o RD/lei 32/2021, que previsibelmente será o 3 de febreiro, a CIG tamén se concentrará diante Delegación do Goberno na Coruña e nas Subdelegacións de Pontevedra, Ourense e Lugo.

Ademais, esta xornada de mobilizacións do domingo 30 vaise desenvolver de xeito conxunto en Galiza, Euskal Herria e Catalunya en resposta ao novo ataque á clase traballadora que supón esta reforma laboral que significa maior precariedade e o aumento da centralización da negociación colectiva.

Non á fraude da nova reforma laboral

Coa aprobación do RD/Lei 32/2021, o Goberno de PSOE e Unidas Podemos incumpriu a promesa que tantas veces anunciara, posto que non se derroga a reforma laboral de 2012 imposta polo PP.

No acordo do “diálogo social” do que emana esta nova normativa, tanto o Goberno como UGT e CCOO pregáronse aos intereses da patronal. O pacto social evidénciase unha vez máis como o enterrador dos dereitos dos traballadores e das traballadoras. O texto desta nova reforma, ademais de manter as medidas máis lesivas da do PP, incorpora outras novas que favorecen o empresariado á conta, outra vez, da clase obreira:

✔ O despedimento segue a ser igual de fácil e barato e mantense a barra libre das empresas para os despedimentos colectivos.

✔ Non se recuperan os salarios de tramitación nos despedimentos improcedentes.

✔ Non se recupera a nulidade dos despedimentos en fraude de lei.
   
✔ Segue en vigor o 10% da desregulación da xornada laboral.
   
✔ Incorpóranse novos contratos de formación e temporais, e modalidades de ERTE, que afondarán na precariedade. Ademais, créase unha nova modalidade de traballador/a precario/a baixo o novo contrato fixo-descontinuo.

✔ A nova modalidade de ERTE facilita o traspaso de cartos públicos a través das bonificacións nas cotas a Seguridade Social, mentres argumentan que a caixa das pensións está quebrada.

✔ Mantense a prevalencia do convenio estatal fronte aos convenios galegos e provinciais, e tamén que os convenios de empresa poidan empeorar os convenios sectoriais, agás nos salarios

Nin pacto social, nin reforma laboral!

Domingo 30 de xaneiro, mobilízate coa CIG!

Horas e lugares das mobilizacións:

    ✔ A Coruña: ás 12h, na Praza de Vigo.
    ✔ Ferrol: ás 12h, no local sindical CIG na Avda. do Esteiro.
    ✔ Lugo: ás 12h, no Edificio Sindical (Ronda da Muralla).
    ✔ Ourense: ás 11.30h, no Edificio Sindical (Parque de San Lázaro).
    ✔ Pontevedra: ás 12h, na Praza da Ferrería.
    ✔ Santiago de Compostela: ás 11.30h, na Praza Roxa.
    ✔ Vigo: ás 12h, desde a Dobrada.
    ✔ Vilagarcía: ás 12h, na Casa do Mar.
    ✔ Viveiro: ás 12h, na Praza do Concello.
    ✔ Ribeira: ás 12h, na Praza do Concello.
    ✔ Cee: ás 12h, diante do Concello

Fonte: Avantar - 17.01.2022

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
22 de janeiro de 2022 8:46

_______

xoves, xaneiro 20, 2022

Artigos de André Abeledo - Verdades incómodas sobre o conflito entre Rusia e Ucrania - Pacto social sen xustiza social


Verdades incómodas sobre o conflito entre Rusia e Ucrania

O 2 de maio de 2014, decenas de opoñentes do Goberno NAZI-FASCISTA de Kiev morreron nesta cidade ucraniana de Odessa, abrasados por un incendio provocado na Casa dos Sindicatos, trás protagonizar violentos enfrontamentos con extremistas do grupo radical Pravy Sektor e os seus simpatizantes.

Os NAZI-FASCISTAS queimaron o edificio sindical con máis dun centenar de persoas dentro, a maioría morreron queimados, entre eles un neno de corta idade, os que se tiraban polas fiestras para fuxir das chamas eran rematados a paus polos NAZIS que apoian ao goberno Ucraniano.

Os EEUU, a OTAN e a Unión Europea apoiaron a aquel goberno NAZI-FASCISTA Ucraniano no seu enfrontamento coas provincias rebeldes, provincias cunha maioría de poboación rusa, e  no enfrontamento coa mesma Rusia.

Alimentar ao monstro e fortalecelo como bo burgués asustado leva a que agora o FASCISMO e o racismo tamén sexan goberno, ou poidan selo, en outros países de Europa.

Aqueles crimes e outros moitos teñen quedado impunes en Ucraína.

A oligarquía nacionalfascista, incluíndo aos seus mamporreros políticos e periodistas, defenderon ao asasino Sternenko.

Aqueles crimes que Occidente non quixo ver, aquel fascismo que Occidente apoiou, aquel conflito onde a OTAN tomou partido por un goberno NAZI e golpista que había tomado o poder en Kiev, é o mesmo que agora ameaza ao mundo como pandemia ideolóxica tan perigosa como calquera coronavirus para toda a humanidade.

O actual conflito na fronteira entre Ucraína e Rusia ten unha historia, un contexto, e uns motivos, que Occidente esconde a súa opinión pública.

Existe unha campaña antirrusa que se guía por "a máxima de Goebbels de que unha mentira repetida mil veces convértese nunha verdade", onde o obxectivo do mantra de que 'Moscú é culpable de todo' –dende a crise enerxética en Europa, ata todo tipo de ataques informáticos, pasando pola súa 'man' detrás do independentismo catalán–, e facer crer a cidadanía occidental de que Rusia é un inimigo a bater.

Unha campaña que non se limita a desinformación, senón que acompaña feitos ben concretos, como o golpe de Estado en Ucrania e a imposición dun Goberno de ideoloxía nazi, ao tempo que a OTAN non deixa de acumular tropas nas proximidades do territorio ruso.

Que faría EEUU si nas súas fronteiras potencias estranxeiras acumulasen tropas e armamento como medida de presión e ameaza?.

Porque iso está facenda a OTAN, ameazar as fronteiras rusas e tentar de desestabilizar a súa economía e tamén aos  seus aliados, como no caso de Bielorrusia, ou Kazajistán.

Podemos escoitar a opinadores falando da liberdade de Ucraína e da OTAN para aliarse, poñer mísiles na fronteira con Rusia, ou para armar ao exército Ucraniano.

Pero que pasaría si Rusia e Cuba decidisen poñer mísiles na illa?, supoño que outra crise dos mísiles e unha nova ameaza de terceira guerra mundial. Ese é o dobre raseiro dos medios Occidentais a hora de informar.

Como sempre a verdade é la primeira vítima da guerra, neste caso da nova guerra fría.

Como sempre dicir a verdade segue a ser un acto revolucionario.

---

Pacto social sen xustiza social

Pobres máis pobres e ricos máis ricos, traballadores máis pobres e multimillonarios noxentamente ricos.

Aumentan as desigualdades coa crise do COVID-19, os 23 mil millonarios que hai no Estado español son agora un 30% máis ricos, namentres aumenta a miseria, a pobreza e a desigualdade a pasos axigantados. Libre mercado o chaman, capitalismo en estado puro. E ante isto os gobernos dedícanse á caridade e esquecesen da xustiza social.

Os 10 homes máis ricos do mundo teñen duplicado as súas sus fortunas, namentres o 99% da poboación ve como a pobreza a distintos niveis arruína as súas sus vidas.

No Estado español os que ían a asaltar os ceos agora nos din que temos que ter os pés na terra, os que falaban de utopía agora nos falan de pragmatismo.

Fai xa moito tempo que os chamados axentes socias ao servizo do poder non defenden os nosos intereses de clase.

Non me sinto representado polos chamados "axentes sociais", nin pola patronal, nin por CCOO e UXT, como traballador non me representan.

Creo na necesidade dos sindicatos, de que as traballadoras e os traballadores deben estar organizados.

Pero CCOO e UXT UGT fai tempo que teñen deixado de defender os intereses da clase traballadora, fai tempo que teñen deixado de representar a maioría das traballadoras e dos traballadores.

Aqueles que temos coñecido o seu funcionamento interno, que temos visto como son os seus tratos e os seus sus acordos coa patronal en primeira fila, sabemos ben ata onde chega a traizón a clase traballadora de estes supostos representantes.

Sabemos que eses aparatos sindicais dos supostos "axentes sociais" están podrecidos ata a medula e que os mortos non son recuperables, CCOO e UXT son agora parte do problema e polo tanto non poden ser parte da solución.

Tamén sei que nas súas sus bases e entre os seus sus afiliados queda xente honesta, que como eu o fixen un día, estanse a equivocar ao pensar que se pode resucitar a un morto, ou que se pode cambiar o rumbo dun barco en mans de piratas, de mercenarios ao servizo do poder, desgraciadamente non se pode, pero supoño que cada un debe darse conta por si mesmo da triste realidade.

Foto: Masacre en Odesa, na Casa dos Sindicatos - Maio de 20214

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
20 de janeiro de 2022 13:57
17 de janeiro de 2022 16:08

_______

luns, xaneiro 10, 2022

A CIG e o BNG coinciden na necesidade de que o trámite parlamentario sirva para derrogar a reforma laboral - Delegacións das dúas organizacións, cos seus máximos responsábeis á cabeza, mantiveron unha reunión para abordar a nova normativa - Vídeo


O que se aprobou non é unha reforma laboral, senón un cambio lexislativo co que se pretende consolidar a peor versión da reforma do PP

Carril denuncia que estes cambios laborais foron pactados de xeito antidemocrático e excluínte


A CIG e o BNG coincidiron hoxe na necesidade de que o trámite no Congreso dos Deputados/as sirva para lograr unha verdadeira derrogación das anteriores reformas laborais ao RD/Lei aprobado no Consello de Ministras/os o pasado 28 de decembro. Delegacións das dúas organizacións, encabezadas polos seus máximos responsábeis, Paulo Carril e Ana Pontón, mantiveron unha xuntanza para poñer en común os cambios introducidos na lexislación laboral polo Goberno español de PSOE e Unidas Podemos.

Ao remate do encontro -no que tamén participaron a secretaria de Organización e o secretario de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Susana Méndez e Paco Sío, así como o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego- tivo lugar unha comparecencia diante dos medios de comunicación na que o secretario xeral da CIG explicou que o reunión serviu para constatar que “estamos ante unha non derrogación da brutal reforma laboral” aprobada polo PP en 2012 e que xa fora iniciada en 2010 polo PSOE. Dúas reformas laborais que levaron mesmo convocar unha folga xeral polo que significaba de “golpe de estado” aos dereitos da clase traballadora.

Carril denunciou que pese a “todo o envoltorio e a propaganda” coa que a presentan non é non reforma laboral, senón unha modificación lexislativa “coa que se pretende consolidar a peor versión posíbel da reforma laboral de 2012”, tendo en conta que pivota sobre dous aspectos que a central considera moi negativos.

O primeiro, a pretensión de configurar un mercado laboral no que o despido camiña cara a ser case libre pola facilidade que o empresariado ten para levalo adiante e porque resulta absolutamente barato, “cuestión que esta non reforma non toca”. E en segundo lugar, o feito de que se avance cara a un marco no que se pretende crear unha realidade de permanente temporalidade, eventualidade e inseguridade laboral a través de diferentes cambios introducidos na tipoloxía de contratos, “o que agora se chama flexiseguridade, pero que non deixa de ser precariedade”.

Ademais, mantense o poder absoluto da patronal á hora de tomar decisións sobre despidos individuais e colectivos, modificacións substanciais das condicións de traballo e descolgues salariais. Así como a estrutura da negociación colectiva, na que a prevalencia dos convenios estatais significa impedir os marcos propios de relacións laborais a través dos convenios autonómicos ou provinciais, “que se teñen demostrado unha ferramenta fundamental da clase traballadora para a conquista de dereitos e de mellora das condicións laborais”.

Deste xeito o protagonismo directo dos traballadores/as vese completamente anulado nunha reforma que pretende facer prevalecer “de forma moi agresiva” os marcos estatais da negociación colectiva e doutros mecanismos que contén para regular as condicións de traballo, como son os ERTE.

Ao mesmo, tempo continúan a prevalecer os convenios colectivos de empresa sobre os de sector. “Por iso a suba de salarios non é garantía de nada, xa que nos podemos atopar -como xa dicíamos cando a reforma de 2012- con dúas empresas do mesmo sector que aplican o convenio colectivo provincial pero que optan por descolgarse mediante un convenio propio, polo que pagarán o mesmo pero terán condicións laborais distintas. De xeito que nunha, por exemplo, o cadro de persoal traballará 50 horas máis que na outra”.

Por todo isto, Carril incidiu que esta reforma non se traduce en absoluto nunha restitución de dereitos nin tampouco no recoñecemento de novos dereitos ante unha situación tan grave como a que atravesa o mundo do traballo, especialmente en Galiza como consecuencia da crise industrial que padecemos polos procesos de dixitalización e robotización produtiva “ou pola mal chamada transición enerxética, que é máis un proceso de demolición”.

Fomento da precariedade

No que ten que ver cos aspectos referidos á contratación, o máximo responsábel da CIG censurou que a temporalidade “seguirá campando ás súas anchas” e fixo fincapé na fraude que significa o cambio na tipoloxía dos contratos sen pretender facer unha modificación lexislativa que permita erradicar a temporalidade e a precariedade.

Lamentou que apenas se incorpora á normativa o que xa se estaba a gañar mediante sentenzas xudiciais, así como que se pretenda tamén a universalización do fixo descontinuo e a ampliación das posibilidades das ETT, “que están no mundo do traballo dende 1994 e constitúan unha auténtico mercadeo de man de obra barata”. Neste senso, lembrou que durante a pandemia milleiros de traballadores/as de ETT foron vítimas do paro porque as medidas do “escudo social” non chegaron a eles/as.

Outra cuestión que criticou foi o fomento sa precariedade a través dos novos contratos formativos, polo que a pouca mocidade galega que non teña emigrado será “carne de canón” da explotación laboral, co complemento perfecto deste “cóctel molotov” que é a aprobación da lei orgánica de Formación Profesional. Xa que a través desa falsa formación dual para integrar a mocidade no mundo do traballo o que se busca é precarizar as condicións laborais da xente nova, que seguirá tendo baixos salarios.

Tampouco vemos que o convenio colectivo de actividade sexa un freo para a subcontratación, senón unha porta para que as empresas poidan seguir a cometer fraude e continúe a discriminación salarial e de condicións de traballo”. Porque as empresas subcontratas ou multiservizos que teñan convenio propio poderán manter esta situación discriminatoria.

En definitiva, para Carril os cambios introducidos son “insuficientes, inxustos ou inexistentes” e fan que se a anterior reforma “era mala” esta sexa “aínda peor”. Unhas modificacións feitas mediante actuacións “profundamente antidemocráticas e excluíntes”, tendo en conta que se pactaron no marco do chamado diálogo social e á marxe dos ámbitos institucionais aos que as organizacións sindicais máis representativas teñen dereito, entre elas a CIG.

Por iso cargou contra o feito de que se pretenda aprobar no Congreso dos Deputados/as sen posibilidade algunha de debate, “tendo en conta que xa naceu viciada porque se reduciu a unha negociación falta de transparencia e de participación democrática”. Por iso a semana pasada a CIG interpelou as forzas políticas soberanistas e de esquerdas a frear “este intento de golpe de estado ás relacións laborais”.

Finalmente, agradeceulle ao BNG que comparta a visión da central sindical a respecto da reforma e que apoie a reclamación de camiñar cara a unha “verdadeira e auténtica derrogación” das reformas anteriores “para recuperar os dereitos roubados e para conseguir novos dereitos”.

Fronte común no Congreso

Pola súa banda, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, apelou á necesidade de derrogar a reforma do PP para recuperar dereitos, enfrontar as graves eivas que padece o mundo do traballo e camiñar cara a unhas relacións laborais “que deixen atrás problemas estruturais como o paro, a precariedade, a falta de dereitos ou a fenda salarial” e denunciou que o RD/Lei aprobado polo Goberno non cumpre a promesa de derrogala.

Por iso cualificou de “decepcionante” este cambio lexislativo e considerou que a derrogación da reforma depende do traballo que se faga nas vindeiras semanas no Congreso dos Deputados/as durante a tramitación do RD/Lei. “É moi grave que se manteña o despido barato e outros dos aspectos máis lesivos dunha reforma que supuxo máis precariedade, perda de dereitos e menos oportunidades”, sinalou.

En consecuencia, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, apelou á necesidade de que as modificacións normativas se tramiten como proxecto de lei e non como real decreto para permitir un “cambio en positivo” que se traduza na completa derrogación da reforma, denunciou que supoñen un incumprimento tanto de promesas electorais das forzas que integran o Executivo español como de compromisos asinados por escrito e amosou a súa confianza en que a presión social obrigue o Goberno a derrogar a reforma do PP.

Finalmente, anunciou que a súa organización xa iniciou contactos con outras forzas soberanistas con representación no Congreso, como ERC ou Bildu, para facer unha fronte común contra un cambio normativo “lesivo para os intereses da maioría social”, tal e como a CIG reclamou publicamente a semana pasada.



Fontes: Avantar. - 03.01.2022 | Canle BNG. - 03.01.2022

Documentación

✔ Real Decreto-lei 32/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.  | Ir ao BOE.

Relacionado

Reforma laboral: consolida o modelo neoliberal. | Por Manuel Mera - 03 Xan 2022 | Ir á Web.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
5 de janeiro de 2022 14:53

_______

martes, decembro 28, 2021

CIG empraza as forzas nacionalistas e de esquerda a impedir a continuidade da reforma laboral do PP que supón o texto pactado no 'diálogo social' - O RD/Lei aprobado no Consello de Ministr@s consolida a precariedade e a centralización das relacións laborais


A CIG empraza as forzas nacionalistas e de esquerdas a emendar na súa totalidade no trámite parlamentario a reforma laboral aprobada este martes no Consello de Ministras e Ministros e non validar co seu voto un "diálogo social" que se ten convertido no enterrador dos dereitos da clase obreira. Porque canto máis se coñece do texto acordado entre o Goberno español, CCOO, UGT e a patronal máis se confirma, como xa denunciamos o pasado 23 de decembro, que non estamos ante a derrogación das reformas anteriores, senón diante da súa actualización para adaptala ás duras e inxustas esixencias da UE para acceder aos fondos Next Generation.

"Esta é unha reforma inxusta que consolida, con novas formas, a precariedade e a centralización das relacións laborais e que non permite, polo tanto, a recuperación dos dereitos roubados nin avanzar na conquista de novos dereitos para a clase traballadora", denuncia o secretario xeral da CIG.

Paulo Carril advirte que na actual situación de crise económica e industrial que atravesamos, con especial crueza en Galiza, esta reforma afondará no empobrecemento, así como facilitará a destrución do tecido produtivo "ao amparar as decisións empresarias tomadas unilateralmente", como a aplicación dos despedimentos colectivos ou as modificacións substancias das condicións de traballo.

Ataque ao marco galego de relacións laborais

Denuncia que hai un reforzo sen precedentes do marco estatal que cualifica de "ataque frontal" ao marco galego de relacións laborais tanto na negociación colectiva como en calquera outro ámbito do mundo do traballo. "A capacidade de introducir melloras nos convenios provinciais ou galegos verase imposibilitada por esta nova reforma, xa que dende o ámbito estatal poderanse seguir bloqueando as melloras conquistadas nos ámbitos de negociación máis próximos, onde as traballadoras e os traballadores teñen maior capacidade de incidir", alerta Carril.

No relativo ao novo sistema de ERTE, subliña que a patronal terá “carta branca” e flexibilidade total, “máis da que xa tiña, para mandarnos ao desemprego con todas as facilidades, gratis e a conta do nosos salario e a prestación por desemprego”. Con este novo sistema, insiste, teremos “menos salario, máis paro e crearanse menos postos de traballo, xa que a patronal terá na súa man pasarnos ao ERTE con máis facilidade”.

Ademais, constitúe un ataque á liberdade e pluralidade sindical xa que, no texto aprobado, toda a referencia ás xestións destas regulacións temporais queda en mans dos sindicatos estatais, laminando o dereito de representación de miles de traballadoras e traballadores que nos seus respectivos territorios apostan por sindicatos combativos e de contrapoder como a CIG.

A trampa do diálogo social

Xunto a isto, Carril entende que as declaracións do presidente da CEOE asegurando que non van consentir cambios no texto lexislativo durante a tramitación parlamentar, exemplifica a imposibilidade de abordar no diálogo social a derrogación íntegra e real das reformas laborais de 2010 e 2012, mais tamén o carácter profundamente antidemocrático deste marco de negociación, que sen soporte xurídico ningún pretende suplantar os órganos lexislativos, cedendo todo o control en política laboral á patronal.

"Durante meses vendéronos que a derrogación da reforma laboral ía chegar da man do diálogo social. Hoxe confírmase a trampa: nin hai derrogación nin tampouco unha lexislación que permita a creación de novos dereitos que fortalezan a clase traballadora nun momento de crise, sobreexplotación e de medre da precariedade".

Por iso, o secretario xeral da CIG reitera o chamado ás forzas nacionalistas e de esquerdas a non avalar co seu voto esta reforma porque "non se pode lexitimar que primeiro se acorde no diálogo social e logo se diga amén no Congreso".

A este respecto, Carril lamenta a renuncia expresa do sindicalismo e da esquerda española a pelexar por outro modelo económico e social e a súa aceptación do neoliberalismo como "a solución", mentres seguen empeorando as condicións de vida das maiorías sociais e "se negan os marcos propios de decisión das nosas relacións laborais".

Fonte: Avantar. | Baixo licenza - by-nc-sa/2.5 CreativeCommons.

_______

martes, decembro 21, 2021

Decembro negro para as traballadoras e traballadores de Mercadona, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández [*]
21.12.2021


Quendas de traballo eternas, ritmos de traballo estenuantes, clima laboral estresante, este é o Decembro negro para as traballadoras e traballadores en Mercadona.

Os novos horarios "flexibles", Xornada flexible en máxima anual de 1826 h/ano, asinados por Mercadona cos seus sindicatos de confianza CCOO- UGT fan imposible a conciliación da vida laboral e a familiar. Algo que xa era unha utopía en Mercadona agora é unha quimera.

O persoal está sometido a presións continuadas e a uns ritmos de traballo estresantes para cumprir cos tempos que lles marcan, "imposíbeis de cumprir pola enorme carga de traballo". Isto fai que o persoal estea sometido a unha elevada tensión que ao final acaba derivando en problemas para a súa saúde.

A isto hai que engadir ademais os compartimentos irrespectuosos por parte de determinados mandos "que son humana e laboralmente intolerábeis, pero que Mercadona obvia, consinte e encubre". Un posición patronal que contrasta coa imaxe de empresa modélica que Mercadona vende nos medios de comunicación, malia que a realidade laboral é ben distinta.

"Parece mentira que en pleno século XXI nos teñamos que esixir respecto e dignidade, pero así  é. Vendemos a nosa forza se traballo, nin a nosa dignidade, nin a nosa saúde física e mental, nin as nosas vidas están en venta. Iso é algo que Mercadona non entende".

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Foto: Narón - Decembro 2021.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
19 de dezembro de 2021 22:31

_______

martes, novembro 30, 2021

En Ferrol como noutros lugares da Galiza, a CIG mobilizarase este mércores 1 de decembro para que a clase traballadora non pague a saída da crise - Na defensa do emprego e da industria, por uns salarios e pensións dignas e pola derrogación das reformas


A CIG convoca, para o vindeiro día 1 de decembro, mobilizacións en comarcas e vilas porque, camiño do final do ano, os orzamentos do Estado e da Xunta confirman o que desde a central sindical se viña advertindo: que estamos ante unha profunda crise que se multiplicou coa pandemia e que, para afrontala, nin a Xunta de Galiza nin o goberno do Estado están a adoptar as medidas necesarias para que non sexan, unha vez máis, a clase traballadora e o pobo galego quen a paguemos.

MOBILIZACIÓNS

- Vigo, 11:00h. saída da sede provincial do SEPE (rúa Canovas del Castillo).
- Pontevedra, 11:00h. saída do Edificio da Xunta (rúa María Victoria Moreno).
- Ferrol, 12:00h. saída da Tesourería do INSS.
- A Coruña, 11:30h saída do Edif Administrativo de Monelos (rúa Vicente Ferrer).
- Lugo, 11:00h saída do Edificio do INSS (Av. Madrid).
- Ourense, 10:30h saída da Subdelegación do Goberno.
- Verín, 12:00h Praza do Concello
- O Barco, 12:00h Praza do Concello
- Compostela, 12:00h desde o Pazo de Raxoi (Presidencia da Xunta).

Polo aumento dos salarios

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que a imparábel escalada da factura eléctrica “está a provocar estragos nas economías familiares, na actividade económica e na industrial, mentres o oligopolio enerxético acumula cada vez máis beneficios”. Unha situación que está provocando o incremento dos prezos de todos os produtos, nomeadamente dos básicos: a bolsa da compra ou a gasolina que son precisamente os que consume a clase traballadora.

Entrementres, os salarios non soben na mesma medida, o que, segundo Carril está a colocar nunha “situación crítica” á xa empobrecida clase traballadora, “facendo máis real que nunca aquilo de que ter un traballo non garante unha viva digna”.

Na defensa do emprego e da industria

O secretario xeral da CIG advirte que os procesos de dixitalización e descarbonización están aumentando as ameazas económicas, industriais, sociais e laborais para o conxunto da clase traballadora e para o desenvolvemento soberano dos pobos e das nacións do mundo.

O emprego é cada vez máis temporal e precario, como constata a EPA do terceiro trimestre, que demostra a escandalosa perda de postos de traballo na Industria e na Construción en Galiza. Un total de 8.800 menos a consecuencia do proceso de desmantelamento que sofren, de Norte a Sur, os nosos sectores produtivos”, afirma o secretario xeral da CIG.

Diante disto, nas concentracións demandarase tamén un verdadeiro Plan Galego de Recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno, defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra.

Pola derrogación das reformas laborais

A CIG vén demandando a derrogación da reforma laboral desde que se aprobou. Porén, e malia as promesas do goberno de coalición, segue vixente “mentres se monta un paripé mediático para manter despois os seus aspectos máis lesivos, cumprindo así os requisitos impostos pola UE para poder acceder aos famosos fondos NextGeneration, que están pensados ademais para destinar ás empresas e non ás persoas”, denuncia o secretario xeral da CIG.

Por unhas pensións dignas xa

Carril advirte tamén de que a reforma das pensións, en proceso de tramitación no Congreso, non só non derroga as de 2011, do PSOE, e 2013, do PP, senón que reafirma as daniñas medidas que “precisamente están a provocar que en Galiza miles de persoas xubiladas e pensionistas cobren pensións de miseria”.

Unha reforma que introduce ademais novas medidas como o aumento das cotizacións, que agrava aínda máis as nefastas consecuencias das anteriores reformas.

Unha situación “propiciada polos sindicatos estatais que participan en componendas co poder económico, no chamado diálogo social,desprestixiando a loita sindical; renunciando a dar a batalla ideolóxica e política necesaria para contribuír a un cambio real do actual modelo económico e social; validando as políticas dos gobernos e contribuíndo á desmobilización da clase traballadora galega”.

Por iso a CIG aposta pola mobilización por acumular “Forza para Avanzar” para dar unha resposta contundente a estes ataques e conquistar políticas alternativas coas que na Galiza poidamos exercer o dereito a vivir e traballar dignamente na Nosa Terra.

Fonte: Avantar. 19.11.2021
_______

xoves, novembro 25, 2021

A CGT de Ferrol mantén a concentración de hoxe xoves 25 ás 8 da tarde na praza de España (edificio da Xunta), en solidariedade coa loita obreira do metal de Cádiz


Hoxe pola tarde está convocada unha concentración por diferentes asociacións, partidos e a CGT, en solidariedade coa loita do metal en Cádiz. Loita que pola súa contundencia e a represión exercida contra a mobilización obreira, tivo repercusións mediáticas internacionais. Mais ao final conseguise un preacordo no convenio colectivo provincial, o que podería desmobilizar a concentración convocada para hoxe en Ferrol, ante o que a CGT fai un chamamento a manter a convocatoria, para hoxe ás 8 da tarde na Praza Amada Garcia, diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia.

A CGT de Ferrol mantén a concentración de hoxe xoves 25 ás 8 da tarde na praza de España (edificio da Xunta).

O preacordo alcanzado por CCOO e UGT nas negociación do convenio do Metal de Cádiz é moi insuficiente.

1) O incremento salarial (2% cunha revisión anual do 80% do IPC) queda lonxe dunha das reivindicacións máis sentidas polos traballador@s.

2) Aceptan que ós eventuais non se lles aplique o incremento salarial mes a mes, senón que se lles pague acumulado cando finalicen o contrato ou remate cada ano natural.

3) Aceptan unha ultractividade de 2 anos (é dicir, que unha vez rematada a vixencia do convenio, se non se asina outro nun prazo de dous anos, o convenio desaparecerá).

4) Aceptan que a folga “quedará desconvocada inmediatamente” cando os órganos de dirección dos sindicatos aproben o preacordo. A opinión dos traballador@s non parece importar moito.

A CGT de Cádiz e a Federación estatal do Metal rexeitan este preacordo e propoñen continuar a folga. Por tanto:

A CGT DE FERROL MANTÉN A CONVOCATORIA DE CONCENTRACIÓN DESTA TARDE EN SOLIDARIEDADE CO METAL DE CÁDIZ.

CONFEDERACIÓN XERAL DO TRABALLO - Sección sindical unitaria en Navantia-Ferrol    Telf. int.: 1213    Móbil: 623 044 900    cgt.fe@navantia.es
_______

Nin tanques, nin tanquetas, nin metralletas: Cádiz un novo exemplo de dignidade, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández [*]
25.11.2021


Cando se trata de represión tamén vai por barrios, non é o mesmo no barrio de Salamanca que nunha comarca obreira, non é o mesmo cando sae a pasear a ultradereita, que cando sae a reivindicar os seus dereitos a clase traballadora.

Hoxe temos o exemplo en Cádiz, como tivemos en Ferrolterra, en Vigo, en Sestao, en Gamonal e cada vez que os traballadores saen a defender a súa dignidade, os seus dereitos, o seu presente e o futuro dos seus fillos.

A tanqueta é un simple exemplo de como os poderosos, as oligarquías, ven a clase traballadora como a un inimigo a bater, a dobregar, a escravizar.

Sonche clase traballadora, fillo e neto de traballadores, que mamou dignidade e exemplo de loita consecuente cando a mal chamada reconversión destruíu o presente e o futuro de toda unha comarca en Ferrolterra.

A folga, a protesta, a loita son as únicas armas das traballadoras e traballadores para enfrontarse a quen pretenden tratarnos como a seres inferiores, como a simple man de obra, como a cousas.

Os traballadores temos dereito a vivir para vivir, a ter familia, a ter dignidade, a non ser usados e espremidos ate a última gota.

Non queremos vivir para traballar, mellor dito malvivir para traballar, sin dereitos, con medo e reprimidos por leis como la lei mordaza.

Nin tanquetas, nin tanques, nin metralletas poden frear a xusta reivindicación da clase traballadora cando é consciente da súa forza e tamén das súas cadeas.

Sonche orgullosa clase traballadora e síntome parte dos máis, dos maioritarios en tódolos los sentidos. O poder teme que todas e todos tomemos conciencia.

Forza para os traballadores do metal en Cádiz, a clase obreira gaditana en loita pola súa u dignidade, polos seus sus dereitos e polo seu futuro.

Só o pobo defende ao pobo.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
24 de novembro de 2021 21:38

_______

xoves, novembro 18, 2021

A (re)formación da clase obreira, ... Por Beverly Judith Silver - Os teóricos da globalización escribiron innumerábeis obituarios da clase obreira, mais ignoraron o feito de que o capitalismo crea sucesivamente novas clases obreiras con novas fontes de poder, padecementos e reivindicacións


Por Beverly Judith Silver [*]
18.11.2021


Os teóricos da globalización escribiron innumerábeis obituarios da clase obreira, mais ignoraron o feito de que o capitalismo crea sucesivamente novas clases obreiras con novas fontes de poder, padecementos e reivindicacións

Cando os especialistas en ciencias sociais se refiren ao período 2019-2021, destacan tres signos de crise sistémica profunda: en primeiro lugar, a incapacidade da maioría dos Estados para responder acaídamente á pandemia da COVID-19, ese gran revelador das crebas sociais e gobernamentais. En segundo lugar, a aceptación de Estados Unidos do fracaso da guerra en Afganistán, que deixou en claro que a «guerra contra o terrorismo» non logrou reverter a perda de poder de Estados Unidos a nivel mundial. Para rematar, pero non menos importante, o tsunami de protestas sociais a nivel mundial, que empezou en 2010-2011 -como consecuencia da crise financeira de 2008- e non deixou de medrar até 2019.

Se poñemos a ollada no futuro, está claro que calquera estratexia obreira e socialista deberá ter en conta o terreo no que se despregan as loitas, é dicir, a inestabilidade hexemónica dos Estados Unidos no marco dunha crise capitalista mundial sen comparanza despois dos anos 1930. Como aconteceu durante a primeira metade do século vinte, a crise actual do capitalismo global adopta a forma dunha enorme crise de lexitimidade: a consigna «socialismo ou barbarie» volve xurdir con urxencia.

Ilustración: Nicolás Daniluk.

A creación, destrución e reconstrución da clase obreira mundial

Que poden facer as mobilizacións de clase para frear a deriva do presente cara á «barbarie»? Até hai algúns anos, a resposta dos teóricos da globalización, de esquerda e de dereita, era unánime: «Non moito». A tese da «carreira cara ao abismo» sinala que a globalización creou barreiras insuperábeis para a mobilización da clase obreira. Desde os anos 1980, os partidarios desta perspectiva escribiron innumerábeis obituarios da clase e o movemento obreiros, centrados no debilitamento e a destrución das clases obreiras existentes, sobre todo -e isto é significativo- as ocupadas na produción industrial dos países centrais. Mais ignoraron as formas en que o capitalismo -por medio de transformacións recorrentes da organización produtiva mundial- crea novas clases obreiras con novas fontes de poder, padecementos e reivindicacións.

Este enfoque alternativo pon o eixe na creación e reconstrución das clases obreiras, que responden á súa vez aos costados creativos e destrutivos do proceso de acumulación de capital. En efecto, a vaga mundial de mobilizacións dos anos 2010-2011 estivo marcada polas protestas de novas clases en proceso de formación e clases existentes que loitaban para conservar os dereitos conquistados en ciclos anteriores. O espectro abrangueu folgas de obreiros industriais en China, folgas ilegais nas minas de platino de Sudáfrica, xente nova desempregada e precaria que saíu a ocupar as prazas en todo o mundo e protestas contra a austeridade que se estenderon desde África do Norte até os Estados Unidos. O proceso terminou sendo só o preludio dun tsunami de protestas de clase que durou máis dunha década e estivo composto tanto por folgas obreiras como por mobilizacións na rúa.

Hai quen pensa que a lección dos anos 2010-2011 é que as loitas de clase se desprazaron desde os lugares de produción cara ás rúas. Con todo, aínda que non deberiamos menosprezar o significado das «mobilizacións na rúa», sería un grave erro subestimar as folgas nos lugares de traballo, pois son as fontes de poder que operan detrás deses movementos. Así, por exemplo, aínda que a historia estándar das protestas exipcias de 2011 se centra na ocupación da praza Tahrir, a verdade é que Mubarak renunciou ao seu cargo só cando os obreiros da canal de Suez -sitio fundamental para o comercio internacional e nacional- fixeron folga.

Desde os anos 1980, a adopción xeneralizada da produción «just in time» -a provisión de inputs mantense en niveis mínimos coa perspectiva de recortar custos distribuíndoos «xusto a tempo»- incrementou a vulnerabilidade das fábricas situadas máis abaixo na cadea ás folgas que se desenvolven nos sitios dos provedores. Este é o caso mesmo se a fábrica que para está na mesma provincia, como sucedeu, por exemplo, cando a folga dunha empresa auxiliar forzou a Honda a pechar todas as súas plantas de ensamblaxe en China.

A pandemia e o bloqueo da canal de Suez de marzo de 2020 deixaron claro que as cadeas de abastecemento globais son vulnerábeis a múltiples formas de interrupción, entre elas, as folgas obreiras. Até certo punto, isto non é nada novo. No século vinte, os traballadores do transporte dispoñían de moito poder en virtude da súa localización estratéxica nas cadeas de abastecemento globais e nacionais. De aí o papel central que xogaron no movemento obreiro en xeral. Non hai dúbida de que as cadeas de abastecemento globais serán distintas a mediados do século XXI -de feito, a pandemia e as tensións xeopolíticas están forzando a súa reestruturación-, pero é moi probábel que os traballadores do transporte, os almacéns e a comunicación sigan tendo poder (e, se cadra, cobren máis relevancia), dada a súa localización estratéxica nos procesos de acumulación de capital.

Do mesmo xeito, sería insensato desbotar a importancia futura das folgas dos obreiros industriais, pois a dispersión mundial da produción a gran escala, posta en marcha durante o século vinte, tivo como consecuencia a formación de novas clases obreiras e vagas sucesivas de conflitos de clase. A comezos do século vinte, cando o epicentro da produción industrial a gran escala se desprazou ao continente asiático, tamén o fixo a loita obreira: confirmouse a tese de que onde hai capital, hai conflito.

Esa frase ten un sentido xeográfico, pois o capital, ao ser relocalizado en busca de man de obra submisa e barata, termina creando clases obreiras e conflitos novos nos seus lugares de destino. Mais tamén ten un sentido intersectorial, pois a medida que o capital se despraza a novos sectores da economía, créanse novas clases obreiras e xorden conflitos orixinais.

Unha perspectiva obreira hexemónica

En que sectores nos debemos centrar hoxe? Sen dúbida, un moi importante é a «industria da educación» que, segundo a UNESCO, pasou de contar 8 millóns de docentes a nivel mundial en 1950 a 62 millóns en 2000, e creceu outro 50% en 2019, até alcanzar un total de 94 millóns de docentes. Máis aló do crecemento meteórico dos números, existen outros motivos para pensar que os docentes están xogando un papel fundamental no movemento obreiro a nivel mundial, análogo ao que xogaron os obreiros da industria téxtil no século XIX e os obreiros da industria do automóbil no século XX.

A tendencia ao conflito obreiro na «industria da educación» converteuse nun dato incuestionábel a fins do século XX, pero as mobilizacións da última década marcaron un punto de inflexión. Nos Estados Unidos, este punto correspondeu á urxencia da organización Caucus of Rank-and-File Educators (CORE) que, con amplo consenso social, dirixiu os docentes de Chicago a través do seu exitosa folga de 2012. O conflito logrou instalar a idea de que os docentes non só loitaban polos seus propios intereses, senón polos dos estudantes e as familias. A folga de Chicago foi seguida dunha vaga nacional de paros e mobilizacións en todo o país, especialmente nos distritos escolares localizados en estados cunha forte política antisindical.

En Chile, os docentes das escolas públicas que foron á folga baixo dirección do Colexio de Profesores de Chile (CPC) -con apoio de estudantes, veciños e outros traballadores- xogaron un papel central no ciclo de protestas nacionais que reivindicou o acceso universal á educación e o abandono da constitución neoliberal herdada da época de Pinochet. Producíronse mobilizacións similares en Costa Rica, Honduras e Colombia e, en Perú, o presidente de esquerda Pedro Castillo chegou ao poder con apoio do sindicato docente.

Esta nova vaga de militancia docente responde a unha serie de reivindicacións fundadas nun claro proceso de proletarización, que inclúe a intensificación do traballo, a deterioración das condicións laborais e a perda de autonomía e control sobre o proceso de traballo nas aulas. En parte, as folgas docentes son exitosas debido a que as súas reivindicacións se complementan cun forte poder de negociación nos seus lugares de traballo. É posíbel argumentar que a «industria da educación» fornece os bens de capital máis importantes do século XXI, é dicir, eses obreiros educados que despois deben inserirse nunha «economía da información». A diferenza da maioría das actividades manufactureiras, é imposíbel facer presión sobre os docentes mediante a ameaza de relocalizar a produción (máis aló dos experimentos virtuais a partir da pandemia, o ensino debe realizarse onde están os estudantes). Do mesmo xeito, a «industria da educación» parece resistir á automatización (substituír os docentes por robots non é algo que apareza no horizonte).

Ademais, os docentes ocupan un lugar estratéxico na división do traballo social concibida en termos máis amplos. Se os docentes fan folga, xeran un efecto dominó que afecta toda a división social do traballo: interrompen a rutina das familias e dificultan o traballo dos pais. Nese sentido, o poder estratéxico dos docentes, aínda que en última instancia está fundado na súa capacidade de interromper a economía, é bastante singular, pois depende especialmente da centralidade que ten a súa actividade na sociedade. Así e todo, a menos que este poder se exerza no marco dunha perspectiva hexemónica máis ampla, os docentes quedan expostos a que o Estado e o capital os utilicen como chibos expiatorios e os sometan á represión. En efecto, a crise cada vez máis grave do capitalismo leva consigo tamén a ampliación e a profundación das formas coercitivas do poder.

Como sexa, as folgas máis grandes da última década mostran que os docentes teñen o potencial de formular a devandita perspectiva, é dicir, de mostrar que as súas loitas particulares implican a defensa dos intereses de toda a sociedade. O seu propio labor fai que entren en contacto cotián con círculos moito máis amplos da clase obreira, pois son testemuñas de todos os problemas que afrontan os estudantes e as súas familias. Entón, abonda con que espallen a idea de que, mesmo se as súas reivindicacións buscan un beneficio que os afecta especificamente como docentes, tamén promoven os intereses dos estudantes, as súas familias, os seus barrios e as súas cidades. Por suposto, este potencial hexemónico, fundado en condicións estruturais, débese realizar a través dunha iniciativa política que vincule as loitas particulares dos docentes -e dos traballadores- con loitas máis amplas pola dignidade humana e a supervivencia planetaria.

Solidariedade forever

A automatización que promove a Intelixencia Artificial levou a moitos intelectuais a suxerir que estariamos chegando á «fin do traballo» e que, en consecuencia, se van acabar os conflitos laborais. Porén, prescindir completamente do traballo humano nos procesos de produción continúa a ser unha fantasía difícil de alcanzar, e non deberiamos subestimar a importancia que seguen a ter as loitas obreiras nos sitios de produción.

Sería un erro tamén subestimar as mobilizacións na rúa. En efecto, é posíbel derivar a ligazón esencial destes dous sitios de loita -o lugar de traballo e a rúa- a partir do Tomo I d’O Capital. Por unha banda, chegando á metade -onde describe o conflito ininterrompido entre o capital e o traballo pola duración, a intensidade e o ritmo da actividade-, Marx refírese ao que acontece na «oculta sede da produción». Doutra banda, no capítulo 25, Marx aclara que a lóxica do desenvolvemento capitalista, non só leva a constantes loitas nos lugares de traballo, senón tamén a conflitos máis amplos a nivel social, pois a acumulación de capital avanza da man da «acumulación de miseria», especialmente baixo a forma da expansión dun exército industrial de reserva de traballadores desempregados, subempregados e precarios.

Neste sentido, a historia do capitalismo caracterízase, non só polo proceso cíclico de destrución creativa no punto da produción, senón tamén pola tendencia a longo prazo a destruír os modos de vida existentes a un ritmo máis veloz do que define a creación doutros novos. Isto leva consigo a necesidade de definir tres tipos de conflitos obreiros: 1) as protestas das clases obreiras en proceso de formación; 2) as protestas das clases obreiras existentes que están sendo destruídas; e 3) as protestas deses traballadores que o capital ignora e exclúe, é dicir, os membros da clase obreira que, aínda que dependen exclusivamente diso para sobrevivir, é probábel que nunca logren vender a súa forza de traballo.

Os tres tipos de conflitos obreiros son manifestacións distintas dun proceso de desenvolvemento capitalista único. Os tres son visíbeis nas loitas actuais. O destino de cada un está intimamente ligado co dos outros. Unha estratexia socialista debe abranguelos todos. En efecto, a perspectiva estratéxica de Marx e Engels -desenvolvida no Manifesto do Partido Comunista e noutras obras-, chamaba os sindicatos a organizar estes tres segmentos da clase obreira mundial nun proxecto común.

Non fai falta dicir que se trata dunha tarefa inmensa. Pero ademais, sen deixar do todo de pecar de certo optimismo, Marx asumía que estes tres tipos de traballadores -os que son incorporados como asalariados durante as últimas fases de expansión material, os que son expulsados durante a última vaga de reestruturacións e os que son excedentes desde o punto de vista do capital- vivían nos mesmos fogares e barrios obreiros. Vivían xuntos e loitaban xuntos.

Noutros termos, as distincións no seo da clase obreira -entre traballadores empregados e desempregados, activos e en reserva, capaces de impoñer perdas custosas ao capital e capaces só de manifestarse nas rúas- non se solapaban con diferenzas de cidadanía, raza, etnicidade ou xénero. Entón, os traballadores que encarnaban calquera deses tres tipos conformaban unha soa clase obreira con mesmo poder e as mesmas demandas, e coa capacidade de xerar unha perspectiva poscapitalista sobre a emancipación da clase no seu conxunto.

Con todo, en termos históricos, o capitalismo desenvolveuse xunto ao colonialismo, ao racismo e ao patriarcado, é dicir, dividiu a clase obreira en función da súa condición e limou as súas capacidades para xerar unha visión común da emancipación. En períodos de grandes crises capitalistas, como a que estamos vivindo, estas divisións tenden a endurecerse. O capitalismo en crise empodera directa e indirectamente os «monstros» do «interregnum» gramsciano (movementos neofascistas, racistas, patriarcais, antiinmigrantes e xenófobos). Entón desenvólvense formas coercitivas de control social e militarismo contra un movemento socialista que é á vez «demasiado forte» como para ser ignorado (polo capital) e «demasiado débil» (até o de agora) como para salvar a humanidade dunha longa época de caos sistémico.

Porén, tamén asistimos a unha recrúa das loitas obreiras sen precedente a nivel histórico en canto á súa escala e ao seu alcance. Aínda que a magnitude do desafío que xera a crise do capitalismo global para a humanidade tampouco ten antecedentes, estes novos movementos están a construír pontes e, nalgúns casos, son capaces de conxugar a solidariedade dos protagonistas dos tres segmentos da clase obreira aos que nos referimos. É nestas loitas -e a través delas- onde xurdirá un proxecto emancipatorio capaz de guiarnos fóra deste capitalismo destrutivo, cara a un mundo onde a dignidade humana valla máis que os beneficios.

[Artigo tirado do sitio web Correspondencia de prensa, do 13 de novembro de 2021]

[*] Beverly Judith Silver (1957, Detroit, Estados Unidos) é unha socióloga e economista especializada na historia das forzas do traballo, o desenvolvemento e a globalización desde a perspectiva do sistema-mundo. Os seus traballos foron traducidos e publicados a máis de dez idiomas. Desde 1992 é profesora de socioloxía na Johns Hopkins University in Baltimore, Maryland. Foi discípula e colaboradora de Giovanni Arrighi [Wikipedia].

Publicado por Avantar. | 17.11.2021 | Baixo licenza Creative  Commons by-nc-sa/2.5.
_______

martes, novembro 16, 2021

Artigos de André Abeledo Fernández - A conciliación unha quimera, tamén en Mercadona - O libre mercado nada ten que ver coa liberdade - Non é o mesmo derogar que matizar


A conciliación unha quimera, tamén en Mercadona.

Redución de xornada por coidado de menor ou persoa a cargo.

O aumento de idade dos 12 aos 15 anos para as reducións de xornada por coidado de menor debe ser unha das prioridades para que as traballadoras e traballadores poidan conciliar e coidar dos seus fillos. Non podemos falar de conciliación si non se dan as ferramentas.

Outro dos cambios necesarios e volver a priorizar realmente a necesidade do menor ou da persoa incapacitada que precisa coidados por enriba das necesidades da tenda, ou da empresa, sen ter en conta as quendas de traballo e si as necesidades horarias de quen precisa os coidados.

No caso de Mercadona, onde son delegado de persoal da CIG, vimos denunciando dende fai anos o sistema de "grellas" horarias asinado por Mercadona con UXT e CCOO que atenta dun modo moi grave contra o dereito a redución de xornada por cuidado de menor ou persoa a cargo, unhas grellas horarias que poñen límites a un dereito das traballadoras e traballadores xa insuficientemente garantido pola norma.

Ademais da apostila de revisión dos horarios periodicamente, nunha negociación desigual entre traballadores e empresa, tamén asinada e negociada entre Mercadona, CCOO e UXT.

Tamén dende a Sección Sindical da CIG en Mercadona levamos esixindo a empresa en cada reunión que os horarios de redución de xornada sexan asinados e os traballadores teñan unha copia, como en calquera empresa sería e normal, pois ese é o único xeito de dar seguridade as traballadoras e traballadores, e tamén de facer respectar os horarios de redución de xornada, que son un dereito, e como tal ten que ser respectado.

A baixa natalidade, o envellecemento da poboación son un problema, pero as empresas non están pola labor e o Goberno tampouco.


O libre mercado nada ten que ver coa liberdade

Si o noso salario non aumenta a par do prezo dos produtos de primeira necesidade, si os prezos aumentan máis que o noso soldo, iso quere dicir que nos baixaron o soldo.

Encarecer a vida sin aumentar os salarios é un xeito de fabricar traballadores pobres e de converter pobreza en miseria.

O libre mercado ten demostrado con creces que é unha fábrica de miseria e desigualdade, as leis do mercado son inxustas, terroristas e atentan continuamente contra as traballadoras e os traballadores.

O Estado debe ter un deber para co pobo e non cos "lobbys económicos", os intereses da clase traballadora nada teñen que ver cos intereses das multinacionais.

A democracia non é real cando quen gobernan realmente non foron elixidos, cando quen manexan os fíos son multinacionais, oligarquías e poderes fácticos que entenden que os seus privilexios son un dereito.

Non podemos seguir deixando en mans do raposo o galiñeiro, porqué o futuro e o presente da clase traballadora depende de que a clase traballadora tome conciencia e faga valer a súa su maioría en tódolos sentidos para poñer a riqueza e os recursos ao servizo da cidadanía.

Os sectores estratéxicos, os servizos básicos para un pobo non deben ser convertidos nun simple negocio, os seres humanos non somos cousas, ou mellor dito no debemos permitir que nos sigan tratando como mercadorías.

O Estado debe intervir a economía ou será sempre unha gran mentira, a nosa vida está ligada a economía, as decisións políticas son tamén económicas, porque o prezo da enerxía, da auga, do pan, depende de decisións políticas e de modelo económico.

O Estado do benestar depende da xustiza social, non hai xustiza social sin igualdade, non hai igualdade sin democracia, non hai democracia cando unha minoría impón os seus intereses a maioría.


Non é o mesmo derogar que matizar.
Reforma laboral e lei mordaza.


Non é o mesmo derogar que matizar, a reforma laboral debe ser derogada, o obxectivo debe ser recuperar tódolos dereitos arrebatados as traballadoras e traballadores cunha reforma laboral feita polo PP ao ditado da patronal.

Non podemos admitir desculpas de mal pagador, a reforma laboral do PP foi un ataque a liña de flotación da clase traballadora, fíxose a medida dos poderes económicos, fíxose sin ter en conta máis intereses cos da patronal e os poderes económicos.

Agora non se trata de buscar un punto intermedio, tratase de recuperar un certo equilibrio entre beneficios económicos e o dereito a dignidade das traballadoras e traballadores.

Un goberno de esquerdas non pode ser un árbitro dun pacto social xa escachado, un pacto social que se rompía o día que a dereita e a patronal decidiron facer un novo marco laboral sin contar coa maioría, cos maioritarios en tódolos sentidos, con a clase traballadora.

Sinto vergoña allea e indignación cando a patronal di que non atopa persoal porque os traballadores non estamos preparados, pois non, para ser escravos nin o estamos, nin o estaremos.

E o mesmo pasa coa lei mordaza, tamén debe de ser derogada, sin matices, nin modernizacións, nin eufemismos. Xa basta de prostituír a linguaxe.

O dereito a folga non pode ser cerceado en democracia, a lexítima protesta non pode ser amordazada.

Que existan leis, como a lei mordaza, que tentan converter en criminais as traballadoras e traballadores que esixen os seus dereitos e defenden os seus sus intereses, é algo propio de ditaduras, que un traballador poida ser condenado por manifestarse é un ataque directo a todas e todos os traballadores.

O verbo derogar debe ser conxugado con dignidade e de verdade.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
16 de novembro de 2021 15:45
14 de novembro de 2021 12:33
12 de novembro de 2021 19:45

_______

venres, novembro 12, 2021

A comisión 'Dez De Marzo Cincuenta Aniversario' continua coa súa vista ás alcaldías das comarcas do noroeste, para implicar ás institucións locais na celbración do 50 aniversario da loita obreira de marzo do 72




Visita as alcaldías das comarcas

As asociacións 'Fuco Buxán' e 'Memoria Histórica Democrática' iniciaron a pasada semana as visitas as alcaldesas e alcaldes das comarcas, co fin de expoñer-lles as iniciativas e solicitar a súa colaboración respecto do 50º Aniversario, para o vindeiro ano, do DEZ DE MARZO DO 72.

A comisión 'Dez De Marzo do 72 - Cincuenta Aniversario' continua coa súa vista á alcaldías das comarcas do noroeste para implicar ás institucións na celebración do 50 aniversario  do sucesos de marzo do 72.

Continuando coas visitas ás alcaldías das comarcas Ferol-Eume-Ortegal, entrevistaron-se coa Alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy e co Alcalde de Cabanas, Carlos Ladra, a ambos agradecemos a súa atención e interese por participar e apoiar os actos que ao longo do vindeiro 2022 organizaremos para conmemorar o 50 Aniversario do Dez de Marzo con toda a dignidade que merece o que esta data representa: A Clase Obreira Galega.

A pasada semana celebráronse xa as entrevistas cos alcaldes de Neda e Fene, Ángel Alvariño Saavedra e Juventino J. Trigo Rey, nos respectivos Concellos, presentando-lles o MANIFESTO e toda unha serie de actividades a desenvolver ao longo do 2022, e queremos agradecer a ambos rexedores a boa acollida ás nosas propostas e a boa disposición a colaborar neses actos, encamiñados a manter una digna lembranza daqueles feitos, non como nostalxia de cousa pasada, senón como exemplo de dignidade da clase obreira, para o presente e para o porvir.

Continuarán os encontros en próximas datas.

Dez de Marzo Cincuenta Aniversario
https://www.facebook.com/profile.php?id=100073115216175

10 de Marzo de 1972
50 Aniversario. Memoria e Dignidade


Adxunto:. Manifesto. Relación de Adhesións. Logotipo.

10m72.50aniversario@gmail.com
Facebook:  Dez de Marzo Cincuenta Aniversario.

Documentos:

✔ Selo Logotipo 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

✔ Manifesto do 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

✔ Apoios ao Manifesto do 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

Info baseada na enviada por:
10M72 50Aniversario
-10m72.50aniversario@gmail.com-
12 de novembro de 2021 00:12

_______

domingo, novembro 07, 2021

Monumento ao 10 de marzo: símbolo da Clase Obreira Galega, ... Por Rafael Pillado Lista



Por Rafael Pillado Lista [*]
07.11.2021


MONUMENTO AO 10 DE MARZO: SÍMBOLO DA CLASE OBREIRA GALEGA

Hai tan só unha semana, presentábase no  Parador de Turismo de Ferrol, a iniciativa que Memoria Histórica Democrática e a Asociación Fuco Buxán, apoiadas por unha vintena de agrupacións e centos de cidadáns, elaboraran para celebrar, no 2022, o 50 Aniversario dos  tráxicos acontecementos sucedidos en 1972 a nivel de Galicia, primeiro en Ferrol e, inmediatamente, en Vigo e outras localidades, dando lugar ao recoñecemento parlamentario da xornada do 10 de marzo como “Día da Clase Obreira Galega”.

No devandito Manifesto, que expresaba a vontade de considerar todo o ano afectado por esa celebración, sinaláronse algúns trazos fundamentais dese Aniversario, destacando, entre eles, un tema concreto: a vontade de rescatar da  vergonzante marxinalidade o simbólico e significativo Monumento que lle fai xustiza; para iso, resulta imprescindible o seu traslado ao centro da praza, onde lle corresponde de pleno dereito.

En paralelo, reclámase a denominación de “Praza do 10 de marzo” ao espazo público abarcado.

No seu día, o 12 de setembro de 1994, publicara na prensa, unha carta dirixida ao Sr. Alcalde, lembrándolle que a remodelación de toda a zona desprazara a localización do Monumento.

Naquel escrito, expresábame nos seguintes termos: Tras as obras de remodelación da entrada á cidade e a creación dunha praza, desprazando lateralmente as estradas de entrada e saída, o Monumento ao 10 de marzo foi marxinado de forma extrema….

Aténdonos á Verdade Histórica, a intervención policial do día de autos, coa pretensión de cortar pola metade a manifestación que, desde a Estrada de Castela, discorría xa pola Estrada das Pías (denominada naqueles momentos como Av. Jorge Vigón), chegou e até superou a actual zona de emprazamento do Monumento, ata que a heroica resposta dos traballadores -pedras contra fusís- obrigoulles a retroceder e refuxiarse no Cuartel.

Esa brutal intervención “das forzas da orde” obrigou aos traballadores a desprazarse á zona de entrada da estrada para pórse a salvo.

Quen fomos testemuñas directas dos feitos sabemos que foi o lugar que hoxe ocupa a “Porta Nova”, o centro de todos aqueles feitos, que haberían de culminar coa morte dos compañeiros Amador e Daniel por disparos da Policía, que causaron, ademais, numerosos feridos indefensos, reos do delito de demandar unha vida digna para as súas familias.

Sabemos tamén que as dúas vías de entrada e saída á cidade, coincidían co centro da actual praza, polo que a nosa pretensión de traslado do monumento está máis que xustificada.

Por todo iso, reclamo a maior atención a esta esixencia e o seu cumprimento, cando transcorreron 50 anos daqueles acontecementos, con proxección histórica, presentes aínda nunha memoria cidadá, merecedora de verdade e de Xustiza.

Sí, “…esiximos un decoroso e digno emprazamento do monumento en lugar privilexiado da nova Praza…”, facémolo para sacalo da incomprensible marxinalidade a que, por razóns non o suficientemente explicadas, viuse relegado. O seu autor, Xoan Xosé Braxe Rei, artista comprometido e solidario, tamén llo merece.

As efemérides do 10 de marzo significa para Ferrol e as súas Traballadoras e Traballadores -como o representa para Galicia (e aínda máis aló)-, unha data de insoslaiable referencia no longo camiño por conseguir Dereitos e Liberdades que a ditadura franquista negara por máis de corenta anos á Sociedade Española.

A Clase Obreira Galega hoxe demándanos que tanto esforzo, tanto sacrificio, tanto sangue derramado non sexan en balde e, de igual modo, que se lle recoñeza o seu protagonismo na vangarda, ao longo e ancho da nosa Longa Noite de Pedra, algo que, por desgraza, están a pretender sepultar no esquecemento unhas voces que só representan o rostro máis escuro e sinistro do fascismo ilustrado.

Ferrol, 15 de outubro de 2021


[*] Rafael Pillado Lista, San Cibrao (Cervo) o 12 de xuño de 1942, xubilado de BAZAN, é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Foi un activista sindical e político nos anos da ditadura franquista, sen deixar nunca a súa actividade social e política. Foi condenado polo TOP (Tribunal de Orden Público da Ditadura Franquista), no chamado proceso dos 23 de Ferrol, polos sucesos de Marzo do 72, polo que foi encarcerado en Carabanchel e con anterioridade na prisión da Coruña. Foi Secretario Xeral do PCG e foi concelleiro en Ferrol co PSOE no que estivo afiliado até finais 2011. Participou no Encontro Social e na Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra e nas Marchas da Dignidade de Ferrolterra. Agora está ligado a Podemos. Escribe artigos sobre a actualidade nos medios locais. Ten escrito un importante e moi interesante libro sobre unha parte da nosa historia recente "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)". E xa en decembro de 2019, publicou o segundo volume das súas memorias: "A dura luz da memoria | PALABRAS AFIADAS | Memorias colectivas de Rafael Pillado - II".

10 de Marzo 1972
50 Aniversario. Memoria e Dignidade


Adxunto:. Manifesto. Relación de Adhesións. Logotipo.

10m72.50aniversario@gmail.com
Facebook:  Dez de Marzo Cincuenta Aniversario.

Documentos:

✔ Selo Logotipo 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

✔ Manifesto do 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

✔ Apoios ao Manifesto do 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

Enviado por:
10M72 50Aniversario
-10m72.50aniversario@gmail.com-
7 de novembro de 2021 13:03

_______

venres, novembro 05, 2021

A patronal xoga a gañar ou gañar, ... Por André Abeledo Fernández



Por André Abeledo Fernández [*]
05.11.2021


Cando goberna a dereita impón leis e reformas que favorecen a patronal, a oligarquía e aos poderes económicos, aproveitan o poder para lexislar en contra das traballadoras e dos traballadores, arrebatando dereitos e facilitando a precariedade laboral e o despedimento como arma que sementa o medo entre os traballadores.

E cando goberna a socialdemocracia nos falan do pacto social e de negociar para recuperar unha pequena parte de todo o perdido.

E neste círculo vicioso ao final sempre perdemos os mesmos e gañan os de sempre.

A patronal aperta con todas as súas forzas para non perder o terreo gañado aos sindicatos e aos traballadores, non están dispostos a reformar ó mercado laboral en favor da maioría, non queren de ningunha maneira negociar en pé de igualdade, intentan manter os seus privilexios a calquera prezo.

Lembremos que os que decidiron axudar a Pablo Iglesias e a Podemos a ocupar o espazo político da esquerda, o fixeron para logo tentar de destruílo cando xa non lles era útil, hoxe teñen cambiado de cabalo gañador, pero non de estratexia.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
5 de novembro de 2021 10:16

_______

Sentimento polo falecemento do compañeiro Eugenio Pereiro Couce (el Uruguayo) - Un bo galego, ... afábel e entrañábel, contou sempre co aprecio de todo o mundo polas súas cualidades de compromiso e honestidade na defensa das causas sociais






O Comité Cidadán de Emerxencia lamenta profundamente o falecemento do querido compañeiro e amigo Eugenio Pereiro Couce, que desde o inicio das mobilizacións participou en todas as concentracións, marchas e actividades para denunciar o perigo desta ilegal Planta de Gas na nosa Ría.

Natural de Sedes, traballador da BAZÁN na súa xuventude, emigrou a Uruguay, formándose alí política e sindicalmente e regresando en 1969, coa familia alí creada e pasando a traballar a ASTANO onde tivo unha importante actividade sindical en CCOO e política desde o PCG. Estivo dúas veces detido en Comisaría e foi persoa involucrada en todos os temas da comunidade.

Eugenioel Uruguayo” como cariñosamente era coñecido, afable e entrañable, contou sempre co aprecio de todo o mundo polas súas cualidades de compromiso e honestidade na defensa das causas sociais. En 2014 foi homenaxeado polo CPS San Valentín do que foi Presidente e en 2015 pola AC Fuco Buxán, onde era socio fundador.

Descanse en Paz.

A súa familia a nosa aperta solidaria.

Está no Tanatorio d'A Gándara, nº 7 onde será incinerado mañá venres (05.11.2021) ás 15,30 na intimidade familiar e enterrado logo ás 19 h no Cemiterio de Sedes.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
4 de novembro de 2021 22:43

_______