Amosando publicacións coa etiqueta Navantia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Navantia. Amosar todas as publicacións

venres, febreiro 05, 2021

Á mantenta de ... 'a non visita da Presidenta de Navantia' - Comunicado do Movemento Alternativo Sindical de Navantia Ría de Ferrol


Á mantenta de ... "a non visita da Presidenta de Navantia"


O pasado día 2 de febreiro recibiamos con sorpresa unha convocatoria de reunión telemática coa nova presidenta de Navantia. Sorpresa, por que a tradición conta con visitas presenciais para coñecer de primeira man as instalacións, os produtos e o funcionamento das distintas factorías, e máximo cando xa visitara o centro de Cartagena.

A parte de repetir unha e outra vez que a compañía aposta polo futuro da Ría, o certo é que asegura que os únicos investimentos que se van a acometer na Ría de Ferrol son as correspondentes ao taller de sub-bloques. Nada de dique cuberto, nada de investimentos para carenas, nin para turbinas e nin sequera para o estaleiro de Fene. Investimentos imprescindíbeis para facer viábel ese futuro polo que di apostar, acordadas no Plan Estratéxico de Navantia, e cuxo reiterado incumprimento seguiremos denunciando publicamente.

Iso si, acláranos que non temos "dereito a queixarnos" xa que temos o proxecto máis ambicioso de Navantia (F-110) e a dixitalización dos programas da compañía.

Outro tema fundamental para nós, e así llo trasladamos na reunión, son as novas incorporacións. Denunciamos que ás alturas nas que estamos non ten xustificación que non estea terminado o proceso do 2019. Arrincamos o compromiso da presidenta de que ía poñer todo o seu empeño para que se dese a entrada de compañeiros, o problema é que lle vai a facer falta algo máis que empeño para lidar co departamento de RRHH, incapaz de finalizar ningún proceso, como o de Operarios e empregados junior no cal, desde o pasado 19 de decembro que terminou o prazo de reclamacións, non foron capaces de atender unha trintena de reclamacións e publicar as listas definitivas. A parte de empeño vai ter que empezar a esixir responsabilidades e actuar en consecuencia.

Esperamos e desexamos que isto non se quede simplemente nun brinde ao sol e palabras baleiras dentro do "quedaben" da súa "presentación oficial". Queremos recordar que o persoal da Ría que asumiu recortes importantes nos seus dereitos sociolaborais a cambio dunha promesa de plan de futuro con investimentos e incorporacións que agora ven como se lles desvanecen entre os dedos.

Consideramos que a primeira toma de contacto coa nova presidenta foi totalmente decepcionante, moi lonxe da realidade que vivimos neste estaleiro. Necesitamos os investimentos comprometidos e as novas incorporacións ou o contrario será unha lenta agonía ate a nosa desaparición.

Navantia Ría de Ferrol, a 5 de febreiro, de 2021


Movemento Alternativo Sindical (M.A.S.)
NAVANTIA (Grupo SEPI)
R/Taxonera, s/n
15403 Ferrol (Coruña)
Tel.: 981331412 / 698153978
masferrol@navantia.es
sindicatomas@gmail.com

Enviado por:
MAS FERROL (FE)
-masferrol@navantia.es-
5 de fevereiro de 2021 12:01

_______

sábado, novembro 21, 2020

Comunicado dos Comités de Empresa de Navantia Fene-Ferrol criticando como se está desenvolvendo o proceso de selección de persoal operario e empregado 'júnior' e convocatoria de rolda de prensa para o vindeiro luns 23 de novembro


Comunicado dos Comités de Empresa de Navantia Fene-Ferrol

Desde os comités de empresa de Navantia de Fene e de Ferrol queremos amosar o noso máis enérxico rexeitamento ao desenvolvemento do proceso de selección de persoal operario e empregado "júnior".

Hai que ter en consideración que as bases da convocatoria falan de 3 fases, cada unha delas eliminatoria, e onde a primeira foi unha proba teórica, a segunda unha proba psicotécnica e a terceira unha proba teórico-práctica onde “se cubrirán as prazas cos candidatos que obteñan maior puntuación na Terceira Fase“.

A representación dos traballadores non entendemos, nin imos consentir, que non se cumpra estritamente a orde de puntuación da terceira proba, en cumprimento das bases.

Navantia Fene-Ferrol, 20 de novembro de 2020

Convocatoria de Rolda de Prensa

[Sen comunicar sobre de que vai tratar o acto: se vai ser sobre a falta de carga de traballo, ou sobre os orzamentos xerais do Estado ou sobre o desenvolvemento do proceso selectivo de novo persoal] os comités de Fene e Ferrol convocan unha rolda de prensa para o vindeiro luns 23 de novembro, ás 11:00hs na porta do Arsenal (Áncoras).

Secretaría Comité de Empresa
NAVANTIA FERROL
Rúa Taxonera, s/n
15403 Ferrol (Coruña)
Tel.: 981 331 311 – Ext.1311

seccomite.fe@navantia.es

Enviado por:
FE.Secretaría Comité (FE)
-seccomite.fe@navantia.es-
20 de novembro de 2020 11:32

20 de novembro de 2020 11:43
_______

xoves, xuño 04, 2020

A Sección Sindical de CCOO de Navantia Ferrol sobre a proposta maioritaria de emprego


COMUNICADO DA SECCIÓN SINDICAL DE CCOO DE NAVANTIA FERROL SOBRE A PROPOSTA MAIORITARIA DE EMPREGO 03/06/2020

Dende a Sección Sindical de CCOO de Navantia Ferrol queremos trasladar o enorme malestar presente na nosa organización como consecuencia das manifestacións vertidas por outras organizacións sindicais, terxiversando e intentando influír negativamente en calquera solución que se acade en Navantia-Ferrol.

Que o camiño para chegar a entendernos é longo e tortuoso non o pode poñer en dúbida ninguén, soamente con votar unha ollada a historia da nosa Factoría para entender a incapacidade que teñen algunhas organizacións para chegar a acordos, e non nos referimos coa Dirección, senón coas demais organizacións sindicais. Dubidando constantemente da boa fé das nosas propostas.

Mostra do anterior foi a necesidade de levar a pleno o acordo en materia de emprego que vos enviamos este luns dia 1 de xuño, proposto por CCOO e respaldado por unha amplia maioría dos e das delegadas do Comité de Empresa (16 delegados e delegadas avalaron a proposta e 6 non estiveron de acordo), e o conseguinte escrito da CIG non asumindo o resultado e difamando contra as organizacións que o apoiaron.

Podemos dicir con orgullo que dito acordo, de materializarse cando se de a discusión coa Dirección, debería de traducirse na incorporación de toda a convocatoria do ano 2019.

A intención de dita proposta é esixir a recuperación das capacidades que tiña a parte técnica na nosa Factoría, priorizando a contratación en ditas áreas, e complementando dita convocatoria con persoal eventual si fose necesario en lugar de optar pola subcontratación. Non esquecemos áreas que a curto e medio prazo semellan as únicas que xerarán emprego como son a Fábrica de Turbinas, o Departamento de Reparacións e a Eólica Mariña.

Queremos enviar unha mensaxe de tranquilidade a tódolos operarios e operarias que trala firma do Plan Industrial agardan con ilusión a oportunidade de incorporarse ao noso plantel. É un compromiso das organización sindicais que respaldan esta proposta que as prazas de operarios e operarias que non se convoquen, se recuperarán nas vindeiras convocatorias.

Por último CCOO quere mandar unha mensaxe clara e contundente a tódalas organizacións que están a facer do inmobilismo a súa estratexia sindical. O esforzo de CCOO e doutros sindicatos por chegar a entendernos na Comisión de Emprego foi evidente, case tan evidente coma a comodidade que sinten o resto de organizacións presentes en dita Comisión coa confrontación permanente. Continuaremos plantexando tódolos temas que a nosa afiliación considere beneficiosos para o conxunto de traballadores e traballadoras e para Ferrolterra en xeral, intentaremos formar maiorías para defendelos, pero non estamos dispostos a esperar por organizacións que non teñen vontade de formar unha fronte común e que non teñen interese por construír por medio do consenso.

A esas organizacións só dicirlles que cando deixen de priorizar a súa estratexia sindical por riba dos intereses dos e das traballadoras, CCOO sempre terá a capacidade de dar un paso atrás si con iso chegamos a un punto de encontro.

Ferrol, a 3 de xuño, de 2020.

Sección Sindical de CCOO en Navantia Ferrol

Enviado por:
CCOO (FE)
-ccoo.fe@navantia.es-
3 de junho de 2020 17:05

_______

venres, maio 08, 2020

CC.OO. reflexiona sobre o futuro de Navantia-Ferrol


CC.OO. reflexiona sobre o futuro de Navantia-Ferrol


Dentro desta situación actual, Navantia está a ser obxecto público de dúas situación totalmente pesimistas. Dentro dunha situación de Alarma Sanitaria como a actual, Navantia é incapaz de, cunha certa axilidade, reactivarse ó non ter un mecanismo propio de control da situación, e unha vez mais estar condicionados polas direccións das empresas auxiliares.

Por outro lado, os medios de comunicación se cebaron, ata a saciedade, na perda do contrato de enxeñería das fragatas americanas FFGX (algún comentarista argumentando o goberno Social-comunista Chavista español) sen reflectir que Fincantieri, tirou o prezo, ou as inversións que prometeron nos propias instalacións dos estaleiros americanos. E algún político local, que sabe ben que o reporte de horas non é nin por asomo o que ven a ser a construción dun barco real, pois nunca eses barcos íanse facer aquí, tamén aparece, como si o seu partido nunca tivera ningunha responsabilidade nesta empresa. Non estaría de mais lembrar o quinquenio negro de Revuelta o fronte da empresa, e os barcos que non contratou.

A crise económica que se aveciña colle a antiga Bazán nun proceso de reestruturación favorábel para que algunhas empresas busquen o benéfico inmediato sen importalo futuro deste Estaleiro.

Fronte a esto CC.OO de Navantia - Ferrol amosase moi preocupada polo futuro inmediato.

SITUACIÓN ACTUAL

As diferentes direccións sacrificaron a sabiduría da antiga Bazán (iso que se deu en chamar o how-know) en favor dunha subcontratación masiva, unicamente para contentar os gobernantes de turno e as súas políticas contra todo o público, pero importando pouco, as xentes, as comarcas e o facer industrial dunha historia que se remonta a 1750.

O plantel quedou reducido o mínimo, de tal xeito que ningunha das Unidades Produtivas de Ferrol, que no seu día diversificou a empresa como reinos de taifas (Factoría Naval, Departamento de Reparacións e a Fábrica de Turbinas) dispón dos recursos necesarios ou dos coñecementos como para acometer as obras que se presenten. Por dicilo doutra maneira, puxeron a nosa fábrica a mercede doutras empresas que posúan ou consigan os coñecementos que nos arrebataron.

Mentres dende a xerencia se adiquen principalmente a cambiar o logo de Navantia e facer campañas de imaxe na prensa, a nosa empresa perde capacidade para facer barcos.

CAPACIDADE POR ÁREAS

A nosa Sa Técnica, sen especialistas nas diferentes partes e sistemas do buque, sen una renovación xeracional dende fai décadas, precisamos dos compañeiros e compañeiras das empresas auxiliares para deseñar un buque, empresas que a día de hoxe marcan os prazos e os prezos dos nosos deseños, e o que é peor, con traballadores e traballadoras que formamos nos.

O Estaleiro pasou a ser un grupo de talleres onde as empresas privadas campan a súas anchas e onde dificilmente conseguimos organizalas cos nosos recursos. Plantillas tremendamente volátiles, xestionadas por empresarios que en moitos casos non están dispostos a respectar as condición laborais se poden obter rédito, 6 de Maio de 2020e nunha comarca onde a ausencia de formación está condicionando que haxa os suficientes profesionais cando a construción o require.

O Departamento de Reparacións. A máis imprevisible das áreas. Isto non quere dicir que os buques entren a reparar cando se estropean cerca, senón que detrás destas reparación hai un equipo técnico e comercial que busca clientes e negocia as condicións, consiguen emprego e de forma moi exitosa , e tamén hai un equipo organizativo que vertebra as compañías auxiliares para que o cliente quede satisfeito e volva con máis buques. Hoxe é necesario máis que nunca una renovación do plantel, se non recibe reforzos tanto a parte comercial como a parte organizativa veremos como os buques pasan de largo e non reparan nas nosas instalación. Non olvidemos que este departamento xenera unha media de 600 postos de traballo.

Por último a nosa afamada Fábrica de Turbinas, da que moitos directivos incharon o peito, pois estábamos no mercado das turbinas máis importante do mundo. Un taller de caldeiraría e un centro de gran mecanizado envexa de moitos. Unha empresa que foi punteira na introdución do mercado eólico. Xa ninguén recorda cando facturaba centos de millón o ano, xeraba moitos postos de traballo e entregaba parques eólicos chave en man. Todo rematou cando se converteu nun negocio demasiado lucrativo como para que estivera una empresa pública. A día de hoxe , non ten un equipo comercial como tal, e áreas como enxeñaría, mecanizado e montaxe entre outras, non teñen a capacidade necesaria para afrontar traballos de envergadura como se fixeron non hai moitos anos e a día de hoxe estamos rexeitando obras que poderían estar ocupando a moitos traballadores e traballadoras desta comarca.

PROPOSTAS INMEDIATAS

- Pechar dunha vez o ignominioso proceso de entrada de persoal do 2019 e poñer en marcha canto antes o do 2020.

- Convocar de xeito inmediato para que sexan efectivas a volta do verán tódalas prazas pendentes do 2019. Estas prazas teñen o obxectivo de cubrir as áreas de deseño, as necesidades do departamento de Reparacións e da Fábrica de Turbinas. Indubidablemente debemos de respectar as incorporación previstas para operarios contempladas no plan, pero priorizando as anteriormente comentadas nos primeiros anos.

- Esixir dun xeito inmediato un Plan Industrial de Turbinas que recolla as liñas de negocio da Fábrica de Turbinas. É Fundamental formar operarios no manexo das grandes máquinas e Axuste, non podemos seguir rexeitando traballos pola falta de profesionais nestas áreas, tamén atención especial á post- venta, ó departamento comercial e a sa técnica.

- Veuse desta volta que o teletraballo é necesario e posible nestes tempos, pero hai que dotalo dun regulamento, tanto para desenrolar dentro da conciliación familiar e persoal como para situación de emerxencia coma esta.
- Nos vindeiros tempos teremos que facerlle fronte a subactividade como se fixo en múltiples ocasión, e esa ten que ser negociada coa RLT, con criterios obxectivos e temporais, onde a liña xeral sexa evitar compañeiros e compañeiras sen actividade.

- Reducir o máximo a subcontratación, deixando de ser absolutamente dependentes dunhas auxiliares non sempre competitivas. Dotarse de xeito inmediato dunha bolsa de traballadores e traballadoras eventuais que, independentemente das convocatorias de prazas indefinidas, eviten as subcontratacións en áreas que non deberían de ser externalizadas. Estes traballadores e traballadoras terían o paraugas da protección do noso convenio, da nosa formación, e estaríamos xerando un grupo amplo de profesionais de cara a construción de vindeiras obras.

- E necesario que tanto centros de Formación Profesional coma Universidade deixen de ser instrumentos de uso político e se convertan nunha parte do noso estaleiro donde se forme una simbiose que semella moi beneficiosa para ámbalas dúas partes.

Sen este mínimo de cuestións a solventar antes do fin do 2020, esta factoría estará abocada a un futuro moi incerto, non olvidemos que das nosas gradas saíron os mellores buques da armada (F-80, F-100, LHD Juan Carlos I, LPDs clase Galicia, Portavions Principe de Asturias, Buque de aprovisionamento Patiño...) 6 de Maio de 2020COMISIÓNS OBREIRAS quere facer un chamamento a responsabilidade social corporativa da nosa compañía, para que de una vez se mostre áxil e apegada as necesidades desta comarca, preparando o nosa centro para un reto tan importante coma a construción das fragatas F-110.

6 de Maio de 2020

Enviado por:
CCOO (FE)
-ccoo.fe@navantia.es-
6 de maio de 2020 16:47
_______

Enlaces relacionados

Unión Comarcal de Ferrol:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/menu.do?O_teu_sindicato:Unions_Territoriais:Ferrol

SIndicato Nacional de CCOO de Galicia:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/

Federación de Industria de CCOO:
http://www.industria.ccoo.es/Galicia

Confederación Sindical de Comisión Obreiras:
https://www.ccoo.es/










_________________________

Foto de Cesar Toimil. 02.07.2019

_______

luns, abril 20, 2020

Comunicado en referencia, da Sección Sindical de CCCOO Industria de Navantia Ferrol, ao Comité de Emerxencia do día de ontes no que se aprobou a reanudación paulatina da actividade en Navantia baixo o protocolo consensuado co Comité de Seguridade


COMUNICADO REUNIÓN COMITÉ DE EMERXENCIA 17 DE ABRIL


Dende a Sección Sindical de CC.OO de Navantia Ferrol queremos informar da reunión do comité de emerxencia de onte coa principal intención de que a cidadanía en xeral coñeza polo miúdo as decisións acordadas en dita reunión.

Dende fai varios días os Coordinadores de Seguridade e Saúde Laboral dos Comités de empresa tanto de Fene como de Ferrol traballaron intensamente co Departamento de Prevención da Ria de Ferrol para desenvolver un protocolo específico da Ría de Ferrol que garanta a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras, na volta ás actividades laborais previas ao período de cese total de actividade que sufriron os nosos centros de traballo dende o 30 de Marzo ate o 9 de Abril.

Tanto a Dirección coma os Representantes dos Traballadores/as marcamos dúas condicións para a volta as tarefas produtivas. As medidas preventivas serían consensuadas entre as dúas partes e garantirían o retorno seguro dos e das traballadoras. Hoxe podemos transmitir tranquilidade á clase traballadora co protocolo consensuado, entendemos que supera tódalas medidas preventivas sanitarias e define como e cando se van a explicar aos planteis, prevé as actuacións en caso de calquera imprevisto e ademais é un documento vivo, diariamente mellorarase coas medidas preventivas que tanto Dirección coma Delegad@s de Prevención e traballadoras e traballadores entendamos como positivas.

Debemos destacar que a adaptación do protocolo aos nosos centros de traballo foi ben visto e avalado por tódol@s delegad@s de prevención dos distintos sindicatos, malia que houbese logo distintas posicións sindicais para a aprobación dos traballos puntuais que comezarán este luns con 60 traballadores/as totais en cada quenda de empresas de electricidade.

CC.OO. quere transmitir que estará vixiante das condicións preventivas en todo momento, e esixirá o cese de calquera actividade no momento que se detecte algún risco. Entendemos que nesta situación non so é aconsellable, se non que é necesario a volta a actividade produtiva no sector de Industria, recuperando os planteis dos ERTEs, pero de forma paulatina, asimilando un número de traballadoras e traballadores que non supoña un risco, coa intención de aumentalo só cando haxa plena confianza , e coa firme convicción de que estamos preparados para aborda-la volta á actividade.

Ferrol a 18 de abril de 2020.

Sección Sindical de CCOO Industria de Navantia Ferrol

Enviado por:
CCOO (FE)
-ccoo.fe@navantia.es-
18 de abril de 2020 12:27

_______

venres, abril 17, 2020

Denuncian a irresponsabilidade das direccións de Navantia e Accióna ante a recuperación da actividade no estaleiro sen garantir a saúde dos traballadores e traballadoras


O COMITÉ DE EMPRESA DE ACCIONA ESIXE ÁS DIRECCIÓNS DE NAVANTIA A REACTIVAR O CONTRATO CON ACCIONA ENCARGADA DA LIMPEZA E DESINFECCIÓN DO ESTALEIRO

Así mesmo denunciamos que ACCIONA carece do obrigado protocolo de reactivación de actividade esixido polo Ministerio de Sanidade co fin de garantir a saúde de todos os seus traballadores e traballadoras, en especial dos T.E.S.

O Comité de Empresa de ACCIONA denunciamos a irresponsabilidade polo xeito de actuar por parte de NAVANTIA e ACCIONA nunha situación tan grave como a actual, onde se está reformulando a recuperación da actividade no estaleiro sen garantir a saúde dos traballadores e traballadoras. Non é comprensible que ante esta situación NAVANTIA manteña a suspensión do contrato á empresa ACCIONA, encargada da limpeza e desinfección do estaleiro, sendo esta función esencial para retomar a actividade industrial coas garantías obrigatorias para a saúde e seguridade de todas as persoas traballadoras usuarias das instalacións.

Tamén denunciamos que ACCIONA, ante esta situación, mantén un ERTE ao seu persoal e carece do obrigado protocolo de reactivación de actividade esixido polo Ministerio de Sanidade para adecuar a seguridade dos seus traballadores e traballadoras, especialmente dos T.E.S. (traballadores especialmente sensibles), vulnerando gravemente a este colectivo ao non ter en conta a súa situación de risco.

Ante este escenario, tamén denunciamos a actitude pasiva por parte da Xunta de Galicia á hora de non esixir, tando a NAVANTIA como a ACCIONA, o cumprimento e vixilancia de devanditos protocolos esixidos polo Ministerio de Sanidade, cuestión esta que, desde as distintas organizacións sindicais, lévaselle demandando, desde o inicio da crise.

Ferrol, a 15 de abril, de 2020

Roberto Villasuso Vázquez

Sec. Organización CCOO INDUSTRIA-FERROL

Enviado por:
ROBERTO VILLASUSO VAZQUEZ
-rvillasuso@industria.ccoo.es-
15 de abril de 2020 14:47

______

Foto de Daniel Alexandre | Febreiro de 2014 | Protesta de traballadores de Acciona diante do edificio de dirección de Navantia Ferrol.
_______
Unión Comarcal de Ferrol:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/menu.do?O_teu_sindicato:Unions_Territoriais:Ferrol

SIndicato Nacional de CCOO de Galicia:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/

Federación de Industria de CCOO:
http://www.industria.ccoo.es/Galicia

Confederación Sindical de Comisión Obreiras:
https://www.ccoo.es/










sábado, marzo 28, 2020

Comunicado da Sección Sindical Intercentros de CCOO en Navantia sobre a proposta da empresa en canto as medidas para paliar esta situación derivada do COVID-19


COMUNICADO SECCIÓN SINDICAL INTERCENTROS CCOO EN NAVANTIA


O pasado mércores 25 de marzo tivo lugar unha reunión do Comité Intercentros onde a Dirección da nosa empresa e o representante máximo do accionista, presidente de SEPI, non foron capaces de transmitir ningún plan para que, na medida que a situación o permita, ir recuperando a actividade industrial e, xa que logo, actuar como motor de recuperación da economía como desexa toda a nación.

As medidas presentadas non son o que se espera dos profesionais que nos dirixen nin do representante máximo do accionista, os cales deberían defender os intereses xerais máis aló dunha conta de resultado referida a unha única compañía estatal, neste caso Navantia.

A proposta que suscitou a dirección estaba baseada en recortes aos traballadores sen ningunha medida de xestión que a acompañase. O recorte baseado exclusivamente na anulación de días de vacacións, na distribución irregular da xornada e de axuste de calendario carece de calquera tipo de empatía cara aos traballadores e traballadoras, mostrando que non se ten capacidade para xerar alternativa algunha para que o peso desta crise non sexa soportado exclusivamente polo persoal de Navantia e a súa Industria Auxiliar, e o que é máis duro, reflicte a súa clara intención de que a saída desta situación non sexa outra que por medio dos recortes laborais.

O rexeitamento ás medidas propostas pola empresa foi unánime por parte de todas as forzas sindicais presentes no Comité Intercentros. Para CCOO é momento de unidade, momento de buscar consensos e momento de resaltar o que nos une, porque pola contra, afondando nas diferenzas, tardaremos máis en superar esta crise e sairemos dunha forma máis inxusta. Estamos dispostos a buscar solucións que reduzan o impacto negativo deste parón industrial, os traballadores e traballadoras somos os máis interesados en que esta situación termine canto antes e da forma menos dramática para Navantia e, pola súa influencia, para as nosas comarcas, pero o que non imos asumir é que sexa a costa dos dereitos laborais.

Por todo o anterior, esperamos que a dirección reconduza a súa proposta cara a outra ben distinta, que presente alternativa onde protexa á nosa empresa desta crise respectando os dereitos dos traballadores e traballadoras, confeccione un plan detallado para retomar a actividade, garanta indubidabelmente a seguridade e saúde dos persoais e consiga recuperar o tempo perdido así como cumprir cos nosos clientes en todos os seus compromisos.

Estamos convencidos de que si todas as partes temos este fin, partindo do respecto mutuo, atoparemos o Norte pronto e sen necesidade de recortes laborais. Este é o exemplo que debemos dar como empresa pública, e estamos convencidos que é o que a sociedade espera de nós. Considerando á IIAA nas medidas que se adopten para paliar a crise, contribuiremos todos a un tempo mellor recuperación da nosa capacidade industrial naquelas comarcas onde Navantia está establecida de xeito particular e á capacidade industrial nacional de xeito xeral.

27 de Marzo, de 2020

Comunicado da Sección Sindical Intercentros de CCOO en Navantia


Foto da constitución da Sección Sindical Intercentros en decembro de 2019.

Enviado por:
CCOO (FE)
-ccoo.fe@navantia.es-
28 de março de 2020 13:07
_______