Amosando publicacións coa etiqueta Opinión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Opinión. Amosar todas as publicacións

martes, xuño 28, 2016

Reflexión post 26X, ... Por Lídia Senra

Por Lídia Senra [*]
28.06.2016


Que o PP gañara onte as eleccións é unha moi mala nova, pero eu son das que penso que a clave do seu éxito está nos erros dos outros. A soberbia e a prepotencia son todo o contrario da humildade que deberiamos ter as forzas de esquerda.

En clave galega, equivocáronse as e os que pensaron que a compoñente nacionalista de En Marea non era un valor e que se bastaban por si sós. Considero que un dos factores máis importantes para estes resultados foi que erraron cando decidiron impoñer que non se explorara ningunha nova fórmula para ter grupo propio no Congreso e tamén, intensificando o desembarque "triunfal" de líderes e lideresas españolas que, aínda que en clave moderna, nada tiña de diferente coas campañas habituais do españolismo de sempre.

Eu creo que na perda de votos de En Marea e na abstención de moito voto nacionalista desencantado co Bloque Nacionalista Galego hai un severo castigo a estas actitudes prepotentes que na teoría din asumir que Galiza é suxeito político e mesmo din que están polo dereito a decidir, pero que na práctica actúan tratándonos como meras sucursais do centro español.

Eu son das que penso, ao igual que moitas e moitos de nós, que as alianzas na esquerda son imprescindíbeis, pero sen imposicións. Somos as galegas e os galegos quen temos que decidir o que queremos, por iso penso que a cidadanía galega actuou con moita sabedoría enviando un aviso a navegantes, dicíndonos "ollo que se seguides por aí, ides mal para as galegas".

Aínda estamos a tempo, só falta ver se teremos a humildade necesaria para responder ás súas arelas.

Texto tirado do facebook de Lídia Senra.

[*] Eurodeputada Galega de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).
___________

domingo, xuño 26, 2016

Xornada de Reflexión e Votación: cinco grandes tarefas por diante. - Tarefas libertarias, ... Por Carlos Taibo


Por Carlos Taibo [*]
26.06.2016

Confesarei que as xornadas de genuflexión esgótanme. Séntome obrigado a levantarme moi cedo, para colocarme á beira dunha mesa e darlle voltas ás cousas. Aquí vai, aínda con todo, o que parín esta mañá. Como pode apreciarse, as eleccións prívanme.

O mundo libertario ten, hoxe, cinco grandes tarefas por diante.

1. Afianzar a súa aposta pola autoxestión, pola democracia e a acción directas, polo apoio mutuo e polo despregue, en todas as ordes, de prácticas anti-autoritarias.

2. Propiciar a confluencia das organizacións e as iniciativas de carácter libertario, fronte á fragmentación e o sectarismo que se revelan en tantos lugares.

3. Procurar o achegamento, e outorgar un protagonismo máximo, a @s moit@s libertari@s que o son sen sabelo. Falo, claro, de xentes que de forma espontánea e vivencial practican a autoxestión e o apoio mutuo.

4. Ensanchar os espazos de autonomía hoxe existentes, afondar nas súas dimensións de desmercantilización e despatriarcalización, estimular a súa federación e acrecentar a súa dimensión de confrontación co capital e co Estado.

5. Pelexar para que se estenda a conciencia do que significa o colapso do sistema, e facelo desde as perspectivas da crítica do crecemento, a desurbanización, a contestación da presunta dimensión emancipadora de moitas das tecnoloxías que se nos ofrecen e, en suma, a descomplexización das nosas sociedades.

Non sei, en fin, si quedou claro o sentido do meu voto.

Publicado no facebook Carlos Taibo Arias o 25 de Xuño de 2016.

[*] Carlos Taibo Arias -Madrid 1956, é profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid, escritor e activista social, partidario activo do movimento polo "Decrecimento". Os seus últimos libros son 'Decrescimento, crise, capitalismo', 'El decrecimiento explicado con sencillez', 'España, un gran país' y 'Que no se apague la luz. Un diario de campo del 15-M'. Forma parte do Consello Editorial de "Sin Permiso" e "Altermundo" | + info

Web persoal: www.carlostaibo.com

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
25 de junho de 2016 21:15

_______

venres, xuño 24, 2016

Traballo sucio. 5 notas sobre o Brexit, ... Por David Rodríguez


Por David Rodríguez [*]
24.06.2016


1. A orella cortada aparecida no xardín bucólico de clase media americana dos 50 na peli de David Lynch Blue Velvet fálanos do inferno que, inevitablemente, habita dentro de cada paraíso. Ese é o mérito de Lynch. Dicir á clase media occidental: o voso benestar está construído sobre a barbarie. Ou dito doutro xeito: para que alguén goce de benestar, algún outro ten que facer o traballo sucio.

2. Sinala Beiras con gran lucidez que a fin da hexemonía do III Reich iniciouse cando Inglaterra lle declarou a guerra a Alemaña e que hoxe, co Brexit do IV Reich, estamos nunha situación análoga. Churchill non era precisamente un santo varón multiculturalista, queer, ecoloxista e antitaurino, pero iso non impide que o seu paso á historia estivese, en terminoloxía rajoyana, do lado dos bos e non dos malos. Obvio é dicir que para que adviñese o paraíso dos trinta gloriosos posteriores á Segunda Guerra Mundial -por máis que a socialdemocracia europea se contase unha película diferente a si mesma- foi necesario que alguén fixese o traballo sucio: o exército vermello, morrendo e matando nazis, e a URSS, obrigando a que os EEUU tivesen que implicarse na reconstrución de Europa Occidental e apostar pola unificación de parte do continente.

3. A esquerda actual, na súa maior parte meliflua e clasemedieira, esqueceu esta cuestión básica que calquera peón de obra coñece á perfección: sempre, alguén, ten que facer o traballo sucio. Por iso, ante a expresión do malestar co neoliberalismo a través do referendum inglés, a esquerda meliflua comeza a falar de xenofobia en lugar de dumping salarial e de loas abstractas ás bondades da mesma UE que bendice a Turquía para liquidar inmigrantes sirios (tras colaborar no bombardeo do seu país), que condena ao pobo grego á miseria e que propicia que a propia esquerda sexa percibida como completamente impotente polas clases traballadoras.

4. A Podemos saíulle un Tsipras á inversa. Se Tsipras convocou un referendum para perdelo, aínda que isto fose en contra do motivo (derrotar á troika) polo que chegou á presidencia de Grecia, Podemos, que ten por filosofía só apostar a cabalos gañadores, fixo campaña a favor do Bremain pensando que gañaría; aínda que, no fondo, iso significase a derrota en Inglaterra do mesmo sentimento antistablishment froito do descontento que provocou a crise económica que está na base do auxe de Podemos. Pero desta volta o Bremain non foi o "marco gañador" e esta é a disxuntiva agora de Podemos: sustentala e non emendala, retirándose, no debate europeo (que cada vez será máis importante), a posicións pro-stablishment ou comezar a articular un discurso sobre a UE diferente do da "casta" contra a que naceu.

5. Movimentos como o DIEM de Varoufakis tamén forman parte desa esquerda que esqueceu (ou fai que esqueceu) que alguén ten que facer o traballo sucio. E é que é moito máis probable que algo se mova dentro da UE despois do Brexit que con todos os artigos e chamamentos a reformar a UE desde dentro a través dun "movemento humanista" de escala continental. Como se o mesmo feito de que a Eurozona sexa disfuncional pola diverxencia de intereses dos distintos Estados non tivese tamén implicacións á hora de articular un movemento común a eses Estados diferentes. E como se non tería sido máis probable -despois do referendum no que o pobo grego, heroicamente, se mantivo no OXI- forzar a cambios na UE se o Estado grego non se dobregase -como disque propuña Varoufakis- que dobregándose, como quixo Tsipras.

6. En todo caso, como desvelou o intelectual de esquerdas anglo-pakistaní favorable ao Brexit, Tariq Alí, que lle confesou Varoufakis: "non dubides de que se hai Brexit non derramarei bágoa ningunha". E eu tampouco.

Publicado o 24 de Xuño de 2016 no blogue ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
24 de junho de 2016 21:24

_______________

martes, xuño 21, 2016

Remunicipalizar: podese, e ademais, debese,... Por Jordi Colomer

Por Jordi Colomer [*]
21.06.2016


Porque a mediados da segunda década do terceiro milenio, estamos nunha guerra polo control dos recursos públicos. O botín; O control duns 40.000 millóns de euros anuais que as administracións públicas locais adican para a prestación de servizos básicos a veciñanza. Na xestión pública, transparente e participativa, o aforro medio respecto da xestión privada está entorno a un 30%. E dicir a través do control do monopolio dos servizos públicos, a empresa privada expropia-nos colectivamente do coñecemento da autoxestión e ademais levase unha plusvalía de 12.000 millóns de euros anuais (O importe do rescate de Catalunya Caixa, tres veces os recortes de la Generalitat de Catalunya).

Esta é una de las trincheiras da loita de clases. Eles (os propietarios das accións das “empresas” de servizos) sabe-no e utilizan todas as súas ferramentas dispoñíbeis para asegurarse o seu botín. Unha delas, unha interpretación parcial e restritiva da chamada lei Montoro.

Falase moito de que a Lei de Racionalización e Sostebilidade das Administración Local (LRSAL), impide contratar o persoal necesario para recuperar os servizos municipais.  Pero en cada lei de orzamentos xerais do estado, permite-se a contratación de persoal temporal para a realización dos servizos esenciais (auga, residuos, transporte), e para cubrir as necesidades básicas (limpeza viaria, alumeado público, saneamento, servizos sociais, parques e xardíns, e os demais servizos de prestación obrigatoria por parte dos concellos).

Tamén din os que non queren remunicipalizar que “Europa”, a unión mercantil europea, prohibe rescatar os servizos públicos privatizados. De feito a nova directiva de contratación pública obriga a cumprir os contratos. E dende o pasado 16 de abril xa non podemos rescatar un servizo privatizado para remunicipalizar-lo. Pero una vez extinguido o contrato, non hai ningunha limitación para volver a xestión pública. E é mais, pode-se continuar rescindindo un contrato si a parte privada está incumprindo de forma grave e reiterada as súas obrigas contractuais. E crede-me que é algo moi moi habitual.

O único freo as remunicipalizacións son as inercias dunha administración local que se ten acomodado nas externalizacións (moitas veces con corrupción e outros fraudes), e a falla de vontade política real para estar na trincheira que como clase non podemos nin debemos renunciar e reverter estas concesións.

Necesitamos que se adiquen recursos públicos para fiscalizar as contratos actuais, recursos para volver a coñecer o servizo, e a partir deste coñecemento básico prestalo de forma directa . E estes  recursos de onde van a saír? Do aforro dos sobre-custes da xestión privada.

E como financialo? Tocará ver en cada caso que opcións temos, na política local a chave está en detectar os proxectos clave e priorizar os que xeren maior beneficio social. Neste momento sería clave liberar o parasitismo que supón adicar sobre 30% dos recursos públicos municipais a engordar as contas dos Florentino Pérez de quenda, e poder dispor así de maiores orzamentos para as políticas sociais.

Ante nos tamén está a ameaza do TISA (peor que o TTIP nos servizos públicos) onde os estados que o subscriban, obrigan-se a impedir que haxa marcha atrás nos servizos que xa están privatizados.

Naomi Klein conta na doctrina do Shock, que en procesos de cambio, o poder económico non ten ningún problema en ceder na xestión dos símbolos do pobo, mentras a xestión económica siga nas suas máns. Claro exemplo é o de Sur-África, permitindo a Nelson Mandela liderar a democratización do estado, mentras as élites económicas “ocupabanse” da economía. Agora o pobo e “libre” e mais pobre que antes tamen.

Por is non só se pode, senón que se debe. Hai moito traballo, moito traballo por facer,  e un traballo lento e xordo, pero altamente necesario.

De que lado estamos?

[*] Jordi Colomer i Missé, activista e técnico especializado en remunicipalización e xestión dos servizos públicos. Licenciado en Ciencias Ambientais pola UAB. Foi Alcalde  de  Arenys  de  Munt, onde foi o  responsábel da remunicipalización da auga do concello entre 2011 e 2014 .

---
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode!
Pódese, débese e precísase!

Coordinadora Promotora da Plataforma

    Alexandre Carrodeguas.
    Fernando Ramos Armesto.
    Pablo Portero.
    Bernardo Rego Gárate.
    Lupe Ces.

correo-e:
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

Blogue:
https://plataformaferrol.blogspot.com.es/

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
10 de junho de 2016 10:09

____________

Enlaces relacionados:

A remunicipalización da xestión de servizos municipais. | 10 febr., 2016 a Blog / Campanyes | Autor: Jordi Colomer i Missé, especialista en xestión de servizos públicos municipais e remunicipalización. | Font orixinal: Ecología política, Nº 49, 2015, págs. 106-111. | Acceder ou baixar, en PDF ou HTML.
________________

domingo, xuño 19, 2016

A débeda: a gran ausente no debate do 13X e na campaña electoral, ... Por Yago Álvarez


Máis de 100 activistas e políticos asinan un manifesto por unha auditoría pública. | A débeda: a gran ausente no debate do 13X e na campaña electoral

Encaramos a recta final desta segunda campaña electoral e, por fin, puidemos ver un debate no que se enfrontaron os catro candidatos dos partidos maioritarios. Durante o bloque dedicado a debater temas económicos faláronse moitos dos asuntos que preocupan á cidadanía española, pero, como ocorreu nas pasadas eleccións, volveuse a obviar un tema económico que afecta dun xeito transversal aos demais: a débeda.


Por Yago Álvarez [*]
15.06.2016


A débeda: a gran ausente no debate do 13J e na campaña electoral

"Todos contra Rajoy na parte de economía", proclamaron os medios durante o día de onte ao falar sobre este tramo do debate no que Sánchez, Rivera e Iglesias recriminaron os continuos recortes que sufrimos durante os catro últimos anos, a precarización do mercado laboral, as cifras de crecemento ou o exceso de déficit público. Pero ningún deles nomeou a grave situación de endebedamento na que se atopa o país.

O nivel de débeda é sen dúbida a cifra macroeconómica máis escandalosa da nosa economía. A que sufriu unha maior desviación nos últimos catro anos. A débeda do Estado español incrementouse nuns 350.000 millóns de euros, pasando de estar en torno ao 60% a comezos de 2012 ao 100% do PIB na actualidade. A partida dos Orzamentos do Estado para o pago dos intereses da débeda é de 33.490 millóns de euros en 2016, a terceira maior partida só detrás do pago das pensións e as transferencias ás comunidades autónomas. Dita cantidade é catro veces máis dos 8.000 millóns que nos pide recortar Bruxelas para equilibrar o noso déficit e superior a ese crecemento do 3% do PIB "que equivalería a 30.000 millóns" do que tanto alardea o Goberno.

Máis aló das cifras económicas, o pago desta débeda foi o único motivo polo que se modificou a nosa Constitución desde que se asinou en 1978. Algo que non ocorreu con ningunha das outras cuestións e problemas que abarcan un gran espazo nos debates e campañas electorais, como a cuestión de Cataluña ou o dereito á vivenda.



Fálase dos recortes, pero non do que os causa

Unha das principais armas arreboladizas que usaron contra Rajoy os outros tres candidatos foron os recortes. As cifras e porcentaxes de diminución das partidas de sanidade, educación, I D, protección social ou as dedicadas a políticas de igualdade foron vertidas polos tres candidatos a modo de acusación sobre o presidente en funcións. Novamente, ningún deles falou de cal é a partida dos Orzamentos do Estado que nunca deixou de aumentar nos últimos anos.

Na gráfica podemos observar como creceu a partida dedicada ao pago de intereses ao mesmo tempo que os recortes diminuían as partidas das que tanto se falou no debate. En 2012, gastámonos 26.696 millóns de euros, 28.574 millóns en 2013, 33.372 millóns en 2014, 33.000 millóns en 2015 e para este ano 2016, tal e como indicabamos anteriormente, presupostáronse 33.490 millóns de euros.

Por que ningún partido fala da débeda?

O tema da débeda parece que segue sendo completamente tabú nos discursos, mitines e debates políticos, por non falar das "auditorías cidadás", término que só oímos na campaña electoral de Podemos ás eleccións europeas fai dous anos. Como se explica no artigo "Por que a débeda non aparece no CIS", a débeda non está entre as nosas preocupacións porque as elites financeiras e políticas encargáronse de separala das súas consecuencias no noso imaxinario. Esta estratexia reflíctese claramente nas campañas electorais, nas que os partidos políticos eluden completamente o tema restando importancia a un asunto que, como xa vimos, afecta transversalmente a toda a poboación.

"Si non é polas nosas políticas, estariamos como Grecia"

Algúns dos candidatos aproveitaron a difícil situación de Grecia para atacar ao candidato de Unidos Podemos e así sacar rédito político dos abrazos entre Iglesias e Alexis Tsipras durante a campaña electoral grega. Debuxaban un escenario no que España acabaría na mesma situación que Grecia si gobernase Unidos Podemos.

A situación de Grecia e España ten varios factores en común en canto aos seus niveis de débeda, pero con catro anos de distancia. Os dous países sufriron un bipartidismo cheo de corrupción e malgasto que os levou a uns niveis de débeda insostíbeis. A débeda de Grecia, nas eleccións xerais de fai cinco anos, era a equivalente ao 100% do seu PIB, exactamente a que ten España agora mesmo. En Grecia, unha "gran coalición" do bipartidismo adoptou os novos recortes austericidas que a Troika esixiu, igual que os 8.000 millóns de euros que Bruxelas xa pediu que España recorte, algo que Mariano Rajoy prometeu facer nunha carta enviada ao xefe da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker. Catro anos de goberno do bipartidismo grego aplicando as receitas de austeridade e de privatizacións levaron a débeda do país heleno ao 180% do seu PIB, algo que podería ocorrer en España cun goberno que non reverta as políticas de austeridade e nin realice unha auditoría da débeda. O presidente en funcións afirmou durante o debate que si non fose polas políticas aplicadas polo seu partido nos últimos catro anos "estariamos como Grecia", pero as cifras da débeda indican que continuar con estas políticas estanos levando exactamente pola mesma sorte que os gregos, pero deste paralelismo tampouco falou ninguén durante o debate dos candidatos nin durante a campaña.

Coa intención de introducir a problemática da débeda no debate político, a Plataforma da Auditoría Cidadá da Débeda (PACD) publicou o manifesto "O novo goberno do Estado español debe auditar a débeda pública con activa participación cidadá", que arrinca coas firmas de máis de 100 activistas, políticas e políticos entre os que se atopan Carlos Sánchez Mato, concelleiro de Economía e Facenda da cidade de Madrid; Eric Toussaint, portavoz do Comité pola Anulación da Débeda do Terceiro Mundo; Lidia Senra, eurodeputada por Alternativa Galega de Esquerda, ou Miguel Urbán Crespo, eurodeputado por Podemos. O manifesto, aberto para toda persoa que o queira asinar, farase chegar a todos os partidos políticos a última semana de campaña.

Publicado en El Salmon Contracorriente. | 15 de Xuño de 2016

[*] Yago Álvare Barba, Licenciado en Capitalismo (tamén chamado Administración e Dirección de Empresas) na Universidade Politécnica de Valencia. Activista e voluntario en movementos sociais e ONG como SETEM ou Economistas Sen Fronteiras promovendo as finanzas éticas, o comercio xusto e outras economías máis xustas. Membro activo da Plataforma da Auditoría Cidadá da Débeda. | Autor do blog O Economista Encabuxado (El Economista Cabreado) e membro fundador do medio de economía crítica e social O Salmón Contracorriente (El Salmón Contracorriente).
_____________

martes, maio 31, 2016

Vontade de poder, ... Por Iván Rivas - A mantenta do que pasa no Palacio Municipal de Ferrol

Por Ivan Rivas [*]
31.05.2016


Hai tempo alguén afirmou que o impulso fundamental no ser humano non era a vontade de vivir senón o impulso por acadar os seus obxectivos argumentando que calquera que arrisca a súa vida por calquera razón, amosa un instinto superior ao de vivir. A isto deulle en chamar vontade de poder.

Na nosa Cidade o Goberno argumenta que actúa en contra da súa vontade cando adopta decisión que prolongan á política do PP e das que o PE de Ferrol Vello foi a primeira delas e non a peor. Asumir os convenios con Defensa, con Acuaes, o morto dunha EDAR que non funciona ou poñerse de perfil ante a proposta de xestión directa da electricidade permítelle ao PP continuar coas súas propostas sen despeitearse.

Que un goberno renuncie a desenvolver a súa vontade non só vai en contra deste principio de dignidade humana, senón que vai en contra da esencia do que é un goberno. E se o actual así o fai é unha fraude porque, ou ben, realmente non é quen goberna, ou ben, di o contrario do que pensa.

[*] Iván Rivas Rico, -A Pontenova 1976, é arquitecto de profesión, concelleiro e portavoz do grupo municipal do BNG en Ferrol desde xaneiro de 2012, na anterior etapa e na actualidade. Foi candidato á Alcaldía polo BNG - Asembleas Abertas, para as eleccións locais do 24 de maio deste 2015. Ten conta no facebook: https://www.facebook.com/ivan.rivasrico .

Artigos de Ivan Rivas no Diario de Ferrol.

Enviado por:
Inácio GZ
inaciogz@gmail.com
31 de maio de 2016 09:10

___________

sábado, maio 28, 2016

O contrato eléctrico, ... por Lupe Ces - Vídeo: o debate sobre a remunicipalizaçom do serviço eléctrico em Ferrol no Pleno Municipal


Por Lupe Ces [*]
28.05.2016


Onte o BNG apresentou umha moçom para a renúncia do contrato eléctrico de subministro e mantimento. Um contrato começado a tramitar no anterior governo do PP. Um contrato a15 anos de mais de 41milhos de euros. A fórmula está muito extendida: umha multinacional (FCC) e umha empresa local SEFCON. O administrador de SEFCON, Borja Silveira Rey, pertence também a um bufete transnacional de advogados (LAMAS Y Asociados) [1] que tenhem oficinas em Ciudad de Panamá, Shangai, Republica Dominicana, Madrid, A Corunha e Ferrol. Este mesmo bufete de advogados, tem um contrato de serviço de defensa judicial e assistência jurídica co Concelho de Ferrol, assinado polo antigo alcalde. Esse bufete redactou um informe externo, solicitado polo alcalde Jorge Suárez, conforme nom se podia desestimar nem renunciar ao contrato, que está a piques de rematar o seu procedemento num pleno municipal. A assembleia de Ferrol en Común, inexplicavelmente, aprovou seguir adiante co contrato. No pleno da quinta-feira, a moçom do BNG que propóm a renuncia tivo os votos a favor do BNG e do PSOE, Ciudadanos e Ferrol en Común abstiverom-se e o PP votou em contra. A continuaçom pode-se escoitar e ver como se desenvolveu o debate no pleno. A remunicipalizaçom é possivel. Si se pode!


https://youtu.be/IqL_mRsu-ws

Debate no pleno municipal do dia 26 de Maio de 2016 da moçom do BNG relativa à renúncia ao contrato de subministro e mantimento eléctrico para a sua remunicipalizaçom.Publicado em 27 de Maio de 2016, na Canle do BNG Ferrol.

[1] Nota.- Por outra banda, o alcalde de Ferrol (José Manuel Rey Varela) tamén informou doutros dous asuntos que viron luz verde na Xunta de Goberno celebrada esta mañá. Un deles foi a contratación do servizo de auditoria externa e verificación do programa Urban da que se ocupará “Auditores de Empresas Asociados S.L” por un montante de 17.157,80 euros (21% de IVE incluído) e un prazo de execución dun ano. O outro tema abordado na reunión ordinaria do executivo municipal foi a contratación do servizo de defensa xudicial e asistencia xurídica do Concello de Ferrol á “UTE Bufete Pieltain-Fuertes y Asociados S.L.P y Lama Abogados S.L.P” por un montante de 171.820 euros ao ano (21% de IVE incluído). Este contrato terá un tempo de duración de catro anos (Fonte: Web do Concello - 09.03.2015).

[*] Lupe Ces Rioboo, é umha das pessoas da coordenadora promotora dumha "Plataforma pola Remunicipalización dos Servizos Públicos", iniciativa cidadá que em primeiro lugar pretende parar o Contrato Eléctrico que tramita o Concelho de Ferrol.

Artigos de Lupe Ces en Ártabra 21.

Enviado por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
28 de maio de 2016 01:15
http://lupeces.blogspot.com/
___________