Amosando publicacións coa etiqueta Queremos Galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Queremos Galego. Amosar todas as publicacións

luns, maio 17, 2010

A xente do común protagonista da manifestación pola defensa da nosa Língua - Galería Fotográfica

A xente do común protagonista da manifestación pola defensa da nosa Língua, contra a política lingüística do PP e da Xunta de Galicia

Un só obxectivo, mostrar o rechazo ás agresións contra o noso idioma. Un só protagonista, a xente, que a miles encheu de novo as rúas e prazas de Compostela pedindo a retirada do decreto do Galego no ensino, e o cese das humillacións e agresións que sofren a diario as persoas que falan galego no seu propio país. Así o entendeu unha parte importante da sociedade galega, de distintas procedencias e ideoloxías, mais que se sinten pertencentes á casa común que sostén a Lingua propia do país.

Galería Fotográfica da Manifestación Nacional celebrada en Compostela este 17 de Maio de 2010 - Fotos de Ártabra 21



Web oficial da Plataforma Queremos Galego:
http://www.queremosgalego.org/
_____

mércores, maio 12, 2010

Este 17 de Maio todas e todos a Compostela en defensa da nosa lingua: Manifestacion Nacional "O Galego , o noso existir"


O GALEGO, O NOSO EXISTIR. MANIFESTACIÓN 17 DE MAIO EN SANTIAGO DE COMPOSTELA. QUEREMOS GALEGO!

Prezadas amigas,

Prezados amigos,

Co obxectivo de dar o maior impulso e toda a difusión posíbel á convocatoria, xuntámosvos o texto do folleto que se distribuirá masivamente na manifestación deste vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela, co pedimento de que o reenviedes e distribuades, facéndollo chegar a familiares, veciñas/os, coñecidas/os, compañeiras/os de aulas ou de traballo, etc. Aproveitemos o noso potencial –nós mesmas/os– e movámonos para que ningunha galega ou galego fique o 17 na casa por non saber que ten nas rúas de Santiago de Compostela unha cita inescusábel para seguir a defender a vida e o futuro do galego frente aos intentos de desprotexelo, desmantelando a súa oficialidade en ámbitos chave como a das administracións ou o do ensino.

Todas e todos facemos Queremos Galego. Por iso, entre todas e entre todos debemos facer o posíbel para que a do 17 de maio volva ser unha xornada histórica e a máis grande mobilización cidadá de todos os tempos en defensa da nosa lingua e da nosa cultura. Porque o galego, como ben di o lema co que chamamos á manifestación, é o noso existir.

Tamén vos queremos solicitar, na medida en que poidades, a vosa colaboración para algún dos labores de organización que haberá que atender o propio día 17 para que a manifestación sexa un éxito, tamén no plano organizativo (participando no servizo de orde, repartindo ou colaborando na venda de material, recollendo sinaturas para a ILP pola garantía dos dereitos lingüísticos, etc). Por iso, se podedes axudar nalgunha destas tarefas, confirmádenolo chamando ao 981 563 885 ou enviándonos un correo a
queremosgalego@queremosgalego.org.
Dámosvos as grazas por adiantado.

Vémonos este 17 de maio en Santiago de Compostela.

Cordiais cumprimentos

web oficial: http://www.queremosgalego.org/

Autobuses desde Ferrol Terra

SAÍDA
10:00.- Ares; os autobuses que pon o Concello de Ares sairán da Porta do SolTlf. 981 468 102
REGRESO

Ao remate da manifestación

 

SAÍDA

09:30.- Cabanas, no Areal
Tlfs. 637 971 387
REGRESO
Ás 14:30; xantar campestre en Sigüeiro e volta ás 18:00 para Cabanas

PREZO: 7 €


SAÍDA
09:00.- Cedeira; os autobuses que pon a CIG sairán da Praza de Galiza
Tlf. 699 821 073 (Fernando) - 655971748 (Mari Paz)
REGRESO
Ao remate da manifestación


SAÍDA
10:00.- Fene, diante do Concello
Tlfs. 981 341 451 (departamento de Cultura)
REGRESO
Ao remate da manifestación


SAÍDA
10:00.- Ferrol, local da CIG en Esteiro
Tlfs. 981358750 - 981352676
REGRESO
Ao remate da manifestación


SAÍDA
10:00.- Mugardos, diante do Concello
Tlfs. 981 470 338
REGRESO
Ao remate da manifestación


SAÍDA
10:00.- Narón, Praza de Galiza
Tlfs. 981 337 700; ext1205, ext1063
REGRESO
Ás 15:00


SAÍDA
10:15.- Pontedeume, na parada dos autobuses
Tlfs. 639 623 781 (Manolo)
REGRESO
Ao remate da manifestación


SAÍDA
10:00.- As Pontes
Tlfs. 981 451 510 (CIG)
REGRESO
Ao remate da manifestación


SAÍDA
10:00.- San Sadurniño, Praza do Concello
Tlfs. 981 490 027 (Concello)
REGRESO
Ao remate da manifestación


Enviado por:
QUEREMOS GALEGO!
-queremosgalego@acogalo.net-
12 de maio de 2010 16:41

__________________________

domingo, marzo 14, 2010

Luns 15 de Marzo de 2010: Concentracións Comarcais contra o Decretazo en diferentes vilas e cidades da Galiza, en Ferrol ás 8 da Tarde na Praza Amada García, diante do Edifico Administrativo da Xunta de Galicia



A Plataforma cidadá Queremos Galego convoca a toda a sociedade a unha mobilización xeral contra o retroceso de anos que significara para a nosa lingua propia, o proxecto de decreto contra o galego presentado ás agachadas na mañá do sábado 13 de marzo.

Arestora, están confirmadas concentracións comarcais para o serán deste luns 15 de marzo nos seguintes lugares:

- Santiago de Compostela: ás 20 horas na Praza do Toural
- Vigo: ás 20 horas na Rúa do Príncipe (diante do MARCO)
- A Coruña: ás 20 horas na Praza de Pontevedra (diante do instituto)
- Ourense: ás 20 horas na Avenida da Habana (diante do edificio administrativo da Xunta)
- Lugo: ás 20 horas na Rolda da Muralla (diante do edificio administrativo da Xunta)
- Pontevedra: ás 20 horas na Praza da Peregrina
- Ferrol: ás 20 horas na Praza Amada García (diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia).
- Vilagarcía de Arousa: ás 20 horas na Praza de Galiza
- Noia: ás 20 horas diante do Concello
- A Pobra do Caramiñal (para toda a Barbanza): ás 20.30 no Cantón da Leña
- Foz: ás 20 horas diante do Concello
- Carballo: ás 20 horas diante do Concello
- A Estrada: ás 20 horas na Praza do Concello

Nas próximas horas pode ser que se vaian confirmando máis concentracións en máis puntos do país.

Para máis información pódese consultar a web de queremos galego. www.queremosgalego.org

Pola nosa lingua, nin un paso atrás!

Enviado por:
Colectivo A Revolta
-a.revolta.de.trasancos@gmail.com-
14 de março de 2010 18:51
Colectivo Sociocultural "A Revolta" de Trasancos
http://a-revolta-de-trasancos.blogspot.com/
_____________

sábado, xaneiro 23, 2010

Queremos Galego de Ferrol Terra fai avaliación da Xornada de Loita contra o Decretazo do 21 de Xaneiro


  • A plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO da comarca de Ferrol califica de “multitudinario” o apoio recibido
  • Estima en máis de 3.000 persoas da nosa comarca as que acudiron á chamada en defensa do galego
  • Afirma que “a mellor defensa do galego é o seu uso”

A estrutura comarcal da plataforma desexa trasladar o seu agradecemento ás miles de persoas que se desprazaron a Compostela o pasado xoves. A indignación producida pola “agresiva política lingüística” que pretende aplicar o Presidente da Xunta contra o galego e o feito de facer público durante as festas do nadal o decretazo de redución do galego no ensino motivou unha resposta tan masiva.

Os nove autobuses que poidemos pór a disposición dos nosos veciños e veciñas non foron suficientes polo que na tarde anterior vímonos na obriga de lles negar a posibilidade de os levar. Pedimos desculpas coa única excusa de nos vermos sobrepasados por unha demanda moi superior á prevista para un día de semana.

Foron moitas as persoas castelanfalantes que acudiron á chamada da plataforma rexeitando as “coces” que Feijoo está a dar á convivencia en Galiza. Desde a plataforma animámolas a dar o paso de falar en galego pois é o xeito de mellor querer a nosa lingua, a leren en galego para apoiar as nosas publicacións, a solicitaren amabelmente seren atendidos en galego nas distintas institucións e a escribiren en galego sen vergoña de erraren pois a aprendizaxe prodúcese ao insistir na súa utilizacion. “A mellor defensa do galego é o seu uso

Esiximoslle ao señor Feijoo que defenda o galego alá onde vaia. Séculos de imposición doutra lingua estigmatizaron a nosa mais o cargo que ocupa obrígaoo a defender os dereitos da lingua galega e os nosos dereitos. A súa conduta é indigna do cargo que ostenta, o de meirande representación política galega.

Sitio web oficial da Plataforma:
http://www.queremosgalego.org/


Enviado por:
Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos
a.revolta.de.trasancos@gmail.com
23 de janeiro de 2010 10:41

http://a-revolta-de-trasancos.blogspot.com/

_______________________

xoves, xaneiro 21, 2010

Rotundo suceso da xornada de loita en defensa do Galego e contra do Decretazo

Milleiros de traballadores e traballadoras do ensino público secundaron a folga contra as bases do Decretazo, milleiros tamén foron o alumnado que se sumou á convocatoria e milleiros foron as persoas que participaron na grande manifestación que seguro vai ter, xunto a toda a xornada de loita, do 21 de Xaneiro de 2010, en defensa do galego, unha relevancia que a vai colocar nun lugar moi importante da historia da nosa Lingua e do noso pobo.

O goberno do PP, instalado na Xunta de Galicia desde hai case un ano, pretende lexislar contra a nosa Lingua, contra o idioma propio da Galiza, contra a súa necesaria protección e promoción, unha lingua minorizada que segundo datos e análise, segue perdendo falantes a pasos axigantados, a favor do castelán. Mentres se persiguem as políticas de inmersión lingüística, e de promoción do galego no ensino, existe umha abafante imposición do castelán a través dos medios de comunicación, tanto impresos como os audiovisuais: radio e televisión; publicidade, publicacións, filmes, ensino, administración, xudicatura, relacións económicas, ...

Os medios "próximos", preocupan-se en demasía pola suposta mermada pluralidade do movimento Queremos Galego; dan-lle case absoluto protagonismo aos partidos políticos, reforzando o argumento de Feijoo conforme esta era unha mobilización de "pataleo" de quen perdeu as eleizóns, cando é un logro do movimento social e sindical compartido por máis de 500 organizacións de base, centos de delegados e delegadas estudiantis, organizacións de nais e pais, e os sindicatos do ensino que chamaron á folga.


[Para ampliar clicar acima da foto]

Así foi a xornada segundo algúns medios de comunicación que utilizan a nosa lingua na súa principal edición:

Vieiros.-
Ducias de milleiros de persoas toman Compostela para defenderen a lingua - Despois dunha xornada de folga masiva no ensino público e de ver como a capital de Galiza se colapsaba coa chegada de manifestantes nun día laborábel, o PPdeG teima en pechar os ollos e falar de "presións" contra a "maioría social" - ROTUNDO ÉXITO DA MOBILIZACIÓN CONTRA O 'DECRETAZO'
http://www.vieiros.com/nova/77981/ducias-de-milleiros-de-persoas-toman-compostela-para-defenderen-a-lingua

RadioFusión.-
O Obradoiro da lingua galega - Milleiros de estudantes e profesores encheron este mediodia a Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, secundando a convocatoria da Plataforma Queremos Galego contra as bases para o decreto do plurilingüismo.
http://www.radiofusion.eu/manager.php?p=FichaNova&ID=4732

GaliciaConfidencial.-
O PP cre que o 50% do Obradoiro foi presionado - Éxito cuantitativo da protesta de Queremos Galego, pero a diversidade ideolóxica da plataforma comeza a reducirse ante o protagonismo do BNG.
http://www.galiciaconfidencial.com/nova/5213.html

A Nosa Terra.-
Queremos Galego enche o Obradoiro - A Policía Local reduce a protesta a 30.000 persoas e a Xunta a folga a 'menos do 50 por cento'. Con todo, a loita a prol da lingua galega colleita o seu terceiro éxito en poucos meses, tanto no número de manifestantes como na diversidade ideolóxica dos colectivos que a apoian. Cifra o seguimento da folga nun 90% e en 60.000 os manifestantes.
http://www.anosaterra.org/nova/40483/queremos-galego-enche-o-obradoiro-.html

GZnacion.-
O ensino en galego foi respaldado por milleiros de persoas en Compostela - Foron moitos miles de galegas e galegos os que ateigaron a praza do Obradoiro contra o "decretazo" do PP. O rexeitamento á política lingüística da Xunta quedou patente nas protestas e reivindicacións lanzadas por líderes e demais participantes na xornada - "FRACTURA SOCIAL"
http://www.gznacion.com/web/noticia.php?id_noticia=16604&id_cat=5

Galicia Hoxe.-
Decenas de miles de manifestantes contra o decreto sobre o uso do galego no ensino - Foron 60.000 segundo a organización e 30.000 segundo a Policía local - PROTESTA
http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=166&idNoticia=508398

A Peneira.-
Unhas 80.000 persoas desaprobaron no Obradoiro o borrador de Núñez Feijóo - 'Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma'. Dicíano os paraugas, as faixas, os adhesivos, os carteis. Dicíano as preto de 80.000 persoas que este xoves percorreron as rúas de Compostela para manifestarlle á Xunta a súa postura en contra das…
http://www.apeneira.com/dixital/content/view/1526/232/

Galería Fotográfica.-

Enlace co carrusel de diapositivos da Manifestación
[Fuco Buxan A.C.]
_____________________

xoves, xaneiro 14, 2010

Paremos o Decretazo contra o Galego: Folga Xeral no Ensino e Manifestación Nacional en Compostela o Xoves 21 de Xaneiro de 2010

Folga Xeral no Ensino

21 DE XANEIRO:
PAREMOS O DECRETAZO CONTRA O GALEGO

A plataforma Queremos Galego convoca as comunidades educativas para un paro xeral no ensino o 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo contra o galego.

A agresión é histórica, sen dúbidas a máis forte contra o idioma propio en toda a etapa democrática. Por iso é tan importante que nos impliquemos todas as persoas con sensibilidade pola nosa cultura, independentemente da lingua que falemos no día a día, para facermos do 21 de xaneiro unha data tamén histórica na contestación social.

Folga Xeral no Ensino 21/01/2010


Por que rexeitamos este decretazo
?

Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego. Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.

Porque é unha proposta feita de costas á sociedade galega. O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste.

Porque a aplicación deste decreto suporá enfrontamentos nos centros. A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade.

Porque a Xunta se burla da cidadanía cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar. O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis recursos e con grupos máis reducidos.

Porque este decreto vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos. O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos.

Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país. Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos, garantindo a igualdade de dereitos.
Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, as comunidades educativas e o conxunto da sociedade galega reclamamos que se escoite a nosa voz. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación.

O 21 DE XANEIRO PARAMOS O ENSINO
EN DEFENSA DA CONVIVENCIA E DO GALEGO

Báners:
Folga Xeral no Ensino 21/01/2010Folga Xeral no Ensino 21/01/2010





Folga Xeral no Ensino 21/01/2010Folga Xeral no Ensino 21/01/2010





Folga Xeral no Ensino 21/01/2010






Folga Xeral no Ensino 21/01/2010


Folga Xeral no Ensino 21/01/2010



 




  • Manifestación Nacional en Santiago de Compostela
    11.30 da mañá na Alameda

  • Haberá autobuses desde diferentes puntos do país
    Máis información en:
    www.queremosgalego.org

  • Autobuses desde Ferrol e outras localidades da Comarca:

    FERROL  

    Teatro Jofre.

    Saída de Ferrol ás 10 h.

    Saída de Santiago ás 14 h.

    Contactar Telefonos:

    981 35 87 50 -Local Comarcal da CIG en Ferrol-

    689 39 28 61 -Ana-
             
    AS PONTES-PONTEDEUME

    Saída d'As Pontes:
    ás 9.30 lo Local da CIG

    Parada en Pontedeume

    Contactar Telefonos:

    981451510 Local CIG d'As Pontes

    689392861 -Ana-
_________________________

Enlaces relacionados:

_____________________________

xoves, decembro 31, 2009

A cota do galego baixa ao 33% e os pais deciden en que materias se usa

Convocadas pola Plataforma Cidadá Queremos Galego, varios miles de persoas acudirón á Praza do Obradoiro en defensa do galego e despois marcharon en manifestación até San Caetano, onde estaba reunido o Consello da Xunta, que ía a escenificar un primeiro paso lexislativo contra a nosa lingua. A marcha até San Caetano amosou o seu rexeitamento á "política galegófoba" e ao novo decreto antigalego para o ensino do goberno Feijóo.


[Para ampliar clicar acima da foto - Concentración na Praza do Obradoiro 30.12.2009 - Foto CA21]

O novo decreto sobre o galego no ensino estabelece que os pais voten en que lingua queren as aulas de Infantil. En Primaria e Secundaria nais e pais elixirán a lingua para cada materia co límite dun terzo para galego, castelán e inglés.
    Máis Información en Vieiros

    Fonte: Vieiros
    ________________________

    martes, decembro 29, 2009

    Ante a inminente presentación, por parte da Xunta de Galicia do novo decreto que restrinxe, aínda máis, o uso do galego no ensino, a Plataforma Cidadá Queremos Galego mobiliza-se na defensa da Lingua


    URXENTE: ENVIO MASIVO DE POSTAIS, CON ACTOS EN CIDADES E VILAS DA GALIZA, O MÉRCORES 29 DE DECEMBRO, E CONCENTRACIÓN NACIONAL O DÍA 30, ÁS 17:00 HORAS NO OBRADOIRO

    Este Martes 29 de Decembro realizará, en Ferrol, unha concentración na oficina de correos, na Praza de Galiza -fronte ao teatro Jofre- para realizar un envío masivo das tarxetas postais de felicitación do nadal recollidas istos días. Contaran coa participación do Portavoz nacional da plataforma QUEREMOS GALEGO e Vicepresidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Fran Rei.

    Será ás 11 da mañá e é moi importante a presenza do meirande número de persoas posíbel.

    Por outra banda, preséntese ou non o anunciado decreto, ante a política galegófoba do actual goberno da Xunta e contra o idioma propio da Galiza: o Galego, convócase unha concentración na Praza do Obradoiro de Santiago para a cuarta feira (mércores) 30 de Decembro ás 5 da Tarde.

    É moi importante o esforzo pois atravesamos intres cruciais no proceso de normalización do noso idioma.

    Insistimos na importancia que ten a participación neste acto e na súa difusión.







    Enviado por:
    Colectivo A Revolta
    -a.revolta.de.trasancos@gmail.com-
    28 de dezembro de 2009 17:52
    http://a-revolta-de-trasancos.blogspot.com/
    _________________________

    Sitio web oficial da Plataforma:

    http://www.queremosgalego.org/
    ______________________________

    martes, decembro 01, 2009

    Acción de denuncia e protesta para evidenciar públicamente a discriminación do noso idioma nos espazos de lecer e en concreto no que ao cinema se refire


    Na pasada Xunta Xestora Comarcal da Plataforma Cidadá Queremos Galego, acordamos evidenciar públicamente a discriminación do noso idioma nos espazos de lecer e en concreto no que ao cinema se refire.

    A vindeira cuarta feira - mércores 2 de Decembro, ás 7 da tarde realizaremos unha concentración nas salas Cinebox de Narón para denunciar a total ausencia do noso idioma na oferta de filmes quer para adultos quer para infantil e xuvenil.

    Mesmo estando a oferta de estreas inzada de obras elaboradas en inglés e sendo todas elas traducidas, non hai ningunha traducida ao noso idioma propio.

    O Plano Xeral de Normalización do galego aprobado por unanimidade no Parlamento no ano 2004 márcase como unha das medidas a aplicar: “Promover a dobraxe ao galego de polo menos 10 filmes anuais, dos que presenten maiores expectativas comerciais”  Nin se cumpre este obxectivo de mínimos no que respecta aos filmes en xeral, xa que logo menos aos de maiores expectativas comerciais.

    É importante a presenza do maior número de persoas para evidenciar que QUEREMOS GALEGO tamén no cinema. Difúndeo na túa asociación e no teu entorno social. Acudide!

    Lugar: Sala de cines Cinebox de Narón - Odeon
    Cando: Mércores 2 de Decembro ás 19:00 h.

    Queremos Galego de Ferrol Terra

    Sitio web oficial:
    http://www.queremosgalego.org/

    Enviado por:
    Colectivo Sociocultural "A Revolta" da Terra de Trasancos
    http://a-revolta-de-trasancos.blogspot.com/
    -a.revolta.de.trasancos@gmail.com-
    30 de novembro de 2009 09:57

    _____________________

    domingo, outubro 18, 2009

    Manifestación deste Domingo 18 de Outubro de 2009 en Compostela: "A forza do noso amor non pode ser inútil. Viva Galiza e viva a lingua galega!"



    Toda a información no senlleiro portal galego Vieiros:

    A manifestación de Queremos Galego ateigou este domingo Compostela
    "A forza do noso amor non pode ser inútil. Viva Galiza e viva a lingua galega!"

    16:30 - A marcha -histórica, plural e cun discurso máis positivo e aberto- terá continuidade coa recollida de sinaturas por vilas e cidades para unha iniciativa lexislativa popular. Fortes asubíos para a cobertura da TVG.
    Fonte: Vieiros

    Creative Commons License

    Vieiros está baixo unha licenza Creative Commons.
    _____________________________

    Chegada á Praza da Quintana da Manifestación Nacional convocada pola plataforma cidadá "Queremos Galego", en defensa da lingua propia da Galiza: o Galego




    O 18 de Outubro en Santiago de Compostela partiú ás 12 do mediodía da Alameda, a Manifestación Nacional en defensa do Galego.

    Máis de 50.000 persoas participaron na marcha cidadá que percorreu as rúas de Compostela, contra as agresións que está recibindo a nosa lingua, coa política contra o galego que emana do actual goberno conservador na Xunta de Galicia, presidido polo oportunista Nuñez Feijóo membro do corrompido Partido Popular.

    Cando se anunciara a mobilización, Fran Rei sinalou que era unha convocatoria na que se chama a participar ao conxunto da sociedade galega, “a esa inmensa maioría de galegas e galegos que queren o seu idioma, que o consideran un dos nosos máis valiosos patrimonios e sinais colectivos, por riba de afiliacións ou mesmo da lingua que empreguen para comunicarse no día a día”. Esa mesma chamada ao conxunto da sociedade “é válida tamén para que se sumen a esta plataforma e ás súas iniciativas as persoas e entidades que entenden o galego como un elemento a querer e a defender fronte a quen pretende agredir os nosos dereitos”.

    No vídeo presenta-se un detalle da mobilización.

    Web da Plataforma Cidadá "Queremos Galego":
    http://www.queremosgalego.org/



    Concentración no Toural polo monolingüismo




    Varias asociacións que traballan a prol da normalización da lingua galega non remataron a marcha na Praza da Quintana, senón que se desmarcaron da convocatoria e realizaron un acto na Praza do Toural a favor da ''hexemonía social do galego''. Mobilizados arredor de dúas plataformas, Galego Sempre Máis e a Plataforma polo Monolingüismo Social, esta resposta crítica conformouse nun único bloque dentro da manifestación que convocara 'Queremos Galego'.
    [Máis información en Galiciaé]

    Web da plataforma "Galego Sempre Mais":
    http://galegosempremais.net/

    Editado polo: Colectivo Ártabra 21
    http://artabra21.blogspot.com/

    __________________

    xoves, outubro 08, 2009

    Videos da Ruada en Ferrol en defensa da Lingua, deste Xoves 8 de Outubro convocado pola plataforma cidadá "Queremos Galego"


    Este Xoves, 8 de Outubro polas rúas de Ferrol transcurriu unha ruada reivindicativa organizada por Queremos Galego, plataforma recientemente constituida na comarca de Ferrol Terra, para a defensa do galego, como resposta social á situación de emerxencia que vive a nosa lingua e ás agresións que mesmo parten desde as institucións autonómicas.

    Un detalle da intervención de Xaquín Campos, un dos portavoces da plataforma cidadá Queremos Galego, na comarca de Ferrol Terra.



    Fonte: http://www.youtube.com/watch?v=7eT0Pf30QPA



    Detalle do reteiro reivindicativo pola rúas de Ferrol.





    Web da Plataforma Cidadá
    :
    http://www.queremosgalego.org
    _____________________________

    martes, outubro 06, 2009

    Convocado, en Ferrol pola plataforma cidadá "Queremos Galego", un pasa-rúas en defensa da lingua, este Xoves 8 de Outubro

    No mes de Setembro constituia-se en Ferrol a Plataforma Cidadá Queremos Galego, como resposta social á situación de emerxencia que vive a nosa lingua e ás agresións que mesmo parten desde as institucións autonómicas. Queremos Galego nace como o espazo de encontro de diferentes sensibilidades, para traballar polo galego en positivo, as mobilizacións e as iniciativas a prol do galego vai ser o seu traballo social nesta comarca, ademais de servir para concretizar o traballo que se decida a nivel nacional.

    O Domingo 18 de Outubro, convocaron unha Manifestación Nacional en Compostela, mais antes en Ferrol realizarán un acto reivindicativo, consistente nun Pasa-Rúas na defensa da lingua, este será o Xoves 8 de Outubro, ás 7 da Tarde desde a Praza de Armas.



    [Para ampliar clicar acima do cartaz]


    Web da Plataforma Cidadá:
    http://www.queremosgalego.org
    _______________________________

    sábado, setembro 26, 2009

    A plataforma Queremos Galego! celebrou onte a súa presentación pública na comarca de Ferrol Terra

    O xoves 17 de Setembro tiña lugar unha Asemblea Aberta no Ateneo Ferrolán, o obxectivo era a constitución na nosa comarca da plataforma cidadá en defensa da nosa lingua "Queremos Galego". Ante unha situación de emerxencia da nosa lingua, sobre unhas 100 persoas representatntes de diferentes colectivos e entidades da comarca decidiron dar-lle corpo á citada plataforma en Ferrol Terra. Queremos Galego constitue-se como un espazo de encontro de diferentes sensibilidades, para traballar polo galego en positivo, as mobilizacións e as iniciativas a prol do galego vai ser o seu traballo social nesta comarca, ademais de servir para concretizar o traballo que se decida a nivel nacional. Tres portavoces foron nomeados para ser as cabezas visíbeis da plataforma na comarca que onte presentaron publicamente Queremos Galego en Ferrol.

    A continuación transcribimos a noticia que publica hoxe o xornal comarcal "Diario de Ferrol:


    A plataforma Queremos Galego! celebrou onte a súa presentación pública na comarca de Ferrolterra. Os portavoces desta entidade fixeron un chamamento á cidadanía para que secunde a manifestación en defensa da lingua que terá lugar o vindeiro domingo 18 de outubro en Santiago de Compostela.

    Xaquín Campo, un dos representantes da plataforma, fixo fincapé en que “esta entidade está integrada por moitos colectivos que se mobilizan a prol da defensa do idioma” e que se trata “dun espazo plural e aberto”. Para Xabier Ferro, outro dos representantes da entidade, “o obxectivo fundamental de Queremos Galego! é transmitir un discurso positivo en torno á nosa lingua”. Diante da polémica xerada en torno á posible derrogación do decreto do galego, Xaquín Campo declarou que “o mero feito de ter cuestionado a lingua galega xa supón un retroceso de centos de anos

    Cara finais de ano, unha vez pasada a manifestación de outubro, “está prevista a promoción dunha Iniciativa Lexislativa Popular” tal e como declarou Delfina Bañobre, portavoz de Queremos Galego! en Ferrolterra.

    A plataforma conta con múltiples apoios tanto a nivel autonómico como comarcal. No ámbito galego destaca a adhesión de entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística, o Foro de Curas Galegos, Esquerda Unida, o BNG, Adega ou a Coordenadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística. En Ferrolterra tamén se aheriron sociedades como o Club Narón Balompé, a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística, o Ateneo Ferrolán ou a Asociación Cultural Fuco Buxán.

    Sábado 26 de Septiembre de 2009

    Fonte: Diario de Ferrol

    _______________________

    Reproducimos abaixo, integramente, a proposta de Iniciativa Lexislativa Popular que a Plataforma Cidadá Queremos Galego pretende promover nos próximos meses, mediante unha campaña de sensibilización social e de recollida de asinaturas.

    [----- Inicio do texto da proposta -----]

    PROPOSTA DE INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR POLA GARANTÍA DOS DEREITOS LINGÜÍSTICOS

    EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

    O Estatuto de Autonomía de Galicia estabelece no seu artigo 5º que “a lingua propia de Galicia é o galego” e que “os idiomas galego e castelán son oficiais de Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar”. Para facer efectivos estes dereitos a lei sinala que “os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”, acadando así que ninguén sexa “discriminado por causa da lingua”.

    A pesar do sinalado nesta norma, a realidade é que a lingua propia do país continúa sen ter garantida a presenza mínima do seu recoñecemento de oficialidade hai tres décadas, situándose a súa posición pública e institucional lonxe do mandado estatutario. Así, está ausente de boa parte da documentación e sinalizacións públicas, o dereito a recibir atención neste idioma carece de garantías reais e o sistema educativo non só non garante as competencias lingüísticas suficientes en galego, senón que incide no abandono do galego por parte de moitas nenas e moitos nenos.

    Para rematar con este incumprimento estatutario é necesario que o Goberno galego adopte medidas para romper con esta situación tan inxusta e avanzar na normalización. As galegas e os galegos teñen que ter garantido o dereito a poder vivir con normalidade na súa lingua na súa terra, sen discriminacións de ningún tipo, como prevén a Constitución española no seu art. 3 e o Estatuto de autonomía no art. 5.

    A liberdade das persoas que integran a sociedade galega só poderá ser efectiva cando o poder Público dispoña os medios no sistema educativo para que todos e todas coñezan axeitadamente o galego e a Administración estea en condicións de dispensar os seus servizos na nosa lingua.

    A Administración debe cumprir ademais o deber de fomento do galego na vida pública para que mediante a súa visualización a lingua propia acceda a ámbitos institucionais e privados dos que tradicionalmente estivo excluída, transmitindo a mensaxe á sociedade de que a nosa lingua é válida para calquera situación da vida diaria. Cúmprese así co deber constitucional previsto no art. 9.2. da Constitución española de crear as condicións para facer efectiva a igualdade das persoas, promovendo a lingua que está en condicións de desvantaxe social –como amosa a evolución dos Mapas Sociolingüísticos elaborados pola Real Academia Galega–, fundamento das leis protectoras e fomentadoras do galego.

    Estas medidas teñen que ir no camiño dos consensos acadados nestes anos, como a aprobación en 1996 da Declaración universal de dereitos lingüísticos, a ratificación en 2001 da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, monitorizada polo Consello de Europa, e a aprobación en 2004 do Plan xeral de normalización da lingua galega.

    TÍTULO ÚNICO

    Co fin de facer plenamente efectivos os dereitos das galegas e dos galegos a utilizaren o idioma propio do país, de acordo co estabelecido no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, o Parlamento galego acorda:

    1.- O Goberno galego garantirá que no prazo de 6 meses toda a sinaléctica, información e documentación administrativa que reciban os cidadáns e as cidadás en todos os ámbitos administrativos da Xunta, ou en calquera ámbito participado por ela, incluídas todas aquelas entidades xurídicas que prestan servizos dependentes daquela, estean en galego.

    2.- O Goberno galego garantirá que no mesmo prazo de 6 meses todos os seus servizos, e os de calquera entidade participada por el, incluídas todas aquelas que os prestan dependendo da Xunta, serán prestados en galego a todos os cidadáns e cidadás. O persoal das entidades dependentes da Xunta ha tomar a iniciativa dirixíndose e manténdose en galego cara ao público, coa excepción daquelas ou daqueles que soliciten seren atendidos en castelán. Así mesmo, todos os cargos públicos expresaranse normalmente en galego no exercicio das súas funcións.

    3.- O Goberno galego garantirá que o dereito a usar e recibir información, documentación etc na lingua propia do país non supoña ningún tipo de discriminación, demora na prestación do servizo ou deturpación lingüística por parte da Administración galega ou os seus representantes.

    4.- O Goberno galego adoptará as medidas necesarias para garantir o dereito a recibir o ensino en galego por parte de todo o alumnado ao menos nun 50% do horario escolar en cada curso en todas as etapas educativas, de acordo co sinalado no Plan xeral de normalización da lingua galega.

    [----- Fin do texto da proposta -----]
    _________________________

    Enlace relacionado:

    ______________________

    luns, setembro 14, 2009

    Convocada unha xuntanza no Ateneo Ferrolán, o vindeiro 17 de Setembro, para a constitución, a nivel comarcal, da Plataforma "Queremos Galego"

    O vindeiro xoves 17 de Setembro no local do Ateneo Ferrolán ás 8 da Tarde coa intención de conformar, a nivel da comarca de Ferrol, a plataforma social en defensa da lingua: "Queremos Galego".

    O que segue é o manifesto de constitución a nivel nacional:

    Queremos Galego
    Ampla plataforma social en defensa da nosa lingua
    14.07.2009

    Por que?

    Atopámonos nunha verdadeira situación de emerxencia no que á situación do galego se refire: o goberno do Partido Popular, co importante apoio de grandes poderes fácticos, está embarcado nunha auténtica guerra contra o noso principal elemento de cohesión como pobo; xa non só no discurso, mais tamén a través de iniciativas concretas: supresión do artigo 35 da Lei da Función Pública, consulta fraudulenta sobre o uso do galego no ensino ás familias, anuncio de derrogación do decreto 124/07…

    O pasado 17 de maio máis de 50.000 persoas percorreron as rúas de Santiago de Compostela, na máis multitudinaria das manifestacións en favor do noso idioma propio que se recorde, pedíndolle a Alberto Núñez Feijóo que el e o seu goberno se apropien de vez do galego; que, mentres o Presidente da Xunta divide e dificulta a convivencia, o galego une e cohesiona a toda a sociedade. 

    A convocatoria de dita manifestación foi organizativamente asumida pola Mesa, como vén acontecendo desde hai xa anos, porén esta asociación é moi conscientes de que non estivo soa nas rúas baixo a chuvia: os máis de 680 apoios colectivos expresados, a través do Manifesto a prol da convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego, así o evidencian, ben como as máis de 26.000 sinaturas individuais xa recollidas. 

    Lonxe de se deter, a necesidade de actuar socialmente a prol do galego continuou após o 17 de maio e, felizmente, continúa. Coa posición unitaria da amplísima maioría das entidades representativas da comunidade educativa galega contra os plans de demolición do goberno da Xunta e a consulta trampa ás familias promovida desde este para tentar xustificar a súa medida. Aínda recentemente, con novas iniciativas sociais, quer colectivas quer desde posicións individuais, sen dúbida moi interesantes e que fan ver que somos moitas e moitos os que queremos a nosa lingua propia.

    Neste excepcional momento, ateigado de perigos, mais tamén con oportunidades, os tempos son chegados e faixe necesaria a creación dunha ampla plataforma cidadá, o máis ampla e representativa posíbel, que sexa quen de canalizar iniciativas de traballo concretas a prol da lingua e, ao tempo, converterse en referente de amplos sectores da cidadanía. Unha estrutura para a que se colle o nome Queremos Galego, que sirve como punto de encontro; como camiño común cara a un obxectivo que a todas e a todos nos afecta e implica: a lingua; como espazo colectivo no que poidan converxer as diferentes iniciativas sociais xa publicamente formuladas e mais todas aquelas que no sucesivo puideren surxir. 

    Como?

    Para facilitar a activación e viabilidade organizativa dunha plataforma social que sexa todo o ampla posíbel, e que mesmo fique aberta para que en calquera momento se poidan incorporar novas entidades e persoas a nivel individual, aqueles colectivos e persoas dispostos a adheriren a Queremos Galego pasan a facer parte dun Plenario que, por súa vez, escolle unha Comisión Xestora Nacional, encargada das tarefas de coordenación xeral da plataforma e do funcionamento executivo. É o Plenario quen acorda os criterios de funcionamento e composición de aquela, así como da plataforma en xeral. 

    Seguindo o exemplo de Nunca Máis, articúlase a plataforma a nivel das diferentes comarcas do país, de xeito que nese chanzo poidan participar máis activamente entidades locais e comarcais de todo tipo. 

    Queremos Galego contará cunha serie de portavoces públicas/os, persoas relevantes de diferentes ámbitos da vida social, encargadas/os de falaren en nome da plataforma e que poderían integrar a Comisión Xestora da maneira en que determinar o Plenario. Hai portavoces a nivel nacional e tamén a nivel comarcal. 

    Para que?

    Calquera iniciativa colectiva que se constituír debe ir directamente ligada a propostas concretas de traballo, viábeis organizativamente e socialmente útiles pola funcionalidade que poden ter á hora de transmitir á sociedade un discurso favorábel á nosa lingua propia. É por iso que se articula o traballo concreto da plataforma arredor do apoio e difusión dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa dos usos públicos do galego. Unha proposta lexislativa que blinda os dereitos lingüísticos das galegas e galegos e garante o uso público por parte das diferentes administracións. 

    O impulso e difusión dunha ILP ten unha serie de implicacións, económicas e de traballo, que as entidades que conforman a plataforma Queremos Galego asumen, cada unha en función das súas posibilidades, para que a propia iniciativa vaia adiante. 

    O dereito á Iniciativa Lexislativa Popular está recollido no art. 87 da Constitución española e regulado pola lei galega 1/1988, que estabelece as condicións para o exercer así como os mecanismos a seguir. 

    Unha Comisión Promotora, composta por un mínimo de 15 persoas individuais, maiores de idade e censuadas nalgunha das catro circunscricións electorais de Galiza, faille chegar á Mesa do Parlamento unha proposta de texto legal articulado, o cal ten que cumprir unha serie de condicións para que esta admita a trámite a petición. Caso afirmativo, a dita Comisión Promotora ten un período de 4 meses (prorrogábeis por outros tres, se houber causa xustificada), a iniciar ao día seguinte da comunicación oficial, para recoller un mínimo de 15.000 sinaturas válidas, cifra imprescindíbel para a ILP ser considerada válida, entre cidadás e cidadáns maiores de idade, censuados nalgunha das catro provincias. As sinaturas, que deben conter datos persoais que coincidan literalmente cos do censo, terán que ir en pregos validados pola Xunta Electoral e serán logo autenticadas, unha a unha, diante deste mesmo organismo. 

    A Comisión Promotora poderá nomear persoas fedatarias, responsabilizadas da custodia e xestión dun determinado número de pregos de sinaturas, as cales terán que responsabilizarse da autenticidade dos apoios achegados perante a Xunta Electoral. 

    De concluír correctamente o proceso, o Parlamento publicará e aceptará a trámite a ILP, porén pode tomala en consideración ou non. Caso de acordo favorábel, a ILP seguiría o seu trámite parlamentar como unha lei común.

    Enviado por:
    André M. Ces
    -andre.martinez.ces@gmail.com-
    13 de setembro de 2009 17:08

    _________________

    Enlace relacionado:

    ___________________________

    sábado, setembro 12, 2009

    Queremos Galego

    Por Bieito Lobeira
    03.09.2009


    Castelo de Soutomaior, 29 de agosto. Acto, seica, de "apertura do curso político" do PP. Denominador común nas intervencións, a xenreira contra a lingua galega. Rafael Louzán –“Rafa”, no Casino de Pontevedra– esbardalla no seu mellor papel de paxe-bufón de Mariano Raxoi, e afirma que agora xa se pode falar en galego ou en español, libremente. Co anterior Goberno, non. Obrigábaselle á xente a falar en galego. Esta barballada recibiu aplausos dos cargos do PP asistentes ao evento.

    O propio Raxoi, en entrevista concedida ao xornal La Voz de Galicia (grupo empresarial comprometido co combate contra o galego que acaba de ser beneficiado con máis de un millón de euros polo fomento do galego e a defensa da identidade de Galiza) asevera, en perfecto español, que “no me gusta hablar del gallego ni del castellano (…) a mi de lo que me gusta hablar es de libertad. Yo tengo dos hijos, y a mi me gustaría educarlos como yo quiero”. Aí temos o caso dun pai, analfabeto no idioma do país que o viu nacer –e do que renega–,  que pretende que os seus fillos sigan o mesmo camiño de ignorancia, incultura e alienación que o pai. O segregacionismo racista, a discriminación antigalega, transfigúrase en liberdade.

    E aí temos a aposta pola liberdade do actual Goberno. Como se defende a liberdade? A resposta é doada. En apenas 100 días, substitución da imaxe corporativa das Galescolas polas xa denominadas “Galiñas Azuis”, derrogación do Decreto do ensino infantil, revogación do Decreto do galego no ensino non universitario incluíndo unha suposta “consulta” co correspondente suposto escrutinio e supostos resultados en prol do suposto bilingüismo amábel, supresión da proba en galego nas oposicións, supresión das axudas á tradución en galego, cursos en español para funcionarios e funcionarias na EGAP, anuncio de subsidio ás expresións culturais en español (tamén apoiadas polo goberno español), uso sistemático do español por membros do Goberno, definición do Plano Xeral de Normalización como “simple remuíño de ideas”, exclusión do galego nas comunicacións do SERGAS, silencio perante casos de discriminación laboral e vexacións polo uso do galego, máis de dous millóns de euros de subsidio a medios de comunicación que se rin do noso idioma e cultura, introdución do español nos informativos da TVG (de momento na G2), criminalización da Mesa pola Normalización Lingüística e ameazas de ilegalización... e así sucesivamente. En só 100 días. Este é o seu concepto de liberdade. A liberdade que nos nega e nos encadea. Como no franquismo.

    Isto, e non outra cousa, é o que temos diante galegos e galegas. A besta. Por iso é indispensábel articular respostas populares masivas e coherentes, á altura da gravidade das circunstancias. Deixémonos de leas e de enguedellamentos. O que precisa o pobo galego é unidade, clareza, pedagoxía e mobilización social en defensa do que nos conformou historicamente como sociedade, como pobo diferenciado, como nación. A lingua. Non se trata de politizar o debate lingüístico. E que o galego é un problema político. E na saúde dun idioma, ou nos dereitos lingüísticos dos seus utentes, a política ten un papel determinante. Eles, os inimigos do galego, téñeno moi claro. E sería bon que nós actuásemos en consecuencia.

    Queremos Galego é unha plataforma social de recente creación, participada tamén polo nacionalismo galego xunto a outros sectores sociais e ideolóxicos, empeñada en dinamizar e mobilizar o pobo galego nas próximas semanas en defensa do noso idioma. Naceu para iso. Todo esforzo social de concienciación, convencemento, clarificación e dinamización vai ser vital neste camiño. E nesa orientación temos que nos entregar. Eles, o PP (e non só), traballan para que as medidas que están a perpetrar teñan efectos devastadores e irreversíbeis no tempo. Daquela debemos ser conscientes do que nos xogamos colectivamente. Non é un problema meramente electoral, nin de primacía de liñas ideolóxicas no campo nacionalista. Vai alén. Trátase da nosa supervivencia nacional, e do futuro como pobo. E con iso non se xoga.

    Fonte: bitaculas.as-pg.com/
    __________________________