Amosando publicacións coa etiqueta Sector Naval. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sector Naval. Amosar todas as publicacións

mércores, xaneiro 20, 2021

O BNG levará ao vindeiro Pleno do Parlamento Galego a crise da Comarca de Ferrol - Difusión dun novo boletín informativo municipal en Ferrol

Mon Fernández, deputado do BNG no Parlamento Galego

O recente anuncio do peche de SIEMENS-GAMESA no Concello das Somozas súmase ao peche da central térmica das Pontes, á situación de colapso na ría de Ferrol, e á falta de carga de traballo en Navantia, é dicir, todos aqueles sectores ou empresas dos que depende a comarca económica e socialmente están ameazados de peche ou paralizados sine die.

A RÍA (crónica dunha morte anunciada)

A situación actual da ría de Ferrol é de colapso absoluto, con unha produción de escasamente un 10% da que existía hai tan só dez anos, o que está a provocar a expulsión do sector, pouco a pouco mais ininterrompidamente, das persoas que até o de agora viñan traballando e vivindo del.

O BNG fai fincapé en que todas as persoas do sector e do mundo académico con coñecimento de causa coinciden na necesidade de realizar un estudo da situación da ría, das causas que provocan a caída da produción, e das posíbeis solucións. Mais o común acordo sobre a necesidade de realizar este estudo, incluído un acordo do Parlamento Galego adoptado por unanimidade de todos os grupos a instancias do propio BNG, non parece suficiente para que chegue a concretarse na práctica, nunha parálise gobernativa que significa de facto a morte da ría, e que raia polo tanto no criminal.

A TÉRMICA DAS PONTES (ENDESA manda, mais quen manda en ENDESA?)

O anunciado peche da central térmica das Pontes, despois de esgotar os recursos mineiros da localidade e de transformar radicalmente o territorio, supón un repto económico e social de enormes dimensións para a comarca de Ferrol.

Neste sentido, un informe elaborado polo Concello das Pontes coa participación dunha consultora e un bufete especializados en temas mineiros e industriais, estima "en cálculos globais, conforme a declaracións do ano 2016 da propia Endesa (Jefatura de Servicios Económicos de la UPT), a contribución da central, entre salarios, tributos e compras a provedores, en 38.000.000 €/ano"

O informe abunda tamén na perda de postos de traballo, en termos directos e máis de prexuízo circular ou de arrastre, estimando que a perda estaría nun intervalo de 1.000 a 1.400 postos de traballo.

Desde o BNG chaman a atención no feito de se producir o peche sen alternativa ningunha a día de hoxe, o que desminte os discursos gobernativos da transición enerxética, retratándoa como un desmantelamento puro e duro, con renuncia expresa por parte dos gobernos a empregar os instrumentos normativos e de promoción empresarial á súa disposición. Por exemplo a falta de activación de medidas a través das poxas estatais de renovábeis ou a concesión dos nós de evacuación da enerxía.

NAVANTIA (astanización!!??)

A perda de postos de traballo en Navantia Ferrol, ao redor de 2.000 persoas nos últimos meses, seguirá a aumentar até a próxima entrega do último buque en construción para a armada australiana.

A futura construción das novas fragatas 110 para a armada española, única previsión de traballo, conta con un calendario construtivo moi restritivo en canto ocupación, xa que de inicio está previsto comezar as obras de apenas 1 das 4 fragatas, adiando 2 ou 3 anos a coincidencia no estaleiro de máis de 1 buque en construción de xeito simultáneo, e polo tanto os posíbeis picos de ocupación.

O confinamento dos centros de Navantia na ria de Ferrol ao sector militar ten provocado unha crise xa estrutural na nosa comarca. Malia esta evidencia as directrices gobernativas para a empresa mantéñense na liña de reducir ou renunciar a todas aquelas outras actividades alternativas, léase a construción civil, Turbinas, ou a eólica mariña.

Neste escenario, e cos precedentes históricos, resulta preocupante a falta de investimentos para modernizar as instalacións, tanto en reparacións, como en novas construcións, sendo especialmente relevante a falta de compromisos orzamentarios para a construción do anunciado e necesario dique cuberto.

E resulta, tamén, moi sintomática a falta de interese da Xunta de Galiza en facer parte do Consello de Administración de Navantia, como querendo evitar calquer responsabilidade no futuro da empresa e da comarca.

SIEMENS-GAMESA (deslocalización da produción)

O recentemente coñecido peche da fábrica de SIEMENS-GAMESA no Concello das Somozas, que viña empregando a 300 persoas, e que xeraba unha importante actividade auxiliar no  transporte e no porto de Ferrol, supón outro golpe mortal para a comarca, xusto nun sector, o da industria de compoñentes para a xeración de enerxía eólica, que se nos anunciaba motor da reactivación económica.

Igual que nos casos anteriores, tampouco os comportamento dos diferentes gobernos para evitar esta nova crise industrial está a altura das necesidades. Novamente os partidos políticos españois que sosteñen aos gobernos galego e central se teñen pronunciado en contra das iniciativas presentadas polo BNG para vincular a autorización de novos parques eólicos a que traian asociados proxectos industriais que garantan un aproveitamento dos recursos propios a favor da creación de riqueza e do emprego na Galiza.

HAI ALGUÉN AÍ??

A Xunta de Feijoo goberna ao ditado do seu comité de expertos, auténtico eufemismo dos lobis empresariais actuantes na Galiza, aínda que moitos deles teñen os seus centros de dirección e de decisión moi lonxe.

É o servilismo para con estes lobis o que está a producir sensación de abandono a boa parte da sociedade galega, cada vez máis consciente dos problemas que está vivir, mais completamente allea a calquer proposta de solución ou de reacción.

Como se explica que coa que está caendo medre a impresión de non termos goberno? Fácil, habelo haino, pero non goberna para nós.

O BNG levará ao Parlamento a reivindicación da sociedade comarcal que con dignidade non se resigna a desaparecer, e defenderá propostas concretas para unha saída galega e social da crise.

Difusión dun novo boletín informativo municipal do BNG Ferrol.

Roberto Montero, responsábel local do BNG en Ferrol, di: "vimos de editar un boletín informativo con algunhas cuestións de actualidade sobre a situación política na que estamos a vivir na nosa cidade (os orzamentos do estado en Ferrol, o sectro naval, a Ría, as infraestruturas ferroviarias, ...) as súas consecuencias e as nosas alternativas", continua comentando que "este boletín editouse en formato papel e vaise distribuír no conxunto da cidade estando previsto a súa distribución nos vindeiros días". Achega o boletín en formato pdf. | Acceder/Baixar.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


Ferrolterra | Web.


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
19 de janeiro de 2021 15:50 

______

martes, decembro 08, 2020

Ante a situación do estaleiro, a Sección Sindical CC.OO. Navantia Ferrol, chama á mobilizacións e outras medidas de presión



Mobilizacións e outras medidas de presión


A sección sindical de CC.OO. en Navantia Ferrol quere transmitir o enorme descontento existente tanto entre a nosa afiliación coma no conxunto da organización, produto da falta de vontade da nosa dirección por cumprir os compromisos no relativo á transformación do estaleiro e ó futuro da fábrica de Turbinas.

O mesmo tempo denunciamos publicamente a falta de transparencia e intención construtiva nas negociacións no desenrolo do plan industrial.

Non hai ningunha negociación que non sufra o boicoteo constante por parte da dirección con falta de transparencia e ultimamente incluso con saídas de ton intolerábeis.

O último exemplo inasumible é o acontecido na comisión local de emprego co descarte de 4 candidatos en dúas especialidades distintas porque un psicólogo entende que non son idóneas para traballar na nosa empresa.

Por todo o anterior as CC.OO. propoñeremos o resto do comité o incremento das mobilizacións e das medidas de presión, comezando polo corte total das prolongacións de xornada e medidas de non colaboración.

Entendemos que con esta dirección non se pode chegar a acordos mentres non mude a súa actitude polo tanto propoñeremos que ate ese momento non se manteñan relacións con ela. As medidas de presión semanais contra a dirección local iran en aumento.

As mobilizacións internas e externas tamén serán máis fortes confluíndo con empresas da nosa comarca que están incluso nunha situación peor ca nosa, coma GAMESA ou a central térmica de ENDESA nas Pontes.

Xa anunciamos que de non mudar esta situación, dende as CC.OO. trataremos de confluír coas demais organizacións sindicais nunha gran folga xeral á volta do nadal.

Ferrol, 3 de decembro de 2020

Sección Sindical CC.OO. Navantia Ferrol

Enviado por:
CCOO (FE)
ccoo.fe@navantia.es
3 de dezembro de 2020 13:50

_______

domingo, decembro 06, 2020

Acordos incumpridos (parte 2), análise do Movemento Alternativo Sindical (M.A.S.) de Navantia Fene e Ferrol

Acordos incumpridos (parte 2)

Xa vos informabamos nun anterior comunicado dos acordos incumpridos no expediente de regulación de emprego e no rexuvenecemento do persoal. Neste segundo comunicado querémosvos relatar a situación dos investimentos en infraestruturas e en transformación dixital (Astillero 4.0) Pois ben, como xa sabedes, nos acordos asinados no Plan Estratéxico de Navantia (PEN) figuraban unha serie de investimentos en infraestruturas nos diferentes estaleiros.

En canto ao noso (Ría de Ferrol) existía, como xa sodes coñecedores, un compromiso de grandes investimentos, e así se trasladou publicamente tanto aos traballadores como a toda a cidadanía. Podemos destacar a construción dun dique cuberto cos seus correspondentes servizos, tales como guindastres, pórtico, etc. vimos como, aos poucos, este investimento estrela e imprescindible íase caendo dos discursos, tanto por parte da dirección da empresa como dos políticos que ostentan o Goberno da nación nestes momentos. Non é un esquecemento, senón unha omisión intencionada para que aos poucos salga da luz dos focos este investimento.

Xa está claro:

Goberno, a Sepi e Navantia, non teñen intención algunha de executar a obra do dique cuberto en Ferrol, malia ser unha obra clave na futura competitividade do noso estaleiro. Algúns agora creen que coa choiva de millóns de euros que non se cansan de publicitar desde Bruxelas, e desde o propio Goberno con motivo da pandemia, vanse a poder acometer os investimentos necesarios para poder ser competitivos e así volver ser referente na construción naval.

Sen dique, imos por outra dos investimentos estrela na Ría de Ferrol, o taller de subloques. Recentes cambios no proxecto inicial xa facían presaxiar que o dique non existiría. Pois bo, sen dique, estoutra obra convértese nun quero e non podo. Fabricar bloques de maiores dimensións, sen os medios de elevación adecuados, e finalmente con montaxe en grada, non se traduce nunha mellora da competitividade apreciable.

Os investimentos en modernizar a Fábrica de Turbinas, que se taxan na actualidade en 12 millóns de euros, tradúcense na práctica nun mero mantemento sen intención de ir máis aló do traballo que se realiza habitualmente. Non hai ningunha intención de modernizar a fábrica de turbinas e moito menos de darlle o impulso que necesita para acceder a novas liñas de negocio a través de I+D+I e alianzas con outras empresas. Habemos de recordar que a Fábrica de Turbinas foi un taller punteiro nas súas liñas de negocio que, aos poucos, se ha ir deixando morrer, e que na actualidade apenas conta con 100 operarios. Simplemente axústanse os operarios ás pedidos en carteira para facer cadrar números, non buscando en ningún momento ningún novo nicho de mercado. Todos os investimentos van dirixidas á Fábrica de Motores de Cartagena. Mesmo caso no departamento de Reparacións, nulos investimentos. No seu momento circulaban dous proxectos para abrir novos mercados e manterse nos actuais. Non se lle escapa a ninguén que os gaseros de nova xeración son moito máis grandes que os actuais, feito polo cal, a capacidade dos diques que temos na actualidade non será suficiente no futuro máis próximo. Neste caso os proxectos pasaban pola construción dun novo dique na dársena á beira do nº3 ou, si non era este o caso, a ampliación do existente. Ademais disto, si xa quixésemos entrar noutros mercados como a reparación de cruceiros, por exemplo, sería fundamental cubrilo. Pero máis aló da achega que faga o departamento de Reparacións ás contas de Navantia, o retorno para a comarca, por euro facturado, é maior ao de obra nova. Reparacións tamén actuou sempre como refuxio de postos de traballo e do tecido industrial da zona cando a actividade en obra nova diminuía.

En canto a Fene, solicítase un plan serio para aproveitar e dotar de actividade as instalacións, un plan de diversificación serio, e non utilizalo como un simple lugar de almacenaxe.

Non hai unha aposta seria deste Goberno pola Ria de Ferrol, e si por outras zonas xeográficas, o que nos fai espertar o recordo da pantasma da reconversión dos anos 80.

En canto a investimentos 4.0, pois bo, todos vimos vídeos que parecen máis unha realidade virtual que outra cousa, e que nos mostran un suposto futuro da construción naval. Tamén vimos a demostración dun "drone" en Reparacións, e agora prométennos o 5G de Movistar. ¡E xa! O 4.0, parece ser o "caixón de()sastre" da Dirección da Empresa. É unha máquina de xerar informes e para comer recursos en custosas licenzas que logo hai que desenvolver, provocando enormes atrasos.

Xulgar vós mesmos. Seremos competitivos no futuro? Ou é que están buscando outra cousa?

Navantia Fene-Ferrol a 04 de decembro de 2020

Movemento Alternativo Sindical (M.A.S.)
NAVANTIA (Grupo SEPI)
C/Taxonera, s/n
15403 Ferrol (Coruña)
Tel.: 981331412 / 698153978
masferrol@navantia.es
sindicatomas@gmail.com


Enviado por:
MAS FERROL (FE)
-masferrol@navantia.es-
4 de dezembro de 2020 13:44


_______

Concentración do persoal pasivo de Navantia Fene ás portas do estaleiro por segundo xoves consecutivo, ante a falta de resposta tanto da Direción cono do Comité, para o vindeiro xoves día 10 de decembro, volven concentrar-se en nova Asemblea ate que se solucione a entrega, aos beneficiarios, do paquete de nadal


COLECTIVO DE PASIVOS NAVANTIA FENE

Na segunda concentración do persoal pasivo de Navantia Fene ás portas do estaleiro por segundo xoves consecutivo, o colectivo constatou o nulo interese que o problema do reparto suscita entre a representación sindical, é dicir, o Comité de Empresa de Navantia Fene, pois malia haberlles feito entrega dun escrito a semana anterior, nin se dignaron a achegarse á asemblea a informar das xestións que se realizan, supoñendo que o fixeron.

Na concentración de hoxe, xoves día 3 de decembro puidemos constatar o gran desconcerto que reina entre o colectivo, e que conste que entre os presentes só había persoas dos Concellos con pechadura perimetral, posto que os que residen en Cedeira, Valdoviño, Cabanas, San Sadurniño, Pontedeume, Miño, Bemantes, Capela, etc etc. non poden asistir por razóns obvias.

O desconcerto increméntase polo feito de que non existe en Navantia Fene ningún estamento ao que poder dirixirse a fin de informarse, e polos teléfonos que se asignan pola empresa para suscitar as dúbidas pertinentes ninguén responde.

As cartas que se envían aos domicilios dos beneficiarios do paquete non chegan a todos e as que o fan non explican en absoluto como debe proceder o persoal que reside fóra do peche perimetral, e para máis pitorreo denominan ao paquete "obsequio" cando lles consta perfectamente que non se trata de ningún agasallo.

A todo isto, dada a falta de atención que tanto a dirección de NAVANTIA, como dos nosos representantes no Comité de Empresa nos prestan queremos facer públicas as seguintes cuestións:

✔ As autoridades competentes van permitir o acceso a Narón á xente que resida fose do perímetro pechado?
✔ De ser así, e dado que é un lugar moi concorrido nestas datas, está previsto o problema que pode xurdir polas limitacións de aforo?
✔ De NON ser así, que solución nos suscita Navantia? Vannos a facilitar un "pase" especial para poder circular ata o Concello de Narón?
✔ Van dispoñer de lugares de entrega fóra do peche perimetral?
✔ Quedaremo-nos sen poder recoller o paquete, ou nolo darán xa xunto co do próximo ano?

Dado que o vindeiro luns está previsto que comece o reparto sería moi conveniente que quen armou semellante e innecesario berenxenal puxese algo de luz neste asunto pois está claro que a cousa non está nin moito menos para bromas.

Fene, a 3 de decembro, de 2020

AVISO

Quedamos convocados para unha nova asemblea para o vindeiro xoves día 10 de decembro.

Enviado por:
José Francisco Salceda Gómez
-pepinsalceda@gmail.com-
6 de dezembro de 2020 14:53

_______

sábado, novembro 21, 2020

Comunicado dos Comités de Empresa de Navantia Fene-Ferrol criticando como se está desenvolvendo o proceso de selección de persoal operario e empregado 'júnior' e convocatoria de rolda de prensa para o vindeiro luns 23 de novembro


Comunicado dos Comités de Empresa de Navantia Fene-Ferrol

Desde os comités de empresa de Navantia de Fene e de Ferrol queremos amosar o noso máis enérxico rexeitamento ao desenvolvemento do proceso de selección de persoal operario e empregado "júnior".

Hai que ter en consideración que as bases da convocatoria falan de 3 fases, cada unha delas eliminatoria, e onde a primeira foi unha proba teórica, a segunda unha proba psicotécnica e a terceira unha proba teórico-práctica onde “se cubrirán as prazas cos candidatos que obteñan maior puntuación na Terceira Fase“.

A representación dos traballadores non entendemos, nin imos consentir, que non se cumpra estritamente a orde de puntuación da terceira proba, en cumprimento das bases.

Navantia Fene-Ferrol, 20 de novembro de 2020

Convocatoria de Rolda de Prensa

[Sen comunicar sobre de que vai tratar o acto: se vai ser sobre a falta de carga de traballo, ou sobre os orzamentos xerais do Estado ou sobre o desenvolvemento do proceso selectivo de novo persoal] os comités de Fene e Ferrol convocan unha rolda de prensa para o vindeiro luns 23 de novembro, ás 11:00hs na porta do Arsenal (Áncoras).

Secretaría Comité de Empresa
NAVANTIA FERROL
Rúa Taxonera, s/n
15403 Ferrol (Coruña)
Tel.: 981 331 311 – Ext.1311

seccomite.fe@navantia.es

Enviado por:
FE.Secretaría Comité (FE)
-seccomite.fe@navantia.es-
20 de novembro de 2020 11:32

20 de novembro de 2020 11:43
_______

xoves, xuño 04, 2020

A Sección Sindical de CCOO de Navantia Ferrol sobre a proposta maioritaria de emprego


COMUNICADO DA SECCIÓN SINDICAL DE CCOO DE NAVANTIA FERROL SOBRE A PROPOSTA MAIORITARIA DE EMPREGO 03/06/2020

Dende a Sección Sindical de CCOO de Navantia Ferrol queremos trasladar o enorme malestar presente na nosa organización como consecuencia das manifestacións vertidas por outras organizacións sindicais, terxiversando e intentando influír negativamente en calquera solución que se acade en Navantia-Ferrol.

Que o camiño para chegar a entendernos é longo e tortuoso non o pode poñer en dúbida ninguén, soamente con votar unha ollada a historia da nosa Factoría para entender a incapacidade que teñen algunhas organizacións para chegar a acordos, e non nos referimos coa Dirección, senón coas demais organizacións sindicais. Dubidando constantemente da boa fé das nosas propostas.

Mostra do anterior foi a necesidade de levar a pleno o acordo en materia de emprego que vos enviamos este luns dia 1 de xuño, proposto por CCOO e respaldado por unha amplia maioría dos e das delegadas do Comité de Empresa (16 delegados e delegadas avalaron a proposta e 6 non estiveron de acordo), e o conseguinte escrito da CIG non asumindo o resultado e difamando contra as organizacións que o apoiaron.

Podemos dicir con orgullo que dito acordo, de materializarse cando se de a discusión coa Dirección, debería de traducirse na incorporación de toda a convocatoria do ano 2019.

A intención de dita proposta é esixir a recuperación das capacidades que tiña a parte técnica na nosa Factoría, priorizando a contratación en ditas áreas, e complementando dita convocatoria con persoal eventual si fose necesario en lugar de optar pola subcontratación. Non esquecemos áreas que a curto e medio prazo semellan as únicas que xerarán emprego como son a Fábrica de Turbinas, o Departamento de Reparacións e a Eólica Mariña.

Queremos enviar unha mensaxe de tranquilidade a tódolos operarios e operarias que trala firma do Plan Industrial agardan con ilusión a oportunidade de incorporarse ao noso plantel. É un compromiso das organización sindicais que respaldan esta proposta que as prazas de operarios e operarias que non se convoquen, se recuperarán nas vindeiras convocatorias.

Por último CCOO quere mandar unha mensaxe clara e contundente a tódalas organizacións que están a facer do inmobilismo a súa estratexia sindical. O esforzo de CCOO e doutros sindicatos por chegar a entendernos na Comisión de Emprego foi evidente, case tan evidente coma a comodidade que sinten o resto de organizacións presentes en dita Comisión coa confrontación permanente. Continuaremos plantexando tódolos temas que a nosa afiliación considere beneficiosos para o conxunto de traballadores e traballadoras e para Ferrolterra en xeral, intentaremos formar maiorías para defendelos, pero non estamos dispostos a esperar por organizacións que non teñen vontade de formar unha fronte común e que non teñen interese por construír por medio do consenso.

A esas organizacións só dicirlles que cando deixen de priorizar a súa estratexia sindical por riba dos intereses dos e das traballadoras, CCOO sempre terá a capacidade de dar un paso atrás si con iso chegamos a un punto de encontro.

Ferrol, a 3 de xuño, de 2020.

Sección Sindical de CCOO en Navantia Ferrol

Enviado por:
CCOO (FE)
-ccoo.fe@navantia.es-
3 de junho de 2020 17:05

_______

venres, maio 08, 2020

CC.OO. reflexiona sobre o futuro de Navantia-Ferrol


CC.OO. reflexiona sobre o futuro de Navantia-Ferrol


Dentro desta situación actual, Navantia está a ser obxecto público de dúas situación totalmente pesimistas. Dentro dunha situación de Alarma Sanitaria como a actual, Navantia é incapaz de, cunha certa axilidade, reactivarse ó non ter un mecanismo propio de control da situación, e unha vez mais estar condicionados polas direccións das empresas auxiliares.

Por outro lado, os medios de comunicación se cebaron, ata a saciedade, na perda do contrato de enxeñería das fragatas americanas FFGX (algún comentarista argumentando o goberno Social-comunista Chavista español) sen reflectir que Fincantieri, tirou o prezo, ou as inversións que prometeron nos propias instalacións dos estaleiros americanos. E algún político local, que sabe ben que o reporte de horas non é nin por asomo o que ven a ser a construción dun barco real, pois nunca eses barcos íanse facer aquí, tamén aparece, como si o seu partido nunca tivera ningunha responsabilidade nesta empresa. Non estaría de mais lembrar o quinquenio negro de Revuelta o fronte da empresa, e os barcos que non contratou.

A crise económica que se aveciña colle a antiga Bazán nun proceso de reestruturación favorábel para que algunhas empresas busquen o benéfico inmediato sen importalo futuro deste Estaleiro.

Fronte a esto CC.OO de Navantia - Ferrol amosase moi preocupada polo futuro inmediato.

SITUACIÓN ACTUAL

As diferentes direccións sacrificaron a sabiduría da antiga Bazán (iso que se deu en chamar o how-know) en favor dunha subcontratación masiva, unicamente para contentar os gobernantes de turno e as súas políticas contra todo o público, pero importando pouco, as xentes, as comarcas e o facer industrial dunha historia que se remonta a 1750.

O plantel quedou reducido o mínimo, de tal xeito que ningunha das Unidades Produtivas de Ferrol, que no seu día diversificou a empresa como reinos de taifas (Factoría Naval, Departamento de Reparacións e a Fábrica de Turbinas) dispón dos recursos necesarios ou dos coñecementos como para acometer as obras que se presenten. Por dicilo doutra maneira, puxeron a nosa fábrica a mercede doutras empresas que posúan ou consigan os coñecementos que nos arrebataron.

Mentres dende a xerencia se adiquen principalmente a cambiar o logo de Navantia e facer campañas de imaxe na prensa, a nosa empresa perde capacidade para facer barcos.

CAPACIDADE POR ÁREAS

A nosa Sa Técnica, sen especialistas nas diferentes partes e sistemas do buque, sen una renovación xeracional dende fai décadas, precisamos dos compañeiros e compañeiras das empresas auxiliares para deseñar un buque, empresas que a día de hoxe marcan os prazos e os prezos dos nosos deseños, e o que é peor, con traballadores e traballadoras que formamos nos.

O Estaleiro pasou a ser un grupo de talleres onde as empresas privadas campan a súas anchas e onde dificilmente conseguimos organizalas cos nosos recursos. Plantillas tremendamente volátiles, xestionadas por empresarios que en moitos casos non están dispostos a respectar as condición laborais se poden obter rédito, 6 de Maio de 2020e nunha comarca onde a ausencia de formación está condicionando que haxa os suficientes profesionais cando a construción o require.

O Departamento de Reparacións. A máis imprevisible das áreas. Isto non quere dicir que os buques entren a reparar cando se estropean cerca, senón que detrás destas reparación hai un equipo técnico e comercial que busca clientes e negocia as condicións, consiguen emprego e de forma moi exitosa , e tamén hai un equipo organizativo que vertebra as compañías auxiliares para que o cliente quede satisfeito e volva con máis buques. Hoxe é necesario máis que nunca una renovación do plantel, se non recibe reforzos tanto a parte comercial como a parte organizativa veremos como os buques pasan de largo e non reparan nas nosas instalación. Non olvidemos que este departamento xenera unha media de 600 postos de traballo.

Por último a nosa afamada Fábrica de Turbinas, da que moitos directivos incharon o peito, pois estábamos no mercado das turbinas máis importante do mundo. Un taller de caldeiraría e un centro de gran mecanizado envexa de moitos. Unha empresa que foi punteira na introdución do mercado eólico. Xa ninguén recorda cando facturaba centos de millón o ano, xeraba moitos postos de traballo e entregaba parques eólicos chave en man. Todo rematou cando se converteu nun negocio demasiado lucrativo como para que estivera una empresa pública. A día de hoxe , non ten un equipo comercial como tal, e áreas como enxeñaría, mecanizado e montaxe entre outras, non teñen a capacidade necesaria para afrontar traballos de envergadura como se fixeron non hai moitos anos e a día de hoxe estamos rexeitando obras que poderían estar ocupando a moitos traballadores e traballadoras desta comarca.

PROPOSTAS INMEDIATAS

- Pechar dunha vez o ignominioso proceso de entrada de persoal do 2019 e poñer en marcha canto antes o do 2020.

- Convocar de xeito inmediato para que sexan efectivas a volta do verán tódalas prazas pendentes do 2019. Estas prazas teñen o obxectivo de cubrir as áreas de deseño, as necesidades do departamento de Reparacións e da Fábrica de Turbinas. Indubidablemente debemos de respectar as incorporación previstas para operarios contempladas no plan, pero priorizando as anteriormente comentadas nos primeiros anos.

- Esixir dun xeito inmediato un Plan Industrial de Turbinas que recolla as liñas de negocio da Fábrica de Turbinas. É Fundamental formar operarios no manexo das grandes máquinas e Axuste, non podemos seguir rexeitando traballos pola falta de profesionais nestas áreas, tamén atención especial á post- venta, ó departamento comercial e a sa técnica.

- Veuse desta volta que o teletraballo é necesario e posible nestes tempos, pero hai que dotalo dun regulamento, tanto para desenrolar dentro da conciliación familiar e persoal como para situación de emerxencia coma esta.
- Nos vindeiros tempos teremos que facerlle fronte a subactividade como se fixo en múltiples ocasión, e esa ten que ser negociada coa RLT, con criterios obxectivos e temporais, onde a liña xeral sexa evitar compañeiros e compañeiras sen actividade.

- Reducir o máximo a subcontratación, deixando de ser absolutamente dependentes dunhas auxiliares non sempre competitivas. Dotarse de xeito inmediato dunha bolsa de traballadores e traballadoras eventuais que, independentemente das convocatorias de prazas indefinidas, eviten as subcontratacións en áreas que non deberían de ser externalizadas. Estes traballadores e traballadoras terían o paraugas da protección do noso convenio, da nosa formación, e estaríamos xerando un grupo amplo de profesionais de cara a construción de vindeiras obras.

- E necesario que tanto centros de Formación Profesional coma Universidade deixen de ser instrumentos de uso político e se convertan nunha parte do noso estaleiro donde se forme una simbiose que semella moi beneficiosa para ámbalas dúas partes.

Sen este mínimo de cuestións a solventar antes do fin do 2020, esta factoría estará abocada a un futuro moi incerto, non olvidemos que das nosas gradas saíron os mellores buques da armada (F-80, F-100, LHD Juan Carlos I, LPDs clase Galicia, Portavions Principe de Asturias, Buque de aprovisionamento Patiño...) 6 de Maio de 2020COMISIÓNS OBREIRAS quere facer un chamamento a responsabilidade social corporativa da nosa compañía, para que de una vez se mostre áxil e apegada as necesidades desta comarca, preparando o nosa centro para un reto tan importante coma a construción das fragatas F-110.

6 de Maio de 2020

Enviado por:
CCOO (FE)
-ccoo.fe@navantia.es-
6 de maio de 2020 16:47
_______

Enlaces relacionados

Unión Comarcal de Ferrol:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/menu.do?O_teu_sindicato:Unions_Territoriais:Ferrol

SIndicato Nacional de CCOO de Galicia:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/

Federación de Industria de CCOO:
http://www.industria.ccoo.es/Galicia

Confederación Sindical de Comisión Obreiras:
https://www.ccoo.es/










_________________________

Foto de Cesar Toimil. 02.07.2019

_______