A Federación Local da CNT de Ferrol vai participar na mobilización convocada pola plataforma Rumbo 21 o vindeiro sábado 27 de marzo. E vaino facer para amosar a súa indignación polos continuos atropelos que padece a clase traballadora nesta bisbarra.
Nos anos 80 houbo unha reconversión “
salvaxe” que causou fortísimas reduccións do cadro persoal dos estaleiros de Fene e Ferrol. Despois fíxose unha reconversión “
suave” con prexubilacións que aínda botaron máis xente fora nas factorías de ASTANO e BAZAN. Os sindicatos maioritarios opuxéronse á reconversión “
salvaxe”, mais aceptaron a reconversión “
suave” porque as prexubilacións beneficiaban aos traballadores fixos. Nin individual nin colectivamente, a clase traballadora que combatera no 72, foi quen de impedir a reconversión, nin tivo a dignidade abondo para rexeitar unhas prexubilacións que destruíron centenares de postos de traballo na bisbarra. Marcharon para a casa traizoando todo o que dicían defender.
Outras forzas sindicais, como a propia CNT, pagaron un prezo moi caro pola súa oposición frontal á reconversión e a todos os amaños do sindicalismo oficial. O noso sindicato practicamente desapareceu porque se enfrontou ao goberno socialista que fixo a reconversión e porque rexeitou tamén o “
alpiste” que outras centrais si aceptaron como pago polos seus servicios: as subvencións directas, as subvencións proporcionais á representatividade, e esa financiación escandalosamente fraudulenta que son os cursos de formación, moitos deles organizados “
a distancia”, sen persoal nin medios, mais xenerosamente pagados polo Estado. Cremos que non debemos esquecer que na bisbarra de Ferrol, o Estado que financia directamente aos sindicatos é, ao tempo, a patronal.
Con mentiras e barullos, sen que ninguén dera a cara e contara a verdade, sacouse a ASTANO da construcción naval civil. Un escandaloso pacto “
secreto” entre a Unión Europea e o goberno do Estado botaron fora do mercado ao estaleiro de Fene. O que seguiu a ese pacto foi un clamoroso silencio por parte dalgúns, promesas descaradas de revisión do pacto por parte de outros, e unha vontade deliberada de enredar e enganar á cidadanía sobre o motivo polo que ASTANO non podía facer barcos. Aínda a día de hoxe ningún responsable político nin sindical tivo a dignidade de explicar á cidadanía os detalles dese acordo. Significativamente, os principais protagonistas deste enredo son os que xa anunciaron que o sábado non van ir á manifestación, feito que de por si aclara bastantes cousas.
Os opositores da manifestación din que esta mobilización vai dirixida á privatización do estaleiro de Fene. Pode ser que haxa forzas políticas ou sindicais que teñan esa pretensión, mais a CNT de Ferrol vai a manifestarse o vindeiro sábado para protestar polas limitacións que ten o estaleiro de Fene de facer construcción naval civil. Entendemos que mais valía que estes partidos e sindicatos que agora falan, defenderan o sector naval ferrolán cando se fixo a auténtica privatización: a transformación do emprego estable no sector naval público por emprego precario nas compañías auxiliares. Mais valía que animaran ao persoal fixo do estaleiro a deixar de facer horas extras cando existe un escandaloso desemprego na bisbarra. E mais valía que exerceran algún tipo de actividade na defensa dos traballadores das auxiliares do naval.
A CNT de Ferrol quere participar na mobilización do sábado 27 para esixir a volta de Navantia Fene á construcción naval civil, para protestar pola transformación de emprego de calidade en Navantia por emprego basura nas compañías auxiliares, para animar á clase traballadora a loitar en tódolas frontes contra o desemprego e para esixir ás burocracias sindicais e políticas que deixen de tomar o pelo á clase traballadora.
Ferrol, 25 de marzo de 2010.
Federación Local da CNT de Ferrol
Enviado por:
Unión Libertaria
-unionlibertaria@gmail.com-
25 de março de 2010 23:41
_____________
Enlaces relacionados:
___________________