Amosando publicacións coa etiqueta Xosé María Dobarro Paz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé María Dobarro Paz. Amosar todas as publicacións

luns, xuño 07, 2021

Paradoxos, ... Por Xosé María Dobarro


Por Xosé María Dobarro [*]
07.06.2021


Con frecuencia escoitamos falar das bondades da UE e moi raras veces das maldades, que é evidente que as hai, e máis das que puidese parecer. Desde logo, eu nunca mostrei moitas simpatías por esta Europa, fundamentalmente, de mercaderes. Non debemos perder de vista que, antes que UE, se denominou Mercado Común Europeo e Comunidade Económica Europea, nomes que, sen dúbida, explican mellor de que vai a cousa que o enganoso Unión. Mais non é disto do que quero falarlles hoxe.

Penso que entre as cousas positivas, esas que non teñen que ver cos mercadeos está a Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Regionaiseses idiomas minorizados que utilizan regularmente por volta de 40 millóns de cidadáns da Unión, entre eles nós– e a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea, no que se refere á prohibición da discriminación por razón de lingua e asegurando o respecto á diversidade lingüística. A Comisión Europea impulsa a diversidade lingüística e fai o posible por preservala, sen se meter, iso si, no réxime xurídico e no apoio que reciban eses idiomas, que corresponde aos gobernos dos estados.

Pensei nisto despois de ter noticia da situación idiomática que, se non hai quen o remedie, imos atopar nos nosos documentos de identidade cando nos toque renovalos. Non sei se vostedes saben con precisión cal é a fasquía que presentan os seus, os que adoitan portar nas súas carteiras. Abofé que eu non tiña moita idea de como está o meu -renovado hai un par de anos- porque nunca o miro. Fíxeno agora para confrontar co que se nos aveciña. Actualmente atopamos en bilingüe os epígrafes apellidos / apelidos, nombre / nome, nacionalidad / nacionalidade, fecha de nacimiento / data de nacemento, domicilio / domicilio, lugar de nacimiento / lugar de nacemento, hijo/a de / fillo/a de, Só aparecen exclusivamente en español: España e Documento Nacional de Identidad. O de España, que en galego é igual, vén a conto porque tamén aparece así, só, nos documentos cataláns.

Trátase como se ve de pequenos detalles -case poderiamos cualificalos de nimiedades- mais que se van perder nos novos documentos identificativos, que nos queren vender como se fosen a panacea universal. Só lles vai faltar arrouparnos polas noites.

Dise que se cambia para cumprir co regulamento da UE que estableceu as características que deben ter os documentos de identidade dos Estados que a conforman. Unha destas é a de ser bilingüe, por ter que usar o oficial de cada Estado e outro dos oficiais da Unión. Podería acontecer que Letonia escollese o estonio para acompañar o letón. España non o escolleu, foi, faltaría máis, ao inglés, que a día de hoxe só é cooficial en Malta e Irlanda. Curioso, non? O que me pregunto é se esa Unión que, como vimos, di protexer e non discriminar idiomaticamente foi quen decidiu eliminar a presenza do galego, do euskera ou do catalán presentes nos actuais documentos. Ou sería o propio goberno? Porque todo este proceso se levou caladiñamente. ¿Cómo es el nuevo DNI 4.0 que prepara el Gobierno? Lembro ter lido ou escoitado algo sobre un DNI 4.0 ou algo así contra o final do ano pasado, mais non recordo ter sabido máis ata o de agora.

[*] Xosé María Dobarro Paz (Ferrol, 1950), escritor, articulista, profesor, activista cultural e político. Catedrático xubilado de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña. |  Diario de Ferrol. | Publicado no D.F. o domingo, 6 de xuño de 2021, 00:24 |

_______

mércores, maio 16, 2018

Presentación da revista OLGa de Poesía Galega en Madrid, este sábado 19 de maio ás 12,30 hs, no Ateneo Ferrolán - Este último número está dedicado a Carvalho Calero - Con Vicente Araguas e Xosé María Dobarro


Presentación Revista OLGa
Revista de Poesía Galega en Madrid
Este último número está dedicado a Carvalho Calero
Sábado día 19 de maio ás 12,30 hs. no Ateneo Ferrolán

Intervirán: Vicente Araguas e Xosé María Dobarro

A revista OLGa de poesía galega en Madrid foi un dos últimos soños literarios de Sabino Torres, o editor responsable da primeira colección poética en galego na posguerra.

A revista está realizada por tres poetas: Vicente Araguas (director), Rafael Yáñez (subdirector) e Manuel Pereira (secretario) e o seu primeiro número dedicouse ao grupo Bilbao, un grupo dunha vintena de poetas galegos que se reunían en Madrid no Café Comercial.

---
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055 Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)

TWITTER: @ateneoferrolan
BLOG: http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/
FACEBOOK: | Faite soci@ on line! Colabora con nos!
http://ateneo-ferrolan.blogspot.com.es/2007/12/faite-soci.html

Para axudas e aportacións económicas:
CC en Cajamar Cooperativa. Titular Ateneo Ferrolán.
ES72-3058-6402-9527-2000-5350

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-ateneoferrolan@gmail.com-
16 de maio de 2018 12:26

________________

venres, abril 06, 2018

Ferrol homenaxea a Ricardo Carvalho Calero perante os meses de abril e maio con diferentes actos culturais: palestras, poesía e música, os 5, 12, 19 e 26 de abril e o 10 e 18 de maio


FERROL REIVINDICA A FIGURA DE RICARDO CARVALHO CALERO EN TODAS AS SÚAS DIMENSIÓNS


O Concello de Ferrol ven de presentar antonte polo miúdo o contido dunha homenaxe ao profesor Ricardo Carvalho Calero, ilustre escritor e lingüista nado en Ferrol Vello, para o que este municipio por unanimidade e co apoio da Mancomunidade da ría de Ferrol segue a reivindicar a Real Academia Galega que se lle adique, en xustiza, en recoñecemento a súa figura e legado o 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Foi nunha rolda de prensa o pasado mércores no Concello na que tomaron parte o concelleiro de Participación e Normalización Lingüística, Álvaro Montes, e tres dos membros da comisión que traballo que reivindica a figura e o legado de Carvalho Calero, da que forman parte Bernardo Maiz, Xosé María Dobarro e Manolo Pazo, xunto con Vítor Santalha, que hoxe escusou a súa presencia por cuestión de axenda.

As xornadas de homenaxe a Carvalho Calero organizadas polo Concello de Ferrol compóñense de catro palestras en distintos espazos, desde o Ateneo ao CC Torrente Ballester, pasando pola Fundación Artabria, ate o remate, cunha xornada lúdico festiva no Teatro Jofre o 18 de maio coa participación de músicos como Xiana Lastra, María Manuela e Alberte Pombo e as voces poéticas de Medos Romero, Fernánde Vello, Roi Sanz e Marcos Abalde.

O acordo de instar a RAG a adicarlle a Carvalho Calero o Día das Letras Galegas xa obtivera o respaldo unánime de todos os grupos da corporación en sucesivos plenos, o derradeiro foi en marzo do 2016. Esta proposta tamén obtivo o respaldo da Mancomunidade na sesión celebrada o 14 de marzo dese mesmo ano, unha reivindicación que foi desbotada pola RAG tanto para 2017 como para 2018, no que a protagonista será Victoria Moreno.

Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-1990), poeta, ensaísta e dramaturgo con sobrados méritos acreditados como ser o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega da USC, é fillo predilecto do Concello de Ferrol.

Achegamos o programa completo das catro palestras que arrancaron este xoves, 5 de abril, no Ateneo Ferrolán, cunha mirada que se achegou ao Carvalho Calero: profesor e lingüísta, por conta de Xosé María Dobarro e Aurora Marco

Fonte: Concello de Ferrol. | Ir á Web.
___

domingo, xaneiro 25, 2015

Demo... que?, ... Por Xosé María Dobarro

Por Xosé María Dobarro [*]
25.01.2015


Re–, algo ben sabido, é proverbio latino que indica movemento cara atrás, volta a un estado anterior, repetición que destrúe o xa feito... e gĕnĕrō, –āre, –āvi, –ātum, un verbo que significa enxendrar, procrear, crear..., mesmo inventar ou compor, unha obra literaria, por exemplo. De aí saiu regĕnĕrō, –āre, –āvi, –ātum (re, gĕnĕrō) que viña sendo reproducir, facer revivir, rexenerar espiritualmente... e o substantivo regĕnĕrātiō, –ōnis: rexeneración, volta á vida... Os nosos dicionarios veñen definindo a rexeneración como a acción e o efecto de rexenerar, isto é de facer que alguén abandone unha conduta ou uns hábitos reprobables, recuperar as boas calidades perdidas, corrixir ou corrixirse cara a unha actitude adecuada socialmente aceptable... Parece, pois, que facer exercicios destes de cando en cando non está nada mal. Aínda que levamos décadas (así en plural, dixen ben) escoitando falar ós nosos políticos da necesidade dunha rexeneración nese seu mundo que padecemos todos a terca realidade empéñase en indicarnos que a cousa non adoita ir máis aló das palabras, que de feitos nadiña de nada. Mesmo para levar adiante cousas que se poderían facer de hoxe para mañá –non é preciso facelo todo de vez– sempre aparecen cuestións de última hora que deixan todo como estaba. Cal é o problema para suprimir xa a inmunidade parlamentaria? Por exemplo. E así cousa tras cousa, a sabendas de que haberá que reformar algunhas leis, por suposto, pero tamén que canto antes se empece antes se acaba. As dilacións dan necesariamente que pensar. Se é palpable que no exercicio das súas funcións alguén, de acó ou de acolá, é palmario que se equivocou, pois deixa o posto que ocupa, marcha para a casa e non vai pasar nada. Para que darlle voltas con comisións informativas, deliberativas... Os erros danse nas mellores familias e así hai que asumilos. Porque, quen vai rexenerar todo o que hai que rexenerar? As persoas que levan anos e anos quentando asentos? Hoxe mesmo liamos que o presidente da Deputación de Lugo posiblemente non vaia recuncar. Segundo me pareceu dixo que oito anos son abondos para un ciclo político, ou algo así. E cantos leva o alcalde da corporación de que forma parte? E puxen un exemplo do PSOE como podería telo posto do PP, do BNG, de EU/IU, de UpyD e de tutti quanti. Nuns anos, se as cousas seguen por aí, tamén os de Podemos andarán nestas mesmas. Se non é así será porque as cousas, afortunadamente, cambiaron para todos. Oito, dez anos como moito e a outra cousa. O apalanque non permite nin rexeneración nin democracia nin nada que se lles pareza. Dentro duns anos falaremos. Porque a xente é xente e fórmulas máxicas, cando menos en política, non hai. Nos últimos tempos parece que se está impoñendo –agás no PP, en que un dedo supremo é quen segue ordenando, mandando e facendo saber– a fórmula de primarias e de apertura a persoas simpatizantes das respectivas organizacións para a designación de candidatos e cargos orgánicos. Se ben, todo apunta a aquilo que hai anos dixera Guerra, don Alfonso, de que quen se movía non saía na foto, parece que non desapareceu, todo o contrario. Pero, ademais diso, todo ten os seus riscos. Na miña infancia, naqueles tempos do máis rancio nacionalcatolicismo (será peor o islamismoyihadista?), cando nos falaban de relixión sempre me chamaba moito a atención o da salvación dos conversos de última hora. Viña sendo algo así como que calquera persoa que pasara a vida toda facendo maldades se salvaba se no último momento se arrepentía dos seus pecados. Pola contra, quen levara unha vida sen lle facer mal a ninguén e digna de mirarse nela ía de cabeza ó inferno se nos últimos momentos se lle ocorrera cometer algún acto pecaminoso. Os que foran peores que os irmáns Malasombra e que a quina marchaban de rositas (como tantos corruptos e corruptores) e os boíños de todo, como mal menor, podían acabar penando no purgatorio, se non directamente no inferno. Pouco coherente, non? Sinsentido, que podería acabar acontecendo nas formacións políticas. Se o último día para apuntarse, un posible candidato apunta trescentas persoas non afiliadas que van poder votar nunha localidade onde o censo de militantes convencidos e practicantes non supera, nin con moito os dous centenares, ten de antemán gañada a súa elección.

Publicado no Diario de Ferrol | 25.01.2015

[*] Xosé María Dobarro Paz (Ferrol, 1950), escritor, articulista, profesor, activista cultural e político. Na súa xuventude militou no PCG, e posteriormente no nacionalismo-popular galego, sendo militante da UPG e foi Presidente da Sociedade Cultural Medulio e divulgador da figura de Ricardo Carvalho Calero. Foi catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña. Na actualidade é coordinador comarcal de Esquerda Unida.

Enviado por:
André Abeledo Fernández

Dede o facebook
https://www.facebook.com/loboroxo
_________

venres, xuño 08, 2012

Sombras, ... Por Xosé María Dobarro Paz

Por Xosé María Dobarro [*]
08.06.2012


Na mañá de onte acudín á entrada do Teatro Jofre para escoitar a lectura do “Manifesto das Asociacións Culturais de Ferrol”, asinado por ducia e media delas, documento co que, unha vez escoitado e lido de vagar, coincido basicamente. Como desde hai moitos anos estou afastado do asociacionismo cultural ferrolán –no que a directivas se refire– ignoro as razóns polas que non asinaron o manifesto algunhas agrupacións. Se cadra hai máis, pero boto en falta o respaldo de “Toxos e froles”, “Sociedad Filarmónica Ferrolana”, “Sociedad Artística Ferrolana” e “Medulio”. Entendo que a cuarta non figura por carencia de vida e as tres primeiras por afinidade ideolóxica co goberno, ese que, na súa política do diálogo de ordeno, mando e fago saber, permite que “presuntamente” se saquen a labazadas dignos e educados usuarios das bibliotecas. Exceso de celo á marxe, quen ten a culpa de que poidan pasar estas cousas son os de arriba. Se non nos ensinan educación, se non sabemos comportarnos, pouco hai que facer. O señor Wert, o tesoiras da educación, que case parece un mago na arte do birlibirloque, anda coa supresión da educación para a cidadanía –a besta negra de toda a reacción ultracatólica– para sustituíla por outra materia que, dixo, non sexa “susceptible de adoutrinamento ideolóxico”. Será porque ese xa o poñen directamente eles, ou ¿que outra cousa son, senón, as materias de relixión? Todo apunta a que os nosos mandóns, tan “ilustrados” eles, non viron, nin polo forro, obras cumes da narrativa universal contemporánea, v.g., El siglo de las luces do excelso Carpentier. Élles así, ¿que lle imos facer?

Estribillando | Publicado en Diario de Ferrol | 08.06.2012

Dosier de Prensa da comparecencia ante os medios.

[*] Xosé María Dobarro Paz (Ferrol, 1950), é catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña.
--
fuco buxán, a.c.
Aptdo Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telef. 981325492
www.fucobuxan.com
fucobuxan@yahoo.es

Enviado por:
Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-
8 de junho de 2012 13:02

Artigo sobre o Manifesto das Asoc. Culturais de Ferrol

____________

domingo, outubro 02, 2011

Tolos, ... Por Xosé María Dobarro Paz - Vídeo declaracións de Alessio Rastani

Por Xosé María Dobarro Paz [*]
02.010.2011

A semana que se nos foi tróuxonos a nova das declaracións de Alessio Rastani e a polémica derivada delas. De primeiras –e non porque moitísima xente do común non estivésemos xa convencidos ou tivésemos fundadas sospeitas de que o que dixo Rastani tiña un moito (ou un todo) de verdade–, a prensa internacional deulle un lugar máis ou menos destacado á intervención na BBC do trader (axente de bolsa, charlatán, actor, vendedor de teletenda, provocador, histrión, inmoral, tolo... ou o que for, que de todo se dixo), destaque que de camiño se foi diluíndo, na procura de centrar a opinión dos lectores e/ou ouvintes nas investigacións que levou adiante e difundiu o conservador The Telegrapho xornal británico máis vendido–, no sentido de descualificar o individuo e non as declaracións por el emitidas: “Para min a inversión é un hobby, non un negocio” ou “son un falabarato, gusto de chamar a atención, encántame falar en público e esa foi a razón de aceptar que a BBC me entrevistase”, din que lles manifestou Rastani. En calquera caso, o que hai que preguntarse é cómo ese “miñaxoia” que retrata The Telegraph chegou a ser entrevistado nun medio da importancia e a resonancia da BBC. ¿É tan doado que entrevisten a calquera? Pero, seica, non a tódolos medios lles fixo o mesmo tipo de confesións que ós sagaces reporteiros do Telegraph.

Nas diferentes declaracións, o axente de bolsa por conta propia reafirmouse rotundamente nas súas palabras, indicando que o que dixera era o que pensaba e o que quixera dicir.

Fixo, así mesmo, fincapé en que todo lle semellaba esaxerado: “Non teño nin idea de por que estou recibindo tanta atención. Pensei que todo o mundo sabía este tipo de cousas. Os grandes xogadores dos fondos gobernan o mundo, non creo que iso sexa unha noticia. O mundo non o rexen os líderes políticos senón Goldman Sachs”. Non perdamos de vista que este poderosísimo grupo de investimento tivo como empregados varios secretarios do tesouro dos USA, algún premio Nobel, algún primeiro ministro europeo... Tamén non deixemos de lado, ademais, que destacados xornalistas económicos opinaron que o que Alessio Rastani dixo en público é o que pensan e din en privado a práctica totalidade dos brokers e traders que coñecen: “Ós traders non nos preocupa que a economía se amañe. O noso traballo é gañar cartos con iso. Persoalmente, veño soñando con que chegase isto desde hai tres anos. Teño que confesalo. Vou para a cama tódolos días soñando con que haxa unha recesión, soñando cun momento como este”. Preocupante. Máis aínda se pensamos que se moita xente non actúa do mesmo xeito é porque non ten nin a oportunidade nin os medios para actuar deste nefasto xeito de gañar cartos. Estou convencido de que, por desgraza, hai moitas “persoas” así.

Como no mundo ten que haber de todo, un coñecido columnista de Intereconomía aproveitou a intervención de Rastani para frivolizar co tenebroso asunto: “Por fin o rojerío tiña o seu retrato-robot dos elusivos ?mercados? que tanto, ai, tanto dano estannos facendo”. “Os ‘mercados’ teñen nome, e chámanse Rastani”. Non é da mesma opinión o coñecido (e non só por ser fillo de) Álvaro Vargas Llosa, que titula “Se, Goldman Sachs goberna omundo” unha súa columna de “Hilo de Ariadna” onde di: "Alessio Rastani dixo cousas insoportablemente antipáticas sen ser, o que é aínda máis antipático, quen criamos que era. Pero as catro cousas que dixo son verdade". O dos aforros do persoal incluído: “Si, os aforros da xente están en pelotas: cando caen a Bolsa, os commodities e todo o demais incesantemente por incerteza política e financeira, e no único que parece investir o mundo son os bonos do Tesouro estadounidense, institución tecnicamente crebada, pode dicirse que os aforros están rozagantes?

[*] Xosé María Dobarro Paz -Ferrol 1950, é catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña, escritor e activista político de esquerdas.

Publicado no Diario de Ferrol .
________________

Polémica entrevista na BBC, onde o trader Alessio Rastani afirma que: "Non nos importa que arranxen a economía. O noso traballo é gañar diñeiro, e eu, levo 3 anos soñando con esta crise".



Fonte:
http://youtu.be/vt4d7EAlwCg

___________________________

luns, febreiro 21, 2011

Diferentes colares, ... por Xosé María Dobarro Paz

Por Xosé María Dobarro Paz [*]
21.02.2011

Onte mesmo, Rodríguez Zapatero falaba de que había que conservar a memoria. É moi importante, efectivamente, mais non só a que pode favorecer os seus intereses persoais e partidarios, senón tamén a que non lles interesa.

Aló polos anos finais da década dos sesenta ou nos primeiros da dos setenta –non fun quen de fixar con maior precisión as datas nin coa axuda dalgún amigo, colega daqueles tempos– andaba pola Facultade de Filosofía e Letras compostelana un rapaz de Vigo chamado Xosé Humberto Baena, Píter Baena. Lembro ter coincido con el naqueles corredores do que hoxe é Facultade de Historia, mais o trato foi tan escaso como superficial. Aínda que tres ou catro días máis vello ca min (ambos de outubro do 50), penso que ía algún curso por detrás e axiña lle perdín a pista. Dei con ela algúns anos despois en tráxicas circunstancias. Baena, despois dunhas rapidísimas actuacións xudiciais e un xuízo cheo de ilegalidades –no marco legal daquel tempo– fora condenado a morte xunto a outras dez persoas vinculadas á ETA e ó FRAP (Frente Revolucionario Antifascista e Patriótico). Finalmente, o goberno conmutaría seis penas –Hubo clemencia” titulaba a prensa– e confirmaría cinco, executadas o 27 de setembro de 1975, entre elas a do militante do FRAP vigués, malia que ninguén aportou proba ningunha da súa participación nos feitos que se lle apoñían. A confirmación das condenas a pena de morte tomouse, por unanimidade, no Consello de Ministros celebrado o 26 de setembro, presidido por Franco. Constituído o 11 de marzo de 1975, este goberno foi o decimoquinto (e derradeiro) de Francisco Franco, que duraría ata a morte do ditador, e que, sen solución de continuidade, daría paso ó primeiro goberno monárquico presidido por Juan Carlos de Borbón, tal como no seu día decidira o defunto Xefe do Estado. Case tal como non hai moito quixo facer Hosni Mubarakxefe máximo dun partido pertecente á Internacional Socialista– co seu fillo en Exipto.

Dese goberno, que tiña como presidente a Carlos Arias Navarro, formaban parte, entre outros, o lugués Antonio Carro Martínez, Cruz Martínez Esteruelas ou o veterano José Solís Ruízquen xa en 1963 asinara a pena de morte de Julián Grimau–, que viña de substituír ó falecido Fernando Herrero Tejedoro grande valedor de Adolfo Suárez– á fronte da Secretaría Xeral do Movemento. Como rara avis é quen non quere deixar a teta do poder, tanto Arias Navarro –coñecido como “carnicerito de Málaga” por participar na morte de máis de 4.000 persoas condenadas nos consellos de guerra cando era fiscal–, como Carro e como Martínez Esteruelas foron candidatos nas listas de Alianza Popular nas primeiras eleccións. Dos tres só saíu elixido, por Lugo, Antonio Carro (recuncaría en catro lexislaturas máis). Pero tamén concorreron e acadaron escanos por AP ministros doutros gobernos franquistas que tamén asinaran penas de morte soadas, nacidas en xuízos do máis ilegal e trapalleiro (velaí o fusilamento de Julián Grimau o 20 de abril de 1963), como Gregorio López-Bravo ou Manuel Fraga Iribarne. Tamén foron deputados por AP Laureano López Rodó e Gonzalo Fernández de la Mora, así como Pío Cabanillas Gallas pola UDC quen tamén sería ministro de diferentes carteiras. Con estes antecedentes non é de estrañar que seguisen reprimindo, sen pudor ningún e ó mellor estilo franquista, mais, iso si, so a denominación de demócratas. O pasado –sen memoria e non con ela, como di que quere o actual señor presidente– quedou borrado. Como tamén se pretende borrar (non sei se o señor Rodríguez Zapatero terá a intención de lembralo con frecuencia) o pasado dos GAL (Grupos Antiterroristas de Liberación), creados e actuantes durante gobernos presididos por Felipe González, dos que, como é sabido, formou parte Alfredo Pérez Rubalcaba, primeiro como secretario de Estado e logo como ministro. O actual vicepresidente, xa que logo, algo ten que recordar de todo aquilo.

Non se entende moi ben, pois, que ó ministro do Interior se lle antolle que a nova formación política vasca Sortu non é outra cousa que unha continuación de Batasuna, controlada, ¡como non!, por ETA. Se os ministros de Franco se tornaron da noite para a mañá demócratas ¿por que non van poder facelo os que no seu día estiveron en Batasuna? O curioso é que a inmensa maioría dos partidarios da non legalización de Sortu non son vascos nin viven nin viviron no País Vasco. Alí, fóra do PP, a situación vese de moi diferente maneira.

[*] Xosé María Dobarro Paz -Ferrol 1950, é catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña, escritor e activista político de esquerdas.

Publicado no xornal comarcal Diario de Ferrol - 20.02.2011
________________________

venres, outubro 15, 2010

Audio e repotaxe fotográfica da Conferencia que "O Capitâo de Avril”, Otelo Saraiva de Carvalho, deu en Ferrol o pasado 8 de Outubro - Artigo de Xosé María Dobarro Paz

O pasado Venres 8 de Outubro de 2010, tivo lugar en Ferrol unha conferencia "A Revolución dos Cravos en primeira persoa" de Otelo Saraiva de Carvalho, organizada pola Asociación Cultural Lefre de Caldereta de Ferrol. Otelo Saraiva de Carvalho, "O Capitâo de Avril”, era o responsábel da comisión coordinadora do MFA, e foi el, quen dirixiu o movimento das tropas que acabaron coa ditadura en Portugal en 1974. O interesante acto realizou-se no Salón de actos que Fundación Caixa Galicia ten no Cantón de Ferrol, presentado por Bernardo Maiz Vázquez e Xosé Mª Dobarro Paz, ademáis de Manuel Alonso Varela "Manolo Bacallau", acto que tamén foi acompañado coa voz de María Manuela e a música de Xurxo Varela.

Lefre de Caldereta enviou-nos un audio que foi publicado no xornal dixital "Diario Liberdade" a reportaxe fotográfica é de Suso Pazos da AC Fuco Buxán.




Reportaxe Fotográfica:


Asociación Cultural Lefre de Caldereta
www.lefredecaldereta.com
lefre@lefredecaldereta.com



Información baseada na enviada por:

Lefre de Caldereta - Asociación Cultural
-lefre@lefredecaldereta.com-
15 de outubro de 2010 10:24
____________________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: A Revolución dos Cravos en primeira persoa: Conferencia de Otelo Saraiva de Carvalho en Ferrol - Venres 8 de Outubro
__________________________

Cravos

Por Xosé María Dobarro Paz [*]
10.10.2010


Hai uns días, nesta quinta feira (xoves) pasada cumprín a sexta década da miña vida. Os azares da vida trouxéronme un inmenso regalo, poder compartir mesa e mantel –para só catro persoas– cun dos vultos –que din os portugueses– máis interesantes que deu a política mundial no século XX: Otelo Saraiva de Carvalho. Ó seu carón a muller que practicamente coñece de toda a vida: María Dina.
O cuarto comensal era Manolo Bacallao, lider incombustible da Asociación Cultural Lefre de Caldereta, organizadora dos actos arredor da persoa que meticulosamente organizou o “25 de Avril”, a “Revolução dos cravos” para botar abaixo a xa moi lonxincua ditadura portuguesa: o salazarismo, o caetanismo ... Evidentemente, non foi el só quen conseguiu esa xesta incruenta, única no mundo. Saraiva de Carvalho poderá ter moitos defectos –como temos todos os humanos–, mais o que non ten en absoluto é o do divismo. É por isto que, cando relata esa historia, fala de moita outra xente que ficou nun plano menor. A vida é así.

Aínda que nunca tiven –que saiba– parentes moi directos militares, a miña condición de nado e criado en Ferrol levoume, inexorablemente, a compartir mil vidas con xente relacionada con esa profesión. E coñezo de todo, como tamén sucede na miña de profesor. As miñas experiencias no exército –fun sarxento de milicias en vida de Franco– non foron especialmente gratas. En varias ocasións vía como me ían largar de alí pouco menos que condenado a galeras. A sorte e a habilidade dialéctica impediuno. E, como xa dixen, había de todo. Pola Academia de Infantería toledana, onde estiven catro meses de su-boficial, andaban oficiais profesionais que acabarían sendo detidos por formaren parte da Unión Democrática Militar. Lembro un par deles.

Daquela xa tivera lugar a “Revolução dos cravos” e o franquismo seguía nas súas. Como dixen antonte, na miña breve intervención na sede de Caixa Galicia, recordo, se como fose de hai catro días, un episodio acontecido en Ribeira poucas semanas despois da caída da ditadura en Portugal. Tivo lugar mentres se toma un algo antes dun xantar de voda.

O meu amigo de toda a vida Vicente Araguas e máis eu estabamos conversando e, por un casual, aparece por alí un seu tío –acho que nesa altura tenente coronel artilleiro, o mesmo corpo que Saraiva de Carvalho– e este sóltalle con toda a naturalidade do mundo algo así como: “A ver se seguimos o exemplo portugués”. Non sei se polo fragor da batalla (unha festa, uns viños, certo barullo ...) ou pola sorpresa o artilleiro ferrolán non respondeu. Fíxolle graza.
Fóra dos actos, falando con Saraiva de Carvalho descubrín que hai militares excepcionais. El é un paradigma. A súa muller, que o coñecía antes, manifestou que non gustara da súa decisión de seguir esa carreira. Mais que o asumira e acabara casando con el. E aí seguen felices xuntos. E agardemos que por moitos anos e con tanta lucidez.

Escoitar a un militar de carreira –aínda que xa lle tiñamos lidas moitas cousas– contar con tanta precisión, con tanto distanciamento (poderiamos dicir obxectividade), a historia dun proceso tan limpo e impresionante é un luxo.
E Lefre de Caldereta é o que nos brindou este inmenso pracer. Parabéns.

[*] Xosé María Dobarro Paz (Ferrol, 1950), é catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña.

Artigo publicado no "Diario de Ferrol"
_____________________________________

luns, setembro 27, 2010

Folga, Folga, ...Folga Xeral

Por Xosé María Dobarro Paz [*]
26.09.2010

FOLGA, FOLGA... FOLGA XERAL
Para Constantino Trillo, in memoriam, que morreu triste e deprimido por acoso laboral

"Contra o paro, contra o capital, folga, folga... folga xeral” berrabamos algúns “inxenuos” hai trinta anos cando nos estaban a desmantelar as industrias da comarca. E acudiamos, puntualmente, ás manifestacións que moitas veces finalizaban no desaparecido estadio do Inferniño. E as súas gradas estaban case –ou máis– cheas que cando xogaba o vello Racing. Naqueles tempos, xa un algo afastados, Tino Trillo era profesor nun instituto de Ferrol e militaba nun dos partidos comunistas escindidos do PC. Andaba sempre coas bandeiras republicanas nas costas e tiña un certo seguimento de xente nova. Tamén algunha de máis idade. Recordo que sempre se poñían na cola das manifestacións para entrar no estadio coas súas bandeiras, dar unha volta á pista de atletismo e subir á torre de maratón colocando a súa –a nosa– insignia. ¡Onde van eses tempos! Folgas xerais que nesa altura houbo que facer. Manifestacións continuas que a xente seguía. E case todas contra o PSOE, a besta negra ó servizo do capitalismo neoliberal. Non, como din os ligh, os supostos modernos, os que –segundo se di, que eu non o creo– chupan de todo aquí e acolá e os que se enriqueceron ilicitamente –eu tampouco o creo– nalgures e nallures. Saberano eles. E que vaian ó ceo libres de pecado. Tino Trillo, como tanta outra xente, acabou crendo neste persoal autodenominado socialista. E por esas andaba cando se lle botaron enriba. Naturalmente, a dereita fascistoide que padecemos. Supoño que actuarían correctamente, porque neste estado de dereito sempre todo se fai ben e acorde coa lexislación vixente. Se Tino vivise iría, con certeza absoluta, á folga do 29. Malia que tivese relación ou militancia no PSOE. Eu, aínda que ese día non teño docencia, tamén vou ir. E quero que me desconten a parte salarial correspondente, que, é moi posible vai ser unha cantidade importante. Máis ou menos 200 euros. Pero a violencia coa que nos está tratando este goberno ós traballadores, que vén sendo unha continuación da de Aznar, á súa vez seguidista da de Felipe González, e a connivencia co gran capital esixe que haxa que dar contestación, e firme e convincente. E, se for posible, moi maioritaria. Canto máis cedamos, máis nos van machacar. De plantarmos cara, se cadra, algo se pode parar. As eleccións municipais –e varias autonómicas– están á beira. Eles verán o que fan. Acabar nos brazos dun PNV que é a dereita pura e dura –amigos do BNG na Galeuscat, por certo– para aprobar uns orzamentos antisociais é grave. Moi pernicioso.

Síntome moi comprometido co proxecto da refundición da esquerda. Paréceme fundamental, pouco para min pero moito para meus fillos, meu neto, meus amigos e amigas máis novos e para a xente que está aí detrás de nós. E por iso o reproduzo:

A asemblea comarcal de Ferrolterra manifesta o seu apoio á folga xeral convocada para o vindeiro 29 do presente mes polas confederacións sindicais de Comisisóns Obreiras a Unión Xeral de Traballadores e a Confederación Intersindical Galega. Esta asemblea defende a necesidade dunha folga xeral para deter a ofensiva do neoliberalismo que no Estado español e no conxunto da Unión Europea estase a traducir nos axustes económicos brutais inxustos socialmente e regresivos laboralmente.

O goberno español está a poñer o poder político ao servizo do capital poñendo en bandexa a posibilidade do desmantelamento completo do estado de benestar e das conquistas sociais derivadas da loita secular do movemento obreiro. Un estado de benestar e unhas conquistas que, cos seus sistemas de educación e sanidade, pensións e protección social, salarios mínimos e dereitos sociolaborais básicos, implican unha certa redistribución da renda exercida polo Estado que, de non facerse, contriburía a aumentar o proceso de acumulación de capital. Eis o que se pretende: nin máis nin menos que esa porción de renda sexa trensferida ás mans do capital.

Ante esta situación a asemblea comarcal de Ferrolterra de Refundando a Esquerda fai un chamamento á participación na folga xeral e convoca a facer un esforzo a prol da unidade sindical”.

[*] Xosé María Dobarro Paz (Ferrol, 1950), é catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña.

Publicado no Diario de Ferrol - 26.09.2010

Enviado por:
A Esquerda
-refundandoaesquerda@gmail.com-
26 de setembro de 2010 18:40
__________________

domingo, setembro 21, 2008

America Latina

America Latina

XOSÉ MARÍA DOBARRO PAZ
21.09.2008

Desde ben cativo sempre sentín a chamada do mar. De neno soñaba con ir a América. Concretamente a Cuba, a La Habana, onde botara ducias de anos enrolado en barcos pesqueiros meu avó mugardés Santiago Paz Gelpi, arrendatario da casa do barrio do “muelle” de Ferrol na que nacíon.

A vida quixo que as primeiras veces que pisei terra americana fose no norte, nesa yankilandia que, pretendendo dominar o mundo, ten un aspirante a presidente que non sabe nin onde situar España nun mapa. Xa non digamos Jalisia, que din -e con toda razón- os da zona onde ultimamente habito. Mister John McCain non sabe nin do presidente do Estado Español.

Pensa que debe ser un Evo Morales calquera a quen lle amargar a vida e os, para min, interesantes proxectos que leva intentando botar adiante. ¡Jodido, mi hermano! Xa non falemos do presidente ecuatoriano Correa.

Pasado un tempo, cando puiden pisar terras latinoamericanas, non foi a amada Cuba o primeiro lugar. Esa circunstancia supuxo o meu namoro de Montevideo e do Uruguay todo. Para sempre.

Logo aterrei no aeroporto José Martí, o daquela Habana soñada. E alí volvín sempre que fun quen de facelo.

Nas mellores e peores circunstancias. Económicas e climáticas. Iso é tan outra cousa do que os nosos mandatarios non souberon facer. Posiblemente non o entenderán xamais. Traballei naquela soñada Habana -de jratís, sen cobrar, que dicimos no meu pueblo, ou cidade sexquicentenaria- e vivín feliz. Sempre que fun -veces abondas, case de máis- usei clase turista. Naturalmente pobre.

Nas miñas estancias só sentín pequenas incidencias ciclónicas. Afortunadamente. Ike -nome que, aló polos cincuenta, andaba polo cume dos edificios madrileños para saudar a presencia do daquela presidente de USA, Eisenhower, que viña recoñecer o goberno fascistoide de Franco- causou grandes estragos na inxustamente maltratada Cuba. Por ese capitalismo imperial apadriñado polos do norte que xa se ve a onde nos queren levar. Todo privatizado. Ata que hai calquera problema e pedimos papas. Aló por Haití e pola imperial Tejas morreron uns cantos. Na machacada Cuba só catro ou cinco imprudentes. ¡Viva o capitalismo! Que nos favorece a todos. A uns, que non é o caso, moito máis que a outros. Moito máis.

E non só esa Cuba pobre a que está a padecer ciclóns e perdas. Tamén están Bolivia ou Ecuador. Uns, os de arriba, queren controlar todo e en todas partes. Outros, algúns dos de abaixo, decidiron andar ó seu xeito. E teñen razón. Mais hai que ir a por eles. "O chalete da serra quen o mantén" E a serra é a morena. Of course.
______________________

domingo, xuño 29, 2008

Falando do “Manifiesto”

Hai uns día, o 23 deste mes de xuño, un grupo de intelectuais españois [Sabater, Pombo, Carlos M. Gorriararn y Carmen Iglesias,...], presentaban un manifesto público en defensa do castelán que ao seu entender está en perigo por mor do avanzo das linguas periféricas nas administracións das comunidades autónomas con lingua propia. Choveron adhesiós que non imos relacionar, pois longa é a lista, quen teña interese neste enlace do buscador google podeas observar. Por certo, no mesmo enlace podese ver que xa hoxe hai 258.000 páxinas en español que conteñen a frase “Manifiesto por la lengua común”. En só cinco días, xa se están pedindo firmas de adhesión.

Polo seu interese e para comezar reproducimos este artigo que o profesor Xosé Maria Dobarro, publica no xornal comarcal "Diario de Ferrol".

TEMPOS E LUGARES

OUTRA VOLTA

XOSÉ MARÍA DOBARRO (*)

O pasado luns presentouse no Ateneo de Madrid, día no que aparecía íntegro nas páxinas de El Mundo e El País, cando menos, un texto denominado “Manifiesto por la lengua común”, asinado por dezaoito denominados intelectuais, condición que eu non son quen para recoñecerlles ou negarlles. O que si lles nego é a razón que pretenden ter. Comezan por recoñecer a súa preocupación desde hai uns anos pola “situación institucional de la lengua castellana” que xera neles unha “inquietud estrictamente política”. Quede claro. O autor, ou autores, deste manifesto establecen unha serie de premisas, so apariencia de verdades obxectivas, que se me antollan falaces. Podería estar todo o mundo de acordo -se cadra con algún pequeno matiz acerca do que é ou non é español por parte dalgúns- con que “Todas las lenguas oficiales en el Estado son igualmente españolas y merecedoras de protección institucional como patrimonio compartido”, inclusive coa continuación deste parágrafo “pero sólo una de ellas es común a todos, oficial en todo el territorio nacional y por tanto sólo una de ellas -el castellano- goza del deber constitucional de ser conocida y de la presunción consecuente de que todos la conocen”, evidentemente porque o coñecemento do español é unha realidade. Xa que logo ¿por que falar de presunción? ¿Preténdese dicir que hai persoas nalgunhas zonas do Estado que descoñecen esa lingua? ou, maliciosamente, ¿sospéitase que de seguir así as cousas no futuro podería habelas?

Tamén poderiamos estar de acordo en que só unha das linguas españolas oficiais é “universalmente oficial en nuestro Estado democrático”, mais xa non, a non ser que se nos explique moi ben o porqué, con que “contar con una lengua política común es una enorme riqueza para la democracia”. Como nada se nos di, un non pode menos que pensar que, segundo os manifestantes, non é demócrata de todo quen non comparta este aserto. Por suposto que “son los ciudadanos quienes tienen derechos lingüísticos, no los territorios ni mucho menos las lenguas mismas”. O que xa non parece tan así é que se nos pretenda convencer de que en determinadas nacións do Estado traten de imporse cousas “en detrimento del castellano (y mucho menos se puede llamar a semejante atropello “normalización lingüística”)”. Nunca vin atropelo ningún -en calquera caso tería sido en sentido contrario, isto é, por parte do español. Velaí o caso dun solicitante de traballo nun hotel vigués rexeitado, e iso que falaba un lote de idiomas- por utilizar o galego como veículo expresivo. Mais esa empresa é privada e o manifesto fala de institucións públicas. Sinceramente, nunca vin que nas chamadas comunidades bilingües se impuxese nada. É unha evidencia que quen quixer desenvolver a súa vida cotiá e profesional en español pode facelo sen problema ningún. O que si podería xerar problemas é querer impor a toda costa este seu modelo. Mais, en todo caso, sempre atopará apoio incondicional de xentes como os asinantes deste manifesto. Nas ditas comunidades bilingües os máis desfavorecidos seguen a ser os que utilizan habitual e espontaneamente o idioma naturalmente xerado nese territorio.

Mais a guinda deste pastel é a premisa cuarta. O texto non ten desperdicio: “Ciertamente, el artículo tercero, apartado 3, de la Constitución establece que las distintas modalidades lingüísticas de España son un patrimonio cultural que será objeto de especial respeto y protección”. Nada cabe objetar a esta disposición tan generosa como justa, proclamada para acabar con las prohibiciones y restricciones que padecían esas lenguas. Cumplido sobradamente hoy tal objetivo, sería un fraude constitucional y una auténtica felonía utilizar tal artículo para justificar la discriminación, marginación o minusvaloración de los ciudadanos monolingües en castellano en alguna de las formas antes indicadas”. Esaxera que algo queda. A xornalista de El Mundo -xornal que apoia incondicionalmente o manifesto- que cobre diariamente as novas relacionadas con este texto vía claramente desde o primeiro día que se trataba dunha cuestión política: “Aunque algunos de ellos están vinculados a UPyD, entre todos representan el espectro ideológico-político español al completo (o que non é certo)”. Tanto é así que cada día aparecen novas de que o PP de aquí e acolá se está aderindo a el e asumíndoo como propio. Son novas ganas de seguir dando a tabarra. ¿Ulo cambio congresual? Mexar fóra de tempo, lugar e testo.

(*) Catedrático da Universidade da Coruña
_____________

Enlaces relacionados:
__________