xoves, maio 13, 2010

Máis mentiras do Gobernador

Por Juan Torres López [*]

12.05.2010

O gobernador do Banco de España volveu a dirixirse aos cidadáns para confundilos e enganalos. Insiste unha vez máis en que as reformas máis urxentes son as do mercado de traballo encamiñadas a reducir os salarios, os custos do despedimento e o poder de negociación dos traballadores.

Mente o gobernador aos cidadáns porque nada diso pode garantir que se cre máis emprego mentres non se resolva o problema no mercado de bens e servizos que creou a banca e a especulación financeira. Mente o gobernador porque el sabe que o que ocasionou o gran aumento do desemprego en España non foi a estrutura do mercado de traballo senón o contaxio da crise financeira internacional que pechou o crédito ás empresas e aos consumidores, e o estalido da burbulla inmobiliaria. E mente o gobernador porque el sabe perfectamente que só restaurando o fluxo do crédito e recompondo o aparello produtivo vaise a poder volver crear emprego.

Mente o gobernador cando afirma agora que se precisan estas reformas de modo prioritario para resolver o déficit orzamentario. Mente o gobernador porque el sabe perfectamente que o déficit non se produciu polo desemprego senón porque o Estado debeu tapar o inmenso buraco que a crise bancaria provocou. E mente porque sabe, xa que logo, que por moito emprego que se crease, sería inevitable soportar máis déficit se a banca séguese dedicando a especular cos recursos públicos e a provocar crises como a das hipotecas sub prime.

Mente o gobernador porque el sabe perfectamente que habería outras formas máis expeditas e eficaces que empobrecer á maioría da poboación para evitar que aumente o déficit público ou para diminuílo. Para evitalo, pondo freo á especulación que está encarecendo a carga da débeda. E para diminuílo, aumentando impostos sobre as grandes fortunas e sobre as ganancias extraordinarias, loitando contra o branqueo e a evasión fiscal, pechando os paraísos fiscais ou penalizando a utilización improductiva de centos de miles de millóns de euros, entre outras.

Mente o gobernador porque el sabe que diminuíndo o gasto público cando o privado non tira da economía porque o crédito está racionado o que se conseguirá será empobrecer á poboación e deprimir a economía e que os beneficios que así obteña o capital privado máis poderoso a quen defende non van redundar (como agora ocorre cos beneficios da banca) nun mellor rendemento da actividade económica.

Mente o gobernador porque el sabe que as propostas que fai non están dirixidas a darlle confianza e benestar a toda a economía e poboación senón aos grandes poderes económicos, aos financeiros e grandes investidores especulativos aos que cínicamente denominan impersonalmente como "os mercados". Os mesmos que provocaron a crise e que puideron impor aos gobernos medidas que só van beneficiarlles a eles.

Mente o gobernador cando afirma que a reforma do mercado laboral é a máis necesaria das reformas estruturais cando ao mesmo tempo non fala para nada da reforma do modelo produtivo baseado na especulación inmobiliaria que a súa institución alimentou; nin das reformas financeiras que evitasen os desastres que está provocando a especulación e a desnaturalización da banca; nin de reformas fiscais máis xustas que non fagan recaer o maior peso da recadación sobre os salarios e as rendas máis baixas; nin de reformas dos mercados que acabasen cos oligopolios que campan ás súas anchas impondo prezos e condicións laborais leoninas para garantirse beneficios extraordinarios; nin de reformas nas regras do comercio internacional que garantisen fontes de ingresos máis seguras e equitativas a todas as nacións e non só ás grandes multinacionais; nin de reformas das axencias de cualificación corruptas que actúan para despexarlle o paso aos especuladores enganando e ocultando a verdade do que ocorre nos mercados; nin de reformas no estatuto do Banco Central Europeo para que non se consinta que o papel que desempeña só beneficie á banca privada, financiándoa case gratuitamente mentres que os banqueiros fan negocio financiando aos estados; nin de reformas nos mecanismos de decisión para que houbese institucións de poder internacional democráticas e non o caos actual que só favorece aos financeiros e aos poderosos a cuxos intereses sométese vergonzosamente. O gobernador do Banco de España non lle di a verdade aos españois. Estaos enganando e xa é hora de que se lle pidan contas e dimita.

[*] Juan Torres López, Granada -1954-, Doutor en CC. Económicas e Empresariais, exerce na Universidade de Sevilla como catedrático de Economía Aplicada do Departamento de Teoría Económica e Economía Política. Escritor, investigador, analista de política económica e activista social. Manten unha páxina web (Ganas de Escribir: www.juantorreslopez.com) e coordena a páxina web dedicada a información económica www.altereconomia.org.

Enviado por:
Ganas de Escribir
-juantorres@uma.es-
12 de maio de 2010 14:56
_____________________

Letras Galegas 2010 no Teatro Jofre: Sábado 15 de Maio

Sábado 15 de Maio en Ferrol: Letras Galegas no Teatro Jofre

LETRAS GALEGAS 2010 - ACTO CIDADÁN

Sábado 15 de maio, 2010, ás 20,30 h - Teatro Jofre – Ferrol

Coas actuacións de : Maite Dono & Waldo Martínez, Miguel Alonso, Cristina Pérez-Lago & Suso Pérez Lago, Lorena Calaza.

Presentación: Ghazafelhos.

Organiza : Concello de Ferrol – Cultura e Asociacións Culturais e Veciñais.

Invitacións a disposición da cidadanía, no Teatro Jofre, desde o martes 11 ata completar o aforo. Horario de 11 a 13 e de 18 a 20 h. Telefº de reservas: 981944245.

Próximos actos:
  • Venres 14 de Maio - 17,00 h Cemiterio de Catabois: Homenaxe a o noso compañeiro Tino Deibe, no 2º aniversario do seu pasamento.
  • Venres 14 de Maio - 19,00 h Centro C. Torrente Ballester. Visita guiada a exposición "Seguro?..." de Suso Basterrechea.
  • Sábado 15 de Maio - 11 a 13 h. emisión en directo de "O Recuncho" en 93.9 FM. O programa radiofónico de Fuco Buxán.
  • Sábado 15 de Maio - 20,30 h Teatro Jofre: Celebración do Día das Letras Galegas (Concello e Asoc. Veciñais e Culturais)
  • Sábado 15 de Maio - "Roteiro Pico Vello" en defensa das Fragas do Eume (organizan varias asociacións)
  • Lúns 17  de Maio - 12 h manifestación en Compostela "O Galego o Noso Existir" organiza Plataforma "Queremos Galego"
--
fuco buxán, a.c.
Aptdo Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telef. 981325492
www.fucobuxan.com
fucobuxan@yahoo.es

Enviado por:
Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-
12 de maio de 2010 15:47

________________________

Esquerda Unida presentou alegacións ao Estudo Informativo dos accesos ferroviario ao porto Exterior de Ferrol

Informacións do Grupo Municipal de ESQUERDA UNIDA

Alegacións ao Estudo Informativo dos accesos ferroviario ao porto Exterior de Ferrol
2010-05-10

Yolanda Díaz Pérez, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, diante do Estudo Informativo e Estudo de Impacto ambiental de Accesos ferroviarios ás obras de ampliación do Porto de Ferrol ( Porto Exterior ) no Cabo Prioriño Chico, que se atopa en fase de exposición pública, presenta polo medio do presente escrito as seguintes Alegacións.

Esquerda Unida considera necesario conxugar a necesidade de contar cun acceso ferroviario ao Porto Exterior coa esixencia imperativa de minimizar o impacto e custos ambientais e socioeconómicos que se deriven da construción do devandito trazado ferroviario. Hoxendía demostrouse que a salvagarda do medio físico e social é un valor imperativo para calquera política pública responsable e atenta ao interese xeral. Lamentamos que a proposta que formula o Ministerio de Fomento sexa reduccionista de xeito atroz para coa nosa ría e cidadanía, ao contemplar de maneira unilateral só o custo económico máis reducido posible da infraestrutura.

Interese xeral que resulta comprometido de maneira moi grave por canto no Estudo obxecto da nosa alegación se estima que das tres opcións contempladas a que menor repercusión ambiental ten é a corredor sur, que supón unha ameaza definitiva para a preservación da Malata. Xa que logo, Esquerda Unida presenta as seguintes alegacións:

PRIMEIRA.- Esquerda Unida pide a nulidade do devandito Estudo, o cal presenta desfases coa realidade actualmente existente. O Estudo contempla a reutilización do material sobrante do futuro parque empresarial de Brión; a realidade é que hai anos que se desbotou no concello de Ferrol, cos votos a favor de Esquerda Unida, a creación do parque de Brión, o que non deixa de revelar o descoñecemento e a reutilización de materiais vellos do Ministerio de Fomento neste Estudo. O Estudo emprega os planos topográficos do ano 1997, cando existe un novo plano topográfico de 2005, que contempla as novas construcións existentes. Valga tamén o chamativo exemplo que supón que nos planos empregados non se consigne a nova pasarela do paseo marítimo que vai de Curuxeiras á A Cabana; outras evidencias do desleixo con que se efectuou o Estudo afloran nas equivocadas referencias a situación do emprego na nosa terra.

Anotar no contexto das incorreccións e erros do Estudo que tanto as hipertrofiadas previsións de tráfico ferroviario canto o estudo do movemento portuario descoñecen o aprobado recentemente plan do carbón, que ao primar o uso do carbón interno reducirá o movemento do carbón importado cara a térmica de As Pontes.

Xa que logo, Esquerda Unida solicita a elaboración dun novo Estudo respectuoso das características que ten que posuir semellante documento e a ampliación do trámite de información pública e consulta, para que non se reduza ao mínimo que contempla o artigo 9 do devandito RDL 1/2008.

SEGUNDA.- O noso Grupo maniféstase partidario de desenvolver o chamado corredor norte por ser este trazado o que menor impacto ambiental produciría, asemade de preservar a ensenada da Malata nas condicións actuais da mesma tanto para o que atinxe ao ámbito produtivo e do emprego canto para as outras actividades que se desenvolven na mesma. Lembrar que a ensenada da Malata arrastra unha longa historia de agresións perpetradas co pretexto de atender intereses económicos de nula racionalidade en termos de sustentabilidade ecolóxica e social. O porto carboeiro é un claro exemplo do antedito e supón xa unha grave afección para a ensenada.

Esquerda Unida quere salientar o alto valor económico desta zona, en tanto que espazo no que se produce a explotación marisqueira, xunto coa reprodución de diversas especies mariñas. A preservación dos centos de postos de traballo derivados desta explotación supoñen un valor de primeira orde de seu, pero máis no actual intre económico, caracterizado pola meirande crise capitalista dende a Gran Depresión do 29.

A ensenada é o espazo onde se desenvolve unha ampla actividade náutica, de lecer e formativa, que supón un valor inestimable para os milleiros de persoas que a practican e/ou a disfrutan. De igual xeito hai que referir o valor histórico e cultural que acubilla a zona, cunha dotación patrimonial que aspira a conquerir o título de Patrimonio da Humanidade.

Significar que no caso de se efectuar o trazado ferroviario segundo se recolle no corredor sur se comprometería de maneira irreversible a actual navegabilidade o que sentaría os alicerces para a definitiva morte deste espazo mariño, que non podería recuperarse ao non poder ser dragado.

A proposta de corredor norte non afecta ao dominio público marítimo terrestre ( DPMT ) e encaixa, ao descorrer en paralelo, coa recente obra viaria no corredor norte, o que suporía reducir de maneira notable a afectación do espazo ao aproveitárense as obras xa realizadas.

A proposta de corredor norte conta ao seu favor cunha máis doada conexión, caso de estimárense necesaria, coa zona industrial do polígono do Río do Pozo.

Esquerda Unida entende que non pode ser razón suficiente o custo económico do corredor norte para desbotar a que ao noso xuízo é a mellor opción para conxugar o social e o ecolóxico coa consecución do acceso ferroviario ao Porto Exterior.

TERCEIRA.- Con carácter subsidiario e só no caso de que non sexa asumida a alegación principal, Esquerda Unida presenta unha nova proposta, que consiste nun trazado submariño.

A nosa organización propugna, coñecedora da súa posibilidade técnica e económica, que o enlace ferroviario vaia por debaixo da ría, sexa submariño. Solución posible e viable, como confirma que xa se construíu con éxito o túnel do emisario para a EDAR da zona norte da ría.

Contempla a substitución do viaducto por un trazado dun túnel combinado con trincheira ou falso túnel, que partiría das actuais instalacións do porto carboeiro alcanzaría a zona da Graña baixo ao mar a unha profundidade axeitada para librar o actual túnel das instalacións militares.

CUARTA.- Con carácter residual, no caso de seren desbotadas as nosas anteriores propostas, EU achega un conxunto de modificacións que semella imprescindible realizar na alternativa coñecida como corredor sur, que ao noso xuízo e na actual proposta é a máis agresiva e contaminante.

A actual proposta de corredor sur implica a construción dunha ponte máis sobre a ría de Ferrol, de 285 metros de lonxitude con nada menos que 11 piares sobre o leito da ría e coa consolidación do porto carboeiro, o que vai supor pechar aínda máis o paso das correntes nesa zona, coas engádegas de recheos adicionais que van ter un efecto crítico na área. Afectará negativamente as correntes e de xeito indirecto a drenaxe do sistema fluvial que remata na Malata. Cómpre indicar que esta ponte produciría un impacto crítico, no que non habería medida correctora posible que evitase a desfeita total da Malata. O propio informe de EIA recoñece que “ a instalación do recheo provocará a limitación da entrada total da marea, o que podería implicar empobrecemento do osíxeno e un aumento da temperatura... alteración do PH do auga e a súa coloración;” alteración que está “ íntimamente relacionada coa flora e a fauna...” A flora afectada correspondente ao medio mariño atópase no ao redor de 9.520 metros cadrados, cun mérito de conservación moi elevado segundo recoñece o EIA. O impacto para as especies singulares da zona sería dun nivel medio.

A proposta que se fai lonxe de empregar técnicas construtivas que minimicen o impacto ambiental na zona sen encarecer de maneira substancial o proxecto, inclínase pola opción máis groseira, que só atende o custe económico, desprezando as esixencias e valores medio ambientais e socio económicos que contempla a actual lexislación, e que contan co respaldo do artigo 45 da Constitución, que afirma o dereito a disfrutar dun medio ambiente axeitado para o desenvolvemento la persoa, así como o deber da súa conservación; e máis impón aos poderes públicos a utilización racional dos recursos naturais, coa finalidade de protexer e mellorar a calidade da vida e o defender e restaurar o medio ambiente.

O propio Estudo se contradí porque se sinala – cando fala da permeabilidade territorial - que a ponte terá “ o gálibo suficiente para permitir o paso das embarcacións “ – , e cando se repara na altura proxectada para a ponte se cae na conta de que impediríase de feito o tránsito de calquera embarcación media. As enormes limitacións desta contradición suporían ao final a morte da ensenada, porque o perder a condición de navegable impediríase o dragado da zona, o que faría imposible o seu mantemento e saneamento periódicos. Tamén as cuestións de seguridade esixen o cambio na proposta construtiva da ponte, porque nesa área atópase unha estación de bombeo ao traverso da que se depuran a meirande parte das augas residuais producidas en Ferrol, e unha rotura nas conducións xeraría un problema irresoluble ao non poderen acceder embarcacións axeitadas para a reparación e limpeza.

De maneira indirecta e en relación co referido anteriormente atopámonos co risco de afectación para especies vulnerables segundo a Directiva Aves e no RD 1095/89, como por outra parte anota o EIA para os casos do paíño común, nutria, reo, etc.

A Estación Biolóxica da Graña capta as augas da zona o que supón o risco de danar as especies que nela se atopan.

Non se pode pasar por alto a afectación dos acuíferos subterráneos, en especial os da zona de Cariño e Linares.

E non semella menor o impacto visual e paisaxístico derivado deste novo tendido na ría.

A modificación do trazado para evitar as afectacións das dúas vivendas particulares que están previstas no actual proposta de corredor sur.

Queremos salientar que a propia Dirección de Costas, con data de 23 de decembro de 2004 remitiu un informe no que desaconsellaba esta alternativa sur por afectar de xeito notorio ao dominio público marítimo terrestre ( DPMT ), alternativa que a nosa organización xa desbotara, xunto con outras entidades ( ADEGA, CGT e NOS-UP ) nun informe remitido á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, con data de 19 de xaneiro de 2005.

Tamén no que atinxe aos materiais de construción da ponte habería que proceder a cambialos para trocar o formigón armado proposto por outra fórmula elaborada con materiais metálicos ou alomenos unha combinación mista.

En resumo, Esquerda Unida entende que o trazado do corredor sur tense que modificar coas medidas seguintes:
  • O emprego dunha técnica construtiva que garanta o paso de embarcacións á zona da ensenada da Malata nas mesmas condicións de navegabilidade que até o de agora, e que permita continuar con todos os usos que ten na actualidade ese espazo.
  • A supresión completa dos piares previstos para o viaducto ou alomenos a súa drástica redución.
  • A modificación dos materiais construtivos da ponte para non empregar formigón armado e substituílo por materiais metálicos ou alomenos a súa mistura.

QUINTA.- No que atinxe ás medidas compensatorias Esquerda Unida expresa o seu rexeitamento á única medida compensatoria prevista, a construción dunha pasarela anexa ao viaducto, que non deixaría de producir máis danos en caso de realizarse na forma prevista. A conexión da pasarela e o actual paseo marítimo suporía deixalo sen acceso, pois o paseo remata nunhas instalacións municipais adicadas a actividades e deportes náuticos, que xogan un papel sobranceiro no pulo polo deporte e a calidade de vida. Xunto aos usos deportivos e de lecer que conflúen no espazo da Malata, EU quere salientar o valor do dique mareal realizado en sillería, único e o máis antigo de Galicia, con formas orixinais e en estado perfecto de conservación, e que forma parte dos valores que ten Ferrol na súa candidatura para Patrimonio da Humanidade na UNESCO.

Esquerda Unida considera indispensable arbitrar todas as medidas de compensación necesarias para garantir a viabilidade do emprego vencellado ao sector do marisqueo no que este se vira afectado pola realización do trazado ferroviario.

Xa que logo, Esquerda Unida propón como medida compensatoria que sexa levantado o porto carboeiro Fernández Ladreda, que se atopa disposto á altura da dita ponte. As descargas de carbón fanse hoxendía no Porto Exterior o que permite rematar cunha instalación que tanto dano causou á ría de Ferrol.

Ferrol, 12 de maio de 2010.

Asdo. Yolanda Díaz Pérez
Coordinadora Nacional de EU

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
12 de maio de 2010 15:47
Prezad@s amig@s: achegamos as alegacións ao Estudo Informativo dos accesos ferroviariso ao porto Exterior, presentados onte en Ferrol e no día de hoxe ao Ministerio. Grazas pola vosa atención. Saúdos, Ramiro Marier
_________________

mércores, maio 12, 2010

Autoconvocatória, para o Sábado 15 de Maio, polo Dia d'As Nossas Letras

https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEiVRHEpPIafolPKB2gDLTbut-8QcHBUNLDkkCrvo9Px9nHiYrLJorYmmArijvf8GGEsblsk-xh8mRnzwriXTb4GMM486SwwvgIn4eCErd7BniYV3E-KmT2-at1LEP9gkIU1lNC7/s1600/17maio2010.png

Celebrando a nossa Língua
Como todos os anos, na Praça Rosalia de Castro do Concelho de Ferrol, haverá umha homenagem à nossa Língua na figura da precursora da recuperaçom das nossas letras. Em anos anteriores, e em regime de autoconvocatória, várias organizaçons e colectivos vizinhais, sociais e culturais coincidíamos o 17 de Maio neste pequeno acto. Este ano, com tantos ataques para a nossa Língua, está convocada pola Plataforma Queremos Galego, umha manifestaçom nacional em Santiago de Compostela que apoia o nosso colectivo  É polo que, nos animamos a tomar a iniciativa de impulsar o acto da Praça de Rosalia trasladando-a para o sábado 15 às 18hs, mantendo o regime de autoconvocatória.

[Clicar acima da imagem para entrar na Galeria de Diapositivos a grande resoluçom]
[Achegada pola A.C. Fuco Buxan]
Todas as associaçons e colectivos podem intervir no acto com comunicados, poesias ou outras intervençons. Podem-se levar umhas flores como outros anos. As pessoas a título individual também podem fazê-lo, e desde A Revolta convidamos a quem assim o deseje a assistir co traje tradicional como um outro jeito de reivindicar a nossa identidade. Nós ponheremos a música.


GALICIA será a miña xeración quen te salve?
Irei un día do Courel a Compostela por terras liberadas?
Non, a forza do noso amor non pode ser inutil!

Uxio Novoneira

Nota.-
As entidades que decidam participar, seria bom que remitiram um comunicado aos medios, no que manifestem o seu apoio e participaçom no Acto Unitario en prol da Língua Galega que, em régime de autoconvocatoria, vai ter lugar em Ferrol, o Sábado 15 de Maio, às 6 da Tarde na Praça Rosalia de Castro.

Mil Primaveras mais para a nossa Língua !!

No,nome d'A Revolta

André Martínez Ces


Colectivo Sociocultural "A Revolta" de Trasancos

http://a-revolta-de-trasancos.blogspot.com/

__________________________

Este 17 de Maio todas e todos a Compostela en defensa da nosa lingua: Manifestacion Nacional "O Galego , o noso existir"


O GALEGO, O NOSO EXISTIR. MANIFESTACIÓN 17 DE MAIO EN SANTIAGO DE COMPOSTELA. QUEREMOS GALEGO!

Prezadas amigas,

Prezados amigos,

Co obxectivo de dar o maior impulso e toda a difusión posíbel á convocatoria, xuntámosvos o texto do folleto que se distribuirá masivamente na manifestación deste vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela, co pedimento de que o reenviedes e distribuades, facéndollo chegar a familiares, veciñas/os, coñecidas/os, compañeiras/os de aulas ou de traballo, etc. Aproveitemos o noso potencial –nós mesmas/os– e movámonos para que ningunha galega ou galego fique o 17 na casa por non saber que ten nas rúas de Santiago de Compostela unha cita inescusábel para seguir a defender a vida e o futuro do galego frente aos intentos de desprotexelo, desmantelando a súa oficialidade en ámbitos chave como a das administracións ou o do ensino.

Todas e todos facemos Queremos Galego. Por iso, entre todas e entre todos debemos facer o posíbel para que a do 17 de maio volva ser unha xornada histórica e a máis grande mobilización cidadá de todos os tempos en defensa da nosa lingua e da nosa cultura. Porque o galego, como ben di o lema co que chamamos á manifestación, é o noso existir.

Tamén vos queremos solicitar, na medida en que poidades, a vosa colaboración para algún dos labores de organización que haberá que atender o propio día 17 para que a manifestación sexa un éxito, tamén no plano organizativo (participando no servizo de orde, repartindo ou colaborando na venda de material, recollendo sinaturas para a ILP pola garantía dos dereitos lingüísticos, etc). Por iso, se podedes axudar nalgunha destas tarefas, confirmádenolo chamando ao 981 563 885 ou enviándonos un correo a
queremosgalego@queremosgalego.org.
Dámosvos as grazas por adiantado.

Vémonos este 17 de maio en Santiago de Compostela.

Cordiais cumprimentos

web oficial: http://www.queremosgalego.org/

Autobuses desde Ferrol Terra

SAÍDA
10:00.- Ares; os autobuses que pon o Concello de Ares sairán da Porta do SolTlf. 981 468 102
REGRESO

Ao remate da manifestación

 

SAÍDA

09:30.- Cabanas, no Areal
Tlfs. 637 971 387
REGRESO
Ás 14:30; xantar campestre en Sigüeiro e volta ás 18:00 para Cabanas

PREZO: 7 €


SAÍDA
09:00.- Cedeira; os autobuses que pon a CIG sairán da Praza de Galiza
Tlf. 699 821 073 (Fernando) - 655971748 (Mari Paz)
REGRESO
Ao remate da manifestación


SAÍDA
10:00.- Fene, diante do Concello
Tlfs. 981 341 451 (departamento de Cultura)
REGRESO
Ao remate da manifestación


SAÍDA
10:00.- Ferrol, local da CIG en Esteiro
Tlfs. 981358750 - 981352676
REGRESO
Ao remate da manifestación


SAÍDA
10:00.- Mugardos, diante do Concello
Tlfs. 981 470 338
REGRESO
Ao remate da manifestación


SAÍDA
10:00.- Narón, Praza de Galiza
Tlfs. 981 337 700; ext1205, ext1063
REGRESO
Ás 15:00


SAÍDA
10:15.- Pontedeume, na parada dos autobuses
Tlfs. 639 623 781 (Manolo)
REGRESO
Ao remate da manifestación


SAÍDA
10:00.- As Pontes
Tlfs. 981 451 510 (CIG)
REGRESO
Ao remate da manifestación


SAÍDA
10:00.- San Sadurniño, Praza do Concello
Tlfs. 981 490 027 (Concello)
REGRESO
Ao remate da manifestación


Enviado por:
QUEREMOS GALEGO!
-queremosgalego@acogalo.net-
12 de maio de 2010 16:41

__________________________

Concentración en Ferrol ante o anuncio da entrada dun novo gaseiro cargado con GNL-LNG para Reganosa: Mércores 12 de Maio de 2010



O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, ante o anuncio de entrada dun novo gaseiro, este Mércores 12 de Maio de 2010, convoca unha CONCENTRACIÓN ás 8 da Tarde, na Praza Amada García, diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia.

O buque  agardado é o  LNG "Catalunya Spirit" que non hai moito tempo que estivo por aquí nunha outra travesía pola canle de entrada na Ría, cargado co GNL-LNG  para a ilegal e perigosa Reganosa. O  LNG "Catalunya Spirit", vai facer o nº 65 desde que en Maio de 2007 entrara o "Galicia Spirit".



[Saíndo de REGANOSA (Mugardos) o pasado dia 17 de febreiro pola tarde . . . . Autor: Señalero]

Características do buque.-
Denominación: LNG "Catalunya Spirit" - Bandeira: España - Eslora: 264 m - Manga- 42.5 m - Calado: 12m, Capacidade: 138.000 m³

O LNG "Catalunya Spirit", en febreiro do 2008, levando 93.000 toneladas de gas desde Trinidad Tobago a Bostón quedou á deriva por problemas na computadora que xestiona os séus motores, nas costas de Massachussets, frente ao Cabo Cod [+ info]

Aviso: Aplícase desde esta convocatoria horario de verán [8 da Tarde]
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA !!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !!
Para apoiar e colaborar co Comité Cidadán:


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org


Información baseada na envida polo:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
11 de maio de 2010 15:45
________________________

Navantia: 11 de Maio de 2005 - Para non esquecer - Acidente mortal na fragata norueguesa F-311 'Roald Amundsen' - Enlace documentario

In memorian
  • Ana Belén Paz Vilariño
  • Eduardo González Val
  • Juan Carlos del Real Gamundi
  • José Luis Veiga Infante
O 25 de Maio de 2005 estaba prevista a botadura, nos estaleiros de Bazán [Navantia-Ferrol], da fragata norueguesa F-311 “Roald Amundsen”. Todo preparado, a xerarquía de mando presionando de arriba a baixo no escalafón, todo ten que estar listo e preparado para o día "D", moitas autoridades e altos mandos militares das dúas armadas van estar presentes no estaleiro ese día.




Era o 11 de Maio de 2005, 14 días antes do día "D", ao día seguinte ía-se a realizar un simulacro de botadura. Corría presa, polo que entre moitas ordenes dadas a todos os gremios e contratas e subcontratas, tamén ordenaron a limpeza dos tanques.

Á empresa de limpeza Mainfer [Mantementos Integrais de Ferrol], ordeanaron-lle tamén a limpeza duns tanques. Eduardo González Val [de 30 anos de idade], Juan Carlos del Real Gamundi [de 48 anos de idade] e Ana Paz Vilariño [de 29 anos de idade], eran tres das persoas encarregadas da tarefa de limpeza. No tanque, de apenas catro metros cadrados e dous metros de altura. A primeira hora da mañá entraba no tanque Ana que ao pouco se desvaneceu quedando tendida no chan. A súa compañeira que a axudaba desde fóra deu a voz de alarma e outros dous compañeiros que se atopaban ao lado, Eduardo e Juan Carlos, baixaron a socorrer a Ana, máis tamén perderon o coñecemento, o soldador da empresa Tecnymo, José Luís Veiga Infante, de tan só 25 anos de idade, correu a mesma sorte ao pretender auxiliar ás outras vítimas.




O día anterior realizaran a soldadura dunha tubaxe con gas argón, tras a que, ao parecer, non se seguiron as normas establecidas de peche da "chave nodriza" e a colocación dunha mangueira. Houbo unha fuga de gas argón que se acumulou nese tanque. O argón é un gas que normalmente se utiliza en tarefas de soldadura, ten a función de eliminar o osíxeno no ponto onde se solda para evitar unha posíbel oxidación da peza soldada. O argón é máis pesado que o aire e ao depositar-se no tanque desprazou o osíxeno, o que impediu a respiración. No tanque non había ningunha cota de osíxeno, polo que cando entraron nel, perderon o coñecemento e a vida. Unha investigación, posterior, ao sinistro apunta a que non se fixo a preceptiva medición de gases no tanque. Conclusións dun informe preliminar do accidente, apuntaban a unha "fuga de argón" como causa da morte da traballadora e traballadores no interior do tanque da fragata norueguesa.




Falta da aplicación das medidas de prevención? Fallo humano? seguro que en parte foi iso, consideramos que Navantia ten elaborado diferentes protocolos e normativas en materia de seguridade, mais fai que se cumpra? probabelmente hai máis formalismos e improvisacións que cumprimentos reais, pesan máis a productividade e o cumprimento de prazos que a vida e seguridade das persoas. Había moita présa por rematar, xa mencionamos que o calendario apretaba, pois ao día seguinte ía-se facer un simulacro de botadura e só quedaban 14 días para a de verdade.

Que é o que falla? Falla o propio sistema de traballo, baseado na subcontratación, na precariedade, no papel fundamental das chamadas "compañias", case sempre con persoal moi presionado pola eventualidade, con contratos en fraude de lei, con baixos salarios, complementados co seu traballo en sábados, domingos, festivos, noites, horas extra, ... diñeiro en negro e longas xornadas laborais. Navantia tirara á baixa os precios para facer-se co contrato. Onde estaleiros alemáns e noruegueses facían só tres fragatas, Bazán ofertou cinco. Quen ía sufrir este recorte orzamentario estaba claro, as traballadoras e traballadores que se deixan a saúde e a vida no estaleiro.

Anexos

No Xulgado

O pasado mes de Marzo deste 2010, no Xulgado de Instrución nº1 de Ferrol, os familares das persoas falecidas presentaron un escrito de acusación por supostos delitos contra a seguridade dos traballadores e de homicidio por imprudencia grave, aos que daquela, na data dos feitos, eran o encargado de Mainfer; delegado sindical de Riscos Laborais de Mainfer; administrador único de Mainfer; xefe do buque; xefe de zona do buque; xefe do servizo de Prevención de Riscos Laborais de Navantia e director de Navantia. Tamén presentaron escrito de acusación por suposto delito de homicidio por imprudencia grave a un soldador e ao encargado da auxiliar Montajes Nervión. Solicitando a responsabilidade civil ademais de aos nove acusados, ás aseguradoras Musino, HDI Internacional e Zúric, e a Navantia-Ferrol, Montaxes Nervión e Mainfer.

Documentario de moito interese

Unha canle da TV norueguesa, elaborou un excelente documentario sobre os feitos ocorridos o día 11 de maio de 2005 nas instalacións de Navantia-Ferrol. Desde a nosa opinión este documentario dá as claves da situación e de como se traballa en Navantia-Ferrol, un moi bon documentario que fai reflexionar, e un moi bon documentario para a formación sindical que se ten que transformar en acción, para que as cousas cambien.

Enlace documentario:

https://tv.nrk.no/se?v=PRHO85003005&t=441s


O documentario traballa coa hipótese:

Que ... "o esaxerado baixo prezo do contrato das fragatas pode ter levado a graves deficiencias na calidade dos buques e pode ter afectado a vida e á saúde dos traballadores españois". ...

Canle TV - Brennpunkt
Titulo: Lik i Lasten
"Roald Amundsen"
Caden a - NRK
Produsent: NRK Program Riks Bergen
13. desember 2005
Punto Focal - Igualdade na carga

Jornalistas
Coordenación do Programa Astri Thunold, NRK, Bergen
Idéia e pesquisa Synnøve Bakke, NRK, Bergen

https://tv.nrk.no/serie/brennpunkt/2005/PRHO85003005

Documento:

METODERAPPORT
Informe sobre o documetario noreguese

http://www.skup.no/Metoderapporter/2005/19-Lik_i_lasten_-_NRK_Brennpunkt.doc

Tradución do documento do norueguese ao galego coa ferramenta de google tradutor:

http://translate.google.com/translate?hl=pt-BR&sl=no&tl=gl&u=http%3A%2F%2Fwww.skup.no%2FMetoderapporter%2F2005%2F19-Lik_i_lasten_-_NRK_Brennpunkt.doc
_____________________

luns, maio 10, 2010

Hai alternativa?


Por Xavier Vence Deza
09.05.2010

Quen dixera que estamos saíndo da crise? Vendo as bolsas mundiais en caída libre –non só a española senón de todas as demais– e vendo mesmo a ameaza de creba da débeda soberana dalgún país da zona euro, non cabe moita dúbida de que seguimos instalados nunha profunda crise. Non se trata dunha nova crise; trátase dunha nova ronda da que estourou hai xa tres anos, que segue desbocada. E iso é o máis serio e preocupante porque significa que todos os sacrificios endosados ao sector público e á poboación até agora non serviron para atallala. A algúns non nos pilla de sorpresa porque xa dixemos desde o primeiro momento que non se diagnosticara correctamente e, en consecuencia, non se adoptaron as medidas para corrixir a raíz do problema. Non era só un problema sectorial ou de malas prácticas no sector financeiro de xeito que un esforzo temporal do sector público puidese bastar para soster a actividade económica até que se corrixisen os desaxuste e todo volse ao rego dos negocios coma decote. Non, o problema era inicialmente de débeda e de débeda segue a ser neste momento. A única diferenza –non pequena– é que a burbulla de débeda inicial foi creada polo sector financeiro e estaba nos seus balances e agora, despois de todos os programas de rescate dos gobernos e, sobre todo, dos bancos centrais, a débeda está ao lombo do sector público e da sociedade no seu conxunto; pero segue a estar aí e mesmo agravada polos efectos da caída dos ingresos públicos provocados pola profunda recesión que deixou tras de si o estourido da burbulla.

Polo tanto, a débeda era e segue a ser o problema. Por iso a solución non era endosarlla ao sector público e deixar que o sistema financeiro unha vez saneado seguise funcionando do mesmo xeito; do único xeito que sabe cando funciona con total libertade que é movendo anotacións e especulando. Tampouco era solución baixar impostos como propugna a dereita porque, nun contexto de crise, só podía significar un aumento do déficit público e da débeda pública –e máis aínda despois de sufragar o rescate da débeda da banca. O certo é que ese despropósito foi feito polo goberno central, en consonancia co PP, cando suprimiu o imposto de patrimonio, reduciu o de transmisións e doazóns e o de sociedades en plena crise; ou cando se permite a alegría dos regalos fiscais dos 400 euros lineais. Pero a solución tampouco podía ser disparar o gasto público despreocupándose da queda radical dos ingresos e recorrendo con alegría ao endebedamento público como se iso non tivera límites. Esta última posición defendida polos neokeynesianos americanos –como Krugman e outros– só ten consistencia para o caso deles, para os Estados Unidos. Efectivamente, o seu poder político e financeiro e o monopolio de fabricar dólares, dálles a capacidade para acabar endosando ao resto do mundo grande parte da súa débeda e, por iso, poden tomala como un problema dixeríbel; pero ese é o seu privilexio, que ningún outro país do mundo temos. Polo tanto, non é ser ortodoxo, senón simplemente realista asumir, que nin España nin ningún outro país europeo pode lanzarse a grandes programas de gasto sen pensar ao mesmo tempo de onde saca os recursos. Agora ben, iso non significa que non poida aumentar o gasto senón que ten que poñer en marcha os mecanismos que lle permitan recadar máis. E aquí é onde está o nó da cuestión neste momento.

Así pois, é posible aumentar o gasto e reducir a débeda? Si, aumentando os impostos. A quen? Non poden aumentarse impostos que afonden a recesión, polo tanto non é o momento de gravar máis o consumo. O aumento do IVE resultará contraproducente desde o punto de vista da demanda e regresivo sobre a redistribución da renda.

Cales poderían ser os impostos que non gravasen o consumo? Témolo dito moitas veces: a) Imposto do Patrimonio e Grandes Fortunas, que non sexa meramente simbólico, senón que permita devolver á sociedade parte das vizosas fortunas acumuladas durante as burbullas especulativas; b) Imposto extra sobre os beneficios de banca, que seguen a ser importantes; c) Suprimir o réxime especial que bonifica nun 99% os beneficios das Sicav e outras sociedades de investimento puramente financeiro; d) Imposto ás transaccións monetarias e financeiras internacionais de curto prazo (especulativas), a famosa taxa Tobin que moitos gobernos e o FMI están a considerar agora pero... parece que non lle resulta simpática aos fondos e á gran banca internacional; e) Elevación do Imposto sobre as rendas do capital e do aforro, sería razonable unha taxa semellante á das rendas do traballo, ou non? ; f) Tipo marxinal do 60% para os bonus e os salarios dos altos executivos superiores a 200.000 euros anuais; g) E para rematala non estaría mal que nuns mercados movidos pola fibra óptica e internet fosemos quen de controlar a evasión fiscal e eliminar os paraísos fiscais. Cal sería a magnitude de ingresos fiscais recadábeis por todas esas vías sen que a capacidade de compra do 99% da poboación se resentise? Outro día podemos facer os números, pero non se asuste se lle digo que poderiamos axustar bastante rápido as contas públicas. Xa sei que un pequeno grupo de economistas podería facer os cálculos pero nin todos os economistas xuntos poderían convencer a ese 1% de que merecería a pena un sacrificio para salvar o sistema. Non sei se os gregos, que xa inventaran o famoso cabalo de Troia, serán quen de asaltar a muralla, pero o certo é que as boas razóns non parecen abrandar as conciencias dese 1%. Certo tamén que as murallas de hoxe son moito máis sibilinas e insidiosas que as dos tempos de Homero porque están construídas cos tixolos invisíbeis que codifican a información e amoblan os cerebros.

Pero non todo vai ser aumentar os impostos, tamén se pode reducir o gasto público. Pois claro que si. Pero non podemos deixar envolvernos por palabras lindas como austeridade, que todos apreciamos e nos gustaría ver en todos os gobernos e institucións, aumentando a eficiencia e mellorando a calidade dos servizos. Gustaríanos que a austeridade comezase por erradicar as comisións nos contratos coas empresas amigas, eliminar o despilfarro que representan as marxes e beneficios das empresas concesionarias de servizos públicos privatizados, erradicar as rendas de monopolio derivadas das concesións graciosas para a explotación das grandes infraestuturas –con prórrogas de automáticas do período de vixencia mesmo unha vez amortecidas... O que non podemos aceptar é que as verbas se revirichen até o punto que a austeridade se traduza por reducción dos comedores escolares, das axudas aos dependentes, do persoal nos centros de saúde, do número de profesores ou do número de investigadores. En definitiva, non podemos admitir a fraude intelectual e moral de que alguén circule a idea de que detrás da austeridade está a eficiencia cando realmente está o recorte dos servizos públicos.

Pero, se non existise a muralla da comunicación, si poderiamos suxerir capítulos de que axudarían a reducir o gasto público de xeito notable, ao tempo que podían contribuír a outras nobles causas. Non é demagóxico recordar neste momento que o gasto militar español absorbe o 1,8% do PIB e preto do 5% do gasto público total, que o noso acompañamento á guerra imperial en Afganistán absorbe –o recoñecido– uns 500 millóns de euros por ano. Tampouco son baladí os 170 millóns de euros que van vía IRPF á Igrexa Católica que xuntoa coas demais axudas, bonificacións e subvencións se valoran nuns 5.000 millóns de euros. Por suposto, as Administracións Públicas poderían aforrar moitísimo en publicidade e axudas para aloumiñar a prensa. E diante da imperiosa necesidade de aforrar, cabe preguntarse por que malgastamos os 99.000 millóns de euros habilitados para un FROB que ten esencialmente a vontade política de forzar a remuda e bancarización do sistema de caixas e non o deixamos reducido ao mínimo necesario para afrontar aquelas situacións que realmente precisen de rescate. Tamén é certo que podemos aproveitar para facer unha racionalización dunha administración central e periférica do estado que resulta hoxe disfuncional e redundante co estado das autonomías.

En fin, claro que se pode falar de reducción do gasto público pero o que non é admisible nunha sociedade que se di plural e democrática é que os únicos argumentos que están sobre a mesa do medios de adoutrinamento sexan os da dereita. Que calidade de democracia padecemos que opaca e invisibiliza as propostas alternativas de forzas que representan a unha porción moi significativa da sociedade? Que mesmo o goberno central, dito socialdemócrata, non sexa quen de facer un catálogo de medidas fronte á crise que se saian do guión neoliberal tanto polo lado do gasto coma do ingreso resulta descorazonador. E igualmente o feito de non ser quen de verbalizar algunha medida para meter en cintura o sistema financeiro, que non sexa esborrallar xustamente a parte máis social deste.

Non creo que sexa alarmismo afirmar que estamos nun deses momentos en que ou o sistema democrático se vigoriza para ter a flexibilidade suficiente e incorporar novas propostas –aínda que sexan algo heterodoxas– ou corre o risco de enrocarse na defensa numantina dun modelo que representa os intereses dunha pequena minoría económico-financeira pero que é inviábel, como os feitos teimudos nos fan ver máis unha vez. Ou a sociedade democrática regula e domestica o sistema financeiro e os chamados mercados ou o caos –primeiro financeiro e logo social– apoderarase destas sociedades que se crían moi maduras e sólidas. Pero para iso cómpre dar voz e escoitar as alternativas de verdade, porque non é que non as haxa. Hainas e, desde logo, a alternativa ás políticas neoliberais non é máis neoliberalismo senón outra cousa.

xabier.vence@usc.es

Publicado en Xornal de Galicia

Outros artigos en xornal.com

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
____________________________

sábado, maio 08, 2010

As leccións do gobernador do Banco de España

Por Juan Torres López [*]

04.05.2010

O gobernador do Banco de España volveu a intervir na vida pública, facendo gala de que é unha das grandes figuras da política española e non un simple técnico como din de si mesmos el e os seus colegas. E fíxoo tamén unha vez máis defendendo as posicións da patronal e dos grandes bancos e grupos financeiros aos que serve. Mostrando igualmente que nin el nin a institución que goberna son tan independentes como di o seu estatuto.

Agora afirma que hai que "extraer leccións de Grecia". Unha recomendación moi sensata que todos deberiamos seguir se non fose porque as leccións que extrae son do mesmo tipo que as que extrae de calquera circunstancia que sexa, chova ou faga sol.

O gobernador non di que haxa que sacar leccións da política dos gobernos conservadores que levaron a Grecia á ruína. Unha política que é a mesma que a súa institución defende.

O gobernador non recomenda que saquemos leccións da especulación que se cebou sobre a economía grega nos últimos meses de man de fondos especulativos que non buscan saneala nin darlle máis estabilidade senón gañar miles de millóns aínda que sexa á conta de que todo sáeche polo aire.

O gobernador non ten que aprender nin nos recomenda aos demais que aprendamos a controlar aos bancos para que non volvan provocar a crise que obrigou a que os gobernos de medio mundo, entre eles o grego, teñan que endebedarse ata as cellas enriquecendo así á banca privada que provocou a crise.

O gobernador non recomenda que saquemos leccións do mal funcionamento da zona euro, da falta de coordinación política ou da ausencia de institucións e mecanismos que permitan facer fronte aos desequilibrios que, como no caso grego, póidanse producir.

O gobernador non saca conclusións da falta de control dos bancos que estafaron ao pobo grego, ou da complicidade do Banco Central Europeo cos banqueiros que se enriqueceron ocultando as cifras do déficit grego.

O gobernador tampouco extrae leccións da cegueira dos supervisores que como el non apreciaron o que viña encima a pesar de ser tan listos, de autoproclamarse depositarios da verdade e de ter á súa disposición os medios máis privilexiados para seguir a conxuntura económica.

O gobernador non saca leccións da burbulla inmobiliaria e financeira que os bancos centrais como o seu deixaron expandirse.

O gobernador non nos di que extraiamos leccións da deriva regresiva das políticas fiscais dos últimos anos.

O gobernador non extrae leccións do incremento da desigualdade dos últimos tempos, nin lle preocupa que o aforro se estívese dirixindo cara á especulación.

O gobernador non extrae leccións do que están facendo os bancos co diñeiro público que en lugar de utilizar para financiar a economía úsano simplemente para mellorar os seus resultados e repartir dividendos multimillonarios aos seus accionistas.

O gobernador non extrae leccións do que ocorre cando os mercados se debilitan pola precariedade no emprego e os baixos salarios.

O gobernador non saca conclusións do feito de que os bancos multipliquen artificialmente a débeda grazas ao sistema de reservas fraccionarias que produce inestabilidade permanente e as crises financeiras recorrentes.

O gobernador non ten nada que aprender do feito evidente de que a plena liberdade de movementos de capital está xerando a etapa de maior e máis daniña inestabilidade financeira da historia.

O gobernador non extrae leccións da opacidade coa que actúan os bancos e os grandes financeiros, e a súa propia institución oculta a situación real dos bancos españois enganando á cidadanía.

O gobernador non extrae leccións dos problemas que expón a cada vez maior concentración do poder financeiro e da banca e disponse a entregar en bandexa aos banqueiros españois parte do mercado que ata agora controlaban as caixas de aforro.

O gobernador mira a outro lado e non é capaz de extraer lección algunha do que supuxo non dispor de banca pública e deixar o financiamento imprescindible da vida económica en mans dos bancos privados.

Non. De nada disto extrae lección algunha o gobernador.

As leccións que segundo el hai que extraer do caso de Grecia é que en España se deben rebaixar os dereitos sociais reducindo o gasto público, e os dereitos e os salarios dos traballadores reformando as leis que regulan o mercado de traballo.

Esa é a única lección que segundo o gobernador do Banco de España, como segundo a patronal e os banqueiros, debemos aprender os españois.

Unha lección falsa coa que consuman un vergoñoso engano aos cidadáns porque ocultan á cidadanía que o que pasou ou pase coas contas do Estado ou no mercado de traballo non é causa senón efecto do ocorrido no sector financeiro e no mercado de bens e que xa que logo é nestes espazos onde se debe actuar. Concretamente, reducindo os dereitos, os privilexios e o poder dos financeiros, dos banqueiros e da gran patronal e non dos traballadores do montón.

Conseguirán o que se porpoñen se a cidadanía non se mobiliza e se enfronta a eles con decisión. Pero eu non perdo a esperanza de que así sexa e de que, en Grecia, aquí e en todos os sitios, se poña algún día de relevo o latrocinio que están levando a cabo os banqueiros e a complicidade vergoñosa destes funcionarios que en lugar de servir ao Estado e aos cidadáns traballan ao seu servizo.

[*] Juan Torres López, Granada -1954-, Doutor en CC. Económicas e Empresariais, exerce na Universidade de Sevilla como catedrático de Economía Aplicada do Departamento de Teoría Económica e Economía Política. Escritor, investigador, analista de política económica e activista social. Manten unha páxina web (Ganas de Escribir: www.juantorreslopez.com) e coordena a páxina web dedicada a información económica www.altereconomia.org.

Enviado por:
Ganas de Escribir
-juantorres@uma.es-
4 de maio de 2010 15:08
_____________________

Loitar em tempos revoltos

Por Lupe Ces
06.05.2010

Umha situaçom de confusom geralizada semelha estar consolidando-se nos últimos meses na nossa sociedade. Pouco a pouco o medo e a incerteza sobre todo relacionados coa situaçom laboral, vam atacando a resistência que freava o pessimismo, e vai-se assentando a depressom colectiva e a desconfiança. Unha depressom que hai umhas décadas viveramos já na comarca de Ferrol Terra, depois de que a loita contra a reconversom dos estaleiros, acabara em derrota psico-social. Umha depressom colectiva que nom curou, só se paliou cumha perda de populaçom que converteu à comarca e nomeadamente à cidade de Ferrol, num lugar envelhecido e mesmo condenado ao esgotamento político e social. E assim medrou também a gente nova de Ferrol nestes anos, escoitando e reconhecendo-se numha melodia que dizia que este era um sitio de derrotas, mas que havia que ficar aqui. Desobedecendo o mandato, muitos e muitas acabárom marchando.

Os fenómenos meteorológicos e geológicos, estám ajudando a aprofundar na impressom de que imos cara a um abismo. A informaçom sobre fenómenos naturais, ocupa agora um espaço importante dos informativos, como tem que ser. Mas sempre sem analisar, que parte hai de natural, e que parte poderia ter-se evitado, das desgraças que acompanham estes fenómenos, como em Haiti, Madeira, Chile, Turquia. China, Islándia ... A nós já nos tocou algo. Nos últimos tempos, vivemos o dramatismo do Klaus, e paralisou-nos o medo ao Xhintia. Com o Klaus sentimos a incomprensom de quem a poucos quilómetros nom sofriam as suas consequências. Com o Xhintia a incomprensom puxemo-la nós, mas que aprendemos?

A vida chama todos os días à porta e hai que ir trabalhar, ou buscar emprego, estudar, atender as necessidades diárias, estar pendente das pessoas queridas e mesmo acudir a umha que outra actividade social. Mas a vida nom está a fluir com normalidade. A nossa respiraçom colectiva é cortada e agitada. Nom sabemos cara onde vai o mundo, e como nom sucedia desde havia muito tempo, agora nom sabemos o que vai ser de nós a um ou dous anos vista. Case todo o mundo sinte que antes ou depois, a terra que pisa vai começar a se mover, também no senso literal. As vozes da direita aproveitam a incerteza para lembrar-nos o bem que vive o povo sem vontade, sem ter que pensar e decidir, o bem que se vive se te tutelam. Assim declaram as bonanças do passado. Todo, dim, deveria volver ao de antes, ao branco e gris da época onde se marcava até a rúa pola que deverías andar moceando, e o longo da saia, definia a altura moral da mulher que a portava. Nom havia nada que aguardar, nada que pensar, nem um sobressalto ía romper a triste monotonia dos cantos litúrgicos ou da tabla de multiplicar. Cada quem sabia o seu lugar e o que tinha que fazer.

As vozes da esquerda pola sua parte, estám enfeitizadas polos cantos das sereias. O discurso de que a culpa de que nom saiamos da crise é dos sindicatos, porque nom dam entrado na reforma laboral que se precisa, ganha adessons. Puidemos escoitar na Cadena Ser o sábado 1º de Maio, como se defendia a congelaçom dos salários do funcionariado entre os contertulios e ninguém punha o contraponto. O mesmo passou quando se falou da jubilaçom aos 67 ou doutras medidas de recorte de direitos laborais. Umha e outra vez repetiam que os sindicatos tinham a culpa, porque nom sabiam explicar-lhe bem aos trabalhado@s todas estas medidas modernizadoras e preventivas para que o sistema nom creve.

Alguns sindicatos estám na negociaçom dumha reforma laboral. Acudem a essa negociaçom numha posiçpm de debilidade. Nas poucas declaraçons públicas que permitem escuitar os monopólios da informaçom, transmitem o síndrome da vítima de maltrato “vou calar para que nom se enfureça”, assim levam as negociaçons, sem luz nem taquígrafos, dando vantagem aos especuladores, que pretendem sacar o máximo beneficio desta crise.

É verdade, os sindicatos nom estám explicando bem as cousas. Nos discursos deste 1º de Maio, nom se explicou o que está a passar em Grécia, ou as consequências negativas dos informes das agencias de rating, como Standard and Poor's. Por certo, interei-me ainda estes días que só hai tres no mundo, duas norte-americanas e umha inglesa, mas que tenhem o poder de baixar ou elevar, segundo os seus informes, os juros da débida pública dos estados. Os sindicatos nom mobilizarom para que se acabe com esse oligopólio e se criem agencias públicas, como também deveria criar-se banca pública, e emprego público. E mentres nom chegamos a estes objectivos, os sindicatos deveriam marcar no dia a dia da classe trabalhadora que realidade alternativa podemos construir desde já. Tendo em conta a frase que iluminou o reagir do Feminismo na década dos setenta “O Privado é Político”, os sindicatos, como movimento social transformador, deveriam dar alternativas para o cotidiano, por exemplo, que fazer coas hipotecas ou os alugueres, onde meter os aforros, como mercar para debilitar o poder das multinacionais, que cultura consumir para fortalecer a ideologia de classe e cargar-nos de argumentos fronte ao capitalismo que ameaça com deglutir-nos a nós e ao planeta, que como bem ensinam em Bolivia, todo é a mesma cousa.

Mas, a gente que conformamos os sindicatos, que estamos nos centros de trabalho, que ponhemos dirigentes ou os sacamos, ou todo o contrário, estamos em disposiçom transformadora ou simplesmente aprendimos um discurso e apoiamos um modelo social, que nos permite seguir agarrando umha parte do pastel mentres milhos tenhem só as faragulhas? Em Grécia, a unidade sindical convoca a folga geral. Só estamos em disposiçom de aparcar o que nos separa quando vemos o tsunami arrasando-nos? Nom podemos tecer redes de uniom que nos amparem antes?

Mentres, os donos da tarta, querem aproveitar-se de que imos subindo a escaleira coa luz apagada, às apalpadas. A confusom das palavras nos discursos que explicam a crise económica, que falam dos problemas sociais, que alarmam sobre os cámbios no clima, som como guedelhos que se liam nos nossos pés e convertem em mais torpes aqueles passos que imos dando para superar cada escano. Imos virando às costas a quem nos representou no seu día e hoje, nos traspasa co seu discurso, sem provocar em nós nem umha pequena emoçom. Tampouco somos quem de pôr nomes e apelidos a quem montou este barulho. Deveríamos pechar-lhes as nossas casas, os nossos coraçons e as nossas vidas. Rechaçar o seu mercado, os seus empréstimos, o cacho de paraíso que nos querem vender. Fazê-los avergonhar nos seus despachos, nos seus clubes privados, nas portas dos seus templos. Queremos e devemos conhecer e sinalar aos seus representantes nos assentos dos seus escanos, nas redacçons dos seus diários ou nos tribunais onde ditam sentência.

Som os usurpadores de direitos. Som os sanguesugas do trabalho alheo. Som os ludópatas do casino-planeta. Intentarám apertar para que trabalhemos mais, descansemos menos, para que morramos antes, para que nom haja ninguém que nos coide quando o precisemos, para que sobrevivamos entre o lixo que vam produzindo e estrando. E sobre todo, faram o impossível para que nom saibamos, que nom comprendamos o que estám a fazer, e nom saibamos que hai outro jeito de viver sem eles. Por que Grécia tem que vender as súas ilhas? Quem pode mercalas? Para que? Por que se limita o salário mínimo, as penssons, a idade de jubilaçom, o tempo de subsídio e nom se limita a riqueza? Nom é esta umha pergunta sinxela? Pois logo, terá doada resposta.

Enviado por:
lupe ces
-lupeces@gmail.com-
07 de abril de 2010 22:21
http://lupeces.blogspot.com/
_________________________

venres, maio 07, 2010

Em Ferrol, na Galiza...Sair à rua e defender o direito colectivo à língua: jornada lúdica-reivindicativa a próxima sexta-feira 14 de Maio


Jornada lúdico-reinvindicativa no Dia das Letras

Com motivo do Dia das Letras a Fundaçom Artábria organiza umha jornada lúdica-reivindicativa a próxima sexta-feira 14 de Maio.

Às 20.30h terá lugar um passa-ruas que sairá da Praça do Hino Galego e rematará no Cantom de Molins após percorrer o bairro da Madalena.

Posteriormente, às 22.00h decorrerá um concerto no Cantom de Molins com as actuaçons de Ugia Pedreira e Fred Martins, Ataque Escampe, Arenga, Garcia MC e Trapalhada.

Por suposto será de graça. Contaremos com carpa e balcom com preços populares.

Em Ferrol, na Galiza...Sair à rua e defender o direito colectivo à língua

Em condiçons normais, nengum povo precisa de dedicar especiais esforços a defender o uso da sua língua. Para nós, galegos e galegas, o uso normalizado do idioma que os nossos antepassados criárom há muitos séculos atrás é hoje quase umha heroicidade.

Som inumeráveis os obstáculos que as normas legais e institucionais nos colocam, com um único objectivo, marcado há muito tempo por quem nos nega como povo diferenciado: que se consume a substituiçom lingüística e o galego passe à história em favor da língua do Estado espanhol.

A verdade é que o quadro jurídico sempre favoreceu a imposiçom do espanhol, apontando falsas concessons ao galego, com base no chamado “bilingüismo harmónico”. Hoje sabemos que a “harmonia bilingüista” conduziu para os níveis mais baixos de uso social do galego de toda a história. Quantos nenos ou nenas galegofalentes conheces em Ferrol? É um conto com final feliz... para o espanhol.

Agora que o galego está socialmente enfraquecido devido a essas falsas políticas normalizadoras, o PP pretende, à frente da Junta da Galiza, pisar o acelerador da imposiçom do espanhol. Nom podemos permiti-lo. A resposta social que se tem dado neste último ano deve alargar-se e continuar até a derrota da política lingüística do PP, a começar polo novo Decreto de ensino que quer impor a partir do próximo ano académico.

Claro que, para sermos claros, as políticas contrárias ao galego nom som aplicadas só polo PP. No nosso concelho, a sucessom de governos de todas as cores nom seriviu em nengum caso para dar ao galego o lugar que lhe corresponde em Ferrol. Nem sequer a aprovaçom unánime de umha Ordenança de Normalizaçom, há mais de umha década, foi seguida da aplicaçom dos pontos ali recolhidos, que poderiam ajudar a socializar o uso do nosso idioma.

Nem nos cargos públicos, nem no funcionariado, nem na projecçom pública do trabalho institucional... em Ferrol, o actual governo, como os anteriores, abandona o galego à sua sorte, utilizando-o só às vezes e de maneira subsidiária em relaçom ao espanhol, estendendo umha mensagem muito negativa à sociedade, fazendo aparecer o espanhl como o “verdadeiramente importante”.

Só a própria sociedade organizada poderá dar a volta a umha situaçom tam complicada como a que o galego atravessa, em Ferrol e na Galiza. Por isso, mais umha vez, a Fundaçom Artábria quer visibilizar o compromisso das ferrolanas e ferrolanos com o nosso idioma, saindo à rua para defender o direito colectivo à língua.

Porque nom queremos ser tratadas nem tratados como “objectores” ou excepçom à regra do espanhol obrigatório. Queremos compromissos claros e concretos de cada instituiçom com o galego como idioma próprio da Galiza.

Esse é o objectivo do passa-ruas reivindicativo que convocamos para este 14 de Maio, poucos dias antes do Dia das Letras Galegas.

Convidamos as entidades e pessoas que em Ferrol coincidem nesse afám normalizador do galego para, juntas e juntos, reclamarmos aos poderes públicos umha nova política lingüística que ajude a devolver o galego ao seu legítimo proprietário: o povo galego.


Sítio webda Fundaçom Artábria
http://www.artabria.net

Sítio web do festival da Terra e da Língua
http://www.artabria.net/festival
Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
7 de maio de 2010 22:19
__________________

Manifestación en Atenas, 5 de Maio de 2010, nunha das xornadas da Folga Xeral


5 de maio de 2010 — ΠΑΜΕ: Απεργία Τετάρτη 5 Μάη 2010

"Xa abonda os sacrificios para os banqueiros, os industriais, os monopolios. Se é necesario imos facer calquera sacrificio para defender, todos unidos, os nosos dereitos, a nosa vida. Para defender a vida das nosas fillas e fillos, para non entregarlles atados de pés e mans para a explotación máis dura. Non imos entregarlles as nosas conquistas.

A súa reclamación que se trata dun paquete de rescate do país é unha mentira. É un paquete de rescate para os patróns, os banqueiros, os armadores que foron os únicos que se beneficiaron dos anteriores paquetes de axuda, así como para os acredores estranxeiros que xunto cos plutócratas gregos durante décadas quitan do noso pobo a riqueza que produce.

Deseñaron estas medidas moitos anos antes e agora vanas aplicando gradualmente. Menciónanse no Tratado de Maastricht, no Libro Branco. Inclúense en todas as resolucións dos Cumes da Unión Europea. Formaban parte do programa do PASOK e da ND. Incluíanse nos 9 puntos do acordo entre a Confederación de traballadores no sector privado e a Federación Grega de Empresas".

"É o noso dereito e imos loitar por ter a nosa Grecia que vai ser infinitamente mellor que a súa. Ata se votan esta medidas non as van a lexitimar nas nosas conciencias, non imos obedecer ás leis que utilizan para impórnolas. Día tras día, mes tras mes imos reunir forzas para impedir a realización destas leis, ata derrocar estas propias leis e a eles mesmos".

"Nós, as traballadoras e os traballadores, autónomos, artesáns,  pequenos comerciantes, pequenos e medianos campesiños, mozas e mozos somos a maioría.

E a medida que construímos a nosa fronte, a nosa coalición, máis fortes imos ser. E cando construamos a nosa fronte non imos ser simplemente fortes senón poderosos. Porque construiriamos o instrumento do noso poder, construiriamos o instrumento para planificar e producir tendo como criterio as nosas necesidades. Construiriamos o mecanismo básico para impedir a minoría de usurpadores e parásitos que viven coa riqueza que nos privaron que é o resultado do noso traballo e basta para que construamos a nosa vida e a vida das nosas fillas e fillos e das xeracións futuras.

Este é o noso deber patriótico e a nosa gran responsabilidade. Esta é a vía de sentido único para nós e non imos rendernos non importa cantos sacrificios serán necesarios
".

G. Perros, e membro do Secretariado do Fronte Militante de Tod@s as Traballadoras e Traballadores PAME

Fonte: http://www.kke.gr/
_________________________

Francesc Boix - Un fotógrafo no inferno

O pasado 5 de Maio de 2010, cumpriron-se 65 anos da liberación do Mauthausen-Gusen, este era un complexo de campos de concentración e exterminio construídos polos nazistas na Áustria, situado a cerca de 20 kms da cidade de Linz.


Francesc Boix Campo (Barcelona 1920 - París 1951), fotógrafo e militante comunista das xuventudes do PSUC, que estivo preso no campo de concentración nazi da localidade austriaca de Mauthausen, declarou contra importantes membros do goberno nazi no Proceso de Nuremberg. O documental narra-nos a vida deste fotógrafo, que ao exiliarse tras a Guerra Civil Española, acabou no campo de concentración de Mauthausen. Destinado no laboratorio fotográfico do campo, conseguiu sacar os negativos dunhas 2.000 fotos que posteriormente servirían de proba acusatoria no famoso Xuízo. "Francisco Boix, un fotógrafo no inferno" está dirixido por Llorenç Costumar, un acreditado director de máis de 30 documentais. Os seus films foron premiados en diversos festivais internacionais.

Llorenç Soler (Valencia, 1936), que utiliza indistintamente este nome e tamén  o de Lorenzo Costumar, é un realizador de cinema especializado en documentarios. Exerce a docencia realizada con súa especialidade e é autor de varios libros sobre a mesma temática.

Seu labor audiovisual abarca as facetas de director cinematográfico, director de fotografia en cinema e video e realizador de video e televisón.

Sitio oficial de Llorenç Soler
http://www.lorenzosoler.com/

Seis documentarios da Galiza
http://flocos.tv/xente/363/
____________________