martes, abril 24, 2012

O naval da Ría de Ferrol marcha polo emprego - Fotos


Hoxe pola mañá estaba prevista unha marcha dos traballadores e traballadoras despedidos do naval de Ferrol para encontrar-se cos de Fene. Ao final converteu-se nunha marcha de toda a plantilla de auxiliares e principal, unha marea humana solidaria e reivindicativa na demanda de carga de traballo para os estaleiros.

Centrais Sindicais de Clase na Galiza:Centrais Sindicais


Enviado por:
suso
-susopazos@yahoo.es-
24 de abril de 2012 23:08
________________

A CIG lanza a convocatoria dunha nova folga xeral, na primeira quincena de xuño, ante a gravidade das políticas do goberno do PP


Fai un chamamento ás organizacións sindicais a facer a convocatoria de forma conxunta e alerta que, “ou continuamos con esta resposta social ou non temos saída ningunha”
.

A Executiva Confederal da CIG acordou, na súa xuntanza do pasado venres, promover unha nova convocatoria de folga xeral para a primeira quincena de xuño. Así o anunciou o secretario xeral, Suso Seixo, esta mañá en rolda de prensa, considerando que estamos nun momento “determinante” por mor das “inxustas políticas” que está impoñendo o Partido Popular, con recortes en Educación, recortes en Saúde e a imposición dunha reforma laboral que lonxe de promover a creación de emprego, busca precarizar as condicións laborais e que, polo tanto, debe ser retirada.

O secretario xeral da CIG explicou que ante a actitude que está mantendo o Partido Popular, de “absoluto desprezo” ás demandas das miles e miles de persoas que participaron na folga xeral e nas masivas mobilizacións convocadas o pasado 29 de marzo e ante os graves recortes que está a pór en marcha o goberno e que afectan fundamentalmente á Sanidade e o Ensino públicos, “as organizacións sindicais tiñamos que estar convocando outra folga xeral”.

Por iso anunciou que a CIG porase en contacto coas organizacións sindicais bascas e con CCOO e UGT, fundamentalmente, para promover unha nova convocatoria para a primeira quincena de xuño na que, explicou, “é fundamental que esteamos todos”, para garantir un seguimento tan masivo ou maior ao que se deu o 29 de marzo.

Para o secretario xeral da CIG, os sistemáticos incumprimento dos compromisos adquiridos polo PP durante a campaña deberían levar a “cuestionar se o goberno pode continuar ou hai que exixir a súa dimisión e a convocatoria de eleccións para elixir novos representantes que gobernen en función dos intereses da poboación e non en función dos intereses da banca”.

Primeiro de Maio

As primeiras mobilizacións antes desa convocatoria son as do Primeiro de Maio, baixo os lemas “Por emprego digno, non á reforma laboral do PP” e “En defensa do ensino e da sanidade públicos”.

Co primeiro lema maniféstase novamente o rexeitamento á reforma laboral, que non supón a creación de emprego e que unicamente persegue unha redución dos salarios entre o 20 e o 25%, pola vía de “desregular, individualizar e precarizar as condicións de traballo”. Neste sentido, o secretario xeral da CIG afirmou que a reforma “non crea emprego, o que fai é substituír, no mellor dos casos, emprego fixo por emprego precario”.

Respecto do segundo lema, a central sindical pretende denunciar a política de recortes en servizos públicos básicos e os ataques ao ensino e á sanidade públicos. “O incremento de alumnos por aula -30 en infantil e 36 en secundaria-, vai empeorar a calidade do ensino e destruír da orde de 2.000 postos de traballo, que se suman aos 2.500 xa destruídos desde 2009”, dixo. “Fronte a isto, non se toca nos concertos educativos”, denunciou.

Canto á sanidade, denunciou a medida de copago farmacéutico que vén de impor o PP, que “prexudica aos máis desfavorecidos, sobre todo aos pensionistas, e ás persoas asalariadas”, afirmou, “en lugar de buscar unha boa xestión dos recursos”.

Xunto a isto, advertiu da “incógnita” respecto do que vai pasar cos servizos sanitarios básicos e se se terminará pagando ou non pola atención sanitaria. Denunciou que o estado español gasta un 6,5 % do PIB en saúde, por debaixo da media europea, e afirmou que “debería de falarse de incrementar o gasto, no canto de falar de recortes”.

Políticas erradas

Chamou a atención sobre unhas políticas que ademais de considerar “inxustas” estanse a confirmar “incorrectas” para recuperar a economía, saír da crise e crear emprego”.

Para demostralo, lembrou que segundo datos do propio FMI, non vai ser posíbel cumprir as previsións no recorte do déficit e que, polo tanto, non se albisca volver a crecementos da economía por riba do 2% até o ano 2018, o que terá como consecuencia que “non se vai crear emprego”. A isto engadiu que o FMI mesmo alertou de que isto será así se non se cumpren as previsións de redución do déficit público do goberno ao 3% a finais de 2013, porque de cumprirse, “os recortes terían que ser tan brutais que atrasarían aínda máis alá do 2018 a recuperación económica e, en consecuencia, a creación de emprego”.

Sinalou que a prima de risco segue aumentando e reclamou a intervención do Banco Central Europeo para frear a especulación coa débeda pública, que é a que está condicionando as políticas de austeridade que están a aplicar os gobernos tanto estatal como galego. Afirmou que, nestes momentos, a débeda pública é “o gran problema que lastra a recuperación económica, ao recorrer os estados a políticas de recortes do gasto para corrixilo”.

Fronte a iso, apostou por oporse ao pagamento da débeda ilexítima, seguindo o exemplo de países como Islandia, que non acataron as directrices económicas impostas ao conxunto dos países da Unión e xa está medrando por riba do 2%. Unha medida á que se están adherindo cada vez máis teóricos sociais e economistas.

Ante esta situación, sentenciou “ou continuamos con esta resposta social, ou non temos saída ningunha”.

Fonte: Avantar.
______________________

1º da maio en Pontevedra: Unidade sindical

1º de Maio en Pontevedra

Os sindicatos CGT, CNT, CC.OO, UGT e SGTS chegaron o 18 de abril ó acordo de convocar no 1º de Maio en Pontevedra unha única manifestación conxunta, con cabeceira unitaria, baixo o lema: “Queren acabar con todo. Derogación da Reforma Laboral”. Deste acordo autoesclúiuse o sindicato CIG.

O pasado 3 de abril a CGT de Pontevedra remitiu un escrito ós secretarios locais de CC.OO, CIG, CNT e UGT para a celebración conxunta da manifestación do 1º de Maio, en base á reivindicación común, expresada na Folga Xeral do día 29 de marzo, de “Derogación da Reforma Laboral” (Texto da carta).

En resposta a esa carta da CGT, convocouse unha reunión o mércores, 18 de abril, á que acudiron CNT, CC.OO, UGT e SGTS. O día anterior, os secretarios xeral e de organización de CGT-Pontevedra mantiveran unha entrevista co secretario xeral da CIG en Pontevedra, insistíndolle na necesidade desa unidade sindical para afrontar con éxito a brutal agresión que sufren a clase traballadora e a sociedade en xeral coa Reforma Laboral e o conxunto da política económica que está levando a cabo o actual governo. Entendíamos ademáis que esta necesidade de unidade sindical estaba sendo demandada con forza polos traballadores e traballadoras da nosa comarca, tal como puxeron de manifesto nas importantes manifestacións do día 29 e no desenrolo da propia Folga Xeral. A CIG non o entendeu así, e escusou a súa participación na manifestación unitaria.

Resta pendente para unha próxima reunión, o 25 de abril, a posibilidade dun manifesto conxunto e a correspondente celebración dunha rolda de prensa de tódolos convocantes.

Comité Local – CGT Pontevedra
CGT de Galicia: http://www.cgtgalicia.org

Enviado por:
Francisco Xavie .Iglesias Mouriz
-FranciscoXavier.Iglesias.Mouriz@sergas.es-
24 de abril de 2012 02:59

________________

luns, abril 23, 2012

Accidente dun camión cisterna cargado con gas natural licuado LNG/GNL, na autovia A-6 no termino municipal de As Nogais - O Camión procedía da Plante de Gas de Reganosa, en Mugardos

Segundo noticias de axencias tivo que ser cortada a autovía A-6 n'As Nogais ao envorcar, hoxe, un camión cisterna cargado de gas natural licuado -LNG-GNL que ía en sentido de Madrid. O tránsito foi desviado á estrada N-VI.

Foron mobilizados, os Bombeiros de Sarria e o Grumir de Becerreá, ante unha pequena fuga que presentaba a cisterna.

Foron desaloxadas varias casas e cortada a autovía nos dou sentidos, segundo informacións do sevizo de emerxencias 112 que foi o recibiu o aviso do envorco do camión no quilómetro 441 da A-6 ao seu paso polas Nogais, preto da entrada do túnel de Doncos.

"O 061 desprazou en concreto unha ambulancia asistencial que evacuó ao Hospital Lucus Augusti de Lugo (HULA) ao condutor do camión ferido, S.P.P., de 32 anos, que ía consciente, segundo indicaron fontes sanitarias. Na zona onde ocorreu o sinistro non hai ríos nin regatos, pero despregouse unha barreira. Ademais, o 112 indicou que as vivendas máis próximas están a uns 400 metros. foron evacuadas dúas casas preto do lugar do accidente e recomendouse a pechadura de fiestras e portas por precaución".

Neste momento a situación segue en alerta agardando a ver como resolven a situación as autoridades coordenan as  emerxencias.

Información baseada na enviada por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
23 de abril de 2012 14:45

_______________

venres, abril 20, 2012

Assembleia, ... Por Lupe Ces


Por Lupe Ces [*]
30.03.2012


Assembleia de mariscadoras e mariscadores da confraria de Baralhobre...a Xunta deve-lhes meses de labores de limpeza da Ria. Os planos de saneamento violados umha e outra vez. E as dívidas polas hipotecas, os empréstimos e a vida diária, aumentam.

Começa a falar-se de desafiuzamentos. Depois de duas semanas de encerramento no concelho de Fene, chamam a umha asembleia cidadá para recabar solidariedade.
Ideias, propostas, debate, críticas... mas a solidariedade começa a colher forma. Hai ausências que encher, noutras confrarias ocorre o mesmo, hai que unir-se.
Repaso às instituiçons. Por que o alcalde do PP nom apresenta a súa demissom se a Conselharia nom fai efectivo o pago das mensalidades? É mais, por que o PSOE, BNG e EU nom lhe dim ao alcalde que faga que lhes paguem, ou se unem e o sacam da alcaldia? E mesmo, por que está na alcaldia?
Na assembleia, em relaçom a umha proposta que falava de unirse a várias mobilizaçons que vam ter lugar na nossa comarca, afirmou-se que os que governam alegram-se de ver todo misturado, confundido... Eu penso que aos que governam, o que mais lhes aterra é ver que nos unimos.

[*] Por Lupe Ces Rioboo -Caranza Ferrol 1953, é mestra, activista social, integrante da Marcha Mundial das Mulleres. Forma parte do Colectivo Ártabra 21.

Blogue persoal: Caranza free opiniom
______________________

Carta de Francisco Maceira sobre a Asemblea de Barrio: "Participación cidadá no barrio de Esteiro"


Participación cidadá no barrio de Esteiro

A asociación de  veciños á que pertenzo  -Esteiro- ven traballando dende hai anos para mellorar e suplir as carencias  deste emblemático barrio de Ferrol. Clases de pilates, encaixe de  palillos, punto canario, corte e confección, informática, exposicións, sardiñada de San Xoan, ciclos de cine, excursións, reivindicación da escola infantil, do comedor social ... Non chegaría esta folla para enumerar os centos de actividades e proxectos que saen adiante gracias ó traballo desinteresado de xente que emprega o seu tempo libre para beneficio  da comunidade.

Esta semana tivo lugar a votación  de Participación Cidadá para elexir os representantes do barrio ante o concello. Como era de esperar tamén se presentaron  persoas da  Asociación Veciñal de Esteiro. Inexplicablemente non saiu ningún elixido.  O máis votado foi un tipo que na miña vida vin polo barrio. Eu xa sospeitei algo cando vin a sala da votación ateigada e rezumando un glamour inusual en actos participativos. Recordoume  cando na miña aldea os do PP carrexan votantes cara as urnas.  Por suposto que estas artimañas non van amedrentar á asociación veciñal  que xa  confirmou a continuidade do seu traballo. A pesar de ter o concello en contra seguirán loitando pola escola, polo comedor  ou por calquer outro proxecto que supoña un ben para os veciños. Incluso para aqueles que o único que fixeron polo barrio foi ir a votar o día que alguén, dende o concello, descolgou un teléfono.

Francisco Maceira

Esteiro - Ferrol

Enviado por:
Francisco Maceira
-f.maceira@hotmail.com-
19 de abril de 2012 23:33

___________________________

xoves, abril 19, 2012

O activista arxentino Jorge Beinstein en Ferrol, nunha palestra organizada pola CIG, este Luns 23 de Abril


Palestra que a CIG ven de organizar para o vindeiro luns 23 de Abril ás 19:00 horas nos locais do sindicato. Contaremos coa presenza de Jorge Beinstein [*], economista marxista arxentino e un dos máis destacados investigadores da economía crítica na actualidade. A intervención levará por título  "Coñecermos as causas da crise capitalista" e enmárcase dentro do esforzo  para , entre todose todas, chegar a uns niveis de comprensión da lóxica interna do capital.

 A secretaría de formación sindical da executiva comarcal quere convidarvos a tod@s ao acto e agradece de antemán a vosa presenza.

Secretaría de Formación Sindical.
Executiva Comarcal.

Confederación Intersindical Galega - CIG

[*] Jorge Beinstein, naceu en 1943 en Buenos Aires, Arxentina. Doutor de Estado en Ciencias Económicas pola Universidade de Franche Comté-Besançon, especialista en prognósticos económicos, ten sido durante os últimos vinte e cinco anos consultor de organismos internacionais e gobernos. Dirixiu numerosos programas de investigación e foi titular de cátedras de economía internacional e prospectiva, tanto na Europa como na América Latina. Actualmente, é profesor titular das cátedras libres “Globalización e Crise” da Universidade de Buenos Aires e “Prospectiva económica mundial” do doutorado da Universidade Nacional de La Matanza (Arxentina), e Director do Centro Internacional de Información Estratéxica e Prospectiva (CIIEP) da Universidade Nacional de La Plata, Arxentina. Entre 1986 e 1998 foi titular da Cátedra de Historia económica mundial da Universidade Nacional de La Plata, Arxentina, e nesa altura fundou o Centro de Estudos e Investigacións Multidisciplinares en Innovación Tecnolóxica e Prospectiva (Cemitep), e dirixiu o Programa de Prospectiva da Comisión Latinoamericana de Ciencia e Tecnoloxía do SELA (Sistema Económico Latinoamericano). Activista da esquerda revolucionaria e internacionalista, fai parte da presidencia Colectiva do Movemento Continental Bolivariano (MCB). Ten unha produción de mais de un millar de textos en publicacións científicas internacionais e de divulgación e en medios de difusión masiva.

En Buenos Aires 25 de Marzo de 2009

Enviado:
Confederación Intersindical Galega
-cig-informa@galizacig.com-
19 de abril de 2012 17:50

__________________

Carta assinada por Alexandre Carrodeguas e Vítor Santalha sobre o acontecido na Assembleia de Bairro em Esteiro



Carta sobre a Assembleia de Bairro em Esteiro 18/04/2012.

‘Ni tutelas, ni tu tías’

A passada quarta-feira, 18 de abril, assistimos à Assembleia de Bairro em Esteiro, que decorreu dentro do processo de Participaçom Cidadá impulsado pola própria Cámara Municipal de Ferrol. O que lá tivo lugar foi umha ‘pantomima de Assembleia’, onde só se pretendia representar um pseudo-processo de participaçom vizinhal. Nada mais longe da realidade da participaçom democrática, que se diz defender desde a instituiçom municipal, foi o que pasou em Esteiro esta semana; onde a retórica ‘participativa’ oficial fala da intervençom das vizinhas e vizinhos, da planificaçom das políticas públicas, de debates abertos, do controlo das políticas municipais, o que lá sufrimos e vimos foi um mero trámite administrativo. Umha farsa total.

No canto de debater e falar dos problemas e propostas para o bairro, o PP encarregou-se de ‘mobilizar’ a sua base social (ou também poderiamos dizer ‘insocial’) para tutelar a assembleia vizinhal do nosso bairro e poder assí controlar e domesticar umha participaçom cidadá, real e auténtica, com o único afám de ponhe-la ao serviço das políticas de recortes do goberno ‘imPopular’ ferrolano.

Nom pode ser que para a representaçom no Conselho da Vizinhança se escolham por ‘cooptaçom’ partidária os candidatos propostos e depois se sometam a umha assembleia trucada por estes mesmos perversos mecanismos. A Assembleia nom pode ser um mero trámite formal, tem que haver umha vontade clara e real de participaçom popular, tem que basar-se numha auténtica cultura democrática e nom em mecanismos clientelares tam cercanos à direita local.

O que vimos quarta-feira em Esteiro, é que o PP nom acredita na participaçom real das vizinhas e dos vizinhos do bairro, tam só crê na tutela, na ‘carretagem’ caciquil e nos amanhos e chafalhadas. Foi moi significativo que os ‘votantes’ do PP protestaram quando se ia falar das propostas vizinhais, sem deixar debater, porque começava o partido de futebol ou que se decantaram maioritariamente por apoiar a proposta dum lugar para que as cadelas e cadelos do bairro poidam fazer as suas ‘necessidades’.

Quando estamos a passar a maior crise capitalista dos últimos cinquenta anos, estas e estes vizinhos ‘populares’ decantam-se por este tipo de propostas tam necessárias e urgentes para as e os mais necessitados e mentres tanto, no bairro esta-se a loitar, por parte da louvável Associaçom Vizinhal, por equipamentos tam peremptórios nestes tempos como o Infantário Municipal, um Comedor Social ou a reabilitaçom da parte velha de Esteiro.

É com este motivo, que há que denunciar ao atual goberno municipal e apostar de verdade pola Participaçom Cidadá. Denunciar as manipulaçons e loitar cá e agora por um bairro onde as vizinhas e vizinhos participem da vida pública sem nengum tipo de tutelas. Por assembleias que nom sejam meros simulacros, por assembleias que nom estejam trapaçadas, por processos participativos que vaiam de abaixo para arriba e nom ao revés. Esteiro merece outra cousa.

Queremos felicitar também a dignidade que mantem a Associaçom Vizinhal de Esteiro na sua continua loita em prol do bem do bairro e as suas denuncias contra as práticas da dereita caciquil.

Como dizia Fraga Iribarne, ‘ni tutelas ni tu tías’. Algo que entenderam perfeitamente as e os ‘manipuladores’ da Assembleia da passada quarta-feira.

Enviado por:
Vítor Santalha
-bitoiro@hotmail.com-
19 de abril de 2012 22:08

_______________

Nin un só paso atrás! A por outra folga xeral!

A folga do pasado dia 29 de marzo só pode ser cualificada como un éxito rotundo, como unha pequena-gran vitoria de todas e todos os que a secundamos activamente, tanto nos piquetes coma nas mobilizacións que en Galiza acadaron cifras históricas de participación. Sabemos ben que a folga xeral non é un acto finalista, e efectivamente non serviu para variar os plans da oligarquía, mais si para deixarlles ben claro que unha inmensa maioría do pobo e da clase obreira oponse á reforma laboral e ás políticas antiobreiras, e deixa ás claras que hai unha gran disposición para levar esta oposición ás fábricas e á rúa en forma de loita e de mobilización cada vez máis consciente e continuada.

O goberno resposta cumprindo rigorosamente coas “recomendacións” impostas polos poderes económicos, polos monopolios capitalistas e a oligarquía financeira que goberna a Unión Europea, e esixe sacrificios constantes que se ven plasmados en máis e máis reformas estruturais e novos recortes que afectan drasticamente á maioría do pobo, mentres as fortunas do capital se acrecentan sen parar.

Prepáranse reformas e novas leis co claro obxectivo de esmagar a resistencia da clase obreira e das clases populares, e optan abertamente por recortar aínda máis as liberdades democráticas e acentuar o carácter represivo dun estado que só serve aos intereses da oligarquía e do gran capital.

O goberno do Partido Popular vén de aprobar uns orzamentos do estado que supoñen un ataque directo á liña de flotación do “estado do benestar” e que se verán plasmados en recortes en sanidade e educación, e xa anuncian futuras reformas para este ano incluída unha nova lei do dereito de folga que xa se está a cociñar.

As demandas do movemento obreiro son xa claramente innegociábeis e deben ser plasmadas na propia loita, desterrando toda liña pactista e claudicadora, e apostando decididamente por un novo modelo sindical unitario, clasista e combativo, orientado non cara á sostenibilidade do sistema capitalista, senón cara ó seu derrocamento na perspectiva do Poder Obreiro e Popular.

Os propios feitos e a realidade histórica presente confirman que este é o único camiño posíbel. Hai que responder con máis loita, con máis mobilización, con máis unidade obreira, no camiño da total derrogación da reforma laboral e de todas as políticas contrarias aos intereses obreiros e populares.

Nesa dirección, os comunistas de Forxa! consideramos que compre facer do vindeiro 1º de Maio una xornada de loita, de mobilización e combate, na perspectiva dunha nova convocatoria de Folga Xeral.

Colectivo Marxista-Leninista FORXA!
http://aforxa.blogspot.com/

Consulta as últimas actualizacións da Revista Dixital de FORXA!
http://revistaforxa.blogspot.com/

Enviado por:
Forxa!! Construír o partido, preparar a revolución!!
-forxagz@gmail.com-
19 de abril de 2012 20:31

___________________

Arrasan con escavadoras os hortos liberados de Esplugues


A madrugada do venres 13 de abril de 2012, unha chea de furgonetas dos mossos de esquadra rodearon os terreos liberados para hortos autoxestinados de Esplugues. Máis tarde chegaron 3 escavadoras que se dedicaron a arrasar con todo, incluídos árbores e o olivo antigo que dignificava o espazo. Desde fai varias semanas cultivábanse comunitariamente terreos abandonados da empresa Sacresa das obras paedas do Caufec.


Como pode suceder isto?

Escribir sobre o que acaban de esnaquizar non é nada fácil, si o que se pretende reflectir nunhas letras vai máis aló dun sementado.

É complicado transmitir o que significou para moitas persoas eses días nos que había un espazo verde por cultivar, e un anaco de terra ao aire libre onde poder xerar ideas, relacións, establecer vínculos, falar, discutir, rir, oír música (e en vivo), interrelacionar-nos, integrar-nos, onde esquecer a nosa precariedade e compartir o pouco que sabemos, encher de luz un lugar antes cheo de escombros, xerar vida, compartir comida e receitas, planteis, cultivar a nosa paciencia e, en definitiva, sementar a nosa dignidade e facela florecer xunto a moitas máis persoas.

Con nocturnidade e alevosía, unhas escavadoras diabólicas ordenadas pola man dun poder atónito e con ganas para comer, acabaron con toda mostra de vida, de alegría, deixando os terreos de novo baldíos e cheos de vergonza. arrincaron árbores, cultivos e varreron todo canto atoparon ao seu paso, deixando unha imaxe dantesca.

Non mataron os ideais, nin a dignidade nin a rebeldía. Só quitáronse a careta, unha vez máis, para mostrar a súa verdadeira cara. A do poder. A de exercelo ante os máis vulnerables e arroialos sen andrómenas.

Na nosa retina e nos nosos corazóns, a música, as charlas, e moito máis que algúns nunca poderán sequera imaxinar.


Seguieremos cultivando comunidade, seguiremos cultivando resistencia.

Fonte: http://barcelona.indymedia.org/newswire/display/444223/index.php

Enviado por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
19 de abril de 2012 17:23http://lupeces.blogspot.com/
______________

Nova acción de protesta e denuncia convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia, este Venres 20 de Abril, ante o anuncio de entrada na Ría de Ferrol do ”LNG Lokoja”, cargado con miles de toneladas de gas natural licuado para a perigosa e ilegal Reganosa

CONCENTRACIÓN EN CARANZA
[DIANTE DO CENTRO CÍVICO]
ÁS 8 DA TARDE, DO VENTRES 20 DE ABRIL

O "LNG Lokoja", un buque gaseiro de grande porte, de 288 metros de eslora e 43 de manga, cargado con miles de toneladas de GNL/LNG para a ilegal e perigosa Reganosa, ten anunciado a súa entrada na Ría de Ferrol, para este Venres 20 de Abril de 2012. Esta entrada dun buque cargado con gas natural licuado para Reganosa, supon xa a 117, desde que o fixera o LNG "Galicia Spirit" en Maio de 2007.

Diante do aumento da ameaza contra a seguridade e a vida, que supón a entrada do buque gaseiro, xunto á propia instalación da Planta de Gas en Mugardos, o Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha acción de protesta e denuncia, consitente nunha Concentración Sonora, o mesmo Venres, ás 8 da Tarde (Novo Horario), mais desta volta a Concentración terá lugar en Caranza, diante do Centro Cívico. Tamén queremos difundir entre a poboación, en sintese, 10 razóns para preguntar-se ... Por que Reganosa ten que saír da nosa Ría e das nosas Vidas ?.



Características do buque:
Nome.- LNG Lokoja, Bandeira.- Bermuda, Eslora.- 288 m, Manga.- 43 m, Calado.- 10.60 m, Capacidade.- 148.300 m³ de GNL.

MOBILIZATE, NUNCA SERÁ TARDE !
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA !!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !!
Para apoiar e colaborar co Comité Cidadán:

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org



Información baseada na enviada por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
Comité Cidadán de Emerxencia 18 de abril de 2012 12:36

* * *

[Mural de María Manuela realizado o 25 de Outubro de 2008 para a campaña "A Ría na Rúa"]


APOIO ECONÓMICO

O Comité Cidadán de Emerxencia, necesita apoio económico, para que poida desenvolver a súa actividade

CONTA DO COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA

Para axudas económicas pode-se ingresar na conta corrente aberta no Banco Santander ao nome de:
Luz Marina Torrente e outros

Para ingresar desde unha oficina bancaria desde dentro do Estado:
00493315772894017995

Para ingresar desde unha oficina bancaria desde fóra do Estado:
ES 71 00493315772894017995

Blog solidario coa veciñanza de Meá
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol

comitecidadan@gmail.com
http://comitecidadan.org

O venres 20 de Abril constitue-se a Cooperativa Arméria, promovida polo Encontro Social de Ferrol Terra

Clicar acima da imaxe para ampliar

A Asemblea Plenaria do Encontro Social, anima a todas as persoas que queiran informar-se ou xa participar no proceso constituínte da 'Cooperativa Arméria', a que se acheguen este venres, 20 de Abril, ás 6 da Tarde ao Centro Cívico de Caranza, en Ferrol. Desde Ártabra 21, animamos a participar neste interesante e necesario proxecto social.


O próximo venres día 20 Abril de 2012, ás 18hs no Centro Cívico de Caranza, promovida polo Encontro Social de Ferrol Terra, celebrarase a Asemblea Constituínte da Cooperativa Arméria.


Quen pode participar
?


Está aberta a todas as persoas que se acheguen para informarse sobre cooperativismo.

Tamén a todas as persoas que estean interesadas en promover e participar de iniciativas de economía social e solidaria, que xeren novas dinámicas na nosa comarca, que palien os efectos das políticas capitalistas que a teñen sumida nunha profunda crise económica e social.


Tamén, quen quixer pode formar parte de Arméria. Como?

1-Acudindo á asemblea onde se informará sobre cooperativismo en xeral, e sobre a Cooperativa Arméria en particular.
2-Facéndose socio ou socia.


Como podemos asociarnos ?

1- Anotándonos e aportando ao capital social da cooperativa 30€.
2- Anotándonos no banco de tempo, e aportando ao capital social da cooperativa 5 horas de traballo.

Ven e infórmate!



Blogue do Encontro:
http://encontrosocialdeferrolterra.blogspot.com





Enviado por:

Foro Social de Ferrol Terra FSdeFerrolTerra
-forosocialdeferrolterra@gmail.com-
16 de abril de 2012 13:02

_____________

mércores, abril 18, 2012

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de Ferrol pronuncia-se sobre as últimas medidas orzamentarias do goberno ao respecto dos recortes e a privatización da Sanidade Pública - Convocatoria do Plenario da Plataforma, para o Mércores 25 de Abril


CONTRA OS RECORTES E A PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE PÚBLICA GALEGA.ANTE  A REUNIÓN DO CONSELLO INTERTERRITORIAL DO 18 DE ABRIL.

A crise, a redución do déficit e a falsa insostibilidade do sistema sanitario público están sendo utilizados como coartada para introducir recortes e privatizacións na sanidade galega. Con todo, o noso sistema é dos máis baratos da Unión Europea (o gasto por persoa é de 2.049 dólares,  fronte aos 2.870 dólares da UE en poder paritario de compra), e a nosa presión fiscal é das máis baixas (34% do PIB fronte a 44% da UE), cun nivel de fraude que alcanza o 25% do PIB (90.000 millóns de euros). 

Doutra banda o crecemento do gasto sanitario ten pouco que ver coa demanda de asistencia da poboación que está relacionado coa organización, funcionamento e orientación do sistema; coa falta de planificación; coa descoordinación entre hospitais e atención primaria; co abuso das tecnoloxías diagnósticas e terapéuticas (un 23% máis alto que a media europea) e da prescrición farmacolóxica; coa parasitación do sector público polo privado; e co abandono da atención primaria, da promoción da saúde e da prevención da enfermidade.
 
Despois de que a Xunta de Galicia reducira o orzamentario en 300 millóns o Goberno central pretende que fagamos máis recortes para cumprir co seu obxectivo de reducir o gasto sanitario en 7.000 millóns de euros, a concretar no Consello Interterritorial do próximo día 18 de abril cos conselleiros dos servizos de saúde autonómicos.

Entre as medidas que se están aplicando ou adiantado, a modo de globos sondas, polos responsables de algunhas CCAA e polos ministros de economía e sanidade están:
  • Incrementar o repagamento farmacéutico segundo nivel de renda.
  • Acabar coa gratuidade das receitas dos pensionistas.
  • Repagamento por consultas e probas diagnósticas.
  • Recorte da carteira servizos ofertados pola sanidade pública.
  • Promoción de seguros complementarios con desgravacións fiscais.
  • Colaboración Público Privada para construír e xestionar as novas infraestruturas.
  • Privatización de servizos sanitarios (radioloxía, laboratorios; servizos clínicos..) e non sanitarios (administración, centrais de chamadas, alimentación, limpeza, hixiene, informáticas, avaliación tecnolóxica, planificación, centrais de compras, etc.)
  • Eliminar fondos de cohesión interterritorial.
  • Peche de servizos sanitarios: Hospitais e plantas, urxencias, centros de de Saúde e consultorios.
  • Eliminar a actividade asistencial dos hospitais pola tarde.
  • Redución de persoal e de gastos de persoal: Xubilacións obrigatorias aos 65 anos sen reposición das vacantes, despedimento ou redución do horario do persoal interino, precarización de contratos, redución salarial, laboralización, etc.
A gran maioría destas medidas atentan contra os alicerces fundamentais do noso sistema sanitario como son a universalidade, a accesibilidade, a equidade, o carácter redistributivo, a calidade e a eficiencia, e terán graves consecuencias para a maioría da poboación que recibirá unha atención de menor calidade, e terá dificultado o seu acceso á asistencia que será diferente segundo o seu nivel de renda, pagará máis por menos e deberá procurarse seguros complementarios para ser atendido polos problemas de saúde excluídos do sistema público.

Fronte á política de recortes e privatizacións é posible outra, baseada na mellora da eficiencia e o uso racional dos recursos,  para mellorar a calidade e seguridade da atención sanitaria e os niveis de saúde da cidadanía:

Concepto
Recadación copago
Aforro racionalidade
Reducir 50% os medicamentos innecesarios  >65 anos
70  millóns €
83  millóns €
Reducir 50%  ingresos por reaccións adversas aos fármacos
23  millóns €
66 millóns €
Reducir 30% os efectos adversos durante a hospitalización
0 millóns €
27 millóns €
Reducir en 1/3 as estancias inadecuadas
0 millóns €
263  millóns €
Reducir 10%  frecuentación  a urxencias hospitalarias non ingresadas
9,4  millóns €
23 millóns €
Traspasar o 25% das consultas hospitalarias a AP
 44 millóns €
60  millóns €
Reducir en 1/3 as RM e TC innecesarios
4,5  millóns €
14,8  millóns €
Integración do mutualismo administrativo no SNS
4,5 millóns €
12,5 millóns €
Total
155 millóns €
549,3  millóns €

Queremos advertir ao presidente da Xunta de Galicia Sr Núñez Feijoo que non imos tolerar que o Consello Interterritorial adopte decisións ou medidas que deterioren ou privaticen o noso sistema sanitario que ten o apoio da grande maioría da poboación e esiximos á Conselleira de Sanidade Rocío Mosquera que defenda o carácter público da nosa sanidade, que se opoña a calquera medida de copago, e que se manteñan os fondos de cohesión interterritorial que compensan a nosa menor capacidade de recadar os impostos que financian a sanidade pública galega.

Desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, integrada en SOS Sanidade Pública; facemos un chamamento á cidadanía galega para dar unha resposta contundente no caso de que o Consello Interterritorial do día 18 de abril adopte calquera medida que deteriore, aínda máis, o Sistema Sanitario Público Galego.

Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol (SOS Sanidade Pública)
Ferrol, 17 de abril de 2012.
Asdo./ Xosé Miguel López e Lois Méndez, portavoces da Pdspf.
Para contactar coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Área Sanitaria de Ferrol:

plataformadspferrol@gmail.com
http://plataformadspferrol.blogspot.com/

No local social da Asociación Veciñal de Esteiro
Rúa Fernando VI, Bloque I baixo.
Ferrol 15403 - Telef. 981933223.

PARÉMOSLLES OS PES XA, AGORA !!
NON ESPEREMOS A QUE DESMONTEN A SANIDADE PÚBLICA !!
NON AO PECHE DO CONSULTORIO !!
POR UNHA SANIDADE PÚBLICA, UNIVERSAL E GRATUITA !!



Convocatoria do Plenario da Plataforma, para o Mércores 25 de Abril

Ademáis, aproveitamos para lembrarvos a convocatoria do Pleno da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol para o mércores día 25 de abril ás 17:30 horas no local da AV de Esteiro.
  1. Recollida dos pregos de sinaturas da Inicativa Lexislativa Popular (Tódos/as que teñan pregos teñen que levalos ese día forzosamente, non hai máis prazo).
  2. Novos recortes sanitarios e propostas de mobilización fronte aos mesmos.
  3. Informe económico.
  4. Varios.

A xuntanza terá unha duración máxima de dúas horas, debendo estar rematada ás 19:30 horas, polo que se prega puntualidade e brevidade nas intervencións e propostas.

Queremos tamén lembrar ás entidades que non fixeron o ingreso dos 50 euros as asociacións e 100 euros os partidos e sindicatos (faltan dous partidos por ingresar e un sindicato) que o fagan canto antes.

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
www.plataformadspferrol.blogspot.com
plataformadspferrol@gmail.com

Sos Sanidade Pública

Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol

Enviado por:
Elena Casal Mera
-elenacasalmera@gmail.com-
17 de abril de 2012 23:34

___________________

Actos en Narón polo 81º aniversario da proclamación II República

81º Aniversario proclamación II República

Actos en Narón

Organiza:  Asoc. Memoria Histórica Democrática

19 de Abril (xoves) ás 17,30 horas homenaxe floral no cemiterio de San Mateo. |ver mapa|

25 de Abril (Mércores) ás 20,00 horas proxección da documental 'O segredo da Frouxeira' no Pazo de Cultura de Narón e a continuación charla-coloquio sobre a documental.

3 de Maio (Xoves) ás 20,00 horas charla coloquio de Enrique Barrera sobre os represaliados da comarca en Mathausen, no Café-Teatro do Pazo de Cultura de Narón..

http://memoriahistoricademocratica.org/

memoriahistoricademocratica@gmail.com
--
fuco buxán, a.c.
Aptdo Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telef. 981325492
www.fucobuxan.com
fucobuxan@yahoo.es

Enviado por:
Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-
18 de abril de 2012 00:19

_______________

martes, abril 17, 2012

Martes 17 de Abril: Asemblea Plenaria do proceso de construción do Encontro Social de Ferrol Terra e da Rede de Apoio Mutuo

Asemblea Plenaria do proceso de construción do Encontro Social de Ferrol Terra e da Rede de Apoio Mutuo.

Proposta de obxectivos e orde do día para a VII Asemblea Plenaria do proceso de construción do Encontro Social de Ferrol Terra e da Rede de Apoio Mutuo.

Día: Martes 17 de abril.

Lugar: Local Asociación Veciñal de Esteiro.

Horario: de 19 a 21 horas.

Obxectivo da reunión:

Informar e dinamizar cara a Asemblea de constitución da Cooperativa Armeria

Informar dos avances realizados noutros grupos de traballo.

Aprobación, se procede, das propostas presentadas.

Temas a tratar:

1- Proposta para o desenvolvemento da asemblea constituínte da Cooperativa Armeria, a celebrar o 20 de abril ás 18hs no Centro Cívico de Caranza.

2- Banco de tempo.

3- Manifesto de Adhesión e Ficha.

4- Propostas en relación á creación dun banco de terras.

5- Decidir sobre a proposta de celebrar a Asemblea Anual de REAS en Ferrolterra.

6- Grupo de Apoio ás finanzas éticas.

7- Outras propostas e informacións:
  •  Funcionou a rede de Apoio Mutuo en solidariedade co Café Bar O Carballo.
  •  Mariscadoras e mariscadores pechad@s no Concello: reivindicando que a Xunta pague as débedas contraídas, e polo saneamento, a limpeza e a rexeneración da Ría.
  • Nais e pais en loita polas escolas infantís de Narón.
  • Traballadoras e traballadores de Navantia en defensa dos postos de traballo.
  • Asemblea de desempregados da CIG “Non nos chames Parad@s – Somos desempregad@s en vías de exclusión social”.
  • O 25 de Abril está convocada a Asemblea Plenaria da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de Ferrol – 10.000 millóns máis de recortes en Sanidade e Educación.
  • Mobilizacións polas Fragas do Eume e o Río Baa.
  • 1º de Maio Día do Internacionalismo e da Solidariedade entre todas as traballadoras e traballadores pola diversidade, a igualdade a xustiza e a fraternidade.
  • O Movimento Occupy e o 15M preparan unha grande mobilización global este 12 de Maio de 2012, para reivindicar democracia |http://www.may12.net/|.
  • Outras.

Ferrol Terra, 15 de abril de 2012

Blogue do Encontro:
http://encontrosocialdeferrolterra.blogspot.com

Documento Anexo: Informe da Xuntanza do 3 de Abril de 2012.

Enviado por:
Foro Social de Ferrol Terra FSdeFerrolTerra
-forosocialdeferrolterra@gmail.com-
16 de abril de 2012 13:02

_____________

luns, abril 16, 2012

Galería Fotográfica - 1ª Andaina Polo Río Baa - 14 de Abril de 2012 - Polos Montes de Prismos


1ª Andaina Polo Río Baa
14 de Abril de 2012 - Sábado.
Polos Montes de Prismos.
Comarca de Bezoucos.

O roteiro transcorreu polos montes de Prismos, un lugar dunha grande riqueza medioambiental e etnográfica onde se conxuga a beleza das súas paisaxes coa existencia de vestixios ancestrais nos que se conservan tradicións milenarias.

Máis nas inmediacións do Polígono industrial de Vilar do Colo, están depositados residuos asfálticos procedentes de Holanda, son miles de toneladas, da mesma partida que están depositados no porto exterior de Ferrol, centos de miles de toneladas. Esta agresión ao medio foi a que lle deu un dos principais contidos reivindicativos ao roteiro.

>>> Voltar á páxina de Fotos.

Blogue relacionado de Interese:

Andainas polo Río Baa na comarca de Bezoucos
-----

Ignominia, ... por Lupe Ces



Por Lupe Ces [*]
15.04.2012

Ontem, da mam das organizaçons mais conscientes na defensa do território, ADEGA, Verdegaia, SGHN e a Plataforma de Defensa dos Camiños, assistim perplexa a um roteiro polo rio Baa, um rio que atravessa as terras de Bezoucos, nos concelhos de Fene, Cabanas e Mugardos. Segundo íamos avançando a jornada, a minha expressom de perplexidade ía tornando-se mais significada, suponho que por discreçom e boas maneiras, ninguém me comentou nada, mas o estado de shok no que ia entrando, entre chuvascos e raxeiras, devia ser moi evidente.

Todo começou quando nos fixerom subir em riba de miles de toneladas de “áridos” asfálticos situados na canle do rio, no polígono de Vilar de Colo. Alí a voz acreditada dum químico da Universidade de Compostela, falou da presença de cancerígenos e mutagénicos, falou de escorrentias que estam a levar essas substancias tam perigosas às augas do rio Baa, que as depositará na Ria de Ferrol … ; falou-se de corrupçom, interesses políticos, que fam possível que uns residuos letais poidam vir de Holanda e depositar-se num território que, como vimos logo ao longo do resto da jornada, é dum valor ecológico e cultural incalculável. Uns resíduos que ademais de naquela montanha de horror, estám formando parte já dos recheios do polígono de vivendas do bairro do Bertom, ou no porto exterior.

E eu, que conhecia polos correios e polos jornais as denuncias que contra esses mal chamados áridos existiam, agora os tinha diante, e nunca os imaginara tam imensos e ameaçantes..., e sentim o mesmo que o primeiro dia que me acheguei aos depósitos de Reganosa, raiba e impotência. Ao nosso território botárom-lhe estrume nas galas dum dia...

Achegamo-nos logo ao “menir de San Lourenzo”, onde restos de ritos de sanaçom, ainda ficam espalhados cada día ao redor da pedra mágica. Alí, por um momento, sonhei que antergos habitantes do Castro de Prismos, juntavam-se a nós, porque para livrar-nos de tanta ignominia vam fazer falta muitas mans...


[*] Por Lupe Ces Rioboo -Caranza Ferrol 1953, é mestra, activista social, integrante da Marcha Mundial das Mulleres. Forma parte do Colectivo Ártabra 21.

Blogue persoal: Caranza free opiniom

Blogue relacionado de interese:

Andainas polo Río Baa na comarca de Bezoucos
______________________

sábado, abril 14, 2012


O pasado 8 de Abril celebrou-se o 'Día Internacional do pobo Xitano', desde Ártabra 21, non podemos deixar esta data no esquecemento meiático e social. É por iso polo que reproducimos o escrito do movimento Unión Romaní, como un contributo máis á xustiza, á igualdade e fraternidade, todos eles como valores, principios e dereitos, destacados e fundamentais entre os pobos e entre as persoas. Unha cultura de Paz a construír e difundir, por un outro mundo posíbel e necesario.

8 de abril.

DIA INTERNACIONAL DO POBO XITANO

Cando a memoria fai do pasado un tempo presente

A sorte, a providencia, o destino ou como se lle queira chamar fixo que eu estivese presente en Londres a semana do 8 de abril de 1971. Desde entón choveu moito. pasaron 41 anos. Eu era case un rapaz, como adoita dicirse. E a miña viaxe a Londres, nas postrimerías do franquismo, supuxo o meu bautizo ao coñecemento da realidade xitana mundial da que ata entón tan só tiña moi vagos coñecementos.

Xitanos e xitanas procedentes de 25 países dímonos cita en Londres. Eu acudín sen coñecer a ninguén e sen ter moi clara a idea de que se ía a tratar naquela reunión. E a miña primeira sorpresa foi comprobar que aquelas xornadas foran convocadas, programadas e dirixidas polos propios xitanos. Nin un só gachó (payo) interveu nos debates nin condicionou en absoluto os acordos que alí se tomaron. Os recordos veñen á miña memoria coa mesma forza con que aparezo nas fotografías que acompañan a este comentario e que me foron regaladas o ano pasado no Reino Unido.

O 8 de abril de 1971 eu sabía que no mundo viviamos máis xitanos que os que eu coñecía en Andalucía, pero non os vira nunca. O 8 de abril de 1971 oín falar por primeira vez en romanò. Na miña casa a miña familia chapurreaba o caló. Non era igual aínda sendo o mesmo. E puiden comprobar, marabillado, como xitanos que vivían tralo telón de aceiro, ─xitanos que xamais soñasen con que as autoridades comunistas dos seus países lles autorizasen para saír ao mundo capitalista─ entendíanse perfectamente con outros xitanos chegados de Francia, da antiga Yugoslavia, ou da temida Alemania. O 8 de abril de 1971 conmocionáronse os meus entretelas cando sentín na miña pel os bicos cálidos de tantos xitanos que me abrazaban emocionados por atopar ao fillo perdido, ao irmán descoñecido que viña da vella España onde ─eles sabíano─ vivían centenares de miles de xitanos illados do conxunto do seu pobo esparcido por millóns por todo o mundo.

O 8 de abril de 1971 sentinme máis libre que nunca. Participei na votación que institucionalizou a nosa bandeira e entón entendín a liberación que supón ter por teito o azul do ceo e por chan o verde dos campos. Entón comprendín con absoluta claridade por que o meu avó Agapito sempre nos desexaba saúde e liberdade.

O 8 de abril de 1971 vin por primeira vez unha balalaica. E escoitei o seu son en mans de Jarko Jovanovic. A súa melodía se lle uníu a música suave, triste e melancólica duns violíns, e mentres das cordo da balalaica saltaban as notas enfurecidas imitando o chisporrotear das chamas asasinas que acabaron coas vidas de tantos inocentes nos campos nazis, os violíns coa súa doce melodía, abrían  os ríos de bágoas con que enxugábamos o recordo de tantos anciáns inxustamente gaseados, de decenas de miles de nenos masacrados e de centenares de miles de homes e mulleres que, na flor da vida, xamais puideron entender por que lles espían antes de introducilos nas cámaras de gas. E así naceu o Gelem, gelem.

O 8 de abril de 1971, como un caravel reventón, apareceu na vella Europa o xerme dunha conciencia colectiva adormentada durante tantos séculos. Xitanos e xitanas de 25 estados residentes nos países comunistas do frío sempiterno ou na xeografía tantas veces deshumanizada do máis feroz capitalismo, puxemos por encima de calquera ideoloxía o respecto pola nosa común condición de xitanos. E entón algúns entendemos que eramos un Pobo que soubera conservar leis e costumes que debían ser defendidas. O respecto aos maiores, a autoridade indiscutida dos anciáns, o valor da palabra dada, a veneración suprema da familia é expresión palpable da nosa máxima institución e o amor supremo e insubornábel á liberdade.

Hoxe non nos parece que sexa o día para falar das nosas miserias. Da marxinación que sufrimos ou dos ataques racistas que padecemos. Para denunciar esa situación temos todos os días do ano e así o facemos. O 8 de abril é o Día Internacional do Pobo Xitano e ten unha vocación de fraternidade e respecto para todo o mundo. E así como neste día  os xitanos e as xitanas do planeta achéganse aos ríos para depositar sobre as súas augas as velas do recordo e as flores da liberdade, nelas está o símbolo do noso desexo de convivir co resto dos cidadáns en paz e harmonía, porque unha celebración que encerra o recordo aos antepasados e o amor á liberdade debería ser patrimonio de toda a humanidade.

Juan de Deus Ramírez Heredia

Presidente de Unión Romani

Avogado e xornalista

http://www.unionromani.org/
u-romani@pangea.org



As que seguen, son catro imaxes dun indubidábel valor histórico.








Enviado por:
-lupeces@gmail.com-
13 de abril de 2012 06:20
http://lupeces.blogspot.com.es/

_________________ _____________________