xoves, agosto 01, 2013

Esquerda Unida posiciona-se respecto a aprobación do convenio co Consorcio Provincial da Coruña para a creación dun Parque comarcal de bombeiros

O CONSELLO LOCAL DE ESQUERDA UNIDA DEMANDA A CREACIÓN DUN PARQUE COMARCAL DE BOMBEIROS PÚBLICO E REAL.

O Consello Local de EU considera que a aprobación do convenio co Consorcio Provincial da Coruña para a creación dun Parque comarcal de bombeiros é unha construción política ficticia, sen ningún tipo de investimento público necesario en medios materiais e humanos, que para Esquerda Unida non é máis que deixar a porta aberta á privatización do servizo, como así está a acontecer nos parques comarcais de toda Galicia, creándose un oligopolio que vai xestionar  as emerxencias, servizo que, sempre e en todo caso, debe ser público para a protección da cidadanía, como quedou demostrado nestes días.

Suso Basterrechea, coordinador local, manifesta que o que EU defende é unha comarcalización real que pase por:

1.- Un investimento en medios materiais, coa creación dun parque suficientemente dotado para a atención dos municipios que debe atender un Parque Comarcal.

2.- A ampliación do cadro de persoal. Non é lóxico e calquera pode entender que un servizo de emerxencias que amplía a súa competencia territorial, poida ser prestado polo mesmo persoal, tanto pola súa propia seguridade como pola do conxunto da veciñanza. A día de hoxe, con nove bombeiros en cada quenda é de todo punto imposible a prestación adecuada das emerxencias.

3.- A garantía de que o Parque comarcal de bombeiros non vai ser privatizado e continuará como servizo público para garantir, tanto en prevención como en extinción de incendios, un servizo eficaz e non pregado a rendibilidade económica dun grupo empresarial determinado.

Como manifestou Javier Galán, voceiro do grupo, no pleno de xullo, este convenio deixe moitos interrogantes sen resposta e todo apunta a que os investimentos de empresas como Reganosa ou a Autoridade Portuaria,  ou as pólizas derivadas de seguros como Unexpa, van ir directamente á deputación, que aínda que se nos presenta como redentora do Parque de Bombeiros, con eses investimentos vai saírlle a custo cero a creación do Parque Comarcal e, o máis grave, vai camiñar directamente cara a privatización. Cómo é posible senón, pregúntase Javier Galán, que o convenio de Ferrol estea dotado polo Consorcio con  218.000 € e o das Pontes, cunha extensión claramente menor, se dote con 700.000€? No fondo do convenio está o negocio, e a garantía dos dez postos de traballo non é suficiente, dende EU esiximos máis persoal, e persoal non subrogado a empresas que dilapidan o público.

Por outra banda, dende Esquerda Unida salientamos o pouco respecto que ten o goberno municipal, tanto coa cidadanía como co persoal. A cidadanía e menosprezada a través dos grupos municipais, que non tiveron coñecemento deste convenio ata unhas horas antes de ser presentado a pleno, e non puideron dar traslado do mesmo á veciñanza, suplindo a obriga do goberno cara ela. O persoal é ninguneado, como así recoñece nun informe o Secretario municipal, onde afirma tallante que o Convenio tiña que ter pasado por Mesa de negociación, o que pon en cuestión a validez do mesmo.

En definitiva, Esquerda Unida pula por algo tan sinxelo como un servizo público eficaz, gratuíto e universal, algo que este goberno non quere apoiar, e o que debería dicir claramente no pleno e nos medios de comunicación aos veciños e veciñas de Ferrol e que a privatización do Parque comarcal de bombeiros é o destino final deste convenio, coa merma conseguinte de calidade profesional, humana e de seguridade, e un paso máis na reforma local que baleirará de contido as competencias municipais.

Ferrol, 31 de xullo de 2013

Esquerda Unida - Ferrol
Rúa do Sol 124 entrechán esquerda, Ferrol
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
eu-ferrolcomarca@esquerdaunida.org

facebook
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
31 de julho de 2013 13:30

Boas . Adxunto enviamos nota de prensa do Consello Local de Esquerda Unida de Ferrol onde nos posicionamos en apoio ao noso grupo municipal e en contra da solución adoptada polo PP para a xestión das emerxencias da comarca. Consello Local de Esquerda Unida.

_________________

mércores, xullo 31, 2013

O Marxismo fronte á crise do sistema e a revolución neoliberal, ... Por Carlos Fernández Liria - Vídeo moi interesante


Presentamos un vídeo de moito interese, publicado en attac.tv que e unha entrevista co profesor e activista Carlos Fernández Liria, que resposta á pregunta "O marxismo pode chegar a ser un recurso útil para facer fronte á actual situación de crise?". O profesor explícao nesta entrevista na que tamén fala da educación pública, dos medios de comunicación e do dereito como contrapoder.

Carlos Fernández Liria (Zaragoza 1959), é filosofo, escritor, guinista e profesor de Filosofía na Universidade Complutense de Madrid .


O Marxismo fronte á crise do sistema e a revolución neoliberal
por attactv


Colabora con attac tv para que podamos seguir producindo contidos.

Fai a túa doazón en www.attac.tv.

Enviado por:
ATTAC.TV
-attactv@gmail.com-
31 de julho de 2013 20:16
_______________

Por que salvamos a 'Ranita' e condenamos a 'Pablo Iglesias'?, ... Por Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormenta' nos parques públicos


Por Alexandre Carrodeguas [*]
31.07.2013


Cando falamos de cidades sostibles, de ecoloxía, de lugares de lecer para os nosos nenos e nenas non podemos permitir que unha das poucas zonas que temos para o seu goce se converta nunha zona degradada coa instalación dunha planta de tratamento de augas residuais e pluviais. Tendo tamén en conta que esta cidade é deficitaria en zonas verdes.

Como se sabe o "tanque de tormentas" que ía afectar o 'Xardín da Ranita' foi "relocalizado" pola confederación hidrográfica despois das protestas veciñais que reclamaban contra da súa instalación. Meses despois pretendese instalar, dentro do mesmo proxecto de saneamento, un "tanque de tormentas" aínda maior no parque Pablo Iglesias de Recimil.

A veciñanza de Ferrol Vello mobilizouse na 'Ranita' previo as pasadas eleccións municipais e conseguiron, co apoio de tódolos partidos presentes na corporación, que non se destruíra o seu Parque.

Un parque moi querido por tódolos Ferroláns.

No Parque 'Pablo Iglesias' os veciños e veciñas están tamén a loitar polo mesmo, por salvar un ben público desta cidade, para que siga sendo un espazo de lecer para o uso e goce de toda a veciñanza. O eco que están tendo estas dignas voces polo momento esta a ser ben cativo, non hai resposta positiva por parte do concello nin tampouco da maior parte do tecido asociativo da cidade.

Aínda estamos a tempo de conciliar o necesario saneamento da ría coa salvación dunha das principais zonas verdes da nosa cidade, todos sabemos que é necesario que preservemos o parque 'Pablo Iglesias' como unha zona verde entre os barrios de Esteiro-Recimil e Ultramar, máis tendo en conta que se fala de facer un 'bulevar' na avenida das Pías que deixaría unidos a estes dous populosos ensanches.

Temos que recordar que en Sevilla o Tribunal Supremo acaba de anular a construción dunha biblioteca nun parque público, baixo o argumento da prioridade da preservación da Zona verde como equipamento social básico.

O Supremo explica que as zonas verdes teñen sempre un réxime xurídico propio e peculiar, que introduce unha serie de garantías tendentes o mantemento da "intanxibilidade desas zonas", impedindo “que sexan borradas do debuxo urbanístico da cidade”.

Temos que ser capaces de modificar o proxecto e buscar localizacións alternativas que non degraden a calidade de vida de toda a cidadanía. Aínda que en Ferrol parece que sempre chegamos tarde para facer posible o necesario, sempre estaremos a tempo: Se na 'Ranita' puidemos modificar o proxecto porque non podemos salvar o noso 'Pablo Iglesias'?.

Salvemos a 'Pablo Iglesias', veciños e veciñas de Ferrol todo.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.





Enviado por:

Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
31 de julho de 2013 00:27
____________

martes, xullo 30, 2013

Despois de máis de dous meses do xuizo ao soldado Bradley Manning, agarda-se a sentenza, e en moitos lugares do mundo sucederon-se mobilizacións reclamando a súa liberdade


Bradley Manning: espera-se o fallo logo da "difamación" da fiscalía e a reserva total do goberno.


Concluíron os alegatos finais do xuízo militar ao soldado Bradley Manning, que durou case dous meses. A xuíza responsable do caso, coronel Denise Lind, está neste momento deliberando sobre 21 cargos, entre eles "colaborar co inimigo". Manning enfronta a posibilidade dunha condena a prisión perpetua por filtrar máis de 700.000 documentos ao sitio web de revelación de datos secretos, WikiLeaks, e a outras fontes de noticias. Considera-se a maior filtración de información clasificada na historia de Estados Unidos. Durante o fin de semana, grupos de manifestantes concentraron-se en decenas de cidades de todo o mundo nun acto internacional para pedir a liberación de Manning. A xornalista independente Alexa O'Brien, quen estivo na sala de audiencia todos os días desde que empezou o xuízo, atópase fronte á sala e comunícase connosco desde alí. "Había gardas armados que percorrían os corredores, en realidade, parábanse detrás dos xornalistas, espiaban as nosas computadoras, colocábanse detrás noso cada cinco minutos", afirma O'Brien sobre o modo en que os xornalistas foron tratados a semana pasada. "Foi un comportamento moi vergonzoso". Tamén nos acompaña Michael Ratner, presidente emérito do Centro para os Dereitos Constitucionais e avogado do fundador de WikiLeaks, Julian Assange; Ratner presenciou os alegatos finais. "O que é terrible aquí é a teoría do goberno: pódese axudar ao inimigo" subindo información en Internet, información de intelixencia que non ten que ser clasificada", afirma Ratner. "Como o inimigo le Internet, un pode ser acusado de axudar ao inimigo".

Fonte: democracynow.org

Web pola liberdade do soldado
Bradley Manning:
http://www.bradleymanning.org/

[Máis Info]

Enviado por:
Democracy Now!
-democracynow.org@democracynow.org-
29 de julho de 2013 22:20

____________

Que a indiferenza non te venza. Aínda hai tempo, ... Por Carlos Chavira - Que rule o vídeo


Este vídeo foi criado co único propósito de despertar a concienciación sobre a conservación do noso planeta. Que a indiferenza non te venza. Aínda hai tempo.


http://www.youtube.com/watch?v=vfSp2DpB6IE&feature=share&list=UU8r0FOh0PSfgriCkIK6EMMQ


Canle en Youtube:
carloschaviratv

Twitter:
http://www.twitter.com/carloschaviratv

Facebook:
http://www.facebook.com/carloschaviratv

Para miás información sobre min o cualquer petición, por favor contácten-me en info@plaimusic.com o produccion@plaimusic.com

_______________

Non quero recibir máis manifestos, nin máis convocatorias, que non..., ... Por Carlos Taibo

Por Carlos Taibo [*]
18.07.2013


Non quero recibir máis manifestos, nin máis convocatorias, que non se refiran, con nome e apelidos, ao capitalismo e a súa miseria inxente, que consideren -sequera só sexa por omisión- que o PSOE non é responsábel principal do que temos entre mans, que garden silencio ante a condición de alicerces do sistema que corresponde aos sindicatos maioritarios, que estimen que basta con volver a 2007 da man da procura dunha 'saída social á crise', que non outorguen un papel central á autoxestión e a socialización, que sigan crendo nos efectos benéficos do crecemento, que ignoren os dereitos dos integrantes das xeracións vindeiras, que pensen que acabamos coa marxinación que en todas as ordes seguen padecendo as mulleres, que se desentendan de calquera demanda de recoñecemento do principio de libre determinación, que esquezan o espolio da riqueza humana e material dos países do Sur, que non tomen nota do colapso radical que se aveciña e que propoñan unhas ou outras aventuras electorais, a miúdo camufladas de retórica vacua. Grazas pola comprensión.

Fonte: https://www.facebook.com/carlos.taiboarias

Web persoal:
www.carlostaibo.com

[*] Carlos Taibo Arias -Madrid 1956, é profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid, escritor e activista social, partidario activo do movimento polo "Decrecimento". Forma parte do Consello Editorial de "Sin Permiso" e "Altermundo" | + info |

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com
30 de julho de 2013 10:00

____________

O grupo municipal de Esquerda Unida considera que a opción de que entre o capital privado no porto deportivo de Caranza é a peor da posibles



ESQUERDA UNIDA CONSIDERA UNHA MALA OPCIÓN A DE QUE SEXA CAPITAL PRIVADO QUEN AMPLÍE O PORTO DEPORTIVO DE CARANZA.

O grupo municipal de Esquerda Unida considera que a opción de que entre o capital privado no porto deportivo de Caranza é a peor da posibles. Ao compás da nova lei de Costas avánzase na privatización da xestión de entidades situadas en dominio público marítimo deixando sen efecto  o papel regulador da autoridade administrativa. A especulación está servida mesmo que sexa de pequeno calado. Esquerda Unida entende que non é a mellor opción nin para Caranza nin tampouco para Curuxeiras e A Graña.

En coherencia coa oposición rotunda á posible privatización, de golpe ou por entregas, por parte de portos do Estado con contratos de concesión por cincuenta anos, ou máis, a legalización de figuras como a de garaxe-marítimo, amarres de deseño e demais, Esquerda Unida considera totalmente improcedente que se conceda, aínda que sexa en pequena escala, concesión administrativa algunha en materia de portos deportivos e  xestión do dominio público marítimo. Por unha banda a substitución da figura da  “autorización administrativa” pola de “concesión“ alimenta a idea de favorecer negocios en lugar de ofrecer servizos. Por outro lado a idea de que inversores privados continúen desenvolvendo a rada deportiva non ten xustificación económica como ,por outro lado , tampouco a ten a privatización de ningún porto, de interese xeral ou non, xa que os portos españois presentan unha situación económica saneada e son financieiramente autosuficientes. En definitiva a entrega aos especuladores do control absoluto da economía e da xestión de espazos territoriais de dominio público é algo que este grupo municipal non vai aceptar.

Ferrol 29 de xullo de 2013

Grupo Municipal.
Esquerda Unida - Ferrol
Rúa do Sol 124 entrechán esquerda, Ferrol
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
eu-ferrolcomarca@esquerdaunida.org

facebook
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
29 de julho de 2013 13:11

__________________

O Recuncho, o programa radiofónico de Fuco Buxán AC en Rádio Filispim, segue-se emitindo no verán - Programa nº 148, Martes 30 de Xullo de 2013


Fuco Buxán A.C., segue emitindo o seu programa radiofónico, nas ondas (93.9 da FM) e por internet, a través de Rádio Filispim, a radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos.

Este Martes, 30 de xullo de 2013, de 17:00 a 18:00 horas, no 93.9 da FM, en Ràdio FilispiM, ou en directo en Internet. Voltara-se a repetir os domingos, ás 12 do mediodía e os xoves de 2 a 3 madrugada. Até o fin de Agosto, cada martes emitimos unha grabación con novos temas ou recopilación de programas anteriores.

“O Recuncho” nº148 , programa semanal radiofónico da A.C. Fuco Buxán, cos seguintes contidos:
  • Reemisión da entrevista á poeta Dona Julia Uceda (Prog. 106 do pasado verán)
  • Sobre “Nadie y Polifemo” novela de José Torregrosa (pódese descargar en: www.josetorregrosa.wordpress.com).
  • Novas e comunicados, por Fernando Ocampo: Comité Cidadán de Emerxencia e outros.
Todos os programas en:
http://recunchofuco.blogspot.com

A nosa web:
www.fucobuxan.net

Os nosos blogues:
Escolma das Razóns
http://escolmadasrazons.blogspot.com.es/
Pensamento Crítico
http://opinionsfuco.blogspot.com.es/

Nas redes sociais:
Facebook
http://www.facebook.com/pages/Fuco-Bux%C3%A1n/118931821452749
Twitter
http://twitter.com/FucoBuxan
Google+
https://plus.google.com/u/0/108716477794009532670/posts

---

Fuco Buxán, A. C.
Rúa Armada Española, 32 baixo- 15406 - Ferrol
Apartado Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telefono. 981325492
www.fucobuxan.net
fucobuxan@yahoo.es


Enviado por:
fucobuxan
-fucobuxan@gmail.com-
29 de julho de 2013 19:03

___________________

De fondo Reganosa: Explosión nunha Planta de Gas en Florida (USAmérica)


Os accidentes suceden, desde Ártabra 21 vimos informando dalgúns accidentes que nos fan lembrar que temos unha planta de gas dentro da Ría de Ferrol, mesmo no seu corazón, situada a poucos metros de núcleos de poboación.. E que xa son 150 os buques cargados con GNL/LNG os que entraron pola angosta, pouco profunda e estreita cale de entrada, sen contar os buques que viñeron a cargar no novo e opaco negocio de Reganosa, sempre poñendo en perigo ás persoas que moramos na contorna da Ría. Unha Planta de Gas que aínda que leva funcionando desde Xullo de 2007, aínda non ten concluído o Plano de Emerxencia Exterior. O Comité Cidadán de Emerxencia, leva desde 1999 loitando contra este despropósito gasista, que foi construído apoiado na corrupción política e económica. Unha Sentenza do Tribunal Supremo viña declarar, hai un ano xa, a ilegalidade da Planta, mais esta segue sen executar-se ... máis info na web do Comité.

Unha serie de explosións produciron-se nuha planta de gas de Blue Rhino -procesadora de propano, en Tavares - Lake County - USAmérica.
  • Segundo testemuñas, as chamas do incendio ven-se a 5 quilómetros de distancia.
  • Bombeiros e equipos de emerxencia están chegando á zona afectada en Florida.
Un gran número de explosións e un posterior incendio produciron-se nunha planta de gas de Blue Rhino, en Lake County, Florida, en EEUU.

Perto das 23.00 horas do 29 de Xullo de 2013 (aproximadamente ás 5 da mañá do 30 de Xullo na Galiza) comezaron as explosións, as que se estenderon por case unha hora, o que obrigou á evacuación das persoas residentes do lugar que se atopaban ao menos a un quilómetro e medio de distancia.

Segundo o xornal local Orlando Sentinel, 24 persoas traballaban na quenda de noite, pero aínda non hai un reporte oficial sobre as mesmas.

O xornal Orlando Sentinel (http://bit.ly/1bDP0kb) reportou que o alcalde de Tavares, John Drury, dixo que 7 persoas foron trasladadas a hospitais da zona, das 24 persoas que traballaban, na quenda de noite, na empresa.

Segundo a veciñanza, escoitaron-se ruídos como disparos de escopeta ou bombas de palenque e logo viron-se escintileos de luz de cor laranxa.

Ademais, as chamas poden-se ver a 5 quilómetros de distancia da planta de gas.

Nestes momentos bombeiros e outros equipos de urxencia están chegando ao lugar.

Fontes:

http://www.orlandosentinel.com/news/local/breakingnews/os-blue-rhino-gas-plant-explosion-lake-20130729,0,7791587.story

http://www.elnuevoherald.com/2013/07/30/1533210/reportan-desparecidos-tras-explosion.html

http://www.latercera.com/noticia/mundo/2013/07/678-535346-9-serie-de-explosiones-se-producen-en-planta-de-gas-en-eeuu.shtml

http://www.eluniversal.com/internacional/130730/reportan-empleados-desaparecidos-por-explosion-en-planta-de-gas-en-flo

Vídeos en:

http://www.huffingtonpost.com/2013/07/29/lake-county-florida-explosions_n_3673967.html

http://youtu.be/ZodrkKEFFTc

Información baseada na enviada por:
Ferrol-Cape
-ferrol.cape@gmail.com-
30 de julho de 2013 08:27

http://www.f-cape.org/
___________________

luns, xullo 29, 2013

Os bos e xenerosos de Angrois, ... Por Fran P. Lorenzo

Por Fran P. Lorenzo [*]
29.07.2013


Creo que extraín varias leccións da traxedia do Alvia en Santiago, a primeira delas é o aprezo súbito que lle vén a un pola vida, e o absurdo que se volve todo nun minuto, a vida mesma tamén. Profesionalmente sentín orgullo por moitas compañeiras e compañeiros da profesión pero tamén vergoña por certas prácticas que lixan o sacro deber de informar; unha mestura estraña de fachenda, reconciliación co oficio e impotencia polo mal que se fan moitas cousas. Ese orgullo púideno apalpar tamén nas conversas que mantiven cos médicos, persoal de emerxencias e enfermaría cos que falei. Hai moitas máis reflexións que, como nos ocorre a todas e a todos, aínda estou tentando dixerir. Pero o que removeu algo en min foi achegarme a Angrois e coñecer algunha da xente que, nos primeiros minutos tras o accidente, acudiu os feridos do 24 de xullo. Este texto sobre eles, e dedicado a eles, foi publicado nas páxinas de El Correo Gallego e fica aquí en testemuña do meu agradecemento e admiración.

Gloria Brocos, veciña da rúa da Presa, en Angrois. A foto é de Antonio HernándezUns andaban por fóra, pola horta. Había quen estendía a roupa, ou vixiaba o gando. Un veciño durmía despois de traballar e outro se preparaba para subir á cidade. Dacabalo da airexa morna viñan os ecos da festa e a promesa dos fogos do Apóstolo, en Santiago. Unha muller apuraba diante do televisor os últimos minutos de Pasapalabra, e de súpeto, contra ás 20.41, unha frecha veloz impactou contra ese microcosmos prácido dunha tarde de verán, ameazada pola chuvia, para mudar o rumbo do tempo e poida que da historia do lugar. O casarío de Angrois, empoleirado sobre a vía do tren que vén de Ourense, cabo do antigo Camiño Real, sentiu un estrondo que as veciñas e veciños non van esquecer nunca. “É como se tiraran un camión de pedras”, di Gloria Brocos, que vive moi preto do tramo do accidente, na Rúa da Presa. Outros veciños falan dun “terremoto”, ou do bruído que fai unha casa cando cae. María Dolores, diante das cámaras de televisión, afirma que viu achegarse un “torpedo”, que impactou contra o muro da súa casa. “Eu estaba na casa durmindo, traballo de noite, e despertei co estrondo”, sinala Ricardo Martínez Otero. E Jesús lembra sobre todo un “chirrido”, o da colisión do tren Alvia “contra o morrillo das vías” e o talude sobre o que se ergue o Campo da Festa de Angrois. Ese “chirrido” sentiuno tamén Santiago Taboada. Jesús e Santiago, que viven en senllas casas da Travesa de Mourozón –moi preto do mesto bosque de unidades móbiles que marca o asentamento dos informadores desta traxedia–, non sentiron explosión ningunha, e si un fortísimo impacto. “Falábase de que houbo unha explosión, un atentado, pero nós sabiamos desde o primeiro momento que non, o que se oiu foi o impacto do vagón que saiu catapultado contra o palco”, lembra Jesús, quen refire a gran velocidade á que o tren rebasou o túnel, antes de entrar na curva da Grandeira. “No bar tamén dicían que o tren saía moi lanzado do túnel”. Desde as casas de Santiago e Jesús chamaron axiña ao 112 e ao 092. “No 092 dixéronos se era cachondeo, ou se era unha broma”. No teléfono de Emerxencias, no 112, preguntábanlles pola localización exacta de Angrois.

Santiago Taboada, veciño de Angrois. A foto é de Antonio HernándezO que veu despois deses minutos primeiros de impotencia e confusión, á sombra dunha densa columna de terra en suspensión e fume negro, foi un auténtico descenso aos infernos -as vías do tren sementadas de cadavres e feridos, no que os habitantes desta parroquia estremeira de Santiago participaron co que tiñan a man: un relato de solidariedade espontánea, que aínda onte narraban estremecidos, e conscientes horas despois da traxedia, da impronta que deixará, para o futuro, nas súas retinas e na súa alma. “Onte só pensabas en axudar -sinala Santiago-, agora, en frío, e sabendo os mortos que hai, daste de conta do que foi… Tiñan que vir axudarnos a nós, porque a xente aquí está mal…”. Sanitarios, psicólogos, bombeiros, condutores de ambulancia, servizo de excarceración… As veciñas e veciños de Angrois, que abriron as portas das súas casas durante a longa noite do 24 de xullo, fórono todo para as vítimas do Alvia neses quince primeiros minutos de horror e confusión, mentres non daba chegado o operativo de emerxencia, que accedeu, en parte, pola Rúa da Presa na que vive Gloria. “Os coches colapsaban todo e veu a grúa para retiralos”, apunta ela, quen, coma moitos dos seus veciños, achegou “mantas, sabas, auga, palés, un tablón…”. Improvisaron con esas táboas de fimapán padiolas para transportaren os feridos e axudaron os menos graves a entraren nos coches polo seu propio pé e así transportalos até os hospitais composteláns. Unha veciña contaba onte, arrepiada, que unha “das primeiriñas” que saiu dos vagóns sinistrados era precisamente “unha rapaza de Angrois”, que vive en Madrid e que viña polas festas, a casa de seus pais. “Unha filla miña -lembra Santiago- agarrou a un rapaz de catorce anos, que era da Coruña, e que lle dicía no me dejes, no me dejes…”.

Ricardo Martínez Otero foi dos primeiros tamén en baixar a axudar. “Primeiro entrei no vagón que estaba no Soutiño”, di, mentres describe as dificultades para rachar o vidro e acceder ao interior do tren. Machados, ferramentas caseiras, martelos… Intentouno Ricardo co impulso do seu corpo, batendo cos pés no cristal. Nin os bombeiros eran quen de abrir as portas. “As portas son de corredeira e a única saída era polas ventás”, recorda. Chegar até alí tampouco non foi doado e a xente de Angrois mesmo puxo en risco a súa vida. Houbo que salvar o desnivel de varios metros,baixamos cunha corda até as vías” -explica Santiago Taboada- e unha vez alí romper o cerrado de arame que cerca o paso do tren.

Ricardo Martínez Otero, veciño de Angrois. A foto é de Antonio HernándezXa dentro, no epicentro do desastre, pasaxeiros noqueados polo impacto, nenos que choran e chaman polos seus pais, máis sangue e máis desconcerto. Un home novo, duns trinta anos -cóntannos- sae do tren co seu bebé no colo, saloucando “é meu, é meu…”. Non o quere deixar nos brazos de ninguén porque acaban os dous de volver nacer, pai e fillo, xuntos.

As mantas das casas de Angrois comezan a cubrir aos que xa non respiran e chega, da man da noite orballada, unha sinfonía de laios que estarrece, case tanto como a sintonía dos móbiles no peto dos finados ou o ton saltarín dos whatsapp dun único check, aquí e alá. “Canta xentiña morta, diosmío”. E luces e sirenas, ambulancias, policía, guindastres, bombeiros, que van chegando…

Ricardo pregúntalles os feridos: “Que che doe?, onde che doe..?”. Co seu propio móbil marca o teléfono dos familiares para informalos de que alguén ao que quere está alí, canda el, e que está ferido ou que lle vai falar. Outros queren axudar e nin saben como. Porque están paralizados ou conmocionados; ou porque mover un ferido encarna moitos perigos, e cando van socorrer a un pisan os membros doutro, tendido alí mesmo, á beira, entre restos de ferralla e equipaxes. Xente nova, xente maior, nun escenario de morte e desolación que nunca imaxinaran. Xa é 25 de xullo, iso non mudou. Día Nacional de Galicia, o día do pobo galego. O máis triste tamén para un país que chora de maneira apagada e tristísima, como se chora aquí a perda das cousas importantes. A dor abateu as luces da festa, Santiago calou. Só falan por nós, en representación do mellor que somos e temos, os bos e xenerosos de Angrois.

Nota das Fotos.- De arriba a abaixo, Gloria Brocos, Santiago Taboada e Ricardo Martínez Otero. As fotos son de Antonio Hernández e acompañaron á reportaxe publicada no Correo Gallego o pasado 26 de xullo.

[*] Francisco Pérez Lorenzo (Fran P. Lorenzo) -Vigo 1973, é xornalista. Licenciado en xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (1995). Traballou entre outras cabeceiras en 'Galicia Hoxe' e 'El Correo Gallego', onde segue a exercer na actualidade. Así mesmo, é un dos fundadores do xornal dixital Dioivo.

Blogue Persoal "Un país en lata":

http://unpaisenlata.wordpress.com/

De interese:
No seu blogue hai comentarios aos seus artigos. Tamén no citado blogue poden-se ler artigos de moito interese.

Fonte: http://unpaisenlata.wordpress.com/2013/07/29/os-bos-e-xenerosos-de-angrois/

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
29 de julho de 2013 11:00


_______________

domingo, xullo 28, 2013

"Como pensar as transicións poscapitalistas?", ... Por Jorge Riechmann - Vídeo dunha das leccións do curso "Transicións á sustentabilidade: alternativas socioecolóxicas" - Enlaces ao curso completo

Grazas ás novas tecnoloxías podes facer este interesante curso, a través das intervencións gravadas en vídeo por FuHemTv,. Desde Ártabra 21, achegamos os enlaces, para quen quixer, poda este verán formar-se, para comprender e axudar na transformación social, e activar "a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario".

Jorge Riechmann
[*], profesor da UAM, fala sobre: "Como pensar as transicións poscapitalistas?"

Este relatorio enmarca-se no curso "Transicións á sustentabilidade: alternativas socioecolóxicas" dirixido por Jorge Riechmann e coorganizado por FUHEM Ecosocial, Ecodes, Fundación de Investigaciones Marxistas (FIM) e FYL, e inscríbese dentro do programa de Cursos de Verán da Universidade Autónoma de Madrid.

Curso celebrado os días 15, 16 e 17 de Xullo de 2013.

Publicado o 17.07.2013, no Canle FuHemTv (Educación+Ecosocial). Canle de FUHEM, Institución sen ánimo de lucro que traballa pola construción dunha sociedade máis xusta e solidaria, a través da acción educativa e a promoción do debate e a análise de cuestións ecosociais.


http://www.youtube.com/watch?v=UMhPgMW-s9s&feature=share&list=PL2E3FB22259E389FC

Para ver todos os vídeos do interesante curso:
http://www.youtube.com/user/fuhemtv

[*] Jorge Riechmann Fernández, (Madrid, 1962) é un poeta, tradutor, ensaísta, filósofo e ecoloxista. Licenciou-se en Matemáticas pola Universidade Complutense en 1986. Tamén estudou Filosofía na UNED (1984-1986) e literatura alemá na Universidade Wilhelm von Humboldt de Berlín Oriental (1986-1989). É doutor en Ciencias Políticas pola Universidade Autónoma de Barcelona cunha tese sobre o partido verde alemán. Desde 1990 ata 2008 pertenceu ao departamento de Sociología e Metodoloxía das Ciencias Sociais da Universidade de Barcelona; desde 1995 foi profesor titular de filosofía moral na mesma. No curso 2008-2009 foi profesor invitado na Facultade de CC. Políticas e Sociología da Universidade Complutense de Madrid (UCM). En 2009 incorporouse ao Departamento de Filosofía da Universidade Autónoma de Madrid (UAM) como profesor titular de filosofía moral. Milita en Ecologistas en Acción e en Esquerda Anticapitalista, e é membro da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica.

Blogue persoal '
Tratar de comprender, tratar de axudar':
http://tratarde.org/

________________

Énchesenos a boca falando de Concepción Arenal, ... Por Xaquín Campo Freire - Unha protesta, unha denuncia, unha chamada á reflexión sobre a inxusticia e o que pasa intramuros - Cuarta entrega

Está é a cuarta entrega de Xaquín Campo, unha opinión sobre o cárcere, o modelo penitenciario e o inxusto sistema no que vivimos. Unha denuncia, unha protesta, unha chamada á conciencia colectiva, para a reflexión do que pasa intramuros e os obxectivos teóricos de reinserción, rehabilitación e resociabilización.

FALEMOS DA VIDA NO CÁRCERE. APETÉCECHE?



ÉNCHESENOS A BOCA FALANDO DE CONCEPCIÓN ARENAL

Por Xaquín Campo Freire [*]
28.07.2013

Se o sistema está podre, e non se cambia a auga dese acuario, desa poza emporcallada, non habería que pensar que os do cárcere, a maioría deles, non son senón vítimas destes outros sen lei, sen moral, sen xustiza? A quen nos atreveremos a pór de modelo para esa rehabilitación e resociabilización que tanto pretendemos? Por exemplo: Foi o señor Bush modelo de algo?

Vivimos nunha sociedade onde as grandes institucións banca, partidos, igrexas, Vaticano, IOR, xustiza, exércitos, políticos, policías, etc., aparecen moi corrompidas. Se temos nelas e nos individuos un grao tan grande de perversión e podremia, roubo e abuso, capaces de crear unha crise tan xeneralizada e universal como é a actual, a onde poderemos querer levar a alguén para reinserilo, resociabilizalo, rehabilitalo?

Concepción Arenal no 1893 en “La cuestión penitenciaria” xa dicía: “... cuando todos los días vuelven a la sociedad esos hijos que han aprendido en la prisión el mejor modo de herir a su madre, no se comprende que, ni siquiera por egoísmo, esa sociedad no se ocupe un poco más de lo que le interesa tanto”. “Dado el estado de una prisión puede calcularse el del pueblo cuyos criminales encierra”. “Error en las ideas, injusticia en las leyes, corrupción en las costumbres, dureza en el carácter, atraso en la instrucción; todo tiene allí sus terribles comprobantes, todo ha encarnado en seres que han hecho mal y sufren”.

Énchesenos a boca a todos falando agora de Concepción Arenal. Pero quen está disposto a axudar a un preso para recomezar un camiño, sabendo que vai ter os seus altos e baixos? Moitas veces vaise desanimar e volverá a caer. Se non ten quen o reciba, nin ten a onde ir, nin quen lle ofreza onde gañar a vida honradamente, que pode facer?

Estamos dispostos nestas nosas sociedades da exclusión a recibir a alguén que se queira rehabilitar? Dicía ela: “La reincidencia es unas veces efecto de la maldad, otras de la situación en que se halla el licenciado de presidio, con tan pocos medios de ganar su subsistencia honradamente, en una sociedad que no cree en su honradez”.

Sexamos positivos. Na sociedade temos de ir creando unha conciencia social de cambio na mentalidade común, entre todos, que se estenda e se vaia concretando por grupos en iniciativas diversas diante das necesidades. É moito o que xa se fixo nisto. Proba: Hai poucos días celebrouse en Ferrol o Curso “Gurméndez”: Tantos pensadores e divulgadores con iniciativas que se van abrindo camiño. Xustiza restaurativa. Penas alternativas. Traballos a beneficio da comunidade, etc. Casas de acollida. Permisos. Ofrecen novidade as sentencias para menores do xuíz Emilio Calatayud.

Pensemos sobre todo neses rapaces novos, que nin empezaron a vivir, e foron atrapados desde moi mociños nos ámbitos da transgresión. Con eles a corrección non é inmediata, vaise adiando. Cando anos máis tarde chega o xuízo xa nin lembran os delitos ou teñen un historial ben repleto de delincuencia porque pensaron que todo era impune. Outros, tal vez, xa teñan reorientada a vida. Unha xustiza lenta é inxusta, non é sanante, non é sanadora. Os delincuentes, a delincuencia, como tal, no cárcere é unha minoría ben pequena. A maioría son desequilibrados, drogadictos, enfermos psíquicos, sociais e mesmo corporais.

Para que queremos anciáns e vellos no cárcere aos que a saúde xa nin lles asiste ou pais e nais de familias en desamparo. Non haberá outras medidas máis rexenerativas? Para que os queremos por longos anos no cárcere? Isto non funciona. Castiga. Vinga. Desestrutura. Non rehabilita. E ademais é moi cara economicamente. Pena perpetua, revisábel, para peor, proclama Gallardón. E nós, insensatos: Así debe ser!

Cómpren novas maneiras de pensar e de actuar. Non son inxenuo. Sei das dificultades. Pero tamén sei que ao mundo cambiámolo as persoas. Podemos seguir maldicindo das tebras. Porén xa sería mellor ir acendendo luces por pequechiñas que sexan. Sempre serán máis positivas. Ten que haber outros modos de actuar onde tamén a vítima ocupe o centro e chegue a ser recoñecida de verdade por todos e non esquecida ou encirrada como é agora. Onde tamén ela poida chegar a perdoar con magnanimidade a quen de verdade se lle achega pedindo sinceramente perdón, disposta a reparala e a reconciliarse. Pero iso supón moito traballo en todos. Tal como a xustiza restaurativa que se vai abrindo camiño.

Temos de ir creando grupos de acollida e de apoio con programas ben estudados e estruturados que faciliten esa reinserción e resociabilización. Logo os xuíces poderán dalas a elixir como alternativas. Porén se non existen, se alguén na sociedade non as promove, eles non as poden ofrecer. Exemplo: Moitas das realidades do P. Ángel.

Novas utopías. Visitar cárceres por dentro, coñecer persoalmente aos reclusos e escoitar as súas preocupacións. Saber das súas familias e circunstancias. Sen paternalismos nin buenismos barateiros. Con moito sentido de responsabilidade no que facemos. Acollidas en permisos curtos. Cartearse con alguén algunha vez. Felicitacións polo Nadal. Visitas a quen ninguén vai ver: “Estiven no cárcere e fostes verme”, dixo Xesús de Nazaré. Coñecedes as axudas propostas no filme “Pena de muerte”? A figura do acompañante xa legalizada en EE.UU.?

Ir creando voluntariados aos que a sociedade toda alente e axude. De non ser así, en solitario, será ben difícil saír adiante tanto para as persoas como para as familias. É cuestión de ir creando novas realidades. Todo é querer e empezar. Animaríaste a algo así? Calquera iniciativa é máis que nada. Así foi nacendo ASFEDRO, Aldeas infantiles, refuxios de ancianos, Reto, etc. En Ferrol non temos cárcere. Non somos capital de provincia. Pero temos presos, moitos presos. E coa que está a caer teremos aínda máis. E hai presos pobres, moi pobres. Absolutamente indixentes materiais e de humanidade. Recordades como de mozos nos identificabamos con aquel cantar:
Yo soy rebelde por que el mundo me ha hecho así,/ Por que nadie me ha tratado con amor,/ Por que nadie me ha querido nunca oír.

Yo soy rebelde porque siempre sin razón,/Me negaron todo aquello que pedí,/Y me dieron solamente incomprensión.

Y quisiera ser, como el niño aquel,/ Como el hombre aquel que es feliz./Y quisiera dar, lo que hay en mí,/Todo a cambio de una amistad.

Y soñar, y vivir, y olvidar el rencor,/ Y cantar, y reír, y sentir solo amor”.
Eses presos son “os nosos presos” e dóennos. Os cárceres son “os nosos cárceres”. Só a nós, a esta sociedade, nos incumbe o que se faga con eles. “Sempre queda o recurso de petar na alma das moitedumes ata promover un estado de opinión revolucionaria”, dixo Castelao. O dicionario di: Revolucionario: 4) Persoa con ideas renovadoras. Grande renovador. Revolucionar: 4) Causar mudanza profunda.

Transformación profunda. Iso xa é saír do inmobilismo para ese estado novo de opinión revolucionaria. Non hai dúbida de que moito do que se está a facer xa está nesas condicións e coordenadas da reinserción e das novas medidas. Somentes se ve ben co corazón. O esencial e invisíbel para os ollos.

Fonte da Cruz, Narón, a 26 de Xullo de 2013

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@gmail.com-
26 de julho de 2013 19:54
Aínda estamos co pensamento e co ánimo moi tristes.
Con esta cuarta entrega, acabo, desta xeira, unha preocupación miña por achegar o cárcere e a vida dos reclusos á sociedade actual.
Xa sei que é discutíbel por máis que sexamos moitos en pensar algo así.
Pero se serve para que alguén máis se sume a esta problemática de pobres e empobrecidos dou por ben empregado o molesto que che podo causar.
Unha aperta e bon verán para ti que estás ceibe.
Xaquín Campo Freire
_______________


Entregas anteriores sobre o Cárcere:
A importancia da prevención, ... Por Xaquín Campo Freire - Unha protesta, unha denuncia, unha chamada á reflexión sobre a inxusticia e o que pasa intramuros.

Reahabilitar, reinserir, resociabilizar (II), ... Por Xaquín Campo Freire .

Aquel home xa non era de ninguén, era de ningures, ... Por Xaquín Capo Freire.
________________________

xoves, xullo 25, 2013

Non deamos nada por sentado, ... Por David Rodríguez


Por David Rodríguez [*]
25.07.2013


Podería parecer razoable, desde o punto de vista de quen pasa todo o ano comprometido cos valores solidarios e denunciando os múltiples problemas que esta nosa sociedade na que os valores mercantís priman sobre calquera outro tipo de lóxica, reaccionar con indignación e mesmo con cinismo á avalancha de bos sentimentos, xestos empáticos, accións simbólicas e declaracións benintencionadas que nos inundan neste negro día nacional de Galiza no que centos de persoas feridas e máis de setenta persoas mortas volveron, coa súa descougante materialidade, situarnos no lugar que nos corresponde, e no que tantas veces esquecemos estar, a causa da segunda natureza cultural e tecnolóxica na que se desenvolve a nosa vida: o lugar dunha criatura estremadamente débil e suxeita á intemperie e aos vaivéns da fortuna. E máis razoable podería semellar, neste tempo no que asistimos a diario ao desmantelamento do marco legal que, mal que ben, contribuía a que en tantos outros casos tráxicos relacionados coa inequidade socioeconómica e coas consecuencias que esta ten en todos os ámbitos da vida, a reacción de pasividade do groso da poboación clama ao ceo. Porén, como tantas veces levo feito neste blog para outras coxunturas, penso que, desde un punto de vista político, cómpre resaltar tamén, neste caso, o significado de todo o que vén sucedendo desde que a máquina do Alvia envorcou e se estomballou contra un muro deixando en tanta xente un estado shock físico ou psicolóxico imborrable. E por político non falo de causas, neglixencias ou despropósitos que se poidan vencellar ao caso do accidente do tren, á súa utilización nos media ou ao comportamento das institucións -cuestións que, naturalmente, haberá que investigar e depurar- senón que me refiro ao caracter totalmente político, como sabemos desde que nolo ensinara Antonio Gramsci, que ten o chamado "sentido común", isto é, os valores hexemónicos nunha sociedade dada. E por máis que isto poida parecer pouca cousa, cómpre non dar nada por sentado. Neste país de moi recentes desertores do arado no que por veces semella que todo ese pouso de valores comunitarios e solidarios desaparecesen como se nunca tivesen existido é unha cuestión política de primeira orde saber que aquela mutación que tanto preocupaba a Pasolini nos valores das clases populares aínda non se levou a cabo totalmente. E aínda é máis importante se temos en conta que vimos dun ciclo histórico dominado culturalmente polo neoliberalismo e a súa aversión á idea de sociedade e o seu canto ao individualismo egoísta. Que o primeiro impulso dos veciños do lugar do sinistro fóse socorrer ás vítimas lixando as súas mans co sangue dun estraño, que tantos profisionais sanitarios se prestasen a traballar arreo para dar os primeiros auxilios, que houbese bombeiros que renunciasen a continuar cunha folga para colaborar nas tarefas de excarcelación, que houbese un completo colapso popular dos puntos de doazón de sangue e que tanta xente seguise todo a través das redes sociais cunha implicación emocional sincera podería parecer que forma parte da paisaxe normal. Que non hai nada de relevante no feito de que as persoas reaccionen así ante unha catástrofe como esta. E porén, eu creo que non debemos dar nada por sentado. Cando tratamos de pensar friamente cal é o chan (porque eu teño asumido que nesta cuestión partimos do chan) a partir do que debe volver xurdir ese suxeito político que volva pór a andar, como realidade organizada para a transformación, os vellos valores da liberdade, da igualdade e da fraternidade, esta cuestión, a cuestión de cal é o sentido común da nosa sociedade nun contexto de percepción xeralizada de emerxencia, non é algo menor, nin algo que se deba dar por descontado sen facer reflexión algunha do mesmo.

O Funambulista Coxo

Publicado o 25 de Xullo de 2013 no blogue ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.


__________________

Traxedia en Compostela: Moitos heroes e algún vilán - Moi boa editorial en Praza Pública

O 24 de xullo de 2013 será lembrado durante moito tempo como un día de dor e de fonda tristura, polos falecidos, feridos, os seus achegado e familias. Eles e elas son as protagonistas. Tamén será lembrado polo impacto causado polo accidente nunha cidade ateigada de xente, en véspera da festa nacional de Galicia.
E será lembrado tamén pola acción desinteresada e o traballo de moitas persoas e colectivos, dende os veciños de Angrois que asistiron aos pasaxeiros nos primeiros momentos até todos os traballadores e traballadoras dos servizos públicos: sanitarios, policia ou bombeiros, pasando polos centos de persoas que acudiron de contado ás chamadas que pedían que se realizasen doazóns de sangue. 
Tamén hai viláns e críticas, sobre todo dirixidas ao desleixo de moitos medios de comunicación nas primeiras horas da traxedia ou á espectacularización dos feitos. Tamén para certas metidas de zoca, por exemplo o moi comentado pésame emitido por Moncloa. Ou para a reacción que xerou nalgúns tertulianos que o presidente da Xunta intervise en galego.

Moitos heroes
  • Os veciños e veciñas de Angrois sacaron mantas e auga para socorrer os pasaxeiro feridos e axudaron a moitas persoas a sair dos vagóns e a rescatar cadáveres.
  • As empregadas e empregados dos servizos públicos, dende o persoal sanitario até o policial ou os bombeiros, que traballaron durante horas e que mesmo se incorporaron aos seus postos estando de vacacións. Como lembraba Helena Villar Janeiro nun comentario nas redes sociais, "cómpre facer referencia a que os traballadores e traballadoras que están dando o callo, que abandonaron as casas e as vacacións para atender aos sufridores deste drama son funcionarios na súa peor época. E que os hospitais que están facendo fronte son públicos. Se non entendemos hoxe o que isto significa, non o entenderemos nunca xa".
  • Os bombeiros dependentes do consorcio comarcal suspenderon durante sete días a folga e as protestas que tiñan convocadas. O comité de folga fixo un chamamento aos profesionais e mesmo se incorporou aos parques persoal que estaba de vacacións.
  • Os centos de persoas que responderon á chamada dos centros de transfusión para que se doase sangue no Centro de Transfusión do Monte da Condesa (Campus Sur). Precisouse, sobre todo, sangue do grupo cero negativo e do A negativo, pero a primeiras horas do luns pediuse á xente que agardase uns días para volver doar ante a masiva e suficiente resposta da sociedade galega, que encheu varios hospitais e centros no país.
  • Os e as xornalistas dos medios de comunicación que informaron dende os primeiros momentos -con erros, dende logo- do sucedido, en xeral todos os medios galegos, "que informaron con rigor, dignidade e sobriedade, o que sei é moi difícil nesas circunstancias", como lembraba Manuel Bragado. Certo é que a cobertura da TVG recibiu merecidas críticas por ter abusado de especulacións e de imaxes sen editar, coa visión dalgúns cadáveres ou mencións non xustificadas o ex ministro de Fomento. Pero a súa cobertura continua fixo lembrar a importancia de contarmos con medios de comunicación públicos de calidade en Galicia. Bragado conclúe que "a traxedia de Angrois demostrou que é imprescindible contar con medios públicos e xornalistas independentes para facerlle fronte colectivamente a estas desgrazas colectivas". 
  • O respecto amosado por todas as forzas políticas, que suspenderon de inmediato todos os actos previstos, e malia as lexítimas críticas ou esixencia de responsabilidades, deixaronlle o protagonismo ás vítimas.
  • O respecto e a solidariedade amosado por todos os galegos e galegas nunha xornada moi triste. Estanse convocando concentracións silenciosas para as 20.42 horas de hoxe en varias cidades de Galicia, que terán lugar nas estacións de tren.

Algúns viláns
  • A cobertura de TVE. A cadea pública tardou dúas horas, até as 22.32, en informar debidamente no Canal 24 horas dunha das meirandes traxedias dos últimos anos. No Telediario non citaron a noticia en titulares, a pesar de que o accidente se produciu 20 minutos antes do inicio do informativo e a primeira conexión fíxose unha hora e media despois, por teléfono e sen imaxes en directo: unha voz en off sobre imaxes fixas ou de vídeoafeccionado ía facendo comentarios. Ademais utilizaron imaxes de 2003 do accidente ferroviario de Chinchilla para ilustrar a nova. El Plural pregúntase "Onde está o servizo público nesta TVE de Somoano?" e cualifica de "bochornosa" a cobertura da traxedia. Neses momentos CNN ou BBC informaban en directo do accidente. Suso de Toro é moi claro nas súas críticas: "a única nota grotesca deuna TVE, que tratou como tratou unha desgraza tan grande. Foron tan poucos os mortos? Tan lonxe está Santiago de Madrid? Desa Moncloa que lles envía aos familiares un pésame polo "terremoto en Gansu". Onde é Gansu? Onde é Santiago? Non saben". 
  • Foi moi comentado nas redes sociais o erro cometido por Moncloa ao mesturar no pésame polo accidente de Santiago co terremoto de Gansu, produto da excesiva rapidez á hora de reelaborar o texto. "Quiero transmitirle mi más sentido pésame por la pérdida de vidas humanas y cuantiosos daños materiales que ha traído el terremoto que ha tenido lugar esta madrugada en Gansu", dicía o texto.
  • Tamén se criticou con dureza a espectacularización que realizaron algúns medios, amosando imaxes de mortos ou feridos, ou entrevistas con pasaxeiros ou veciños que non achegaban información senón o morbo do seu sufrimento. O primeiro punto do Decálogo de recomendacións para medios e xornalistas de sucesos de catástrofe do Colexio de Xornalistas indica que "o dereito á intimidade e á propia imaxe no caso dos protagonistas de sucesos que revisten características de catástrofe".
  • Nas redes sociais está a criticarse o complemento de produtividade que se lles paga aos maquinistas por asegurar a puntualidade dos trens.
  • Ao redor da mañá o presidente da Xunta interveu ante os medios e leu unha Declaración Institucional de pésame. Fíxoo en galego, o que foi criticado en twitter e tamén por algúns participantes de tertulias televisivas, por exemplo no Programa de Ana Rosa.
  • Tamén se pode incluír nesta relación o debate sobre as causas do accidente. Sobre todo do feito de que a liña carecese de ERTMS (European Rail Traffic Management System), un sistema que impide que un tren rebase a velocidade máxima establecida. Ou de que na zona de Angrois se mantivese unha curva que xa era considerada "complicada". Destes temas haberá que falar nos vindeiros dias.

    Redacción | @prazapublica .
    Publicado en Praza Pública
    |
    25.07.2013

    Recomendamos visitar a páxina orixinal, con comentarios.

    Todos os contidos textuais de Praza Pública están liberados coa licenza Creative Commons by-sa. Así pois, es libre de coller todos os textos da web, reproducilos parcial ou integramente, e distribuílos como queiras sempre que cites a súa autoría e empregues tamén a mesma licenza.

    _____________

mércores, xullo 24, 2013

Reganosa e a fraude no dragado da Ría: A fiscalía denuncia a dous xefes da Xunta polo dragado da Ría de Ferrol


O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, difunde unha reportaxe de Silvia R. Pontevedra, publicada no xornal 'El País' edición dixital para Galicia, no que se manifesta que "a fiscalía denuncia a dous xefes da Xunta polo dragado da Ría de Ferrol", feitos que, no seu día, denunciara o propio Comité e a organización ecoloxista ADEGA. O mesmo Comité manifesta, á hora de difundir a reportaxe, que cualifica o feito como "un exemplo mais das tropelías de Reganosa, amparada polas Administracións Públicas, contra a Ria de Ferrol, que o Comité Cidadán de Emerxencia ven denunciando reiteradamente". E facilita dous enlaces de interese sobre as denuncias feita no seu día:
http://cociudem.wordpress.com/2010/07/20/alegacions-do-cce-ao-dragado-da-ria-de-ferrol/

http://cociudem.wordpress.com/2012/07/03/a-xunta-agocha-un-informe-importante-en-beneficio-de-reganosa/

Pola importancia da mesma, a continuación transcribimos a reportaxe:

A fiscalía denuncia a dous xefes da Xunta polo dragado da Ría de Ferrol
O ministerio público descobre que o expediente remitido por Medio Ambiente esconde un informe contrario e inclúe outro favorable elaborado a posteriori.
Silvia R. Pontevedra Santiago 23 JUL 2013 - 21:55 CET

Unha denuncia da Fiscalía de Medio Ambiente reaviva a polémica polo dragado da ría de Ferrol, que se levou a cabo nos últimos meses do ano 2011 malia que existía un informe dun biólogo da Xunta que consideraba a obra de ampliación do calado "ambientalmente incompatíbel coa conservación dos hábitats e especies presentes". O fiscal Álvaro García Ortiz acusa a Carlos Muñoz Martínez, xefe de Conservación dá Natureza na Coruña, e a Rogelio Fernández Díaz, subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, da posíbel comisión dun delito de prevaricación, outro de falsedade documental e outros dous delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente.

A investigación do ministerio público abriuse en setembro de 2012 despois de que durante ese verán o grupo ecoloxista Adega fose aportando unha serie de indicios que apuntaban que existía un informe inicial contrario ás obras que foi reemprazado por outro favorábel, coincidente co elaborado por encargo da promotora do dragado, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Na documentación solicitada tanto polos ecoloxistas como pola fiscalía e até polo Valedor do Pobo (que abriu outra investigación despois de que Adega denunciase que se lle negaba acceso ao expediente da Declaración de Impacto Ambiental) aparece un escrito cunha data cambiada (un 2011, "corrixido a man" logo cun cero, de tal xeito que figura posteriormente fechado en 2010) e un documento impreso nun tipo de papel oficial que non existía cando o Ministerio de Medio Ambiente aprobou a declaración de impacto. Ante estes documentos da Administración aportados a requirimento do ministerio público, o fiscal fala de "sorpresa", e Adega, directamente, de "chafallada".

Na parte superior deste último documento citado non aparece o logotipo promocional do Xacobeo 2010, que estaba en vigor no papeleo oficial no momento en que se tramitou a avaliación ambiental. No seu lugar, figura a marca turística actualmente vixente na Xunta: a palabra Galicia coa primeira letra, a G, prolongada cun trazo curvo. A entrada en vigor desta imaxe corporativa apareceu no DOG o 30 de xuño de 2011, medio ano máis tarde de que a Secretaría de Estado de Cambio Climático publicase no BOE a declaración de impacto ambiental sen rastro do informe negativo que elaborara o técnico de Conservación dá Natureza e que, segundo a denuncia, mantívose oculto.

As dilixencias da fiscalía pasaron agora a mans do xulgado de Instrución número 3 de Santiago, e segundo informou onte a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o maxistrado xa empezou a solicitar información. "O xulgado, a petición do fiscal, solicitounos distinta documentación e estamos completándoa para enviala", explicou un portavoz oficial do departamento que dirixe Agustín Hernández, sen entrar a valorar os supostos delitos dos que se acusa a dous dos seus responsábeis.

O fiscal de Medio Ambiente sinala directamente na súa denuncia e solicita ao xuíz que se tome declaración en calidade de imputados a Carlos Muñoz e a Rogelio Fernández. O primeiro aparece como fírmante dos informes de Conservación dá Natureza que finalmente serviron para dar luz verde ás obras. Mentres que ao segundo responsabilízaselle dunha "nota interior" pola que, "máis dun ano e dous meses despois do informe negativo" inicial (fechado en xullo de 2010, antes de publicarse a declaración de impacto favorable), requírese á delegación na Coruña do Servizo de Conservación para que o "reevalúe".

O Ministerio de Medio Ambiente aprobou a declaración de impacto, segundo a denuncia, sen un informe (neste caso negativo)de Conservación dá Natureza que é obrigatorio por lei. E as agullas rochosas que obstaculizaban á altura dos castelos de San Felipe e A Palma o paso de barcos de gran calado como os gaseros de Reganosa desapareceron, sen ter en conta as alegacións de ecoloxistas e mariscadores.


Adega pediu ceses fai xa un ano


S. R. P.

Adega denunciou que existía un informe técnico contrario ás obras ata antes de que estas iniciásense o 20 de outubro de 2011. Desde entón defendeu unha e outra vez que no chamado Proxecto de mellora dous calados dá canle de entrada ao interior dá Ría de Ferrol (LIC Costa Ártabra) estábase cometendo prevaricación e, fai un ano, en xuño de 2012, pediu xa o ?cese inmediato? de "os responsables dos organismos implicados nesta chafallada". Segundo denunciou entón ante a fiscalía e a Comisión Europea, foran dúas as Administracións que "conscientemente" habían "deturpado o procedemento". Tanto os supostos implicados na consellería como os do ministerio de Medio Ambiente debían "render contas ante a xustiza" por vulnerar as leis ambientais.

O secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, describe a procura que levou a cabo o seu grupo neste asunto, convencido de que houbera "escandalosas irregularidades", como un "verdadeiro labor de investigación". A sorpresa supina chegou o día que, cotexando datas, os ecoloxistas descubriron que un dos escritos fora incluído "a posteriori", "chapuceramente impreso nun papel cun logo da Xunta que nin existía cando se tramitou a obra". Para acceder ao expediente administrativo tiveron que recorrer ao Valedor, ao que finalmente a Xunta remitiu aquel informe que se mantivo oculto e que se opoñía rotundamente ás obras.

En 2005, o Instituto Xeográfico da Mariña localizou tres agullas rochosas e un área de sedimentos que teoricamente dificultaban a entrada de determinados barcos. En 2011, o Porto de Ferrol utilizou explosivos para eliminar eses obstáculos sen achar trabas nas autoridades medio ambientais. Parte daqueles fondos formaban parte do LIC Costa Ártabra, "un dos ecosistemas máis biodiversos de Galicia, no que frecuentemente aparecen novas especies", recorda Adega.

Fonte: http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/07/23/galicia/1374609162_358530.html

Informe de interese na web de ADEGA:
Denunciados pola Fiscalía dous altos cargos de Medio Ambiente por prevaricación, falsidade documental e delito ambiental

Para contactar:

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Enviado por:
comitecidadan
-comitecidadan@gmail.com-
24 de julho de 2013 12:30

________________

O Comité Cidadán convoca unha nova concentración de protesta ante a entrada na Ría do LNG 'Stena Blue Sky', cargado con gas natural licuado para a ilegal e perigosa Reganosa


CONCENTRACIÓN EN FERROL,
NO PEIRAO DE CURUXEIRAS
NO PORTO BARRIO DE FERROL VELLO
ÁS 8 DA TARDE, DO MÉRCORES 24 DE XULLO

O LNG 'Stena Blue Sky', un buque gaseiro de grande porte, pois ten 285,04 metros de eslora por 43,44 de manga e un calado de 11,55 m, cargado con miles de toneladas de GNL/LNG para a ilegal e perigosa Reganosa, ten anunciado a súa entrada na Ría de Ferrol, para este Xoves 24 de Xullo de 2013. Esta entrada dun buque cargado con gas natural licuado para Reganosa, supón xa a 150, desde que o fixera o LNG "Galicia Spirit" en Maio de 2007.

Diante do aumento da ameaza contra a seguridade e a vida, que supón a entrada do buque gaseiro, xunto á propia instalación da Planta de Gas en Mugardos, o Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha acción de protesta e denuncia, consistente nunha Concentración Sonora, o mesmo Sábado, ás 8 da Tarde, mais desta volta a Concentración terá lugar no peirao de Curuxeiras, no Porto no barrio de Ferrol Vello.


Características do buque.-
Nome: Stena Blue Sky, eslora: 285,4 m, manga: 43,44 m, Puntal: 26m, calado: 11,5 m.
  • QUE SE CUMPRA A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA   !!
10 razóns para preguntar-se ... Por que Reganosa ten que saír da nosa Ría e das nosas Vidas ?

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Información baseada na enviada por:

comitecidadan
-comitecidadan@gmail.com-
23 de julho de 2013 15:11

____________