luns, setembro 20, 2021

23 Aniversário do decano dos Centros Sociais - Sabias que em setembro de 1998 a Fundaçom Artábria abria o primeiro dos centros sociais da Galiza? - A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza


👉Sabias que em setembro de 1998 a Fundaçom Artábria abria o primeiro dos centros sociais da Galiza? Este mês fazemos 23 anos de existência mas também cumprimos um ano com o local fechado polas restriçons covid, aliás, resistimos‼ E para celebra-lo organizamos um novo jantar deslocalizado o próximo domingo 3 de outubro. Vés ao Centro Social, recolhes a comida no teu tupper e comes onde queiras e com quem queiras 😉

👩‍🍳Mais umha volta a nossa chef Anxos pom-se aos mandos da cozinha para ofertar-nos umha espetacular ementa:

- Sande de Pernil à moda da Casa Guedes, Caldo Verde e Queijadas de Sintra. Haverá opçom vegana.

Podes anotar-te antes do 1 de outubro no ✉️correiodeartabria@gmail.com ou no 📱669 778 474.

10, 100, 1000 Centros Socias!

--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net
 
Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.


Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
14 de setembro de 2021 12:45

_______

Hoxe, luns 20 de setembro, en Radio Filispím: Os Historiadores da AC. Ferrolterra Antiga realizarán un debate sobre a actualidade e potencialidades da Memória Histórica en Ferrol, coa presenza de Xosé Manuel Suárez (Investigador) e Manuel Fernández Pita (Presidente da A.C. Memoria Histórica Democrática)



Luns 20, 18 hs, en  Radio Filispím (93.9 FM).

Contidos  do PROGRAMA 117. UNHA TARDE NO MUÍÑO

✅ Memoria doutros 11-S. Salvador Allende, sempre, por Celia Fernández Alvariño (Unha ollada sociolóxica).

✅ Outro mundo é posible. Rafa Rodríguez entrevista a Luis Ruiz Rodríguez.

✅ Ferrol, un espazo para a Memoria. Os Historiadores da AC. Ferrolterra Antiga realizarán un debate sobre a actualidade e potencialidades da Memória Histórica en Ferrol. Coa presenza de Xosé Manuel Suárez (Investigador) e Manuel Fernández Pita (Presidente da A.C. Memoria Histórica Democrática).

✅ Noticias dende o Barrio Alto-Canido, por Roberto Taboada.
 
Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática
 
Enviado por:
Memoria Histórica Democrática
memoriahistoricademocratica@gmail.com-
19 de setembro de 2021 16:54

_______

sábado, setembro 18, 2021

NON á estafa da luz ! - Este domingo 19 de setembro, ás 11 da mañá na Praza de Armas, en Ferrol - A CIG convoca 20 concentracións en cidades e vilas e propón 8 medidas a adoptar de forma inmediata para garantir o acceso á electricidade como ben básico


A CIG convoca 20 concentracións en cidades e vilas, o 19 de setembro, para dicir NON á estafa da luz. | Propón 8 medidas a adoptar de forma inmediata para garantir o acceso á electricidade como ben básico.

NON á estafa da luz ! -

Este domingo 19 de setembro, ás 11 da mañá na Praza de Armas, en Ferrol


A CIG ten convocadas para o vindeiro domingo, día 19 de setembro, un total de 20 concentracións en cidades e vilas de toda Galiza baixo o lema “NON Á ESTAFA DA LUZ, Recuperación das Centrais Hidroeléctricas, Tarifa Eléctrica Galega”. A central sindical fai un chamamento a participar nestas mobilizacións diante do imparábel medre da factura da luz e a impunidade coa que actúan as eléctricas pero, sobre todo, tal e como denunciou o secretario xeral, Paulo Carril, diante do “nulo papel que tanto o goberno galego como o español están a facer para garantir, con políticas públicas, o acceso á electricidade do conxunto do pobo en condicións accesíbeis”.

Carril fai este chamamento “coa lexitimidade e autoridade das moitas propostas e iniciativas que desde a CIG levamos anos facendo, para poñer fin ao réxime de oligopolio, á mafia das empresas eléctricas, que por decisións de todos os Gobernos españois gozan dun marco regulatorio e tarifario acorde aos seus exclusivos intereses”.

Especialmente “lamentábel e desprezábel” considera o papel do PP e da Xunta. Máis despois das súas políticas en favor das mesmas, “nomeadamente as que explotan os nosos ríos”, matizou, e da súa “permanente oposición a que en Galiza puideramos dar solucións como as que a CIG ten defendido e levado ao Parlamento Galego”.

A este respecto lembra as diferentes ILP promovidas pola central sindical nos últimos anos -que o PP no Parlamento Galego rexeitou-, como a da tarifa eléctrica galega, a da recuperación das Centrais Hidroeléctricas ou as propostas da CIG para dar solución á industria electrointensiva. Así como na recente tramitación da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética e nas propostas feitas en outubro do ano pasado para “Unha saída galega xusta da crise”.

Propostas que demostran que “existen mecanismos legais, que é posíbel se hai vontade política, garantir prezos xustos da enerxía”, afirma. Un ben de consumo de primeira necesidade que, ao seu entender, “obriga aos poderes públicos a recoñecer a enerxía como un dereito universal de todas as persoas ao benestar social e a adoptar medidas de intervención no sector eléctrico para garantir unha vida digna e un desenvolvemento económico, social e industrial que cree postos de traballo”.

Colonización enerxética

Carril denuncia ademais que toda esta gravísima situación de alza nos prezos da electricidade, ten lugar nun momento no que Galiza se atopa diante dun novo proceso de “colonización enerxética” que no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras e montes, “mentres se mantén a moita xente na pobreza enerxética e comarcas enteiras de Galiza camiño da desertización social e industrial, sen plans alternativos de ningún tipo de reindustrialización”.

Canda isto advirte que as grandes empresas eléctricas “están a aproveitar a ocasión do negocio eólico para facer o seu lavado verde, sen ter previamente reparado a súa débeda ecolóxica nin resolto o impacto social xerado”.

Por iso demanda unha verdadeira transición ecolóxica galega “ordenada, xusta, ao servizo do País, cunha xestión pública que poña fin ao oligopolio das grandes eléctricas”.

Sector estratéxico para Galiza

O secretario xeral da CIG fai especial fincapé no valor estratéxico que para Galiza ten o sector enerxético, polo que representa no seu PIB e por ser un factor relevante para a produción industrial. Denuncia que, porén, ao longo dos anos, “por decisión políticas, Galiza foi especializándose na xeración de electricidade con enormes custes socias e medio ambientais e sen poder tirar proveito desta actividade”. Nese sentido lembra que “en Galiza exportamos, nos últimos anos, unha media do 30% en favor doutros territorios e do seu desenvolvemento económico, social e industrial mentres en Galiza, pechan empresas, medra o desemprego e continua a emigración”.

Ademais critica ao Goberno español do PSOE e UP por trasladar toda solución “ao xogo do puro e duro do libre mercado, confiando que con máis renovábeis en produción, o prezo baixará”.

Propostas de actuación inmediata

Sobre a mesa pon unha serie de medidas a adoptar por parte dos gobernos español e galego, no marco das súas competencias, vía Decreto e outras ferramentas legais para levalas adiante. Propostas que a CIG ten presentado en numerosas ocasións, que non foron atendidas polos distintos gobernos e cuxa aplicación tería evitado chegar á actual situación:

1.- O recoñecemento da enerxía como dereito fundamental a unha vida digna que obriga ás Administracións Públicas a desenvolver e fomentar políticas públicas de intervención no sector eléctrico coas que garantir o aceso de todas as persoas á mesma.

2.- Reversión das instalacións hidroeléctricas que teñan rematado e rematen a concesión, destinado os beneficios da produción hidroeléctrica a abaratar o custe da electricidade.

3.- Creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas cuxa concesión vaia vencendo e, tamén, controle as participacións accionariais que ten a Xunta noutras empresas enerxéticas.

4.- Fiscalización das concesións hidroeléctricas en vigor de acordo á lexislación de augas vixente en Galiza e no Estado español a fin de garantir que a enerxía reservada en favor das Administracións Públicas se destina a baixar o prezo da electricidade.

5.- Modificar o sistema tarifario, limpando a factura de todas as peaxes que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, coa produción de electricidade: primas renovábeis, custes extrapeninsulares...

6.- Retirada do pool, do mercado maiorista, para fixar o prezo da electricidade, as centrais hidráulicas e as nucleares.

7.- Modificar transitoriamente os impostos que actualmente están presentes na tarifa eléctrica e que pagan inxustamente as persoas consumidoras mentres non entren en vigor as medidas anteriores, reducindo o tipo máximo de IVE actual, do 21%, ao 4% que se aplica aos produtos básicos e, así mesmo, que as empresas deixen de repercutir nas usuarias e usuarios o 7% do imposto á xeración.

8.- Implantación da tarifa eléctrica galega, dunha tarifa eléctrica máis baixa en Galiza, partindo dunha redución do 30% das peaxes do sistema eléctrico.

Pola súa banda, Fernando Branco, responsable do sector de Enerxía da CIG explica que destas medidas, hainas de impacto inmediato na factura da luz e medidas a máis longo prazo. A curto prazo salienta a redución da fiscalidade ao 4%, que está agora no 21% para empresas, PEMES e consumos comerciais e, temporalmente no 10% para consumo doméstico, que teñen menos de 10 kw de potencia contratados. E limpar da factura aquelas peaxes que non teñen a ver co propio sistema eléctrico: as primas de renovábeis, que son 6.000 millóns de euros ao ano e os extra custos extrapeninsulares para compensar solidariamente o alto prezo da xeración de electricidade que teñen en Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla, uns 750 millóns de euros ao ano. Ambas partidas que “deberían de estar en orzamentos do Estado” e non na factura. “Sería máis xusto socialmente porque ao estar no recibo afecta tanto a unha traballadora de Citröen como a Florentino, pero se está en orzamentos do Estado quen máis contribúe é quen máis gaña”.

Medidas para mudar o sistema eléctrico

Respecto das outras medidas subliña que, aínda que non teñen impacto inmediato “hai que facelo xa”, como a recuperación das centrais hidroeléctricas, que considera que teñen que ir a unha empresa pública galega de electricidade que as xestione. “Non hai ningún motivo para que esas centrais sigan sendo xestionadas por mans privadas, algunhas desde hai máis dun século, forzando ao límite a Lei de Augas”.

Tamén reclama a modificación do sistema de casación de prezos no mercado maiorista, o chamado pool, que pagan todas as tecnoloxías por igual e sempre a custo da máis cara. “Iso é un disparate xa de presente, pero máis de futuro, porque sempre imos ter algunha tecnoloxía cara que vai entrar a producir pola propia demanda enerxética que se prevé no futuro”.

Sobre esta cuestión demanda que se saquen do mercado dúas tecnoloxías que “están súper amortizadas e que non emiten CO2”, como as nucleares e as hidroeléctricas. Tecnoloxías que, casualmente, están en posesión de Naturgy, Iberdrola e Endesa e que teñen unha posición de forza no mercado. “Por iso hai que retiralas do mercado maiorista e ir a un sistema de fixación de prezos”, conclúe.

Fonte: Avantar.
_______

Resposta do Feminismo Galego ante un novo asasinato machista - Sábado 18 de setembro, ás 8 da tarde, en Ferrol, Cabanas e As Pontes, como noutras cidades e vilas da Galiza, están convocadas concentracións de repulsa - Basta de feminicidios, o machismo mata !


Basta xa de Feminicidios !

Resposta na rúa do feminismo galego ante un novo asasinato machista, desta vez n'A Coruña, no barrio d'O Birloque, onde foi brutalmente asasinada Mónica Marcos.

Concentracións este sábado 18 de setembro, ás 8 da tarde,
💜 en Ferrol, na Praza de Armas diante do Pazo Municipal,
💜 Cabanas, diante da Casa do Concello
💜 e As Pontes, na Praza do Hospital,
como noutras cidades e vilas da Galiza, van ter lugar concentracións de repulsa.

O asasino xa tiña antecedentes por violencia machista contra a dúas ex-parellas, en Canarias.

...“estamos fartas de que non se ille aos agresores nos nosos contornos máis próximos, onde nace e se perpetúa a violencia. De que se reproduza a educación machista e a discriminación que marca a lume o noso rol social a través das familias” e coa denuncia de que “todas aquelas persoas que negan a violencia machista, ou ben que a xustifican negando que o único motivo dos asasinatos é o patriarcado, é cómplice de cada asasinato”...

Basta de feminicidios, o machismo mata !

MAPA DOS FEMINICIDIOS NA GALIZA:

http://feminismo.info/feminismo/feminicidio/

#Feminicidio

#ViolenciaMachista

#MachismoMata

#RespostaFeminista


"As mulleres decidimos"


Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Info baseada na enviada pola:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
17 de setembro de 2021 08:58

_______

martes, setembro 14, 2021

Unha plataforma veciñal para loitar contra o macroproxecto Parque Eólico Barqueiro: 'Ortigueira di Non' - Por unha transición enerxética xusta e sustentable


Non sei se vostede esta o corrente do que está a acontecer a día de hoxe nas nosas aldeas, e é que hai un movemento que pretende que se escoite a nosa voz. Un movemento que intenta paralizar o que vemos repetido na historia unha e outra vez. Fanse proxectos co único fin de acadar subvencións sen importar a quen se levan por diante. E esta vez temos algo que dicir: Ortigueira di Non!

ORTIGUEIRA DI NON realizou unha concentración diante do Concello o día do pleno extraordinario que tivo lugar o pasdo 9 de setembro, que se suma ás distintas formas de protesta que están a ter lugar nas últimas semanas, incluído "os roteiros reinvindicativos" que tiveron lugar o domingo5 de setembro e que finalizaban nun marco incomparable, Monasterio de Caaveiro, corazón das Fraguas do Eume onde estes muíños xigantescos tamén chegarían.

Esta plataforma é unha asociación veciñal e apolítica que emerxeu para loitar contra o proxecto Parque Eólico Barqueiro, un dos seis proxectos que ocuparían parte da zona de Ferrol Terra, Ortegal e Mariña.

O aluvión de proxectos eólicos débese ás axudas Next Generation que a Unión Europea está a conceder e ao afán das empresas por conseguir os fondos europeos.

ORTIGUEIRA DI NON está a favor das enerxías renovables. Pero considera que non se poden vulnerar os nosos dereitos e saltarse a lei vixente. Non se pode permitir a instalación de aeroxeradores de 200 metros a 300 metros das casas como se pretende, a destrución da nosa paisaxe, que é máis que un reclamo turístico para nós, sen un estudo tan básico como o de acuíferos, por exemplo. E moito menos permitir o espolio das terras dos nosos veciños. Todo iso para que se lucre unha empresa privada e nós os galegos, nin sequera a nosa comarca, teñamos ningún beneficio máis que a destrución da nosa contorna.

Cremos que como mínimo se debe informar á xente para que teñamos unha idea real do que todo isto significaría para a nosa comarca. E evitando así o botar as mans a cabeza unha vez que o mal xa esta feito.

Lucía Bermúdez Blanco, en representación
PLATAFORMA VECIÑAL ORTIGUEIRA DI NO

No facebook.

Manifesto de Caaveiro -  Por unha transición enerxética xusta e sustentable - 05.09.2021 | En formato pdf, 6 páxinas. | Baixar/Acceder.

Info baseada na enviada por:
Ortigueira Di Non
-ortigueiradinon@gmail.com-
7 de setembro de 2021 22:14

_______

luns, setembro 13, 2021

A saúde mental e o drama dos suicidios, o terrible síntoma dunha sociedade enferma, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández [*]
13.09.2021


Unha sociedade onde a taxa de mortes por suicidio triplica a das mortes en accidentes de tráfico, é unha sociedade enferma e insá.

Pero cando ademais esa sociedade dá as costas ó problema e non tenta por tódolos medios de buscar unha solución, xa non só é unha sociedade enferma e insá, tamén é unha sociedade sin empatía dirixida por psicópatas.

Non falar do tema e esconder esta dramática situación, non fai que o drama desapareza, esconder os problemas debaixo da alfombra non é unha solución. Traballadores sobre explotados e cheos de incerteza, parados de longa duración sin esperanza, familias endebedadas, esnaquizadas pola crise, desafiuzamentos, inxustizas e abusos por toda parte, son o caldo de cultivo da enfermidade física e mental.

A isto debemos sumar os recortes nunha sanidade xa ó límite, unha sanidade onde a saúde mental sempre foi de terceira categoría e unha Pandemia que o ten complicado todo aínda máis.

Agora que presuntamente temos un goberno de progreso é hora de apostar por unha sanidade pública de calidade e con recursos, é urxente inverter en saúde mental.

De non facelo, de seguir escondendo e ocultando o problema, o drama dos suicidios e dos enfermos mentais, entón xa non falaríamos dun problema de saúde, senón dun xenocidio encuberto, porque a saúde tamén vai por clases sociais, é o pobre quen non se pode permitir o psicólogo ou o psiquiatra de pago.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Membro da Sección Sindical e Delegado da CIG en Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
13 de setembro de 2021 10:10

_______

Liquar o sexo (II): menores, ... Por Lupe Ces


Por Lupe Ces [*]
13.09.2021


LIQUAR O SEXO (II) : MENORES.

Rematou o tempo de alegaçons à "Lei Trans" [1] em pleno agosto sem que se desse o necessário debate social sobre umha lei que entendemos, polo menos as feministas, que supom passos atrás em matéria de igualdade e um fortalecimento dos estereótipos de género, fortemente induzidos sobre todo na infáncia e adolescência.

Profissionais da saúde que levam acumulando experiência por anos de serviço, estudo e dedicaçom a atender às pessoas transexuais, debatiam sobre qual é o melhor enfoque para tratar a chamada até agora "disforia de género",[2] e que passará no ano 2022 a chamar-se "discordáncia de género" dentro do novo CIE-11 (OMS) para diagnóstico e monitoreo de problemas de saúde. A Lei Montero, sem recavar a sua opiniom e assessoramento, aposta decididamente pola intervençom afirmativa, que nom tem em conta antecedentes, causas ou razons que precedem ou acompanham a apariçom da disforia de género, limitando o papel das profissionais da saúde a acompanhamento na hormonaçom e cirurgias.

A Lei impom este enfoque ademais, desprezando as evidencias científicas que asseguram que o 80% das disforias de género que aparecem na infáncia e na adolescência desaparecem com a idade adulta, impedindo a profissionais dar a atençom adequada a cada caso, pois com a aprovaçom da lei só se lhes vai permitir assegurar a transiçom (hormonas e cirurgia) nom questiona-la. Razom polo que cada vez mais vozes asseguram que esta lei nom vai de resolver os problemas das pessoas trans, senom que os vai negar, favorecendo que entre a infáncia e adolescência se reafirme o sofrimento e a confusom.

Na Galiza, desde a associaçom Arela (Famílias de Infáncias Trans) com o apoio de instituçons como a Deputaçom da Corunha, achega-se aos centros escolares materiais divulgativos que nom questionam os estereótipos de género, senom que os amplificam. No caderno dirigido à educaçom primaria realizam a seguinte pergunta: "Crês que é justo para as mulheres e pessoas trans que se lhe obrigue de qualquer maneira que modifiquem o seu corpo para encaixar nos estereótipos de género?" Pois a Lei que tanto aplaudem vai fechar todas as portas, salvo a da luita constante contra o próprio corpo. Mas em todo caso "encaixar" nos estereótipos de género nom semelha ser soluçom, e sim problema para as mulheres e nenas que os sofrem como opressom.

Estes materiais didáticos, mostram entre outras, como exemplo de vidas trans a Avery Jackson, que com 9 anos apareceu na portada do National Geografic. Umha criança nascida neno que junto à sua família assegurava ser nena, cores rosa e vestidos de princesa incluídos, porque em palavras da própria família "queria vestir de nena". Pouca liberdade, depois dessa exposiçom pública, se lhe deixa à criança para incluir-se nesse 80% que supera a disforia com a entrada na idade adulta.

Em EEUU, o transgenerismo logrou que haja na actualidade umha lista de 30.000 nenas aguardando por umha extirpaçom dos peitos (mastectomía), vidas postas ante um espinhento caminho interminável (menopausa na mocidade, atrofia vaginal, entre outros efeitos irreversíveis ou secundários por  tomar testosterona; histerectomia -extirpaçom do útero- e ooforectomia -extirpaçom dos ovários-). O debate é internacional, e hai avanços e retrocessos. O feminismo começa a poucos a reagir a nível mundial contra a ofensiva Queer. Austrália, com leis trans em vigor, vem de meter baixo vigiláncia judicial umha clínica da identidade de género onde se receitavam bloqueadores da puberdade, hormonaçom e cirurgias em menores. Escócia, Suécia, Inglaterra... vam-se somando à lista de países que aprovarom leis de identidade de género e que estám dando passos atrás ao ver os efeitos das mesmas, sobre todo nas adolescentes. Aqui umha opiniom pública sobre-passada com a intensidade dos problemas aumentados no médio dumha pandemia, olha de esguelho este tema e assume acriticamente a mensagem de que se trata dum avanço em direitos, a maioria dos partidos de esquerda incluídos.

O transgenerismo, claramente liderado por homens que transicionarom, agora mimetizado em transfeminismo, é um fenómeno mundial que afeita maioritariamente às nenas e mulheres, que vem nel, um caminho aberto para fugir dos mandatos de género que resultam em opressom para elas. Som o 70% , mas som o 70% silenciado. Só este feito, esta super-representaçom das moças na disforia de género devera ser suficiente para concluir que se trata dum produto das sociedades patriarcais. O 70% que a lei vai deixar nas mans do enfoque afirmativo, sem opçons a ser tratadas por especialistas que estudem o seu caso, que para umha maioria vai resultar dum lesbianismo nom admitido, como nom podia ser doutro jeito nas sociedades profundamente homófobas que ainda habitamos. Mas hai outras  (autismo, abuso sexual, comorbilidade derivada de doenças mentais nom tratadas...). As nenas e adolescentes som botadas no cesto das hormonaçons e cirurgias irreversíveis, para alcançar o inalcanzável, o cambio de sexo.

Quando a coeducaçom ainda está em cueiros no nosso sistema educativo, o transgenerismo queer vai irromper com todo o peso da lei coa ideia de que só o sexo sentido e nom o biológico é o registável; a ideia de que ser mulher é um sentimento; a ideia de que os géneros, como construçom baseada em estereótipos é sobre o que as crianças devem construir a sua identidade e legitimar a manipulaçom e amputaçom dos corpos para adequa-los ao desejo, próprio ou induzido. A lei vem acompanhada dum importante bloco punitivo para quem questione estes dogmas de fé, no mundo da educaçom, da saúde ou na família.

A direita, que mostrou oposiçom à lei do divorcio e a do aborto; que se mobilizou contra a Lei de Igualdade, que fala de denúncias falsas e nega a violência machista, fomenta como o transgenerismo, os géneros. A diferenciaçom por sexos nos uniformes escolares, a segregaçom por sexos nos seus colégios de elite mais integristas, o papel das mulheres e nenas na religiom... tenhem a mesma base acientífica e patriarcal que a afirmaçom de que se um neno joga com bonecas ou a Frozen ou Barbie na PS4, ou a Girl's Fashion Shoot na Nintendo, é umha nena; e se umha nena gosta do futebol ou nega-se a pôr umha saia é um neno. Ao apartar o apoio psicoterapéutico à adolescência com disforia, abre-se a porta da captaçom da mocidade polas organizaçons religiosas que "por médio da fe" ajudaram a assumir o próprio corpo e de passo, as doutrinas associadas à salvaçom, incluindo os mandatos de género moi claros em todas as religions.

A situaçom em Afganistam, as inacabáveis vítimas lançadas à fossa comum do feminicídio ou as redes de prostituiçom de nenas na Galiza venhem de dar umha labazada de realidade e colocar a agenda feminista na urgência de todas nós. E o trangenerismo choca frontalmente com ela. O género nom pode seguir a construir a nossa identidade, levamos vários séculos pelejando contra estes estereótipos, seguiremos luitando contra eles, nom contra os nossos corpos, nem para oculta-los nem para mutila-los. O género hai que aboli-lo.

25 de agosto de 2021


[*] Lupe Ces Rioboo -Caranza Ferrol 1958, pertence à directiva de  AGAMME. É mestra xubilada, feminista e activista social (serviços públicos, água, remunicipalizaçom, medio ambiente...). Forma parte do Colectivo Ártabra 21.  Blogue persoal: Caranza free opiniom | Facebook | Twitter.

Enviado por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
11 de setembro de 2021 08:30

http://lupeces.blogspot.com/

_______

[1] Documentación: O anteproxecto finalmente é unha fusión das dúas propostas lexislativas sectoriais nas que estaba traballando o Ministerio de Igualdade: unha Lei Trans e unha lei LGTBI. Así, pasa a denominarse Anteproxecto de Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI. Que foi aprobado polo Consello de Ministras e Ministros, para pasar ao trámite parlamentario. | 29 de Xuño de 2021.  | Acceder/Baixar.

Documentación extensa. | Acceder/Baixar.


[2] Dumentación: Disforia / Incongruencia (Discordancia) de Xénero (CIE-10 e CIE-11). | Acceder/Baixar
.


Relacionado:

✔ Liquar o sexo (I), ... Por Lupe Ces | Ir ao artigo en Ártabra 21.
_______

sábado, setembro 11, 2021

A vós trateivos de amigos, ... Por Xaquín Campo Freire


Por Xaquín Campo Freire [*]
11.09.2021


«A VÓS TRATEIVOS DE AMIGOS»

«TODO O QUE LLE OÍN A MEU PAI DÉIVOLO A COÑECER».

Xaquín Campo Freire. Mandiá e Marmancón, 11-09-2021.

Amigas e amigos: No mes de xullo dirixíavos unha carta aberta e nela había un parágrafo:

«Antes de irme quero que teñamos as contas publicadas e aprobadas entre todos, con todas as aclaracións. E non só do que temos. Tamén do que imos facendo gratuitamente todos, porque esas son as verdadeiras contas reais. As outras, só as dos cartos, son as contas de ricos. Eles non valoran o traballo do pobre, do débil, das mulleres, dos nenos, dos maiores. Tamén quero presentar o inventario do todo o que temos e fomos creando. Que nunca ninguén faga desaparecer o que a todos pertence».
    
Hoxe quero falarvos desas contas e do inventario.

Hai unhas contas, as dos cartos. As dos ricos. Esas, en detalle, están xa explicadas e repartidas na asemblea parroquial. Sonvos coñecidas.

Como vedes estamos en números positivos. E iso por que? Por sermos todos gratuítos en todo: no traballo que aportamos cada unha e cada un. E por administrarmos con claridade, ao céntimo, canto temos, ingresamos e xestionamos.

Pero estas non son as contas que eu vos quero dar agora. Ata esta data fun o voso Párroco durante vinte e cinco anos. Eu teño outras contas das que falarvos. Como dixo Xesús. «A vós trateivos de amigos: pois todo o que lle oín a meu Pai de ceo déivolo a coñecer».  (Xn 15,15).
 
Tocoume acompañarvos nos intres máis alegres e máis dolorosos das vosas vidas, consonte co compromiso que me foi encomendado e coa xenerosidade e confianza coa que sempre me fixestes participe das vosas vidas e problemas, por veces ben íntimos e delicados, tanto nos eidos persoais, familiares coma nos comunitarios. Sempre nos comprendemos o nos axudamos. E foinos ben.

Eu aprendín de vós unha promesa sagrada pronunciada en publico e por palabras de presente: “Eu acóllovos a todos vós e prometo que vos hei ser sempre fiel, tanto na ledicia como na adversidade, tanto na saúde como na enfermidade, tanto na abundancia coma na escaseza, téndovos moito amor e respecto por tódolos días da miña vida”. R/: “Pois ven no nome de Deus con paz e amor: Nós acollémoste a ti”.

Intentei cumprilo. Non sen defectos, dos que ando sobrado. De todas maneiras  aprendín dos meus e dos da miña parroquia de orixe, S. Xiao de Roca, que ser boa persoa é unha decisión a tomarmos cada día. E iso si que o intento, para corresponder a inmensa bondade de todos vós, que sodes un exemplo a seguir. “A vós chámovos amigas e amigos”, porque o sodes.

Quixera determe en algo moi importante: A vida humana exprésase en todo mediante ritos. Canto dano nos fixo o COVID-19 neste aspecto ao privarnos do máis esencial: Non podérmonos bicar, acariciar, apreixar, dar as grazas, despedir, acompañar, chorar, rir, festexar, aplaudir, ..., precisamente a quen máis queremos.
 
Pero os ritos teñen un inimigo: A rutina, a infidelidade, a falsidade, a simulación, a traizón, as fuxidas: O ritualismo. Facer que se fai ou por “quedar ben”. Na fe e na Igrexa movémonos e expresámonos por ritos. Que doado é “ir polo libro”. Xesús, o Cristo, sempre personalizaba a forma de acoller, observar e tratar e acompañar. Ollaba con amor, empezando polos pobres, os meniños, os forasteiros, os desprazados, os orfos e viúvas, as mulleres desprezadas, os sós, os loucos, os parviños, os presos, etc.  por iso era sanadora a súa relación. Por iso el tamén era desconcertante. Desacougaba aos ben “instalados”.

Pois é disto do que vos quero falar e render contas. Só catro exemplos:

1.- Acollín a 172 bautizados/as. A importancia do nome, de termos nome, de sermos respectados por termos nome nas comunidades. A importancia de unxirmos e consagrar unha persoa que empeza a vivir. Facémonos responsábeis de estar ao lado desa vida. Non é tan importante acreditar se teño un papel de confirmación coma o compromiso adquirido na comunidade bautismal para acompañar de por vida a quen xeramos en vida. Que nunca lle falte a auga nutricia. E que nunca sexa profanada a súa sacralidade de persoa. Se tomásemos o bautismo en serio e non só coma un rito!

2.- Non hai vida cristiá sen comunidades. Cada domingo, (foron 1.300, sen contar os festivos), celebramos o gozo da palabra:  Deus está no medio de nós. El axúdanos a retomar e afondar nas semanas pasadas para proxectarmos evanxelicamente o Reino na vida que se nos vai presentando cara adiante, para seguirmos así presentes e activos na sociedade. Partimos, repartimos e compartimos o Pan de Vida e da vida. Aprendemos a saber onde están as necesidades reais: “Dános hoxe o noso pan de cada día”. Non pode haber relixións baleiras, inxustas, desprezadoras, sen alma ou simplemente de boca para fóra. Iso si é profanación.

 3.- Con que dolor pero tamén esperanza nos acompañamos entre todos cando tantos irmás e irmáns se nos foron: 481. Cando morre unha persoa, con cada unha, vánsenos polo menos cen anos de historia viva, concreta e real: iso que chamamos memoria histórica. Por iso a súa vida non colle nun nicho. Na misa da Ascensión fálasenos dunha nova presencialidade en espírito e verdade para que non nos agoniemos coma os que non teñen esperanza. A unción dos enfermos, con toda a comunidade e a familia presentes, con fe e amor, tennos axudado a todos de verdade.
 
4.- Grazas por terme convidado a acompañarvos neses procesos longos silenciosos, do enfermar e do despedirnos. Intentei facelo con todas as axudas do Cristo presente. Pero tamén formándome seriamente como enfermeiro e coidador para  axudar coa mellor psicoloxía na arte de acompañar e na relación de axuda: Na enfermidade, no pasamento e nos procesos de ir saíndo dos loitos. Foi gratificante a tarefa. E os ritos intentei que fosen sempre personalizados e “non só polo libro”. Así o facía Xesús. Algunha vez, alguén chamoume atención por darlle un aplauso á unha vida que se despedía de nós “porque, disque, non o merecía”. Eu sei que o Pai misericordioso soubo esperar con entrañas de dor, bágoas e amor. E convocou a festa para o fillo que máis necesitaba ese amor porque tiña andado “extra-viam, e volveu”. Pero doeulle moito máis o refugamento, a friaxe e a condena implacábel do irmán morgado que se foi da casa negándolle tal acollida porque “os manchou”.

Este é o meu e o voso inventario de verdade.  Este o meu estado de contas:

Intentei respectarvos ao máximo. Ser gratuíto na miña vocación-doazón. Anunciei un Reino de paz, amor e Xustiza como recibín desde a miña infancia de neno orfo na familia e na comunidade que me xeraron para ser discípulo de Xesús, o Cristo. Non fixen ritos máxicos nin baleiros de vida.

Hai moito máis que contar neste inventario. Pero todo vos é xa familiar e sabedes o que eu vos quero dicir. Moitos perdóns e moita gratitude. Vinte e cinco anos! Que sorte! GRAZAS!

D. Benito Méndez é unha bendición de Deus. Acollédeo coma a min.
Quérovos e sentinme moi querido. “A vós chámovos amigas e amigos!”
 
Mandiá-Ferrol, 11-09-2021. Festa de Santa Uxía a nosa Padroeira.

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca], Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquín Campo Freire
-xaquinderoca@mundo-r.com-
8 de setembro de 2021 02:59

_______

Eólicos, así non, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
11.09.2021

EÓLICOS, ASÍ NON

Recentemente, e en calidade de delegada da organización política Ligando-LGD, veño de rexistrar no concello de Ferrol unha iniciativa contra dos macroproxectos eólicos no noso territorio. Iniciativa que consideramos necesario divulgar nos medios para compartila coa cidadanía. A razón de ser da Administración local non é outra que pór en marcha políticas de servizo á cidadanía, participadas por esta. Máis, cando esa cidadanía fica indefensa perante oligopolios económico-financeiros e lobbies enerxéticos.

Co cambio climático, eses territorios e espazos marítimos que van ser cedidos ao lobbie enerxético van necesitalos as comunidades locais para sobrevivir á incerteza e ás consecuencias dese cambio. Ceder eses territorios significa reducir a capacidade de resiliencia da sociedade ferrolá, contrariando a lóxica da supervivencia.

Por iso, consideramos un despropósito que a cidadanía de Ferrol se teña que informar polos medios de comunicación de que o seu alcalde fai de portavoz deses oligopolios enerxéticos que, por riba, nútrense de subvencións públicas. Apoiar desde o goberno local macroparques eólicos de gran impacto ambiental e patrimonial, arteiramente fraccionados para se poder tramitar na administración autonómica, sen comunicación previa aos afectados, está moi lonxe de calquera política democrática e relaciona perigosamente o goberno municipal cos intereses privados especulativos de grupos de poder alleos que cobizan os fondos europeos Next Generation. Fondos que deberían destinarse aos grupos sociais máis afectados pola crise da pandemia. Sobre todo, porque son empréstitos que o Estado terá que devolver e que recaerán, como sempre, na clase traballadora.

Ligando, como organización decrecentista que é, non se posiciona en contra da enerxía eólica per se anque así non por moitas razóns que paso a enumerar:

1- As enerxías renovabeis na lóxica capitalista, están moi lonxe de ser sostibeis e sociais.

Os megaproxectos -malia ser fragmentados- son sempre insostíbeis por motivos ecosociais. Nun mundo pospetróleo cara o que transitameos, estes megaproxectos especulativos e coloniais, son dependentes do petróleo. Os materiais dos eólicos fabrícanse, transpórtanse e instálanse de xeito directo ou indirecto co uso do petróleo. Parte dos seus compoñentes son moi difíciles, cando non imposibeis, de reciclar e moitos dos mesmos son extraídos e producidos en países que carecen de lexislación ambiental e laboral protectora. Supoñen un saqueo colonial alí onde se asentan, que é sempre na periferia dos grandes centros de consumo enerxético, en zonas colonialmente empobrecidas e indefensas, maiormente no rural. Por tanto, potencian o transporte da enerxía extraída -coa perda e derroche que iso implica- da periferia ao centro cando son as grandes cidades as grandes consumidoras.

2- Non estamos para malos investimentos en custosa tecnoloxía cuxo futuro a medio prazo xa é cuestionabel. Amais de destruir enormemente o territorio, xerarían unha débeda que habería que pagar con máis subas na xa inflada factura de electricidade, mentres se exporta a meirande parte da enerxía, como xa pasou coas aldeas sen luz á beira dos grandes encoros.

3- A instalación de parques eólicos debería realizarse onde se produce e consume enerxía, sobre todo, en solo industrial e urbano porque iso é o máis sustentabel e xusto. Cada vez haberá menos disponibilidade de camións, excavadoras, guindastres… menos disponibilidade de materiais por verse limitada a súa extracción e transporte. A eólica ten de ser, pois, local e comunitaria para poder recibir o calificativo de sostibel. 4-Das Renovabeis pódese tirar moita electricidade pero, no mellor dos escenarios, despois de anos dun desenvolvemento axeitado, poderíase obter delas unha cantidade igual ao 40% da enerxía total que se consume actualmente e non poderán sustituir por completo aos combustibeis fóseis. Polo que promover a idea de que as renovabeis van suplir ao petróleo e ao carbón, sen políticas de redución de consumos nin pór en marcha políticas decrecentistas é unha fraude á cidadanía e aboca ao desastre ás vindeiras xeracións.

5- Galiza é autosuficiente en enerxía eléctrica polo que é irracional e colonial calquera política enerxética de destrución do territorio para transportar (saqueo) a outros territorios que se libran así destas nefastas externalidades.

6- Non é de recibo que a administración faga inventario de Patrimonio ecolóxico e arqueolóxico para logo agasallalo ao lobbie enerxético. Desde Ligando, apoiamos totalmente aos comuneir@s afectados polo proxecto eólico P.E.BRIÓN no monte do Cha e suscribimos o seu rexeitamento, así como ao P.E.MONTEVENTOSO e P.E.FERROL.

É deber do goberno municipal velar pola conservación do territorio, máis do LIC Costa Ártabra e Rede Natura 2000, do patrimonio arqueolóxico catalogado (máis de medio cento de mámoas afectadas) e dos aproveitamentos comunais do Monte do Cha. Así como tamén protexer ás persoas das liñas de alta tensión, do ruído constante das pás xigantes, do efecto sombra, das interferencias nas comunicacións e os acuíferos, fontes e traídas dos que se abastecen os núcleos rurais. Non queremos torres de 200 m. de altura sobre os montes que abeiran a ría de Ferrol! No que ten á eólica mariña, Galiza é a segunda comunidade autónoma en produción de enerxía eólica polo que resulta abraiante e curtopracista sacrificar a biodiversidade única do litoral galego para exportar enerxía. Máis cando isto afundirá a un sector punteiro como é o pesqueiro-marisqueiro. Ao impacto económico súmase o impacto ambiental pois os proxectos San Brandán e San Cibrao son lindeiros cun dos máis importantes corredores de aves de Europa, co grave impacto ecolóxico sobre a avifauna. Polo que resulta grotesco defender a un tempo a eólica mariña e o turismo sostibel, por exemplo.

O goberno municipal ten a obriga de protexer os intereses da economía resiliente do sector pesqueiro e marisqueiro así como das comunidades costeiras afectadas, con miras á soberanía alimentar. Así como o deber de velar pola conservación dos ecosistemas litorais e mariños. Solicitamos deste goberno o posicionamento en contra de calquera megaproxecto eólico, terrestre e mariño que non obedeza ao interese do ben común de proximidade e produción comunitaria. A creación dunha Empresa Municipal de Enerxía Renovabel que fomente o autoconsumo e o cooperativismo enerxético. Un programa municipal de reducción do consumo de enerxía, eficiencia e autonomía a nivel social e individual. Un aproveitamento descentralizado das fontes renovabeis retomando tamén as súas aplicación non eléctricas, ao parecer máis eficientes. Campañas educativas de concienciación nas que se priorice a necesidade de reducir consumos debido á escaseza enerxética nun mundo posfosilista. Políticas cara a re-ruralización e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico, especialmente das necrópoles neolíticas.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com
8 de setembro de 2021 20:58

_______