xoves, setembro 30, 2021

Comeza a actividade do 'Club de Lectura' do Ateneo Ferrolán, o vindeiro 5 de outubro - Os primeiros Martes de cada mes ás 5 da tarde - A obra obxecto de estudo será 'Señora de rojo sobre fondo gris' de Miguel Delibes


Club de Lectura do Ateneo Ferrolán
 
Os primeiros Martes de cada mes ás 17 h. no Ateneo.
 
Este próximo martes día 5 de outubro ás 17 h. no noso salón de actos celebrarase a primeira xuntanza do Club de Lectura do presente curso 2021-2022.

A obra obxecto de estudo será "Señora de rojo sobre fondo gris" de Miguel Delibes.


Cumprirase estritamente o protocolo Covid.
 
Animamos a tod@s a participar desta emblemática actividade.

Dende o ano 2002 que formamos no Ateneo Ferrolán o noso Club de Lectura, segue levándose a cabo todos os primeiros martes de cada mes. Encontros coa LECTURA onde xúntanse 20 socios e socias todos os primeiros martes de cada mes para reflexionar e comentar un libro guiados pola profesora Angeles Seoane.

#Ateneo #SomosCultura #Libros #ClubDeLectura #Ferrol #Galiza

Ateneo Ferrolán
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055 | Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)
@ateneoferrolan | Blogger | Facebook | Faite soci@ on line! | Colabora con nos!

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-ateneoferrolan@gmail.com-
29 de setembro de 2021 12:17

_______

Roteiro polo Coto da Lagoa, para coñecer o patrimonio paisaxístico e natural ameazado por un proxecto eólico - Domingo 3 de outubro, ás 10 da mañá, no local social da asociación viciñal de Marmacón (Papoi) - Ferrol

O vindeiro domingo día 3 de Outubro, está organizado un roteiro pola SGHN e outras entidades que están contra dos proxectos eólicos entre elas ADEGA, no monte da Lagoa con subida ate o coto, coa finalidade de coñecer o patrimonio paisaxístico e medio ambiental ameazado polo proxecto eólico mal chamado Monteventoso. Será un percorrido duns 8 Km, con saída do local da AVV de Marmancón (Papoi) ás 10 da mañá.

Punto de encontro (mapa):
https://goo.gl/maps/MgVwFegp969kGitG7

Participa !

"Non queremos un modelo eólico que rompe, deteriora e minusvalorara o noso territorio e a súa xente para o beneficio dos de sempre".

#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#aldeaslibresdemacroeólicos
#Moratoriaeólica
#PorUnNovoModeloEolico
#aldeasconhorizonte
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

Delegación de Adega
Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

Info baseada na enviada por:
Adega Ferrolterra
-adegatrasancos@adega.gal-
30 de setembro de 2021 09:57

_______

martes, setembro 28, 2021

O BNG propón que Ferrol adique o ano 2022 ao 50 aniversario dos sucesos de marzo do 72 - Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na dedensa dos dereitos de todos e de todas


O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de rexistrar unha moción, que será debatida o xoves 30 de setembro, na que propón que o vindeiro ano 2022 sexa declarado en Ferrol como o “Ano do Dia da Clase Obreira Galega” como xeito de comemorar o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972. Asi mesmo propón desenvolver un calendario de actividades: exposicións, conferencias, cursos ao longo do ano 2022 co obxecto de lembrar o esforzo desenvolvido en defensa da democracia e emancipación da Clase Obreira Galega así como o estabelecemento dun galardón: “Premio Día da Clase Obreira Galega”co que premiar a persoas ou colectivos significados na defensa dos traballadores e traballadoras galegas e os seus dereitos.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas.

Unha loita que cómpre lembrar máis que nunca nunha cidade que sofre desde hai anos a actitude indolente de gobernos dese mesmo estado que teñen desmantelado os nosos sectores produtivos sen ofrecer unha mínima e pequena alternativa para a situación que estamos a vivir nesta cidade desde hai décadas.

Ivan Rivas sinalou que o pasado debe servir de lembranza e recoñecimento para enfrontar o futuro e por iso desde o BNG consideramos oportuno que o próximo ano 2022 sexa declarado ano da Clase Obreira Galega, que desenvolvamos un premio que recoñeza o esforzo de persoas e colectivos na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras galegas e que ao longo de todo o ano 2022 se poidan desenvolver actividades relacionadas cos dereitos dos traballadores e traballadoras e das persoas que teñen e que están a buscar traballo nunha cidade que precisa de maneira clara e contundente un proxecto de futuro que debe pasar por desenvolver o noso principal sector produtivo que non é outro que os estaleiros da ría de Ferrol.

O BNG quer lembrar que o vindeiro ano conmemorase o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo do 1972 na nosa cidade que teñen o seu desencadeamento na loita dos traballadores/as da Bazán durante a negociación do seu Convenio Colectivo e que deu lugar a que se recoñeza esta data como o Dia da Clase Obreira Galega. No percorrido deste conflito sucedéronse despedimentos de enlaces sindicais, detencións, torturas nas comisarías, numerosos feridos e dous mortos: Amador Rey e Daniel Niebla.

Esa tráxica data, o 10 de Marzo, pasou a historia do sindicalismo galego como "Día da clase obreira galega", e significou un novo e importante pulo de resposta á ditadura e o xermolo dun importante movemento sindical.

Igual que noutros países procúrase significar no calendario aquelas datas que lembran un fito importante da súa historia, o 10 de Marzo cumpre con estas características para a clase traballadora galega, para as súas organizacións é a referencia explícita da loita polas liberdades e polos dereitos laborais.

Consideramos que o Concello de Ferrol non debe deixar pasar a efeméride de conmemorar o 50 aniversario do Dia da Clase Obreira Galega, lembrando cunha serie de actividades os feitos do 10 de Marzo en Ferrol e o seu significado colectivo na Galiza de defensa da democracia e de emancipación da clase traballadora galega.

#diadaclaseobreiragalega

Ferrol a, 27 de setembro, de 2021

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


bng@ferrol.es


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
28 de setembro de 2021 22:33

_______

luns, setembro 27, 2021

Apresentaçom do livro coletivo 'Todas mortas e (quase) esquecidas. 50 pessoas que contribuíram para fazer a Galiza como é', na Fundaçom Artábria, na Sexta-feira 1 de outubro, com Enrique Egea e Carlos Velasco


 📚 Apresentaçom do livro coletivo "Todas mortas e (quase) esquecidas. 50 pessoas que contribuíram para fazer a Galiza como é", publicado por Através Editora.

Autores: Carlos Francisco Velasco Souto, Henrique Egea Lapina, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Xosé Estévez Rodríguez. Através de nós.

Este livro tenta, precisamente, dar luz a este âmbito do saber histórico e, dando a conhecer pessoas concretas, ilustrar melhor os tempos históricos que nos precederam, ou, nas palavras do historiador Marc Bloch, “A incompreensão do presente nasce fatalmente da ignorância do passado

🗓 Sexta-feira 1 de outubro
🕖20hs
📌@Fundaçom Artábria
Com Enrique Egea e Carlos Velasco

Travessa de Batalhons nº7 Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone: +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.
_______

venres, setembro 24, 2021

Xustiza enerxética, alimentaria e climática - A Rede para o Decrecemento Eo-Navia, Galiza e O Bierzo convoca unha concentración



Concentración para demandar Xustiza enerxética, alimentaria e climática

A Rede para o Decrecemento ven de convocar, coa correspondente comunicación a Delegación do Goberno, unha concentración para demandar aos gobernos da UE, Estado e Xunta de Galiza medidas na procura de maior “xustiza enerxética, alimentaria e climática” baseada en propostas Decrecentistas. O cambio climático e a crise enerxética mundial son unha realidade que afecta aos seres vivos do planeta incluíndo as persoas. A suba do prezo do gas inflúe no prezo da electricidade e dos fertilizantes agrícolas o que está encarecendo a electricidade e se vai transmitir nunha importante suba nos prezos dos alimentos. Por encima da suba do prezo a UE e o Estado están coas reservas baixo mínimos de gas as portas do inverno o que vai provocar, de non tomarse medidas, que impere a lei da selva e polo tanto que só a clase de poder adquisitivo alto poida quentar e iluminar os seus fogares. O incremento dos fertilizantes unido a unha meteoroloxía inestable vai provocar subas inasumibles dos alimentos. A situación do petróleo leva o mesmo camiño e é moi probable que en poucas semanas ou meses teñamos unha escalada no prezo dos combustibles do gas oil e gasolina.

Desde a Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza O Bierzo levamos anos informando e denunciado que isto podía suceder. Compre pasar dunha fase de información a unha de presión e por iso che pedimos que acudas a concentración citada e sobre todo que divulgues a mesma. Só o boca a boca pode lograr o éxito da concentración e só a presión popular pode forzar aos gobernos a aplicar medidas Decrecentistas que poñan no centro das decisións as necesidades básicas e fundamentais das persoas e non as grandes empresas enerxéticas e de distribución de alimentos sen esquecer as medias imprescindibles para loitar contra o cambio climático.

MARTES 28, ÁS 19 HORAS NA RÚA DOLORES DE FERROL

Enviado por:
Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza O Bierzo
-redeparaodecrecemento@gmail.com-
23 de setembro de 2021 19:47

_______

Concentración en Ferrol na defensa das pensións públicas, as presentes e as futuras - Na demanda dunha auditoría das contas da Seguridade Social - Sábado 25 de setembro, ás 12 do mediodía no Cantón


Este sábado 25 de setembro, a Plataforma de Ferrolterra para a Defensa das Pensións Públicas, convoca unha concentración en Ferrol, ás 12 do mediodía no Cantón, na defensa das pensións presentes e futuras, centrada na demanda dunha auditoría das contas da Seguridade Social.

Na concentración poñerase unha mesa para recoller sinaturas, para solicitar unha auditoría das contas da seguridade social que se entregarán no Congreso do Deputados, xunto ás que chegaran de todos os lugares, vilas e cidades, do Estado.

Mantense o lema da defensa das pensións públicas goberne quen goberne e, esta concentración, forma parte das mobilizacións preparatorias da marcha a Madrid que terá lugar o 16 de outubro, xunto a todas as plataformas e colectivos das diferentes nacións e pobos do conxunto do Estado.

Quen queira ir a Madrid, pode reservar praza este sábado na concentración ou chamando aos teléfonos 616868602 e 629850305.

Polo dereito a envellecer con dignidade...

Todos os cidadáns teñen dereito a unha vida digna!

Plataforma Ferrolterra na Defensa das Pensións Públicas, integrada en MODEPEN (Movemento Galego pola Defensa das Pensión Públicas).

Valoración de Modepen do acordo para reformar do sistema público de pensións, acadado o 28 de xuño deste ano 2021, polas organizacións sindicais CCOO e UGT, as patronais CEOE e CEPYME e o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. | Acceder/Baixar.

Para contactar coa Plataforma:

Correo-e:
plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com

Conta no facebook:
https://www.facebook.com/DefensaPensionsFerrolterra/
______________

xoves, setembro 23, 2021

No contexto da XVI Limpeza simultánea de ríos, este domingo 26 de setembro, a asociación Betula un ano máis, colaborara na limpeza do no noso malparado río Baa


Un ano máis colaboramos ca limpeza simultánea de ríos, insistindo no noso malparado río Baa.

ESTE DOMINGO 26 DE SETEMBRO DENDE AS 10,30 ATA AS 13.30.

O punto de encontro será fronte a nave de Salvamento marítimo, no polígono industrial Vilar do Colo.

Podedes anotarvos vía correo: custodia.betula@gmail.com

Indicando nome e apelidos e mais DNI das persoas participantes maiores de idade.

Os menores deben de ir acompañados dun adulto.

Recomendable levar botas de auga ou calzado impermeable e luvas resistentes

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR,

un pouco do voso tempo para unha boa acción medioambiental. Agardámosvos.

Proxecto Ríos

BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, é unha asociación que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través da Custodia do Territorio.

http://betula-atlantico.eu/

contacto@betula-atlantico.eu

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
22 de setembro de 2021 18:13

_______

Iniciativa sobre a situación da asistencia sanitaria na Atención Primaria, da organización política LiGanDo ao Concello de Ferrol


Iniciativa sobre a situación sanitaria da Atención Primaria, da organización política Ligando.


AO SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

Iolanda Teixeiro Rei, veciña de Ferrol, en calidade de delegada da organización política LIGANDO,

EXPÓN:

Desde LGD temos falado con profesionais que coñecen e padecen de primeira man a situación case de colapso no que está inmerso o nivel primario de asistencia sanitaria. A súa percepción é, se cabe, peor que a que temos a maioría das persoas. Falan de colapso do sistema sanitario se non se modifica de xeito radical, o seu funcionamento.

Os cambios introducidos para facer fronte á pandemia fanlle crer á cidadanía que o deterioro é pasaxeiro e que todo volverá a unha certa normalidade unha vez teñamos saído da emerxencia sanitaria. Mais a realidade é ben distinta. O sistema sanitario galego e tamén o español, está preparado para ser altamente operativo atendendo aos doentes agudos, pero o principal problema da sociedade actual son os enfermos crónicos pois son os estes os que máis abundan. Unha mala atención dos enfermos crónicos fai que estes pacientes teñan episodios agudos, creando un círculo vicioso que se resume en mala atención de enfermos crónicos, provocando un incremento nas necesidades asistenciais que precisan atención sen demora e, polo tanto, sobrecarga o sistema, ao tempo que esta sobrecarga provoca unha mala atención dos crónicos.

A esta nova realidade social hai que engadir a mala xestión que se fixo nos últimos anos na captación dos profesionais recén formados para a súa incorporación no sistema de saúde galego. De pouco serve á sociedade formar novos médicos/as e enfermeiros/as de familia se a estes non se lles garante unhas condicións de traballo e remuneración competitivas co resto da Unión Europea. Non debemos esquecer que nos últimos anos, moitos contratos de médicos/as e enfermeiros/as de familia formalizáronse cun salario inferior ao existente nas zonas limítrofes ao tempo que estes se asinaron só polos días laborábeis da semana comezando o luns e rematando o venres. E volta a empezar. A baixa incentivación económica e a falla de continuidade laboral, provocou a marcha de numerosos profesionais cara outros territorios. Esta situación provocou e provoca que a día de hoxe se dea en Galiza unha forte fenda entre demanda de profesionais (médicos/as e enfermeiras/os) e a oferta real. Esta fenda de profesionais formados na Galiza e no resto da UE non é fácil de suplir coa incorporación de persoas procedentes de fóra da UE debido á dificultade a hora de homologar os estudos.

Se a todo o argumentado anteriormente engadimos que o modelo de atención primaria galega ten o concello como base territorial para a súa definición e que estes son amplamente diferentes dentro dunha mesma comarca, xeramos unha combinación explosiva que pode levar a situacións como que nun concello existan 3 médicos atendendo cada un deles máis usuarios que a poboación dun concello limítrofe con só 2 médicos.

En Galiza, o saldo vexetativo tende a ser negativo no seu conxunto, mais a realidade territorial está enmarcada polo contraste de que existe unha Galiza avellentada que recúa e unha nova que medra. O saldo migratorio é máis flutuante e todo fai pensar que a inmigración está e vai ir en aumento polas novas situacións aparecidas como son a pandemia e o cambio climático.

Esta nova realidade xa se espella en concellos cunha alta taxa de segundas residencias, ao decidir os seus propietarios, ficar todo o ano, aínda que sexa de xeito temporal. Este incremento poboacional durante todo o ano dáse na parte territorial turística. Son os concellos turísticos os que se atopan cunha situación de peor atención sanitaria primaria debido a que experimentan saldos vexetativos positivos, saldos migratorios positivos e unha flutuación de poboación entre o inverno e o verán que pode acadar ate o 100%.

A exposición dos feitos recollidos no anterior parágrafo podería ser distinta se nos últimos anos se tivera dado unha revisión e actualización no reparto dos médicos/as e enfermeiras/os asignados a cada centro de saúde (concello). Este novo reparto permitiría un maior equilibrio entre profesionais e usuarios/as da atención sanitaria primaria.

Na área de Ferrol, a presión sanitaria incrementouse malia as restricións. Médicos de urxencia quéixanse de saturación de traballo, esgotamento físico e mental polas duras condicións laborais chegando a darse abandono por parte de profesionais de Atención primaria. Pois os profesionais atende varias axendas, urxencias, domicilios, facendo seguimento de casos de covid. Por riba, o sistema de receitas de crónicos que é preciso activar cada certos meses, sobrecarga aínda máis estas axendas. De non lle dar solución xa, o persoal sanitario de Ferrol prognostica a fin da Atención primaria. Por todo o antedito:

SOLICITASE:

1º.- Que o concello de Ferrol se poña en contacto cos profesionais dos centros de saúde para recoller as súas demandas e inclúa as mesmas nas reivindicacións locais -a enviar á Consellería de Sanidade- para un correcto funcionamento deses centros.

2º.- Que o concello de Ferrol demande enerxicamente á Consellería de Sanidade o incremento de profesionais nos centros de Saúde de Ferrol ate chegar a un ratio razonabel para unha calidade asistencial digna. Sen tempos de espera de máis de dous día porque iso satura as urxencias. Así como tamén reclamar unha volta á asistencia presencial.

3º.- Que o concello de Ferrol solicite á Consellería de Sanidade unha remodelación da asistencia sanitaria primaria de Galiza, tendo en conta,entre outros factores:

A. A mellora das condicións sociolaborais (retribucións e contratación fixa, entre outras) para os distintos grupos profesionais de atención primaria de xeito que os esforzos educativos terminen recaendo en beneficio da sociedade galega. B. As modificacións de número de habitantes que se deron nos últimos anos.

C. As flutuacións estacionais de habitantes que se deron nos últimos anos.

D. A pirámide de poboación existente para cada centro de saúde. E. A apertura dun debate social e non partidario de cara a unha posibel modificación da asignación de usuarios de cada centro de saúde que teña como base territorial a parroquia e non o concello.

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter

Enviado por:
LiGanDo Ferrol
-ligando.ferrol@gmail.com-
22 de setembro de 2021 14:34

_______

O concello d'As Pontes e a asociación Euroeume participarán na XVI Limpeza simultánea de ríos, o domingo 26 de setembro




O concello de As Pontes e a asociación Euroeume participarán na  XVI Limpeza simultánea de ríos

A XIV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” se celebrará este ano en 51 concellos de toda Galiza, e participarán máis de 65 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…). A limpeza que será o 26 de setembro e mobilizará a numerosas persoas voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 51 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.

En As Pontes esta actividade parte da colaboración entre o Concello de As Pontes e a Asociación Euroeume, que contarán co apoio de Protección Civil de As Pontes para a retirada e posterior traslado dos residuos ao punto limpo. Na limpeza organizada no ano 2021 un total de oito persoas voluntarias retiraron máis de 200 kg de residuos das zonas máis próximas ao río, destacando polo seu volume os plásticos e as latas de bebidas.

A actividade consistirá nunha limpeza das beiras do río Eume ao seu paso pola vila pontesa. A xornada comezará o domingo 26 ás 10:30 horas, sendo o punto de encontro a praza da Igrexa, fronte ao Museo Etnográfico Monte Caxado, e a duración aproximada da actividade será de 3 horas. As persoas voluntarias que participen nesta actividade serán agasalladas cunhas camisolas co lema da limpeza.

Respectaranse tamén as indicacións pertinentes en relación á situación de pandemia provocada pola COVID-19 dependendo da situación sanitaria de cada zona. Dende o Proxecto Ríos recoméndase que  os grupos sexan de 10 persoas como máximo e se respecte sempre que sexa posible unha distancia de 1,5 m. O uso de máscara será de obrigatorio para todas as persoas participantes. Cada persoa voluntaria deberá levar as súas propias luvas.

As persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse a través do correo electrónico euroeume@euroeume.org, ou chamando ao teléfono 981 440668

Voluntariado Ambiental:

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

A asociación Euroeume, no seu plan de voluntariado ambiental, participa neste proxecto a través da realización destas actividades de limpeza de ríos e de actividades de inspección e sensibilización ambiental no río Sesín (A Capela), e no rego do Candedo (Monfero), colaborando para estas actividades co Museo Etnográfico de A Capela e coa Asociación Rural Contemporanea respectivamente, e contando coa participación de persoas voluntarias. Aquelas persoas interesadas en formar parte dos programas de voluntariado da asociación poden inscribirse ou ampliar a información a través do correo electrónico euroeume@euroeume.org

As Pontes, a 20 de setembro de 2021

Asociación Euroeume
http://euroeume.org/

Enviado por:
Angel Lorenzo EuroEume
-euroeume@euroeume.org-
22 de setembro de 2021 14:07

_______