Amosando publicacións coa etiqueta Auxiliares Navantia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Auxiliares Navantia. Amosar todas as publicacións

luns, abril 30, 2018

Fracasa a tentativa de Navantia de criminalizar a loita dos traballadores e traballadoras das auxiliares - Evidénciase que o obxectivo da empresa non era a declaración de folga ilegal senón amedrentar e desmobilizar o persoal


Fracasa a tentativa de Navantia de criminalizar a loita dos/as traballadores/as das auxiliares. | Evidénciase que o obxectivo da empresa non era a declaración de folga ilegal senón amedrentar e desmobilizar o persoal.

Este venres coñecíase a sentenza pola demanda que Navantia interpuxo contra a CIG e o comité de folga a raíz do conflito que o persoal das auxiliares levou adiante o pasado ano contra a precariedade e pola recuperación dos dereitos laborais e salariais. A resolución desestima a demanda pola falta de lexitimación activa de Navantia para iniciar un proceso de declaración ilegal dunha folga que non afectaba ao seu persoal e que, ademais, non foi impugnada polas empresas nas que si foi convocado o paro indefinido.

Fica demostrado que, tal e como defendeu a CIG, a demanda carecía de fundamento legal, quedando en evidencia que o verdadeiro obxectivo de Navantia non era conseguir a declaración de folga ilegal ou abusiva, senón amedrentar, desactivar e coaccionar aos traballadores e traballadoras que de xeito masivo e exemplar estaban a secundar a folga en defensa dos seus dereitos.

"Non nos van amedrentar"


O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera que "Navantia debería pedir perdón polo seu burdo intento de deslexitimar a CIG e criminalizar o dereito á folga, pero tamén pola manipulación que fixo dos motivos que levaron á convocatoria e a terxiversación da resposta exemplar dos traballadores/as da industria auxiliar". Non cómpre esquecer que dende o inicio do conflito, Navantia, en vez de promover solucións, mantivo unha postura moi belixerante contra o persoal das subcontratas -e a CIG como organización sindical convocante-, procurando deslexitimar as súas demandas e boicotear a folga con todos os medios a súa disposición.

Carril subliña que a CIG non se vai amedrentar con este tipo de actuacións, "aínda que proveñan de empresas tan poderosas como Navantia", cando o que está en discusión é a defensa dos dereitos e acabar coa precariedade e a pobreza laboral. "Navantia ten que ter claro que seguiremos convocando as folgas que sexan necesarias ante a precariedade e o retroceso da condicións de traballo que padece o persoal das industrias auxiliares".

En igual sentido manifestábase o secretario nacional da Federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas, lembrando que, no propio día do xuízo, a central xa advertiu que, con independencia do resultado deste procedemento, "a CIG non vai abandonar a súa acción sindical, nin nos imos atemorizar".

Destaca Bouzas Aboi que a folga foi completamente legal e que a CIG estaba lexitimada polas diferentes asembleas de traballadores/as. "A folga é a ferramenta fundamental que como clase traballadora temos para defender os nosos dereitos e Navantia tomou a decisión de demandar como unha medida de forza para rematar co conflito nas auxiliares, coartar a liberdade sindical e amedrentar ao persoal para que deixaran de secundar a folga".

Falta de lexitimación


A sentenza estima as tres excepcións alegadas pola CIG: falta de lexitimación activa de Navantia para solicitar a declaración de ilegalidade dunha folga convocada e seguida por persoal que non é o seu propio; falta de lexitimación pasiva dos membros do comité de folga para ser parte nun procedemento de carácter colectivo (que ademais non persegue a solución do conflito); e falta de adecuación do procedemento.

Non entra, polo tanto, a valorar o contido da demanda, mais si deixa constancia no relato de feitos probados de que os piquetes, fronte ao defendido por Navantia, actuaron sen violencia. Algo que a resolución considera se desprende incluso da proba achegada pala propia Navantia (vídeos, testemuñas, etc.), o que abunda na falta de fundamentos da demanda.

A CIG condena que unha empresa pública como Navantia utilice a xustiza para tentar restrinxir o dereito dos traballadores e traballadoras a reivindicar non xa melloras salariais e laborais, senón a recuperación dos dereitos roubados durante estes últimos anos. Como non pode ser doutro xeito, a CIG reafirma o seu compromiso na loita pola aplicación do acordos asinados para a industria auxiliar e a súa incorporación nun marco normativo que lle dea efectividade.

Fonte: Avantar. | Ferrol - 27 Abr 2018.  | Baixo licenza Creative Commons.
__________________

venres, abril 06, 2018

Paulo Carril: 'A folga non é un delito, é un dereito da clase traballadora que custou séculos conquistar' - A CIG rexeita o intento de Navantia de criminalizar a loita das auxiliares - A protesta convocouse con motivo da celebración do xuízo derivado da demanda interposta por Navantia contra a CIG e o comité de folga, e a través da que pretende que se declare ilegal o conflito que o persoal das auxiliares desenvolveu o pasado ano en demanda dos seus dereitos salariais e sociais


Delegadas e delegados da CIG concentráronse na mañá deste mércores, 4 de abril de 2018, diante dos xulgados de Ferrol en defensa do dereito á folga, ferramenta fundamental da clase traballadora na conquista dos seus intereses, e contra os intentos de criminalizar a loita obreira. A protesta convocouse con motivo da celebración do xuízo derivado da demanda interposta por Navantia contra a CIG e o comité de folga, e a través da que pretende que se declare ilegal o conflito que o persoal das auxiliares desenvolveu o pasado ano en demanda dos seus dereitos salariais e sociais.

"Hoxe vimos aquí reivindicar que o dereito á folga é un dereito fundamental e que Navantia, por moi poderosa que sexa, nin nos vai asustar nin vai impedir con demostracións deste tipo que defendamos o dereito á folga e o que fixemos ou teñamos que facer na nosa acción sindical para protexer os dereitos da clase traballadora". Así se manifestaba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ás portas dos xulgados de Ferrol, cualificando o vivido hoxe como "un esperpento", por canto se busca que as traballadoras e traballadores vítimas da explotación "aparezamos como denunciados/as por facer valer os nosos dereitos".

Unha loita contra a precariedade


Para a CIG os intentos de Navantia por declarar a folga das auxiliares como ilegal ou abusiva teñen como obxectivo criminalizar a loita dos traballadores e traballadoras das subcontratas, que en outubro do pasado ano secundaron masivamente durante 22 días unha folga para reivindicar o cumprimento dos acordos salariais e laborais de 2001, a súa inclusión nun marco legal que lle dea eficacia, e rematar así coa precariedade laboral instalada neste sector.

Cómpre lembrar que as empresas auxiliares deixaron de aplicar unilateralmente e sen negociación as táboas acordadas en 2001, despois da entrega dos últimos barcos para a armada australiana, contando para isto coa complicidade dos sindicatos españois e dos comités de empresa de Navantia. A este respecto, o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, criticou a actuación de Navantia, pois en vez de supervisar e garantir as condicións de traballo do persoal da industria auxiliar, "se dedica a presentar denuncias. Pois ben, aquí nos ten enfronte".

Grandal rexeitou tamén o papel belixerante xogado por CCOO e UGT durante todo o tempo que durou a folga e lembrou que do conflito das auxiliares saíron unhas mesas de negociación coas que se pretendeu pechar en falso o conflito, mais nas que non se ten avanzado nada para garantir a recuperación dos dereitos dos traballadores e traballadoras das auxiliares. Este feito, para o representante sindical, confirma o acertado proceder da CIG coa convocatoria dunha folga en solitario que fora acordada e aprobada polas asembleas de traballadores/as.

"Seguiremos pelexando polos nosos dereitos"

Paulo Carril agarda que a xustiza "actúe como tal", na resgarda dun dereito fundamental como é o dereito á folga, "que á clase traballadora lle custou séculos conquistar". En todo caso advertiu que, "saia o que saia de aquí, a CIG actuará en consecuencia, demostrando que non nos amedrentan e que seguiremos pelexando polos nosos dereitos, porque non imos cesar de combater a precarización, o empobrecemento e a explotación, da que o persoal das auxiliares son un claro exemplo".

"Dicímoslle a Navantia que cantas veces queira verémonos nos xulgados, na rúa, ou onde sexa necesario, para defender os dereitos dos traballadores/as, fronte a unha empresa como esta que permite que haxa unha precarización brutal das condicións de traballo. Motivo que levou á convocatoria de folga nas auxiliares", subliñou o secretario xeral da CIG.

Neste senso, valorou que "nin nos engurramos nin damos marcha atrás" por este tipo de actuacións. Ao contrario, aseverou, "dannos máis forza nas reivindicacións que nos levaron a convocar a folga nas auxiliares e a entender que a folga é unha ferramenta fundamental da clase traballadora na defensa dos seus intereses".

Fonte: Avantar.
___________

venres, marzo 30, 2018

Navantia leva a xuízo a CIG nun intento de criminalizar a folga do persoal da industria auxiliar - A central chama a defender o dereito á folga como ferramenta fundamental da clase obreira - Concentración no xulgado: mércores 4 de abril, coincidindo coa celebración do xuízo, a CIG ten convocada concentración, ás 11:15 horas, nas portas do xulgado de Ferrol


Navantia leva a xuízo a CIG nun intento de criminalizar a folga do persoal da industria auxiliar. | A central chama a defender o dereito á folga como ferramenta fundamental da clase obreira. | Concentración no xulgado: o mércores 4 de abril, coincidindo coa celebración do xuízo, a CIG ten convocada concentración, ás 11:15 horas, nas portas do xulgado de Ferrol.


O vindeiro mércores 4 de abril vai ter lugar en Ferrol o xuízo contra a CIG e o comité de folga polo conflito que a industria auxiliar de Navantia desenvolveu o pasado ano en defensa dos seus dereitos salariais e sociais. A CIG entende que estamos diante dun intento de criminalizar a loita obreira deste persoal e chama a participar na concentración convocada para ese día, ás 11:15 horas, en defensa do dereito á folga como ferramenta fundamental e imprescindíbel da clase traballadora na defensa dos seus intereses.

Cómpre lembrar que durante 22 días o persoal da industria auxiliar estivo secundando masivamente unha folga para reivindicar a recuperación do nivel retributivo do ano 2001, que se concreta nunhas táboas salariais pactadas precisamente despois doutro conflito, e "que tiveron vixencia durante moitos anos de xeito pacífico". Porén, as empresas deixaron de aplicar unilateralmente e sen negociación esas táboas, despois da entrega dos últimos barcos para a armada australiana, e coa complicidade dos sindicatos españois e dos comités de empresa de Navantia.

Agora Navantia esixe indemnizacións millonarias á CIG e ao comité de folga nun intento de criminalizar a folga do persoal da súa industria auxiliar. A este respecto, a CIG subliña a importancia de defender, non xa os salarios, senón o propio dereito á folga como ferramenta fundamental e imprescindíbel da clase traballadora na defensa dos seus intereses.

Unha empresa "moi activa na precarización laboral"


De igual xeito, a CIG de Ferrol quere denunciar a postura de Navantia "moi activa na precarización das condicións de traballo do persoal da súa industria auxiliar", malia ser unha empresa pública "que debera exercer un papel radicalmente diferente, para ben dos traballadores e traballadoras directamente afectadas máis tamén de toda a economía comarcal".

Como tal, a central sindical reclama que o anunciado plan industrial que se vai negociar en Madrid se concrete nun outro modelo de empresa tanto no industrial como no laboral.

A CIG chama a acudir á concentración convocada para o mércores 4 de abril, ás 11:15 horas, nas portas do xulgado, para reivindicar a retirada das accións xudiciais, en defensa do dereito de folga, e dunhas condicións de traballo dignas para todo o persoal do sector naval da Ría de Ferrol.

Fonte: Avantar.

En Ártabra 21: Auxiliares Navantia.
______________

venres, outubro 27, 2017

Suspendida de forma temporal a folga indefinida en auxiliares dos estaleiros de Navantia da Ría de Ferrol, logo dos resultados da votación celebrada onde, logo de 22 días de paro, onde gañou a estratéxia da negociación sen a presión da Folga


Suspendida de forma temporal a folga indefinida en auxiliares dos estaleiros de Navantia da Ría de Ferrol, logo dos resultados da votación celebrada onde, logo de 22 días de paro, onde gañou a estratéxia da negociación sen a presión da Folga.

O persoal das auxiliares de Navantia decide a suspensión temporal da folga. | CIG-Industria subliña a forza e a determinación amosada polos/as traballadores/as nos 22 días de paro.


Tras 22 días, os traballadores e traballadoras das auxiliares de Navantia acordaron hoxe a suspensión temporal da folga nunha votación que se saldou cunha diferenza de apenas 200 votos. Os resultados foron anunciados nas asembleas que se celebraron esta tarde ás portas dos estaleiros de Fene e Ferrol, e nas que os representantes da CIG-Industria destacaron a demostración de forza, unidade e determinación que o longo destas tres semanas deu o persoal da industria auxiliar pola recuperación do seus dereitos, a pesar de ter “toda a maquinaria en contra”.

O secretario comarcal da Federación, Vicente Vidal, valorou moi positivamente o exemplo dado polos traballadores das contratas que ao longo destas tres semanas acudiron día tras día aos piquetes informativos diante das portas dos estaleiros. “Nin con presións, nin con ameazas, nin con artimañas de todo tipo puideron pasar por enriba do piquete. Estou moi orgullo de todos e todas vós, da forza e a determinación que demostrades para recuperar o que é voso”, afirmou.

Vidal subliñou que, a pesar da suspensión da folga, a loita non rematou, polo que agora toca “seguir pelexando nas mesas de negociación para evitar que se pacte nada por debaixo dos acordos salariais”. Así, está previsto que a partir de mañá comecen os contactos coas empresas para abordar a negociación de inmediato e darlle unha solución a esta problemática canto antes. Para isto, o obxectivo da CIG-Industria é marcar un calendario de negociacións intensivo.

Neste senso, Vicente Vidal recalcou que a folga non está desconvocada “senón suspendida de xeito temporal”, polo que, se as conversas se estancan “que non teñan dúbida que levaremos á asemblea a posibilidade de reactivar o paro”.

Resultado da votación

En canto á votación, celebrada en urna entre as 10 e as 14 horas deste xoves, arroxou un balance de 681 votos a favor de suspender de maneira temporal a folga e iniciar un proceso de negociación, mentres que 484 traballadores/as apostaron por manter o paro indefinido. Por estaleiros, en Fene rexistráronse 473 votos (203 pola negociación, 267 a favor de continuar coa folga e 3 brancos); e en Ferrol votaron 706 persoas, das que 478 estaban pola suspensión, 221 a favor da continuación da folga, 3 votos foron nulos e 4 en branco. En total, participaron no proceso 1.175 traballadores e traballadoras da industria auxiliar.

Sobre os resultados, Vidal apuntou que participou moito persoal de oficina que, presumibelmente era máis favorábel á suspensión da folga que o persoal de obra. Así as cousas, a interrupción do paro farase efectivo este venres, para que o persoal acceda aos seus postos de xeito normalizado.

Fonte: Avantar.
_______________

xoves, outubro 26, 2017

Auxiliares de Navantia: Con 7 votos en branco, 3 nulos, 488 a favor de continuar co paro indefinido até acadar un acordo e 681 votos a favor de deixar o paro e comezar a negociar, remataron as votacións, nos dous estaleiros da Ría de Ferrol - Tendo máis votos a favor a posición contraria a continuar coa Folga, deixar o paro e comezar a negociar

Comeza a votación en Navantia Ferrol

As traballadoras e traballadores das compañías auxiliares pronunciaron-se sobre o conflito, hoxe pola mañán nas urnas situadas nas dúas fatorías de Ferrol e Fene.

Con 7 votos en branco, 3 nulos, 488 a favor de continuar co paro indefinido até acadar un acordo (Folga) e 681 votos a favor de deixar o paro e comezar a negociar (Negociación), remataron as votación en Navantia, nas dúas factorías da Ría de Ferrol.

Totais as dúas factorías:
681 negociación
488 folga
3 nulos
7 blancos

Despois de que a dirección do estaleiro prohibira a realización da votación dentro do recinto onde se tiña previsto, e se negara a facilitar os censos, improvisou-se unha saída intermedia para que se puidera realizar o acto nas horas e día fixado.

Segundo nota do Comité de Empresa de Navantia Ferrol, foron a votar, neste esteleiro, o 53,4%, de 1322 censad@s, foron a votar 706.

Co seguinte resultado:

Navantia Ferrol
478 negociación
221 folga
3 nulos
4 brancos

En Fene, polo de agora sen datos do censo, só sabemos que votaron 473 persoas, mais os resultados da votación que nos notificaron son os que seguen:

Navantia Fene
203 negociacion
267 folga
3 blancos


Documentación e imaxes.
Corredor improvisado de entrada en Navantia Ferrol para acceder ás urnas
Información anónima que estaba nas paredes próximas ao lugar de votación
Acta que se facilitou polo Comité de Empresa de Navantia Ferrol
Datos dos resultados en Navantia Fene

___________________

A folga das auxiliares de Navantia cumpriu este mércores a súa 21 xornada de paro continuado, superando as presións da patronal, as tentativas de criminalización por parte de Navantia e os intentos diversos de boicot que levaron a momentos de tensión - Hoxe xoves 26 de outubro terá lugar unha votación vinculante e con garantías, onde o persoal decidirá sobre o conato de proposta da patronal e a continuidade ou suspensión da folga


A folga na industria auxiliar de Navantia cumpre 21 días coa vista posta na votación deste xoves. | O persoal decidirá con todas as garantías continuar ou suspender o paro.


A folga das auxiliares de Navantia cumpriu este mércores a súa 21 xornada de paro continuado, superando as presións da patronal, as tentativas de criminalización por parte de Navantia e os intentos diversos de boicot que levaron a momentos de tensión entre os propios traballadores/as nestes dous últimos días.

De cara a evitar que unha loita exemplar marcada pola falta de incidentes remate como un conflito entre traballadores/as e saír da situación de tensión xerada, dende a CIG-Industria apostouse nesta xornada por retomar as conversas iniciadas o luns con CCOO, UGT e MAS para ver de organizar unha votación sobre o conato de proposta da patronal e a continuidade ou suspensión da folga. Mais unha consulta que sexa realizada con todas a garantías posíbeis.

Deste xeito, tras da xuntanza mantida ao longo desta tarde, as centrais sindicais acordaron realizar mañá xoves (día no que se cumpren tres semanas do inicio da folga), unha votación dentro dos estaleiros entre as 10 e as 14 horas. Colocaranse 3 urnas en Fene e 3 en Ferrol, divididas por empresas, o voto estará limitado ao persoal de obra de categoría inferior a xefe de equipo. Ademais, os censos estarán conformados polos operarios e operarias que picaron a súa entrada ás instalacións o pasado día 3 de outubro (antes do inicio da folga).

Garantías na votación

"Esta parécenos a maneira máis correcta para organizar unha votación na que quede garantido que só poderán participar os traballadores e traballadoras convocados/as á folga e afectados/as polos acordos de 2001", apuntaba Vicente Vidal, secretario comarcal da CIG-Industria.

Se o resultado da votación é positivo á suspensión do paro, engade, levarase a cabo unha negociación coas empresas (que até o momento se negaron a sentar na mesa coa CIG mentres non se desconvocara a folga). Unha negociación que se busca pouco prolongada e na que entrar de inmediato a abordar a cuestión salarial. Neste contexto, os comités de Navantia en Fene e Ferrol comprometéronse a dar todo o apoio preciso ao persoal das auxiliares.

En caso dos traballadores/as apostar por continuar a folga, actuarase en consecuencia. "E mentres non se coñezan os resultados seguiremos con piquetes diante das portas", apuntaba Vidal.

Oferta sindical

Sobre as reunións mantidas o martes coas empresas, o secretario comarcal da CIG-Industria valorou que, como insuficiente a contraoferta das empresas e pouco concreta. A este respecto, CIG, CCOO, UGT e MAS chegaron a un documento de consenso para trasladar á patronal (como punto de partida para a suspensión temporal da folga) no que se solicita que as empresas asuman o custe do paro xa sexa abonando as nóminas deste mes ou ben pagando o 50% do salario e o outro 50% contabilizándoo como vacacións. Pola súa banda, a patronal asume o compromiso de minimizar os efectos na nómina a conta de vacacións ou segundo pactos por empresa.

En canto ás melloras salariais, a proposta social é que se abone o 50% da diferenza que existe entre as actuais retribucións e o recollido nas táboas salariais de 2001. Sobre aplicar a suba inmediata, as empresas defenden o compromiso de adiantar unha cantidade indeterminada a conta do acordo definitivo, e que este adianto se pactará nas primeiras reunións.

Á espera do que decidan mañá os traballadores e as traballadoras, a súa é e seguirá sendo, unha loita pola dignificación das súas condicións laborais, para rematar coa discriminación que se está a dar nestes momentos nas auxiliares e crear un marco legal vinculante que evite a competencia desleal.

Ferrol, a 25 de outubro, de 2017

Fonte: Avantar - Baixo unha licenza Creative Commos.
___________

mércores, outubro 25, 2017

Continúa a folga das auxiliares de Navantia na xornada 21 de paro - Despois de diferentes xuntanzas entre sindicatos na tarde do luns e este martes todo o día, primeiro entre sindicatos e logo coa patronal - Non houbo acordo, polo que a asemblea decidiu continuar co paro indefinido - Hoxe ás 5 da mañá nos Piquetes

Porta de Navantia Ferrol, Asemblea do 24 de outubro de 2017

 Continúa a folga das auxiliares de Navantia na xornada 21 de paro

Despois da votación do venres 20 de outubro, convocada polos sindicatos CCOO, UGT e MAS, co apoio e complicidade dos medios de comunicación, da dirección de Navantia e da patronal da industria auxiliar, para intentar deslexitimar a folga, logo dunha importante manifestación de dúas mil persoas celebrada con total suceso o día anterior, a Asemblea en Folga e a CIG, denunciaron o fraudulento da votación e decidiron continuar coa folga e os piquetes nas portas, mais desta vez redobrando esforzos e cunha forte presencia nos mesmos. Os piquetes do luns 23 de outubro, foi un feito moi importante e significativo, logo da votación cualificada de fraudulenta do venres pasado. A decisión de manter a folga, é mostra de vontade de resistencia, e ten moito valor, sobre todo ao tratar-se dunha loita contra a precariedade laboral. E os que están en contra saben-no.

Reunións cos sindicatos e coa patronal

Os sindicatos reuniron-se na tarde do luns e o martes desde as 8 da mañá, para seguir analizando posibilidades de consensuar unha saía á situación que parta da actualización e recuperación dos acordos retributivos de 2001 e a súa incorporación a un marco legal que lle dea eficacia. Posteriormente houbo reunión coa representación da patronal das industrias auxiliares, mais rematou sen acordos, a patronal só quere que se volva ao traballo e continua ca chantaxe de que con este paro están-se perdendo contratos. Realizou-se a Asemblea que estaba convocada para as 19:30hs, de onte martes, onde se explicou a situación e o enroque da patronal que non dá respostas as demandas, polo que, ante o inmobilismo da patronal e de Navantia,  se continua co acordado pola Asemblea de seguir coa folga indefinida e os piquetes nas portas dos estaleiros. Situación que creou tensión entre os partidarios e non partidarios de continuar co paro.

Detalle da info
da axencia E.P., en Galicia Confidencial [1]

 "Os sindicatos CIG, CC.OO, M.A.S e UXT pactaron unha proposta "unitaria" que presentaron aos empresarios na xornada do martes para tentar chegar a un acordo que finalice o conflito laboral.

Tras dúas reunións, unha pola mañá e outra pola tarde, a parte empresarial "non respondeu" á iniciativa trasladada polos representantes dos traballadores e "levantouse da mesa".

A proposta sindical pedía que as empresas abonasen aos traballadores o 50 por cento dos días que estiveron en folga e o 50 por cento restante en concepto de vacacións.

Doutra banda, solicitaron que as empresas que incumpren os acordos de 2001 paguen o 50 por cento da diferenza do soldo de cada traballador con respecto ao que debería estar a cobrar segundo esas táboas salariais.

O paro convocouse, precisamente, co obxectivo de que todas as compañías comprométense a abonar as táboas salariais pactadas no ano 2001 entre Navantia, patronal de auxiliares e representantes sindicais.

Na asemblea, na que interveu a CIG, tamén se produciron algúns enfrontamentos verbais entre partidarios de manter a folga e outros traballadores que pedían votar o fin do paro, proposta que o sindicato nacionalista rexeitou porque non hai proposta nin resposta da parte empresarial
".

Presións contra a Folga

Mentres os medios seguen a resaltar a perda de traballo xa contratado, falaban en concreto do buque gaseiro "LNG Excalibur" que segundo informan fontes de Navantia, vai camiño de reparar en Brest. A folga está facendo dano, mais diso é do que se trata, esta esta-lle impedindo á dirección de Navantia cumprir cos contratos e prazos, mais esta intenta trasladarlle a responsabilidade aos compañeir@s que están en folga, cando a responsabilidade é desa dirección por permitir licitacións das obras e servizos á baixa, sabendo que ía repercutir nos salarios e nas condicións laborais das traballadoras e traballadores, precarizando aínda máis esas condicións.

Unha folga acosada

A folga das compañias auxiliares de Navantia acosada polos Medios, a Patronal, Navantia e o tándem sindical  CCOO-UGT, entra nunha nova etapa nun intento de consensuar a nivel sindical unha saída digna a quen demostrou a razón e a coraxe para loitar contra a inxustiza da súa situación.

Modelo laboral imposto

Non fai falta profundar moito no proceso do conflito laboral das empresas auxiliares de Navantia, para dar-se conta que se está loitando contra un modelo laboral imposto pola vía do sufrimento a centos de traballadoras e traballadores que realizan a maioría do traballo produtivo directo nos estaleiros da Ría.

Desde a última crise de carga de traballo e emprego, no outono de 2013, o persoal da industria auxiliar sufriu as consecuencias: masivo desemprego e unha importante mingua no seu salario e nas condicións de traballo, na volta aos estaleiros pasados uns anos.

Convenio frustrante e folga

Despois de 25 anos, este mes de setembro tivo lugar a mobilización do metal provincial polo seu convenio colectivo. Dez días de folga e numerosas manifestación, rematou nun convenio que a CIG non asinou, non satisfactorio, sobre todo para as traballadoras e traballadores das compañías auxiliares dos estaleiros da Ría que viron frustradas as súas aspiracións de que o convenio colectivo provincial, fose o marco legal que acollera as súas reivindicacións. Logo dun proceso asembleario a CIG co apoio da maioría do persoal que participaba, acordou a convocatoria dunha folga indefinida na industria auxiliar dos estaleiros, para conseguir o que se lles negou na negociación do Convenio Colectivo. E é así como chegamos a esta 21 xornada de Folga.

[1] Galicia Confidencial. | Ir á Web.

Mais info en:

Avantar+Navantia

Avantar+IndustriaAuxiliar

No buscador libre DuckDuckGo. | Auxiliares+Navanti+Ferrol.
___________