Amosando publicacións coa etiqueta BNG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta BNG. Amosar todas as publicacións

martes, setembro 28, 2021

O BNG propón que Ferrol adique o ano 2022 ao 50 aniversario dos sucesos de marzo do 72 - Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na dedensa dos dereitos de todos e de todas


O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de rexistrar unha moción, que será debatida o xoves 30 de setembro, na que propón que o vindeiro ano 2022 sexa declarado en Ferrol como o “Ano do Dia da Clase Obreira Galega” como xeito de comemorar o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972. Asi mesmo propón desenvolver un calendario de actividades: exposicións, conferencias, cursos ao longo do ano 2022 co obxecto de lembrar o esforzo desenvolvido en defensa da democracia e emancipación da Clase Obreira Galega así como o estabelecemento dun galardón: “Premio Día da Clase Obreira Galega”co que premiar a persoas ou colectivos significados na defensa dos traballadores e traballadoras galegas e os seus dereitos.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas.

Unha loita que cómpre lembrar máis que nunca nunha cidade que sofre desde hai anos a actitude indolente de gobernos dese mesmo estado que teñen desmantelado os nosos sectores produtivos sen ofrecer unha mínima e pequena alternativa para a situación que estamos a vivir nesta cidade desde hai décadas.

Ivan Rivas sinalou que o pasado debe servir de lembranza e recoñecimento para enfrontar o futuro e por iso desde o BNG consideramos oportuno que o próximo ano 2022 sexa declarado ano da Clase Obreira Galega, que desenvolvamos un premio que recoñeza o esforzo de persoas e colectivos na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras galegas e que ao longo de todo o ano 2022 se poidan desenvolver actividades relacionadas cos dereitos dos traballadores e traballadoras e das persoas que teñen e que están a buscar traballo nunha cidade que precisa de maneira clara e contundente un proxecto de futuro que debe pasar por desenvolver o noso principal sector produtivo que non é outro que os estaleiros da ría de Ferrol.

O BNG quer lembrar que o vindeiro ano conmemorase o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo do 1972 na nosa cidade que teñen o seu desencadeamento na loita dos traballadores/as da Bazán durante a negociación do seu Convenio Colectivo e que deu lugar a que se recoñeza esta data como o Dia da Clase Obreira Galega. No percorrido deste conflito sucedéronse despedimentos de enlaces sindicais, detencións, torturas nas comisarías, numerosos feridos e dous mortos: Amador Rey e Daniel Niebla.

Esa tráxica data, o 10 de Marzo, pasou a historia do sindicalismo galego como "Día da clase obreira galega", e significou un novo e importante pulo de resposta á ditadura e o xermolo dun importante movemento sindical.

Igual que noutros países procúrase significar no calendario aquelas datas que lembran un fito importante da súa historia, o 10 de Marzo cumpre con estas características para a clase traballadora galega, para as súas organizacións é a referencia explícita da loita polas liberdades e polos dereitos laborais.

Consideramos que o Concello de Ferrol non debe deixar pasar a efeméride de conmemorar o 50 aniversario do Dia da Clase Obreira Galega, lembrando cunha serie de actividades os feitos do 10 de Marzo en Ferrol e o seu significado colectivo na Galiza de defensa da democracia e de emancipación da clase traballadora galega.

#diadaclaseobreiragalega

Ferrol a, 27 de setembro, de 2021

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


bng@ferrol.es


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
28 de setembro de 2021 22:33

_______

sábado, maio 29, 2021

Acto do BNG sobre o impacto dos parques eólicos en Ferrol e na Galiza - O martes, 1 de xuño, ás 8 da tarde no Patio do Centro Cultural Torrente Ballester - Coa participación de Iván Rivas e a deputada no Parlamento Galego, Noa Presas

Acto sobre o impacto dos parques eólicos en Ferrol e na Galiza

O vindeiro martes, 1 de xuño, às 20 horas no Patio do Centro Cultural Torrente Ballester imos celebrar un acto público baixo o título: “O impacto dos parques eólicos en Ferrol e na Galiza

No mesmo participará o portavoz municipal do BNG en Ferrol, Iván Rivas, e a Deputada do BNG no Parlamento Galego, Noa Presas.

Desta vez e por motivos de seguridade derivados da covid-19 temos un aforo limitado polo que pregamos confirmar antes a asistencia, enviando un mail a bngferrol@gmail.com.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


bng@ferrol.es

Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
28 de maio de 2021 17:17

_______


#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#MontesDeBrionPaqueEolicoNon

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

_______

martes, maio 11, 2021

Debate no Pleno da moción do BNG, sobre os proxectos eólicos que están solicitados para instalar nos montes costeiros de Ferrol - O Pleno comezou coa intervención dunha representación de diferentes asociacións veciñais, culturais, ecoloxistas e sociais, na voz da asociación de comuneiros do monte do Chá de Brión-Doniños - Interesante vídeo do conxunto do debate onde quedan reflectidas as argumentacións dos diferentes grupos municipais


O pasado xoves 29 de abril de 2021, celebraba-se o Pleno Ordinario do Concello de Ferrol, onde, entre outros asuntos, tratou-se unha moción do grupo municipal do BNG, sobre os proxectos eólicos que están solicitados para instalar nos montes costeiros de Ferrol (Cha de Brión, Monteventoso, A Lagoa, Mouga, Chamorro, ...). O debate no Pleno comezou coa intervención dunha representación de diferentes asociacións veciñais, culturais, ecoloxistas e sociais, na voz da asociación de comuneiros do monte do Chá de Brión-Doniños. No transcurso do debate quedan reflectidas as argumentacións dos diferentes grupos municipais (PP, PSOE, Ferrol en Común e o BNG).


O grupo municipal do BNG, presentou unha moción para ser debatida no Pleno co obxectivo de "protexer a zona natural do Concello fronte a proliferación de proxectos eólicos". Propuña-se que "o pleno rexeite a instalación do 'parque eólico Brión', situado nos terreos de propiedade municipal, nos montes do Chá, e denegue esta solicitude". Na mesma moción propuxo-se que o Pleno tamén rexeitara "a instalación dos outros parques eólicos solicitados para o noso concello e solicitar à Xunta de Galiza a paralizar a tramitación dos mesmos". A citada moción foi só apoiada polo grupo municipal de Ferrol en Común e rexeitada polo Pleno cos votos dos grupos do PP e do PSOE.

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration
_______

mércores, abril 21, 2021

A Quinta pronuncia-se sobre a Proposición Non de Lei sobre o Bierzo no Parlamento de Galicia - ...queremos manifestar a nosa mais profunda decepción polo resultado saído do Parlamento Galego


A Quinta sobre Proposición Non de Lei (PNL) en el Parlamento de Galicia

Desde A Quinta queremos manifestar a nosa mais profunda decepción polo resultado saído do Parlamento Galego a respecto da Proposición non de Lei presentada polo BNG en nome de CxB (Coalición polo Bierzo). Entendemos que o resultado e froito dos xogos partidarios que se sitúan a marxe da realidade social e política de Galiza e do Bierzo. Lamentamos que os xogos partidarios do PP e o PSOE os levaran a ignorar a milleiros de votantes destes partidos no Bierzo que defende un maior vínculo entre a CAG de O Bierzo cando non a integración do Bierzo en Galiza. Non falemos xa do sentimento provincialista que é este amplamente maioritario entre a cidadanía do Bierzo sexa cal sexa a súa preferencia política.

Desde A Quinta temos que pedir a dimisión do Deputado do PSOE Pablo Arangüeña e rexeitar absoluta e profundamente a súa intervención no debate da PNL. Dicir que dar a posibilidade que o Bierzo se poida converter en provincia e que poida decidir se quere ou non ser parte de Galiza levaría a enfrontamentos violentos é un despropósito e un insulto os valores democráticos asentados entre a cidadanía. Entendemos desde A Quinta que esta maneira de pensar é pre- constitucional e que busca humillar e desprestixiar a democracia e o actual marco constitucional. Recordarlle ao Sr Arangüeña que existen mecanismos legais recollidos na  Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Castilla y León para a modificación das fronteiras interiores do Estado e que os mesmos se teñen feito no pasado recente e que polo tanto que a demanda de provincia e a demanda de ser provincia galega é unha demanda constitucionalista. Argumentar que a aplicación das regras de xogo pactadas na constitución do 78 é un acto de temeridade é simplemente un insulto a intelixencia das persoas e un desprezo a democracia, pero sobre todo é un insulto a todos os bercianos e bercianas demócratas e, moi en especial, a aqueles que se senten provincialistas e irmáns do pobo galego a marxe do partido que voten e a das súas afinidades políticas.

Desde A Quinta entendemos que o debate no Parlamento Galego foi prematuro e que o mesmo debía ir avalado con un amplo respaldo social e mesmo institucional e ser claramente transversal, pois a proposta de converter ao Bierzo en Provincia é unha opción que conta co consenso da veciñanza do Bierzo e integrar dita provincia na CAG conta claramente co apoio maioritario.

Aproveitamos este comunicado para reiterar a nosa demanda pública para que o CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas) realice sondaxes entre a sociedade do Bierzo e a Galega para así verter un pouco de luz sobre a realidade social e política que se está debatendo.

Movemento Cidadán A Quinta

Referencias:

✔ Proposición non de lei rexistrada no Parlamento de Galicia. | Acceder/Baixar.

✔ CB presenta unha histórica proposta no Parlamento de Galicia para recuperar a Provincia no seu Bicentenario | A proposición non de lei foi rexistra hoxe para o seu debate a través do BNG, segunda forza política no Parlamento Galego. | Ir á Web.

Enviado por:
A Quinta O Bierzo
-obierzoaquintaprovincia@gmail.com-
21 de abril de 2021 09:52

_______

martes, abril 06, 2021

Néstor Rego avanza novas iniciativas para urxir ao Goberno do Estado a construción do baipass ferroviario en Betanzos - A obra permitiría reducir considerabelmente o tempo de duración do tramo ferroviario entre Coruña e Ferrol - BNG defende a modernización da vía ferroviaria entre Betanzos, A Coruña e Ferrol como medio de transporte de proximidade sustentábel co medio ambiente e que permitiría artellar unha mellor comunicación no Golfo Ártabro


O deputado do BNG, Néstor Rego, reclamou na Estación de ferrocarril Betanzos-Infesta a construción do baipass ferroviario despois de que o goberno do Estado rexeitase as emendas presentadas pola formación nacionalista aos Orzamentos Xerais do Estado, e que anunciara que non vai executar sequera os 128.000 euros previstos para o 2021 por non consideralo unha prioridade. Rego estivo acompañado polos voceiros municipais do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, en Ferrol, Iván Rivas, e A Coruña, Francisco Jorquera.

A organización nacionalista visitou a instalacións da estación de ferrocarril Betanzos-Infesta onde as vías non tiveron modificacións substanciais desde a súa construción hai máis de cen anos, en 1913.  “Nesta liña tárdase practicamente o dobre- 80 minutos- indo en tren que facendo o mesmo traxecto en coche. Trátase dunha vía mal deseñada xa que parte dunha visión centralista de conexión Ferrol coa meseta mais non a comunicación entre dúas das cidades galegas máis importantes como A Coruña ou Ferrol” explicou o deputado mentres sinalaba  a perda de tempo que supón non ter un baipass en Betanzos que permita unha maior fluidez do tráfico ferroviario.

Así mesmo, Rego lembrou que o BNG presentara emendas, nos Orzamentos Xerais do Estado, tanto para a construción do baipass, de 20 millóns de euros, como para iniciar os traballos de modernización da liña Ferrol-A Coruña-Betanzos, de 10 millóns de euros. PSOE e UP rexeitaron as emendas e, na actualidade, os OXE só mantén a cantidade “ridícula” de 128 mil euros que permitiría comezar as obras da infraestrutura, mais que o Goberno xa anunciou que non ten intención de executar.

O que nos atopamos é que o Secretario de Estado de Infraestruturas recentemente anunciou que esta non era unha prioridade e, polo tanto, que esta obra non se ía facer aínda” recriminou Rego. Neste sentido, o deputado nacionalista avanzou novas iniciativas no Congreso para urxir ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a “actuar e facelo xa porque esta obra é perfectamente asumíbel dentro dos orzamentos do Ministerio- con independencia de que non haxa unha partida específica- mais si partidas xenéricas que se poden destinar a este fin”. Rego afirmou que é unha obra “absolutamente necesaria” para reducir o tempo e que o transporte ferroviario entre Ferrol e A Coruña “fose máis atraente” e gañase usuarias e usuarios.

Pular por un medio de transporte sustentábel


A formación nacionalista aposta pola conexión ferroviaria entre as principais vilas e cidades do país porque “é un medio de transporte sustentábel. O deputado recriminou que o executivo español “ten abandonadas as infraestruturas ferroviarias, particularmente as de conexión interior e este é un exemplo dos máis evidentes mais é un caso que se debe resolver canto antes. Mentres no resto do Estado o Goberno inviste para modernizar o transporte de proximidade, tanto de transporte como de viaxeiros, na Galiza non existen aínda conexións entre as diferentes cidades, mais para o Ministerio segue sen ser unha prioridade”.

Pola súa banda, a voceira do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, destacou a oportunidade que se pode xerar coa construción do baipass, constituíndo unha “liña de transporte público alternativo, de calidade e, ao mesmo tempo, sustentábel e ecolóxico”. A obra tamén permitiría que a veciñanza de Betanzos se puidese comunicar “tanto coa Coruña como Ferrol dunha maneira viábel e nun tempo factíbel”.

Artellar o Golfo Ártabro

Para o voceiro municipal do BNG no concello da Coruña, Francisco Jorquera, é precisa a construción desta infraestrutura para a “futura implantación de servizos de proximidade que contribúan a artellar toda a zona”. Esta liña, ademais de Ferrol-Betanzos-A Coruña tamén "permitiría enlazar cos polígonos industrias e mesmo co centro da cidade coruñesa pola conexión ferroviaria do porto”.

A obra debera, ademais de construír o baipass de Betanzos, acometer a electrificación da liña, corrixir trazados sobre todo nas curvas máis pronunciadas e incrementar os puntos de cruce para que poidan ir trens nas dúas direccións”. enumerou Jorquera durante a súa intervención para atallar os problemas de mobilidade que posúe A Coruña.

Conexión Ferrol

O voceiro de Ferrol, Iván Rivas, apuntou a que o illamento que sofre a comarca de Ferrol débese a falta de vontade política por parte de PP e PSOE que “están sendo cómplices deste deseño centralista”. Así mesmo, incidiu na necesidade de reverter “esta dinámica que non se vai resolver mediante estudos senón con consignacións orzamentarias e que o alcalde de Ferrol debería estar exixindo”.

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


bng@ferrol.es


Ferrolterra | Web.


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com
6 de abril de 2021 10:45

_______

xoves, marzo 25, 2021

Miguel Tellado agora é “ocultista”!!, ... Por Ramón Fernández Alfonzo - O BNG propón un plan de reactivación para Ferrolterra baseado na recuperación da ría, o naval e a reindustrialización d'As Pontes - O portavoz de Industria, Mon Fernández, recrimina o veto do PP á iniciativa e acúsao de ser corresponsable da 'crise dramática' que vive a comarca


Por Ramón Fernández Alfonzo [*]
25.03.2021


Ás veces.... ve cousas. Viu “erros malintencionados” na moción do BNG cando o que hai son críticas explícitas. Claro que a Xunta e o PP son responsábeis da crise da comarca, por acción e por omisión. Que clase de goberno se dedica simplemente a botarlle a culpa aos demais? Acaso non é o Parlamento Galego onde a Xunta debe dar explicacións do que fai ou deixa de facer?

Eles son o partido do goberno, pero no seu discurso hai de todo menos o que debería haber: solucións!!!. Minte sobre o que defende o BNG para “ocultar” que o seu modelo enerxético, e o seu modelo de empresa para Navantia, é o que provoca que nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal perdamos 4 veces máis poboación que no resto de Galiza, 4 veces máis!!!

Defender a construción civil en Navantia non é criticar a militar. Nas nosas iniciativas sempre insistimos en que o camiño para esa recuperación é ofrecer produtos tecnoloxicamente avanzados a partir da constitución dun centro tecnolóxico para o sector naval, de aproveitar as sinerxías coa construción militar, e de aproveitar tamén as tremendas posibilidades da fábrica de Turbinas no novo contexto que abre a descarbonización da mobilidade marítima (por que non introducila no mundo da tecnoloxía do hidróxeno?). Defender que Navantia faga plataformas para eólica mariña flotante en Fene, cando existe agora mesmo a intención de desviar eses contratos a Cádiz non é criticar a UTE Navantia-Windar.

Igual que defender a constitución dun centro de I+D+i para o almacenamento de enerxía nas Pontes, e que Endesa, a Xunta e o Estado teñan que comprometer investimentos na reactivación e reindustrialización da vila non é estar en contra do proxecto dos biocombustíbeis na central. É preocuparse pola posibilidade (moi probábel) de que ese proxecto non sexa máis que unha solución parcial no mellor dos casos, e insuficiente para a reactivación económica da vila. É querer un salto cualitativo para As Pontes, pasar de ser produtores de enerxía a ser tamén provedores de tecnoloxía.

E sobre todo, é non asumir pacificamente que Endesa, unha empresa que gañou 1.400 millóns de euros no pandémico 2020, e que durante estes 60 anos modificou social e fisicamente o Concello, poda marchar da vila sen comprometer un peso para os proxectos que se poñan en marcha.

E finalmente, dicir que a Consellaría do Mar é a principal responsábel da situación da ría non é “que nos pareza pouco o que fai a Xunta”. Parécenos que con unha redución da produción dun 90% a titular do departamento con competencias exclusivas en marisqueo estaría cesada en calquera país do mundo. Por non entrar a falar do sistema de saneamento e dos custes que estamos a soportar, sobre todo, os veciños e veciñas dos Concellos de Ferrol e Narón.

En todo caso, o que debería facer Miguel Tellado, Secretario Xeral do partido que goberna Galiza, é explicarnos a todos e todas cales son os proxectos ou propostas que ten o “noso goberno” para solucionar a situación das Comarcas. Porque diso non sabemos nada. Igual que tampouco explica por que votou en contra da moción do BNG, que basicamente consistía nas propostas que veño de expor. Outro xénero de ocultismo. Díganos Sr. Tellado:

✔ Por que o PP votou en contra de recuperar e diversificar actividades en Navantia ría de Ferrol?

✔ Por que o PP votou en contra de que garantir fondos da Xunta, do Estado e de Endesa para reindustrializar As Pontes?

✔ Por que o PP votou en contra de rexenerar a ría de Ferrol?
---

O BNG propón un plan de reactivación para Ferrolterra baseado na recuperación da ría, o naval e a reindustrialización das Ponte. | O portavoz de Industria, Mon Fernández, recrimina o veto do PP á iniciativa e acúsao de ser corresponsable da “crise dramática” que vive a comarca.

24.03.2021

O BNG levou de novo á Cámara galega a crise de Ferrolterra coa presentación en pleno parlamentario dunha moción para propoñer á Xunta o desenvolvemento dun plan integral de reactivación para a comarca articulado sobre tres eixes fundamentais: a rexeneración da ría, a reactivación do sector naval e a reindustrialización das Pontes.

O portavoz nacionalista de Industria, Ramón ‘Mon’ Fernández, recalcou que estes tres ámbitos teñen un peso específico “absolutamente determinante” na economía da comarca e considerou urxente “rachar cos acordos” impostos dende Madrid polas forzas políticas e sindicais do Estado ao longo dos últimos 40 anos e que supuxeron en realidade “un cúmulo de prohibicións produtivas como non se coñece en ningún outro territorio do Estado”.

A comarca de Ferrol precisa hoxe rachar con aqueles acordos da mal chamada reconversión e construír un novo acordo sobre o sector naval”, reclamou sobre o primeiro eixe de actuación para o que pediu a constitución dunha mesa de traballo conxunta de Xunta e Goberno central coas federacións sindicais do sector co obxectivo de elaborar e poñer en marcha un plan específico para a diversificación e recuperación de actividades no centro de Navantia na ría ferrolá.

Entre ditas actividades o BNG apunta a construción naval civil, a participación directa da factoría de Fene e da fábrica de turbinas nos proxectos de eólica mariña (e nomeadamente nos contratos de plataformas flotantes), un plan propio para introducir turbinas no sector das tecnoloxías para a descarbonización da mobilidade marítima e a construción de novas infraestruturas para obra nova e reparacións, como talleres, diques ou elementos de elevación.

A chegada doutras empresas non compensará a perda de emprego no naval

O sector naval podería dar ocupación a miles de traballadores e traballadoras; dicirlle á sociedade de Ferrol que pode compensarse a perda de postos de traballo no sector naval incentivando a chegada doutras empresas é mentirlle descaradamente: hoxe por hoxe non existe alternativa real ou comparable ao naval en termos de emprego”, recalcou.

De igual xeito, o tamén deputado por Ferrolterra considerou urxente abordar a rexeneración da ría -“un exemplo de abandono por parte de todas as administracións con competencias directas ou indirectas sobre ela”, recriminou-, polo que a moción nacionalista propón a colaboración entre os Executivos galego e estatal para realizar e financiar un estudo integral da ría, que permita iniciar a súa rexeneración, ademais da finalización e posta en marcha das infraestruturas de depuración, concretamente do entronque da rede de saneamento de Neda coa EDAR norte.

Segundo recalcou Fernández, a rexeneración da ría é prioritaria e precisa de vontade política e de recursos económicos para materializarse para facer dela “ese outro motor económico, totalmente integrado no Green Deal que supostamente van promover os fondos europeos Next Generation”.

Por último, e afondando no que sinalou como terceiro eixe fundamental de actuación, o da reindustrialización das Pontes, afeou que mentres a Xunta defende a viabilidade dun proxecto de biocombustibles para a central térmica “sen poñerlle cifras, nin consignar recursos orzamentarios que poidan darlle algún significado e respondendo con evasivas aos plans que ten para a vila”, desatende os traballos para a posta en marcha do convenio de Transición Xusta. “Mentres en outros territorios xa contan con proxectos en marcha, como en Asturias ou Aragón, no caso das Pontes nin sequera comezou a elaborarse”, criticou.      

Neste sentido, a moción nacionalista avoga por aproveitar os traballos xa realizados polo Concello para acelerar os prazos ao máximo para impulsar, en colaboración co Goberno estatal, o convenio, así como por promover proxectos de carácter industrial relacionados co sector enerxético que poidan manter a activade da central, e combinalos con outros de nova implantación destinados á produción de hidróxeno e ás tecnoloxías relacionadas co almacenamento de enerxía. De igual xeito, defendeu a procura de financiamento dos fondos Next Generation para a implantación destes proxectos, así como da propia Endesa, Xunta e Estado.

Logo de escoitar os argumentos esgrimidos polo PP para votar en contra da moción, o portavoz de Industria recriminoulle a súa “sarta de mentiras cada vez que falan de Ferrol, do sector naval e das Pontes” e fixo “explícitas” as críticas do BNG á Xunta e ao PP: “son vostedes corresponsables, por acción e por omisión, da situación de crise dramática que vive hoxe a comarca de Ferrol”, resumiu logo de subliñar que as propostas nacionalistas “son propostas concretas” e “totalmente coherentes” coas directrices que se impulsan desde a Unión Europea e tamén tanto desde o Goberno do Estado como desde a propia Xunta: “propostas coherentes cos novos paradigmas de transición enerxética e transición tecnolóxica”, concluíu.

[*] Ramón Fernández Alfonzo. | Deputado do BNG e portavoz de Industria.

Fonte: BNG - Ferrolterra. | 25 mar. 2021 - 08:24 e 24 mar. 2021 - 10:56
_______

domingo, marzo 21, 2021

Néstor Rego propón un Plan Industrial para os estaleiros de Ferrol - O BNG aposta por diversificar a actividade dos estaleiros coa eólica mariña flotante pero mantendo sempre a construción naval, incluída a civil, e exixe maior implicación das administracións a través dun calendario e investimento específico



O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de presentar na cámara estatal unha Proposición Non de Lei para a creación dun Plan Industrial para a comarca de Ferrol. A través da creación dunha Mesa que promocione e diversifique a actividade dos estaleiros da ría de Ferrol, a formación nacionalista reclama eliminar todas as trabas e restricións actuais que impiden a construción naval civil en Ferrol, co obxectivo de que se permita traballar a Navantia e haxa unha implicación maior por parte das administracións.

O Plan Industrial que precisa a comarca de Ferrol é “unha promesa incumprida dos distintos gobernos do Estado español” segundo sinala o deputado nacionalista. “Mais é simple: débese permitir que Navantia poida traballar eliminando as restricións actuais e aproveitando todos os segmentos da actividade que potencialmente poida concorrer nas instalacións da ría de Ferrol” afirma Rego.

Por este motivo, o BNG presentou no Congreso unha iniciativa para asegurar o futuro da comarca de Ferrolterra. “Hai que facilitar a participación da Xunta de Galiza no Consello de Administración de Navantia e constituír unha mesa de ámbito galego para a promoción e diversificación de actividades nos estaleiros da ría” expón o deputado do BNG. Posibilidade prevista tanto no artigo 55 do Estatuto de Autonomía da Galiza coma no artigo 4 da Lei de Fomento do Sector Naval.

A organización nacionalista reivindica potenciar a participación de Navantia ría de Ferrol no sector da eólica mariña flotante “con recursos propios ou manténdose, cando for posíbel, como socia maioritaria nas UTE con Windar ou con calquera outra empresa ou sociedade. Así mesmo, Néstor Rego incide na necesidade de dotar a fabrica de turbinas de dirección e recursos propios para a definición de novos produtos destinados ao sector das enerxías renovábeis, en xeral, e para fomentar a súa introdución e participación nos contratos da eólica mariña, en particular”.

Alén do mais, exixen introducir na fábrica de turbinas naqueles segmentos de actividade “relacionados con novos modelos sustentábeis de mobilidade marítima” así como promover e procurar “colaboracións con centros de investigación ou empresas que fosen precisas”.

Por outra banda, Rego explica que na proposta tamén se recolle a necesidade de “concretar un plan de investimentos destinado a modernización das infraestruturas, talleres de prefabricado, diques de nova construción ou para a súa posíbel reparación”. Coa mellora das instalacións poderase atender tarefas de reparacións mentres se ten en marcha unha encarga dun novo buque, o que é imposíbel co dique actual. Na actualidade Navantia só conta cun dique que poida acoller buques de grandes dimensións, polo que o estaleiro vese obrigado a renunciar a contratos por falta de dispoñibilidade, unha media de 5 buques por ano durante os últimos 10 anos. Neste sentido, “acometer as obras para un novo dique seco específico para reparacións sería importante non só para atender a demanda xa existente, senón para poder aspirar a novos mercados por tipoloxía de buques, así como para compatibilizar eses traballos cos das grandes transformacións, e non desatender outros potenciais clientes durante todo o tempo en que se manteña a ocupación do dique”.

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


bng@ferrol.es


Ferrolterra | Web.


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com
21 de março de 2021 08:43

_______