Amosando publicacións coa etiqueta David Rodríguez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta David Rodríguez. Amosar todas as publicacións

mércores, decembro 16, 2015

Escolla cultural, ... Por David Rodríguez


Por David Rodríguez [*]
16.12.2015


As obras completas de Evaristo Páramos, a miña opción para a sección, Mosaicos da cultura, afectos e escollas, do Diario Cultural da Radio Galega. Agradecido pola oportunidade que me ofreceron as amigas-os do Diario Cultural. Aquí pódese escoitar. A seguir, pódese ler:

Agora que todo o mundo fala do Réxime do 78 e que está en voga o da Cultura da Transición, eu decidín escoller un dos mellores representantes da escasa Contracultura da Transición.

Trátase das Obras Completas de Evaristo Páramos, é dicir, de La Polla Records. Unha banda que é algo así coma o espello invertido do escapismo dos grupos da movida madrileña e do seu sucedáneo vigués.

Nas letras de Evaristo un pode atopar todas as feas cicatrices desa cara de cute perfecto que disque foron os últimos 40 anos da historia do estado español.

Algúns temas presentes nas súas cancións?

A heroína a facer estragos nos barrios obreiros en “El mono”: Entra la aguja, te sientes bien, brillo en los ojos, callo en la piel.

A resistencia fronte a cooptación dos movementos xuvenís en “No somos nada”: Quieres identificarme, tienes un problema.

A apelación ao consenso como tapón para os cambios en “Congreso de ratones”: Señores diputados, la situación es extremadamente grave, debemos hacer un consenso para meterlo en un marco… que monada.

O sindicalismo cómplice en épocas de reconversión en “El sindicato”: No debemos dejarnos llevar, por fanatismos sin sentido, lo primero es negociar, lo segundo, quedarnos dormidos.

A moral católica e os seus reversos en “Hipócritas”: Es un escándalo pegar a las mujeres, y los gritos de tu mujer no me dejan dormir.

A monarquía en “Real como la vida misma”: Un rey no es rey por voluntad divina, sino porque sus antepasados se lo montaron divinamente.

A prensa en “Mentiras Post”: Aquí en Mentiras post, diario de la mañana, lo nuestro es desinformar, somos propiedad privada.

A transformación cultural na que a liberalización dos costumes comeza a ser sistémica en “Porno en acción”: Mejor color, mejor sonido, mejor calidad, la estrella del porno, bella mujer a su disposición en números excitantes.

A globalización en “El séptimo de Michigan”: Todo controlado mi petróleo nunca podréis nacionalizar. ¿Va mal el negocio? ¡La caballería!  La bolsa de Nueva York controla este mogollón.

A construcción europea en “Europa”: Vieja y podrida prostituta, tu maquillaje no tapa el olor.

En fin, poderiamos seguir, pero levaría moito tempo.

La polla é unha impugnación total a todo aquilo que os documentais de Victoria Prego dicían que era o mellor dos mundos posibles.

Publicado o 16 de Dezembro de 2015 no blogue ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.
_____________

luns, setembro 21, 2015

Grecia votou, e votou ben, ...por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
21.09.2015


Unha boa análise do que se ventilaba nestas eleccións gregas fíxoo a Comisión Europea hai uns días asegurando que, desta volta, non había nerviosismo ningún entre a oligarquía europea ante estes comicios. Os dous partidos con máis opcións de gañar non poderían facer ningunha política económica diferente da acordada polo Consenso de Bruxelas-Berlín. Demostrando así que a liña de demarcación en Europa entre o neoliberalismo e a esquerda (entendida esta como a socialdemocracia clásica e todo o que se atopa á súa esquerda) pasa por desafiar a ditadura do euro, auténtica ferramenta de disciplinamento político das clases populares europeas. Como era de esperar, ademáis da vitoria da abstención, Syriza gañou as eleccións sen que se producisen cataclismos nos mercados. Unha vez depurados os seus elementos “excéntricos”, hoxe votar Syriza é “votar ben”.

O partido Podemos celebra a vitoria de Tsipras como aposta a cabalo gañador en momento preelectoral ao tempo que algúns dos chamados municipios do cambio (Madrid, Barcelona, Badalona, Zaragoza e Alacante, así como as cidades galegas da Coruña e Compostela) asinan a Declaración de Zaragoza na que denuncian a falta de marxe de manobra para facer políticas económicas para as maiorías sociais por causa desa apisoadora neoliberal que é a Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, a Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira e o artigo 135 da Constitución. Porén, no texto da Declaración de Zaragoza non se chega a mencionar, por ningures, o Pacto Fiscal Europeo, verdadeira fonte da que beben esas leis e ese artigo.

Pola banda do que se presenta coma o outro polo de ruptura, o independentismo catalán, o gran debate céntrase no dereito de Catalunya a ser un membro máis do Consenso de Berlín, e no dereito da futura república catalana a contribuír cunha parte alícuota de imaxinería propia no repuxado dos futuros euros.

Para a esquerda que fía todo á longa marcha polas institucións europeas para a reforma dos tratados (a que institucións democráticas concretas se refiren é xa tema de Expediente X), a elección de Jeremy Corbin significou unha nova inxección de optimismo. Claro que a posición de Corbin e do resto da esquerda da eurozona é substancialmente distinta polo "pequeno detalle" de que se o británico chega a gobernar contará cun Banco Central e unha moeda de seu. Como o mesmo Corbin dicía hai pouco nun artigo no Financial Times, “Deberiamos estar agradecidos a Gordon Brown que como chanceler mantivo ao Reino Unido fóra da moeda única cando outros membros do goberno sostiñan que tiñamos que entrar na mesma”. O cal é outra forma de dicir que o que constitúe o maior problema para a esquerda en toda a Eurozona é un problema resolto para a esquerda británica.

O máis parecido a unha esperanza é o artigo asinado por Melenchon, Lafontaine, Varoufakis e outros, no que se aseguraba que: “Se o euro non pode ser democratizado, se insisten en úsalo para esganar á xente, levantarémonos, fitarémolos, e dirémoslles: Tentádeo, as vosas ameazas non nos asustan. Atoparemos un camiño para asegurar que os europeos teñen un sistema monetario que funcione para eles, non ás súas expensas.”; claro que, hoxe por hoxe, no que respecta a apoios da Francia popular, máis opción terá de rebentar o euro a Front National que o Front de Gauche.

En suma, proletarios da Eurozona, non agardedes que nos anos vindeiros vaiades recibir algo diferente a máis doses de neoliberalismo en vea.
O Funambulista Coxo

Publicado o 20 de Setembro de 2015 no blogue
ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.
______________

domingo, maio 24, 2015

Non hai atallos, ... Por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
24.05.2015

Estou agradecido de estar hoxe en Gondomar, unha vila na que teño vínculos familiares e de colaboración con algunas iniciativas socioculturais presentes na súa vizosa sociedade civil.

Gústame o nome que escollestes para a vosa candidatura de unidade, Gondomar Concello Aberto, porque evoca a aqueles concellos abertos de orixe medieval que tiñan lugar na Galicia labrega, nos que os habitantes dunha parroquia se reunían a golpe de campá diante da igrexa para tomaren as súas decisións en asamblea.

Estou aquí como membro e candidato da Marea de Vigo, proceso de unidade popular e radicalmente democrático semellante ao voso, para enviarvos o noso apoio fraterno.

Pero quixera tamén compartir con vós algunhas reflexións, e para iso botarei man da caixa de ferramentas conceptual de Antonio Gramsci, un home que, sendo pequeno en estatura, foi un xigante en capacidade intelectual, malia ter a desgraza de pasar boa parte da súa vida nos cárceres de Mussolini.

Os conceptos de Gramsci que quero empregar son os de crise orgánica, revolución pasiva e guerra de trincheiras.

Crise orgánica. Celebramos no medio desta campaña electoral o cuarto aniversario do 15M. Un fenómeno que mostrou con gran claridade que ao estado español do réxime do 78 lle estaban a saltar as costuras, que estaba a vivir a súa crise orgánica, un momento en que o groso da xente perde a confianza nas institucións do estado (pero tamén en mediadores como o bipartidismo quendista) e no que se produce un baleiro de lexitimidade. Como unha consecuencia da crise económica, e malia o seu carácter pouco articulado e mesmo contraditorio nalgúns aspectos, o 15M alertou de que algo non estaba a funcionar ben.

Esta crise orgánica afectou tamén ás organizacións da esquerda. Non é casual que fose despois do 15M cando a esquerda nacionalista, tradición da que eu procedo, tivese a súa escisión. Tampouco é casual o nacemento de AGE, un proxecto que tivo as súas luces e sombras (pero ollo, que ninguén se leve a engano no futuro, non hai procesos perfectos, sempre aparecen friccións e problemas e é bo asumilo e dalo por descontado). AGE foi a Unidade Popular posible e concreta nese momento e neste lugar; e ter sido iso, non é pouca cousa.

Tampouco é casual o nacemento recente das chamadas Mareas, de Compostela Aberta, ou do voso Concello Aberto. Estes procesos seguen a estela dun camiño xa iniciado no pasado e que debería ter continuídade no futuro.

Coa perspectiva que nos dá o tempo, podemos analizar xa con máis tino o 15M. Resumiría en dous o tipo de reaccións que suscitou o 15M no seu momento de auxe: a reacción que eu chamaría ilusionismo, a crenza inxénua de que o cambio xa estaba aí, de que non se necesitaba, practicamente, máis nada que ocupar as prazas para mudar o mundo, e, por outra banda, o que poderiamos chamar a reacción do dogmatismo, a dalgunha esquerda partidaria que viviu coma unha ameaza esa irrupción das masas na escena política e que decidiu repregarse nas súas siglas e certezas.

Hoxe podemos ver xa con claridade que o cambio anunciado nas asembleas do 15M non foi tan grande como se pensaba e tamén podemos percibir con nitidez que o repregamento no patriotismo de siglas non serviu para canalizar todo ese descontento.

O seguinte concepto gramsciano é o de revolución pasiva. Gramsci chamaba revolución pasiva á capacidade da vella orde para rexenerarse, para conseguir que o malestar deveña en Restauración, en reforma feita desde arriba. A aparición do fenómeno Ciudadanos debería facernos tomar consciencia de que a vella orde ten múltiples recursos para sobrevivir. Que mudar esa vella orde non é tan fácil e que non existen os milagres. Do mesmo xeito que na transición o PSOE encarnou no campo partidario a revolución pasiva da oligarquía (coa onda “modernizadora” do PSOE o estado español homologouse como economía capitalista inserida na globalización) hoxe tamén corremos o risco, se non estamos alerta e nos deixamos obnubilar pola euforia e o ilusionismo do que falaba antes, de que as ansias de cambio deveñan nunha revolución pasiva, nun novo fracaso colectivo.

Outro concepto gramsciano: a guerra de trincheiras. O vello Gramsci soubo cedo que a guerra de movemento como a que levou ao poder aos bolxeviques rusos non era viable na Europa occidental. Aínda hoxe temos que aprender disto. O cambio en sociedades complexas, nas que o poder non está ubicado nun único punto, senón que se reparte en diferentes escalas institucionais e penetra en toda a sociedade civil debe producirse mediante unha guerra de trincheiras, mediante o lento e paciente furar. Furar dentro das institucións, pero, tamén, e con igual importancia, fóra das institucións, na sociedade civil. Non hai atallos.

Tendo isto presente, considero que unha folla de ruta necesaria no futuro inmediato debería pasar pola profundización da Unidade Popular e pola Ruptura:

Unidade popular. Somos débiles. Moito máis do que ás veces, en momentos de euforia, queremos crer e, como dixen máis arriba, a orde vella ten múltiples recursos para perpetuarse. A unidade popular, como a xa encetada nestes comicios municipais no noso país e en todo o estado español, debería continuar e profundizarse.

Ruptura. As institucións están capadas. Da lei de réxime local do PP, coa súa voracidade privatizadora, á reforma do artigo 135 da constitución, que afecta a todas as escalas institucionais e que prioriza o pagamento da débeda sobre calquera outra cuestión, pasando polo dogma da austeridade da UE e por tratados coma o TTIP que, por exemplo, contén unha clásula que pretende impedir que o servizo de abastecemento de auga nos concellos poida ser xestionado por unha empresa pública… conforman unha trama legal, froito de todos estes anos de esmagante hexemonía neoliberal, que deixa moi pouca marxe nas institucións para facer políticas transformadoras.

Observemos, para facernos unha idea cabal do contexto no que nos movemos, o que está a suceder en Grecia onde, un goberno dun estado-nación supostamente soberano, é incapaz de levar a cabo o programa polo que saíu elexido en eleccións. Un programa que non é especialmente radical, un programa socialdemócrata bastante razonable que hoxe en día o goberno grego, en permanente ameaza de que a UE lle corte o financiamento, non pode implementar.

A ruptura e transformación deste marco que actúa coma un corsé non é un capricho, é unha necesidade. E quen non contribúa a esta ruptura formará parte da revolución pasiva da que falei máis arriba.

Remato xa e recapitulo.

Agardo que este discurso pouco habitual en tempo electoral non vos deprima ou desanime. Nada máis lonxe das miñas intencións. Pero son dos que pensan que é bo coñecer o tamaño e a forza do inimigo como paso previo para ter alguna capacidade de vencelo.

Igual que no caso do 15M falei de dúas reaccións que non conducen a nada, tamén de cara ao futuro compre evitar o ilusionismo e o dogmatismo. O ilusionismo de quen pense que o cambio é automático. Que basta con gañar unas eleccións para que todo mude. O dogmatismo de quen considere que é o momento do patriotismo de partido, do esencialismo de siglas, da autosuficiencia.

O cambio irase producindo, pero máis lentamente do que pensamos e coa concorrencia de todas as nosas forzas xuntas. Non hai outra. E non estamos como para desperdiciar enerxía ningunha.

Polo tanto: unidade, forza e moito ánimo!

Adiante Gondomar Concello Aberto!

Nota.- Intervención pronunciada o 21 de maio no acto de peche de campaña da candidatura de unidade popular Gondomar Concello Aberto.

O Funambulista Coxo

Publicado o 22 de Maio de 2015 no blogue:

ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975), deseñador gŕafico, activista social, escritor e articulista. Membro do Consello Editorial de Altermundo. Mantén o blogue Ofunambulistacoxo desde o ano 2005. Militante de Anova-IN. É autor das obras de teatro radiofónico 'O Bambán' e 'Nunca me esquecerei de ti' (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario 'Lapidarias. Os versos escuros' e participou no libro colectivo 'Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural'. E a escolma
'Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro'.O 17 de xaneiro de 2015, abre un novo blogue baixo nome de Lecturas Coxas que son traducións propias de textos interesantes ... @Ofunambulista, podese-lle contactar en ofunambulista[arroba]gmail.com.
_________________

xoves, febreiro 26, 2015

Syriza, Podemos e un libro dos oitenta, ... Por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
28.01.2015

Tiven o pracer de ser convidado por Anticapitalistas Galiza ao segundo día das súas xornadas sobre “Grecia e as resistencias á austeridade en Europa”. Nesa charla, Jorge Costa, ex deputado do Bloco de Esquerdas, explicou marabillosamente por que en Portugal, a diferenza de España e Grecia, non aparecera ningunha alternativa partidaria que recollese o descontento da xente: o Partido Socialista soubera mudar a pel, unha vez máis, para aparecer, con caras renovadas, como firme opositor ao memorando que el mesmo asinou. Isto é: en Portugal o recambio bipartidista continúa a funcionar a pleno rendemento.

Porén, ao reflexionar sobre os casos de Syriza e Podemos -os novos fenómenos políticos que puxeron, ou parece que van pór, o bipartidismo en cuestión tanto en Grecia como en España- un non pode máis que verificar a grande diferenza que separa a estes dous proxectos políticos. Se o primeiro é unha coalición de esquerdas con referentes e linguaxe bastante clásicas o segundo precisou crear toda unha neolingua que o afastase da súa identificación coa tradición da esquerda para conseguir converterse no que hoxe é.

Syriza e Podemos son hoxe dous partidos de masas. O primeiro é, coas súas contradicións, claramente de esquerdas. O segundo, non o sabemos. No primeiro, o recente acordo de Varoufakis/Tsipras co Eurogrupo está a provocar un debate intenso no que parte dos integrantes do Comité Central e algún deputado non ocultan a súa indignación polo que entenden unha claudicación que impedirá cumprir o programa electoral polo que foron elexidos. No segundo, a hipertrofia do líder carismático cunha relación de excepcionalidade coas masas provoca que o lifting (por dicilo suavemente) aplicado ao programa co que Podemos se presentou ás eleccións europeas apenas xerase controversia interna.

Como posible explicación desta diferenza, sostiven na charla referida que, se cadra, a causa habería que buscala no proceso de desideoloxización ao que foi sometida a sociedade española desde que o Partido Socialista se convertera no pau de palleiro que sostería o réxime do 78 practicamente até os nosos días.

En 1986 Santiago Alba Rico e Carlos Fernández Liria escribiron un estupendo opúsculo titulado “Dejar de Pensar” que eu recomendaría a todos os simpatizantes e militantes de Podemos. Un alegato antiposmoderno, é dicir, anti cháchara da fin das ideoloxías e os grandes relatos, en pleno felipismo que, sen dúbida, anunciaba lucidamente o que os seguintes trinta anos non farían máis que profundizar: o total desarme ideolóxico e político da sociedade española.

No prefacio de 2008 dese mesmo libelo (no bo sentido desta palabra), os autores dicían:
"Foi unha época indigna para a filosofía e o pensamento político. Por suposto que houbo moitos intelectuais que conservaron a decencia. Moitos conservaron incluso a súa intelixencia intacta. Pero a eles foi, precisamente, aos que se deixou de oír".
Na actualidade, tanto Santiago Alba Rico como Carlos Fernández Liria apoian o proxecto Podemos. Sen entrar en polémicas sobre se o laclaunismo é máis, menos ou igual de posmoderno que a terceira vía, agardemos, pois, que desta volta a decencia intelectual sexa conservada e non se deixe de oír, polo mal uso do "ruído plebiscitario" que todo o tapa, a quen mereza ser oído.

O Funambulista Coxo

Publicado o 27 de Xaneiro de 2015 no blogue:

ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975), deseñador gŕafico, activista social, escritor e articulista. Membro do Consello Editorial de Altermundo. Mantén o blogue Ofunambulistacoxo desde o ano 2005. Militante de Anova-IN. É autor das obras de teatro radiofónico 'O Bambán' e 'Nunca me esquecerei de ti' (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario 'Lapidarias. Os versos escuros' e participou no libro colectivo 'Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural'. E a escolma
'Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro'.O 17 de xaneiro de 2015, abre un novo blogue baixo nome de Lecturas Coxas que son traducións propias de textos interesantes ... @Ofunambulista, podese-lle contactar en ofunambulista[arroba]gmail.com.
_________________

mércores, xaneiro 28, 2015

Que é Grecia?, ... Por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
28.01.2015

Que é Grecia hoxe? É o lugar da UE onde as contradicións xeradas polo enésimo intento alemán ao longo da historia de converterse no hexemón europeo son máis agudas. Que se está a evidenciar nos primeiros pasos do goberno Syriza (homenaxe a fusilados gregos polos nazis, inclusión dun partido de dereitas euroescéptico...)? Que o novo goberno grego está a concebir o campo de batalla como un proceso de liberación nacional e de recuperación de soberanía. (Así o entende tamén Jacques Sapir).

Que pode desbaratar esta estratexia? Non levar até as últimas consecuencias o proceso de emancipación política a respecto da UE se esta apenas ofrece un pequeno alivio da débeda grega en forma de adiamento de pagamentos,
"Se é que hai algún, o problema cos plans de Syriza pode ser que non son o suficientemente radicais. O alivio da débeda e unha flexibilización da austeridade poderá reducir o sufrimento económico, pero é dubidoso que sexa suficiente para producir unha forte recuperación. Por outra banda, non está claro que outra cousa podería facer calquera goberno grego a non ser que estea preparado para abandonar o euro." (Paul Krugman onte no NY Times).
un risco de desbaratamento que aniña precisamente na vaporosa ideoloxía europeísta que existe na propia Syriza.

Por que calquera comparación co proceso catalán é unha coña? Porque o proceso catalán, hexemonizado e conducido pola dereita, non só non afronta o que neste momento é o principal problema de todos os pobos sureuropeos (a súa condición de subalternos no reparto de traballo na UE) senón que -como única estratexia xeopolítica- o proceso catalán apela de facto ao amparo da propia UE como xeito de acadar a súa independencia.

Cal debería ser a tarefa de todas as esquerdas do Estado Español? Xa o dixen moi claramente noutra ocasión. Basicamente: decidir se son parte de Vichy/Saló ou dos aliados (nunca mellor traído o exemplo hoxe que se celebra o 70 aniversario da liberación de Auschwitz polo Exército Vermello).

En resumo, asumir o que o exemplo grego indica: a política concreta para a situación concreta, hoxe, ten que afrontar a cuestión da falta de democracia para os pobos dentro da UE. Unha Fronte Popular (que non populista) que recoñeza a pluralidade nacional do Estado Español, como a artellada contra a ameaza nazi-fascista durante os anos 30 do século XX (non por casualidade noutro momento de expansionismo alemán), segue a ter todo o sentido.

O Funambulista Coxo


Publicado o 27 de Xaneiro de 2015 no blogue:

ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975), deseñador gŕafico, activista social, escritor e articulista. Membro do Consello Editorial de Altermundo. Mantén o blogue Ofunambulistacoxo desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico 'O Bambán' e 'Nunca me esquecerei de ti' (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario 'Lapidarias. Os versos escuros' e participou no libro colectivo 'Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural'. E a escolma
'Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro'.O 17 de xaneiro de 2015, abre un novo blogue baixo nome de Lecturas Coxas que son traducións propias de textos interesantes ... @Ofunambulista, podese-lle contactar en ofunambulista[arroba]gmail.com.
_________________

domingo, decembro 28, 2014

Arredor de "Galiza, um povo sentimental?" (e máis), ... Por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
28.12.2014

En Galiza, um povo sentimental?, Helena Miguélez Carballeira analiza, dende unha perspectiva feminista e poscolonial, como os discursos arredor da nación galega resultaron máis ou menos mobilizadores en función de se naqueles abundaban os tropos asociados a unha certa idea tradicional do feminino (pasivo) ou do masculino (activo). Unha das teses sostidas pola autora é que a omnipresenza do discurso sentimental feminino no chamado nacionalismo cultural tivo unha funcionalidade colonial e desmobilizadora.

Esta recorrencia aos tropos femininos datará xa do primeiro rexionalismo do XIX e verase desafiada co xurdimento do nacionalismo galego, propiamente dito, cando o nacemento das Irmandades da Fala. Así, colíxese a convivencia no discurso sobre xénero e nación galega de dúas grandes pólas, unha culturalista desactivadora do político (o cal é á súa vez un xesto político), feminizante:
«Procurei identificar a filiação, raras vezes reconhecia, entre o nacionalismo cultural galego e esse peculiar regionalismo apolítico na Galiza. Esta relação torna-se evidente, se considerarmos, como fiz neste livro, o tropo do sentimentalismo galego como o seu canal condutor. »
E unha liña netamente politizadora da cuestión nacional, masculinizante:
«Os novos ideólogos do movimento começaram a perceber que, para neutralizarem esa entranhada lógica colonial, que ligava a identidade galega à feminidade, era fundamental uma estratégia discursiva que passava por recaracterizar masculinamente a identidade nacional galega e por reconstruir a capacidade do nacionalismo para a acção política, entendida esta como uma questão de virilidade. Esta transição está no cerne daquilo que se costuma descrever como a passagem do regionalismo “sentimental” para o nacionalismo “político” a partir de 1916» (p. 126)
Porén, a cousa non remata aquí. A autora mostra con gran pericia como estes dous discursos mantiveron historicamente unha relación dialéctica. Como exemplo, a reacción do rexionalismo á masculinización do novo nacionalismo post-1916 mediante un discurso de masculinidade apolínea (ideas de autocontrol e racionalidade) fronte os delírios paixonais e irracionais (novamente tropos femininos) do novo nacionalismo. Unha viraxe que terá a volta de porca case definitiva coa vitoria franquista tras a guerra civil onde a belicosidade testosterónica, desta volta do nacionalismo español, pasará directamente á acción. Por súa vez, a figura de Carvalho Calero é lida pola autora como un exemplo de hipermasculinidade en oposición ao culturalismo de Galaxia, toda vez que o primeiro quedará, entre outras cousas pola cuestión da norma lingüística, marxinado dese mundo.

A seguir, a autora mostra como a irrupción da crítica feminista (especialmente daquelas mulleres sen dependencias emotivo-intelectuais cos “grandes homes” da nación) comezará a minar a representación patriarcal da muller e da nación tanto do culturalismo coma do nacionalismo. Miguélez chega así á conclusión de que a ideoloxía da Normalización -que ela vincula ao piñeirismo aínda que sinale que os discursos cuestionadores da ideoloxía da Normalización funcionan tamén «como desafios explícitos ao discurso nacionalista galego enquanto discurso patriarcal.» (p. 210)- constituirá unha sorte de pano de fondo implícito onde calquera proposta discursiva non homologada é percibida como unha ameaza e é, por tanto, minimizada.

Miguélez contra Carballeira

O libro de Miguélez Carballeira é útil porque nos recorda algo que, aínda que evidente, ás veces esquécese. Michael Billig, no seu O nacionalismo banal, púxoo así:
«A batalla pola nacionalidade é unha batalla pola hexemonía mediante a cal unha parte reivindica falar polo conxunto da nación e representar á esencia nacional.»
A ideoloxía política que enche de significado á nación reside nos contidos das diferentes “comunidades imaxinadas” en pugna. Esta batalla pola nacionalidade dase tanto nos estados xa constituídos, como -así o demostra Miguélez Carballeira- nos movementos nacionalistas que pretenden constituírse en estados. Entre esas ideoloxías políticas, tamén se inclúe, por suposto, aquela que ve no nacionalismo “en si” a doutrina política a primar. Quen propugna o nacionalismo como ideoloxía política tende a ter unha visión da nación estática (ou cando menos pouco amiga de problematizarse “en exceso”), na que o imaxinario se enche de vacas sagradas e tropos inamobibles e na que calquera cuestionamento destes marcos é interpretada como traición (e tanto máis furibundamente se considera herexía canto máis feble socialmente sexa ese nacionalismo ideolóxico); de aí, por exemplo, que o artigo de Helena Miguélez en El País sobre Carvalho Calero fose interpretado por parte de Pilar García Negro como unha afrenta a unha desas vacas sagradas, afrenta que basicamente se despacha cun ti-non-tes-puta-idea-porque-non-coñeceches-a-Carvalho, que é outra maneira de dicir: ti non estás (e nunca estarás porque iso é bioloxicamente imposible) no grupo con acceso directo ás esencias nacionais.

Fronte esta visión, hai outras que consideran que o da identidade nacional non é O conflito senón que é Un conflito. Quen considera que o nacional é un conflito entre outros acostuman, por motivos obvios, ter problemas de intercomprensión con quen considera o nacional como O Conflito. Cada vez que os que consideran que o nacional é un conflito entre outros se empeñan en traer á luz os conflitos diferentes do nacional -e que este por si só non resolve- o discurso do nacionalismo ideolóxico séntese -loxicamente, por outra banda- ameazado, pois este tende a procurar a unidade da comunidade nacional e aborrece os conflitos dentro da mesma. Por outra banda, tamén semella razoable que quen pensa que nunha sociedade dada existen múltiples conflitos pero que se existe algo así coma O conflito este é o que se produce entre clases sociais (o cal tampouco se pode converter nun absoluto simplificador, pois se parece evidente que a cuestión económica determina o resto de conflitos estes non se poden reducir automaticamente ao mecanicismo económico) quen así o considera, digo, é normal que tenda a pensar a táctica e a estratexia política en función da cuestión de clase.

Nun artigo recente, Helena Miguélez enunciaba a súa preocupación pola emerxencia do nacionalismo banal español como consecuencia da excesiva atención á cuestión de clase a raíz da crise económica. Vinculaba aos autores do libro Entrementres. Ensaios para unha nova cultura política e a xente coma Amador Fernández-Savater ou Guillem Martínez baseándose en coincidencias na utilización dunha “gramática e vocabulario comúns”. A seguir, a autora sacaba as súas conclusións a partir de varios textos deses dous autores e máis dalgúns outros, pero non a partir de ningún texto de Entrementres (o cal resulta especialmente rechamante). Libro, por outra banda, colectivo e que, polo tanto, dificilmente podería ser reducido a unha única voz. Aquí, semellan revelarse  dúas cousas:

1. Un xeito de abordar esta cuestión, se cadra debedora do “xiro lingüístico", segundo o cal todo é texto e linguaxe e do que se trata é de interpretar como os diferentes chorros de significantes se relacionan entre si independentemente da súa relación co contexto e coas “cousas” non textuais. É por iso, digo eu, que a Helena Miguélez lle poida abondar o “aire de familia” gramatical para facer un totum revolutum e que non se pare a pormenorizar qué pode ter que ver o que se di en Entrementres con feitos concretos (ou interpretación deses feitos se se quere) acaecidos na política galega nos últimos anos.

[Exemplos: a forma de entender os partidos, a evidente desconexión do nacionalismo coa sociedade galega, a relación cos movementos sociais, as mudanzas na propia sociedade galega que desafían a narración do nacionalismo que vincula automaticamente nación e clase, as características do capitalismo globalizado existente hoxe en día e o papel das distintas institucións políticas, o papel do bipartito galego, a institucionalización e homologación do nacionalismo, etc.].

2. Cando a Helena Miguélez lle preocupa que a esquerda galega, prestando atención á cuestión de clase e ao papel de baleirado democrático que cumpren as macroinstitucións situadas por riba do estado-nación, estea propiciando o nacionalismo banal español semella estar dando como fundamental a contradición nacional. Pero, como xa se indicou máis arriba, quen sitúa o nacional coma un conflito máis e, en último caso, non coma o determinante neste momento, é probable que estea máis preocupado porque a polarización que se retroalimenta entre un, por exemplo, Francesc Homs, para quen a cuestión esquerda-dereita españoliza (sic) e un Mariano Rajoy, para quen o contubernio de bolivarianos e separatistas é unha ameaza para a estabilidade de España, poida propiciar unha -se se me permite a expresión- dereitización banal que sirva para que os que están a facer os maiores ataques aos dereitos das clases populares do E. Español en décadas surféen a crise cun sorriso na boca e que, unha parte deles -aínda por riba- conten co aplauso entusiasta do nacionalismo galego. Máis grave aínda, cando ningún deses dous personaxes, e os seus respectivos contornos, non só non problematiza cuestións como a existencia de superestruturas como a UE que están a centrifugar a vella idea de soberanía popular senón que mesmo apelan sistematicamente a elas ben sexa como cinto de seguridade de que España non rachará, ben sexa como lugar do que se agarda recoñecemento do proceso independentista. Como sempre na vida, todo é cuestión de posicionarse e tomar partido.

Helena Miguélez aplicou unha terapia de choque desnaturalizadora á cuestión de xénero e nación que se demostrou tremendamente fructífera. Mágoa que a autora non vexa a necesidade de aplicar ese mesmo método desnaturalizador aos discursos sobre o feito nacional en si. A primeira evidencia disto, presente no libro, ten que ver con que a autora se refira a Galicia como colonia sen explicar por que, ou segundo que definición de colonia o fai. Sen dúbida, se a autora se animase a facer o mesmo exercicio reflexivo que fai sobre os tropos de xénero sobre, poñamos por caso, o tropo celta non fixándose só en se o tropo pintaba aos celtas ora coma un pobo aguerrido e masculino ora sentimental e feminino (o cal está óptimo, claro) senón problematizando por que carallo falaban dos celtas todos eses señores? Que se quería dicir cando se dicía que entre esa mistificación chamada “os celtas” (aguerridos ou debiluchos) e os señores e señoras galegas contemporáneos deses discursos había algún tipo de vínculo que permitía que os primeiros servisen para simbolizar aos segundos?

[A  este respecto, e por falar en concreto do celtismo, a cousa non se pode despachar dicindo que aquilo era propio da historiografía romántica, en primeiro lugar porque o nacionalismo galego actual aínda está inzado de todo ese discurso étnico, imos chamalo...  "atlántico-céltico", aínda que hoxe se revista de curiosidade científica pola etimoloxía lingüística ou pola xenética histórica e en segundo lugar porque calquera que sexa o tropo mistificador este será usado para delimitar que é e que non é nin pode ser nunca autenticamente nacional].

Temos entón que a análise da dialéctica entre discursos demóstrase fértil para aflorar o oculto detrás de toda a retórica histórica arredor da nación a respecto da muller e que pode ser igualmente aplicado para analizar tamén a vinculación do discurso nacional co pobo de carne e óso que se pretende simbolizar con el e que non facelo aforra enfrontarse a conclusións que poderían ser esfarelantes da construción nacional, polo seu carácter mistificador, e/ou vergoñantes, polo seu carácter esencialista.

A autora finaliza o seu libro contrapoñendo o sentimentalismo dos anuncios de Gadis á, sen dúbida, realidade brutal da vida dun preso independentista. Así, tras o longo periplo a través da lectura do libro, a autora parece dicir que hoxe quen encarna o nacionalismo non sentimental sería o independentismo (sen quedar tampouco moi claro a que sector do nacionalismo galego identifica como tal, cousa non menor dado que hoxe case que todo o nacionalismo galego semella definirse como independentista). Ao meu modo de ver Miguélez fai aquí unha pequena trampa xa que se ben dá por suposto que o independentismo sería ese non-sentimentalismo superador da visión patriarcal, en ningún momento procede á análise dos discursos e prácticas dese mesmo independentismo referido nos que sería fácil atopar numerosos tropos continuadores ben do sentimentalismo, ben do patriarcalismo, ben da idea Normalizadora e “enchedora de ocos” culturais que autora denunciou nas súas páxinas.

[Por mencionar algúns que se me ocorren sen ter feito unha investigación nen moito menos: os equipos de futbol gaélico, as olimpiadas rurais, os roteiros de montaña, todos equiparables ao vencello entre deporte e a idea de nación sa propia dos movementos políticos da Europa dos anos 30 que Miguélez menciona; paganismos varios tipo Samaín, rondallas-rituais con fachos de lume, igualmente relacionados cos movementos dos anos 30; o futbol gaélico de novo, a adopción de maneiras e instrumentos “célticas” na música folk, a obsesión coa toponimia prerromana na procura de non sei que esencia todos como remanentes do tropo céltico (ou calquera outro pobo antigo, venerable e non latino-sureño); o discurso da contabilidade capitalista, pragmático-gañador e hipernormalizador da lingua (lingua útil e extensa no espazo público mundial) propio do reintegracionismo, fronte a visión da norma oficial como sucedáneo bastardo que reclúe o idioma nas magras fronteiras da autonomía; a existencia, tamén, da lóxica de “enche ocos” culturais, pero desta volta en base a modelos alleos como poida ser o vasco: deportes rurais, Apalpador, montaña…; remanentes do vello romanticismo que vinculaba nación con paisaxe: querencia polos espazos naturais tidos por sublimes, espazos, por certo, adoito adornados por algunha pintadiña de expresiva emoción patriótica do tipo “Gz Ceibe”, ou similar…; contraposición rural-cidade no que o primeiro representa a autenticidade heideggeriana (nada menos que Heidegger, o filósofo Galaxiano por antonomasia!) e a segunda o espazo impuro e cosmopolita, no que a identidade nacional se dilúe e no que o castelán xa é asumido como lingua propia; etc.]

Pero un comprende perfectamente esta última trampiña.  A propia autora comeza o libro dicindo:
«A palavra “nação” nunca esteve muito longe duma referência aos sentimentos.» (p. 13).
O cal, por finalizar, nen ten por que ser sempre malo, pois tamén de emocións vive o home (e a muller).

O Funambulista Coxo

Publicado o 29 de Outubro de 2014 no blogue:
ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.
_________________

xoves, outubro 30, 2014

Sociedade precaria, ... Por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
30.10.2014

Non diga sociedade do risco, non diga sociedade líquida, diga sociedade precaria. A precariedade é o espírito dos tempos. Do primeiro lume acendido no fondo dunha cova no afastado paleolítico aos sistemas públicos de seguridade social da Europa do século XX, a do ser humano é unha loita por se dotar de redutos nos que se sentir a salvo, mundos artificiais estables onde a imprevisibilidade da vida á intemperie poida ser domesticada. Pero xa non. Hoxe o canto á ideoloxía da intemperie escóitase a diario, coreada ao unísono por todos os altofalantes e repetidores do sentido común à la page. O canto á matogueira e ao suxeito desgaxado da sociedade que, coa soa axuda do seu machete, sabe abrir carreiro entre as silvas; o canto eufemístico á competitividade, á liberdade individual e á capacidade emprendedora é a música de fondo dos nosos días.

Da precariedade estritamente laboral, na que aspirar a un posto de traballo remunerado con certa perdurabilidade no tempo como para permitirse edificar unha vida digna semella unha esixencia demasiado rigorosa para as capacidades do mercado de traballo, á precariedade horaria e a súa incompatibilidade coas máis elementais aspiracións humanas, como poida ser parir e criar un fillo ou unha filla. Da precariedade alimentar dun sistema que xa exterminou ao campesiñado e que hoxe só ofrece alimentos industriais de baixa calidade á precariedade enerxética dos que xa non poden permitirse luz ou calefacción (de novo o lume da cova) e cuxa fenda no acceso a estes recursos non fará máis que aumentar a medida que a crise enerxética global avance.

Toda institución que, coas súas eivas, puidese actuar como abrigo -da familia ao Estado- vese galvanizada até, como dicía o clásico, esvaecer no aire, devorada polo Saturno económico que a todos nos quere expostos, vulnerables e dispoñibles.

Na teoría dos marcos ideolóxicos que desenvolve George Lakoff baseándose nos descubrimentos da neurociencia este divide aos individuos progresistas e reaccionarios en función de se neles predomina o marco mental da protección ou da disciplina. A analoxía coa escatoloxía xudeocristiá é obvia, distinguindo ao Yavhé protector que acolleu ao ser humano no paraíso do Yavhé castigador que enviaría ao ser humano ao desterro fóra do paraíso. Hoxe é o Yavhé castigador, o Yavhé que non ofrece ningún tipo de contrapartida á mera represión, o que trunfa. Así, o ser humano expulsado do paraíso, botado ao mesmo horizonte mortal que o resto das bestas, coñecerá na súa carne o sufrimento e a dor de vivir na intemperie.

É falsa a dialéctica que conduciría inexorablemente, de querer situar ao ser humano racional no centro, a Auswitz. O mundo despois de Auswitz desprazou ao ser humano a un recuncho infecto até convertelo nun animal. O ser humano do ultracapitalismo globalizado é o ser humano naturalizado. O ultracapitalismo globalizado non recoñece institucións políticas, polo que o ser humano só pode ser considerado en tanto que ser vivo, non ser político. Trátase do ser humano pre-prometeico, o ser humano que volveu renunciar ao lume que o quecía nas noites de inverno.

Paradoxalmente, este ser humano naturalizado non só é o que peor convive coa Natureza en toda a historia da especie, senón que, de feito, está a destruíla. No novo barbarismo tecnoloxizado dos mercados financeiros globais, o medio natural sacrifícase, precarízase, sen ofrecer recambio algún, en forma de segunda natureza artificial, co que substituílo. Demostrando así que racionalidade e tecnoloxía non sempre van xuntas: hai unha tecnoloxía conducente ao darwinismo social incompatible coa Natureza. Hai unha tecnoloxía ilustrada conducente á protección social, única garante da sostibilidade ambiental. Semella obvio que para o seu bo funcionamento respectivo, na Natureza e nas sociedades humanas deben rexer leis totalmente diferentes.

Ollen ao seu redor, vexan a precariedade en toda parte. Que clase de aprendices de bruxo son as elites que rexen os destinos do mundo dende o último terzo de século até os nosos días? Quen era un Reagan, un Blair, un Aznar, unha Merkel, os xefes do FMI ou do BCE, os executivos de Lehman Brothers, ou de Bankia, ou das caixas galegas, e tutti quanti, senón líderes precarios, irresponsables curto-pracistas e mediocres?

Ollen para Gaza ou para Ucraína, ollen para Iraq ou Afganistán e verán por todas partes a seres humanos reducidos a mera carne sufrinte, semellante a gando despezado no matadoiro. Ollen para a África negra que se desangra nos estreitos do sur de Europa e por epidemias incontroladas como o ébola e non verán nada máis que un grande caos, un polvorín de inestabilidade en mans de pirómanos que xa comezou a estoupar.

O Funambulista Coxo

Publicado o 29 de Outubro de 2014 no blogue:

ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.

_________________