Amosando publicacións coa etiqueta Ensino. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ensino. Amosar todas as publicacións

martes, decembro 15, 2009

Petición dunha reunión urxente dos Voceiros dos Grupos Municipais para respostar de maneira unitaria e firme á contestación inaceptable da Consellaría de Educación sobre as demandas de profesorado de apoio para o CEIP Manuel Masdias

  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DEMANDA A CONVOCATORIA URXENTE DA XUNTA DE VOCEIROS PARA RESPOSTAR Á PROBLEMÁTICA SEN RESOLVER DO CEIP MANUEL MASDÍAS
  • YOLANDA DÍAZ, VOCEIRA DO GRUPO, RECLAMA UNHA ACCIÓN CONCERTADA DE TODOS OS GRUPOS PARA ESIXIR DA CONSELLARÍA QUE ATENDA AS NECESIDADES DE PROFESORADO DE APOIO QUE NECESITA O CENTRO
O Grupo  Municipal de EU rexistrou hoxe unha petición para que se reúna con carácter de urxencia a Xunta de Voceiros ao obxecto de abordar a problemática do CEIP Manuel Masdías,  que a Xunta de Galicia segue sen atender de maneira satisfactoria.

A petición de Esquerda Unida obedece a inaceptable resposta – fuxida cara a un adiante que semella ningures – que dá a Xefa Territorial do Departamento da Consellaría de Educación, contestación na que a devandita responsable informa  que o CEIP Manuel Masdías xa ten os profesores necesarios para atender correctamente as nenas e nenos escolarizados nel.

A realidade é teimuda e desmente o deixar pasar  do Goberno  do PP en relación coa necesidade expresada de maneira reiterada polo centro, docentes e Consello Escolar, pola cidadanía ferrolá e máis polo Pleno do concello de Ferrol: as políticas de integración que desenvolve o centro escolar de Caranza requiren un  profesorado de apoio do que adoecen.

Esquerda Unida considera urxente manter unha reunión dos voceiros dos Grupos Municipais para conquerir unha resposta firme e unitaria de todos os partidos con representación no concello que pese na Consellaría de Educación e faga que esta reaccione e atenda as necesidades de profesorado de apoio que require un centro con un amplo número de alumnado con necesidades educativas especiais.

Ferrol, 15 de decembro  de 2009
GRUPO MUNICIPAL DE DE ESQUERDA UNIDA

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
15 de dezembro de 2009 16:03


Prezad@s amig@s: achegamos un segundo Informacións do Grupo Municipal de EU sobre a nosa petición dunha reunión urxente dos Voceiros dos Grupos Municipais para respostar de maneira unitaria e firme á contestación inaceptable da Consellaría de Educación sobre as demandas de profesorado de apoio reclamado polo centro e o conxunto da cidade. Grazas pola atención. Saúdos, Ramiro Marier (Grupo Municipal de EU).

____________________

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/
___________________________

mércores, novembro 11, 2009

Un novo alento ás reivindicacións do "Masdias" cun peche no Concello de Ferrol


Representantes da comunidade educativa do Colexio Público "Masdias" de Caranza pechan-se no Pazo Municipal do Concello de Ferrol



A Comunidade educativa do Manuel Masdias sigue intentando que a Consellaría de Educación dé solución aos problemas que impiden que o curso 2009-2010, se estexa desenvolvendo coa normalidade necesaria.

Son moitas as iniciativas que esta comunidade leva desenvolvendo para solicitar unha saída para as súas reivindicacións. As características do alumnado, sobre todo a incorporación de alumnado que ven doutros centros, impide unha mínima atención educativa dado que non se conta co profesorado necesario para atender as necesidades educativas especiais que prantexa o claustro, a dirección e a ANPA.




Até o momento a delegación territorial só concedeu unha mestra interina ao 50% da xornada lectiva. Os encerros  no centro, as marchas a pé das familias até a delegación de Ferrol, ou a viaxe á delegación territorial d'A Coruña, non conseguiron alertar da urxencia de dotar convenientemente este centro por parte do Conselleiro Jesús Vázquez. Esto motivou unha nova mobilización por parte das familias e profesorado, nesta ocasión cun encerro na casa consistorial de Ferrol. A alcaldia anunciou o apoio às reivindicacións desta comunidade educativa. Apoio, ao que se agarda se sumen distintas organizacións políticas e sociais da comarca, coñecedoras do labor educativo que se ven realizando no barrio, sendo o único centro público que imparte educación infantil e primaria, sobrevivindo a unha importante competencia por parte dos centros privados concertados, de confesión católica.

Mentras se fai ver a través dos medios de comunicación, que o alumnado dos centros educativos perde interese e respeto polo traballo do profesorado, os sectores sociais máis desfavorecidos ven vulnerado o dereito básico a unha educación de calidade, que no centro Manuel Masdias pasa por conseguir o profesorado de apoio que se precisa. A figura do mestre ou mestra, queda así vinculada unha vez máis ás necesidades básicas da infancia. Que esta reivindicación básica non sexa atendida, só pode vincularse con un retroceso social en canto á escolarización universal de todos os nenos e nenas, independentemente da súa orixe económica, etnia, relixión ou condicións de saúde física ou mental.

Nota.- Fotos da web de RadioFusión
________________________

Enlaces relacionados:
______________________

venres, outubro 16, 2009

O Consello Escolar do Colexio Público "Manuel Masdias", inicia un peche ante a situación "insostíbel" por falta de profesorado



O Consello Escolar do Colexio Público Manuel Masdias do barrio de Caranza, iniciou hoxe un peche en demanda dunha solución para unha situación escolar que califican de "insostíbel".

Neste curso 2009-2010, ás características dun sector do alumnado, numericamente significativo, con necesidades educativas específicas, con risco de exclusión social, que acaban de incorporarse, nalgúns casos, doutros centros da comarca, únese un recorte significativo do profesorado. Esta falta de medios está provocando que a actividade escolar non se poda desenvolver con normalidade.

O Manuel Masdias, é o único centro público de infantil e primaria, do barrio de Caranza. Un barrio que conta con 15.000 habitantes. Desde sempre este centro destacou pola sua orientación a favor dun ensino de calidade, inspirado nas correntes pedagóxicas mais inovadoras, desenvolvidas por excelentes profesionais. Todo isto contando que son os sectores máis desfavorecidos do barrio, os que teñen desde sempre, ao Manuel Masdias, como o seu centro de referencia e de pertenza.

Pero "este curso a situación non permite outra saída que conseguir un compromiso da administración para que tome consciencia da situación real do centro e envie a dotación de profesorado que estamos demandando".

Pola súa parte a ANPA do Manuel Masdías, que participa no peche a través das súas representantes, reivindica ademais, que o Concello aumente a dotación de persoal que atende o servizo de comedor escolar, por ser un ámbito educativo máis do centro, e polo tanto non é alleo á problemática que se presenta neste curso.

Ás 16:00 horas deste venres 16 de Outubro, celebrarán unha asemblea para decidir as accións a tomar a semana próxima.
__________________________

Esquerda Unida respalda o peche do Consello Escolar do CEIP Manuel Masdías en Caranza, diante da hostilidade da consellaría de educación do PP respecto ao ensino público negándolle ao profesorado de apoio necesario



  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA   SOLIDARÍZASE  COAS DEMANDAS QUE LEVAN AO PECHE NO  CEIP MANUEL MASDÍAS
  • ESQUERDA UNIDA RECLAMA DO GOBERNO MUNICIPAL   QUE LIDERE UNHA INICIATIVA DIANTE DA CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN PARA SOLVENTAR O PROBLEMA DE FALLA DE PROFESORADO DE APOIO

O Grupo Municipal de Esquerda Unida   quere expresar a súa solidariedade e respaldo coas demandas que o CEIP Manuel Masdías de Caranza vén achegando xa dende o pasado curso, e que diante do agravamento da situación o leva a adoptar a decisión de iniciar un peche do seu Consello Escolar.

Esquerda Unida entende  que dende a consellaría de educación hai unha actitude belixerante co ensino público, tentando en todo momento minimizar os recursos e plantillas para deste xeito continuar os ataques o ensino público. Queremos, xa que logo, denunciar esta actitude hostil ao ensino público que amosa a Xunta do PP.

As demandas achegadas polo Consello Escolar do Madías semellan indispensables para garantir unha educación  que poida atender a un centro que conta cun numeroso alumnado  con necesidades educativas especiais, que esixen de maneira indispensable un reforzo na plantilla de profesorado de apoio, reforzo que como denuncia o centro lonxe de se  producir mérmase co novo curso, onde o CEIP Manuel Masdías ten que compartir  un dos tres profesores.

O Grupo Municipal de EU reclama do Goberno Municipal que lidere unha iniciativa  diante da consellaría que modifique esta intolerable situación de abandono do ensino público.

Ferrol, 15 de outubro  de 2009
Consello local de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
15 de outubro de 2009 17:46


Prezad@s amig@s: vaivos no arquivo unha nota de respaldo ao peche do Consello Escolar do CEIP Manuel Masdías en Caranza, diante da hostilidade
da consellaría de educación do PP respecto ao ensino público negándolle ao profesorado de apoio necesario, asemade da reclamación ao Goberno
Municipal para que lidere unha iniciativa diante do conselleiro. Grazas pola vosa atención. Saúdos, Ramiro Marier
__________________

sábado, outubro 10, 2009

Video da Concentración Reivindicativa, con bocadillos solidarios, en CPI de Atios Valdoviño


A comunidade educativa do CPI de Atios do concello de Valdoviño, comezou este curso cun recorte de profesorado e 60 solicitudes de prazas para o comedor escolar sen poder ser atendidas. Todos os xoves veñen realizando unha concentración. A do pasado Xoves 8 de Outubro, consistiu en compartir un bocadillo, tanto o alumnado que conseguiu praza no comedor, como o que non a obtivo. Acudiron tamén a este "bocadillo solidario" unha parte significativa das familias e do profesorado, e quen non puido acudir, comunicou o seu apoio. No vídeo, que recolle a intervención de Montse Fernández, presidenta da ANPA, explícanse as reivindicacións da comunidade escolar e as futuras mobilizacións.

Video do acto:





Enviado por:
lupe ces

-lupeces@gmail.com-
10 de outubro de 2009 07:34

http://lupeces.blogspot.com/

martes, outubro 06, 2009

Comezan en Ferrol os peches nas Escolas Oficiais de Idiomas para exixir a retira da circular 5/2009

Noticias desde a Cig-Saúde
06.10.2009


As protestas prolongaranse até o 22 de outubro de xeito ininterrumpido en seis centros Profesores/as e delegados/as sindicais iniciaban por volta das 7:00 horas do luns 5 de outubro un peche na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol para exixir a retirada da circular 5/2009 emitida pola Consellaría de Educación o pasado mes de xullo. A medida de protesta estenderase a outros centros do País até o vindeiro 22 de outubro e vai acompañada dunha serie de accións a prol da retirada da circular, que pasan pola recollida de sinaturas entre profesores/as e alumnos/as, resolucións dos claustros e Consellos Escolares ou a declaración de persoas non gratas ao Conselleiro de Educación e ao Director Xeral de Educación.


[Foto peche do 05.10.2009]

Arredor dunhas 50 persoas iniciaban este luns 5 de outubro un peche na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol para exixir a retirada das instrucións remitidas pola Consellaría o pasado verán a respecto do funcionamento destes centros. A medida, que forma parte do conxunto de accións que as organizacións sindicais e o profesorado están levando a cabo en contra da circular, dá continuidade á folga convocada o pasado 9 e 10 de setembro nas EEOOII, secundada pola maioría dos docentes.

Dende a CIG-Ensino critican a teima de Educación por aplicar unha circular que vai supor unha modificación á baixa das condicións laborais do profesorado, unha redución importante do persoal (xa se teñen eliminado máis de 30 postos) e traerá un empeoramento da calidade das ensinanzas de idiomas.

Con estas medidas, a Consellaría busca pór en tela de xuízo o ensino público, xa que en vez de estender o ensino dos idiomas en centros públicos, recorta e diminúe a súa calidade anulando mesmo as aulas complementarias de reforzo”, lamenta o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao.


Falta de negociación


Para a CIG tamén resulta inadmisíbel a actitude da Consellaría de Educación que, ante a petición unánime dos/as profesores/as e organizacións sindicais para a retirada da circular e o inicio de negociacións na Mesa Sectorial, até “hoxe non achegou ningunha resposta”. “O conselleiro está amosando o seu talante arbitrario e ditatorial, xa que non foi capaz de abrir o diálogo a respecto desta cuestión. Pero non dubidou, a través do Director Xeral de Educación e Formación Profesional, en difamar o traballo do profesorado con afirmacións e mentiras para poñer en cuestión o traballado dos docentes diante da opinión pública”, afirma Louzao.

Dende a CIG-Ensino agárdase que os peches, que se prolongarán até finais de mes e afectarán a seis escolas (Ferrol, A Coruña, Pontevedra, Vigo, Ourense e Santiago), leven a Consellaría a recapacitar sobre os seus posicionamentos.


Medidas complementarias


Os peches nas Escolas Oficiais de Idiomas completan toda unha serie de accións a prol da retirada da circular, que pasan pola recollida de sinaturas entre profesores/as e alumnos/as, resolucións dos claustros e Consellos Escolares ou a declaración de persoas non gratas ao Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e ao Director Xeral de Educación, José Luís Mira Lema.

O peche na Escola de Ferrol continuará até ás 7:00 horas do mércores 7 de outubro, momento no que collerá a quenda o profesorado do centro de Pontevedra (7 e 8 de outubro), para continuar os encerros en A Coruña (13 e 14 de outubro), Vigo (15 e 16 de outubro), Ourense (19 e 20 outubro) e finalmente Compostela (21 e 22 outubro).
  • ADIANTE OS PECHES NO ENSINO!!!
  • EN DEFENSA DUN ENSINO PÚBLICO E DE CALIDADE!!!
  • A CRISE DO CAPITAL, QUE A PAGUE O CAPITAL...NON OS TRABALLADORES E TRABALLADORAS!!!
Enviado por:
Saúde Ferrol
-cigsaudeferrol@gmail.com-
6 de outubro de 2009 19:27

_______________

luns, setembro 28, 2009

"Autoritas ou potestas?", un artigo de Manuel Dios a mantenta do debate sobre a autoridade do profesorado


En relación co debate sobre a autoridade do profesorado

Por Manuel Dios Diz [*]
28.09.2009

Resulta imposible resumir nun artigo todo o que suscita un debate sobre a autoridade do profesorado que, polo demais, non é novo. Habería que enmarcalo nunha reflexión máis global sobre a sociedade, sobre o fracaso (social e escolar), sobre o rol que xogamos cada quen, e de maneira máis particular, sobre a propia comunidade educativa que xa non se circunscribe ós pais e ás nais, ós docentes e ó alumnado, porque hoxe, como sabemos, existen novos axentes, algúns moi activos e poderosos, na transmisión de valores (positivos ou negativos) como son, por exemplo, os iguais, os media ou a publicidade. Con todo aportarei algunha reflexión.

A escola, o instituto que coñecemos e lembramos os adultos, digamos de mediana idade, moi pouco ten que ver cos actuais. Basta escoitar os comentarios dalgunhas personalidades públicas nestes días para decatarse do lonxe que están da realidade educativa actual. Entre outras cousas, porque a sociedade cambiou extraordinariamente e de maneira moi rápida, como nós mesmos, e porque agora van ó instituto tódolos alumnos e alumnas, non unha minoría seleccionada, como noutras épocas. Falamos da totalidade dos rapaces e rapazas en idade escolar, é dicir, dos que queren estudar, dos que valoran o esforzo e o saber, dos que proveñen de ambientes económicos e culturais acomodados, e daqueles que viven en familias desestructuradas, xunto cos que obxectan, os que asisten por obrigación, os que arrastran carencias relevantes (afectivas, económicas, culturais …), e os superprotexidos, os da chave, os emperadores, os amos, os que viven a violencia (de xénero e outras) como modelos, os hiperactivos, os que teñen dificultades, os que aborrecen da imaxe que a escola lles devolve de si mesmos … todos e todas sen excepción, especialmente na escola pública. Isto, simplemente isto, cambiou por completo os colexios e os institutos. E moitas persoas seguen sen comprendelo, moito menos asumilo.

Si algo compartimos é que non debemos lexislar a golpe de titular nin tampouco en función da alarma social xerada. Non parece o máis sensato. A educación manexa (ou debe manexar) tempos moi distintos dos que utiliza o xornalismo ou a política. O profesorado traballa con persoas concretas, con ritmos e necesidades distintas, non en función de intereses económicos, mercados, ventas, beneficios, audiencias… ou votos. Por iso o tempo educativo non ten nada que ver coa fugacidade do tempo televisivo, radiofónico ou electoral.

Analizar a situación, coñecer o que acontece no sistema educativo, facer un bo diagnóstico, resulta imprescindible para atopar vías de mellora da calidade, da convivencia, dos resultados académicos, do clima escolar. E isto non ten nada que ver coas ocorrencias, nin co alarmismo, nin tampouco co pensamento maniqueo, co branco e o negro, o todo ou o nada, tan frecuente nos titulares e nas declaracións. A educación significa aprender a dirixir con sentido a propia vida, en palabras de D. Francisco Giner de los Ríos, e implica non so información senón tamén coñecemento, contraste, reflexión, elaboración… en definitiva, fuxir do pensamento maniqueo, da simplicidade, das receitas máxicas, das causas únicas, das ocorrencias, diga quen as diga. E por iso resulta tan frustrante, tan difícil, querer matizar, especialmente, nos medios de comunicación, porque en moitas ocasións, un titular repetido mil e unha veces, a todas horas, en tódalas cadeas, desbarata miles de esforzos porque, ó final, o que escoitamos é o enorme estrondo da árbore que cae mentres que ignoramos o son da herba que medra cada día… as malas noticias son as únicas noticias e isto da unha visión parcial ou falseada da realidade.

Non podemos solventar os temas a golpe de frase enxeñosa, crernos de verdade que a conflitividade escolar pode resolverse con tarimas, recuperando o tratamento de vostede, ou con galóns máis ou menos chamativos impostos pola autoridade política de turno. As cousas, por desgraza, non son tan simples, e eles o saben.

Ademais, non é verdade que a gran maioría do profesorado non teña autoridade ou que decline dela. Tampouco que o alumnado en xeral non respete ós seus profesores, que sexa violento ou borracho, inconsciente ou irresponsable como tantas veces se reitera. Ou que as nais e os pais pasen da educación dos seus fillos e fillas. E que os institutos sexan territorio comanche. Non é certo. Nada máis lonxe da realidade. Temos que fuxir das xeralizacións, das atribucións globais de responsabilidade, de confundir unha parte co todo, por moi rechamante que sexa, e analizar polo miúdo o que sucede, con rigor, sen prexuízos, distinguindo a palla do grao, identificando ben os problemas, asumindo que todos e todas temos porcións de razón e de culpa, e debemos ser parte da solución.

Non podemos seguir trasladando ós demais as causas dos males que percibimos no sistema educativo, que si os pais, que si os profes, que si os rapaces, que si a administración, que si os media… non basta con repetir que para educar a un neno fai falla a tribo enteira, senón crelo de verdade e obrar en consecuencia. E temos instrumentos para facelo. Mellorables, sen dúbida. Existen, desde hai anos, en todo o Estado, nas CC.AA, plans integrais de mellora da convivencia escolar, observatorios, protocolos, departamentos de orientación, equipos de mediación e tratamento de conflitos… o que sorprende é que esta realidade, a maioritaria convivencia escolar nos miles de centros educativos, non resulte visible, atractiva, interesante, recoñecible, avaliable. Isto provoca grandes doses de frustración nos educadores e nas educadoras, nas miles de persoas que se esforzan cada día, a pe de aula, por mellorar o clima escolar, por ilusionar ó seu alumnado, por facerlles ver que a educación, a cultura, o traballo ben feito, son útiles, contra todo o ambiente social e as mensaxes constantes que reciben, a cotío, en senso contrario, a fama, o éxito, o minuto de gloria, o triunfo sen esforzo, o diñeiro a mans cheas, e modelos e referentes tan edificantes como Belén Esteban ou a Campanario… mañá e tarde, a todas horas…

O ministro Angel Gabilondo, cunha traxectoria profesional dedicada á reflexión filosófica, á metafísica, está moi lonxe, ó meu parecer, do pensamento maniqueo, das solucións máxicas, das ocorrencias, e quere, como tantos docentes, un pacto de estado pola educación, que fermosa utopía, apelando á tribo enteira para cambiar o noso sistema educativo que, como non, necesita mellorar, e quere facelo con tódalas mans, con acordos, con diálogo, con consenso, pero probablemente fracase, porque os tempos educativos non son os políticos e as grandes necesidades significan tamén grandes recursos, e en épocas de crise, xa se sabe, o máis efectista resulta sacarse unha gorra da manga e impoñer a autoridade por lei.

Con moita frecuencia confundimos a auctoritas coa potestas que tan ben distinguían os romanos. A primeira ten que ver coa autoridade moral que temos que gañar cada día coa nosa profesionalidade, co bo exemplo, co respecto, coa dedicación, co cariño, cos afectos e os sentimentos, coa persuasión e a convicción, co diálogo, coa comunicación, con xenerosidade, cos nosos coñecementos, experiencia, comportamentos e condutas, sabendo e preparando a materia… esta ascendencia moral non se compra no supermercado, nin se compra nin se vende, apréndese e constrúese cada día, con moito esforzo, con ilusión, con vocación, con amor por este fermoso oficio, o de ensinar, aprender e compartir cultura, saber e sabedoría… mentres que a potestas, polo contrario, consiste nun conxunto de facultades públicas que son outorgadas, desde fora, a unha persoa de acordo cunhas formalidades ben definidas, trátase dun poder que non emana da condición persoal do titular, senón que está relacionada coa forza e a imposición coercitiva, con aquilo que Maquiavelo dicía: o príncipe debe infundir temor e impoñerse pola forza da espada… por iso, o debate sobre a autoridade debera ser moral, ético, profesional, humanista, educativo…, non simplemente administrativo ou xurídico, nin vingativo, o desquite do ’68, en palabras de Sarkozy, ou de tantos e tantas que añoran un pasado que xa está escrito…

Sinceramente estou convencido de que a maioría do profesorado ten autoridade suficiente, capacidade de persuadir e de convencer, auctoritas. E o sistema educativo, como o xurídico, a fiscalía, conta con lexislación e sentencias que protexen e respaldan ó profesorado. Os propios centros escolares teñen, ademais, recursos e mecanismos variados, plans, equipos, protocolos que permiten resolver os conflitos razoablemente ben, sen caer no victimismo, polo que non necesita investirse de potestas pública, mellor dito, que alguén externo ó propio sistema a impoña, porque, entre outras cousas, sen auctoritas non hai potestas por moito que alguén se empeñe en converternos en axentes da autoridade pública… as cousas son moito máis complexas.

Por certo, en moitos centros educativos hai docentes sen autoridade moral. Todos o sabemos. Algúns reciben moito máis respecto do seu alumnado do que merecen. É un dicir. Como existen pais e nais con moi pouca ascendencia sobre a súa prole. E médicos incompetentes, e xornalistas, e mestres… o que ten que ver coa formación inicial e permanente, co acceso, con desempeñar ou non o oficio que se quere, que se ama… pero isto merecería outro artigo.

Unha pregunta impertinente: como pais e nais, como avós e abóas, como titores e titoras, como políticos, como… temos auctoritas ??, nola gañamos cada día cos nosos comportamentos e condutas ?, ou habería que impoñérnola tamén por lei ?? ...

[*] Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, forma parte do Observatorio Galego da Convivencia Escolar e preside o Seminario Galego de Educación para a Paz. FUNDACION CULTURA DE PAZ


Enviado por:
Educación e Paz
-paz@sgep.org-
28 de setembro de 2009 13:13
__________________________

sábado, setembro 26, 2009

Libros de Texto: Gasto social en tempo de crise

Por Miguel Castro Serantes [*]
24.09.2009


Seis meses despois do cambio de goberno e o retorno do Partido Popular ao poder en Galicia, os habitantes da nosa comunidade observan, anonadados, o comezo de recortes sociais como o fin da gratuidade dos libros escolares, pondo en serias dificultades a multitude de familias ante o comezo do novo curso.

Coa implantación do novo sistema, volvemos aos tempos do gasto; do acumulamiento de libros inútiles pasado o curso e a un negocio máis que boiante para as editoriais. Os pais dos alumnos deben volver compralos ano tras ano e a concesión de axudas para a súa compra antóllase, desde logo, moi restritiva.

Recordar que durante a anterior etapa educativa, estaba instaurado un sistema onde os libros eran propiedade dos centros educativos, os cales íanse pasando curso a curso, tendo que velar destes o profesorado, os alumnos e os pais, para o seu bo mantemento, mediante comisións de observación. Os libros duraban catro anos para logo renovarse. O anterior sistema garantía unha cobertura universal e promovíase con iso o bo uso dun material escolar que era de todos.

O Partido Popular intenta de novo disfrazar de progresista o novo sistema, argumentando que pagarán os libros os que máis teñen e, en cambio, cando na realidade a clase media estase atopando cun gasto que consideraba superado nun momento de reais dificultades económicas. Non debemos deixarnos enganar ante estas novas manobras de descoido.

As AMPAS comezan a mobilizarse reclamando o cesamento do novo sistema por insolidario.

Outro motivo de desconfianza ante o novo goberno do señor Feijoo, é o recorte de profesorado de educación especial. Un centenar de mestres menos estarán nos nosos centros cando, sen dúbida, fan máis falta.

Comezo nada alentador da nova lexislatura. Unha volta aos tempos do pago, ao recorte educativo e ao financiamento con fondos públicos de centros segregadores de alumnado segundo o seu sexo, botando por terra a conquista da educación mixta.

Mantengámonos informados e esperando que se impoña a sensatez e vólvase a un sistema que demostrara a súa eficacia e a súa economía.

[*] Miguel Castro Serantes, é Mestre e directivo de Fuco Buxán.

Artigo Publicado no xornal comarcal "Diario de Ferrol"

--
fuco buxán, a.c.
Aptdo Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telef. 981325492
www.fucobuxan.com
fucobuxan@yahoo.es

Enviado por:
Fuco Buxán Asoc. Cultural Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-
25 de setembro de 2009 11:06

_________________

venres, setembro 18, 2009

Propiedade e empréstimo som questom de valores

Temos às famílias do alumnado mais pendentes de quem recebe a ajuda e quem nom, de ver se "lhe pagamos" ou nom os livros ao filho do vizinho, que tem salário fixo, ou um coche "que já nos gostaria na porta", que dumha séria reflexom, junto co resto da comunidade educativa, sobre que é o que verdadeiramente perdemos ou ganhamos com este cámbio.



Por Lupe Ces
18.09.2009


Nom som partidária dos livros de texto. As editoriais nom deveriam marcar nem as programaçons, nem o dia-a-dia das aulas. Mas, mentres o sistema escolar nom se libera de velhas ataduras e nom rompe esquemas que o mantenhem case na sua totalidade, em quanto à metodologia, imutável desde mediados do século XX, temos que aceptar que a utilizaçom do livro de texto, como eixo vertebrador dos processos de aprendizagem, é hoje o enfoque metodológico mais extendido nas aulas. Polo tanto, todo o que gira ao redor do livro de texto, desde os contidos até o jeito de adquiri-los e utiliza-los, influe enormemente no sistema educativo, polo que o debate actual sobre a gratuidade ou nom dos livros, nom pode limitar-se, sendo importante, só a um problema de dinheiro.

O sistema de empréstimos que se véu desenvolvendo tardiamente na Galiza co governo bipartito, fomentava umha série de valores que cumpre publicitar. Porque ali onde podamos, as pessoas que acreditamos na urgência dumha sociedade mais justa, temos que contrarrestar a agitaçom social promovida desde a Consellería de Educación, baseada em sentimentos de inveja e ressentimento, fronte à solidariedade pretendida. Assim, temos às famílias do alumnado mais pendentes de quem recebe a ajuda e quem nom, de ver se "lhe pagamos" ou nom os livros ao filho do vizinho, que tem salário fixo, ou um coche "que já nos gostaria na porta”, que dumha séria reflexom, junto co resto da comunidade educativa, sobre que é o que verdadeiramente perdemos ou ganhamos com este cámbio.

Nom chega com argumentar que volver ao antigo sistema de livros em propiedade é muito mais caro para os orçamentos públicos, e polo tanto muito mais caro para toda a sociedade, dado que mentres o sistema de empréstimo mantinha os mesmos livros ao longo de quatro anos, o sistema em propiedade obriga a dar ajudas continuas cada curso.

Nom chega com argumentar que vam ser moi poucas as famílias que recebam a ajuda e que essa ajuda nom vai cobrir o 100%. Hai que explicar que o sistema em propiedade gera desde o princípio de curso grandes desigualdades. Só teríamos que passear-nos polas aulas para ver quantos nenos e nenas levam desde o dia dez sem livros, porque na sua família nom cobrárom ainda o paro ou o finiquito para poder mercar-lhos e posteriormente pedir a ajuda. Co sistema de empréstimos todo o alumnado começava, quando menos nesse aspecto, em igualdade de condiçons. Agora volveremos a ver os livros todos sublinhados ou desgastados polo mal uso, aproveitados polo familiar ou vizinha menos favorecida. Sempre sairám de balde, mentres que a ajuda obriga a um desembolso total primeiro, e só a recuperar umha porcentagem, seja grande ou pequena, depois.

Nom chega com argumentar que a gestons das ajudas supom umha sobrecarga para as escolas, ou que as equipas informáticas habilitadas nos centros som insuficientes e precisam de muitos apoios porque o analfabetismo informático é moi maioritário no nosso país. Hai que explicar que é um cámbio no sentido contrário ao do aproveitamento e optimizaçom dos recursos. Ingentes cantidades de papel serám empregadas cada curso em repetir praticamente as mesmas ediçons duns livros que acabarám a sua funçom, na maioria dos casos, a finais de Junho.

Hai que exigir que fagam públicos os estudos aos que se chama a Conselharia, que demostram os melhores resultados académicos entre escolares com livros em propiedade e os que tenhem sistema de empréstimo. Que fagam saber que mostra tomarom, em que estrato social e ámbito geográfico, e como vinculam propriedade do livro e êxito escolar.

O que demostrou o sistema de empréstimo é que ao final de curso, nom saíam, como era habitual, as folhas e as capas, cada umha co seu próprio plano de vóo, polas janelas. Os livros passárom a ser espaço compartido, território em mancomum, que se respeita e se coida. Assim, a igualdade entre o alumnado conseguia-se nom polas ajudas ou subsídios, senom polo dever que tinham em coidar o que era de todos e de todas.

Perdemos em valores de igualdade e responsabilidade, perdemos em actitudes de respeito e colaboraçom, perdemos na educaçom de cidadáns e cidadás conscientes em direitos e deveres. Mais penso que todo isto já se sabia e mesmo se perseguia, polos novos dirigentes da Consellería de Educación.


Enviado por:
Lupe Ces Rioboo
http://lupeces.blogspot.com/


-lupeces@gmail.com-
18 de setembro de 2009 19:59
___

luns, xuño 15, 2009

O BNG urxe a convocatoria da Comisión de Educación para garantir o futuro dos comedores escolares

Elia Rico, advirte ao Goberno local que a Escola Pública non pode perder este servizo

O grupo municipal do BNG rexistrou hoxe unha proposta para que a concelleira de Educación de conta na Comisión informativa de Educación da situación na que se atopan os comedores escolares e os pasos que ten previsto adoptar o goberno local para garantir a continuidade do servizo o vindeiro ano.

A concelleira do BNG, Elia Rico, amosou a súa preocupación pola situación de alarma social que creou nos centros educativos o anuncio da Federación de ANPAS de que non continuarán facendose cargo deste servizo o vindeiro ano e advertiulle ao Goberno Municipal que non pode permitir que a escola pública perda este servizo.

O BNG lembra o amplo consenso existente na corporación municipal de Ferrol a hora de esixir que sexa a conselleria de educación quen asuma a xestión dos comedores escolares. Asi mesmo, comprende o posicionamento da Federación de ANPAS diante dunha xestión que debe ser xestionada polas administracións públicas competentes.

Elia Rico afirmou que o Concello de Ferrol non debe permanecer pasivo neste asunto e debe ter preparado os trámites administrativos necesarios para que no mes de setembro os colexios de Ferrol sigan a dispoñer de servizo de comedor sendo a súa xestión asumida ben pola consellería ou no seu defecto pola administración local de xeito transitorio.

O BNG considera que o servizo de comedor é unha prestación que redunda na calidade do ensino público xa que estan a cubrir unha importante demanda social de conciliación da vida laboral e familiar e situan aos centros públicos en igualdade de condicións que os centros privados.

Ferrol a 15 de xuño de 2009
Grupo Municipal do BNG

Enviado por:
Correo electronico BNG
-bng@ferrol.es-
15 de junho de 2009 13:15

______________________

venres, maio 08, 2009

O goberno local anuncia o inicio das obras de reparación da cuberta do pavillón do Manuel Masdías

  • O edil Angel Mato apunta que, con cargo aos 13,3 millóns de euros do Plan E, comezarán no prazo máximo de 15 días
  • Explica que así llelo trasladaron onte á dirección do centro os concelleiros de Educación e de Deportes nunha xuntanza

Ferrol, 07 de maio de 2009.-

O concelleiro de Urbanismo, Angel Mato, informou esta mañá do inminente inicio das obras de reparación da cuberta do pavillón polideportivo do colexio público Manuel Masdías, en Caranza, dando cumprimento así ao compromiso adquirido polo alcalde da cidade, Vicente Irisarri, e a concelleira de Educación, Mercedes Carbajales, no último pleno ordinario. Neste senso, o edil explicaba que os traballos se executarán con cargo aos fondos do Plan Ê concedidos polo Goberno central e destacaba que se trata dunha actuación prevista polo equipo de goberno dende o ano pasado, previamente ao paso do ciclón Klaus pola cidade. O prazo de execución: dous meses. Enviaba, deste xeito, unha mensaxe de tranquilidade á comunidade escolar deste centro ferrolán e destacaba que o curso 2009-2010 comezará cun pavillón totalmente remozado. De feito, a propia titular de Educación e o edil de Deportes, Manuel Santiago, se desprazaban no día de onte ao centro para informar á dirección deste feito ao tempo que aproveitaban a visita para comprobar o nivel de seguridade das instalacións na actualidade.

Máis polo miúdo, o responsable das políticas urbanísticas da Administración local apuntaba que a finais de 2008 a titular de Educación trasladaba á area de Urbanismo a necesidade de intervir en varios centros escolares do termo municipal. Unha iniciativa criticada no seu día polos grupos da oposición, tal e como recordaba Mato, ao considerar que excedían das competencias propias do Concello. Nesta liña, Mato destacaba a obriga do equipo de goberno de garantir uns servizos públicos de calidade a tódolos ferroláns e ferrolás. Política na que se enmarca a decisión do Concello de incluir esta actuación dentro dos proxectos seleccionados pola Administración local con cargo aos 13,3 millóns de euros aprobados para Ferrol polo Goberno central ao abeiro das medidas adoptadas para combater o actual contexto de crise económica. E, ao fío, lembraba que se incluíran nove actuacións para oito centros escolares ferrolás.

A partir de entón, se poñían en marcha os mecanismos para contratar estas obras, que daban como froito que o pasado 10 de marzo se iniciara a licitación e se adxudicara definitivamente o 20 de abril á firma especializada en cubertas Empresa Metalúrgica Pontesa S.L. Unhas obras, engadía o edil, cuxo importe ascende a 66.000 euros, mentres que o prazo de execución é de dous meses. Consistirán na demolición da cuberta e na instalación dunha nova. E, ao fío, o edil apuntaba que os traballos darán comezo no prazo máximo de 15 días.

Finalmente, o concelleiro de Urbanismo destacaba o compromiso do goberno local para atender as necesidades dos centros públicos escolares do municipio. E, ao fío, lembraba que no marco dos Fondos Estatais o Concello ten previsto intervir en sete centros máis.

Saúdos; Gabinete de Comunicación
____________________
Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol
Praza de Armas s/n – 15402 Ferrol – (A Coruña)
Teléfono 981 94 40 13 – Fax 981 94 40 19
gabineteprensa@ferrol.es

__________________

mércores, maio 06, 2009

Mobilización da Comunidade Escolar do Colexio Público "Manuel Masdías" de Caranza diante da situación de abandono das intalacións escolares ...


Ferrol a 5 de maio de 2009.- Desde a comunidade escolar/A.N.P.A do C.E.I.P Manuel Masdías de Caranza queremos facer público o noso malestar e enfado pola situación de abandono que padecemos ao respecto da situación na que se atopan as instalacións e a inexistencia de parque infantil para os nenos e nenas de infantil desde comezo do curso. Queremos poñer de manifesto a desidia con que está a actuar o Concello ao respecto do único colexio público co que conta o barrio de Caranza.

Foi polo 23 de xaneiro cando sufrimos o paso do Klaus, e xa van máis de 2 meses sen que se proceda ó arranxo da cuberta e laterais do pavillón do colexio. Como consecuencia daquilo, estamos soportando as situacións de risco que isto comporta para os nosos nenos e nenas. Debemos ter en conta que é no pavillón onde coinciden os case 150 nenos e nenas do colexio á hora do recreo, onde se desenvolven as actividades extraescolares e onde se fai a ximnasia e psicomotricidade. Pois ben, é cando chove ou con mal tempo (algo que acontece con máis frecuencia do que parece que algúns pensan, porque estamos en Galicia e non en Marbella)cando os máis pequenos(3, 4 e 5 anos)se ven obrigados a pasar ao salón de actos a visualizar vídeos e o resto dos nenos e nenas xogan no pavillón “esquivando” pozas, pingueiras e pilas de excrementos que as pombas, gaivotas e demais paxaros van deixando por todo o pavillón, e iso sen mencionar as correntes de vento e frío que teñen que soportar.

Pero as opcións e recursos son poucos, e sobre todo nos colexios públicos: foi no primeiro día de curso cando chegaron un par de obreiros do concello e desmantelaron o parque infantil do que dispoñían os máis pequenos do colexio, ao parecer non cumpría coa normativa e o concello non quería correr riscos de cara a que acontecese algo- infraestrutura, por outra banda, coa que contan todos os colexios para intentar que nos recreos maiores e pequenos teñen o seu espazo no tempo de lecer- . Pois ben, a día hoxe e despois de 6 meses de curso aínda non temos o parque infantil.

Dicir tamén que na entrevista que se mantivo coa responsábel da área de educación no concello, a única resposta foi que non había orzamento e que as obras do pavillón estaban “nunha mesa de contratación”.

O pasado mércores 29 de abril acudimos ao pleno coas nosas reivindicacións e a contestación da responsábel da área de educación é: que non existe orzamento para dotar ao noso colexio dun parque e que irá na primeira remesa que se faga para este tipo de infraestrutura -polo que aínda non sabemos cando se fai facer o parque- e qué as obras do pavillón estaban pendentes de adxudicación. O alcalde pola súa banda comprometeuse a qué as obras do pavillón contaran coa máxima prioridade e que na vindeira semana visitarían uns técnicos o colexio (nos sabemos moi ben para qué, xa que estiveron no colexio noutras ocasións) e qué manteríamos unha reunión para falarmos do tema e para esclarecer calquera tipo de dúbida ou ao respecto das obras a facer no C.E.I.P Manuel Masdías e con ese compromiso nós abandonamos o pleno. Como nada disto se materializou e xa estamos a martes 5 de maio, queremos comunicar que desde a comunidade escolar do Masdías imos continuar coas movilizacións.

Mañá mércores 6 de maio ás 18:30 horas da tarde procederemos a facer un corte de tráfico na rotonda do Conservatorio de Música no barrio de Caranza.

COMUNIDADE ESCOLAR DO CEIP MANUEL MASDÍAS
____________________

xoves, abril 30, 2009

O Concello abre o prazo de preinscripción para a primeira Escola Infantil Municipal de Ferrol

  • A edil Beatriz Sestayo destaca que permitirá avanzar na aposta do Concello pola conciliación de traballo e familia
  • As familias interesadas en inscribir aos nenos poderán solicitalo no Edificio Social, dende mañá e durante todo maio
  • A infraestructura, ubicada no barrio de Caranza, nace do convenio de colaboración entre Concello e Xunta de Galicia

Ferrol, 29 de abril de 2009.-

Todas as familias interesadas poderán, dende mañá, realizar os trámites de preinscripción na primeira Escola Infantil Municipal de Ferrol que, emprazada no barrio de Caranza, abrirá as súas portas o vindeiro curso escolar. Así o anunciou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Xuventude, Muller e Solidariedade, Beatriz Sestayo. Deste xeito, a edil detallou que será o Equipo Municipal de Infancia e Familia (Emifa), creado polo actual goberno municipal para a atención en exclusiva desta área, o encargado de xestionar as peticións de preinscripción e información no Edificio Social (rúa Sánchez Barcáiztegui). O prazo se inicia mañá e se manterá durante todo o mes de maio.

Nesta liña, Beatriz Sestayo lembrou que a posta en marcha da primeira Escola Infantil Municipal de Ferrol é unha aposta clara do Concello pola conciliación da vida familiar e laboral que nace dun ambicioso convenio suscrito hai un ano entre a institución local e a Xunta de Galicia. Ao respecto, lembrou que as obras de acondicionamento hoxe en marcha, orzamentadas en 313.320 euros e financiadas pola administración autonómica, se iniciaron tras a cesión do edificio de titularidade municipal situado no CEIP Manuel Masdías con fronte á rúa Masaia. Dirixido a nenos de cero a tres anos, conta con 41 prazas.

Así mesmo, a concelleira apuntou que o Concello determinará coa nova Xunta, na comisión paritaria establecida no convenio de colaboración, os criterios de concesión das prazas. Non será o único punto a analizar e, preguntada pola segunda escola infantil incluída no acordo, Sestayo reiterou que o Concello mantén o ofrecemento da parcela ubicada en Esteiro para a súa construcción. En todo caso e preguntada por si o cambio na Xunta porá en perigo esta ou outra infraestructura social, a concelleira asegurou que o goberno local non permitirá que a Administración autonómica incumpla os compromisos asumidos e firmados coa cidade. Unha cuestión que non presupón da actual Xunta, pero que garantirá a través do seu traballo como concelleira e deputada autonómica.

Saúdos; Gabinete de Comunicación
___________________

luns, abril 27, 2009

Demandas veciñais, en Caranza, na defensa do Colexio Público "Manuel Masdias"

Veciñas e Veciños de Caranza están enviando cartas ao Alcalde de Ferrol, Sr. Irisarri, solicitando sexan atendidas as súas demandas e arranxen dunha vez o Colexio Público "Manuel Masdias"


Á ATENCIÓN DO SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

Eu como nai e veciña do barrio de Caranza (Concello de Ferrol), e sendo o C.E.I.P Manuel Masdías o único colexio público que hai a día de hoxe no barrio,

SOLICITO:

Qué o pavillón da escola Manuel Masdías sexa arranxado coa maior brevidade posíbel. Desde o paso do Klaus pola comarca as actividades que se viñan desenvolvendo cos nenos e nenas non é posible facelas sen arriscar a saúde e seguridade dos pequen@s. Penso que son uns danos consecuencia do temporal acaído e como tal se deben reparar o antes posíbel, non é algo “específicamente” dependente da concellería de educación polo que a partida orzamentaria non tería porque ser da dotación anual dese departamento como tantas veces se nos fai saber dicindo que non hai ornamento para o arranxo.

Qué se faga a dotación correspondente para a existencia do parque para as nenas e nenos de educación infantil. O primeiro día do curso 2008/2009 uns funcionarios do concello pasaron a retirada dos elementos que existían porque xa non cumprían a normativa. Pois ben, non aceptamos que a única alternativa que nos dea o concello sexa o de quedarnos sen esta dotación para o centro. ¿Cando vai haber dotación orzamentaria para isto? Si a normativa entrou en vigor ao mesmo tempo para tod@s ¿Por qué hai colexios que non están a sufrir esta situación?

Agardamos que desde o Concello sexan atendidas as xustas peticións que desde o barrio de Caranza estamos a facer, porque ao final de todo isto os únicos prexudicados son os nosos nen@s.

Caranza, 23 de abril de 2009

Pili Ces Rioboo

________________