Amosando publicacións coa etiqueta Estacionamentos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Estacionamentos. Amosar todas as publicacións

domingo, maio 05, 2019

Iván Rivas: 'O PP non quere unha praza para todos e todas, quere unha praza para unha concesionaria' - E entrega de castiñeiros e bolsas de tea, hoxe domingo 5 de maio ás 12:30 horas na Praza da Auga de Canido


Iván Rivas: “O PP non quere unha praza para todos e todas, quere unha praza para unha concesionaria”


Para o BNG de Ferrol a necesidade de remodelar a praza de Armas é indiscutible, mais a creación dun novo aparcadoiro subterráneo só ten un sentido. Trátase dunha decisión irreversible ao ir vinculada a unha concesión da explotación, que no mellor dos casos asumiría o custe da obra e que impediría reverter esta decisión durante décadas.

Con esta proposta, e pese a que privatización dos servizos municipais provocaron o deterioro constante do servizos, o PP insiste neste modelo de xestión privada. Neste caso facendo negocio co espazo público ao situar un novo aparcadoiro no corazón do barrio a peonalizar, para entregarllo a unha concesionaria durante décadas.

O debate constante dos últimos anos entre FeC e o PP sobre se hai déficit ou superávit de prazas no barrio de A Magdalena é absurdo. En Ferrol hai un coche por cada 1,8 persoas, polo que é imposible crear tantas prazas de aparcadoiro como vehículos, a non ser que o obxectivo sexa transformar a cidade nun aparcadoiro xigante. Semella claro que a meta debería de ser disuadir de empregar o coche aos veciños e veciñas e recuperar as rúas para a xente, é dicir, peonalizando o corazón da cidade.

O candidato á alcaldía, Iván Rivas, sostén que a solución pasa por habilitar aparcadoiros periféricos, desde os que partan as lanzadeiras de transporte público que vertebren a cidade, e para iso a xestión debe ser municipal. “Cómpre asumir a xestión municipal do transporte público que FeC e PP pactaron entregarlle as mesmas empresas ás que o tribunal supremo lles anulara a concesión do PP en 2016”, afirmou o voceiro nacionalista.

Ferrol, 04 de maio de 2019


Entrega de Castiñeiros e bolsas de tea


Este domingo 5 de maio, ás 12:30 horas na Praza da Auga de Canido, comezaremos a entrega dos castiñeiros e bolsas de tea, un acto que pretende simbolizar o compromiso inexcusable do BNG cun desenvolvemento sustentable da cidade de Ferrol.

Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
#AgoraGaliza
#AgoraBNG
#Ferrol


Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
4 de maio de 2019 12:29

_______________

mércores, agosto 26, 2009

O Colectivo Ártabra 21 reitera a súa oposición á construción dun novo estacionamento soterrado na Praza do Concello [Praza de Armas]



Estes días asistimos a un debate social nos medios de comunicación locais, a raíz da aprobación por parte do Pleno do Concello de Ferrol [06.07.2009] do "Estudo de Viabilidade do Párking da Praza de Armas", co voto a favor do PSOE e BNG, e a abstención do resto -PP, EU e IF-, estudo de viabilidade elaborado pola firma IDOM, e que proxecta un estacionamento soterrado de 8.200 m2, tres plantas e un mínimo de 320 prazas [publicado o anuncio de exposición pública no BOP o 14.07.2009].

Unha vez aberto un período de alegacións dun mes a partir da citada data de publicación, presentaron-se máis dun cento de alegacións, a maioría de particulares, unha do PP e outras de diferentes entidades [segundo varios medios de comunicación local], na súa maioría só cuestionan asuntos referentes a cantidades: que "o estacionamento non oferta suficientes prazas" [oferta 320, frente ás 116 actuais]; que o prazo de execución das obras ten que ser menor, alguén demanda que sexa entre 6 e 8 meses [no Estudo figuran 24]; preocupados tamén polo "canon" [400.000 € por unha adxudicación de 40 anos] e outros asuntos de interese para comerciantes e residentes. Algunha entidade como a asociación Ferrol se mueve, achega unhas 2.000 sinaturas de apoio ás súas demandas; o Centro Comercial Aberto da Magdalena - ACOF e a asociación veciñal Pedro Padrón van na mesma dirección [máis esta última, segundo o Diario de Ferrol, eleva a 480 a capacidade de prazas do estacionamento].

A asociación ecoloxista VERDEGAIA é a única entidade que presentou alegacións cuestionando-se a idoneidade e necesidade do propio estacionamento. Actuación loábel que ten o noso recoñecimento e apoio. Precedido este posicionamento, de Verdegaia, por un artigo titulado "Peotanización e pacificación do tráfico na Magdalena", publicado o 2 de Agosto de 2009 no semanario Nordesía, separata dominical do xornal comarcal Diario de Ferrol, asinado pola arquitecta ferrolá Olga Fra Gálvez [que formou parte da equipa de redacción, dirección e coordinación do PERI - Plan especial de protección e rehabilitación do barrio da Magdalena - aprobado o 27.09.2007] e o activista social Alexandre Carrodeguas.

Por outra banda o colectivo Masa Crítica de Ferrol, manifestou publicamente o seu desacordo coa construción do estacionamento, apostando por uns barrios libres de coches e a potenciación doutro tipo de mobilidade urbana, máis saudábel e sustentábel, baseada en ir a pé aos sitios, ou utilizar a bicicleta e tranporte público. Esquerda Unida, até hai pouco tempo formaba parte do goberno municipal, non presentou alegacións, mais anunciou a súa oposición ao estudo de viabilidade e que pedirá a súa retirada no pleno no que se traten as alegacións, aínda que, como xa dixemos con antelación, á hora da presentación á aprobación do estudo de viabilidade no pleno do 6 de Xullo, esta organización política optou pola abstención. Pois realmente esta organización só demanda un novo estudo de viabilidade, sen cuestionar-se a necesidade da construción dun novo estacionamento, precisamente este foi un dos asuntos que lles criou un conflito interno á par doutro co PSOE o seu antigo socio no goberno local. A organización política Nós-UP, tamén manifestou a súa posición contraria á construción dun novo estacionamento.

Parece-nos importante resaltar que o propio Concello, cos votos a favor de todos os grupos, é dicer por unanimidade, no Plan Urban de Ferrol, aprovou unha cousa moi diferente ao que se pretende facer na Praza do Concello [Praza de Armas], pois na páxina 25 do citado plano di textualmente:

"A iniciativa URBAN insérese nun conxunto de accións dirixidas ao obxectivo común da recuperación urbana. Planificación urbanística para a protección e a rehabilitación; Programas de Rehabilitación de edificios e vivendas; Centro Comercial Aberto; Novos equipamentos culturais da cidade; Programa de reurbanización parcial da Magdalena, construción de estacionamentos periféricos disuasorios; Programa de reurbanización xeral de Ferrol Vello; Proxecto de peonalización, reordenación de tráfico e potenciación do transporte público na Magdalena; Servizo público de bicicletas; son outras tantas accións que conflúen co Proxecto URBAN nunha estratexia integral de recuperación urbana".

Este plano esta cheo de propostas sustentábeis a todos os niveis, mais no referente á mobilidade urbana, as súa propostas son moi razonabeis, polo que recomendamos a súa leitura e detido análise. O paradóxico é que foi presentado  publicamente o 29 de Xuño, só uns días antes de aprobar-se o "Estudo de Viabilidade do Párking da Praza de Armas" [06.07.2009]. O que non se pode entender, entre moitas outras cousas, é que si se está elaborando un "Plano de Mobilidade Urbana para Ferrol" [páxina 32 do Plan Urban] como é que se pretende facer un estacionamento soterrado no medio do casco histórico, animando deste xeito aos vehículos particulares motorizados a entrar no mesmo?, como se pode facer este "equipamento" que ten que ser periférico, no mesmo corazón do centro? e o que é pior como se pode facer o equipamento antes que a planificación estexa rematada?.

O Colectivo Ártabra 21 reitera a súa oposición á construción dun novo estacionamento soterrado na Praza do Concello [Praza de Armas], tal e como acordamos na reunión aberta con diferentes persoas e colectivos, celebrada o pasado 15 de Xullo. Nesa mesma reunión acordouse promover no mes de Setembro o debate, a unión e a acción dos colectivos e diferentes organizacións co obxectivo de artellar un movimento opositor ao proxecto e que conciencie á cidadanía na necesidade de "reducir a mobilidade forzada e deixar de fomentar o uso innecesario dos vehículos motorizados". Un movimento opositor que teña entre as súas demandas e propostas políticas de mobilidade urbana, o dar "prioridade aos medios de transporte respectuosos co medio ambiente, -en particular, os desprazamentos a pé, en bicicleta ou mediante o transporte público- ...".

O Colectivo Ártabra 21, abriu un blogue público:  http://mobilidade-urbana.blogspot.com/,  para armar-nos de argumentos e facilitar o debate e a toma de decisións, en todo o referente á "Mobilidade Urbana" .

Posición Pública do Colectivo Ártabra 21

SOBRE O ESTUDO DE VIABILIDADE DO APARCAMENTO

O colectivo Ártabra21 lembra que neste pasado mes de Febreiro nos opuxemos e rexeitamos o proxecto do actual goberno municipal en construír un aparcadoiro na Praza de Armas - Praza do Concello.

Contestamos de igual modo ao estudo de viabilidade para a construción do aparcamento a que entendemos que vulnera as conclusións da AXENDA21 LOCAL celebrado en Ferrol no ano 2003-2004, e as recomendacións da UNESCO na súa comisión Vial para os Cascos Históricos.

Saúdo!

Colectivo Ártabra21.

Anexos:

ANEXO -I-

PRAZA DE ARMAS – PRAZA DO CONCELLO

O Colectivo Ártabra21 quere lembrar que no mes de Febreiro deste ano emitimos un comunicado, rexeitando os planos do goberno local en rescatar a concesión da Praza de Armas – Praza do Concello para a construción dun aparcamento.

Pensamos que este proxecto de construír un aparcamento atenta e vulnera o pacto e acordos contemplados na propia Axenda21 Local, ademais de non respectar os acordos alcanzados nas conclusións dos debates desta Axenda 21 realizados nesta cidade de Ferrol durante os anos 2003 e 2004.

Na última década, entidades e forzas conservadoras, realizaron varios intentos para PRIVATIZAR varios ESPAZOS E PRAZAS PÚBLICAS da nosa cidade a cal tivo unha decidida resposta cidadá co fin de PRESERVAR E DEFENDER ESTAS PRAZAS da constante ameazada da ESPECULACIÓN.

Debemos entender que este barrio da Magdalena, a diferenza doutros, está situado dentro dun CASCO HISTÓRICO onde teñen que se definir unhas políticas específicas e protectoras, impulsando ZONAS PEONÍS como prioridade principal das persoas fronte aos coches.

Recollemos algún exemplo como a UNESCO que recomenda e advirte á cidade de Córdoba para ser Capitalidade Cultural do ano 2016....

"Quen dixo que ser Capital Cultural de Europa sería fácil? Como comezo, un bon asento histórico e cultural es imprescindíbel, mais no sólo de historia vive o home, tamén de presente. E no presente, o urbanismo sostíbel e a mobilidade ocupan gran parte do interese das institucións. De aí a recomendación ou, mais ben, a advertencia da Cátedra de Seguridade Vial da Unesco: si Córdoba é preseleccionada en 2010 para optar a Capitalidade en 2016, deberá someter-se a importantes restricións no fluxo de vehículos no interior do seu casco histórico".

Institucións como a UNESCO e a propia AXENDA 21 LOCAL advirten e recomendan a construción de APARCAMENTOS DE BORDE ou ARREDOR DOS BARRIOS HISTÓRICOS como ALTERNATIVA ao tráfico rodado.

Este é o caso do Aparcadoiro da PRAZA  DE ESPAÑA – PRAZA DE PORTA NOVA, onde no ano 1999, o Pleno do Concello Ferrol aprobou por unanimidade iniciar as políticas de REHABILITACIÓN DO CASCO HISTÓRICO E ZONA PEONIL NO BARRIO DA MAGDALENA.

Entendemos que se debe impulsar un transporte público de calidade como alternativa ao uso do transporte privado así como viais de servizo público, ademais da implantación de CARRÍS–BICI.

O COLECTIVO ÁRTABRA 21, DEFENDE E SALIENTA ESTE SINGULAR E REPETÍBEL CASCO HISTÓRICO DO BARRIO DA MAGDALENA POLO QUE INSTAMOS AO GOBERNO MUNICIPAL QUE RETIRE ESTE PLANO DE VIABILIDADE.

INSTAMOS AO GOBERNO A QUE RECTIFIQUE E IMPULSE ESTE CASCO HISTÓRICO COMO ZONA PEONIL CO FIN DE PRESERVAR E SALVAGARDAR ESTE IMPORTANTE PATRIMONIO ARQUITECTÓNICO PARA USO E GOZO DA CIDADANÍA.

Ferrol a 24 de Agosto de 2009.

Colectivo Ártabra21

ANEXO -II-


Enviado por:
Colectivo Ártabra 21
artabra21@gmail.com
25 de agosto de 2009 01:15

--

Colectivo Ártabra 21
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara ao futuro da humanidade, respeituosa e defensora do medio natural
Ferrol, Terra de Trasancos e Bezoucos
Blog do Colectivo Ártabra 21
http://artabra21.blogspot.com/

____________________

Enlaces relacionados:
Outros enlaces de interese:
__________________

mércores, agosto 19, 2009

A Masa Crítica de Ferrol pide que non se constrúa estacionamento da Praza do Concello

Comunicado Masa Crítica de Ferrol

O Goberno municipal de Ferrol ten presentado un estudo de viabilidade para a construcción dun novo aparcadoiro subterraneo na praza do Concello. Este aparcadoiro tería mais de 400 prazas e catro accesos.

Desde a Masa crítica de Ferrol pensamos que este proxecto atenta gravemente contra o casco historico da nosa cidade. Esta iniciativa de favorecer a entrada ve vehículos no barrio historico da Magdalena choca frontalmente coa peatonalización que se vai levar a cabo.

Pensamos desde a Masa crítica que os barrios, e mais o barrio da Magdalena teñen que convertirse en zonas libres de coches. Onde só circulen os trasportes públicos e as bicicletas. Así xeraríamos un tecido social entre a veziñanza, comerciantes e paseantes que redundaría na mellora dos barrios. Este tecido debilitase en canto fomentamos en exclusiva o transporte privado.

Sé pretendemos ter una cidade viva temos que priorizar a xente sobre os coches, temos que ter una vida cotía ó alcante do pé ou do pedal. Non podemos seguir construindo barrios dormitorio, carentes de de vida cidadá, onde as xentes se teñen que desplazar para as mínimas necesidades nas suas vidas. Non podemos seguír a fomentar os macro-centros comercias que matan o pequeno comercio das nosas cidades e afogan o texido social.

Todas sabemos que a civilización do automobil estanos levando a catastrofe ecolóxica, pois os automóbiles son os responsables do 30% das emisións de gases de efecto invernadoiro.Se queremos evitar a catastrofe non podemos seguir a incentivar o uso do vehículo privado con mais aparcadoiros, esta xa demostrado que cantas máis autoestradas e máis aparcadoiros, mais conxestión viaria.

Parecenos tamen paradoxico que mentras o señor Irisarri fala de facer de Ferrol unha cidade ecolóxicamente sostible, con máis carrís bici, amparandose na axenda 21 local, por outra banda este promovendo as expectativas de uso do vehiculo privado. Estes discursos de "clorofila verde" amosan a vontade real dos gobernantes da cidade en canto as políticas verdadeiramente sustentables.

A nosa tarefa e a dosgobernantes ten que ser a de contribuir a un novo estilo de vida e non a de estar o sevizo da gran industria do motor.

Temos que quitar xa os coche os ruidos e os fumes da Magdalena e isto só se fai suprimindo o aparcadoiro da Praza do Concello. Non rescatando a concesión especulativamente para beneficiar a unha minoria. E chamativo tamen cando na Praza de España existe un aparcadoiro infrautilizado, cun nivel de uso que non chega o 20 º/ e situado a beira do casco historico, se queira volver as politicas "desarrollistas" dos anos 60.

POR TODO ELO A MASA CRíTICA DE FERROL PIDE A PARALIZACIÓN DUN NOVO APARCAMENTO NA PRAZA DO CONCELLO E INSTAMOS AO GOBERNO E CORPORACIÓN MUNICIPAL QUE ABANDONE ESTES PLANTEXAMENTOS SUICIDAS PARA CONSTRIR UNHA PRAZA PÚBLICA PARA GOZO E DESFRUTE do POBO FERROLÁN.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
19 de agosto de 2009 00:50

___________________


Animádevos a participar na Masa Crítica de Ferrol

PEDALÉA TODOLOS DÍAS, CELÉBRAO UNHA VEZ AO MES

Masa Critica Ferrol
-masacriticaferrol@gmail.com-

Mais info en: www.bicis.info
____________________

luns, agosto 17, 2009

Alegación aparcadoiro Praza de Armas Ferrol

Verdegaia presentou, a través do Rexistro Xeral do Concello de Ferrol o día 14 de agosto de 2009, alegación ao Estudo de Viabildade do aparcadoiro soterrado na Praza de Armas. Pídese a paralización e anulación deste proceso de contrución dun aparcadoiro xa que contradí as iniciativas existosas doutras cidades ao desviar o tráfico hacia aparcadoiros fóra dos cascos históricos; tamén contradí as liñas mestras do propio Plan Especial do Concello de Ferrol e desoe o Plan de Mobilidade. Ínstase ao goberno municipal a abandoar o proxecto e contruir unha verdadeira praza pública para o gozo e desfrute da cidadanía.

O Concello de Ferrol está a elaborar un Plan de Mobilidade para o conxunto do Termo Municipal, que inclúe reflexións sobre a ordenación do tráfico e o aparcadoiro de vehículos; sen agardar as conclusións baseadas nunha visión de meirande perspectiva, tomou precipitadamente a decisión de rescatar a concesión sobre o aparcadoiro da Praza de Armas e iniciar o procedimiento para a construción dun aparcadoiro soterrado de maior capacidade.

Supónse na redacción do Plan de Viabilidade que o aparcadoiro da Praza de Armas vai competir con ventaxa con outros parkings en funcionamento, cando vai ser o de máis difícil accesibilidade para os clientes por atoparse no centro do casco histórico, fronte a excelente accesibilidade da Praza de España (aparcadoiro de acollida do barrio da Madalena, como suxire o propio Plan Especial). Este optimismo na estimación de demanda de aparcadoiro confírmase á hora de pedir opinión aos operadores privados. Case todos os que responden á consulta do Concello sobre o interese en facerse cargo deste tipo de infraestructura estiman que a capacidade está sobre-dimensionada.

Estes aspectos contradictorios do Plan de Viabilidade poñen en dúbida mesmo da necesidade do propio aparcadoiro, tendo en conta a escasa utilización dos aparcadoiros existentes, o optimismo da estimación da demanda e a peor accesibilidade rodada da localización proposta. As dúbidas fundadas sobre a viabilidade de ampliar o aparcadoiro da Praza de Armas e, sobre todo, a afección tan negativa que vai ter sobre a peonalización do barrio, fan que a decisión máis acorde coa peonalización do Casco Histórico pase necesariamente por:
  • Pechar o aparcadoiro da Praza de Armas (que non cumprimenta ningunha medida mínima de accesibilidade e que si terían outros aparcadoiros en funcionamento e cun baixo nivel de ocupación situados na Praza de España, Cantón, Mercado Central e Pescadería).
  • Reurbanizar a Praza de Armas.
  • Implementar medidas de ordenación de aparcamento en superficie.
  • Implementar medidas de mellora no control e policía de tráfico que, ao tempo que melloran a accesibilidade peonil, redunden nun meirande grado de ocupación dos aparcadoiros xa en funcionamento que, por situarse no contorno inmediato do barrio da Madalena, prestan o mesmo servicio aos cidadáns ao tempo que non comprometen a peonalización, como sí a compromete o aparcadoiro da Praza de Armas.
  • Apostar polo transporte público e os modos peonís e bicicleta no conxunto da cidade, co fin de reducir a mobilidade no vehículo privado.
Verdegaia
NC de Ferrol, Eume e Ortegal

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org 15 de agosto de 2009 12:33
_______

Documento de interese:

________________

Enlaces relacionados:
________________

O pleno aproba o rescate da concesión do párking do mercado por incumprir o contrato

O concelleiro Ramón Veloso destaca a unión política en torno á medida, que non recibiu ningún voto contrario

O pleno de Ferrol aprobou o pasado venres 7 de agosto o rescate da concesión do párking emprazado no mercado da Magdalena. Unha votación sen ningún voto negativo. Na práctica, segundo explicaba o concelleiro de Facenda e portavoz do goberno municipal, Ramón Veloso, a decisión adoptada en sesión plenaria permitirá poñer fin aos reiterados incumplimentos por parte da concesionaria. De feito, o actual goberno local iniciaba hai un ano o expediente para o rescate da concesión tras constatar a grave situación que atravesaba o servizo e a merma que estaba a supor para os placeiros do mercado municipal.

Máis polo miúdo, Ramón Veloso lembraba que o 15 de maio de 2008 se iniciaba o procedemento administrativo para recuperar a xestión das instalacións logo de constatar por un lado a cesión encuberta do contrato á empresa Esppor Ogic S.L. sen autorización do Concello de Ferrol, e pola outra, os incumprimentos respeto dunha serie de melloras recollidas no contrato de concesión. A Administración local solicitaba entón un informe ao Consello Consultivo de Galicia, un documento en todo caso preceptivo e non vinculante, cuxa resolución, emitida o pasado 3 de xullo, determinaba por unanimidade que procedía a resolución. Neste tempo, o Concello tamén encargaba unha auditoria á que a empresa concesionaria, a firma Sofranda, se negaba. Deste xeito e á vista dos informes favorables tanto do secretario como do interventor municipais e finalmente do Consello Consultivo, se aprobaba por unanimidade o rescate da concesión. Primeiro no transcurso dunha Comisión Extraordinaria e Urxente de Facenda e posteriormente na sesión plenaria extraordinaria, ambas celebradas o pasado día 7 pola mañá.

Agora, segundo explicaba Ramón Veloso e logo de notificarlle a decisión á firma, a Administración local ten previsto executar a garantía definitiva depositada pola entidade por importe de 10.000 euros ao tempo que iniciará o proceso de liquidación do contrato resolto. E, ao fío, Ramón Veloso confirmou que o aparcadoiro do mercado da Magdalena continuará aberto mediante a xestión do propio Concello de maneira que praceiros e cidadáns poidan disfrutar deste servizo fundamental para a dinamización destas instalacións municipais.

Fonte: Concello de Ferrol
_____________

xoves, agosto 06, 2009

A praça do concelho de Ferrol para as pessoas, nom para os veículos: praça pública sim, estacionamento nom!

As necessárias obras pendentes na praça do concelho som umha boa oportunidade para que o governo municipal ferrolano avance no caminho de converter Ferrol numha cidade urbanisticamente sustentável e ao serviço das pessoas, nom do tránsito rodado.

A caótica situaçom do tránsito no bairro da Madalena precisa de soluçons, na linha da pedonalizaçom parcialmente aplicada no passado recente em ruas como a Real, a Maria ou a Madalena, e nom de novos estacionamentos que, como o construído no Cantom nos anos 90, demonstrárom nom servir para aliviar o tránsito, e sim como pólos de atracçom para mais e mais carros.

A todo o anterior devemos acrescentar a recente construçom de um estacionamento subterráneo na Porta Nova (mal chamada 'plaza de España'), que está ainda infra-utilizado. Se a isso acrescentarmos o estacionamento subterráneo existente no Mercado, confirmaremos que nom é de um novo estacionamento numha praça pública que precisa o centro de Ferrol, e sim de um novo modelo de urbanismo baseado no transporte público e na pedonalizaçom da cidade.

Por todo o anterior, NÓS-Unidade Popular quer reclamar um planeamento urbanístico que evite criar novos pólos de atracçom de veículos e que humanize o acesso e a mobilidade no centro da nossa cidade. Para isso, é necessário apostar seriamente no transporte público colectivo, incluída a recuperaçom dos tradicionais eléctricos, sinal de identidade de Ferrol, a habilitaçom de umha rede de ciclo-vias e o aumento de espaços verdes e abertos à presença e desfrute das pessoas.

A praça do concelho, representativa até hoje do pior dos urbanismos aplicados contra as cidades galegas em tempos do franquismo, é um lugar ideal para que o governo municipal dê mostras de umha vontade regeneradora dos espaços públicos. Por isso é necessária umha rectificaçom, a suspensom definitiva do projecto de construçom de um estacionamento e a recuperaçom desse espaço para a vizinhança de Ferrol.

Assembleia Comarcal de Trasancos de NÓS-Unidade Popular

Ferrol, 31 de Julho de 2009

Enviado por:
nosup-trasancos@nosgaliza.org
31 de julho de 2009 09:57

_________________

martes, agosto 04, 2009

Peotanización e pacificación do tráfico na Magdalena

[Estacionamento da Praza do Concello de Ferrol - Foto: Jorge Meis]

Os problemas de tráfico da Magdalena e as novas sobre a reforma do aparcamento da Praza de Armas -a recente aprobación do plan de viabilidade- fannos avaliar, con certa urxencia, o concepto de peonalización e algunhas experiencias coñecidas.

A peonalización implántase con normalidade e evoluciona, pero aínda permanece un concepto ríxido e negativo en moitos cidadáns, en particular comerciantes e residentes. Peonalizar é priorizar ao peón, non supón converter pezas de cidade en inaccesibles; o obxectivo máis completo e á vez ambicioso é a pacificación do tráfico. A pacificación estendida desde as áreas históricas ao conxunto da cidade por unha razón simple: as vantaxes dunha relación de calidade peatón-vehículo non se deben restrinxir a determinadas zonas.

A peonalización está dentro dunha política global ao redor da mobilidade e o transporte público. Por iso as medidas realmente eficaces combinan políticas de transporte público, aparcamento, información, vixilancia e reurbanización dos espazos, que repercuten no fomento do comercio, da rehabilitación residencial e do turismo.

As vantaxes para levar adiante a peonalización/pacificación da cidade son evidentes, pero o conflito de intereses e a tensión que alcanza o problema cando por fin se acomete, dificultan o proceso. Nos cascos históricos as contradicións e as vantaxes son máis claras, debido a que fisicamente non foron concibidos para o tráfico masivo de coches e a que son un foco de atracción comercial, administrativo, turístico etc. Pero a cuestión non é de natureza distinta nos demais barrios.

A peonalización ofrece vantaxes medio ambientais (diminución do ruído e a contaminación), de seguridade (mellora a accesibilidade para todos, non só para as persoas con mobilidade reducida), de calidade urbana (disfrute dos espazos), de conservación (aforro no mantemento do espazo público, maltratado polo vehículo). Todos os cidadáns benefícianse, pero en particular tres grupos: turistas (sensibles á percepción da calidade urbana), comerciantes (as rúas peonís dan pulo ao comercio, o conxunto funciona de verdade como centro comercial aberto) e residentes. Estes merecen unha aclaración extra: aínda que en principio poidan temer unha maior incomodidade, converterse en tráfico preferente nun barrio significa dispor de facilidade de estacionamento e maior fluidez de circulación.

Queremos destacar a vizosa experiencia acumulada ao redor da regulación do tráfico e da peonalización nas cidades históricas europeas, tamén nas galegas. Neste tempo -en Galicia, case trinta anos de experiencias- abordáronse políticas de tráfico e peonalización en conxuntos históricos de moi distintas características, desde pequenas vilas a ensanches. A Magdalena é un barrio histórico singular, pero non extraño, igual que o resto da cidade e os seus habitantes. Para abordar a pacificación do tráfico Ferrol it is not diferent.

Á hora de acometer este proceso é común certa urxencia, a percepción de que o tráfico está descontrolado. A incomodidade e a saturación que sufrimos non deben distorsionar as necesidades reais e a cuantificación do problema. Non é inabordable e existen fórmulas probadas como é o caso de Compostela que iniciou este camiño nos anos oitenta.

Respecto ao estacionamento, existen dúas necesidades ben diferenciadas: os residentes e todos os demais. A demanda de residentes é tan baixa en comparación, que unha vez se restrinxe o tráfico, este problema redúcese, case esvaécese... Os residentes poden aparcar dentro; todos os demais fóra. O estacionamento disuasorio e externo pode localizarse a curta distancia -curta distancia significa 300-500 metros (4-6 minutos camiñando)- e a media distancia, pero isto último require un serio esforzo en transporte público, é dicir, medidas de transporte intermodais coas infraestruturas adecuadas.

A necesidade de aparcamento para non residentes depende directamente da restrición do tráfico. Canto máis feble sexa maior será o problema de aparcamento. De modo que non é unha cuestión estanca, depende tanto do espazo -cantos aparcamentos se poden ou queren construír- como da demanda permitida.

A peonalización/pacificación da Magdalena, cando se aborde, determinará que tráfico se restrinxe, como se logra isto, e que demanda de aparcamento externo e interno se establece.

O éxito finalmente dependerá de que as medidas sexan combinadas e globais. A reurbanización das rúas da Magdalena por si soa non traerá a peonalización; a proba é que as xa arranxadas non son peonís, pese o seu acabado en pedra e a sinalización que o acompaña. A construción de aparcamentos soterrados tampouco resolverá o problema de estacionamento se estes se localizan e dimensionan inadecuadamente, se o tráfico non se logra reducir e se non hai suficiente vixilancia.

A localización de novos aparcamentos soterrados ou a súa consolidación é unha das decisións máis delicadas da política de mobilidade. De feito, é un tema que se presta a discursos falaces, unidos aos intereses que sempre concertan as grandes obras. Un aparcamento soterrado é unha infraestrutura custosa e de gran impacto ambiental que transforma radicalmente o espazo urbano no que se inxire. En Ferrol non precisamos máis que mirar para a Praza de España; desa obra aínda inacabada todos aprendemos a medir con coidado as vantaxes e inconvenientes destas actuacións.

No contorno da Magdalena hai ata tres aparcamentos soterrados: Praza de España (625), Cantón (386), Mercado e Pescadería (295). A Praza de España funcionará como gran aparcamento de acollida, os demais... fóronse facendo.

Non existe unha explicación pública, motivada, da necesidade de 300 novas prazas de aparcamento na Praza de Armas, ou en que medida esta dotación suporía un gran avance, tendo en conta a infrautilización dos existentes, e que tampouco está nidiamente establecida nin cuantificada a demanda de aparcamento, xa que dependerá da política de peonalización. ¿Que resolve este aparcamento? ¿É a localización adecuada? ¿Obedece a que está aí?

Os aparcamentos soterrados non se planean no interior dos conxuntos peonís. A razón é clara: xeran tráfico de seu ao provocar a expectativa de aparcamento. O obxectivo é reducir o tráfico, e o que se produza, diluílo. Non ten sentido xerar focos de atracción. Desde este punto de vista consolidar o aparcamento na Praza de Armas non é a decisión correcta, por ende, aumentar a súa capacidade tampouco. Pola contra, pode comprometer a peonalización dun dos espazos máis senlleiros do barrio.

A configuración da praza actual é desastrosa, pero non se avalía o impacto que suporía dúas entradas e dúas saídas para coches e o modo en que condicionaría o uso e aparencia da praza. A intervención non reconduciría a praza ao que debía ser: unha segunda Amboaxe. Un espazo de lecer, non unha infraestrutura fóra de lugar. Esta cuestión -a calidade urbana dos nosos espazos de referencia- non podemos deixala aparte da peonalización nin dos medios para conquerila.

Texto: Olga Fra e Alexandre Carrodeguas

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas -republicadetraballadoras@gmail.com- 2 de agosto de 2009 13:51

____________

Nota.-

Publicado o 2 de Agosto de 2009 na sección de Verdegaia no semanario "Nordesía", separata dominical do xornal comarcal "Diario de Ferrol"

Enlace co artigo orixinal na páxina 6 da revista Nordesía en formato -jpg- nos Arquivos Ártabros:
______________

luns, abril 27, 2009

A Asociación Veciñal "O Rosario - Inferniño" denuncia o lamentábel estado do estacionamento da Praza

  • DENUNCIA DO APARCAMENTO ANTE A XUNTA E CONCELLO.
  • DENUNCIA ANTE A XUNTA DE GALICIA DO ESTADO DE APARCAMENTO DA PRAZA DO INFERNIÑO.
O pasado día 7 de Abril, a Xunta directiva desta Asociación Veciñal O ROSARIO- INFERNIÑO, decidiu realizar unha denuncia perante o REXISTRO da Xunta de Galicia, presentando un informe fotográfico para amosar o lamentable estado deste aparcamento da Praza do Inferniño.

Ditos informes están dirixidos ás Delegacións de Industria e Sanidade, contestando esta ultima, que insta ao Concello a realizar as correccións necesarias que pola súas competencias sonlle otorgadas acorde coa normativa vixente.

Esta situación non é nova, pois vense producindose dende hai 8, 9 anos sen que os diferentes gobernos locais e verdadeiros responsables non apliquen solucións decididas en defensa dos intereses da cidadanía.

DENUNCIA- INFORME ANTE O CONCELLO DE FERROL DO APARCAMENTO INFERNIÑO.

A Xunta Directiva desta Asociación Veciñal O ROSARIO- INFERNIÑO, informa que o pasado día 7 de Abril-09, presentamos informe fotográfico no REXISTRO da Xunta de Galicia, DENUNCIANDO o seu lamentable estado de abandono.

Esta DENUNCIA ía dirixidas aos departamentos de INDUSTRIA e SANIDADE da Xunta de Galicia, co fin de solicitar as INSPECCIÓNS oportunas dadas as condicións que a veciñanza e usuarios teñen que padecer desde hai bastantes anos.

Tamén pedimos unha investigación por parte do Concello, por ser este o autentico propietario, con relación a certas denuncias de ámbito laboral por parte dos traballadores.

RECIBIDA CONTESTACIÓN DA DELEGACION DA CORUÑA DA CONSELLARÍA DE SANIDADE, esta informa que este Concello debe tomar as medidas correctoras motivado polas DEFICIENTES CONDICIÓNS DE FUNCIONAMENTO E HIXIENE no APARCAMENTO sito na PRAZA DO INFERNIÑO,en base as competencias que lle son propias ós municipios en materia de protección da SALUBRIDADE PÚBLICA segunda lexislación – Lei 7/1985, 2 de Abril, de Bases do Réxime local; Lei 14/1986, de 25 de Abril Xeral de Sanidade; Decreto 133/2008, do 12 de Xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental; Decreto 311/1992, de 12 de novembro sobre a supresión da cédula de habitabilidade; Lei 7/2003, do 9 de decembro de ordenación sanitaria de Galicia.

Ferrol a 22 de Abril de 2009.

A Presidenta
Ana J. LÓPEZ DÍAZ

O Secretario
Xosé M. SANXOÁN CAAMAÑO


ASOCIACION VECIÑAL O ROSARIO- INFERNIÑO
CIF-G70006473
correo-e: avvorosario@gmail.com
blog : orosario-inferninho.blogspot.com

_______________

domingo, abril 05, 2009

EU e o estacionamento do Inferniño

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
3 de abril de 2009 14:39



Prezad@s amig@s: achégase no arquivo Información do Grupo Municipal de Esquerda Unida clarexando o sentido do noso voto no punto do Pleno onde se acordou o cambio de titularidade do aparcadoiro do Inferniño, punto no cal o Grupo Municipal se abstivo e non votou afirmativamente como por error relata o Diario de Ferrol. Grazas pola vosa atención, recibide un sáudo, Ramiro Marier

Ferrol, 3 de abril de marzo de 2009
  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA QUERE DESMENTIR A NOTICIA ERRADA DA QUE DA CONTA O DIARIO DE FERROL SOBRE O SENTIDO DO NOSO VOTO NO PUNTO DO PLENO REFERIDO AO CAMBIO DE TITULARIDADE DO APARCADOIRO DO INFERNIÑO
Esquerda Unida quere desmentir a información errada que no Diario de Ferrol recolle o voto afirmativo de Esquerda Unida ao cambio de titularidade do aparcadoiro do Inferniño.

O noso Grupo Municipal non votou afirmativamente a proposta e explicou o sentido da súa abstención na intervención da Voceira do Grupo, Yolanda Díaz. A Voceira explicou a cadea de irregularidades acontecidas neste tempo atrás na explotación do aparcadoiro e que se recollen na propia relación de feitos provinte da concellería de facenda, cadea que non se pode ignorar sen máis e que leva a nosa organización a considerar que é necesario algo máis que un cambio de titularidade.

Yolanda Díaz achegou no Pleno que o correcto sería redactar un novo prego e sacalo a concurso, facendo de novo o expediente. Para rematar afirmando que urxía conquerir unha solución global que atenda ao centro comercial onde quedan poucos locais comerciais abertos.

Aínda tras a exposición, a Voceira de Esquerda Unida avanzou que o sentido do voto neste Pleno ía ser o da abstención coa vontade de facer o posible por axudar a resolver o problema creado.
_________________

luns, febreiro 16, 2009

No Pleno Municipal de hoxe, en Ferrol, vai-se hipotecar parte do futuro da cidade ...

No Pleno Municipal de hoxe, en Ferrol, vai-se hipotecar parte do futuro da cidade. Seguir construíndo estacionamentos no centro da cidade, non é camiñar a eliminar o tránsito de vehículos pola mesma, senón todo o contrario, é fomentar o uso do automóbil motorizado particular e privado. Todo o contrario do que establece o compromiso de ter asinado a Carta de Aalborg [*] e elaborado a Axenda 21 Local [que por certo xa non está colgada na web oficial do Concello]. O fomento de estacionamentos para automóbiles particulares privados, vai en contra dunha "mobilidade urbana sostíbel", no punto I.9 da citada Carta di-se:

"Nós, cidades, debemos esforzarnos por mellorar a accesibilidade e por manter o benestar e os modos de vida urbanos á vez que reducimos o transporte. Sabemos que é indispensábel para unha cidade viábel reducir a mobilidade forzada e deixar de fomentar o uso innecesario dos vehículos motorizados. Daremos prioridade aos medios de transporte respectuosos do medio ambiente (en particular, os desprazamentos a pé, en bicicleta ou mediante os transportes públicos) e situaremos no centro dos nosos esforzos de planificación unha combinación destes medios. Os diversos medios de transporte urbanos motorizados deben ter a función subsidiaria de facilitar o acceso aos servizos locais e de manter a actividade económica das cidades".

O goberno leva hoxe a pleno o rescate do estacionamento da Praza do Concello tras o acordo entre concesionario e comerciantes, sen ter en conta a necesaria recuperación funcional dunha praza, para uso e gozo da cidadanía como principal e non como secundario, para eles primeiro é o negocio privado, cunha futura concesión de décadas, máis antes facendo un rescate millonario [case 2,5 millóns de euros] que vai beneficiar ao actual concesionario, Isidro Silveira. E que se supón que vai ser, con toda seguridade, o futuro concesionario que vai ampliar o seu negocio [en case un 345%], pois pasa de poder ofertar 116 prazas na actualidade, a unhas 400 nun futuro.

A desculpa do edil de Facenda, Ramón Veloso, no sentido de afirmar que esta medida "permitirá construír un novo aparcadoiro para gañar prazas. Ferrol podería así afrontar con garantías o proceso de peatonalización do barrio histórico da Magdalena", non é máis que pura retórica, se se ofertan máis prazas, entrarán máis vehículos motorizados no casco histórico da Madaglena. A tendencia debería contemplar o só permitir o acceso a residentes, emerxencias, transporte colectivo [non contaminante] e distribución de mercadorías.

A outra desculpa de que "se evitarán os continuos desembolsos que, ano tras ano, tiña que asumir o Concello para afrontar reparacións no recinto", non é tal se non vai acompañada dunha relación de obras e reparacións feitas nos últimos anos e a súa contía, pois precisamente do que se queixaban os comerciantes da Praza era de que non se acometían ditas obras.

En definitiva, rehabilitar a Praza si, mais para uso e goce da cidadanía, non para facilitar o uso de transporte motorizado particular e privado dentro da cidade.

Colectivo Ártabra 21
16.02.2009
______________________

[*] Conferencias Europea de Cidades e Pobos Sustentábeis
[Aalborg en 1994, Lisboa en 1996, Hannover en 2000, Aalborg en 2004 e Sevilla 2007]

Ponto 6 do Documento "Aalborg+10 – Inspiración para o Futuro", da conferencia celebrada en Hannover no ano 2000.

"Mellor Mobilidade e Redución do Tránsito

Recoñecemos a interdependencia do transporte, a saúde e o medio ambiente e estamos comprometidos a promover firmemente os modelos de mobilidade sostíbeis.

Polo tanto imos traballar para:

1.reducir a dependencia do transporte privado motorizado e promover alternativas atractivas que sexan accesibles para todos.
2.aumentar a porcentaxe de desprazamentos en transporte público, peonil e en bicicleta.
3.promover o cambio a vehículos con baixas emisións.
4.desenvolver plans integrados de mobilidade urbana sostible.
5.reducir o impacto do transporte no medio ambiente e na saúde público"

Entrar a continuación:
Colectivo Ártabra 21: Por que furar Ferrol ?

_________

Enlaces Relacionados:
__________________