Amosando publicacións coa etiqueta Lidia Senra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lidia Senra. Amosar todas as publicacións

luns, maio 07, 2018

Presentación en Ferrolterra do libro ‘O feminismo, imprescindible para construír outra Europa’, o venres 11 de maio, no Ateneo Ferrolán ás 19:30 horas, coa eurodeputada Lídia Senra e con Estrela Gómez Viñas, activista de Agamme - A eurodeputada galega chama a rebelarse contra o machismo que campa na xustiza, que castiga ás mulleres e que segue provocando dor e sufrimento


Presentación en Ferrolterra do libro ‘O feminismo, imprescindible para construír outra Europa’, o venres 11 de maio, no Ateneo Ferrolán ás 19:30 horas, coa eurodeputada Lídia Senra.      

Lídia Senra chama a rebelarse contra o machismo que campa na xustiza, que castiga ás mulleres e que segue provocando dor e sufrimento.
Despois de ser presentado noutras cidades e vilas da Galiza, chega a ferrolterra a presentación do libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa” coordinado pola eurodeputada Lídia Senra. No acto público, que dará comezo ás 19:30 horas, intervirán ademais da propia europarlamentaria e Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME).

Continúa deste xeito a rolda de presentacións do libro que a eurodeputada está a facer por varias localidades galegas. Así, despois de que a mediados de abril tivera lugar a presentación en Chantada, e a semana pasada en Vigo, este último sábado 5 de maio na Estrada e agora, o venres 11 de maio, presentarase tamén no Ateneo Ferrolán ás 19:30 horas.

Lídia Senra pretende con estes actos dar a coñecer a publicación, que se distribúe ademais de xeito gratuíto, e poñer a énfase no debate para lograr acabar co patriarcado que a día de hoxe continúa a imperar na sociedade, na xustiza e tamén nas organizacións políticas e sindicais. A eurodeputada critica “como se inventan todo tipo de argucias para castigar ás mulleres e seguir provocando dor e sufrimento e como esas argucias son aplicadas, en demasiadas ocasións, pola xustiza sen ningún tipo de base”. Así, chama a rebelarse contra o nesgo machista na xustiza e tamén a reflexionar sobre a necesidade de combater as resistencias que sigue habendo nas organizacións para que as mulleres feministas teñan voz.

Ademais da versión impresa, que conta cunha tirada inicial de 1.500 exemplares, o libro está dispoñible tamén en aberto na súa versión dixital na propia web de Lídia Senra. A publicación recolle textos de mulleres que participaron na xornada organizada por Senra en novembro do 2016 en Ourense co mesmo título que o libro e na visita realizada ao Parlamento Europeo en novembro do 2015 para participar na xornada “O nesgo machista na aplicación das políticas: o caso da Xustiza”. Así, na primeira parte recóllense artigos da feminista e profesora da Universidade de Valladolid Alicia H. Puleo, sobre o ecofeminismo; da brasileira doutoranda en socioloxía Eliane de Moura Martins, sobre o feminismo popular para facerlle fronte á colonialidade, ao capitalismo depredador e a todas as formas de machismos; de Fiadeiras, o Grupo de Traballo en Igualdade do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), sobre a acción social desde o feminismo e a súa experiencia de traballo; das membros de Anova Ourense, Nerea Conde e Tania Bouzo, sobre participación política e liderado feminino; da deputada Paula Verao, sobre a loita contra a precariedade e pobreza laboral feminina; e da Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, Rosa Álvarez, sobre como os micromachismos cimentan o patriarcado.

Na segunda parte do libro, recóllense artigos da eurodeputada do GUE/NGL Ángela Vallina, sobre a figura da Síndrome de Alienación Parental (SAP) como reforzo do heteropatriarcado nas sociedades europeas; da concelleira de Marea de Vigo Marga López Barreiro, sobre o nesgo machista na xustiza; da psicóloga clínica forense e experta en vitimoloxía e violencia de xénero Sonia Vaccaro, sobre a utilización do SAP como unha forma de violencia machista máis; da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, sobre as dificultades da violencia machista nos procesos xudiciais; de Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), sobre por que se debe incluír a cuestión dos dereitos da infancia no debate sobre o nesgo de xénero presente nas institucións; da coordinadora da Área de Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG), Ana Eiras, sobre a realidade das mulleres labregas; e de Rosa Álvarez novamente, desta vez cunha ollada desde a psicoloxía á violencia contras as mulleres para unha abordaxe integral do problema.

Versión dixital completa do libro de 140 páxinas en formato pdf.. | Acceder/Baixar.

Sitio web da Eurudiputada:
http://ageuropa.gal/

Sitio Web de Agamme:
http://agamme.org/

__________________

venres, marzo 23, 2018

Lídia Senra insta ao Estado español a abolir a dispersión penitenciaria, como recomenda o Parlamento Europeo - Accede por primeira vez ao interior dun cárcere, acreditada como eurodeputada, para visitar a unha galega interna no penal de León - Pídelle á CE que medie para que se respecten os dereitos humanos e pregunta cantas persoas hai en prisións alonxadas do seu domicilio


Lídia Senra insta ao Estado español a abolir a dispersión penitenciaria, como recomenda o Parlamento Europeo. | Accede por primeira vez ao interior dun cárcere, acreditada como eurodeputada, para visitar a unha galega interna no penal de León. | Pídelle á CE que medie para que se respecten os dereitos humanos e pregunta cantas persoas hai en prisións alonxadas do seu domicilio.


A eurodeputada galega Lídia Senra insta ao Estado español a abolir dunha vez por todas as políticas de dispersión penitenciaria e a facer caso canto antes da Resolución do Parlamento Europeo sobre condicións e sistemas penitenciarios aprobada a finais do ano pasado polo pleno da Eurocámara. Dito texto di no seu artigo 29, recollendo a emenda realizada meses antes por Senra á proposta inicial de resolución, que “condena a política penitenciaria de alonxamento que aplican algúns Estados membros xa que constitúe un castigo engadido para as familias dos reclusos e reclusas” e “insta a elaborar medidas que permitan o achegamento de todos os reclusos e reclusas que estean lonxe dos seus fogares”.

Seguindo estas recomendacións aprobadas, a europarlamentaria galega remitiu hoxe mesmo unha carta dirixida á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, dependente do Ministerio do Interior, na que pide ser informada sobre o número de persoas galegas que a día de hoxe cumpren condena nunha prisión que está fora da Galiza. Tamén pide coñecer o número de prazas de internos e internas que hai nas prisións galegas e cantas persoas están presas en cárceres galegos sendo de fóra. “Gustaríame saber que é o que leva ao Estado español a ensañarse de semellante maneira coas familias dos reclusos e reclusas e a obrigalas a ter que desprazarse todas as semanas centos de quilómetros para poder facer as visitas, co gasto a maiores e a perigosidade que iso supón. Estou segura de que na Galiza hai espazo suficiente para albergar a todas as persoas galegas que por orde xudicial permanecen presas. Por que non se reordena o sistema penitenciario de forma que cada persoa cumpra condena no centro máis próximo ao seu fogar? Non existe razón obxectiva para non facelo!”, dixo.


Lídia Senra experimentou de forma directa a pasada fin de semana o que significa a dispersión penitenciaria, xa que por primeira vez, o venres pasado realizou unha visita a dentro dun cárcere, autorizada polo Miniterio de Interior a acceder en calidade de eurodeputada. Concretamente, Senra visitou a María Osorio, unha moza galega que está presa no centro penitenciario de León, en Mansilla de las Mulas. Até alí viaxou en coche, desde Santiago de Compostela, percorrendo 400 quilómetros ida e outros 400 quilómetros volta, é dicir, 8 horas conducindo, con tramos nos que había neve e dificultades para a boa circulación. Esta situación, incluso con percorridos maiores, teñen que vivila as familias e amizades que van visitar aos presos e presas alonxados todas as semanas. Cando as visitas son por locutorio, non lles permiten estar dentro máis de 40 minutos. "É unha crueldade sometelas a facer semellante traxecto de distancia”, denunciou.

Ademais da carta enviada hoxe ao Ministerio de Interior, a europarlamentaria rexistrou tamén hoxe unha nova pregunta por escrito dirixida á Comisión Europea, na que insta ao organismo comunitario a mediar para que se respecten os dereitos humanos e lle pregunta se ten constancia das persoas que hai sometidas a dispersión penitenciaria no Estado español. “Segundo o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, recluír a unha persoa nun cárcere situado tan lonxe da súa familia que as visitas dos familiares sexan moi difíciles ou incluso imposibles pode constituír unha violación do artigo 8 do Convencio Europeo dos Dereitos Humanos. Creo que as políticas que aplica o Estado español en moitos casos de galegos e galegas que como María Osorio están lonxe da súa terra son unha claro exemplo de vulneración do dereito internacional”, defende Senra, e pide rematar xa con estas prácticas, así como coa invisibilidade destas situacións e de todos os problemas e vulneracións de dereitos que padecen as persoas presas.

No que vai de lexislatura, Senra ten presentado a maiores da de hoxe, nove preguntas escritas á CE denunciando diferentes aspectos e casos de violacións dos dereitos humanos nas prisións do Estado. Así, ten denunciado ademais das políticas de dispersión, o réxime FIES no que catalogan por exemplo aos presos e presas independentistas, o abuso da permanencia obrigatoria en módulos de illamento, malos tratos acontecidos no penal de Teixeiro e tamén en León e en Dueñas (Palencia), dificultades para acceder a visitas na Lama, etc[*].

Santiago, 22 de marzo de 2018. 

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/  |     https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.

[*] Relación de preguntas
  

[1] Pregunta rexistrada o 24 de xaneiro do 2018 sobre torturas e malos tratos continuos na prisión de Teixeiro: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+WQ+E-2018-000385+0+DOC+XML+V0//PT

- Pregunta rexistrada o 30 de novembro do 2017 sobre dificultades da Asociación Concepción Arenal para poder visitar a presos e presas por locutorio: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+WQ+E-2017-007393+0+DOC+XML+V0//PT

- Pregunta rexistrada o 28 de xuño do 2017 sobre violación dos dereitos do galego Adrián Mosquera Pazos no penal de León: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+WQ+E-2017-004300+0+DOC+XML+V0//PT

- Pregunta rexistrada o 30 de setembro do 2016 sobre boas prácticas e supervisión de detención nos Estados membros: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-%2f%2fEP%2f%2fTEXT%2bWQ%2bE-2016-007388%2b0%2bDOC%2bXML%2bV0%2f%2fES&language=ES

- Pregunta rexistrada o 7 de xuño do 2016 sobre dispersión penitencaria aplicada a independentistas galegos no Estado español: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+WQ+E-2016-004688+0+DOC+XML+V0//PT

- Pregunta rexistrada o 7 de xuño do 2016 sobre a situación na que se atopaba o preso galego Raúl Agulleiro Cartoy en réxime de illamento no penal de Estremera: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-%2f%2fEP%2f%2fTEXT%2bWQ%2bE-2016-004687%2b0%2bDOC%2bXML%2bV0%2f%2fES&language=ES

- Pregunta rexistrada o 7 de xuño do 2016 sobre o réxime FIES no Estado español: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-%2f%2fEP%2f%2fTEXT%2bWQ%2bE-2016-004686%2b0%2bDOC%2bXML%2bV0%2f%2fES&language=ES

- Pregunta rexistrada o 30 de maio do 2016 sobre torturas e malos tratos no centro penitenciario galego de Teixeiro: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-%2f%2fEP%2f%2fTEXT%2bWQ%2bE-2016-004302%2b0%2bDOC%2bXML%2bV0%2f%2fES&language=ES

- Pregunta rexistrada o 11 de xuño do 2015 sobre a situación dun preso galego vítima de malos tratos na prisión de Dueñas (Palencia): http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+WQ+E-2015-009457+0+DOC+XML+V0//PT


Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
22 de março de 2018 13:30

________________

mércores, marzo 07, 2018

'Sóbrannos razóns para ir á folga', dixo, a eurodeputada galega Lídia Senra, e anunciou que ela tamén vai á folga porque 'queremos que se apliquen as leis de igualdade desde unha perspectiva non machista; porque queremos rematar coa violencia machista; porque queremos acabar coa fenda salarial, coa fenda das pensións tamén; porque queremos corresponsabilidade nos coidados; porque queremos que se aplique a lei de titulariedade compartida nas explotacións agrarias; e porque as mulleres queremos poder vivir a nosa vida con tranquilidade e sen violencias machistas'


Lídia Senra fará folga feminista mañá e só participará nas actividades de loita polos dereitos das mulleres. | A eurodeputada reclama a fin da fenda nos salarios e nas pensións e a aplicación das leis de igualdade desde unha perspectiva non machista. | Igualdade dende a educación e asunción de que tras os privilexios dos homes está a discriminación das mulleres, reivindicacións das galegas.

Lídia Senra secundará este xoves, 8 de marzo, a convocatoria de Folga Feminista. E eurodeputada galega do GUE/NGL só participará nas actividades organizadas para apoiar a folga e para loitar polos dereitos das mulleres, cancelando todo o resto da súa axenda e todos os actos que podía ter no día. “Sóbrannos razóns para ir á folga”, dixo e anunciou que ela tamén vai á folga “porque queremos que se apliquen as leis de igualdade desde unha perspectiva non machista; porque queremos rematar coa violencia machista; porque queremos acabar coa fenda salarial, coa fenda das pensións tamén; porque queremos corresponsabilidade nos coidados; porque queremos que se aplique a lei de titulariedade compartida nas explotacións agrarias; e porque as mulleres queremos poder vivir a nosa vida con tranquilidade e sen violencias machistas”.

Senra leva xa dous días participando en Bruxelas no Foro Internacional Feminista organizado polo seu grupo, o Grupo Parlamentario Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ao que tamén se desprazaron, a iniciativa dela, un grupo de 24 galegas pertencentes a diferentes colectivos que loitan polos dereitos das mulleres na Galiza. Dentro da extensa programación do Foro, hoxe tivo lugar unha mesa de debate centrada na importancia de lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas no medio rural. Nel interviron como relatoras a propia Lídia Senra; a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba; a responsábel do GUE/NGL na Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero, Ángela Vallina; a directora do Instituto Universitario UC3M de Estudos de Xénero do Estado español, Rosa San Segundo; a directora da Fundación de Estudos, Acción e Participación Social (FEDAEPS, Ecuador), Irene León e a presidenta da Asociación de Mulleres Vítimas da Esterilización Forzada en Chumbivilcas (Perú), Inés Condori.

Irene León, que despois da súa estancia no Parlamento Europeo acompañará a Lídia Senra e viaxará a Galiza, destacou o feito de que “tras terse consumado a globalización e con ela a expansión do capitalismo e da súa cultura de poder patriarcal a escala mundial, a perspectiva antipatriarcal de transformación integral, presente no pensamento feminista, é máis indispensable que nunca”. Abordou tamén expresamente a situación das mulleres no medio rural, e criticou que habitualmente “a existencias das mulleres rurais é lida en negativo, victimizando”, apostando polo seu empoderamento “tomando en conta os seus coñecementos históricos”.

Isabel Vilalba pola súa banda, encetou a súa intervención aledándose de que por vez primeira podíase expresar en galego nas institucións europeas, grazas á xestión que dende a oficina da eurodeputada galega se fixo da loxística de interpretación deste Foro internacional. A Secretaria Xeral do SLG introduciu o seu discurso afirmando que as mulleres alimentan o mundo, “o cal pode ser chamativo en Europa, onde asistimos á destrución progresiva do modelo labrego de produción de alimentos, onde as mulleres son protagonistas. Entre un 60 e un 80% da alimentación esta producida por labregas”. Avanzou lembrando a estreita relación entre patriarcado e capitalismo subliñando que “moitas veces as políticas económicas europeas están na causa da desposesión das mulleres labregas, e na espiral de violencia. Ate a FAO recoñeceu que o acoso sexual ás mulleres que traballan como asalariadas acada cotas arrepiantes”. Analizou que tamén a discriminación presente noutros eidps estase a dar no ámbito da representación as mulleres nas organizacións agrarias, onde calificou o feito de que as mulleres ocupen os máximos postos de coordenación, ou teñan órganos de dirección paritarios como “unha completa anomalía”. Fronte a esta realidade, Vilalba puxo o exemplo de pasos dados para a despatriarcalización por parte do Sindicato Labrego Galego, tales como “o fortalecemento dun espazo específico das mulleres, a Secretaría das Mulleres; a participación das mulleres en todos os niveis da organización e a paridade nos estatutos dende o ano 20007, así como a participación no movemento feminista, formando parte a Secretaría das Mulleres dende o ano 2003 na Marcha Mundial das Mulleres”.

A eurodeputada Lídia Senra, que foi co-poñente no ano 2016 dun informe do Parlamento Europeo sobre mulleres rurais, e que participará dentro de dúas semanas en Nova York na reunión de ONU Mulleres que abordará como tema principal os desafíos e oportunidades das mulleres e nenas no mundo rural, denunciou na sinerxia de “rapiña” que o capitalismo está a facer dos recursos naturais, da que existen abondosos exemplos tamén na UE e na Galiza, “as loitas contra estes ataques que se están a levar adiante dende o medio rural están sendo apoiadas pola sociedade, pero moi especialmente protagonizadas polas mulleres”. Mulleres que, en moitas ocasións, “precisamente sofren con maior intensidade as distintas violencias despregadas polas grandes corporacións”.

Asemade, aproveitou a súa intervención para destacar “a forza que está a coller na Galiza e no Estado o debate sobre a folga feminista convocada para mañá” aludindo a enquisas publicadas nestes días polos medios de comunicación que recollen que o 82% das persoas afirman coincidir cos motivos expostos para a convocatoria da mesma. “Paréceme que estamos avanzando, e esta folga tense que extender, ten que chegar a ser a nivel planetario porque é a única forma de cambiar a vida das mulleres”. Porén, a eurodeputada galega foi tamén crítica expresamente con propostas que relativizan a convocatoria desta xornada de folga, “unha vez máis o machismo non é capaz de dixerir que sexamos as mulleres as que levemos a iniciativa, as que convocamos unha folga. Os sindicatos de clase quérennos emendar a plana convocando paros de dúas horas, non o podemos consentir”. Enlazando con esta análise animou a “dende a esquerda”, afrontar “o reto de definir propostas para despatriarcalizar as sociedades”, como teñen avanzado xa por exemplo Gobernos latinoamericanos como os de Bolivia e Ecuador.


















Nota.- Fotografías da participación das mulleres galegas durante estes días no Foro Feminista do GUE/NGL no Parlamento Europeo en Bruxelas.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861 | lidia.senra@europarl.europa.eu. | https://ageuropa.gal/

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
7 de março de 2018 17:30

_______

luns, marzo 05, 2018

Máis dunha vintena de galegas participarán no Foro Feminista do GUE/NGL no Parlamento Europeo - Activistas feministas de distintos colectivos sociais participarán dende mañá até o vindeiro xoves 8 nun foro internacional en Bruxelas - Neste intercambio abordaranse, entre outros aspectos, a situación das mulleres no medio rural, a desigualdade laboral ou movemento #MeToo


Activistas feministas de distintos colectivos sociais participarán dende mañá até o vindeiro xoves 8 nun foro internacional en Bruxelas. | Neste intercambio abordaranse, entre outros aspectos, a situación das mulleres no medio rural, a desigualdade laboral ou movemento #MeToo

Vinte e catro mulleres pertencentes a diferentes colectivos que loitan polos dereitos das mulleres na Galiza desprazaranse a Bruxelas dende mañá, martes 6, até o xoves 8 de marzo, a iniciativa da eurodeputada Lídia Senra, para participar nas actividades do Foro Feminista ‘Feminismo sen fronteiras’ que organiza este ano o Grupo Parlamentario Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

Concelleiras como Sandra Pesqueira (Marea Marín) ou Margarita López (Marea Vigo), así como integrantes de Alternativa Canguesa de Esquerdas, da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza, de SOS Racismo, da Marea Feminista de Vigo, de Andaina Mulleres, do Grupo de Traballo en Igualdade do Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia “Fiadeiras”, de Anova Ourense, da Confederación Intersindical Galega (CIG), do colectivo Arente do Chan, do proxecto Buserana e do Sindicato Labrego Galego (SLG) formarán parte deste grupo.

Durante estes tres días de actividade no Parlamento Europeo, a mulleres que integran a delegación galega terán a oportunidade de intercambiar experiencias con representantes chegadas de Polonia, Alemaña, Ucraína, Grecia ou Italia de #MeToo, o coñecido movemento internacional que leva unha década denunciando a través das redes sociais casos de abuso e acoso machista.

Tamén terán ocasión de visitar a exposición “Vitorias do Feminismo”, da artista gráfica feminista do Estado español María Inmaculada Ramos Pizarro, e de coñecer o traballo que realiza a ONG portuguesa O Ninho de apoio ás mulleres que abandonan a prostitución. No Foro tamén estará presente o Mouvement du Nid, que loita en Francia contra as causas e consecuencias da prostitución, a través do seu secretario xeral Grégoire Thery, iniciador ademais da campaña de homes que apoian #MeeToo. Igualmente, está previsto un coloquio sobre Xénero e Migración, centrado nas loitas contra o racismo desde unha perspectiva feminista en cooperación coa ONG Le Monde selon les Femmes, coa Iniciativa Feminista Euromed IFE-EFI, e coa Asociación de Solidariedade de Mulleres Árabes.

Outro dos coloquios centrarase na importancia de lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas no medio rural. Nel intervirán como relatoras a propia Lídia Senra; a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba; a responsábel do GUE/NGL na Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero, Ángela Vallina; a directora do Instituto Universitario UC3M de Estudos de Xénero do Estado español, Rosa San Segundo; a directora da Fundación de Estudios, Acción y Participación Social (FEDAEPS, Ecuador), Irene León; a presidenta da Asociación de Mulleres Vítimas da Esterilización Forzada en Chumbivilcas (Perú), Inés Condori; e a membro da organización labrega Ecumenical Association for Sustainable Agriculture and Rural Development (ECASARD, La Vía Campesina África), Gladys Serwaa, de Ghana.

O programa completarase cun coloquio centrado na importancia da igualdade de remuneración e a negociación colectiva como elemento de equidade, e a conferencia “#YouthVoices: ser nena e muller nova en tempos de violación e cultura porno”.

Así mesmo, está previsto que na noite do mércores 7 de marzo teña lugar un evento cultural na Sala La Tentation, Centro Galego de Bruxelas, con stands de información de ONGs e co concerto gratuíto da africana Manou Gallo e a súa banda, aberto a todas aquelas persoas que queiran asistir.

Durante a realización do Foro tamén se levará a cabo unha acción fotográfica de apoio á Folga Feminista Internacional, e ese xoves 8 de marzo as persoas participantes no evento feminista internacional do GUE/NGL uniranse ás actividades públicas organizadas pola Marcha Mundial das Mulleres na Estación Central de Bruxelas a partir das 15:00 horas.

Bruxelas, 5 de Marzo de 2018.

Lídia Senra Rodríguez, Eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861 | lidia.senra@europarl.europa.eu |
http://ageuropa.gal/ | @LidiaSenra.

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
5 de março de 2018 10:51

_____________

sábado, marzo 03, 2018

Sae á luz o libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa”, coordinado por Lídia Senra - Inclúe 15 artigos de diferentes autoras na defensa dos dereitos das mulleres e distribuirase de forma gratuíta en versión dixital e impresa - A deputada reclama a necesidade de que as mulleres ocupemos os espazos que nos coresponden para avanzar na loita polos nosos dereitos - Acceso ao libro en formato dixital (140 páxinas en pdf)


Sae á luz o libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa”, coordinado por Lídia Senra. | Inclúe 15 artigos de diferentes autoras na defensa dos dereitos das mulleres e distribuirase de forma gratuíta en versión dixital e impresa. | A deputada reclama a necesidade de que as mulleres ocupemos os espazos que nos coresponden para avanzar na loita polos nosos dereitos.


A eurodeputada galega Lídia Senra defende a necesidade de que as mulleres sigamos reuníndonos, reflexionando e encontrándonos en foros para que poida avanzar a loita pola igualdade e poder facerlle fronte aos machismos que continúan presentes na nosa sociedade. Así o asegurou este sábado durante a presentación, en rolda de prensa en Santiago de Compostela, do libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa”, que sae á luz editado e prologado e coordinado por ela mesma, e que inclúe unha quincena de artigos de diferentes autoras que teñen en común a defensa dos dereitos femininos. A publicación recolle textos de mulleres que participaron na xornada de formación organizada pola propia Senra en novembro do 2016 en Ourense baixo o mesmo título que o libro, e tamén de mulleres que participaron na xornada organizada no Parlamento Europeo en novembro do 2015 sobre o nesgo machista co que actúa moitas veces o estamento xudicial.

Na rolda de prensa, na que tamén participaron a concelleira de Marea Marín, Sandra Pesqueira, e a Coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), Estrela Gómez Viñas, a eurodeputada afirmou quepublicacións como esta son moi importantes para divulgar a loita feminista e máxime tendo en conta como “reaccionan moitas veces os partidos políticos, incluso da esquerda, fronte aos machismos, que parece que queren crear alterantivas para as mulleres pero sen as mulleres”, denunciou. “As mulleres debemos ocupar os espazos que nos corresponden como única forma para facer avanzar incluso aquelas leis que están aprobadas para protexer o dereito das mulleres pero se están aplicando con nesgo machista”, denunciou. Así, reclamou "a necesidade de artellar programas exhaustivos de formación en xénero para todos os funcionarios e funcionarias que traballen aplicando a lexislación. É unha priodidade e debemos seguir traballando neste sentido”, dixo.

Neste sentido, Sandra Pesqueira agradeceu a Lídia Senra o apoio que esta eurodeputada “nos presta sempre ás concelleiras que traballamos en pequenos municipios”. “Este tipo de publicacións parécennos moi importantes para difundir a loita feminista e para as mulleres que estamos nas vilas e ás que moitas veces nos é dificultoso acceder a este tipo de iniciativas”, declarou.

Estrela Gómez, pola súa banda, tamén transmitiu o seu agradecemento a Lídia Senra e dixo que sen o seu apoio non tería sido posible presentar a demanda que se rexistrou na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo sobre a mala aplicación das normativas europeas que está levando a cabo na praxis xudicial no Estado español no que ten que ver coa violencia de xénero e coas nenas e nenos que sofren maltrato. “Poder ter un documento escrito como é este libro, que recolla as ponencias da xornada na que participou AGAMME no 2015 en Bruxelas é fundamental porque necesitamos asentar un debate e un discurso para que se visibilice o problema das nenas e nenos que sofren violencia no ámbito familiar e para apoiar ás mulleres que se atreven a denunciar violencia na súa casa”, afirmou. Así, Gómez denunciou que “a muller que decide denunciar está nunha situación non todo o defendida que debería estar” e ante iso, “é de agradecer unha política como Lídia Senra que leva estes temas aos espazos públicos”.

Así, na primeira parte do libro recóllense artigos de por exemplo a feminista e profesora da Universidade de Valladolid Alicia H. Puleo, sobre o ecofeminismo; da brasileira doutoranda en socioloxía Eliane de Moura Martins, sobre o feminismo popular para facerlle fronte á colonialidade, ao capitalismo depredador e a todas as formas de machismos; de Fiadeiras, o Grupo de Traballo en Igualdade do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), sobre a acción social desde o feminismo e a súa experiencia de traballo; das membros de Anova Ourense Nerea Conde e Tania Bouzo, sobre participación política e liderado feminino; da deputada de En Marea no Parlamento Galego Paula Verao, sobre a loita contra a precariedade e pobreza laboral feminina; e da Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, Rosa Álvarez, sobre como os micromachismos cimentan o patriarcado.

Xa na segunda parte do libro, recóllense artigos da eurodeputada do GUE/NGL Ángela Vallina, sobre a figura da Síndrome de Alienación Parental (SAP) como reforzo do heteropatriarcado nas sociedades europeas; da concelleira de Marea de Vigo Marga López Barreiro, sobre o nesgo machista na xustiza; da psicóloga clínica forense e experta en vitimoloxía e violencia de xénero Sonia Vaccaro, sobre a utilización pretendida do SAP como unha forma de violencia machista máis; da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, sobre as dificultades da violencia machista nos procesos xudiciais; de Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), sobre por que se debe incluír a cuestión dos dereitos da infancia no debate sobre o nesgo de xénero presente nas institucións; da coordinadora da Área de Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG), Ana Eiras, sobre a realidade das mulleres labregas; e de Rosa Álvarez novamente, desta vez cunha ollada desde a psicoloxía á violencia contras as mulleres para unha abordaxe integral do problema.

O libro está dispoñible xa en aberto na súa versión dixital na propia web de Lídia Senra e tamén conta cunha tirada inicial de 1.500 exemplares impresos que se distribuirán de xeito gratuíto por toda Galiza.


Apoio á folga do 8 de marzo e viaxe ao Parlamento Europeo dunha delegación de 24 galegas

Na rolda de prensa de hoxe, Lídia Senra tamén aproveitou para amosar o seu total apoio á convocatoria de folga feminista prevista para este 8 de marzo e á manifestación convocada polo feminismo para este domingo, 4 de marzo, que sairá de Urzaiz ás 12:00 horas da mañá, en Vigo, e á que ten previsto asistir. “Todas debemos participar para poñer en evidencia os problemas aos que nos enfrontamos todos os días. É necesario un cambio para todas as mulleres e facemos desde aquí un chamamento a secundar tanto a folga de consumo, como a estudiantil, a de coidados e a laboral”, dixo Sandra Pesqueira. “Se nós, as mulleres, paramos, o mundo tamén para”, zanxou, animando tamén a secundar as actividades que estes días se están a organizar igualmente nas pequenas localidades galegas como pode ser o caso de Marín, onde xa o venres pasado houbo unha charala e o vindeiro 8 de marzo ás 20:30 horas terá lugar unha manifestación para reivindicar os dereitos das mulleres.

Así mesmo, a eurodeputada avanzou que a próxima semana un grupo formado por 24 galegas, integrantes de diferentes colectivos feministas, viaxarán ao Parlamento Europeo, a iniciativa dela, para participar nas actividades do Foro Internacional FeministaFeminismo sen fronteiras’ que organiza este ano o Grupo Parlamentario Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e que se desenvolverá os días 6, 7 e 8 de marzo en Bruxelas.

Santiago, 3 de marzo de 2018. 


Cortes de audio de Lídia Senra:

http://bit.ly/2FjUogB

http://bit.ly/2tdD9ZD


Audio de Sandra Pesqueira:

http://bit.ly/2F9B3zy


Audio de Estrela Gómez:

http://bit.ly/2tggKei


Adxuntamos tamén a versión dixital completa do do libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa”,| En formato PDF de 140 páxinas. | Acceder/Baixar.
_________

 Máis información ou entrevistas:

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu . | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez
_________________

martes, febreiro 20, 2018

A contaminación da Ría de Ferrol por residuos asfálticos, de novo na Comisión Europea - Logo da confirmación xudicial da existencia de delito medioambiental, dirixímonos por segunda vez á CE demandando máis e mellores controis - Denunciamos o incumprimento da sentenza que esixe a retirada dos residuos e a descontaminación desta zona do concello de Cabanas.


A contaminación da Ría de Ferrol por residuos asfálticos, de novo na Comisión Europea. | Logo da confirmación xudicial da existencia de delito medioambiental, dirixímonos por segunda vez á CE demandando máis e mellores controis. | Denunciamos o incumprimento da sentenza que esixe a retirada dos residuos e a descontaminación desta zona do concello de Cabanas.

En marzo de 2016 a Comisión Europea, en resposta a unha pregunta parlamentaria da eurodeputada galega Lídia Senra denunciando o verquido de residuos asfálticos en Ferrolterra por parte empresa Bentum Recycling Centrale, apuntou ao incumprimento da Directiva 2008/98/CE, pero afirmou non se poder pronunciar definitivamente até ter sido resolto o proceso xudicial activo nese momento na Galiza[1].

Dado que o Xulgado do Penal N2 de Ferrol xa se pronunciou a través da Sentenza 00212/2017 confirmando a existencia dun delito contra o medio ambiente por parte do importador,  e dando orde de retirar as aproximadamente 135.000Tn de residuos acumuladas nun monte do Concello de Cabanas dende ano 2009 -procedentes do porto de Rotterdam-, Senra vense de se dirixir novamente á CE.

Nesta segunda interpelación -adxunta- subliña que a investigación xudicial afirma que se importaron ao porto de Ferrol 800.000Tn de residuos asfálticos empregados en obras de administracións públicas e privadas, sen que ninguén informara sobre o cumprimento da directiva para asegurar a descontaminación das superficies contaminadas.

Ademais, contrariamente ao exposto na sentenza, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística legalizou o acúmulo urbanísticamente ao considerar estes residuos como áridos, “sen ter en conta que a Ría de Ferrol foi clasificada como sensíbel e, por se fora pouco, sen proceder á súa retirada pese á orde xudicial”, denunciou a eurodeputada do Grupo Confederal da Esquerda Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE-NGL).

Dada a gravidade desta situación e a finalización do proceso xudicial en marcha, Lídia Senra, plantexa á CE a pertinencia de que considere iniciar una investigación sobre a posíbel infracción do establecido pola normativa comunitaria relativa á xestión de residuos, así como de levar adiante investigacións que clarifiquen en que condicións reais está a ter lugar o tratamento, transporte e depósito de residuos tóxicos entre os Estados membro.

Bruxelas, 19  de Febreiro de 2018.

[1]Máis información: NdP180316 A CE apunta vulneración da Directiva 2008/98/CE na contaminación do Río Baa por residuos asfálticos.

Máis información: Lídia Senra Rodríguez, Eurodeputada galega do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | @LidiaSenra

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
19 de fevereiro de 2018 15:38

____________________

sábado, febreiro 10, 2018

A eurodeputada galega Lídia Senra denuncia que a Comisión Europea quere favorecer o mercado das pensións privadas cun novo produto paneuropeo - Ve intolerable que a Comisión Europea estea presionando para desmantelar os sistemas públicos de pensións - E Reclama a retirada da proposta de regulamento ideada para beneficio de entidades financeiras, compañías de seguros e de xestión de activos


Lídia Senra denuncia que a CE quere favorecer o mercado das pensións privadas cun novo produto paneuropeo. | A eurodeputada tacha de intolerable que a Comisión Europea estea presionando para desmantelar os sistemas públicos de pensións. | Reclama a retirada da proposta de regulamento ideada para beneficio de entidades financeiras, compañías de seguros e de xestión de activos.


A Comisión Europea (CE) está intentado presionar para desmantelar totalmente os sistemas públicos de pensións. Así o asegurou este venres a eurodeputada galega Lídia Senra, que ofreceu unha rolda de prensa en Pontevedra, acompañada por Victoria Portas Mariño, voceira da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións e membro do Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), e polo economista, sindicalista e docente Xabier Pérez Davila. Senra deu a coñecer que a CE presentou unha Proposta de Regulamento para ofrecer un novo produto panaeuropeo de pensións individuais que o que pretende é “alentar un mercado europeo das pensións privadas” para “favorecer” ás entidades financeiras, compañías de seguros e de xestión de activos, que serán quenes leven todos os beneficios. Así, cargou contra este novo paso de construción da UE neoliberal. “Non nos sirve, non é de recibo que a CE faga iso. A CE debería estar impulsando un regulamento para garantir que todos os Estados membro teñan sistemas fortes de pensións públicas. Fronte a isto, está indo xusto polo camiño contrario”, denunciou.

Lídia Senra avanzou que cando a proposta chegue ao pleno do Parlamento Europeo votará en contra e que traballará durante todo o proceso previo de negociación do texto para botalo abaixo. Así, fixo fincapé en que o novo regulamento propón bonificar fiscalmente a todas aquelas persoas que invistan neste produto de pensións privadas, o que se traduce en que sairán beneficiadas aquelas persoas que dispoñan de máis poder adquisitivo para comprar este produto. “As persoas con traballos precarios, as traballadoras e traballadores pobres, as persoas paradas, non van ter capacidade adquisitiva para invertir nun produto privado para no futuro complementar a súa cada vez máis pequena pensión pública. É seguir favorecendo a quen máis capacidade económica ten e a crear cada vez máis desigualdades”, afirmou. Tamén criticou que a bonificación fiscal será diñeiro que deixará de entrar nas arcas públicas e polo tanto derivará en maiores recortes de servizos públicos sanitarios, educación, etc.

Na mesma liña, Victoria Portas lembrou que fai unha semana que un grupo de 30 pensionistas galegas viaxaron ao Parlamento Europeo, convidadas pola propia Lídia Senra, para participar nunha xornada sobre o futuro das pensións públicas e que se ven é algo que xa levan vendo desde hai tempo, alí evidenciaron que a UE segue o camiño da privatización e das pensións de subsistencia. A voceira de MODEPEN arremeteu contra o feito de que a CE estea intentado colar esta novo produto paneuropeo de forma “calada” e con métodos case “ocultos”. “Non se coñece e temos que contarllo a toda a cidadanía”, dixo.

Na súa quenda, Xabier Pérez Davila defendeu que as pensións públicas son “totalmente viables” e que “os informes periódicos da CE así o demostran”. Pérez Davila fixo unha análise en cifras e explicou que desde o inicio da crise económica, os traballadores e traballadoras do Estado español perderon ao ano máis de 36.400 millons de euros de salarios. Se a estes lle aplicasemos o tipo de contencións, o sistema público de pensións do Estado español tería uns ingresos adicionais de máis de 10.000 millóns de euros ao ano que serviría para equilibrar o 60% de deficit do sistema. Ademais, apuntou á posilidade que xa se está poñendo en práctica en moitos países, onde as pensións públicas páganse con impostos. Segundo datos de Eurostat, a recadación fiscal do Estado español é inferior en 7 puntos á media da UE dos 28. “A diferencia é incluso moito maior se nos comparamos con Suecia, chegando aos 15 puntos porcentuais menos”, dixo. “Se aquí recadaramos en impostos o mesmo que a media da UE dos 28, o Estado español tería 78.000 millóns de euros máis, é dicir, 4 veces o déficit da Seguridade Social”, argumentou.

Para Pérez Davila, a resposta a por que a CE está apostando por acabar coas pensións públicas e promocionar as privadas é clara. Xa no ano 1994, o Banco Mundial publicou un infome no que propoñia reducir as pensións públicas para deixar espazo para aumentar os fondos privados de capitalización. As cotizacións sociais que fan os traballadores e traballadoras do Estado español superan os cen mil millóns de euros cada ano, cartos que van das nómimas dos traballadores e traballadoras activos aos xubilados. “Eses cartos pasan por diante dos ollos do presidente do BBVA e da presidenta do Santander, por exemplo, sen que poidan tocalos e iso resúltalles insoportable, non poden soportar non facer beneficio con todos eses cartos, e aí está o motivo verdadeiro. A CE quere que en lugar de existir solidariedade entre xeracións de traballadores e traballadoras haxa un negocio para a señora Botín e compañía e equivalentes noutros países”, denunciou.

Así, Lídia Senra, Victoria Portas e Xabier Pérez fixeron un chamamento a tomar este problema como un problema de todos e todas. “A Seguridade Social somos todos e tomas e se queremos ter prestacións públicas de calidade, asistencia sanitaria, servizos, etc, temos que saír á rúa, non só as persoas que son pensionistas ou próximas en idade a selo, senón toda a sociedade”, dixo Victoria Portas. “Non podemos prescindir do sistema público”, reclamou, para asegurar que as pensións máis baixas de todo o Estado español son as galegas. “Sen embargo, a, ministra dinos que son pensións dignas… Non o son!”, exclamou.

En efecto, aportou Xabier Pérez, 1 de cada 4 pensións no Estado español deben ser complementadas porque son mínimas a día de hoxe e na Galiza isto aínda se agudiza máis. O importe medio da pensión en Galiza é de 780 euros, fronte aos 926 euros da media estatal e os 1.090 euros da pensión media en Madrid. Mirando por xéneros, a cuestión aínda é máis grave. A pensión media feminina é moi inferior á masculina, xa que a pensión media de xubilación das mulleres non chega aos dous terzos da dos homes. A femenina é de 790 euros e a masculina de 1.240 euros a nivel estatal.

Non podemos tolerar que unha persoa ao final da súa vida laboral, cando empeza a ser pensionista, se convirta practicamente en pobre e hai moitas persoas ás que lles pasa isto. A sociedade non se pode permitir estes paos que nos están dando desde os gobernos estatais e desde a UE nesta construción neoliberal que non intenta outra cousa máis que concentrar a riqueza cada vez en menos mans e impedir que a maioría das persoas teñan unha vida digan” zanxou Lídia Senra.

Pontevedra, 09 de febreiro de 2018.

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | lidia.senra@europarl.europa.eu. | No facebook e no twitter.

https://ageuropa.gal/

Enviado por:
ensagem
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
9 de fevereiro de 2018 16:02
____