Amosando publicacións coa etiqueta MpDC. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta MpDC. Amosar todas as publicacións

luns, xuño 04, 2012

O Concello de Compostela contra a liberdade de expresión: Enlace para asinar en contra de que o Concello de Compostela ilegalice as actividades na vía pública - Non deixemos que se estenda a represión da liberdade de expresión, mañá pode-nos tocar a nós

Na foto: o defraudador fiscal co amigo do alma

O Concello de Santiago de Compostela, gobernado até hai pouco tempo polo hipócrita e defraudador fiscal, Gerardo Conde Roa, do dereitista Partido Popular e agora polo seu amigo en políticas dereitistas, Ángel Currás Fernández, impoñen taxas á liberdade de expresión. Denunciemos tamén desde Ferrol esta práctica antidemocrática, non deixemos que se estenda a represión da liberdade de expresión, mañá pode-nos tocar a nós.

As compañeiras e compañeiros do Movemento polos Dereitos Civís -MpDC, envían-nos a seguinte nota co prego de difusión:

As organizacións culturais, sindicais, xuvenís... veñen realizando actividades na vía pública como concertos, manifestacións, concentracións, recollida de sinaturas.... Actividades que entran dentro de dereitos fundamentais como o dereito á reunión, liberdade de expresión, cultura, etc... e polo tanto gozan de protección constitucional e non poden ser prohibidos.

O Concello [en mans] do Partido Popular ven de aprobar unha ordenanza que conseguirá, na práctica, impedir estes dereitos á maior parte da cidadanía do Concello de Compostela. Por medio de taxas para REALIZA A SOLICITUDE, taxas para COLOCAR UNHA MESA NA VÍA PÚBLICA coa que recoller sinaturas, taxas para PODER INSTALAR UNHA MEGAFONÍA coa que ler un comunicado as organizacións non poderán exercer ese dereitos fundamentais ao non dispoñer de capacidade económica para facer fronte ás mencionadas taxas. Ademais o Concello pedirá fianzas (algo que xa ven facendo de forma ilegal) que poden chegar a ser desorbitadas como as de responsabilidade civil. Neste momento o Concello xa pide, de forma ilegal, fianzas de 600€ para a colocación dunha pancarta e 400€ para exhibir unha película ao ar libre. Por último, e se os medios económicos non foran suficientes para disuadir a calquera organización de realizar algunha actividade na vía pública de Compostela, os permisos outorgaran-se en precario, podendo o Concello anulalo en calquera momento.

En resumo, si unha organización xuvenil quere organizar unha concentración con recollida de sinaturas na vía pública terá que pagar unha taxa por solicitar o permiso no concello, outra taxa para a colocación da mesa ou calquera soporte divulgativo, outra taxas por enchufar o equipo de son co que ler o manifesto na concentración; ademais deberá aboar unha fianza discrecional por parte do Concello. Si consegue facerse cos medios económicos necesarios para cumprir con todos os requisitos descritos, ademais de realizar todas os trámites formais de forma correcta e que o Concello conteste (sendo habitual que non conteste) conseguirá unha autorización EN PRECARIO que poderá ser anulada en calquera momento polo Concello.

É evidente que a ordenanza ten obxectivo de fondo de limitar os dereitos fundamentais antes mencionados e polo tanto non pode ser aplicada.

Asina en: http://www.change.org/petitions/alcalde-de-compostela-non-ilegalices-as-actividades-sociais-na-v%C3%ADa-p%C3%BAblica
Colabora co MpDC:
Envía este mail aos teus contactos e anímaos a cubrir a ficha para recibir información do MpDC

Enviado por:
Movemento polos Dereitos Civís
-mpdc@movemento.org-
4 de junho de 2012 08:53
_____________

xoves, xuño 10, 2010

O Movemento polos Direitos Civís parabeniza o roteiro de Aranga a prol da memoria histórica

AO TEMPO QUE CRITICA A XUNTA
O MpDC parabeniza o roteiro de Aranga a prol da memoria histórica

Este sábado, 12 de Xuño de 2010,  terá lugar en terras luguesas e coruñesas unha acción nun dos lugares do país onde se calcula que máis represaliados poden estar enterrados en foxas. Será nos arredores de Aranga e está organizado por diversos colectivos entre os que se atopan a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ou Roxín Roxal, entre outros.

O Movemento polos Dereitos Civís celebra a valentía de organizadores e familias das vítimas que están a dar un enorme paso para a reparación da honra de moitos homes e mulleres asasinados pola ditadura. Desde o colectivo quere facerse público o apoio a esta actividade ao tempo que demanda a Xunta e goberno central que axilicen os trámites para a aplicación sen matices da Lei de Memoria Histórica.

Neste sentido o colectivo critica as últimas actuacións da Xunta, que lembremos recurtou en preto dun 90 por cento a investigación neste eido e que teña deixado de apoiar o proxecto “Nomes e Voces” ou que teña renunciado a seguir sufragando o proceso de exhumación das vítimas ou ten rexeitado participar no proxecto de localización de fosas son algúns dos retrocesos que o país está a vivir desde a entrada do goberno de Feijóo.

Dereitos Civís súmase, pois, a esta homenaxe ás persoas que deron a vida pola democracia e a liberdade e louba a procura de datos que axuden a poñerlle nome a moitas desas persoas asasinadas. Os historiadores cren que pode ser un dos lugares do país onde maior número de vítimas da represión franquista se atopan nun conxunto de foxas comúns.

En movemento
www.movemento.org


Enviado por:
Prensa MpDC
-prensa1@movemento.org-
10 de junho de 2010 13:06
__________________

xoves, marzo 25, 2010

O Movemento polos Dereitos Civís denuncia e condena a desproporcionada e intolerábel intervención por parte dos antidisturbios na facultade de xeografía e historia de Santiago: quixeron impedir que os alumnos se manifestasen contra o máster de profesorado xurdido da reforma do CAP co Plan Boloña



FACULTADE DE XEOGRAFÍA E HISTORIA

O MpDC denuncia que as forzas e corpos de seguridade pisen, unha vez
máis, o dereito de manifestación


O Movemento polos Dereitos Civís denuncia e condena a desproporcionada e intolerábel intervención por parte dos antidisturbios na facultade de xeografía e historia de Santiago onte á tarde. Coa súa desautorizada actuación os axentes quixeron impedir que os alumnos se manifestasen contra o máster de profesorado xurdido da reforma do CAP co Plan Boloña.

O MpDC expresa a súa solidariedade cos estudantes da USC por mor da desproporcionada actuación da Policía no interior da facultade, que se dedicou a identificar os alumnos polo simple feito de se concentraren de xeito pacífico, dereito recollido na Constitución e polo tanto de libre exercicio pola cidadanía. Todo isto produciuse sen a petición por parte das autoridades da universidade compostelá.

A manifestación estudantil atopábase ao abeiro do paro convocado en Xeografía e Historia para protestar polos cambios xurdidos co novo plan de estudios, coñecido como Plan Boloña. Os gravísimos feitos de onte encádranse dentro da acción represiva desenvolvida polas forzas de seguridade con motivo da visita do profesorado participante na conferencia “Universidades emprendedoras: nuevos modelos”, organizada no marco da Presidencia española da UE.

É sorprendente ver como os antidisturbios irrompen impunemente nunha facultade, onde existe a liberdade de expresión, e comezan a identificar as persoas que soamente están exercendo o seu dereito á manifestación. Este feito lembra ás actuacións policiais acontecidas na ditadura franquista e non a un país que viva en democracia. Desde o MpDC critícase enerxicamente este despregue de forzas e corpos de seguridade co fin de controlar aos participantes na concentración, non se sabe moi ben para que, mais sospéitase que para intimidar e, de novo, “meter medo” para que se desista na acción.

O MpDC tamén alerta que este feito atenta contra a liberdade de expresión, xa que unha parte do estudantado veu coartado ese Dereito ao impediren a súa posibilidade de manifestar publicamente unha opinión. A todas luces, unha actuación policial deste calado merece ser explicada pola Policia, xa que estamos asistindo a un abuso da autoridade e a unha privación das liberdades e dos dereitos das persoas intolerábel en calquera sociedade.

Cantas veces máis imos ter que asistir a este tipo de violacións dos dereitos civís sen que as institucións e autoridades pertinentes poñan, dunha vez, a lei por diante e se respecte as persoas?

En movemento
www.movemento.org


Enviada por:
Prensa MpDC
-prensa1@movemento.org-
25 de março de 2010 12:11
____________________

xoves, xaneiro 28, 2010

O Movemento polos Dereitos Civís apoia a Treme a Terra na súa queixa contra o Concello de Pontedeume



LIBERDADE DE ASOCIACIÓN

O MpDC apoia a “Treme a Terra” na súa queixa contra o Concello de Pontedeume

O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer a queixa que fixo pública a asociación cultural “Treme a Terra” contra o Concello de Pontedeume por este non lle permitir desenvolver plenamente o seu labor.

Desde o Movemento considérase que a actitude do Concello de Pontedeume reduce enormemente a liberdade de asociación e tamén merma as posibilidades de execución de novas propostas culturais por parte de Treme a Terra na vila. A asociación leva uns anos vendo como a contía da súa subvención como asociación cultural diminúe, chegando ao punto de que aínda non cobraron a do ano pasado.

O MpDC ve este feito como unha medida de presión por parte do Concello de Pontedeume para indirectamente obrigar o colectivo a renunciar á súa actividade cultural. Como é ben sabido, as asociacións culturais teñen unha grande dependencia das subvencións municipais para poderen desenvolver as súas actividades. A desaparición da subvención podería levar consigo a desaparición da asociación dado as limitadas opcións de ingresos das que dispoñen.

O Concello de Pontedeume tén que ter en conta que Treme a Terra leva máis de trece anos dinamizando a cultura na súa vila, por medio de concertos, exposicións fotográficas, conferencias ou actividades que axudan a non esquecer as nosas raíces e a nosa verdadeira identidade e que axudan a pluralizar e aumentar as actividades culturais do municipio. Por todo isto e independentemente do carácter da asociación, o concello ten que apoiar as actividades desenvolvidas por este colectivo e non interferir na realización das mesmas negando o uso das instalacións municipais.

O Movemento polos Dereitos Civís confía en que Treme a Terra non teña que chegar a pedir responsabilidade patrimonial ao Concello de Pontedeume por limitar o dereito de asociación.

Enviado por:
Prensa MpDC
-prensa1@movemento.org-
28 de janeiro de 2010 12:42


O MpDC apoia a Treme a Terra na súa queixa contra o Concello de Pontedeume. Bo día, Desde o Movemento polos Dereitos Civís achegamos nota de prensa. Agardamos que a información sexa do voso interese. Sen máis, recibide un saúdo. En movemento - www.movemento.org
___________________

Comunicado de Treme a Terra en komunikando.net:

A Asociacion cultural, Treme a Terra de Pontedeume, que realiza o Festival Treme a terra que se celebra todos os anos por estas datas, enviou um comunicado que reproducimos a continuación:

Como moit@s de vós saberedes, Treme a Terra é unha asociación cultural que leva máis de 13 anos intentando dinamizar a actividade cultural da vila de Pontedeume. Ainda que traballamos en diferentes actividades (roteiros de sendeirismo, exposicións fotográficas, conferencias, concertos solidarios...) a máis representativa é o festival Treme a Terra, que o presente ano debería cumplir a súa XV edición. O obxectivo do festival, un dos de máis tradición da provincia, non é outro que o de fomentar a música en galego.

O motivo de facer este comunicado é o de denunciar o que consideramos un desprezo por parte dos que actualmente gobernan o Concello de Pontedeume.
  • Desde hai dous anos a subvención que se nos concede como asociación cultural vese reducida na súa contía nun 15%, non chegando a cubrir nin o 10% dos custos deste festival.

  • A subvención correspondente ao exercicio 2009 ainda non foi aboada.

  • Durante a organización do XIV Festival puxéronse todos os impedimentos para a súa realización na pista polideportiva, localización onde levamos máis de 10 anos celebrando esta actividade.

  • O 3 de abril presentamos un escrito para facer un festival solidario no que se solicitaba a carpa do concello e outra infraestructura e a actividade non foi realizada cando estaba prevista porque non obtivemos ninguna resposta.

  • Tres meses despois volvimos a solicitar a carpa para a actividade antes citada, e a base de insistir personalmente comunicounos Javier Crespo que a carpa non podía ser utilizada porque estaba en moi mal estado. O día da celebración de dito festival, a carpa atopábase na Urbanización Olmo. O festival celebrouse á intemperie, non sen antes ter que pedirlles aos veciños/as que retirasen os vehículos da praza (cousa que tampouco quixo facer o concello).

  • O día 8 de outubro presentamos outro escrito informando da nosa intención de celebrar o XV Festival Treme a Terra, pedindo a pista polideportiva para o día 22 de Xaneiro de 2010 e pregando unha resposta. De novo non houbo contestación, polo cal o día 4 de decembro solicitamos a Eugenio Pena unha reunión co alcalde. Citounos o día 10 de decembro ás 10 da mañá, presentámonos 2 membros da asociación pero esta vez a sorpresa foi que non fomos recibidos.
Dende Treme a Terra recoñecémoslle ao PP a lexitimidade para gobernar, xa que foi escollido polo Pleno Municipal para desenvolver esta labor. Respectamos que non se impliquen no eido cultural xa que non teñen a obriga legal de facelo. Pero esixímoslles que cando menos non boicoteen as iniciativas que abrollan dende as asociacións para dinamizar a vida cultural da vila. A riqueza dun pobo non se pode medir só dende parámetros estrictamente económicos, e unha sociedade culturalmente activa é unha sociedade con maior calidade de vida.

Para rematar, pedímoslles que abandonen as actitudes galegófobas que amosan tanto a nivel local como nacional. Pedimos que respecten os nosos sinais de identidade, sinais que nos fan únicos nun mundo cada vez máis uniforme. Non podemos esixir respecto cando nós mesmos/as non nos repectamos.
___________________

xoves, maio 14, 2009

O MpDC solidarízase coa Gentalha do Pichel

O Movemento polos Dereitos Civís quere facer público o seu apoio ao Centro Social A Gentalha do Pichel logo de que se coñecese a nova que os obriga a instalar un elevador para evitar que pechen o local. A situación vén motivada pola denuncia feita días atrás por Gerardo Conde Roa sobre desta irregularidade na que incorre o local no que respecta ao acceso a discapacitados/as.

É coñecido que o portavoz do Partido Popular no Concello de Santiago, Gerardo Conde Roa, “está a facer todo o posíbel para fechar o centro social compostelano”, sosteñen desde a Gentalha. Nos últimos meses, o conservador chegou a dicir que ese local “alberga a grupos que practican la kale borroka". Ademais, Conde Roa, engadiu as acusacións de fomentaren a violencia na rúa e que "en estos locales para terroristas se preparan los cócteles molotov". Por se fose pouco, o voceiro do PP meteu tamén no saco a Sala Nasa e o Centro Social Henriqueta Outeiro.

O último paso que separa a Gentalha do Pichel de ter todos os papeis do local en regra: habilitar un elevador para discapacitados/as. O custo é de 10.000 €, mais só ten un mes para o lograr. O primeiro pago da máquina, aliás, deberá ser feito nesta mesma semana (5000€). Este é o prazo que lles dá o Concello para solucionaren os problemas de acesibilidade. Se non o cumpriren, o Pichel será clausurado.

Ao respecto, o MpDC solidarízase co centro social da capital galega, un local que fomenta o dinamismo social e cultural da vida compostelana e non só, senón que tamén ten como obxectivos facer activismo cultural na comarca xunto coa difusión da lingua e cultura galegas, a vontade de aprender, de difundir e recuperar os nosos costumes, historia, ou a música, entre outras actividades.

Rosalía de Castro, 29-31. Galerías Belén, local 102 - 15701 Compostela

Contacto: Renato Núñez 610858850

Movemento polos Dereitos Civís
mpdc@movemento.org
En movemento
www.movemento.org
__________________

mércores, abril 29, 2009

A SGAE en Compostela atenta contra os dereitos das persoas ao instalar cámaras de vídeo vixilancia

A SGAE en Compostela atenta contra os dereitos das persoas ao instalar cámaras de vídeo vixilancia

Recentemente, o Movemento polos Dereitos Civís tivo coñecemento de que nos exteriores do edificio da Sociedad General de Autores y Editores de Compostela, están instaladas cámaras de vídeo vixilancia fixas, o que supón unha vulneración do dereito á imaxe, á honra e a intimidade persoal. Ante tales feitos, o colectivo vén de presentar un escrito á Delegación do Goberno, á Agencia Española de Protección de Datos e á propia SGAE co obxectivo de esclarecer por que foron instaladas e coa finalidade última de que se retiren.

Ademais, o MpDC denuncia que adoptar como medidas a instalación de cámaras sen existiren indicios nin motivos suficientes para a dita colocación resulta moi gravoso e desproporcionado a respecto da finalidade perseguida, pois de existir indicios que xustifican o principio de proporcionalidade, parece obriga da devandita empresa facilitar alternativas a esta decisión. Desde o Movemento afírmase tal cousa xa que as cámaras recollen a vida diaria de cantos cidadáns pasan por diante do edificio, invadindo a súa intimidade.

Por todo o exposto, o MpDC solicita que a Axencia Española de Protección de Datos informe quen é o responsable do tratamento de datos e, xa que logo, do ficheiro de imaxes gravadas polas cámaras ademais de se o ten inscrito no Rexistro Xeral de Protección de Datos da institución. Ademais, o Movemento pregunta á AEPD se a empresa encargada de instalar as cámaras se atopa incluída no Rexistro destinado a proceder a instalacións, nese caso, dispón de licenza do mesmo xeito que pide ao organismo estatal que sancione os feitos segundo a lexislación vixente.

Esta asociación agradecería á Axencia Española de Protección de Datos que investigase sobre os feitos anteriormente expostos, así como do cumprimento dos requisitos esixidos pola normativa imperante tanto en materia laboral, como de protección de datos e do cumprimento da normativa vixente en materia de vídeo cámaras en lugares públicos manténdoa informada de cantas actuacións leven a cabo con relación a este asunto.

Pola súa banda, o Movemento solicita que a empresa instaladora acredite mediante calquera medio que as cámaras instaladas nos exteriores das dependencias da Sociedad General de Autores y Editores cumpren con todo os requisitos esixidos pola lei, ademais de que a dita empresa remita os informes nos que se baseou para proceder á instalación de ditas cámaras e por tanto xustificou o principio de proporcionalidade, xunto con que informe a esta parte sobre quen ten encomendada a custodia das imaxes e dos mecanismos de control que se prevén para garantir os dereitos dos cidadáns.

Asemade, o MpDC esixe que achegue a solicitude de autorización da instalación das cámaras nos exteriores do edificio sede da SGAE e informe sobre si solicitou ou non autorización para a instalación de ditas cámaras. En úlitma instancia, o Movemento solicita que se proceda á retirada dos dispositivos instalados nos exteriores do edificio da SGAE.

En movemento
www.movemento.org

--
Movemento polos Dereitos Civís. r/ Rosalía de Castro 29. Galerías Belén 102.15703 Santiago de Compostela. mpdc@movemento.org

Contacto: 610858850 (Renato Núñez)

___________

sábado, abril 25, 2009

O MpDC celebra a absolución das 10 persoas imputadas polos feitos de Toralla

AO TEMPO QUE CRITICA A FISCALÍA

O Movemento polos Dereitos Civís celebra a sentenza ditada a favor das persoas imputadas pola “invasión” da illa de Toralla (Ponteverdra). Se ben, o colectivo cuestiona o labor que fai a fiscalía. Así, Dereitos Civís pregunta porque se personou neste caso contra as e os participantes nunha acción lúdica e non o fai cando os corpos e forzas de seguridade actúan neglixentemente ao golpearen un mozo polas costas na Coruña ou cando tirotearon a un veciño de Meis ou agediron a un xornalista da CRTVG nas mobilizacions contra Reganosa, entre outras.

O Xulgado número 6 de Vigo ven de ditar sentenza absolutoria para as 10 persoas membros de A Ría Non Se Vende imputadas nun xuízo de faltas no que se lles acusaba “dunha falta leve de respecto e consideración debida á autoridade”. Os feitos xulgados refírense a unha concentración lúdica e pacífica na praia de Toralla que, o pasado 13 de setembro foi “invadida” por músicos, “piratas” e navegantes aventureiros que reivindicaban o dereito cidadán (estipulado pola lexislación vixente) de acceso ao litoral. Algo que nesa illa, símbolo da especulación, non se cumpre.

Os incidentes que deron lugar a este xuízo deriváronse da intervención dunha dotación policial antidisturbios cando o acto xa tiña rematado. A fiscal pedía para cada unha das persoas acusadas unha multa de 350 euros por considerar probado que proferiron insultos contra os policías actuantes. A sentenza, pola contra, considera que non quedou “acreditada a responsabilidade e participación dos denunciados” nos feitos que se lles imputaban.

Ademais, e polos mesmos feitos, un total de doce persoas foron sancionadas pola Subdelegación do Goberno con multas que oscilan entre os 350 e os 600 euros, sancións que, en base a esta resolución xudicial absolutoria, están sendo agora recorridas. É ao respecto desta, unha vez máis, desproporcionada actuación do binomio xustiza – policía que o Movemento alza a voz e lanza a pregunta que vén facendo logo de cada actuación irregular da policía: Por que se segue a alentar desde a xustiza a impunidade destes corpos e por que seguen a ser forzas de castigo e represión no canto de selo de seguridade cidadá.

Rosalía de Castro, 29-31. Galerías Belén, local 102 - 15701 Compostela

Contacto: Renato Núñez 610858850

Movemento polos Dereitos Civís
mpdc@movemento.org
En movemento
www.movemento.org
__________________

venres, abril 24, 2009

Protección de Datos debe esclarecer a situación de preto de 60 cámaras de vídeo vixilancia instaladas no edificio Telefónica da Coruña

Recentemente, o MpDC tivo coñecemento sobre o sistema de vídeo-vixilancia instalado no edificio da mercantil Telefónica España S.A.U. sito na cidade da Coruña. Así, no exterior e interior de devandito edificio, están instaladas preto de sesenta cámaras de vídeo vixilancia. Ante tales feitos, esta asociación ponse en contacto coa Axencia Española de Protección de Datos para procurar o esclarecemento de varias cuestións que son de vital importancia no que respecta aos dereitos das persoas.

As cámaras atópanse situadas no exterior de devandito edificio e están orientadas á vía pública, ao que hai que engadir que algunhas das que se atopan no vestíbulo controlando o taboleiro sindical. O dito taboleiro foi cambiado de lugar pasando a estar situado nas proximidades das videocámaras para gravar dun modo máis eficaz a cantos se dirixen ao mesmo, tanto a observar como a colocar boletíns informativos, o que viola claramente tanto a intimidade persoal como a liberdade ideolóxica e por suposto a liberdade de afiliación sindical. Estes feitos denotan, ao ver do colectivo, un excesivo control de Telefónica España SAU sobre os seus traballadores.

Os dispositivos gravan a cantos cidadáns transitan polas proximidades do edificio e as pantallas de control das imaxes están á vista de cantos transitan polo exterior, vulnerando o dereito á intimidade. Tales artefactos de gravación comezaron a funcionar sen que os traballadores nin os representantes sindicais recibisen comunicación da súa posta en funcionamento.

En primeiro lugar, o Movemento denuncia que adoptar como medidas a instalación de cámaras sen existir indicios nin motivos suficientes para a súa instalación resulta moi gravoso e desproporcionado a respecto da finalidade perseguida, pois de existir indicios que xustifican o principio de proporcionalidade, parece obriga de devandita empresa a de facilitar alternativas. Desde o Movemento afírmase tal cousa xa que esa mesma cámara recolle a vida diaria de cantos cidadáns pasan por diante do edificio, invadindo a súa intimidade.

Por todo o exposto, o MpDC solicita que a Axencia Española de Protección de Datos informe quen é o responsable do tratamento de datos e, xa que logo, do ficheiro de imaxes gravadas polas cámaras ademais de se o ten inscrito no Rexistro Xeral de Protección de Datos da Axencia Española de Protección de Datos.

Ademais, o Movemento pregunta á AEPD se a empresa encargada de instalar as cámaras se atopa incluída no Rexistro destinado a proceder a instalacións, nese caso, dispón de licenza do mesmo xeito que pide ao organismo estatal que sancione os feitos segundo a lexislación vixente.

Esta asociación agradecería á Axencia Española de Protección de Datos que investigase sobre os feitos anteriormente expostos, así como do cumprimento dos requisitos esixidos pola normativa imperante tanto en materia laboral, como de protección de datos e do cumprimento da normativa vixente en materia de vídeo cámaras en lugares públicos manténdonos informados de cantas actuacións leven a cabo con relación a este asunto.

En movemento
www.movemento.org

Movemento polos Dereitos Civís. r/ Rosalía de Castro 29. Galerías Belén 102.15703 Santiago de Compostela. mpdc@movemento.org

Contacto: 610858850 (Renato Núñez)
______________

luns, abril 06, 2009

O periódico "En Movemento" volve ao seu formato inicial

EN MOVEMENTO
-campanha3@movemento.org-
6 de abril de 2009 20:28



O periódico EN MOVEMENTO volve ao seu formato inicial despois dunha breve experiecia co xornal dixital GZnación. Porén, isto non implica un afastamento entre ambas as dúas publicacións, máis ben todo o contrario, pois nesta nova etapa seguiremos contando con novas e reportaxes elaboradas pola publicación dixital.

Con este número xa sumamos 17 exemplares, que corresponden a 18 meses, nos que o EN MOVEMENTO sempre estivo nas rúas e, ultimamente, nos quioscos transimitindo información social plural e dando a coñecer iniciativas e problemas referentes ao tecido asociativo galego. Desde os que teñen un traballo máis local, coma SOS Courel, até os máis amplos, como a CIG.

Neste novo períódo procuramos manter esta característica e acentuala, fomentando unha maior colaboración coas diversas iniciativas sociais existentes na internet galega. Neste sentido o EN MOVEMENTO acordou colaboracións con Galicia Confidencial, Komunikando, Galicia Solidaria, Revista Murguía ou DesConcierto para volcar información desas páxinas como material impreso, permitindolles, así, abrir novas canles de comunicación.

Estas vías de colaboración seguen abertas e continuamos estudando novas propostas que, agardamos, amplíen e fagan cada vez máis plural a información que publicamos.
Así, contamos con establecernos como un periódico de referencia social, que trasmita a información que outros xornais non recollen, e que non por iso son menos importantes; a información das organizacións que moven Galiza e non soamente a información que as grandes editoriais consideran que teñan relevancia. Se temos que escoller entre as declaracións dunha Miss, o nome do último peregrino que chegou a Compostela ou informar sobre unha sanción a calquera organización que defende os intereses dos seus veciños, escolleremos esta última pois entendemos que esta é a información relevante, a que transforma e move a realidade galega.

Tamén abrimos nesta nova etapa as portas á información histórica, política (centrándonos sempre nos asuntos que teñan que ver cós dereitos dos cidadáns) e cultural. Contaremos cun apartado de libros e música e unha sección onde varios avogados, xornalistas e representantes de asociacións de todo tipo analicen a situación dos dereitos dos cidadáns na Galiza, ampliando así a sección de opinión.

Desde o EN MOVEMENTO chamaremos a atención sobre eivas das administracións, autoridades ou institucións, buscando evidenciar o que hai que mellorar na nosa sociedade. Motivo polo que buscaremos apostar pola suscrición ao períodico para garantirmos, así, a súa autonomía e independencia, sen deixarmos, por suposto, a distribución gratuíta que permite a nosa presenza en entornos máis amplos.

Suscricións: Clica Aquí !

movemento.org
__________________

Para accedewr a números anteriores en formato -pdf- : Entrar
________

xoves, abril 02, 2009

O Movemento polos Dereitos Civís celebra a absolución de Dionísio Pereira

O historiador coruñés Dionísio Pereira vén de coñecer, despois de un ano de espera, a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra respecto do recurso presentado pola familia de Manuel Gutiérrez Torres, antigo dirixente falanxista e alcalde de Cerdedo na Ditadura franquista, contra a absolución do estudoso na vía civil en Iª Instancia polo Xulgado da Estrada dun presunto delito de atentado contra da honra da devandita familia.

Ademais, o tamén mestre de ensino medio recibiu outra boa nova, pois o recurso de apelación que a mesma familia presentou contra a decisión do Xulgado de Iª Instancia da Estrada de non procesar pola vía penal ao tamén escritor e mestre Alfredo González Ruibal, foi asimesmo rexeitado, concluindo así que González Ruibal non será procesado.

Ao respecto, o Movemento polos Dereitos Civís parabenízase de que a xustiza actuase atendendo ás dúas argumentacións nas que se basean as dúas sentenzas, como son a Prevalencia do dereito á investigación histórica fronte o dereito á honra. Por outra banda, os tribunais tamén considerararon que o escrito denunciado forma parte de unha investigación histórica realizada cun método científico, no que non existe ningunha pretensión de atentar contra a honra de ninguén e menos da familia demandante. Segundo a avogada do historiador, non existe posibilidade de recurso ao Tribunal Supremo, ao non existir defecto na sentenza nin cuantía económica que o xustifique. No entanto, sí hai a posibilidade de presentar recurso de apelación ao Tribunal Constitucional, algo que o investigador descoñece a día de hoxe.

Acerca dos feitos, Dionísio Pereira estima facer unha consideración alegando que “acredito na dor e no desasosego que padecen os achegados aos presuntos represores”, unha dor de seguro incomparable á padecida polas familias das vítimas do franquismo, pero un sentimento que, ao cabo, debe ser respectado sempre e cando non impida o coñecemento e a valoración do acontecido, afirma o historiador. Para Pereira, “é o intre, pois, de rectificar e de construír entre tod@s un espazo de convivencia” no que a liberdade de investigar e o dereito a saber sexan amparados polos poderes públicos e a sociedade no seu conxunto, conclúe.

Os antecedentes

Cabe lembrar que no ano 2007 o investigador coruñés se viu envolto nun proceso xudicial a raíz dunha denuncia de familiares de Manuel Gutiérrez Torres, alcalde de Cerdedo desde 1950 e xefe local da Falanxe nos días despois do golpe militar que iniciou a Guerra Civil. Esixíaselle a Dionisio Pereira que se retractase dunha frase publicada no libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo (2006):

"Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)..."

Malia a que utilizou a palabra "presunto" e que tiña diversas fontes que corroboraban o dito e, malia a que recibiu múltiples manifestacións de apoio, a familia do falanxista decidiu seguir adiante coa denuncia, que finalmente se viu desestimada polo Tribunal.

En movemento
www.movemento.org
Rosalía de Castro, 29-31. Galerías Belén, local 102 - 15701 Compostela
Contacto: Renato Núñez 610858850

____________________

mércores, marzo 25, 2009

Proceso represivo contra a Asociación de Solidariedade con Kurdistán

O Movemento lamenta que continúe o proceso represivo contra a Asociación de Solidariedade con Kurdistán

A Asociación de Solidariedade con Kurdistán (ASK) “segue amenazada económica e políticamente despois de tres anos de procedemento xudicial”. Ante tal feito, o Movemento polos Dereitos Civís amósase contrario ás decisións xudiciais que sufreu e está a sufrir a dita asociación polo feito de despregar unha pancarta no estadio de fútbol de Balaídos en 2006 coa que pedían a liberdade para o pobo kurdo.

Transcorridos dous anos e medio das dúas multas de 4000 euros impostas á ASK, “o proceso xudicial contra os nosos compañeiros segue adiante”, afirman, negando a “única saída xusta e comprensível para este caso”, é dicer, a absolución total e a rectificación por parte da Subdelegación pola “indecencia de todo este asunto”, continúan a dicir desde a dita asociación.

Recentemente foi dada a coñecer a sentenza do xulgado de Vigo, “na que se declaraba inocente a un dos compañeiros multados”, asumindo o seu dereito á liberdade de expresión. A sentenza “recoñecía así o absurdo das multas”, polo que o membro da asociación non debía abonar diñeiro polos feitos que se lle imputaban.

Aínda así, o documento ignorou o feito de manter paralizada económicamente a unha asociación legal e rexistrada na Xunta de Galiza. O colectivo tampouco recibiu desculpa algunha para un cidadán ao que se lle pisotean os seus dereitos máis elementais. E, desde logo, afirman que tampouco houbo ningunha intención de asumir os gastos derivados durante estes dous anos.

Un par de semanas despois, celebrouse o xuízo contra o outro membro da asociación. No xulgado de Vigo foi o mesmo xuiz o encargado de rexeitar o recurso do avogado da ASK, declarando culpável á asociación dos feitos imputados pola Subdelegación do Governo en Pontevedra. O xuíz non atendeu ás reclamacións do avogado. Ademais, négase o dereito de recurrir a sanción neste mesmo xulgado, polo que teremos que recurrir ao Superior de Xustiza de A Coruña, co conseguinte incremento dos gastos que iso conleva.

A asociación pola liberdade do Kurdistán e o Movemento polos Dereitos Civís consideran esta multa como “un recorte inaceptábel dos dereitos civís máis básicos”. Ademais de póren de manifesto o dereito á libre expresión, desde o colectivo vigués insisten na intención de “continuar coas nosas actividades e ampliar a nosa solidariedade co Kurdistán, un pobo dividido, torturado e masacrado”, o maior pobo do mundo sen voz propia, subliñan.

Rosalía de Castro, 29-31. Galerías Belén, local 102 - 15701 Compostela

Contacto: Renato Núñez 610858850

www.movemento.org

Comunicado da Asociación de Solidariedade co Kurdistán
_____________________

venres, marzo 13, 2009

Arquivan causa por actuación desproporcionada da Policia Nacional contra traballadoras e traballadores de ATENTO e Funcionariado d'A Coruña

SUBDELEGACIÓN E XULGADOS IGNORAN O MOVEMENTO

O MpDC lamenta que as institucións menosprecien a dignidade dos traballadores

A subdelegación do Goberno vén de zanxar o escrito presentado polo MpDC no que se protestaba pola actuación discriminatoria da Policía Nacional e a carga contra os traballadores de ATENTO e dos funcionarios de A Coruña no 2007.

O xulgado de instrucción número 2 da Coruña acordou arquivar o procedemento aberto polo Movemento para que se iniciase unha investigación dos feitos acontecidos na cidade cos traballadores de Atento para determinar a lexitimidade ou non da actuación policial. Pola súa banda, a subdelegación do Goberno respalda a decisión xudicial e engade que non ten máis que engadir a ela.

Polo tanto, a lexítima solicitude de información ao respecto demandada polo MpDC saldouse coa calada por resposta de ambas as dúas institucións. Desde o colectivo condenamos a actitude de Subdelegación e xulgado cando seguimos crendo necesario un pronunciamento sobre a aaactuación policial tralas concentracións e protestas dos traballadores e traballadoras de Atento.

O recurso da forza contra os traballadores/as non pode ser un mecanismo co que silenciar as protestas sociais. As autoridades saben perfectamente que esta debe ser proporcional e cumprir unha serie de requisitos legais. Requisitos que non son observados pola autoridade que poden estar incorrendo en delictos penados pola lexislación vixente.

Máis desigualdades

Ademáis o MpDC quer chamar a atención sobre a distinta vara de medir da Consellaría de Presidencia, que ordena cargas contra traballadores e mentres é absolutamente permisiva coa actitude que tiveron os alcaldes do Partido Popular que forzaron a entrada no Parlamento no ano pasado, co cal se evidencia que non se trata igual a todos os cidadáns.

Naquela ocasión o fiscal xefe de Galiza, autoridade coa que o MpDC mantivo unha reunión para evidenciar o trato discriminatorio deste tipo de actuacións, dixera que non perseguiría aos responsábeis da toma do Parlamento.


Rosalía de Castro, 29-31. Galerías Belén, local 102 - 15701 Compostela

Contacto: Renato Núñez 610858850

mpdc@movemento.org
http://movemento.org/
____________________

martes, decembro 09, 2008

Valoración das recentes sancións á SGAE [Sociedade Geral de Autores y Editores] pola violación de dereitos fundamentais

De: MpDC -prensa1@movemento.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 9 de dezembro de 2008 14:20
Assunto: NP Sancións AEPD SGAE



Valoración das recentes sancións a SGAE pola violación de dereitos fundamentais

O MpDC manifesta a súa indignación perante as reiteradas e arrogantes violacións de dereitos fundamentais por parte da SGAE

Nestes últimos días coñecemos a nova da multa imposta pola Axencia Española de Protección de Datos á SGAE, por gravar unha voda sen autorización. O Movemento polos Dereitos Civís acolleu con satisfacción esta sanción, dada a gravidade das lesións dos dereitos á intimidade e á propia imaxe. Sen embargo, preocupa e moito a reacción da Sociedade Xeral de Autores perante a sanción: os seus responsables restáronlle “relevancia” ós feitos e anunciaron con toda tranquilidade a súa vontade de reincidir neste comportamento ilegal. De feito, a SGAE, multada tamén nestes días por outra violación da Lei de Protección de Datos, presentou unha nova demanda valéndose da mesma práctica ilegal sancionada pola AEPD. O Movemento polos Dereitos Civís manifesta a súa indignación de fronte á lixeirezaa coa que a SGAE atenta reiteradamente contra os dereitos fundamentais das persoas para defender a propiedade intelectual dos seus asociados.

A Axencia Española de Protección de Datos sancionou cunha multa de 60.000 euros á SGAE por introducirse nun banquete de vodas e realizar gravacións sen permiso, coa intención de comprobar se o local utilizaba música dos seus afiliados sen pagar o canon. A AEPD considera que a SGAE cometeu unha infracción moi grave, incorrendo nunha clara violación do dereito constitucional á intimidade e á propia imaxe, pois en ningún momento contaron coa aprobación das persoas que estaban sendo gravadas. A SGAE non puido utilizar as gravacións no xuízo contra o local, mais obtivo aínda así máis de 40.000 euros en concepto de canón musical non pagado.

Nestes mesmos días a AEPD ditou outra resolución pola que sanciona de novo á SGAE, neste caso con 6000 euros , e de novo por unha infracción da Lei de Protección de Datos. Fai xa dous anos que varios socios denunciaran a este organismo por facer públicos, a través da web Portal Latino, datos persoais suxeitos á protección da LOPD. Nomes, números de teléfono e outros datos persoais, que a SGAE tiña a obrigación de custodiar en secreto, apareceron nun coñecido programa informático de intercambio de arquivos. A AEPD xustifica a sanción no feito de que “queda acreditado que por parte de Portal Latino, responsable da custodia dos datos, vulnerouse o deber de segredo garantido na lei ao posibilitar o acceso non restrinxido a datos persoais sen consentimento dos seus titulares”.

De calquera xeito, o máis grave para o Movemento polos Dereitos Civís non é tanto que as diversas sancións denote un reiterado incumprimento por parte da SGAE dunha Lei que protexe dereitos fundamentais. O verdadeiramente escandaloso son as declaracións dos responsables do organismo, nas que anuncian a súa vontade reincidir nestes comportamentos, a pesar de seren conscientes da ilegalidade dos mesmos.

"Levamos lustros facéndoo e volveremos facelo. Non creo que teña especial relevancia. Nas sociedades de xestión (e non só na nosa) adóitase traballar así”. Estas foron as declaracións que realizou o director de Relacións Institucionais da SGAE ó coñecer a sanción. De feito, a SGAE ven de ser denunciada novamente por gravar imaxes dunha voda no interior dun local e sen permiso dos interesados, imaxes que intentará utilizar nun novo xuízo no que reclama o pago do canon. O Movemento polos Dereitos Civís fica sorprendido e indignado perante semellante desprezo dos dereitos fundamentais das persoas, e manifesta o seu apoio a AEPD, á Asociación para la Protección de Datos de los Consumidores, que denunciou estes últimos feitos, e a todos os afectados. Sen dúbida, a SGAE debería reflexionar sobre a perda de lexitimidade pública que supoñen estas continuas violacións de dereitos fundamentais para a súa defensa dos dereitos intelectuais dos seus asociados.

Movemento polos Dereitos Civís. r/ Rosalía de Castro 29. Galerías Belén 102.15703 Santiago de Compostela. mpdc@movemento.org

Contacto: 610858850 (Renato Núñez)

______________

Noticia relacionada:

Protección de Datos multa con 60.101€ á SGAE por gravar unha voda sen permiso
20Minutos.es
  • A SGAE contratou a un detective que gravou aos invitados bailando ao ritmo de cancións protexidas.
  • O salón de vodas tivo que pagar 43.179 euros de canon musical.
  • A resolución di ademais que a actuación do detective vulnerou a Lei de Seguridade Privada.
______________

mércores, outubro 22, 2008

Protección de Datos avala e respalda a actividade do MpDC

A Axencia española de Protección de Datos trasladou o seu respaldo a actividade que está a levar a cabo o Movemento polos Dereitos Civís na defensa dos dereitos fundamentais dos cidadáns. A institución emitiu unha valoración, a petición da asociación, da sentenza do Xulgado Contencioso que obriga ao Concello de Compostela a retirar as cámaras de vídeovixilancia do centro histórico da cidade. Dende a Axencia recoñécese que a instalación descontrolada de cámaras e o tratamento posterior que se lle da ás imaxes obtidas "estase convertendo nunha preocupación cada vez maior dos cidadáns" e relaciónase esta situación co incremento considerable do número de denuncias presentadas por particulares perante a AEPD, "cuxa consecuencia directa supuxo un número superior a 120 inspeccións só no ano 2007".

As palabras do director da Axencia, agradecidas por parte desta asociación, non reflicten non obstante a realidade que estamos a vivir. O aumento do vídeocontrol tanto na Galiza como no resto do Estado estase a levar a cabo dun xeito irregular, sen que na meirande parte das instalacións se cumpran os requisitos mínimos para garantir o exercicio dos dereitos e das liberdades civís, principalmente pola falla dunha lexislación máis estricta e completa neste ámbito e pola desidia practicada dende as administracións encargadas de supervisar o cumprimento da normativa. A este feito, hai que engadir que a falla dunha lei que regule os dispositivos privados facilita que se produzan vulneracións dos dereitos en espazos que pertencen ao ámbito público, pero con impunidade salvagardada polo baleiro legal. Cicunstancia esta que dificulta máis aínda a defensa dos principios que asisten a todos os cidadáns, deixando a porta aberta ao mercadeo da imaxe propia en medios de comunicación, a Internet, etc. (tal e como se puido ver esta pasada fin de semana nun xornal galego que publicou as fotografías dunha parella tomadas por unha cámara ilegal privada).

Por iso agardamos que dende a AEPD se poñan en práctica os bos desexos do director de "manter o máis firme empeño en continuar coa nosa labor de velar polo cumprimento da normativa en protección de datos y control da súa aplicación".

Movemento polos Dereitos Civís | Rúa Rosalia de Castro - Galerías Belen - Local 108 (Santiago de Compostela) | Tel-Fax: 881972938 | Movil 610858850
__________________

domingo, setembro 21, 2008

Un xulgado condena ao Concello de Compostela a retirar as cámaras de vídeo vixilancia da zona vella

De: MpDC -mpdc@movemento.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 19 de setembro de 2008 12:18
Asunto: Un xulgado condena ao Concello de Compostela a retirar as cámaras de vídeo vixilancia da zona vella



Un xulgado condena ao Concello de Compostela a retirar as cámaras de vídeo vixilancia da zona vella

A decisión do maxistrado avala a demanda presentada polo MpDC na que se denunciaban as reiteradas ilegalidades cometidas pola entidade local

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Santiago condenou ao Concello de Compostela á retirar as cámaras de vídeo vixilancia que ten o instaladas no casco histórico da cidade. O maxistrado do xulgado avala coa súa decisión a denuncia presentada polo Movemento polos Dereitos Civís contra a entidade compostelá por mor das continuas ilegalidades cometidas a respecto do sistema de vídeo control. Segundo o establecido na sentenza, o maxistrado considera que “debo declarar e declaro a non conformidade a dereito do acto administrativo recorrido, condenando á Administración demandada á retirada das cámaras de vídeo vixilancia na zona vella de Santiago de Compostela”. A resolución, contra a que cabe recurso ante ante o TSXG, supón un gran paso na loita contra a vulneración dos dereitos dos cidadáns, pois, por primeira vez, prevalece o interese xeral fronte as actuacións irregulares da administración en materia de vídeo vixilancia.

A sentencia pon fin ao procedemento iniciado en 2006 polo colectivo de dereitos civís. O voceiro do MpDC, Renato Ñúñez, valorou a noticia afirmando que “consideramos que a sentenza demostra que as autorizacións outorgadas pola Delegación do Goberno se fixeron sen o mínimo de garantías que esixe unha cuestión tan delicada como a vídeovixilancia. Cabe lembrar que ano tras ano a Delegación foi autorizando cámaras que non cumprían os mínimos esixidos pola lei”.

Inumprimento dos prazos

A este respecto, hai que destacar que o Concello incumpriu sistematicamente os prazos designados pola lexislación para a solicitude de renovación da autorización, que carece que libro de rexistro das imaxes ou que tivo operativas as cámaras durante meses sen contar coa sinalización debida, tal e como obriga a normativa actual. De feito, a Lei 4/97 obriga a solicitar a renovación anual das licenzas dous meses antes de que expire a mesma e “se transcorrido dito prazo non se tivese ditado resolución, a autorización entenderáse denegada”.

O xuíz destaca especialme o incumprimento deste punto por parte do Concello ao concluír que “no presente caso, resulta con toda evidencia que, como aduce a recorrente, nin consta resolución sobre as renovacións anuais, non as solicitudes se produciron no prazo (...), nin, a miores, constan solicitudes formuladas para os anos comprendidos entre 2002 e 2007, o que non só evidencia a necesidade de estimar o recurso na súa integridade, senón que dende logo pon de relieve a pasividade coa que o Concello ten tratado o trámite necesario e obrigatorio imposto pola Lei”.

Precedente na Galiza

A resolución do xulgado establece un precedente importantísimo na Galiza para a utilización do vídeocontrol, pois ata agora as administracións instalaban as cámaras cun absoluto desprezo pola normativa na materia, xa que contaban co respaldo da Delegación do Goberno, quen, en non poucas ocasións, autorizou dispositivos cando xa estaban instalados e non cubrían as garantías xurídicas mínimas para os cidadáns. “Esta sentenza demostra que as institucións encargadas de defender os dereitos dos galegos non están cumprindo co seu cometido, pois tanto o Valedor do Pobo como a Delegación do Goberno ignoraron as múltiples queixas trasladas polo MpDC e permitiron que se continuasen cometendo ilegalidades”, afirmou Núñez.

Dende a asociación tamén indicaron, para tranquilidade de todos os defensores da videovixilancia, que as cámaras non conseguiron evitar nin un só dos atentados contra o patrimonio ou a propiedade privada que se cometeron nos últimos anos no casco histórico compostelano; chegándose en ocasións á parodia ao sinalar que a cámara da Praza do Toral non serviría para averiguar a identidade das persoas que romperan os vidros dun comercio, porque nese momento “estaban apuntado a outro lugar”.

Renato Núñez

MpDC
http://mpdc.blogspot.com

Movemento polos Dereitos Civís
Rúa Rosalia de Castro - Galerías Belen - Local 108
Santiago de Compostela
Tel-Fax: 881972938 | Movil 610858850
_______________________

Enlace opara acceder a máis información sobre este proceso
_________________________

martes, setembro 09, 2008

Informe 2007 do MpDC e subscrición ao GZnación - EN MOVEMENTO

De: Movemento polos Dereitos Civís
-campanha@movemento.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 9 de setembro de 2008 16:24
Asunto: Informe 2007 do MpDC e subscrición ao GZnación - EN MOVEMENTO



Informe 2007 do MpDC e subscrición ao GZnación - EN MOVEMENTO

O xornal EN MOVEMENTO (que iniciou a súa andaina en novembro do 2007) xunto co xornal dixital GZnación.com xa sae a rúa mensualmente coa cabeceira GZnación – EN MOVEMENTO e ten unha tirada de máis de 45.000 exemplares que intenta chegar a todos os recunchos da nosa xeografía para dar conta das noticias máis relevantes, afondando na realidade que nos rodea e ofrecendo unha visión máis esclarecedora do momento social e político polo que atravesa o país.

Con esta mensaxe querémoste animar a que te subscribas ao xornal e apoies así a andaina desta nova publicación. Isto é tan facil como clicar nesta ligazón, cumprimentar os teus datos e facer xa, coa túa tarxeta de crédito ou número de conta, o pago do subscrición anual.

Por outro lado o MpDC ven de estrear unha loxa virtual na que xa pon a venda o informe anual do ano 2007. Este é o sexto informe que o MpDC edita e conta coa colaboración de Dionisio Pereira, Alejandro Martín, Miguel Fernández, Begoña Ares, Tareixa Paz, Rocío Blanco, Vera Cruz, Miguel Ángel Fernández, Xosé María Rodríguez, Nemesio Barxa, Anxo Louzao, Xosé Xoan Melón, Suso Seixo, Manuel Martín, Fins Eirexas, Andrés Fariña, Mª Carme López, Begoña González e Iván Fernández.

Lémbrate que coa compra deste informe e do resto dos produtos da loxa estarás colaborando co mantemento do Movemento polos Dereitos Civís.

Grazas pola túa atención e esperamos contar coa túa colaboración.

Renato Núñez
__________________

http://movemento.org/

http://www.gznacion.com/
________________

venres, marzo 28, 2008

A CIG denuncia a criminalización do nacionalismo e a falta de respecto aos máis básicos principios democráticos

De: cig.prensa@galizacig.com
Para: artabra21@gmail.com
Data: 27 de março de 2008
Asunto: A CIG denuncia a criminalización do nacionalismo e a falta de respecto aos máis básicos principios democráticos



CIG-Comunicación-

A CIG denuncia a criminalización do nacionalismo e a falta de respecto aos máis básicos principios democráticos
Exixe do Ministerio do Interior que investigue e adopte medidas por estes graves feitos

A Confederación Intersindical Galega (CIG) manifesta a súa indignación e estupor pola persecución das ideas e a criminalización de colectivos e persoas polo simple feito de seren nacionalistas, tal e como acreditan os documentos internos da Garda Civil aos que tivo acceso o Movemento polos Dereitos Civís.

A CIG denuncia a existencia dun protocolo de actuación do instituto armado para identificar calquera persoa ou colectivo que presente o máis mínimo trazo de ideoloxía nacionalista, manifestada en síntomas tales como levar no seu vehículo un autocolante coas siglas GZ ou ser membro dunha asociación cultural.

Tal protocolo pon de manifesto a precaria situación do pomposamente chamado “Estado de Dereito” e cuestiona a existencia real dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas, ao deixar sen contido principios tan básicos do noso ordenamento xurídico como o pluralismo político, as liberdades de consciencia e expresión e o dereito á presunción de inocencia.
Para a CIG, é indignante que a Garda Civil estea a aplicar procedementos policiais ilegais e clandestinos, de xeito que as persoas que os padecen non teñen dereito a saber que os verdadeiros motivos polos que son sometidos a control son as súas ideas políticas.
Estes feitos están na liña da regresión e perda de dereitos e liberdades que, sob pretexto de garantir unha hipotética seguridade cidadá, se están a producir en todo o mundo. Resulta mesmo paradoxal que un corpo tan anacrónico como a Garda Civil se sitúe na vangarda dos máis modernos métodos de control do pensamento, das ideas, das organizacións e das propias persoas.

A CIG esixe ao Ministerio do Interior que investigue estes gravísimos feitos e tome medidas disciplinarias contra os funcionarios e autoridades da Garda Civil responsábeis da elaboración e posta en práctica do protocolo denunciado. Do contrario, estará a mostrar cumplicidade cunha situación que atenta contra dereitos comúns a todo ser humano, que só con moito esforzo foron incorporados á Carta das Nacións Unidas.

http://www.galizacig.com/
_____________

Enlaces Relacionados:

xoves, marzo 27, 2008

A Garda Civil tomará os datos dos conductores de coches con autocolantes GZ ou da bandeira galega coa estrela vermella

De: MpDC -mpdc@movemento.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 26 de março de 2008 11:55
Asunto: A Garda Civil tomará os datos dos conductores de coches con autocolantes GZ ou da bandeira galega coa estrela vermella




A Garda Civil tomará os datos dos conductores de coches con autocolantes GZ ou da bandeira galega coa estrela vermella

Dereitos Civís tivo acceso a documentos de formación interna deste corpo, nos que se relaciona co “MOVIMENTO DE LIBERACION NACIONAL GALEGO” á Coordenadora de Asambleas de Estudantes da USC, a Galiza non se Vende, a PRES.O.S., ou a A Marcha Mundial De Mulleres, entre outros colectivos

[Para ampliar clicar acima da imaxe]

O Movemento polos Dereitos Civís tivo acceso a información facilitada pola Garda Civil en charlas de formación interna realizados, polo menos, na provincia de PONTEVEDRA. Nestas charlas repartíronse unha serie de informacións sobre o que a Garda Civil considera “o segundo maior problema de terrorismo do España” e que se centra nas siglas MLNG (MOVEMENTO DE LIBERACIÓN NACIONAL GALEGO). Na páxina 1 das copias facilitadas aos gardas civís asistentes aparecen un autocolante coas iniciais GZ, unha bandeira galega coa estrela vermella (bandeira da patria) no centro e o escudo galego de Castelao coa frase “DENANTES MORTOS QUE ESCRAVOS” como distintivos propios do MLNG.

Noutra páxina dese mesmo informe recóllense as iniciais GZ no centro coa bandeira da patria rodeado do que a Garda Civil considera campos de actuacións do MLNG (mulleres, ecoloxismo e medio ambiente, temática cultural e deportiva, lingua, antirrepresiva e dereitos civís, xuvenil, estudantes, partidos políticos e sindicatos) e no que se relaciona co MLNG a PRE.S.O.S, CEIVAR, AMI, BRIGA, ADIANTE, COORDINADORA DE ASEMBLEAS DE ESTUDANTES DA USC, AGIR, GREI, EI, NOS-UP, FPG, CUT, GALIZA NON SE VENDE, MULLERES NACIONALISTAS GALEGAS, A MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES, FAZENDO MEMORIA HISTÓRICA, AGRUPACIÓN DE MONTAÑA AUGAS LIMPAS, ERVA, QUERCUS, SCD CONDADO, A.C. CALEIDOSCOPIO, etc. Cada unha das citadas asociacións e colectivos aparece representado cos seus correspondetes logotipos para facilitar o recoñecemento por parte dos axentes.

Noutro documento ao que tivo acceso Dereitos Civís facilítase información sobre centros sociais como a: Baiuca vermelha, O Fresco e a Casa da Triga de Ponteareas, o Social Cultura Deportiva Condado, a Santa Sede e O noso Eido de Salvaterra, o Fervedoiro de Cuntis, A Tiradoura de Cangas, A Revira de Pontevedra, a Revolvía, A Cova dos Ratos, o Caleidoscopio e a Faísca de Vigo e A formiga de Redondela.

Identificacións de persoas e supostos delictos

Xa cara ao final do informe facilítase información sobre persoas por supostos delictos como “daños vidriera ayto - TUI”, “deslucimiento bienes inmuebles – iglesia – SA(L)VATERRA”, “quema fotografía S.M. El Rey – Vigo”, REQUISITORIADO e “OTROS DE INTERÉS POLICIAL”. Do mesmo xeito recóllense as inicias dos identificados nestes supostos delictos, na seguitne orden: A.A.P., A.R.M.Q, I.M.G; A.J.P.R, P.P.G; A.B.E., J.C.P.N, C.M.I, S.M.R.; A.G.M; A.F.S. e M.A.L.C.

Tamén se amosan algunhas das fotos destas persoas na rúa, incluso a de unha considerada de “INTERES POLICIAL” e coa que non se relaciona ningunha falta ou delicto.

Co acceso a esta documentación o MpDC vén de esclarecer as recentes queixas recibidas polos controles realizados polos Corpos e Forzas de Seguridade previos á eleccións xerais, nos que se denunciaban que se estaban identificando a cidadáns que dipuñan de autocolantes de ideoloxía nacionalista no seu coche e obviando aos demais.

O MpDC considera que a Garda Civil debería explicar que significa “OTROS DE INTERÉS POLICIAL” xa que a creacción de bases de datos paralelas e na que se están incluindo fotos e nomes de persoas que non cometeron ningún delicto é ilegal.

Contacto: Renato Núñez | Tel. 881972938 – 610858850
MpDC -mpdc@movemento.org-
http://mpdc.blogspot.com/
___________

Enlace relacionado no xornal dixital GZNacion.com:

A indignada rebelión do condutor investigado
Pasar a formar parte dunha base de datos "DE INTERESE POLICIAL". Renato Núñez, voceiro de MpDC, fala en GzNación sobre as repercusións reais da formación policial en Galiza contra o suposto "Movimiento de Liberación Nacional Gallego".
[GZnación / Lara Graña / 27 Mar 08]
_______________

venres, decembro 07, 2007

A Constitución celebra o seu 29 aniversario sen garantir o pleno cumprimento dos dereitos fundamentais dos galegos

De: Movemento polos Dereitos Civís
-mpdc@movemento.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 5 de dezembro de 2007 14:33
Asunto: A Constitución celebra o seu 29 aniversario sen garantir o pleno cumprimento dos dereitos fundamentais dos galegos


A Constitución celebra o seu 29 aniversario sen garantir o pleno cumprimento dos dereitos fundamentais dos galegos

O MpDC lembra a necesidade de modernizar e adaptar a Carta Magna á nova realidade social

A Constitución Española celebrará mañá o seu 29 aniversario sen garantir o amplo cumplimento de moitos dos dereitos dos galegos recollidos no texto da Carta Magna. Case trinta anos despois de ser aprobada co consenso de todas as forzas políticas existentes naquel intre e contando co apoio da cidadanía, a vulneración dos dereitos é un feito que continúa ocorrendo a cotío, co agravante de que, en moitas ocasións, son as proprias institucións públicas as que se saltan os preceptos que a C.E. promove. Con motivo da conmemoración, o Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) quere denunciar que a sociedade galega vese especialmente afectada no que respecta a defensa dos seus dereitos, xa que, tanto os mandatos do Preámbulo como os recollidos no Título I, os referidos aos dereitos fundamentais, son quebrantados sen que se tomen medidas axeitadas para detelo.

Neste sentido cabe destacar que a cidadanía galega se atopa en desigualdade de condicións no que se refire ao compromiso de “protexer a todos os españois e aos seus pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, linguas e institucións”, posto que de todos é coñecido que a defensa da lingua galega non acada os ratios desexados. Dende as graves declaracións do Valedor do Pobo nas que menosprezaba e minusvaloraba o galego ata a negativa dun gran número de xuíces á dirixirse no noso idioma á cidadanía ou mesmo a traducir as sentenzas mostran a indefensión dos galegos. Feitos estes dos que se pode destacar que a defensa do galego, a nosa cultura e as nosas tradicións non se garanten coa Constitución do Estado Español nacida hai xa 29 anos.

Dereitos Fundamentais

O MpDC tamén quere lembrar que os artigos recollidos no Título I da Carta Magna están sendo vulnerados mesmo polas institucións públicas encargadas de garantir o seu correcto cumplimento. Estes artigos merecen especial protección, xa que atenden aos dereitos fundamentais das persoas, como son o dereito á Igualdade ante a Lei e Dereito a Vida, á Intimidade, á Liberdade de Expresión ou os dereitos dos estranxeiros e nin sequera son respectados polos organismos creadas específicamente para velar polo seu cumprimento.

En Galiza existen claros exemplos de violación de cada un destes preceptos. Hai unhas semanas un veciño de Meis, que se demostrou que era inocente, foi tiroteado por membros da policía, que quedaron absoltos por “non haber intención” de facerlle dano, mentras que os veciños do Eixo, onde si se demostrou a súa non intencionalidade de face dano a un membro dos Corpos e Forzas de Seguridade, están a cumprir cadea dende o 31 de outubro. Pola súa banda, a proliferación das cámaras de videovixiancia fixo que o dereito á Intimidade sexa un dos máis vulnerados en Galiza, na maioría dos casos por parte dos organismos públicos, que no seu afán de plantexar medidas políticas de cara á sociedade instalan dispositivos de control, para os que, en multitude de casos, nin sequera contan cos pertinentes permisos.

Do mesmo xeito a Liberdade de Expresión vese coartada pola limitación da participación cidadá na vida municipal ao impedírenselle a entrada nos plenos ou coa censura no acceso a deteminadas páxinas web aloxadas nos servidores Blogger, dende os edificios dependentes das administracións públicas. Tampouco os estranxeiros residentes no noso país teñen garantizados os seus dereitos, pois a cor da súa pel convértese en moitos casos no factor determinante á hora de identificar ou deter a unha persoa que vai pola rúa. Por todos estes motivos, dende o MpDC lémbrase a necesidade de atender ás demandas da sociedade que reclama a modernización e a adaptación da Carta Magna aos novos tempos e realidades.

Renato Núñez: 61085885
_____________

luns, xullo 02, 2007

O Movemento polos Dereitos Civís Informa

MpDC Informa: Xuño


Movemento polos Dereitos Civís -mpdc@movemento.org-
2 de xullo de 2007 08:45
Para: "PA21" -artabra21@gmail.com-

Movemento polos Dereitos Civís Polos Dereitos e Liberdades MpDC


Merca o informe 2006 do MpDC - Colabora coa defensa dos nosos dereitos e liberdades

Un ano mais o Movemento polos Dereitos Civís ven de presentar o seu informe anual; unha recopilación do traballo realizado durante o ano 2006 xunto coa aportación de Avogados, profesores, estudantes, xornalistas, escritores e asociacións en relación coa vulneración de dereitos fundamentais acontecidos durante o ano pasado. Vínculos a esta entrada


Servizo de Mensaxería

Si queres recibir información no movil envíanos o teu teléfono ao correio mpdc@movemento.org


Subscribete ás noticas do MpDC


Noticias

2007-06-29

A Delegación do Goberno xustifica o dispositivo policial na Ría de Ferrol pola posibilidade dunha “traxedia”

Os mariscadores non estaban a realizar ningunha actividade ilegal, xa que deberían ter sido preavisados con antelación

Ampara a violencia policial para permitir o paso do gaseiro coa excusa da seguranza

A Delegación do Goberno vén de informar ao Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) a respeito da dispositivo policial desplegado na ría de Ferrol para permitir o paso do gaseiro “Galicia Spirit” até as instalacións de REGANOSA, o pasado 9 de maio. Segundo a Delegación, “un novo intento de bloqueo da ría” podería ocasionar unha “traxedia” dentro dunha “elevada posibilidade”, o que tería xustificado, a petición da Autoridade Portuaria, a proporcionalidade da intervención policial. Vínculos a esta entrada

Etiquetas: Actuacións Policiais, Delegación do Goberno, Ferrol

2007-06-26

O Defensor del Pueblo aceita unha queixa contra as cámaras da Coruña

A Axencia de Protección de Datos está a investigar tamén

O Defensor del Pueblo vén de aceitar unha queixa, presentada polo Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) ante a instalación irregular dos dispositivos de videovixilancia na Coruña. Estas cámaras foran colocadas no mes de agosto do ano pasado sen contar cos permisos pertinentes, xa que o Concello só comezou os trámites para solicitar a autorización en decembro. Vínculos a esta entrada

Etiquetas: A Coruña, Videovixiancia

Un sarxento da Policía Local de Compostela afirma que as cámaras non gravan

Despois de anos de peticións denegadas, permitiuse o acceso da cidadanía ás imaxes para afirmar que non quedan rexistradas

Un sarxento da Policía Local de Compostela afirmou na semana pasada que as distintas cámaras instaladas no casco vello da cidade, así como as que teñen como función teórica a supervisión do tráfico en distintos pontos da cidade, non realizan tarefas de gravación. Segundo estas declaracións, as imaxes só son captadas no momento e supervisadas polos axentes encargados desa función, pero non realizan ningunha gravación. Vínculos a esta entrada

Etiquetas: Santiago de Compostela, Videovixiancia

2007-06-25

Merca o informe 2006 do MpDC - Colabora coa defensa dos nosos dereitos e liberdades

Un ano mais o Movemento polos Dereitos Civís ven de presentar o seu informe anual; unha recopilación do traballo realizado durante o ano 2006 xunto coa aportación de Avogados, profesores, estudantes, xornalistas, escritores e asociacións en relación coa vulneración de dereitos fundamentais acontecidos durante o ano pasado. Vínculos a esta entrada

2007-06-19

O MpDC pregunta á Delegación do Goberno se é certo que os policías graban de forma irregular os detidos

O MpDC vén de preguntar á Delegación do Goberno polas gravacións dos detidos nas dependencias policiais que foron obtidas de xeito irregular. Esa forma de actuar, que vulnera tanto a Lei de Videovixilancia como a de Protección de Datos, foi recoñecida polo voceiro dun sindicato policial nun telexornal de Telecinco recentemente. Segundo o sindicato policial, é habitual que se usen métodos proprios (teléfonos e cámaras) para se defender no suposto de denuncias de maus tratos. Vínculos a esta entrada

Etiquetas: Actuacións Policiais, Delegación do Goberno, dereito á intimidade

2007-06-15

O Concello de Santiago permite por primeira vez o acceso aos datos dos arquivos policiais e os dos sistema de videovixilancia

En dous casos distintos, obrigado pola Axencia de Protección de Datos

Por primeira vez en cinco anos, o Concello permite o acceso da cidadanía aos datos rexistrados na Policía Local e no sistema de videovixlancia. Despois dun lustro de demandas, a Axencia Española de Protección de Datos resolveu comninar á cámara compostelana a permitir o acceso da cidadanía a diversos datos, que até o de agora era denegado, e aínda en dous casos distintos.

Vínculos a esta entrada

Etiquetas: Axencia Española Protección de Datos, Lei de protección de datos, Santiago de Compostela

2007-06-14

Preséntase o Informe 2006 do Movemento polos Dereitos Civís

Interviron os avogados Xosé María Fernández, Miguel Ángel Fernández e Alejandro Martín
Máis extenso que nunca, analiza a situación dos dereitos e liberdades en Galiza no ano pasado

Compostela, 14 de xuño de 2007.- O Movemento polos Dereitos Civís presentou hoxe en Compostela o Informe 2006, que pretende servir como radiografía do estado dos dereitos e liberdades en Galiza. Xosé María Fernández, membro do MpDC e avogado, afirmou no acto que abonda con ler o relatorio para “decatarse da importancia que ten nos nosos días a existencia de asociacións como o MpDC”, xa que os dereitos precisan dunha defensa activa e constante por parte da sociedade civil auto-organizada. Neste sentido, hai que destacar a publicación, ano tras ano, deste Informe anual como unha ferramenta útil para informar á sociedade, concienciala sobre os seus dereitos e avanzar na defensa dos mesmos. Vínculos a esta entrada

Etiquetas: Informe

2007-06-08

Asina pola dimisión de Ameijeiras

Campaña de recollida de sinaturas na rede

O Movemento polos Dereitos Civís vén de lanzar unha campaña de recollida de sinaturas na rede para exixir a dimisión inmediata do Delegado do Goberno en Galiza, Manuel Ameijeiras. Desde que adquiriu o cargo, Ameijeiras é o responsábel directo do uso da violencia policial contra todo tipo de movementos sociais. A Delegación de Goberno español asumiu desde a partida un papel continuísta do recurte de liberdade e de dereitos propio do goberno do Partido Popular. Entendemos que estes feitos son inaceptábeis desde unha perspectiva democrática e exixen a asunción de responsabilidades: Vínculos a esta entrada

Etiquetas: Delegación do Goberno

2007-06-07

Preséntase un Informe sobre a Policía Local de Compostela

Actuacións violentas e ilegais que non son investigadas nen rectificadas

O MpDC vén de presentar un informe sobre a actuación da Policía Local de Compostela nos últimos meses. O informe realiza un breve percurso por unha serie de actuacións deste corpo denunciadas publicamente nos últimos meses: agresións, detencións ilegais, identificacións arbitrarias, manipulación ilegal de datos persoais ou proibicións de acceso a plenos municipais. Constátase unha actuación que viola de xeito constante e deliberado os dereitos da cidadanía e que non ten un carácter illado ou ocasional, senón que demostra unha certa permanencia no tempo e unha actitude estructural que se remonta no tempo, xa que en anos anteriores rexístranse actuacións moi semellantes. Vínculos a esta entrada

Etiquetas: Actuacións Policiais, Santiago de Compostela

2007-06-05

A Comisión de Garantías autoriza as cámaras de videovixilancia na Coruña meses despois da súa instalación

Levan na Estación de Autobuses desde agosto e o permiso é necesario de xeito previo

A Comisión de Garantías da Videovixilancia e a Delegación do Goberno en Galiza autorizaron as cámaras de videovixilancia instaladas na Estación de Autobuses da Coruña meses despois de que xa estivesen instaladas. A Delegación do Goberno vén de regularizar así unha situación que é claramente ilegal, xa que esta autorización é perentoria e previa á instalación das mesmas. Ademáis, o goberno local debe xustificar a necesidade da utilización da videovixilancia en cada caso concreto. Vínculos a esta entrada

Etiquetas: Delegación do Goberno, Videovixiancia

2007-06-01

O Ministerio do Interior minte ante o Defensor del Pueblo para xustificar unha intervención policial


Afirma que un grupo de mozos borrara parte dunha placa que indica o nome dunha rúa cando está gravada na pedra


O Ministerio do Interior vén de remitirlle ao Defensor del Pueblo un informe xustificativo dunha actuación policial na que manipula a realidade para xustificar a corrección da Policía nese momento, no que supón unha falsidade nun documento público.

Vínculos a esta entrada

Etiquetas: Actuacións Policiais, Defensor del Pueblo


Colabora có MpDC

O Movemento polos Dereitos Civís ten como finalidade fundamental defender os dereitos civís e políticos, investigando as perdas de dereitos e liberdades, vixiando o cumprimento dado por parte das diferentes administracións públicas, así como tamén polas entidades privadas, aos dereitos fundamentais das persoas, e dando traslado das denuncias, recursos e queixas, tanto socialmente, como ante as institucións competentes, para tentar resolver os problemas detectados.

Apoiando ao Movemento polos Dereitos Civís, estarás pois apoiando a defensa dos dereitos e liberda­des, tanto individuais coma colectivos. E para canalizar o teu apoio, creamos a figura do Socio Colaborador ou Socia Colaboradora, a través da cal pódes, a cambio dunha aportación de 40 € anuais ou 4€ mensuais, realizar consultas relacionada con estes temas á asesoría xurídica do Movemento, e ademais contaredes cun desconto nun listado de despachos de avogados repartidos por todo o país e que poderedes consultar na nosa páxina web (www.movemento.org ).

Un saúdo


www.movemento.org
Rúa Miguel Ferro Caaveiro, 10 - 2º
15703 Santiago de Compostela

Fax: 981571082

Tel. 610858850