Amosando publicacións coa etiqueta Praza Pública. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Praza Pública. Amosar todas as publicacións

venres, setembro 19, 2014

O Pobo Escoces exerceu o "Dereito a decidir", baixo fortes presións da oligarquía do Reino Unido e do "Deus Mercado" - Un exercicio do Dereito de Autodeterminación Nacional que xa de por si supón gañar en democracia, gañar en soberanía


Desde Ártabra 21 consideramos moi interesante todo este proceso e o exercicio do "Dereito a decidir" por parte do pobo escocés, este 18 de Setembro de 2014.  "Dereito a decidir", que se exerceu baixo fortes presións da oligarquía do Reino Unido e do "Deus Mercado", mais que foi un exercicio do Dereito de Autodeterminación Nacional que xa de por si supón gañar en democracia, gañar en soberanía. Neste artigo, transcribimos
os primeiros apuntes no xornal dixital 'Praza Pública' sobre o resultado e o proceso no referendum de autodeterminación escocés. 'Praza Pública' anuncia que seguira ampliando a información sobre o tema, polo que recomendamos entrar na seu sítio-e. 'Sermos Galiza' tamén contribúe á información con moi bos e amplos reportaxes e opinións, polo que tamén recomendamos acceder ao sitio-e do xornal galego.

Na foto, publicada en RadioFusión, representantes de nacións sen estado en Edimburgo, de organizacións integradas na Alianza Libre Europea [*]

Escocia queda no Reino Unido, pero terá máis autogoberno

Escocia seguirá no Reino Unido. O "non" á independencia escocesa impúxose no referendo celebrado este xoves, segundo os resultados oficiais, co 55,5% dos votos fronte a preto dun 44,5% do si, unha vez publicados os datos das 32 circunscricións rexionais nas que está dividida Escocia.

Segundo eses datos, preto do 85% dos máis de catro millóns de escoceses chamados ás urnas participaron no referendo sobre a independencia. Unha vez coñecidos os datos da circunscrición de Highland, a derradeira en rematar o escrutinio, os votos a favor de seguir no Reino Unido foron 2 millóns e 1,6 apostaron pola independencia.

O si logrou imporse en só catro das áreas electorais, aínda que levou Glasgow, a maior de todas. Alí os independentistas lograron un 53% dos votos. Na capital, Edimburgo, o non obtivo o 61% dos sufraxios. Aberdeen, outra das grandes cidades escocesas, tamén caeu ao lado unionista.

Cameron, satisfeito pola unión das "catro nacións"

Tras coñecer que o resultado era definitivo, o primeiro ministro británico, David Cameron, expresou a súa satisfacción pola decisión do pobo escocés de "manter xuntas ao catro nacións", tras a vitoria do non á independencia de Escocia. "Son un apaixonado do Reino Unido, pero tamén son un demócrata; podería ter prohibido o referendo, pero preferín que o pobo escocés falase", di, nun contexto no que, lembra, esta decisión partiu do "respecto" á elección do Scottish Nacional Party en 2011, en cuxo programa se incluía "un referendo de independencia". "Respectamos a maioría do SNP e démoslle ao pobo escocés o dereito de falar" nunha votación que "será lembrada como unha poderosa manifestación da fortaleza e vitalidade da nosa vella democracia".

Nunha declaración ante a porta da residencia oficial de Downing Street, Cameron sinalou que o "resultado foi claro" e é unha "oportunidade" de cambiar "para mellor" a forma en que a unión é gobernada tras unha votación que, ao seu xuízo, pecha o debate da independencia escocesa para unha "xeración". Neste contexto Cameron diríxese tamén aos "escoceses escépticos" coas súas promesas de maior autogoberno. "O pobo escocés vai ter máis poder" en áreas como a xestión dos impostos e dos orzamentos e tamén dos servizos públicos nun proceso que, reitera, comezará de inmediato.

Pola súa banda, o ministro principal escocés Alex Salmond asegurou que acepta "o veredicto" do pobo escocés, á vez que instou a facer o mesmo aos partidarios do 'si'. Nun acto en Edimburgo no que foi recibido cunha ovación, Salmond agradeceu a Escocia "os centos de miles de votos a favor da independencia" e expresou a súa satisfacción polo bo ton no que se desenvolveu a campaña e a normalidade da xornada electoral.

Unha observadora galega como garante dun proceso "limpo e transparente": Ir a web.

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].

Sitio-e do referendum sobre a independencia de Escocia (Scotland), onde se pode acceder aos resultados e outras informacións:
http://scotlandreferendum.info/

[*] Organizacións integradas na  Alianza Libre Europea:

___________

martes, setembro 02, 2014

"O 1 de xaneiro de 2015 expiran os compromisos do Reino de España ... Por conseguinte, xa non se aplicará a limitación relativa á construción naval civil", contesta o Comisario da Comisión Europea, Sr. Almunia á pregunta da eurodeputada de AGE(e), Lidia Senra


A Comisión Europea confirma á eurodeputada de AGE(e), Lidia Senra, que o 1 de xaneiro de 2015 remata definitivamente o veto á construción naval civil en Navantia


Onte mesmo, luns 1 de Setembro de 2014, os comités de empresa de Navantia (Ferrol e Fene), facían unha rolda de prensa onde repasaban a situación actual nos estaleiros da ría, os incumprimentos das administracións (gobernadas polo Partido Popular - PP) e as esixencias para que se clarifique dunha vez o futuro inmediato da antiga ASTANO (Ferrol 360, Diario de Ferrol, El Correo Gallego, El País e La Voz de Galicia).

A Alternativa Galega de Esquerda en Europa -AGE(e)- manifestaba en nota de prensa que a "deputada europea de AGE(e) vén de recibir resposta á pregunta formulada á Comisión Europea o pasado mes de xullo no marco da súa actividade parlamentaria, sobre o veto imposto aos estaleiros públicos de Navantia".

"A resposta da Comisión é clarísima, Navantia e o Estado Español a partires do 1 de xaneiro de 2015 xa non estarán vinculados polos compromisos adquiridos no seu día e, polo tanto, a limitación xa non se aplicará. É dicir, o veto será levantado definitivamente o 1 de xaneiro do 2015".

"Xa non hai ningunha escusa. A Xunta de Galiza, o Goberno Central e a SEPI deben asumir as súas responsabilidades e comezar desde xa a buscar carga de traballo para Navantia. O momento é o propicio, pois o mercado mundial da construción naval está en alza e en Galiza precisamos urxentemente de postos de traballo".

"A recuperación da comarca de Ferrolterra depende da carga de traballo para Navantia e Galiza volvería recuperar un dos seus sectores industriais estratéxicos. Hai moito en xogo. Dende AGE(e) agardamos que agora as administracións galega, estatal e a SEPI estean á altura das circunstancias e poñan os dereitos das persoas por diante dos intereses do capital".

PREGUNTA E RESPOSTA

Pregunta con solicitude de resposta escrita
E-006030/2014 (24.07.2014)
Á Comisión
Artigo 130 do Reglamento
Lidia Senra Rodríguez (GUE/NGL)
Asunto: Fin do veto á construción naval civil en Navantia
O 1 de xaneiro de 2015 termina o veto imposto aos estaleiros públicos galegos (Astano e a antiga Bazán), hoxe integrados na empresa pública Navantia. Este veto da Unión Europea impediulles durante 30 anos construír buques civís. Esta imposición tivo o seu prezo en miles de postos de traballo e a desertización industrial e demográfica da comarca de Ferrolterra. Galicia perdía un dos seus sectores industriais estratéxicos, paralizando a parte máis importante dos astilleros mellor preparados de Europa.

Seguimos asistindo en 2014 a un proceso de liquidación dos estaleiros públicos de Navantia. É un proceso de privatización que está sendo obxecto de aceleración. Hai unha decisión política de liquidar estes estaleiro públicos. O mercado da construción naval está en alza a nivel mundial e Navantia non ten nin un só proxecto en carteira, só un hotel flotante (flotel) que apenas vai manter 500 postos de traballo durante dous anos (dun persoal de 2.300).

- Que vai pasar o 1 de xaneiro de 2015?
- Poderá o estaleiro público galego sentirse libre do veto que o castigou a abandonar a construción naval civil, da que era unha referencia mundial?
Resposta do Sr. Almunia en nome da Comisión
ES E-006030/2014 (25.08.2014)
O 1 de xaneiro de 2015 expiran os compromisos do Reino de España, entre os que se conta a limitación das vendas civís de Navantia ata un máximo do 20 % das vendas totais como media móbil de tres anos, durante un período de 10 anos, rexistrada na Decisión correspondente da Comisión sobre o seguimiento dos asuntos relativos a IZAR, predecesor de Navantia, C3/99, C40/00 e C38/03.

Como consecuencia diso, Navantia e o Reino de España xa non estarán vinculados por eses compromisos, que propuxo o Reino de España no contexto do procedemento naquel momento. Por conseguinte, xa non se aplicará a limitación relativa á construción naval civil.
Interesante reportaxe en Praza Pública:
Catro meses para a fin do veto aos barcos civís en Navantia | Apenas catro meses. É o que resta para que os estaleiros de Ferrolterra se liberen do veto para construír buques civís que os afoga dende hai tres décadas. A primeira reconversión naval, pactada polo Goberno de Felipe González a mediados dos anos 80, e a segunda, acordada polo gabinete de José María Aznar en 2004, obrigaba as factorías da ría ferrolá a centrarse unicamente no ámbito militar, toda vez que a compañía pública só podía dedicar ao ámbito civil o 20% da súa facturación e, no caso da antiga Astano, tíñao completamente prohibido. Agora o comisario europeo da Competencia, Joaquín Almunia, vén de confirmarlle á eurodeputada de AGEe, Lidia Senra [*], que a hipoteca ficará cancelada cando estaba previsto, no remate deste ano. [Ler máis]


lidia.senra@europarl.europa.eu

[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde.

Artigo relacionado:
Ártabra 21: Comunicado de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, en relación ás novas sobre a postura de Bruselas a respecto da construción do dique flotante en Navantia Ferrol
________________

mércores, agosto 27, 2014

En Praza Pública: Rajoy promételle máis recortes a Merkel con Santiago como plató - Reportaxe de David Lombao


"Seguiremos pola senda reformista". Mariano Rajoy culminou a súa reunión informal coa chanceler alemá en Santiago sacando peito polas "reformas estruturais", os recortes aplicados polo seu Goberno desde 2011. "Non nos deixaremos levar pola autocompracencia" agora que "empezamos a ver os froitos das reformas que acometemos", garantiu o xefe do Goberno de España ante Angela Merkel. Entre eses froitos, parece, está un posto para Luis de Guindos na presidencia do Eurogrupo, ratificado nun encontro no que Compostela e Galicia tiveron o papel de mero pletó.

Tras un paseo por un tramo do Camiño de Santiago e unha cea nunha cara marisquería da capital galega Merkel e Rajoy compareceron xuntos ante a prensa para, esencialmente, asegurar que a receita de pasar a tesoira non só funciona, senón que é, en palabras do presidente español, a "única forma de preservar os niveis de protección social que a sociedade española merece". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, seguiu dende a primeira fila dos asentos da prensa como o seu xefe de filas explicou que non é o momento de "acabar coas políticas de austeridade", senón de seguir por un camiño que xa deriva nunha "mellora substancial da economía".
A chanceler parabeniza a Rajoy polas dúas "duras reformas"
A chanceler, que minutos antes se fundira nunha aperta coa imaxe do Apóstolo Santiago na catedral compostelá -a visita foi adiantada media hora para evitar a coincidencia coas protestas cidadás-, comparte "a opinión de Mariano Rajoy". É un "malentendido" que "para o crecemento se precisen máis cartos". "Non é certo", afirma entre felicitacións a Rajoy polas "duras reformas" aprobadas e o "gran ímpeto" á hora de aplicalas. O Executivo do PP, di a líder alemá, "creou os alicerces" para que o Estado marche ben cun crecemento económico que é "o primeiro indicio" de que se poderá diminuír o paro.

Apoio a De Guindos, sen veto para Cañete


Entre os resultados tanxibles que Rajoy saca dos actos nos que Galicia e o seu goberno exerceron como meros espectadores -Feijóo tivo un papel secundario en todo momento e na rolda de prensa abordouse a actualidade estatal e a catalá, pero non a galega- figura o apoio para dirixir a zona euro a quen hoxe é ministro de Economía e, antes, dirixente de Lehman Brothers ata que o xigante financeiro crebou. Luís de Guindos "foi un ministro de Economía excelente en tempos difíciles", sinala Merkel, por iso "cando remate o prazo do actual apoiaremos a súa candidatura".
De Guindos, ex directivo de Lehman Brothers, terá apoio de Merkel para dirixir o Eurogrupo
Merkel é menos entusiasta en relación coa entrada de Miguel Arias Cañete na nova Comisión Europea, a outra petición de Rajoy para a novo organigrama comunitario. Das palabras da chanceler despréndese que o cabeza de lista dos populares españois non sufrirá o veto alemán, pero que sexa ou non comisario dependerá do presidente, Jean Claude Juncker, que xa ten sobre a súa mesa unha carta de Rajoy "propóndoo como candidato", lembrou ante Merkel.
A Policía cargou con dureza contra a protesta anti troika
Protestas e cargas policiais

O intercambio de eloxios, os paseos, o ritual apostólico e as promesas de cargos e recortes producíronse nunha Compostela tomada pola Policía, que se empregou a fondo para que as protestas non estragasen a foto. Nin sequera Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei (Lugo) asasinado polos franquistas en 1936, púidose achegar a Merkel para entregarlle unha carta na que pedía que Alemaña se desculpase pola colaboración co golpe de Franco.

A carta de Rivas tivo que quedar na recepción do Hostal dos Reis Católicos, onde se celebraba a rolda de prensa. Máis lonxe, nas rúas adxacentes, tivo que quedar a manifestación anti troika apoiada pola CIG e apoiada por organizacións da oposición galega como AGE e o BNG. A protesta, que tentou sen éxito achegase á Praza do Obradoiro, terminou reprimida por unha carga policial na que, entre outros, resultou lesionado o portavoz municipal do Bloque, Rubén Cela.

Por David Lombao | @davidlombao , publicado no xornal Praza Pública 27 de Agosto de 2014 | Licenza Creative Commons by-sa.

Recomendamos ver a noticia en Praza Pública, con comentarios, anexos, novas relacionadas, reportaxe e crónica do día en que Merkel e Rajoy "visitaron" Compostela.

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
_______________

luns, agosto 25, 2014

A Marea de Vigo en marcha - Unha marea para que Vigo "volva ser motor de grandes cambios progresistas"


As persoas asinantes do manifesto da Marea de Vigo, de obteren os apoios suficientes, pularán pola posta en marcha dun proceso asembleario, pola concreción dun programa común da esquerda rupturista e a convocatoria de primarias abertas para constituír unha candidatura unitaria capaz de vencer aos partidos do sistema e acadar o goberno municipal de Vigo.
Marcos Pérez Pena escribiu a seguinte reportaxe o pasado 11 de Agosto en Praza Pública que agora reproducimos en Ártabra 21.

Unha marea para que Vigo "volva ser motor de grandes cambios progresistas"

 "Fronte aos nefastos recortes dos servizos públicos, fronte ás políticas que provocan o desemprego, a miseria e a emigración, debemos unirnos para dar unha resposta democrática e solidaria en prol da xustiza social (...) En Vigo, coma na Coruña e noutros moitos concellos de Galicia, cada vez máis homes e mulleres xuntamos as nosas forzas nunha gran Marea cidadá para mudar esta situación de caos e sufrimento, ata o punto de que podemos sentir que regresou a dignidade". Vén de iniciarse a difusión do manifesto da Marea de Vigo, un chamamento que busca a conformación para as eleccións municipais de 2015 dunha candidatura cidadá e unitaria da esquerda rupturista, como tamén se está a organizar en Barcelona, A Coruña e outras cidades e vilas.

O texto alerta de que "Vigo está devalando nun proceso de frustrante decadencia" e denuncia que "o actual goberno municipal perpetúa a privatización da auga, dos transportes urbanos e de ría, dos servizos recaudatorios, dos aparcadoiros; de xeito que unha colosal masa de diñeiro que todos achegamos ás arcas municipais vai encher as andorgas de empresas privadas alleas a Vigo e a Galicia". Por ese motivo chama á organización da cidadanía e dos movementos sociais para "unhas eleccións municipais que deben servir para lograr un cambio radical".
"Pularemos pola posta en marcha dun proceso asembleario, pola concreción dun programa común da esquerda rupturista e a convocatoria de primarias abertas para constituír unha candidatura unitaria"
O manifesto preséntase con 72 asinantes iniciais, de xeito simbólico, aínda que a pasada semana xa superara esa cifra de apoios. A partir de agora buscará a recollida de sinaturas a través da súa web, sinalando que "de se obteren os apoios suficientes, pularemos pola posta en marcha dun proceso asembleario, pola concreción dun programa común da esquerda rupturista e a convocatoria de primarias abertas para constituír unha candidatura unitaria capaz de vencer os partidos do sistema e acadar o goberno municipal de Vigo".

Reclama "un goberno laico e de xestión transparente, comprometido coa ecoloxía e a economía sustentábel, nun Vigo que volva ser motor de grandes cambios progresistas". E salienta que "tentaremos impedir, en confluencia coas opcións de esquerdas doutros concellos, que as deputacións provinciais sigan sendo niños de corrupción e nepotismo, ao tempo que propugnamos a súa desaparición".
Reclama "un goberno laico e de xestión transparente, comprometido coa ecoloxía e a economía sustentábel, nun Vigo que volva ser motor de grandes cambios progresistas"
O documento conta entre os seus primeiros apoios con Antonio Durán Morris, Carlos Barros, Xosé Antón Laxe Martiñán, Julián Hernández, Beatriz Suárez Briones, Waldino Varela, Antón Reixa, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Pérez González, Gonzalo Navaza, Anxo Angueira, Iolanda Zúñiga ou Xosé María Álvarez Cáccamo. Fai un chamamento a que Vigo "sexa o centro dunha área metropolitana que converta a nosa comarca nun dos principais eixos do desenvolvemento social do país". "Queremos, antes que humanizar as rúas, humanizar as condicións de vida das persoas que se atopan na probreza máis extrema. Queremos rematar de vez coa especulación urbanística e os desafiuzamentos. Queremos que se promova e respecte a nosa lingua e a nosa cultura, agora mesmo maltratadas pola Xunta de Feijoo", destaca igualmente.
"Requírense novas formas de organización e participación cidadá, capaces de activar unha revolución democrática para decidirmos nós, e non as elites de quenda, en que tipo de cidade queremos vivir"
"Requírense novas formas de organización e participación cidadá, capaces de activar unha revolución democrática para decidirmos nós, e non as elites de quenda, en que tipo de cidade queremos vivir" -subliña- "Propoñemos ir rueiro por rueiro, barrio por barrio, parroquia por parroquia, para construír entre todas e todos unha política inédita que nos libere das vellas prácticas dos partidos do réxime". "Así, coa nosa forza colectiva e asemblearia, conseguiremos que a marea dos que non temos nada que perder e si todo que gañar asolague dunha vez estas beiras do Atlántico", conclúe.

Por Marcos Pérez Pena, publicado no xornal Praza Pública 11 de Agosto de 2014 | Licenza Creative Commons by-sa.

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
_______________

Web do Manifesto da marea de Vigo:
http://www.mareadevigo.org/

___________

xoves, agosto 21, 2014

A 'marea' cidadá tamén chega a Ourense - Mentres, n'A Coruña, a Marea Atlántica segue acadando apoios co obxectivo de conseguir os 2.500 asinantes que se fixou como aval necesario para continuar o proceso en outono


A 'marea' cidadá tamén chega a Ourense   


Seguindo o ronsel da Marea Atlántica da Coruña ou de Guanyem Barcelona, membros de diferentes movementos sociais e da esquerda na cidade de Ourense traballan tamén nunha "proposta de posible candidatura municipal e cidadá" de cara aos comicios locais de 2015. Os impulsores do que pretende ser un proceso semellante ao que se impulsou na capital herculina ou o que está a nacer en Vigo levan tempo xa traballando nun manifesto e mantendo contactos para facer o vindeiro 1 de setembro ese texto fundacional e os seus primeiros asinantes.
Ourense en Común fará público o seu manifesto e os primeiros asinantes o vindeiro 1 de setembro
"Estamos seguindo a vía que se abriu na Coruña ou en Vigo e tamén a liña de Guanyem ou Municipalia", aseguran fontes do grupo promotor, que recoñecen que a Marea Atlántica "é un referente" á hora de promover esta plataforma, denominada Ourense en Común, que xa conta con páxina web que está apañando diferentes apoios, algún espérase que coñecido, para comezar un camiño que prevén "longo".

Os obxectivos son semellantes ao resto das mareas: confluencia, recuperar o poder para a maioría, transparencia, participación cidadá e horizontal, rexeneración democrática... Todo ao servizo do ben común e coa vista posta nas eleccións municipais e na clara intención de que movementos sociais e formacións da esquerda alternativa se dilúan de cara aos comicios neste obxectivo común. Os destinatarios da mensaxe, no ámbito partidista, parecen claros: BNG, Anova, EU ou Podemos, así como outras formacións minoritarias.
"Temos claro que isto non debe ser unha suma de siglas, senón un espazo de confluencia e integración"
"Temos claro que isto non debe ser unha suma de siglas, senón un espazo de confluencia e integración, a través da adscrición individual para que todos nos diluamos neste espazo común", explican as mesmas fontes, que aclaran que o propósito é que todas esas formacións alleas ao bipartidismo, da esquerda alternativa e que compartan o ideario común "decidan non presentar candidatura" ás eleccións municipais para lograr artellar un verdadeiro proxecto popular e cidadán. "Sabemos que é un proceso longo e complicado, pero pódese lograr e iso é o que imos intentar", insisten.

Ourense en Común únese así ás cada vez máis numerosas iniciativas que están a xurdir nas vilas e cidades, tanto de Galicia como no conxunto do Estado. As intencións do Goberno do PP de levar a cabo unha polémica reforma electoral, coa que quedarían vetadas as coalicións e se outorgaría o poder absoluto nos concellos a aqueles partidos que superen o 40% dos votos, parece darlle un pulo aínda maior a estas plataformas cidadás.

En canto ás formacións políticas, a chamada recorrente á confluencia de Anova, Esquerda Unida ou Espazo Ecosocialista uníronse nas últimas semanas algúns alcaldes do BNG que, en contra da tese actual da cúpula da fronte, reclamaron liberdade para poder pactar listas abertas nas que se inclúan organizacións estatais como EU ou mesmo Podemos e poder conformar así unha especie de fronte popular co que competir nas vilas e cidades contra o bipartidismo e a fortaleza da dereita do PP. Entre os asinantes do manifesto Somos Maioría, que pula por esta unión, xúntanse dirixentes de Anova, Esquerda Unida ou CxG, pero tamén rexedores do Bloque.
A Marea Atlántica celebra a súa primeira asemblea aberta de barrio e a #mareacultura
E mentres, a Marea Atlántica segue acadando apoios co obxectivo de conseguir os 2.500 asinantes que se fixou como aval necesario para continuar o proceso en outono. Supera as 1.500 desde que comezou a andaina e comeza a celebrar as asembleas abertas "nas que empezar a construír dende abaixo un proxecto alternativo de cidade, sen exclusións, para o 99%". A primeira delas, barrial, celebrouse na Agra do Orzán este mércores e para o xoves está prevista a denominada #mareacultura, que se levará a cabo a partir das 20 horas diante do Teatro Rosalía. En Vigo, pola súa banda, a Marea acadou xa as 500 sinaturas de apoio ao seu manifesto inicial.

Por Miguel Pardo | @depunteirolo | Imaxe da web de Ourense en Común | © ourenseencomun.info | Publicado no xornal Praza Pública 21 de Agosto de 2014 | Licenza Creative Commons by-sa.

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
____________

domingo, xuño 22, 2014

O berro de "pan, traballo e teito" rodeou o Parlamento Galego - Vídeo


O Parlamento foi rodeado, na mañá deste sábado, por unha gran marea reivindicativa convocada polas Marchas da Dignidade. "O Parlamento galego e os demais parlamentos de todo o Estado español foron secuestrados", denunciou o manifesto lido ao remate da mobilización, que centrou as súas críticas no poder financeiro, "unha mafia" que "coa principal colaboración dos dous partidos maioritarios, PP e PSOE, está a roubar o que é do pobo para entregarllo ás grandes empresas". O texto incidiu polo tanto na denuncia do control que o poder económico exerce o poder político e as súas institucións, un control que lle resta "lexitimidade" ao poder lexislativo e que xustifica a necesidade "situar o debate e a contestación nos Parlamentos, no europeo, no español, nos parlamentos autonómicos. Centros de decisión en teoría democráticos que deixaron de selo".

A deste sábado foi unha manifestación diferente. Polo seu percorrido e polo seu desenvolvemento, pois dende o seu inicio na estación de tren de Compostela, os seus integrantes fóronse estendendo e desprendendo, formando unha fileira no perímetro do Parlamento, coma unha longa corda que se desenrolaba. Así, até rodear por completo o exterior da cámara. Foi unha manifestación ruidosa, liderada polo berro de "pan, traballo e teito" e a demanda de "dimisión", tanto para Alberto Núñez Feijoo coma para Felipe VI.

Foi tamén moi significativo o papel dun grupo moi numeroso de bombeiros, moitos deles dende hai meses no contexto de sucesivos conflitos laborais polos seus dereitos, que non só lideraron a marcha en moitos treitos, senón que formaron un eficaz servizo de orde. De feito, outro dos berros máis escoitados foi o de "madeiros, aprendede dos bombeiros", dirixidos cara ás dotacións de antidisturbios que vixilaban a mobilización. E foi tamén unha manifestación chea de cor, de bandeiras de todo tipo: republicanas, estreleiras, comunistas, anarquistas, de Nunca Máis, ou das organizacións -da CUT a CGT, pasando por SLG, Podemos, o Sindicato Ferroviario ou o STEG- que máis se implicaron na súa convocatoria, apoiada expresamente por BNG e por todas as forzas que compoñen AGE.

Manuel Camaño, un dos voceiros da plataforma, entende "que hai unha clave frentepopulista e unha clave de unidade de clase e popular, que nos obriga a todos os que pensamos que este sistema é inxusto". Nos últimos días AGE chamou nun comunicado a secundar a convocatoria e a demandar “solucións a esta situación de fame e pobreza a través da “unidade popular” para destituír “a aqueles que non representan o pobo”. E, de igual xeito, o BNG defendeu que a Cámara "ten que ser a institución que recolla a voz da cidadanía acosada polas políticas de recorte do PP en todas as instancias nas que goberna".

Neste sábado 21 houbo manifestacións semellantes ante os parlamentos de todas as comunidades autónomas do Estado. Todas coa mesma demanda de "pan, traballo e teito" e o obxectivo de "devolver o poder ás persoas", como tamén lembrou o manifesto lido por unha activista das PAH, un texto que puxo en dúbida a lexitimidade que lles queda ás cámaras de representación: "ninguén lexitimou os partidos que gobernan para dar ós bancos preto de douscentos mil millóns de euros, ninguén lexitimou o goberno para que permita que se desafiucen ás familias mentres os bancos dispoñen de milleiros de vivendas baleiras, ninguén lles autorizou para facer pública unha débeda que era privada, ninguén autorizou o goberno a que siga as indicacións da Troika e ninguén autorizou un tratado de libre comercio entre Estados Unidos e Europa que será un dos maiores ataques á democracia en toda a súa historia".

A marcha pechouse coa lectura deste texto a uns poucos metros das portas da cámara, con berros de "non pasarán" e co emprazamento a unha nova manifestación ante o Parlamento para o vindeiro mes de novembro, continuando cun ciclo de mobilización que as Marchas da Dignidade e a columna galega do 22M iniciou precisamente ese 22 de marzo que reuniu en Madrid centos de milleiros de manifestantes. Nos últimos meses, ademais, o 22M mantivo unha actividade reivindicativa, centrada na denuncia dos elevados niveis de desemprego, na crise industrial, na defensa do dereito á vivenda e na loita contra os crecentes niveis de pobreza e exclusión social.

Por Marcos Pérez Pena, publicado no xornal Praza Pública 21 de Xuño de 2014 | Licenza Creative Commons by-sa.

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
_______________


Rodea o Parlamento - Marchas da Dignidade - Compostela, 21 de Xuño de 2014)

http://youtu.be/kGYaw1-6a7A
Galiza ContraInfo


Marchas da Dignidade Ferrolterra
Contacto: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com  | Blogue de apoio ás Marchas de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ | Blogue Galego: http://marchasdadignidade.blogspot.com/ | Grupo no facebook:
https://www.facebook.com/groups/265451853621237/
 | Conta no facebook:
https://www.facebook.com/MarchasDignidade | No twitter:
https://twitter.com/galizaMarcha22M | Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org/.

PAN, TRABALLO E TEITO - Á RÚA, QUE XA É HORA!!!
__________________

domingo, marzo 23, 2014

Primavera de dignidade multitudinaria, diversa, plural e multicor - Marchas da Dignidade: Pan, Traballo e Teito - E agora a seguir marchando


Primavera de dignidade multicor   

Primavera multicor na defensa da dignidade e por "pan, traballo e teito". Entre bochas nos pés polos moitos quilómetros andados, innumerables controis policiais e declaracións políticas con evidentes problemas de lateralidade as Marchas da Dignidade asolagaron este sábado as principais rúas de Madrid. Contra o mediodía a columna noroeste, na que se integra unha parte minoritaria da representación galega entraba na capital española. Case ao mesmo tempo, o tren que transportaba arredor de 500 activistas do país chegaba á estación de Chamartín, blindada pola policía igual que o resto da cidade, ao berro de "pan, traballo e teito".

Bandeiras galegas con e sen estrela, enseñas da II República e emblemas sindicais mesturáronse nos primeiros compases do percorrido cos traxes profesionais de bombeiros como os que impediron o desafiuzamento de Aurelia Rey, na Coruña. O ambiente reivindicativo mesturouse co son festivo das gaitas nunha comitiva na que se integraron representantes políticos como os deputados de AGE Antón Sánchez e Yolanda Díaz, o alcalde de Teo, Martiño Noriega ou Lidia Senra, entre outros.

Os dereitos á vivenda, ao traballo, aos servizos públicos ou á interrupción voluntaria do embarazo formaron parte das consignas desta columna, que comezou o percorrido polas rúas de Madrid achegándose á praza de Castilla, onde se xuntou coas persoas que viaxaron dende Galicia en autobús. Dende alí, e baixo o férreo control das numerosísimas unidades antidisturbios despregadas polo Goberno central, pero tamén entre aplausos dende as beirarrúas, dirixíronse ao punto de inicio da manifestación, o acto central deste sábado.

"Aquí está, aquí se ve, a clase obreira galega en pé", clamaban de camiño a Atocha, onde os bombeiros galegos foron recibidos cunha ovación. A unha hora do inicio da manifestación o Paseo del Prado era unha marea branca e azul, mestura de indignación e alegría e sen rastro dos incidentes que as autoridades madrileñas semellan agardar. Ás cinco da tarde, hora fixada para o inicio da manifestación unitaria, unha enorme marea comezou a marchar por tras dunha pancarta coa verba "dignidade" escrita nos idiomas cooficiais do Estado.
Numerosísima asistencia

As Marchas da Dignidade pretendían evidenciar na rúa a súa fartura coa situación social, económica e política que vive o Estado. Se o descontento se mide polo apoio popular que recibe unha manifestación, o seu obxectivo está cumprido.

    Na multitudinaria manifestación destaca a pluralidade de bandeiras e siglas

Milleiros de persoas secundan marchas ideadas por diversos colectivos, aos que se foron sumando outros nos últimos días e mesmo nas últimas horas. Así, na protesta puidéronse ver bandeiras de diversos partidos políticos e sindicatos, de plataformas como a PAH, ou as insignias das distintas mareas cidadás.

    O remate da comitiva comezou a andar unha hora e media despois da cabeceira

A asistencia foi tan maioritaria que a concentración previa á manifestación comezou moito antes das 17.00 horas, momento elixido para iniciar a marcha desde Atocha até Colón. Xa ás 16.30, os asistentes comezaron a baixar por Atocha, mentres ían acumulando apoios en zonas como os arredores ao Museo do Prado. A parte final da comitiva non puido comezar a camiñar ata unha hora e media despois de que comezase a andar a cabeceira.
Acto final e cargas policiais

A mestura de loita e festa caracterizou tamén o acto final das marchas, onde a música salferiu os discursos que, nunha liña pouco habitual, mesturaron o castelán co galego, o catalán e mais o euskera. Esa música e eses discursos tiveron que facerse ouvir, no treito final do acto, por riba dunha carga policial. Un reducidísimo número de individuos guindou obxectos contra as unidades antidisturbios mentres, dende o escenario, os organizadores advertían de que a Policía estaba a irromper "nun acto completamente legalizado".

Carreiras, proxectís de goma e feridas foron a faciana máis minoritaria dunha xornada que se caracterizou polo seu pacificismo na reivindicación. Resta saber que acontecerá nas rúas de Madrid durante a noite, especialmente na contorna de Recoletos, onde un grupo de persoas comezou a instalar unha acampada.

Autores e notas de interese
:

David Lombao | @davidlombao   

Virginia Uzal | @VirginiaUzal   

El Diario | @eldiarioes   

Praza   Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].

Redacción | @prazapublica .
Publicado en Praza Pública
|
23.03.2014
Recomendamos visitar a páxina orixinal, con fotos, vídeos e comentarios.

Todos os contidos textuais de Praza Pública están liberados coa licenza Creative Commons by-sa. Así pois, es libre de coller todos os textos da web, reproducilos parcial ou integramente, e distribuílos como queiras sempre que cites a súa autoría e empregues tamén a mesma licenza.

_____________

Asemblea das Marchas da Dignidade Ferrolterra
Contacto: columnacaranceira@gmail.com | Blogue de apoio ás Marchas de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com | Blogue galego : http://marchasdadignidade.blogspot.com | Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org

________________________