Amosando publicacións coa etiqueta Solidariedade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Solidariedade. Amosar todas as publicacións

luns, xuño 21, 2021

Día Mundial das persoas Refuxiadas - Vídeo do Acto de Solidariedade en Ferrol


En Ferrolterra, como en diferentes lugares de Galiza e do Planeta, este domingo 20 de xuño de 2021, realizou-se un Acto de Solidariedade, no Día Mundial das Persoas Refuxiadas. O acto tivo lugar na Praza do Inferniño de Ferrol, comezando ás 12 do mediodía, baixo a chuvia que non cesou, na case unha hora que durou o seu desenvolvemento.

A convocatoria e organización, correu a cargo dalgunhas das entidades que na nosa comarca, desenvolven unha actividade de apoio ás persoas refuxiadas e inmigrantes, como son Protección Internacional, Foro Galego de Inmigración, Padroado Concepción Arenal e a Rede Galega de Apoio ás Persoas  Refuxiadas. Entidades como a asociación Fuco Buxán e a Marcha Mundial das Mulleres, amosaron o seu apoio. Así como contou coa presencia de persoas que desenvolven a súa actividade en Cáritas e o Alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo que foron mencionados durante o acto.

O acto foi presentado e dirixido de xeito excelente por Avilio Chirivilla.

O comunicado oficial foi leido por Susana Alaniz do Foro Galego de Inmigración de Ferrolterra e Paz Lorenzo do Patronato Concepción Arenal. A música de fondo foi interpretada pola violinista Estrela Gómez Viñas.

Posteriormente falou da súa experiencia persoal Brahim Benkassim que entrou sendo menor, hai máis de tres anos por Tarifa, no sur da Península e acabou en Ferrol, onde fixo os seus estudos e traballa, nunha loita pola superación persoal, digna de mención. Dedicando parte do seu tempo ao apoio a refuxiados e inmigrantes.

No transcurso do acto, aínda que con dificultades pola intensa chuvia que caía, estivo aberto o Libro de Apoio ás Persoas Refuxiadas, onde quen quixer podía expresar as súas ideas, propostas, pensamentos sobre a realidade das persoas refuxiadas.

Continuou unha disertación, do compañeiro Juan Chitty, sobre os dereitos das persoas refuxiadas amparados polas resolucións da ONU e outros asuntos legais e de procedemento. A interesante intervención tivo-se que acortar por mor do mal tempo.

Isabel López leu-nos un fermoso poema e dirixiu unhas palabras que tamén tivo que acortar a súa intervención polas inclemencias do tempo que apesares da chuvia seguiu desenvolvendo-se, rematando nun círculo de silencio, polas persoas ausentes que non conseguiron os seus obxectivos de liberdade e protección, na súa longa travesía dese os seus países de orixe.


No día Mundial das Persoas Refuxiadas seguimos reivindicando:

✔ Rutas legais e seguras sen condicións.

✔ O cumprimento dos convenios internacionais e as directivas e regulamentos europeos en materia de asilo e refuxio.

✔ O respecto dos dereitos humanos nas fronteiras e garantía na protección das persoas, en especial ás menores e as máis vulnerábeis.
_______

xoves, xuño 17, 2021

Arribada do Escuadrón Zapatista 421 a Vigo para dar inicio a unha Xira pola Vida mundial que arrancará no noso continente coa consigna 'Despertade' - Delegacións e medios internacionais chegan a Galiza para participar na benvida prevista para esta fin de semana e arroupar e vivir este momento histórico


ARRIBADA DO ESCUADRÓN ZAPATISTA 421 A VIGO

“A Montaña” confirma chegada inminente a Vigo para dar inicio a unha Xira pola Vida mundial que arrancará no noso continente ca consigna “Despertade”

Delegacións e medios internacionais chegan a Galiza para participar na benvida prevista para esta fin de semana e arroupar e vivir este momento histórico


O ano do 2021 cumpriranse 20 anos da Marcha da Cor da Terra, a que realizamos, xunto cos pobos irmáns do Congreso Nacional Indíxena, para reclamar un lugar nesta Nación que agora se desmorona. 20 anos despois navegaremos e camiñaremos para dicirlle ao planeta que, no mundo que sentimos no noso corazón colectivo, hai lugar para todas, todos, todoas. Simple e sencillamente porque ese mundo só é posible si todas, todos, todoas, loitamos por levantalo”.

Galiza (SLUMIL K´AJXEMK´OP), 16 de Xunho 2021. Nos vindeiros días chegará a Vigo o Escuadrón 421 (4 mulleres, 2 homes, 1 otroa), unha Delegación do Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) que zarpou a principios do mes de maio dende "Isla Mujeres" (Quintana Roo, México) no barco “La Montaña”, rumbo á Cidade Olívica cunha mensaxe: Acordade.

Dende que na Europa de abaixo e á esquerda tivemos coñecemento da visita, vimos organizándonos para recibilxs. Cando o pasado 26 de abril anunciaron a través de "La Ruta de Ixchel" que o porto de chegada do barco sería Vigo, intensificouse a coordenación en toda Europa para organizar o recibimento e acollida na Galiza, tanto do Escuadrón 421 como das persoas doutros lares que se están a achegar á nosa terra para vivir connosco este momento histórico.

Na Galiza constituíuse a Asamblea Galega da Xira pola Vida, integrada por máis de corenta colectivos e persoas a título individual. Faladoiros, seminarios, encontros, proxeccións de documentais, concertos ou mesas informativas son algunhas das actividades desenvolvidas nestes meses, accións que están a ser levadas a cabo tamén en numerosos países europeos [1].

O 14 de xuño obtivemos a confirmación da saída de "La Montaña" en dirección Galiza. Dado que a arribada do Escuadrón é inminente, delegacións de Suíza, Alemaña, Francia, Italia, Grecia, Irán e Euskal Herria están xa en Vigo, agardando canda a coordenadora galega ás delegacións internacionais e de diferentes puntos do Estado español que están xa de camiño para recibir xuntas ao Escuadrón 421.

Con toda a nosa ilusión estamos argallando un acto de benvida nas inmediacións do Porto de Vigo, ao que seguirán distintas actividades nos días seguintes, das que tamén iremos informando. Tamén temos planificada para o Escuadrón e as persoas aliadas que desexen sumarse, toda unha axenda de percorridos e contactos cas loitas do país, cuxas datas serán confirmadas máis adiante.

Estamos moi contentas de realizar este primeiro contacto cas persoas que traballades nos medios de comunicación. Agardamos que esteades tan ilusionadas e ilusionados coma nós o estamos con este acontecemento, que ben seguro vai contar cun eco mediático internacional que se vai prolongar alomenos durante uns meses.

Para acceder a toda a información de fondo relativa á Xira pola Vida lanzada polo EZLN, cómpre acudir aos comunicados publicados en http://enlacezapatista.ezln.org.mx/ dende outubro do 2020 até onte, 14 de xuño de 2021.

Para coñecer as actividades que se viñeron desenvolvendo nestes meses na Galiza e no mundo no marco da Xira pola Vida, achegamos o noso blogue: https://www.xirapolavida.org/

Para estar ao fío dos seguintes movementos, recomendamos seguir as canles de comunicación dixital (IN/FB/Twitter) da Xira pola Vida Galiza a través de @xirapolavida .

E, en xeral, para o que precisedes, estamos eiquí:  xirapolavida@riseup.net .

O día anterior ao acto de recibimento do Escuadrón 421 achegarémosvos toda a información da que dispoñamos e que poida facilitar o voso traballo, incluídas localizacións, horarios e planificación.

Moitas grazas pola vosa atención e difusión

A Xira pola Vida vai!!

EUROPA, ACORDA!!

ARRIBADA DO ESCUADRÓN ZAPATISTA 421 A VIGO
16/06/2021

Enviado por:
xirapolavida@acefala.org
-xirapolavida@acefala.org-
16 de junho de 2021 17:50

_______

martes, maio 18, 2021

Concentración en Ferrol en solidariedade do pobo palestino ante a agresión sionista do goberno de Israel - 18 de maio de 2021 - O pobo palestino que vive dentro da franxa de Gaza leva sofrendo unha semana de bombardeo continuo por parte do exercito israelita


Hoxe en Ferrolterra como noutras comarcas da Galiza está convocada unha concentración en solidariedade co pobo palestino ante a agresión do goberno de Israel.

O pobo palestino que vive dentro da franxa de Gaza leva sofrendo unha semana de bombardeo continuo por parte do exercito israelita. Acabando con vidas humanas e destruíndo vivendas e infraestruturas imprescindíbeis (auga, electricidade, ...) para a vida de case dous millóns de persoas que viven acinadas no "cárcere" máis grande do mundo, de 40 quilómetros de longo por 10 de ancho.

A concentración en Ferrol, está prevista para hoxe martes 18 de maio, ás 8 da tarde, na Praza de Porta Nova (Praza de España).

_______

luns, marzo 29, 2021

Incendio nos campos de Cox's Bazar, de refuxiadas rohingyas, en Bangladesh - O devastador incendio matou polo menos a 15 persoas, mentres 400 seguen desaparecidas - ACNUR necesita axuda


Trátase dun gran golpe para a comunidade rohingya, que estivo sufrindo as consecuencias do deterioro das condicións de vida nos campamentos, cun acceso reducido á atención médica e outros servizos humanitarios.

Aos rohingya negóuselles a posibilidade de regresar aos seus fogares en Myanmar (que ademais agora está en plena crise por mor do golpe de estado) de xeito seguro e con dignidade. As restricións á súa liberdade de movemento e a falta de acceso aos medios de subsistencia en Bangladesh, incluída a capacidade para traballar, significan que dependen por completo da asistencia humanitaria.

Incendio nos campos de refuxiadas de Cox's Bazar

✔ Catástrofe nos campos de refuxiados rohingyas en Bangladesh.

Un incendio devastador matou polo menos a 15 persoas, mentres 400 seguen desaparecidas.

ACNUR lamenta profundamente a morte de 15 persoas refuxiadas e o sufrimento causado polo incendio que se iniciou a tarde do 22 de marzo nos campos de Cox's Bazar, onde residen actualmente máis de 870.000 refuxiadas rohingya. O lume está controlado, pero centenares de persoas aínda permanecen desaparecidas e outras 560 están feridas. Os danos materiais son enormes e miles de refuxiadas perderon as súas escasas pertenzas e os seus refuxios. ACNUR traballa contra reloxo para proporcionar apoio e protección a 45.000 persoas que perderon os seus refuxios.

A resposta de ACNUR

O incendio afectou a 1.500 instalacións, como albergues, centros de saúde, centros educativos, hospitais, puntos de distribución e outras infraestruturas do campo, e ocasionou enormes danos materiais. Segundo as primeiras avaliacións, polo menos 10.000 refuxios foron totalmente destruídos ou gravemente danados. Algunhas das persoas refuxiadas foron temporalmente realoxadas dentro da comunidade de acolleita. 12.000 persoas refuxiáronse con familiares en campamentos xestionados por ACNUR.

Hai un número indeterminado de persoas que sufriron graves queimaduras. Por iso, ACNUR está proporcionando primeiros auxilios e material médico para poder tratar a estas persoas. Ata agora, ao redor de mil persoas recibiron apoio psicosocial. As persoas en estado crítico están sendo derivadas a servizos de saúde máis especializados.

Ate agora, ACNUR proporcionou ao redor de 3.000 mantas, 14.500 lámpadas solares, 10.400 xogos de cociña e 11.500 mosquiteiras. Xunto cos seus socios en terreo, tamén proporcionou 49.000 litros de auga e 7.000 bidóns, incluída a construción de 20 latrinas, billas, tanques de auga, bidóns e 500.000 pastillas potabilizadoras. Catro camións cisterna están entregando auga potábel ás áreas onde se atopan os damnificados polo lume.

Ademais, ACNUR e os seus socios identificaron a 669 menores non acompañados; 647 xa puideron reunirse cos seus titores ou coidadores; os outros 22 permanecen baixo o coidado das súas familias.

Para cubrir as necesidades das persoas rohingya durante 2021, ACNUR necesitará 294,5 millóns de dólares. Ate agora, só conseguiuse un 16 % dos fondos necesarios para atender esta urxencia.

As consecuencias do incendio aumentan as necesidades das refuxiadas rohingya. ACNUR necesita financiamento para dar unha resposta humanitaria e protexer ás persoas refuxiadas e á comunidade de acolleita en Bangladesh.

ACNUR necesita axuda. | Ir á Web.

Podes acceder tamén a Medic@s Sem Fronteiras. | Ir á Web. E a Save the Children. | Ir á Web.
_______

domingo, xaneiro 03, 2021

NON ás patentes, a pandemia non é un negocio: Campaña de Médicos Sen Fronteiras para que o Goberno de Sánchez/Iglesias apoie a solicitude ante a Organización Mundial do Comercio (OMC) para suprimir as patentes sobre as vacinas da COVID-19 mentres dure a pandemia - MSF pide sinaturas para respaldar esta campaña - Enlace ao formulario


Pedro Sánchez: NON ás patentes, a pandemia non é un negocio

A día de hoxe, España non está apoiando a solicitude ante a Organización Mundial do Comercio (OMC) para suprimir as patentes sobre as vacinas da COVID-19 mentres dure a pandemia.

Un feito contraditorio e impropio, xa que o Goberno español expresou que os produtos médicos para loitar contra o coronavirus se deben tratar como bens públicos mundiais.

Sen suprimir as actuais patentes, as vacinas non serán baratas e non poderán chegar a todo o mundo. Sen apoiar este paso fundamental, non haberá garantía de que a tan necesitada vacina chegue a cada persoa en todo o mundo, estea onde estea.

Ate agora, nada menos que 100 países xa apoian esta petición. Co teu apoio e o da maior cantidade de persoas que, como Médicos Sen Fronteiras, creemos que a pandemia non debe ser un negocio, podemos cambiar as cousas.

Podemos conseguir que o Goberno español apoie esta solicitude. Podemos lograr que tanto a UE como outros países cambien de postura e cumpran coa súa deber. Está na súa man evitar que as farmacéuticas antepoñan os seus beneficios á saúde das persoas.

Porque a saúde non é un negocio, é un dereito universal. E porque a vida das persoas é sempre o máis importante. Agora, en plena pandemia de COVID-19, tamén.

Necesitámosche: firma agora e pide ao Goberno de Pedro Sánchez que apoie a petición de supresión de patentes da COVID-19.

Por unha pandemia sen patentes en vacinas e medicamentos.

Por ti, e polo ben de todos, para que ninguén se quede atrás na loita contra a COVID-19.

Cinco preguntas clave

Que é a petición de exención?

En 2001, no apoxeo da epidemia de VIH/sida, a 'Declaración de Doha relativa ao acordo sobre os ADPIC e a saúde pública' recoñeceu o dereito dos Gobernos a tomar todas as medidas necesarias para eliminar as patentes para así priorizar a saúde pública fronte aos intereses comerciais.

A solicitude actual -dirixida á OMC por India e Sudáfrica- é un paso similar para acelerar a resposta á pandemia suprimindo as patentes relacionadas cos produtos da COVID-19.

Que fixo o goberno de España...?

Malia que o Goberno español expresou que os produtos médicos para a COVID-19 débense tratar como bens públicos mundiais, nin España nin a Unión Europea apoian esta medida, capaz de acelerar o dereito a producir e fornecer as vacinas da COVID-19.

Que estamos pedindo agora mesmo?

Pedimos ao Goberno español que apoie a solicitude de exención ante a OMC. Si se concede a exención, todos os membros da OMC beneficiaranse directamente dunha verdadeira colaboración para desenvolver, producir e fornecer as vacinas para responder á COVID-19.

Que papel xogan as farmacéuticas ...?

Desde o comezo da pandemia, as farmacéuticas mantiveron a súa práctica habitual de control estrito sobre os dereitos de propiedade intelectual e de monopolios sobre vacinas e tratamentos. Con máis de 1,3 millóns de mortes en todo o mundo por mor da COVID-19, os Gobernos non poden perder máis tempo a mercé da industria farmacéutica, que segue co seu negocio lucrativo e fixando altos prezos, ate en plena pandemia. Está nas súas mans esixir un cambio e situarse a favor da saúde global.

Por que interesa a Médicos Sen Fronteiras?

Médicos Sen Fronteiras loitamos desde fai 50 anos pola saúde das persoas, estean onde estean. Levámolo facendo durante medio século; non imos deixar de facelo agora, cando o mundo máis o necesita. A COVID-19 non debe entender de patentes e monopolios.

Pode-se asinar no formulario de MSF | Apoiar Petición.

Médicos Sen Fronteiras, CIF: G58277534. Inscrita no Rexistro Nacional de Asociacións do Ministerio do Interior co número 68.340
_______

venres, abril 10, 2020

Outras 500 millóns de persoas poden caer na pobreza por mor da crise provocada polo novo coronavirus covid-19 - Elixamos dignidade, non indixencia


A pobreza, que abarca a máis de 3.000 millóns de persoas no planeta, podería incrementarse como consecuencia da pandemia xerada polo novo coronavirus, si as nacións máis ricas non mobilizan recursos urxentes cara ás poboacións máis vulnerábeis dos países dependentes.

Outros 500 millóns de persoas poden sumirse na pobreza ao cabo da actual pandemia covid-19 si non se emprenden medidas urxentes en favor dos países en desenvolvemento, advertiu un informe da coalición Oxfam divulgado este xoves 9.

A pandemia "está tendo consecuencias devastadoras en todo o mundo, pero nos países máis pobres, onde as persoas xa se enfrontaban a grandes dificultades para saír adiante, apenas hai redes de seguridade para evitar que caian na pobreza", dixo o director executivo de Oxfam, José María Beira.

Oxfam encargou ao británico King´s College e á australiana Universidade Nacional un estudo que se proxecta consecuencias da covid-19 sobre as nacións en desenvolvemento e titulou-no "Elixamos dignidade, non indixencia".

O estudo proxectou reducións de ingresos de cinco, 10 e 20 por cento entre as poboacións máis pobres do globo, e concluíu que a pobreza podería aumentar por primeira vez desde 1990 e incrementarse, no peor dos escenarios, entre 341 e 611 millóns de persoas, cunha media de 500 millóns.

Utilizou os limiares de pobreza de 1,90, 3,20 e 5,50 dólares diarios como ingreso por persoa que emprega o Banco Mundial. Segundo as cifras deste organismo para 2018, últimas dispoñibles, 3.400 dos 7.700 millóns de habitantes do planeta sobreviven con menos de 5,5 dólares ao día.

En África subsahariana, por exemplo, os actuais 853,9 millóns de persoas que viven con menos de 5,5 dólares ao día poderían chegar a 864,7 millóns si os seus ingresos só merman cinco por cento, pero alcanzarían 897,5 millóns da perda alcanza a 20 por cento.

Dentro dese volume de poboación subsahariana que vería os seus ingresos caer, os máis pobres, que sobreviven con menos de 1,9 dólares ao día, poderían pasar dos actuais 419,6 millóns de persoas a 531,5 millóns si concretásese unha redución de ingresos de 20 por cento.

En América Latina e o Caribe o número de persoas con ingresos inferiores a 5,5 dólares ao día, 162 millóns na actualidade, pode pasar a 174,6 millóns si as perdas son de cinco por cento, pero si os ingresos merman 20 por cento a cifra chegaría a 216,3 millóns, é dicir, habería 54 millóns de novos pobres.

En Asia meridional os pobres, actualmente 1.422 millóns, poden aumentar a 1.457 millóns ou chegar a 1.551 millóns, segundo os mesmos esquemas de cálculo.

E na rexión de Oriente Próximo e Norte de África, os pobres con menos de 5,5 dólares por día, 153,5 millóns, poden chegar a ser 163,8 ou 198,4 millóns de persoas, si a perda de ingresos cífrase en cinco ou en 20 por cento.

Para axudar a visibilizar o drama, o estudo incluíu algúns testemuños. "Este virus mataranos de fame antes de enfermarnos", dixo na pesquisa Micah Olywangu, taxista en Nairobi con tres fillos, unha recentemente nada, e quen co toque de queda imposto pola pandemia non ten un cliente desde fai tres semanas.

Ou Tarawati, de 35 anos, traballadora do fogar cun marido zapateiro que "non gañou nin unha rupia" desde que comezou o confinamento, e con sete fillos, dos cales tres reciclan obxectos que buscan no lixo, pero todos quedáronse sen diñeiro para comprar comida. "Este virus está destruíndo as nosas vidas", resumiu.

Como resposta á pandemia, Oxfam propón "un novo contrato social" entre a cidadanía, os gobernos e os mercados, que "reduza drasticamente a desigualdade e sente as bases para unha economía máis humana".

Os gobernos do Norte industrializado deberían mobilizar polo menos 2,5 billóns (millóns de millóns) de dólares para deter a pandemia e evitar o colapso económico mundial, segundo o plan de Oxfam, que coloca en primeiro lugar as subvencións en efectivo ás persoas máis necesitadas.

Para posibilitar a medida debería suspenderse de inmediato o pago de débedas por parte dos países pobres e drenar novos recursos desde o Fondo Monetario Internacional (FMI), así como crear novos estímulos impositivos e atender á recuperación das empresas que sexan social e ambientalmente responsábeis.

Por exemplo, Ghana podería "proporcionar 20 dólares ao mes a cada un dos 16 millóns de nenos, discapacitados e anciáns do país durante seis meses si liberásese dos prazos de pago da débeda externa", que pasa de 30.000 millóns de dólares.

O estudo recomendou que o FMI emita dereitos especiais de xiro como nova axuda aos países pobres, e que as nacións máis ricas establezan impostos de solidariedade de emerxencia, gravando grandes fortunas, produtos financeiros especulativos e actividades con impacto negativo no ambiente.

Londres, 9 abr 2020
A-E/HM | Por Corresponsal de IPS
Foto: Scott Wallace/BM

10 de abril, 2020
Axencia de Noticias
INTER PRESS SERVICE
Xornalismo e comunicación para o cambio global
http://www.ipsnoticias.net/

#Coronavirus
#Covid'19

Enviado por:
IPS Noticias
-boletines@ipslatam.net-
10 de abril de 2020 16:42

______

luns, marzo 16, 2020

A falta de previsión dos gobernos e as medidas de confinamento e distanciamento social, na crise do novo coronavirus, afectan de forma significativa ás persoas máis vulnerábeis, en especial ás máis pobres, dependentes e maiores - As autoridades municipais son as que deberían de elaborar un plan de choque social en cada concello, para atender as necesidades de maiores en soidade e pobres


➤ Sentimos-nos inquedos pola situación dunha parte importante da poboación, coa que compartimos situacións de incerteza e precariedade económica e social.

➤  A falta de previsión dos gobernos e as medidas de confinamento e distanciamento social, afectan de forma significativa ás persoas máis vulnerábeis, en especial ás máis pobres, dependentes e maiores.

➤  Necesitamos medidas urxentes para atender a aquelas persoas que están sufrindo de xeito especial por mor da pandemia... as persoas pobres, dependentes e empobrecidas, todas as que dormen nas rúas; as que precisan de entidades sociais para sobrevivir; así como aquelas que agardan pola resolución de axudas sociais.

➤  Preocupa-nos o asunto do peche dos comedores escolares, pois para moitos pais e nais, era unha garantía para que as súas crianzas tiveran ao menos unha comida garantida durante o día.


As persoas que participamos na Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra - Stop Desafiuzamentos, sentimos-nos inquedos pola situación dunha parte importante da poboación, coa que compartimos situacións de incerteza e precariedade económica e social. Pola falta de recursos económicos básicos ou a proximidade da perda do fogar, por desafiuzamento da vivenda en alugueiro ou lanzamento despois de poxa pública, vítima dos abusos bancarios. Situación agora agravada pola crise sanitaria e socioeconómica, provocada polo novo coronavirus e como afectan as medidas que está tomando o Goberno Español, a Xunta de Galicia e o gobernos municipais, a aquelas persoas que malviven sen teito; ou sen recursos económicos que non se lles concedeu a Risga ou se lle retirou inxustamente; ou con prestacións insuficientes (subsidios, Risga, Rai, pensións non contributivas, ...); ou mesmo empregos precarios, prestacións de desemprego; ou de pensións insuficientes. Por desgraza son moitas as persoas que están no límite da pobreza, mais tamén son moitas miles as que xa son pobres, vulnerábeis e excluídas. Ao que non tardaremos en sumar os despidos inmediatos do emprego temporal, permisos sen remunerar e os ERTEs (Expedientes de Regulación Temporais de Emprego).

A falta de previsión e as medidas de confinamento e distanciamento social, afectan de forma especial ás persoas máis vulnerábeis, en especial ás máis pobres, dependentes e maiores, todo isto sumado resulta unha situación que nos causa especial preocupación e non vemos que se estean tomando medidas que recoñezan esta realidade.

Necesitamos medidas urxentes para atender a aquelas persoas que están sufrindo de xeito especial por mor da pandemia.

Preocupa-nos en especial as persoas pobres e empobrecidas, todas as que dormen nas rúas; as que precisan de entidades sociais para sobrevivir; así como aquelas que agardan pola resolución de axudas sociais; necesitan de xustiza social, de medidas que "aproveiten esta crise para redistribuír a riqueza e poñela así ao servizo daquelas que sofren a precariedade e pobreza" formulan desde a ODS de Coia, palabras que facemos nosas.

As autoridades municipais son as que deberían de elaborar un plan de choque social en cada concello, para atender as necesidades de maiores en soidade e pobres. Por exemplo, en Ferrol, cancelaron os comedores de maiores. A Cociña Económica di que non pode deixar de dar as comidas, mais non deixan circular á xente pola rúa a non ser que vaia a traballar, comprar alimentos, medicamentos,... ou a algunha emerxencia. Hai xente sen teito que durme onde pode. No fogar de transeúntes por norma teñen que saír ás 8 da mañá e ate ás 8 da tarde non poden volver a entrar. Non sabemos se farán unha excepción ou os botaran á rúa até as 8 da tarde. E por outra banda está o asunto do peche dos comedores escolares, pois para moitos pais e nais, era unha garantía para que as súas crianzas tiveran ao menos unha comida garantida durante o día, pois sabemos que a situación económica de moitas familias é moi precaria.

En Ferrol o número de persoas, que viven soas son en total 8.600. Destas as mulleres maiores de 65 anos que viven soas son 3.460 e os homes 955, en total son son 4.415. Son moitas as persoas maiores que viven soas polo que na situación de crise por mor do novo coronavirus (Cevid-19), cumpre un plano municipal de choque para atender ás posíbeis necesidades deste grupo da poboación que grande parte dela, ten aos seus familiares emigrados ou están sen cobertura familiar e pensións moi baixas.

Os grupos municipais, deberían de actuar en consecuencia. Constituír unha comisión municipal social de emerxencia que atenda ás persoas máis vulnerábeis. Poñer á disposición destas, servizos de atención que garantan a alimentación, e a seguridade de todas as persoas maiores e menores, e que cubran as necesidades básicas. Teléfonos de contacto e zonas de atención directa, con recursos a súa disposición.

O estado de alarma e as medidas que se van acordando, se non hai planos de actuación de proximidade, precarizarán aínda máis a situación das persoas máis pobres e os máis vuneábeis; a confinación e o distanciamento social, provoca un maior illamento destes sectores. Necesitamos respostas colectivas dos sectores máis conscientes e implicados socialmente, para esixir con contundencia unha implicación real e efectiva dos poderes públicos locais para enfrentar estas urxencias sociais.

Ferrol, a 16 de marzo, de 20120

Desde  Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra sumamos-nos á campaña, promovida polas nosas compañeiras de ODS-Coia de Vigo: Ante a crise do coronavirus: #FicoNaCasaMaisConRendaBasica.

#Coronavirus
#Covid-19


Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra - Stop Desafiuzamentos
→ Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com
→ Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
→ No facebook
facebook Stop Desafiuzamentos Ferrol Terra

Todos os martes (Menos festivos), vemo-nos en Caranza (Ferrol), pola tarde entre as 5 e 7 da tarde, no local da Fuco Buxán A.C. (Local Social Tino Deibe, na Rúa Armada Española, 32 Baixo). Se queres participar achega-te!

_______