xoves, febreiro 12, 2015

Convocada unha nova concentración ante o anuncio da entrada do LNG 'Castillo de Villalba', cargado con gas para a ilegal e perigosa Reganosa - Na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, este Venres 13 de Febreiro, ás 7 da Tarde


CONCENTRACIÓN SONORA EN FERROL,
 VENRES 13 DE FEBREIRO, ÁS 7 DA TARDE
DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA
NA PRAZA AMADA GARCIA

Un novo buque gaseiro, ten prevista a súa entrada na Ría de Ferrol, para este Venres 13 de Febreiro de 2015. O "LNG Castillo de Villalba", de máis de 284,4 metros de eslora, 42,5 de manga, 57,7 de puntal e un calado de 11,4m, que pode cargar sobre uns 138.000 de m³ de gas natural licuado (LNG / GLN),  vai enfilar a súa proa para entrar pola bocana da Ría e cruzar o angosto, estreito, de pouco calado e de fondo rochoso canle de máis de 4.000 metros (con miles de toneladas de GNL abordo), até chegar ao pantalán de descarga do peirao de punta Promontorio, situado no termo municipal de Mugardos, onde Reganosa coa complicidade de políticos sen escrúpulos construíu unha planta de gas que nos ameaza todo-los día, aumentando exponencialmente esta ameaza sempre que entra na Ría un buque destas características cargado para a perigosa e ilegal planta regasificadora de Mugardos (Punta Promontorio). De entrar este buque, será o número 189 que descarga, desde que o fixera o "Galicia Spirit" en Maio de 2007.

Diante do aumento da ameaza contra a seguridade e a vida, que supón a entrada do buque gaseiro, xunto á propia instalación da Planta de Gas en Mugardos, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol convoca unha acción de protesta e denuncia, consistente nunha Concentración Sonora, o mesmo Venres ás 7 da Tarde, en Ferrol, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.


O 11 de Maio de 2012 ditou-se a Sentenza polo Tribunal Supremo, onde a planta xa foi declarada ilegal, en sentenza inapelábel. O 15 de Setembro de 2014, foi admitido a trámite, polo Tribunal Supremo, o Recurso de Casación contra a decisión da Xunta de Galicia e o Concello de Mugardos que denegan a nulidade do novo PXOM en execución da mencionada Sentencia.

Tras a Sentenza do Tribunal Supremo, que declara ilegal a localización de Reganosa, temos que esixir o fin desta ameaza e deste malgasto de cartos públicos. Temos que esixir o seu peche definitivo.
  • QUE SE CUMPRA A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • MÓVETE CONTRA A IMPUNIDADE !!
  • PECHE XA!!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA  !!
10 razóns para preguntar-se ... Por que Reganosa ten que saír da nosa Ría e das nosas Vidas?

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Información baseada na enviada polo:

Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
11 de fevereiro de 2015 15:35
_______________

De fondo Reganosa: Unha explosión de produtos tóxicos no exterior dunha empresa química no polígono Cómeslles de Igualada, en Catalunya, causou unha nube tóxica laranxa e deixou tres feridos - Os accidentes ocorren - A Generalitat activa o plan de alerta Plaseqta, que supuxo a orde de confinamiento de 60.000 persoas durante horas


Os accidentes ocorren, tanto por causas técnicas ou humanas, é por iso polo que non se pode localizar unha planta regasificadora, como Reganosa encostada a un complexo petroquímico como o de Forestal del Atlántico, e á beira dos núcleos de poboación como o de Meá ou Mugardos, no corazón da Ría de Ferrol onde viven miles de persoas.

Unha explosión de produtos tóxicos no exterior dunha empresa química no polígono Cómeslles de Igualada, en Catalunya, causou unha nube tóxica laranxa e deixou tres feridos.

A Generalitat activa o plan de alerta Plaseqta, que supuxo a orde de confinamiento de 60.000 persoas durante horas

Os Bombeiros da Generalitat informaron que a explosión rexistrouse pouco logo das 9:00 da mañá, hora local, no exterior da empresa Simar, situada en en o polígono Cómeslles de Igualada, en Catalunya, cando se realizaban operacións de carga e descarga de produtos químicos. Debido a causas aínda descoñecidas, varios destes produtos mesturáronse, desencadeando unha explosión e unha nube tóxica laranxa, informa 'El Periódico'.

A consecuencia da explosión tres persoas resultaron feridas leves e foron trasladadas a un hospital polo Sistema de Emerxencias Médicas (SEM).

Nun primeiro momento, os Bombeiros da Generalitat de Cataluña e Protección Civil obrigaron a confinarse no interior das súas vivendas á veciñanza de Òdena, Igualada, Santa Margarida de Montbui e Vilanova do Camí (Barcelona), para posteriormente restrinxir a medida só ás embarazadas, nenos, anciáns e persoas con dificultades respiratorias.

O alcalde da rexión de Igualada, Marc Castells, asegurou que os protocolos de seguridade están funcionando "de xeito excelente" e que, segundo confirman os partes meteorolóxicos, prevese que a nube tóxica comece a disiparse e desapareza a partir das 12.30 horas, hora local. Así mesmo, Castells explicou que a nube non é "tóxica", senón "irritante".


http://youtu.be/R5-_kGD8fkU


Máis fotos:
https://twitter.com/search?q=%23Igualada&src=hash&mode=photos

____________

A Alernativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) di que para rematar co enquistamento da violencia na República Democrática do Congo as multinacionais e potencias estranxeiras deben saír do país


Para rematar co enquistamento da violencia na RDC multinacionais e potencias estranxeiras deben saír do país. | Senra sinalou que a situación de países como o Congo están provocadas fundamentalmente polo interese en espoliar os seus recursos naturais. | Demandou unha atención especial para as mulleres e as nenas residentes en países en conflito.


Durante a sesión plenaria do martes 10 de febreiro, a Alta Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e tamén Vicepresidenta da Comisión Europea, Federica Mogherini, interveu cunha declaración sobre os asasinatos nas recentes mobilizacións cidadás contra a reforma electoral na República Democrática do Congo (RDC).

Na súa intervención, a Alta Representante propuxo o envío dunha misión de observación a Kinshasa para informar sobre este novo repunte da situación de violencia estrutural na que está sumida a RDC, neste caso  por mor da intención do Goberno de emendar a actual Lei Electoral -reforma que implicaría retrasar as eleccións locais previstas para este ano e as presidenciais previstas para o ano 2016[1]-, proposta xa retirada debido ás protestas sociais e ao escándalo internacional que supuxeron o asasinato de máis de corenta persoas durante as mobilizacións cidadás, criminalmente reprimidas dende o Goberno congolés.

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, titular tamén do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica na Asemblea Paritaria Unión Europea-África, Caribe, Pacífico, puxo novamente enriba da mesa a necesidade de que as institucións europeas, neste caso a Comisión e o Parlamento, deixen de eludir a imprescindíbel visibilización das causas das distintas problemáticas abordadas polas institucións comunitarias, analizando o porqué do enquistamento das crises sociais e humanitarias, como acontece na RDC dende fai ducias de anos, aliás da durísima etapa como colonia belga.

Así, durante a súa intervención Lídia Senra resaltou, “unha vez máis”, que “cada conflito que analizamos ou debatemos neste Parlamento sempre está directamente ligado cos intereses das compañías transnacionais e das potencias occidentais no saqueo dos recursos destes países”.

De feito, a mesma Mogherini expresou na súa intervención que a propia UE vén sendo “un socio forte e coherente da RDC nos últimos quince anos” . Tan “coherente” que, como tamén sinalou onte Mogherini, “no 2006 a UE proporcionou a maior parte da financiación para a organización das primeiras eleccións democráticas na historia do Congo e da República Democrática do Congo”, é dicir, as mesmas eleccións nas que o actual presidente, Joseph Kabila, polo tanto o último responsábel dos máis de corenta asasinatos perpetrados en xaneiro, foi elixido. Deixando inda máis claro a inxerencia da UE na RDC, Mogherini non dubidou en amosar na súa intervención o seu “total apoio ao exército congoleño e ás tropas da ONU da MONUSCO”, despregadas no territorio dende 2010.

Abondando na responsabilidade que potencias e empresas estranxeiras teñen no caso concreto da RDC, Lídia Senra sinaloulle á Alta Representante que “non se escapa” a clara importancia estratéxica deste país africano “pola súa enorme dimensión xeográfica, por contar con grandes reservas de minerais como diamantes, ouro, coltán, cobre; reservas de petróleo, auga, terra....”. Dito potencial, como resumiu a eurodeptuada galega, converte ao Congo nun país “tremendamente rico mais tremendamente empobrecido”.

Para Senra, se realmente se queren solucionar este tipo de crises enquistadas, e que moi habitualmente atopamos nos países empobrecidos polas grandes potencias, “hai que comezar a falar seriamente de que as multinacionais e as potencias estranxeiras teñen que saír”, é dicir, “teñen que deixar que sexan os propios pobos os que decidan sobre os seus recursos e sobre a súa economía”.

Por último, Senra subliñou tamén que “nos casos de conflito, normalmente as mulleres e as nenas sempre levan a peor parte, polo que cómpre prestar unha atención especial”. Con respecto ao Congo, a situación é tan extremadamente grave que a miúdo dende os medios de comunicación faise alusión a este país africano como “a capital mundial das violacións”, e ás violacións no Congo como “a epidemia silenciosa”.

En Bruxelas, a 11 Febreiro de 2015

Pode-se acceder a intervención de Lidia Senra no debate en sesión plenaria, do 10 de Febreiro, sobre a represión gubernamental na República Democrática do Congo, no Canle de AGEe en Europa: Acceder.

Foto: Familias desprazadas preto dun centro de desprazados na cidade de Goma, na provincia de Kivu Norte (República Democrática do Congo). 27/12/2012 Unicef.

---

[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde (AGEe - GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861 | lidia.senra@europarl.europa.eu

Máis información en:
Información baseada na enviada por:
AGEe Europa
ageeneuropa@gmail.com
11 de fevereiro de 2015 18:23
___________

mércores, febreiro 11, 2015

A Marea Ártabra continua a elaboración dos borradores de propostas programáticas nas Comisións Temáticas


CONVOCATORIA COMISIÓNS TEMÁTICAS


Convocase reunión das Comisións temáticas para o vindeiro Luns 16 de Febreiro ás 19,00 horas na Galería Sargadelos de Ferrol  para proseguir os traballos para o programa de Marea Ártabra

As comisións que se convocan son as seguintes:
Muller, Cultura e Educación, Servizos Sociais, Economía e Emprego, Urbanismo, Medio Ambiente 

---
Que é a Marea? Marea Ártabra quere alentar un proceso asembleario que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social promovendo candidaturas de unidade para as vindeiras eleccións municipais, un proceso para un novo suxeito político do que saia un programa e unha candidatura do pobo e para o pobo. Facebook e Twitter.

Como asinar o manifesto e unirse á 'Marea Ártabra'

Pode-se asinar o manifesto de apoio cubrindo un formulario no seu sitio na rede: Acceder.

Para contactar
Presentou-se o manifesto que se pode ler nun blogue que abriron no seguinte enderezo: http://mareaartabra.blogspot.com.es/  ou mareaartabra.org. Tamén hai un enderezo de correo electrónico: mareaartabra[arroba]gmail.com.

A Marea Ártabra nas redes sociais:
Enlaces relacionados:

A 'Marea Ártabra' en Ártabra 21 | Acceder.
A 'Marea Ártabra' desde o buscador libre DuckDuckGo. | Ir a Web.

Enviado por
marea artabra
mareaartabra@gmail.com
11 de fevereiro de 2015 12:42
______________

Asembleas, ... Por Xosé María Dobarro

Por Xosé María Dobarro [*]
11.02.2015


Dado que toda a miña infancia e adolescencia transcorreu en Ferrol, nunha cidade moi marcada polo filofascismo franquista, nunha cidade na que, a maior abundamento, nacera o propio ditador, foi un pouco tardiamente que descubrín o que era unha asemblea. Tal feito veu acontecer en Compostela, outra cidade onde o bafo do rexime ditatorial se manifestaba a través do inmenso peso que a poderosa igrexa católica exercía sobre a cidade. A misa dominical do mediodía, nunha catedral ateigada de xente, así o manifestaba ben ás claras. Mais o Santiago daquel tempo, como o de séculos antes e o de hoxe mesmo, tiña unha Universidade, moi familiar e basicamente das clásicas, das denominadas literarias, que, abría a mente, entre outras razóns porque acollía mozos e mozas de acó e de acolá, e onde o acolá podía ser Venezuela, Bolivia, Siria, Palestina, Asturias, Navarra, Castela ou o País Vasco. Xentes de posibles, claro, abundantes ou escasos, mais con posibles, porque, como é público e notorio, os pobres nunca puideron ir á Universidade. E iso que aínda non apareceran en escena nin o PP co seu ministro Wert de mestre de cerimonias universitarias. Pois ben, cando cheguei a estudar a Santiago, outubro de 1968, había poucos meses que tiveran lugar relevantes protestas universitarias en moi diferentes lugares do planeta. Santiago un deles, onde o movemento estudantil fora reprimido non só con detencións e porrazos senón tamén coa apertura de expedientes a aqueles discentes que destacaban na pelexa. E uso só o masculino porque creo que non houbera ningunha rapaza expedientada, sen dúbida por sorte ou porque finalizaran os estudos nese curso, porque na vangarda vangarda coñecín a máis dunha e dunha ducia. Tamén licenciaran un grupiño de rapaces, líderes destacados. Ós expedientados só se lles permitía pisar as instalacións universitarias para acudir ós exames das materias en que estaban matriculados por libre.  Ás poucas semanas de comezar o curso souben dunha asemblea, naturalmente clandestina, que ía ter lugar nunha aula da Facultade de Filosofía e Letras, ás 8 da tarde –cando acababan as clase dos dous primeiros cursos, que eran pola tarde– e á que asistiría un dos expedientados da Facultade: Alberto Reverter. Fíxose a asemblea sen problema ningún e cando xa estaba a acabar, xa perto das 10, apareceu todo apurado un compañeiro que cando estaba saíndo do edificio puido ver como a policía político-social estaba a pedirlle o carné a outro colega que estaba saíndo xusto diante del. Como a policía, sen permiso do reitor, non pisaba as instalacións da Universidade, puido recuar e avisar do que estaba a acontecer. Como saír pola porta supuña identificación segura e logo..., encabezados polo dinámico José Gómez Alén dispuxémonos a procurar outra saída ou a ficar a dormir alí se non pedían permiso para vir a por nós. Había, como dixen, un expedientado vulnerando a lei. A saída apareceu nas aulas de Dereito, na planta baixa, que daban ó mercado e que tiñan as xanelas abertas por estárenas limpando. E aló fomos todos a correr para e pola rúa. Ese día, fóra tamén dalgún medo, descubrín que unha asemblea era un acto no que unha ou dúas persoas introducían brevemente un tema e a continuación os presentes que o estimaban oportuno falaban do que lles parecía. Se había consenso avante popolo e se había propostas diverxentes votábase e cada un marchaba por onde viñera. O que naquelas asembleas non había eran carretes de dirixentes acaparando o tempo nin censuras na expresión. Comportamentos deste estilo vinos descubrir non hai moito. Mais iso xa é outra historia. Supoño que comportamentos diferentes dos que acabo de citar, exceso de dirixismo e coerción, que están moi lonxe do espíritu que debe encher o ámbito das asembleas, obedecen a eivas de comportamento derivadas dunha moi escasa ou nula participación en encontros destas características nos anos de formación como individuos. É difícil, aínda que non imposible, aprender a nadar ou a andar en bicicleta por riba de certas idades. Neste asunto, e noutros semellantes que se nos poidan ocorrer, tampouco a adaptación é doada, e tampouco imposible. En querendo...

Publicado no Diario de Ferrol | 08.02.2015

[*] Xosé María Dobarro Paz (Ferrol, 1950), escritor, articulista, profesor, activista cultural e político. Na súa xuventude militou no PCG, e posteriormente no nacionalismo-popular galego, sendo militante da UPG e foi Presidente da Sociedade Cultural Medulio e divulgador da figura de Ricardo Carvalho Calero. Foi catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña. Na actualidade é coordinador comarcal de Esquerda Unida.

Enviado por:
André Abeledo Fernández

Dede o facebook
https://www.facebook.com/loboroxo
_________

O governo do millón de euros ou o ocaso das ideoloxías, ... Por Alexandre Carrodeguas

Por Alexandre Carrodeguas [*]
11.02.2015


O concello de Ferrol parece seguir a senda daquel ministro franquista, Gonzalo Fernández de la Mora e o seu famoso libro do crepúsculo das ideoloxías, que se traducía na consigna do estado en obras.

O goberno municipal quere que os cidadáns de Ferrol ante a falla dun modelo de cidade, dunha cidade onde os nosos fillos non se teñan que ir a Namibia a buscarse un futuro, como me comentaba unha veciña, volvamos a votar a este goberno pola frenética actividade asfáltica-construtora.

Nos próximos tres meses antes das eleccións van a ser capaces de remodelar o Cantón, de poñer un ascensor panorámico na costa de Mella, de asfaltar tódalas rúas e non sei cantas obras mais. Todo elo deslabazado e improvisado; Que se un plan de tráfico dun día para outro, que se na Praza de Galicia arman un lio monumental coa parada dos autobuses, que se o antroido non se sabe se vai ou se ven etc. Publicidade a esgalla, chapuzas e improvisación. Todo elo regado con fondos Europeos do 'plan urban', destinados ademais a Ferrol vello, onde curiosamente as ruínas avanzan sen freo.

Tamén nos anuncian a colocación de dúas estatuas e non sei cantas cousas mais. Como conservadores que din ser deberían seguir os consellos das nosas nais e acordarse daquilo que nos recomendaban: Non intentes facer no último momento aquilo que non fixeches no seu tempo.

Se os nosos preclaros gobernantes pretenden en tres meses, facer o que non fixeron en catro anos van aviados. Os cidadáns de Ferrol non merecemos ser tratados como menores de idade. O que queremos é un goberno municipal decente para que os nosos fillos non teñan que emigrar a Namibia. Nada mais.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
5 de fevereiro de 2015 14:20

_______________

luns, febreiro 09, 2015

Irresponsabilidade das autoridades sanitarias na asistencia das urxencias sanitarias


Fuco Buxán sobre a irresponsabilidade das autoridades sanitarias na asistencia das urxencias sanitarias
. | Desde a A.C. Fuco Buxan queremos chamar a atención sobre a irresponsabilidade das autoridades sanitarias en relación coas Urxencias sanitarias. | Profesionais e sindicatos levan desde 2013 avisando de que os recortes do Goberno poderían custar vidas humanas.


É demoledor o informe da Defensora do Pobo, Soledad Becerril: As urxencias hospitalarias no Sistema Nacional de Saúde: dereitos e garantías dos pacientes. Xaneiro 2015 elaborado xunto cos defensores do pobo de varias comunidades autónomas.

Mariano Rajoy, Esperanza Aguirre e outros cargos do PP negaron que se aplicaran recortes á Sanidade, pero o certo é que si se fixo: pecháronse plantas, limitáronse horarios de servizos, despediron a profesionais sanitarios, non se contratou persoal para substituír a traballadores en situación de baixa, entre outras medidas, e este é o resultado.

As urxencias hospitalarias son unha peza esencial para o bo funcionamento dos sistemas de saúde (en España xestionan 26 millóns de atencións ao ano e 6 de cada dez ingresos hospitalarios son de pacientes de urxencias), pero enfróntanse a moitos problemas cuxa solución excede das capacidades destes servizos.

O estudo analiza os problemas comúns ao conxunto dos servizos de urxencias, sen particularizar a situación de ningún deles.

Resúmense a continuación algunhas das corenta conclusións deste Estudo:

As medidas de ampliación ou renovación dos espazos físicos dedicados á atención de urxencias nos hospitais non resolven os problemas de presión asistencial e de saturación dos servizos, se non se introducen cambios na organización e xestión da realidade hospitalaria.

As ferramentas informáticas de xestión clínica, polo xeral, non adoitan ter en conta os requerimientos específicos da atención urxente e son percibidas polos profesionais como unha dificultade adicional que entorpece a necesaria axilidade e a propia seguridade da actividade asistencial.

A presenza suficiente de profesionais especializados e con experiencia na atención urxente non está garantida en todas as franxas horarias e todos os días da semá.

Os servizos de urxencias hospitalarios son ámbito de risco por estrés laboral, o que aconsella introducir ferramentas de xestión proactiva destes riscos.

As repetidas situacións de saturación dos servizos de urxencias dan lugar a un menoscabo da dignidade dos pacientes neles atendidos e pode vulnerar o dereito á intimidade e a confidencialidade dos seus datos de saúde.

A experiencia dos profesionais e os actuais métodos de xestión permiten prever o nivel de demanda asistencial ao longo de todo o ano, incluídos os periodos estivais ou vacacionais. A disponibilidade de recursos, camas hospitalarias e persoal, debe axustarse a esas previsións.

Nos servizos hospitalarios de urxencias é imposible garantir aos pacientes en fase terminal unha morte digna e preservar o duelo dos familiares.

A práctica do consentimento informado, verbal ou escrito, é insuficiente nos servizos de urxencias e debe ser asumida en toda a súa extensión polos profesionais sanitarios.

A atención en urxencias, polas súas características, incrementa os riscos para a seguridade dos pacientes e é causa dun maior número de efectos adversos.

Os inmigrantes en situación irregular teñen dereito a recibir do sistema público atención sanitaria de urxencia.

As persoas en situación de fraxilidade, especialmente con trastornos cognitivos, enfermidade mental ou discapacidad grave, deben poder ser atendidas con prioridade e débese facilitar o acompañamiento por familiares ou achegados, ou por persoal formado específicamente nesta atención.

Para a atención a pacientes vulnerables, con risco de maltrato ou de exclusión social, os sistemas de clasificación de pacientes poden incluír parámetros e información non estrictamente clínica, deberían ser aplicados protocolos específicos de asistencia, incluíndo a disposición de espazos reservados que preserven a intimidade destas persoas.

Ofrecer a debida atención a determinados colectivos, como os pacientes crónicos e pluripatológicos, as persoas de idade moi avanzada ou as persoas en exclusión social.

A específica atención ás persoas detidas ou en situación de custodia.

Os programas de calidade son unha esixencia legal e unha garantía para o adecuado funcionamento dos servizos de urxencias.

Os sistemas de reclamaciones e suxestións dos pacientes son unha ferramenta moi eficaz para garantir a calidade do servizo.

Fuco Buxán, A. C.
Rúa Armada Española, 32 baixo- 15406 - Ferrol
Apartado Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telefono. 981325492
www.fucobuxan.net
fucobuxan@yahoo.es

Enviado por:
A.C. Fuco Buxán Fuco Buxán
-fucobuxan@gmail.com-
9 de fevereiro de 2015 14:33
http://www.fucobuxan.net/
__________________

Verdegaia demanda a retirada do plano de conservación da Frouxeira por obedecer a intereses particulares e partidistas


Posición de da asociación asociación ecopacifista Verdegaia sobre a aprobación do Plano de Conservación da Frouxeira | Verdegaia demanda a retirada do plano de conservación da Frouxeira por obedecer a intereses particulares e partidistas. | Coa súa aprobación só se persegue dispor de seguridade xurídica para seguir controlando de xeito artificial o réxime hidrolóxico da lagoa. | Demanda a supresión das edificacións e do paseo marítimo que usurparon a zona de anegamento natural do humidal.

Verdegaia reitera o seu rexeitamento ao Plano de Conservación do areal e da lagoa da Frouxeira nos seus actuais termos dado que, lonxe de garantizar a conservación dos hábitats naturais e das especies silvestres obxecto de protección neste espazo natural “protexido”, o que en realidade se persegue é dispoñer de seguridade xurídica para seguir controlando de xeito artificial o réxime hidrolóxico da lagoa para, deste xeito, non ter que suprimir as infraestruturas e edificacións mal planificadas que ocuparon de xeito irregular a zona de asolagamento natural do humidal.

Verdegaia non só rexeita o control artificial do réxime hidrolóxico da lagoa senón que, ademais, demanda a expropiación dos terreos e edificacións coas que se ocuparon as zonas de asolagamento natural usurpadas no seu día a este humidal. De feito, o apartado 1 do artigo 39 da Lei 42/2007 do 13 de decembro do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, de ámbito estatal, establece que “La declaración de un espacio natural protegido lleva aparejada la declaración de utilidad pública, a efectos expropiatorios de los bienes y derechos afectados (…)”. Ditas expropiacións poderían ser o punto de partida para unha restauración integral do contorno da lagoa, actualmente usurpado na súa beira Norleste.

O Plano de Conservación que se pretende aprobar en breve só obedece a intereses particulares e partidistas, consolidando unha das principais causas de degradación ambiental do humidal como é a regulación artificial do seu réxime hidrolóxico, contradecindo os propios informes técnicos que obran no expediente de tramitación, onde se recoñece que as Directivas 92/43/CEE do 21 de maio e 2000/60/CE do 23 de outubro, en materia de hábitats e de augas, respectivamente, determinan, en relación á conservación do humidal lacunar, “(…) que o réxime hidro-ecolóxico deste debe ser de carácter natural, suprimindo, ou no seu caso minimizando, aqueles efectos antrópicos que poden incidir de forma negativa sobre o ecosistema (…)”.

Asimesmo, sinala que “(…) Dada a condición de hábitat prioritario (1150* Lagoas costeiras), así como de distintos tipos de hábitats presentes no humidal, as actuacións que poidan formularse non poderían en ningún caso provocar unha afección apreciable sobre estes compoñentes da biodiversidade (…)” conlevando a  eliminación “(…) de calquera tipo de medida tendente a regular o réxime hidrolóxico, como poden ser as modificacións estruturais do complexo de apertura, a creación de espigóns, así como a apertura de canles permanentes e a colocación de comportas”.

Por conseguinte, a lagoa da Frouxeira debe evoluir e autorregularse de forma natural, prescindindo de calquera tipo de intervención humana.

Por outra banda, entre as moitas eivas que presenta o devandito plano de conservación, destaca que das vinte e oito (28) especies exóticas invasoras detectadas neste espazo protexido só se pretende erradicar cinco (5); o que nos parece unha falta de responsabilidade absoluta, tendo en conta que a irrupción de especies foráneas nos ecosistemas autóctonos son a segunda causa de extinción das especies asociadas aos mesmos, despois da destrución directa dos seus hábitats naturais.

Nucleo Comarcal Verdegaia-Ferrol
http://www.verdegaia.org/

Texto: Antom Fortuna

Foto: Miguel A. Fernández Pérez

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org-
7 de fevereiro de 2015 11:48
_________________

xoves, febreiro 05, 2015

FilispiM vai... cumprir 10 anos - Unha decada facendo radio libre e comunitaria, na Terra de Trasancos, polas ondas no 93.9 da FM e a través da rede


"FilispiM vai cumprir 10 anos", este sábado ás 7 do serán no Ateneo Ferrolán
.

Este sábado 7 de febreiro de 2015 a partir das 7 do serán, o Colectivo Opaii! volve ao Ateneo Ferrolán, cunha nova edición do ciclo "FilispiM vai ...", nesta ocasión adicado ao aniversario da principal actividade do Colectivo Opaii!, a Rádio FilispiM.

"FilispiM vai... cumprir 10 anos".

Durante a gravación do programa de radio lembraranse os alicerces do proxecto, falarase do presente e do futuro. Ademaís, haberá música ao vivo da man da banda ferrolá Weather Underground (pop/rock) e o dúo Indio & Lidia Pinheiro (sons brasileiros).

No transcorrer da festa de aniversario, apresentaranse as novas camisolas e chapas, conmemorativas do 10 aniversario, realizadas para a ocasión en unidades limitadas.

A entrada é de balde.


Programa de actos conmemorativo do 10º aniversario das emisión da Rádio FilispiM, 93.9 FM.

Durante este 2015, levaranse ao cabo outros actos conmemorativos, coma un Ciclo de Cinema adicado as radios libres e comunitarias, retomaremos o festival Conspirando por Unha Radio Libre (en xoves "santo"), unha Exposición dos 10 anos da FilispiM e, mesmo, unhas Xornadas de Medios Libres. A práctica totalidade destes actos celebraranse no Ateneo Ferrolán, pola súa complicidade e vinculación fundacional co proxecto da activación da primeira radio libre e comunitaria (terceiro sector) da Terra de Trasancos.

Seguiremos informando...

Grazas pola difusión, ficades tod@s convidad@s.

Colectivo Opaii!! - Rádio FilispiM, 93.9 FM.

OPAII-Rádio FilispiM [93.9 FM]
A rádio livre e comunitária da Comarca de Trasancos emitindo desde Ferrol.
Web: http://www.opaii.blogspot.com
Ao Vivo: http://giss.tv:8001/radiofilispim.ogg
E-mail: filispina@gmail.com
Direcçom Postal: Avda. Castelao S/N [Traseira do Mercado de Caranza], CP. 15406 Ferrol [A Corunha]

Enviado por:
Rádio FilispiM 93.9FM
-filispina@gmail.com-
5 de fevereiro de 2015 14:02

_____________________

"... na fronte unha estrela, no bico un cantar ...", Anova fai un chamamento a participar o domingo 8 de febreiro na manifestación nacional pola nosa lingua, convocada pola plataforma 'Queremos Galego' - Buses desde Ferrolterra - Anotarse


ANOVA APOIA A MANIFESTACIÓN DE QUEREMOS GALEGO

Unha política lingüística de respecto aparente, de non intervención no conflito lingüístico e nas súas causas, de falsa e perversa equidistancia, aquela construción ideolóxica que recibiu o nome de bilingüismo harmónico, ese foi o modelo que impuxeron os diferentes gobernos do PP de Galicia ata a chegada de Núñez Feijóo á Presidencia. De feito, favoreceuse así a imposibilidade de que a Lei de Normalización Lingüística se materializase nun Plan Integral de Normalización. Este darwinismo lingüístico, en última instancia, naturalizou o proceso de substitución lingüística, non foi capaz de detelo e revertelo. Nin sequera quixo.

En 2004, ante unha difusa necesidade de adoptar algunha medida que frease a perda na transmisión, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Un plan pouco ambicioso pero talvez imprescindible para socializar a conciencia da necesidade e establecer algunhas garantías protectoras. Eran 445 medidas tímidas, pero algún avance significarían se chegasen a ser executadas. No plano político, escenificábase un consenso práctico sobre o idioma, que simbolicamente debería ter certa importancia. Pouco despois, na etapa do goberno bipartito, a política lingüística foi ben intencionada pero insuficiente e ás veces errática. A timidez non superou as barreiras da base material, que é a que determina o conflito. Abonde con lembrar que o decreto do bipartito prevía a posibilidade dun reparto ao 50% de galego e castelán no ensino. Nunca chegou nin a suscitarse a posibilidade de plans de inmersión ou doutras medidas de probada eficacia pedagóxica.

Nese escenario, Feijoo e o Partido Popular gañan as eleccións en marzo de 2009. E arrincan cun discurso que se alicerza no obradoiro conceptual da Fundación FAES, no caldeiro do lixo ideolóxico da ultradereita española. Faino mediante o recurso aos significantes baleiros: liberdade, imposición, dereito a decidir... A perversión da linguaxe para atacar a propia lingua. O Plan Xeral de Normalización, cuxas medidas nin sequera chegaran a implementarse, quedou suprimido de facto, mesmo criminalizado. O discurso uniformizador e ultra do PP e do goberno obrigou ás múltiples sensibilidades normalizadoras a recuar e a acudir ao consenso perdido como horizonte, mesmo sabendo que aquel consenso significaba a perpetuidade dunha política de laissez faire, de deixar facer ao proceso substitutorio. O Presidente Núñez e os seus gobernos pasarán á historia como artífices dunha indisimulada involución en todos os ámbitos, tamén no dos avances legais, que era o único reduto en que as políticas oficiais ofreceran algo nos últimos trinta anos. Adóptanse por primeira vez medidas contra o proceso de normalización e contra a lingua. O Goberno de Galicia é o primeiro, e talvez único, goberno da historia da humanidade que lexisla explicitamente contra a súa lingua. É dicir, lexisla abertamente contra o seu pobo, contra as persoas usuarias desa lingua, contra as falantes. Desas primeiras medidas, salientamos apenas dúas: a eliminación da esixencia dunha proba de galego para acceder a un posto de traballo na administración e o Decreto de Plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, que reduciu a presenza do galego no ensino, eliminouno das materias científicas e enviouno ámarxinalidade. Esta radicalización uniformizadora e totalitaria da política lingüística do Partido Popular, que sempre fora ineficaz pero nunca tan extremadamente agresiva, agudiza o proceso de substitución e afonda con saña nas causas da perda de transmisión e, por tanto, de falantes. A última enquisa do IGE amosa unha perda de falantes de 13 puntos. Non deixa lugar, pois, a interpretacións optimistas.

A responsabilidade histórica destes gobernantes é inmensa. A súa acción de goberno, as súas medidas lexislativas e o seu repugnante discurso, que contou e conta co apoio de intelectuais orgánicos e de medios de produción simbólica e de comunicación, todos colaboradores necesarios, é equiparable ao peor dos delitos de traizón É un crime de lesa patria.

Mais, a pesar da gravidade da situación, non caeremos na trampa de espallar a mala nova da morte do idioma. Non é así. Nós sabemos que a lingua galega está viva, é rendible e opera con extraordinaria riqueza en todos os ámbitos en que lle é dado situarse, a pesar de todos os obstáculos. Somos moi conscientes de que o futuro nos pertence. Por unha razón sobre moitas outras: o galego é a lingua común de toda a cidadanía de Galicia, independentemente do uso activo que cadaquén faga dela. Todas e cada unha das persoas que vivimos en Galicia usuarias, activas ou pasivas, a todas nos pertence esta lingua de usos vivos en igual medida. Iso quere dicir que esta nosa construción colectiva superará a indecencia e a vileza dos personaxes que aínda ostentan o goberno desta vella nación. Non en van, as clases populares designamos, proxectamos e construímos o futuro co valor creativo da nosa lingua.

A lingua galega vive, e vivirá máis de mil primaveras. Farao conquistando os espazos que quere ocultarlle un poder ilexítimo. Farao esixindo e conquistando o dereito sen restricións a vivirmos a totalidade das nosas vidas usándoa en todas as situacións comunicativas posibles. Como calquera falante de calquera lingua do mundo. Por todas as razóns expostas, e máis, Anova fai un chamamento a todo o Pobo Galego para que apoie a manifestación do próximo 8 de febreiro en Compostela, convocada por Queremos Galego, para que participe nesta mobilización e para que, alén de resignacións catastrofistas, exprese en común o orgullo de posuír unha lingua de uso para todos os ámbitos da vida. É unha conquista material coa que Anova se compromete, inseparable do proceso de rebelión cívica e creba democrática que dea lugar a un novo espazo de socialización e convivencia.

Por iso levamos na frente unha estrela, e esa estrela é a lingua de nós.

Galiza, febreiro de 2015

#PorRosalía #PorCurros #PorNós #NaFronteUnhaEstrela #NoBicoUnCantar

http://anova.gal/


BUSES DESDE FERROLTERRA

O prazo máximo para anotarse mañá venres, 6 de febreiro,  ás 12hs.

MAIS INFO. EN:
http://www.queremosgalego.org/2015/01/27/autobuses-para-o-8-de-febreiro/

Saída perante a Casa do Concello de Narón (Pza de Galiza s/n) ás 9:45 h.

Paradas:
Ferrol – Avenida de Esteiro, diante do local comarcal da CIG, ás 10h.
Caranza, Fene e Vilar do Colo.
Prezo: Colaboración voluntaria coa plataforma Queremos Galego de 3€ por persoa.

Apuntarse en: local da CIG 981358750 / 981352676 / 663075074 (até as 12 do mediodía do venres día 6 de febreiro).

Enviado por:
Anova-IN
-anova@anova.gal-
4 de fevereiro de 2015 17:33
_______________

mércores, febreiro 04, 2015

Asemblea Xeral da Marea Ártabra este Xoves 5 de Febreiro


ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA

Na xornada de debate celebrada o pasado 31 de Xaneiro na Galería Sargadelos acordouse abrir un prazo para presentar propostas para debater sobre a posibilidade de presentarse ou non ás eleccións municipais e sobre  a forma xurídica da Marea perante a propia mesa da Asemblea o Xoves 5 de Febreiro, ás 19:45hs., no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño. Estas propostas presentaranse por escrito e a o inicio da Asemblea.

Na propia xornada de debates celebrada pola Comsión de Organización presentaronse xa dúas propostas para o debate na Asemblea sobre a forma xurídica que a continuación se detallan:

1- Presentarse como Agrupación de Electores

2- Presentarse como Partido Político de carácter provincial deixando aberta a posibilidade de federarse con outras organización a nivel galego.

Así mesmo presentouse unha proposta para que Marea Ártabra se presente ás eleccións Municipais en Ferrol

Estas propostas xunto as que se presenten perante a mesa da Asemblea serán debatidas durante esta asemblea.

---
Que é a Marea? Marea Ártabra quere alentar un proceso asembleario que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social promovendo candidaturas de unidade para as vindeiras eleccións municipais, un proceso para un novo suxeito político do que saia un programa e unha candidatura do pobo e para o pobo. Facebook e Twitter.

Como asinar o manifesto e unirse á 'Marea Ártabra'

Pode-se asinar o manifesto de apoio cubrindo un formulario no seu sitio na rede: Acceder.

Para contactar
Presentou-se o manifesto que se pode ler nun blogue que abriron no seguinte enderezo: http://mareaartabra.blogspot.com.es/  ou mareaartabra.org. Tamén hai un enderezo de correo electrónico: mareaartabra[arroba]gmail.com.

A Marea Ártabra nas redes sociais:
Enlaces relacionados:

A 'Marea Ártabra' en Ártabra 21 | Acceder.
A 'Marea Ártabra' desde o buscador libre DuckDuckGo. | Ir a Web.
________________

Información baseada na enviada por:
marea artabra
-mareaartabra@gmail.com-
4 de fevereiro de 2015 10:46
Esperamos a vosa presenza para este debate
___________________

Acto de lembranza e homenaxe de Vitoria e Carmelo, este Sábado 7 de Febreiro, ás 12 do mediodía en Caranza


O vindeiro xoves cúmprese o VII Aniversario do falecemento de Carmelo Teixeiro Menéndez, primeiro Coordinador deste Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

Con este motivo, o CCE convoca, a toda a cidadanía, a celebrar un acto na súa lembranza e na da súa compañeira Victoria Fernández Paredes (falecida o 8 de novembro do 2013).

O Acto, que consistirá nunha ofrenda floral e intervencións poético musicais, terá lugar o sábado, 7 de Febreiro, ás 12 do mediodía, no Parque Carmelo Teixeiro de Caranza.

Carmelo e Victoria serán sempre, para todas e todos nos, un exemplo de solidariedade e entrega a todas as causas sociais.

Ben coñecida é a súa militancia política, sindical e social de sempre, e sobre todo a loita mantida nos últimos anos en defensa da Ría e da vida, contra a ameaza permanente da Planta de Gas de Reganosa.

Moi interesante vídeo sobre a construción da ilegal e perigosa planta de gas de Reganosa:
Ferrol polo mar e pola vida.


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Enviado por:
comitecidadan
-comitecidadan@gmail.com-
2 de fevereiro de 2015 16:12

_______

Os exemplos de loita de Cleanet e Lantero provocaron os aplausos e a fonda solidariedade do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea - Esquerda Verde Nórdica - Galería Fotográfica - Vídeos


Os exemplos de loita de Cleanet e Lantero provocaron os aplausos e a fonda solidariedade do GUE/NGL. | O GUE/NGL comprometeuse a realizar distintas accións da apoio ás loitas de Cleanet e Lantero até que se resolvan os dous conflitos. | Syriza mantivo un encontro específico cas plantillas de Cleanet e Lantero, ademais de realizar dúas intervencións de apoio na reunión do GUE/NGL.


Unha traballadora de Cleanet e un traballador de Lantero foron as responsábeis na mañá de hoxe de dar a coñecer[1] ao Grupo da Esquerda Unitaria-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) os motivos que lles levaron a loitar pola súa dignidade e dereitos laborais -e polos da clase traballadora en xeral- a través da folga indefinida.

Jesús López Rodríguez, do Comité de Folga da empresa Lantero (Vilagarcía) expuxo diante das eurodeputadas/os do GUE/NGL os detalles da acción represiva que a empresa está despregar contra os traballadores[2], e lembrou que "a día de hoxe temos cumpridos 115 días en folga polos nosos postos de traballo e na contra da aplicación dunha reforma laboral abusiva".

López tomou o exemplo da asimetría de forzas no conflito con Lantero para dar mostra das nefastas consecuencias derivadas da última reforma laboral imposta polo Partido Popular, "o desequilibrio que sempre existiu entre os traballadores e a patronal estase acentuando no Estado español ca nova reforma laboral", advertiu.

"Entendemos que dende a UE, dende esta mesma institución, debería  promoverse algún tipo de iniciativa, de condea, pero non só para as empresas, que ao fin e ao cabo estanse beneficiando dunha reforma laboral que lle permite realizar estes abusos, senón tamén ao país lexislador, para que rectifique e equilibre de novo a balanza facendo valer a loita polos dereitos sociais e laborais", argumentou López.

O representante da plantilla de Lantero aproveitou tamén a súa intervención para realizar propostas concretas -iniciativa que lle foi agradecida publicamente pola propia presidenta do GUE/NGL,  a deputada alemá de Die Linke Gabriele Zimmer-, solicitando que se leve adiante dende o Parlamento Europeo "algún tipo de iniciativa para abordar que o exercicio dun dereito fundamental como o dereito á folga non estea condicionado a deixar polo camiño dereitos fundamentais como o de poder manter a túa vivenda, a túa alimentación", xa que, "a día de hoxe, exercer o dereito á folga implica non ter ningún recurso para sobrevivir".

Así, plantexou o feito de que no Estado español as empresas se poidan financiar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) "a costa das cotizacións dos traballadores ao seguro de desemprego", fronte ao que reivindicou "vai sendo hora de que exista un tipo de mecanismo para que aquelas persoas que queren exercer o seu dereito á folga poidan facelo tendo garantido uns mínimos para a súa subsistencia, recorrendo por exemplo a un fondo de garantía de desemprego no que xa estiveran cotizando dende o inicio da súa vida laboral".

Pola outra parte, Begoña Ramos Díaz, en representación das traballadoras da limpeza da empresa Cleanet -en folga indefinida dende o 27 de outubro-, contrata do Ministerio de Defensa nas súas instalacións en Ferrol,  salientou na súa intervención que "as políticas privatizadoras da dereita son focos de corrupción", que teñen a finalidade de "lucrar a individuos sen ningún tipo de escrúpulos á conta das traballadoras e os impostos da cidadanía".

Para as traballadoras de Cleanet, "a única solución a esta corrupción é o inmediato rescate de tódalas contratas" co obxectivo de que sexan xestionadas "directamente pola Administración pública" creando "empregos públicos e de calidade, beneficiando á sociedade fronte aos intereses privados". Asemade, denunciou tamén diante do GUE/NGL que "as responsábeis da actual crise económica que vimos sufrindo a parte máis débil da sociedade europea son as oligarquías financeiras".

Ramos proseguiu subliñando "os recortes no Estado de Benestar", poñendo como exemplo que na actualidade "hai empresas que optan a concursos públicos a costa de baixarlle o salario ás traballadoras e traballadores" e que, no caso concreto de Cleanet, "a empresa leva meses sen pagarnos os salarios pero este feito non lles está a conlevar consecuencia ningunha".

A traballadora de Cleanet concluíu a súa intervención afirmando con contundencia "o único camiño para reverter o que está a pasar en Europa é a mobilización de toda a clase traballadora, culminando nunha folga europea" e pechou o seu discurso aos deputados e deputadas do GUE/NGL ca consigna "avante, sen tregua, coa loita obreira".

Ámbalas dúas intervencións arrincaron aplausos entre as eurodeputadas/os do GUE/NGL, e deputadas/os como os gregos Dimitrios Papadimoulis e Emmanouil Glezos -ámbolos dous da coalición grega Syriza-, o checo Miloslav RANSDORF -Partido Comunista de Bohemia e Moravia- ou as portuguesas Marisa Matías -do Bloco de Esquerda, coordinadora do GUE/NGL para a Comisión de Economía e Asuntos Monetarios- ou Inês Zuber -do Partido  Comunista Portugués-, con quen xa mantiveran unha xuntanza na tarde de onte na súa responsabilidade como integrante da Comisión de Emprego do PE, interviñeron expresamente para agradecer a súa presenza e a súa capacidade e exemplo de loita, así como para amosar o seu total apoio.

Aliás, Syriza mantivo posteriormente unha reunión cas representantes de Cleanet e Lantero, onde lles fixeron chegar ás traballadoras da limpeza de Cleanet unha carta[3] escrita pola eurodeputada Kostadinka Kuneva[4], ex-sindicalista que desempeñou un moi importante papel na loita das traballadoras da limpeza do Ministerio de Finanzas, Administración Fiscal e Aduanas, sen dúbida unha das loitas sociais que se converteron nun verdadeiro episodio histórico para Grecia, e cuxa resolución foi unha das primeiras medidas tomadas polo novo goberno de Syriza.

A eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, valourou "moi positivamente" a "importantísima posibilidade de poder traer os exemplos de Cleanet e Lantero ao GUE/NGL", se ben  nestes dous intensos días "houbo momentos difíciles, como onte co representante da Comisión Europea", xa que dende esta institución  "sempre alegan que non teñen competencias pero logo fan 'suxerencias' que son incorporadas polos gobernos e que acaban derivando no empeoramento das condicións das traballadoras e traballadores", "pero tamén houbo momentos fortes e de moito apoio -valorou a deputada galega- como hoxe no Grupo e na xuntanza con Syriza".

Dende AGEe e dende o GUE/NGL "seguiremos facendo accións de apoio a estes dous colectivos", concretou,  e avanzando en "dar cumprimento aos compromisos asumidos na campaña, é dicir, facer chegar ao Parlamento Europeo as problemáticas e as loitas do noso país", enfatizou Senra.

Bruxelas, 4 Xaneiro 2015.

Notas.-

[1] Dispoñíbel vídeo -en baixa calidade- de ámbalas dúas intervencións. Inicia Jesús López e, a partir do 11'55'', Begoña Ramos:
https://www.youtube.com/watch?v=oZoMBIqFPqY&feature=youtu.be


http://youtu.be/oZoMBIqFPqY

[2] Nunha actitude de forte coacción do dereito á folga, Lantero Galicia contratou nos días previos a facer público o ERTE unha empresa  externa de seguridade que despregou na fábrica máis dunha ducia de vixiantes de seguridade, 8 escoltas armados e dous cans de raza perigosa, aliás de abrir un "expediente sancionador contraditorio" ao presidente do Comité de Empresa que desembocou mesmo no seu despido.

[3] Adxunta (orixinal en inglés e traducida ao galego):
https://drive.google.com/file/d/0By24jKds2T1PZk1NMEJFNXVwWkkyZWs3TUdyOTlRRkhIaV9V/view?usp=sharing.

[4] Foi Secretaria da Asociación de Limpadoras e Empregadas Domésticas da provincia de Ática. No ano 2008 atacárona con ácido sulfúrico ao pé da súa casa, cando voltaba do traballo, por motivo da súa intensa loita sindical polos dereitos dos/as traballadores/as gregos/as e estranxeiros/as en empresas de limpeza. Esta é a súa primeira lexislatura como eurodeputada.

[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde (AGEe - GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861 | lidia.senra@europarl.europa.eu

Máis información en:
Información baseada na enviada por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
4 de fevereiro de 2015 18:27
______________

Este xoves 5 de Febreiro as Marchas da Dignidade presentan-se en Mugardos


ASEMBLEA ABERTA DAS MARCHAS DA DIGNIDADE EN MUGARDOS


A pan traballo e teito o pobo temos dereito!!

Acode e participa na asemblea aberta das Marchas da Dignidade en Mugardos onde faremos unha pequena presentación do que son as Marchas da Dignidade e pediremos a vosa opinión e debate sobre as protestas que temos planeadas para este ano 2015 que consistirán nunha marcha andando, en tren ou bus até Madrid desde diferentes puntos do estado e a convocatoria dunha folga xeral.

E se Mugardos decide apoiar esas protestas formando a columna de Mugardos estaría xunto coa columna Caranceira fortalecendo a columna Ferrolterra para que se escoite a voz do pobo en toda a ria.

Pan traballo e teito!!

O xoves 5 de Febreiro ás 7 da tarde no Centro Cívico de Mugardos na rúa Contramaestre Casado, 3-5, baixo.

EVENTO EN FACEBOOK:
https://www.facebook.com/events/369580093224182/

TELEFONO DE CONTACTO:
603 213 863

ENDEREZO DE CORREO-E:
marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com

Ferrolterra:
http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/
Galego:
http://marchasdadignidade.blogspot.com/
Estatal:
http://marchasdeladignidad.org/
Redes da Columna Galega:
https://twitter.com/galizaMarcha22M
https://www.facebook.com/MarchasDignidade
https://www.facebook.com/groups/265451853621237/
https://www.youtube.com/channel/UCaOvAhPYKR43taxbOKCCreg

PAN, TRABALLO E TEITO - Á RÚA, QUE XA É HORA!!!
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||

Deixou-nos Ramón Capotillo Leal


Por medio de Fuco Buxán A.C. recebemos a noticia do falecemento de Ramón Capotillo. Mediante unha nota manifestaban o sentimento de comunicar que o pasado domingo, 1 de febreiro de 2015, "faleceu o noso compañeiro Ramón Capotillo Leal, amigo e socio". Lembraban  o seu compromiso social desde hai décadas, foi un dos protagonistas de Marzo do 72 que continuou na súa actividade sindical, social e veciñal. Non só era socio de Fuco, senón que desenvolvía un traballo social e cultural; apoiando as hortas urbanas de Canido, na asociación veciñal do seu barrio e na asociación cultural 'Muíño do Vento'. Precisamente o 27 de xuño de 2013 participaba na sección Parladoiro ao Serán,  no que foi presentado por Eliseo Zaera. Parladoiro do que hai un resumo de interese na web da citada asociación, onde se fai referencia a que, o finado compañeiro, ten escrito as súas memorias (daquela aínda sen publicar, non sabemos ao día de hoxe). Pensamos que un bon xeito de lembrar a Capotillo, pode que sexa transcribir o que contaba no citado Parladoiro e con que sentimento, onde comezou o relatorio expoñendo parágrafos escolmados do libro das súas memorias: "Exposición moi emocionada que partiu das lembranzas das primeiras andainas arredor de vivencias familiares. Lembranzas dos pais, da tía Concha, de Manolita, do curral de Chicha… E do medrar no barrio de Canido, barrio obreiro e labrego. Lembranzas das dificultades da vida en tempos da "Longa noite de Pedra" que, máis aló da nostalxia , aínda hoxe o paso do tempo non puido borrar. Lembranzas dos moitos traballos, os repetidos xantares (outra vez castañas!…), os poucos vagares, as continuas preocupacións dos trafegos cotiáns, do dificultoso ir indo".  Seguen escribindo desde 'Muíño do Vento':  "Mais tamén lembranzas dunha infancia de xogo. Xogos na rúa, nas hortas, nos moitos espazos que aínda o simbiótico barrio de Canido gardaba para o lecer sen horas da rapazada. E a mocidade na Cabana, en Chamorro ou na Malata. Malata, Malata, lugar de baño, de convivio, de novas aprendizaxes, rincón sempre añorado. Cantas aventuras na Malata!". Logo xa escriben, seguindo as súas memorias, pinceladas dun Capotillo aprendendo, na loita, comprometido e maduro: "O paso do tempo. A escola. A Bazán. A loita pola Democracia. O Comité de Empresa. Os amigos. A familia. O río da vida. A poesía de A. Machado. As vellas cancións e a nova xeira na vida do barrio co novo compromiso".

As compañeiras e compañeiros de Fuco, non só fan referencia a seu compromiso coa asociación Agavida (Asociación Galega Vítimas do Amianto), senón que din que "Ramón foi vítima, como tantos traballadores de Ferrolterra, da asbestosis, dunhas condicións de traballo que non tiveron en conta a saúde e a vida das persoas". E por último manifestan un sentido recordo da "súa compañeira, a nosa querida Marichy Cuadrado, aos seus fillos, Moncho, Jorge e Pere, a súa familia e amigos a nosa aperta de solidariedade".

Capotillo dicía de si mesmo que era un "xubilado resentido", a así se presenta na súa conta de twitter @pardinas19. É moi significativa a carta que lle envía ao seu fillo Pere  e que este publica no seu blogue. Logo de ver un programa de Jordi Évole sobre o 23-F de 1981, fai unha, aínda que triste, moi interesante reflexión política datada no 24 de febreiro de 2014, que convidamos a ler no blogue de Pere. Onde, despois de pasado o tempo, das súas vivencias persoais dese 23, di: "Hoxe, inocente de min, ao contemplar a parodia con tan significados actores protagonizando-a, crinma. Chorei desconsoladamente ao crerme vítima de tan grave engano".

Non queremos rematar sen facer referencia a súa defensa do ser galego, de ser iguais mais diferentes, contra os tópicos reaccionarios ante un artigo dun tal Jaume Mariné que escribeu, en Xuño de 2003, en 'El Diari de Tarragona', titulado "Digues Gallego" (Di Gallego). Artigo (en catalán) cuxa tradución ao galego pode-se atopar aquí. A moi interesante réplica de Capotillo pode-se atopar nestoutro enlace. Mais non renunciamos, agora, a transcribir o final do mesmo: "Tamén pensaba que vostede, Sr. Mariné, esqueceríase do tópico e que mentres vivise non volvería repetilo. Pense que a inxustiza e os grandes voceiros do réxime, como outrora, cominan a insultar aos periféricos, aos que somos distintos, aos que temos cultura propia, aos que sempre intentamos levantarnos, aos que seguimos, utopicamente, esperando a ansiada liberdade".

As compañeiras e compañeiros de 'Muíño do Vento', dispoñen dun audivisual a xeito de resumo da vida de Ramón Capotillo que foi proxectado no xa citado Parladoiro do Serán que sería interesante difundir.

Foto tirada da web da Asociación Cultural de Canido 'Muíño do Vento'.

Desde Ártabra 21 compañeiro, contigo pola ansiada liberdade.

Información baseada na enviada por:
A.C. Fuco Buxán Fuco Buxán
-fucobuxan@gmail.com-
2 de fevereiro de 2015 11:17
http://www.fucobuxan.net/

_____________________

martes, febreiro 03, 2015

Ante o anuncio da entrada do 'BW GDF Suez Everett', cargado con gas natural licuado para a ilegal e perigosa Reganosa, o Comité Cidadán de Emerxencia, convoca unha nova concentración na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, este Martes 3 de Febreiro, ás 7 da Tarde


CONCENTRACIÓN SONORA EN FERROL,
 MARTES 3 DE FEBREIRO, ÁS 7 DA TARDE
DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA
NA PRAZA AMADA GARCIA

Un novo buque gaseiro, ten prevista a súa entrada na Ría de Ferrol, para este Martes 3 de Febreiro de 2015. O "BW GDF Suez Everett", de bandeira de conveniencia de Singapore, de máis de 277 metros de eslora, 43 de manga e un calado de 11,1 m, que pode cargar miles de toneladas de gas natural licuado (LNG / GLN),  vai enfilar a súa proa para entrar pola bocana da Ría e cruzar o angosto, estreito, de pouco calado e de fondo rochoso canle de máis de 4.000 metros (con miles de toneladas de GNL abordo), até chegar ao pantalán de descarga do peirao de punta Promontorio, situado no termo municipal de Mugardos, onde Reganosa coa complicidade de políticos sen escrúpulos construíu unha planta de gas que nos ameaza todo-los día, aumentando exponencialmente esta ameaza sempre que entra na Ría un buque destas características cargado para a perigosa e ilegal planta regasificadora de Mugardos. De entrar este buque, será o número 188 desde que o fixera o "Galicia Spirit" en Maio de 2007.

Diante do aumento da ameaza contra a seguridade e a vida, que supón a entrada do buque gaseiro, xunto á propia instalación da Planta de Gas en Mugardos, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol convoca unha acción de protesta e denuncia, consistente nunha Concentración Sonora, o mesmo Martes ás 7 da Tarde, en Ferrol, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.


O 11 de Maio de 2012 ditou-se a Sentenza polo Tribunal Supremo, onde a planta xa foi declarada ilegal, en sentenza inapelábel. O 15 de Setembro de 2014, foi admitido a trámite, polo Tribunal Supremo, o Recurso de Casación contra a decisión da Xunta de Galicia e o Concello de Mugardos que denegan a nulidade do novo PXOM en execución da mencionada Sentencia.

Tras a Sentenza do Tribunal Supremo, que declara ilegal a localización de Reganosa, temos que esixir o fin desta ameaza e deste malgasto de cartos públicos. Temos que esixir o seu peche definitivo.
  • QUE SE CUMPRA A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • MÓVETE CONTRA A IMPUNIDADE !!
  • PECHE XA!!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA  !!
10 razóns para preguntar-se ... Por que Reganosa ten que saír da nosa Ría e das nosas Vidas?

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Información baseada na enviada polo:

Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
1 de fevereiro de 2015 20:00
_______________