martes, maio 21, 2019

Ana Pontón coloca o BNG como a opción de cambio real en Ferrol fronte o vello bipartidismo e os que só trouxeron decepción - Iván Rivas: 'Somos a única alternativa para que Ferrol teña un futuro diferente fronte aos que só poden ofrecer máis do mesmo' - Aposta do Bloque para impulsar políticas feministas desde o concello - Vídeo


Ana Pontón coloca o BNG como a opción de cambio real en Ferrol fronte o vello bipartidismo e os que só trouxeron decepción. | Iván Rivas: “Somos a única alternativa para que Ferrol teña un futuro diferente fronte aos que só poden ofrecer máis do mesmo”. Aposta do Bloque para impulsar políticas feministas desde o concello.


A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou desde Ferrol unha gran mobilización o 26M e colocou ao BNG como a opción para un cambio real neste concello da man da candidatura que lidera Iván Rivas, e por iso apelou a non resignarse nin coas fórmulas fracasadas do bipartidismo de sempre, nin cos que só trouxeron decepción estes catro anos.

Fago un chamamento á mobilización,a que haxa unha participación masiva para que a cidadanía se deixe sentir nas urnas”, salientou Pontón, “a aposta para todas as persoas que queren cambios transformadores é a papeleta do BNG, porque temos un proxecto sólido de futuro, pensado desde Galiza, demostramos que facemos as cousas ben, que temos capacidade para sacar o mellor dos concellos”.

Por iso, e de cara á cita electoral, Pontón pediu en Ferrol apostar polo modelo municipal do Bloque, capaz de converter en referentes os concellos nos que goberna.

Non hai que conformarse, dixo, “nin co vello bipartidismo nin con esas fórmulas que nos dixeron que viñan cambialo todo e non foron capaces nin de facer xestión. O BNG é una alternativa segura para todas as persoas inconformistas que queren concellos dinámicos e comprometidos co galego, co comercio local, co feminismo e con mellorar a vida das persoas”, recalcou.

Ferrol, onde participou nun acto de campaña xunto co candidato Iván Rivas, é un exemplo de que o Bloque é a mellor aposta para mudar o rumbo desta cidade a partir do domingo: “Ten un enorme potencial e se está como está é pola ineficacia dos últimos gobernos municipais que non foron capaces de poñer en marcha un proxecto transformador que mudase o pesimismo en ilusión e en futuro”, indicou.

A alternativa en Ferrol é a candidatura do Bloque que encabeza Iván Rivas, cun proxecto claro, cun equipo sólido, a aposta segura para todas as persoas decepcionadas co que pasou. Non teñen que conformarse co vello bipartidismo que xa sabemos que da de si, nin resignarse a esa desilusión que xeraron aqueles que viñan cambialo todo e non foron nin capaces de xestionar o día a dia. Teñen no BNG a alternativa de cambio real que pode darlle un futuro a Ferrol”, subliñou.

 Un argumento no que tamén afondou Iván Rivas: “A única alternativa para que a cidade de Ferrol poda encarar o futuro dunha maneira totalmente diferente é o BNG, o señor Rey Varela foi alcalde catro anos e a cidade está como está, Jorge Suárez tamén, e o mesmo candidato socialista estivo no goberno. É obvio que o que lles poden ofrecer é máis do mesmo”.

En relación ao candidato popular, Rivas pediulle explicacións pola súa xestión como conselleiro de asuntos sociais. Así, fixo referencia as denuncias pola mala calidade dos menús nun centro de menores na cidade, o atraso na xestión da RISGA, demoras no recoñecemento da discapacidade e de que non se cumpre os prazos de atención á dependencia. “Ten que dar explicacións da súa xestión como conselleiro porque supón unha vulneración de dereitos básicos das persoas”.

No acto de campaña abordaron as propostas do Bloque para conformar concellos feministas que traballen a favor da igualdade e dos dereitos das mulleres.

Independencia económica das mulleres

Neste sentido, a número dous da candidatura, María do Mar López, explicou o compromiso do BNG “por impulsar as axudas que dependan do concello e reclamar doutras administracións que cumpran os obxectivos de xénero, promover alternativas para que as mulleres se auto empreguen e poidan ter independencia económica”.

Igualmente, dixo, “traballaremos para dotar e mellorar os servizos que presta a Casa da Muller, poñer o foco en solucionar a problemática dos coidados e da discriminación, e para que Ferrol sexa unha cidade libre de desigualdades e de agresións contra as mulleres. Queremos transformar a cidade desde unha perspectiva de xénero feminista”.

Concellos feministas

Pontón destacou que o BNG promove concellos comprometidos coa igualdade, cunha aposta para acabar coa discriminación das mulleres no acceso ao emprego, para loitar por unha sociedade máis igualitaria e facer dos concellos un axente máis contra a violencia machista, “porque no actual contexto de involución, non podemos dar nin un paso atrás”.

Cláusulas de igualdade no acceso á emprego público, penalizar ás empresas que discriminan ás mulleres, apostar por facilitar a conciliación familiar e laboral, son algunhas das medidas. “Non se poden usar recursos públicos para financiar ningunha actuación que vaia contra os dereitos e as liberdades das mulleres ou que perpetúe discriminacións laborais”, concluíu.


https://youtu.be/YcpGMV5YLAE

Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
#AgoraGaliza
#AgoraBNG
#Agora Ferrol
Local Electoral BNG Ferrol
Rúa Galiano, 66 Baixo.

Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
21 de maio de 2019 00:18

________________

Dezasete contradicións do capital e o fin do neoliberalismo, ... Un libro de David Harvey editado pola 'Editorial Traficantes de Sueños' - Esas contradicións fundamentais, cambiantes e perigosas, son as que configuran o presente das nosas sociedades e as que marcan o horizonte da súa transformación - Enlace para baixar o libro


Este libro pretende comprender as contradicións do capital como conxunto de vectores dinámicos que ordenan as forzas primordiais do comportamento estrutural das sociedades capitalistas nos múltiples aspectos da súa organización social, económica e política. Esas contradicións, que David Harvey clasifica en fundamentais, cambiantes e perigosas, son as que configuran o presente das nosas sociedades e as que marcan o horizonte da súa transformación, en tanto que as dinámicas do capital son as que rexen os marco-comportamentos das distintas superestruturas que configuran a súa reprodución. Na súa opinión, os movementos sociais e as forzas políticas que loitan por construír un mundo non organizado pola barbarie e a catástrofe só poden alcanzar unhas condicións mínimas de eficacia si parten dun diagnóstico certeiro de cales son as forzas que conforman o estado actual das cousas. A análise opta pola minuciosa reconstrución das dezasete contradicións que o autor considera esenciais para explicar a reprodución social das sociedades actuais, para dilucidar as súas potenciais tendencias á crise e para explorar as vías de acción dos movementos revolucionarios que deixarán o seu selo nas próximas décadas e transformarán de raíz a orde social actual. Neste sentido unicamente poden existir movementos anti-sistémicos transformadores si estes contan e constrúen unha teoría apropiada das características sistémicas da estrutura capitalista, que el elabora utilizando toda a panoplia dos construtos marxianos e marxistas que traballou incansablemente durante os últimos corenta anos cuns resultados moi destacados á hora de renovar a caixa de ferramentas marxista.

Excelente mapa, necesaria folla de ruta para organizar a loita de clases no século XXI e a revolta global, rexional e local contra a lóxica do capital e as formas de explotación e dominación, que ofrecen ao 99 por 100 da poboación do planeta un presente de crise e de desastre social e un futuro de desolación e caos sistémico. E talvez para deseñar a superación definitiva do capitalismo.

Traficantes de Sueños

Autor: David Harvey, é Profesor Distinguido de Antropología no Graduate Center da Universidade da Cidade de Nova York (CUNY), onde leva ensinando desde 2001. Anteriormente foi profesor de Xeografía nas universidades Johns Hopkins e de Oxford. En 1995 a Real Sociedade Xeográfica de Londres concedeulle unha das súas dúas Medallas de Ouro anuais e en 2007 entrou a formar parte da Academia Americana de Artes e Ciencias. É o xeógrafo académico máis citado do mundo.

http://davidharvey.org/

DEZASETE CONTRADICIÓNS E O FIN DO CAPITALISMO
(Diecisiete contradicciones del capital y el fin del neoliberalismo)
(Seventeen Contradictions and the End of Capitalism)
HARVEY, DAVID
Licenza: CC BY-NC-ND
ISBN: 978-84-96453-50-0
Editorial: TRAFICANTES DE SOÑOS - TRAFICANTES DE SUEÑOS
Colección do libro: Prácticas Constituíntes
Idioma: Castelán.
Tradución: Juan Mari Madariaga
Número de páxinas: 293
Dimensións: 240x150
Materia: PENSAMENTO

Libro en formato pdf - 299 páxinas. | Acceder/Baixar.

Fonte: https://www.traficantes.net/

TRAFICANTES DE SUEÑOS

Para doar. | Ir á web.
____________

Ana Pontón destaca en Narón o compromiso do BNG a favor da inclusión social desde os concellos - A candidata Olaia Ledo defende unha residencia pública de maiores e a posta en marcha da Nova Rede Solaina co tecido asociativo



Ana Pontón destaca en Narón o compromiso do BNG a favor da inclusión social desde os concellos. | A candidata Olaia Ledo defende unha residencia pública de maiores e a posta en marcha da Nova Rede Solaina co tecido asociativo.

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a candidata por Narón, Olaia Ledo, mantiveron un encontro con representantes de diversas asociacións do tecido asociativo do concello, cuxo papel a líder do Bloque puxo en valor e coas que o BNG aposta por tecer “colaboración e complicidades”.

A nacionalista destacou o compromiso do BNG a favor de políticas municipais de inclusión social, a través de actuacións nas que se traballe por lograr que todas as persoas teñan unha vida digna con independencia das súas condicións económicas, físicas ou de calquera outra índole. “Os servizos sociais deben ser entendidos como un dereito universal, unha cuestión directamente relacionada con ter unha vida digna”, recalcou.

Pontón destacou ante as entidades sociais que, pese a que o papel que desempeñan este sector terciario é clave, a Administración pública debe aspirar a dar cobertura ao 100% da poboación nos respectivos ámbitos competenciais.

Ademais da política social que o BNG propón desde o seu modelo municipal, reclamou un modelo e financiamento xusto dos concellos galegos “pois co actual sistema cada municipio deste país recibe 50 euros menos por habitante que a media do Estado, o que orixina un déficit de financiamento que afecta á prestación de servizos”. Igualmente, a insuficiencia orzamentaria da dependencia está lastrando a prestación dunha cobertura prevista por lei, pero que, na práctica, non chega ás persoas por falta de recursos.

O déficit de financiamento é unha cuestión clave para que os concellos podan facer unha prestación dos servizos sociais acorde ás necesidades da veciñanza”, indicou.

Pola súa parte, tras o encontro con asociacións sanitarias da comarca de Ferrolterra, a candidata do BNG á Alcaldía de Narón, Olaia Ledo, destacou a importancia de reforzar a liña de colaboración iniciada polo o BNG desde o concello de Narón cos diferentes movementos asociativos. Na xuntanza tamén ser abordaron outros aspectos relativos á promoción social, como a posta en marcha da Nova Rede Solaina para tentar cubrir espazos inclusivos “para todos e todas”.

A candidata trasladou aos e ás representantes das diferentes asociacións sociais e sanitarias algunhas das medidas que o BNG priorizará dende a política municipal, como a creación da Residencia pública para maiores, nun concello de 40.000 habitantes, e dar continuidade e mellorar as “claúsulas sociais” destinadas a desenvolver a inserción laboral e o traballo en rede.

#Agora Naron #AgoraBNG #AgoraOlaiaLedo

BNG
Narón: Rúa 25 de Xullo 1, entrechán F.
Web | Facebook.




Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
20 de maio de 2019 23:46

___________

Este mércores 22 de maio, ás 6 da tarde Ferrol en Común e Unidas Podemos Cambiar Europa, fan un acto central na Praza Vella, coa presencia de Pablo Iglesias, Yolanda Díaz, Jorge Suárez, Antón Gómez Reino, Vanessa Angustia e Carmén Rodríguez


Este mércores 22 de maio, ás 6 da tarde, Ferrol en Común e Unidas Podemos Cambiar Europa, fan un acto cental na Praza Vella, coa presencia de Pablo Iglesias (Secretario Xeral de Podemos), Yolanda Díaz (Deputada En Común no Congreso), Jorge Suárez (Alcalde de Ferrol e de novo candidato por FeC) e Antón Gómez Reino (Deputado En Común no Congreso), Vanessa Angustia e e carmén Rodríguez (Candidatas de Unidas Podemos Cambiar Europa).

Tamén é un acto de apoio a Ferrol en Común. Para continuar no goberno levando a cabo o mellor proxecto de cidade coas mellores persoas para facelo posible. #LugarDeTodas #FeCSI

http://ferrolencomun.gal/

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
20 de maio de 2019 22:01

_________________________

luns, maio 20, 2019

Este mércores 22 de maio, ás 20:15hs, no Teatro Jofre Acto Central de campaña do BNG de Ferrol, coa presencia da candidata ás europeas Ana Miranda, a prlamentaria e portavoz Ana Pontón, o candidato á Alcaldía, Iván Rivas e María do Mar López, candidata nº 2


Acto Central do BNG de Ferrol no Teatro Jofre.
Mércores 22 de maio, ás 20:15hs.

Vai-se desenvolver o acto central da campaña das eleccións municipais e europeas.

Neste acto estará: María do Mar López, candidata nº 2, Ana Miranda, europarlamentaria galega e de novo candidata ao Parlamento Europeu polo BNG, na coalición Agora Repúblicas, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG e do Grupo Parlamentario e Iván Rivas, actual concelleiro e portavoz do grupo municipal e de novo candidato a alcaldía de Ferrol.

Ademais contaremos coa participación de Jasper (cantante de NAO).

#AgoraEuropa #AgoraRepublicas #AgoraBNG

Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
#AgoraGaliza
#AgoraBNG
#Agora Ferrol
Local Electoral BNG Ferrol
Rúa Galiano, 66 Baixo.
BNG

Baseado no enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
20 de maio de 2019 13:08

___________

Este martes 21 de maio ás 7 da tarde, primeira tanda de debates no Ateneo Ferrolán, diante da Eleccións Municipais do 26M, coa participación dos candidatos á alcaldía por FeC Jorge Suárez, polo PSOE Angel Mato, polo PP Rey Varela, polo BNG Ivan Rivas e por CS Alejandro Langtry


Mesas de Debate no Ateneo Ferrolán en colaboración co Clube de Prensa de Ferrol.

Eleccións Municipais 2019

Martes día 21 de maio ás 19,30 h.:

Candidatos á alcaldía por FeC Jorge Suárez, polo PSOE Angel Mato, polo PP Rey Varela, polo BNG Ivan Rivas e por CS Alejandro Langtry

Bloques e apartados a debate:

➤Cultura, Educación e Deportes

➤Modelo de Cidade, Patrimonio, Urbanismo e Turismo

➤Servizos Sociais, Formación e Emprego, Inclusión Social

Modera: Patricia Hermida (xornalista)

Entrada libre

#Ferrol

Entrada libre

--
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)

Síguenos:
TWITTER: @ateneoferrolan
http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/
FACEBOOK:
Faite soci@ on line! Colabora con nos!


Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-ateneoferrolan@gmail.com-
20 de maio de 2019 13:29

_____________

Previsión de actividades de Marea de Ferrol para o martes 21 de maio: reunión co Club Ría de Ferrol e coa asociación veciñal de Canido, e na tertulia 'Un pincho co candidato', do bar Sur


PREVISIÓNS DE MAREA DE FERROL PARA O MARTES

Detallamos a continuación a previsión de actividades de Marea de Ferrol para  mañá martes 21 de maio:

1. Ás 17.00 horas, manteremos unha reunión co Club Ría de Ferrol, no seu local situado no Pavillón de Deportes da Malata.

2. Ás 19.00 horas xuntarémonos coa AVV Canido no CC Canido.

3. Ás 21.30 horas, participaremos en "Un pincho co candidato", organizado polo bar Sur, para manter o "debate de taberna" que os seus propietarios lle propuxeron a todas as candidatas para as municipais de Ferrol.

4. Así mesmo, o noso local electoral (Rúa Dolores, 20) permanecerá aberto mañá e tarde -en horario de 10:00 a 14:00 hh. e de 17:30 a 19:30 hh.- como espazo de encontro e de conversa con todos os/as veciños/as que queiran achegarse.

Marea de Ferol
Local: Rúa Dores, 20 Baixo.
Correo-e: mareadeferrol@gmail.com
http://mareadeferrol.gal/
Twitter | Facebook

Enviado por:
Marea de Ferrol
-mareadeferrol@gmail.com-
20 de maio de 2019 11:23

____________

O 24 Maio, Folga de estudantes contra o cambio climático, dentro da convocatoria internacional que xa se desenvolve en máis dun cento de países, polo movemento 'Fridays For Future / Os Venres polo Futuro'


O 24 Maio, Folga de estudantes contra o cambio climático, dentro da convocatoria internacional que xa se desenvolve en máis dun cento de países, polo movemento "Fridays For Future / Os Venres polo Futuro".

Bos días,
Enviamos información sobre convocatoria de folga estudantil contra o cambio climático.
Saúdos!
Adega


Estudantes da Coruña e Ferrol convocamos unha folga estudantil contra o cambio climático o venres 24 de Maio, coincidindo coa convocatoria internacional do movemento “Fridays For Future”.

Dende A Coruña queremos dicirlle á sociedade e o goberno que debe darse un cambio ecolóxico para garantir o noso futuro. Por iso o 24 de MAIO faremos unha gran folga e manifestación a nivel global. No noso caso partirá unha marcha ás 19:00 h do Obelisco (A Coruña) para acabar diante do concello, onde terá lugar unha concentración a continuación.

Estamos vendo como o noso planeta se encamiña ao desastre polas malas accións e a indiferenza dos nosos gobernos. A xeración dos nosos paises está deixando que o cambio climático, a contaminación dos solos e augas, a extinción de miles de especies ou a destrución dos ecosistemas se converta nunha situación irreversible.

O noso futuro está hipotecado para  que algúns sigan aumentando as súas fortunas. Os nosos bosques arden e os nosos polos se desxean para pagar os luxos duns poucos.

Se amades aos vosos fillos, por que deixades que isto aconteza diante dos nosos propios ollos? Por que nos roubades o futuro?

Non é unha cuestión  ideolóxica, nin relixiosa, nin de nacionalidades. Aféctanos a todos os habitantes do planeta. É a maior crise á que nos podemos enfrontar e necesitamos tratala como tal.

Con equidade e sen perder nin un minuto máis.

Os gobernos  ignoráronnos. Decidiron non actuar. Pero quedaron sen escusas e nos sen tempo. Chegou o momento de cambialo todo.

Queremos convidar a tódolos centros que queiran unirse á folga, e aqueles estudantes, mestres, asociacións ou ONGs que lles gustaría participar na organización, contacten con nos a través do noso email ou das nosas redes sociais. Adxuntamos o cartaz da convocatoria e o panfleto en tamaño A4.

Un saúdo, Fridays For Future A Coruña.

Instagram   https://www.instagram.com/f4fcorunha/
   
Fridays for Future A Coruña (@f4fcorunha) | Instagram photos and videos | 739 Followers, 224 Following, 17 Posts | See Instagram photos and videos from Fridays for Future A Coruña (@f4fcorunha) | Ir á Web.

Facebook: https://www.facebook.com/Fridays4C/

correo-e: fridays4futurecorunha@gmail.com

Enviado por:
adega.gal
-adega@adega.gal-
20 de maio de 2019 10:05

___________

Abeledo confía no traballo na rúa para que 'Narón por Diante' sexa a gran sorpresa do 26M


Temos que conseguir que a veciñanza coñeza as nosas propostas para Narón, o noso programa, transmitirlles a nosa ilusión.

O 26M NARÓN POR DIANTE chegará  ABRINDO AS PORTAS do Concello a veciñanza.

O candidato a Alcaldía de NARÓN POR DIANTE, André Abeledo acompañado de membros da candidatura, militantes e simpatizantes toman nestes días as rúas.

Traballamos neste tramo final da campaña electoral para que a veciñanza coñeza os eixos do noso programa electoral e as nosas  propostas para construir un Narón mellor.

Estamos convencidos de que a única enquisa valida é a das furnas o 26M.

Estou convencido que a veciñanza vai a darnos a súa confianza o 26 de Maio.


NARÓN POR DIANTE- SON EN COMÚN
Local de campaña
Praza de A Gándara (Rúa Vigo, 20, Narón).
Facebook | Twitter



Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
20 de maio de 2019 09:36

__________

Programación LiGanDo do que queda de campaña electoral: Actividade diaria, Mitín Central no Centro Cultural Torente Ballester e Mitín de Final de Campaña en Caranza (O Felgo, na Avda. castelao)


Programación LGD campaña Ferrol SEMANA 20-24/05/19


Luns 20/05/19-Pola maña reparto de información do programa municipal.
-Pola tarde café con Iolana Teixeiro con veciños de Catabois na Cervexeria A Casa da Troia.

Martes 21/05/19
-Pola maña reparto de información do programa municipal.
-Pola tarde, ás 19:00 horas debate no Centro Cívico de San Pablo.
-Pola tarde-noite 8:30 apoio ao mitin central en Miño de Xuntos por Miño.

Mércores 22/05/19
MITIN CENTRAL DE LIGANDO
20:00 horas no salón de actos do Torrente Ballester
con:
➤IOLANDA TEIXEIRO Candidata á alcaldía
➤Miguel Anxo Abraira Portavoz Nacional de LGD
➤Ricardo Sánchez alcalde de Miño.

Xoves 23/05/19
PROGRAMACIÓN PENDENTE DE DEFINIR

Venres 24 /05/19
Programación sen definir ao completo.
MITIN PECHE DE CAMPAÑA NO BAR "O FELGO" DE CARANZA,
ÁS 20:30 HORAS
Avda de Castelao 62 baixo 6 O Felgo- Caranza

Díptico Electoral de LiGanDo. | Acceder/Baixar.

Programa Electoral de LiGanDo. | Acceder/Baixar.


LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Enviado por:
LiGanDo Lgd
-ligando.lgd@gmail.com-
20 de maio de 2019 09:04

_______________

Partido Comunista dos Traballadores da Galiza: 'A UE é unha ferramenta do gran capital contra a clase traballadora'


Partidos Comunistas de toda Europa asinan chamamento de cara ao 26M
http://revistaforxa.blogspot.com/2019/05/partidos-comunistas-de-toda-europa.html

A candidatura do Partido Comunista ás europeas aspira a romper coa UE e o Euro
http://revistaforxa.blogspot.com/2019/05/a-candidatura-do-partido-comunista-as.html

A UE e a OTAN son perigosas para os pobos
http://revistaforxa.blogspot.com/2019/05/a-ue-e-otan-son-perigosas-para-os-pobos.html

O Euro atenta contra os traballadores e a soberanía
http://revistaforxa.blogspot.com/2019/05/o-euro-atenta-contra-os-traballadores-e.html

A UE está a destruír sectores económicos enteiros da nosa economía
http://revistaforxa.blogspot.com/2019/05/a-ue-esta-destruir-sectores-economicos.html

A UE favorece unha maior explotación da mocidade traballadora
http://revistaforxa.blogspot.com/2019/05/a-ue-favorece-unha-maior-explotacion-da.html

A UE sacrificou o tecido industrial no altar do turismo
http://revistaforxa.blogspot.com/2019/05/a-ue-sacrificou-o-tecido-industrial-no.html

Programa electoral do PCTG por un Vigo para a Clase Obreira
http://revistaforxa.blogspot.com/2019/05/programa-electoral-do-pctg-por-un-vigo.html

Síguenos nas redes sociais: @revistaforxa
Facebook | Instagram | Twitter | Youtube

Enviado por:
PCTG
-comunistasdagaliza@gmail.com-
19 de maio de 2019 20:22

____________

André Abeledo acompañado de Sonia Mauriz e Xesús Anxo López Pintos visitaron unha das explicacións gandeiras de Narón


NARÓN POR DIANTE defendemos o noso rural.


André Abeledo acompañado da número 2 da candidatura Sonia Mauriz e o número 3 Xesús Anxo López Pintos visitaron unha das explicacións gandeiras de Narón.

Debemos recuperar o rural. Ofertar servizos básicos, centros educativos  e transporte ao noso rural que permitan afincar poboación.

Temos que traballar porque o noso sector primario sexa motor da nosa economía, sen soberanía alimentaria non hai soberanía.

Agricultores e gandeiros deben ter garantido o apoio das administracións e no caso de sufrir danos por mor da fauna salvaxe, sobre todo do xabarín, as axudas deben ser suficientes e teñen que pagarse coa maior celeridade.

NARÓN POR DIANTE- SON EN COMÚN
Local de campaña
Praza de A Gándara (Rúa Vigo, 20, Narón).
Facebook | Twitter



Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
19 de maio de 2019 17:50

______________

O BNG de Ferrol e o seu candidato á alcaldía Iván Rivas quixeron traballar na lareira, con Bernardo Penabade, sobre o Modelo Burela, un dos modelos actuais de éxito no avance da lingua galega entre a mocidade e as familias - Axenda do BNG de Ferrol para mañá 20 de maio

Axenda do BNG de Ferrol para mañá 20 de maio

11:00 horas: Iván Rivas, María do Mar López e Ana Pontón participan nun reparto informativo. Declaracións aos medios diante do edificio administrativo da Xunta.

20:00 horas: Acto público no local da asociación veciñal de Brión.

Conversas na lareira.

O BNG DE FERROL CONVERSOU NA LAREIRA CON PROPOSTAS PARA A RECUPERACIÓN E NORMALIZACIÓN DA NOSA LINGUA

No día de onte o BNG de Ferrol e o seu candidato á alcaldía Iván Rivas quixeron traballar na lareira, entre café e biscoitos, con Bernardo Penabade, un dos representantes do Modelo Burela, un dos modelos actuais de éxito no avance da lingua galega entre a mocidade e as familias de Burela.

Co seu Modelo Burela abriu onte á tarde Bernardo Penabade este encontro para propor alternativas para un posible Modelo Ferrol, alí comentáronse diversas propostas conectadas co exemplo internacional da mesma Burela en cuestións de Planificación sociolingüística. O Modelo Burela foi premiado e recoñecido en numerosas ocasións en Euskadi, Cataluña, Valencia, etc. Foi o que inspirou o paradigma aplicado no cinto urbano de Valencia ou en diferentes localidades do País Vasco.

En Burela a lingua habitual de máis do oitenta por cento das persoas é o galego. Na mocidade esta porcentaxe sobe 5 ou 6 puntos. Esta tendencia confirma o avance significativo do Modelo Burela que conecta directamente co plurilingüismo e coa diversidade cultural que achega a migración xa enraizada no galego, por exemplo de Cabo Verde, Indonesia, Perú, etc. As persoas que acudiron ao encontro analizaron e propuxeron alternativas ao redor deste proxecto, poñendo en valor as características propias de Ferrol.

O voceiro do BNG de Ferrol, Iván Rivas, empatizou de partida con todas estas propostas entroncándoas coa reunión do día anterior de persoas migrantes e cun futuro para Ferrol que atraia persoas de recente chegada, de diferentes culturas e de reforzo do noso, de dignificación dunha cultura, a galega, moitas veces mesmo estranxeira na súa patria. Rivas animou a participar a diferentes colectivos ofrecendo o BNG como espazo para crear e avanzar coa lingua galega.

Ferrol, 19 de maio de 2019.

Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
#AgoraGaliza
#AgoraBNG
#Agora Ferrol
Local Electoral BNG Ferrol
Rúa Galiano, 66 Baixo.

Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
19 de maio de 2019 17:18

________________

domingo, maio 19, 2019

Ses presenta 'Rabia ao Silencio', o seu novo disco, no Teatro Jofre de Ferrol, hoxe domingo 19 de maio, ás 7 da tarde


SÉS "RABIA AO SILENCIO"


Este domingo 19 de maio, ás 7 da tarde, no Teatro Jofre.

A “RABIA AO SILENCIO” que cantaba Yupanki da nome a este traballo composto por unha escolma de cancións populares, folclóricas ou de autor, mais todas elas ligadas a un pobo do que manaron e ao que nutriron.
Maria Xosé Silvar, Sés, proponnos desta volta un traballo acústico, máis íntimo e directo do que nos ten acostumados, para traer á Galiza do século XXI xoias musicais que na pasada centuria chegaron de ultramar (Cuba, Arxentina, Brasil...), mais tamén de diferentes puntos da Península Ibérica, na voz de Carlos Puebla, Víctor Jara, Mercedes SoSa ou Zeca Afonso. Cancións adaptadas á nosa lingua que foron, no seu momento, semente ou crónica dos grandes movementos sociais do século XX, cancións que exemplifican a pluma e a voz profundas, humanas e solidarias.

María Xosé Silvar "SES" - voz, guitarra e percusión.
Sabela Galbán - voz, acordeón e flauta.
Tito Calviño - guitarra.

Localidades disponíbeis. | Accede.

http://cunde.gal/tenda_ses/
____

O BNG de Narón, hoxe domingo 19 de maio, ás 12 do mediodía no local social d'O Val, con Teresa Sabio, Margarita Leirachá e Olalla Ledo


Máis de 179 medidas para construír o mellor Narón, vimos cos deberes feitos pero é o momento de avanzar, dar un paso adiante para construír un concello BNG que é o mesmo que dicir un concello de todas as persoas.

Hoxe domingo 19 de maio, vémonos na parroquia d'O Val ás 12h no local social.

Seguimos!

#Agora Naron #AgoraBNG #AgoraOlaiaLedo

BNG
Narón: Rúa 25 de Xullo 1, entrechán F.
Web | Facebook.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com
19 de maio de 2019 08:07

___________

Marea de Ferrol contou coa visita de Luís Villares, voceiro de En Marea no Parlamento Galego, vistando o Mercado da Magdalena e mantendo xuntanzas - Dentro das previsión para o luns 20 de maio, contarán coa eurodeputada Lídia Senra




PREVISIÓNS DE MAREA DE FERROL PARA O LUNS 20 DE MAIO


Detallamos a continuación a previsión de actividades de Marea de Ferrol para  mañá luns 20 de maio.

1. Ás 10.00 horas, o noso candidato Bernardo Lorenzo Cuétara será entrevistado na COPE.

2. A partir das 11.30, estaremos repartindo a síntese do noso programa electoral no Barrio de Recimil.

3. Durante a tarde, contaremos coa visita de LIDIA SENRA, candidata ao Parlamento Europeo por Compromiso por Europa - En Marea. Xunto con ela, manteremos dúas xuntanzas no noso local electoral (R/Dolores, 20):

➤Ás 18.00 horas, cos operadores e operadoras dos tres mercados municipais.

➤Ás 19.30 horas, con MODEPEN (movemento pola defensa das pensións).

4. Así mesmo, o noso local electoral (Rúa Dolores, 20) permanecerá aberto mañá e tarde -en horario de 10:00 a 14:00 hh. e de 17:30 a 19:30 hh.- como espazo de encontro e de conversa con todos os/as veciños/as que queiran achegarse.


MAREA DE FERROL, ACOMPAÑADA POR LUÍS VILLARES, MANTÉN UNHA XUNTANZA CO CENTRO COMERCIAL ABERTO

Onte sábado 18 de Maio, Marea de Ferrol contou coa visita de Luís Villares, voceiro de En Marea no Parlamento Galego.

Na súa compaña, visitamos o Mercado da Magdalena, para conversar cos vendedores e vendedoras e coa cidadanía. Alí o voceiro de En Marea destacou a “clara vocación industrial” dunha cidade que precisa de incentivos dende o ámbito municipal. “Por iso a Marea de Ferrol está comprometida coa creación dun viveiro de empresas que permita promover espazos de ámbito local capaces de seguir xerando oportunidades de emprego”, explica Villares. Que reivindica administracións locais activamente involucradas coas políticas laborais.

Pola súa banda, Bernardo Lorenzo Cuétara amosouse ilusionado coa posibilidade de acadar o goberno local despois do día 26. O candidato de Marea de Ferrol denunciou o estado de abandono dos tres mercados municipais e reivindicou a necesidade de actuacións que, dende o municipal, contribúan á mellora e posta en valor dos abastos locais e do comercio de proximidade. “Cremos que vai sendo hora de abrir unha interlocución clara cos mercados, poñer en marcha un plan de mantemento para que os pequenos detalles dos que se debe ocupar o Concello non sigan véndose desatendidos, e que se faga coa participación da xente”.

Máis tarde, mantivemos unha xuntanza na nosa sede electoral con representantes da Xunta Directiva dos comerciantes do Centro Comercial Aberto, na que Luís Villares explicou o traballo que En Marea vén realizando no Parlamento Galego na procura de protección do pequeno comercio fronte ás agresivas políticas neoliberais que representa a liberalización das prácticas das grandes superficies. Un proteccionismo que se define en tres claves: a social, a laboral e a ambiental.

Valorouse que o pequeno comercio é o tecido produtivo que máis emprego e de máis calidade crea, e defendeuse o comercio de proximidade.

Durante a xuntanza, quedou plasmada a preocupación, que Marea de Ferrol comparte, sobre a necesidade de recuperar a cidade planificadamente tendo en conta sectores como o do pequeno comercio. Defendeuse, nese sentido, que se está a favor dunha peonalización do centro feita coa participación de todos os sectores afectados, o que nos últimos anos de goberno municipal non foi posible, sentíndose vetados e coa porta pechada ao diálogo e á exposición das propostas e necesidades do sector.

Unha vez máis constatamos a desidia e a falta de diálogo coa cidadanía imperante nos últimos mandatos municipais, en contraposición á participación cidadá que constitúe un dos eixos fundamentais das propostas programáticas de Marea de Ferrol.

Marea de Ferol
Local: Rúa Dores, 20 Baixo.
Correo-e: mareadeferrol@gmail.com
http://mareadeferrol.gal/
Twitter | Facebook
Enviado por:
Marea de Ferrol
-mareadeferrol@gmail.com-
19 de maio de 2019 10:34
19 de maio de 2019 11:03

_____________