venres, abril 23, 2021

Radio Cerna presenta o novo Boletín informativo ambiental semanal: Ence valora mudar de emprazamento, pero non agora; os fondos next generation e a moratoria forestal; macroproxectos eólicos; Día da Terra


Boletín informativo ambiental 23/04/21

No día posterior ao Día da Terra repasamos a actualidade ambiental galega, que volve estar protagonizada polos macroproxectos eólicos, os fondos next generation e a moratoria forestal. A sorpresa da semana: Ence valora mudar de emprazamento, pero non agora. Se queres saber máis, escoita! [Boletín informativo ambiental 23/04/21]



Radio CERNA é o primeiro espazo radiofónico especializado na temática medioambiental e ecoloxista en Galiza. Está realizado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) para difundir a través da rede e das emisoras locais galegas toda a información relativa á situación medioambiental do país. O espazo dura uns 10 minutos e actualízase todos os días de luns a venres.

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

Enviado por:
adegatrasancos@adega.gal
-adegatrasancos@adega.gal-
23 de abril de 2021 13:06

_______

Non pode ser que familias teñan que deixar aos seus fillos e fillas na tutela da Xunta de Galicia por falta de recursos económicos - Por mor das declaracións realizadas pola Conselleira de Política Social, relativas ao aumento do número de nenos e nenas tutelados pola administración, por causa da crise económica derivada da Covid-19, AGAMME E AGAFEM remitiron un escrito de queixa e demandas ante a Consellería


Posicionamento AGAMME e AGAFEM ante as declaracións da Conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez que relacionaba o aumento dos acollementos directamente coa crise económica que está afectando ás familias polo contexto sanitario de pandemia, por mor da Covid-19

AGAMME E AGAFEM remitiron este xoves 22 de abril, un escrito de queixa á Consellería de Política social por mor das declaracións realizadas pola Conselleira, Fabiola García Martínez, esta semana, polo aumento dos acollementos en Galiza. A Conselleira relacionou directamente este incremento coa crise económica que está afectando ás familias polo contexto sanitario. Ao xuízo de ámbalas dúas entidades, AGAMME e AGAFEM, isto suporía un incumprimento da normativa vixente.

"...a Lei Orgánica de Protección Xurídica do Menor deixa ben claro que os nenos e as nenas nos poderán ser afastados das súas familias, agás que isto fose contrario ao seu interese superior. Neste senso, que as familias atravesen dificultades económicas non xustifica adoptar a medida do acollemento, dado que existen medidas alternativas que a administración pode levar a cabo que protexerían plenamente o interese superior do neno ou da nena ao garantirlle a estabilidade psicolóxica, emocional e social que favorece a permanencia no núcleo familiar."

As entidades presentan unha serie de demandas coa fin de garantir que nenos e nenas galegas non son afastadas das súas familias por motivos estritamente económicas, para o cal será necesario desenvolver políticas de apoio das familias específicas para a crise que atravesamos.

Outras das demandas presentadas teñen que ver coa discriminación en canto á falta de apoio económico que sofren as familias acolledoras fronte aos recursos de acollemento residencial. Outro aspecto que salientan e a falla de transparencia en canto ao modo en que se bareman as contías por cada praza en centros de acollemento residencial, segundo as distintas variables, como poden ser a idade ou a existencia de necesidades específicas do neno ou nena.

Piden tamén que a Xunta cree centros de menores de titularidade pública, de tal forma que o acollemento residencial en Galiza non dependa de entidades que se lucran coa prestación deste servizo.

Axúntase o texto completo.

Víctor M. López Casa
, Coordinador de AGAMME (Asociación galega contra o maltrato a menores). | agammeferrol@gmail.com

Mª José Alonso Abalde, Presidenta de AGAFEM (Asociación Galega de acollemento de familia extensa do menor). | info@agafem.com

✔ Escrito de Queixa e Demandas ante a Consellería de Política Social. | Agamme e Agafem | 22 de abril de 2021 | En formato pdf. 4 páxinas. | Acceder/Baixar.

--



Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
22 de abril de 2021 19:08

_______

xoves, abril 22, 2021

En Ferrolterra como en toda Galiza foi a mobilización na defensa da Sanidade Pública - Mensaxe de Manuel Martín voceiro nacional de SOS Sanidade Pública - Vídeo coa intervención de Antón Cortizas e galería fotográfica


Este mércores 21 de abril, en Ferrolterra como en numerosas vilas e cidades da Galiza, tiveron lugar mobilizacións na defensa da sanidade Pública, para garantir a presencialidade no Sergas, reducir as listas de espera, incrementar o persoal e tumbar a modificación da lei de sanidade de Galicia que introduciu medidas represivas e de recorte de liberdades, en definitiva para recuperar o sistema sanitario público.

Esta foi a primeira mobilización, despois das diferentes asembleas para recompoñer e impulsar a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol - SOS Sanidade Pública Ferrolterra, Eume e Ortegal, que despois desta xornada de mobilización, en tempos de pandemia, con aceptábel suceso, vai comezar a súa andaina reivindicativa, propositiva e de denuncia.

A continuación transcribimos a mensaxe do voceiro da plataforma a nivel de Galiza:

A Plataforma SOS Sanidade Pública quere mostrar a súa satisfacción a agradecemento aos centos de persoas que se manifestaron en toda Galicia pola recuperación do Sistema Sanitario Público. E imposible poñer nunha mensaxe as decenas de imaxes de tantas concentracións nas diferentes localidades.

As concentracións foron un rotundo éxito pese ao mal tempo, ao temor de moitas persoas para manifestarse pola COVID (a pesar das medidas de seguridade adoptadas pola Plataformas) e a imposibilidade de realizar as necesarias reunións presenciais para organizar unha mobilización de tanta magnitude.

Esta mobilización supón o inicio dunha campaña para normalizar a atención nos Centros de Saúde, un Plan para abordar as tremendas listas de espera acumuladas, a vacinación universal contra a COVID, a recuperación do persoal recortado e as súas precarias condicións laborais e a retirada da Reforma da Lei Galega de Saúde que pretendía recortar os dereitos cidadáns (afortunadamente emendada polo Tribunal Constitucional).

Se a Consellería de Sanidade e a Xunta de Galicia non rectifican nin satisfán unhas reivindicacións, tan necesarias como razoables, a Plataforma organizará novas e masivas manifestacións, como as que viñemos realizando nos últimos catros anos.

Manuel Martin

Voceiro

O escritor e mestre ferrolán Antón Cortizas, dá lectura ao comunicado final


Nota.- Pasado o minuto 03:17 do vídeo hai uns segundos de corte, desculpar polo erro técnico.

Galería fotográfica da concentración en Ferrol







SOS Sanidade Pública Ferrolterra, Eume e Ortegal
_______

Non aos despidos en Cándido Hermida - Andaina ate a Casa do Concello de Narón - Venres 23 de abril, ás 10:30hs, desde a Nave de Loira Inter, en Río do Pozo ate a casa do Concello de Narón


NON AOS DESPIDOS EN CÁNDIDO HERMIDA

O pasado día 14 de abril comezou o carrusel de despedimentos nas empresas do Grupo Cándido Hermida, polo de agora máis de 20 que levaba moitos anos na empresa (mais de 15 de media) e cunha máis que demostrada valía na montaxe das tendas de INDITEX, Carolina Herrera e nos proxectos de Sunseeker ou STX.

As causas económicas que alegan son unha cortina de fume. Unicamente pretenden amedrentar ao plantel e reprimir ao persoal que tanto no 2019, cando a empresa tentou impor unhas xornadas de traballo escravistas, como na negociación dos ERTE COVID, mantiveron unha posición máis combativa.

Se hai problemas económicos como aducen, por que despiden ao persoal con máis antigüidade e que lle sae mais caro e @s substitúen por traballador@s contratados a través de ETT,s?

Por que esta suposta mala situación económica non se lle comunicou aos representantes dos traballadores/as para entre todos e todas tentar unha saída negociada e menos traumática?

Témolo ben claro, as causas económicas son a escusa para desfacerse dun número importante de xente que non traga coa precariedade e o empeoramento das xa malas condicións laborais que se dan nas empresas de Cándido Hermida.

Somos compañeiros e compañeiras desde hai ben anos e co apoio dos sindicatos CIG, CC.OO e UGT e de moita xente que se solidariza pola inxustiza desta situación, imos dar a batalla tanto para deter estes despedimentos como para mellorar as condicións laborais na empresa para a que levamos entregado unha parte ben importante da nosa vida.

PARTICIPA CON NÓS NA ANDAINA QUE VAI TER LUGAR O VENRES 23 CON SAÍDA ÁS 10:30 DA NAVE DE LOIRA INTER EN RÍO DO POZO E REMATE NO CONCELLO DE NARÓN

Narón, 21 de Abril, de 2021

#NonaosDespidosenCandidoHermida

Foto: Asemblea e concentración de traballadores de Candido Hermida - 20 de xuño de 2018 - Avantar.
___

mércores, abril 21, 2021

Un novo buque gaseiro (Catalunya Spirit) está descargando no despropósito gasista de Reganosa - ...un gas extraído por medio da destrutiva técnica do fracking (fracturamento hidráulico) - Este sábado 24 de abril, está convocada unha acción de protesta, ás 12 do mediodía, nas inmediacións da planta regasificadora, pola Coordinadora Galega por un reparto Xusto dos Fondos Europeos (Next Generation)


Un novo buque gaseiro, o "Catalunya Spirit LNG", entrou esta mañá na nosa Ría, cargado con decenas de miles de toneladas de gas natural licuado (GNL), para o despropósito gasista de Reganosa. O buque procede de Port Arthur, Sabine, Lusiana (USA). Está cargado cun gas extraído por medio da destrutiva técnica do fracking (fracturamento hidráulico). O gaseiro está nestes momentos descargando na planta regasificadora de Reganosa, no peirao de Punta Promontoiro (Mugardos). O "Catalunya Spirit", é un LNG Tanker de grande porte con 284 metros de eslora e 43 de manga, con bandeira española, construído en 2003. Este novo buque fai o 296, desde que en maio de 2007 entrara o "Galicia Spirit", o seu xemelgo, nom sen antes ser impedido, por dúas veces, pola xente do mar e o Comité Cidadán de Emerxencia, nunha acción sen precedentes, pola súa magnitude, onde se romperon os muros de silencio que construíra o poder mediático, económico e político, derredor do proxecto gasista promovido polo Grupo Tojeiro.

Como sinalamos, este gas que se está descargando en Reganosa, foi extraído pola técnica coñecida como fracking, que é moi daniña para a saúde e o medio ambiente, no proceso libran-se grandes cantidades de metano á atmosfera, contribuíndo deste xeito ao cambio climático, na súa extracción tamén se produce a contaminación das augas subterráneas e o subsolo. De feito, no Estado español está en cuestión. No artigo 8 do proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética que o Consello de Ministros remitiu ás Cortes, o 19 de maio de 2020, prevé expresamente a denegación de autorizacións de explotacións de hidrocarburos que empreguen a técnica fractura hidráulica de alto volume.

Mentres o "Catalunya Spirit" descarga decenas de miles de toneladas de gas natural licuado, perante 24 horas que dura a mesma, aumentará de xeito exponencial, o xa de por si perigo que ten a planta regasificadora, para todas as miles de persoas que moramos na contorna da Ría de Ferrol, dentro do radio de 2000 ou 3000 metros que no caso de deflagración térmica ou explosión, sería arrasado.

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, segue denunciando a unha planta de gas que non só pon en perigo as nosas vidas, contribúe ao deterioro da Ría e ao cambio climático, senón que foi construída ao amparo da corrupción económica e política. Foi construída e posta en funcionamento, sen avaliación ambiental e a sabendas de que, a súa localización, incumpría a lexislación medio ambiental en vigor. Confirmado por cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra do despropósito gasista de Reganosa. Agora co novo goberno se lle aproba a avaliación ambiental, sen ter en conta a súa localización, alegando que xa é unha infraestrutura construída e en funcionamento (prescisamente a aplicación da política de feitos consumados que buscaban os seus promotores). Reganosa segue funcionando sen permiso de construción, nin acta de autorización para operar, logo de ser anulados polas sentenzas na súa contra. A planta regasificadora tramita por terceira vez, estes permisos e autorizacións.

Acción de protesta este sábado 24 de abril

Este sábado 24 de abril, está convocada unha acción de protesta, ás 12 do mediodía, nas inmediacións da planta regasificadora, no Camiño O Penedo, na parroquía de Mehá, concentrando-se previamente, na Travesía A Pedreira. Acción apoiada polo Comité e convocada pola Coordinadora Galega por un reparto Xusto dos Fondos Europeos (Next Generation).

Planta de gas, fora da Ría !!

Gas Non é Solución !!


#GasNoneSolucion

Gas: os excesos dun sistema que pagas na factura. Un especial dixital realizado por "Ballena Blanca".

Gas e fracking. | Ecoloxistas en Acción.

Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc
_______

A Quinta pronuncia-se sobre a Proposición Non de Lei sobre o Bierzo no Parlamento de Galicia - ...queremos manifestar a nosa mais profunda decepción polo resultado saído do Parlamento Galego


A Quinta sobre Proposición Non de Lei (PNL) en el Parlamento de Galicia

Desde A Quinta queremos manifestar a nosa mais profunda decepción polo resultado saído do Parlamento Galego a respecto da Proposición non de Lei presentada polo BNG en nome de CxB (Coalición polo Bierzo). Entendemos que o resultado e froito dos xogos partidarios que se sitúan a marxe da realidade social e política de Galiza e do Bierzo. Lamentamos que os xogos partidarios do PP e o PSOE os levaran a ignorar a milleiros de votantes destes partidos no Bierzo que defende un maior vínculo entre a CAG de O Bierzo cando non a integración do Bierzo en Galiza. Non falemos xa do sentimento provincialista que é este amplamente maioritario entre a cidadanía do Bierzo sexa cal sexa a súa preferencia política.

Desde A Quinta temos que pedir a dimisión do Deputado do PSOE Pablo Arangüeña e rexeitar absoluta e profundamente a súa intervención no debate da PNL. Dicir que dar a posibilidade que o Bierzo se poida converter en provincia e que poida decidir se quere ou non ser parte de Galiza levaría a enfrontamentos violentos é un despropósito e un insulto os valores democráticos asentados entre a cidadanía. Entendemos desde A Quinta que esta maneira de pensar é pre- constitucional e que busca humillar e desprestixiar a democracia e o actual marco constitucional. Recordarlle ao Sr Arangüeña que existen mecanismos legais recollidos na  Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Castilla y León para a modificación das fronteiras interiores do Estado e que os mesmos se teñen feito no pasado recente e que polo tanto que a demanda de provincia e a demanda de ser provincia galega é unha demanda constitucionalista. Argumentar que a aplicación das regras de xogo pactadas na constitución do 78 é un acto de temeridade é simplemente un insulto a intelixencia das persoas e un desprezo a democracia, pero sobre todo é un insulto a todos os bercianos e bercianas demócratas e, moi en especial, a aqueles que se senten provincialistas e irmáns do pobo galego a marxe do partido que voten e a das súas afinidades políticas.

Desde A Quinta entendemos que o debate no Parlamento Galego foi prematuro e que o mesmo debía ir avalado con un amplo respaldo social e mesmo institucional e ser claramente transversal, pois a proposta de converter ao Bierzo en Provincia é unha opción que conta co consenso da veciñanza do Bierzo e integrar dita provincia na CAG conta claramente co apoio maioritario.

Aproveitamos este comunicado para reiterar a nosa demanda pública para que o CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas) realice sondaxes entre a sociedade do Bierzo e a Galega para así verter un pouco de luz sobre a realidade social e política que se está debatendo.

Movemento Cidadán A Quinta

Referencias:

✔ Proposición non de lei rexistrada no Parlamento de Galicia. | Acceder/Baixar.

✔ CB presenta unha histórica proposta no Parlamento de Galicia para recuperar a Provincia no seu Bicentenario | A proposición non de lei foi rexistra hoxe para o seu debate a través do BNG, segunda forza política no Parlamento Galego. | Ir á Web.

Enviado por:
A Quinta O Bierzo
-obierzoaquintaprovincia@gmail.com-
21 de abril de 2021 09:52

_______

O Arquivo da Transición actualiza o seu contido - ... documentos, xornais e materiais que produciron as organizacións, movementos e persoas que estiveron na Vanguardia contra o franquismo e que se opuxeron á Reforma Política impulsada por Adolfo Suárez - Organizacións e movementos pola ruptura democrática


O Arquivo da Transición quere conservar as imaxes, documentos, xornais e materiais que produciron as organizacións, movementos e persoas que estiveron na Vanguardia contra o franquismo e que se opuxeron á Reforma Política impulsada por Adolfo Suárez, que permitiu ás institucións franquistas a pervivencia incrustadas na democracia.

Nas últimas semanas:

☑ Incorporamos o acceso á documentación das organizacións desenvolvidas a partir do grupo "Octubre".

☑ Ampliamos e melloramos o acceso á hemeroteca.

A hemeroteca contén xa unhas 1500 publicacións dos anos da Transición e dimos-lle un formato máis accesíbel para localizar axiña a información.

Podes consultar a hemeroteca desde aquí.

E, como sempre, o ARQUIVO DA TRANSICIÓN non é só un depósito documental para os estudosos senón que está igualmente pensado como lugar de consulta puntual de acontecementos e organizacións da Transición española.

Saúdos

https://archivodelatransicion.es/

Foto: Vendendo "La Unión del Pueblo", órgano do Comité Central do Partido del Trabajo de España (PTE).

Enviado por:
Arquivo da Transición
-info@archivodelatransicion.es-
20 de abril de 2021 19:01

_______

O BNG demanda melloras na sanidade e chama a secundar ás mobilizacións de SOS-Sanidade Pública - Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que é preciso implementar medidas que nos fagan saír da actual situación para o que é preciso reforzar a sanidade pública e deixar de insistir nun proceso de privatización e adelgazamento dese servizo básico ao que temos todas dereito


O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol desenvolveu esta mañá un reparto informativo coa participación do portavoz municipal, Iván Rivas, e do Deputado, Mon Fernández, para dar a coñecer as súas propostas de cara a mellorar a sanidade pública e facer unha chamada á participación na mobilización convocada por SOS Sanidade Pública mañá mércores 21 de abril, ás 20 horas, diante do ambulatorio.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que é preciso implementar medidas que nos fagan saír da actual situación para o que é preciso reforzar a sanidade pública e deixar de insistir nun proceso de privatización e adelgazamento dese servizo básico ao que temos todas dereito.

Rivas indicou que a crise sanitaria da Covid 19, como en tantos outros aspectos da nosa vida cotiá, deixou ao descuberto as consecuencias de décadas de políticas de acoso e derribo da sanidade pública desenvolvidas tanto pola Xunta de Galiza como polo goberno do estado. A situación que vivimos ao longo destes meses é produto da falla de recursos económicos que a administración estatal asigna aos galegos e galegas para xestionar unha sanidade descentralizada na xestión, pero ferreamente controlada e centralizada na súa dotación económica. Por outra parte é produto dunha xestión deses recursos económicos por parte da Xunta de Galiza orientados cara o adelgazamento da sanidade pública e a promoción da sanidade privada.

En Ferrol vivimos esta realidade dunha maneira máis crúa, se cabe. Evidenciouse na salvagarda desa sanidade privada a cal non se lle derivou un só paciente con Covid 19, ao longo da última vaga deste ano 2021. Evidenciouse tamén na carencia de recursos humanos e que pese a existir os espazos para poder desenvolver a atención a eses pacientes tiveron que ser derivados a outras áreas sanitarias como a de Lugo e Pontevedra produto de non contarmos cos medios e os recursos humanos para poder atendelos e se evidenciou en que existen, a dia de hoxe, listas de espera de semanas para conseguir unha cita, situacións provocadas polo peche de centros de atención primaria ao longo dos últimos anos, como o exemplo do consultorio da Graña pechado no mandato do PP nesta cidade.

Iván Rivas afirmou que en Ferrol e nesta comarca o obxectivo pasa por dotar e mellorar a atención primaria, reabrindo os consultorios pechados como o da Graña, pasa por mellorar o cadro de persoal dotándoo dos recursos humanos que permitan poñer a funcionar areas hoxe clausuradas como as que existen no Hospital Naval. Pasa por acometer dunha vez os investimentos durante tanto tempo demandados para a renovación do complexo hospitalario da cidade e pasa por desenvolver un plan de choque para a reactivación das intervencións cirúrxicas, das probas e das consultas presenciais.

Para o BNG se algo debemos ter aprendido do que ten acontecido ao longo do último ano é que a sanidade pública é un dos nosos piares como sociedade e o obxectivo pasa por reforzala, mellorala e consolidala para o futuro. Por siso facemos unha chamada a secundar a mobilización convocada mañá na nosa cidade pola plataforma SOS Sanidade Pública.

Ferrol 20 de abril de 2021.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
21 de abril de 2021 08:02

_______

Podemos Ferrol instan ao Concello de Ferrol a que demande á Xunta de Galicia a creación dunha liña de subvencións de concorrencia non competitiva para que o sector da hostalería poida sufragar á adquisición de detectores de CO2 e filtros HEPAA - Moción ao Pleno


PODEMOS FERROL: liña de subvencións a hostalería

O CÍRCULO DE PODEMOS FERROL SOLICITA Á CREACIÓN DE UNHA LIÑA DE SUBVENCIÓNS POR PARTE DA XUNTA DE GALICIA PARA A COMPRA DE DETECTORES DE CO2 E FILTROS HEPA.

Dende a formación local de Podemos Ferrol instan ao Concello de Ferrol a que demande á Xunta de Galicia a creación dunha liña de subvencións de concorrencia non competitiva para que o sector da hostalería poida sufragar á adquisición de detectores de CO2 e filtros HEPA.

Podemos Ferrol ven de presentar unha moción no concello de Ferrol instando o concello a que demande á Xunta de Galicia a creación dunha liña de subvencións de concorrencia non competitiva para que o sector da hostalería poida sufragar á adquisición de detectores de CO2 e filtros HEPA.

Máis aló de  que a mascarilla, o uso de xel hidroalcohólico e a distancia son armas  fundamentais para evitar contaxios certo é que en espazos e ambientes pechados e de certa concorrencia de xente, como pode ser na hostalería e en certos centros de comercio, hai que analizar a aparición dos aerosois como principal causa de contaxio e que repercuten na calidade do aire.

A Xunta xa tomou nota da necesidade de analizar a calidade do aire nos restaurantes e deixa constancia da mesma na inclusión do punto sétimo bis na orde do 14 de abril. Unha necesidade que se debe estender a outros locais de hostalería e a certos centros comerciais” apunta Xosé Iglesias voceiro do círculo de Podemos Ferrol.

Pero o que non pode facer a Xunta de Galicia é publicar esta orde e impor a necesidade de usar estes detectores de CO2 por parte da hostalería a partir do vindeiro 23 de abril e non quitar paralelamente unha liña de subvencións para que a xente da hostalería poida sufragar o custe da adquisición de ditos aparatos” engade Iglesias, “segue a castigarse a este sector constantemente, e en este caso obrigándolles a facer un desembolso extra para poder adquirir estes detectores”.

É por iso que dende Podemos Ferrol se dirixen ao Concello demandando certos puntos como:

✔ Solicitar ao Goberno da Xunta de Galicia que cree unha liña de subvención de concorrencia non competitiva para cubrir os custes da adquisición de detectores/medidores de Co2 e filtros HEPA por parte dos sectores da hostalería, do comercio local e de calquera PEME ou persoa autónoma que o solicite; asemade solicitar o reembolso para quenes dentro dos sectores afectados xa comprasen ditos equipos anteriormente á data do 23 de abril de 2021 do importe dos mesmos previa presentación de factura ou xustificante de compra e dito reembolso vaia a cargo da liña de subvencións creada para tal fin.

✔ Solicitar ao Goberno da Xunta de Galicia a que dote en todas as instalacións da súa titularidade e nas dependencias que se usen con finalidades deportivas no seu ámbito pechado, culturais, sociais ou/e  lectivas de ditos detectores e filtros.

✔ Que o Concello de Ferrol se comprometa no tocante ao uso de estes aparellos a dotar ás distintas instalacións de titularidade municipal dos mesmos.

✔ Solicitar que de xeito conxunto a Xunta de Galicia e a FEGAMP dote de estes detectores/medidores de CO2 e filtros HEPA a todos os centros onde se desenrolen actividades sociais, culturais, educativas, lúdicas e de calquera carácter de interese público onde fosen necesarios para manter unha correcta ventilación.

✔ Solicitar á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a contratación de rastrexadores para a realización de rastrexos retrospectivos conxuntamente cos rastrexos prospectivos.

Ferrol, a 20 de abril de 2021.

Achegamos:

- Moción presentada no Concello.

- Infografía.

CONTACTO:
 
Xosé Iglesias
Voceiro Podemos Ferrol
Área de Comunicación e Prensa
Ana Guzmán
Podemos Ferrol
ferrol@circulospodemos.info

https://www.facebook.com/PodemosFerrolOficial/

Enviado por:
Podemos Ferrol
-ferrol@circulospodemos.info-
20 de abril de 2021 13:4

_______