venres, xullo 23, 2021

Novo Boletín Informativo Ambiental de Radio Cerna: Ence recibe un duro golpe da Audiencia Nacional a cal declara ilegal a prórroga da concesión da pasteira ...; ... continúan as críticas sociais contra a vaga eólica ...; ... novos movementos veciñais na contorna do Xurés ...;


Boletín informativo ambiental 23/07/2021
Ence recibe un duro golpe da Audiencia Nacional a cal declara ilegal a prórroga da concesión da pasteira outorgada polo goberno en funcións de Mariano Rajoy. O traslado da factoría semella cada vez máis preto. No ámbito da enerxía, continúan as críticas sociais contra a vaga eólica que é incesante. Xordes novos movementos veciñais na contorna do Xurés para enfrontarse aos proxectos eólicos. Estas e outras noticias no presente boletín informativo semanal de Radio Cerna.

Queres coñecer a actualidade ambiental de Galiza? Escoita Radio Cerna!



Radio CERNA é o primeiro espazo radiofónico especializado na temática medioambiental e ecoloxista en Galiza. Está realizado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) para difundir a través da rede e das emisoras locais galegas toda a información relativa á situación medioambiental do país. O espazo dura uns 10 minutos e actualízase todos os días de luns a venres.

#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#aldeaslibresdemacroeólicos
#Moratoriaeólica
#PorUnNovoModeloEolico
#aldeasconhorizonte
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

Delegación de Adega
Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

Foto: Maquinaria pesada na Praia de Rodeira.

Enviado por:
Miguel Anjo Delegación Adega Ferrolterra
-adegatrasancos@adega.gal-
23 de julho de 2021 12:01

_______

Pepe Couce Rey: Un cura de obreiros, ... Por Xaquín Campo Freire


PEPE COUCE REY. UN CURA DOS OBREIROS. RIP.

A  vida de Pepe Couce Rey, bo amigo, bo home, bo sacerdote, sempre foi diante de nós coma un facho. Mostraba unha luz en alto, non cegaba ‘deslumbrando’, sabía alumear o camiño. Era un mestre de vida. Bo pedagogo. Congregaba arredor de si para emprender a camiñada. Non para ficar parados. Sabía volver atrás mentres os outros descansabamos. El atopaba tempo, silandeiramente, para recuperar a quen ficaba demorado, desanimado ou mesmo estaba en crise de abandonar. Tiña o don da oportunidade. Chagaba cando o necesitabas. Logo volvía á presenza discreta. Estaba aí e podías contar con el sempre, sen xulgarte, coa aceptación incondicional e a consideración positiva, da que nos fala C. Rogers. Tiña verdadeira empatía.

Coñeciámonos  do Seminario de Mondoñedo. Desde ano 1954. Era un home culto. Foi moi bo estudante. E logo fixo estudos civís. Case ninguén o sabe. El formábase a cotío para mellorar sempre o seu servir  coa meirande capacitación. Todo un espello no que mirarse. Foi un amante da nosa cultura e defensor da nosa lingua galega. Non fanático. Pero si era clarividente. Sabía ben quen está a desaparecer. Non estiven cómodo no seu funeral. Penso que el tampouco o quería así.

Logo temos  coincidido moito en feitos e maneiras de pensar. Tiña un grande sentido do servizo e servicialidade aos demais. Unha grande entrega aos necesitados e humildes. Facía ben o ben e facíao caladiñamente. Había problemas? Aparecían solucionados? Ninguén se preocupaba de saber como se arranxaron os conflitos ou quen aportou as solucións. Quen fixo posível isto ou aquilo? Non sabemos!. Seguro que Pepe Couce pode dar pistas de como foi todo. Como é tan calado!:  “Que a túa esquerda non saiba nunca o ben que fixo a túa dereita”. Era o seu carisma.

Foi o home da escoita activa. Non oía por oír. Non vía só por ver. Nin fuxía cando vía vir as dificultades que lle ían dar a lata. El sabía ben a que se arriscaba. Porque, de parvo, o que tiña, ata lle cadraba ben. ”Eu tampouco me din conta”, dicía logo, para alentar ao outro con afecto. Sabíao reconverter para pórse ao igual do outro e imprimir confianza: “Anda, amigo/a. Ven, ánimo, que todos somos limitados. Todos temos fallos e momentos baixos!”  E logo o seu eterno sorriso benevolente. Quen me dera!

Entendeu aquilo da Carta aos Efesios “Que o Deus de noso Señor Xesús-Cristo, o Pai da gloria, vos dea espírito de sabedoría e de revelación no pleno coñecemento del.  Que sexan iluminados os ollos do voso corazón, para que saibades cal é a real esperanza á que El vos chama, cales son as riquezas da gloria da súa herdanza nos santos”. (Ef 1, 17-18).

Pepe Couce foi sempre un home de grande esperanza, con visión de futuro: Tiña o don  de consello: non che ditaba o que tiñas que facer. Axudábache a descubrires en por ti o propio camiño a seguir. Por iso, o seu era como un esvaecerse devagariño, silente. Pero seguía aí, velando, por se precisabas axuda e alento. Foi un mestre de vida. Fincaba no esencial. Non se perdía en superficialidades. Pero non humillaba. Imprimía calma e serenidade ata que un mesmo se decataba que el tiña unha visión da vida máis ampla, pero non desaparecía impaciente de cabo de ti. Estaba tendéndoche a man para reemprenderdes xuntos a próxima xeira. Grazas, compañeiro.

Sempre fixo comunidade de fe, compromiso e esperanza. En Cariño, en Castro, En Caranza, no Apostolado rural de Adultos, en Vida Ascendente coa ancianidade. Foi un moi bo profesor no IES S. Pedro de Leixa. Queríanlle os rapaces. E os profes. Era un grande mediador. Distendía as tensións. Creaba concordia.

O mundo obreiro foi consciente de seu acerto no acompañar e do seu compromiso real e vital. O complexo parroquial de Caranza sabe ben o que perdeu cando xa maior soubo saír discretamente. Como logo seguiu a facer en S. Xosé Obreiro, no Couto de San Martiño de Xuvia, en Santiago de A Gándara, e Santa Icía., etc. E agora.

Querido Pepe, Impresionoume o teu pasamento. No funeral en Santa Icía, estiven meditando naquela frase do Padre Llanos a quen nós temos  admirado tanto: “Disculpad si he molestado”. Así fuches ti. E así te nos fuches: de súpeto e silandeiramente. Hoxe estiven no lugar, por mor dun futuro acto pastoral. E rezamos xuntos. Unímonos á dor e á soidade da túa irmá.

Grazas, amigo.. Non tardaremos en vernos. Querémosche!

Unha aperta e moita gratitude. Xaquín de Roca.

XAQUÍN CAMPO FREIRE.  XAQUÍN DE ROCA,  22-07-2021.

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca], Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@gmail.com-
22 de julho de 2021 22:27

_______

O 25 de xullo de 1948 Castelao pronunciou o discurso 'Alba de Gloria' no Teatro Arxentino, como colofón das Xornadas Galegas que organizara o Centro Galego de Bos Aires, causando un forte impacto na audiencia - Vídeo e Texto


UNHA RECREACIÓN DO DISCURSO "ALBA DE GLORIA", DE ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO

O 25 de xullo de 1948 Castelao pronunciou o discurso Alba de Gloria no Teatro Arxentino, como colofón das Xornadas Galegas que organizara o Centro Galego de Bos Aires, causando un forte impacto na audiencia.

A alocución de don Alfonso R. Castelao, pola beleza da forma e pola fondura dos conceptos, cativou os asistentes a este gran acto que enchían toda a sala e que premiaron a disertación do Sr. Castelao con aplausos que o interromperon algúns instantes e que se fixeron máis extraordinarios ao finalizar o orador a súa Alba da Groria”.

Galicia, Revista del Centro Gallego, nº 427. Agosto de 1948.

Esta recreación do discurso foi producida para a exposición "Alba de Gloria. Unha experiencia", inaugurada na igrexa de San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela) o 7 de novembro de 2018. Nela, tentamos reproducir o ambiente da primeira lectura de Alba de Gloria e a emoción das súas palabras. Póñanse cómodos e gocen dunha das mellores pezas de oratoria en lingua galega.


Voz: Alfonso Agra.
Edición de son: Pablo Barreiro.
Estudos de gravación: SDI Media.
Músicas: Alborada galega. Pascual Veiga. Real Filharmonía de Galicia. Himno galego. Eduardo Pondal e Pascual Veiga. Arranxos de Maximino Zumalave. Real Filharmonía de Galicia. O Invasor. Abraham Cupeiro. Exultet coeli curia (Canto plano) Códice Calixtino. O bosque máxico. Abraham Cupeiro. Tocata de corna. Abraham Cupeiro.

Miñas donas e meus señores:

Edición de Alba de Groria polo Centro GallegoSI NO ABRANTE d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, té as rías de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria. O día de festa comenza en Sant-Iago. A torre do reló tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día, e de seguida comeza unha muiñeira de campás, repinicada nas torres do Obradoiro, que se comunica a todol-os campanarios da cibdade. Pero hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral, con dinidades mitradas e ornamentos maravillosos, de brocados e ouros, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma Basílica de Roma. Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, d-un culto panteista, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbólicamente no Pico Sagro; por cobertura o fanal inmenso do universo; e por lámpara votiva, o sol ardente de xullo, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos. Por eso a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes da veiramar até as homildes espadañas da montaña. E o badaleo rítmico das campás -de todal-as campás de Galiza en leda algarabía- semella o troupeleo dos cabalos astrales, que veñen pol-a vouta celeste, turrando co carro de Apolo, que trai luz e calor ao mundo en sombras. Hoxe é o Día de Galiza, e así comenza.

Así dá comenzo a solemnidade d-este día; a Festa maor de Galiza, a Festa de todol-os galegos. Pero ninguén pode sentila, coma nós, os emigrados, porque en tal día coma este revivien as lembranzas acuguladas, e coa moita destancia agrándase o prodixio da patria. Hoxe a nosa imaxinación anda por alá, en festa de saudades, escoitando as cántigas montañesas e mariñeiras que van para Compostela, vendo o noso país embandeirado de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros, aturuxos e foguetes… E dispóis de evocar o repique matutino das campás –mal ou ben, ao xeito de Otero Pedrayo–, eu podía evocar igoalmente, todol-os lances xubilosos d-este día, hora a hora, minuto a minuto. Pero ¡cómo se tornan tristes as alegrías evocadas lonxe da patria! ¡Cómo doen as ledicias arrincadas do recordo da nosa mocedade! E cómo para min é certo o que dixo o mellor poeta da nosa estirpe:

Sen tí perpétuamente estou pasando
Nas maores alegrías, maor tristeza

Non; é moito mellor evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, algo que co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito de futuro, como unha boa esperiencia. Podemos imaxinar, por exemplo, unha Santa Compaña de inmortaes galegos, en interminabel procesión. Alí veremos as nobres dinidades e os fortes caraiteres que dou Galiza no decorrer da súa Hestoria. Verémolos camiñar en silenzo, coa faciana en sombras e o mirar caído na terra dos seus pecados ou dos seus amores, agachando ideias tan vellas que hoxe nin tansiquera seríamos capaces de comprender, e sentimentos tan perennes que son os mesmos que agora bulen no noso corazón. Algúns verémolos revestidos con ricos panos e faiscantes armaduras; pero os máis d-eles van descalzos e nús, cos osos prateados pol-o fulgor astral.
Prisciliano presidindo a Alba de Groria de Castelao

Prisciliano presidindo a “Alba de Groria” de Castelao

Ao frente de todos vai Prisciliano, o heresiarca decapitado, levando a súa propia caveira n-unha arqueta de marfin e afincándose n-un longo caxato, que remata coa fouce dos druidas, a modo de báculo episcopal. Siguen a Prisciliano moitos adeptos, varóns e mulleres. Detrás veñen dous magnates, que cicáis sexan: Teodosio, o grande Emperador de Roma, e San Dámaso, o Sumo Pontífice da cristiandade, seguidos ambos por unha hoste de soldados i ecresiásticos. Ollamos dispóis unha ringleira de mortos escrarecidos, que portan os atributos da súa dinidade ou da súa profesión. Alí distinguimos á virxe Eteria, a escritora pelengrina, con túnica de branco liño e camiñando con arfado compás. Ao hestoriador Paulo Orosio, discípulo de San Agostiño, que marcha pensatibre, c-un rolo de pergameos na man. Ao bispo e cronista dos tempos suevos, a Idacio, que alumea o camiño c-unha lámpara de bronce. A San Pedro de Mezonzo, o autor da Salve Regina Mater –o cántico e oración máis fermosa da Eirexa–, c-unha fragante azucena nos beizos. Ao fundador San Rosendo, que sostén litúrxicamente a custodia do noso escudo tradicional. E moitos, e moitos máis, que é dificultoso recoñecer. Logo vemos ao primeiro Arzobispo de Compostela, o gran Xelmírez, revestido de pontificial, con aurifulxente cortexo de mitrados e coengos. Após do perlado ven Alfonso VII, o Emperador, con cetro na destra, espada na sinistra e coroa de ouro e pedraría nas sens. Siguen ao Emperador: o Conde de Traba, seu aio, e demáis bultos da soberba feudal de Galiza. Ollamos dispóis aos monxes letrados, en longa fileira, con velas acesas e libros abertos. Ven detrás o mestre Mateo, o Santo dos Croques, co Apocalipsis debaixo do brazo, encabezando unha grea de arquiteitos e imaxineiros, que portan as ferramentas das súas artes. De seguida aparece unha moitedume de xograres e trovadores, en mistura de tipos e atavíos. Algúns semellan ter sido monxes; outros calzan esporas de ouro, en sinal de que foron cabaleiros; pero os máis d-eles van esfarrapados, con vellas cítaras, laúdes e zanfoñas ao lombo. Alí recoñecemos a Bernaldo de Bonaval, a Airas Nunes, a Eanes do Cotón, a Pero da Ponte, a Pero Meogo, a Xohán de Guillalde, a Meendiño, a Xohán Airas, a Martín Codax, a Paio Gómez Charino, a Macías, a Padrón, e moitos máis, todos con lume no peito. Non tardan en aparecer as dúas belidas e infortunadas irmáns, Inés e Xohana de Castro, a que reinou en Portugal dispóis de morta e a que foi raiña de Castela n-unha soia noite morna de vran, como dúas rosas de prata as coroas do seu efímero reinado. Veñen de seguida os moitos varóns altaneiros de Galiza, os señores feudales, que non souperon vivir en paz nin consigo mesmos, todos eles montados en bestas negras, dende Andrade, o Bó, seguido por un porco montés -símbolo totémico da súa casa-, até o valente Pedro Madruga, que leva o puñal da traición espetado nas costas. Como grupo singular destácase o Mariscal Pardo de Cela, xunto cos seus compañeiros de martirio inxustamente decapitado, que sosteñen con entrambas mans as propias cabezas, aínda frescas, que deitan sangue e piden xusticia. Tamén Escudo Ediciós Galicia do Centro Galego de Buenos Airesollamos unha boa representación do feudalismo ecresiástico, e n-él distinguimos aos tres Arzobispos Fonseca, pai, fillo e neto, seguidos por unha mula cangada coas obras de Erasmo. E detrás de tanto señorío feudal ven a pé o seu mellor cronista, Vasco da Ponte. De seguida recoñecemos a impoñente tropa dos irmandiños, que arrastran cadéas, con bisarmas e fouces mangadas en paus, levando por abandeirado a Rui Xordo, que sostén en outo un facho de palla acesa e fumeante.

Eiquí comeza a decaer a categoría do fúnebre cortexo, como decae Galiza ao trocarse en povo vencido e subordinado. Pero sigue dando individualidades, como Sarmiento de Gamboa e os Nodales, que camiñan xuntos, portando astrolabios, atlas e cunchas estranas; o filósofo escéptico, Francisco Sánchez, con muceta de Doutor; os Virreis de Nápoles e das Indias, Conde de Lemos e Conde de Monterrei, que serviron lealmente a quen non merecía ser servido por ningún galego; os tres grandes Embaixadores filipescoz, Zuñiga, de Castro e Gondomar, que inútilmente derrocharon talento, sabiduría e artes diplomáticas; os escultores Moure e Ferreiro, xunto cos arquiteitos Andrade e Casas e Nóvoa, que ceibaron de cadeas a nosa orixinalidade oprimida; o P. Sarmiento e o P. Feixóo, que remediaron o retraso cultural de España coa súa poderosa erudición e o seu xenio enciclopédico. Ven axiña Nicomedes Pastor Díaz, coa súa lira de nacra, abrindo a renascencia literaria de Galiza e seguido pol-os poetas Añón, Rosalía, Curros, Pondal, Ferreiro, Lamas, Amado Carballo, Manoel Antonio e tantos outros, todos con estrelas sobor das súas frentes; os hestoriadores Vicetto, Murguía e López Ferreiro, os patriotas Faraldo e Brañas, a pensadora Concepción Arenal, a escritora Pardo Bazán, e por fin o gran Don Ramón, ainda non ben descarnado…

Acabo de citar uns cantos bultos da Santa Compaña de inmortaes galegos, uns cantos nada máis, porque nos dous mil anos da nosa hestoria, os bultos cóntanse por milleiros.

Dí Oliveira Martíns que ha Hestoria non hai máis que mortos e que a crítica hestórica non é un debate, senón unha setencia. Pero todos sabemos que os mortos da Hestoria reviven e mandan sobor dos vivos –moitas veces desgraciadamente–, como todos sabemos que a mellor sentencia é a que se da dispóis d-un debate. Por eso eu gosto de poñer a debate a nosa Hestoria, non a nosa Tradición, porque si ben é certo que se pode compor unha grande Hestoria de Galiza con soio recoller as crónicas dos seus grandes homes, tamén é certo que ningún d-eles, nin todos xuntos, foron capaces de erguer a intransferibel automomía moral de Galiza á categoría de feito indiscutibel e garantizado. Afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Hestoria fanada, conta c-unha Tradición de valor imponderabel, que eso é o que importa para gañar o futuro.

Cando a Santa Compaña de inmortaes galegos, que acaba de pasar por diante da nosa imaxinación, se perde espesura d-unha foresta lonxana, con esa mesma imaxinación veremos xurdir do Humos da terra-nai, da terra, da nosa terra, saturada de cinzas humáns, unha infinida moitedume de luciñas e vagalumes, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que todos xuntos forman o substractum insobornabel da patria galega. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma que en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, i en fín, o feito diferencial de Galiza. Elas son as que, en longas centurias de traballo, humanizaron o noso territorio patrio, infundíndolle a todal-as cousas que na paisaxe se amostran o seu propio esprito, co que pode dialogar o noso corazón antigo e panteita. Elas son as que gardan e custodian, no seo da terra-nai, os legados múltiples da nosa tradición, os xerms incorruptibeis, da nosa futura hestoria, as fontes enxebres e purísimas do noso xenio racial. Esa moitedume de luciñas representa o pobo, que nunca nos traicionou, a enerxía coleitiva, que nunca perece, i en fín, a espranza celta, que nunca se cansa. Esa infínda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre.

Velahí o que eu quería dicir n-este Día de Galiza, en loubor da nosa Tradición, por riba da nosa Hestoria, a todo-los galegos que residen n-esta terra que para nós é a segunda patria. E nada máis, amigos e irmáns.

Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Bos Aires, 25 de xullo de 1948

DESCARGA O DISCURSO

✔ Descarga a edición do discurso 'Alba de gloria' editada polo Consello da Cultura Galega e a editorial Galaxia co gallo da exposición. Conta cun prólogo de Henrique Monteagudo. | Acceder/Baixar.

✔ Descarga o discurso na edición orixinal no primeiro aniversario da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, publicada en Buenos Aires. | Acceder/baixar.

Fonte: Consello da Cultura Galega. | Asociación Cultural Alexandre Bóveda.
_______

xoves, xullo 22, 2021

Concentración en San Sadurniño contra o parque eólico Caaveiro - Sábado 24 de xullo, ás 7 da tarde, en Louseira - Convocada pola asociación veciñal O Castelo de Narahio e outros colectivos - #NonInvasionEolica #EolicaAsiNon

Concentración en San Sadurniño contra o Parque Eólico Caaveiro, convocada para este sábado 24 de xullo, ás 7 da tarde, no Cordal d'A Louseira (Narahio), pola asociación veciñal O Castelo de Narahio e outros colectivos.

San Sadurniño é outro dos concellos afectados pola invasión de macroparques eólicos proxectados para Galiza, polas multinacionais da enerxía. Neste caso trata-se do Parque Eólico Caaveiro 78 MW, promovido pola multinacional ENEL, proxecto que tamén afecta aos concellos de Neda, Fene, A Capela, As Pontes, Cabanas e Narón. O Concello de San Sadurniño, puxo ao servizo da veciñanza un servizo xurídico para facilitar a formulación de alegacións que o propio Concello vai facer. Ante o anuncio por pare da Xunta de Galicia do Informe negativo, para este parque e outros 16 máis das comarcas do noroeste, superiores a 50MW de potencia,o Alcalde de San Sadurniño, Secundino Garcia Casal, fixo un chamamento a continuar coas alegacións das que remata o prazo para a súa presentación o vindeiro martes 27 de xullo, pois o informe negativo da Xunta non é gantía suficiente, para que este parque sexa denegado pola administración central que é o que ten as competencias por superar os 50 MW de potencia. O Concello adiantou o Pleno para este xoves 22 de xullo, para aprobar unha resolución institucional contra o Parque Eólico Caaveiro.

NON AO PARQUE EÓLICO DE CAAVEIRO.
 
"Non queremos un modelo eólico que rompe, deteriora e minusvalorara o noso territorio e a súa xente para o beneficio dos de sempre".

#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#aldeaslibresdemacroeólicos
#Moratoriaeólica
#PorUnNovoModeloEolico
#aldeasconhorizonte
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration


Enlaces de relacionados:

Plataforma Veciñal A Capela Di Non. | Facebook. |

✔ Plataforma Cabanas Di Non. | Facebook. |

Ferrolterra Di Non aos MacroEólicos. | Facebook. |

✔ Asociación Veciñal 'O Castelo de Narahio'. | Facebook. |
_______

A posverdade contra Cuba, ... Por Ignacio Ayestarán Úriz

Por Ignacio Ayestarán Úriz [*]
22.07.2021


O luns 12 de xullo un presentador de televisión en España preguntábase Que está pasando en Cuba? e pedía que nos asomásemos á etiqueta da campaña #SOSCuba. O presentador engadía: "E veredes unha realidade que polos medios non coñecemos". Para ilustrar esa realidade descoñecida o programa "Todo é mentira" ensinou repetidas veces dous tuits con vídeos, onde se parecía suxerir que se estaba producindo un cambio radical no país caribeño ou algo similar. Con todo, os dous vídeos que se emitían constantemente non se correspondían coa realidade. Un era unha manifestación de apoio ao goberno cubano e o outro era unha praza abarrotada de xente celebrando en Bos Aires que Arxentina gañara a Copa América de fútbol o día anterior. A realidade dos dous vídeos non coincidía coa mensaxe que se quería transmitir de alarmismo sobre o pobo cubano.

Fredric Jameson escribiu que é máis fácil imaxinar o fin do mundo que o fin do capitalismo. Nas democracias liberais dominantes iso é unha verdade. Un dos logros do (neo)liberalismo foi atrofiar a imaxinación e reducir as posibilidades para crear un mundo alternativo e oposto ao capital. Quérellenos impoñer unha única realidade: a do capitalismo. Neste sentido Mark Fisher chegou a falar de "realismo capitalista". Para poder impoñer o mercado do capital teñen que desenvolver toda a súa capacidade ideolóxica, desde a educación e as eleccións ate o xornalismo e a cultura, a fin de facernos crer que non existen outras posibilidades e alternativas. Así se nos transmite unha única realidade, a do realismo capitalista.

Para iso teñen que anular calquera outro tipo de realidade existente que non concorde coa propaganda dominante do capital. Por iso molesta tanto Cuba. Ese país non encaixa coa imaxe da realidade dominante que nos queren transmitir desde as democracias liberais do espazo atlantista do capital. Sempre foi un territorio que non cabe na ideoloxía da "América" dos gobernos de Estados Unidos.

Que en Cuba haxa múltiples problemas na política e nas formas de gobernar é algo que non se lle escapa a ninguén, do mesmo xeito que ocorre noutros moitos países, por non dicir todos. Agora ben, o obxectivo dunha campaña como #SOSCuba non é apuntar nesa dirección, senón erosionar e desgastar internacionalmente a lexitimidade e o prestixio de Cuba, así como desestabilizar a súa soberanía. Así, por caso, queren-nos transmitir que é un país "atrasado", especialmente durante a epidemia do Covid-19, pero os datos non indican iso. Si miramos as cifras de mortes confirmadas por millón de habitantes, Cuba está moito mellor que outros países. En Estados Unidos a cifra de mortes por millón é 1.837, en Reino Unido 1.897, na Unión Europea 1.667, en Sudamérica 2.424 e en Cuba só 146. Poño a continuación as cifras exactas de mortes por millón de habitantes en diversos lugares do mundo segundo expón Our World in Data con data de 14 de xullo, para comprobar que a realidade de Cuba foi moito mellor que a doutros países na epidemia:

  • Alemania 1.090,02
  • Arxentina 2.218,13
  • Brasil 2.528,21
  • Chile 1.781,16
  • Colombia 2.247,06
  • Costa Rica 950,51
  • Cuba 146,47
  • España 1.733,36
  • Estados Unidos 1.837,19
  • Francia 1.651,89
  • Hungría 3.106,82
  • Italia 2.114,24
  • México 1.826,59
  • Países Baixos 1.053,70
  • Perú 5.906,61
  • Portugal 1.685,05
  • Reino Unido 1.897,25
  • Rusia 979,05
  • Sudamérica 2.424,24
  • Unión Europea 1.667,47

O mundo da posverdade preferirá mirar cara ás últimas declaracións do presidente de Estados Unidos, Joe Biden, quen afirma que apoia ?os dereitos fundamentais e universais? do pobo cubano, mentres nesa illa mantén ocupado baixo dominio estadounidense un territorio coa base militar de Guantánamo, onde se realizaron prácticas inhumanas de tortura que van contra os dereitos máis fundamentais e universais.

O mundo da posverdade e do capital apoiará todo o que diga Joe Biden e pedirá agora máis "liberdade" para Cuba, pero omitirá que o 23 de xuño volveuse a aprobar na Asemblea Xeral de Nacións Unidas unha resolución de rexeitamento ao bloqueo que Estados Unidos mantén contra Cuba. A resolución obtivo esta vez 184 votos a favor, dous en contra (Estados Unidos e Israel) e tres abstencións (Colombia, Brasil e Ucrania). Ningún país alienado coas democracias liberais do capital no espazo atlantista pedirá agora máis "liberdade" para acabar co bloqueo de alimentos e subministracións que sofre o pobo cubano.

No mundo da posverdade todos pediranlle a Cuba máis "democracia" e chamarano "réxime", que é a forma de expresión que adoptan os medios de produción de información do capital cando queren desestabilizar un país e restar crédito e lexitimidade ao seu goberno. Con todo, a eses mesmos medios non se lles ocorrerá chamar "réxime" a un país como Francia, onde a abstención nas eleccións rexionais de 2021 chegou ao 65%: dous de cada tres persoas convocadas a votar non o fixeron. Ninguén cuestiona entón que Francia sexa "democrática". Tampouco ninguén chamará "réxime" a Estados Unidos onde os casos de violencia policial son unha normalidade democrática, nin tampouco se dirá que Colombia é un "réxime", onde as persoas desaparecidas durante o paro nacional de maio de 2021 cóntanse por decenas. No mundo da posverdade hai verdades que non interesan e outras que se enmarcan e publicitan xunto con medias verdades e mentiras completas, a condición de que sirvan para os intereses do capital e dos seus medios de produción de información. A este tipo de situación chámano o "mundo libre".

[*] Ignacio Ayestarán Úriz, Profesor do Departamento de Filosofía da Universidade do País Vasco (UPV/EHU).

Fonte: El Común -18 de Xullo de 2021 | Eulixe - 21.07.2021.

Foto: Juan Teixeira.
_______

Manifestación en Neda contra o parque eólico Caaveiro - Sábado 24 de xullo, con saída ás 11:30hs, diante da Casa do Concello ate O Puntal - Convocada pola Plataforma Veciñal 'Neda di Non' - #NonInvasionEolica


A Plataforma Veciñal "Neda di Non", convoca unha Manifestación en Neda contra o parque eólico Caaveiro, para o sábado 24 de xullo, con saída ás 11:30hs, diante da Casa do Concello ate O Puntal.

O anuncio da área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia polo que se somete a información pública o Estudo de Impacto Ambiental e a solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Caaveiro de 78  MW e a súa infraestrutura de evacuación, publicado no BOE, causou preocupación entre a veciñanza e esta comezou a organizar-se. Esta situación esta-se dando por toda Galiza, unha invasión de proxectos de parques eólicos, que pretenden aproveitar a nova política de transición ecolóxica e acoller-se aos fondos europeos "Nex Generation", sen respectar o medio ambiente, nun afán especulativo, do negocio do vento, nunha Galiza xa saturada de parques en funcionamento.

Mesmo os concellos afectados en moitos caso veñen a opoñer-se a construción destes macroparques que pretenden instalar aeroxeneradores de grande potencia e eólicos que superan a altura dos 200 metros. É o caso do Concello de Neda que veu poñer á disposición da veciñanza servizos xurídicos, para facilitar as alegacións ao proxectado parque. Celebrando asembleas veciñais ofrecendo asesoramento legal e achegado escritos de adhesión ás alegacións elaboradas polo propio Concello.

Os principais argumento que do Concello contra a instalación do macroparque no seu escrito de alegacións refiren-se a "vulneración da Directiva europea relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres; os prexuízos significativos e incompatibles co benestar das familias que residen e viven en núcleos poboacionais afectados; os prexuízos significativos e incompatibles cos valores paisaxísticos das comarcas afectadas e coa protección dos seus valores medio ambientais; a afectación severa e incompatible co desenvolvemento turístico das comarcas afectadas e a promoción do Camiño de Santiago, co patrimonio cultural e arqueolóxico, así como xeolóxico e xeomorfolóxico; o impacto hidrolóxico ou sobre a fauna e, máis nomeadamente, determinadas especies, ou os prexuízos irreparables para explotacións forestais, madereiras e agrogandeiras, así como o seu impacto na demografía, favorecendo un despoboamento do rural". Solicitando en base ás citadas alegacións en que se "desista e arquive o proxecto do Parque Eólico e todas as súas infraestruturas, así como que se rexeite o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa previa".

A propia Xunta de Galicia, emitiu informe negativo sobre o Parque Eólico Caaveiro que afecta aos concellos de Neda, Fene, San Sadurniño, A Capela, As Pontes, Cabanas e Narón, así como outros das comarcas do noroeste, como o de Tesouro (As Pontes e A Capela), entre os que están os de Pena do Corvo (Monfero, A Capela e Cabanas), Nordés (Cerdido, Moeche e Valdoviño), Carbeira (Cerdido, Moeche, As Somozas, Valdoviño e As Pontes), Gondre (As Somozas e As Pontes) e Taboada (Monfero e As Pontes), todos estes parques tramitan-se na administración central, a través da área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia. A Xunta só tramita os parques de menos de 50 MW de potencia, mentres que os que superen ese limiar corresponden á administración central.

#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#EolicaAsiNon
#aldeaslibresdemacroeólicos
#Moratoriaeólica
#PorUnNovoModeloEolico
#aldeasconhorizonte
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration


Enlaces de relacionados:

Plataforma Veciñal A Capela Di Non. | Facebook. |

✔ Plataforma Cabanas Di Non. | Facebook. |

Ferrolterra Di Non aos MacroEólicos. | Facebook. |
_______

ADEGA, xunto con Greenpeace, FACUA, Transición Verde e Economistas Frente á Crise, esixe ás eléctricas ante os tribunais que devolvan o cobrado en exceso (entre os 1.500 e 2.800 millóns de euros), polos Custos de Transición á Competencia - Este proceso presentouse o mesmo día no que o prezo medio da luz no mercado maiorista foi un dos máis altos da historia


ADEGA, xunto con Greenpeace, FACUA, Transición Verde e Economistas Frente á Crise iniciaron os trámites para reclamar diante dos tribunais a débeda pendente de liquidar das empresas eléctricas cos consumidores/as que pode oscilar entre os 1.500 e 2.800 millóns de euros, derivada dos Custes de Transición e Competencia (CTC). Este proceso presentouse no día de onte, o mesmo día no que o prezo medio da luz no mercado maiorista foi un dos máis altos da historia, unha situación que vai seguir producíndose mentres non mude o actual sistema de mercado, e do que as grandes beneficiadas son as compañías eléctricas.

Gabeiras & Asociados representa a ADEGA no recurso ordinario sobre o Incidente de Execución da Sentenza de 18 de xullo de 2005 da Sala do Contencioso Administrativo da Audiencia Nacional -confirmada por sentenza do Tribunal Supremo de 8 de maio de 2008- en canto ao importe das plusvalías obtidas por Endesa pola venda de Electra de Viesgo a ENEL. Este é o primeiro paso deste procedemento xurídico, no que se pide que se proceda a liquidar os CTC tecnolóxicos das instalacións referidas en dita Sentenza. O exceso de CTC cobrados polas empresas eléctricas desde 1998 ata 2006 pode cifrarse nun importe global que oscila entre os 1.500 e 2.800 millóns de euros. Para determinar a cantidade exacta é necesaria a execución da Sentenza da Audiencia Nacional mencionada. As organizacións reclaman que este exceso de CTC cobrados polas empresas eléctricas debe ser reintegrado ao sistema eléctrico co destino que determinen as autoridades reguladoras, restituíndo ás persoas consumidoras de forma directa ou indirecta este exceso dos custos pagados.

Unha lei derrogada porque esixía ás eléctricas devolver os cartos cobrados en exceso

En 1997, o Goberno de Aznar aprobou a Lei do Sector Eléctrico, unha profunda reforma para incorporarse ao mercado europeo, abandonando o Marco Legal Estable e iniciando o camiño da liberalización e da competencia. Ante a posibilidade de que non se puidesen recuperar os investimentos realizados debido ás variacións da retribución con este novo sistema, creáronse os “Custos de Transición á Competencia” (CTC). O novo sistema de mercado fixo que, non só non perderan diñeiro, senón que gañaran máis do previsto e, ademais, cobraran CTC en exceso. Ningún dos distintos gobernos esixiu a devolución destes pagos, e en 2006 derrogouse a norma que obrigada a tal cumprimento. Porén, este dereito non prescribiu e polo tanto é plenamente esixible.

Lamentablemente, de novo, temos que ser a sociedade civil e as consumidoras as que reclamemos os nosos dereitos fronte os abusos das compañías eléctricas mentres as administracións públicas lles conceden inmunidade e numerosos privilexios que sitúan a cidadanía na total indefensión. Todo isto nun momento no que o prezo da luz é cada vez máis elevado e no que están inzando o noso territorio de proxectos eólicos ao máis puro estilo colonial e coa escusa (...unha delas) de abaratar os custos da electricidade para o consumidor/a... Non hai dereito!

Descargas


Execución sentenza CTC
Solicitude liquidación CTC no MITECO
Solicitude liquidación CTC no CNMV

Delegación de ADEGA
Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

_______














mércores, xullo 21, 2021

Umha pequena homenagem ao nosso amigo Agulló desde Euskal Herria - Bem Querido Soldado da Cultura Galega - Vídeo


Obrigadas! Eskerrik asko!

Um pequena homenagem ao nosso amigo Agulló desde Euskal Herria

Animo Artábria! Gora Agulló!

Josu Zabala
Mikel Urdangarin
Bingen Mendizabal
Alex Rz. de Azua


Un grande arrepío
fai tremer as terras de Breogán...

Choran as meigas
e Artábria fica triste...

Benquerido soldado
da cultura galega...

Euskal Herria agardará
sempre volver oír a túa gaita.

Benquerido soldado
da cultura galega...

Euskal Herria agardará
sempre volver oír a túa gaita.

Amigo galego.
Chamábase Agulló...

Dende que partiu
permanece nos nosos corazóns...

Vaia dende Euskal Herria
o noso canto de homenaxe...

E que a última nota
sexa a da túa gaita.

Vaia dende Euskal Herria
o noso canto de homenaxe...

E que a última nota
sexa a da túa gaita.

Fonte: Canle da Fundaçom Artábria. | 21 de Julho de 2021
_______

Lembrando o concerto Sondobar no Teatro Jofre de Ferrol, a presentación dun traballo discográfico de Manolo Bacalhau - Vídeo

Manolo Bacallau, resumo do concerto Sondobar... no Teatro Jofre de Ferrol (Galiza)

Xa pasaron máis de tres anos, desde o 13 de xaneiro de 2018 que tiña lugar a presentación do traballo discográfico de Manolo Bacalhaou, Sondobar e unha homenaxe a un dos grandes referentes da música local e participativa de Ferrolterra, no Teatro Jofre de Ferrol. Foi un importante acontecemento para a Cultura na Comarca.


Presentador: Antón Cortizas
Cámaras: Juanpa Ameneiros e Xende López,  
Realización e edición: Juanpa Ameneiros
Produción: Sondobar...
Canción: O Cavaleiro e o Anjo ( Zeca Afonso )

Músicos en directo:

Acordeón: Josecho Martínez Balseiro. Contrabaixo: Óscar Painceiras. Gaitas: Fausto  Escrigas e Javier Fariña. Guitarra: Cabe García. Percusións: Ramón Dopico. Saxo: Fausto Escrigas.

Voces :

Leandro Lamas, Lorena Montero, Manolo Cuétara, Paula e Silvia Fojo.

Agradecementos a colaboración de: Antón Cortizas, María Manuela, Xoán Rubia e Xurxo Souto,

 E a minha nai Clementina Varela.

Ao Concello de Ferrol, concelleiro de cultura, Suso Basterrechea.

Aos técnicos de son e persoal do Teatro Jofre.

A Bruno L. Teixeiro, Gloria Martinez, Lan Couce, Xan Lópes e Xende López (Colectivo Sondobar...).

Podes atopar a Manolo Bacalhau no Facebook.

Sondobar no twitter e no facebook.
_______