sábado, setembro 11, 2021

A Escola das Economías Transformadoras celebrara-se en Cangas do Morrazo do 16 ao 18 de setembro de 2021 - Formulario para apuntar-se


A Escola das Economías Transformadoras pretende achegar o coñecemento académico e o proporcionado polas experiencias prácticas que son ferramentas de transformación social.

Este ano temos a sorte de contar con recoñecidos científicos como Antonio Turiel, doutor en Física Teórica pola Universidade Autónoma de Madrid e investigador do Institut de Ciències del Mar del CSIC ou Alicia Valero, doutora Enxeñeira Química, profesora na Universidade de Zaragoza e directora do grupo de investigación de Ecoloxía Industrial no Instituto CIRCE. Especialistas no estudo das limitacións físicas, ambos científicos sinalan ás dificultades ás que se enfronta o noso modelo de sociedade.

Pilar Alguacil é Catedrática de Dereito Financeiro e Tributario na Universidade de Valencia. Ademais é Directora da Cátedra de Cooperativas Agroalimentarias de España. Ten asesorado ás organizacións representativas da Economía Social estatais na presentación de propostas de reforma do réxime fiscal de cooperativas e sociedades laboral. Falaranos de como a fiscalizade pode ser unha política de fomento da Economía Social e Solidaria.

Teremos a oportunidade de coñecer de primeira man en que consiste o Mercado Social Galego ou cales son as diferentes propostas de moedas sociais.

O sábado falaremos de decrecemento con Véspera de Nada e visitaremos o Verxel de Coiro, unha horta agroecolóxica nesta parroquia do Concello de Cangas. Neste privilexiado espazo poderemos coñecer os resultados da tese de doutoramento de Kylyan Mac Bisquert i Pérez, titulada “A dimensión socioeducativa do movemento agroecolóxico en Galicia: a reconstrución da dieta como eixo de sustentabilidade social e ambiental“.

A participación na Escola será presencial, mais o aforo é limitado e daráselle prioridade ás persoas que podan asistir ás tres xornadas. Unha vez finalizada a actividade, prevese que os relatorios estean dispoñibles na rede.

Inscribirse para asistir á Escola é gratuíto e pódese facer a través deste formulario.
Nota.- En breves colgarase o programa completo.

A Mostra do Posible é un encontro de organizacións que traballan en diversos ámbitos da vida cotiá construíndo un mundo máis xusto e solidario.

https://mostradoposible.gal/

Enviado por:
Mostra do Posible
-info@mostradoposible.gal
9 de setembro de 2021 09:38

_______

Orgullo sindical, ... Por André Abeledo Fernández

Por André Abeledo Fernánde[*]
11.09.2021

 
O sindicalismo de clase é a única ferramenta que ten a clase traballadora para facer valer os seus dereitos e defender os seus intereses.

A caverna mediática e os tertulianos traballan sen descanso no desprestixio dos sindicatos e dos sindicalistas.

Ben é certo que o sindicalismo amarelo practicado polos que entenden o sindicalismo como un medio de vida, ou ven o sindicato como unha xestora, cando non aínda peor o usan como unha ferramenta en mans da patronal, fan boa parte do traballo sucio.

Pero o sindicato ten que ser unha organización con ideoloxía, claramente de esquerdas, e os seus delegados traballadores con conciencia de clase dispostos enfrontarse aos abusos e ás inxustizas, con a seguridade de ter detrás unha organización disposta a defender a clase a quen representa.

Pero o sindicato non é un ente abstracto, é unha organización formada por traballadores e traballadoras, afiliados e organizados para ter máis forza a hora de defenderse e avanzar cara unha sociedade máis xusta.

As afiliadas e afiliados no sindicato teñen a obriga moral de participar nos procesos internos, e nas loitas que do seu sindicato, non chega con pagar a cota.

"Na Terra fan falta persoas que traballen máis e critiquen menos, que construían máis e destrúan menos, que prometan menos e resolvan máis que esperen recibir menos e dar máis que digan mellor agora que mañá".

Ernesto "Che" Guevara

Na terra precisamos sindicatos e sindicalistas de verdade, sindicalismo con maiúsculas, sindicalismo de clase.

Que viva a clase obreira!

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Membro da Sección Sindical e Delegado da CIG en Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
11 de setembro de 2021 00:5
3

_______

xoves, setembro 09, 2021

O gaseiro 'Rias Baixas Knutsen' atracou, no peirao de Punta Promontorio (Mugardos), para descargar miles de toneladas de GNL para Reganosa, aumentando o potencial perigo da manobra de descarga, ao estar atracados no mesmo porto os buques 'Norma' e 'Elisalex Schulte' - O que aumenta exponencialente o potencial perigo da regasificadora que ameaza, de noite e de día, á poboación que mora na contorna da Ría de Ferrol



O gaseiro que arribou hoxe á Ría de Ferrol, chama-se 'Rias Baixas Knutsen', procede de Cove Point (Lusby, Maryland, Estados Unidos), onde cargou gas natural licuado, extraído por medio da destrutiva técnica do fracking (fracturamento hidráulico), técnica de extracción moi daniña para a saúde e o medio ambiente, onde se libran grandes cantidades de metano á atmosfera, e inxectan no subsolo grandes cantidades de sopa química moi tóxica, contribuíndo deste xeito ao cambio climático, e a contaminación das augas subterráneas e o subsolo.

O 'Rias Baixas Knutsen', é un buque gaseiro de grande porte, con 299 metros de eslora por 48 de manga, que navega baixo bandeira española, construído en 2019. O LNG 'Rias Baixas Knutsen' arribou ao peirao de Punta Promontorio (Mugardos) na tarde de hoxe mércores 9 de setembro de 2021, para descargar decenas de toneladas de GNL para Reganosa, proceso que vai durar unhas unhas 24 horas. No momento do atraque do gaseiro están outros dous buques no peirao de Punta Promontorio: o 'Norma' (Navegando baixo bandeira de Malta), un cargueiro, de 108,2 metros de eslora por 18,2 de manga, realizando manobras de carga/descraga e o quimiqueiro 'Elisalex Schulte' (Navegando baixo bandeira de Singapur), de 145 metros de eslora por 23 de manga, probabelmente realizando un proceso de deslastre/degasificación, para entrar a reparar nos estaleiros. Unha vez máis incumprindo a regasificadora a normativa de seguridade de navegación dentro da Ría de Ferrol. Esta situación é un perigo potencial, aumentado ao que xa supón a planta regasificadora, construída no Corazón da Ría de Ferrol. Planta de gas localizada á beira do complexo petroquímico, onde están presentes sustancias perigosas, inflamábeis e tóxicas para as persoas e para os organismos e animais mariños. Un complexo conformado por Forestal del Atlántico e Imegasa, afectadas ambas as dúas, polas disposicións do Real decreto 840/2015, de 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan sustancias perigosas, sumado ás cisternas de Reganosa cargando GNL e ás de Forestal cargando fuel-óleo, metanol e formol.

A situación actual coas manobras que se están producindo no peirao e complexo de Punta Promontorio, aumentan exponencialmente as probabilidades de risco para a poboación que moramos na contorna da Ría. Para o holding gasista de Reganosa supón un grande negocio.

Cando ocorra una desgracia, ninguén se sentirá culpábel de estar sempre mirando para outro lado en beneficio dos intereses dunha empresa, cuestionada por cinco sentenzas do Tribunal Supremo, perigosa, deficitaria e innecesaria e dunhas personaxes que levan 20 anos beneficiándose do diñeiro público, e de todas as trampas e ilegalidades, a costa da nosa seguridade.

Planta de Gas: Peche Xa !!
#GasNoneSolucion
#PlataDeGasForaDaRia


Gas: os excesos dun sistema que pagas na factura. Un especial dixital realizado por "Ballena Blanca".

Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

_______

mércores, setembro 01, 2021

Megaproxectos eólicos, espolio, abuso e atentado contra a saúde, ... por André Abeledo Fernández

Por André Abeledo Fernández [*]
01.09.2021


Megaproxectos eólicos, espolio, abuso e atentado contra a saúde - Efectos dos parques eólicos sobre a saúde.

Logo de case 20 anos de implantación de parques eólicos de forma masiva preto das vivendas en países como Dinamarca, Francia, Bélxica, Holanda, coñécense xa os graves problemas que provocan na saúde das persoas, feito que carrexou a paralización eólica en Australia, e ata que se haxan ditado sentenzas que obrigan a desmantelar aeroxeneradores e parques eólicos por estes motivos.

Coñécese este problema como a "síndrome da turbina eólica" polo que os expertos recomendan a localización dos aeroxeneradores a unha distancia de polo menos 2 quilómetros das vivendas. Con todo, algúns parques eólicos están xa construídos ou proxectados a menos de 500 metros de áreas residenciais, pobos ou casas individuais.

Calquera persoa que viva a unha distancia inferior a 6 km dun parque eólico, debería ser avisada das consecuencias que pode ter para a súa saúde e calidade de vida?.

O ruído, é un dos problemas máis evidentes. As puntas das aspas dun molino de vento poden chegar a alcanzar unha velocidade de ata 80 metros por segundo o que provoca sons e vibracións e ata cambios na presión do aire.

A iso hai que engadir os infrasóns ou ultrasóns, e ondas de baixa frecuencia ou de baixa intensidade, sons de frecuencia inferior a 16 Hz. Nos aparellos de maior potencia, de 3Mw, son maiores os infrasóns, propáganse quilómetros, e poden ocasionar dores de cabeza, problemas de soño, pesadelos nocturnos e problemas de aprendizaxe en nenos, zumbidos nos oídos (tinnitus), irritabilidade, ansiedade, depresión, problemas de concentración e memoria, de equilibrio, mareos e náuseas, cansazo extremo e neurosis.

Tamén se pode engadir o efecto estroboscopio ou "efecto discoteca", que provocan as sombras parpadeantes proxectadas polas aspas ao virar cando o sol está detrás dos muíños, moi estresante e asóciase ata a certos problemas de saúde como ataques epilépticos.

Escintileos e fogonazos das luminarias dos aeroxenedores pola noite, do mesmo xeito, supoñen un motivo relevante de estrés e de perda de calidade de vida para as persoas que viven cerca ou rodeadas de muíños.

Colectivos veciñais, organizacións ecoloxistas e plataformas, grupos de montañeiros e asociacións veciñais e culturais de distintas zonas do rural están en guerra contra o despregue de parques.

A razón é que saben que se aveciña un futuro cun ventilador en todos e cada un dos montes e, por outra e, sobre todo, porque non é máis que un, un espolio.

A min tócame a ameaza do proxecto "Parque Eólico de Caaveiro", a todos os veciños de Anca tócanos loitar si non queremos desaparecer.

O macroproxecto eólico de Caaveiro aféctanos de cheo.

Un proxecto vergonzoso que por non cumprir nin sequera cumpre coa lexislación vixente.

Megamuiños xeradores a uns 269 metros de vivendas, cando a lei marca 500 metros para xeradores moito máis pequenos e polo tanto menos potentes e daniños.

En Alemaña multiplícase a altura do eólico por 10 para calcular a distancia do aeroxenerador das vivendas, neste caso estamos falando de muíños de 200 metros, así que a distancia sería de 2 quilómetros e non de 500 metros.

Obrigáronnos a movernos e facer alegacións sobre proxectos que non deberían estar sobre a mesa, porque atentan contra a poboación e ata contra a lexislación vivente, obrigáronnos a comezar unha loita e poñer diñeiro dos nosos petos para tratar de frear un abuso, un auténtico acto de agresión contra os intereses dos poboadores dos territorios afectados.

Para os veciños afectados por estes megaproxectos eólicos os efectos serán demoledores.

Estamos falando de aeroxeneradores de máis de 200 metros de altura que van provocar uns fortes impactos sobre os veciños e o territorio.
  • Os terreos e as vivendas situados ata a 3 quilómetros do parque perderán sobre o 30% do seu valor actual.
  • O espazo forestal e agrario quedará dependente do macroparque por 30 anos prorrogables.
  • As interferencias no uso do chan, en relación ao uso gandeiro, agrícola e forestal.
  • O grave impacto na paisaxe.
  • O impacto sobre a auga, fontes, caudais, traídas, etc,
  • O ruído insoportable e constante que ten graves efectos sobre a saúde física e mental das persoas.
  • As interferencias que dificultan o funcionamento dos sistemas de telecomunicación, radionavegación aérea, e dos radares.
  • Os accidentes polo desprendemento de pezas.
  • O chamado "efecto discoteca" ou palpádeo de sombras das aspas en movemento sobre as casas.
  • Non aportan postos de traballo, é unha gran mentira.
  • Agudizan o despoboamento do rural, posto que a ninguén lle gustaría vivir preto dun parque eólico. A realidade demostra que o 90% dos municipios con parques eólicos perderon poboación.
  • Problemas coa flora. Todos os anos morren miles de animais como consecuencia da produción de enerxía eólica. Os morcegos son os máis prexudicados.
  • Non son bos para o ser humano. Pode traer problemas biolóxicos ao ter moita contacto con elas, por iso levantar estes parques tan preto da poboación é un verdadeiro atentado contra nosa saúde.

EÓLICOS AQUÍ NON!

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Membro da Sección Sindical e Delegado da CIG en Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
31 de agosto de 2021 23:48

_______

Concentración no Mosteiro de Caaveiro (Fragas do Eume), o vindeiro domingo 5 de setembro, ás 12:30hs, punto de encontro dos roteiros reivindicativos contra os proxectos de parques macroeólicos e na defensa do rural - Betula participará no roteiro que parte desde a Alameda do Eume parroquia de Ombre (Pontedeume)

Concentración no Mosteiro de Caaveiro (Fragas do Eume), o vindeiro domingo 5 de setembro, ás 12:30hs, punto de encontro dos roteiros reivindicativos contra os proxectos de parques macroeólicos e na defensa do rural.

Betula participará no roteiro que parte desde a Alameda do Eume parroquia de Ombre (Pontedeume), no Centro de Acollida de Visitantes de Ombre, ás 10:30 h.

Dende hai varios meses vense producindo unha considerable alarma social motivada polos proxectos de instalación indiscriminada de macroeólicos en diferentes espazos naturais de Galicia. A envergadura destas estruturas de 250 m de altura, provoca impactos irreversibles na paisaxe, na flora, na fauna e no patrimonio arqueolóxico e etnográfico. Tamén na vida, economía e saúde das comunidades do rural, xa mermadas por outras circunstancias.

A Asociación Betula de custodia do territorio non pode permanecer indiferente ante esta agresión especulativa ao medio natural amparada nunha falsa transición enerxética. Necesitamos enerxías limpas, pero non así.

Á parte das alegacións masivas que se están a presentar, varias asociacións e plataformas convocan unha concentración en Caaveiro, nas Fragas do Eume, o vindeiro domingo 5 de setembro, ás 12:30 h, para facer visible este rexeitamento aos proxectos en marcha.

Betula, con moito esforzo, conseguiu adquirir en propiedade máis de 14 ha. nas Fragas do Eume, que trata de conservar e mellorar. Por iso se suma á convocatoria, pola conservación do patrimonio natural, nesa xornada e contribuír a evitar unha nova degradación deste extraordinario espazo.

As persoas participantes deberán achegar nome (custodia.betula@gmail.com), apelidos, DNI e Tel. para organizar a xornada e cumprir co protocolo Covid. Os menores irán acompañados de adulto. Data límite para apuntarse 3/09/21, ás 14:00 h.

O lugar de encontro será o Centro de Acollida de Visitantes de Ombre, ás 10:30 h. Feito o reconto, dende alí accederemos en vehículos á zona de Fornelos (onde Betula ten propiedades) e logo faremos o último tramo (uns 3 km.) camiñando ata o Mosteiro para encontrármonos cos restantes participantes.

Limodre, 26 de agosto de 2021


BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, é unha asociación que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través da Custodia do Territorio.

http://betula-atlantico.eu/

contacto@betula-atlantico.eu

Foto: Mosteiro de Caaveiro - Xulio Barreiro.

"Non queremos un modelo eólico que rompe, deteriora e minusvalorara o noso territorio e a súa xente para o beneficio dos de sempre".

#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#aldeaslibresdemacroeólicos
#Moratoriaeólica
#PorUnNovoModeloEolico
#aldeasconhorizonte
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
26 de agosto de 2021 20:54

_______

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou onte a aprobación definitiva do Orzamento Xeral do Concello de Ferrol para o exercicio económico de 2021 - As contas para este ano, en vigor desde hoxe mesmo, ascenden a case 87 millóns de euros


O Concello publica o Orzamento Municipal Xeral para o 2021

O alcalde, Ángel Mato, lembrou esta mañá que as contas para este ano reflicten o “proxecto de cidade” do goberno local para “contribuír á saída da crise” e “reactivar a economía local”. As contas para este ano, en vigor desde hoxe mesmo, ascenden a 86.869.243,11 euros

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou onte a aprobación definitiva do Orzamento Xeral do Concello de Ferrol para o exercicio económico de 2021 tras saír adiante na sesión plenaria celebrada o pasado 26 de agosto cos votos a favor do PSOE, FeC e o BNG e en contra do PP.

O alcalde, Ángel Mato, lembrou que as contas para este ano, en vigor desde hoxe mesmo, ascenden a 86.869.243,11 euros e reflicten o “proxecto de cidade deste goberno” nun documento “moi ambicioso” que busca “contribuír á saída da crise a través da creación de emprego” ao tempo que “reactivar a economía local”. Neste punto, o rexedor incidiu en que o orzamento municipal busca “compensar os esforzos que están a desenvolver outras administracións”.

Mato recalcou que se dedica “especial atención” ao capítulo de investimentos, que supera os 22 millóns de euros, co fin de “mellorar o estado da nosa cidade” a través das obras previstas, como a reurbanización das rúas da Igrexa e Pardo Baixo, a estrada da Castela ou o acondicionamento do parque de personaxes populares e o de Fontelonga, entre outras actuacións.

Fonte: Web Oficial Concello de Ferrol.

✔ Doc no BOP d'A Coruña, publicado o 30 de agosto de 2021. | Aprobación definitiva do Orzamento Xeral do Concello de Ferrol para o exercicio económico de 2021 - Anuncio - 4 páxinas e pdf. | Acceder/Baixar.
_______

martes, agosto 31, 2021

A sociedade de gandeiros galegos Leite Noso, impulsora da marca Deleite, presentou esta sexta feira en Compostela un novo produto que, segundo afirman, 'revolucionará' o mercado - Deleite A2A2, un novo produto creado a partir de recuperar a beta-caseína orixinal A2


Deleite busca "revolucionar" o mercado apostando polo leite orixinal natural A2

Leite Noso presentou en sociedade a Deleite A2A2, un novo produto creado a partir de recuperar a beta-caseína orixinal A2 e prescindindo da A1, habitual no leite actual e relacionada con molestias dixestivas. Comercializarase en todo o Estado español e as súas granxas cobrarán un suplemento.


A sociedade de gandeiros galegos Leite Noso, impulsora da marca Deleite, presentou esta sexta feira en Compostela un novo produto que, segundo afirman, "revolucionará" o mercado. Trátase dun leite que contén de maneira exclusiva proteínas con beta-caseína A2 e evita as que teñan A1, habituais no leite convencional, por estaren relacionadas coas molestias dixestivas dunha parte da poboación.

Pedro González, director executivo da empresa, explicou que os estudos clínicos comprobaron que "ao redor dun 34% da poboación do Estado español aseguran que teñen molestias co leite e só hai un 5% que é intolerante en realidade". Esa diferenza sería a que causaría a beta-caseína A1 e un dos factores polos que durante estes anos unha parte da poboación decidiu mudar os seus hábitos cara a outros produtos como os leites vexetais, malia teren un prezo moito maior.

"Buscamos volver ao leite orixinario anterior á mutación xenética que hai 8.000 anos causou a aparición da A1 e recuperar toda esa xente que deixou de consumir leite", resumiu.

Outro factor positivo da A2 é o seu efecto a nivel inmunolóxico, ao reducir os marcadores inflamatorios intestinais e diminuír a presenza do aminoácido BCM-7, que pode ter efectos adversos na saúde, e aumenta a produción natural do antioxidante glutatión. Alén diso, o leite A2 contén niveis de lactosa comparábeis ao leite estándar.

Porén, segundo explicaron desde Leite Noso sinalando estudos clínicos, parte dos problemas de intolerancia que se asocian normalmente á lactosa, un azucre presente no leite, débense en realidade á proteína A1 polo que a A2 con lactosa mellora algúns dos síntomas.

Cinco anos de traballo en silencio nas explotacións


O proceso para chegar a conseguir leite exclusivo con A2 non foi doado. González sinalou que levan desde que se fundou Leite Noso, en maio de 2016, traballando neste proxecto e seleccionando nas diferentes explotacións da sociedade, vendendo aquelas que tiñan a beta-caseína A1, para facelo realidade. "Coa chegada da pandemia complicouse, mais conseguimos superar todos os atrancos, mesmo o de manter en segredo tanto tempo este proxecto", indicou o xerente da empresa.

Jesús González, da explotación máis importante da empresa, relata que o primeiro paso foi realizar analíticas a todos os animais e separar as que só tiñan A2. “Fixemos un lote e enviámolo sen que tivera contacto coas de A1, muxímolas apartadas”, conta este gandeiro.

Polo de agora as granxas grandes son as máis adiantadas neste proceso con porcentaxes importantes de vacas con esta característica. En todo caso contan con tanques diferenciados para que as que aínda non se mudaron non interfiran na produción. Para certificalo, pasan periodicamente unha auditoría.

Aumentar mercado mellorando o produto

O leite A2 comezouse a producir e a elaborar hai máis de 15 anos en Nova Zelanda e desde ese país estendeuse aos Estados Unidos de América, China ou Australia. A proposta de Deleite será a primeira que se realice no Estado español. A nivel europeo hai algún exemplo de pequena comercialización en Holanda mais a marca galega será pioneira en apostar pola súa presenza nos lineais dos máis importantes supermercados ademais de seguir contando cos pequenos estabelecementos de proximidade.

Polo de agora manterán a produción en 80 millóns de litros de leite que envasan nas instalacións de Lactogal, en Pontedeume, agardando ver a resposta que ten nas e nos consumidores. En todo caso, aseguran que o abastecemento no mercado galego está asegurado.

Prezos xustos para gandeiras e gandeiros

"Fomos os primeiros en facer contratos estábeis de un ano", lembrou o xerente de Leite Noso, "e en abril de 2020 cando se incorporaron as explotacións máis importantes das comarcas da Coruña e Lugo, ampliámolo a tres anos con prezos xustos", engadiu.

Nesta mesma liña González asegurou que as granxas que lle entreguen a Deleite leite A2 asinaron nos últimos meses contratos a un prezo diferencial, por riba do que se paga polo leite convencional en cinco céntimos. A intención é beneficiar o traballo das explotacións que participan na marca impulsada polos propios gandeiros e gandeiras. Neste sentido, nos puntos de venda Deleite situarase na liña de prezos das marcas premium aínda que cunha oferta de lanzamento nas primeiras semanas.

"Mudamos todo, a partir de agora mesmo desaparece Deleite como leite convencional e pasa a ser todo A2", concretou González, "competirá co resto de leites nos mesmos lineais por considerar que non é especial, mais pensamos que o futuro está neste produto". Iso si, asegura que manterán o compromiso coa lingua e a cultura galegas polo que toda a rotulación, aínda que se distribúa fóra da Galiza, continuará a ser en galego.

Publicado en Nós Diario. | 27.08.2021

Foto: Pedro González, á esquerda, xunto membros e gandeiros de Leite Noso na presentación. (Foto: Arxina)
_______

luns, agosto 30, 2021

Comeza en Ferrol o programa 'Vivendas para a inclusión de persoas sen fogar' - Con este proxecto dáse luz verde a dúas vivendas de transición á vida autónoma para persoas usuarias do albergue municipal ou que veñan derivadas da mesa técnica de atención a persoas sen fogar


A boa vontade e o importante traballo social da asociación "Provivenda", contrasta coa mala política en vivenda do goberno municipal de Ferrol. O que non di o Alcalde Ángel Mato e a concelleira de Benestar Eva Martínez, que en Ferrol o Concello, ten un parque municipal de 1.000 vivendas públicas protexidas, con máis de 100 vivendas baleiras tapiadas e cada vez que unha inquilina entrega a chave, unha cuadrilla municipal corre a tapiar a porta da vivenda, independentemente de que esta vivenda que queda baleira estea ou non en condicións de habitabilidade. Mentres un centenar de persoas segue agardando desde hai unha década nunha lista municipal, para que se lle adxudique unha desas vivendas. Mais benvinda sexa a iniciativa se pode paliar os problemas de vivenda dalgunha persoa sen fogar.

Grazas ao financiamento do Concello de Ferrol, a Asociación Provivienda pon en marcha o programa "Vivendas para a inclusión de persoas sen fogar".

Con este proxecto dáse luz verde a dúas vivendas de transición á vida autónoma para persoas usuarias do albergue municipal ou que veñan derivadas da mesa técnica de atención a persoas sen fogar. Estas vivendas darán resposta a oito persoas que accederán a unha vivenda compartida con acompañamento profesional para continuar avanzando no seu proxecto de vida a través dun aloxamento estable.

O Concello de Ferrol aposta polo labor de Provivienda para dar resposta ás necesidades das persoas en situación de rúa ou vulnerabilidade residencial dende o dereito á vivenda.

A Asociación Provivenda en Galicia poñerá en marcha o programa "Vivendas para a inclusión de persoas sen fogar" cun triplo obxectivo:
  • Facilitar o acceso a unha vivenda autónoma para persoas en situación de sinfogarismo.
  • Ofrecer un alugueiro seguro e cómodo ás persoas que teñan vivenda en propiedade.
  • Impulsar o dereito á vivenda.
A firma do convenio levouse a cabo hoxe 27 de Agosto, coa concelleira de Benestar Social Eva Martínez e o alcalde de Ferrol Ángel Mato. Trátase dun proxecto de continuidade para o que Provivenda contará con financiamento ata finais do 2022.

Para o desenvolvemento do proxecto Provivenda conta co apoio de Emaús Fundación Social dentro da alianza existente entre ambas as entidades en Galicia.
Aluguer con valor social

Desde hai 31 anos traballamos para que, ademais dun valor económico, as vivendas teñan valor social, porque non é unha mera transacción comercial, é contribuír a que o lugar no que vivimos sexa máis xusto, máis digno e respectuoso cos dereitos de todas as persoas.

Para as persoas propietarias son moitos os incentivos de alugar a súa vivenda con Provivenda:
  • Realizamos o inventario fotográfico do inmóbel.
  • Formalizamos o contrato de arrendamento.
  • Garantimos a cobranza da renda de alugueiro.
  • Contratamos un seguro multirrisco do fogar, abonando o seu custo durante o primeiro ano do contrato.
  • Xestionamos e abonamos o Certificado de Eficiencia Enerxética.
  • Proporcionamos axudas para a adecuación da vivenda.
  • Facilitamos o asesoramento, mediación e seguimento durante toda a vixencia do contrato.

✅ PARA PROPIETARIAS DE VIVENDA PARA ALUGAR:
Si queres alugar a túa vivenda en Ferrol, escribe a  pinoro@provivienda.org o llama al 627 350 763.


Fonte: Asociación Provivenda en Galicia.

Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra - Stop Desafiuzamentos
→ Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com
→ Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
→ No facebook
facebook Stop Desafiuzamentos Ferrol Terra

Todos os luns (Menos festivos), vemo-nos en Caranza, pola tarde entre as 5 e as 7 da tarde, no local da Asociación Fuco Buxán (Local Social Tino Deibe, Rúa Armada Española, 32 Baixo). Estamos xente de Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra. se queres participar achega-te! - No caso de Urxencia chama ao 645158113

_______

venres, xullo 23, 2021

Novo Boletín Informativo Ambiental de Radio Cerna: Ence recibe un duro golpe da Audiencia Nacional a cal declara ilegal a prórroga da concesión da pasteira ...; ... continúan as críticas sociais contra a vaga eólica ...; ... novos movementos veciñais na contorna do Xurés ...;


Boletín informativo ambiental 23/07/2021
Ence recibe un duro golpe da Audiencia Nacional a cal declara ilegal a prórroga da concesión da pasteira outorgada polo goberno en funcións de Mariano Rajoy. O traslado da factoría semella cada vez máis preto. No ámbito da enerxía, continúan as críticas sociais contra a vaga eólica que é incesante. Xordes novos movementos veciñais na contorna do Xurés para enfrontarse aos proxectos eólicos. Estas e outras noticias no presente boletín informativo semanal de Radio Cerna.

Queres coñecer a actualidade ambiental de Galiza? Escoita Radio Cerna!



Radio CERNA é o primeiro espazo radiofónico especializado na temática medioambiental e ecoloxista en Galiza. Está realizado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) para difundir a través da rede e das emisoras locais galegas toda a información relativa á situación medioambiental do país. O espazo dura uns 10 minutos e actualízase todos os días de luns a venres.

#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#aldeaslibresdemacroeólicos
#Moratoriaeólica
#PorUnNovoModeloEolico
#aldeasconhorizonte
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

Delegación de Adega
Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

Foto: Maquinaria pesada na Praia de Rodeira.

Enviado por:
Miguel Anjo Delegación Adega Ferrolterra
-adegatrasancos@adega.gal-
23 de julho de 2021 12:01

_______