Amosando publicacións coa etiqueta AGAMME. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta AGAMME. Amosar todas as publicacións

xoves, xaneiro 17, 2019

Ante a iniciativa parlamentaria do PSdeG- PSOE de implantar a figura do Coordinador Parental en Galiza, AGAMME (Asociación Galega Contra o Maltrato a Menores) e sete entidades máis presentaron un escrito ao Presidente do Parlamento Galego, cos argumentos para rexeitar dita iniciativa parlamentar


Ante a iniciativa parlamentaria do PSdeG- PSOE de implantar a figura do Coordinador Parental en Galiza,  AGAMME (Asociación Galega Contra o Maltrato a Menores) e sete entidades máis presentaron un escrito ao Presidente do Parlamento Galego, cos argumentos para rexeitar dita iniciativa parlamentar.

Coordinador parental: escrito ao Presidente do Parlamento de Galiza

SR. PRESIDENTE DO PARLAMENTO DE GALICIA

As entidades A.C. Fuco Buxán, Adavas Baixo Miño, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, Asociación de Profesionais dos CIM, Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, Marcha Mundial das Mulleres, Observatorio das Mariñas pola Igualdade e Sindicato Labrego Galego dirixen ao Presidente do Parlamento de Galiza o seguinte escrito en relación co debate que terá lugar o vindeiro día 23 sobre a institución da figura do Coordinador Parental en Galiza:

As entidades abaixo asinantes manifestamos o noso rexeitamento á implantación en Galiza da figura do coordinador parental que vai ser obxecto de debate no Parlamento de Galicia, polos motivos que pasamos a detallar:

1º A figura do Coordinador parental foi creada pola Fundación Filia e posta en práctica por primeira vez no estado español en Cataluña, nun proxecto piloto de seis meses de duración que afectou a unha mostra de casos mínima. A motivación que plantexaba a Fundación para a súa implantación era por unha parte a redución de gastos procesais, pero fundamentalmente centrábase en resolver a suposta problemática do maltrato emocional causado por manipulación dos proxenitores-as cara aos fillos e fillas. Foi creada, pois, baixo os presupostos e métodos da suposta síndrome de alienación parental, tantas veces rexeitada polo Consello Xeral do Poder Xudicial e, a día de hoxe, sen a máis mínima credibilidade no ámbito científico internacional.

Durante a realización do proxecto piloto estableceuse a xurisprudencia que agora empregan os promotores como base xustificativa, que procede principalmente dun poñente da AP de Barcelona.

Non podemos deixar de salientar que o máster na URJC, en convenio con Fundación Filia e con profesorado activamente defensor da teoría ssap e das denuncias falsas en contextos de violencia de xénero e maltrato infantil, foi denunciado ante o Observatorio da Violencia de Xénero (estatal) tanto por ser contrario aos dereitos das vítimas de violencia de xénero e pormover unha ideoloxía misóxina como por alentar prácticas que non se asentan en teorías científicas e que as máis importantes entidades en materia de saúde mental veñen rexeitando de xeito reiterado. A existencia desta denuncia supuxo a suspensión do máster, que contaba entre o profesorado con históricos da ssap no Estado Español como Tejedor Huerta, Aguilar Cuenca ou Serrano.

No caso de Galicia, o executivo fai público ademais que a creación da figura do coordinador parental se realizaría en colaboración cunha das autoras galegas mais prolíficas arredor da suposta síndrome de alienación parental (tamén chamada interferencias parentais, entre outros sinónimos) e a súa vertente “terapéutica”.

2º O coordinador parental non entende aos nenos e nenas como suxeitos que deben ser escoitados e cuxa vontade debe ser tida en conta. Non se contempla a necesidade de atender ao que o neno ou nena manifesta cando rexeita o contacto cun proxenitor. É un mero vixilante de cumprimento de sentencias relativas aos réximes de visitas e custodia con potestade para axilizar trámites e propoñer medidas.

Neste senso, como entidades preocupadas polo cumprimento dos dereitos das vítimas menores de idade, lembramos que a Convención dos Dereitos do Neno e da Nena recoñece o dereito a manter contacto con ambos proxenitores e cos familiares, agás que sexa contrario ao interese superior do neno ou nena, para o cal debería ser escoitado-a e tido-a en conta. Este dereito non pode ser convertido nunha obriga de contacto e/ou vinculación, especialmente cando o neno ou nena manifeste sentimentos de temor ou rexeitamento cara ese proxenitor ou familiar.

3º O coordinador parental aséntase nunha ideoloxía misóxina que nega a realidade da violencia de xénero, o maltrato infantil e a violencia sexual. No seu lugar, os seus defensores promoven a idea da denuncia falsa como gran problema do que denominan “divorcios conflictivos”. É polo tanto, unha figura que vai danar profundamente ás vítimas que se atopan en procedementos civís sobre réxime de visitas ou custodia. Lembramos, asemade, que a teoría sobre a denuncia falsa é identificada polas asociacións de loita contra a violencia de xénero e o maltrato infantil, pero tamén de institucións estatais e internacionais, como potencialmente perigosas para as vítimas (CEDAW de NNUU, CXPX, Fiscalía de Violencia de Xénero, entre outras).

4º As asociacións levamos reclamando dende hai anos máis e mellores medios para o enxuizamento dos delitos cometidos contra mulleres, nenos e nenas, tendo en conta que principalmente estes se producen no ámbito máis próximo. A resposta da administración foi sempre a carencia de recursos económicos para levar a cabo melloras, explicación que neste momento non tería cabida, se temos en conta a asignación coa que o Pacto de Estado acaba de dotar o investimento autonómico neste eido.

Especialmente no tocante á proba testifical da vítima -e en concreto a vítima menor de idade- tense solicitado formación específica que debería mellorar a competencia das institucións á hora de recoller e avaliar o testemuño. Ao mesmo tempo debería dirixirse tamén a evitar a aplicación por parte de equipos psicosociais e forenses, así como dos tribunais, da ideoloxía que propugnan os defensores da suposta síndrome de alienación parental, polos motivos expresados máis arriba, dada a repercusión negativa que ten para as vítimas.

As asociacións recordamos que dende as institucións europeas vense esixindo unha xustiza adaptada ás vítimas e en especial, unha xustiza adaptada á infancia, tanto no eido civil como penal. Entre estas medidas para facer menos impactante o paso polo procedemento xudicial tense solicitado a creación de salas de espera e accesos específicos para as vítimas, coa fin de evitar a confrontación co agresor, evitar os períodos de espera para testificar para que o paso do tempo non dane a capacidade da vítima para recuperar o recordo da maneira máis detallada. Solicitábase tamén a instalación de cámaras Gessell que permitirían, aplicando os protocolos pertinentes, realizar a exploración xudicial dos nenos e nenas vítimas e testemuñas nun único acto con todas as garantías para a vítima e para o reo. A día de hoxe, a pesar do baixo custo deste tipo de instalacións e de terse facilitado información técnica sobre as características destas salas, segue sen haber ningunha en territorio galego.

É preciso ter en conta que todas estas medidas non so actuarían no senso de evitar a vitimización secundaria, senón que repercutirían moi positivamente na calidade do procedemento que, como tal, depende da existencia de proba incriminatoria. O testemuño da vítima, e principalmente dos nenos e nenas, non se pode garantir nas condicións materiais, temporais e profesionais actuais, pois non responden ás súas necesidades especiais e individuais.

5º Nestas condicións non é de estrañar que as cifras de sobresementos neste tipo de delitos continúen a ser excepcionalmente altas, como ben sinala o informe de Save the Children, “Ojos que no quieren ver”, segundo o cal o 70% das denuncias de abuso sexual infantil non chegan a xuízo.

6º Neste contexto nada facilitador do enxuizamento de delitos no contexto da violencia de xénero e do maltrato infantil, o Parlamento de Galicia estuda a implantación da figura do coordinador parental, que bebe da ideoloxía da denuncia falsa (as estatísticas anuais da Fiscalía indican que a porcentaxe é moi inferior á existente noutros delitos: 0,01%) e a manipulación dos fillos e fillas por parte das nais (co evidente sesgo de xénero e que, a pesar dos intentos reiterados dos defensores da ssap non é aceptado pola OMS e pola APA como trastorno mental, que sería o único que motivaría medidas urxentes e drásticas como as que describe a terapia da ameaza), colocando ás vítimas no maior dos desamparos.

7º Despois de ter tentado infrutuosamente a aprobación dunha lei de corresponsabilidade parental, por ILP da Asociación Galega de Pais e Nais Separados de Galicia, o parlamento inicia agora o debate para a creación desta figura. A ILP non foi posible levala adiante por falta de competencia da Comunidade Autónoma. A figura do coordinador parental non pode ser introducida sen establecer normativamente as súas funcións, formación, competencias, deberes, principios, etc. Igual que sucedeu no caso da ILP de corresponsabilidade parental, existe neste caso unha situación de falla de competencia.

Opoñémonos pois á creación desta figura, por considerar:

- Que é contraria á lexislación internacional de infancia que fala dunha administración e unha xustiza adaptadas á infancia, que respecten a vontade dos nenos e nenas, promovan o seu dereito a expresarse e que a súa opinión sexa tida en conta e defendan a consideración do neno e da nena como suxeitos de dereito, non como meros obxectos que son entregados e recollidos.

- Inutiliza o Pacto de Estado de loita contra a violencia de xénero, que promove o recoñecemento das vítimas en todos os ámbitos, pois a función do coordinador diminúe a capacidade de acción da vítima non visible para o sistema penal.

- Chega nun momento no que as características e medios do procedemento penal continúan a ser insuficientes, o que dá lugar a un índice de sobresementos moi elevado que deixa fóra da protección a unha porcentaxe moi elevada de vítimas.

- Continúa a haber unha falla de competencia do Parlamento de Galicia para lexislar sobre cuestións civís, como sucedeu no caso da ILP de corresponsabilidade parental.

– Supoñería indirectamente un pacto coa ideoloxía de Fundación Filia, tendo en conta que a formación é impartida pola entidade, dado que posúe a marca rexistrada do coordinador parental.

Non podemos esquecer a histórica condena ao estado español por parte de Nación Unidas no caso González Carreño, por mor do asasinato da filla da denunciante, de sete anos, durante o réxime de visitas, nin a sempre crecente lista de nenos e nenas que son asasinados durante o tempo de visitas ou custodia que un tribunal lle concedeu ao proxenitor, a pesar das negativas do neno ou nena e das peticións de protección realizadas.

Polo tanto, en base a todo o manifestado SOLICITAMOS:

1. A paralización do debate sobre implantación do coordinador parental en Galiza.

2. Que o Parlamento destine esforzos económicos e organizativos á mellora dos medios materiais e técnicos relacionados con violencia de xénero, maltrato e abuso sexual infantís e participación de nenos, nenas e adolescentes en procedementos civís.

3. Que o Parlamento se propoña planificar as políticas de igualdade para a protección da imaxe e o honor das vítimas, tan cuestionada nos últimos tempos.

4. Que o Parlamento de Galicia elabore un pacto que debería ser asinado por todas as forzas representadas que blinde a posibilidade da entrada en debate de calquera proposta que poña en dúbida a imaxe e integridade –en senso amplo- das vítimas.

5. Que o Parlamento de Galicia faga aplicable normativa e orzamentariamente o artigo 12 da Convención dos Dereitos do Neno e da Nena que obriga ás administracións a dar cabida en condicións adecuadas ao dereito do neno e da nena a que se escoite a súa vontade e se teña en conta en todos aqueles aspectos que teñen relación coa súa vida, artigo que se expón polo miúdo na Observación Xeral 12 do Comité de Dereitos da Infancia de NNUU. Deberase facer efectivo este dereito tanto no ámbito penal como civil, como nas actuacións doutras administracións públicas.

Atentamente:

Santiago de Compostela, a 17 de xaneiro de 2019

Seguen as sinaturas...

http://www.agamme.org/

Agamme en Facebook e Twitter.

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
17 de janeiro de 2019 09:40

__________

mércores, novembro 21, 2018

'Nenos, nenas e adolescentes nas fronteiras de Europa', baixo ese título, este venres 23 de novembro, celebrara-se no Ateneo Ferrolán, a VI Xornada sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia, aberta ao público en xeral, desde ás 5 da tarde, con Xavier Ron, Ana Miranda e Jose Palazón - Proxetara-se o documental: 'O silencio das persoas refuxiadas', de Gabriel Tizón


AGAMME celebra o vindeiro venres 23 de novembro as VI Xornadas, que terán por título “Nenos, nenas e adolescentes nas fronteiras de Europa”.

O vindeiro venres 23 de novembro AGAMME organiza a súa VI Xornada sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia, que se desenvolverá a partir das 17:00h. no Ateneo Ferrolán.

Nesta ocasión a xornada pretende salientar a dramática situación dos nenos, nenas e adolescentes que están a chegar ás fronteiras de Europa fuxindo da guerra, do empobrecemento e a desnutrición extremas dos seus lugares de orixe.

Crianzas desaparecidas dos centros de persoas refuxiadas en territorio comunitario, captadas por redes de trata, centros de menores non acompañados-as saturados, adolescentes vivindo na rúa en grandes cudades europeas, nenos e nenas de curta idade que tentan suicidarse en centros de refuxiados. Os centos de menores de idade que perden a vida nas rotas terrestres e marítimas. Este é o escenario do que parte esta VI Xornada, que ten por título “Nenos, nenas e adolescentes nas fronteiras de Europa. Unha revisión dende a perspectiva de dereitos de infancia”.

O primeiro relatorio correrá a cargo de Xabier Ron, membro do Foro Galego de Inmigración dende a súa fundación, docente, activista e militante de Esquerda Unida.

A continuación intervirá Ana Miranda, deputada no parlamento Europeo polo BNG, membro da Comisión de Inmigración, embarcada no buque Open Arms durante a crise do Aquarius.

Finalizará a quenda de intervencións José Palazón, Presidente da Asociación Prodein, que leva décadas denunciando a situación dos nenos, nenas e adolescentes non acompañados-as en Ceuta e Melilla e as condicións nas que se atopan os centros de menores destas cidades.

Proxectarase o documental do fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón, "O silencio das persoas refuxiadas".

Para finalizar o evento abrirase un coloquio.

http://www.agamme.org/

FACEBOOK | TWITTER

Causas Comúns

http://www.causascomuns.org/
___________________

xoves, setembro 20, 2018

Presentación en Pontedeume do libro 'O feminismo, imprescindible para construír outra Europa', este venres 21 de setembro, ás 8 da tarde, na Casa da Cultura de Pontedeume (Paseo de Raxoi, 1), coa eurodeputada Lídia Senra e a Coordinadora de AGAMME, Estrela Gómez - A parlamentaria defende mecanismos contra o machismo nas organizacións e formación de xénero para o persoal que implementa e aplica as leis.


Presentación en Pontedeume do libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa”. | Este venres 21 de setembro ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume (Paseo de Raxoi, 1), coa eurodeputada Lídia Senra e a Coordinadora de AGAMME, Estrela Gómez. |  A parlamentaria defende mecanismos contra o machismo nas organizacións e formación de xénero para o persoal que implementa e aplica as leis.


A Casa da Cultura de Pontedeume (Paseo de Raxoi, 1) acollerá este venres, 21 de setembro, ás 20:00 horas, a presentación do libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa” coordinado pola eurodeputada Lídia Senra. No acto público, intervirán ademais da propia europarlamentaria, a Coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), Estrela Gómez Viñas.

A europarlamentaria quere poñer enriba da mesa o debate sobre como artellarse na sociedade para derrotar o patriarcado e o machismo e facer que todos os dereitos das mulleres sexan respectados. Neste sentido, Lídia Senra avoga por non permitir nin unha súa actitude machista e por denunciar todo tipo de acoso ou actitude reprobable cara ás mulleres, aínda que esta veña dos propios compañeiros de organización ou de institución. Así, a eurodeputada chama a non baixar a garda e a rematar con ese machismo que sigue imperando a día de hoxe en todos os ámbitos e que se ve claramente no feito de que as mulleres seguen sendo minoría á hora de encabezar listas electorais, ser portavoces de organizacións políticas ou sindicais, ou directivas no seu ámbito laboral. Os avances logrados polas mulleres foron moitos nos últimos anos, tamén grazas ás leis en defensa da paridade e contra a discriminación de xénero e os malos tratos, pero para que esas leis teñan unha aplicación na práctica efectiva, é imprescindible tamén que se leve a cabo unha avaliación profunda do nesgo machista co que se aplica a diario a xustiza, defende Senra. Así, reclama que se dote de medios e dunha sólida formación con perspectiva de xénero a todas as persoas que teñen que implementar e aplicar as leis.

Durante o acto en Pontedeume, repartirase gratuitamente o libro en versión impresa a todas as persoas que asistan e estean interesadas nel. A publicación, que conta tamén cunha versión dixital que se pode consultar na web de Lídia Senra, recolle textos de mulleres que participaron na xornada organizada por Senra en novembro do 2016 en Ourense co mesmo título que o libro e na visita realizada ao Parlamento Europeo en novembro do 2015 para participar na xornada “O nesgo machista na aplicación das políticas: o caso da Xustiza”. Así, na primeira parte recóllense artigos da feminista e profesora da Universidade de Valladolid Alicia H. Puleo, sobre o ecofeminismo; da brasileira doutoranda en socioloxía Eliane de Moura Martins, sobre o feminismo popular para facerlle fronte á colonialidade, ao capitalismo depredador e a todas as formas de machismos; de Fiadeiras, o Grupo de Traballo en Igualdade do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), sobre a acción social desde o feminismo e a súa experiencia de traballo; das membros de Anova Ourense Nerea Conde e Tania Bouzo, sobre participación política e liderado feminino; da deputada Paula Verao, sobre a loita contra a precariedade e pobreza laboral feminina; e da Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, Rosa Álvarez, sobre como os micromachismos cimentan o patriarcado.

Na segunda parte do libro, recóllense artigos da eurodeputada do GUE/NGL Ángela Vallina, sobre a figura da Síndrome de Alienación Parental (SAP) como reforzo do heteropatriarcado nas sociedades europeas; da concelleira de Marea de Vigo Marga López Barreiro, sobre o nesgo machista na xustiza; da psicóloga clínica forense e experta en vitimoloxía e violencia de xénero Sonia Vaccaro, sobre a utilización do SAP como unha forma de violencia machista máis; da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, sobre as dificultades da violencia machista nos procesos xudiciais; de Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), sobre por que se debe incluír a cuestión dos dereitos da infancia no debate sobre o nesgo de xénero presente nas institucións; da coordinadora da Área de Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG), Ana Eiras, sobre a realidade das mulleres labregas; e de Rosa Álvarez novamente, desta vez cunha ollada desde a psicoloxía á violencia contras as mulleres para unha abordaxe integral do problema.

Pontedeume, 20 de setembro de 2018.

Libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa”. 140 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, | lidia.senra@europarl.europa.eu
http://lidiasenra.gal/
Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME).


Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
20 de setembro de 2018 13:17
___________________
_________________

Agamme e a Rede Internacional Fight 4 Child Protection solicitan á Ministra melloras na atención a nenos e nenas vítimas, ante a a próxima redacción dunha Lei de Protección Integral ante a Violencia contra a Infancia



A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (
AGAMME) e a Rede Internacional Fight 4 Child Protection solicitan á Ministra de Sanidade, Consumo e Servizos Sociais melloras na atención aos nenos e nenas vítimas.

A raíz do anuncio feito público recentemente sobre a próxima redacción dunha Lei de Protección Integral ante a Violencia contra a Infancia, AGAMME e Fight 4 Child fixeron chegar este mércores un escrito dirixido á Ministra de Sanidade, Consumo e Servizos Sociais para que inclúa algúns cambios que ambas asociacións consideran necesarios para que as vítimas menores de idade reciban unha atención adecuada e respectuosa cos seus dereitos.

As asociacións piden maior concreción en varios aspectos da Lei do Estatuto da Vítima do Delito e a Lei de Protección á Infancia e á Adolescencia aprobadas en 2015, tales como o concepto de interese superior das crianzas que continúa sendo excesivamente difuso, o nivel de formación que debe esixirse aos equipos profesionais que entran en contacto con nenos, nenas e adolescentes vítimas, as características materiais e humanas que deben cumprirse en toda entrevista ou acto no que participe un neno ou nena vítima ou testemuña, as medidas que deberá tomar necesariamente o xuíz para protexer á vítima durante a instrución, en particular as que teñen que ver co contacto coa persoa encausada, etc. Todo elo enmarcado no contexto da normativa europea que establece a necesidade dunha xustiza adaptada á infancia. Para este fin propoñen que se cree unha unidade de control de calidade da xustiza adaptada á infancia.

Outro aspecto que consideran necesario modificar é o articulado da Lei de Protección á Infancia e á Adolescencia no cal se eliminan garantías aos nenos e nenas en acollida, promovendo unha maior axilidade e permitindo con iso que os servizos de menores tomen decisións sen a participación do xuíz ou xuíza.

AGAMME e Fight 4 Child, na mesma liña do anunciado por Vicepresidencia respecto a que ningún fillo ou filla de muller vítima de violencia de xénero deberá solicitar ao proxenitor permiso para recibir atención psicolóxica, indican a necesidade de asegurar o dereito das vítimas á recuperación, polo que solicitan que a medida se fagan extensible a calquera vítima menor de idade.

No texto as entidades piden a erradicación de ideas preconcibidas que poñen en dúbida por sistema a credibilidade dos nenos e nenas vítimas, por exemplo a través da suposta síndrome de alienación parental (sSAP), que sigue presente en numerosas sentencias e informes públicos, a pesar de ter sido reiteradamente refutado pola comunidade científica e sobre cuxa utilización alerta o Consello Xeral do Poder Xudicial.

Solicitan tamén a creación de instrumentos de rexistro de datos sobre maltrato infantil periódicos e fiables, así como mellorar a coordinación coas universidades e fomentar a investigación neste campo.

Outro dos puntos fortes do texto refírese á petición de que se modifique o Código Penal no relativo aos delitos contra a indemnidade sexual, para o cal propoñen a imprescriptibilidade deste tipo de delitos; contemplar como delito diferenciado o abuso sexual incestuoso; e revisar os tipos penais de tal forma que se unifiquen abuso sexual e agresión sexual nun único tipo, co cal as asociacións pretenden impedir que se xulgue a actitude de las vítimas menores de idade como elemento de análise para determinar o delito, pois consideran que a asimetría evidente de poder entre neno-a e adulto-a é de por si violenta nestas situacións.

A carta alerta tamén sobre algúns problemas que a mediación pode supoñer para as vítimas, polo que solicitan restricións para a súa utilización.

As asociacións consideran un gran paso a redacción desta nova lei, polo que transmiten á Ministra a necesidade de que sexa transformadora da realidade que a día de hoxe viven as vítimas cando atravesan el sistema xudicial.

Ferrol, a 19 de setembro de 2018

Xunta directiva de AGAMME




---

Carta enviada á Ministra de Sanidade, Consumo e Servizos Sociais, remitida pola Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) e a Rede Internacional Fight 4 Child Protection, solicitando melloras na atención aos nenos e nenas vítimas de violencia. | 10 páxinas en formato PDF | Acceder/Baixar.

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
20 de setembro de 2018 12:54

_____________________

martes, agosto 14, 2018

A pañoletada verde non fixo máis que empezar - Agamme coa pañoletada verde de Arxentina, unha marea verde de esperanza - ... lanzamos un saúdo ás compañeiras arxentinas e un agradecemento polo exemplo ao mundo de que o movemento contra o patriarcado segue forte e traspasa fronteiras


A pañoletada verde non fixo máis que empezar

Segundo a Organización Mundial da Saúde, nun informe de 2017 sobre a interrupción voluntaria do embarazo no mundo, “as leis máis restrictivas non reducen os abortos, senón que os aumentan e converten en clandestinos e inseguros”. O 45% dos abortos poñen en perigo a saúde da embarazada, sendo a pobreza e a vulnerabilidade social indicadores deste risco.

Un estudo de UNICEF sacaba á luz en 2015 estas cifras: No 16% dos embarazos en Arxentina a nai é unha adolescente e 3000 destas nais teñen entre 10 e 13 anos, o cal se traduce en que cada tres horas unha nena desta idade da a luz un bebé. Trátase de nenas que sofren abuso sexual, na maioría das ocasións non escolarizadas e que acceden ao sistema de saúde durante o parto.

Un número importante dos bebés de nais nenas nacen con problemas de desenvolvemento.

Os datos de diversos estudos de prevalencia do abuso sexual na infancia en diversos puntos do planeta son concluíntes: unha de cada catro nenas sofre violencia sexual, ademais ao menos o 80% é vitimizada por parte de familiares, nunha porcentaxe moi elevada o pai ou o padrastro.

A análise destes datos é clara: existe unha porcentaxe alarmante de partos en nenas menores de 14 anos no mundo, que se agudiza en estados nos que non se invirte en protección da infancia, en educación e onde se penaliza o aborto. Existe un componente económico moi relevante: son as nenas pobres as que se ven abocadas ao aborto inseguro ou a un parto que á súa idade implica un risco para a súa saúde e unha barreira para o seu desenvolvemento físico, educativo e emocional. Son nenas que sofren abuso sexual no máis completo silencio, que non teñen ningún servizo público a onde acudir para pedir axuda e que son estigmatizadas socialmente por su estado.

Arxentina decidiu onte ignorar a estas nenas, xunto cos miles de mulleres que esixen ter dereito de decisión sobre os seus corpos e as súas vidas. Nas imaxes de onte víase a profunda decepción desas mulleres que levan meses reclamando publicamente ese dereito, que formaron unha verdadeira marea de pañoletas verdes. Dende AGAMME lanzamos un saúdo ás compañeiras arxentinas e un agradecemento polo exemplo ao mundo de que o movemento contra o patriarcado segue forte e traspasa fronteiras. A pañoletada verde non fixo máis que empezar. Seguimos adiante.

Contacto:

Agamme Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, nace co obxectivo de conseguir melloras na protección á infancia e a adolescencia e na defensa dos seus dereitos.
agammeferrol@gmail.com

http://www.agamme.org/

https://www.facebook.com/Agamme.org

https://twitter.com/_AGAMME

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
10 de agosto de 2018 17:35

_________________

xoves, agosto 09, 2018

AGAMME ante a reunion de Pedro Sánchez e a ministra de xustiza, Dolores Delgado, con Save The Children e o pianista James Rhodes - A Lei Integral Contra a Violencia cara á Infancia no horizonte


A situación de vulnerabilidade das crianzas, garda relación coa febleza e incipiencia do movemento na defensa dos Dereitos da Infancia. Un movemento que ten como reto a dificultade da autoorganización  do propio suxeito do movemento, as crianzas. É por iso que cada vez que unha iniciativa, por pequena que sexa, aparece no camiño como oportunidade para avanzar, non queda outra que parabenizarse.

Este é o caso do efecto que produciu, e mesmo que poida producir, a figura mediatica de James Rhodes, vítima de agresións sexuais continuadas na infancia, redactando unha carta e conseguindo unha entrevista co Presidente do Goberno e a Ministra de Xustiza Dolores Delgado, co acompañamento de Save The Children. Unha carta e entrevista que centrou por uns días o interese mediatico nun dos problemas máis agochados da nosa realidade, a violencia contra a Infancia, e o tabú de todos os tabús, o abuso sexual de menores e a resposta institucional ante estes delitos.

AGAMME, ante a posibilidade de que no mes de setembro comece unha iniciativa para a aprobación dunha Lei Integral Contra a Violencia cara á Infancia, quere manifestar:

1º Que a iniciativa debera recoller as propostas de asociacións e profesionais que levamos traballando neste campo, levando adiante iniciativas como a que conseguiu que se abrise unha investigación por parte da Comisión Europea, sobre a praxe xudicial no estado español en relación, entre outras, aos nenos, nenas e adolescentes vítimas de violencia sexual.

2º Que o goberno español debe comprometer enerxía e orzamentos, non só para promover e aprobar a lei, senón para desenvolvela e facela cumprir.

3º Que paralelamente á redacción e aprobación da lei, debe impulsar iniciativas que comecen a paliar os danos que a mala praxe xudicial infrinxe sobre as crianzas vítimas de violencia sexual e as súas familias, maiormente nais, froito da aplicación do SAP, inexistente Síndrome de Alienación Parental; aplicación da terapia da ameaza; falta de formación de funcionariado, operadores xudiciais e resto de profesionais que interveñen no proceso, ou a falta de medios (cámaras Gesell..) Trátase de comezar a aplicar, por exemplo, medidas como as que propón a UNICEF, publicadas no 2013, na “Guía de Boas Prácticas para a abordaxe de crianzas e adolescentes vítimas ou testemuñas de abuso sexual e outros delitos”

Desde AGAMME facemos un chamamento aos movementos sociais, e ás organizacións e redes de profesionais para que podamos converter esta oportunidade que se abre, nunha realidade de avance na defensa dos dereitos das crianzas.

Contacto:

Agamme Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, nace co obxectivo de conseguir melloras na protección á infancia e a adolescencia e na defensa dos seus dereitos.
agammeferrol@gmail.com

http://www.agamme.org/

https://www.facebook.com/Agamme.org

https://twitter.com/_AGAMME
____________

venres, maio 11, 2018

A eurodeputada galega Lídia Senra, estará hoxe venres 11 de maio en Ferrol, para presentar o libro, do cal é coordenadora: 'O feminismo, imprescindible para construír outra Europa' - Ás 19:30hs no Ateneo Ferrolán - Estará acompañada pola activista ferrolán Estrela Gómez Viñas, de Agamme


A eurodeputada galega Lídia Senra, estará hoxe venres 11 de maio en Ferrol, para presentar o libro, do cal é coordenadora: "O feminismo, imprescindible para construír outra Europa". A cita é ás 19:30hs no Ateneo Ferrolán.

O libro inclúe 15 artigos de diferentes autoras na defensa dos dereitos das mulleres e distribuirase de forma gratuíta en versión dixital e impresa.

Lídia Senra defende a necesidade de que as mulleres sigamos reuníndonos, reflexionando e encontrándonos en foros para que poida avanzar a loita pola igualdade e poder facerlle fronte aos machismos que continúan presentes na nosa sociedade.

Lídia Senra, estará acompañada pola activista ferrolán Estrela Gómez Viñas, de Agamme (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores).

Versión dixital completa do libro de 140 páxinas en formato pdf.. | Acceder/Baixar.

Sitio web da Eurodeputada:
http://ageuropa.gal/

Sitio Web de Agamme:
http://agamme.org/

Na foto: Sandra Pesqueira, Estrela Gómez e Lídia Senra, en marzo deste ano 2018, na presentación oficial do libro, na rolda de prensa de Compostela.


___________

Enlace relacionado:

Presentación en Ferrolterra do libro ‘O feminismo, imprescindible para construír outra Europa’, o venres 11 de maio, no Ateneo Ferrolán ás 19:30 horas, coa eurodeputada Lídia Senra e con Estrela Gómez Viñas, activista de Agamme - A eurodeputada galega chama a rebelarse contra o machismo que campa na xustiza, que castiga ás mulleres e que segue provocando dor e sufrimento.| Ir á Web.

___

martes, decembro 12, 2017

'O sistema de protección de menores de Galiza a análise', V Xornada Agamme: sábado 16 de decembro, no Ateneo Ferrolán, entre as 9:00 e as 14:00horas


V Xornada AGAMME
“O sistema de protección de menores de Galiza a análise"

Sábado 16 de novembro
no Ateneo Ferrolán,
Horario: entre as 9:00 e as 14:00 horas
Acto: Aberto ao público en xeral.
AGAMME, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores celebra a súa V Xornada sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia, baixo o título “o sistema de protección de menores de Galiza a análise”. O evento terá lugar o vindeiro sábado 16 no Ateneo Ferrolán, entre as 9:00h e as 14:00h, co obxectivo de poñer sobre a mesa a realidade dos nenos, nenas e adolescentes en situación de acollemento, nas súas distintas modalidades, e analizar cifras e lexislación actualizadas.

O primeiro relatorio correrá a cargo de Fernando Blanco Arce, avogado especialista en dereitos da infancia e membro do Observatorio para a Defensa dos Direitos e das Liberdades Esculca, que falará sobre a lexislación que establece os procementos e as características dos centros de menores. Expoñerá asimesmo a súa experiencia profesional como avogado da quenda de menores e como compoñente de Esculca.

A continuación tomará a palabra María José Alonso Abalde, Presidenta de AGAFEM, Asociación Galega de Acollemento da Familia Extensa do Menor. O seu relatorio versará sobre o traballo que a súa asociación vén realizando así como o punto de vista do colectivo respecto da forma en que se tramitan os acollementos de nenos, nenas e adolescentes en Galiza.

Pechará a rolda de relatorios Ana Mª Fernández Martínez, Doutora pola Universidade de Vigo dentro do programa “Menores en situación de desprotección e conflito social”. Presentará os datos e conclusións da súa tese doutoral a respecto do sistema de acollemento residencial en Galiza.

Á volta dun pequeno receso abrirase un debate no que as persoas relatoras e o público analizarán en común os temas que se trataron na mesa.

No mesmo acto presentarase tamén a exposiciónPlántalle cara ao abuso sexual. Rompamos o silencio”, un material didáctico orientado a alumnado de educación secundaria, para a prevención do abuso sexual, que a asociación poñerá a disposición daqueles centros que estean interesados.

Contacto:
agammeferrol@gmail.com
Estrela Gómez Viñas
Víctor M. López Casal

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com
11 de dezembro de 2017 13:30

__________________

mércores, outubro 18, 2017

Pronunciamento da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores Agamme, ao respecto do debate no Parlamento Galego da ILP para a probación dunha lei galega de custodia compartida - A asociación considera que a aprobación da lei supoñería un paso atrás na loita contra o maltrato infantil e contra a violencia de xénero

Foto de portada do informe "Ollos que non queren ver", publicado por
Save the Children o 20 Setembro de 2017 , feita por Alba Lajarín.
Agamme, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, posiciónase en contra da ILP que propón a aprobación dunha lei galega de custodia compartida.

Agamme dirixiuse aos grupos parlamentarios para manifestar a súa inquedanza pola apertura do debate sobre a custodia compartida como opción preferente e para manifestar que unha lei destas características supón un risco para os nenos e nenas que sofren maltrato no ámbito familiar e/ou violencia de xénero e un paso atrás nos dereitos da infancia e adolescencia.

A asociación considera que a lei poñería en situación de maior vulnerabilidade aos nenos e nenas que sofren violencia no ámbito da familia por dous motivos: en primeiro lugar porque segue a existir unha gran falla de medios que permitan investigar adecuadamente os delitos cometidos contra nenos e nenas, o cal se traduce en que a inmensa maioría das denuncias non cheguen nin sequera a xuízo. Neste sentido apuntan os datos do informe recentemente publicado por Save the ChildrenOjos que no quieren ver”, sobre o abuso sexual. Segundo a ONG o 70% das denuncias quedan en fase de instrucción. Nestas condición, considerar necesaria unha condena firme para evitar a custodia compartida é evidentemente un risco para moitos nenos e nenas con situacións reais de maltrato que o sistema xudicial non chega a enxuiciar. Outro tanto sucede en situación de violencia de xénero. O perigo secundario desta realidade é que as mulleres atoparán dificultades engadidas á hora de decidirse a dar o paso da denuncia, por temor a que os fillos e fillas se atopen a soas ante o agresor.

Deste xeito, a aprobación da lei supoñería un paso atrás na loita contra o maltrato infantil e contra a violencia de xénero.

Por outra banda, Agamme lembra que un dos principios fundamentais da Lei de Protección Xurídica do Menor, do ano 96’, é a consideración do neno ou nena como suxeito de dereito, como parte activa nos asuntos que lle competen. Aplicar a custodia compartida de maneira prioritaria é tirar por terra este principio. Non existe unha fórmula maxistral aplicable a todos os casos, o Comité de Dereitos do Neno e da Nena, de Nacións Unidas, aclara que o interese superior debe ser estudado en cada caso, cada neno e cada nena ten a súa propia idiosincrasia que debe ser analizada coidadosamente para o seu benestar. Ademais o Comité considera imprescindible que o neno ou nena poida participar no procedemento a través do cal se toman decisións sobre asuntos que lle competen. É dicir, o neno ou a nena debe ter a oportunidade de ser escoitado ou escoitada.

Polo tanto, a aprobación dunha lei de custodia compartida significaría ignorar o marco internacional de dereitos dos nenos e das nenas por negarlles o dereito a que se considere o seu particular interese superior e a ser parte do procedemento a través do dereito a ser escoitados ou escoitadas.

Agamme reunirase en breve cos grupos parlamentarios para deixar constancia dos seus argumentos e do seu interese en participar no debate, como entidade a prol dos dereitos da infancia e da adolescencia

No nome da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores - Agamme

Estrela Gómez Viñas e Víctor M. López Casal

agammeferrol@gmail.com
http://agamme.org/
Tamén no Twitter e no Facebook.

Informe "Os Ollos que non queren ver - Os abusos sexuais a nenos e nenas en España e os fallos do sistema" | Save the Children - En formato pdf, 160 páxinas - en español | Acceder/Baixar.

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
18 de outubro de 2017 12:09

__________

mércores, xuño 07, 2017

A europarlamentaria Lídia Senra apoia a loita por unha xustiza adaptada á infancia. | A eurodeputada impulsou unha xornada en Bruxelas sobre os dereitos dos e das menores de idade vítimas de abusos sexuais e maltrato - Colectivos especializados demandan que se cumpran as directrices do Consello de Europa sobre unha xustiza adaptada á infancia


A europarlamentaria galega Lídia Senra apoia a loita por unha xustiza adaptada á infancia. | A eurodeputada impulsou unha xornada en Bruxelas sobre os dereitos dos e das menores de idade vítimas de abusos sexuais e maltrato. | Colectivos especializados demandan que se cumpran as directrices do Consello de Europa sobre unha xustiza adaptada á infancia.


A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acolleu onte no Parlamento Europeo a xornada de traballo “Unha xustiza adaptada á infancia: A consideración da voz das vítimas menores de idade”, un encontro organizado en colaboración coa Asociación Galega contra o Maltrato a menores (AGAMME) e a Rede Internacional para os dereitos da infancia (Fight4 Child) e que contou coa presenza de persoas especializadas no tratamento de nenos e nenas que se ven inmersos en procesos xudiciais por casos de abusos sexuais e malos tratos.

Durante o encontro formuláronse unha serie de demandas que se presentarán proximamente ante UE co obxectivo de que sirvan de base para unha futura normativa comunitaria destinada a facer valer os dereitos dos menores nestes procesos a miúdo traumáticos debido a malas prácticas, falta de formación e nesgos machistas nos operadores xudiciais. No máis inmediato, estes colectivos pedirán que se cumpran as directrices aprobadas en 2010 polo Consello de Europa sobre unha xustiza adaptada á infancia, que sexan obrigatorias nos Estados membros e que se doten de orzamentos adecuados para poder facelas valer.

Apoiamos que prevaleza a crenza no testemuño dos nenos e nenas nos procesos xudiciais, que se respecte o seu dereito a ser debidamente escoitados e informados e que se aposte pola formación dos profesionais da xustiza para evitar, entre outros problemas, que se podan usar nas probas periciais enfermidades cientificamente cuestionadas, como o Síndrome de Alienación Parental (SAP) ou que se lle impoñan ao menor medidas coercitivas e contra a súa vontade que provocan unha dobre vitimización”, sinalou a eurodeputada durante o encontro, no que participaron Víctor Manuel López Casal, avogado e vogal da área xurídica de AGAMME, Sonia Vaccaro, psicóloga clínica e forensa e vicepresidenta de Fiht4 Child, Graciela Dora Jofré, xuíza de paz letrada de Villa Gesell, en Bos Aires, e María Elena Elverdin, presidenta da Federación Internacional de Mulleres de Carreiras Xurídicas.

Todos eles denunciaron a invisibilización dos abusos sexuais dentro da familia, o tratamento pouco axeitado que reciben os cativos e cativas ante unha xustiza penal e civil que os atende, na práctica, como “adultos en miniatura” ou “incapaces”, que non adapta a súa linguaxe á recollida de testemuños infantís e aos seus tempos ou que incide no risco de “denuncias falsas” malia que estas son “anecdóticas”. “Non pode ser que o mesmo psicólogo ou psicóloga avalíe do mesmo xeito a unha parella que se está divorciando, a un ancián ou a un menor que sufre abusos”, lamentou a vicepresidenta de Fight4 Child, Sonia Vaccaro, que insistiu na importancia da formación e o enfoque de xénero na recollida de testemuños infantís. “O abuso infantil é un delito con altos niveis de impunidade. Os delitos deste tipo acaban pechados nun 63% na fase de instrución”, apuntou o avogado Víctor Manuel López Casal.

Ademais, os participantes reclaman que as custodias compartidas e as restitucións internacionais non se apliquen cando haxa de por medio denuncias por abusos sexuais e maltrato. “Na práctica estase a considerar ao neno ou nena como cidadán de segunda categoría.O adulto colócase na posición do que sabe que é o mellor para o menor e iso leva a situacións que nunca se darían cun adulto”, criticou, pola súa parte, a xuíza arxentina Graciela Jofré. “Un pai violento nunca é un bo pai”, recalcou María Elena Elverdin, presidenta da Federación Internacional de Mulleres e Carreiras Xurídicas.

O documento co que Fight4 Child e AGAMME se dirixirán á UE demandará tamén a creación dun instituto de formación a nivel comunitario de xuíces, fiscais e demais operadores xudiciais baseado nun enfoque de xénero e que sirva para garantir que os profesionais que tratan os casos de abusos infantís teñan os coñecementos necesarios para levalos a termo respectando os dereitos do menor.

Lídia Senra destacou a importancia de concienciar á opinión pública sobre a protección da infancia ante estes procesos xudiciais, á espera dos resultados da investigación da Comisión Europea sobre a transposición deficiente por parte do Estado español das directivas da UE sobre nenos e nenas vítimas de violencia machista e abusos logo da denuncia de AGAMME ante a comisión de Peticións do Parlamento Europeo.

Bruxelas, 7 de xuño de 2017.

Fiht4 Child
http://www.fight4childprotection.org/en/home-en

Federación Internacional de Mulleres e Carreiras Xurídicas
http://fifcj-ifwlc.com/

Agamme
http://agamme.org/

Lídia Senra, eurodeputadagalega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/       | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
7 de junho de 2017 12:37

______________________ ______

luns, xuño 05, 2017

O 6 de xuño, no Parlamento Europeo, terá lugar unha xornada sobre como lograr unha xustiza adaptada ás necesidades da infancia - A eurodeputada Lídia Senra, do GUE/NGL, promove este evento, no que participará como relator o avogado galego de AGAMME - Elaborarase un documento de recomendacións e boas prácticas para que se respecten os dereitos das menores de idade vítimas de abusos


Este martes no Parlamento Europeo, xornada sobre como lograr unha xustiza adaptada ás necesidades da infancia. | A eurodeputada Lídia Senra, do GUE/NGL, promove este evento, no que participará como relator o ferrolán Víctor Manuel López Casal, avogado da asociación galega de AGAMME. | Elaborarase un documento de recomendacións e boas prácticas para que se respecten os dereitos das menores de idade vítimas de abusos.


Este martes, 6 de xuño, na Sala 1C051 do Parlamento Europeo en Bruxelas, terá lugar a xornada de traballo “Unha xustiza adaptada á infancia: A consideración da voz das vítimas menores de idade”. Promovido pola eurodeputada galega do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, o evento reunirá a varias persoas que aportarán información e debate sobre o necesario coidado dos nenos e nenas nos procedementos xudiciais e de accións específicas para evitar a súa dobre vitimización ou vitimización secundaria. Nese sentido, pártese de datos preocupantes como que só un 2% do abuso intrafamiliar a menores e o 6% do extrafamiliar é denunciado, e que nos casos que chegan a procesos xudiciais non se salvagardan todo o que se debería os dereitos dos nenos e nenas nin se lles dá unha atención axeitada.

O evento incluirá entre as 13:15 e as 15:30 horas varios relatorios. Entre eles, o dun galego: Víctor Manuel López Casal, avogado e vogal da área xurídica de AGAMME (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores), baixo o título “A testemuña dos nenos, nenas e adolescentes como proba de cargo no delito de abuso sexual”.

Tamén participará Sonia Vaccaro, psicóloga clínica e forense, experta en vitimoloxía e violencia baseada no xénero de vicepresidenta daRede Internacional para os dereitos da infancia Fight4 Child, que realizará unha exposición sobre “A voz das vítimas infantís na xustiza: Escóitase á infancia?”. Graciela Dora Jofré, xuíza de Paz Letrada de Villa Gesell, en Bos Aires, falará sobre “As nenas e os nenos na Xustiza”; Clara Sottomayor, xuíza do Tribunal Constitucional portugués abordará “A protección das crianzas vítimas de abuso sexual nos procesos de regulación das responsabilidades parentais”; Esther Susin Carrasco, avogada e coordinadora do Departamento Internacional de Dones Juristas e integrante da Federación Internacional de Mulleres de Carreiras Xurídicas (FIMCJ), intervirá sobre “Dereito da participación de nenas, nenos e adolescentes nos procedementos que lles incumben”; e María Elena Elverdin, presidenta da Federación Internacional de Mulleres de Carreiras Xurídicas, relatará as “Aportacións desde a FIMCJ das conclusións do seu Simposio anual”. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, levarase a cabo un debate de propostas e entre as 17:30 e as 18:30 horas elaborarase o documento final de conclusións da xornada, que incluirá unha serie de recomendacións e boas prácticas orientadas a lograr unha xustiza adaptada e dirixida á infancia, para que Europa poida ser un lugar onde as persoas menores de idade sexan respectadas.

Con este evento, preténdese poñer sobre a mesa, unha vez máis, situacións que se viven nos xuízos con menores nos que se parte da “idea errónea” de considerar ao neno ou nena como “adultos en miniatura”, empregando unha linguaxe pouco axeitada para a súa etapa evolutiva, a confusión para interpretar o discurso e o descoñecemento de quen entrevista á hora de orientar o diálogo para a testemuña. Denuncian que os xulgados non teñen espazos adaptados para os nenos e as nenas vítimas e que os profesionais da xustiza non son expertos en psicoloxía infantil e por iso cometen erros no trato con menores. “Co funcionamento actual da xustiza, coa premisa de imparcialidade e coa prevalencia dos dereitos dos adultos, non se acadará que os nenos e as nenas obteñan unha xustiza xusta”, defenden. Así, chaman a que no marco das Directrices sobre a xustiza adaptada á infancia, elaboradas polo Consello de Europa no 2010, se cumpran as premisas máis importantes das crianzas, que son: Dereitos a ser escoitadas, a ser informadas, a ser protexidas, a non ser discriminadas e a un trato digno e respectuoso.

Con esta xornada de traballo, o GUE/NGL dá un paso máis na defensa dos dereitos da infancia ante procesos xudiciais, á espera tamén de como conclúe a investigación que abriu a Comisión Europea, tras detectar que o Estado español pode estar a vulnerar as directivas da UE sobre nenos e nenas vítimas de violencia machista e abusos, a raíz dunha petición rexistrada precisamente por AGAMME. Ademais, xa no 2015, Lídia Senra e Ángela Vallina colaboraron desde o GUE/NGL para organizar unha xornada que se desenvolvera no Parlamento Europeo e na que se abordara o Síndrome de Alienación Parental.

Bruxelas, 5 de xuño de 2017.

Lídia Senra, eurodeputadagalega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/       | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
5 de junho de 2017 16:57

______________________

sábado, xuño 11, 2016

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo acepta a trámite a demanda presentada contra o Estado español por incumprimento das directivas europeas en material de vítimas de violencia de xénero e menores de idades

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo acepta a trámite a demanda presentada contra o Estado español por incumprimento das directivas europeas en material de vítimas de violencia de xénero e menores de idades

A demanda, promovida por AGAMME (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores), a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo e o Grupo de Investigación Antígona da Universidade Autónoma de Barcelona, denuncia unha praxe xudicial asentada que non se axusta aos estándares europeos de atención a vítimas de especial protección, como son as de violencia de xénero e de maltrato infantil e, facendo mención aparte, as vítimas de violencia sexual menores de idade.

O texto céntrase na vulneración de dereitos fundamentais sufrida por este tipo de vítimas nos procedementos xudiciais e presenta unha serie de peticións tendentes a axustar o marco normativo español, coa fin de concretar certos aspectos como son o grao de especialización que deben ter os profesionais que atenden ás vítimas durante o procedemento, o establecemento duns prazos de intervención que faciliten a recollida da proba, a protección do dereito do neno e da nena a ser escoitados eliminando a muletilla “que tenga madurez” presente na normativa española como elemento que limita o acceso a este dereito, medidas de protección efectiva das vítimas respecto do seu vitimario durante a investigación e durante o xuízo oral, recollida de datos estatísticos incluídos os referidos a nenos e nenas vítimas de maltrato infantil ou violencia de xénero, etc.

O obxectivo da demanda é lograr unha maior adaptación da xustiza aos delitos relacionados co maltrato infantil e a violencia de xénero, de tal maneira que se facilite o seu enxuizamento, partindo de que nunha porcentaxe elevada se trata de delitos que só poderán ser probados a través da proba testifical da propia vítima. É ese o motivo de que se conceda tanto espazo ás condicións nas que se debe realizar a recollida do testemuño, así como as medidas de protección que debe recibir a vítima antes e durante a realización da proba.

Por último, a demanda adica un espazo a solicitar a erradicación de prácticas non científicas que producen desprotección nas vítimas deste tipo de delitos. Así pois, o texto denuncia a xeralización da aplicación dunha teoría sen recoñecemento científico dentro do sistema xudicial español: a denominada suposta síndrome de alienación parental (sSAP) e o seu complemento “terapéutico”, a terapia da ameaza.

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo non só admite a trámite a demanda, senón que atopa datos suficientes como para entender que é precisa unha intervención, polo que solicita á Comisión Europea a apertura dunha investigación sobre a base da información aportada, ao mesmo tempo que remite a petición cara a Comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Asuntos de Interior e a Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero.

Desde AGAMME agradecemos a difusión desta nota de prensa. Se precisan máis datos ou materiais para completar a información pódeno solicitar neste correo:
agammeferrol@gmail.com.

--
http://www.agamme.org/

https://www.facebook.com/Agamme.org

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
8 de junho de 2016 21:15

_____________

venres, abril 08, 2016

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (Agamme) celebra a IV Xornada sobre o maltrato á infancia e á adolescencia, o venres 15 de Abril no Ateneo Ferrolán


AGAMME celebra a IV Xornada sobre o maltrato á infancia e á adolescencia


A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) organiza as súas IV Xornadas sobre o maltrato á infancia e á adolescencia nas que se darán cita unha serie de relatores e relatoras especializadas no novo marco normativo en relación á infancia, cunha análise do seu impacto sobre os dereitos das vítimas menores de idade. O acto terá lugar o venres 15 de abril ás 17:00 horas no Ateneo Ferrolán (R/ Magdalena, 202-204).

A xornada de AGAMME, organizada en colaboración co Ateneo Ferrolán e o Concello de Ferrol, dará comezo ás cinco da tarde cunha presentación por parte dun membro da asociación do marco xeral no cal se encadran os relatorios. A primeira intervención terá lugar ás 17:15 co relatorio de Sonia Vaccaro, psicóloga experta en vitimoloxía e avaliación do testemuño infantil e autora de influentes libros como El pretendido síndrome de alienación parental e artigos como o recente Violencia vicaria: "Los hijos y las hijas víctimas de la violencia contra sus madres".

Ás 18:15 tocaralle a quenda a José Antonio Ramos Vázquez, profesor de dereito penal da Universidade da Coruña, investigador das modificacións do Código Penal en materia de violencia sexual contra os menores de idade.

Logo dunha pausa de 15 minutos terá lugar a terceira e última das intervencións, a partir das 19:30, a cargo de Felisa Balboa, psicóloga clínica que nos falará da súa experiencia como traballadora do Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller do Concello de Vigo.

Desde AGAMME agradecemos a difusión desta información. Adxuntamos tamén o cartel das Xornadas con toda a información e horarios. Para máis información no enderezo agammeferrol@gmail.com.

--
Contacto:

agammeferrol@gmail.com

http://www.agamme.org/

https://www.facebook.com/Agamme.org

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
6 de abril de 2016 15:43
____________

martes, marzo 29, 2016

Condena da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores á actuación dun xulgado de Cartagena que entregou, por vía de urxencia, a custodia dunha nena de catro anos a seu pai, contra o que permanece aberto un procedemento por abusos sexuais cara á pequena


AGAMME (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores) condena a actuación dun xulgado de primeira instancia de Cartagena que entregou a custodia dunha nena de catro anos a seu pai, contra o que permanece aberto un procedemento por abusos sexuais cara á pequena.

O xulgado actuou con urxencia na retirada da custodia á nai da nena, facendo referencia a un suposto trastorno de personalidade. Ao respecto, AGAMME quere deixar constancia da irregular actuación do xulgado, pois ningunha avaliación de saúde mental concluíu que a muller padeza trastorno algún e no procedemento non participou ningún profesional de saúde mental.

AGAMME destaca a gravidade da decisión xudicial, contradicindo o indicado polo xulgado de instrución respecto á necesidade de protexer a indemnidade sexual da nena. Non só non se protexeu á pequena senón que foi entregada baixo o coidado único do seu presunto agresor.

Obsérvase no comportamento do xulgado, así como dos-as profesionais que informaron no procedemento, un posible sesgo xenófobo ao pretender aplicar o concepto ideolóxico e non científico da suposta síndrome de Ulises, dada a procedencia peruana da nai da nena.

AGAMME denuncia que esta forma de operar do sistema xudicial ante os abusos incestuosos cometidos por proxenitores non é unha excepción, senón máis ben un patrón. Este é un caso máis no cal a aplicación da terapia da ameaza (como parte da suposta síndrome de alienación parental, sap) empurrou ao sistema a producir sobre a xa danada vítima unha ferida engadida, a da vitimización institucional.

AGAMME solicita a participación de todos os organismos públicos competentes e as organizacións de dereitos de infancia e de dereitos da muller a promover a redacción dunha declaración institucional como punto de partida para a erradicación desta práctica e permitir o acceso efectivo á xustiza ás vítimas de abusos incestuosos a mans dos seus proxenitores.

Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME)
agammeferrol@gmail.com

http://www.agamme.org/

https://www.facebook.com/Agamme.org

Foto: sede dos xulgados de Cartagena (Murcia).

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
28 de março de 2016 16:0
8

______________

xoves, marzo 17, 2016

Refuxiandonos para ser e entender - A condición humana en perigo: unha sociedade enferma?, ... Por Xavier Ron


Por Xavier Ron [*]
17.03.2016

REFUXIÁNDONOS PARA SER E ENTENDER.

A condición humana en perigo: unha sociedade enferma?

0. A cor do ceo xúntase coa do mar ao chegar á illa grega de Lesbos. Un azul que debera tinguir de esperanza o horizonte dos centos e centos de persoas que se vén na obriga de chegar a Europa arriscando a súa vida no mar. Unha illa que deu lugar aos versos máis fermosos da poeta Safo, evocando que o amor non coñece fronteiras e que se ergue por riba mesmo das convencións e das normas absurdas que impón o medo corrector.

1. Desde que as Torres Xemelgas caeran coma un pesadelo sobre o corazón do imperio do capitalismo, todo mudou. Ese medo corrector impúxose coma un pensamento único. Percorreu as vontades do mundo dominante e asulagouno todo co virus da adhesión irreflexiva das xentes, que aceptaron a cambio dunha falaz seguridade renunciar ao valor da liberdade. Liberdade de pensamento. Liberdade para camiñar, ir e voltar. Liberdade para decidir. Só o capital, e aquilo que produce rendibilidade, era e é autorizado a traspasar fronteiras.

2. Mentres, imponse de forma definitiva ese abafo conceptual que nos somerxe baixo o imperio da vixilancia máis absoluta, como describe moi ben Ramonet na súa recente publicación. O máis triste é que nesa pendente que leva directa ao baleiro da condición humana, as persoas aceptan desintegrarse na rede invisible que tece esa vixilancia a través dos sofisticados medios introducidos nas proclamadas redes sociais. A doutrina neoliberal é hexemónica, moi lonxe da agonía que todos desexamos, e somete ao ser neoliberal a unha serie de valores grazas a un mecanismo de ‘persuasión’ que combina alienación (Marx), autoexplotación (Byung Chul-Han) e adhesión afectiva (Hunyandi).

3. Nunca houbo tanta información e, ao mesmo tempo, tanta indiferenza. Gramsci non soportaba a indiferenza: sabía perfectamente que foi o medio escollido pola ideoloxías nazi, fascista e franquista para acomodarse nas institucións e retorcer as leis ao seu libre albedrío.

4. Día tras día esta sociedade do espectáculo e do relato, verdadeiros iconos do posmodernismo máis perigoso, asiste ao padecemento de milleiros e milleiros de persoas. Un padecemento que, en primeira instancia, responde a múltiples causas, moitas delas emparentadas coa acción das potencias occidentais en África e Oriente Medio. Unha verdadeira irresponsabilidade alí….e aquí, hoxe e agora, cando a illa de Lesbos, paradigma do que soporta Grecia, se converte nunha especie de sartego de esperanzas.

5. De forma imparable, as advertencias que lanzamos durante estes anos sobre a perigosa deriva de Europa convertéronse nunha dura realidade. As consecuencias máis tráxicas, posiblemente, aínda estean por chegar e asomarse á fiestra da distanciada e indiferente sociedade europea.

6. Cantas persoas se lanzaron a rúa para protestar enerxicamente contra a Lei de Estranxeiría, contra a Directiva da Vergoña, contra a existencia dos CIE’s, e hoxe contra a existencia das deportacións exprés, dos voos de deportación e das devolucións en quente?

7. As formas de proceder contra as persoas migrantes. A elaboración e aplicación de normativas racistas, que relegan a unha especie de limbo e non-dereito, un estado de sitio permanente ás persoas migrantes, unido a unha absoluta falta de escrúpulos dos medios de comunicación de masa, inocularon un imaxinario delictivo, estereotipado, estigmatizado e segregador. O imaxinario que explica a distancia existente hoxe con respecto ás persoas refuxiadas, tal como sinalaremos máis adiante.

8. Cando se fala de Europa e dos seus valores…a cales debemos referirnos? A que tradición, cando no esencial os diferentes estados membros viven de costas uns aos outros? Cando só asistimos a marcos de imposición “negociada” de tipo mercantil, económico ou financieiro? Onde eses mesmos marcos son aplicados aos procesos sociais e humanos? Realmente aprendimos algo do acontecido en Europa durante o século XX? Ou, tal como demostran os acontecementos hoxe, permaneceron durmidos e latentes os instintos que permitiron a existencia dos fascismos do século XX?

9. E non pode ser casual o novo enfoque militar da OTAN que dispón dunha poderosa frota no mar Exeo composta de 5 fragatas e entre 10 e 15 navíos. O obxectivo sendo “loitar contra os fluxos migratorios”. Do mesmo xeito que asistimos á mudanza da Operación Mare Nostrum, que incluía salvamento, pola Operación Tritón, da Frontex, que só implica control e vixilancia. A OTAN declara inimigos ás persoas migrantes que escapan da violencia de todo tipo, principalmente da guerra en Siria.

10. O negocio militar produce mortes. En realidade, son asasinatos premeditados, xa que é sabido que o establecemento de procedementos máis restritivos no perímetro europeo significa idear estratexias máis arriscadas para escapar do inferno e chegar ao desexado refuxio europeo. E non pode producir máis noxo que escoitar a Donald Tusk, presidente do Consello Europeo, dicir que Europa debe ser menos atractiva para que as persoas migrantes non veñan. De aí o emprego da OTAN: quere ser un mecanismo de disuasión, mais só provocará máis mortes, máis asasinatos.

11. Por iso, anoxa ver a resposta da Unión Europea ás necesidades existenciais das persoas migrantes e refuxiadas. Non é só esta resposta militar. Tampouco o desexo de seguir afortalando o perímetro da Europa-fortaleza, tal como sucede todos os días no valo de Ceuta-Melilla. É o desexo de destruír todo vestixio de humanidade na construción de Europa. A sucesión dos acontecementos é terrible: estados-membros que deciden pechar fronteiras e violar con total impunidade os dereitos humanos (Austria, Macedonia, Hungría, Polonia). Un perigoso nacionalismo con improntas racistas e mesmo rememorativas do pasado nazi asoma e faise forte. O efecto colateral é que os partidos políticos que se denominan ‘democráticos’, por medo ao ascenso desta extrema dereita, adoptan un comportamento tamén racista e introducen normativas anti-persoas. Unha UE incapaz, por desexo propio, de ser hospitalaria, de respectar as convencións asinadas e ratificadas. E isto exprésase co aldraxante tratado “comercial” que a UE desexa establecer con Turquía para que este país, a cambio de 6.000 millóns de euros, reciba a deportación masiva de persoas migrantes e refuxiadas chegadas a Grecia. Preténdese legalizar un enorme secuestro, o da condición humana: e iso non o podemos permitir. Nesta ceremonia caníbal perde a DEMOCRACIA, perden OS DEREITOS HUMANOS, perden as PERSOAS.

12. E isto sucede, en realidade, sen que os distintos acontecementos esnaquicen de forma penetrante a epiderme de indiferenza en que vive a sociedade española e galega. En datas recentes coñecíamos os resultados da enquisa do CIS de febreiro con respecto ás preocupacións que ten a sociedade e nela hai, con respecto ao tema que convoca estas liñas, un inciso valorativo que produce unha certa tristura. Dáse un 0% de valoración no tocante a quen vé como un problema a situación dos refuxiados. Esta alarmante porcentaxe únese á do 0% con respecto ao racismo na sociedade española e a un escasísimo 0,1% que considera un problema as guerras existentes hoxe. Deshumanización. Individualismo esaxerado que impide ver a implicación e repercusión colectiva.

Publicado no sitio de AGAMME - Asociación galega contra o maltrato a menores. | 15.03.2016

[*] Xabier Ron Fernández, nado en Lión o 16 de Febreiro de 1969, profesor de lingua francesa. Activista, membro do Foro Galego de Inmigración. Elixido deputado do Parlamento de Galicia nas autonómicas de 2012 por Alternativa Galega de Esquerda. Membro da Dirección Nacional de Esquerda Unida.

jose.javier.ron.fernandez@parlamentodegalicia.gal





Nota.- Cartaz anunciado a Manifestación convocada para este sábado 19 de Marzo en Ferrol, ás 7 da tarde na Praza Amada Garcia (Diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia).

+ Info en:
http://artabra21.blogspot.com.es/2016/03/convocatoria-urxente-en-apoio-as.html

________________

venres, decembro 04, 2015

Desde a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) valoran positivamente os últimos acordos do Parlamento Galego en materia de atención á infancia ao tempo que sinalan eivas que aínda non foron subsanadas


ASOCIACIÓN GALEGA CONTRA O MALTRATO A MENORES (AGAMME) VALORA POSITIVAMENTE O ACORDO ADOPTADO POLO PARLAMENTO GALEGO EN MATERIA DE ATENCIÓN Á INFANCIA MALTRATADA AO TEMPO QUE SINALA RETOS PENDENTES


O pasado martes 1 de decembro  o conxunto dos grupos parlamentarios galegos adoptaron un acordo respecto das medidas que a Xunta de Galicia deberá levar a cabo para cubrir as amplas lagoas existentes a día de hoxe na atención ás vítimas menores de idade por parte da administración.

O texto, que AGAMME espera sexa o punto de partida dunha nova perspectiva por parte do goberno galego na organización dos servizos destinados a atender a nenos, nenas e adolescentes vítimas, inclúe os seguintes puntos:

Considerar dentro do actual sistema de protección á infancia a todas as vítimas menores de idade aínda que non se atopen en situación de desamparo.

Garantir que todos os nenos, nenas e adolescentes teñan a consideración de vítimas de violencia machista cando as súas nais o sexan.

Aprobar un protocolo de coordinación interinstitucional de obrigado cumprimento, en colaboración coas demais administracións, que deberá garantir o carácter científico de todas as medidas e actuacións, priorizar o interese superior da persoa menor de idade, asegurar a especialización dos e das profesionais que interveñen na atención a vítimas menores de idade, garantir a coordinación multisectorial, asegurar que os servizos de atención á infancia maltratada sexan públicos.

Impulsar a creación dunha quenda de oficio de avogacía especializada en atención ao maltrato infantil.
Promover a investigación e o debate científico nas universidades galegas en materia de maltrato infantil (etioloxía, estatística, socioloxía, criminalística, avaliación, tratamento, repercusións na saúde,…)

Demandar ao Goberno do Estado que garanta que todos os nenos, nenas e adolescentes teñan a consideración de vítimas de violencia machista cando as súas nais o sexan.

A próxima lexislatura pode ser, polo tanto, crucial para que o acordo se cumpra de maneira plena, o cal implicará esforzos orzamentarios e organizativos importantes.

Porén, e a pesar do balance positivo, quedan no tinteiro algunhas cuestións sobre as que non podemos deixar de chamar a atención.

Un dos grandes problemas que deben enfrentar os nenos, nenas e adolescentes na actualidade é a obstaculización do seu acceso á xustiza  debido a clixés que actúan de maneira pexorativa sobre a súa credibilidade. A asociación constata, tanto a través do seu traballo diario como na colaboración con outras entidades, a pervivencia de métodos non científicos na avaliación do testemuño de vítimas menores de idade e na toma de decisións polos órganos xurisdicionais. É o que se coñece como síndrome de alienación parental, “a única enfermidade mental -ironiza unha coñecida experta na materia- que se dá únicamente no ámbito xudicial e que se cura por orde dun xuíz”. Segundo os seus ideólogos, a suposta síndrome só atopa a súa cura a través da terapia da ameaza, para cuxa materialización os nenos e as nenas deberán ser sometidos a coaccións e ameazas reiteradas, moitas das cales se cumpren, a través de terapeutas, xuices e forzas da orde. O obxectivo de todo este aparato é lograr que desapareza o rexeitamento do neno, nena ou adolescente cara a persoa a quen acusa de terlle causado o maltrato. A pesares do intento dalgúns dos grupos da oposición, este punto non puido ser aprobado no pleno do Parlamento Galego.

O outro asunto crucial que o pleno tampouco chegou a consensuar é o que atinxe á necesidade de remodelar os equipos de avaliación forense e os equipos psicosociais, pois na actualidade non existen na administración galega equipos específicos de atención a nenos, nenas e adolescentes vítimas. Como ben é sabido, na xustiza a constitución da proba é un asunto fundamental. O testemuño infantil só é posible recollelo e avalialo se se posúe formación, estratexias e experiencia na materia, e así o manifesta Nacións Unidas a través da súa Observación Xeral nº 12 do Comité de Dereitos do Neno e da Nena. É polo tanto unha carencia imperdoable que está a supoñer que unha boa parte dos delitos cometidos contra menores de idade e cuxa única proba posible é o testemuño do propio neno ou nena están a quedar sen posibilidade de enxuizamento.

Por outra banda, AGAMME vén reclamando á administración que os equipos están dotados de maneira insuficiente, o cal se traduce en tempos de espera prolongados durante os cales as vítimas menores de idade adoitan permanecer sen medida de protección. Ademais, o paso do tempo dificulta ás vítimas a recuperación de detalles contextuais concretos que logo lles son exixidos para dar por bo o seu relato. É dicir, que se remata por achacar á vítima o defecto que o propio sistema fabricou.

Están en xogo dereitos fundamentais, tales como o dereito a tutela xudicial efectiva, o dereito a non recibir trato denigrante ou o dereito dos nenos, nenas e adolescentes a seren escoitadas. Polo tanto, este é só un paso. É preciso un traballo de fondo que teña como obxectivo unha xustiza cualificada neste eido e unha administración sensible cara ás necesidades das vítimas menores de idade. É o primeiro paso cara un cambio de paradigma na consideración das persoas menores de idade como suxeitos de dereitos por parte da sociedade no seu conxunto e especialmente naqueles sectores que teñen responsabilidades na toma de decisións respecto da vida dos nenos, nenas e adolescentes do noso país.

--
http://www.agamme.org/

https://www.facebook.com/Agamme.org


 

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
4 de dezembro de 2015 10:47

_______________