Amosando publicacións coa etiqueta EU-IU. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta EU-IU. Amosar todas as publicacións

sábado, agosto 13, 2011

O Grupo Municipal de Esquerda Unida: “hai que cumprir e facer cumprir as disposicións en materia de normalización lingüística aprobadas por todas as Corporacións democráticas até agora”

INFORMACIÓNS DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA

Ferrol, venres 12 de agosto de 2011
  • O GRUPO MUNICIPAL DE EU RECLAMA DO VOCEIRO DO PP QUE SE AXUSTE Á LEGALIDADE NA DEFENSA DO GALEGO
  • HAI QUE CUMPRIR E FACER CUMPRIR AS DISPOSICIÓNS EN MATERIA DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA APROBADAS POR TODAS AS CORPORACIÓNS DEMOCRÁTICAS ATÉ AGORA, SUBLIÑA YOLANDA DÍAZ

O Grupo Municipal de Esquerda Unida quere saír ao paso das posicións verquidas polo Voceiro do PP no Goberno Municipal, no que avanzou a súa defensa dos postulados máis contrarios ao proceso de normalización lingüística do galego, asumindo os postulados que buscan afogar a cultura galega e o noso idioma.

Yolanda Díaz, Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida subliñou que “hai que cumprir e facer cumprir as disposicións en materia de normalización lingüística aprobadas por todas as Corporacións democráticas até agora”. Normas que van dende a ordenanza de normalización lingüística até ao Plan de Normalización da nosa lingua, que busca espallar por todos os relanzos da vida social ferrolá, e que constitúen no eido local a plasmación do consenso democrático e das normas aprobadas no Parlamento Galego dende a fin da ditadura franquista. Neste eido, Yolanda Díaz salientou o traballo desenvolvido polas Comisións de traballo do Consello Municipal da Lingua no tempo en que se puxeron en marcha baixo o impulso de Javier Galán, insistindo no valor da súa continuidade e extensión.

Para Esquerda Unida se non se quere defender a lingua e cultura galegas hai que cambiar toda a lexislación; do contrario estamos a despeñarnos polos carreiros antidemocráticos, que son os únicos nos que periga o galego. So durante os reximes ditatoriais, en particular durante o franquismo, se atacou ao galego. O noso Grupo reclama do PP que non se sume aos coros interesados da ultradereita que tenta rachar consensos democráticos e construír unha guerra cultural na que somentes vai sufrir a nosa lingua e cultura.

Esquerda Unida fai un chamado ao Goberno para que amose con feitos o seu compromiso co galego, cun orzamento axeitado ás necesidades do proceso normalizador cara o orzamento de 2012, e co pulo ás comisión de traballo do Consello Municipal da Lingua seguindo o regueiro de traballo posto en marcha por Javier Galán.

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
12 de agosto de 2011 17:04


Ola !
Remitimos un Informacións do Grupo Municipal de EU Ferrol, no que reclamamos do Goberno Municipal o cumprimento da normativa de promoción ao galego vixente. Saúdos, Ramiro Marier
________________

martes, xaneiro 18, 2011

Esquerda Unida denuncia falla de programación das actividades extraescolares nos centros de Ferrol

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA DO GOBERNO MUNICIPAL QUE GARANTA UNHA EFECTIVA E REAL PROGRAMACIÓN DAS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES NOS COLEXIOS PÚBLICOS DA CIDADE.

AS NENAS E NENOS DE FERROL E AS SÚAS FAMILIAS NON MERECEN A INACCIÓN E MALFACER DA CONCELLERÍA DE EDUCACIÓN QUE OS PRIVA DELAS, SUBLIÑA SARI ALABAU.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida quere denunciar a situación que están a sufrir as nenas e nenos dos colexios públicos da cidade, e as súas familias, perante a situación creada - sen visos de arranxo - acerca da falla de programación das actividades extraescolares nos centros escolares. Nos colexios públicos da cidade toda a información que teñen as familias e que non hai data de comezo das actividades extraescolares. Todo isto cando estamos en xaneiro, superado o primeiro trimestre académico.

Temos que criticar con dureza que nun tema da meirande importancia a concellería desminta os seus compromisos públicos acerca da posta en funcionamento da programación das actividades extraescolares:a finais de setembro a concelleira de educación indicaba que xunto as actividades doutros anos se engadirían outras novas, caso de acordeón, artes plásticas ou fotografía. A penosa realidade actual é que non hai actividades extraescolares nos colexios públicos da cidade e que esta situación non ten data de resolución.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida demanda da concellería de educación que poña remate o seu malfacer e faga efectivos os compromisos para desta maneira garantir que a partires de febreiro haxa unha programación de actividades extraescolares financiada con cartos municipais nos centros públicos.

As nenas e nenos de Ferrol e as súas familias non merecen a inacción e malfacer da concellería de educación, subliña Sari Alabau, membro da Comisión de Educación do concello.

Esquerda Unida considera indispensable proceder a arranxar esta situación de parálise e deixación de responsabilidades na prestación dun servizo complementario no eido educativo de primeira importancia para as familias e as súas crianzas. Estas actividades forman parte dunha concepción integral da educación e supoñen unha achega decisiva para acercar os centros o seu entorno. Non caben máis atrasos, cómpre unha acción rápida e dilixente para que sexan unha realidade de

Ferrol, 18 de xaneiro de 2011

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/



Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
18 de janeiro de 2011 14:37
Prezadas/os amigas/os: achegamos un Informacións do Grupo Municipal onde reclamamos que a concellería de educación poña en marcha o programa de actividades extraescolares que lamentablemente leva máis dun trimestre de atraso. Saúdos, Ramiro Marier
_______________

martes, decembro 14, 2010

Esquerda Unida reuneu-se coa asociación veciñal de Canido, para escoitar as súas demandas

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA UNHA DOTACIÓN NO VINDEIRO ORZAMENTO PARA FACER REALIDADE O LOCAL SOCIAL PARA O BARRIO DE CANIDO
ESQUERDA UNIDA CONSIDERA NECESARIO DOTAR A CANIDO DO EQUIPAMENTO DUN COMEDOR SOCIAL PARA ATENDER A CRECENTE DEMANDA DA VECIÑANZA

O Grupo Municipal de Esquerda Unida comprometeu o seu apoio, diante da directiva veciñal de Canido, para facer realidade o local social para o barrio. Yolanda Díaz, Javier Galán e Sari Alabau amosaron o seu respaldo a esta vella demanda veciñal, e afirmaron a vontade de EU de facer valer esta demanda na negociación dos orzamentos para 2011, de xeito que sexa unha das condicións necesarias para que EU faga seus os vindeiros orzamentos.

Doutra banda, a nosa organización fixo un repaso das necesidades do barrio e anotou a existencia dun amplo grao de acordo coa asociación veciñal e manifestou a nosa plena vontade de traballar para superar as eivas e necesidades que aínda ten o barrio histórico de Canido.

Esquerda Unida lembrou con ocasión desta visita a nosa proposta de facer realidade o museo da cidade e radicalo no barrio de Canido, no inmoble coñecido como chalet de Canido, onde se radicaba a empresa Fenya, e que foi obra de Rodolfo Ucha, marcando o tránsito do modernismo ao eclecticismo. Estamos certos que a consecución deste equipamento contribuirá a dinamizar a vida do barrio, sendo ademáis un equipamento cultural que encherá un baleiro histórico até o de agora.

Outra das reivindicacións que Esquerda Unida asume é a da dotación dun comedor social para os residentes do barrio que así o precisen. Os comedores sociais hoxendía constitúense como un dos recursos en benestar social que os barrios teñen a necesidade de posuír para atender a súa veciñanza.

O Grupo Municipal compartiu as inquedanzas da asociación en relación coa necesidade da disciplina urbanística por canto hai toda unha serie de inmobles en moi malas condicións e que precisan de intervencións e da atención e seguimento dende a concellería de urbanismo.

A necesidade de mellorar a seguridade nun barrio que conta con varias instalacións escolares ou a necesidade de rematar a traza do alcantarillado foron outras das demandas veciñais, que Esquerda Unida vai desenvolver no seu traballo cotián nas diferentes comisións informativas do concello.

COMUNICADO DE PRENSA DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA
Ferrol, martes 14 de decembro de 2010

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
14 de dezembro de 2010 16:00
Prezadas/os amigas/os: achegamos un Informacións do Grupo Municipal encol das nosas propostas para o barrio trala reunión mantida coa asociación veciñal de Canido. Grazas pola vosa atención. Saúdos, Ramiro Marier.
_________________

martes, outubro 26, 2010

A denuncia do Comité Cidadán contra Reganosa na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo segue aberta

Comunicado do Consello Comarcal de Esquerda Unida sobre Reganosa

ESQUERDA UNIDA AMOSA A SÚA SATISFACCIÓN POLA DECISIÓN DA COMISIÓN DE PETICIÓNS DO PARLAMENTO EUROPEO DE MANTER ABERTO O CASO DA PLANTA DE GAS DE REGANOSA

A INTERVENCIÓN DO NOSO GRUPO PARLAMENTAR EUROPEO AMOSOUSE DECISIVA PARA MANTER ABERTA A CAUSA DA RAZÓN E DA XUSTIZA, O NON Á PLANTA DE GAS

ESQUERDA UNIDA QUERE AGRADECER E SALIENTAR A ESTREITA COLABORACIÓN DO COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA Á HORA DE SUMAR ESFORZOS PARA CONVENCER Á COMISIÓN DE PETICIÓNS

Nunha primeira valoración de urxencia o Consello comarcal de Esquerda Unida felicítase polo resultado do debate celebrado no Comité de Peticións do Parlamento Europeo, onte día 25, de resultas do cal o caso da planta de gas de Reganosa e o seu emprazamento queda aberto. Desbótase polo tanto o arquivo do caso, arelado polos intereses empresariais e as connivencias políticas que obsecuentemente aceptan unha instalación ilegal e perigosa, que suma xa tres sentenzas dos tribunais contrarias.

A nosa organización destaca o traballo desenvolvido polo noso Grupo Parlamentar europeo para defender e sumar apoios de cara ao mantemento do caso na instancia europea. O eurodeputado de Esquerda Unida, Willy Meyer, realizou outra vez un bo traballo en defensa dos intereses da cidadanía de Ferrolterra, que suma outra esperanza na súa loita cidadá a prol da legalidade e da seguridade, en suma da xustiza.

Cómpre salientar e agradecer a colaboración, que sempre resulta fundamental para facer avanzar a causa da xustiza e da legalidade no que atinxe á planta de gas, do Comité Cidadán de Emerxencia, que achegou traballo e argumentos a prol da decisión finalmente adoptado.

A situación dunha planta de gas superflua e deficitaria, ilegal e perigosa, ten que rematar co triunfo da rebeldía cívica que máis de 60 colectivos e asociacións alimentan hai un decenio de loitas e argumentos. Os moitos millóns de euros que nos custa a planta á cidadanía ao través das bonificacións estatais e no último período incluso de cartos da Xunta de Galicia para frear a saídas das caixas do seu accionariado, ten que finalizar. A decisión do Comité de Peticións do Parlamento Europeo é un novo alento a todas e todos os que na nosa bisbarra e no país traballan e soñan co final do pesadelo, de Reganosa.

Ferrol, martes 26 de outubro de 2010
Consello Comarcal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
26 de outubro de 2010 15:51

Prezad@s amig@s: achegamos un comunicado do Consello Comarcal de EU, cunha primeira valoración de urxencia, felicítandonos do resultado do debate sobre Reganosa na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo que decidiu continuar co caso Reganosa. Un saúdo, Ramiro Marier
_______________________

Enlces relacionados:

Ártabra 21: O Comité de Peticións do Parlamento Europeo vai tratar o vindeiro 25 de Outubro a denuncia contra Reganosa, presentada polo Comité Cidadán en Novembro de 2007

 


____________________________

martes, setembro 07, 2010

Demandan que se elabore, de maneira participada, unha programación que permita acercar e divulgar a nosa poetisa do Rexurdimento, Rosalía de Castro, á sociedade ferrolá actual


O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A FORMULAR UNHA PROPOSTA DE ACTIVIDADES ENCOL DO 125 ANIVERSARIO DO PASAMENTO DE ROSALÍA DE CASTRO

EU DENUNCIA O DESINTERESE DA CONCELLERÍA PARA GARANTIR QUE FERROL XOGUE UN PAPEL PROTAGONISTA NESTE EFEMÉREDE

O Grupo Municipal de Esquerda Unida reitera a súa demanda á concellería de cultura e o Goberno Municipal para que formule coa máxima urxencia unha proposta de actividades conmemorativas do 125 cabodano do pasamento de Rosalía de Castro.

A Voceira do Grupo, Yolanda Díaz, salienta a necesidade e conveniencia de que a nosa cidade xogue un papel protagonista na divulgación e exaltación da nosa cultura e, en particular, dunha figura senlleira, da matriarca da nosa cultura, de Rosalía de Castro. Cómpre lamentar o silencio de morte do concelleiro de Normalización Lingüística neste eido e o seu absoluto desinterese.

Yolanda Díaz insta ao Goberno Municipal a cambiar de actitude e asumir un papel protagonista para producir no último cuadrimestre do ano un programa de actividades que permita achegar a figura e obra de Rosalía ao conxunto da nosa cidadanía.

Programa de actividades onde a nosa organización reclama que se elabore de maneira participada co movemento asociativo da cidade, en particular o vencellado á cultura galega.

Ferrol, 5 de setembro de 2010

Grupo Municipal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/



Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
6 de setembro de 2010 17:13
_________________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Ferrol no 125 cabodano do pasamento da poetisa Rosalía de Castro
_________________________

En Ferrol, denuncian o mal remate das obras no barrio de Recimil: a pesares da recepción polo Concello das mesmas, nunha evidente deixación do control e garantía que ten que exercer a administración pública local

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DENUNCIA O MAL REMATE DAS OBRAS ACOMETIDAS EN RECIMIL, CON BALDOSAS ROTAS, VERTEDURAS DE AUGAS, CABLES DA LUZ COLGANDO... A PESARES DA RECEPCIÓN DAS OBRAS POLO GOBERNO MUNICIPAL

ESQUERDA UNIDA ESIXE DO GOBERNO MUNICIPAL QUE IMPOÑA O ARRANXO DE TODAS ESTAS DESFEITAS

O Grupo Municipal de Esquerda Unida denuncia o mal remate das obras acometidas no barrio de Recimil. Choven estas críticas da propia veciñanza que ten que contemplar o desleixo e mal acabado das mesmas en diferentes rúas do barrio. Situación que semella inconcebible trala recepción das obras hai nada polo concello.

Pavimentos rotos e non repostos, xunto con continuas verteduras das canalizacións cos conseguintes problemas co subministro da luz na rúa Betanzos, ou a imaxe de cables do tendido eléctrico colgando na rúa Sotomayor, cos riscos que supón para os peóns, denotan que as cousas non se están a facer de maneira correcta polo Goberno Municipal.

Esquerda Unida denuncia a falla de control do Goberno Municipal para atender ao correcto remate das obras no barrio e para a subsanar estas eivas, que molestan ás veciñas e veciños e afean ao barrio en xeral. A nosa organización ten que lamentar o desinterese e mal facer do Goberno que recepcionou as obras hai apenas uns días sen comprobar o estado real das mesmas.

O noso Grupo Municipal esixe do Goberno Municipal que realice as xestións axeitadas para garantir a reparación do que non está ben rematado e, xa que logo, permita unha adecuada recepción das obras.

Ferrol, luns 6 de setembro de 2010

Grupo Municipal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
6 de setembro de 2010 17:13
_________________

sábado, agosto 21, 2010

No Pleno Municipal do 26 de Agosto, debatira-se unha moción de Esquerda Unida en apoio da Folga Xeral do 29S

Á ALCALDÍA DO CONCELLO DE FERROL


retirada integra da contrarreforma laboral


Yolanda Díaz Pérez, Voceira do GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA, de conformidade co disposto no artigo 104 do Regulamento Orgánico do Concello de Ferrol, e co artigo 97.2 do vixente Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, presenta a seguinte Moción ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida no mesmo coa seguinte,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A situación de crise económica e social derivada da aplicación das políticas económicas neoliberais da globalización capitalista está a producir unha catástrofe social no país e no Estado sen precedentes na nosa historia nos últimos trinta anos. Os datos do desemprego, onde hai que anotar preto de cinco millóns de traballadoras e traballadores no paro no conxunto do Estado, sumados os datos de paro rexistrado no noso país en xullo que contan 209.789 persoas e atopándose un terzo das mesmas sen recibir xa prestación por desemprego, sumados a realidade de precariedade, economía mergullada, carestía da vida e desafiuzamentos configuran unha realidade negra que está a cargar nas costas das clases traballadoras os custos da crise provocada polas políticas favorables ao capital, nomeadamente o financeiro e especulativo.

Neste contexto se teñen producido nos últimos meses unha avalancha de medidas adoptadas polo Goberno central de ataque sen concesións ás conquistas históricas da clase traballadora e dos sectores populares: o paquete de medidas de axuste por importe de 15.000 millóns de euros e que terá continuación no vindeiro orzamento e a contrarreforma laboral tramitada como Lei de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo son chanzos sobranceiros da estratexia gubernamental.

A devandita contrarreforma laboral non vai servir nen para crear emprego nen para reducir a escandalosa precariedade que padecen as traballadoras e traballadores galegos e do conxunto do Estado. Está deseñada para facilitar e abaratar os despedimentos, que xa son na práctica libres, porque amplía as causas para elo e reduce os dereitos de indemnización das traballadores e traballadores. Vai supor un reforzo para o poder empresarial á hora de modificar as condicións de traballo en todo o que atinxe a horarios, mobilidade xeográfica e funcional, etc. Xunto con iso debilita a tutela xudicial efectiva como garantía para a clase traballadora e a negociación colectiva, así como privatiza a xestión do desemprego coa aceptación da intermediación laboral privada.

Unha cuestión fundamental é o ataque que supón esta contrarreforma en canto debilita a negociación colectiva, ao facilitar as empresas a adopción de medidas de descolgue. Cómpre non esquecer que a negociación colectiva constitúe un ferramenta fundamental na defensa dos intereses da clase traballadora.

Incluso privatiza a xestión do desemprego, no canto de potenciar o servizo público de emprego, e amplía o campo de actuación das ETT,s aos sectores de risco e mailo emprego público.

As medidas son inxustas e erradas, porque o mercado de traballo adoece dunha excesiva e negativa flexibilidade externa como amosan as taxas de temporalidade e as facilidades para despedir (o exemplo son os máis de 13 millóns de contratos temporais asinados en 2009, en plena crise económica, nun contexto marcado pola destrución de emprego). As medidas a adoptar son outras moi distintas tanto no eido estrutural – para sentar as bases dun modelo produtivo e social sustentable - canto na conxuntura, no que atinxe a recuperar o creto para a economía produtiva, e impedir que o axuste fiscal programado polo Goberno deprima aínda máis a economía, prexudique a creación de emprego e alimente como resultante o déficit público.

Mais a espiral antisocial dun goberno obsecuente coas recomendacións do FMI, Banco Mundial e Comisión Europea, anuncia que á volta do verán vaise atacar o sistema público de pensións para alongar a idade de xubilación, que no noso país está por riba da media da UE e para mudar as bases de cálculo da vida laboral coa intención de reducir o monto final da pensión a percibir polo traballador. Medidas coherentes coa estratexia de debilitar o sistema de reparto e facer avanzar o de capitalización privado, verdadeiro programa final neste eido do capital financeiro.

Doutra banda, o Grupo Municipal de Esquerda Unida rexeita a falsa política da austeridade fiscal, que supón que teñamos unha das tributacións máis reducida e cunha menor progresividade, isto é, o paraíso para o capital e a burguesía nas súas fraccións máis acaudaladas. Valga o exemplo de que só a recuperación da progresividade fiscal perdida nos últimos 20 anos suporía un incremento de 66.000 millóns de euros anuais, que permitirían financiar a creación de emprego nos sectores como o da atención á dependencia, ensino ou sanidade, que forman parte dos dereitos económicos e sociais recollidos na Constitución, superando a fenda no gasto social que segue a separarnos dos estándares de benestar da UE.

En resumo, son moitos os ataques que están a sufrir as clases traballadoras, autónomos e pequeno empresariado para que o Goberno do Estado satisfaga as esixencias do gran capital. Son este conxunto de ataques aos nosos dereitos como traballadores e traballadoras os que levan ás centrais sindicais de clase CC.OO. e U.X.T. a convocar para o día 29 de setembro unha xornada de folga xeral para enfrontar as medidas aprobadas polo Goberno central que recortan dereitos sociais e que suprimen dereitos das traballadoras e traballadores.

O noso concello ten o deber cívico de tomar posición nunha cuestión política e social da meirande magnitude para a nosa sociedade. Xa que logo, o Grupo Municipal de EU formula, para a súa toma en consideración polo Pleno do concello de Ferrol, a seguinte proposta de ACORDOS:

Primeira.- O Pleno do concello de Ferrol acorda demandar do Goberno central a retirada integra da contrarreforma laboral tramitada no Congreso dos Deputados como Lei de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo e insta a este a retomar o diálogo social a partires das preocupacións e demandas das centrais sindicais de clase.

Segunda.- O Pleno do concello de Ferrol acorda instar ao Goberno central a que non aprobe ningunha reforma no eido das pensións que supoña unha redución respecto dos dereitos recoñecidos hoxendía ás traballadoras e traballadores, en particular o que fai o alongamento da idade de retiro ou á ampliación da base de cálculo da vida laboral.

Terceira.- O Pleno do concello de Ferrol acorda dar traslado destes acordos ao Goberno do Estado e á Comisión Executiva da Confederación Sindical de CC.OO. e á Comisión Executiva Confederal da UXT.

Ferrol, 18 de agosto de 2010.

Asdo. Yolanda Díaz Pérez

Voceira do Grupo Municipal de EU

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
18 de agosto de 2010 13:14

Prezad@s amig@s: achegamos unha moción presentada polo Grupo Municipal de EU en apoio da folga xeral convocada para o día 29 de setembro e que se debatirá no Pleno do concello do día 26 de agosto. Grazas polo voso interese. Un saúdo, Ramiro Marier
_____________________________

luns, agosto 02, 2010

Demandas do Grupo Municipal de Esquerda Unida á Xunta de Goberno do Concello de Ferrol

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA QUE SE PROCEDA Á ELABORACIÓN DUN PLAN DE INFANCIA E ADOLESCENCIA

PROPICIAR UNHA MEIRANDE PROTECCIÓN INTEGRAL Á INFANCIA E DESENVOLVER CANLES AXEITADAS PARA A PARTICIPACIÓN DAS NENAS E NENOS E ADOLESCENTES NA VIDA DA CIDADE, OBXECTIVOS DO PLAN

O Grupo Municipal de Esquerda Unida reclama a elaboración do Plan de Infancia e Adolescencia, resultado dun acordo plenario de xuño de 2009 a raíz dunha moción presentada polo noso Grupo Municipal. Plan integral que faga unha análise da poboación infantil e adolescente e en particular dos sectores dela que se atopan en situación de risco social; que planifique as políticas dirixidas cara a ela, xunto coa sistematización das políticas das outras administracións públicas; e que contemple a dotación dos recursos axeitados para a satisfacción das diversas problemáticas e maila coordinación dos recursos humanos e materiais das diferentes administracións.

A nosa organización lamenta que vencido xa un ano dende a aprobación da moción nada se teña feito polo Goberno Municipal para abordar esta acción, que o noso entender supón un chanzo de actuación fundamental para atender as problemáticas da infancia e a adolescencia. Unha vez máis amosa o Goberno Municipal a súa incapacidade para aplicar as ideas e propostas acordadas no Pleno.

Esquerda Unida demanda xunto coa elaboración do devandito Plan, a constitución dun Consello Municipal da Infancia que propicie e favoreza a participación das nenas e nenos nas súas problemáticas xunto coas distintas entidades e asociacións que traballan nelas.

Esquerda Unida defende que a nosa cidade se integre na rede de Cidades Amigas da Infancia, que auspiciado polo organismo internacional da UNICEF ten como obxectivo pular pola aplicación no eido local da Convención dos Dereitos da Infancia.

Coñecer a situación real da infancia na nosa cidade a partires da realidade da falla de datos desagregados para analisar pormenorizadamente as súas necesidades semella unha primeira acción a acometer.

Inafancia que cómpre subliñar é suxeita de dereitos. Suxeito que necesita de espazos de participación nos que ir gañando a práctica de exercer responsabilidades, asemade da pedagoxía para convivir nos valores da solidariedade e a liberdade.

As nenas e nenos, as e os adolescentes son dos colectivos máis atacados polas políticas neoliberais a causa da súa febleza e, xa que logo, a nosa sociedade ten que producir espazos para a súa implicación nos diferentes programas municipais que os atinxen, na educación, na vivenda, na educación vial, etc.

Porque son o futuro temos unha especial obriga para atender e prover o seu avenir.

Ferrol, luns 2 de agosto de 2010


O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA LA ELABORACIÓN DUN CENSO DOS LUGARES ONDE SE EMPREGARON OS ÁRIDOS NON INERTIZADOS

ROBERTO ARTABE CONSIDERA NECESARIO A REALIZACIÓN DE CATAS NOS DIFERENTES LUGARES ONDE SE UTILIZARON PARA COÑECER A SÚA COMPOSICIÓN E PREVIR OS POSIBLES RISCOS PARA A SAÚDE PÚBLICA

O Grupo Municipal de Esquerda Unida formulou nas últimas Comisións informativas de Medio Ambiente unha dupla demanda en relación cos áridos non inertizados chegados de Holanda. Materiais que segundo o informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental presentan riscos a causa das altas concentracións de betúns e xofre ao non terse sometido os tratamentos precisos para eliminar ditas substancias. Tan é a sí que a súa definición precisa é a de residuo e non a de árido reciclado.

O concelleiro Roberto Artabe vén formulando nas últimas Comisións a demanda de que se proceda a elaborar un censo que catalogue os diferentes sitios onde se utilizou este material. Xunto a isto, o concelleiro de Esquerda Unida, considera necesario que se realicen catas nos lugares onde se utilizaron para coñecer a súa composición e delimitar os riscos, toda vez que os lixiviados poden permanecer activos até medio século.

A reclamación que efectúa o Grupo Municipal de Esquerda Unida semella congruente cunha política de saúde pública que atenda o principio de prevención de riscos. O devandito informe da Secretaría Xeral xa alertaba dunha serie de riscos:
  • Risco que está en relación co uso que se faga do devandito material de residuo e a posibilidade de que se atope en exposición co ser humano e o propio medio ambiente.
  • Risco de afectación ás canles e medios próximos o seren os hidrocarburos aromáticos policíclicos substancias perigosas para o medio físico e que poden chegar ás persoas ao través da cadea alimentaria.

Xa que logo, o Grupo Municipal de EU reclama do Goberno Municipal que proceda a elaboración dese censo de lugares onde se teñen utilizado estes materiais e logo disto, proceda á realización dunha serie de catas para coñecer o estado e composición destes residuos.

Ferrol, venres 30 de xullo de 2010

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
2 de agosto de 2010 12:30


Prezad@s amig@s: achegamos dúas Informacións do Grupo Municipal de EU. Un primeiro formula a demanda de elaboración dun Plan de Infancia e Adolescencia, que se aprobou no Pleno de hai 13 meses a instancias dunha moción presentada polo noso Grupo.


Un segundo Infromacións reclama, en aplicación do principio de prevención no eido da saúde pública, a elaboración dun censo dos sitios onde se empregaron os áridos non inertizados e a realización de catas para coñecer estado e composición. Todo elo atendendo aos riscos que se poidan derivar para persoas e medio físico, segundo se recolle nun informe da Secretaría Xeral da Xunta de Calidade e Avaliación Ambiental.


Saúdos, Ramiro Marier
___________________

xoves, xullo 15, 2010

Ferrol no 125 cabodano do pasamento da poetisa Rosalía de Castro

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DEMANDA DAS CONCELLERÍAS DE CULTURA E MULLER A ORGANIZACIÓN DUN CONXUNTO ARTICULADO DE ACTIVIDADES PARA CELEBRAR O 125 CABODANO DO PASAMENTO DE ROSALÍA DE CASTRO

EU CONSIDERA NECESARIO QUE O CONCELLO DE FERROL ASUMA UN PAPEL PROTAGONISTA NA EXALTACIÓN DUNHA DAS FIGURAS SENLLEIRAS DAS LETRAS E CULTURA GALEGAS

O Grupo Municipal de EU insta ao Goberno Municipal a planificar unha serie de actividades que se sumen ás que polo país se van producir no 125 cabodano do pasamento da poetisa Rosalía de Castro. Temos que lamentar a inacción e a falla de iniciativa que, unha vez máis, amosa o Goberno de Irisarri.

Yolanda Díaz subliña que a nosa cidade non pode ficar allea as conmemoracións que percorren o país exaltando a obra dunha figura senlleira, da matriarca das letras galegas. Cómpre desenvolver un bloque de actividades que espallen na nosa veciñanza o valor da súa escrita. Entre outros, o profesor Xesús Alonso Montero, director do Centro de Estudos Rosalianos ten dado boa conta do incomensurable valor da súa escrita, que fai dela fautora do noso Rexurdimento.

A nosa lingua e cultura deféndense todos os días e en poucas ocasións imos ter unha razón tan fermosa e poderosa como a de lembrar e achegar a nosa sociedade o valor da obra rosaliana. Mais, diante da inaudita sistemática de ataques a lingua galega que está a desenvolver o Goberno da Xunta de Galicia.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida considera necesario que de maneira urxente, para colmar o baleiro de planificación neste eido, se elabore de maneira participada, co tecido cultural e feminista da nosa cidade, un conxunto de actividades que sirvan ao interese xeral, na medida en que divulguen e acheguen a obra rosaliana e supoñan unha plataforma de acción na defensa da cultura e lingua galegas.

As actividades desenvolvidas na nosa cidade até o de agora en relación con este aniversario teñen que acadar un meirande relevo e extensión, que debe vir da man da participación activa do tecido asociativo da cidade. Para isto demandamos unha presenza activo do Goberno Municipal.

Grupo Municipal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/



Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
15 de julho de 2010 15:27
Benquerid@s amig@s: achegamos un Informacións do Grupo onde demnadamos que se elabore un programa de actividades para conmemorar o 125 cabodano da poetisa Rosalía de Castro. Programa participado e no que colaboren as concellerías de cultura e muller. Un saúdo, Ramiro Marier
_________________________

sábado, xullo 10, 2010

Mentiras mediáticas da Consellaría de Sanidade, que se adxudica un programa de probas rápidas de detección do VIH, no que non aporta nen un euro e que van desenvolver e financiar as entidadaes sociais que no país atenden esta doenza


O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DENUNCIA A FALSEDADE DAS MEDIDAS ANUNCIADAS POR SANIDADE NO QUE ATINXE AS PROBAS RÁPIDAS DO VIH

EN FERROL, SERÁ A ASOCIACIÓN LAZOS A QUE COSTEARÁ INTEGRAMENTE AS PROBAS, ÁS QUE A CONSELLARÍA DE SANIDADE NON ADICA UN PESO

ROBERTO ARTABE DENUNCIA O DESINTERESE E A HIPOCRISÍA DA CONSELLEIRA FARJAS

O Grupo Municipal de Esquerda Unida denuncia o desinterese e maila hipocrisía da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia diante do anuncio feita pola mesma conselleira acerca da realización das probas rápidas do VIH, un test que permite obter un primeiro resultado nuns poucos minutos.

Roberto Artabe denuncia a realidade moi outra que acontece na nosa cidade. En Ferrol, as asociacións que a realicen terán que custear de maneira íntegra o custo do reactivo para a realización da devandita proba sobre o virus de inmunodeficiencia adquirida. Hai que salientar que os custos da proba rápida non se cinguen só o feito físico da realización da proba, porque o proceso esixe contar cunha persoa que dea a información e o asesoramento no proceso (counselling VIH, ou o soporte psicosocial ás persoas que realizan a devandita proba rápida ). Para nada disto contempla a Consellaría dotar económicamente o programa

Non semella moi ético presumir diante dunha medida na que a Consellaría de Sanidade non fai nada, e que recae de maneira integra nas entidades que están a desenvolver, cunha crónica precariedade de medios materiais e de plantilla, unha loita sanitaria e social de primeira magnitude.

A Xunta do PP volve a retratarse ao atribuírse unha medida da que non ten mérito algún e para a que non dispón un só euro. A Xunta do PP expresa pola vía dos feitos, non no fume mediático, o seu verdadeiro desinterese polo afortalamento do sistema público de saúde galego e a súa aposta pola concepción da saúde pública como unha oportunidade de negocio privado.

Pilar Farjas tenta reducir un dereito fundamental recollido na Constitución e no Estatuto nunha mercaduría. O noso Grupo quere denunciar esta situación.

Ferrol, venres 9 de xullo de 2010

Grupo Municipal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
9 de julho de 2010 14:16


Prezad@s amig@s: achegamos un Informacións do Grupo Municipal denunciando as mentiras mediáticas da Consellaría de Sanidade, que se adxudica un programa de probas rápidas de detección do VIH, no que non aporta nen un euro e que van desenvolver e financiar as entidadaes sociais que no país atenden esta doenza. Grazas pola vosa atención. Saúdos, Ramiro Marier
___________________

xoves, xullo 08, 2010

Reclaman un conxunto de medidas adicionais para eliminar os riscos para a saúde pública derivados da utilización de residuos asfálticos


O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA MEDIDAS ADICIONAIS PARA ELIMINAR OS RISCOS PARA A SAÚDE PÚBLICA DERIVADOS DOS ÁRIDOS NON INERTIZADOS

ROBERTO ARTABE ESIXE UN PAPEL ACTIVO DO GOBERNO MUNICIPAL E DA AUTORIDADE PORTUARIA PARA FACER CUMPRIR AS MEDIDAS ADICIONAIS RECLAMADAS

O Grupo Municipal de Esquerda Unida reclama un conxunto de medidas adicionais para eliminar os riscos para a saúde pública derivados da utilización de residuos asfálticos de fresado de estradas procedentes de Holanda cun alto contido en betúns (entre o 4% e o 7%) e de xofre (0,0182%), contidos que forzan a súa caracterización como un residuos sen tratar, non como áridos reciclados.

Para Esquerda Unida non cabe facer deixación das responsabilidades por parte dos poderes públicos cando hai un posible risco para a saúde pública como é o caso. No caso do Porto de Ferrol, unha análise feita por Augas de Galicia sobre mostras de auga empozada ao pé da acumulación dos devanditos áridos bituminosos arroxou concentracións superiores aos límites de detección, no que fai aos hidrocarburos aromáticos policíclicos, que son produtos canceríxenos, mutóxenos (que producen mutacións xenéticas) e teratóxenos, susceptibles de producir malformacións fetais.

Esquerda Unida quere lembrar que estes feitos tiveron unhas dilixencias preprocesuais incoadas pola Fiscalía da Coruña arquivadas ao final por considerar que non se produce delito ambiental. Agora ben, as dilixencias recoñecen varias circunstancias perigosas:

  • A mostra de áridos obxecto da análise non foi sometida a procesos de valorización mediante calor.
  • A presenza de contaminantes implica un risco en función do uso que se faga do devandito material ante a posibilidade de exposición sobre as persoas e no medio ambiente.
  • Existe un risco de afectación ás canles e medios próximos, xa que os hidrocarburos aromáticos policíclicos son substancias perigosas para o medio ambiente e incluso para as persoas ao traverso da cadea alimentaria.

Xa que logo, o noso Grupo Municipal reclama que se apliquen as medidas necesarias para descartar calquera risco tanto no que atinxe tanto ao almacenaxe como o emprego do material bituminoso:

- A almacenaxe dos áridos bituminosos tense que facer en superficies impermeabilizadas e baixo cuberta e cun sistema perimetral de recollida de augas para que non se vertan nas augas superficiais.

* No que atinxe ao seu emprego como recheo hai que facer unha valoración de riscos na zona de uso ao abeiro do que recolle o RD 9/2005 que relaciona as actividades potencialmente contaminantes do solo. Emprego que cando se faga en asociación con outros materiais esixirá unha garantía de estabilización do material e de non produción de lixiviados.

Esquerda Unida demanda do Goberno Municipal e da Autoridade Portuaria que fagan cumprir os protocolos adicionais de seguridade que reclamamos.

Grupo Municipal de Esquerda Unida

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
7 de julho de 2010 14:15


Prezad@s amig@s: achegamos Informacións do Grupo Municipal onde propoñemos a aplicación dunha serie de medidas de prevención no almacenamento e emprego dos áridos no porto, para evitar os riscos que estes materiais teñen para a sáude pública, ao volatilizarse no ambiente, filtrarse as augas e poderse incorporar á cadea trófica. Grazas polo voso interese. Un saúdo, Ramiro Marier
_____________________________

sábado, abril 24, 2010

Esquerda Unida e a Manifestación deste sábado 24 de Abril "a prol da xustiza universal e as vítimas do franquismo"


  • O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA APOIA A MOBILIZACIÓN POLA XUSTIZA UNIVERSAL E CONTRA A IMPUNIDADE DO FRANQUISMO
  • EU ESIXE QUE CESE A PERSECUCIÓN CONTRA O XUÍZ GARZÓN POLO SEU AUTO PARA ESCLARECER OS CRIMES DA DITADURA

O Consello comarcal de Esquerda Unida manifesta o seu respaldo a mobilización convocada para mañá sábado, ás 12:00 horas , na Praza de Armas, para esixir a xustiza universal e a reparación ás vítimas da ditadura.

Esquerda Unida fai un chamado á cidadanía progresista e de esquerdas a non deixar de participar nesta acción colectiva e cívica para esixir o que na Europa democrática é unha normalidade instaurada hai máis de 60 anos.

Semella inconcebible que nun Estado democrático se poida sentar nun banquillo a un xuíz por tentar esclarecer os milleiros de crimes da ditadura que aínda hoxendía restan sen esclarecer en fosas anónimas. O auto de Garzón é unha peza xurídica que nos devolve unha parte da dignidade que como sociedade aínda nos resta por recuperar namentras non haxa unha reparación plena para todas as vítimas do franquismo.

A nosa organización vai participar activamente nesta mobilización como o vimos facendo na súa preparación, ao obxecto de sumar forzas para acadar a fin da persecución a un xuíz. Temos que facer unha fonda crítica da acción da fiscalía que ao opoñerse a acción investigadora do xuíz abriu á porta a denuncia de organizacións de nula calidade democrática.

Ferrol, Venres 23 de abril de 2010
Comunicado do Consello Comarcal de EU

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
23 de abril de 2010 15:20
Ola amig@s: remitimos un comunicado do Consello Comarcal de EU chamando á cidadanía a participar na concentración que haberá mañá sábado, ás 12:00 horas, en Armas, a prol da xustiza universal e as vítimas do franquismo e para esixir que cese o acoso ao xuíz Garzón pola súa actuación no auto no que tenta abrir a investigacións dos crimes do franquismo. Un saúdo, Ramiro Marier
___________________

martes, abril 13, 2010

Esquerda Unida crítica, de novo, o atraso na aprobación do regulamento para a adxudicación das vivendas de Recimil, e noutro asunto saúda a nova edición da Poesía Salvaxe.

Informacións do Grupo Municipal Esquerda Unida

  • ESQUERDA UNIDA CRITICA O NOVO ATRASO NA APROBACIÓN DO REGULAMENTO DAS VIVENDAS DE RECIMIL
  • A VOCEIRA DO GRUPO MUNICIPAL, YOLANDA DÍAZ, ESIXE CELERIDADE DO GOBERNO MUNICIPAL PARA PÓR EN VIGOR A INICIATIVA DO NOSO GRUPO

O Grupo Municipal de Esquerda Unida ten que criticar o novo atraso na aprobación do regulamento das vivendas de Recimil. Na convocatoria da Comisión de Benestar para o vindeiro xoves, 15 de abril, non se contempla na orde do día a aprobación do regulamento para a adxudicación das vivendas de Recimil. Morren semanas e meses sen que se produzan resultados positivos neste campo.

Foi unha proposta do noso Grupo Municipal a elaboración dun regulamento para a adxudicación das vivendas municipais. Con esta medida pretendemos garantir a meirande transparencia e obxectividade na concesión duns bens públicos de propiedade municipal. Esquerda Unida está certa do enorme potencial social que posúe o parque de vivenda municipal de Recimil e considera indispensable a súa ordenación e regulamento.

Lamentamos que unha vez máis se adíe levar a Comisión o texto do regulamento. Lamentamos a tardanza e lle preguntamos ao Goberno acerca das razóns da mesma. O Noso Grupo considera que o Goberno Municipal está a desatender esta fronte social e a deixar que a situación no barrio se degrade a causa da súa inacción e tardanza.

O noso Grupo Municipal achegou a proposta de elaboración dun novo regulamento e ten presentado no proceso unha serie de emendas para mellorar o contido final da proposta. Non entendemos que na actual situación de crise económica e social, este Goberno non acelere o remate do documento e a súa entrada en vigor.

Son moitas as necesidades sociais, demasiados os anos de abandono por parte do Goberno Municipal neste eido, e para Esquerda Unida é unha cuestión urxente e importante, que merece un tratamento prioritario polo Goberno Municipal. Xa que logo, a Voceira do Grupo Municipal de EU, Yolanda Díaz, reclama do Goberno celeridade para pór en vigor esta iniciativa.


  • O GRUPO MUNICIPAL DE EU SÁUDA UNHA NOVA EDICIÓN DA POESÍA SALVAXE
  • ESTA ANOVADORA FÓRMULA CULTURAL CHEGOU DA MAN DE ESQUERDA UNIDA ÁS RÚAS DE FERROL NO ANO 2008

O Grupo Municipal de EU quere manifestar a súa ledicia pola nova edición, a terceira xa, da poesía salvaxe, que se vai celebrar esta semana nas rúas da nosa cidade. Esta iniciativa anovadora no eido cultural comezou no 2008 da man da anterior responsable da concellería de cultura, Yolanda Díaz, en consonancia co programa de renovación do panorama de actividades culturais do noso concello emprendido entón.

Achegar á rúa as expresións da cultura, erguer voces veraces e ceibes no espazo onde vivimos as persoas, sacar á poesía dos redutos pechados, foron a motivación central para comezar esta xeira, que felizmente se mantén e consolida co paso das edicións, poética que imos gozar nestas datas.

Esta semana vanse misturar nas rúas de Ferrol a celebración insubmisa da palabra poética coa evocación dun porvir republicano ao redor do 14 de abril. Para Esquerda Unida non é casual aventurar poesía e república no abril ferrolá, senón que ambos elementos conxugan a determinación e esperanza nun abrente creador de liberdade e igualdade.

Esquerda Unida anima á cidadanía a gozar dos encontros súbitos coas palabras feraces, nun abril poético e republicano, porque lingua e pobo conforman un todo creador invencible. Máis que nunca a poesía semella necesaria para resistir aos bárbaros que agreden, parapetados nas institucións da Xunta de Galicia, a nosa cultura, cultura universal a pesares da ollada prexuízosa coa que é maltratada polo PP.

Ferrol, 13 de Abril de 2010
Grupo Municipal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/



Enviado por:
Grupo Municipal Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
13 de abril de 2010 15:11
Benquerid@s amig@s: achegamos dous Informacións do Grupo Municipal de EU. Nun primeiro Informacións facemos a crítica do novo atraso na aprobación do regulamento para a adxudicación das vivendas de Recimil, que se está a elaborar a proposta de EU e que acumula un retraso
inaceptable. O segundo Informacións saúda a nova edición, xa a terceira, da Poesía Salvaxe, anovadora iniciativa cultural que naceu no ano 2008 coa anterior responsable de cultura, Yolanda Díaz. Esquerda Unida vos anima a participar nela nestes días tinguidos de palabras veraces e ceos de tres cores, na conxunción afortunada que xungue Poesía e República, abrentes dun porvir emancipado. Un saúdo, Ramiro Marier
_____________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Os días 14,15,16 e 17 Abril 2010: Terceira Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol
_______________

mércores, marzo 24, 2010

Un ano de Goberno e tempo dabondo para comprobar que a Xunta do PP está a desenvolver en Galicia un modelo económico xerador de inxustizas ...


  • ESQUERDA UNIDA DENUNCIA QUE O GOBERNO DO PP ESTÁ A DESENVOLVER UN MODELO ECONÓMICO INSUSTENTABLE SOCIAL E MEDIOAMBIENTALMENTE QUE PROFUNDIZA NO PRODUTIVISMO
  • O CONSELLO COMARCAL DE EU PULA POLA CONSECUCIÓN DUN SISTEMA ECONÓMICO BASEADO NO DECRECEMENTO SOSTIBLE QUE PONGA AS PERSOAS E O MEDIOAMBIENTE POR ENRIBA DOS INTERESES DO CAPITAL
  • ESQUERDA UNIDA PARTICIPOU ACTIVAMENTE NA MANIFESTACIÓN CONVOCADA POR GALIZA NON SE VENDE

Un ano de Goberno e tempo dabondo para comprobar que a Xunta do PP está a desenvolver en Galicia un modelo económico xerador de inxustizas asemade depredador do territorio, un modelo ao cabo insustentable social e medioambientalmente.

Esquerda Unida, que participou activamente na manifestación do pasado domingo, saúda a iniciativa desenvolvida por Galiza Non Se Vende, pois compartimos a importancia que ten que a sociedade responda na rúa ás políticas depredadoras do medio natural que o Goberno do PP está a desenvolver.

A Xunta do PP empéñase en manter un modelo económico caduco e ineficaz que profundiza no produtivismo, algo que Esquerda Unida rexeita radicalmente pois, non cabe dúbida, que resulta imposible manter un crecemento constante cando os recursos son limitados. E por iso que Esquerda Unida pula pola consecución dun sistema económico baseado no decrecemento sostible.

O actual sistema económico e insustentable medioambientalmente, xa que logo, estamos a saturar a capacidade do noso planeta. Segundo datos da pegada ecolóxica necesitaríamos 3 planetas para manter no tempo o noso nivel de produción, nembargantes o sistema obriga a manter o crecemento continuo e aínda así atopámonos nunha crise sen precedentes. Ademais o sistema e insustentable socialmente pois é xerador de inxustizas como demostra o dato que un 20% da poboación consume o 80% dos recursos.

Semella inaceptable que o Goberno do PP pretenda manter un modelo económico que pon os intereses económicos privados duns poucos por enriba da cidadanía e do medio natural, un modelo que como a actual crise ten demostrado amósase incapaz pois non é quen de distribuír o producido para cubrir as necesidades básicas da poboación, a pesares de producir moito máis do necesario.

A Xunta do PP aposta por poñer os recursos naturais ao servizo dos intereses económicos, entregando o litoral á especulación inmobilizaría, mostrando permisividade coas empresas contaminantes que verten nos nosos acuíferos, favorecendo a construción de recheos mentres as nosas rías acreditan niveis de contaminación escandalosos, perpetuando agresións sobre espazos senlleiros integrados na Rede Natura como a Serra do Courel ou os Canóns do Sil, mantendo o urbanismo caótico e especulativo, ou mesmo entregando zonas costeiras as multinacionais piscícolas como se desprende do plan acuícola, no cal ábrese máis a man do que xa a tiña o bipartito.

Por outra banda a inexistente ordenación do territorio está a producir enormes diferenzas entre a costa e o interior, asemade do despoboamento do rural debido a unha errática política forestal onde se promove a reforestación con especies alóctonas, e unha nula planificación agraria-gandeira que deixa o noso agro nas mans dos intermediarios que están a actuar como auténticos usureiros provocando o abandono masivo do agro. Esquerda Unida considera o sector agro-gandeiro como un sector primario estratéxico para o noso pais xa que cobre a necesidade básica e fundamental da poboación, a alimentación, polo que pula pola súa posta en valor, dignificando o traballo de gandeiros e agricultores, asemade da planificación da explotación agraria mediante a creación de empresas públicas de distribución e asistencia técnica que impidan a actual ditadura dos intermediarios, facilitando así a soberanía alimentaria, a redución da pegada ecolóxica, a creación de emprego de calidade e, por conseguinte, a repoboación do rural e o fortalecemento da nosa economía.

O Goberno do PP amosa unha política de infraestruturas irracional que acumula dous portos exteriores e tres aeroportos, pon a énfase no trasporte individual fronte o colectivo e nas infraestruturas viarias e da alta velocidade en prexuízo do ferrocarril de proximidade, o que só contribúe a facer o noso modo de vida máis insustentable, e a desartellar o territorio e afondar nas desigualdades rural-urbanas, desmantelando estacións intermedias que fixaban hábitos de mobilidades tradicionais e asemade sustentables.

A reviravolta eólica supón empeorar a proposta do bipartito e, xa que logo, a posición de Esquerda Unida está marcada pola consideración da enerxía como un sector estratéxico da nosa economía que ten que estar baixo a dirección pública na procura da soberanía enerxética e que ten que empregarse como ferramenta para crear emprego estable e con dereitos.

Por último, e non por elo menos importante, a Xunta do PP está a entregar os Servizos públicos ao capital privado, Sanidade, Servizos Sociais, Educación, Servizos de Emerxencias ou a mesma externalización masiva dos Servizos Administrativos son un bo exemplo do dano que o Goberno do PP está a facer no noso país, baixo a falaz premisa de que a xestión privada é menos custosa, cando a realidade se empeña en demostrar que a privatización a longo prazo non só e máis custosa senón que ademais reduce a calidade do servizo. Esquerda Unida rexeita con rotundidade a privatización e aposta por relanzar o público desenvolvendo políticas que permitan mellorar os servizos públicos e a súa eficacia, xusto o contrario que está a desenvolver o PP para dar crédito a súa política privatizadora baseada tan só en intereses espurios.

Consello Comarcal de EU
Ferrol, 23 Marzo 2010

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
23 de março de 2010 14:36
Estimad@s amig@s: trasladamos un comunicado do Consello comarcal coa valoración do ano de goberno do PP na Xunta de Galicia. Recibide un saúdo. Consello comarcal EU Ferrolterra
_______________________

venres, xaneiro 22, 2010

Denuncian despedimentos maxivos e ilegalidades en Gamesa, no seu centro de traballo d'As Somozas


  • ESQUERDA UNIDA DENUNCIA  AOS DESPEDIMENTOS EN GAMESA  
  • EU  RECLAMA UNHA  ACTUACIÓN PRONTA E DECIDIDA DA INSPECCIÓN DE TRABALLO PARA ATALLAR A CONTRATACIÓN TEMPORAL EN FRAUDE DE LEI
  • ESQUERDA UNIDA RECLAMA UNHA INTERVENCIÓN DA ALCALDÍA DAS SOMOZAS A PROL DAS E DOS TRABALLADORES
  • ESQUERDA UNIDA  AMOSA  A SÚA SOLIDARIEDADE  COA PLANTILLA DE GAMESA E EN PARTICULAR COS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DESPEDIDAS

O Grupo Municipal de EU denuncia  a situación que se está vivir na empresa Gamesa Innovation & Technology, situación caracterizada pola brutal redución de plantilla e pola realidade inaceptable da existencia de contratación eventual en fraude de lei.

Realidade de despedimentos e ataques aos dereitos dos traballadores e que semella contraditoria cos beneficios da empresa obtidos o anos pasado, coas axudas públicas recibidas e pola perspectiva positiva  dun sector aínda novo. Redución de plantilla dun 40%  que se compadece mal coa redución da produción das palas que non chega a un terzo ( de 31 palas a 22 semanais ): esto é, un nidio incremento da carga de traballo por empregad@.

Esquerda Unida quere denunciar a pasividade cómplice da alcaldía das Somozas, que resta nun silenzo obxectivamente cómplice coa empresa, toda vez que non fai nada na defensa das e dos traballadores da empresa. O fútbol non pode esgotar todas as inquedanzas da alcaldía.

A propia inspección de traballo  requiriu á empresa para que transforme en indefinidos  os contratos  temporais que carecen de causa válida ou que superasen o período máximo de duración estabelecido legalmente, debendo acreditar o cumprimento do devandito requerimento.

Esquerda Unida reclama da Inspección de Traballo que actúe con urxencia para facer real as demandas das e dos traballadores que están a ser despedidos sen atender as esixencias legais. A realidade deste días é que xa foron despedidos todos os traballadores con contrato temporal, os últimos aínda nunha data como a do 8 de xaneiro. Malia que boa parte dos mesmos estaban asinados en fraude de lei, porque como de novo recolle un escrito da Inspección de  Traballo,  compróbase que hai traballadores vencellados  á empresa en virtude dunha sucesión de contratos de duración terminada por períodos prolongados de tempo sen que conste a sustantividade da obra identificada ao respeito da actividade propia da empresa, o que fai pór en dúvida  a causa para a temporalidade do contrato.

Esquerda Unida entende indispensable unha actitude inflexible dos poderes públicos coas empresas que se aproveitan das axudas públicas – de todas e todos nós – para en troques incurrir en fraude de lei e en deslocalizacións das súas producións.


Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
22 de janeiro de 2010 13:50
Prezad@s amig@s: achegamos un Informacións de Esquerda Unida en apoio da plantilla de Gamesa, que vén de sufrir unha xeira brutal de despedimentos e reclamando unha actitude enérxica e decidida da inspeción de traballo e da propia alcaldía das Somozas diante dos despidos de eventuais en fraude de lei. Grazas pola vosa atención. Unha aperta, Ramiro Marier
_________

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/

________________

martes, xaneiro 19, 2010

Denuncian verquidos reiterados na praia ferrolá de Cariño


  • O GRUPO MUNICIPAL DE EU DENUNCIA  UN TERCEIRO  VERQUIDO   NA PRAIA DE  CARIÑO
  • EU INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL  A  ESCLARECER OS INCIDENTES E PROCEDER Á LIMPEZA DO AREAL
O Grupo Municipal de EU   quere denunciar  a reiteración duns verquidos -  até en tres ocasións -   acaecido na praia de Cariño, e que están a producir serios trastorno á veciñanza.

A nosa organización quérese facer eco deste malestar das e dos veciños diante duns verquidos que producen alomenos un terrible cheiro e sobre os que semella necesario cursar unha investigación acerca da súa procedencia. As impresións da veciñanza os relacionan con algunha das empresas instaladas no  Porto Exterior.

Obra no noso poder unha mostra do areal de Cariño que non deixa lugar á dúvidas acerca do inaceptable da situación, que imposibilita o emprego deste areal para a vida cidadá.

Esquerda Unida quere demandar da Concellería de Medio Ambiente  que esclareza  canto antes os repetidos incidentes medioambientais que están a producir trastornos na veciñanza e que comprometen o areal de Cariño.

No entanto, o no Grupo Municipal quere requerir do Goberno Municipal unha rápida acción de limpeza do devandito areal. O noso Grupo Municipal  interesarase por estes incidentes na vindeira Comisión de Medio Ambiente.

Ferrol, martes 19 de xaneiro de 2010

Informacións do Grupo Municipal de ESQUERDA UNIDA

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
19 de janeiro de 2010 15:08


Prezad@s amig@s: achegamos informacións do Grupo Municipal denunciando uns verquidos, reiterados, no areal de Cariño; asemade instamos ao Goberno Municipal a esclarecer as causas dos verquidos e a proceder a inmediata limpeza da zona. Grazas pola vosa atención. Saúdos, Ramiro Marier

____________________

xoves, decembro 17, 2009

Día Internacional das Persoas Migrantes, o primiero tralo endurecemento dunha lei de estranxeiría


  • ESQUERDA UNIDA ÚNESE ÁS REIVINDICACIÓNS DO FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN NO DÍA MUNDIAL DAS MIGRACIÓNS
  • ESQUERDA UNIDA LAMENTA OS COMPORTAMENTOS XENÓFOBOS E RACISTAS QUE AFECTARON Á POBOACIÓN MIGRANTE EN GALICIA NOS ÚLTIMOS TEMPOS
  • ESQUERDA UNIDA INSISTE EN QUE A LEI DE ESTRANXEIRÍA DEBE SER DERROGADA, AO TRATARSE DUNHA LEI QUE CRIMINALIZA E QUE AMPARA O XURDIMENTO DE ACTITUDES RACISTAS E XENÓFOBAS

O 18 de decembro quedou instituído como o Día Mundial das Migracións, un concepto abstracto que non debe agocharnos que detrás del hai persoas, persoas que se ven na obriga de migrar polas circunstancias que sexan: por necesidade económica, para sobrevivir á violencia, para reagruparse cos seus seres queridos, para fuxir dos conflitos, por estudos ou pode que por unha combinación de todas elas. As facianas do imperialismo e do intercambio desigual son múltiples.

Este 18 de decembro de 2009 será o primeiro despois da aprobación por parte do Goberno do Estado da cuarta reforma da Lei de Estranxeiría. Reforma que endurece aspectos básicos para o día a día das persoas migrantes. Reforma que nega dereitos. Reforma que non contempla o sentido común de xustiza e dignidade de incorporar unha regularización ordinaria, en España. Reforma que non é máis que a expresión policial e securitaria que transforma en medo o que debera ser curiosidade, en intolerancia o que debera ser respecto, en insolidariedade o que debera ser fraternidade.

A política española, apéndice cruel dos desexos de bunquerización de Europa, amais doutros aspectos, endureceu os requisitos para o reagrupamento familiar (ata 5 anos) e permitirá encarcerar inocentes –porque outro nome non cabe a quen simplemente comete unha falta administrativa- ata 60 días en centros de internamento para estranxeiros (CIE). CIE’s que non son máis que unha triste prolongación dos campos de concentración. Espazos onde os DD.HH. son vulnerados e onde a dignidade humana está en mans da arbitrariedade. Espazos onde se incumpre a propia Directiva de Acollida asinada polos propios países europeos.

Esquerda Unida reafirma o seu compromiso para coa poboación migrante, a que xa está aquí e se ve na obriga de resistir todo tipo de atropelos para manter os “dourados” papeis, e a que está en situación irregular administrativa (a de nova incorporación ás rúas deste país democraticamente subvertido e a que permanece nunha situación irregular sobrevida).

Reiteramos a necesidade de que se deixe de perseguir ás persoas migrantes nas estacións de tren, de autobuses, nos aeroportos ou nos centros de saúde ou mesmo nos cursos de español para estranxeiros. Persecución que atende, por riba, ás connotacións étnicas, o cal manifesta racismo institucional. Negámonos a que en nome da democracia se converta nun inferno o día a día ás persoas migrantes.

Esquerda Unida insiste en que a Lei de Estranxeiría debe ser derrogada. Trátase dunha mala lei. Trátase dunha lei que criminaliza e que ampara o xurdimento de actitudes racistas e xenófobas como xa se reflicte nos últimos estudos, onde se sinala que España é o país da UE onde máis medra a percepción negativa das persoas migrantes. E nesa percepción inflúe unha mala xestión do tratamento informativo sobre as persoas migrantes, unhas leis anti-inmigración que desprenden un cheiro racista e xenófobo, e a redución das persoas migrantes ao seu valor mercantil ou económico.

A dinámica migratoria insírese na lóxica do neoliberalismo que emprega todas as tácticas posibles para confrontar e atomizar a clase traballadora en autóctonos e “alóctonos”. Esquerda Unida alenta á unidade da clase traballadora e que fagan fronte común contra os intereses da gran patronal e oligarquías dominantes.

Contra unha mala lei non debera caber mais que desobediencia civil: axudar ás persoas migrantes en situación irregular é cuestión de solidariedade, nada mais. Negámonos a que nos criminalicen ou a que nos reteñan como fixeron coa compañeira do Foro Galego de Inmigración, Laura Bugallo.

Denunciamos o discurso politicamente correcto que, de seguro, empregarán os partidos políticos dominantes o 18 de decembro e as estratexias publicitarias que divulgarán unha falsa imaxe de “respectuosos cos dereitos das persoas migrantes”. Por iso, desde Esquerda Unida, dicimos alto e claro que a loita polos dereitos humanos, pola igualdade de dereitos para todas as persoas, sexan de onde sexan, comeza no día a día, non nos discursos dun día. E iso comeza por revisar a política de concesión de asilo político, hoxe desvirtuada. E tamén, como non, por poñer por riba dos intereses mercantís, comerciais ou migratorios, a defensa radical dos Dereitos Humanos.

Esquerda Unida, ao carón das persoas migrantes e dos colectivos sociais dedicados a paliar os desastrosos efectos da Lei de Estranxeiría, traballamos para acadar unha sociedade diferente, máis xusta, simple e realmente democrática, onde a discriminación por razóns étnicas non exista, onde traballar non sexa o único valor real dunha persoa. Unha sociedade que se pecha sobre si mesma está condeada a morrer.

En todas as cidade e vilas de Galicia o berro será o mesmo: dereitos iguais para todas as persoas. Esquerda Unida traballará coas súas forzas para que esta nova utopía se realice o máis pronto posible.

Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
17 de dezembro de 2009 15:21

Prezad@s amig@s: achegamos un comunicado de Esquerda Unida na véspera do Día Internacional das Persoas Migrantes, o primiero tralo endurecemento dunha lei de estranxeiría que a nosa  organización traballa para derrogar. Mantén un concepto securitario e mercantilista sobre as persoas que viven e traballan con nós, privadas de dereitos políticos e civís, que se recollen na Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Grazas pola vosa atención.
Saúdos, Ramiro Marier

___________________________

martes, decembro 15, 2009

Petición dunha reunión urxente dos Voceiros dos Grupos Municipais para respostar de maneira unitaria e firme á contestación inaceptable da Consellaría de Educación sobre as demandas de profesorado de apoio para o CEIP Manuel Masdias

  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DEMANDA A CONVOCATORIA URXENTE DA XUNTA DE VOCEIROS PARA RESPOSTAR Á PROBLEMÁTICA SEN RESOLVER DO CEIP MANUEL MASDÍAS
  • YOLANDA DÍAZ, VOCEIRA DO GRUPO, RECLAMA UNHA ACCIÓN CONCERTADA DE TODOS OS GRUPOS PARA ESIXIR DA CONSELLARÍA QUE ATENDA AS NECESIDADES DE PROFESORADO DE APOIO QUE NECESITA O CENTRO
O Grupo  Municipal de EU rexistrou hoxe unha petición para que se reúna con carácter de urxencia a Xunta de Voceiros ao obxecto de abordar a problemática do CEIP Manuel Masdías,  que a Xunta de Galicia segue sen atender de maneira satisfactoria.

A petición de Esquerda Unida obedece a inaceptable resposta – fuxida cara a un adiante que semella ningures – que dá a Xefa Territorial do Departamento da Consellaría de Educación, contestación na que a devandita responsable informa  que o CEIP Manuel Masdías xa ten os profesores necesarios para atender correctamente as nenas e nenos escolarizados nel.

A realidade é teimuda e desmente o deixar pasar  do Goberno  do PP en relación coa necesidade expresada de maneira reiterada polo centro, docentes e Consello Escolar, pola cidadanía ferrolá e máis polo Pleno do concello de Ferrol: as políticas de integración que desenvolve o centro escolar de Caranza requiren un  profesorado de apoio do que adoecen.

Esquerda Unida considera urxente manter unha reunión dos voceiros dos Grupos Municipais para conquerir unha resposta firme e unitaria de todos os partidos con representación no concello que pese na Consellaría de Educación e faga que esta reaccione e atenda as necesidades de profesorado de apoio que require un centro con un amplo número de alumnado con necesidades educativas especiais.

Ferrol, 15 de decembro  de 2009
GRUPO MUNICIPAL DE DE ESQUERDA UNIDA

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
15 de dezembro de 2009 16:03


Prezad@s amig@s: achegamos un segundo Informacións do Grupo Municipal de EU sobre a nosa petición dunha reunión urxente dos Voceiros dos Grupos Municipais para respostar de maneira unitaria e firme á contestación inaceptable da Consellaría de Educación sobre as demandas de profesorado de apoio reclamado polo centro e o conxunto da cidade. Grazas pola atención. Saúdos, Ramiro Marier (Grupo Municipal de EU).

____________________

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/
___________________________

Preguntan no Parlamento Español sobre os problemas que teñen algúns buques gaseiros para entrar na Ría e instan a revogar a autorización de posta en funcionamento de Reganosa


  • ESQUERDA UNIDA REXISTRA NO CONGRESO UNHA BATERÍA DE PREGUNTAS PARLAMENTARIAS EN RELACIÓN COS PROBLEMAS QUE ESTÁN A TER OS GASEIROS PARA ENTRAR NA RÍA
  • EU RECLAMA DO GOBERNO MEDIDAS PARA EVITAR OS CONTINUOS ATRANCOS NA ENTRADA DE GASEIROS
  • O GRUPO PARLAMENTAR NO CONGRESO AVOGA POLA RETIRADA DA AUTORIZACIÓN DE FUNCIONAMENTO DA PLANTA

O Grupo Parlamentar de EU no Congreso rexistrou unha batería de preguntas parlamentarias en relación coa sucesión de atrancos que están a ter os gaseiros na entrada da ría de Ferrol, consecuencia do inaxeitado do emprazamento no interior da ría da planta de gas de Reganosa, localización que a fai ilegal e perigosa.

A iniciativa parlamentar inscríbese na ofensiva política que Esquerda Unida está a desenvolver tanto no Congreso dos Deputados canto no Parlamento Europeo  para desmantelar unha instalación ilegal e perigosa, que non cesa de ameazar de xeito cotián á poboación de Ferrolterra.

As preguntas interésanse pola continua sucesión de incidentes  que estánse a producir como resultado da entrada de gaseiros na ría de Ferrol e require do Goberno resposta acerca das medidas a adoptar para evitar este risco continuo sobre a cidadanía de Ferrolterra.

Doutra banda, interrógase ao Goberno acerca da conveniencia e necesidade de revogar a autorización de funcionamento da planta de gas diante da nova planificación enerxética que fai totalmente prescindible a actual planta de gas e toda vez que hai tres sentenzas xudiciais – certo que recorridas – contrarias a actual planta de gas.

A nosa organización está certa do valor primordial da seguridade e, xa que logo, insta ao Goberno do Estado a fuxir da súa condición de refén de intereses económicos que antepoñen o lucro privado á vida e seguridade da nosa cidadanía. Ínstao a revogar a devandita autorización de posta en funcionamento.

Ferrol, 15 de decembro  de 2009
GRUPO MUNICIPAL DE DE ESQUERDA UNIDA

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
15 de dezembro de 2009 15:17


Prezad@s amig@s: achegamos un segundo Informacións en relación coa iniciativa parlamentar de EU no Congreso diante dos continuos atrancos dos gaseiros na entrada da ría. As preguntas demandan medidas de resposta para enfrontar este risco e achegan a demanda de revogar a autorización de posta en funcionamento da planta, xa que non resulta necesaria coa nova planificación enerxética e ten 3 sentenzas xudiciais en contra, aínda que recorridas. Grazas polo voso interese. Un saúdo, Ramiro Marier (Grupo Municipal de EU).

____________________

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/
___________________________

xoves, decembro 03, 2009

Analise de Esquerda Unida dos últimos datos sobre o desemprego na Galiza


  • ESQUERDA UNIDA CONSIDERA OS ULTIMOS DATOS DO PARO COMO UNHA SITUACIÓN LÍMITE CONSECUENCIA DAS POLÍTICAS POPULISTAS DE PP e PSOE
  • EU UNIDA ADVIRTE QUE ESTES DATOS PODERÍAN REDUCIRSE SI A POLÍTICA DE EMPREGO NO SECTOR AUTOMOCIÓN E NAVAL FOSE MAIS AMBICIOSA
  • ESQUERDA UNIDA INVITA AS CENTRAIS SINDICAIS A INCLUÍR NAS SÚAS  PROPOSTAS A XORNADA DE 35 HORAS SEN PERDA SALARIAL E A ELIMINACIÓN DAS HORAS EXTRAS

O responsable da Área de Economía e Traballo da Executiva Nacional de Esquerda Unida, Xosé Henrique González Lago, cualifica os últimos datos do paro como de “situación límite” na que 7.905 traballadoras e traballadores galegos perderon o seu posto de traballo, así pois xa son máis de 216.828 os parados na Galiza, sen contabilizar aqueles que están a realizar cursos de formación. Estes datos ven a demostrar que a política populista do PP de Núñez Feijoo segue a facer augas, afastándose cada vez máis da realidade do noso pais.

Esquerda Unida advirte que estes datos poderían reducirse si a política de emprego no sector automoción e naval fose mais ambiciosa, dito sector esta trasladando producción cara o norte de Portugal e mesmo planéanse novas reduccións en fabricas de compoñentes de automoción na comarca de Vigo.

Dende EU felicitamos as mobilizacións feitas por algúns sindicatos pero salientamos que estas non deben ser sectoriais senón globais. Volvemos facer unha chamada as organizacións sindicais para que se mobilicen, xa que os traballadores/as necesitan solucións a corto prazo máis aló de subsistir a base de subvencións. EU invita as centrais sindicais a incluír nas súas propostas a xornada das 35 horas sen perda
salarial e a eliminación das horas extras.

Dentro dunha valoración dos datos estatais podemos dicir que a calidade no emprego segue en descenso, dos contratos firmados en novembro solo o 8,6% foron indefinidos e exceptuando Estremadura, o paro creceu en todas as comunidades, o que nos indica que estamos ante un problema estructural xeneralizado, unha vez mais as políticas populistas de Zapatero volven a romper os soños da clase traballadora.

¡¡Por un traballo pleno e digno!!

Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
3 de dezembro de 2009 13:54


Prezad@s amig@s: achegamos un segundo Informacións coa valoración dos novos e malos datos do desemprego. Grazas de novo polo voso interese.
Recibide unha aperta, Ramiro Marier
_________________