Amosando publicacións coa etiqueta Monte do Cha Brión-Doniños. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Monte do Cha Brión-Doniños. Amosar todas as publicacións

xoves, marzo 24, 2022

Xornada de voluntariado para realizar diversos traballos en varias zonas do monte, na zona de Cariño machacaremos con machados rebrotes de eucalipto próximos á estrada para manter a distancia de dez metros á estrada que establece a lei - Sábado 26 de marzo, ás 9 da mañá no lugar lugar de encontro no Confurco


XORNADA DE LIMPEZA DO MONTE EN CARIÑO (FERROL)

Xente da Comunidade dos Montes do Cha de Brión chama a unha xornada de voluntariado para a limpeza do monte, na zona de Cariño.

O sábado 26 de marzo volvemos convocar unha xornada de voluntariado para realizar diversos traballos en varias zonas do monte, na zona de Cariño machacaremos con machados rebrotes de eucalipto próximos á estrada para manter a distancia de dez metros á estrada que establece a lei. Actuaremos tamén sobre unha pequena zona de mimosas traballando con motoserras por parellas, así mesmo na zona entre Liñares e Martín limparemos de toxos unha das mámoas polo que aquí traballaremos con desbrozadoras, fouces e forquitas. Agradécese a quen poida que traia ferramenta propia e que o especifique ao apuntarse (sobre todo no caso de motoserra e desbrozadora) de cara a organizar os grupos de traballo; a organización facilitará ferramenta a quen non teña e a precise, non obstante fará falta xente que se ocupe só de apartar a ramalla que se vaia cortando; lembrade que cada brigadista deberá traer lubas de traballo propios.

A convocatoria fixémola (ao igual que a anterior na que plantamos árbores) a través das brigadas deseucaliptizadoras, nese senso as persoas que queiran apuntarse teñen que inscribirse previamente como brigadistas:

INSCRIPCIÓN

apuntarse non implica nada salvo que ás persoas participantes nos cubre un seguro de accidentes.

✅ O lugar de encontro será ás 9:00 hs no Confurco do sábado 26 de marzo, diante do Centro de Asfedro:

MAPA DA LOCALIZACIÓN DO LUGAR DO CONFURCO

Alí organizaremos os grupos e nos desprazaremos ás zonas de traballo, trala mañá de traballo o xantar será (salvo imprevistos) na asociación de veciños de Valón:

MAPA DA LOCALIZACIÓN DO LOCAL DA ASOCIACIÓN VECIÑAL

Por motivos covid rógase que cada quen traia vaso prato e cubertos propios. Se alguén ten algún requisito alimentario agradécese que o especifique ó apuntarse.

Para apuntarse, ademais de estar inscrit@ como brigadista, é imprescindible enviar un correo de confirmación a comunidademontesdocha@gmail.com antes do venres 25 de marzo para saber o número de voluntari@s que imos ser e organizar toda a loxística.

VÉMONOS NO MONTE !!!!

#Deseucaliptización

Enviado por:
adegatrasancos@adega.gal
-adegatrasancos@adega.gal-
24 de março de 2022 04:21

_______

martes, febreiro 01, 2022

Plantación de frondosas no Monte do Chá - Debido á extensión a repoboar estimamos que serán necesarias dúas xornadas, polo que convocamos para o 5 e 12 de febreiro


Plantación de frondosas

Dende a directiva da Asociación Comuneiros do Chá dirixímonos a vós, entidades e persoas afíns, para convocarvos a dúas xornadas de plantación de frondosas no Monte do Chá.

A través dunha subvención da Xunta a empresa Foresga vai plantar 7 has de piñeiros e 12 de frondosas (bidueiros, carballos e castiñeiros), para o que xa fixeron os furados antes do nadal, comezarán esta semana a poñer as árbores.

Pero a maiores temos previsto plantar aproximadamente dúas has no entorno da batalla de Brión, cunha maior variedade de árbores (freixos, amieiros, pradairos, carballos, bidueiros, castiñeiros, sobreiras e piñeiros do país entre outras especies) e un marco de plantación máis amplo (7x7). Esta plantación queremos facela con voluntariado ambiental, de modo que a veciñanza poidamos encontrarnos dando vida o noso monte, compartindo unha xornada de traballo e conviviu coas persoas voluntarias que poidan vir doutras organizacións afíns ou a título particular.

O terreo é chan e foi previamente desbrozado (mando anexa unha foto) polo que o traballo é accesible para todo tipo de voluntariado incluíndo crianzas. Debido á extensión a repoboar estimamos que serán necesarias dúas xornadas, polo que convocamos para o 5 e 12 de febreiro (a ver se nunha damos feito) ;).

O punto de encontro será diante da AAVV Castelao de Brión ás 9:00 h da mañá

https://www.google.com/maps/@43.4830336,-8.2685272,18z

Para apuntarse é imprescindible mandar confirmación (individualmente ou ben que cada asociación faga reconto de cantas persoas virían da súa base social, como prefirades); ó correo comunidademontesdocha@gmail.com antes do 4 de febreiro (ou o 10 se vides só á 2ª xornada) para facilitar a coordinación e o xantar, indicando o día que participades.

Aproveitamos para darvos a coñecer o novo correo comunidademontesdocha@gmail.com (optamos por gmail por ser máis operativo); o vello correo comunidade-montesdocha@hotmail.com [1] vai seguir activo sobre todo para trámites administrativos e por suposto podedes seguir facendo uso del para comunicarvos con nós.

As persoas participantes deberán traer roupa axeitada e luvas de traballo, a ferramenta a usar será o sacho, agradécese a quen poida que traia o propio aínda que a organización disporá dalgúns para quen non teña.

Tras a actuación sobre as 14:00 h a organización convidará ás persoas participantes a un xantar colectivo, para iso e por motivos covid cada persoa deberá traer o seu propio vaso, prato e cubertos, quen teña algún tipo de restrición alimentaria que avise no correo no momento de apuntarse.

Despois do xantar se hai ganas poderase participar nun roteiro polas mámoas e miradoiros do monte así como falar acerca dos diferentes proxectos de recuperación do Monte do Chá xa en marcha.

Agradécese a difusión entre a vosa base social e persoas afíns que poidan estar interesadas.

Enviado por:
adegatrasancos@adega.gal
-adegatrasancos@adega.gal-
28 de janeiro de 2022 00:54

_______

martes, xullo 20, 2021

Roteiro en 3D pola simulación do proxecto de Parque Eólico Brión - Doniños (Ferrol)


Roteiro en 3D pola simulación do solicitado Parque Eólico Brión, unha contribución da Plataforma Veciñal Monfero di Non, coa colaboración persoas e asociacións de cartógrafía, arqueoloxía, bioloxía, e outros perfís, de Galiza e do resto do Estado. 


Asociación Rural Contemporánea

https://monferodinon.wordpress.com/mapa/

#MontesDoCha #Doniños #Brión #Ferrol #mamoas #MonferoDiNon


#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#EolicaAsiNon
#aldeaslibresdemacroeólicos
#Moratoriaeólica
#PorUnNovoModeloEolico
#aldeasconhorizonte
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

_______

martes, xullo 13, 2021

Actividades de verán por uns montes vivos sen macroeólicos, desbroce de mámoas (monte do Chá) - Venres 16 e Sábado 24 de Xullo ás 9:30hs no local social de Valón - E o Marcha das 'Bágoas de San Lourenzo', o domingo 1 de Agosto


Actividades de verán por uns montes vivos sen macroeólicos desbroce de mámoas (monte do Chá), este venres 16 de xullo e o sábado 24 de Xullo, os dous díasa quedada, para achegar-nos ao monte en grupos, será ás 9:30hs no local social de Valón xantar a cargo dos comuneiros do Chá.

Pregase inscribirse para calcular ferramentas e xantar comunidade-montesdocha@hotmail.com ou 660128544.

Marcha das “Bágoas de San Lourenzo”, domingo 1 de Agosto as 22:00hs, refuxio de animais (Mougá), ate o monte de Pedrouzo 1,5 km.

#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#MontesDeBrionPaqueEolicoNon
#EólicaAsíNon
#MoratoriaEolica
#PorUnNovoModeloEólico
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

Enviado por:
Miguel Anjo - Adega Trasancos
-adegatrasancos@adega.gal-
13 de julho de 2021 18:52

_______

martes, maio 18, 2021

Marcha polos Montes de Brión para dar a coñecer o noso patrimonio natural, paisaxístico e arqueolóxico do lugar ameazado polo proxecto eólico - Domingo 23 de maio


Marcha polos Montes de Brión para dar a coñecer o noso patrimonio natural, paisaxístico e arqueolóxico do lugar que está ameazado polo proxecto eólico

✅ Día: Domingo 23 de Maio de 2021.
Lugar: No cruce da estrada de Brión-San Cristovo co camiño da Cheira (antes de Liñares).
Hora: ás 10 da mañá.
Percorrido aproximado: 4 Km.
Dificultade: Baixa.
Roupa: Adecuada para sendeirismo, con toda probabilidade que haberá zonas con charcas e lameiras. Levar gorra ou sombreiro para protexe-se do sol (por se hai índice alto de radiación ultravioleta).
Tempo meteorolóxico: Aínda durante a fin de semana non se establece con forza o anticiclón, polo que se mantén alta a probabilidade dalgunha precipitación de carácter ocasional, con temperaturas baixas para a época do ano (70% chuvia débil, 25% Despexado e 5% nubes e claros). [+info]

Visitaremos os lugares onde pretenden poñer os eólicos. Coñeceremos as mámoas visíbeis, as turbeiras e Lagoa do Chá, os chozos de pastores e o lugar da Batalla de Brión.


Documentos de interese
:

✔ PolGalicia - Plan de Ordenación do Litoral de Galicia. | Montes de Brión. | Acceder/Baixar.

✔ Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos. | Túmulos Prehistóricos no Concello de Ferrol. | Anuario brigantino, 1997 | 12 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

✔ Mámoa da Cheira. | Web do Patrimonio Galego. | Nesta web pode-se acceder a varias das fichas de mámoas da zona. | Ir á Web.

✔ Enlace ao mapa interactivo da zona de Brión en OpenStreetMap. | Ir ao mapa.

CONTRA A ESPECULACIÓN POR UN MONTE VIVO, NON INDUSTRIALIZADO


Enlaces de interese:


Revista Cerna Nº44 de ADEGA. | Especial Invasión Eólica. | A EÓLICA, RENOVÁBEL PERO INSOSTÍBEL | Galiza afronta unha vaga eólica sen precedentes. O modelo de implantación desta enerxía, malia ser fundamental no proceso de transición ecolóxica, está a seguir patróns obsoletos, abertamente antisociais e depredadores do medio; sustentados pola cobiza das grandes empresas e permisividade dos gobernos estatal e autonómico. Este  número de CERNA aborda a cuestión eólica, analizando as potencialidades e riscos do seu desenvolvemento mariño e facendo unha breve presentación da iniciativa “Aldeas con Horizonte, que reclama a urxente da moratoria aos novos proxectos e a elaboración dun novo marco normativo en materia eólica. | Acceder/Baixar.

O Movemento ambientalista contra parques eólicos. | O Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) é unha ferramenta de investigación, información, asesoramento e consulta para todas as persoas, empresas e colectivos interesados na enerxía eólica de Galicia. | Ir á Web.

A Rede Galega Stop Eólicos. | Uma rede de coordinação horizontal, igualitária e sem personalidade jurídica sob a causa comum da luta contra o modelo atual de implantação de parques eólicos, e que agrupa por diversos coletivos autônomos e soberanos que livremente se integram nela e que no seu nome possuem absoluta autonomia de trabalho e ação. | Ir á Web.

Aldeas con Horizonte. | Manifesto asinado por 85 colectivos. | Manifesto pola moratoria de novos parques eólicos e por un novo modelo de desenvolvemento eólico para Galiza. | 7 páxinas en formato pdf | Acceder/Baixar.


#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration
_______

martes, maio 11, 2021

Debate no Pleno da moción do BNG, sobre os proxectos eólicos que están solicitados para instalar nos montes costeiros de Ferrol - O Pleno comezou coa intervención dunha representación de diferentes asociacións veciñais, culturais, ecoloxistas e sociais, na voz da asociación de comuneiros do monte do Chá de Brión-Doniños - Interesante vídeo do conxunto do debate onde quedan reflectidas as argumentacións dos diferentes grupos municipais


O pasado xoves 29 de abril de 2021, celebraba-se o Pleno Ordinario do Concello de Ferrol, onde, entre outros asuntos, tratou-se unha moción do grupo municipal do BNG, sobre os proxectos eólicos que están solicitados para instalar nos montes costeiros de Ferrol (Cha de Brión, Monteventoso, A Lagoa, Mouga, Chamorro, ...). O debate no Pleno comezou coa intervención dunha representación de diferentes asociacións veciñais, culturais, ecoloxistas e sociais, na voz da asociación de comuneiros do monte do Chá de Brión-Doniños. No transcurso do debate quedan reflectidas as argumentacións dos diferentes grupos municipais (PP, PSOE, Ferrol en Común e o BNG).


O grupo municipal do BNG, presentou unha moción para ser debatida no Pleno co obxectivo de "protexer a zona natural do Concello fronte a proliferación de proxectos eólicos". Propuña-se que "o pleno rexeite a instalación do 'parque eólico Brión', situado nos terreos de propiedade municipal, nos montes do Chá, e denegue esta solicitude". Na mesma moción propuxo-se que o Pleno tamén rexeitara "a instalación dos outros parques eólicos solicitados para o noso concello e solicitar à Xunta de Galiza a paralizar a tramitación dos mesmos". A citada moción foi só apoiada polo grupo municipal de Ferrol en Común e rexeitada polo Pleno cos votos dos grupos do PP e do PSOE.

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration
_______

martes, maio 04, 2021

Concentración na defensa do patrimonio arqueolóxico, natural e paisaxístico da costa ferrolá, contra os proxectos de parques eólicos no termo municipal de Ferrol, polo seu non asumíbel impacto ambiental - O vindeiro venres 7 de maio, ás 7 da tarde na Praza de Armas


Convocada unha concentración na defensa do patrimonio arqueolóxico, natural e paisaxístico da costa ferrolá, contra os proxectos de parques eólicos que pretenden construír no termo municipal de Ferrol, polo seu non asumíbel impacto no medio ambiente. Unha mobilización convocada por diferentes colectivos veciñais, ecoloxistas, sociais e culturais de Ferrol que o pasado xoves 27 abril interviñeron no Pleno solicitando que este organismo municipal, rexeitara os proxectos eólicos que se pretenden instalar nos montes do Chá de Brión, a Lagoa, Pedrouzo e Chamorro.

Día: Venres 7 de maio.
Hora: ás 7 da tarde.
Lugar: Praza de Armas.


- Torretas de 130 metros con aspas de 150 metros de diámetro: en total, monstros de 200 metros.

- Enriba dos eólicos haberá balizas con luces intermitentes (brancas de día e vermellas de noite), con destellos as 24 horas.

- As sombras das pas ao xirar proxéctanse ata 4 km de distancia.

- Ruídos constantes de ata 105 decibelios (dB) a 250 metros de aldeas de Brión, Doniños, Papoi ou Pradedo (parroquia de San Mateo). Hai que ter en conta que, segundo a OMS, a exposición máis de 85 dB durante oito horas ou 100 dB durante 15 minutos considérase prexudicial para a saúde.

- Movementos de terras para pistas, plataformas de formigón de 15 ha. soamente no Monte da Cha de Brion e Doniños no medio dunha necrópole de 39 mámoas de fai 5000 anos, aínda sen escavar.

- Pistas, desmontes e recheos enriba de turbeiras en fase de estudo, e enriba da lagoa do Cha (catalogada e rexistrada como lugar de interese e conservación de avifauna migratoria e local preto da Rede Natura 2000).

- Galiza xa se abastece de enerxía renovable. Todo o que se produza a partir de agora será para exporta a outras rexións.

- Agora mesmo Galiza ten 4000 aeroxeneradores e para 2030 queren duplicalos.

- Hai un desembarco de empresas enerxéticas e construtoras que veñen a facer 0 agosto aquí pola nosa normativa permisible, subvencións de financiamento publica (fondos Next Generation), e porque o capitalismo especula hoxe coa enerxía verde e renovable.

- Lantalia (antiga Isolux-Corsan a 2ª empresa que máis debe a Facenda e declarada en quebra en 2018 para non pagar 330 millóns de Euros) e a que se lucrará destes 3 parques de 100MW que lles dará 10 millóns de euros anuais e que a nos non nos vai baixar o recibo.

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration
_______

luns, maio 03, 2021

Diferentes entidades ecoloxista, veciñais e culturais de Ferrol dirixen-se ao Pleno do Concello de Ferrol solicitando o rexeitamento aos proxectos de parques eólicos no termo municipal de Ferrol, polo seu inasumíbel impacto no patrimonio arqueolóxico, natural e na paisaxe da costa ferrolá, sen xerar beneficios ningúns para o conxunto da cidadanía e a veciñanza


AO PLENO DO CONCELLO DE FERROL


A Asociación Comuneir@s do Chá, formada por veciños e veciñas das parroquias de Brión e Doniños, é a entidade xestora e usufrutuaria dos aproveitamentos do Monte do Chá tal como establece a Ordenanza Municipal reguladora dos aproveitamentos comunais do Monte do Chá, aprobada o 28 de marzo de 2019.

Na Asemblea Xeral Anual celebrada o sábado 6 de marzo do 2021 acordamos expresar o noso rotundo rexeitamento á pretensión da empresa privada Lan2030 S. L. de instalar un parque eólico (P.E. Brión) no monte do Chá e montes privados lindeiros.

Non estamos en contra das enerxías renovables pero si de que macroparques eólicos de alto impacto ambiental se impoñan de costas á veciñanza en lugares que deberían conservarse polos seus valores naturais, patrimoniais, sociais e paisaxísticos só para beneficio de empresas privadas.

Galiza xa alberga 4000 aeroxeradores, capaces (xunto coa hidroeléctrica) de fornecer de enerxía eléctrica renovable o consumo doméstico galego. O actual pelotazo eólico responde unicamente ós interese especulativos de empresas privadas de lucrarse espoliando os recursos naturais dos nosos montes e costas, así como os fondos públicos europeos de recuperación económica NEXT Generation que deberan destinarse ós sectores populares empobrecidos polas medidas tomadas pola pandemia.

Ante a falacia da creación de emprego, estes proxectos non crean durante o seu funcionamento un volume de emprego estable na zona que xustifique o seu grave impacto.

Denunciamos que o P.E. BRIÓN forma parte dun macroparque que ocuparía a maioría dos cumes dos montes do termo municipal de Ferrol, este macroparque de máis de 100 MW foi artificialmente fragmentado pola mesma empresa promotora en tres parques distintos (P.E BRIÓN, P.E. MONTEVENTOSO e P.E. FERROL) para poder tramitalo a través da Xunta e non do Ministerio, como corresponde ós parques eólicos de máis de 50 MW.

O monte do Chá alberga un patrimonio arqueolóxico de primeira orde, unha necrópole neolítica formada por 39 mámoas catalogadas por Patrimonio que a Asociación de Comuneir@s xa comezou a acondicionar para preservalas e divulgar este patrimonio. Nese sentido acabamos de asinar un convenio coa UDC para a investigación e posta en valor dese patrimonio.

É importante entender o valor das mámoas non como un conxunto de elementos illados, senón pola relación que establecen coa paisaxe e o entorno natural do monte. A preservación e posta en valor deste conxunto é incompatible coa implantación no monte do Chá dun parque eólico que a propia promotora recoñece no documento ambiental de inicio que afectaría a 33 mámoas, entrando en contradición coa protección das mesmas recollida no PXOM, polo que a autorización do parque eólico incorrería en prevaricación.

O P.E. FERROL tamén afectaría ó conxunto de 21 mámoas dos montes de Mougá – Campaíñas e ós acuíferos, fontes e traídas veciñais de Vilasánchez e Viladóniga.

A asociación Comuneiros do Chá estamos tamén traballando nas melloras medioambientais do monte mediante plantacións de frondosas e outros proxectos produtivos, esas melloras no non só repercuten na veciñanza das parroquias de Brión e Doniños, xa que o monte do Chá é frecuentado por moita veciñanza de Ferrol que desfruta a paisaxe tranquila e as magníficas vistas do monte para rutas de sendeirismo, bicicleta, cabalo, etc.

Non é lugar para instalar un parque eólico, o que implica desmontes, pistas de acceso e  movementos de terras, que afectarían a 15 Ha da area de protección das mámoas, á lagoa da Cova do Barro e ós acuíferos dos que se abastecen os núcleos de Liñares, Martín e o Espiño.

Así mesmo os parque eólicos implican liñas de alta tensión, ruído constante das palas, efecto sombra e interferencias nas telecomunicacións para as aldeas veciñas.

O artigo 21 da Ordenanza establece que o Concello de Ferrol velará pola mellora e aproveitamento do Monte Brión, polo seu carácter social. Entregalo a unha empresa privada para o seu lucro non é fomentar o carácter social do monte.

Non estamos a falar dos eólicos que se instalaron hai vinte anos, senón de torretas de 130 metros con aspas de 150 metros de diámetro de xiro; en total instalacións de 200 metros de altura sobre os montes que bordean a ría. O impacto visual dos aeroxeradores sería visible non só dende as parroquias rurais, senón dende as praias e a propia cidade.

A costa ferrolá foi declarada LIC Costa Ártabra e forma parte da Rede Natura 2000 polos seus valores naturais e paisaxísticos excepcionais a nivel europeo, os parques proxectados sitúanse fóra dos límites da Rede Natura pero o seu impacto visual ou sobre a avifauna afectan directamente ó LIC Costa Ártabra.

Non entendemos as declaracións do alcalde Ángel Mato na prensa, declarando o apoio do Concello a ese proxecto, sen ter informado previamente do mesmo ós lexítimos xestores e usufrutuarios do monte, é dicir, a veciñanza; nin entendemos que antepoña o lucro dunha empresa foránea ó desfrute por parte da cidadanía de Ferrol dos valores patrimoniais e medioambientais do monte.

Por todos eses motivos solicitamos do pleno que asuma o rexeitamento ós proxectos de parques eólicos no termo municipal de Ferrol polo seu inasumible impacto no patrimonio arqueolóxico, natural e na paisaxe da costa ferrolá, sen xerar beneficios ningúns para o conxunto da cidadanía e a veciñanza.

Este texto é respaldado polas seguintes entidades reunidas en Doniños o 23 de abril de 2021:

AV Castelao de Brión
AV de Prioriño
ADEGA
Asoc. Cultural Fuco Buxán
Asoc. Cultural Medulio
Asoc. Cultural Ferrolterra Antiga
Asoc. Custodia do territorio BETULA
Grupo de Arqueoloxía terra de Trasancos
Marcha Mundial das Mulleres Ferrolterra
VerdeGaia
---

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration
_______

domingo, maio 02, 2021

Asociación Betula, xunto con outras organizacións, posiciónase no rexeitamento a instalación dun macroparque eólico en montes da costa de Ferrol, por entender que suporía un gran deterioro medioambiental

Ante a solicitude por parte da empresa LAN2030 S.L. para a instalación dun macroparque eólico no concello de Ferrol (montes do Chá, Mougá e monte da Lagoa), en lugares de costa de gran valor natural, patrimonial, social e paisaxístico; a Asociación Betula, xunto con outras organizacións, posiciónase no rexeitamento a este proxecto por entender que suporía un gran deterioro medioambiental para a comarca de Ferrol. O escaso lucro económico e a nula enerxía que deixaría na comarca, non compensarían os danos irrevocaveis (54 mámos afectadas, destrución de acuíferos, fontes, traídas veciñais; ruído constante da pas, efectos sobre a avifauna, etc.) producidos pola súa instalación (accesos, desmontes, movementos de terras, muíños de 200m de altura, liñas de alta tensión, etc.).

Entendemos que é moi importante a divulgación entre a cidadanía de toda a información referida a este proxecto de cara a conseguir un amplo coñecemento das consecuencias derivadas da instalación deste macroparque eólico.

Adxunto enviamos diferentes documentos que explican gráfica e textualmente a realidade desta tipo de actuacións, que sendo locais, encádranse dentro dunha auténtica avalancha de parques eólicos en Galicia. Consultar Rede Galega Stop Eólicos; tamén, con tempo, podedes ver un interesante vídeo en Youtube: Roxin Roxal. Que pasa no monte do Gato?

 ✅ Texto ao Pleno do Concello de Ferrol, solicitando do mesmo, o rexeitamento ós proxectos de parques eólicos no termo municipal de Ferrol, polo seu inasumíbel impacto no patrimonio arqueolóxico, natural e na paisaxe da costa ferrolá, sen xerar beneficios ningúns para o conxunto da cidadanía e a veciñanza | 23 de abril de, 2021 | Acceder/Baixar.










Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
28 de abril de 2021 22:50

_______

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

_______

martes, abril 20, 2021

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, envía o Documento Ambiental de Inicio do Plan Eólico de Brión á Asociación Comuneiros do Chá - Convocada unha xuntanza onde se convida ao movemento veciñal e asociativo de Ferrol, para este venres 23 de abril, nos locais da Xunta Veciñal de Doniños


A asociación de Comuneiros do Chá de Brión - Doniños, difunde a información que facilitou a Dirección Xeral de Enerxía e Minas sobre Plan Eólico de Brión e convoca unha xuntanza do movemento asociativo e veciñal de Ferrol, para analizar a documentación sobre o proxecto eólico na zona e continuar coa constitución dunha plataforma para a defensa dp medio ambiente e a irracional invasión eólica que proxectan facer no termino municipal. A xuntanza terá lugar o vindeiro venres 23 de abril, ás 5 da tarde no baixo do local social da Xunta Veciñal de Doniños.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, envía o Documento Ambiental de Inicio do Plan Eólico de Brión (Abril 2020)


A Asociación informa que segundo lles contestaron desde a citada Dirección Xeral:

Trátase do documento de inicio no que o promotor se fundamenta para solicitar o alcance que deberá ter o estudo de impacto ambiental. Tamén debe sinalarse que non existen expedientes abertos para as seguintes tramitacións e expedientes que menciona o interesado na súa solicitude:

Proxecto de instalación eléctrica de evacuación.
Expediente de autorización ambiental.
Expediente de autorización das instalacións ou informes sectoriais.
Expediente de declaración de utilidade pública/prevalencia.

Menciona que se fará un informe arqueolóxico aparte (que teriamos que solicitar se está feito). O propio documento actual recoñece que:

33 mámoas se verán afectadas, polos vías, gabias e aeroxeradores.

Tamén fala de que se fará outro informe de impacto e integración paisaxística.

Menciona que levará unha liña de evacuación de alta tensión de 2 Km dende a subestación do P.E (no medio da maior concentración de mámoas) ata a subestación do porto exterior. (proxecto aparte).

O informe sobre afeccións ás aves recoñecía que era medio alto.

As explanadas para a cimentación dos aeroxeradores son de máis de 2000 m2 cada unha e abranguen un total de 1,5 Ha e obviamente achaiarían os curutos.

A area total afectada por pistas, movementos de terras, acumulación de palas durante a montaxe, etc sería de máis de 14 Has.

En definitiva DESFARÍA a mellor zona do MONTE e deixaríao inutilizable para uso sociais e recreativos.

Ademais tivemos noticia da aparición na web do Rexistro eólico de OUTRA NOVA SOLICITUDE DE PARQUE EÓLICO no termo municipal de Ferrol, na zona dos montes de Mougá e Vilasánchez - A Bailadora, con 10 aeroxeradores, dúas torres meteorolóxicas e unha subestación.

Realmente enfrontamos, non tres parques eólicos senón un macroparque de máis de 50 MW fraccionado de xeito fraudulento.

Achegamos captura de pantalla da web do rexistro eólico de Galicia e localización aproximada das instalacións.

Tivemos noticia de que no pleno municipal de Ferrol do día 29 o BNG vai presentar unha moción acerca dos eólicos, tamén de que no pleno do concello de Lalín aprobouse por unanimidade unha moción de rexeitamento á avalancha de eólicos que vos enviamos adxunta. A asociación comuneiros do Chá vai solicitar estar presente nese pleno telemático.

Por todos estes motivos e tal como acordamos na reunión que tivemos antes de semana santa o tecido asociativo CONVOCAMOS:

A todas as ENTIDADES veciñais, culturais, deportivas, ecoloxistas, feministas e doutra índole que poidan sentirse afectadas por estes proxectos a REUNIRNOS para compartir información e coordinar accións.

O VENRES 23 DE ABRIL ÁS 5:00 H da tarde
Nos baixos do Local da XUNTA VECIÑAL DE DONIÑOS.


A reunión conta coa oportuna autorización e seguirá os protocolos covid.

AGARDÁMOSVOS e agradecemos a difusión desta convocatoria entre outras entidades que poidan estar interesadas en defender a nosa contorna.

Dende a asociación comuneiros do Chá recibimos da Dirección Xeral de Enerxía e Minas o documento de inicio do Proxecto Eólico, é un documento de hai un ano abril 2020. Co plano máis significativo da localización dos aeroxeradores:

Clicar na imaxe para acceder ao documento



Documento Ambiental de Inicio - Parque Eólico Brión | Promotor: LAN2030 BRIÓN, S.L. | Situación: TT.MM. FERROL (A CORUÑA). | Autor: MARÍA JESÚS IGLESIAS MOUTEIRA. | Ingeniera de Montes. Col. no 4278. Fecha: ABRIL 2020. 161 páxinas en formato pdf . 33,1 MB . | Acceder/Baixar.

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

Enviado por:
Comunidade Montes do Cha
-comunidade-montesdocha@hotmail.com-
20 de abril de 2021 19:34

_______

venres, abril 02, 2021

O BNG pide ao goberno local que rexeite os parques eólicos nos montes do Chá - Iván Rivas solicitou hoxe ao Alcalde da cidade que negue a autorización, no monte de titularidade municipal para a instalación deste parque eólico - Así mesmo pídelle que esixa o estrito cumprimento dos requirimentos medioambientais e de protección nos terreos de titularidade privada que promovan este tipo de instalacións


O BNG pide ao goberno local que rexeite os parques eólicos nos montes do Chá

Iván Rivas solicitou hoxe ao Alcalde da cidade que negue a autorización, no monte de titularidade municipal para a instalación deste parque eólico.

Así mesmo pídelle que esixa o estrito cumprimento dos requirimentos medioambientais e de protección nos terreos de titularidade privada que promovan este tipo de instalacións.


O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol sinala que existe unha proposta que prevé a instalación de dous parques eólicos no concello, concretamente un nos montes do Chá, en terreos que contan cun importante patrimonio arqueolóxico, no que se atopan 39 mámoas, ademais de elementos naturais que precisan da súa protección e conservación.

Os impactos sobre estes bens patrimoniais non só virán determinados polos aeroxeneradores en si senón que xunto a eles será preciso desenvolver escavacións, cimentacións, canalizacións e instalacións complementarias que suporán unha alteración substancial da contorna, e sobre todo tendo en conta as grandes dimensións dos elementos que integran a proposta presentada.

Iván Rivas solicitou hoxe ao Alcalde da cidade que negue a autorización, no monte de titularidade municipal para a instalación deste parque eólico. Así mesmo pídelle que esixa o estrito cumprimento dos requirimentos medioambientais e de protección nos terreos de titularidade privada que promovan este tipo de instalacións.

O portavoz municipal do BNG de Ferrol lembra que a Ordenanza municipal de aproveitamento dos Montes do Chá sinala que os aproveitamentos forestais dos mesmos teñen que adaptarse aos requisitos contemplados no proxecto de ordenación do monte e que os aproveitamentos de contraprestacións por terceiros deben ser autorizados polo concello expresamente.

Ademais, a ordenanza advirte que o Concello debe velar polo carácter social do monte, e este carácter social dista moito de estar xustificado nun proxecto que exclusivamente persegue a rendibilidade económica dunha instalación eólica de promoción privada.

O BNG lembra que os impactos destes elementos non se limitan as afección sobre os bens patrimoniais dos montes do Chá antes sinalados senón que implicarán afeccións de carácter paisaxístico, atmosférico e medioambiental.

Iván Rivas lembrou que estamos a falar de aeroxeneradores dunhas dimensións salientables, que superarán os 200 m. de altura, equivalente, por exemplo, á altura da cheminea da térmica de Meirama e que no caso dos montes de Brión terán un diámetro de rotor de 150m. e no caso de Monteventoso de 175 m.

Para o BNG é evidente que un conxunto de elementos destas dimensións suporá un alto impacto paisaxístico. Si temos en conta que a presenza destas instalacións nun radio menor aos 5km pode considerarse de impacto visual alto, o feito de que algúns destes elementos se sitúen a menos de 500m. de núcleos de poboación e a menos de 2,5 Km. do peirao de Curuxeiras deixa as claras o importante impacto que estes aeroxeneradores provocarán na contorna.

Esta proximidade aos núcleos de poboación pode provocar ademais un efecto de sombra titilante sobre estes contornos habitados e ruídos e molestias ambientais xeradas polo seu funcionamento.

As afeccións sobre a fauna e sobre as aves serán tamén importantes dado que os proxectos están próximos a Zonas de Especial Protección para as Aves e a zonas declaradas como de Especial Conservación e sobre todo tendo en conta que este tipo de instalacións tipo provocan un incremento da mortalidade entre as aves por colisións contra as palas dos aeroxeneradores.

Por tanto o BNG considera que tanto pola proximidade a núcleos de poboación, como por localizarse nun espazo con alto valor patrimonial, como pola proximidade a zonas de protección ambiental, como por non estar xustificado o seu carácter social a localización destes aeroxeneradores nos ámbitos propostos debe ser denegada por parte do concello de Ferrol.

Ferrol, a 31 de marzo, de 2021

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
1 de abril de 2021 08:32

_______

martes, marzo 16, 2021

Comuneiros do Cha de Brión-Doniños convocan ao tecido asociativo da Comarca ante o anuncio da instalación dun parque eólico no Monte do Cha - A reunión será o martes día 16 de marzo, ás 5 da tarde nos baixos do local da Xunta Veciñal de Doniños


CONVOCATORIA DE REUNIÓN INFORMATIVA A TECIDO ASOCIATIVO DA COMARCA

A ASOCIACIÓN COMUNEIROS DO CHÁ formada por veciños e veciñas das parroquias de Brión e Doniños, é a entidade xestora e usufrutuaria dos aproveitamentos do Monte do Chá tal como establece a Ordenanza Municipal reguladora dos aproveitamentos comunais do Monte do Chá, aprobada o 28 de marzo de 2019.

Sendo coñecedora do proxecto da empresa Lan S.L. de instalar un parque eólico en terreos do Monte do Chá e montes privados estremeiros e de que a mesma empresa ten outro proxecto semellante no Monte da Lagoa.

Tendo expresado na prensa o alcalde de Ferrol o apoio do Concello a estes proxectos sen terse dirixido previamente á veciñanza afectada.

Considerándonos directamente afectados por este proxecto quixeramos ter unha reunión coas entidades veciñais, deportivas, ecoloxistas, culturais ou doutro tipo que se sintan igualmente afectadas por este proxecto.

A reunión conta coa pertinente autorización da policía municipal e por cuestións de aforo prégase que se restrinxa a asistencia a unha persoa en representación de cada entidade.

A reunión será o martes día 16 de marzo, ás 17:00 h nos baixos do local da Xunta Veciñal de Doniños.

Nela informaremos do que sabemos deste proxecto e debateremos acerca das medidas máis adecuadas a tomar ó respecto.

Agradecendo a vosa presenza, propostas e contribucións Agardámosvos.

Contacta con nós no correo:

comunidade-montesdocha@hotmail.com

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

Nova relacionada:

💚 Os comuneros do Chá de Brión móstranse en contra dun parque eólico nos seus montes. Diario de Ferrol - 13 de marzo de 2021. | Entre as razóns que argumentan atópase a oposición, non ás enerxías renovábeis, senón aos macroparques eólicos de alto impacto ambiental que se proxectan "de costas á veciñanza" e en lugares que consideran que deberían conservarse polos seus valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos, "só para beneficio de empresas foráneas"... | Ir á Web.
_______