Amosando publicacións coa etiqueta Servizos Públicos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Servizos Públicos. Amosar todas as publicacións

luns, xuño 21, 2021

Sobre a necesidade de Servizos da Dependencia Públicos, disertará en Ferrol, o activista e médico epidemiólogo, Francisco Vázquez Vizoso, este martes 22 de xuño, ás 7 da tarde no CFIP Ferrolterra (Recimil)


Sobre a necesidade de Servizos da Dependencia Públicos, disertará o activista e médico epidemiólogo, Francisco Vázquez Vizoso, en Ferrol, este martes 22 de xuño, ás 7 da tarde, no salón de actos do CFIP Ferrolterra, situado no barrio de Recimil, na rúa Ramón y Cajal, S/N, nas inmediacións do monumento á solidariedade obreira "10 de Marzo".

O compañeiro Francisco Vázquez Vizoso, defende a necesidade duns servizos públicos da dependencia, accesíbeis e de cualidade, concretados nas residencias de maiores, centros de día, atención no fogar, ...

Todos os cidadáns teñen dereito a unha vida digna!

Plataforma Ferrolterra na Defensa das Pensións Públicas, integrada en MODEPEN (Movemento Galego pola Defensa das Pensión Públicas).

Para contactar coa Plataforma:

Correo-e:
plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com

Conta no facebook:
https://www.facebook.com/DefensaPensionsFerrolterra/
_______

martes, xuño 09, 2020

Proposta da CIG para a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas - A crise sanitaria evidenciou a necesidade de pór os coidados na prioridade das políticas


Proposta da CIG para a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas. | A crise sanitaria evidenciou a necesidade de pór os coidados na prioridade das políticas.


Desde a CIG levamos anos denunciando a situación, tanto laboral como asistencial, das residencias da terceira idade, dos centros de día, dos centros de atención á diversidade, dos servizos de axuda no fogar, etc., servizos que o goberno do PP na Xunta vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a custo das persoas máis vulnerábeis.

A crise sanitaria derivada da pandemia do COVID-19 puxo máis de manifesto ca nunca a necesidade de poñer os coidados na prioridade das políticas públicas e, por tanto, a urxencia de investimento público en servizos de atención ás persoas.

Durante esta crise sanitaria evidenciouse a situación de debilidade dos servizos públicos de atención social e de coidados. Nos servizos de axuda no fogar ou nas residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade son manifestas as carencias de persoal e material, falla de protocolos homoxéneos de funcionamento nestes centros, abusos patronais e importante niveis de explotación laboral existentes.

Os servizos públicos son a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade e ás per-soas dependentes ou con diversidade funcional, debendo asumir directamente a Administración pública galega as súas competencias na atención ás persoas vulnerábeis, xa sexa por idade, pola súa discapacidade ou dependencia. Non é de recibo, e supón unha auténtica barbaridade, que os coidados e a saúde destas persoas vulnerábeis sigan gardando relación cos beneficios e flutuacións en bolsa dos fondos de investimento, multinacionais ou fondos voitre que están detrás das concesionarias destes servizos públicos.

Ademais, estas reivindicacións son a resposta urxente e xusta ante a necesidade de afrontar unha das manifestacións máis visíbeis da realidade galega: crise demográfica, aumento constante da poboación maior, elevada dispersión dos núcleos de poboación (maioritariamente de idade avanzada) e precaria capacidade adquisitiva das pensións públicas, nomeadamente no caso das mulleres.

Servizos que debe prestar esta rede única pública

Desde a CIG propoñemos a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede pública que preste os seguintes servizos:
  • Centros asistenciais e residenciais da terceira idade
  • Centros de día
  • Centros de atención á diversidade
  • Servizos de axuda no fogar
  • Outros recursos: Casas niño, Casas do/a maior, Xantar na casa, Transporte adaptado...
Condicións que debe ter o sistema
  • Estes servizos estarán dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos.
  • Dignificación das condicións laborais e salariais de todo o persoal coa aplicación do mesmo convenio colectivo.
  • Na prestación de servizos ás persoas beneficiarias, priorizarase a atención a través desta rede de recursos públicos, antes que as axudas económicas.
  • Eliminaranse todo tipo de repagamentos na atención e coidados, mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos.
  • Incrementaranse e adecuaranse os orzamentos públicos destinados a este fin, así como aqueles dirixidos á promoción da autonomía persoal e o avellentamento activo.
  • Transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia.
Xestión pública galega e proceso de integración do persoal

A CIG defende a xestión directa polas administracións públicas de todos os servizos públicos. Sen entrarmos a avaliar neste momento a forma de xestión máis acaída entre as previstas na lexislación vixente, é ineludíbel e máis necesario que nunca que a xestión destes servizos sexa pública e única en Galiza.

No que ten a ver coa reversión de servizos públicos privatizados, está clara a defensa que a CIG mantén en todo o relativo á sucesión de empresa e a subrogación dos traballadores e traballadoras, tendo en conta a lexislación e abundante xurisprudencia existente nesta materia, tanto no respecto ás condicións laborais e contractuais como a ineludíbel e preceptiva creación pola administración pública dos postos e prazas necesarios e que deberá regularse mediante convocatorias públicas e os procedementos establecidos legalmente, buscando as fórmulas que dean solución de futuro ao persoal subrogado, garantindo a prestación destes servizos máis alá das taxas de reposición de efectivos que afogan a prestación directa con persoal empregado público.

Neste sentido mantense plenamente vixente a Guía Sindical sobre remunicipalización de servizos públicos aprobada polo Secretariado Confederal o 29 de xuño de 2015. En todo caso, debemos deixar claro que os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorizada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerado un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola administración pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estábeis para o persoal encargado dos coidados.

Proposta da CIG - Folleto en formato pdf. | Acceder/Baixar.

Fonte: Avantar. | Baixo Licenza CreativeCommons.

Novas relacionadas

04 Xun 2020. | Xubilados/as e pensionistas da CIG esixen un sistema público galego de servizos de atención e unhas pensións dignas .

05 Abr 2020 | O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG demanda que non se volva facer negocio coa atención a maiores e dependentes.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
8 de junho de 2020 23:30

_______

martes, xaneiro 15, 2019

Eliximos Narón Informa e analiza sobre os efectos do cambio do sistema de carga no contrato de recollida de lixo que está licitando o Concello



Efectos do cambio do sistema de carga no contrato de recollida de lixo.


O prego técnico di que “Se aposta pola introdución do sistema de carga lateral mono-operado para a práctica totalidade do Concello”, sen máis explicacións e sen xustificar a rendibilidade do investimento necesario en maquinaria e equipamento, que ascende a 3,4 millóns de euros (a amortizar nos 10 anos de contrato propostos). Analizamos a continuación as implicacións funcionais dos cambios no sistema de recollida:

Man de obra: Non se reduce a necesidade da man de obra porque, aínda que no camión de carga lateral só vai o condutor, require doutra persoa que, cun coche auxiliar (o que implica gastos adicionáis), vai diante recollendo bolsas de residuos depositadas fora dos contedores e apartando posibles obxectos que impidan operar ao camión; persoa que antes facía o mesmo, pero ía co camión, e que tamén achegaba os contedores para a súa descarga.

Tempos de recollida e percorrido: son maiores coa carga lateral, pois os camións de carga traseira coa axuda do peón son máis rápidos.

Accesibilidade: segundo o tipo de contedor, adoitan ser de apertura máis simple e accesible.

Ruído: redúcese xa que os contedores non se arrastran polo chan e o camión adoita ser máis silencioso.

Contedores: permite contedores de maior capacidade, o cal só supón unha vantaxe en lugares de alto volume de residuos (moitas vivendas xuntas) e que actualmente esixen de varios contedores iguais para dar cabida a todos os residuos entre recollidas. Con todo, o feito de empregar contedores de maior capacidade non debería de implicar unha diminución significativa do número de puntos de recollida, xa que se trata de ofrecer un servizo próximo ao cidadán.

Localización dos Contedores: ademais de ter que adaptar algunhas bases para os novos contedores ou ter que eliminar as suxeicións dos vellos tamén está o condicionante de que todos os contedores deberán de estar no lado dereito do sentido de avance do camión, nun só lado no caso de rúas dunha soa dirección ou nas que o camión só faga o recorrido nunha dirección, o cal pode ser un problema en bastantes casos.

Puntos de recollida: redúcense para a fracción resto ao 63 % e ao 60% o de envases, fixando a condición de que os usuarios non deban andar máis de 100 metros ata o máis próximo. Esta redución pode estar parcialmente xustificada pola eliminación de contedores duplicados nun mesmo punto de recollida debido ao seu menor tamaño, pero dificilmente explícase unha baixada do 37%. Os puntos de recollida selectiva xa son escasos actualmente fronte á fracción resto (43% envases, 15% papel/cartón e 12% vidro), o cal provoca protestas e desincentiva á reciclaxe, e, en lugar de aumentar, vai sufrir unha forte redución (40%) para os envases, algo que non vai contribuír a alcanzar os obxectivos fixados pola lexislación.

Frecuencias de recollida: As variacións destacadas son unha redución ao 50% na fracción resto da zona urbana, manténdose aproximadamente igual nas restantes zonas e, en consecuencia, prevese un posible incremento dos malos cheiros (ao pasar a recoller cada dous días en lugar de diariamente) e de reboses, pois a frecuencia redúcese á metade pero a capacidade dos contedores non se duplica senón que crece só nun 66 %. Nas recollidas selectivas aumenta, excepto na zona rural que se reduce á metade sen xustificación coñecida, duplícase na zona urbana e triplicase na semiurbana e polígonos, aínda que non parece que ofreza ningunha vantaxe práctica dado que as capacidades tamén se incrementan e estes materiais non adoitan xerar cheiros ou outras molestias como a fracción resto; é máis, podería verse como un gasto innecesario de recursos e combustible.

Á vista do exposto, podemos concluír que as únicas vantaxes significativas da proposta son unha certa mellora na accesibilidade e a diminución do ruído na recollida, melloras que non xustifican os sobre custos que comporta o cambio.

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)

673141822 - eliximos@gmail.com

Narón, moito  por facer
...fagámolo, xuntos podemos.

Web:
http://eliximos.es/

twitter:
https://twitter.com/eliximosnaron

facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/

Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
11 de janeiro de 2019 08:30

_________

Enlace relacionado:

https://www.naronparticipa.es/

___________

venres, xaneiro 04, 2019

André Abeledo, concelleiro de Esquerda Unida de Narón, entende fóra de lugar sacar a concurso, por dez anos, o contrato da recollida do lixo e limpeza viaria do Concello - Defende a municipalización dos servizos básicos para que sexan un auténtico servizo público - Entende que os gobernos non poden hipotecar o futuro da veciñanza


Abeledo entende fora de lugar  sacar a concurso, por dez anos, o contrato da recollida do lixo e limpeza viaria en Narón.


André Abeledo indica que ningún goberno debería dar contratos que exceden da súa lexislatura.

Ademais de que o noso modelo non é este, e dende EU NARÓN defendemos a municipalización dos servizos básicos para que sexan un auténtico servizo público, entendemos que os gobernos non poden hipotecar o futuro da veciñanza.

Abeledo recorda ao Equipo de Goberno que os contratos de suministros e de servizos de prestación sucesiva terán  un prazo máximo de duración de cinco anos, incluíndo as posibles prórrogas que en aplicación do apartado segundo deste artigo acorde o órgano de contratación, respetando as condicións e límites establecidos nas respectivas normas orzamentarias que sexan aplicables ao ente contratante.

Excepcionalmente, nos contratos de servizos poderase establecer un prazo de duración superior ao establecido no parágrafo anterior, cando o esixa o período de recuperación das inversións directamente relacionadas co contrato e estas non sexan susceptibles de utilizarse no resto da actividade produtiva do contratista ou a súa utilización fora antieconómica, sempre que a amortización de ditas inversións sexa un custo relevante na prestación do servizo, circunstancias que deberán ser xustificadas no expediente de contratación con indicación das inversións as que se refira e do seu período de recuperación. O concepto de custo relevante na prestación do servizo  será obxeto de desenrolo regulamentario.

O contrato de servizos de mantemento que se concerte conxuntamente co da compra de ben a manter, cando dito  mantemento solo poida ser prestado por razóns de exclusividade pola empresa que suministróu dito ben, poderá ter como prazo de duración o da vida útil do produto adquirido.

Así mesmo poderá establecerse nos contratos de servizos relativos aos servizos as persoas un prazo de duración maior cando elo fora necesario para a continuidade de aqueles tratamentos aos usuarios nos que o cambio do prestador puidera repercutir negativamente.

No obstante o establecido nos apartados anteriores, cando ao vencemento dun contrato non se houbera formalizado o novo contrato que garanta a continuidade da prestación a realizar polo contratista como consecuencia de incidencias resultantes de acontecementos imprevisibles para o órgano de contratación producidas no procedemento de adxudicación e existan razóns de interese público para non interromper a prestación, poderase prorrogar o contrato orixinario ata que comence a execución do novo contrato e en todo caso por un período máximo de nove meses, sen modificar as restantes condicións do contrato, sempre que o anuncio de licitación do novo contrato téñase publicado cunha antelación mínima de tres meses respecto da data  de finalización do contrato orixinario.

Dende EU NARÓN preguntámonos que inversión vai a xustificar neste caso o Equipo de Goberno?.

Por exemplo no caso do servizo da auga poden dicir que as novas canalizacións son feitas para Narón e son inversión para Narón.

Pero cal é o argumento no lixo e limpeza viaria?.

GRUPO MUNICIPAL
ESQUERDA UNIDA DE NARÓN

Contas de Esquerda Unida Narón no facebook e no twitter. | Achegate xunta Nós, fagamos un novo Concello mais social, mais democrático, participativo e de Tod@s.


Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
31 de dezembro de 2018 01:32

__________________

Foto: Cesar Toimil. |

luns, maio 28, 2018

A eurodeputada galega Lídia Senra reclama uns servizos públicos de calidade no rural como garantía para poder manter poboación - A eurodeputada ve fundamental crear conciencia colectiva para dar o debate social e institucional que permita mudar o modelo e o investimento - Denuncian deficiencias no acceso a internet e no transporte cos núcleos próximos, así como o recorte de Correos nos concellos de Vedra e Boqueixón


Lídia Senra reclama uns servizos públicos de calidade no rural como garantía para poder manter poboación. | A eurodeputada ve fundamental crear conciencia colectiva para dar o debate social e institucional que permita mudar o modelo e o investimento. | Denuncian deficiencias no acceso a internet e no transporte cos núcleos próximos, así como o recorte de Correos nos concellos de Vedra e Boqueixón.

A eurodeputada galega Lídia Senra reclamou este sábado uns servizos públicos de calidade como garantía para poder manter e fixar poboación nas zonas rurais da Galiza e lograr un rural vivo no que a xente poida residir nunhas condicións dignas. Fíxoo durante a primeira mesa da xornada “Acceso aos servizos básicos: Un dereito imprescindible para un rural vivo en Europa”, que se está a desenvolver durante todo o día na Casa da Cultura de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) organizada por ela mesma, como membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). No coloquio, no que participaron Senra, Roberto Castro Rocamonde, concelleiro Non Adscrito en Vedra, e María del Carmen Soutullo Carolo, concelleira da Agrupación de Veciñ@s de Boqueixón, abordouse e denunciouse a deficiente situación actual da maioría do rural galego e de Vedra e Boqueixón en particular en canto ao acceso que ten a cidadanía a servizos básicos como poden ser internet, o transporte público ou Correos.

Lídia Senra defendeu que en todo o rural galego hai dúas batallas fundamentais a dar: Unha é a batalla sobre a actividade económica, xa que “se non hai unha actividade agraria forte, o rural esmorece”; e outra son os servizos públicos porque “se non temos servizos públicos que nos permitan ter unha vida normal no medio rural, a poboación tamén marcha destas zonas”. “Son temas importantes aos que non se lle está prestando no debate político a importancia que teñen e temos que preocuparnos e moito desde as organizacións sociais e desde as institucións para solucionalo”, defendeu. Así, denunciou tamén o interese privatizador que impera actualmente, de pretender converter os servizos públicos nun negocio e vaticinou que se seguir así, o rural será o primeiro en pagar estas políticas privatizadoras. “O PP e o PSOE reformaron o artigo 135 a Constitución para priorizar o pago da débeda por riba do investimento, mesmo én detrimento dos servizos públicos básicos, e as consecuencias témolas enriba”, dixo.

Ante esta situación, a europarlamentaria chamou a articularse socialmente para que no rural, e nomeadamente en Vedra e Boqueixón, se tome conciencia colectiva para facerse escoitar nas institucións e dar o debate social. “Estase acabando cos servizos no rural á vez que están intentando converter o rural nos vertedoiros das cidades e estamos chegando a un nivel de contaminación impresionante. Só nas proximidades de Santiago, da capital galega, temos a antiga mina de Touro convertida nun basureiro contaminador de augas e solos; temos o vertedoiro de Miramontes, en Grixoa, na mesma situación; e ademais agora queren facer algo similar nunha antiga canteira de Teo. Isto hai que sacalo á luz, está oculto. Oco que hai, oco que están usando para esconder lixo e ademais residuos que se producen en moitos casos a centos de quilómetros”, denunciou.

Na mesma liña, María del Carmen Soutullo Carolo exixiu uns servizos públicos para evitar o abandono do rural e acabar co illamento das aldeas. “Se non miramos polo rural imos quedar sen centros médicos, sen escolas, sen centros de día, coa poboación envellecida que temos”, dixo. “Se o mundo rural sobrevive vivo é porque a súa xente está viva e queremos vivir no mundo rural, pero non illados ou como hai 50 anos, debemos fortalecer a presenza de mocidade no rural e de xente neorural. Fainos falta un transporte público de calidade como forma de chegar no rural aos servizos, que nos conecte. Tamén o acceso a internet é imprescindible para que as empresas se poidan asentar e os estudantes poidan ter acceso a nivel doméstico. Esa sería a forma de fixar poboación no rural, facendo presión entre todos e todas. Se o conseguimos, fixariamos poboación no rural. Se a xente ten unhas boas condicións de vida, si querería vivir nas aldeas”, zanxou.

Roberto Castro Rocamonde, criticou que a día de hoxe a xente da aldea “teñamos que defendernos como se foramos case unha reserva de indios” que ten un muro colocado que lle impide acceder aos servizos. Así, chamou a aceptar que o medio urbano e o rural teñen que ser permeables xa que o medio urbano dificilmente se vai soster sen o rural e polo tanto o rural terá que recibir unha serie de prestacións.

O concelleiro de Vedra considerou que os problemas que ten o rural son causados por unhas políticas feitas desde unha perspectiva puramente urbana. “O rural úsase como o receptor de pasivos do urbano, para instalar o que no urbano non interesa como poden ser os vertedoiros”, dixo. Así, reclamou cambiar o modelo e a perspectiva. “Dificilmente se pode cambiar nada no rural se continuamos mantendo esquemas e modelos do urbano. O empoderamento do rural é imprescindible, é posible o empoderamento enerxético, é posible a soberanía alimentaria, o rural é quen pode reportar os recursos ambientais. É imprescindible fluxos entre o urbano e o rural e unha ordenación do territorio e a territorialización dos recursos”, abondou. Tamén reclamou “un modelo funcional de transporte público que permita a mobilización interna, deixarnos dos localismos, ir a un modelo máis integrador, que permita a mobilidade interna e conectar Vedra e Boqueixón con Compostela”.

O concelleiro de Santiago Jorge Duarte, na defensa dun transporte público rural para a comarca

O concelleiro de Santiago de Compostela responsable de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais, Jorge Duarte, que participou na segunda mesa da mañá para abordar o plan de transporte para Compostela e comarca, defendeu os servizos como un dereito para todas as persoas. “Se non se aposta porque a xente poida vivir da agricultura ou dunha pequena industria ou da innovación ou o desenvolvemento no rural, se non se aposta por servizos, se desde a Administración púbica non se cre en manter a poboacion no rural e en apostar polo reequilibrio territorial, se non se inviste e se financian alternativas demográficas e servizos para que os que vivan no rural vivan con mais calidade de vida que nas cidades, se non se aposta por todo isto desde o modelo económico, o problema continuará. Hai que crer nun cambio de modelo que aposte por fixar poboación no rural e polo reequilibrio territorial. É un problema de país”, dixo.

Duarte, que foi presentado por Mar Blanco Casais, concelleira na Estrada polo Movemento Veciñal Estradense (MÓVETE), defendeu a necesidade dun transporte público rural para a comarca. “Non hai que valoralo, hai que facelo, porque é un dereito. Noutras comarcas e territorios está implantado e funciona. É unha cuestión de prioridades. O rural ten que ser unha aposta, ser máis que simples palabras. Vainos custar máis levar os servizos ao rural que á cidade, pero ou cres ou non cres que toda a veciñanza ten os mesmos dereitos. Non podemos pensar no que é máis caro ou barato, a igualdade para a xente ten que ser en todo”, defendeu. O concelleiro compostelán criticou que no Plan de Transporte de Galicia desde a Xunta non se está a facer nada nin hai coordinación. “Cando se prorizan os intereses das empresas por riba das persoas, é imposible ter nada bo. A Xunta non ten vontade política de rural vivo e así non imos a ningún lado. Desde os concellos temos que seguir reivindicando e mobilizando”.

Na sesión da tarde, a xornada continúa cun debate baixo o título de “O rural vivo é posible. Exemplos de interese na xestión de servizos básicos de concellos galegos e doutras partes de Europa”, no que intervirán o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez; María Ángeles López Agüera, directora do máster de Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxéitca da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e deseñadora do Plan de Actuación de Enerxía Sustentable (PAES) do concello de Vedra; e Maja Gilbert, membro do Partido da Esquerda sueca e do Consello do Condado na rexión de Dalarma, en Suecia, onde está en marcha o proxecto Fibre to the Village, que estimula ás comunidades a establecer as súas propias redes de internet nos municipios. O profesor na Universidade de Vigo e xornada David Formoso moderará esta parte.

Vedra, 26 de maio de 2018.

Oficina de Lídia Senra
Eurodeputada Galega
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu
http://ageuropa.gal/

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
26 de maio de 2018 13:47

_______________

mércores, maio 09, 2018

Eliximos propón un acordo Concello-Xunta para a construción dunha residencia de maiores en Narón - Un informe do IMSERSO para o ano 2016 mostra que en Galicia o 33% das prazas de residencias de maiores son públicas, mentres a media española é do 56%, sendo a Comunidade Autónoma con menor porcentaxe de oferta pública

Residencia privada para Maiores en Narón DomusVi (Un case monopolio no sector)

Eliximos propón un acordo Concello-Xunta para a construción dunha residencia de maiores.


Galicia necesita en torno a 7.600 prazas máis para acadar a oferta de prazas en residencias de maiores similar á media española, cantidade que ascendería a unhas 12.300 prazas para chegar á recomendación da OMS.

Un informe do IMSERSO para o ano 2016 mostra que en Galicia o 33% das prazas de residencias de maiores son públicas, mentres a media española é do 56%, sendo a Comunidade Autónoma con menor porcentaxe de oferta pública.

A Xunta opta pola vía de concertos coa empresa privada para aliviar as listas de espera. Con todo, o informe do IMSERSO mostra que, no caso galego, optar polas residencias privadas resulta un mal negocio en termos económicos para a Administración xa que cada praza nunha residencia pública de maiores custa en Galicia, de media, uns 17.998 euros ao ano, e deles algo menos do 35% do importe é achegado polas persoas usuarias, mentres, a mesma praza nun centro concertado custa uns 18.250 euros anuais e as persoas maiores que fan uso delas pagan do seu peto en torno ao 30% do importe. Así, cada praza pública supón uns 11.780 euros públicos anuais de media e cada unha das concertadas, unha media de 12.716 euros cada ano. A diferenza media rolda, así, o 8%.

En febreiro de 2017 a Xunta anunciaba a construción, dunhas 900 prazas residenciais, 120 delas en Ferrol, pero esta oferta apenas podería cubrir a metade da lista de espera polo que se espera que a oferta de prazas privadas irase incrementando, pero os seus prezos, de uns 1.500 euros mensuais de media, están lonxe de corresponderse cos ingresos da poboación galega maior de 65 anos, cuxa pensión media non supera os 840 euros ao mes.

Pódese concluír que as prazas dispoñibles son insuficientes, que os prezos das prazas privadas resultan moi elevados para os pensionistas galegos, e que o custo das prazas concertadas sáenlle máis caras á Xunta que as públicas. Todo isto lévanos a pensar que a mellor opción, tanto para os galegos como para a Xunta, é apostar pola construción de novos centros públicos para cubrir a demanda.

Desde Eliximos propoñemos, dado que o Concello dispón de importantes bolsas de terreo que poden servir para acoller este tipo de residencias, que o Goberno lle ofreza á Xunta un convenio para poñer á súa disposición os terreos urbanizados necesarios para que a mesma acometa a construción dunha residencia para persoas maiores en Narón.

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)

Grupo no facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/

Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
9 de maio de 2018 08:07

_____________

domingo, abril 01, 2018

De fondo Emafesa: Próximo negocio, a auga - Demoledor informe da UE contra a inxerencia privada no sector público - O Tribunal de Contas Europeo critica duramente nun informe a participación privada en infraestruturas e servizos públicos e recomenda aos países membros que non promovan modelos público-privados

Membros do Tribunal de Contas Europeo que realizaron a auditoria.
Da esquerda para a dereita: Guido Fara, Di Hai, Thomas Obermayr,
Enrico Grassi, Oskar Herics, Chrysoula Latopoulou, Svetoslav Hristo v e Pietro Puricella

O autor da reportaxe sobre o Relatório Especial nº09/2018 'Asociacións público-privadas na UE: Deficiencias xeneralizadas e beneficios limitados', Ricardo Gamaza,[*] estará en Ferrol coa Plataforma na Defensa dos Sectores Públicos, pola Remunicipalización, para presentar o seu documentario "Trileros del Agua?", acompañado de Luís Babiano, xerente da 'Asociación Española de Operadores de Auga Pública' (AEOPAS). Acto que se anunciará nuns días a data, o lugar e a hora.

Demoledor informe da UE contra a inxerencia privada no sector público

O Tribunal de Contas Europeo critica duramente nun informe a participación privada en infraestruturas e servizos públicos e recomenda aos países membros que non promuevan modelos público-privados. En España, este modelo serviu para financiar autopistas de peaxe que agora debe rescatar o Estado.

O Tribunal de Contas Europeo é contundente e claro: a UE non debe seguir financiando infraestruturas ou servizos públicos con participación privada. Nun recente informe que acaba de publicar o principal órgano de control financeiro da Unión Europea, ao que tivo acceso Público, a institución critica duramente as asociacións público-privadas para acometer infraestruturas ou servizos públicos por "insuficiencias xeneralizadas", "gastos ineficaces", "falta de transparencia", "atrasos" e "sobrecustos", entre outras deficiencias.

Ademais, recomenda que nin a UE nin os seus Estados membros promovan asociacións público-privadas até que se resolvan os principais problemas identificados no seu informe especial: 'Asociacións público-privadas na UE: Deficiencias xeneralizadas e beneficios limitados', publicado o pasado 20 de marzo.

En concreto, o documento analiza 12 asociacións público-privadas cofinanciadas pola UE en Francia, Grecia, Irlanda e España nos ámbitos do transporte por estrada e as tecnoloxías da información e a comunicación, que supuxeron 5.600 millóns de euros de financiamento europeo. E conclúe que a participación privada nestes proxectos "non pode considerarse unha opción economicamente viable para o fornezo de infraestruturas públicas".

Nunha análise devastadora, engade que a entrada de capital privado nos proxectos do sector público supuxo "insuficiencias xeneralizadas e beneficios limitados, con gastos ineficaces e ineficientes", onde "a relación custo-beneficio e a transparencia víronse gravemente prexudicadas, en particular, por políticas e estratexias pouco claras, análises inadecuado, rexistros fose do balance patrimonial e acordos".

O informe asevera que os proxectos público-privados analizados sufriron "insuficiencias considerables en forma de atrasos durante a construción e importantes aumentos dos custos". En total, sete dos nove proxectos completados -con custos de proxectos agregados de 7.800 millóns de euros- sufriron demoras que oscilaron entre dous e 52 meses. Ademais, foi necesaria unha cantidade adicional de case 1.500 millóns de euros de fondos públicos para completar as cinco autopistas auditadas en Grecia e España, dos cales a UE proporcionou ao redor do 30% -422 millóns de euros-, denuncia o informe especial. O Tribunal considera que estas cantidades "gastáronse de xeito ineficiente polo que respecta á consecución dos beneficios potenciais".

Os proxectos financiados baixo o modelo público-privado "aprovéitanse para proporcionar bens e servizos que habitualmente fornece o sector público", explica o informe, que indica a gran magnitude do negocio que supón esta fórmula na que as multinacionais privadas fan negocio co apoio financeiro público: desde a década de 1990, na UE leváronse a cabo 1.749 proxectos público-privados por un valor total de 336.000 millóns de euros. Segundo revela o informe, a maioría destes proxectos lévanse a cabo no sector do transporte, que en 2016 representou un terzo dos investimentos de todo o ano, por diante da atención sanitaria e a educación.

Sombras de corrupción

A sospeita da corrupción política sobrevoa algúns datos que ofrece o informe, como que "na maioría de proxectos fiscalizados, elixiuse a opción do financiamento público-privada sen ningunha análise comparativo previo de opcións alternativas, como o comparador do sector público, sen lograr demostrar, polo tanto, que se trataba da opción que maximizaba a relación calidade-prezo e protexía o interese público ao garantir unha igualdade de condicións entre as asociación público-privada e unha adxudicación de contratos públicos tradicional".

Neste sentido, o Tribunal indica que "os proxectos de autoestradas en España se licitaron de xeito puntual, pero os contratos renegociaron-se pouco despois, o que suscita preguntas sobre si a contratación habíase xestionado debidamente?.

As auditorías revelan que no caso das autoestradas público-privadas analizadas disparáronse os custos trala contratación en preto de 300 millóns de euros, que debía asumir o socio público. En concreto, o custo da autoestrada A-1 incrementouse nun 33% (158 millóns de euros) e un atraso de dous anos, mentres que a autoestrada C-25 en Catalunya experimentou un incremento do 20,7% (143,8 millóns de euros, incluíndo 88,9 millóns de euros en custos financeiros) e atrasos de 14 meses. Iso só nas autoestradas auditadas neste informe.

Próximo negocio, a auga

As conclusións do Tribunal de Contas Europeo coñécense tralo anuncio dos rescates das autoestradas de peaxe por parte do Goberno central, o que supón un novo golpe aos modelos de participación público privados. Con todo, as grandes construtoras xa non teñen as súas miras postas en entrar en infraestruturas de transportes como as autoestradas, que consideran un sector esgotado financeiramente; senón que se centran no negocio do auga pública, onde como explican os expertos, hai un mercado garantido.

"A auga é un servizo público que se presta baixo condicións de monopolio natural; desde unha visión mercantilista, estes servizos presentan o gran atractivo de dispoñer duns clientes cautivos, unha demanda estable e capacidade de pagar por estes servizos, xa sexa a través de orzamento municipal ou de tarifas aos usuarios. Acceder a este 'mercado' é o soño de calquera multinacional", asegura Luís Babiano, gerente da Asociación Española de Operadores de Auga Pública (AEOPAS).

En efecto, segundo datos do Tribunal de Contas, os servizos xa privatizados (sexa como empresas que se fixeron coa concesión do servizo de augas ou empresas mixtas público-privadas) presentan sobrecustos que van do 22% a máis do 90%, respecto do servizo prestado de forma directa, con encarecementos medios do 27% en recolleita de lixos ou do 71% en limpeza viaria (que se adoitan abonar no recibo do auga). Sobrecustos que ademais levan engadidos unha prestación do servizo de menor calidade e unha infrainversión, segundo estas mesmas fontes.

Nunha situación de emerxencia social, e de duras críticas sobre este modelo público-privado ou directamente privatizador, a patronal do auga AEAS-AGA, que agrupa ás tres principais multinacionais do auga -FCC Aqualia, Grupo Suez e Acciona- e sorprendentemente a algún operador público, mandou recentemente unha carta aos grupos parlamentarios no Congreso dos Deputados para incluír os mecanismos de contratación público-privados como unha prioridade dentro do denominado Pacto Nacional do Auga no que traballa o Executivo: unha volta de porca a un modelo que busca facer negocio a partir dos servizos públicos que require da connivencia dos representantes políticos.

Fonte: Autor Ricardo Gamaza @RicardoGamaza en Publico . | Sevilla
31.03.2018.

Relatório Especial nº09/2018 do Tribunal de Contas Europeo sobre 'Asociacións público-privadas na UE: Deficiencias xeneralizadas e beneficios limitados'. | 89 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar en Potugués ou en Español.

[*] Ricardo Gamaza, xornalista ambiental e director de documentales. Premio Andalucía de Comunicación Ambiental 2017. | Con máis de 25 anos de profesión, é na actualidade uno dos comunicadores ambientais máis galardonados de España con premios como o Dragona Iberia da Fundación Nova Cultura do Auga, o Premio Nacional Panda de WWF ou o Premio Doñana Sostenible, entre outros. | É o director de Ecoperiodismo, a única productora andaluza especializada no medio ambiente e agricultura e escribe un dos blogs de investigación sobre ecología con máis seguidores de España.

Web oficial  do documentario Trilieros da Auga ?
https://www.trilerosdelagua.com/

Web oficial de EcoPeriodismo.
http://ecoperiodismo.es/

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero |  Bernardo Rego | Lupe Ces |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com | https://plataformaferrol.blogspot.com.es

Nova relacionada en Ártabra 21.
No Día Mundial da Auga a Plataforma quere lembrar e recoñecer este 2018 aos autores do documentario 'Trileros del Agua ?', pola súa contribución á loita pola defensa da auga e o saneamento como Dereito Humano e contra quen quere facer deste dereito un negocio. | Ir á Web.
_____________

sábado, maio 14, 2016

Municipalización, remunicipalización e loita veciñal e popular contra o saqueo das arcas públicas - Vídeo da Xornada Aberta sobre Auga e Corrupción, coa presencia de Fernando Urruticoechea e un interesante debate, máis de dúas horas de mesa de traballo en defensa dos servizos públicos


Este venres 13 de Maio de 2016, tiña lugar, en Caranza no local de Fuco Buxán, unha moi interesante xornada de traballo sobre municipalización, remunicipalización e loita popular-veciñal contra o saqueo das arcas públicas.

Unha xornada Aberta sobre "Auga e Corrupción", coa presencia de Fernando Urruticoechea [*], organizada por membros da Iniciativa Cidadá pola Xestión Pública e Social do Ciclo da Auga e do Saneamento en Ferrol. Nesta xornada produciuse un moi interesante debate, sobre cuestións concretas que están sucedendo nas entrañas do goberno municipal de Ferrol. Sendo unha das consecuencias desta situación, a suspensión das xornadas previstas sobre o problema da auga, que tiñan sido organizadas co apoio do propio goberno municipal.

Foron máis de dúas horas de mesa de traballo en defensa dos servizos públicos, a súa remunicipalización e municipalización, como forma de combater as políticas neoliberais de saqueo das arcas públicas, do diñeiro de toda a veciñanza. O tema clave foi a auga, un ben público esencial. O acceso á auga potábel é un dereito humano fundamental, ... non pode ser un negocio en mans das grandes multinacionais. Corrupción, corruptos e corruptores foi tamén tema de debate.

Fernando Urruticoechea, economista e interventor xeneral municipal no concello valenciano de Oriola, de máis de oitenta mil habitantes, fixo, ao noso xuízo, un intervención maxistral, argumentada e á vez de fácil entendemento para o público en xeral. A súa intervención versou sobre as consecuencias da xestión privada da auga, e moito máis... pola súa importancia desde Ártabra 21, publicamos este documento audiovisual, que agardamos que sexa de interese.

Nota.- A continuación presentamos a Mesa de Traballo que durou sobre dúas horas e cuarto, este é o documento audiovisual catado cun móbil só cuns pequenos cortes técnicos produto da precariedade do medio.


https://www.youtube.com/playlist?list=PLDnF1VI4jx6meLml7to0WVtAlo4Vn-Snv

[*] Fernando Urruticoechea, economista e interventor municipal, con habilitación estatal, de categoría superior. Foi precursor das denuncias de corrupción xa en 1990 no concello de Galdakao (Biscaia), sendo máis coñecido o seu labor profesional, de control da legalidade, no Concello de Castro Urdiales (Cantabria), entre os anos 2001 e 2006. Máis recentemente tivo que informar acerca da corrupción existente no concello de Crevillente (Alacante), tamén case en total soidade. Como funcionario demostrou ser unha persoa comprometida co cumprimento da súa profesión, en defensa do interese xeral e moi activa contra a corrupción. Na actualidade é interventor xeneral municipal no concello valenciano de Oriola (Orihuela), na comarca do Baix Segura.

Enlaces de Interese:
  • Como gañar a batalla da auga, de Fernando Urriticoechea. | Publicado o setembro 14, 2014 en Atlántica XXII (Revista Asturiana de Información e Pensamento). | Ir á Web.
  • A Coruña quere levar o dereito humano á auga a toda a súa xestión. | 21 de setembro de 2015. | Ir á Web.
  • O retorno da auga a mans públicas. | Remunicipalización.| Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol, Saneamento. | Ir á Web.
__________________________

luns, marzo 02, 2015

A Marea Ártabra pide a paralizacíón do proceso de concesión da xestión do Servizo Público de Recollida e Transporte de Lixo e da Limpeza Viaria - A Marea Ártabra di que vai defender o rescate para o público da limpeza urbana e recolllida de residuos: a remunicipalización do servizo público


A Marea Ártabra denuncia o interese espurio do goberno municipal ao convocar licitación pública, a tres meses das eleccións, para a contratación da concesión da xestión do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria. | As concelleiras e concelleiros da Marea Ártabra conformarán un goberno municipal que devolva á xestión pública estes servizos, e os rescate da cobiza sen limite das multinacionais.

A asemblea de Marea Ártabra acordou na súa reunión do 25 de Febreiro demandar do Concello de Ferrol a paralización do proceso de concesión do Servizo de Recollida de Lixo e limpeza viaria ata que entre a nova Corporación.

O Alcalde de Ferrol non pode hipotecar o futuro da nosa cidade a pouco máis de 3 meses dunhas eleccións municipais, sobre todo cando hai alternativas políticas que apostan decididamente pola remunicipalización dos servizos públicos, que poden supor unha rebaixa no prezo que pagan os veciños e veciñas de Ferrol nunha porcentaxe significativa.

No caso de continuar co proceso de concesión deste servizo de recollida de lixo o Alcalde de Ferrol terá que explicarlle á cidadanía da nosa cidade que motivos o moven a acelerar un proceso que tranquilamente pode esperar tres meses pola nova corporación.

A remunicipalización non só leva asociado unha rebaixa no custe do servizo, senón que desde Marea Ártabra sabemos que co compromiso cidadá, os custes desta xestión converteríanse en ingresos para as arcas municipais que nos beneficiarían a todas e todos.

Outro factor importante da remunicipalización é a creación de emprego. A remunicipalización non só respectaría os dereitos laborais adquiridos das empregadas e empregados da empresa concesionaria, senón que crearía emprego, un obxectivo prioritario do goberno da Marea Ártabra.

O goberno de Rey Varela quere garantir a continuidade da privatización da xestión do citado servizo público e entregarllo a unha multinacional que provoca a fuxida do diñeiro cara a fóra da nosa contorna e nos empobrece, pois na súa maior parte, este no volve ao circuíto económico local.

Sospeitamos que esa é a verdadeira razón pola que o goberno do PP ten tanta presa en renovar a concesión do servizo, pois sabe que a Marea Ártabra pode paralizar os seus planos de continuar coa privatización dos servizos municipais. Pretenden deixar todo atado e ben atado para cando a cidadanía cos seus votos, os bote do concello.

En caso de aplicar tan precipitadamente este contrato de concesión do servizo, os concelleiros/as de Marea Ártabra na próxima lexislatura tomaran as medidas necesarias tendentes a impugnar dita concesión. Non imos permitir que se hipoteque o futuro da nosa cidade polos próximos 10 anos.

En Ferrol, a  28 de febreiro de 2015

Enlaces relacionados:
  • O Concello de Ferrol aborda a nova concesión do servizo de limpeza viaria e recollida do lixo. | A empresa que resulte adxudicataria terá que acometer investimentos no servizo por valor de 4,6 millóns de euros. |  Venres, 26 de decembro de 2014 | Ir á Web.
  • CONTRATACIÓN, EN REXIME DE CONCESIÓN ADMINISTRATIVA, DA XESTIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS DE RECOLLIDA E TRANSPORTE DE RESIDUOS SOLIDOS URBANOS E SELECTIVOS, E LIMPEZA VIARIA DA CIDADE DE FERROL | Nº expediente AV 03109 14/59 | Ir á web.

---
Que é a Marea? Marea Ártabra quere alentar un proceso asembleario que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social promovendo candidaturas de unidade para as vindeiras eleccións municipais, un proceso para un novo suxeito político do que saia un programa e unha candidatura do pobo e para o pobo. Facebook e Twitter.

Como asinar o manifesto e unirse á 'Marea Ártabra'

Pode-se asinar o manifesto de apoio cubrindo un formulario no seu sitio na rede: Acceder.

Para contactar
Presentou-se o manifesto que se pode ler nun blogue que abriron no seguinte enderezo: http://mareaartabra.blogspot.com.es/  ou mareaartabra.org. Tamén hai un enderezo de correo electrónico: mareaartabra[arroba]gmail.com.

A Marea Ártabra nas redes sociais:
Enlaces relacionados:

A 'Marea Ártabra' en Ártabra 21 | Acceder.
A 'Marea Ártabra' desde o buscador libre DuckDuckGo. | Ir a Web.

Foto de Fermín Goiriz Díaz - detalle manifestación 24 de febreiro de 2013.

Información baseada na enviada por:
marea artabra
mareaartabra@gmail.com
28 de fevereiro de 2015 11:53
______________ _______________