Amosando publicacións coa etiqueta Verdegaia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Verdegaia. Amosar todas as publicacións

martes, abril 19, 2016

Xornada aberta de debate na Estrada: "Presente e futuro enerxético da Galiza no contexto europeo", este sábado, 23 de abril, unha xornada aberta para reflexionar sobre os actuais modelos enerxéticos, no Teatro Principal da Estrada e reunirá unha decena de relatores que analizarán a situación actual e exporán novas propostas


Xornada: "Presente e futuro enerxético da Galiza no contexto europeo" (A Estrada, Sábado 23/04). | O GUE/NGL e AGEe desenvolverán o vindeiro sábado, 23 de abril, unha xornada aberta para reflexionar sobre os actuais modelos enerxéticos. | Terá lugar no Teatro Principal da Estrada e reunirá unha decena de relatores que analizarán a situación actual e exporán novas propostas
.

Dende as 10.00 e até as 19.30hrs. deste sábado 23 de abril, o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), do que Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) forma parte no Parlamento Europeo, desenvolverá a través de AGEe a xornada aberta Presente e futuro enerxético da Galiza no Contexto Europeo [1], que terá lugar no Teatro Principal da Estrada (Pontevedra).

Este espazo informativo e de encontro celebrarase a iniciativa da eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, quen destacou que nestes momentos "estase a dar un debate moi importante a nivel da UE en relación ao modelo enerxético; Juncker quere impulsar nesta lexislatura o Mercado Único Enerxético, unha proposta que vai ter grande impacto en toda a poboación europea pero do que a cidadanía carecemos de información suficiente".

Fai apenas uns días debatiamos en sesión plenaria no Parlamento Europeo sobre a pobreza enerxética na UE, segundo os datos manexados nese debate, nalgúns estados membro o 60% da cidadanía non pode quecer a súa casa axeitadamente e o 33% está a vivir con goteiras e humidades nas paredes.

"Ao igual que o dereito á alimentación debería prevalecer por riba da productividade comercial, todas as persoas deberiamos ter garantido uns mínimos de acceso á enerxía que nos asegure unha calidade de vida óptima", reivindicou a eurodeputada galega. Sen embargo, a día de hoxe "a distorsión dos intereses de mercado é tan grande que atopamos situacións inxustificábeis como que na Galiza, un País produtor de enerxía, moitas persoas non poidan acender a calefacción todo o tempo que precisan no inverno".

Logo da APERTURA a cargo de Lídia Senra e Mar Casais -voceira de Móvete-Movemento Veciñal Estradense e concelleira na Estrada- a xornada, que contará con quenda de mañá e de tarde, estruturarase en torno a catro paneis temáticos.

Encetaremos o debate cunha reflexión sobre O MODELO ENERXÉTICO. VISIÓN GLOBAL DA SITUACIÓN ACTUAL. INSUSTENTABILIDADE E TRANSICIÓN ENERXÉTICA (10.30hrs.), introducida polo Profesor de Economía Aplicada da USC e Vicepresidente de Véspera de Nada, Xoán Doldán e polo investigador da USC e membro de Verdegaia, Miguel Pardellas. A deputada no Parlamento español por En Marea, Alexandra Fernández, será a encargada de realizar a moderación.

A través de Alfons Pérez, encargado de Monitorización das Políticas de Seguridade Enerxética da UE no Observatori del Deute en la Globalització, e ca introdución e moderación de Lídia Senra, achegarémonos á UNIÓN DA ENERXÍA (12:30hrs), como sinalabamos, unha das apostas máis controvertidas e de maior calado da Comisión Europea para a presente lexislatura [2].

A sesión de tarde centraranos no contexto e nas propostas enerxéticas a nivel galego. Será a través das Doutoras en Economía Rosa Regueiro -profesora de Economía Aplicada da Universidade da Coruña- e Natalia Fabra -profesora da Universidade Carlos III e Premio Sabadell-Herrero á investigación económica-. Este panel, que se desenvolverá baixo o título O MERCADO ELÉCTRICO NA GALIZA E NO ESTADO ESPAÑOL NO CONTEXTO EUROPEO. NORMATIVA E DÉFICIT TARIFARIO (16.00hrs), será introducido e moderado polo deputado de AGE no Parlamento Galego, Juan Fajardo.

Antón Sánchez, deputado de AGE tamén no Parlamento Galego, coordenará a derradeira mesa, que a través do título REFORMAS LEVADAS A CABO NOS ÚLTIMOS TEMPOS. OUTRAS EXPERIENCIAS DE COMERCIALIZACIÓN DENDE O COOPERATIVISMO (18:00hrs), centrarase na exposición de experiencias prácticas. Así, coñeceremos o proxecto cooperativo de orixe catalá Som Energía da man da súa presidenta, Ana Marco; e do coordinador de Som Enerxía Galiza, Daniel Espinheira. A continuación afondaremos tamén na traxectoria, obxectivos e funcionamento de Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega, que será presentada polo seu presidente, Pablo Álvarez; e o proxecto cooperativo de orixe vasca Goiener, será dado a coñecer da man do seu director, Santiago Ochoa de Eribe.

Bruxelas, 18 de Abril de 2016.

Notas.-
[1] Adxuntamos cartaz e díptico-programa. | Acceder/Baixar. | Acceder/Baixar.
[2] Información da UE: http://www.europarl.europa.eu/atyourservice/pt/displayFtu.html?ftuId=FTU_5.7.2.html; información crítica: http://www.rosalux.eu/fileadmin/user_upload/energy-union-what-is-behind-it-2015.pdf.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

Equipa de Comunicación AGEe.
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/

twitter  Facebook

Enviado por:

SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
18 de abril de 2016 16:11
__________

xoves, xuño 04, 2015

Entrega do Premio Semente 2015: Verdegaia concede o premio “Semente” a D. Ramón Regueiro e a súa familia - Enlaces e Vídeo


Entrega do Premio Semente 2015 (Verdegaia). |Verdegaia concede o premio “Semente” a D. Ramón Regueiro e a súa familia. |A colaboración destes veciños foi crucial para salvagardar a Fraga de Menáncaro do proxecto urbanístico que pretendía destruíla. |Demandan do novo governo local que se axilice a protección oficial desta fraga.

Co gallo do Día Mundial do Ambiente, 5 de xuño, a asociación ecoloxista Verdegaia acordou outorgar este ano o premio “Semente”, relacionado coa mellor actuación ambiental, a D. Ramón Regueiro e a súa familia, pola súa crucial contribución na defensa e conservación da Fraga de Menáncaro localizada na parroquia ferrolá de Serantes e sobre a que se pretendía construír unha urbanización de luxo que destruiría irreversibelmente esta valiosísima masa arbórea autóctona, na que se poden atopar algúns exemplares de carvallos centenarios.

De non ser pola participación activa desta familia, que mesmo chegou a interpoñer un Recurso Contencioso perante o TSXG contra a aprobación do citado proxecto urbanístico, fallando a favor destes veciños, hoxe estaríamos a lamentar a perda dunha das últimas representacións de bosque atlántico que, con grande dificultade, sobreviven no concello de Ferrol polo severo proceso de eucaliptización ao que se ven sometendo este territorio desde hai décadas.

Con este simbólico premio Verdegaia, ademais de querer darlles publicamente as grazas, tamén quere facerlles unha merecida, aínda que modesta, homenaxe a estes veciños exemplares. O día 5 convidarémolos a un xantar nun restaurante de Ferrol, no transcurso do cal lles faremos entrega dun diploma conmemorativo en agradecemento.

Agardamos que o novo governo local, unha vez constituído, tamén se comprometa a revisar o PXOM para recalificar os terreos onde se atopa a fraga de Menáncaro como Solo Rústico de Especial Protección, outorgándolle ao mesmo tempo unha figura de protección oficial de carácter local que garanta a conservación desta masa arbórea de xeito definitivo.

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org-
4 de junho de 2015 09:32
___________

Enlaces de interese:

http://menancaro.blogspot.com.es/

http://fragademenancaro.blogspot.com.es/

http://menancaroexpress.blogspot.com.es/


https://youtu.be/OibpGiKjtnY

______________________

xoves, maio 14, 2015

Roteiro polo sur do Forgoselo: Fontes do Belelle-Fontardión, domingo 17 de maio de 2015



ROTEIRO POLO SUR DO FORGOSELO: FONTES DO BELELLE-FONTARDIÓN

Data: 17 de maio de 2015
Hora de saída: 10 horas dende a escalinata de Correos, en Ferrol
Hora de regreso estimada: 20 horas no mesmo punto
Lonxitude: 15,4 km
Dificultade: baixa
Localización: Concellos da Capela e As Pontes
Superficie: pistas de terra, camiños tradicionais, sendeiros, cortalumes, pistas asfaltadas
Prezo: 7€ soci@s, 10€ non soci@s (pago do transporte)
Equipamento: roupa cómoda, calzado tipo trekking (mellor impermeable), chubasqueiro, bastón, protección solar, comida e bebida.
Prazas limitadas: 25 prazas
Teléfono para inscribirse: 661 636 946 (Miguel).
Puntos de interese: cabeceira do Belelle, lugar abandonado da Cernada, muíño, felgos macaronésicos, flora, fragas, paisaxe de montaña, gado salvaxe, penas cabaleiras, vistas do Canón do Eume.

Breve descrición da rota:

Partindo do lugar de Goente (As Pontes) enfilaremos en dirección Sur pola pista asfaltada ata coller un camiño en dirección ao lugar da Cernada. Neste tramo o Rego da Cernada, que forma parte da cabeceira do Rio Belelle, quedará sempre á nosa esquerda. Nesta zona a paisaxe está dominada por prados, matogueiras de uces, xestas e toxos, e fragas de carballos e bidueiros, mesturadas con piñeiros e eucaliptos.

Máis adiante chegamos ao rego, cruzámolo salvando un valado de arame de espiño, e continuamos pola outra beira en dirección contraria, para subir á meseta do Forgoselo. Ao coroar xunto a un piñeiral, continuamos en dirección Oeste deixando á dereita a Pena Lobería. Aquí a paisaxe cambia á típica paisaxe do Forgoselo, dominada por penedías, uceiras, toxeiras e repoboacións dispersas de piñeiros.

Tras 2 km chegamos ao final do camiño e collemos unha pista asfaltada en dirección Sur cara os lugares de Cabodantoi e Vilariño. Tras pasar este último, a uns 200 m volvemos á terra por un camiño á esquerda que leva ao lugar de Gallel. Antes diso tornaremos cara ao Sur novamente por un cortalumes para achegarnos ao miradoiro de Pena Cavada, con vistas espectaculares sobre o Canón do Eume. Está previsto facer aquí o xantar.

Cando rematemos voltaremos polo mesmo sendeiro ao camiño para continuar cara ao Fontardión. Tras coroar o pico xunto ás antenas de radio, TV e telefonía, baixaremos por outro cortalumes ata unha pista asfaltada que vai ao lugar de Picovello, célebre pola loita popular na defensa deste espazo fronte a un proxecto a ceo aberto para extracción de andalucita. Dende aquí voltaremos a Goente, onde remataremos, se todo vai segundo o previsto, ás 7 da tarde.

Web de Verdegaia:
http://www.verdegaia.org/

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org-
14 de maio de 2015 17:51
Boa tarde. Dende o núcleo comarcal de Verdegaia Ferrol, Eume e Ortegal enviamos información do roteiro deste domingo día 17 para a súa publicación no seu medio de comunicación. Moitas gracias. NC Verdegaia Ferrol, Eume e Ortegal

__________________

domingo, abril 26, 2015

No Día da Terra, un programa pola Terra: para uns concellos sustentábeis - Recolle unha serie de propostas para que as diferentes organizacións políticas as integren na súa acción de goberno ou de oposición nos diferentes concellos de Galiza


As organizacións ADEGA, Amigos da Terra, APDR (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra), CEMMA, Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Verdegaia, xuntaron-se para definir uns principios e elaborar unhas proposta diante das vindeiras Eleccións Municipais que se van celebrar o 24 de Maio deste ano 2015. A ditos principios e propostas se lles denominou "
Programa pola Terra - Por uns concellos sustentábeis e Propostas para o desenvolvemento de actuacións políticas sustentábeis a nivel local". O citado programa recolle  as  propostas  do ecoloxismo  galego  para  que  os  diferentes  partidos  e  coalicións  políticas as  integren  na súa acción tanto de goberno como de oposición nos concellos de Galiza. Desde Ártabra 21 consideramos necesario a difusión destes principios e propostas e chamamos aos diferentes partidos e organizacións políticas a asumir-las como propias para fomentar e desenvolver desde as institucións municipais das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Achegamos ao final deste artigo o enlace para acceder ou baixar o texto desenvolvido do programa unitario das organizacións do movemento ecoloxista galego.


No Día da Terra, un programa pola Terra: para uns concellos sustentábeis

Un Programa pola Terra” recolle unha serie de propostas para que as diferentes organizacións políticas as integren na súa acción de goberno ou de oposición nos diferentes concellos de Galiza

O vindeiro 24 de maio celebraranse eleccións municipais en Galiza. Coa presentación deste documento as organizacións ecoloxistas máis representativas do ámbito galego, queremos salientar a importancia crucial dos concellos á hora de realizar actuacións tendentes a acadar un modelo ecoloxicamente sustentable no noso país.

Debido á enorme magnitude da crise ambiental global, causada por un modelo social inxusto que explota de xeito ilimitado o noso planeta finito (os seus recursos materiais e as súas formas de vida), perceptible, entre outros moitos factores, no cambio climático da Terra e na perda a pasos de xigante de biodiversidade, consideramos preciso e urxente un cambio profundo nas políticas desenvolvidas polas Administracións Municipais: ben por posuír un alto grao de implicación na xestión medioambiental a nivel local, ben pola súa estreita relación e proximidade coa cidadanía. 

Estas eleccións supoñen unha grande oportunidade para que todos os partidos se comprometan a que os Concellos muden as súas insustentábeis políticas na súa contorna de actuación, reflexionando arredor dos efectos que sobre o global teñen tamén as súas accións no ámbito local. 

Para iso, as organizacións ecoloxistas asinantes achegamos este “Programa pola Terra”, cunha serie de propostas concretas, factibles e realistas destinadas a ser aplicadas en calquera municipio e permitir a transformación das nosas sociedades. 

Este documento contén dez propostas, que permitirían a transformación que a actual crise ambiental require. Están baseadas en catro principios básicos:
  • O actual modelo económico e social é inxusto e insustentábel.
  • É necesario un compromiso de cambio de dimensións estratéxicas. 
  • Participación e transparencia non poden quedarse só en verbas.
  • Cumprimento da lexislación ambiental.
10 medidas para camiñar cara a sustentabilidade nos concellos
1. Integrar enerxía, mobilidade e contaminación.

2. Protexer os espazos naturais, a flora e a fauna.

3. Implantar unha nova cultura da auga.

4. Aplicar unha política de ordenación do territorio que limite drasticamente o crecemento urbanístico e defenda a costa.

5.  Apostar pola redución, a reciclaxe e a compostaxe dos residuos sólidos urbanos.

6.  Defender a soberanía alimentar e apoiar ao sector primario para manter un mundo rural e mariñeiro vivos.

7.  Recoñecer a importancia dos coidados básicos para a vida, o papel das mulleres neles e facilitar novos esquemas de xénero ao respecto.

8. Avanzar na participación cidadá cara unha democracia participativa real.

9. Facer unha reforma verde do sistema fiscal local e impulsar unha contratación pública verde.

10. Afortalar a cooperación internacional para o desenvolvemento sustentábel.
Documento:

"Programa pola Terra", 8 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

Para máis información:   

ADEGA: Fins Eirexas (981570099; 661993406)
Amigos da Terra: Victor Barro (988374318; 671865839)
APDR: Xulio Carmona (986847670)
CEMMA: Alfredo López (686989008)
FEG: Mónica Arto (691527277); Anxo Saborido (666893879)
Verdegaia: Iñaki Varela (622033665

http://www.adega.gal
http://www.amigosdaterra.net
http://www.apdr.info
http://www.cemma.org
http://www.federacionecoloxista.org
http://www.verdegaia.org

Enviado por:
Antonio Gª
-angaji@yahoo.com-
25 de abril de 2015 23:51
________________

luns, febreiro 09, 2015

Verdegaia demanda a retirada do plano de conservación da Frouxeira por obedecer a intereses particulares e partidistas


Posición de da asociación asociación ecopacifista Verdegaia sobre a aprobación do Plano de Conservación da Frouxeira | Verdegaia demanda a retirada do plano de conservación da Frouxeira por obedecer a intereses particulares e partidistas. | Coa súa aprobación só se persegue dispor de seguridade xurídica para seguir controlando de xeito artificial o réxime hidrolóxico da lagoa. | Demanda a supresión das edificacións e do paseo marítimo que usurparon a zona de anegamento natural do humidal.

Verdegaia reitera o seu rexeitamento ao Plano de Conservación do areal e da lagoa da Frouxeira nos seus actuais termos dado que, lonxe de garantizar a conservación dos hábitats naturais e das especies silvestres obxecto de protección neste espazo natural “protexido”, o que en realidade se persegue é dispoñer de seguridade xurídica para seguir controlando de xeito artificial o réxime hidrolóxico da lagoa para, deste xeito, non ter que suprimir as infraestruturas e edificacións mal planificadas que ocuparon de xeito irregular a zona de asolagamento natural do humidal.

Verdegaia non só rexeita o control artificial do réxime hidrolóxico da lagoa senón que, ademais, demanda a expropiación dos terreos e edificacións coas que se ocuparon as zonas de asolagamento natural usurpadas no seu día a este humidal. De feito, o apartado 1 do artigo 39 da Lei 42/2007 do 13 de decembro do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, de ámbito estatal, establece que “La declaración de un espacio natural protegido lleva aparejada la declaración de utilidad pública, a efectos expropiatorios de los bienes y derechos afectados (…)”. Ditas expropiacións poderían ser o punto de partida para unha restauración integral do contorno da lagoa, actualmente usurpado na súa beira Norleste.

O Plano de Conservación que se pretende aprobar en breve só obedece a intereses particulares e partidistas, consolidando unha das principais causas de degradación ambiental do humidal como é a regulación artificial do seu réxime hidrolóxico, contradecindo os propios informes técnicos que obran no expediente de tramitación, onde se recoñece que as Directivas 92/43/CEE do 21 de maio e 2000/60/CE do 23 de outubro, en materia de hábitats e de augas, respectivamente, determinan, en relación á conservación do humidal lacunar, “(…) que o réxime hidro-ecolóxico deste debe ser de carácter natural, suprimindo, ou no seu caso minimizando, aqueles efectos antrópicos que poden incidir de forma negativa sobre o ecosistema (…)”.

Asimesmo, sinala que “(…) Dada a condición de hábitat prioritario (1150* Lagoas costeiras), así como de distintos tipos de hábitats presentes no humidal, as actuacións que poidan formularse non poderían en ningún caso provocar unha afección apreciable sobre estes compoñentes da biodiversidade (…)” conlevando a  eliminación “(…) de calquera tipo de medida tendente a regular o réxime hidrolóxico, como poden ser as modificacións estruturais do complexo de apertura, a creación de espigóns, así como a apertura de canles permanentes e a colocación de comportas”.

Por conseguinte, a lagoa da Frouxeira debe evoluir e autorregularse de forma natural, prescindindo de calquera tipo de intervención humana.

Por outra banda, entre as moitas eivas que presenta o devandito plano de conservación, destaca que das vinte e oito (28) especies exóticas invasoras detectadas neste espazo protexido só se pretende erradicar cinco (5); o que nos parece unha falta de responsabilidade absoluta, tendo en conta que a irrupción de especies foráneas nos ecosistemas autóctonos son a segunda causa de extinción das especies asociadas aos mesmos, despois da destrución directa dos seus hábitats naturais.

Nucleo Comarcal Verdegaia-Ferrol
http://www.verdegaia.org/

Texto: Antom Fortuna

Foto: Miguel A. Fernández Pérez

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org-
7 de fevereiro de 2015 11:48
_________________

venres, decembro 26, 2014

Verdegaia presenta alegacións, no Concello de Miño, ao proxecto de urbanización no Monte Piñeiro


SR. ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE MIÑO

ASUNTO: Alegacións a Modificación puntual nº3 do PXOM do proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable R – 3 - O Piñeiro no Concello de Miño

Miguel Ángel Fernández Pérez, con documento de identidade nº XXXXXXXX-X, Secretario do Núcleo Comarcal (bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal) da asociación ecoloxista VERDEGAIA (CIF.: XXXXXXX), con enderezo para os efectos de notificacións no Apartado de Correos nº 14 de Ferrol, c.p. 15480, comparece e como mellor proceda en dereito,

EXPÓN:

Que por medio do presente escrito o N.C. de VERDEGAIA (bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal) formula as seguintes ALEGACIÓNS  á Modificación puntual nº3 do PXOM do proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable R - 3- O Piñeiro no Concello de Miño, tras someterse a información pública durante vinte (20) dias naturais contados desde o seguinte ao da súa publicación:

1.- O proxecto de urbanización do Monte Piñeiro (S. Uble r-3) executaríase sobre unha ampla superficie agreste susceptíbel de ser aproveitada como unha grande área verde tan necesaria na vila de Miño, destinada ao lecer da veciñanza e a actuar como freo do descontrolado avance urbanístico cara a Marisma e cara a Praia Grande de Miño. Debido á nefasta e insustentábel política urbanística levada a cabo ata a data, antepoñendo os intereses das empresas inmobiliarias aos intereses xerais e ao benestar da veciñanza, o Concello de Miño carece de suficientes espazos verdes públicos, tal e como se recoñece na unidade de diagnóstico do documento de inicio de Modificación puntual nº3 do PXOM do proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable R - 3- O Piñeiro. O sistema de espazos libres contemplado no proxecto para amortecer o impacto ambiental da nova urbanización sobre a Marisma de Baixoi e a Praia Grande de Miño resultaría insuficiente para acadar este obxectivo e satisfacer a demanda de amplos espazos verdes públicos. Ademais, nestas zonas non se respectaría a orografía natural do terreo, senón que se efectuarían movementos de terra para homoxeneizala, destruíndose a cobertura vexetal natural.

Por outra banda, o volume de edificacións que se pretende levar a cabo no Monte Piñeiro suporía un incremento da poboación da vila nun 30 %; proporción que non se corresponde coa taxa de natalidade actual nin coas previsións dun hipotético aumento da poboación procedente doutros concellos ou mesmo doutros países. En realidade, trátase máis ben doutra operación inmobiliaria que persegue un beneficio económico inmediato e curtopracista. Polo tanto, consideramos inxustificado, en termos ambientais e de benestar social, o proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable R - 3 - O Piñeiro. En ningún caso este proxecto vela por los intereses de toda a cidadanía de Miño, dende o punto de vista ambiental, social, etc, como se deduce deste documento de inicio de Modificación puntual nº3 do PXOM do proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable R - 3- O Piñeiro.

Neste documento de inicio de Modificación puntual nº3 do PXOM do proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable R - 3- O Piñeiro, considérase como positivo o desenvolvemento urbanístico do sector que suporía beneficios para a estrutura urbana de Miño, e que suporía melloras na mobilidade urbana e un maior acceso a equipamentos e espazos libres. En realidade, a substitución da urbanización proxectada no Monte do Piñeiro por unha grande área verde arborada reportaría unha maior calidade de vida aos habitantes da Vila de Miño, satisfacendo a demanda de amplos espazos verdes públicos actualmente inexistentes, mellorando a estética da vila e a calidade paisaxística do municipio, e actuando como "pulmón verde" para contribuír a mitigar a polución atmosférica que se xera sobre o núcleo urbano. Deste xeito tamén quedaría completada a estrutura urbana de Miño, dado que se incorporaría un novo elemento moi necesario, até o de agora inexistente, rachando coa política uniformadora do núcleo consistente na edificación do máis mínimo recuncho.

Tamén neste documento de inicio de Modificación puntual nº3 do PXOM do proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable R - 3- O Piñeiro considérase positivo que “os novos usos residenciais e dotacións poderán acoller a un futuro aumento da poboación de Miño e que melloraría a oferta de vivendas cunha proposta de urbanización que priorizaría a calidade de vida,” mais non se ten en conta que, se a poboación é maior, será tamén maior o consumo de recursos, o consumo enerxético e a xeración de polución, polo que non se pode considerar como un aspecto positivo, polo que é moi cuestionable que se vaia mellorar a calidade de vida coa nova urbanización.

Por conseguinte, non se pode concluír que o proxecto de urbanización do S. Uble r-3 O Piñeiro sexa viable e compatible coa conservación e protección dos elementos do medio ambiente e recursos naturais como se deduce que afirma o  documento de inicio de Modificación puntual nº3 do PXOM do proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable R - 3- O Piñeiro.
 
2.- Por outra banda, o proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable R - 3 - O Piñeiro levaríase a cabo nas inmediacións da Marisma do Baixoi, da Praia Grande de Miño e da Enseada de Bañobre, moi próximo ao L.I.C. Betanzos-Mandeo, incrementándose máis aínda a presión humana sobre ditos espazos, o que podería supoñer unha merma significativa da súa viabilidade como hábitats axeitados para o desenvolvemento da flora e da fauna silvestres. Débese ter en conta que a meirande parte dos terreos do contorno da Marisma do Baixoi e da Praia Grande de Miño están ocupados na actualidade por diferentes tipos de edificacións e de infraestruturas viarias (camiño de ferro, AP-9, etc) que contribuíron á degradación de ditos espazos (sen contar cos prexuízos ambientais dos monocultivos de eucaliptos existentes na contorna) ao non gardaren unha distancia prudente. De non poñer freo á situación, ditos espazos naturais acabarán "afogados" polo asfalto e o cemento, ata o punto de perder o seu potencial biolóxico. De feito,  recoñécese que a Marisma do Baixoi ten sufrido o vertido de augas residuais sen depurar ate que foi posta en marcha a Estación Depuradora de Augas Residuais Urbanas e ten recibido un sobreaporte de sedimentos arxilosos e de cantos a través do rio Xario o Vidrieiro. Todo elo explica o estado de degradación no que se atopa marisma do Baixoi. Estes verquidos afectaron tamén á Praia Grande de Miño e aos bancos marisqueiros existentes. Sendo a clasificación da contaminación por bacterias fecais destas  zonas como clase B nos meses de outubro a maio e zona C, (a máxima de contaminación, dos meses de xuño a setembro debido ao grande aumento de turistas neses meses. Entre as posibles afeccións do proxecto á Marisma do Baixoi, prevese a posíbel chegada de augas de escorrentía con materiais sólidos e contaminantes durante a fase de construción, advertíndose que as repercusións afectarían os procesos de sedimentación da marisma, a súa vexetación e sobre todo a súa fauna. Na fase de funcionamento da urbanización a marisma tamén recibiría augas residuais deficientemente tratadas procedentes da E.D.A.R. en Ponte Baixoi. Tamén se prevé que o funcionamento do sistema de drenaxe artificial de pluviais implique un cambio no gradiente de salinidade da marisma, cuxos efectos presentarían un alcance indeterminado, afectando a todas as variábeis bióticas. Prevese tamén que a vexetación e a fauna se vexan afectados polo aumento de sólidos en suspensión e polo aumento dos niveis de ruído. A Praia Grande de Miño, a Praia da Riveira e o L.I.C. Betanzos-Mandeo tamén poderían verse afectados polas mesmas causas.

O artigo 3 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de Conservación da Natureza, establece que: "Tódalas administracións, no ámbito das súas competencias, asegurarán o mantemento, a protección, a preservación e maila restauración dos recursos naturais, con independencia da súa titularidade ou réxime xurídico, garantindo que a xestión daqueles se produza sen mingua da súa potencialidade e compatibilidade cos fins da súa conservación". No mesmo sentido exprésase o artigo 2 da Lei 4/1989, do 27 de marzo, de Conservación dos Espazos Naturais e da Flora e Fauna Silvestres ao dispoñer que: "2. Las Administraciones competentes garantizarán que la gestión de los recursos naturales se produzca con los mayores beneficios para las generaciones actuales, sin merma de su potencialidad para satisfacer las necesidades y aspiraciones de las generaciones futuras" e que "3. Las Administraciones Públicas, en el ámbito de sus competencias, velarán por el mantenimiento y conservación de los recursos naturales existentes en todo el territorio ..., con independencia de su titularidad o régimen jurídico, atendiendo a su ordenado aprovechamiento y a la restauración de sus recursos renovables".

3.- Un incremento innecesario da edificación na zona, ademais dun maior consumo de auga e de enerxía, implicaría tamén unha maior xeración de residuos de todo tipo, e moi especialmente de augas residuais, correndo o risco de que a Marisma do Baixoi acabe contaminándose nun breve espazo de tempo ao verse incrementados os efluentes da E.D.A.R. da Ponte Baixoi coa conexión da nova urbanización que se pretende no Monte Piñeiro, dado que a capacidade desa depuradora veríase limitada para tratar de xeito eficiente un excesivo caudal de efluentes. Débese ter en conta que á capacidade prevista inicialmente para dita depuradora, que era de 5.000 habitantes (parroquias de Perbes, Vilanova, Castro e Leiro), engadíronselle os efluentes procedentes da urbanización "Costa Anácara" ou "Costa Miño" e do polígono industrial de Vidrieiro (Pontedeume), que no seu conxunto equivalen a 20.000 habitantes. Como se pode ver na páxina do Sigre, nos meses de xuño a setembro existe na desembocadura do Baixoi e Praia Grande de Miño, contaminación por bacterias fecais coa clasificación de zona C. Coa incorporación da urbanización S. Uble r-3 O Piñeiro, é evidente que a E.D.A.R. de Ponte Baxoi non tería suficiente capacidade para tratar de forma axeitada toda esa carga contaminante. No caso de avaría ou de calquera situación anómala, habería que liberar os efluentes sen tratamento previo ao Rio Baxoi, afectando á marisma e á praia de Miño. En calquera caso, a depuradora debería terse situado noutra zona da ría onde as correntes mariñas e a existencia de maior caudal poidan diluir con facilidade os efluentes previamente tratados, axudándose a instalación dun emisario submariño.

Xa no apartado 4 do documento de síntese do E.I.A., relativo ao inventario ambiental (unidade ambiental 2), chegábase a recoñecer que "La vegetación de las zonas húmedas presenta una valoración media-alta, puesto que se trata de una formación singular, aunque su estado de conservación se encuentre muy deteriorado (afirmación que non se corresponde coa realidade) y con una capacidad de amortiguar los impactos relativamente baja".

De acordo co apartado 3.1.2.3. do E.I.A., relativo aos espazos naturais, na Marisma do Baixoi están presentes os seguintes hábitats de interese comunitario:
  • 1140. Chairas lamacentas ou areosas que non fican cubertas de auga na marea baixa.
  • 1310. Vexetación anual pioneira con Salicornia e outras especies de zonas lamacentas ou areosas.
  • 1330. Pasteiros salinos atlánticos (Glauco-Puccinellietalia maritimae).
Por outra banda, a urbanización que se pretende no Monte do Piñeiro incrementaría a contaminación acústica na zona, xa de por si alta polo tránsito rodado existente no centro da vila e polo paso da AP-9 nas proximidades, mermando máis aínda o benestar da poboación da vila e da fauna que frecuenta o humedal; feito que non acontecería só durante a fase de construción como consecuencia da maquinaria empregada, senón tamén durante a fase de funcionamento, dado que a rede viaria se extendería polo Monte do Piñeiro e se incrementaría o parque automobilístico da vila pola presenza de novos/as habitantes nesa zona. De feito, un dos aspectos que máis enturban a calidade de vida dos seus habitantes o constitúe o tráfico rodado, especialmente durante o período estival, xa que o nivel de ruído ambiental de fondo ou preexistente presenta un nivel medio-alto.

O establecemento de medidas correctoras para mitigar o impacto acústico só se centra na fase de construción, non aportando solucións para a fase de funcionamento.

4.- Sobre a calidade paisaxística do Monte do Piñeiro, trátase dunha zona elevada completamente agreste, encostada a unha vila saturada de edificacións e de infraestruturas viarias que carece de amplos espazos verdes urbanos.


O Monte do Piñeiro constitúe unha unidade cun alto valor paisaxístico susceptíbel de ser aproveitado como o grande "pulmón verde" da Vila de Miño:
preservando a vexetación arbórea e arbustiva autóctona e substituíndo as masas de eucaliptos por outras especies arbóreas autóctonas ou por outras alóctonas de carácter ornamental que non sexan consideradas como especies invasoras
substituíndo a rede viaria proxectada sobre o Monte Piñeiro para dar servizo á urbanización que se pretende por unha rede de camiños e carreiros peonís, aproveitando os xa existentes, co obxecto de fomentar o paseo a pé e mesmo en bicicleta instalando mobiliario urbano para zonas verdes (bancos e papeleiras de madeira, xogos infantís, ...), etc.
Obxectivamente, a urbanización que se pretende no Monte do Piñeiro non é máis que outra operación inmobiliaria para obter un beneficio económico que, lonxe de mellorar a calidade de vida da poboación, implicaría un consumo innecesario de recursos, un incremento do ruído e da contaminación ambiental, etc,  estragando o único grande espazo verde de carácter urbano para o lecer da cidadanía.

Reiteramos unha vez máis que o sistema de espazos libres previsto no proxecto para amortecer o impacto ambiental da nova urbanización sobre a Marisma do Baixoi e a Praia Grande de Miño, así como para satisfacer a demanda de zonas para o lecer, resulta insuficiente. Para que dera resultado o efecto "colchón" do sistema de espazos libres, en canto ao impacto paisaxístico, as edificacións proxectadas non deberían ser percibidas desde ningún punto da ribeira oposta da Marisma do Baixoi, na zona de Bañobre. Débese ter en conta, tamén, o impacto dos movementos de terra  previstos para homoxeneizar a orografía natural do terreo e dos taludes que se orixinarían na construción da rede viaria (vsg-01, v-01 e v-02) e dos aparcadoiros proxectados nas inmediacións da marisma, cuxo impacto visual sería percibido desde diferentes puntos do devandito humedal; ao que habería que engadir o impacto visual nocturno do alumeado público que se instalaría en ditos viais.

En opinión de Verdegaia, as únicas zonas do Monte Piñeiro nas que se podería tolerar a edificabilidade son as cualificadas no proxecto como Zona Residencial de Viviendas Unifamiliares, Sistema Local de Espazos Libres e Zonas Verdes Públicas e Sistema Local de Equipamentos Comunitarios Públicos no sector suroeste do devandito monte, encostadas á vila, sempre que se faga de forma gradual e se axuste ás necesidades reais de expansionamento da vila. O resto do ámbito, contemplado no proxecto como Zona Residencial Colectiva Libre, Espacio Libre Privado asociado a la Edificación Residencial, Zona Residencial Colectiva Sujeta a algún Régimen de P. Pública, Espacio Libre Privado, etc., debería designarse como Sistema Local de Espazos Libres e Zonas Verdes Públicas ademais de Sistema Local de Equipamentos Comunitarios Públicos co obxecto de crear ese grande espazo verde público que vén propoñendo Verdegaia.

Por outra banda, considerando que a Dirección General de Costas (Ministerio de Medio Ambiente), a través da Demarcación de Costas en Galicia, aínda está a elaborar un proxecto de recuperación ambiental da Praia Grande de Miño e que a maioría dos aparcadoiros existentes na actualidade están situados en Dominio Público Marítimo-Terrestre (D.P.M-T.), as zonas cualificadas polo proxecto como Zona Residencial Colectiva Libre e Espacio Libre Asociado a la Edificación Residencial no sector noroeste do ámbito urbanístico que nos ocupa, deberían reservarse para a construción de novos aparcadoiros alternativos para dar servizo á praia; pois estanse a suprimir os existentes por vulnerar a legalidade. A construción de aparcadoiros alternativos na zona sinalada permitiría retirar os vehículos estacionados no D.P.M-T. durante a tempada estival e agochalos tras os edificios existentes, mitigando o impacto visual dos mesmos, por exemplo. En calquera caso, debería consultarse á Demarcación de Costas o emprazamento alternativo que ten previsto para estacionar os vehículos fora do D.P.M-T.

5.- No relativo á fauna, na área de estudo están presentes, entre outras, as seguintes especies:
Anfibios:
Trece (13) especies en total, das cales unha (1) está recollida no Anexo II do R.D. 1995/1997 (Especies animais de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación); nove (9) figuran no Anexo IV do mesmo Real Decreto (Especies animais de interese comunitario que requiren unha protección estricta); dez (10) especies están catalogadas como De Interese Especial polo R.D. 439/90 e catro (4) son endemismos.

Réptiles:
Nove (9) especies en total, das cales unha (1) está recollida no Anexo II do R.D. 1995/1997 (Especies animais de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación); dúas (2)  figuran no Anexo IV do mesmo Real Decreto (Especies animais de interese comunitario que requiren unha protección estricta); cinco (5) especies están catalogadas como De Interese Especial polo R.D. 439/90 e tres (3) son endemismos.

Aves:
Cento vinte e unha (121) especies en total que representan cerca do 50 % das aves inventariadas en Galicia, das cales vinte e nove (29) figuran no Anexo II do Convenio de Bonn (especies en condicións desfavorábeis, cuxa situación require manter e desenvolver estudos sobre o estado da especie) e noventa e tres (93) están catalogadas como De Interese Especial polo R.D. 439/90.

Mamíferos:
Vinte e nove (29) especies en total, das cales tres (3) figuran no Anexo II do R.D. 1995/1997 (Especies animais de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación); cinco (5) no Anexo IV do mesmo Real Decreto (Especies animais de interese comunitario que requiren unha protección estricta); tres (3) especies están catalogadas como De Interese Especial polo R.D. 439/90 e unha (1) catalogada como Vulnerabel polo mesmo Real Decreto; dúas (2) especies figuran no Anexo II do Convenio de Bonn (especies en condicións desfavorábeis, cuxa situación require manter e desenvolver estudos sobre o estado da especie) e unha (1) é un endemismo.
Parte das especies presentes na área de estudo, amparadas por algún tipo de protección ou de clasificación, distribúense por zonas de bosquetes mixtos, eucaliptal, mato así como cultivos e prados, que son os biótopos faunísticos que se corresponden co ámbito no que se pretende desenvolver o S. Uble r-3 O Piñeiro. A urbanización do Monte Piñeiro suporía a destrución irreversíbel do hábitat de ditas especies animais. Os anfibios e os réptiles son os que levarían a peor parte.

En canto ás aves, veñen sendo recoñecidas como o principal grupo faunístico indicador da importancia biolóxica dun espazo, gozando o área de estudio de unha diversidade significativa na súa ornitofauna, lembrando que moitas das aves presentes con algún tipo de protección frecuentan biótopos constituídos por bosquetes mixtos, eucaliptal, mato e cultivos e prados presentes todos eles no Monte Piñeiro.

Sobre os mamíferos presentes na área de estudo o apartado 3.1.2.2.2. do E.I.A. destaca a presenza do morcego Rhinolophus ferrumequinum (Morcego Grande de Ferradura), "... puesto que, además de estar incluido en los Anexos II y IV del R.D. 1995/1997, su categoría en el Catálogo Nacional cambió recientemente de "De interes especial" a "Vulnerable", lembrando que dita especie frecuenta biótopos correspondentes a bosquetes mixtos, eucaliptal e mato presentes no Monte Piñeiro.

6.- En canto ao modelo territorial que este proxecto supón para o concello de Miño, evidénciase no propio documento de inicio de Modificación puntual nº3 do PXOM do proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable R - 3- O Piñeiro que non é necesaria a construción desta urbanización, pois o 60% das vivenda existentes están baleiras a meirande parte do ano, das que o 25% están baleiras todo o ano. Só un 40% das vivendas do concello de Miño son vivendas principais. Ademais establece o propio documento que a maior necesidade do concello non é a falla de vivendas, senón a maior limpeza das rúas, a mellora das comunicacións e o aumento de zonas verdes.

A demanda de Verdegaia da realización dunha grande zona verde para o concello, queda tamén xustificada no propio  documento de inicio de Modificación puntual nº3 do PXOM do proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable R - 3- O Piñeiro cando se di que se detecta unha ausencia de zonas verdes que permita o uso recreativo multixeneracional e que ademais responda á demanda existente sobre espazos nos que compatibilizar o uso de animais de compañía.

No propio documento de inicio de Modificación puntual nº3 do PXOM do proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable R - 3- O Piñeiro en canto ao diagnóstico do modelo territorial recoñécese que en liñas xerais o municipio de Miño presenta un elevado grado de alteración, que responde  á presión urbanística sufrida nos últimos anos, especialmente na franxa litoral. O que reforza a denuncia da construción desta urbanización, unha aberración máis sumada ás urbanizacións "Costa Anácara" ou "Costa Miño".

Por todo o exposto, SOLICITA:
  1. Que se teña por formulado alegacións ao documento de inicio de Modificación puntual nº3 do PXOM do proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable R - 3- O Piñeiro no Concello de Miño.
  2. Que se informe desfavorabelmente o proxecto e se esixa a retirada do mesmo.
Ferrol, 15 de decembro do 2014

Asdo.: Miguel Ángel Fernández Pérez
Secretario do N.C. de VERDEGAIA
(bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal)

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org-
26 de dezembro de 2014 13:10
Olá: Remito en arquivo adxunto escrito de alegacións, presentado por Verdegaia Ferrol, contra o proxecto de urbanización de Monte Piñeiro, en Miño. Saúdos, Miguel A. Fernández Pérez (Secretario comarcal).
_______________

A Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico 'Betula' organiza un Roteiro pola Fraga de Mariaqueira


ROTEIRO DECEMBRO, POLA FRAGA DE MARÍAQUEIRA
(Fraga de María Queira)

Sábado 27 de Decembro.

O lugar de encontro será diante do diante da Casa do Concello da Capela (As Neves), ás 10:15 hs. Dirixirémonos en coche até o punto de partida e iniciaremos o roteiro ás 11:00, partindo da Veiga dos Foles e facendo unha rota circular duns 5 Km, pola Fraga de Maríaqueira, unha paisaxe de bosques de caducifolias autóctonas nun estado óptimo de conservación.

Máis información en:
  • custodia.betula[arroba]gmail.com

Organiza: 'Betula' Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico.

Bétula no facebook.

O evento: aquí.

Colaboran:
Verdegaia, ADEGA e SGHN.

Enviado por:
Miguel Ángel Fernández
-miguelafp@gmail.com-
26 de dezembro de 2014 14:2

________