Amosando publicacións coa etiqueta Verdegaia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Verdegaia. Amosar todas as publicacións

xoves, xuño 13, 2013

Denuncian a existencia de catro grandes amoreamentos de residuos de depuradora realizados por unha empresa das Somozas en montes de Espiñaredo (As Pontes) e das proximidades do Rego da Fonte Rámez (As Somozas)


A  SOCIEDADE  GALEGA DE  HISTORIA  NATURAL E  VERDEGAIA  DENUNCIAN  CATRO  VERQUIDOS  DE LODOS DE  DEPURADORA  NAS  PONTES  E  NAS  SOMOZAS

Estas entidades veñen de comunicar ás administracións locais e autonómica a existencia de catro grandes amoreamentos de residuos de depuradora realizados por unha empresa das Somozas en montes de Espiñaredo (As Pontes) e das proximidades do Rego da Fonte Rámez (As Somozas). Aínda que se descoñece se contaban coa autorización necesaria, suponse, pola ubicación do lugar, polo fedor e polas características do residuo, que non existe tal autorización.

A maiores do dano sobre o medio natural e cultural (na súa actuación arrasaron parte do complexo tumular da zona), considérase que existe un posible dano sobre a saúde das persoas e do gando que habitan nas proximidades, entre outros, nos lugares de Monte Calvo, Pastoriza, Pastoriza de Abaixo e Loureiros, dado que hai coincidencia no tempo entre o inicio dos verquidos e a contaminación da auga de uso doméstico dalgunha das vivendas.

Estes lugares están situados nas terras onde nace un dos principais regos que forman o Río Grande de Xubia, que no seu día foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria, polo que está integrado na Rede Natura 2000, da Unión Europea, e os acopios cobren neste momento algunha das fontes. Por outro lado, as augas de escorrentía, con moita turbidez, escorren cara regos tributarios do Río Grande. Hai que sinalar a importancia dos hábitats afectados, matogueiras húmidas, bosques climácicos e pasteiros, catalogados pola Unión Europea de interese comunitario, incluíndo dous de interese prioritario.

Ademáis desta consideración, cómpre ter en conta que a instrución técnica de residuos, ITR/01/08, referente á elaboración de solos (tecnosolos) derivados de residuos, establece a total prohibición do seu uso en áreas de especial sensibilidade, tales como turbeiras, marismas e carriceiras ou zonas hidromorfas, bosques climácicos, pradarías e pasteiros naturais, cabeceiras e marxes dos ríos e fontes e pozos de captación de auga subterránea para abastecemento da poboación.

Ademáis, a citada ITR/01/084 establece que os tecnosolos deberán estar libres de ecotoxicidade. A xulgar polos datos extraídos dos “tecnosolos” retirados recentemente, por orde da Xunta de Galiza, de Sedes (Concello de Narón) a toxicidade dos lodos é alta nalgúns parámetros. A procedencia dos materiais verquidos nas Pontes e nas Somozas é a mesma e, curiosamente, hai coincidencia entre a data de retirada dos primeiros e o depósito dos segundos. Isto ven dicir que na súa “valorización” non se tomaron as medidas necesarias.

Igualmente, a Resolución prescribe que: “Non se aplicarán no terreo tecnosolos mentres xeren ulidos. Deberán achegarse en épocas do ano en que non se produza unha saturación hídrica do terreo, o que facilitaría a mobilización de contaminantes aos cursos de auga. Resulta tamén imprescindible o control da existencia de organismos patóxenos”. Sen ningún xénero de dúbidas, os lodos depositados despiden un fedor cáseque insoportable, ao que hai que engadir que foron verquidos en época de chuvias abondosas, contaminándose os regos, as zonas asolagadas e sendo patente a contaminación nas augas de escorrentía.

Por outra banda, nas analíticas da auga corrente aportadas pola viciñanza constan elementos patóxenos procedentes de materiais fecais, sendo necesario, por tanto, comprobar se esta contaminación está xerada no depósito de residuos. Polo de pronto, hai coincidencia entre o momento do inicio do verquido e a aparición, días despois, de síntomas de enfermidade nalgúns dos residentes nos lugares circundantes, situación que, de confirmarse, sería de alarma de cara a buscar urxentemente solucións que restauren o equilibrio do que disfrutaban antes de realizarse os depósitos.

Ante o que consideran un problema ambiental grave, a SGHN e Verdegaia demandan das administracións implicadas a inmediata retirada dos residuos, tendo en conta o incumprimento da Instrución Técnica de Residuos no que respecta á prohibición de ubicación en zonas hidromorfas e cabeceiras de ríos. A posibilidade de contaminación de acuíferos e augas correntes e o risco para a poboación residente nos lugares circundantes fan necesario obrar coa maior rapidez, en aras de restaurar o medio ás súas condicións orixinais, levando a cabo para elo un estudo de incidencia sobre as augas, os solos e os seres vivos.

Tamén demandan que se garanta o normal funcionamento do proceso de valorización dos residuos que chegan á planta, asegurando esta condición o control anual por parte dun organismo de control autorizado. A maiores, solicitan que se depuren responsabilidades, tendo en conta os danos causados ás persoas, propiedades, actividades agropecuarias e sistema ambiental das zonas onde foron depositados os residuos e que se avalíe a contaminación dos solos e das augas subterráneas, co fin de reducir a concentración dos contaminantes do solo.



Sociedade Galega de Historia Natural
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o medio natural galego
Delegación de Ferrol
"Casa do Coronel"  Praza de Canido, s/n 15402 - Ferrol
Apartado de Correos n1 356 ; 15480 FERROL
Tfno. (24 horas) e fax 981 35 28 20
mobil 616 388 935
web: http://www.sghn.org
correo-e: ferrol@sghn.org
Blog da Delegación de Ferrol:
http://sghnferrol.blogspot.com


http://www.verdegaia.org/

ferrol@verdegaia.org



Enviado por:
FERROL
-ferrol@sghn.org-
11 de junho de 2013 10:29

_______________

xoves, maio 09, 2013

Galiza é unha mina - DOG Núm. 88 Mércores, 8 de maio de 2013 Páx. 15280


Galiza é unha mina.


CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ANUNCIO do 1 de abril de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se somete a información pública a admisión definitiva do permiso de investigación Julia 2 número 7155.

Partillo mapa coa zona subliñada.

Na zona de dereitos mineiros, dúas igrexas, centos de vivendas, paraxes naturais inesquecibles...

Mentres a Xunta prepara o plano sectorial de actividades extractivas:

Nacho
Verdegaia
Rede Galiza Non Se Vende

Enviado por:
Jorganes
-jorganes@gmail.com-
8 de maio de 2013 21:34

_______________

domingo, xaneiro 06, 2013

Por San Xiao asina contra a incineración: O 7 de Xaneiro o movimento ecoloxista de Ferrol Terra recolle asinaturas a favor das tres 'R' (reducción, reutilización e reciclaxe)

Por San Xiao asina contra a incineración

As delegacións en Ferrolterra de ADEGA, Verdegaia e Sociedade Galega de Historia Natural colocarán este lúns día 7 de xaneiro de 2013 as 17,30 na Praza de Armas de Ferrol, unha mesa para recoller sinaturas en contra da incineración e a favor das 3 “R”.

Ferrol, 6 de xaneiro de 2013.- As delegacións en Ferrolterra de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), Verdegaia e Sociedade Galega de Historia Natural estarán na rúa a tarde do lúns para recoller sinaturas en contra da incineración e a favor da reducción, reutilización e reciclaxe. Estas sinaturas son recollidas para unha iniciativa lexislativa popular (I.L.P.) que os convocantes e outros colectivos, están a levar a cabo dende mediados de xuño en toda Galiza.

O obxectivo que persigue esta campaña é dar forza xurídica á reciclaxe, desbotar a incineración que pretende o PP, e sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade dunha xestión correcta e sustentábel dos seus residuos. Para o seu debate no Parlamento, débense recoller un mínimo de 15.000 sinaturas, polo que dende ADEGA animamos a toda a cidadanía censada en Galiza a achegarse pola Praza de Armas ferrolá a tarde do vindeiro lúns, ou a poñerse en contacto cos colectivos que apoian esta iniciativa para asinar.

Máis información en
:
http://galizasenincineracion.wordpress.com/

Enviado por:
Antonio Gª
-angaji@yahoo.com-
6 de janeiro de 2013 15:23

________

martes, xullo 10, 2012

Verdegaia Ferrol denuncia un novo recheo ilegal na zona ferrolá de Papoi



COMUNICADO DE PRENSA: Verdegaia denuncia un novo recheo ilegal na zona ferrolá de Papoi.

Os terreos afectados forman parte dunha braña do Regato de S. Xurxo.

Solicita o cese dos vertidos e a reposición do terreo afectado ao seu estado natural.

O núcleo comarcal da asociación ecoloxista Verdegaia informa que ven de interpoñer unha nova denuncia ante o Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol e Augas de Galicia pola execución ilegal dun novo recheo nunha braña do Regato de San Xurxo no lugar de Papoi, parroquia de Marmancón, Concello de Ferrol, destinado tradicionalmente á sega de herba pola sua alta hidromorfía. No mes de marzo do pasado ano xa se denunciou outro recheo ilegal nas inmediacións deste,  cuxo propietario do predio foi sancionado requeríndolle, ademáis, a retirada dos materiais sen resultado satisfactorio pois, a día de hoxe, continúan no mesmo lugar.

O recheo está a ser efectuado pola empresa “Excavaciones Migasa. S.L.” e segundo nos confirmaron no departamento de urbanismo do Concello de Ferrol existe unha solicitude para efectuar os recheos que actualmente está en fase de tramitación, pendente de varios informes da Xunta de Galicia, mais todavia sen outorgarlle autorización. Non obstante a empresa procedeu ao recheo da braña a sabendas de carecer a correspondente licenza.

A zona afectada está calificada polo Plan Xeral de Ordeamento Municipal de Ferrol coa Ordenanza 21 de conservación e protección das zonas de cultivo, da paisaxe agrícola e das riveiras fluviais (art. 152). De acordo con esta Ordenanza “Cando existan zonas naturais pantanosas, xuncais, brañas e calquera outro elemento que forme parte do sistema húmido, ditos elementos consideraranse incorporados á ribeira fluvial e as zonas de policía mediranse desde a liña de contacto de ditas zonas cos terreos agrícolas colindantes”.Polo tanto, a braña afectada forma parte do D.P.H. e non da Zona de Policía como nun principio se podería pensar pois, debido ás enchentes do regato, con frecuencia o terreo afectado queda asulagado pola auga; por este motivo procédese, neste caso ilegalmente, ao recheo da braña para darlle outros usos alleos á sega tradicional.

O artigo 234 do Regulamento de Augas proíbe, con carácter xeral “(…) Acumular residuos sólidos, escombros o sustancias, cualquiera que sea su naturaleza y el lugar en que se depositen, que constituyan o puedan constituir un peligro de contaminación de las aguas o de degradación de su entorno (…)”.

Por outra banda, o val fluvial do Regato de San Xurxo foi proposto por Verdegaia ante a Xunta de Galicia como espazo a integrar na Rede Natura 2000, ao albergar hábitats naturais de interese comunitario como, por exemplo, Fragas aluviais de Alnus glutinosa (Cod. 91E0*) ou Prados húmidos de herbas altas do Molinion-Holoschoenion (Cod. 6520), entre outros.

Á marxe das sancións que teñan lugar, desde Verdegaia solicitamos que se denegue a posibilidade de legalizar o recheo por feitos consumados e se lle dea prioridade á reposición do terreo ao seu estado natural. Asimesmo, demandamos dos organismos públicos competentes (Concello de Ferrol, Xunta de Galicia,…) que extreme a vixiancia nas zonas ambientalmente sensibeis do concello co obxecto de evitar este tipo de agresións, así como a denegación de calquera solicitude de recheo neste tipo de ámbitos de carácter hidromorfo.

http://www.verdegaia.org/

ferrol@verdegaia.org

Enviado por:
Verdegaia-Ferrol
-ferrol@verdegaia.org-
10 de julho de 2012 11:52

_____________

sábado, abril 07, 2012

1ª Andaina Polo Río Baa - 14 de Abril de 2012


Exibir mapa ampliado

1ª Andaina Polo Río Baa
14 de Abril de 2012 -Sábado.

O roteiro transcorre polos montes de Prismos, un lugar dunha grande riqueza medioambiental e etnográfica onde se conxuga a beleza das súas paisaxes coa existencia de vestixios ancestrais nos que se conservan tradicións milenarias.

Hai anos, antes da chegada do Polígono Industrial, era doado facer rotas a pé polas beiras do río Baa seguindo os múltiples carreiros que a veciñanza utilizaba para transitar entre as distintas parroquias da zona ou para achegarse ás súas terras.

Naqueles tempos, cando aínda non había tres coches por cada casa, a xente usaba estas vías de comunicación para poderse achegar ao médico, para ir ás feiras ou para axudar á familia ou veciñanza nas labores agrarias que eran a base fundamental da economía familiar.

Esta andaina pretende ser o inicio da recuperación deses camiños case esquecidos que só as do lugar temos na nosas memoria


ITINERARIO

O roteiro discorrerá polos concellos de Fene e Cabanas, cunha lonxitude aproximada duns 3,5 Km.

Comezaremos na pista que transcorre paralela á autoestrada, e que une o Polígono Industrial de Vilar do Colo coa estrada que une Limodre e Laraxe.

Dende aquí partiremos cara a Marco de San Lourenzo, onde faremos un pequeno alto para comentar a historia deste pedrón así como as tradicións que o rodean.

Logo continuaremos o percorrido cara o Castro de Prismos, un dos castros mellor conservados de Galicia, onde faremos unha segunda parada para falar sobre esta construción pre-romana.

Unha vez rematada a charla, partiremos cara o río Baa ata chegar ao Muíño de Petra onde faremos unha última parada para comer e falar do alto valor ecolóxico e paisaxístico que, inexplicablemente, aínda non goza de ningunha figura de protección.

Para rematar coa andaina, voltaremos cara o punto de partida.

Distancia: 3,5 Km
Data: 14 de Abril de 2012
Hora de Saída: 11:00 da mañá
Hora Prevista Chegada: 16:30
Lugar de Encontro: Na pista que transcorre paralela á autoestrada, e que une o Polígono Industrial de Vilar do Colo coa estrada que une Limodre e Laraxe.

Lugares de Interese (onde se fará unha parada para comentar as peculiaridades da zona):
  • -Marco de San Lourenzo.
  • -Castro de Prismos
  • -Muíño de Petra
  • -Humidais do Río Baa

Prevese facer unha parada no muíño

Teléfonos de Contacto:
Xavi: 651884692
César: 649243611
Antonio: 608247955
Alexandre: 690612737
Serxio: 662428976

Plataforma de Afectados polo Polígono Industrial de Vilar do Colo.

|ADEGA - Plataforma en Defensa dos Camiños - SGHN - Verdegaia|

Achegamos díptico e cartaz para quen quixer copiar e difundir:

Cartaz en formato pdf

Díptico en formato pdf

Información baseada na enviada por:
Carlos Vidal Ojea
___________________

venres, abril 06, 2012

Unha mina en Pico Vello - TVE-La 2 recupera “Unha mina en Pico Vello”: domingo 8 de abril ás 13:45 horas


A raíz do incendio sufrido nas Fragas do Eume os pasados días, o programa de La 2 El Escarabajo Verde recupera o próximo domingo 8 de abril ás 13:45 horas a reportaxe “Unha mina en Pico Vello” no que se aborda o proxecto da creación dunha mina a poucos metros do Parque Natural Fragas do Eume.

A emisión da reportaxe é un bo momento para lembrar que as Fragas do Eume non só sofren as consecuencias dunha mala xestión forestal,  que favorece a proliferación de eucaliptais e a incidencia dos lumes.  Vénse tamén ameazadas pola autorización da Xunta de Galiza a proxectos como o enchido do oca da mina de As Pontes (detraendo auga do Eume e convertendo a mina nun lago con acusados problemas de acidez e presenza de metais pesados); o encoro no Eume, xestionado por ENDESA, que a día de hoxe non está a respetar o caudal ecolóxico no referido ás cantidades da agua que turbina, así como a acumulación de lodos tóxicos no seu fondo.  Por último, salientamos a aposta da Xunta de Galiza por proxectos inviables e dañinos dende o punto de vista ambiental, social e económico no entorno das Fragas do Eume como a mina de andalucita no Lugar de Pico Vello.

Aproveitamos para pedir a todas aquelas persoas que visitan o Parque Natural das Fragas do Eume durante estes días que sexan moi coidadosas e que eviten en todo momento sairse dos camiños habilitados para non contribuir ao deterioro ou erosión daqueles lugares afectados polo incendio.

http://www.verdegaia.org/

ferrol@verdegaia.org

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org-
6 de abril de 2012 12:42
______________

Enlace relacionado:
http://picovello.blogspot.com.es/
__________________

luns, abril 02, 2012

ADEGA, SGHN e Verdegaia amosan a súa solidaridade coa veciñanza, envían o seu apoio aos efectivos e persoas voluntarias que están a traballar nas labores de extinción - Mais tamén denuncian a política forestal cuxas consecuencias, somadas a unhas circunstancias meteorolóxicas desfavorables, etán a probocar o desastre do incendio nas Fragas do Eume


Dende ADEGA, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia queremos amosar a nosa solidaridade coa veciñanza dos Concellos de A Capela, As Pontes e Monfero que están a padecer as consecuencias directas dos incendios declarados durante a fin de semana e que afectan ao Parque Natural das Fragas do Eume e á zona de Anca. Así mesmo envíamos o noso apoio aos efectivos e persoas voluntarias que están a traballar nas labores de extinción. Sumadas unhas circunstancias meteorolóxicas desfavorables, o lume que afecta as Fragas do Eume é a consecuencia directa dunha política forestal baseada na falta de planificación e xestión forestal, así como o fomento de plantacións con especies que favorecen os incendios.


Segundo a información proporcionada pola Consellería de Medio Rural e do Mar, ata as 14 hs. de hoxe víronse afectadas 750 hectáreas do Parque Natural. Nesta mesma información tamén se falaba de 100 hectáreas na zona de Cabalar (A Capela), pero cremos que se trata dunha información errada xa que outro dos incendios de grandes dimensións que están a asolar a comarca producíuse na zona de Anca-As Louseiras. Varias persoas integrantes destes colectivos comprobaron que houbo un conato de incendio no lugar de Cabalar, pero sen a gravidade que lle atribúe a Xunta de Galiza.

Entre os datos que fomos coñecendo, os técnicos sinalan ata tres focos causantes do incendio que afecta ás Fragas do Eume, é dicir, trataríase dun lume intencionado que coincide no tempo e no espazo co incendio en As Louseiras e co conato de Cabalar, o que buscaría causar o maior dando posible a espazos naturais de grande importancia ecolóxica como son as fragas do río Eume e do río Belelle. A Xunta de Galiza está obrigada a poñer todos os medios e persoal necesarios para deter aquelas persoas que provoquen os incedios, pero tamén é necesario que a sociedade galega rexeite as actividades incendiarias e modifique a “cultura do lume” instaurada nas prácticas agrícolas.

No caso do parque natural, o incendio está a afectar zonas de Reserva Natural, e de maior interese ecolóxico, zonas de fragas, zona de repoboacións con especies alóctonas e zonas de mato e pasteiros.


Aínda que os responsables políticos, nomeadamente Alberto Núñez Feijoó, destacan xunto a intencionalidade do incendio, as condicións climatolóxicas de vento e escasez de humidade, ADEGA, SGHN e Verdegaia queremos salientar que as dimensións deste incendio non poden entenderse se non é tendo en conta outros factores referentes as políticas ambientais da Xunta de Galiza:
  • A declaración como Parque Natural no ano 1997 non foi suficiente para que se tomaran as medidas necesarias que garantiran a súa conservación. A día de hoxe non conta co obrigado Plan Rector de Usos e Xestión nin cun programa forestal, o que favorceu que as Fragas do Eume sufran un paulatino proceso de eucaliptización e crecemento de especies alóctonas. Un exemplo o temos nos terreos afectos polo incendio: unha das zonas calificadas como de Reserva Natural está rodeada por zonas de repoboacións (eucaliptais, piñeirias, etc.), multiplicando o risco de que o lume chegue ás zonas máis sensibles.
  • A Xunta primou en Galiza o investimento en medios de extinción en detrimento da prevención, feito que non supuxo reducir o número de conatos e incendios. As Fragas do Eume, como veñen manifestando tempo atrás técnicos da propia administración, presentan zonas prácticamente inaccesibles debido ao abandono dos montes. Cando as circunstancias climatolóxicas son moi desfavorables, coma acontece actualmente, eses medios de extinción atopan grandes dificultades á hora de loitar contra os lumes. Se a isto sumamos que nos últimos tempos os brigadistas critican a precariedade laboral e a falta de medios coa que traballan, ademáis da aposta da Xunta por reducir o persoal encargado do cuidado dos espazos naturais, atopamos unha situación de grave perigo que ameaza aos nosos montes e que nos últimos meses está a castigar duramente moitos dos nosos espazos protexidos: LIC Macizo Central, ZEPA A Limia, Reserva da Biosfera de Allariz, LIC Ancares-Courel, etc. No caso das Fragas do Eume, o chamado da Xunta de Galiza ao exército pon de manifesto a incapacidade de afrontar unha circunstancia previsible de diferentes incendios cos medios e persoal existentes.
  • Queremos facer un chamado de atención sobre o réxime hídrico do río Eume, moi afectado pola detracción de auga para o enchido do oco da mina de As Pontes. Descoñecemos, debido á falta de información proporcionada por Augas de Galiza, se o proceso de enchido está a cumprir co obrigado caudal ecolóxico nun momento de seca como o actual. O menor caudal do río Eume podería estar a reducir a evapotranspiración, contribuindo a unha menor humidade no ambiente e a un maior risco de incendio en espazos que, como as fragas, soen verse pouco afectadas polos lunes gracias ao seu elevado nivel de humidade.
Perante a gravidade dos acontecementos, os colectivos asinantes esiximos a convocatoria urxente da Xunta Consultiva do Parque Natural Fragas do Eume como primeiro paso para elaborar un plano a través do cal se avalíen os danos sufridos e se establezan as medidas de restauración dos espazos e a dotación económica axeitada. Do mesmo xeito, consideramos imprescindible a convocatoria do Consello Forestal e do Consello Galego de Medio Ambiente.

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org-
1 de abril de 2012 23:15
_________________________________

martes, decembro 20, 2011

Asociacións ambientalistas esixen solucións para os depósitos de áridos asfálticos de Vilar do Colo


Representantes da Plataforma de Defensa dos Camiños, AETNA, Plataforma de Afectados polo Polígono Industrial de Vilar do Colo, Verdegaia, ADEGA e SGHN, realizaron unha visita ao Monte de San Lourenzo (concello de Cabanas) nunha parcela de solo rústico de uso forestal, propiedade da empresa MANMER na que se atopan, dende o ano 2009, uns amoreamentos de áridos asfálticos procedentes de Holanda. Este materiais foron descargados no Porto Exterior de Ferrol, onde aínda quedan depositadas unhas 300.000 toneladas.

A finalidade da visita era constatar que, a día de hoxe, aínda non se emprendeu obra ningunha, nin se libraron os cinco metros da zona de policía do rego ao que están obrigados, malia a teren transcorrido oito meses despois de ser licitados os acopios por parte da Consellería de Medio Ambiente, e atoparse esa licenza condicionada á instauración, nun prazo de dous meses, dunhas medidas de prevención de impactos ambientais sobre as augas, tanto superficiais como subterráneas e sobre o solo.

Atendendo ás resolucións da Secretaría Xeral de Calidade Ambiental, de Augas de Galicia e da Fiscalía Provincial de A Coruña, -a cal se expresa nestes termos: “Se o seu almacenamento, unha vez advertido, non se realizase coas prevencións establecidas, tal e como advirte o informe, daquela si podería entenderse que poidese traspasar o límite do dereito penal”-, as devanditas asociacións deciden solicitar, por unha banda, que se tomen medidas sancionadoras contra a empresa MANMER por incumprimento das condicións impostas por ditos organismos, e por outro lado que se retome esta cuestión por parte da Administración e a Fiscalía, tendo en conta os seguintes puntos:
a) A ilegalidade da ubicación dos residuos en solo rústico, conculcando gravemente a Lei do Solo.

b) O recoñecemento destes materiais como residuos, xa que non foron debidamente inertizados.

c) A contaminación directa das fontes do río Baa.

d) O cuestionamento das concentracións de sustancias tóxicas, nocivas ou perigosas para o medio ambiente e a saúde humana que poden definir un material como perigoso, tendo en conta que os áridos asfálticos da parcela de Cabanas ocupan solo rústico e non industrial, que o potencial de carga dos ecosistemas circundantes é moi reducido e que os puntos anteriores hai que poñelos en relación co inmenso volume (60.000 toneladas) dos materiais amoreados.

e) A posible consideración de tráfico ilegal, dende a orixe da operación de traslado, segundo sinala a normativa europea para o traslado de residuos entre países comunitarios.

f) Os intereses ambientais, por existir hábitats prioritarios na contorna, os intereses económicos, pola posible afección aos bancos marisqueiros de Mugardos e Barallobre, e o interese prioritario da toma de auga potable para consumo humano, dado que en Mugardos existe un punto de captación de auga para ese uso.
Por todo isto, solicitarán a actuación da Fiscalía de Delictos Ambientais, e á Consellería de Medio Ambiente que se ordene o traslado dos residuos a unha instalación que reúna as condicións de seguridade necesarias para o almacenamento destes materiais, en tanto non se resolva sobre o seu destino final.

Enviado por:
FERROL
-ferrol@sghn.org-
19 de dezembro de 2011 12:43
_____________

A noticia no xornal comarcal "Diario de Ferrol":

Asociacións ambientalistas piden solucións para os depósitos de áridos de Manmer

_________________

xoves, xaneiro 27, 2011

Verdegaia denuncia ante o Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia o impacto ambiental que están a ocasionar as obras do proxecto de “Restauración Ambiental das praias da Coviña, O Vilar, A Fragata e Esmelle”

Verdegaia denuncia ante o Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia o impacto ambiental que están a ocasionar as obras do proxecto de “Restauración Ambiental das praias da Coviña, O Vilar, A Fragata e Esmelle” no Concello de Ferrol (L.I.C. Costa Ártabra e Z.E.P.A. Costa de Ferrolterra-Valdoviño), vulnerando a legalidade.

En primeiro lugar, estáse a construir un muro de contención de formigón nunha das marxes da estrada C.P. 3606, nas inmediacións do camping existente, de máis de 3 metros de altura nalgúns pontos, afectando ao espazo dunar incluido tanto no Dominio Público Marítimo-Terrestre (D.P.M-T.) como nos devanditos L.I.C. e Z.E.P.A., supostamente para construir unha beirarrua ou paseo peonil. Non se adoptou outra solución menos agresiva como a instalación dunha pasarela de madeira para salvar o desnivel existente, por exemplo ou, de ser absolutamente necesario o muro de contención para reforzar o firme da estrada, sustituilo por unha escolleira de pedra recuberta con sustrato da zona, por poñer outro exemplo.


En segundo lugar, procedeuse ao desmonte e ao movimento de area dunha ampla superficie dunar inmediata ao aparcadoiro proxectado na marxe da devandita estrada C.P. 3606, supostamente como ampliación do mesmo, destruindo toda a coberta vexetal. Esta zona dunar forma parte da proposta de ampliación da Rede Natura 2000 que fai a Xunta de Galicia, ao posuir hábitats e especies de interese comunitario. De feito, esta suposta ampliación do aparcadoiro, non contemplada no proxecto inicial, ademáis de poñer en perigo un dos catro matos de Camariña (Corema album) que, milagrosamente, sobreviven na zona afectada (sendo as poboacións máis setentrionais da península ibérica xunto coas de Pantín -Valdoviño), destrueu parte das poboacións de Omphalodes littoralis subsp. gallaecica localizadas nesta zona, catalogada como En Perigo de Extinción. Outras especies vexetais como Iberis procumbens (endemismo ibérico) ou Silene scabriflora subsp. gallaecica (endemismo galaico) comparten o mesmo hábitat, resultando tamén afectadas polas obras. Ademáis, os materias extraidos nesta parte do sistema dunar estanse depositando sobre as dunas móviles da primeira liña de costa co obxecto de "rexenerar" as partes erosionadas polo tránsito de veículos, carecendo de todo rigor científico. Como dí o dito popular, desvisten a un santo para vestir outro.


En terceiro lugar, acedeuse á Praia do Vilar a través do seu sistema dunar con maquinaria pesada, deixando as rodeiras sobre a vexetación psamófila e erosionando parte da duna. Resulta que nas inmediacións xa hai un paso a través do cantil, tanto para persoas como para veículos, que non se utilizou.

Tanto á Demarcación de Costas como ao Concello de Ferrol parece só importarlles o rendemento electoral que poden obter da execución deste proxecto, falsamente chamado de "restauración ambiental", desprezando os valores naturais que motivaron a protección deste espazo natural e vulnerando as obrigas legais de salvagarda-los, de acordo coa lexislación ambiental en vigor.


Desde Verdegaia pedimos a paralización cautelar das obras, co obxecto de evitar que se agrave o deterioro dos hábitats naturais e das comunidades vexetais obxecto de protección e se descarten do proxecto todas aquelas actuacións que poidan resultar incompatibeis ou perxudiciais para a conservación dos mesmos.

http://www.verdegaia.org/

ferrol@verdegaia.org


Enviado por:
Verdegaia Ferrol
-ferrol@verdegaia.org-
26 de janeiro de 2011 15:57
____________________

martes, xaneiro 11, 2011

Este Domingo 16 de Xaneiro realizara-se un roteiro pola Costa Ártabra -LIC, polo treito costa acantilada de Ares

Roteiro: L.I.C. Costa Ártabra; treito: costa acantilada de Ares.
  • Data: Domingo, 16 de Xaneiro de 2011.
  • Partida: Ás 10:30 hs da Praza de Galiza (Ferrol) en autobús regular, calculando chegar a Ares arredor das 11:00 hs.
  • Remate: Ás 18: 30 hs no Mosteiro de Sta. Catalina (Montefaro); recolleranos un autobús para regresar a Ferrol.
  • Percorrido do roteiro: 15 Km, con dificultade media-baixa.
Iniciarase o roteiro na Vila de Ares rematando na outra extrema da costa, no Mosteiro de Santa Catalina (Montefaro). Visitaremos os últimos vestixios do Castelo de Ares, engulidos pola vexetación, nas proximidades do porto. Bordeando a costa acantilada observaremos fermosas panorámicas da Ría de Ares, coas Illas Miranda en primeiro plano. Continuaremos o percorrido até a Punta Insuela, para coñecermos o castro marítimo e as Bocas do Sangue; denominación que recibe unha cova de aproximadamente 130 m de lonxitude. Desde aquí continuaremos o percorrido cara Punta Avarenta, para coñecer o impacto da E.D.A.R. - Sul nesta paraxe natural. Logo continuaremos bordeando a costa até chegar a Chanteiro, para coñecer a Capela de Nosa Señora da Mercede (S. XIV). Camiñaremos de novo cara Punta do Segaño para visitar as fortificacións e baterías de defensa costeira onde, ademáis, poderase contemplar o impacto ambiental do Porto Exterior sobre a ría de Ferrol. Desde aquí, subiremos pola aba ocidental de Montefaro para coñecer as baterías defensivas da Pena do Lagarto e da Bailadora, disfrutando ao mesmo tempo de fermosas panorámicas. Xa no alto
da Bailadora, a 266 m sobre o nivel do mar, descenderemos cara o Mosteiro de Santa Catalina, onde remataremos o roteiro.

Por suposto, no transcurso do roteiro faremos un alto no camiño para xantar e repousar nun lugar a convir.

Ademáis do xantar, recoméndase levar roupa e calzado axeitados.

Prezo Soci@s: 5 Euros.

Prezo Non Soci@s: 7 Euros.

Prazo de Inscrición: Até o Venres 14 de Xaneiro.

Contactos: 616039268 (Antón); 661636946 (Miguel);
ferrol@verdegaia.org

Enviado por:
cig-saude.asf@sergas.es
-cig-saude.asf@sergas.es-
11 de janeiro de 2011 08:11
http://www.cig-saude.org/ferrol/
____________________

venres, novembro 19, 2010

Verdegaia e a SGHN demandan a paralización inmediata dos traballos de desbroce e de reforestación no Monte San Xurxo.

Ditas actuacións supoñen unha ameaza para a conservación dos hábitats naturais e das especies que motivaron a inclusión deste espazo natural na Rede Natura 2000.

O proxecto, ademáis, non se someteu a unha Avaliación de Impacto Ambiental.


Montes de San Xurxo - Ferrol - Galiza


A asociación ecoloxista Verdegaia e a Sociedade Galega de Historia Natural veñen de dirixirse ás Consellerías de Medio Ambiente e de Medio Rural para solicitar a paralización dos traballos silvícolas que se están levando a cabo no Monte de San Xurxo (Concello de Ferrol), integrado no L.I.C “Costa Ártabra” e na Z.E.P.A. “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”, ao afectaren a unha serie de hábitats naturais e de especies amparados pola Directiva 92/43/CEE do 21 de maio, de Conservación dos Hábitats Naturais e da Flora e Fauna Silvestres e pola Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, que motivaron a inclusión deste monte costeiro na Rede Natura 2000.

Nas aproximadamente 300 hectáreas que están resultando afectadas polos traballos de desbroce e de reforestación, aséntanse comunidades vexetais e faunísticas que constituen hábitats naturais que a Unión Europea considera de interese comunitario, nomeadamente: 2130 Dunas fixas con vexetación herbácea (considerado hábitat prioritario); 2230 Dunas con céspedes de Malcolmietalia ou 4020 Queirugais húmidos atlánticos de Erica ciliaris e Erica tetralix (considerado hábitat prioritario); este último o máis afectado.

A intensidade e extensión dos desbroces que na actualidade se están levando a cabo no Monte de San Xurxo distan considerabelmente das labouras que tradicionalmente se víñan desenvolvendo até ben pouco, relacionadas con actividades agropecuarias, en equilibrio sempre coas especies vinculadas á matogueira. As novas actuacións que se están a desenvolver están a producir graves alteracións nos hábitats naturais existentes ao eliminar de xeito sistemático grande parte do mato presente, dificultando a adaptación da fauna asociada á nova situación ao tempo de ficar desprovista dos seus lugares de acubillo; sendo deste xeito máis vulnerabeis aos seus depredadores. Por outra banda, preténdense sustituir estes hábitats de matogueira por monocultivos de piñeiros (especie exótica na Galiza), dado que nas zonas desbrozadas contémplanse novas repoboacións, dacordo coa información facilitada polo responsabel do Distrito Forestal de Ferrol.

O artigo 29. 1 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de Conservación da Natureza establece que “O aproveitamento e uso dos bens e recursos incluidos no ámbito dun espazo natural protexido realizaranse de maneira que resulten compatibeis coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración, …”. Asimesmo, o apartado 2 do artigo 6 da Directiva Directiva 92/43/CEE, establece que "Os Estados membros adoptarán as medidas apropiadas para evitar, nas zonas especiais de conservación, o deterioro dos hábitats naturales e dos hábitats de especies, así como as alteracions que repercutan nas especies que motivasen a designación das zonas (...)". O artigo 5 da Lei 42/2007, do 13 de decembro dispón ademáis que "Todos os poderes públicos, nos seus respectivos ámbitos competenciais velarán pola conservación e a utilización racional do patrimonio natural (...) con independencia da sua titularidade ou réxime xurídico, tendo en conta especialmente os hábitats ameazados e as especies silvestres en réxime de proteción especial". Polo tanto, a prioridade neste caso debe ser a salvagarda dos hábitats naturais e das especies obxecto de protección.

Ademáis, considerando que a sustitución da matogueira por monocultivos de piñeiros conleva un cambio no uso do solo, o proxecto de desbroce e de repoboación para o Monte de San Xurxo debe someterse previamente a unha Avaliación de Impacto Ambiental de acordo co artigo 3 do R.D. 1/2008, do 11 de xaneiro: “1. Os proxectos públicos e privados consistentes na realizción de obras, instalación ou calquera actividade comprendida no anexo I deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta Lei”. O apartado a) do grupo 9 do debandito Anexo I especifica: “Transformacións de uso do solo que impliquen a eliminación da cuberta vexetal arbustiva, cando ditas transformacións afecten a superficies superiores a 100 Has”, lembrando que no Monte San Xurxo estase a desbrozar arredor de 300 hectareas.

Pese a que as devanditas actuacións silvícolas ameazan a conservación dos hábitats naturais e das especies obxecto de protección, vulnerando a legalidade, o devandito proxecto conta co beneplácito das Consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente.








Enviado por:
FERROL
-ferrol@sghn.org-
19 de novembro de 2010 18:33
_______________________________

xoves, outubro 21, 2010

Este Venres 22 de Outubro Verdegaia presenta en Ferrol "Urbanismo e Corrupción" co arquitecto - urbanista Xosé Santiago Allegue Fernández

  Verdegaia Ferrol organiza unha charla baixo o título:

URBANISMO E CORRUPCIÓN

Segundo Francesco Kjellberg, a corrupción é unha quebra das normas legais ou das normas éticas non escritas relativas a como se debe exercer o servicio público, para proporcionar servicios ou beneficios a certos grupos ou cidadáns de forma oculta, con vontade de ganancia directa ou indirecta. Sen embargo, a quebra destas normas conta cun apoio social xeneralizado.

 Tomando como punto de partida esta definición, Xosé Santiago Allegue Fernández profundiza nas consecuencias deste tipo de prácticas no marco do estado español: a destrución do territorio e o patrimonio arquitectónico e natural; a mala xestión dos bens públicos; a devaluación democrática ou a perda de calidade de vida da cidadanía.

Charla a cargo de Xosé Santiago Allegue Fernández, arquitecto.

Data: 22 de Outubro 2010 - Venres.

Hora: 20.00 h.

Lugar: Fundaçom Artábria , Travesa de Batallóns, nº 7  Ferrol

Máis información: 690 612 737

Enviado por:
Verdegaia
ferrol@verdegaia.org
16 de outubro de 2010 13:03

_____________________

luns, xuño 14, 2010

Roteiro de Verdegaia polas Fragas do Eume, 20 de xuño de 2010


Este domingo 20 de xuño realizamos unha nova rota do noso programa "Vai de Roteiros", desta vez polo Parque Natural das Fragas do Eume un dos exemplos señeiros de bosque atlántico. Sairemos en autobús dende o edificio de Correos en Ferrol, ás 10h, facendo paradas en Fene e As Neves e estaremos de volta sobre as 20:00. Recoméndase levar comida, bebida, así como roupa e calzado cómodos.
  • Hora de saída: 10 hs dende o edificio de Correos (Ferrol) Paradas en Fene e As Neves.
  • Dificultade:Media-baixa
  • Lonxitude: 7,5 Km.
  • Prezo: 9 € non socios, 7 € socios.
  • Hora de regreso: 20 hs.

Recoméndase levar comida, bebida, así como roupa e calzado cómodos.
Prégase inscripción no teléfono 661 636 946 ou no email ferrol@verdegaia.org

Percorrido
Comezamos a nosa andaina no almacén situado 500 m antes da Fábrica de Luz da Ventureira. Baixaremos pola pista asfaltada que leva dende As Neves ata a Central Hidroeléctrica do Eume.

Na ponte falaremos da situación actual do Río Eume, que debido á presa e ao aproveitamento hidroeléctrico carece de caudal ecolóxico, tal e como constata a recente denuncia do fiscal de Medio Ambiente de Galicia (23 de abril de 2010). Tamén teremos ocasión de contemplar a antiga central eléctrica da Ventureira, ao tempo que disfrutamos da vista da Fervenza do Teixidó.

Continuamos en dirección á minicentral do Parrote, levando o Río Eume á dereita, e pasando primeiro por diante da actual Central H.E. do Eume. Atopámonos axiña á esquerda coa chamada Pena dos Maquis, chamada así por ser acubillo dos escapados que se botaron ao monte na Guerra Civil.

Discurrindo por un sendeiro estreito e esvaradío (pagará a pena mirar onde se pon o pe) atravesaremos as Fragas do Retorno, que ata o ano 1900 non se podían atravesar. Ao pouco, o carreiro desemboca nunha pista cementada moi peada que nos deixará, despois de cen metros, na Minicentral do Parrote, onde cae o Rego da Laxe ou de San Bartolomé. Aquí o Eume fai unha curva e toma a dirección Noroeste, formándose así a Illa do Fondal, de máis de 300 metros de lonxitude. Cara á metade desta illa cruzaremos unha pequena ponte de cemento e madeira que salva o Rego da Vaca, importante pola flora que alberga, en especial unha grande colonia do felgo macaronésico Woodwardia radicans.

Dende aquí ata o final da illa atópanse as pedras sanguezugueiras, onde os paisanos do lugar adoitaban buscar as samesugas ou "sanguezugas" (como aquí lles chaman), que se usaban na medicina antiga como remedio para facer sangrías e curar certas doenzas. Dende este punto ata Santa Cristina atravesaremos o auténtico corazón das Fragas do Eume. En Santa Cristina atopamos un dos pozos máis grandes do Eume, tanto en lonxitude (350 metros) como en profundidade. No remate poderemos ver unha pequena desfeita: unha presa feita para facilitar o traballo aos malos pescadores.

Continuando sempre a favor do río, a 200 metros atopamos a Ponte de Santa Cristina, que pode ser un lugar axeitado para facer o xantar.

Tomando o sendeiro pola marxe dereita do río ata a desembocadura do Rego Sesín, percorreremos un treito que nos ofrece os restos dunhas interesantes construcións de pedra, os "caneiros", usados para a pesca do salmón en séculos pasados.

Á nosa dereita, na ladeira, iremos vendo os socalcos ou aterrazamentos, un sistema de cultivo usado polos frades.

Xusto antes do Rego Sesín (que desemboca á dereita), encontramos o Pozo e Illa de San Rosendo, que foron fonte de inspiración de fermosas lendas populares.

Remontamos o Sesín ata a altura do Mosteiro de Caaveiro. Pola esquerda aparece o único camiño que chegaba a Caaveiro na época medieval, partindo de Cabanas. Aquí teremos a ocasión de admirar a arquitectura dos muíños, a fonte e o impresionante arco de medio punto da ponte medieval. Tamén esta zona alberga interesantes mostras de fauna e flora.

Aproveitaremos para facer unha visita guiada ao mosteiro de Caaveiro, cuxas obras de restauración remataron recentemente.

A última parte farémola por unha pista que conduce dende Caaveiro ata a estrada asfaltada onde iniciamos o roteiro, cun percorrido aproximado total de 2,5 quilómetros.

Neste traxecto podemos ver unha "curripa", construcción tradicional adicada ao secado dos ourizos das castañas. Dentro dela atopamos a proba irrefutable do tempo que leva abandonada.

Seremos testemuñas tamén dun intento de desfeita ambiental que, por sorte, foi denunciada a tempo e evitada. Trátase do proxecto do concello da Capela de convertir o camiño nunha pista que permitiría o tráfico de vehículos particulares e chegaría ata o propio mosteiro de Caaveiro e que, finalmente, foi substituída por unha opción menos agresiva. Cando alcancemos a estrada asfaltada, estaremos xa no punto de remate da nosa andaina.

Venres, 11 de Xuño do 2010

http://www.verdegaia.org/

Enviado por:
Miguel Ángel Fernández
-miguelafp@gmail.com-
14 de junho de 2010 23:09
_______________

xoves, maio 06, 2010

Día internacional do Comercio Xusto 2010: “O papel das grandes superficies nas condicións de vida das persoas produtoras”

Por segundo ano consecutivo AMARANTE, SINDICATO LABREGO GALEGO, VERDEGAIA, A GRADICELA e ARBORE únense para celebrar o Día Internacional do Comercio Xusto en Vigo que se celebrará co lema “Por un comercio xusto non Norte e no Sur”, o día 8 de maio en 4 cidades de Galicia.

Mercados transparentes de alimentación e roupa ou accións lúdicas sobres as condicións do téxtil serán algunhas das accións que se desenvolverán para achegar a cidadanía galega en Ourense, Vigo, Pontevedra e Santiago ás condicións de vida de moitas persoas do Norte e do Sur.

Esta ano a acción de reivindicación centrarase en analizar e reclamar a responsabilidade das grandes superficies nas condicións de vida de miles de persoas do Norte e no Sur, tanto no sector do campo como no do téxtil e o impacto ambiental que se producen co modelo empresarial destas grandes canles de distribución, que provocan grandes eivas humanas e medioambintais a nivel mundial.

Así no sector do téxtil (Amarante comenta)

Investigacións feitas pola Campaña Roupa Limpa en Asia descubriron como empresas como Carrefour ou Lidl que teñen unha liña ampla de roupa, - sendo Carrefour é o 4º comercializador de roupa de Europa- descubriron graves condicións de explotación nas miles de mulleres nas fábricas que cosen para estas transnacionais. Falamos de 60 a 80 horas semanais, 7 días á semana, 30 días seguidos en picos altos de produción, abusos físicos, verbais e sexuais son algunhas das condicións laborais. Testemuños como este se repetían en fábricas de Bangladesh, India.

Temos que traballar das 9 da mañá ata a 1 da madrugada. Non podemos elexir traballar sólo de día ou de noite. Esta xornada é así a diario, e iso durante 30 días ó mes” . Testemuño Traballadora dun provedor de Carrefour, na India. (Investigación da Campaña Roupa Limpa Internacional).

No sector da alimentación (Sindicato Labrego galego comenta)

Carrefour, Merdacona, Eroski, e Alcampo controlan máis do 50% do mercado de alimentación. Isto ten como unha das consecuencias a imposición de prezos dos alimentos que mercan ás persoas labregas onde a presión cada vez é máis grande que os prezos que marcan están levando a desaparición das explotacións agrarias por imposiblidade de vivir do que pagan. Isto están provocando unha maior diferencia entre o prezo que se paga ás persoas produtoras e os prezos de venta ás persoas consumidoras, tendo uns grandes beneficios estas grandes multinacionais.

Os mercados transparentes que se farán este sábado se poderán visibilizar estas diferenzas no que se paga ás produtoras co que paga as consumidoras.

A responsabilidade desta situación son as políticas agrarias tanto do Estado español como da UE que permite este tipo de actuacións e de modelo de produción que aumentan os beneficios das grandes corporacions agroalimentarias e de distribución. Dende o Sindicato Labrego Galego demanda un cambio na política agraria que teña en conta as persoas produtoras e da calidade dos produtos por riba dos intereses particulares das empresas.

A nivel ambiental (Verdegaia comenta)

O sistema de produción e consumo baseada nas grandes superficies ten un altísimo impacto ambiental ademais do social. Estes impactos veñen da man dos procesos e sistemas de produción industrial fundamentados nas grandes distancias e na química de síntese para manter a produción. Fabricar uns pantalóns vaqueiros de algodón cultivado cos métodos industriais convencionais precisa 350 gr de produtos tóxicos (asperxido de pesticidas, fertilizantes, etc.) [1] e dende a materia prima ate ter o produto no escaparate do centro comercial pode chegar a percorrer 65.000 km [2].

A situación das grandes superficies nos extraradio das cidades obriga aos consumidores e consumidoras a desprazarse, para o que o conxunto da sociedade realiza enormes investimentos en infraestruturas de transporte, contribuíndo así a agravar o problema do cambio climático. Segundo os datos para Galicia do Inventario de Emisións do Ministerio de Medio Ambiente (MMA), as emisións de gases causantes do cambio climático do transporte por estrada medraron o 81 % entre 1990 –ano base do Protocolo de Quioto- e 2004. Un estudo de Friends of the Earth indica que un supermercado provoca tres veces máis emisións de dióxido de carbono por metro cadrado de superficie de venda que unha tenda de barrio.

A nivel local do tecido económico (conclusións)

No 2006 existían xa no territorio español 359 hipermercados (8.000 m2) e 6.632 supermercados (870 m2) [3].

A apertura dun hipermercado ou centro comercial causa unha media de 276 perdas de postos de traballo e o peche do pequeno comercio nun radio de 12km. No 2007 se pechaban ó día 11 pequenos comercios de alimentación.

A moi citado beneficio económico de ter unha grande superficie na comarca queda desmintido cando se comproba a perda do tecido económico local do pequeno comercio, onde vemos como o que gastan as consumidoras/es nestes comercios o 50% retorna á economìa local, namentras que nas grandes superficies solo chega ó 5%.

Así, dende as demandas dos colectivos solicitamos:

mercados curtos de comercialización, outro modelo de política agraria e comercial que garantan as condicións laborais e de vida e do sustento das persoas traballadoras por riba dos intereses e os beneficios das multinacionais e as consideracións e que se mire polo impacto ambiental deste modelo insostible de comercialización.

[1] Moda sin tóxicos. Greenpeace
[2] El Viaje de un pantalón vaquero. Revista Integral
[3] Datos do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.


PROGRAMA

8 de Maio DÍA DO COMERCIO XUSTO
PROGRAMA DE ACTIVIDADES

PONTEVEDRA
Martes día 4 de Maio.- Mesa Redonda sobre o impacto negativo das grandes superificies ás 20,00 horas, na Galeria Sargadelos. Intervirán: Lidia Senra, dirixente do SLG, Ramon Rodriguez, da cooperativa de consumo de Pontevedra A Gradicela, e Adrian Serantes, responsable técnico de Amarante en Pontevedra.

Xoves día 6 de Maio, ás 20,00 horas, na Galeria Sargadelos, a Directora de AMARANTE Setem e responsable da CRL-Galicia, Fernanda Couñago, presentará a Iniciativa Salarios Dignos en Asia*. Presenta Eva Blanco, coordinadora de Amarante en Pontevedra.

Sábado 8 de Maio, Lugar: PRAZA 8 de MARZO (esquina rúa Peregrina ).Horario: De 11:00-14:00

Actividades:
  • MERCADO TRANSPARENTE con produtoras locais e produtos de Comercio Xusto, onde se denunciará a marxe de prezo abusiva coa que quedan os distribuidores comerciais.
  • MERCADIÑO DE TROCO con intercambio de produtos de segunda man de Roupa, Xoguetes,etc
  • DEGUSTACIÓNS de produtos de Comercio Xusto
  • ACTUACIÓN GRUPO MUSICA TRADICIONAL OS CHICHISOS
  • ACTIVIDADE TEATRAL

OURENSE
Sábado 8 de Maio,

Lugar: R/Saénz Díez.- No entrono do Centro Comercial Ponte Vella.Horario.- De 12 a 14

Realizarase un MERCADO TRANSPARENTE DE ROUPA no que se mostrarán as condicións laborais que sufren as traballadoras do sector têxtil

COMPOSTELA
Sábado 8 de Maio,

Lugar: Porta do Camiño, Praza 8 de Marzo (Rúa de San Pedro, no marco da Feira da Primavera). Hora: de 11 ata as 15hs

Actividades:
  • MERCADO TRANSPARENTE a cargo de labregas e labregos da comarca (SLG)
  • EXPOSICIÓN E DEGUSTACIÓN de produtos de Comercio Xusto (Amarante)
  • PASARELA-REIVINDICATIVA “A moda que incomoda” ás 13:00hs celebrarase a na que se conta coa colaboración da poetisa e conta contos Iolanda Aldrei.

VIGO
Sábado 8 de Maio.

Lugar.- Mediana de Gran Vía á Altura da Rúa Venezuela. Hora.- De 11 a 14

Actividades:
  • MERCADO TRANSPARENTE DE ALIMENTACIÓN coa colaboración de produtoras que vendes directamentae á Cooperativa de Consumo Consciente Árbore
  • MERCADO TRANSPARENTE DE ROUPA no que se mostrarán as inxustizas da deslocalización do sector têxtil e poderemos achegarnos á roupa de comervcio xusto
  • TEATRALIZACIÓN a través da DANZA da cadea de producción de roupa a as súas consecuencias nas condicións laborais.

Verdegaia
info@verdegaia.org
www.verdegaia.org

Enviado por:
Xan Duro
-xan.duro@usc.es-
6 de maio de 2010 19:58
_____________

venres, febreiro 19, 2010

Domingo 21 de Febreiro, Mercadiño de Troco en Ferrol

Contra o consumismo: troca e reutiliza

Domingo 21 de Febreiro, Mercadiño de Troco en Ferrol

O vindeiro domingo 21 de Febreiro (a periodicidade é bimensual) celébrase na Praza Vella de Ferrol un novo mercadiño de troco entre as 10:30 h-13:30 h. Esta actividade é un espazo de encontro no que as persoas participantes poderán expoñer os seus obxectos naqueles soportes traidos polas propias persoas que se acheguen. Para evitar os intermediarios (ben sexan outras persoas ou moedas) cada participante negociará coas persoas interesadas o troco de obxectos, a cesión ou aquelo que considere máis axeitado. Durante o transcurso e tamén ao remate do mercadiño cada participante deberá responsabilizarse e recoller os obxectos que non fosen trocados ou cedidos.


Trocaránse: -Libros -Menaxe de cociña -Artesanía -Audiovisuais - Xogos e xoguetes -Roupa -Aquelas cousas que podan ser de interese para outras persoas. Tamén podes acceder ao mercadiño permante en www.trocaferrol.org

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org-
17 de fevereiro de 2010 20:21
___________________

mércores, outubro 14, 2009

Roteiro de Verdegaia, domingo 18 de Outubro: Sobrado dos Monxes


Olá a tod@s:

Para aqueles/as de vós que esteades interesados, mándovos en arquivos adxuntos toda a información sobre o noso roteiro deste domingo.

Saúdos,

Miguel A. Fernández.

Sobrado dos Monxes - 18 de outubro de 2009

Percorrido: 13,9 km.

Dificultade: media-baixa.

Ubicación: Concello de Sobrado (A Coruña).

Transporte: bus.

Saída:
  • Para as persoas que vaian dende Ferrol, a saída será ás 9 da mañá dende a escalinata de Correos.
  • Para @s que vaian dende A Coruña, o bus fará unha parada en Guísamo para recoll@s ás 9:30 xunto ao Café Bar O Centro.
Volta: 20:30 h aprox.

Prezo: soci@s 10 €, non soci@s 12 €.

Puntos de interese: campamento romano de A Ciadella, Mosteiro de Santa María de Sobrado, lugar de Reboredo (teixos), Lagoa de Sobrado, carballo centenario na Portacal, Igrexa e Pazo de Cumbraos, carballeira da Casa do Gado, a paisaxe.
Recomendacións: posto que se trata dun roteiro non sinalizado deseñado por Verdegaia, recomendamos a quen participen que sigan as indicacións d@s organizador@s e non se adianten grandes distancias.

Teléfonos de contacto:
Ferrol: 661636946 (Miguel)
Coruña: 639224770 (Jacobo, tardes)


Documento anexo:

Enviado por:
Miguel Ángel Fernández
-miguelafp@gmail.com-
13 de outubro de 2009 17:25

__________________

luns, agosto 17, 2009

Alegación aparcadoiro Praza de Armas Ferrol

Verdegaia presentou, a través do Rexistro Xeral do Concello de Ferrol o día 14 de agosto de 2009, alegación ao Estudo de Viabildade do aparcadoiro soterrado na Praza de Armas. Pídese a paralización e anulación deste proceso de contrución dun aparcadoiro xa que contradí as iniciativas existosas doutras cidades ao desviar o tráfico hacia aparcadoiros fóra dos cascos históricos; tamén contradí as liñas mestras do propio Plan Especial do Concello de Ferrol e desoe o Plan de Mobilidade. Ínstase ao goberno municipal a abandoar o proxecto e contruir unha verdadeira praza pública para o gozo e desfrute da cidadanía.

O Concello de Ferrol está a elaborar un Plan de Mobilidade para o conxunto do Termo Municipal, que inclúe reflexións sobre a ordenación do tráfico e o aparcadoiro de vehículos; sen agardar as conclusións baseadas nunha visión de meirande perspectiva, tomou precipitadamente a decisión de rescatar a concesión sobre o aparcadoiro da Praza de Armas e iniciar o procedimiento para a construción dun aparcadoiro soterrado de maior capacidade.

Supónse na redacción do Plan de Viabilidade que o aparcadoiro da Praza de Armas vai competir con ventaxa con outros parkings en funcionamento, cando vai ser o de máis difícil accesibilidade para os clientes por atoparse no centro do casco histórico, fronte a excelente accesibilidade da Praza de España (aparcadoiro de acollida do barrio da Madalena, como suxire o propio Plan Especial). Este optimismo na estimación de demanda de aparcadoiro confírmase á hora de pedir opinión aos operadores privados. Case todos os que responden á consulta do Concello sobre o interese en facerse cargo deste tipo de infraestructura estiman que a capacidade está sobre-dimensionada.

Estes aspectos contradictorios do Plan de Viabilidade poñen en dúbida mesmo da necesidade do propio aparcadoiro, tendo en conta a escasa utilización dos aparcadoiros existentes, o optimismo da estimación da demanda e a peor accesibilidade rodada da localización proposta. As dúbidas fundadas sobre a viabilidade de ampliar o aparcadoiro da Praza de Armas e, sobre todo, a afección tan negativa que vai ter sobre a peonalización do barrio, fan que a decisión máis acorde coa peonalización do Casco Histórico pase necesariamente por:
  • Pechar o aparcadoiro da Praza de Armas (que non cumprimenta ningunha medida mínima de accesibilidade e que si terían outros aparcadoiros en funcionamento e cun baixo nivel de ocupación situados na Praza de España, Cantón, Mercado Central e Pescadería).
  • Reurbanizar a Praza de Armas.
  • Implementar medidas de ordenación de aparcamento en superficie.
  • Implementar medidas de mellora no control e policía de tráfico que, ao tempo que melloran a accesibilidade peonil, redunden nun meirande grado de ocupación dos aparcadoiros xa en funcionamento que, por situarse no contorno inmediato do barrio da Madalena, prestan o mesmo servicio aos cidadáns ao tempo que non comprometen a peonalización, como sí a compromete o aparcadoiro da Praza de Armas.
  • Apostar polo transporte público e os modos peonís e bicicleta no conxunto da cidade, co fin de reducir a mobilidade no vehículo privado.
Verdegaia
NC de Ferrol, Eume e Ortegal

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org 15 de agosto de 2009 12:33
_______

Documento de interese:

________________

Enlaces relacionados:
________________

luns, abril 27, 2009

Verdegaia e a Sghn denuncian: "A tiros no medio dun LIC"

[Clicar acima para ampliar]

Verdegaia e SGHN veñen de presentar denuncia na Demarcación de Costas de Galicia e na Consellería de Medio Ambiente, e califican de atentado ambiental, a celebración o sábado, 18 de abril, dunha proba cinexética con cans no Areal de Vilarrube, unha zona incluída no Lugar de Importancia ComunitariaCosta Ártabra”, que forma parte da Rede Natura, está incluído no Catálogo de humidais de GaliciaTrasdunas de Vilarrube” e figura no Inventario dos sistemas dunares do Ministerio de Medio Ambiente “Sistema dunar de Vilarrube”.

Desde Verdegaia e SGHN consideramos estes feitos un atentado ambiental intolerable perpetrado sen a autorización da Demarcación de Costas de Galicia e ignoramos se contaban coa autorización que se precisa para este tipo de actividades da Consellería de Medio Ambiente. Convocados pola “Sociedad de Cazadores de Valdoviño”, o sábado 18 de abril, varias decenas de cazadores “desembarcaron” cos seus cans e coas súas escopetas no sistema dunar de Vilarrube e levaron a cabo unha competición cinexética na modalidade “San Huberto”.

Hai que lembrar que este espazo está incluído no LIC “Costa Ártabra”, polo que a actividade cinexética é absolutamente incompatible coa conservación dos valores naturais que motivaron dita protección. Trátase dunha zona cun altísimo valor ecolóxico, xa que nela medran varias especies de plantas endémicas vulnerables ou en perigo de extinción como Ophrys sphegodes (unha orquídea que xa está en plena floración), Antirrhinum majus subespecie linkianum, Linaria aguillonensis e Crepis novoana (endemismo único da Ría de Cedeira), entre outras. Ademais xa hai varios anos que esta área é unha das zonas de campeo preferidas da aguia peixeira, unha especie migradora de altísimo valor que pouco a pouco vai recolonizando a costa galega. Dende logo, este tipo de agresións contra o hábitat non van contribuír ao seu establecemento definitivo nesta área. Outra das especies importantes presentes no sistema dunar é a lontra, que goza de todas as proteccións legais existentes, tanto a nivel galego como estatal e comunitario.

Como se sabe, este tipo de sistemas dunares é zona cría de numerosas aves e, por enriba, xusto nestas datas, sucede o período de cría da maioría delas. A realización desta actividade cinexética, con máis de trinta cazadores e os seus cans polas dunas, xunto cos disparos das súas escopetas, seguro que supuxo a destrucción ou o abandono da maior parte dos niños. Ademais, sabemos que este tipo de sistemas dunares son moi fráxiles: é por iso polo que se colocaron pasarelas sobre as dunas para evitar a erosión que provocan os usuarios da praia e tamén por iso (e para recuperar a naturalidade do espazo), foi polo que a Dirección Xeral de Costas derrubou unhas 50 casetas que diversos particulares dispuxeran sobre a duna gris. Este esforzo conservacionista está en total contradición, e resulta baldío, se se permite que se desenvolvan actividades como a celebrada o pasado 18 de abril: as ducias de cazadores, cos seus cans, os xuíces e organizadores da proba xunto co público asistente provocan danos considerables sobre o sistema dunar.

Outro dos feitos lamentables que se rexistraron foi a presencia dos vehículos todoterreo dentro do sistema dunar, cando a normativa de protección prohibe terminantemente a entrada de vehículos a motor nel. A súa circulación sobre as dunas puido provocar danos irreparables sobre as mesmas, algo que haberá que avaliar en vindeiras datas. Tamén ignoramos se na proba se comprobou que se utilizase munición sen chumbo, tal e como establece a Dirección Xeral da Natureza para evitar a contaminación que o seu uso pode provocar nas augas e polo risco que supón para algunhas especies de aves acuáticas a súa inxestión, ou se se recolleron os cartuchos durante a mesma. Dende Verdegaia e SGHN queremos dicir tamén que lamentamos profundamente a actitude do Concello de Valdoviño participando na organización dunha actividade destas características, máis ou menos “turística”, sen ter en conta os impactos negativos que poden xerar no contorno natural. Por todas estas razóns, Verdegaia e SGHN denunciamos e demandamos:
  • Que se identifique e sancione, de acordo coa lexislación vixente, aos organizadores desta proba cinexética, xa que consideramos que estes feitos constitúen un delito ecolóxico.
  • Que se prohiba durante todo o ano a práctica de calquera actividade cinexética ou calquera outra que non sexa compatible co mantemento das funcións ou valores polos que se declarou ZEPVN, así como calquera outra que poida prexudicar significativamente a conservación do sistema dunar de Vilarrube ou do humidal “Trasdunas de Vilarrube” de acordo coa normativa vixente.

Enviado Por:
-ferrol@verdegaia.org-
27 de abril de 2009 15:47






______________

xoves, abril 09, 2009

O 19 de Abril Verdegaia organiza un Roteiro polo Río Mera

ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org
-
8 de abril de 2009 23:10





Roteiro Rio Mera

PROGRAMA VAI DE ROTEIROS


19/04/09 Rio Mera (Núcleo Comarcal de Ferrol, Eume e Oregal)

Roteiro Río Mera (A Cuqueira-Ponte Mera). Zona LIC.
19 de abril de 2009
  • Concellos: Cerdido e Ortigueira.
  • Percorrido total: 14,4 km
  • Duración: 8 horas e media (condicionado polo tren)
  • Medio de transporte: FEVE.
  • Colleremos o tren ás 10:30 h. (Estacion de Ferrol)
  • Punto de inicio: Apeadeiro de “A Cuqueira”.
  • Punto de remate: Estación de Ponte Mera.
  • Prezo: 5€ (socios) 7,50 € (non socios).
  • Contacto para inscricion: 661 636 946
  • Dificultade: media-baixa.
  • Indumentaria: roupa cómoda, pantalón longo.
  • Calzado: tipo “treking”.
  • Comida e bebida: cada un ten que levar a súa.
Trátase dun roteiro que se fará case sempre en descenso e no cal percorreremos unha parte do LIC Ortigueira-Mera, en concreto o tramo medio e baixo do Río Mera, visitando a Fraga dos Casás, unha excelente mostra de bosque atlántico.

Percorrido

Comezo na Estación do FEVE de Ferrol, onde colleremos o tren ás 10:30 h.

Chegaremos ás 11:24 h ao apeadeiro da Cuqueira, no concello de Cerdido, onde baixaremos para emprender a andaina.

1o tramo: A Cuqueira-Cruce coa pista de terra (Covelo).

2o tramo: Pista forestal pola Fraga dos Casás.

Neste tramo visitaremos a Fraga dos Casás, incluida no LIC Ortigueira-Mera. Esta fraga ten unha extensión aproximada de 100 ha., se ben a súa extensión vese menguada continuamente polos cultivos de eucalipto, ao igual que sucede no resto do país. Esperemos que a súa inclusión no LIC poida frear este proceso de degradación, se ben sabemos que esta medida non será suficiente se non se acompaña de otras medidas de control e dun compromiso firme por parte da administración. Neste momento a fraga está ameazada ademais por un novo proxecto de “ruta de senderismo” parecido ao do Río Sor.

3o tramo: Fraga dos Casás-Ponte da Cardeal.

4o tramo: Ponte do Cardeal-Area recreativa do Refuxio do Río Mera.

5o tramo: Área recreativa-Ponte Noval

6o tramo: Ponte Noval-Ponte do FEVE

7o tramo: Ponte do FEVE-Estación de Ponte Mera.

[Vista do Val de Mera desde a Igrexa de Santiago]

Dende aIgrexa parroquial de Santiago, en Mera de Abaixo, de 1829 dirixirémonos xa cara ao final da nosa andaina, na Estación (pechada) do FEVE en Ponte Mera, non sen antes botar unha ollada ao Pazo do Souto.
______________

Verdegaia é unha asociación ecopacifista galega sen ánimo de lucro, plural, democrática, apartidaria e independente. Naceu 2 de Abril de 2006 co obxecto de contribuír desde Galiza para a defensa do ambiente e o avanzo na transformación social e mundial en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz, na procura dunha saída emancipatoria á crise ecolóxica global.

Enderezo:
Apdo. Correos nº 49
Santiago de Compostela
15870

Correo-e: info@verdegaia.orgEste enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
Teléfono: 622 033 665 - 629 835 351


http://www.verdegaia.org/
_______________